Amosando publicacións coa etiqueta Anton Baamonde. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Anton Baamonde. Amosar todas as publicacións

Lembrando ao Lito (1952-2018)


Antón Baamonde.- Manuel  Fraga Rey (Vilalba,1952-A Pobra do Caramiñal, 2018) foi un dos fundadores de ERGA, estudantes revolucionarios galegos, a primeira organización de masas do nacionalismo galego despois da guerra civil. A miña memoria non é capaz de situar exactamente o momento en que foi detido por primeira vez en Vilalba e levado ao cuartel da Brigada Político-Social de Lugo. Puido ser no mesmo momento en que se producía no Ferrol a folga de 1972 que determinou un estado de excepción naquela cidade, e o asasinato dos Obreiros Amador e Daniel por parte da policía, lembrado nun breve e emocionante poema de Uxío Novoneira (“Erguéstevos cedo aquel día/o costume do traballo/Mañá cedo/para facernos coa vosa morte”) ou tal vez con motivo dun dos estados de excepción cos que o franquismo, no seu estertor, cancelaba as súas propias leis para ter as mans libres na represión. 

Si conservo, no entanto, a sensación do momento. O medo dos que temían que a policía viñera tamén a por eles e, por que non dicilo tamén, o tremendamente ridículo que parecía un réxime no que eran posibles aquelas detencións de estudantes de vinte anos.

Non foi a única experiencia súa coa policía. Dous anos despois foi detido outra vez en Santiago de Compostela. Era un Primeiro de Maio e tiña uns panfletos chamando a conmemorar o día da clase obreira. É de supoñer que firmados pola UPG, partido ao que pertencía. Ese delito fixo que estivera en prisión case un ano ata que a primeira amnistía permitiu a súa saída do cárcere da Coruña. Algunha vez fun alí a visitalo con miña irmá Pepa e seus pais. A policía, nese sentido era máis laxa do que o sería hoxe. Nese cárcere coincidiu con outros ilustres presos políticos –os 23 de Ferrol de CCOO, Muruzábal e outros membros da CSUT, etcétera-.

Lito era, naqueles anos de mocidade un furacán. Era unha enerxía telúrica, un terremoto que facía tremer todos os lugares polos que pasaba. Se a xuventude é algo positivo, debería de estar dotada do encanto, a forza e a coraxe que Lito posuía a mans cheas. En todo o que se metía liberaba unha forza e un empuxe extraordinario. A súa vida exemplifica como poucas das que eu coñecín as expectativas e a esperanza de cambio de vida que marcaron os anos sesenta, nos que el medrou. Foi un tempo magnífico, de optimismo e grandes aspiracións. O seu estilo era o dun certo tipo de chairego, cosmopolita e ao tempo enraizado. Non había nada nel de cínico: era dunha bonhomía sen voltas. Era un tipo.

A súa historia de amor con Marina foi das que fan época. Caeu namorado  coma un paxariño cheo de tenrura. Fóra de toda convención social deixaba o seu posto de traballo desguarnecido para ir a onde fóra que ela estaba. Apuntábase a calquera folga –nun tempo no que as había cada dous por tres, e a el non lle importaba quen a convocara- para gozar da súa compañía. Os puritanos de hoxe condenaríano sen remisión. A súa vida á beira de quen tanto quixo foi feliz e completa. No Barbanza, máis cálidas terras que as da Terra Chá, criou a súa descendencia. Imaxínoo non seus últimos anos, tal e cal era o seu carácter, barafustando, facendo o papel do vello afectuoso e rosmón, contento de que a vida lle deparara o que buscou nela.
________________
Foto: Arquivo IESCHA

21 de xul. de 2018

Pregón do San Ramón 2014

Antón Baamonde.- Xa  saben  que anda  o  mundo  revolto. A  estas  horas  nós  estamos  entre  fornos  e  cociñas,  pitos  e  cabritos,  roscóns  e  brazos  de  xitano. Pero  por  aí  fora a  xente anda  cabreada. Hai  certa  razón  na  cousa  porque,  ao  fin  e  ao  cabo,  para que nos imos a enganar, estannos  metendo  un  cravo de aupa. O  puro  que  teremos  que  pagar entre  todos  é  fenomenal,  dos  que  marcan  época. Un  puro dos  caros,  dos  que  lle  gustan  a  meu  irmán  Alfonso:  un  Cohiba,  un  Montecristo,  un  Partagas,  un  Vega  Robaina. A  estafa  é  de  tal  calibre que parece natural  reaccionar. 

