Amosando publicacións coa etiqueta Anton de Guizan. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Anton de Guizan. Amosar todas as publicacións

Xornadas Rosalianas

Antón de Guizán. -

Rematada a segunda edición das Xornadas Rosalianas de Vilalba, queda a sensación de ter criado algo especial. Xermolaba en 2018 a necesidade de honrar como merece a esta grande poeta nun fermoso acto organizado na Casa Habaneira de Santaballa pola Nova Poesía Guitirica NPG e CulturaliaGZ con numeroso público, e aínda que a pandemia parou a súa continuidade, deixou um pouso que foi retomado dende Vilalba con grande acerto en 2022.

E si na primeira edición o pasado ano o denso programa e a calidade do mesmo parecía difícil de igualar tendo en conta que incluía a inauguración dun parque e um monumento á grande poeta galega e un mural no centro da vila, as actividades desta edición agardaban unha comparación e un reto ben difícis de superar 
Así e todo podemos dicer que ese reto e essa comparacións forno superadas. A participación dos centros de ensino tanto de primaria como secundaria, agrupacións musicais, centro de formación ocupacional, bibliotecas, e a alta calidade das actuacións, charlas, recital, a exposición de Clara Martín sumadas á guinda co pregón de Luz Darriba demostran que estamos a asistir a unha das homenaxes anuais a Rosalia máis importantes de Galiza. Neste sentido tamén se ten manifestado o presidente da fundación Rosalia de Castro, Anxo Angueira, que estivo presente nas dúas xornadas. 

Pero detrás de este éxito hai un grande traballo de organización sustentado por tres entidades, o Cancello de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos IESCH e a Nova Poesía Guitirica NPG con unha comisión composta por mulleres que merecen a nosa admiración e respeto: a concelleira de Cultura Vanessa Siso, a presidenta do IESCH Marisa Barreiro e as poetas vilalbesas da NPG Pilar Maseda e Luz Airado. Sen elas, e o seu traballo e compromiso rosalianos non teríamos desfrutando de tantas e tan fermosas actividades na honra da máis grande das nosas letras.

Vilalba e a Terra Chá convertense así nunha referencia ineludíbel nas homenaxes cada mes de febreiro a Rosalía, que consolida a Vilalba como centro da importante literatura chairega, non só pola ca tidade e calidade literat@s senón tamén por terse afianzado na organización de importantes eventos literários.

Vaian dende aqui os meus  parabéns e agradecemento ás entidades e persoas organizadoras. Vémonos en febreiro de 2024 nas III Xormadas Rosalianas de Vilalba!!

26 de mar. de 2023

A nova poesía vilalbesa

Antón Tenreiro Ferrero. -

A capital chairega e os concellos de arredor gardan de sempre un grande prestixio literario con nomes que pertencen á selección de grandes da literatura galega. Nomes como Agustín Fernández paz na narrativa, Xosé Chao Rego no ensaio, o seu irmao Ramón Chao ou Xulio Xiz no xornalismo, Ramón Villares na Historia, Daría Xoán Cabana ou o grande Xosé maría Chao Ledo na poesía entre moitos outros, ocupan un lugar preferente nas letras do noso país. Pero A Chaira é sobre todo terra de poetas nos que nomes como Manuel María, Xosé María Díaz Castro, Aquilino Iglesia Alvariño, Xesús Rábade Paredes, Caetano Arias, Avelino Díaz e Chao Ledo ocupan tamén un lugar destacado da poesía galega.
Diante de tan brilante historia literaria, poderíamos pensar que na actualidade, a poesía chairega e en concreto a vilalbesa, está a pasar por unha crise creativa, algo que é lóxico pola falta de perspectiva entre a contemporaneidade e a história, pero non é así. a poesía vilalbesa existe e goza dunha grande saúde hoxe en día.

Tres grandes nomes de poetas vilalbeses residen en Madrid, pero manteñen inquebrantábeis lazos coa súa terra, Rafa Yañez Jato membro do grupo Bilbao, grande dinamizador cultural na capital do estado, e impulsor e subdirector da revista Olga de poesía galega en Madrid con numerosas obras publicadas. O poeta nacido nos Vilares de Díaz Castro e criado en San Xoán de Alba, José André López González, André da Ponte da nova Poesía Guitirica NPG, ensaísta, traductor de diferentes línguas e prolífico poeta de estilo clásico e recuperador da lenda do Apalpador para o Nadal galego, ten editados dous fantásticos poemarios varios en formato dixital ademáis da adaptación da obra completa de Chao Ledo ao galego-portugués. e Miguel Barrera, gañador do certame literario vilalbés de 2019 co fermoso poemario Poema da Rúa das Aves e que conta tamén con varias obras editadas tanto individuais como en espazos colectivos. É membro tamén da NPG.

Hai que destacar tamén a novos poetas que sin ser mesmo nados en Vilalba, é indudábel a súa conexión coa vida cultural da vila como , Daniel Irimia Yañez (Cospeito) ou Ana Mar Fraga da saga dos Rábade.

Nomes como o de María Xosé Lamas (NPG), con abundante obra publicada e numerosos premios ou Pilar Maseda (NPG), con só un poemario publicado polo IESCH e que debera ser reeditado, pero con abundante obra en espazos colectivos, o poeta de Xoibán, Martiño Maseda con abundante obra e premios acadados e Emilia Martínez Fuentes (NPG) coa obra Lendas e Versos, son imprescindíbeis da actual poesía vilalbesa.
Pero hai máis a quen poderíamos chamar "novísima" poesía vilalbesa destacada, como Brais Lamela gañador entre outros do Xuventude Crea ou Noelia Cendán Teijeiro e outra da que agardamos grandes obras nun futuro próximo, Luz Airado Bello, tamén na Nova Poesía Guitirica gañadora do IX premio Díaz Jácome de poesía e que tiña gañado sendo moi nova os prémios Trapero pardo ou o Fernández del Riego.

Estes, e seguramente outros nomes que se me quedan no tinteiro, amosan a vitalidade poética vilalbesa, que para si quixera calquera vila galega, tanto pola cantidade como pola calidade dos e das poetas, polo que Vilalba ten que sentir fachenda e poñer en valor este património que mantén viva a chama poética e literaria da Vila de Alba e que non sempre tivo o recoñecemento e apoio institucional que merecen. Foi até agora o Instituto de Estudos Chairegos IESCH o principal mantedor e impulsor de moitas obras de algúns dos autores nomeados, algo fundamental para poder falar da boa saúde poética de Vilalba. Non son só os certames os que manteñen o pulso literario, son os e as creadores/as, que deben ser os verdadeiros protagonistas da vida cultural dun pobo, e Vilalba tenos en abundancia e de calidade. longa vida á poesía vilalbesa.

