Amosando publicacións coa etiqueta German Castro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta German Castro. Amosar todas as publicacións

Luís Fernández Paz e o seu laúde

Germán Castro Tomé.- Un dos impactos emocionais máis negativos que sufrín no Seminario de Mondoñedo foi a morte dun condiscípulo vilalbés, Luís Fernández Paz. Un día, á volta dun dos habituais paseos pola comarca mindoniense, atopouse mal, con algunhas molestias intestinais. Deitouse e ao día seguinte, un compañeiro que ocupaba unha habitación contigua, José Ramón Franco Trashorras (Riotorto, Mondoñedo), hoxe avogado con residencia en Madrid, vendo que non se levantaba, que non ouvía ruído algún no habitáculo que tiña á beira, asomouse para ver e atopouse a Luís na cama, onde xacía xa cadáver. Nunca esquecín este tráxico episodio -imaxínome o shock de Franco Trashorras- de morte súbita nunha persoa tan nova, tería 15 ó 16 anos, moi apreciada por todos os alumnos. Foi un feito luctuoso que sumiu na tristeza a toda a comunidade de seminaristas. Na retina quedoume unha fotografía: Luís Fernández Paz punteando o seu laúde.

Comentando o caso recentemente -con motivo da posta en marcha dun acto de recoñecemento ao Seminario de Mondoñedo, que se celebrará no último trimestre do ano- outro compañeiro de Seminario e de oficio, o xornalista ortegano residente en Madrid, Ramón Barro Bello, dicíame "era louro, tiña cara de angelote e mostraba unha especial sensibilidade pola arte e, particularmente, pola música na que se realizaba a través do seu laúde. Non lle falases de fútbol e outras actividades nas que nos mergullábamos a maioría", precisaba Ramón Barro. Precisamente, nunha foto que loce a Web da homenaxe ao seminario coa que se ilustran estas liñas, aparece Luís, formando corpo de teatro cun grupo de compañeiros entre os que se ve co seu inseparable instrumento de corda. Nalgunhas ocasións, eu, que tocaba a harmónica, téñome reunido con Fernández Paz no intento de combinar ambos os instrumentos, corda e vento, e, se o recordo non quedou desvirtuado polo tempo, creo que o resultado era bastante aceptable. Teño tamén presente que estaba moi unido na amizade co seu paisano Manuel Cillero Hermida, que logo, xa crego, teriamos por aquí, por Ferrol, até o seu pasamento.


Naturalmente, entre os elixidos contaba, así mesmo, o tamén extrañado Bernardo García Cendán, igualmente moi querido e lembrado en Ferrol e ao que penso noutro momento dedicar unhas liñas. Transcorreron moitos anos, medio século longo, e moitas vivencias hanse difuminado no noso particular "disco duro" e nas páxinas, xa cor sepia, do libro da vida en común desenvolvida nos anos cincuenta entre as paredes claustrais de Vilanova de Lourenzá, primeiro, e Seminario de Santa Catalina de Mondoñedo, despois. Avivada a miña conciencia de chairego de sangue e de antigo compañeiro de Seminario, quero neste honroso espazo que me brinda A Voz de Vilalba deixar constancia de memoria e recoñecemento a este mozo, que desgraciadamente nos abandonou de maneira prematura, pero que todos, de xeito singular os do curso 1954, lembraremos sempre.

12 de mar. de 2015

Lembrando a Álvaro Paradela

Germán Castro Tomé.- Un ano máis hei de lembrar a figura de Álvaro Paradela, ao cumprirse o vindeiro día 13 de decembro o trinta e cinco aniversario do seu pasamento, atropelado por un coche cando se dispoñía a pasear o seu can pola Estrada de Castela (Narón), en cuxas inmediacións tiña a súa residencia e consulta como médico rural. Paradela (Amaro Orzán) é un personaxe completamente esquecido dos ambientes literarios galegos e, sinceiramente, sen ter -dadas as miñas limitacións- vara de medilo como o faría un profesional da crítica, non entanto permítome afirmar que relegalo ao esquecemento é unha inxustiza manifesta. Eu, pobre do min, cheguei a editar "Diálogos con Álvaro Paradela. Ensaio, poesía e xornalismo" coa sa intención de contribuir á súa recuperación, pero foi un van intento. É verdade que a súa obra (A rosa que canta, esquelete espiritual dun home, asimetría glandular, a Galicia que doe, Irmaus tolos...) chegaba só aos amigos, -unicamente sálvase "Sabencias", que foi editada por Galaxia-xa que lanzaba edicións non venais.