En fin, non  só  hoxe,  no  transcurso da  historia  sempre  se  cocen  fabas. Por  iso  hai  que  exercer  a  crítica. Mesmo  para  que  quen exerce  o  poder  non  tolee. Os que mandan, poden e manexan  sempre tenden a subirse  á peana.

Que  llo  conten  senón a  López  Mateos, que foi Presidente  de México seis anos e que contou así a súa experiencia. “Durante  o  primeiro  ano  de  Presidencia  trátante  como  a  Deus  e  ti  apártalos  con  desprezo; no  segundo  trátante  coma  Deus  e  non  lles  fas  caso;  no  terceiro  trátante  coma  Deus  e  toléralos  con  incredulidade;  no  cuarto  trátante  coma  Deus  e  comezas  a  tomalo  en  serio;  no  quinto  ano  trátante  coma  Deus  e  non  só  o  cres:  es  Deus”.  

Disentir,  diferir,  discrepar,  discutir  é  algo,  por  tanto,  bo.  Agora  estamos  onde  estamos  porque  nos  anos noventa  e  comezos  da década de 2000  “hubo  un  momento en el que España  estuvo  a  punto  de  volverse tonta”, que dixo  Galdós  noutras  circunstancias. A  España  pasoulle  o  mesmiño  que  ao  fillo  do  Calixto. Contábame  meu  pai  que  o  vello  Calixto  fixera  o  diñeiro  en  Cuba,  e  que  o  fillo,  por  tanto,  chegou  ao  mundo  con  cartos  no  peto  sen  ter  a necesidade  de  mover  un  dedo  nunca. O  Calixto  fillo  estaba  afeitándose  diante  do  espello,  coma  se  fora  o  Narciso  das  narracións  clásicas, e  dicía,  cheo  de  satisfacción  “Calixto es  guapo,  Calixto  es  listo,  Calixto  es  rico ¿ qué  le  falta  a  Calixto ?. Ao  que  o  vello,  que  o  estaba  mirando  dende  atrás,  retrucou  dende  o  fondo  da  habitación  “Xuicio,  meu  fillo,  xuicio!”.

Así  que  é  importante  que  haxa  voces  no  deserto  cando  todo  o  mundo  tolea. É  bo  para  os  gobernados  e  bo  para  os  gobernantes. Esas  voces  son  as  que  avisan  do  desastre. Ao  poder,  señoras  e  señores,  hai  que  darlle  caña,  introducirlle  límites,  contrapesos,  freos  que  eviten  a  arbitrariedade. Iso  é  a  democracia,  un  sistema  no  que  calquera  que  mande,  manda  dentro  duns  límites,  sen  pasarse.

Tamén  a  min, por certo,  me  críticaron  na  Librería  Segrel  alguns  amigos  de  toda  a  vida por  estar  hoxe  aquí  e  non  pasa  nada. Grazas,  por  certo,  a  Aurorita  Nieto  por  defenderme. Por  iso  non  nos  imos  querer  menos. Por  certo  que  a  Librería  Segrel  cumpre  a  mesma  función  que  as  barberías  de antes,  como  a  do  Severino,  na  que  se  reunían  o  Salvador  da Pequena,  ou o  Cernadas.  As  tertulias,  nas  que  se  pasa  revista  a  todo o divino e humano,  é  unha  tradición  que  non  hai  que  perder.

Pois  ben:  eu  aprendín  a  discutir  o  poder  non  no  Paseo  de  Grácia  en  Barcelona,  nin  na  Gran  Vía  madrileña,  nin  tan  sequera  nas  aulas  da  Universidade  de  Santiago. Onde  eu  aprendín a  dialogar  e  a  diferir,  onde  se  asentou  o  meu  amor  pola  liberdade  non  foi  noutro  sitio  senón  aquí,  en  Vilalba. Ás  veces  a  xente  supón  que  a  Historia  sucede  só  nas  grandes  cidades, nas  que  se  congregan  manifestacións  de  ducias  ou  centos  de  miles  de  persoas. É  mentira.

Eu aprendín  a  dialogar,  a  diferir  e  a  discutir  entre  o  grupo  que  formaban  miñas  irmás,  o  meu  tío  Xosé  Luís,  que  foi  un  dos  seres  máis  peculiares  que  coñecín  na  miña  vida  -e  xa  levo  coñecido  algúns-,  e tamén  o  Lito,  o  Mandi,  o  Castro  Vilar,  o  Lis,  o  Agustín  Fernández  Paz,  o  Fernando  da  Barrosa  e  todos  aqueles  que,  sendo  da  xeración  anterior  á  miña,  formaban  parte  dunha  especie  de  68 local,  cos  seus  cabelos  longos,  que  tan  pouco  lle  gustaban  á  miña  madriña  Perpetua. A Perpetua  pensaba  que  aquelas melenas  daqueles melenudos  eran  un  niño  de  piollos. Eran  preceptivas  no tempo, tamén,  as  mini  saias, despois  de  que  a  deseñadora  Mary  Quant  as puxera de  moda  en  Londres. 