2 de mar. de 2021

Un Macondo chairego

Antón Tenreiro Ferreiro.-

Cando Gabo (Gabriel García Marquez) creou o seu universo nese lugar ao que chamou Macondo, non pensou que de un ámbito tan local chegaría a ser tan universal. Xa o dixo o portugués Miguel Torga, qué o universal é o local sen paredes. Deso algo sabemos nos Vilares por mor do noso poeta, Xosé María Díaz Castro, que dun ámbito rural fixo de Nimbos unha das mellores o ras da poesía galega. Os Vilares ten a fortuna de ter dado á literatura galega un dos seus grandes poetas, e sobre él foron tamén moitas as publicacións realizadas, por Segundo Pérez, Armando Requeixo, Alfonso Blanco, Luís Gonzalez Tosar, Xulio Xiz ou Emilio Xosé Insua entre outros.  Pero tamén outros poetas seguiron a súa estela e teñen publicado obra de grande calidade como Xosé Antón Cascudo, gañador do prémio GZ Crea co 'Manual do Misántropo', Jaki Sánchez Quintela co seu 'Delta' ou a poeta de Labrada-Os Vilares Luz Campello con 'Do corazón da Terra' e o 'Inventário do prohibido', e con eles unha dúcia de poetas vilareg@s integrados na Nova Poesia Guitirica NPG que participaron en diversas publicacións colectivas e tamén dixitais. Publiacións como 'A escola Habaneira dos Vilares' do veciño do Buriz Segundo Pérez, tamén forma parte desa obra vilarega por dereito própio. Ademáis dos autores que escribiron sobre Díaz Castro e Os Vilares, e tamén os nascidos na parroquia, hai tamén un vilarego nacido en Ferrol pero coas estirpes orixinarias dos Vilares, o xorbalista parente do poeta, Man Castro, con diversos libros escritos. e a máis novidosa, 'Lareira de soños' de Pas Veres, podemos afirmar que Os Vilares é unha das parroquias rurais máis afortunadas do País no aspecto literario, un Macondo chairego. Lareira de soños adentrase na intrahistoria dunha parroquia do rural chairego con vivencias comúns a todo o rural galego, e dá voz a numerosas personaxes sen voz, as xentes anónimas que foron as verdadeiras protagonistas do evoluir dos tempos. Lareira de soños condúcenos a lugares que nos nutren, lugares o de temos as primeiras emocións, sensacións e experiéncias universais únjcas, sitios cos que temos unha conexión emocional profunda e as nosas raíces inalterábles, unha obra literaria que afonda na antropoloxía rural dende varias perspectivas, a xornalistica, a investigadora, o ensaio, a narrativa e mesmo a poesía. Un libro diferente que conxuntamente co documental Entrar aos Vilares de Cibrán Tenreiro que o acompaña en dvd que convirten este traballo nunha cartografía emocional na que todos nos podemos ver e sentir representados. "Historias cotiás dun pequeno mundo da Terra Chá galega, momentos percorridos polas vidas deste pequeno universo chairego, que teñen en común con outras vidas doutros lugares do mundo, as angueiras e as calamidades coas que afirman que a vida é traballo e loita". Cada lugar do noso rural ten mil historias que contar e das que sentir orgullo, e esa recollida de historias conforman a ese cia do que somos, só precisan de moitas Pastora Veres que as recollan e as poñan ao noso servizo, como naa Lareira de soños dos Vilares, o Macondo de Pas Veres. Benvid@s tod@s á Lareira de soños!

22 de xan. de 2021

A lareira de soños de Pastora Veres

Antón de Guizán. -

Aquela encomenda de Manuel María a Pastora Veres na inauguración dunha exposición de fotos antigas na I Romaría Labrega da Chaira para que foran recollidas nunha publicación, está a punto de cumprirse. No mes de setembro, Edicións Fervenza coa colaboración da área de cultura da Deputación de Lugo, o Concello de Guitiriz, a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta e GADIS sacará a publicación dun traballo de cinco anos realizado por Pastora Veres con máis de cen entrevistas, fotos antigas, documentos e datos que prometen ser unha interesante e novidosa aportación ao coñecemento da historia recente do noso rural. A guerra, a posguerra, as segas a Castela, a emigración, as costumes, as enfermidades, os trapos, as relacións de poder, os cambios tecnolóxicos, as novas comunicacións... a vida contada polos próprios protagonistas, nunha parróquia da Terra Chá a unha nativa (Pas Veres) que ten realizado unha auténtica cartografía emocional no que o rural chairego en particular e o galego en xeral se poderán ver identificados. A publicación, irá acompañada dun DVD co documental Entrar aos Vilares, de Cibrán Tenreiro, finalista da 12MICE Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, un compremento con unha visión dunha parroquia do rural nos ollos de tres rapaces que nin a coñecen nin naceron no rural. En aproximadamente mes e medio poderemos ter nas mans un traballo que paralelamente deu lugar, con Díaz Castto na antesala de todo, a unha asociación con numerosas actividades (Lareira de soños dos Vilares) e a un grupo poético dos máis activos do país (NPG Nova Poesia Guitirica) e que ten á autora da publicación como inspiradora deste movimento social e cultural. O libro, terá como prologuista ao xornalista con orixes nos Vilares Germán Castro Tomé, criador do Diario de Ferrol, Presidente de Ho ra do Clube de Prensa de Ferrol e premio Diego Bernal de xornalismo outros numerosos recoñecementos e galardóns. Dúcias de colaboracións e axudas entre as que hai que destacar á guitirica Socorro Vázquez e á vilalbesa María Xosé Lamas polas correcións lingüísticas, convirten este traballo nunha obra coral e comunal na que a veciñanza se erixe nun suxeito activo arredor da protagonista que nos narra en primeira persoa a súa relación vital coa parróquia, a verdadeira recuperación da memória, ese património inmaterial que Pas Veres salva para ofrecer ás xeracións vivas e ás vindeiras e acrescentar o orgullo do que somos e de onde vimos. A obra, centrada en grande parte na história recente, nese pasado inmediato de cen anos atrás, conta tamén con ese espazo adicado ao presente, á xente de hoxe, á herdanza dun legado que debemos continuar, esa LAREIRA DE SOÑOS que nos quenta e da sentido ao que somos. En setembro, por fin, poderemos desfrutar do tan agardado traballo de Pastora Veres e que contará coa súa primeira presentación (non podería ser doutro xeito) en Guitiriz coa expectación que merece. Será, sen dúbida, unha obra que non pasará inadvertida en Galiza e unha contribución máis ao coñécemento da parróquia do poeta das cousas pequenas, Xosé María Díaz Castro. Como dixo o escritor portugués Miguel Torga, o universal ten as súas paredes no  local. Dende Os Vilares, unha lareira para quentar o mundo, a Lareira de soños de Pastora Veres. Vémonos en Setembro a carón do seu lume.

10 de ago. de 2020

Que temos que facer, Alberto?

A/a de Alberto Núñez Feijoo.

