Amosando publicacións coa etiqueta Manuel Bragado. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Manuel Bragado. Amosar todas as publicacións

Medra o fracaso escolar

Manuel Bragado.-

O incremento da taxa de fracaso escolar en Galicia é unha das peores noticias políticas dos últimos tempos. Segundo as cifras do Ministerio de Educación no ano 2011 a taxa de abandono educativo temperán (os 41.739 mozos e mozas galegos, entre 18 e 24 anos, que non completaron a ESO ou descartaron seguir estudando) medrou do 20,8% ao 23,1%, unha porcentaxe que duplica á do País Vasco, 11,5%, a mellor das comunidades no eido educativo. En todo caso o incremento desta taxa en Galicia contrasta coa tendencia á baixa no conxunto do estado, a pesar de ser inferior á media estatal, 24,9%, superior á europea en máis de dez puntos.

Este incremento das taxas de fracaso escolar en Galicia afástanos do obxectivo 2020 da Unión Europea situado por baixo do 10%, unha converxencia educativa imprescindible para asegurar a competitividade e reducir as taxas de desemprego na mocidade.

A pesar do carácter multicausal e complexo da orixe das taxas de fracaso escolar, nas que inflúen diversos factores sociais e estruturais, é indubidable que as políticas de recortes (redución do profesorado, aumento das horas docentes, aumento do número de alumnos/as por aula, redución do dos programas de diversificación e atención ao alumnado con dificultades…) comezadas en 2009 pola Consellaría de Educación do goberno Feijóo van facendo efecto sobre o alumnado máis vulnerable. Ese 9,7% da mocidade galega sen título de ESO, esoutro 13,4% que abandona de forma temperá o sistema educativo son dúas cifras clave para perfilar o triste retrato do retroceso na calidade educativa en Galicia. Moi preocupante.

bretemas.com

29 de abr. de 2013

Galician Songs

Manuel Bragado.-

Saber de libros da literatura galega traducidos a outras linguas é para min unha das noticias profesionais máis estimulantes. A carencia dun programa público ou dunha estratexia país de proxección da literatura e da edición galega no mundo (cuxa necesidade teño reiterado aquí até o aborrecemento) é suplida, até hoxe, unhas veces por iniciativas illadas de editores internacionais de curiosidade entusiasta e outras polo azar ou polos vieiros da providencia laica. Concibo cada unha destas edicións traducidas coma un milagre que debemos celebrar.
A comezos desta semana recibín un exemplar de Galician Songs, a edición de Small Stations da tradución de Erín Moure de Cantares gallegos. Un fito na nosa historia literaria, que coincide por riba coa celebración do cento cincuenta aniversario da proeza de Compañel, xa que se trata do primeiro libro completo en inglés de Rosalía de Castro. Onte recibín a imaxe da cuberta e contracuberta da edición coreana d’ O lapis do carpinteiro, publicada pola editorial Illusionist, coa que esta novela de Manuel Rivas acada as trinta linguas traducidas. Outro fito extraordinario para a nosa historia literaria, o do libro máis traducido da nosa lingua. Coreana tamén é a fermosísima edición da última tradución d’ O único que queda é o amor, o libro de relatos polo que Agustín Fernández Paz recibíu o seu premio nacional. Tres milagres que celebramos con fachenda na alborada da festa rosaliana.

www.bretemas.com
baixo Licenza (CC BY-NC 3.0)

24 de feb. de 2013

Pardo de Cela

Manuel Bragado.-

O achado do testamento do mariscal Pardo de Cela cuestiona a lenda de quen foi considerado pola historiografía galeguista como o derradeiro noble galego resistente. Segundo o historiador Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, o mariscal nin foi partidario de dona Xoana a Beltranexa nin foi irmandiño nin foi degolado o 17 de decembro de 1483 (senón o 3 de outubro do mesmo ano) e, por riba, deixou un fillo bastardo. Mi madriña!

Esváense así entre a brétema da historia algúns dos compoñentes principais do mito forxado arredor do heroe decapitado na praza Maior de Mondoñedo (por mandato do gobernador do Reino nomeado polos Reis Católicos), case un mártir do que sería unha Galicia tardomedieval independentista dirixida pola súa nobleza. Mito acuñado, en boa medida, polos historiadores románticos do século XIX, primeiro por Benito Vicetto (Los hidalgos de Monforte) e logo Manuel Murguía, recollido no século XX por Vicente Risco, Castelao, Leiras Pulpeiro ou por Ramón Cabanillas e Antón Vilar Ponte na súa traxedia en verso O Mariscal, e que chega aos nosos días. No obstante non debemos chamarnos a engano, xa hai tempo, o historiador Carlos Barros puxera en evidencia algunha das falsidades que se teceron sobre a figura do mariscal como dalgúns outros mitos da historiografía galeguista alicerzados no tránsito decisivo entre a Idade Media e a Moderna. Abandonar de vez o enfoque decimonónico (mítico) da historia política de Galicia e ofrecer un relato alternativo baseado en datos e fontes contrastadas é unha condición imprescindible para desenvolver no século XXI o discurso de Galicia como nación europea.

