Amosando publicacións coa etiqueta Jacobo Otero. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Jacobo Otero. Amosar todas as publicacións

Panderetas Power

Jacobo Otero Moraña. -

Cando escribo, sexa artigos, novelas ou relatos, xamais me preocupa se son máis ou menos simpático, o ben que lle vou a caer á xente ou se me aproximo ao ideal do politicamente correcto. Desligarse daquilo que un cre en base da tan manida obxectividade considero que é tarefa imposible e, por tanto, non me esforzo o máis mínimo en puír arestas tentando demostrar aquilo que non son ou volvéndome abanderado de causas nas que non creo. Dito isto, xa lles adianto que de música se pouco. O meu oído e gusto pola lírica quedou mutilado de raíz o día que certo profesor con nula didáctica, soltoume un pau na man por pór mal unha nota no pentagrama. Aínda que eran outros tempos, facer iso cun neno de oito anos sígoo considerando motivo de comparecencia ante un tribunal previa inhabilitación para a docencia a perpetuidade. Aínda así, ese non é o eixo central deste artigo, senón a polémica que se suscitou en torno ao xurado do Festival de Benidorm e as nosas TANXUGUEIRAS. Repito. Isto non vai de tópicos nin de apoios incondicionais ás "pandereteiras". Agora ben. Se comparas a súa actuación con outras que si contan co favor dos xuíces, un pregúntase moitas cousas. E é que as mozas poden cantar ese folk sincrético e gustar ou deixar indiferentes, pero a súa posta en escena (a diferenza de boa parte dos seus competidores) é maxistral. Chegados a este punto, que interese oculto move os fíos para que non se lles recoñeza o seu indubidable talento musical e escénico? Ignóroo. E dubido moito que, máis aló do círculo interno que rodea á organización do evento, chegue a filtrarse a menor pista. Por iso, non me queda outra que remitirme á famosa entrevista que lle fixeron a Orson Welles en París a comezos dos 60 do século pasado. O atrevido xornalista preguntaba ao xenio se algunha vez lle dera un papel a un amigo malia o pouco ou nulo talento demostrado. Welles admitiu ao momento que si. 
—Avergóñase diso? —seguiu á carga o reporteiro. 
—Por suposto. 
—E aínda sabendo que co seu proceder arbitrario, deixa fóra a alguén con verdadeiras aptitudes, volveríao a facer? 
—Sen dúbida. 
Pois xa ven. Seis décadas despois,segue ocorrendo o mesmo. Non hai máis preguntas  señoría.

29 de xan. de 2022