Antón de Guizán.-

En primeiro lugar, Alberto, quero parabenizarte pola túa renovada presidencia do goberno da Xunta de Galicia, e como tal aproveito para informarte e consultarche sobre un asunto que sen dúbida tí saberás solucionar.
Son, coma ti, presidente, pero dunha entidade ben máis humilde, a Asociación Socio-Cultural Lareira de soños dos Vilares de Díaz Castro en Guitiriz, colectivo que leva un lustro de vida e que dende a súa criación está traballando no rural en diferentes iniciativas que abranguen o património material e inmaterial, a cultura, e a história. No que atinxe ao património, temos a sorte de contar con unha formidáble igrexa orixinaria do século XII co  unha apliación no século XVIII  que conta con catro retábulos góticos e neo-clásicos e unhass magníficas pi turas ao fresco do século XVI na nave antiga do templo descubertas en 1991 na realización dunha obras sendo párroco Segundo Pérez, hoxe deán da catedral compostelana. Estes frescos, cuxa autoría atribuen os especialistas aos mestres de Parga e de Nogueira (este último, autor dos frescos da que chaman "Capela Sixtina Galega" en Santa María de Nogueira de Miño), pertencen ao estilo gótico hispano-flamenco e conta coas iconografías da lamentación do cristo morto, o Santiago Matamouros, esceas paisaxísticas e unha pintura única en Galicia, a imposición da Casulla de San Ildefonso.
As pinturas, desprotexidas dende o seu descubrimento hai casi trinta anos, atópanse en sério risco de desaparición polo contínuo deterioro do paso do tempo, os roza.entos, a humidade... feito que levou a que foran incluídas na Lista Roja del Património do estado (https://listarojapatrimonio.org/ficha/frescos-la-iglesia-os-vilares/).
Nestes cinco anos, a nosa asociación ten realizado entrevistas coas diferentes administracións, Concello, Igrexa, Deputación e Xunta, temos realizado campañas de sensibilización coa edición de tripticos informativos, imaxe ide tificativa, spot para as redes sociais e mesmo paneis dentro da igrexa, teñen visitado os frescos técnico e políticos e mesmo unha inciativa na Comisió  de Cultura aprobada no Parlamento de Galicia en decembro de 2018 cos votos a favor do teu partido, o resto da oposición e coa única abstención do PSdeG non se fixo efectiva a día de hoxe.
Como segurame te saberás, estimado Presidente, Guitiriz é un concello enclavado no Camiño Norte de Santiago e a salvación destas pinturas supoñerían un importante incentivo nunha parróquia rural que precisa de apoio e un atractivo a engadir á riqueza patrimonial do noso rural. Que saibas que o departamento de património da Xunta ten encargado un proxecto de restauración do que nada sabemos e que unha decisión túa sería fundamental para sacar a cotratación estes traballos e salvar así esta xoia artística da Terra Chá. 
Chegados a este punto, QUE TEMOS QUE FACER, ALBERTO?
Sabedores da túa sensibilidade e vontade para poñer en valor o noso rural e o rico património co que contamos, non dubidamos de que saberás entender a nosa vontade de recuperar estas pinturas para o desfrute de todos e que evitaremos que a desidia leve para sempre un valiosísimo legado dos nosos ancestros.

Agardando a mellor das sortes no desempeño do teu traballo como presidente, recebe un sincero saúdo.





25 de xul. de 2020

Reenganchar Guitiriz á poesía

Antón Tenreiro Ferreiro
.-

Alguén lembra a Raúl Gómez Pato, Eduard Velasco, Xabier Alonso ou Xosé Lois Mosquera? Son os gañadores das catro edicións do Prémio Díaz Castro de poesía criado polo Concello de Guitiriz. Agás o primeiro, os tres seguintes pasaron por Guitiriz con máis pena que gloria...
Lembro aquel memorábel acto de homenaxe ao poeta do Vilariño na igrexa dos Vilares polo 25 cabodano do seu pasamento no que a anterior alcaldesa, Regina Polín, anunciaba a convocatória do prémio. Unha distribución para que pasado o ano no que se lle adicaran as letras galegas, a memória e a obra do nóso poeta non caíra no esquecimento. O próprio Xulio Xiz, na súa intervención no acto dixera que os políticos non pasarán á história polo número de farolas ou asfalto que poñan senón polo seu compromiso coa cultura. O prémio con éxito de participación e de calidade poética, adoeceu sen embargo até agora de trascendencia social e pública. O que debera ser o mellor e máis trascendental premio poético da Terra Chá, pasa desapercibido mesmo para a veciñanza de Guitiriz que en varios casos nin se enteraron dos gañadores nin dos actos de entrega.
Que personaxe de Guitiriz tivo máis importancia histórica e relevancia cultural que Xosé María Díaz Castro?
Co Festival de Pardiñas aparte, non merece Díaz Castro convertir o seu prémio nun dos actos máis relevantes cada ano en Guitiriz? Ou permitiremos que siga o camiño de tantos outros autores aos que se lles adicaron as letras galegas e caíron despois no esquecemento mesmo nos seus proprios concellos? A memória de Díaz Castro sigue latente máis pola labor da sociedade civil a través dos centros de ensino, Xermolos ou o grupo NPG Nova Poesia Guitirica nascida naquel acto que polo traballo institucional limitado a unha dotación de 2000€ e uns actos de trámite semi-ocultos. Non é un problema de cartos nin de organización, a única causa foi a falta de vontade política para dar a Díaz Castro e ao seu prémio a trascendéncia social e cultural que merece. Sei que a actual alcaldesa, Marisol Morandeira, ten a vontade de revertir esta dinámica e facer do prémio Díaz Castro o motor que coloque ao autor no lugar que merece no concello e toda a Terra Chá e facer de Guitiriz a vila poética da que os seus habitantes se sintan fachedosos. Ese carácter identitário coa poesía da man do noso poeta trasmitirá unha imaxe amábel e positiva que fará de Guitiriz un concello aínda máis atractivo, e nese traballo, tod@s debemos sumar, asociacións, centros de ensino, poetas, músicos, negócios, partidos políticos... Díaz Castro e a poesía deben ser sempre un motivo de unión, ser mellores en tódolos ámbitos nun aspecto no que Guitiriz e a Terra Chá son líderes mundiais, a poesía. Só nos queda poñela en valor como merece.

PD: O prémio gañaría en valor e repercusión alén de Galiza ampliando o idioma á norma do reintegrado e portugués. Non debe ser unha subvención da Xunta quen impoña as restriccións. Sería a mellor homenaxe póstuma de Díaz Castro ao seu amigo Carvalho Calero.