www.bretemas.com
baixo Licenza (CC BY-NC 3.0)

27 de xan. de 2013

-26,37%

Manuel Bragado.-

O adianto das cifras de rexistros do ISBN da edición realizada en 2012 polas editoras privadas (sen incluír os de autores-editores) confirma a tendencia da aceleración da diminución do número de títulos e do volume das tiradas. Os editores en España publican menos títulos e menos exemplares de cada un deles. No caso da edición en Galicia, a pesar do aumento da edición dixital, que en 2012 supuxo o 12,7 % da nova oferta editorial (280 títulos), as editoras privadas publicaron 2.190 referencias, unha cifra que nos sitúa moi lonxe dos 3.384 de 2011, a pesar de que nesa cifra estivese incluída a edición pública e a realizada por autores-editores. Outrosí sucede na edición privada en galego que se reduce nun 26,37 %, xa que pasa dos 1.820 títulos de 2011 aos 1.340 de 2012, unha diminución moi significativa (480 referencias menos), xa que en 2011 o número de títulos en galego diminuíu nun 16,30 %. Non é un disparate estimar que nos dous últimos anos a edición privada en galego reducíu nun 40 % o número dos seus títulos. E, se a esas cifras descontásemos o incremento que supuxeron os títulos dixitais, non é difícil estimar que no furacán destes dous anos de crise a edición privada impresa en galego se reducise á metade. Datos para a reflexión do sector e das administracións públicas sobre as políticas actuais de lectura e de promoción da lingua galega.

www.bretemas.com

20 de xan. de 2013

En Vilalba con Agustín





Manuel Bragado.-


A Casa da Cultura de Vilalba quedou pequena para acoller ao centenar longo de persoas que participaron na presentación d’ O rastro que deixamos e do nomeamento de Agustín Fernández Paz como socio de honra do Instituto de Estudos Chairegos. Tras a fermosa e completa semblanza que do autor realizou Manuel Castro Santasmariñas, Isabel Soto, a editora do libro, conversou con Agustín sobre os temas principais dun libro construído sobre  dúas trabes, a memoria da infancia, e polo tanto a memoria da Vilalba dos anos cincuenta do século pasado, e a reflexión sobre o oficio de escritor. Un libro no que como editor sei que está o Agustín máis xenuíno, máis próximo e entrañable. Nestas páxinas d’ O rastro que deixamos está o ADN do fillo de Antoania e Antonio, o que fixo das Fontiñas o centro do mundo.
Como xa fixera na presentación de Vigo,  Agustín salientou que para todas as persoas «a infancia é esencial xa que é cando descubrimos o mundo», para expresar despois a importancia que tivo para el As Fontñas, o seu barrio, como Vilalba, a súa vila, os seus primeiros círculos concéntricos, lembrando que «todo lugar, toda vila é Macondo se se sabe contar». «A memoria, felizmente, é traidora, non é un rexistro fotográfico. Hais cousas que se esquecen e outras que se deforman. Como hai outras se sempre se lembran. Este é para min o caso da señora Xenerosa «A capadora» que viña quentarse á cociña da miña avoa. Contaba contos de medo que para min continúan sendo excepcionais. Outrosí sucede co cesto de Beti cheo de tebeos. Son fíos de memoria cos que un escrtior constrúe o o seu mundo. Neses fermentos están os fíos da vida que logo utiliza na súa obra». Logo relatou como descubrira a lectura da man do seu pai. «Meu pai e toda a súa familia lían moito. O tío Se tiña un baúl cheo de novelas, un feito que recollín en varias das miñas ficcións. Meu pai tiña unha biblioteca, dous andeis de libros, onde me aprendeu o devezo de ler. Son escritor grazas ao meu pai que me meteu este devezo de ler, que logo, anos máis tarde, me levou ao de escribir». Foi emocionante o relato de Agustín de como coñeceu ao escritor Álvaro Cunqueiro. «Foi na carpintaría familiar encargando unhas caixas para uns capóns que comprara para enviar a Néstor Luján e outros comellóns de Barcelona. “Este señor é don Álvaro Cunqueiro”, dixérame meu pai. Grazas aos libros de Cunqueiro, que o señor Crende prestáballe ao meu pai, descubrín que había libros en galego». Outras cuestións abordadas na conversa con Isabel Soto foron as referidas o oficio de mestre de Agustín, como membro dunha xeración de ensinantes «que quixemos facer unha escola democrática e íntegra», así como os seus inicios no oficio de escribir. Despois, a conversa estendeuse ao público, rematando o acto co nomeamento de Agustín como socio de honra do IECHA e cunha longuísima sesión de asinaturas. Un serán para a memoria dos que alí estabamos.

Publicado orixinalmente en  http://bretemas.com/onte-463-en-vilalba-con-agustin/, baixo licenza Creative Commons  (CC BY-NC 3.0.

16 de dec. de 2012