Amosando publicacións coa etiqueta Moncho Paz. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Moncho Paz. Amosar todas as publicacións

Bufón e amigo de Prisciliano

Moncho Paz. -

Acaba de cumprir os setenta e na actualidade lidera a Igrexa Patólica no barrio madrileño de Lavapiés, onde me recibe solemne e co seu uniforme de gala. Recoñecido mundialmente polas súas extravagantes actuacións teatrais e innumerables accións provocadoras, procede dunha antiga liñaxe de comediantes excéntricos e de pallasos circenses chegados de Italia, Francia, Inglaterra, Austria e Polonia. Amado ou odiado polo bufón que é, nunca buscou o consenso como artista ou como home. A súa arte, libre de convencións, ofrece ao público unha experiencia apaixonante, sensacional e estremecedora, onde a provocación é unha linguaxe e non un propósito. Refírome a Leo Bassi (Nova Iorque, 1952), membro de Amigos de Prisciliano, Europa Laica e máximo representante da Igrexa Patólica no planeta Terra.

O patolicismo é unha verdadeira relixión que sacraliza o humor e a risa como expresión do máis alto intelecto humano. Chámase así polo culto ao deus Pato, unha divindade a imaxe e semellanza dun pato de goma amarelo de bañeira. O deus Pato representa valores fundamentais como a humildade, o optimismo e o espírito lúdico, pero reivindica tamén o dereito á burla como acto transcendental. A Igrexa Patólica declárase filla da Ilustración e defensora da dúbida como escudo contra escurantismos, totalitarismos ou supersticións. E cada domingo, calquera pode asistir ás misas ateas e mesmo pasar polo altar para contraer matrimonio patólico, nunha cerimonia oficiada polo propio Bassi.

Leo pasou a súa infancia no circo familiar, viaxando continuamente, nunca tivo un país de referencia e sempre garda a lembranza de grandes cómicos como Groucho Marx, Charlie Rivel e outros recoñecidos membros da escena teatral que tamén facían cinema e tiñan o circo como denominador común. “Vivín sen ter un país propio, seguindo aos meus pais por camerinos, pistas, carpas, teatros… e mudando constantemente de rexistro, dun idioma a outro. A miña familia actuou durante moitos anos en Estados Unidos, Canadá, Austria, Francia, Italia… Así cheguei a converterme en cidadán do mundo. Outro recordo é coñecer a grandes personalidades de clase humilde; porque non crecín entre aristócratas, senón co pobo, coa xente máis básica, pero que tiña un orgullo de non depender de ninguén e ser totalmente libre. A última vez que vin o interior dunha escola tiña quince anos, non cursei estudo oficial algún, fíxeno todo pola miña conta até chegar á Universidade, lendo libros nos intres libres”, confésame cun amplo sorriso.

Bassi é un autodidacta en toda regra, como a xente do circo. E coa referencia permanente de grandes iconas. O seu pai traballou co Gordo e o Fraco, el era moi pequeno cando finaron, pero coñeceu moitas anécdotas deles. E o seu avó fixo o propio con Sydney Chaplin, o irmán de Charlot. A educación de Leo baseouse na idea de que non hai que axeonllarse ante ningún poder. “Somos igual de fortes ca o máis forte. A mentalidade americana do self made man, o eterno misterio do bufón que se outorga a si mesmo o dereito para insultar ao rei ou ao emperador, sen necesidade de que alguén llo ordene, senón porque se cre con ese dereito”. Charles Chaplin, Charlie Rivel ou Groucho Marx demostrárono. A proba está  no poder de Chaplin, que mentres tiña problemas coas autoridades norteamericanas, escribiu, dirixiu e protagonizou a película “Tempos modernos”, unha crítica feroz ao capitalismo salvaxe e ao taylorismo. 

O seu pai contáballes que na rouloute da familia Bassi había tantos fillos (sete) que xa non cabían todos dentro. El era un dos máis pequenos e a súa avoa fixo unha caseta baixo aquel fogar móbil con camas, metía alí aos nenos e despois pechaba, así que o seu pai tiña que ouriñar antes de ir durmir porque despois quedaba encerrado toda a noite. Isto contábao con orgullo, e el fica fachendoso de proceder dun mundo así; se puxo en marcha proxectos como o Bassibus ou a Igrexa Patólica é porque non pensa axeonllarse fronte a señores como Rouco Varela, persoeiro polo cal amosa especial antipatía.

Antes de despedirnos até a vindeira ocasión, non podo evitar preguntarlle como se considera en realidade. Bufón, pallaso ou provocador? “Bufón, sen dúbida, porque é o que represento”, responde sen matinalo demasiado, aínda que axiña explica que “o pallaso perdeu moita da súa forza, quedou relegado á imaxe de pais e fillos rindo xuntos e a min nunca me interesou ese tipo de pallaso”. Garda na casa carteis do século XIX onde se anuncian actuacións de circo con pallasos e indícase “función prohibida aos nenos”. De feito, o circo era considerado un dos espectáculos máis atrevidos da época, pensaban que era demasiado sofisticado e daba excesivo medo para que entrasen os raparigos; a idea de que o circo se identifique cos máis pequenos é propia dos séculos XX e XXI. 

Nas  pantomimas e “performances” que organiza polo mundo adiante, Leo Bassi reivindica permanentemente a figura do bufón e tamén do circo como era antes, cando o histrión precisaba ao resto de artistas. “Os bufóns son músicos, malabaristas, acróbatas… e representan para o pobo un traballo manual difícil, por iso son dignos de admiración”. Así remata unha conversa apaixonante con este home de mundo, a quen aproveito para convidar a que visite Vilalba, berce de mentes ilustres e terra sempre acolledora co viaxeiro. Parabéns no teu día, amigo Leo!!!

26 de set. de 2022

Korczak terá o seu espazo en Compostela

Moncho Paz

Hoxe cúmprense 80 anos do pasamento de Janusz Korczak, médico pediatra nado en 1878 no seo dunha familia xudea polaca. Dende 1912 dedicouse a coidar meniños orfos, sen familia ou desamparados. En 1940 foi obrigado polos nazis a trasladarse co persoal do orfanato e douscentos raparigos ao gueto de Varsovia. A resistencia xudea quixo axudalo clandestinamente para salvalo dunha morte segura. El só puxo unha condición: sacar primeiro aos rapaces. Mais non foi posible.

0 6 de agosto de 1942 os nazis deixaron baleiro o hospicio e levaron aos nenos ao campo de exterminio de Treblinka. Korczak acompañounos naquela derradeira viaxe e estivo con eles ata o final. O Concello de Santiago aprobou hai uns días o nomeamento dun espazo público na súa memoria, convertendo a Compostela na primeira cidade en recoñecer a súa figura en España, que pasará así a formar parte do conxunto de países que homenaxearon a este home senlleiro. Parabéns pola iniciativa.

 


6 de ago. de 2022

Adeus a "Mincho" Villar


Moncho Paz. -

As Letras Galegas están de loito. Foise Mincho. Falar de Domingo Villar, finado hoxe aos 51 anos debido a unha hemorraxia cerebral fulminante, é falar da ría de Vigo e da novela negra como xénero literario, por nacemento e por vocación. Nado na cidade olívica en 1971, o seu vencello coa urbe non foi só por familia, senón tamén por propia elección, como escenario de enredos e intrigas. Domingo exerceu sempre de “vigués universal”, aos catro ventos.

