Amosando publicacións coa etiqueta Antonio Vazquez. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Antonio Vazquez. Amosar todas as publicacións

Temos madeira de potencia?

Antonio Vázquez.-

Sí e non. Vivimos nun país no que o sector forestal é potencia no conxunto do Estado e sen dúbida unha referencia internacional a ter en conta. Mais, esto non é nada en comparanza co que se está desaproveitando. Producimos moita menos madeira da que seriamos capaces e aínda por riba é de mala calidade. Son varios os problemas que lastran a competitividade de Galicia neste eido a nivel mundial, pero os máis salientables son o minifundismo e a incompetencia dos nosos gobernantes por non ver o potencial que atesouran os nosos montes.

Segundo o Cuarto Inventario Forestal Nacional (IFN4) elaborado polo Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino, Galicia conta cun total de 2.030.681,03 de hectáreas para uso forestal, e en concreto, o 70% desta superficie considérase arborada, mentres que o 30% restante correspóndese con formacións arbóreas moi dispersas, matogueiras ou pastizais. Este último dato entóxase demasiado negativo, polo feito que supón que o 30% da superficie de uso forestal en Galicia está literalmente desaproveitada. Se ben, cabe dicir que non todo o monte é apto para a producción de madeira, xa que é necesario ter en conta variables edafolóxicas, climatolóxicas, de acceso e por suposto de rendibilidade económica. Nembargantes este dato poderíase atenuar se contásemos cun monte ordenado que permitise cando menos influenciar naquelas variables estrictamente económicas e minifundistas. Se nos fixamos na evolución do monte ó longo dos distintos inventarios realizados ata o momento (os inventarios son elaborados cunha periodicidade de cando menos 10 anos e na actualidade o cuarto inventario recolle datos dende o 2.008) vemos que entre o IFN3 e o IFN4, a superficie forestal de Galicia viuse minguada minimamente, aínda que esto só afecta á superficie desarborada, xa que a arborada aumentou nun 4%. Dende o comezo do IFN, a superficie arborada incrementouse nun 27%, o cal repercutiu nun crecemento da superficie forestal autonómica do 2%. (ver táboa 1 e figura 1)

Táboa 1. Evolución da superficie forestal en Galicia (miles de ha)

IFN1
IFN2
IFN3
IFN4
Monte arborado
1.121,58
1.045,37
1.372,45
1.424,09
Monte desarborado
863,44
922,93
667,12
606,58


Figura 1. Evolución da Superfice Forestal de Galicia.

Outro aspecto a sinalar é a relación existente entre superficie e producción. Entre o IFN3 e o IFN4 a superficie arborada é practicamente a mesma en termos absolutos, e sen embargo tanto a cantidade de árbores como o volume de madeira presente nos montes galegos aumentaron entre un 30% e un 45% (ver táboa 2 e figuras 2 e 3). A explicación hai que buscala na densificación das explotacións e na súa ansia por aumentar os rendementos, xa que a excesiva parcelación induce á utilización de marcos de plantación máis pequenos, o cal incide directamente na escolla da especie que se vai plantar e por ende no destino da madeira.

Táboa 2. Nº de pés maiores e Volume de madeira con cortiza (en miles)

IFN1
IFN2
IFN3
IFN4
Nº de pés maiores
628.115,35
478.501,09
688.061,95
893.924,5
Volume con cortiza (m3)
70.799,04
90.397,51
133.092,75
192.914,04

O fin último da madeira é algo que se debe ter en conta dende o primeiro intre no que se deseña a plantación, xa que o seu coidado posterior varia notoriamente segundo o producto que se queira obter. Deste xeito, se o que queremos é producir madeira para pasta de papel a silvicultura é case innecesaria. Pola contra, se buscamos un producto de calidade e con un certo valor engadido, a cousa cambia. Producir árbores con fustes rectos e libres de nós implica un seguimento e unhos traballos laboriosos pero que sen dúbida mostran bos resultados. Segundo o informe Resultados de la Industria de la Madera en Galicia, 2010 elaborado polo Cluster da Madeira de Galicia e a FEARMAGA, a facturación é maior no caso da industria da pasta de papel e taboleiros, mentres que o aserrado mantense en cotas máis modestas. De todos os xeitos, o acutal contexto económico faise significativo, xa que a disminución de todos os subsectores é máis que patente. (ver figura 4)


Figura 2. Nº de pés maiores ó longo dos distintos inventarios.

Figura 3. Volume da madeira con cortiza ó longo dos distintos inventarios.