Aquela  xeración  foi  a  que  me  adestrou  en  discutir  aos  que  mandaban,  nun  tempo  en  que  Franco  andaba  aínda por  aí. Era  xente  que  lía  Triunfo, escoitaba  a  Serrat  e  a  Lluis  Llach,  ao  Raimon do  “Digamos  non”  e  ao  Paco  Ibañez. Naturalmente  tamén  a  Voces  Ceibes,  ao  Miro  Casabella,  ao  Xoan  Rubia  e  etcétera. Falaban, grazas  ao  Quintela,   no  Venecia, que  foi  o  modo  en  que  chegou  a  moda  sesentera  das  boîtes  a  Vilalba,  e,  se   era  o  caso,  facíano  no  Tamanaco,  ou  tomando  os  calamares  do  Bar  Fornos ou  as  croquetas  do  Bar  Roca. Ambas  as  dúas,  por  certo,  son  especialidades  que  compiten  na  miña  memoria por  ocupar  o  lugar  das  famosas  madalenas de  Proust. 
   
Discutir,  no  bo  senso  da  palabra,  faciámolo  todo  o  día. Outra  das  ágoras  privilexiadas  era,  no  verán,  a  Alameda. Alí  recordo  as  conversas  interminables  con  xentes  doutra  idade,  máis  cerca  da  miña. Co  Pepe  do  Mixen,  o  Héctor,  o  Mini,  o  Manolo  Roca,  o  Sesé,  o  Cachaza,  o  Revés,  o  Insua,  meu  irmán  Xan  e  tantos  outros. Tamén  no  propio  bar  Roca  co  Pepe  Chao ou  co  Bernardo  Cendán,  os  dous  cregos  progresistas  que  tiñamos á man.
  
Falabamos  de  todo. Como  aínda  non  sabiamos  quen eramos,  nin  que  pensabamos,  nin  o  que  íamos  ser  na  vida,  estabamos  ávidos,  como  o  está  sempre  a  rapazada  inqueda  en  todas  as  partes  do  mundo.
    
Falabamos  da  Populorum  Progressio,  a  encíclica   de  Pablo  VI  que  acababa  de  ser  aprobada  e  que  en  España,  na  España  do  franquismo,  soaba  case  subversiva. Ou  da  Pacem  in  Terris,  outra  encíclica  un  pouquiño  anterior,  de  Xoán  XXIII,  que  lle  pasaba  o  mesmo. Pero  tamén  intentabamos  saber,  porque todo  o  ignorabamos,  cales  eran  as  diferenzas  entre  o  anarquismo  e  o  comunismo,  e  os  lazos  entre  o  socialismo e  a  democracia  e  que  clase  de  cousa  eran  o  galeguismo  e  o  nacionalismo. No  San Ramón,  por  certo,  comezaron  a  poñerse  estantes  de  libros  en  galego  na  rúa. Iso  tamén  formaba  parte  do  olor  da  liberdade.

Falando  e  falando,  fómonos  metendo,  os  uns  e  os outros,  en  organizacións  diversas,  nacionalistas  e de  oposición  ao  franquismo. Foron  os  tempos  do  Instituto. Como  os  tempos  eran  os  que  eran, para  militar  tiñas  que  facer  pouco  menos  que  unhas  oposicións. Había  que  estudarse  “O  atraso  económico  de  Galicia”,  “A  Galicia  rural na  encrucillada”  e  un  lote  de  libros  máis. Moitas  veces  xuntabámonos  na  casa  do  Revés, o Carlos Gómez Osa, ou  na  miña,  para  discutir sobre eles.

Os  nosos  pais, por certo,  debían  ter  unha  paciencia  máis  grande  que  a  de  Xob, tolerando  aquel  ir  e  vir  de  rapaces,  coa  súa  troula. A  saber  que  pensaban  de  nós. Retrospectivamente a un se lle ocorre pensar que é admirable que non tivesen medo. Si. Os tempos estaban cambiando. Nesas  reunións  andaban,  ademais  do  Revés  ou  o  Cachaza,  María  Xesús Gayoso,  o  Bernardo  Requeixo,  o  Ramiro  Cendán,  Pepe o  Manguera, o Felpeto,  o Veloso, o Arturo  Gómez  Mato,  e  tamén o Arturito Currás e supoño  que o Dorado -aos últimos,  que  xa  non  están  entre  nós,  quero lembralos hoxe con  agarimo-. Había  outros,  máis  novos,  que  despois  comezaron  a  moverse,  o  Moncho  Paz, o Paulo Naseiro...