Autor dunha triloxía de éxito, que comezou en 2006, cando publicou o seu primeiro traballo 'Ollos de auga', foi realmente co segundo, 'A praia dos afogados' (2009) cando se consagrou no panorama estatal e internacional da novela negra, acadando un gran éxito en vendas e de crítica. Tras un parón de varios anos, asociado fundamentalmente ao pasamento do seu pai, en 2019 saiu do prelo 'O último barco', título da súa derradeira novela publicada. Nesta obra recupera a figura do inspector Leo Caldas como protagonista, un personaxe que -ademais da súa profesión de policía- tamén amosaba a súa paixón polo mundo da radio. Con nocturnidade e alevosía, como ten que ser.

Domingo -Mincho para os amigos- foi un dos nomes máis importantes do país neste xénero e un auténtico supervendas… E non só dentro do territorio nacional, pois tanto 'Ollos de auga' como 'A praia dos afogados' foron traducidas a máis de quince idiomas, levando as rúas da súa prezada Vigo natal máis aló das nosas fronteiras. En 2014 realizouse a adaptación ao cine de 'A praia dos afogados', dirixida por Gerardo Herrero, que contou con localizacións en Vigo, Nigrán e A Garda, así como cun reparto de actores no que atopamos a Carlos Blanco, Tamar Novás ou Marta Larralde.

Domingo autodefiníase como “pesimista alegre”. Grazas ás súas obras, recolleitou un gran número de recoñecementos, como o Novelpol en dúas ocasións, o Antón Losada Diéguez, o Premio Sintagma, o Premio Brigada 21, o Frei Martín Sarmiento ou o Libro do Ano da Federación de Libreiros de Galicia. Tamén foi finalista doutros importantes galardóns como os Crime Thriller Awards e Dagger International no Reino Unido, do premio Le Point du Polar Européen en Francia e do premio Martin Beck da Academia Sueca de Novela Negra.

Paradoxos da vida, hai un par de meses Domingo Villar recibía na súa cidade natal o título de Vigués Distinguido, por unha traxectoria literaria na que Vigo sempre estivo nun lugar moi especial; mais o seu maior recoñecemento, sen dúbida, foi a súa lexión de lectores -entre os que me inclúo- e o gran éxito co que encandilou ao público como autor. Un grande das nosas letras que hoxe nos deixou sen previo aviso. DEP, Mincho. Ata sempre e boa viaxe!!!

19 de maio de 2022

Do caso Matesa a vender cervexa

Moncho Paz.- 

No decenio de 1960, España viviu varios procesos de transformación sociolóxica. Entre eles, a transición do viño á cervexa, pasando da tradicional cultura tabernaria propia dos pobos e grandes vilas á cultura de bar característica das cidades. De feito, a produción cervexeira multiplícase por catro no conxunto do Estado: de trescentos corenta millóns de litros en 1960 a mil douscentos millóns en 1970, un incremento por riba da media europea. Atendendo a este contexto histórico, hoxe lembramos que hai exactamente medio século Manuel Fraga Iribarne pronunciaba unha interesante conferencia en Madrid, ante a asemblea da Asociación Española de Técnicos de Cervexa e Malta, onde explicaba -repleto de razón e de argumentos- que o sector da cervexa era o máis industrializado entre todos os das bebidas refrescantes. A súa maxistral intervención levaba por título “A economía do sector cervexeiro” e sobra dicir que o orador recibiu unha salva de aplausos por parte do afervoado público que asistiu ao evento. 
Pouca xente sabe que Fraga era daquela o director xeral de El Águila, compañía fundada en 1900 en Madrid e unha das máis consentidas pola ditadura. Aterrou no despacho da empresa cando deixou a xefatura do Ministerio de Información e Turismo en 1969 como consecuencia do caso Matesa, que estalou no mes de xullo e foi un dos maiores escándalos do final do franquismo, impactando de cheo no seo do goberno; para moitos historiadores, significou o comezo da fin do réxime. Coincidiu que naquelas datas, ademais, Franco designara oficialmente a Juan Carlos de Borbón como sucesor, noticia recibida con gran pesar polo Conde de Barcelona, que seguía a ser o xefe da Casa Real no exilio.
Podemos afirmar sen tapullos que a verdadeira transcendencia do caso en cuestión foi a súa repercusión política. O ditador, na súa liña habitual, non lle deu moita importancia ao principio, ollando cara a outro lado como de costume. Fraga era o principal representante dos azuis, un sector do goberno afín á Falanxe que non quería perder poder, enfrontado internamente cos tecnócratas, vencellados ao Opus Dei, que lograran gañarse a confianza de Franco pola súa participación no deseño do Plan de Estabilización de 1959 e nos posteriores plans de desenvolvemento que fixeron posible a milagre da recuperación económica durante a década prodixiosa.
O “león de Vilalba”, fiel ao seu carácter arroutado e colérico, non dubidou en utilizar ao seu favor os medios de comunicación do Movemento e, ao amparo da Lei de Prensa e Imprenta de 1966 que el mesmo impulsara, permitiu tratar o asunto cunha liberdade que deixou sorprendidos até aos máis adeptos ao réxime, coa finalidade de que o escándalo pasase factura política aos seus opoñentes; pero non calculou ben a xogada e acabou cesado fulminantemente nas súas funcións polo ditador, quen decidiu perdelo de vista durante unha longa tempada, encargándose persoalmente de mandalo a exercer a actividade privada lonxe do Pardo. Ademais de Fraga, que pasou a traballar en El Águila ate 1973 e logo foi enviado de embaixador a Londres, tamén foi depurado José Solís Ruiz, coñecido popularmente como “O sorriso do réxime”, que ocupaba a Secretaría Xeral do Movemento.
Experto en operacións propagandísticas, axiña fixo uso das súas influencias e encargouse de “recomendar” sen demora a venda preferente da súa marca ao eido turístico e hostaleiro. O slogan da campaña publicitaria do produto era sinxelo: “Se beben más”. Contaba o meu pai que un día de agosto de 1971, pouco antes do nacemento do meu irmán Mario, entrou apresurado no cafetería que tiñamos en Vilalba o Arturo do bar Submarino preguntándolle: “Ramón, ti tamén a recibiches?”. Referíase a unha carta comercial enviada dende Madrid e asinada polo director xeral de El Águila, convidando a ofrecer a súa marca de cervexas fronte a outras que se consumían no momento, como Estrella Galicia, San Miguel, Skol ou El Alcázar, esta última fundada en Jaén polos membros da familia Puga, que se establecera en Andalucía a finais do século XIX procedente de Lugo.
Tras o seu cesamento como ministro de Información e Turismo do goberno franquista, cargo que ocupou entre 1962 e 1969, Fraga recibiu en 1970 unha calorosa homenaxe en Vilalba por parte dos seus acólitos, promovida polo daquela alcalde Suso Gayoso. Para xustificar o acto, decidiron que sería un multitudinario agradecemento da veciñanza pola posta en marcha do Parador de Turismo, inaugurado en 1967 na Torre da Homenaxe do castelo dos Andrade. A consigna era clara e directa: “Mañá non pode quedar ninguén na casa”. Con tal motivo, organizouse un evento masivo de recoñecemento á súa figura, colocando o busto de bronce que aínda hoxe preside os xardíns da Alameda na capital chairega e que durante todo este tempo sufriu unha morea de atentados, chegando incluso a desaparecer e ser substituído por outro similar durante a derradeira etapa de Agustín Baamonde ao fronte da alcaldía. Cousas veredes...
A vida da moitas voltas. Fraga chegou á presidencia da Xunta de Galicia en febreiro de 1990. Eu daquela traballaba na Redacción de El Progreso en Lugo, tarefa que compaxinaba coa miña carreira de xornalismo na Facultade de Ciencias da Información en Madrid. En 1991 tiven a oportunidade de marchar a Cuba como reporteiro, acompañando á delegación de alcaldes galegos que percorrería a illa caribeña, nunha especie de acción política e mediática a xeito de sobremesa tras a visita oficial de Fraga en setembro daquel mesmo ano. Ao meu regreso, coñecedor de que eu era de orixe chairega e tamén estivera na perla do Caribe coa representación de mandatarios municipais da nosa terra, coincidimos nas xornadas de Comunicación Interdepartamental que a Xunta de Galicia convocaba cada ano en Vilalba. Diante de varios compañeiros da prensa preguntoume: Señor Paz, que tal lle foi en Cuba? Ao que respondín: “Moi ben co Galego Fernández, presidente. E a cervexa Hatuey está moi boa, mellor que a Cristal. Por certo, ademais do tradicional Cuba Libre, comprobei que teñen por costume pedir nos hoteis un combinado coñecido popularmente como Presidente, composto por unha medida de vermú vermello, medida e media de ron branco, varias gotas de granadina e un par de cubiños de xeo”. Quixen evitar calquera polémica. Coido que entendeu ben a mensaxe, pois asentiu cun sorprendente xesto -mestura de sorpresa e complicidade- e deu a cháchara por rematada. 
Voltando á súa etapa cervexeira, e unha vez que Fraga deixou as súas funcións como director xeral de El Águila para regresar á política, o grupo holandés Heineken adquiriu un terzo das accións da compañía. E en 1985 pechou a súa fábrica madrileña na rúa Xeneral Lacy, quedando o edificio sen uso ate a súa posterior remodelación como Biblioteca Rexional Joaquín Leguina. Asemade, comezou un proceso de centralización da produción nas plantas de San Sebastián de los Reyes e de Cuart de Poblet, vendendo algunhas das outras fábricas ou simplemente pechándoas. No ano 2000 fusionouse co grupo Cruzcampo, adquirido na súa totalidade por Heineken. Finalmente, en 2019 a compañía decidiu relanzar, con notable éxito, a marca El Águila, inspirada na receita orixinal. Como dato curioso, dicir que a cervexa preferida dos mexicanos de Jalisco é da marca Fraga, fabricada en Yahualica de González Gallo e que na actualidade comercializa sete variedades de diferentes sabores. Ironías da vida, non lles parece?