31 de mar. de 2020

Un lustro non é nada


Antón de Guizán.-

Cinco anos van xa desde aquel maio de 2014 no que a Terra Chá se fixo o centro do mundo poético coa dedicatória das Letras Galegas a Xosé María Díaz Castro. Aquel 17 de Maio e os meses previos nos que Xermolos, da man de Alfonso Blanco, intensificaron as actividades para o coñecemento do poeta dos Vilares.
Actos, filmes, conferencias, visitas ao lugar de nacimento no Vilariño, concertos, publicacións, traduccións, concursos literarios, roteiros, xornadas e moitísima participación escolar, fixeron deste autor, un dos máis significados de todos cantos lles foron adicadas as letras galegas.
Pero non todo rematou aquel ano 2014, pois lonxe de parar todo ese traballo, a mecha prendeu en Guitiriz e toda a Chaira. A creación en 2015 coincidindo cos 25 anos do seu pasamento, do Premio de Poesía Díaz Castro, o nacemento dun grupo poético de base dos máis activos do país, a NPG Nova Poesía Guitirica, a aparición de proxectos como Os Vilares lareira de soños, os fermosos traballos do alumnado do IES Díaz Castro vinculados ao poeta que lle da nome ao centro, e a implicación da veciñanza do concello, siguen a consolidar a Díaz Castro non só como un dos grandes poetas galegos, que xa era, senón que está a contribuir a un grande recoñecemento e valoración social.
A futura restauración e e conversión da vivenda familiar na "Casa da Xente" pola labor incansábel de Xermolos, será tamén o feito definitivo para que o poeta figure nese ceo literario reservado aos grandes, e con él a poesía chairega que conta con innumerábeis bardos de grande calidade.
Cinco anos non é nada en tempo, pero supuxo moito na imaxe de Guitiriz non só como concello termal (tristemente sen balnearios) da auga e da pedra, senón tamén como un concello poético que precisa dunha maior implicación institucional. Agardemos que o novo goberno que xurda tamén este mes, tome conciencia de que non chega con convocar un certame sen participación e implicación veciñal ou facer un roteiro.
Despois do 2014 foron asociacións, centros de ensino e sociedade civil quenes máis contribuiron a manter con vida o legado do poeta mentras que as institucións "cubriron o expediente" aquel ano con actos públicos, placas e esculturas, indo co tempo a unha progresiva "desconexión" a respeito da figura máis importante da história de Guitiriz e un dos grandes poetas galegos de tódolos tempos.
A casa de Díaz Castro, os frescos da igrexa onde foi bautizado, a escola habanera onde aprendeu a ler na Conchada, están agardando pola restauración e posta en valor como reclamo de visitantes a estes lugares de actividade e cultura tan importantes para o Pepe do Vilariño, para convertir esas "herbas pequerrechiñas" en foco tamén de economía e progreso desde a parroquia rural do poeta, Os Vilares.
Cinco anos non é nada pero estiveron cheos de luz e poden vir outros cinco (e 500 máis) nos que se fagan realidade tantos desexos. Díaz Castro vive na xente. Longa vida ao noso poeta!

*Retrato de Díaz Castro de Isabel Pardo.

20 de maio de 2019

Binormativa: o futuro é agora

Antón de Guizán. -

Sou galego de nascença e de consciência, não tenho feito nenhum curso de galego agás um da Associação Cultural Alexandre Bóveda da Corunha quando era um moço e que impartira a grande Pilar García Negro. Desde aquela, muito se tem discutido sobre o galego. Na minha posição de cidadão galegofalante e desde a perspectiva de quase 12 lustros de existência, a crua realidade é que o galego tem retrocedido em falantes e que há um evidente problema de transmissão geracional do idioma por múltiplas causas que de seguro se têm investigado por profissionais bastante mais qualificados. Ao meu ver, há um factor clave que deve ser o centro dum debate no que a língua, ademais da nossa principal senha de identidade, terá que ser também a principal ferramenta de desenvolvimento do nosso país num mundo cada dia mais globalizado. Se a sociedade percebe que o idioma é útil, este recuperará uso e funcionalidade, mas se este está só para uso interior, irá perdendo usuários e valor relegando-o a uma função sentimental, folclórica e mesmo relegado a uma situação pseudomuseística. O problema é quando as instituições políticas, culturais e linguísticas ignoram e escondem debates nos que nos jogamos o futuro da língua, a economia e as possiblidades de progresso. Que medo há a abordar campos de possibilidades que atingem mais de 200 milhões de falantes quando o galego vive encerrado num âmbito de 2.700.000 cidadãos, perdendo povoação e com os mais velhos, também, galegos monolíngues? Qual é o problema para adoptar e conviver com uma segunda grafia (também oficial) que abra portas directamente a cinco continentes com o quinto idioma mais falado do mundo? Quem diz medo a facilitar mercados em países tão afastados como o Brasil, Macau, Angola, Moçambique...e mesmo com um idioma oficial da UE? E quem pode obviar o importante mercado cultural, turístico e a história comum através do idioma com tantos cidadãos no mundo? Só os interesses políticos de curto percurso e as mentes cativas podem defender o reducionismo e o caminho do suicidio idiomático, as mensagens confusas dirigidas a meter medo a medrar e sentirmo-nos mais orgulhos@s de ser galeg@s e cidadãos do mundo, a medrar em riqueza e cultura. A nossa relação com o lusismo deve deixar de ser testemunhal, para actos entre vizinhos e passarmos a converter-nos em irmãos em convivência, deixar de lado complexos e estereótipos e crer nas possibilidades que se nos abrem para os nossos filhos e para o país com a dupla normativa. Ninguém nos vai indicar como temos que falar num idioma tão rico e diverso como o nosso, mas grafar ademais do galego normativo, para adiante, numa grafia também oficial na norma portuguesa, fará de Galiza uma pequena potência. Que não nos enterrem com mentiras: O FUTURO É AGORA!! 

19 de abr. de 2019

Non me chames haiku, chámame Vilariña!

Antón Tenreiro Ferreiro. -

Díaz Castro vive, non é  ese poeta ao que lle adican as letras galegas e fica no limbo de dúcias de nomes para a honrosa listaxe de escritores protagonistas dun 17 de maio esquecidos ao ano seguinte. Sigue vivo en Xermolos, a entidade cultural máis importante da Terra Chá empeñada en convertir a súa casa na Casa da Xente con Alfonso Blanco Torrado, curtido en mil batallas de dignidade, termando dunha bandeira de utopías posíbeis. Díaz Castro sigue vivo porque os seus versos prenderon nos corazóns de novos bardos guitiricos, nimbos de luz inconformista que máis aló de soños institucionais, acreditan que a palabra, convertida en poesía, é o instrumento máis poderoso para mudar o mundo. Así, ese grupo de poetas, bautizados na Igrexa dos Vilares un 3 de Outubro de 2015 como NPG Nova Poesia Guitirica por Armando Requeixo no 25 cabodano do pasamento de Pepe do Vilariño, siguen sen desmaio catro anos despois, a facer actividades co poeta das cousas pequenas sempre como motor e inspirador das súas creacións.


Unha das máis orixinais e exitosas é o Certame VILARIÑAS, que non pretende ser un concurso poético senón unha canle de participación en forma de micropoemas que leve a dar nome propio a un xénero que ten adoitado unha descrición técnica fría (micropoema) como nome de pila, ou un termo importado do outro lado do mundo (HAIKU) para chamalos. O Vilariño dos Cregos nos Vilares, lugar de orixe do poeta e a referencia poética á "herba pequerrechiña" do seu poema Esmeralda, foron a fonte de inspiración das VILARIÑAS, ese símbolo do valor e importancia  das cousas pequenas, que tan ben ten ensalzado o poeta e que con só dúas edicións, xa teñen acadado un importante éxito de participación e popularidade, que mesmo ten sorprendido ao presidente da Real Académia Galega, Víctor Freixanes, que se ten declarado disposto a defender as VILARIÑAS como nome próprio para os micropoemas en galego, sabedor de que tan fermoso nome prenderá con orgullo, co paxariño da creatividade na cabeza, da figura da artista Viki Rivadulla, que as representa. Porqué renunciar a ter un fermoso nome para os pequenos poemas poemas cando a nosa língua ten capacidade danondo para nomear, e máis aínda candonde poesía se trata?Porqué recurrir a nomes doutras línguas ou a termos tan pouco poéticos como "micro-poemas tendo unha palabra tan agarimosa, como VILARIÑA? Como di André da Ponte outro grande poeta vilarego, "Fazer um poema longo requer de força dos braços: Uma Ilíada; escrever uma "vilarinha" requer uma força de concentração extraordinária... Sabemos que Matsuo Bashô escreveu essas "vilarinhas" com um rigor inigualável... Pois isso... Vivam as VILARINHAS!!!" de aquí en diante, a quen escriba ou recite un micropoema, e co maior dos respetos á creación nas outras línguas do mundo, nós temos nome próprio, así que, daquí en diante "Non me Chames Haiku, chámame VILARIÑA"!!!