Estou  falando  de  comezos  e  mediados  dos  setenta,  cando  eu  e  todos  os  demáis  dos  que  falo, eramos  case  nenos  ou  nenos  sen  case. Pero,  sen  embargo,    estabamos  intentando  aprender. Eramos,  afortunadamente,  uns  inocentes,  como  hai  que  ser  cando  un é  novo. A aprendizaxe  da  decepción,  iso  que, segundo  din,  é  a  verdadeira  marca  da  madurez, chegaría  máis  tarde.  

Pero  non  foi  só  a  discrepar  o  que  eu  aprendín  en  Vilalba. Aprendín  máis cousas,  non  seguindo  a  corrente  central,  a  máis  poderosa,  pero  si  seguindo  outras  pólas  menos  garridas  e  vizosas, pero que  a  min  me  parecían  máis  fermosas. Os  bidueiros  e  regatos  da  Terra  Chá  non  solen  ser  de  grandes  dimensións,  pero  son  encantadores  no  seu  impresionismo.

Aprendín, así  mo parece, sobre  todo,  dúas  cousas  que  me  impresionan. Unha, o sentido  do  horizonte. A  Terra  Cha  é  a  visión  da  distancia,  a  luz  que  abre  o  mundo  en  profundidade.

A  segunda, o que son as encrucilladas. Vilalba  está  entre  Lugo  e  Ferrol,  entre  A  Coruña  e  Bilbao,  entre  Ribadeo  e  Vigo. As  encrucilladas  son  unha  dúbida  acerca  de  que  camiño  tomar,  un  xogo  de  palabras  acerca  do  sentido  último,  unha  decisión  existencial  e  comprometida. As  encrucilladas  implican  un  xogo,  un  risco,  unha  decisión. Non  hai  nada  último  nas  encrucilladas. Nas  encrucilladas  un  sempre  está  de  paso. Isto  aprendino  aquí,  case  sen  saber  que  o  aprendía.  

Quen  son  foi  feito  aquí. Entre  comerciantes  e  paisanos,  entre  funcionarios  e  traballadores,  todos  coas  súas  virtudes  e  defectos. No medio  deles, no medio de vós,  eu  aprendín  os  trazos  eternos  da  comedia  humana,  as  historias  miúdas  e  os  contos  da  xente. O  concello  de  Vilalba  tiña  sobre  os  vinte  mil  habitantes  en  1960,  o  de  Lugo  sobre  sesenta  mil:  non  era  tan  cativo o  sitio. Pasaban  cousas.  Había rebumbio. Os  días  de  feira  e  os  de  feirón  viñan  os  autobuses  cheos  de  xentes  de  Boizán,  de  Codesido, de  Corvelle,  de  Distriz,  de  Samarugo,  de  Oleiros,  de  Vilapedre,  de  Lanzós,  de  San  Xurxo  de  Rioaveso...

As  rúas  estaban  cheas  de  xente,  aínda  había  cegos  que  vendían  as  súas  copras que contaban sucesos truculentos. Cando  es  un neno todo  che  parece  marabilloso,  posiblemente  porque  o  é.
  
Aprendín, sobre  todo,  na  librería  da  miña  tía  Carmiña. Cando  neno  ía  sempre  despois  do  xantar  a  ler  alí  os  tebeos. Alí  comecei  a  fundar  unha  cultura:  lendo as  historias  do  Doutor  Franz  de  Copenhague,  dos  Zipi  e  Zape  e da  familia  Ulises.  Aínda  vivía a  miña  avoa  Irene  que, despois  de  merendar  pan  con  queixo,  mandábame  a  comprar  unha  cocada  ao comercio  do  Mario  Paz,  onde  paraban  daquela  os  autobuses  da  empresa  Ribadeo.
  
Na  librería  da  miña  tía  teño  pasado  moitas  tardes  embobado,  metendo  e sacando  libros  dos  estantes. Había  pequenas  xoias  porque  alí era  posible atopar  os libros  do día, coma  libros  publicados  vinte  anos  atrás,  que  non  atoparías  noutro  sitio. Por  suposto,  tiña  moitos  libros  en  galego.