9 de maio de 2022

O regreso do Chapulín

Moncho Paz.-

Mércores 27 de febreiro de 1991. Un Opel Corsa GT branco avanzaba a toda velocidade dende o centro de Madrid ate Leganés. Destino: Sala Universal Sur, concerto de Mano Negra. Xulio Puentes guiaba o coche con pericia, acompañado de tres amigos: o seu homónimo Villarino, Luismi Vázquez e quen escribe estas liñas. Foi unha “noite de acción”, das que non se esquecen nunca. Ao ritmo da patchanka (con k de kilovatios) conseguimos achegarnos ao escenario e lanzar a nosa consigna ao unísono: Vilalba!!! O cantante, Manu Chao, atendeu o noso berro e respondeu co micro do mesmo xeito, mentres o seu irmán Antoine fixo o propio cun toque de trompeta. Apoteose total!!! Eramos grandes admiradores de Hot Pants e Los Carayos, as anteriores formacións dos Chao, cuxos vinilos formaban parte do amplo repertorio discográfico que tiñamos nos pisos de estudantes que compartiamos en Madrid a finais dos oitenta.

Sete anos despois, celebramos en Compostela o triunfo de Francia no seu Mundial de 1998, aínda que o noso corazón estaba dividido pola querenza brasileira, pois a súa selección chegara á final. Foi en A Feira das Mentiras, un espectáculo de cinco días no que cabía de todo: dende o circo da Caravanne des Quartiers ao primeiro campionato do mundo de futbolín, que contou coa presenza do seu inventor -Alexandre de Fisterra- na entrega dos premios. Aquela iniciativa multicultural e alternativa tiña tres espazos ben diferenciados: Pulpo Fiction, para seguer os partidos do Mundial de fútbol; Aldea Terremota, para recrear o ambiente das romerías populares galegas; e A Feira Feira, dedidado á artesanía e ás tatuaxes. Facendo uso da miña capacidade de inmersión, aproveitei aquel evento para que me tatuaran no lombo un paxaro azteca, que me estampou un venezolano chamado Andrés, e que co tempo e cos retoques necesarios convertiuse na estrela de California dos Red Hot Chilli Peppers. Esa decisión espontánea espertou unha especial complicidade co noso prezado Ramón Chao, alí presente, que aquela noite ensinoume a Mano Negra que tiña tatuada no brazo despois dunha viaxe por Colombia cos seus fillos e o resto da banda, o que lle valeu a reprimenda de Manu en Aracataca: “Pá, no se te puede dejar sólo”. E levaba razón. Aquela noite con Ramón e a súa familia foi a consolidación dunha amizade que rubricamos anos despois en París, na presentación da edición francesa de Prisciliano de Compostela e na posterior fundación de Amigos de Prisciliano, unha rede cultural de pensamento altermundista que aglutina todas as características do universo Chao: un realismo máxico que non ten nada que envexar ao de García Márquez, co permiso do mestre Cunqueiro.

Nunca esquecerei a final do Mundial 98, na que ao ritmo da música e da patchanka ("No llores mi vida no llores / Más lágrimas de colores / Llegó el Tramor con su tumbao…") fixemos un tren encabezado por Manu, Pepe e Ramón Chao Rego, Sari, outros familiares e amigos como Xurxo Souto, Pinto d´Herbón e Marta Pérez, a Berta do Camiño de Prisciliano. Ironías da vida, anos despois seguiría os partidos do Mundial 2018 -que tamén gañou Francia- na compaña dos meus fillos e varios colegas de profesión, sen esquecer aquel “tren de xeo e lume” que percorría hai vinte anos a noite meiga de Compostela ao son dos tambores da rebelión. Mais xa non estaba Ramón…  Foise, pero segue connosco; vaia paradoxo.

Manu Chao regresa agora baixo o sobrenome de 'O Chapulín solo', un proxecto acústico co que ofrecerá temas novos e de sempre sen perder de vista a ledicia, a loita e o compromiso que caracteriza a súa música. Deste xeito, recalará na compostelá Sala Capitol e na luguesa Sala Tebras cun total de catro actuacións, nun formato máis íntimo e persoal. As citas na capital galega serán os días 9 e 18 de marzo. E o domingo 13 e o martes 15 desprazarase a Lugo para subir de novo ao escenario xunto a Lucky Luciano e Miguel Rumbao, que o acompañarán á guitarra e á percusión, respectivamente. Son os primeiros concertos de Manu en terra galega dende 2014, cando actuou por última vez en Reperkusión, o festival ourensán de Bemposta no que o músico se involucrou con actuacións durante tres anos consecutivos. "Cancións de rompe e rasca, rolas musicarias, mundos ao revés, ekivokadas vidas, veciñas do patio e malegrías, despedidas clandestinas, rúas e máis rúas, vodas e banquetes, enterros e malas vidas". Así define o Chapulín Chao esta proposta, que supón o seu regreso a Galicia nestes concertos.

Nunha longa conversa que mantivemos hai dez anos en Barcelona, pregunteille a Manu: “Cando teremos unha Feira das Mentiras en Vilalba?” Ao que me respondeu: “Encantado, que non sexa por ganas. Unha Feira das Mentiras con Corte Miragreira. Ou grandilocuente, con carpas para dez mil, ou ben unha romaría preto do río. Non ten por que ser masificada. Trátase de implicar a xente de boa vontade e con liberdade de pensamento”. Aquí o deixo, co desexo de que volva máis cedo ca tarde por Reigada -a terra do seu pai- para organizar unha foliada á beira do Madalena.