20 de mar. de 2019

Un Xermade de libro

Antón de Guizán. -

O Ministerio de Cultura vén de conceder recentemente e por cuarta vez (as tres últimas consecutivas) o Premio María Moliner á Biblioteca Municipal de Xermade polas súas campañas de animación á lectura e pola xestión da biblioteca. Catro premios e deles tres seguidos nos últimos tres anos, non son casualidade, e si telos gañado representa un mérito en si mesmo, que tal feito aconteza nun pequeno concello do rural chairego de apenas 1.700 habitantes, o recoñecemento acada un grande valor. 

O premio valora "a claridade, a orixinalidade e innovación, as boas prácticas na labor bibliotecaria, a planificación e a viabilidade dos proxectos".

Concellos da contorna, máis grandes e dotados económicamente, esquecen ou teñen nun segundo plano a súa aposta polos libros, o fomento da lectura nas idades máis pequenas e en definitiva a aposta pola cultura desde o máis básico, os libros e os lugares onde achegarse a eles, as bibliotecas.

En tempos nos que as televisións e as redes sociais enchen o tempo e as cabezas dos nosos rapaces de cultura-lixo de consumo rápido, que unha localidade do rural castigada pola perda poboacional, o abandono de explotacións, o avellentamento da veciñanza, e as malas perspectivas de futuro siga a apostar polo mantimento dunha biblioteca pública e que esta sexa recoñecida a nível de estado, non deixa de ser um feito importante á vez que sorprendente e do que debemos sentirnos fachendos@s.

Xermade mantén no centro da capital do concello un fermoso edificio no que María González Cabarcos, a súa responsábel, fai verdadeiros milagres para manter e dar uso, facendo deste templo da lectura o lugar máis salientábel deste pequeno municipio, que leva anos a ser coñecido (e recoñecido) no estado por algo tan prestixioso como é a aposta polos libros e a cultura.

Máis aló de grandes eventos para as galerías mediáticas, de apostas puntuais e desfile de figuras, a Biblioteca de Xermade amosa un traballo contínuo e "silencioso" digno de admiración e respeto que deberían seguir no noso rural e mesmo algunhas importantes vilas, carentes de biblioteca nalgúns casos ou desorganizadas e mal dotadas noutros. A biblioteca de Xermade, ademais de incrementar o seu fondo cos 1.700 euros do premio, gaña cada ano o seu dereito a seguir existindo e demostra que as bibliotecas teñen que ter un espazo, máis necesario que nunca no noso rural, e que tal e como os nosos emigrantes entenderon a comenzos do pasado século que o futuro pasaba pola cultura construíndo escolas no noso rural, hoxe sigue a ser a cultura a maneira de sair do atraso mantendo e mellorando as bibliotecas onde existen e creando outras aló onde non hai. Moitas das escolas indianas abandonadas ou pechadas terían un grande destino albergando centros sociais e bibliotecas, recuperandoas e dándolles vida novamente, convertíndose en centros de convivencia arredor da cultura, os libros, actividades e xuntanza.

O exemplo está aí ao lado e a persoa na que asesorarse, tamén, chámase María González Cabarcos. Vaian desde aquí os parabéns para ela, a biblioteca e un concello "de libro" chamado Xermade.


5 de feb. de 2019

As mentiras institucionais provinciais

Antón de Guizán. -

A Asociación Sociocultural Lareira de soños dos Vilares leva máis de catro anos loitando para salvar as pinturas murais da igrexa parroquial, de estilo gótico hispanoflamenco de grande valor histórico artístico, datadas no século XVI e descubertas en 1991.


Coa campaña V SÉCULOS DE NÓS /FRESCOS DOS VILARES


#SalvemosOsFrescosDosVilares


e catro anos de infrutuosa insistencia, de falsas promesas, de reunións, visitas, e algunha iniciativa parlamentar, o máis sorprendente foi a resposta (trás varios intentos) da Deputación Provincial de Lugo aos requerimentos da oficina da Valedora do Pobo. Alegou o organismo provincial que non financian obras privadas, neste caso, propiedade da igrexa cando todos sabemos que non é certo e ademais temos probas nos Vilares co financiamento (a través dun convenio) da restauración dunha palleira privada (50.000€) fronte á casa de Diaz Castro.


Pero como as hemerotecas son tozudas, e un simple sondeo de Google déixanos unha listaxe nada desprezábel de obras acometidas en templos relixiosos e arredores con cartos da Deputación Provincial de Lugo, en solitario ou con convenios nos últimos anos, algunhas das cais deseño abaixo:


En Labrada, Guitiriz, acometeronse obras para sacar as humidades da igrexa por valor de 12.000€, e nese mesmo ano, tamén se aportaron fondos para a de San Facundo de Ribas de Miño en Paradela.


En 2015, a Deputación de Lugo interviu na igrexa de San Mamede de Vilasouto, no Incio, con100.000€, tamén coa cuberta da capela de Lousada con 68.000€, na capela de San Antón de Momán con 12.000€, na cuberta da igrexa de San Pedro de Candia con 20.546€, o retábulo de Santa María de Vián na Pastoriza, 15.000€, Santa Eulalia de Bóveda 106.187€ oubo retábulo da igrexa de Meira con 42.000€. por poñer algúns exemplos.


Xa no pasado ano, aportou 10.000€ ao retábulo de Bazar, 80.000€ para a igrexa de Celeiro, 8.000€ para un muro na de Santa María de Sabadelle en Chantada e ten aprobados para este ano investir 46.000€ para o acceso á igrexa da Cova no Saviñao.


O acordo aprobado pola Comisión de Cultura do Parlamento Galego no que o PSOE se abstivo (o PSOE goberna en Guitiriz e na provincia) plantexa acometer a restauración entre as distintas partes implicadas, Diócese, Concello, Deputación e Xunta de Galicia, que xa ten encargado a redacción do proxecto definitivo.


O posicionamento do Concello e da Deputación Provincial, deixa moito que desexar en canto á implicación para salvar estas importantes pinturas tendo en conta que están no seu concello e provincia, algo dificilmente entendíbel desde calquera punto de vista.


Pero que os argumentos do seu pasotismo e falta de implicación se basen en mentiras, soa a escusas de mal pagador, e máis grave resulta cando o custe da restauración entre partes resulta unha cifra facilmente asumíbel polas partes tendo en conta a importância de evitar a perda destes importantes frescos despois de cinco séculos de existencia.


Agardemos que rematada a redacción do proxecto, Deputación, Concello, Diocese e Xunta, deixen de lado diferencias e poñan por diante de intereses de parte a salvación das pinturas, un ben patrimonial de grande importancia na Terra Chá e na provincia, desde o punto de vista cultural e turístico.


Porque as paredes da nosa igrexa, gardan importantes tesouros, e son V SÉCULOS DE NÓS.


Salvemos os frescos dos Vilares.