Aquel  tamén  era  un  mundo  de amigos. Discretos  e  silenciosos,  pero  amigos. Os  tempos  eran  tan  peculiares,  tan raros  vistos  dende  hoxe  -ou  é  que  eu  era  raro-  que  o  Pedro  López  Novo  e  máis  eu  concibimos  a  tola idea  de  ler  toda  a  Historia  da Filosofía  comezando  polos  presocráticos. A  miña  tía  ía  encargando  os  libros  de  Heráclito  ou  de  Parménides  e  alí  estabamos  nós  para  facernos  con  eles. Como  é  natural, desistimos  pasado  un  tempo  prudencial.

A  librería da Ponte  fora  a  casa  familiar. Na casa que habitaban as  miñas tías  era posible atopar  no  faiado exemplares de A Nosa Terra dos anos vinte e tamén grande número dese tipo de folletíns que a prensa de Madrid do momento editaba. As señoritas de provincias lían tales textos con devoción, intentando respirar o  aire de espazos más vastos. Recordo, xa adolescente, ter nas miñas mans unhas pardas e desfeitas follas de La dama de las camelias nese formato fasciculado.

Nesa  mesma  casa  vivira  Antón  García  Hermida,  o  meu  avó. Este  ano  cúmprense  cen  desde  que  fundara  Azul  y  Blanco, unha  revista, de  liña  galeguista,  que se  conta  entre  as    que  fundou. Antes  o  fixera  co  Ideal  Villalbés e  máis  tarde co  Heraldo  de  Villalba. Tamén  colaborou  na  Ilustración  Gallega,  revista  que  se  publicaba  en  Vigo  e  noutros  xornais  do  momento.

Todos  vós  sabedes  que  Vilalba  tivo,  no  primeiro  terzo  do  século  XX,  unha  chea  de  publicacións  que  mostraban  o  vigor  da vida  local. As  que  fixo  o  García  Hermida  foron    unha  mostra  desa vitalidade. Pero  non    estaban  os  xornais. Tamén  había  as  bandas  de  música,  a  dos  Longos  e  a  dos  Matos. Cando  eu  era  un  neno  aínda  estaban  os  instrumentos  da  banda  dos  Matos  na  casa  da  miña  madriña  Perpetua.

Precisamente,  unha das  sorpresas da miña  infancia  foi  escoitar  a  miña  madriña  Perpetua  falando  de  meu  avó  Antón  García  Hermida,  case  coma se estivera  presente. Para  min,  naturalmente,  referirse  ao  meu  avó  era  como  falar  do  pleistoceno,  dado  que  morrera  vinte  anos  antes  de  que  eu  nacera,  o  que,  visto  polos  ollos  dun  neno  de  oito  ou  nove  anos  é  pouco  menos  que  unha  inmensidade. Pero  ela,  Perpetua,  chamáballe  Antoñito. O diminutivo encerraba  todo un  sentimento. Son cousas que un percibe  vagamente,  como  polo  rabiño  do  ollo,  e  nas  que    repara  cando,  talvez  despois  de  moitos  anos,  da  en  pensar  sobre  aquela  anécdota  que,  por algún  motivo,  se  lle  quedara  gravada  tan  vivamente.

Aquel  Antón  García  Hermida  era  un  publicista,  un  animador  da  vida  local,  alguén  empeñado  en  que,  no  nivel  en  que  iso  era  posible  naquel  momento  e  naquel  lugar,  Vilalba  tivera  unha  vida  cultural. Foi  unha  paixón  que  cultivou  con  esmero  e  que  fixo  que,  unha  e  outra  vez,  estivera  detrás  das  publicacións  que  ían  saíndo. Dende  logo,  era  o  continuador  dunha  saga  e,  se  queren,  dunha  certa  tradición. En  Vilalba  xa  no  século  XIX  Chao  Ledo  e  Manuel  Mato  Vizoso  demostraran  que  había  algo  que  se  movía,  unha  ansia,  un  desexo  de  cultura  e  civilización.

Pero  falar  de  meu  avó  é,  para  min,  falar  da  miña  mai. Ela nacera  en 1918, e  tiña, polo  tanto, memoria da Ditadura de Primo de Rivera e  da República. Era unha persoa dun humor lacónico, no estilo da  familia ou, tal vez, do que corresponde á  mentalidade  agraria da Terra Chá. O seu  pai, o Antón  Da  Ponte,  fora,  ao  parecer, un dos fundadores do casino local, pero lles denegaba ás fillas  iren aos bailes que nel se celebraban. "Quería conservarnos en formol", comentaba ela con causticidade. El, ao  fin  e ao  cabo,  era un comerciante católico e conservador.
 
