Amosando publicacións coa etiqueta Xabier P. Igrexas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xabier P. Igrexas. Amosar todas as publicacións

Novo axuste fiscal

Un axuste fiscal que volve beneficiar a quen máis ten
Xabier P. Igrexas

O axuste fiscal que vén de presentar o Goberno español (polo seu alcance non se lle pode chamar reforma), insiste en seguir a beneficiar as rendas altas, as grandes fortunas e o Capital empresarial e financeiro. Así, malia recoller unha rebaixa apenas simbólica no IRPF para os tramos baixos, nos que se concentra a maioría da poboación, o desconto é cuantitativamente moito máis zumento para quen máis ten. Pagaremos algo menos, mais os que máis cobran pagarán inda menos. Non por acaso os técnicos do Ministerio de Facenda sinalan, por boca do seu sindicato corporativo, que as persoas máis beneficiadas serán aquelas con ingresos por riba dos 150.000€ ao ano, que pasan de tributar o 52% a só o 45%. Pola contra Montoro mesmo pretende cobrar(nos) impostos tamén das indemnizacións por despedimento. A fiscalidade do funil.
Un dos aspectos máis inxustos do axuste é a redución dos tramos do IRPF, que pasan de sete a cinco. Desta maneira limítase substancialmente a progresividade fiscal, pedra basilar para que a recadación impositiva para alén de financiar as arcas públicas actúe como instrumento para a redistribución da riqueza, ou o que é o mesmo: para un mellor reparto.
Ao tempo que como se ve a contribución económica da maioría do povo -que representa a clase traballadora- a través dos impostos manterase practicamente no mesmo nivel actual, o grande empresariado é premiado con novos descontos. Así poderán evitar pagar impostos polo 10% dos seus beneficios sempre que os destinen a "recursos propios" e a reducir o seu endebedamento. Ben podían aplicar esa medida para esa inmensa maioría de fogares que non son quen de chegar a fin de mes! Para a fracción restante dos seus lucros  o imposto de sociedades pasará do 30 ao 25%.
Para alén do máis, há tres factores que se engaden ao propio deseño antisocial deste axuste. Primeiro, o claro oportunismo electoral tanto do anuncio como da súa posta en marcha. Falamos de medidas que comezarán a se implementar, na práctica, ao longo de 2015, en vésperas de eleccións xerais. Co agravante de que os seus efectos reais só se poderán comprobar pasados estes comicios.
Segundo, que este axuste -do que se beneficiarán as capas acaudaladas- suporá unha nova merma dos ingresos públicos entrementres a débeda continúa a aumentar. De aí que esta rebaixa impositiva poida acabar provocando, baixo a coartada da obrigatoriedade de cumprir o obxectivo de déficit público imposto pola Troika, novos recortes no gasto público, isto é, en servizos  públicos esenciais (sanidade ou ensino) como se vén facendo desde 2011.
Terceiro, esta rebaixa non nos vai colocar, como sostén a propaganda oficial, no nivel de presión fiscal de 2011, antes da subida histórica imposta por Rajoy nada máis chegar á Moncloa. Neste senso, debemos ter presente o brutal empobrecemento dos salarios, das prestacións e das pensións públicas, amais da cifra obscena de fogares que carecen de ingresos que se rexistraron nos últimos anos. Ao cabo, seguiremos a pagar máis do que podemos e debemos. Tal é así que inda coa rebaixa suporá 7.300 millóns de euros menos de ingresos para o Estado, e as comunidades autónomas (limitando a súa capacidade de financiamento da sanidade ou o ensino),  as sucesivas subas de impostos impulsadas polo PP Facenda seguirá a ingresar 23.700 millóns de euros máis que antes da súa chegada ao goberno.
Por unha verdadeira reforma fiscal
Fronte esta medida cosmética, faise hoxe máis necesaria ca onte a sempre adiada reforma fiscal. Mais unha reforma que faga realmente efectivo o criterio de que quen máis ten pague máis, que obrigue a tributar aos grandes capitais que ou ben defraudan ou ben se acollen a fórmulas infames (como as SICAV e outra trampas). Hai que comezar a inverter a tendencia que nas últimas décadas foi alixeirando de impostos ás finanzas, o grande empresariado e as grandes fortunas, para llo cargar á maioría social.
Unha reforma asentada pois nunha progresividade que para ser real hoxe exixiría unha rebaixa significativa na achega impositiva de quen apenas ten ingresos e que debería compensarse gravando as economías máis folgadas. Unha reforma que se centre na recadación por vía de imposición directa (a que ten en conta os ingresos de quen paga) e minore a imposición indirecta (IVE...), que amais de socialmente insolidaria supón un obxectivo freo para a demanda interna, ao restrinxir o poder de compra e penalizar o consumo.
Unha reforma que avance na transferencia competencial, permitindo ás comunidades autónomas adecuar os impostos a súa realidade obxectiva e ao tempo se responsabilizar do seu propio financiamento, paso indispensábel para avanzarmos como pouco na urxente descentralización do Estado, que poida sentar as bases dunhas finanzas autocentradas.