31 de xan. de 2019

San Vincenzo e a Virxe dos desamparados

Antón de Guizán.-

San Vicenzo dos Vilares é unha igrexa coñecida por celébrar a popular romaría da Virxe dos Desamparados. 


É por iso que vos pregamos San Vicente e Nosa Señora dos Desamparados para que movades a consciéncia das administracións públicas para que non deixen desaparecer os frescos da igrexa.


Como ben sabedes, as orixes do templo datan do s. XII, se ben  os restos románicos redúcense aos muros laterais da nave con varios canecillos, sendo a fachada principal do XVIII. 


No exterior o conxunto está formado un atrio murado con baixo muro de pedra granítica, con cruceiro, dúas pilas bautismais e un sarcófago. Támén existe un Calvario nas inmediacións que leva dez meses sen un pedazo do mastro e a cruz por un accidente de tráfico.


No interior ten catro retablos neoclásicos e un barroco con tallas dos ss. XVII e XVIII, aínda que destacan especialemnte os restos de pintura mural ó fresco do S.XVI, que forman un ciclo de grande calidade artística ó longo dos muros da nave, con distintos temas, como o do enterro do Conde Orgaz da autoría, segundo o profesor Monterroso Montero do afamado Mestre de Parga, de grande respeto naquela época.


O estado xeral de conservación é verdadeiramente moi malo. A gravedade acelerada e activa dos axentes  de deterioro, provoca en primeiro lugar o risco de desprendemento das pinturas murais, polo que urxe imperiosamente proceder á sua restauración, xa que de acabar caendo, a súa pérdida sería irreversibel.


Ademáis deste perigo urxente de resolver, o seu aspecto sucio e abandonado desvirtúa a súa calidade como elemento singular e moi visible de este templo teu,  San Vicenzo dos Vilares, centro de peregrinaxe senlleiro. 


En conclusión podemos dicir que se está a perder un ciclo mural ao fresco de gran relevancia artística é histórica para a provincia de Lugo coa pasividade das diferentes administracións a pesares de que a súa restauración sería perfectamente asumibel económicamente e e que a salvación das pinturas suporía un importante valor para o patrimonio da provincia.


A perda destas pinturas será unha grande irresponsabilidade por parte da Igrexa, a Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial e o Concello de Guitiriz, sabedores da trascendencia desta obra e do perigo existente de perda definitiva si non se actúa con urxencia, pois os frescos murais dos Vilares teñen V SÉCULOS DE NÓS, é património de tod@s e non só da igrexa e as administracións teñen o deber de preservalos e poñelos en valor e volver a atraer peregrinaxe non só á Romaría da Nosa Señora na Pascua, senón ao longo de todo o ano.


É por isto que vos pregamos que movades os fríos e calculadores corazóns administrativos das institucións e non deixedes desaparecer tan valiosa decoración renacentista das paredes románicas da igrexa e que esta recupere o explendor e o seu enorme valor patrimonial conservado ao longo de séculos e séculos e co perigo de desaparecer en só 26 anos após do seu descubrimento ao quitar o caleado profiláctico minhas obras na o cando era párroco Segundo Pérez, hoxe Deán da catedral compostelá.


E para que así sexa pregamos que intercedades polos vosos/nosos frescos, San Vicenzo e Virxe dos Desamparados, para que sigan nas paredes da igrexa, AMÉN!

14 de nov. de 2018

Non é normal

Carta aberta ás institucións

Antón de Guizán.-

Non é normal, non, señores/as representantes públicos. Están aí vostedes para resolver, non para entorpecer, adiar, mentir, ou mudar de criterios en función de intereses de parte. Están aí para servir aos intereses da xente. Digo esto porque desde a asociación que presido (Lareira de soños dos Vilares) vimos padecendo na nosa actividade comportamentos viciados de todas e cada unha das institucións que teñen algo que ver coa parroquia chairega de Guitiriz, tanto por parte do Concello, a Deputación Provincial, a Xunta de Galicia e mesmo a Diocese da Igrexa.

Cando falo dos intereses de tod@s ningunha cousa é máis de tod@s que o patrimonio histórico, sexa material ou inmaterial, etnográfico, arqueolóxico ou relixioso e na nosa parróquia temos moito e moi importante, e por certo, a maior parte sumido no abandono, como en casi todas as parroquias do país, por desgraza.


Temos asumida a impossibilidade de recuperación da maior parte, e por iso nos centramos no traballo de tentar recuperar polo menos aquel aínda salvábel e máis valioso ou emblemático, partindo da súa viabilidade e tamén na rendabilidade económica e social para o futuro. 


Xermolos promoveu unha campaña de Crowfunding para tellado a casa de Diaz Castro mentira o Concello e a Deputación gastaban 50.000€ no arreglo dunha palleira privada enfrente da casa para aula de interpretación e o inmoble principal sigue a deteriorarse.


A nosa campaña para restaurar as pinturas murais da igrexa leva catro anos de entrevistas, visitas, promesas incumpridas e mesmo temos levado o problema ao Parlamento Galego e á oficina do Valedor do Pobo. Non é por antoxo ou cabezonada, é simplemente porque as pinturas unha vez degradadas corren serio risco de desaparecer. Máis de cinco séculos de antigüidade ben merecen 80 ou 99.000€, nonsí?


Tamén, hai dous anos, descubrimos e limpamos unha mámoa de 7.000 anos de antigüidade, emoi bó estado de conservación, a Mámoa das Carriceiras, e ainda aguardamos um mínimo xesto do Concello ou de Património para sinalizala e protexela.


O silenzo é, no mellor dos casos a resposta ás solicitudes, como o arreglo, e posterior posta en uso social da escola Habaneira da Conchada que vai camiño do século co deterioro lóxico da falta de uso e mantemento e sen adecuar aos tempos a súa habitabilidade e o mesmo, aplicábel tamén a unha magnifica casa rectoral que rematará tamén a este paso, na ruína.


O cume do pasotismo xa é un cruceiro do Calvario rompido nun accidente hai nove meses e no que a dia de hoxe, nin Concello nin igrexa, nin Património foron quen de xestionar co seguro o arreglo da cruz; eso si, as escusas e mentiras descargando responsabilidades uns nos outros foi a tónica común.


Poderiamos falar de peticións feitas polos veciños en campaña á Alcaldesa das que tomou nota e nada fixo na parróquia. Lavadoiros, fontes, muíños, os cobertizos da Feira do Sete...


Iso si, fotos en tramos de un kilómetro de Alcaldesa e concelleir@s con Deputados provinciais houbo varias, e paréceme ben, pero gostaría tamén de ver esas fotos dentro da Casa da Xente (Díaz Castro) toda restaurada e sendo centro de cultura do País, ou na Igrexa cos marabiosos frescos do Mestre de Parga lucindo como hai cincocentos anos, ou diante dun panel explicativo ao pé da Mámoa das Carriceiras ou cos nosos maiores disfrutando da Escola da Conchada como centro social cheo de actividades, ou a festa da Pascua lucindo orgullosa o seu Calvario... 


Mentras, somos as entidades asociativas as que tentamos sen recursos, defender a NOSA história e património do esquecemento e do abandono mesmo contra a inacción, as mentiras e a falta de sensibilidade das institucións.