Tamén nesa época, anterior á guerra civil, era frecuente a realización de "veladas", que era como denominaban a breves representacións nas que era común a declamación de poemas ou  o  poñer en obra breves escenas tanto dos clásicos coma de autores locais. Tiñan lugar,  normalmente, no que foi o Teatro Vilalbés. Recordo que miña mai dicíame que nunha delas o  seu papel era o de España, que era como unha raíña á que as distintas rexións -"o que agora chaman comunidades autónomas", díxome- facían a  súa respectiva homenaxe. Unha desas rexións, por certo, era Manuel Fraga, un cativo naquel momento.

En todo caso, o  Antón García Hermida, aquel comerciante, fora secretario das Irmandades da Fala en Vilalba no ano 1916, cando se fundaron  en  Galicia. A  iniciativa tivéraa Lois  Peña Novo, unha das personaxes  máis  importantes  de  Galicia  nos  anos  vinte  e  trinta,  tan  ben  estudado  por  Manolo  Roca, e Santiago Mato Vizoso era o presidente. Santiago  Mato, por  certo,  foi  un  dos  dirixentes  das  irmandades máis  constante en  Galicia. O  grupo  estaba  formado por vinte e dúas persoas, das que catro eran propietarios, unha un indiano/banqueiro, (Manuel  García  Olano),  seis  comerciantes -entre  eles  Santiago  Mato-  un  farmacéutico,  un  médico (Plácido Peña), catro avogados e tres estudantes  universitarios.

As  Irmandades  da  Fala  marcaron  un  antes  e  un  despois  en  Galicia. Hai case  un  século  desde  entón. Aqueles  homes  querían  unha  Galicia  dona  de  si,  pero,  sobre  todo,  orgullosa  do  que  era  e  do  que sería  no  futuro,  ao  que  querían  axudar  a  nacer.

A  miña  xeración  tivo  uns  soños,  a  xeración do  meu  avó  outros,  que  tal  vez  non eran  tan  distintos  no  fondo. Aos  rapaces  de  hoxe  correspóndelle  tomar a  testemuña  e  seguir  a  carreira, se o queren seguir facendo. A  vida  é  así.

Do  García  Hermida  editou  un  libro  o  seu  fillo  Xosé  Luís,  Charetas,  prologado  polo  Manuel  María,  de  onde  saco  estes  versos  sinxelos  dedicados  ás  festas  de  San  Ramón:

    Nas  festas  de  San  Ramón,
    nestas  festas  tan  sonadas,
    á  sombra  do  teu  castelo
    rí  ti  tamén,  miña  vila,
    rí  con  forza,  rí  con gañas,
    ó  son  das  campás  lixeiras,
    ó  son  da  galega  gaita,
    nas  festas  de  San  Ramón
    nestas  festas tan  sonadas

E  así  é. Haberá  paro,  crise e  corrupción. Haberá  a biblia  en  verso, xa  se sabe que  como  dicía   José  María  Carulla, “Nuestro  señor  Jesucristo/nació  en  un pesebre/donde  menos  se  espera/salta  la  liebre!”.  Pero  nestes  días  que  non  falte  a  alegría  nin  a  risa. Estamos  de  festa  e  hai  que  divertirse.

Hai  un  crítico  de  arte  londinense,  tal  vez  o  máis  importante  hoxe  no  mundo,  John  Berger, que  baixaba  todos  os  veráns  a  Betanzos. Nunha  ocasión  escribiu  un  artigo  no  que   lembraba  dúas  comidas  memorables. Unha  no  famoso  restaurante  Maxim´s  de  París  e  outra  na  feira  de  Betanzos.

Non  sei  se  é  unha  lenda  urbana, pero lembro que alguén me contou  que  o  desaparecido  Castro  Vilar  levara  a  súa  nai  a  Paris, vestida  cos  refaixos  típicos  do  país  naquel  tempo,  e  que  a  invitara  a  comer  no  famoso  restaurante,  no  que  non  se  pode  entrar  sen  garabata. Entrou o Castro Vilar, segundo  narra  a  historia, ou  tal  vez  o  mito,  elegante  co  seu  traxe  novo, pero con  zapatillas  dentro das chanclas, como  adoitaba  andar  por  aquí. Tal  vez  os  camareiros  pensaron  que  se  trataba  dun  fabuloso millonario  armenio de usos  excéntricos. En  Vilalba,  afortunadamente,  sempre  houbo  ese  pequeno  número  de  seres  curiosos  e  excéntricos,  de  paveros,  que  nos  axudan  a  darlle  sol,  luz  e  calor  ao  día.