Figura 4. Evolución da facturación da industria de primeira transformación (datos en miles de €)

Ante estes datos, o devandito informe conclúe como culpables da situación ós seguintes factores:
-         Ausencia de silvicultura que mellore a calidade tecnolóxica da madeira.
-         Grandes custos de explotación forestal nunha estructura minifundista da propiedade.
-         Escasa implantación da Certificación Forestal.
-         Falta dunha verdadeira Política Forestal que incentive a xestión productiva do monte e dea seguridade á mesma.
Para a busca de calidade o medio ambiente tamén ten algo que dicir. É aquí onde entra en xogo a Certificación Forestal. Trátase de conseguir que as explotacións forestais sexan “amables” co medio ambiente ó tempo que obteñen os lexítimos rendementos económicos. Para esto, deben adoptar sistemas de xestión forestal sostible baseados en normas internacionais elaboradas precisamente para esto. A certificación forestal é voluntaria, é dicir, ninguén está obrigado a acollerse a ela e a acreditación é resolta por un organismo independente. Por outra banda, cabe mencionar a cadea de custodia. É outra certificación que implica á industria e que garante ó consumidor final que o producto foi elaborado a partir de materia prima producida baixo un sistema de xestión forestal. A maneira de se resolver é igual á certificación forestal, un organismo independente encárgase do proceso auditor e da conseguinte acreditación.
En Galicia aínda non contamos con grandes superficies forestais certificadas. Como se pode ver na figura 5 (datos obtidos de PEFC España), son sobre 150.000 hectáreas as que contan con este distintivo, o que incide aínda máis no que levo exposto ata o de agora, a necesidade de producir madeira de calidade e con valor diferenciado. Esto vese máis agravado se nos fixamos no que está pasando en Europa, xa que as diferencias fanse moito máis patentes. Na figura 6 (gráfica elaborada por Monte Industria a partir de datos FAO 2005, PEFC 2009 e FSC 2009), España está a sexta pola cola (sinalada cunha frecha vermella) no que se refire á porcentaxe de superficie certificada. Os líderes: Irlanda, Croacia e Finlandia por esta orde. Chama a atención que salvo Croacia, o resto son países con menos horas de luz e cunhas climatoloxías ben máis adversas que a galega para a producción forestal. 

Figura 5. Evolución Superficie Forestal Certificada por CCAA (2008-2011) (datos en ha)

Figura 6. Superfie  forestal certificada en Europa (%)

Nembargantes a cousa troca se atendemos á cadea de custodia, ás empresas transformadoras. Neste caso os galegos somos os líderes estatais no número de empresas con certificación por diante de Cataluña e Euskadi, o que ven a determinar algo que xa mencionou neste artigo, a importancia do sector forestal en xeral e do madeireiro en particular. (ver gráfica 7, fonte PEFC España)

                  Figura 7. Empresas certificadas PEFC por CCAA

Actualmente o sector madeireiro ten unha notable presenza na economía galega, en concreto o informe O monte é a nosa vida, feito pola Xunta de Galicia, indica que representa o 3,5% do PIB galego, da traballo de forma directa a 26.000 persoas e cita a existencia de preto de 3.500 empresas vinculadas ó monte cunha facturación aproximada de 2.000 millóns de euros ó ano. Por eso é moi frustrante ver como Galicia ten unhas condicións inmellorables para a producción forestal e nembargantes temos que conformarnos tan só coas migas do pastel. Cales serían as cifras se tivésemos un monte ordenado e unha política forestal que dese seguridade ós propietarios das terras para investir con menos risco co actual?
E xa que falo de riscos, o lume é outro dos aspectos que máis medo lle pon a un propietario para decidirse a explotar o monte. É moi difícil demostrar que unha persoa é culpable de incendiar un monte e por desgraza é moi doado plantarlle lume a todo un monte e ó que se poña por diante. Os motivos coido que son moi diversos, ó igual co perfil do incendiario. A Revista Galega de Economía, publicou no 2011 a seguinte táboa nun artigo titulado Estudio de la incidencia de los incendios en Galicia, una perspectiva socioeconómica, na que expón a enorme variabilidade que existe na orixe dos lumes.
A estratexia para combater a lacra dos incendios tense visto fracasada. Baixo o meu punto de vista nunca se vai conseguir rematar con eles, pero sen dúbida pódese operar dunha maneira ou doutra para conseguir mitigar o seu efecto. No ano 2011 arderon sobre 55.000 hectáreas de monte só en Galicia, aínda que probablemente esta cifra sería moito menor se o monte tivese un verdadeiro valor e se non fose visto o problema como unha operación de limpeza. Por todo esto, é imperioso ordenar o monte e crear parcelas que fagan viable unha inversión, para que consecuentemente a xente se pense dúas veces o feito de acribillar unha zona de determinado potencial.
Táboa 3. Procedencia dos incendios evitables en Galicia segundo a súa intencionalidade