2 de mar. de 2022

Unha lembranza para o Manuel


Moncho Paz.- Manuel María Fernández Teixeiro, o noso lembrado Manuel… Chairego de Outeiro de Rei, galego universal... O cantor da nosa terra, sempre co regato do Cepelo coma fonte de inspiración. Foi un destacado membro da xeración do 50, encargada de recuperar a nosa gloriosa tradición literaria. A primeira referencia súa chegoume na década de 1970, a través das colaboracións que publicaba nos programas das festas do San Ramón de Vilalba. Máis tarde, a comezos dos 80, tiven a oportunidade de coñecelo persoalmente, cando estabamos a preparar o libro “Seis escritores de Vilalba”, editado pola Deputación de Lugo en 1986. Lembro que o Manuel facilitara moitos datos sobre Xosé Luis García Mato, o Guedelliñas, que era un dos seus grandes amigos.


Atopámonos de novo en Monforte de Lemos a finais desa década. En 1989 eu comezaba a exercer o xornalismo como redactor de El Progreso en Lugo e Manuel e Saleta acollíanme -sempre agarimosos- na libraría Xistral cando visitaba a cidade do Cabe, a maioría das veces con Antón Grande, que daquela era o meu compañeiro de fatigas profesionais. En 1993 recibín con ledicia en Madrid os seus parabéns polo limiar que escribira para o primeiro libro de Miguel Barrera, Loita de Silencio, ao que dedicou un fermoso artigo en El Correo Gallego, baixo o título “Poetas transterrados”. De feito, Manuel sempre defendeu a idea da Escola Poética da Terra Chá, que definía como unha patria poética con personalidade propia, e dentro dela, o que deu en chamar "subescola poética vilalbesa", na que encadraba ao Barrera e a moitos outros creadores das novas xeracións.


Coincidimos durante anos nas feiras do libro en distintos lugares da xeografía galaica e tamén nas manifestacións das Letras Galegas en Compostela, ás que eu acudía puntualmente cada 17 de maio en compañía de Xosé Chao Rego. O Manuel levaba á nosa vila no corazón, por iso quixo que o seu discurso de entrada na Real Academia Galega fora lido en Vilalba, nun entrañable acto que se celebrou en febreiro de 2003 e no que recibiu a resposta de Méndez Ferrín. Un ano despois finou na Coruña, e logo do velorio ao que asistimos no Panteón de Galegos Ilustres, foi soterrado no cemiterio de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, como era o seu desexo. Ao Manuel gustáballe dicir "a palabra falada lévaa o vento, mentres a que se escribe, aínda que non se lea nunca, permanece sempre viva". Por iso Manuel María, home bo e xeneroso, segue vivo na nosa memoria e a súa poesía ficará sempre connosco.

10 de set. de 2020

A (des)leal oposición



Moncho Paz.- O mal comportamento da (des)leal oposición en España é impropio de calquera país democrático. Cun discurso destrutivo e obsesivo, orientado unicamente cara ao acoso e derriba do Goberno progresista. Con falsos argumentos, sen fundamento nin lóxica, redactados pola Fundación FAES e outras plataformas de ultradereita, dedicadas en corpo e alma a soster o discurso baleiro de Pablo Casado, os seus secuaces do fascio e a caverna mediática. 

Tratando de confundir á opinión pública mediante a xeración constante de 'fake news', un día tras outro. E coa connivencia dalgúns presidentes autonómicos que se encargan de manipular e desdebuxar esta dura e crúa realidade, adaptándoa ás mensaxes que transmiten -e retransmiten de forma machacona- a través dalgúns medios de comunicación, que aínda por riba están subvencionados con fondos públicos. A razón da senrazón. 

Agardo que a cidadanía actúe con intelixencia e tome nota; debemos combatelos con audacia e sen demora, para frear os bulos e rumores emitidos por esta banda de cavernícolas. Pensan que o poder correspóndelles por 'dereito divino', e esa é a súa primeira e principal equivocación.

3 de maio de 2020

Lembrando a Ramón Paz Guntín

Redacción.- Cando se cumpren pouco máis de catro meses dende o pasamento de Ramón Paz Guntín (1938-2019), propietario do establecemento coñecido popularmente como A Casa dos Marios, amigos e familiares queren render unha homenaxe moi especial a esta persoa tan prezada e lembrada na nosa vila. 

Con tal motivo, a vella tenda rexentada por Ramón abrirá as súas portas de novo durante varios días nas festas patronais de San Ramón e Santa María, para facilitar que os veciños e as amizades de dentro e de fora de Vilalba poidan achegarse e deixar por escrito as súas reflexións nun caderno habilitado especialmente para elo, recitar versos, tocar algún instrumento ou manifestarse baixo calquera expresión cultural. Por exemplo, o poeta vilalbés Miguel Barrera, gañador da XLV edición do Certame Literario, xa anunciou que o vindeiro 30 de agosto, ás 18 horas, recitará varios poemas en compañía do seu amigo Moncho Paz, xornalista e fillo do finado; e de Pilar Maseda, poeta da Rúa do Sol e na actualidade unha das voces do grupo Corredores de Sombras.

A Voz de Vilalba quere sumarse a esta homenaxe popular e ao longo da fin de semana, coincidindo cos días grandes dos festexos locais, publicará varias composicións poéticas dedicadas ao Chavito, alcume agarimoso co que coñecían os veciños a Ramón dende a súa etapa como xogador do Racing Club Vilalbés, na década dos anos 50 do século pasado. Socio fundador da Peña Celtista Excursionista de Vilalba, considerada a máis antiga do equipo vigués, o fútbol foi outra das grandes paixóns de Ramón, aficción que herdou o seu neto Xaime, que na actualidade milita nas filas da Sociedade Deportiva Compostela.

__________________
Foto.- O Chavito, visto por Yolanda Purriños.

28 de ago. de 2019

Barrera gaña o Certame Literario de Vilalba



Moncho Paz.- O poeta Miguel Barrera resultou gañador do XLV Certame Literario de Vilalba, coa obra Poema da rúa das aves (Capitulo II: Agora). A tráxica historia de Gata Non-Nata e como as Aves da Porta de Cima coidaron dos seus gatiños. O traballo foi presentado baixo o lema “Como pequenos estandartes”. O galardón está dotado con sete mil euros, diploma e flor natural e será entregado o vindeiro 30 de agosto na capital chairega.

O xurado, presidido pola alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro Fernández, estivo integrado por expertos no eido literario: Darío Villanueva Prieto, membro da Real Academia Española; Ramón Villares Paz, catedrático de Historia da Universidade de Santiago de Compostela; Fidel Fernán Vello, xornalista e director de Radio Principal; e Xulio Xiz Ramil, xornalista e fundador do portal cultural www.galiciadixital.com
A noticia sorprendeu a Barrera en Vilalba, recentemente chegado dende a súa residencia en Torrelaguna (Madrid) para disfrutar duns días de lecer entre amigos e familiares. Nado na nosa vila en 1964 e cunha dilatada traxectoria literaria e profesional, Barrera é autor de diversas publicacións sobre economía social e cultura no xornal El Progreso de Lugo e ten publicado poesía en xornais e revistas literarias, como Xistral e outras.
Conta no seu haber con varios libros de poesía: Loita de silencio (1993), Na árbore do desespero (Derradeiros poemas de Cándida), incluído no primeiro ‘Caderno de Estudos Chairegos’ no capítulo de Nova Poesía (2002) do Instituto de Estudos Chairegos, e Poemas do Tempo Silenciado (2006), animado polo grupo de poetas afincados en Madrid baixo a denominación de grupo Bilbao, entre os que destacan Vicente Araguas, Manoel Pereira, Xavier Frias e Rafael Yañez Jato principalmente. Ten inédito o libro “Amor Enteiro”, que aborda a poesía erótica e diversos textos en prosa. 