En fin, que queren que lles diga, no  San  Ramón, é fácil atopar  o  secreto  das  comidas  memorables,  nas  que  homes  e  mulleres,  nenos  e  maiores, notarios e labradores, médicos e zapateiros, policías e ladróns.  disfrutan  da  súa  vitória  e  do  seu  trunfo  ante  un  pito,  un  cabrito,  un  salpicón,  un  roscón,  un brazo  de  xitano,  ou,  se é na xira, unha ración  de  polbo..

O  secreto  radica  en  estar  xuntos. Estamos no San Ramón. Pasou  outro  ano, acábase  o  verán  -xa  logo  virá  a  Guadalupe  que  pon  o  ramo  ao  ciclo-  pero todos  viñemos,  todos  seguemos  aquí,  todos  sentimos  a  felicidade  de  estar  na  nosa  terra.

31 de ago. de 2014

García Hermida e as Irmandades da Fala

Redacción.- Onte tivo lugar na Casa da Cultura de Vilalba a charla-coloquio "As Irmandades da Fala e o seu tempo", a cargo do ensaísta e filósofo Antón Baamonde, que foi presentado polo xornalista Moncho Paz. O acto, organizado conxuntamente por A Voz de Vilalba e o Instituto de Estudos Chairegos, contou coa asistencia de máis de sesenta persoas e celebrouse no marco do ano de Antonio García Hermida (1885-1939), como foi declarado o presente 2014 polas dúas entidades convocantes, en honra ao polifacético autor vilalbés, coincidindo co 75 aniversario do seu pasamento.

Baamonde comezou a súa disertación lembrando que en Galicia "existe certa tendencia a esaxerar o carácter rural do país e a esquecer a importancia das vilas que, no caso concreto das Irmandades da Fala, tiveron un papel preponderante". A continuación, fixo unha contextualización do período histórico comprendido entre o 16 de maio de 1916, día no que se crea en A Coruña a irmandade Os Amigos da Fala Galega, e o 5 e 6 de decembro de 1931, datas da fundación en Pontevedra do Partido Galeguista, no que ingresan tras a súa disolución todas as irmandades superviventes e demais organizacións nacionalistas afíns.

De seguido, lembrou que con elas iniciouse e consolidouse en Galicia, en todos os planos, o paso da fase rexionalista á nacionalista. Unha proporción considerable da súa actividade se dedicaba a organizar cursos galego, conferencias sobre historia, literatura, arte, mostras, xogos florais e moitas outras actividades encamiñadas a defender a lingua e a cultura galega.

O filósofo e ensaísta vilalbés apuntou que as Irmandades da Fala estaban integradas "fundamentalmente por intelectuais e membros de profesións liberais (xornalistas, médicos, notarios e avogados), así como por representantes da pequena e mediana burguesía industrial e comercial, como era o caso do meu avó, Antonio García Hermida, secretario da Irmandade da Fala de Vilalba".
_______________
Foto: Chema Felpeto