A súa popularidade como columnista e tamén como poeta foi moi notoria nos anos sesenta e setenta. Era un gran afeccionado aos neoloxismos, o caso máis "glorioso" é o vocábulo Ferrolterra, e defensor da galeguización da toponimia. Freijeiro pasou a ser Freixeiro desde que el asentou en Narón, por citar un exemplo ben próximo. Chegou a falar tamén da posibilidade de crear un TBO, cómic galego para adultos, con historietas, retrancas paisanas, noticias, resumos literarios en cor, caricaturas, etc.

Como posúo toda a súa produción en narrativa breve os "Cadernos de Amaro Orzán" non descarto que algún día, se teño o apoio pertinente, podería chegar a editarse unha antoloxía daqueles contos, preñados dun gran sentido do humor irónico e crítico, cos que, non seu aniversario, obsequiaba a unha ampla relación de amizades, incluídos xornalistas de aquí e de alá que daban sempre acuse de recibo nas súas respetivas columnas de prensa.

A nivel cidadán, fai bastantes anos deuse o seu nome a unha praza de Narón, máis recentemente, unha rúa na Coruña a proposta da Asociación de Prensa coruñesa, e en Ferrol, a Sociedade de Artistas Ferroláns (SAF) convoca anualmente un concurso de relato curto. Amaro Orzán, pseudónimo que popularizou, nacera na Coruña onde exerceu como médico e a súa traxectoria profesional desenvólvese, ademais en Curtis, período breve, e en Narón, onde se estableceu definitivamente en 1960, etapa á que corresponde a súa maior produción creativa como narrador, poeta e columnista. Chegou a militar no movemento anarquista e estivo a piques de ser "paseado" no 1936.

9 de dec. de 2014

De lazos e perfís

Germán Castro.- 

Escribir en A Voz de Vilalba é tender unha ponte cara ás miñas raíces. Por iso agradezo a invitación do meu amigo e colega Moncho Paz. Son nado en Ferrol e nesta cidade desempeñei sempre a miña profesión de xornalista, incluído certo compromiso persoal coa cultura e a sociedade. Pero polas miñas veas só corre sangue chareigo, xa que os meus pais son ambos dos Vilares de Guitiriz, emparentados para máis datos, co poeta Díaz Castro, homenaxeado este ano como figura das Letras Galegas. A nai de Xosé María e o meu avó paterno, Nicolás dos Manchás, eran irmáns.

Digo isto, primeiro porque é unha honra para a familia, algo que é obvio, e segundo porque acentúa, ou iso penso e sinto, os meus lazos coa Terra Chá. Aínda que estiven nalgunha ocasión co poeta, non podo afirmar que tivese unha gran proximidade con el. (Na foto que ilustra este comentario estamos a familia Castro Tomé -son o terceiro pola dereita-  na voda dun irmán meu en Madrid (1967) a que asistiu o poeta, primeiro pola dereita). No entanto, a figura de Díaz Castro vai comigo desde a máis tenra infancia. O meu pai, primo do bardo chairego, púñanolo sempre como exemplo de superación no profesional e de sensibilidade e talento no eido da poesía.

Cando o meu proxenitor observou a miña tendencia polo oficio de xornalista, que descubrín moi pronto,  repetiume o que en moitas ocasións anteriores dixérame "A ver se imitas ao primo poeta que vive en Madrid". Xa me gustaría, non xa conseguir o seu nivel, impensable desde todo punto de vista, senón simplemente balbucear un pouco nese máxico universo da creación poética. Pero, un par de puntos en común si temos, ademais dos lazos de sangue: os dous militamos na palabra escrita e os dous pasamos polo "filtro" do Seminario de Mondoñedo, salvando, claro, as distancias no tempo.


E no que respecta á xenética teño que confesar que me recoñezo nalgúns trazos acusados do seu perfil, que tamén se mostraban moi presentes no meu pai. Por exemplo, a timidez, que eu tiven que superar necesariamente polo traballo de xornalista e o gran temor do ridículo que nos impele a que practiquemos un alto grao de autoexigencia en todo o que facemos con repercusión pública. Á marxe destes apuntamentos moi subxectivos, para rematar invocarei ao columnista da Voz de Vilalba, Antón de Guizán, nobre fillo de Lanzós, que nun artigo que titulaba "Ser chairego, unha honra" (02-09-2014) tivo o xeneroso xesto de incluírme na relación con outras personalidades adxudicándome o carné de chairego por razóns de sangue, rango do que me prezo á vez que xubiloso coa maior humildade.

26 de nov. de 2014