Barrera é vicepresidente e fundador da asociación Letras de la Sierra Norte en Madrid e ten publicado textos en galego e castelán na revista literaria Cartapacio. Asemade, formou parte do grupo de guionistas do proxecto cinematográfico "Una tela en blanco" e na actualidade é membro da xunta directiva de Amigos de Prisciliano, movemento cultural fundado en París polo escritor Ramón Chao que reivindica a figura do herexe decapitado pola Igrexa católica e a súa influencia na cultura galega.

Pregunta.- Como acolliches a noticia do premio?
Resposta.- Foi unha casualidade, pois recibín a chamada do xurado poucas horas despois de chegar a Vilalba. É para min unha gran ledicia e un gran orgullo, por ser un premio que ven da miña vila natal, e que conta cunha excelente dotación económica e cun prestixio que vai medrando ano tras ano.
P.- Que queda daquel Barrera que unha vez se autodefiniu como “fillo da contracultura”?
R.- Aínda segue vivo. Cando falamos de contracultura referímonos a un movemento cultural que agora estáse a perfilar como unha das revelacións para as novas xeracións. O que antes era un enfoque de minorías hoxe forma parte do quefacer cotiá. A contracultura viña a diferenciar un novo xeito de ver a vida e tamén visualizaba a idea de universalizar o eido cultural, tan propia dos anos oitenta.
P.- Como evolucionou Miguel Barrera dende Loita de Silencio?
R.- Foi unha reivindicación dos campos, ríos e recantos de Vilalba. Non era soamente un canto á Chaira, senon tamén á visión entre o sentido espido do mundo, onde pretendía interpretar o ar, o vento, as nubes e os intres tormentosos que pode experimentar calquera persoa nun determinado momento.
P.- Anticipáchete no tempo coa denuncia da violencia machista, en A árbore do desespero (1988)…
R.- En efecto, foi unha composición que puxen en boca dunha muller para denunciar a violencia machista, da que tanto se fala agora. Alí describo a anguria das últimas horas da antagonista, cando decide poñer fin á sua vida ao decatarse de que a sociedade protexe ao violento. Afortunadamente, cambiaron moito as cousas nesta lacra nos últimos anos, especialmente no que se refire á sensibilización da sociedade.
P.- E chegaron os Poemas do tempo silenciado, dende o exilio madrileño.
R.- En realidade son unha continuación de Loita de silencio. Forman parte dun período que transcorre en pouco máis dunha década, entre 1993 e 2003. Decateime de que o silencio era unha inxenuidade pola miña banda, ante a forza e a necesidade que tiña de seguir escribindo. O libro ten dúas edicións, unha feita en Madrid e promovida polo grupo Bilbao; e a que saiu meses despois como parte da colección da Biblioteca do Instituto de Estudos Chairegos.
P.- Dende sempre colaboraches con varias publicacións literarias…
R.- Comecei a publicar os meus poemas en A Voz de Vilalba, aló polo ano 1985. E sigo a facelo na actualidade na edición dixital; de feito, os meus poemas máis recentes neste medio teñen que ver con temas de actualidade, como o cambio político na nosa vila e a designación de Ricardo Carvalho Calero como protagonista da vindeira edición das Letras Galegas. Posteriormente, publiquei en varios números da revista Xistral e, no ámbito madrileño, na revista Olga, como continuación do meu labor como membro do grupo Bilbao; e na revista Cartapacio, da Serra Norte de Madrid. Este ano tiven a oportunidade de participar nun recital poético no Ateneo, onde recitaron no seu día Lorca e outros autores de prestixio e onde tamén celebraba Valle-Inclán as súas tertulias literarias. E participei tamén en numerosos libros colectivos.
P.- Tiveches unha fonda influencia dos poetas da Chaira.
R.- Manuel María foi o meu pai espiritual. Coñecino por vez primeira na carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, de onde tamén era natural o meu pai. E mantivemos unha relación de amizade dende comezos dos anos noventa, tanto literaria como epistolar. Non podo esquecer tampouco a Agustín Fernández Paz, que unha vez me dixo “Hai que ler un pouco todos os días”. E, lóxicamente, a Xosé Luis García Mato, o Guedelliñas, co seu estilo existencial e tremendista. O meu libro premiado e unha homenaxe aos poetas de Vilalba, esta terra pequeniña que ten un fondo extraordinario no corazón. Un acaba por voltar ao territorio íntimo, que no meu caso está cos poetas de Vilalba, coa súa temática, o seu xeito de escribir… Os mortos volven, e da maneira que se achegan a nós, interpretámolos de novo. Coñecinos a fondo a través do libro “Os poetas de Vilalba”, de Xulio Xiz.
P.- Que lecturas ocupan actualmente o teu tempo libre?
R.- En concreto, tres. Spoon River Anthology, de Edgar Lee Masters; El último barco, de Domingo Villar; e Sapiens, de Yuval Noah Harari. Tamén ando na relectura dos poemas de Patty Smith e na obra de Marcos Ana (1920-2016), poeta comunista e o preso que máis tempo pasou nos cárceres franquistas, un total de vinte e tres anos.

___________________________________
Foto.- Miguel Barrera, tras recibir a noticia do premio (Manuel París)

20 de ago. de 2019

Presentación de `La conexión gallega´


Redacción.- O vindeiro venres 22 de febreiro, Perfecto Conde estará en Vilalba para presentar a edición de 2018 do libro `La conexión gallega. Del tabaco a la cocaína´, un exemplo de xornalismo de investigación que creou escola nos profesionais galegos da información dende 1991, ano no que se publicou a primeira edición. O autor estará acompañado neste acto por Moncho Paz, xornalista e presidente de Amigos de Prisciliano, e por Marisa Barreiro, presidenta do Instituto de Estudos Chairegos. A cita será na Casa da Cultura da capital chairega, a partir das 20:30 horas. 

La conexión gallega, del tabaco a la cocaína, do xornalista Perfecto Conde Muruais, foi un libro verdadeiramente pioneiro. A súa primeira edición foi publicada a finais de 1991 e o seu contido inspirou investigacións e interpretacións posteriores que non sempre seguiron os parámetros do rigor minimamente esixibeis e que ás veces incluso rozaron os límites da apropiación indebida e o do plaxio. Porén, o autor está moi satisfeito de que a súa obra servira para valorar e poñer ao día un fenómeno tan importante e controvertido como é o do narcotráfico galego, que na actualidade é obxecto de series de televisión e de todo tipo de exposicións mediáticas.

Perfecto Conde naceu en Xinzo (A Pontenova, Lugo) o 13 de abril de 1943. Estudou Filosofía e Letras en Santiago e Xornalismo en Madrid. Comezou o seu traballo de xornalista no desaparecido Diario SP de Madrid. Foi secretario de Redacción da revista Chan, que dirixía o histórico Borobó, e traballou para TVE, a BBC, a Televisión Française 1, a Radiodifusão Portuguesa, os semanarios Triunfo, Cambio 16, Gaceta Universitaria, Teima, Qué ou Tiempo e para os xornais La Región, El Progreso, Avui e El Periódico de Cataluña. Dirixiu a primeira redacción da Gran Enciclopedia Gallega, editada por Silverio Cañada. Foi o primeiro correspondente do xornal El País en Galicia, ata 1982, delegado do Grupo Zeta en Galicia ata 1984, e redactor do semanario Interviú, publicación na que exerceu os cargos de xefe de Investigación e redactor xefe de Sucesos ata 1995. De volta a Galicia, foi director da revista Gam e xefe de Comunicación do Concello de Ferrol. Rematou a súa carreira profesional como redactor do semanario A Nosa Terra. É autor dos seguintes libros: "Galicia, realidad y conflicto social" (coautor, 1978), "Galicia infinda" (1994) e "La conexión gallega, del tabaco a la cocaína" (1991, reditado en 2018). Traduciu ao castelán o libro de Anne Marie Thiesse "La creación de las identidades nacionales" (2010) e "La isla de Rocamir" de Jean Ray (1972).