24 de maio de 2014

Antón Baamonde falará das Irmandades

Redacción.-
O vindeiro venres 23 de maio terá lugar un novo acto co gallo do ano de Antonio García Hermida (1885-1939), organizado conxuntamente polo xornal A Voz de Vilalba e o Instituto de Estudos Chairegos “Pena do Encanto”, coincidindo co 75 aniversario do pasamento do polifacético autor vilalbés. A partir das 20:30 horas celebrarase na Casa da Cultura a charla-coloquio “As Irmandades da Fala e o seu tempo”, a cargo de Antón Baamonde García, ensaísta, filósofo e neto do homenaxeado. A presentación do acto correrá por conta do xornalista Moncho Paz, editor de A Voz de Vilalba.
García Hermida impulsou varias publicacións na nosa vila durante o primeiro terzo do século XX, considerada a etapa máis fructífera do xornalismo na capital da Terra Cha. As súas inquedanzas no mundo da prensa comezaron a unha idade temprana; en 1902 editou o xornal manuscrito Ideal Villalbés, unha folla voandeira que precedeu ás súas colaboracións en El Eco de Villalba, xornal fundado por Manuel Mato Vizoso e, á morte deste, dirixido por Xosé Novo Pardo. Máis adiante, Tonito da Ponte -como era coñecido entre os seus veciños- fundou e dirixiu a publicación literaria Azul y Blanco, cabeceira que simbolizaba as cores da bandeira galega e que viu a luz en 1914, hai un século.
Esta foi outra efeméride que motivou a decisión de reivindicar, ao longo de 2014, a figura de Antonio García Hermida pola forte pegada que tivo no eido da cultura, tanto local como galega, xa que era militante activo das Irmandades da Fala -sendo secretario da Irmandade de Vilalba- e asiduo colaborador de Ilustración Gallega. Pero o principal fito que protagonizou este home polifácetico na historia da prensa vilalbesa foi a aparición, o 4 de marzo de 1916, do xornal Heraldo de Villalba, subtitulado "Periódico defensor de los intereses de la comarca villalbesa". Fundado e dirixido por García Hermida e con periodicidade quincenal, cesou a súa publicación co número 286, o 12 de abril de 1931, en vésperas da proclamación da II República. García Hermida asinou os seus escritos cos pseudónimos D'Aponte, Garcimida e Ragrech.
Ademáis da súa faceta de articulista, conta cunha breve pero intensa obra: Los niños y los árboles (1914); La herencia de Juanillo (1914); El jardín de Roberto (1919), premiado polo Ateneo-Biblioteca de Ribadeo; El huérfano y la esperanza, diálogo en verso; e “Charetas”, obra póstuma editada en 1973 polo seu fillo Xosé Luís García Mato, que recolle unha ampla selección dos seus poemas e contos.
Antón Baamonde García (Vilalba, 1959) estudou o bacharelato no instituto da súa vila natal e Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela. É profesor de Filosofía no instituto Xelmírez I de Compostela. Colaborador habitual en diversos medios de comunicación escritos (La Voz de Galicia, La Opinión, El País), radiofónicos (Radio Galega, Cadena SER) ademais de en revistas como Galicia Internacional, Agália ou Grial. Formou parte do Consello de redacción da revista Luzes de Galiza, xunto con Lino Braxe, Xavier Seoane e Manuel Rivas e foi coordinador do "Foro Luzes de Galiza" que se distinguiu por dar á luz unha serie de manifestos que enfocaron Galicia a outra luz distinta da do conservadorismo non só gobernamental. É membro da Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, do Consello Asesor da Fundación Carlos Casares e do Padroado de RadioFusión, entidade que engloba a emisoras municipais galegas. Ademais de participar en numerosos volumes colectivos, Antón Baamonde é autor dunha ampla obra en galego e español.
Os actos de reivindicación da figura de García Hermida contan co inestimable apoio do Instituto de Estudos Chairegos e rematarán o 4 de setembro, día do seu pasamento, no que A Voz de Vilalba publicará unha edición especial en papel.

21 de maio de 2014

'Cómo salir de esta' o venres en Vilalba



Redacción.-

Vilalba acollerá mañá venres a presentación do libro “Cómo salir de esta” (A Coruña, Actualia Editorial, 2013) do xornalista José Luis Gómez. O acto, organizado conxuntamente polo xornal A Voz de Vilalba e o Instituto de Estudos Chairegos, terá lugar a partir das 20:30 horas no Centro Cultural e Recreativo da capital chairega. O autor estará acompañado polo filósofo Antón Baamonde e polo tamén xornalista Moncho Paz.

José Luis Gómez (Brión, 1958) comezou a súa carreira como xornalista nas páxinas de El Correo Gallego. Posteriormente, traballou en La Voz de Galicia, entre 1982 e 1999, como redactor, xefe de sección, redactor-xefe e finalmente director do diario. Tras abandonar o rotativo coruñés, fundou o dixital xornal.com e asumiu a dirección da División de Prensa Diaria do Grupo Zeta e tamén a Coordinación de Publicacións e de Comunicación. Entre 2005 e 2008 foi director da revista Capital, desde onde avanzou a crise en 2007 con aquela famosa portada do mes de setembro anunciando “La crisis que viene”. En 2008 fundou e dirixiu Xornal de Galicia, un sopro de aire fresco na prensa galega que lamentablemente pechou as súas portas en 2011 por falta de apoios. Tertuliano habitual en debates de radio e televisión, actualmente é o editor de www.mundiario.com, primeiro xornal global de análise e opinión.

“Cómo salir de esta” é froito dunha idea compartida co xornalista e economista xermano Carsten Moser, asinante do limiar, e co editor Carlos Iglesias, director de Netbiblo. A resposta á pregunta que da título á obra non figura nun só capítulo, senón que vai aflorando no seu conxunto. Aínda que hai partes do libro máis centradas que outras en aportar saídas concretas, en opinión do autor “non deben confundirse con receitas máxicas, impropias dun libro popular que pretende preservar o rigor e a calidade”.

11 de abr. de 2013