24 de out. de 2018

A poesía vive en Guitiriz

Antón de Guizán.-

Aínda non pasaron dous anos desde aquel 3 de outubro de 2015 un grupo de poetas novos de Guitiriz honraban a Díaz Castro no XXV cabodano do seu pasamento na igrexa dos Vilares. Aquel grupo foi batizado por Armando Requeixo co nome de #NovaPoesiaGuitirica NPG e véu a luz con un fermoso manifesto da súa autoría publicado no premiado blog Criticalia.

O que podería parecer un bonito acto froito da resaca das letras galegas adicadas ao poeta do Vilariño o ano anterior, convirteuse minha iniciativa estábel e dinámica que deu lugar a diversos recitais poético-musicais enn Guitiriz e noutras localidades, orixinanio propostas como a dos poemas pendurados das farolas ou o certame de micropoemas <VILARIÑAS>, xornadas arredor de Diaz Castro e Manuel María, participación dos diferentes componentes do grupo en recitais en distintas localidades, participación en diversas publicacións colectivas e mesmo que se teñan musicado poemas dalgunha poeta da NPG.

Desde aquela, a Nova Poesía Guitirica ten medrado en componentes e en recoñecemento. Ao grupo da igrexa dos Vilares do 3 de outubro de 2015 con Judiña de Lea, Mar Beres, Luz Campello, Jaki S.Quintela, Xosé Antón Cascudo, Fátima Fernández e Pas Veres, sumáronse despois André da Ponte, Adriana Quijada e Xelo Teijido nunha composición heteroxénea de estilos e uniforme na ideia de sumar arredor da admiración polo poeta do Vilariño.

Recitais poéticos en Sada, Vilalba, Compostela, Mondoñedo, Ferrol e en San Sadurniño, contaron con xente da NPG, así como publicacións colectivas en formato tradicional e en soporte dixital. A menos dun mes de cumprirse dous anos daquel  3 de outubro de 2015 no que ademáis do público participaron nomes tan importantes como a própria alcaldesa, Xulio Xiz, Man Castro e Alfonso Blanco, podemos afirmar que a poesía reside en Guitiriz, nos versos d@s afillad@s de Pepe, na parróquia dos Vilares, no lugar do Vilariño, na casa de Díaz Castro, #ACasaDaXente.

22 de set. de 2017

Relax de balneario

Antón de Guizán.-

Chegou o verán e un dos maiores activos turísticos da Chaira, o histórico balneário de Guitiriz, está pechado. Si a pésima xestión  das instalacións polo seu proprietário Andrés Conde Medín levou ao desastre económico, o corte do grifo do crédito leva agora a unha situación que non só perxudica ao negócio hosteleiro, senón tamén a todolos negócios de Guitiriz, proveedores, empregados, familias e á imaxe da vila e da comarca. A villa  dos cartos do balneário, pecha moitas tuberías coas institucións paralisadas ou incapaces de solucionar un problema que transcende a unha mera crise  de empresa.

A Banca (ABANCA) principal proprietária da débeda, está máis preocupada por facer caixa que de solucionar un problema que perxudica a grande número de clientes, cando con calquer venta quedarían sobradamente cubertas as perdas, situación aínda menos comprensível cando todos sabemos que calquer impago nun aluguer ou hipoteca ocasiona desafiuzamentos. Non se produciron presións institucionais dabondo ás partes implicadas a pesares do dramático da situación e das mobilizacións, que como mínimo devería levar a unha retirada masiva das contas neste banco co concello e a deputación á cabeza. Guitiriz co balneário pechado, INGEMARGA en crise, o parque empresarial convertido en cidade pantasma e o rural en proceso de desmantelamento necesita das institucións para algo máis que festas e asfaltados de estradas. O balneário é unha mostra da sequía económica da zona e urxe volver a abrir os grifos, pasar do relax do balneário ao relax no balneário. Así sexa.

11 de ago. de 2017

Un bo e xeneroso Raúl Río

Antón Tenreiro.-

Neste ano de Pondal, dese Ponteceso que nos agasallou aos chairegos con Alfonso Blanco Torrado, a Asociación Sociocultural Lareira de soños dos Vilares, ten decidido adicarlle a quinta edición do seu premio TRAPEIRO DE HONRA ao vilarego Raúl de Río.

Coñecedor como ninguén da historia da súa parroquia e mesmo de Guitiriz e da Chaira, Raúl sempre está disposto a colaborarben calquer traballo e proxecto a prol da cultura ee das xentes desde o ámbito mais pequeno á utopía máis inalcanzable, sendo a súa casa en Euskadi como unha embaixada galega naquel seu outro país de acollemento e tendendo lazos entre ambos, o último este mes de maiocoa visita dea Xermolos a aquelas terras coa presentación do poemario do tamén vilarego André da Ponte, a campaña para salvar a casa de Díaz Castro, a proxección da curta A Chave de Bascuas e a inauguración da escultura adicada a Manuel María naquelas terras.

Raúl é desas persoas silenciosas, que paseniñamente van tecendo co seu traballo unha labor da que non reclaman recoñecemento, pero que é necesária e mesmo imprescindíble. Raúl, ese amante da súa terra que como milleiros tivo que coller o camiño da emigración, levou con él a Euskadi, Galiza enteira e especialmente eses anacos que ten no núcleo do seu corazón: A Terra Chá do seu querido Manuel María, Guitiriz de Xermolos e os Vilares do seu amigo Díaz Castro. O pasado ano, Raúl foi distinguido tamén coa navalliña de Manuel María, ao que tanto apreciaba, acompañado de familiares e amigos que valoran o seu exemplo de amor e dedicación ao nóso aló onde se atope. Amante da cultura e das artes, ten realizado diversos e relevantes traballos escultóricos, artigos, pinturas e as súas cámaras recolleron ao longo dos anos importantes documentos fotográficos e audiovisuais de grande valor histórico. Pero detrás dese compromiso hai, sobre todo, un home "bó e xeneroso" ao que desta volta tamén os seus veciños poñen de exemplo con ese nomeamento deTrapeiro de Honra co que acompañará na memoria dos Vilares a Díaz Castro, a Romaría Labrega, Pepe de Cristos e Asunción dos Ares, testemuñas e protagonistas con Raúl Río da história que eles mesmo escriben con letras de ouro. Nos Vilares, somos debedores de Raúl e non se paga con este recoñecemento tanto amor pola parroquia, apenas o nóso agradecemento e o cariño colectivo da súa tribu de orixe, que ben gañado o ten.

De seguro, o seu amigo Pepe do Vilariño estará feliz con este recoñecento, e con él, numerosos amigos e veciños.

Galiza precisa moitos Raúl Río.

