Voces de Vilalba

Mario Paz González. -

Cando en 2008 naceu a web avozdevilalba.com —posteriormente .gal— albergaba unha intención moi clara. Non pretendía competir cos medios de comunicación tradicionais. Non escondía, por tanto, un modelo de negocio. A súa intención principal era a mesma que lle deu nome, ofrecer, desde Vilalba, unha voz. Ou, como dicía o lema fundacional de 1983, ser un medio “ao servizo do pobo”, é dicir, un espazo para o debate, a expresión de ideas, opinións, informacións..., para todo aquel que quixese facer uso del, lonxe das servidumes e das limitacións propias dos medios convencionais. 

Que isto conseguiuse próbao o libro Outras voces, editado polo Instituto de Estudos Chairegos agora, en 2023, cando se cumpren corenta anos do nacemento de A Voz de Vilalba en papel e quince do inicio da etapa dixital que agora finaliza.

Outras voces non é máis que unha escolma de corenta artigos extraídos da web avozdevilalba.gal e asinados por boa parte dos desinteresados colaboradores dese pequeno proxecto. Entre eles, Agustín Fernández Paz, Fermín Bouza, Helena Villar Janeiro, Ramón Chao, Bernardo García Cendán, Antón Baamonde, Xulio Xiz e tantos outros que puxeron as súas voces ao servizo dunha iniciativa humilde, pero feita con entusiasmo e mimo. Como o que movera a aqueles nenos de once e doce anos a crear a principios dos oitenta un xornal en papel, o último periódico local do século XX nunha vila que coñecera tantos no primeiro terzo do mesmo. 
Son moitos os temas que, coma se de vasos comunicantes se tratase, flúen por este libro, non todos de sabor local —aínda que tamén os haxa—, coma se, en lugar de ser textos independentes, conformasen un diálogo común ou un amplo debate entre os seus autores: a crise económica, o problema lingüístico de Galicia, a indignación, o feísmo urbanístico, o papel das redes sociais… Hai dous, en concreto, que manteñen unha curiosa simetría. Un é o segundo empezando polo principio e o outro o segundo comezando polo final e están asinados por Antón Baamonde e Xulio Xiz, respectivamente. Son dous textos elexíacos cuxos protagonistas coinciden na súa orixe vilalbesa e —coma se fose unha novela de Pavese— no nome, Manuel Fraga. Pero, se no de Xulio Xiz trátase do Manuel Fraga que viviu en primeira liña os cambios na política da segunda metade do século XX, no texto de Antón Baamonde, o protagonista representa a outra cara da moeda, pois trátase dun dos fundadores, a comezos dos setenta, do ERGA, Estudantes Revolucionarios Galegos. Un protagonizou a vida política oficial. O outro moveuse nas marxes da clandestinidade, entre os que loitaban polo regreso da democracia. Ambos os dous textos son unha mostra excepcional, entre outras, do ton dialogante e conciliador xa comentado que preside todo o libro.

Este volume, que se presentará o vindeiro 5 de maio en Vilalba —data, non por casualidade, próxima ao Día Mundial da Liberdade de Prensa—, irá nun estoxo acompañado doutros tres que escolman os textos que os tres perpetradores daquel medio —Paulo Naseiro, Moncho Paz e un servidor— escribimos para encher de contidos a web e para animar a outros a colaborar. Estes textos, moitas veces para a nosa sorpresa e satisfacción, atoparon tamén os seus xenerosos lectores e, ao lelos xunto cos incluídos en Outras voces percíbese como participan dos mesmos vasos comunicantes xa aludidos. Agora, polo bo facer do IESCHA, poderemos lelos todos xuntos. Non cabe outra cousa que dicir: “Grazas”.


AA.VV. 
Outras voces.
Vilalba: Iescha. 2023.
132 pp.


Publicado orixinalmente no xornal El Progreso o 2 de maio de 2023

5 de maio de 2023

0 comentários :

Danos a túa opinión