18 de feb. de 2019

Adeus ao "Gallego Fernández"



Moncho Paz.- O xeneral e heroe da República de Cuba, José Ramón Fernández Álvarez, coñecido popularmente na illa como "Gallego Fernández" e un dos dirixentes históricos da Revolución máis lonxevos, finou no día de onte aos 95 anos na Habana, segundo informou o xornal Granma. Fernández renovou a súa acta de deputado á Asemblea Nacional nas eleccións celebradas en 2018 e tamén era asesor do presidente dos Consellos de Estado e de Ministros do país caribeño, así como integrante do Comité Central do Partido Comunista de Cuba (PCC).

Fillo de emigrantes asturianos, naceu en Santiago de Cuba en 1923. A partir do golpe de Estado de Fulgencio Batista en 1952, participou en diversas actividades e movementos conspirativos ata a súa detención en 1956. Xulgado en Consello de Guerra, foi condeado a prisión e estivo na cadea ata o triunfo da Revolución, o 1 de xaneiro de 1959. Foi ascendido capitán en 1959, a comandante en 1961 e a xeneral de brigada na reserva en 1996.

Como membro das Forzas Armadas Revolucionarias destacou na defensa da illa contra o desembarco norteamericano en praia Girón, que tivo lugar en 1961 como tentativa de invasión de Cuba por parte de Estados Unidos, e que provocou a crise da Baía de Cochinos. José Ramón Fernández foi deputado na Asemblea Nacional do Poder Popular dende 1976 ata o seu pasamento e asumiu a vicepresidencia do Consello de Ministros de Cuba dende 1978 ata 2012.

Tiven a oportunidade de coñecer persoalmente ao “Gallego Fernández” en 1991, durante a miña primeira viaxe a Cuba como enviado especial. Impresionoume moito a súa presenza e o respecto e admiración que lle profesaban os seus colaboradores que, de xeito unánime, loubaban a súa traxectoria e o importante papel que desenvolveu na súa longa etapa como ministro de Educación (1972-1990). Na fotografía, estamos xuntos durante unha recepción oficial á prensa no Pazo da Revolución, o 9 de novembro de 1991. 

Como político comprometido con Galicia e con Asturias, a súa figura foi determinante nas relacións do Goberno cubano con ámbalas dúas comunidades, o que demostrou en moitas ocasións, especialmente na organización da visita institucional de Fidel Castro a Galicia en 1992, para coñecer a terra dos seus devanceiros. Como consecuencia deste compromiso co norte peninsular, en 2009 concedéuselle a Medalla de Ouro de Asturias, mentres que en 2004, durante a súa derradeira viaxe a España, recibiu o título de Fillo Predilecto de Oviedo, que lle fora concedido no ano 2000.
_____________________
Foto: Tito Diéguez (El Progreso)

7 de xan. de 2019

Pasaxe dun día inesquecible


Yolanda Novo Villaverde.- A fermosa e expresiva imaxe de Wozniak no cartaz anunciador do acto postmortem en lembranza de Ramón Chao Rego (Sempre Connosco!!) resultou premonitoria do logo acontecido nun lugar máxico de Vilalba. Ese Ramón rebelde voando ao ceo collido da súa moto, ante a admiración dos seres queridos que deixa -non sabemos se consternados ou cómplices de semellante trasnada fora de lugar e tempo- impregnaron, penso eu, esta senlleira despedida.

Alí, no Muíño do Rañego da súa Vilalba natal, o pasado 30 de xuño moitas persoas –ate máis dun centenar de toda Galicia-, encabezadas pola familia radicada en Francia, responderon ao dobre chamamento de Amigos de Prisciliano e mais do Instituto de Estudos Chairegos, coa finalidade de homenaxear e despedir ao noso fundador e presidente, Ramón Chao, na súa derradeira, sentida e prematura marcha.

O que comezou sendo unha xuntanza fraternal e familiar de tintes melancólicos en memoria do gran home, intelectual, amigo, compañeiro, pai, avó, artista das verbas, músico, axitador cultural e xornalista comprometido de prensa e radio, un galeguista universal, transformouse axiña nunha celebración que acadaba as mais brilantes e festivas cores (como tiña que ser, estando Ramón Chao polo medio e polas outras dimensións xa!). Así, as loubanzas e elexías mesturáronse coas anécdotas chispeantes e os risos; os maiores e vellos cos máis nenos; as mágoas cos saúdos e apertas agarimosas dos que non se vían hai tempo e tiñan en Ramón un referente común; as lembranzas coas novidades; a seriedade dos discursos coas músicas vitais e intensas.

Foi coma se pasado, presente e futuro dun vilalbés ilustre, e dos mundos que xerou na sua contorna, se deran cita e bailaran baixo a súa batuta, invisible pero certa. Aconteceu toda esta maxia aos sons folklóricos das gaitas e pandeiretas do grupo Buxos Verdes, aos acordes jazzísticos do dúo franco-vilalbés Caos -nada caótico, por certo- integrado por dous netos de Ramón, e coas cadencias e versos de Manu Chao, o fillo músico, que puxeron fin ao encontro interior, é dicir, baixo o teito do Muiño do Rañego. Toda unha estirpe de xente boa, coa matriarca Felisa á fronte, ía asomando discretamente en cada verba, en cada melodía, en cada silencio, en cada xesto.

Ao sairen ao bosque, os fulgores verdes das árbores e da vexetación, a calidez azul do ceo a piques de ter o seu sol no verán, a calor, a frescura brilante do río, as frores e achouchíos dos paxariños, foron quentando por dentro os ánimos da comitiva. Sentíase un bule-bule propicio ao delicioso paseo posterior ata o Piano Prisciliano, escultura en pedra ergueita dende 2015 en recoñecementp á querencia pola súa vila -e por Galicia- que amosou sempre Ramón, xunto cos seus dous amoriños: a música e a tradición priscilianista que pon en solfa á xacobea. Madia leva!!

Alí, ao carón do río Magdalena, nun dos seus recunchos, xa nadaban, inesquecibles, as cinzas do Ramón; e o cortexo adquiriu aires de romaría ao longo do Hectómetro Literario do Paseo dos Soños da Terra Chá, onde o “duende” inconformista, creativo, vitalista e pícaro do noso Chao a bo seguro conversa dabondo cos dos outros escritores chairegos tamén alí lembrados para sempre. Ao chegar ao piano, punto final do breve roteiro, a esposa Felisa, os fillos Antoine e Manu e demais familia de sangue, o cubriron cos seus brazos e aloumiños. E logo dunhas sentidas palabras do seu fillo Antoine en nome propio e de toda a familia, fixeron o mesmo as outras “familias” do escritor: amigos, admiradores da súa obra e traxectoria, priscilianistas, xornalistas, políticos e veciños de Vilalba. Pois o fillo da vila que fora pródigo por un tempo moi anterior, chegara a ser fillo do que estar moi orgulloso dende sempre.