Por todo esto e probablemente moito máis, está nas nosas mans ser capaces de ver o que podemos chegar a facer co monte galego. En todo o artigo focalicei sobre o recurso (renovable) da madeira, pero son moitos outros os que van da man e sen dúbida contribúen a sostibilidade e viabilidade forestal. Pensar no aproveitamento micolóxico, no cinexético ou  no turístico (entre outros moitos) é pensar no monte, é pensar en Galicia e é pensar en que dispoñemos dunha serie de recursos naturais que non poden ficar baldíos e que sen dúbida, son a envexa de moitos países e rexións.
Necesitamos da implicación das administracións e que vexan dunha vez o imperioso que é contar cun monte galego ordenado, porque só deste xeito o monte será sostible ambiental, social e economicamente. Mentres tanto, seguimos esperando.  


12 de mar. de 2013

O nacionalismo dos aranceis


Antonio Vázquez.-


Débese permitir a entrada de bens ou productos doutros países sen pagar unhos aranceis previos á súa comercialización?

A resposta, é sen dúbida, bastante complexa. E non porque supoña un desastre económico, senón que máis ben a complexidade ben determinada por unha mestura de diversas ideoloxías presentes na face da terra (máis ou menos permisivas co libre comercio) e un conxunto de intereses, lexítimos ou segundo o caso, non tanto. Podo estar errado e cumpriría unha análise mundial inmensa comprobalo, pero coido que nunca se deu o caso dun país ou países que practicasen un intercambio comercial libre de impostos arancelarios co fin de protexer o comercio interno e garantir a saúde das súas economías.

A Organización Mundial do Comercio (OMC), nace en Uruguai no ano 1.986 na chamada Ronda de Uruguai para substituír ó anteriormente coñecido como GATT (General Agreement on Tariffs and Trade ou Acordo Xeral sobre Aranceis aduaneiros e Comercio). O GATT naceu nos Estados Unidos de América durante os anos 30 do século pasado para estimular a economía americana que por aquel entonces estaba profundamente abatida pola Gran Depresión. Consistía no establecemento de negociacións bilaterais entre países e referenciadas a un producto en concreto. Nestas conversas, que se sostiñan sobre unha especie de principios ou regras de negociación, os dous países negociadores podían chegar a acordos para a comercialización sen aranceis ( ou cando menos a reducción deles) dun determinado produto.

Hoxe en día, a OMC é a institución (o GATT era unha especie de tratado entre nacións) encargada de regular o comercio mundial para tentar chegar a acordos entre países e conseguir a liberalización mundial do comercio. Unha das xustificacións para fundar a OMC ten que ver co feito que crearon os acordos bilaterais, un comercio excesivamente fragmentado, excluínte e desigual, ónde segundo que sexas tes unhas condicións ou outras para mercar e vender a escala global.

Tanto na Ronda de Uruguai coma nas sucesivas (a última é a Ronda de Doha do 2001), falouse de temas agrarios e da comercialización deste tipo de productos entre unhos países e outros.Con intereses encontrados parece que están aqueles países en vías de desenrolo e que polo xeral teñen na agricultura o sustento da súa economía, e os países do primeiro mundo, nos que a agricultura non é tanto ese soporte vital, xa que contan con outras fontes de riqueza,polo xeral máis evolucionadas e tecnificadas. Son conversacións estancadas, que parecen non ter fin e con moi poucos visos de chegar a algún acordo debido ó trato intervencionista, proteccionista e garantista que países como os da UE ou os EEUU lle confiren as súas políticas agrarias. Estas políticas frean en seco as aspiracións lexítimas destes países máis pobres (ó primeiro mundo interésalle a existencia dun terceiro e incluso cuarto mundo para poderse aproveitar dos seus recursos dun xeito máis doado) pero coa dignidade suficiente para competir en igualdade con outros productores, indistintamente da súa orixe. Debe e ten que ser o consumidor final, en función do seu criterio e das valoracións que libremente él dispoña o que xulgue o éxito ou o fracaso dun producto, e polo tanto se quere ou non consumilo.

É obvio que a OMC aínda ten moito traballo por diante para conseguir a plena liberalización comercial a nivel mundial, dado que esta nin tan se quer se dá a escalas nacionais ou intranacionais (pénsese no caso do leite en Galicia) e cada vez son máis as voces críticas coa organización precisamente por estar ao servizo dos grandes intereses do primeiro mundo e non atender ós obxectivos polos que foi creada ademais de supor un aporte burocrático.

De tódolos xeitos, como defensor liberal do comercio, penso que é un comezo, terriblemente lento, pero un comezo ó fin e o cabo.

A ver que acontece.

29 de dec. de 2012