24 de xuño de 2014

Nova PAC, novo golpe ao agro galego

Xabier P. Igrexas.-

Paradoxalmente é a propia Unión Europea quen mellor obxectiviza o impacto letal que para os sectores produtivos galegos tivo e segue a ter a incorporación do Estado español na UE. Logo da exclusión da nosa frota cefalopodeira dos caladoiros mauritanos, en beneficio da doutros territorios europeos e mesmo de Andalucía, a nova Política Agraria Común (PAC) e o seu réxime de axudas vén a golpear cunha nova mazada o noso sector primario.

Segundo o avanzado as axudas da nova PAC volverán colocar as explotacións galegas como as que menor compensación reciben no conxunto do Estado. Os 168 millóns previstos para Galiza representan apenas o 3,5% dos 4.800 millóns que recibirá no seu conxunto o Estado, malia que o noso país representa en termos económicos un 6% e particularmente o peso do noso agro fica por riba desa porcentaxe.

No cerne desta discriminación que prexudica gravemente os intereses galegos, tal e como denunciaron a Federación Rural Galega (FRUGA) e outras organizacións agrarias, están os criterios estabelecidos pola UE e o Ministerio de Agricultura para o reparto. Ese baremo ten producido historicamente que o 20% que representan as grandes explotacións, nomeadamente latifundistas, reciban a meirande parte das axudas en detrimento das pequenas e medianas. Un dato estarrecedor é que face os 910.000 preceptores de axudas o réxime agrario da seguridade social apenas rexistra 350.000 afiliacións.

De feito unha das críticas que historicamente se teñen formulado desde o agrarismo galego é que os criterios comunitarios permiten que reciban axuda explotacións pantasma, sen apenas actividade produtiva, ao exixir que unicamente o 10% dos ingresos proveñan da explotación agrícola. En troca, para reverter esta situación o BNG e a FRUGA veñen de propor a modificación deses parámetros, obrigando a que o preceptor dedique cando menos o 50% do seu tempo de actividade ao agro.

Outra das chaves deste moi discutido reparto está na medida. Na extensión das explotacións. O actual criterio beneficia a grandes latifundistas como Mario Conde, a Casa de Alba ou a familia Domeq, fronte as explotacións máis pequenas. Singularmente en Galiza este efecto está agravado por que a media de extensión das explotacións se sitúa arredor das 15 hectáreas de terreo. De aí que outra das propostas do Bloque e o sindicalismo agrario nacionalista sexa primar precisamente as 30 primeiras hectáreas, permitindo o acceso ás axudas do sector vitivinícola e da horta,. Aliás, reivindican tamén que se fixe un tope máximo das contías das axudas en 100,000€ en lugar dos 300,000€ actuais, para favorecer un reparto máis equitativo.

O portavoz nacional do BNG, o economista Xavier Vence, exixía tamén o recálculo das axudas a Galiza defendendo que as nosas explotacións deberan recibir por volta do dobre da cantidade inicialmente consignada. Un reclamo xusto, que porén non foi secundado polo Goberno galego, quen máis unha vez volve axir de brazos caídos permitindo un novo desagravio europeo contra un dos nosos sectores estratéxicos.

Porén, amais das demandas concretas fronte uns criterios obxectivamente prexudiciais para a nosa terra, cómpre tamén profundar na análise, denunciando que este réxime de axudas foi implementado como un paliativo para aminorar os gravísimos efectos dunha política agraria comunitaria que supuxo o peche dun moi importante número de explotacións e que ten colocado, por exemplo, o sector lácteo galego ao bordo do esmorecemento definitivo (a pesar de producir o 40% do total estatal). Só nos últimos cinco anos no sector agrario en Galiza destruíronse 11.000 postos de traballo. 1.500 no ano pasado.