Os Amigos de Prisciliano quedamos orfos do fundador desta iniciativa cultural e que fixera en 1997 o “Camiño de Prisciliano” en moto, acompañado noutra polo fillo Manu. Mais o espírito do mellor ‘pop’ contracultural, a rebeldía contra os desmáns dos poderosos avariñentos, o sentido crítico do maio do 68, o amor ao amor, a exaltación da vida e dos seus fulgores, a alegría como forma de resistencia, e outras moitas ensinanzas resilientes e rebeldes do tándem Prisciliano-Chao, perviven e pervivirán.

Agora o fan da man doutro Ramón, o seu prezado Moncho Paz, novo presidente -por expreso desexo de Chao- desta rede activista, multicultural e altermundista, testamentario simbólico do seu gran amigo e mestre, e home feito nos moldes e nos mimbres do tamén amigo Ignacio Ramonet, que asume a presidencia honorífica.

Eu nunca asistira a un funeral profano tan gozoso e cheo de vida. O querería para min…  se Deus e Prisciliano o permiten, por suposto!

____________________________________________
Yolanda Novo Villaverde é secretaria de Amigos de Prisciliano.

31 de xul. de 2018

Nova xunta directiva de Amigos de Prisciliano


Redacción.- Esta mañá celebrouse en Ourense a asemblea xeral da asociación Amigos de Prisciliano, unha rede multicultural e altermundista fundada en 2012 polo escritor Ramón Chao, finado hai dous meses en Barcelona. O evento tivo lugar en Casa Saborido, no barrio da Ponte, un dos espazos de encontro habituais dos simpatizantes priscilianistas en Galicia. 

O primeiro punto da orde do día era a elección da nova xunta directiva, que foi aprobada por unanimidade de todos os presentes, segundo a distribución de funcións que se detalla a continuación.

Como presidente herético seguirá á fronte Jean-Claude Carrière, máximo representante do surrealismo francés e que interpretou o papel de Prisciliano na película A Vía Láctea, de Luís Buñuel. O presidente de honra será Ignacio Ramonet; e da presidencia farase cargo Moncho Paz, en substitución de Ramón Chao e por expreso desexo do fundador. A vicepresidencia recae en Antoine Chao; e como secretaria, a catedrática Yolanda Novo Villaverde. 

A responsable da sede social en Compostela será María Mata Pereiro. E as delegacións quedarán organizadas por provincias e comarcas. En A Coruña, Alicia Castro Barreda; en Lugo, Gabriel Núñez Chao; en Ourense, José Manuel Saburido Forneiro; en Pontevedra, Afonso Ribas Fraga; na comarca da Terra Chá, Pilar Maseda Barrio; na Ribeira Sacra, Iria Fernández Crespo; e no Bierzo, Jesús Arias Jato, propietario do albergue Ave Fénix.

Na organización sectorial contarase con Xurxo Martiño como director artístico; na dirección de circo, Leo Bassi será o bufón principal; como director de Estudos Priscilianistas, asumirá a responsabilidade o teólogo Victorino Pérez Prieto; e como director de orquesta levará a batuta Xurxo Souto, músico e dinamizador cultural.

Da coordinación de vogalías encargarase Fermín Galindo Arranz, e da acción propagandística, Xosé Manuel Ledo Casebio. Por outra banda, nomeáronse uns embaixadores culturais para difundir a actividade da asociación a nivel internacional. Así, o embaixador en Francia será Jaime Chao; no Xapón, Tadashi Yamamoto; en Catalunya, Marta Pérez; en Euskadi, Kirmen Uribe; e en Madrid, Miguel Barrera. Como tarefa pendente, queda aprazado o nomeamento dun representante en Roma, cuxo primeiro obxectivo sería organizar un acto masivo nas catacumbas de San Calixto.

Como segundo punto da orde do día aprobouse a difusión da conferencia “Prisciliano, figura clave na cultura de Galicia”, que correrá a cargo de Victorino Pérez Prieto. Durante o último trimestre de 2018, esta iniciativa será o eixo central das actividades que se organizarán ao longo da xeografía galega, e que contarán con acompañamento musical en cada unha delas.

A asemblea tamén acordou solicitar ao Concello de Vilalba, localidade natal de Ramón Chao, un recoñecemento oficial á súa figura, atendendo á presenza constante do seu pobo en toda a súa traxectoria literaria.

Finalmente, a asemblea de Amigos de Prisciliano votou a favor do establecemento de convenios de cooperación e intercambio cultural con outras entidades, tanto de Galicia como doutros puntos do Estado español e do resto do mundo. Na fotografía, Moncho Paz e Ramón Chao en maio de 2015, na sede da asociación en Compostela.

21 de xul. de 2018

Dúas noites do Mundial (1998 e 2018)



Moncho Paz.- Nunha noite como a de hoxe, hai vinte anos, celebramos en Compostela o triunfo de Francia nun Mundial organizado precisamente polo país galo, que exercía de anfitrión. Aínda que o noso corazón estaba dividido pola querencia brasileira. Foi en A Feira das Mentiras, un espectáculo de cinco días no que cabía de todo: dende o circo da Caravanne des Quartiers ao primeiro campionato do mundo de futbolín, que contou coa presenza do seu inventor -Alejandro Finisterre- na entrega dos premios.

Aquela iniciativa multicultural e alternativa tiña tres espazos ben diferenciados: Pulpo Fiction, para seguer os partidos do Mundial de fútbol; Aldea Terremota, para recrear o ambiente das romerías populares galegas; e A Feira Feira, dedidado á artesanía e ás tatuaxes. Atendendo á miña capacidade de inmersión, aproveitei aquel evento para facerme outra tatuaxe: un paxaro azteca no lombo, que me estampou un venezolano chamado Andrés e que co tempo e os retoques necesarios convertiuse na estrela de California dos RHCP. 

Esta acción uniume de xeito instantáneo e definitivo ao meu prezado Ramón Chao, alí presente, que aquela noite ensinoume a Mano Negra que levaba tatuada no brazo despois dunha viaxe por Colombia cos seus fillos Manu e Antoine e o resto da banda. Como dixo Manu en Aracataca: “Papá, no se te puede dejar sólo”.

Aquela noite con Ramón e a súa familia foi o xerme dunha amizade que rubricamos anos despois en París, na presentación da edición francesa de Prisciliano de Compostela, e que fixo posible que formase parte do universo Chao, un realismo máxico que non ten nada que envexar ao de García Márquez; iso si, co permiso do mestre Cunqueiro.

Nunca esquecerei aquela final do Mundial 1998, na que ao ritmo da música e da patchanga ("No llores mi vida no llores / Más lágrimas de colores / Llegó el Tramor con su tumbao…") fixemos un tren encabezado por Manu, os irmáns Pepe e Ramón Chao Rego, Sari, familiares e amigos como Marta, a Berta do Camiño de Prisciliano.

E hoxe celebrei a final do Mundial 2018, que tamén gañou Francia, en compañía dos meus fillos e varios colegas, pero sen esquecer aquel “tren de xeo e lume” que percorría hai vinte anos a noite meiga de Compostela ao son dos tambores da rebelión. Ramón Chao, sempre connosco!!

15 de xul. de 2018

Ramón Chao, sempre connosco

Manuel Paris.- Ramón Chao segue presente na mente e no corazón dos seus achegados, familiares e amigos, cando hai pouco máis dun mes marchaba cara outro lugar para emprender un novo camiño literario e vital. Pero o universo Chao segue máis vivo que nunca, como puidemos comprobar ao longo da pasada fin de semana. 