24 de maio de 2017

A nosa casa do Vilariño

Antón de Guizán.-

Xermolos acaba de comenzar a campaña «salvemos a casa de Díaz Castro» para recuperala como espazo de uso social e cultural, vinculada á poesía e a auga, moi presentes na vida do poeta. Trabúcanse aqueles que desprezan esta iniciativa aducindo a clásica retaíla de que hai cousas máis urxentes e importantes que facer, como si esta recuperación impedira acometer outras prioridades. Non é a casa de Díaz Castro nun sentido reduccionista e privativo, moi ao contrário, é a casa de todos, "a nósa casa dodo Vilariño" igual que o poeta é xa do común dos galegos e galegas. E si alguén sae beneficiado desta iniciativa, será o pobo de Guitiriz e nomeadamente a parroquia dos Vilares neste intre no que tanta falta fai revitalizar o rural, poñelo en valor con actuacións que o volvan a convertir no centro da cultura dun país que sen rural camiña inevitablemente cara á extinción. Xermolos, depositaria do legado de Pepe do Vilariño, pula por manter este legado vivo máis aló do ano en que se lle adicaron as letras galegas e que sexa a súa casa un lugar de referencia, de encontro, o espazo depositario de todo o referente a Diaz Castro pero tamén un lugar vivo, de interacción diaria entre persoas e colectivos, esa "herba pequerrechiña" que desde Os Vilares, encha de perfume o mundo. Nesta importante iniciativa, estanse a implicar artistas, asociacións, xente do común, cada quén na medida das súas posibilidades, uns con videos, outros con obras de arte, outros cantando ou recitando e outros con cartos, de maneira comunal, como sempre se fixeron as cousas...

Bótase en falta, se cadra, unha maior implicación institucional que garanta ese pulo definitivo como ocorre con outras actuacións necesarias e demandadas no rural referidas á conservación do património.

Os Vilares, cos frescos da igrexa en serio perigo, a escola habaneira da Conchada con necesidades básicas para a súa posta en valor e uso veciñal, os cobertizos e a casa do sindicato en estado ruinoso e o patrimonio etnográfico secuestrado polas silveiras, precisa que se actúe con urxencia, comenzando pola casa de Díaz Castro, "a nosa casa do Vilariño". Aí estaremos.

16 de mar. de 2017

Antonio Castro, cableado da memoria

Antón de Guizán.-

As treboadas destes días, esas que agora levan o rinbombante nome de cicloxénese explosiva -manda carallo-, ademáis de facernos lembrar con bastante mala ostia do compadreo do goberno de Rajoy coas eléctricas (a última proba, a porta xiratoria para "Cuco" Fernández de Mesa no Consello de Red Eléctrica Española), traeme tamén á memória un nome relacionado coa luz eléctrica por razóns moito máis positivas: Antonio Castro.

No 2019, cumpriranse 60 anos da chegada da luz eléctrica aos Vilares e por eses tempos, tamén, a outras moitas parroquias da comarca pola iniciativa dun home autodidacta, formado na Habana na instalación de cableado telefónico na capital da illa, amante da música e das artes e preocupado por levar calidade de vida a un rural naqueles tempos sumido na escuridade. Lembrao a sua filla carretando postes por montes e corredoiras co seu Ford, sabedor de que máis aló duns troncos e uns fíos de cable estaba clavando os peares da calidade de vida futura. A luz eléctrica, supuxo un adianto repentino que levou ao rural ao cambio, a abrirse ao mundo tecnolóxico despois de séculos. Non exento de problemas pola precariedade de materiais e recursos hidráulicos para xerar corriente, debeu tamén enfrentarse, xa daquela aos intereses de compañías máis interesadas no negocio que no servizo. Antonio Castro ten realizado instalacións sen contador en numerosas vivendas sen recursos e sofrido boicots mesmo en datas tan emblemáticas como A Pascua daquel 1959 na que tiña previsto sacar das tebras dos candís e das velas á súa parroquia. António, como tantos xenios, foi un mal negociante do que compañías como FENOSA e Barras Eléctricas teñen sacado rendimento do seu emprendemento e ao que debemos rescatar para a memória colectiva. Pensemos só cos apagóns destes días, na heroicidade cotián dos nosos avós até os anos 60 (hai nada) sen ter siquera unha bombilla.

Aqueles que coñeceron e traballaron con Antonio Castro, constatan a súa intelixencia e bondade, o seu mérito e tamén o rápido que o paso do tempo fai esquecer que o que hoxe é un servizo básico (un grande negocio para quén o explota), tivo orixe en numerosas parroquias de Guitiriz, Aranga ou Vilalba nun home adiantado ao seu tempo, na tecnoloxía e na humanidade, Antonio Castro, que nestas treboadas debemos rescatar para a memória. Si naqueles tempos o precario servizo supuxo un antes e un despois na vida das persoas, hoxe non se xustifica a pesima calidade do mesmo nin os prezos nun país no que somos excedentarios de enerxía eléctrica. O mundo precisa de moitos Antonio Castro.

7 de feb. de 2017

A conchada, punto de partida e chegada

Antón de Guizán.-

A Terra Chá conta con numerosas escolas de indianos, casas sufragadas polos nosos emigrantes en ultramar que acreditaban na cultura como mellor investimento para o futuro dos seus. Por sorte, moitas delas recuperadas fisicamente e constituidas hoxe en centros de vida social e cultural dos veciños e veciñas do lugar. Algunhas pasan xa do século de vida e outras están próximas a cumprilo, como é o caso da escola habaneira da Conchada nos Vilares que será centenaria en 1923.
A mellor honra a aqueles que investiron o esforzo do seu traballo e exilio das raíces na cultura dos seus, é restaurala, adaptala a estes tempos e facer dela o centro da vida social e cultural da parroquia. A eliminación de barreiras, os illamentos, a calefacción, a dotación de medios acaídos para as adtividades, a xestión diaria, habitabilidade en definitiva, é urxente e necesaria. Para esto, a administración, as asociacións e a veciñanza teñen a obriga de entenderse e sumar esforzos que nunca serán máis grandes que o traballo que fixeron aqueles que hai casi cen anos a construiron e que sirveu para a educación de centos de vilaregos de varias xeneracións.
Non facelo, será unha desonra á nosa memória e ao noso patrimonio material e inmaterial cando ainda estamos a tempo de recuperala para uso de todos e poñela en valor como centro social e cultural desta parroquia do rural. Ese debe ser desde agora o reto. A Conchada volve a ser o punto de partida, será tamén o punto de chegada?

23 de nov. de 2016

Roteiro da Mámoa das Carriceiras


Antón Manuel Tenreiro Ferreiro.-

Hai apenas dous meses, José Luís Teijido Comba, Luís de Fabete, descubría a primeira mámoa atopada na parroquia dos Vilares. Luís, membro da directiva da Asociación Sociocultural Lareira de soños, constatou o achádego co arqueólogo Marcial Tenreiro, que comprobou in situ que se trata dunha mámoa violada de Proximadamente 5000 anos de antigüidade no monte comunal dos Vilares e proxima ao Rego das Carriceiras, do que recibe o nome. A asociacion Sociocultural Lareira de soños procederá agora ás labores previas para a catalogación da mámoa e o seu inventariado e á divulgacion posterior da mesma coa inclusión no rexistro de Patrimonio e no PXOM de Guitiriz e a súa sinalización.

A primeira iniciativa será un roteiro guiado polo propio descubridor do túmulo arqueoloxico, Luís de Fabete e o arqueólogo Marcial Tenreiro para medila, retratala e limpar para a súa catalogación. O roteiro levaramos por outros lugares de interese natural e patrimonial e partirá do lugar do Vilariño dos Cregos o dia 15 ás 11:00 horas.

O roteiro é de dificultade baixa e polo tanto aberto á participación de calquera persoa. Será de balde e sen necesidade de inscrición. Deberase levar xantar, calzado axeitado e rematará a media tarde.

12 de out. de 2016