Nun acto case improvisado, organizado en poucos días polos Amigos de Prisciliano e o Instituto de Estudos Chairegos, o sábado 30 de xuño déronse cita máis de cen persoas no Muiño do Rañego de Vilalba, nun emotivo encontro conducido por Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA, e no cal interviron Luis González Blasco "Foz", amigo de Ramón dende a década dos sesenta e co cal compartiu exilio político en París; e os xornalistas Moncho Paz, Perfecto Conde e Antoine Chao, este último fillo de Chao Rego, que estivo acompañado polo seu irmán Manu, a súa nai Felisa e o resto da familia. 

Con posterioridade, Jaime e Merlin, netos de Ramón, interpretaron unha peza de jazz-fusion e Manu deu a sorpresa a todos os presentes cunha sentida interpretación de Carreteiro, en memoria do seu pai. A continuación, todos os presentes dirixíronse ao Piano Prisciliano, obra escultórica realizada por Xosé Val Díaz "Valdi" e inaugurada hai escasamente tres anos, ao ritmo da música popular de Buxos Verdes. 

2 de xul. de 2018

Ramón Chao Rego (1935-2018)

Moncho Paz.- Na tarde deste domingo deixounos en Barcelona o noso prezado Ramón Chao. Para min foi moito máis que un referente, foi un amigo e un confidente, do cal aprendín grandes leccións de saber estar, na profesión xornalística e tamén na vida.

Irmán do teólogo Xosé Chao Rego (1932-2015), Ramón naceu en Vilalba (Lugo) en 1935 e criouse tocando o piano na fonda que rexentaban os seus pais, onde adoitaban hospedarse figuras como Álvaro Cunqueiro ou Xosé María Díaz Castro. Recibiu unha bolsa do Concello de Vilalba e outra da Deputación de Lugo, coas que se trasladou a Madrid para estudar piano, harmonía e bacharelato.

En 1955 foi finalista do Premio Nacional de Virtuosismo e desde Madrid foise a París, con outra bolsa do Goberno español de dous anos, que completou cunha estadía similar a cargo do Goberno francés. Perfeccionou o piano con Lazare Lévy e Magda Tagliaferro, e Composición con Nadia Boulanger. Na capital francesa fíxose xornalista, entrando a traballar en Radio France “porque falaba galego”, segundo confesaba hai anos nunha entrevista, “pois buscaban un locutor que soubese música e portugués”.

En 1968 foi nomeado xefe do servizo cultural en español e portugués, e en 1980, redactor xefe de todas as emisións, culturais e informativas, en ambos idiomas. Desde París sempre mantivo o contacto con Galicia, facendo unha permanente reivindicación da nosa cultura e da nosa lingua, como quedou patente no conxunto da súa obra. En París, Ramón Chao dirixiu emisións radiofónicas en lingua galega, que serían prohibidas polo ditador Franco, e foi correspondente da revista Triunfo.

Na Europa de posguerra houbo pouca xente cos accesos directos que tivo Ramón á intelligentsia de América Latina e tamén do exilio español. Pablo Neruda, Juan Carlos Onetti, Miguel Ángel Asturias, Nicolás Guillén, Alejo Carpentier, García Márquez, Cortázar -e moitos outros autores- foron para Chao a lección aprendida de cada día.

Ramón Chao foi colaborador habitual durante décadas na prensa e na televisión francesa e foi nomeado Cabaleiro das Artes e as Letras polo Goberno de Francia en 1991. Destacou como crítico Literario en Le Monde e polas súas colaboracións en Le Monde Diplomatique, publicación mensual dirixida polo xornalista Ignacio Ramonet. Contou no seu haber con máis de vinte libros, entre novelas e biografías. Nos seus derradeiros anos, promoveu a iniciativa cultural Amigos de Prisciliano.

Chao foi o creador e impulsor do premio Juan Rulfo, un galardón outorgado por Radio France Internationale desde 1982 e coorganizado polo Instituto Cervantes de París, Casa de América Latina, Instituto de México en París, Colexio de España, Le Monde Diplomatique (edición española), Unión Latina e FondaChao.

En 2015 recibiu unha homenaxe popular en Vilalba, o seu pobo natal, cunha escultura conmemorativa –un piano de pedra denominado Prisciliano- que quedará para sempre formando parte da paisaxe no Hectómetro Literario do Paseo dos Soños. Ramón Chao deixounos unha novela póstuma, un texto autobiográfico baixo o suxestivo título O Fillo Pródigo, de próxima publicación. Casado con Felisa Ortega, que o acompañou ata o final, tamén foi coñecido internacionalmente por ser o pai de Manu e Antoine Chao, fundadores da banda de punk-rock Mano Negra. Hoxe quedámonos orfos do noso pai intelectual, perdemos ao noso amigo, con maiúsculas. Nunca te esqueceremos, sempre estarás connosco no Camiño de Prisciliano.

21 de maio de 2018

Un novo horizonte para a lingua galega

Moncho Paz.- O vindeiro mes de xullo cúmprense trinta e cinco anos da entrada en vigor da lei de normalización lingüística de Galicia. Tivemos, pois, tempo dabondo para avanzar bastante máis do que o fixemos ata agora no uso progresivo do galego nos distintos eidos, en sintonía co espírito da norma e o esforzo construtivo de recuperación da nosa personalidade colectiva.

Pertenzo á primeira xeración que recibiu con ledicia a chegada da lingua galega ao ensino, un feito que nos fixo tomar conciencia de que a súa aprendizaxe é un dereito e un deber para calquera cidadán, e así debería entenderse tamén por parte dos poderes públicos. Con esta idea, cómpre definir políticas dinámicas que fomenten o seu uso nos diferentes sectores (educación, xustiza, sanidade, economía...), de tal xeito que estea máis presente nas actividades mercantís, publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras.

Moitas persoas da miña xeración adoptamos un forte compromiso coa lingua; pero trinta e cinco anos despois decatámonos de que aínda estamos moi lonxe da meta. Hai que aprobar materias pendentes, entre elas a actitude dos medios de comunicación co idioma, pois o castelán segue a ser a lingua predominante para ver a televisión, escoitar a radio ou ler a prensa. Non se trata só de publicar portadas en galego coincidindo con datas sinaladas, coma o Día de Galicia ou as Letras Galegas. Iso é un folclorismo. Así o reclama a Asociación de Medios en Galego, que lamenta a discriminación da Xunta de Galicia sobre os medios escritos na nosa lingua con respecto aos que o fan en castelán. E teñen razón.

Na actualidade o castelán é a idioma maioritario en Galicia, segundo os datos recollidos nos informes publicados recentemente pola Real Academia Galega e o Consello da Cultura. Chama a atención o feito de que nos últimos anos disminuíse o número de galegofalantes nas grandes vilas e cidades, sobre todo nas novas xeracións. Isto débese, en boa medida, ás modificacións lexislativas postas en marcha polo Goberno de Núñez Feijóo, en especial o decreto do plurilingüismo, que entrou en colisión co natural desenvolvemento da lei de normalización lingüística e o fomento do uso progresivo do galego, rachando co consenso político acadado no seu día por todos os partidos con representación no Parlamento de Galicia.

Trinta e cinco anos despois, leo as noticias na prensa e, en liñas xerais, soamente vexo declaracións de intencións cheas de palabras baleiras de contido. Non hai un plantexamento serio e rigoroso. O dano feito con aquel decreto foi recoñecido indirectamente hai poucos días polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, cando avanzou a próxima presentación dun “plan para potenciar o uso do galego entre a mocidade”. Estamos a tempo de salvar ao noso idioma? A responsabilidade de esixirllo á Xunta é de todos, chegou o intre de rematar coas políticas erráticas e actuar con decisión e firmeza para reivindicar a riqueza do patrimonio lingüístico galego, evitando a desintegración da nosa identidade coma pobo.

17 de maio de 2018