É por iso que se cadra a proposta máis importante, polo seu alcance estratéxico, das formuladas polo nacionalismo face a nova PAC sexa a necesidade de nos dotar como país dun Plano de Desenvolvemento Rural de noso, focado a desenvolver con toda a intensidade as nosas potencialidades produtivas. Un desenvolvemento que como se volve ver, colida unha e outra e outra vez co muro europeo. Máis unha razón para nos revolver contra esta UE que nos arruína.

www.contradiscurso.net

21 de xan. de 2014

O problema non é o número de escanos


Xabier P. Igrexas.-

É precisa unha reforma electoral en Galiza. A crecente e palpábel demanda social dunha democracia máis participativa e -como mínimo- máis representativa así o exixe. O descrédito institucional dos parlamentos, tamén o galego, ten a súa raiceira na desafección entre as cámaras e o pobo que nel debera estar representado, mais que de feito non está. O monolítico bipartidismo, entre as forzas maioritarias a nivel estatal, e a súa conseguinte falta de pluralidade nas bancadas, acartonan inda máis as sedes lexislativas. Certamente a composición do Parlamento de Galiza non reflicte axeitadamente a diversidade de opinións e pareceres que existe a nivel social, e a distribución de escanos non responde tampouco ao peso real que na sociedade (e nos votos) ten cada opción.

É precisa, pois, unha reforma electoral no noso país. Mais non a que promove o Partido Popular, quen baixo a coartada demagóxica e falaz do aforro e a austeridade (máis unha vez o palabro-mantra que serve para lexitimar todos os recortes, tamén os democráticos) pretende atomizar aínda máis o Parlamentiño até o facer microParlamento. O pretenso de reducir de 75 a 61 o número de escanos do Pazo do Hórreo, apenas responde a unha intención fondamente antidemocrática: reducir ao mínimo ás posibilidades de obteren representación a opcións diferentes ao bipartidismo maioritario PP-PSOE.

A mudanza debe pasar por unhas coordenadas ben distintas, antitéticas. Baixo ese prisma enmárcase a proposición de lei para a reforma da Lei de Eleccións ao Parlamento de Galiza que hai poucos días rexistraba o BNG, para o seu debate e toma en consideración. Nela suprímese a barreira do 5% dos votos que excluía do reparto de escanos a calquera forza que non obtivese esa porcentaxe mínima sobre o total dos sufraxios de cadansúa circunscrición electoral. Coa actual lei se houbese, poñamos por caso, 5 candidaturas que só obtiveran un 4% dos votos, todas elas ficarían sen escano ningún, deixando sen representación ao 20% do electorado. En troques, retirando esa barreira agrandada por Fraga (e un 2% máis alta que noutros Parlamentos) permitirase a entrada dun maior número de forzas dando mellor acomodo á pluralidade política.

Outro dos cambios propostos polo Bloque ten a ver co mecanismo matemático polo que se distribúen os escanos. Arestora emprégase o denominado sistema d’Hont, que vén sendo unha fórmula que axuda obxectivamente ás maiorías inda que dunha maneira máis matizada que outros sistemas. Porén, o lóxico sería que se aplicase unha distribución que respondese de maneira fiel á máxima de “a cada quen segundo os seus votos”, cun reparto con base no sistema proporcional directo, que aseguraría unha representatividade moito máis real das maiorías e (sobre todo) das minorías , tal e como propón a iniciativa nacionalista.

Mais non só é necesario regular aqueles aspectos ligados á mellor representación dos resultados da vontade popular expresada nas urnas. Tamén é necesario corrixir algunhas cuestións relativas ao necesario acceso informativo ás diferentes propostas e candidaturas, nomeadamente no referido á cobertura electoral dos medios públicos. De aí o oportuno de propoñer que se fixe por lei a realización de como mínimo un debate electoral, con representantes de todas as candidaturas sen exclusión, en horario de máxima audiencia nos medios de comunicación públicos. Ou que se obrigue á difusión de entrevistas a todas e todos os candidatos. Na medida en que a nosa toma de decisións perante un proceso electoral, ten base no nivel de información e coñecemento que temos arredor das diversas propostas, estas modificacións incluídas na proposición de lei formulada polo BNG permitirán que se garantan unhas mínimas condicións de igualdade na concorrencia e mellorarán o coñecemento xeral do electorado sobre as opcións entre as que poderán escoller.

O que se propón se cadra non abonda para avanzarmos decididamente cara a unha democracia real, merecente de tal nome. Non será suficiente para superar esta simulación, para derrubar a farsa electoral tras a que se agocha quen detén o poder real (a clase dominante). Mais sería un importante paso adiante nesa dirección.

4 de xuño de 2013

Expropiemos Pescanova


Xabier P. Igrexas.-

Logo da expatriación de Barreras que se materializará coa adquisición do 51% do seu accionariado pola paraestatal mexicana PEMEX, existe o risco real de que suceda algo semellante con outra das referencias punteiras da industria galega. A entrada en concurso de acredores de Pescanova, por mor dunha xestión moi cuestionada tras imputación xudicial do seu Presidente, Manuel Fernández de Sousa, -por vender a metade das súas accións pouco antes de entrar en concurso- fai perigar a continuidade deste importante grupo empresarial de matriz galega.

Acertaba a deputada nacionalista Carme Adán ao inscribir o caso de Pescanova nunha “primavera negra” para a industria galega. Xa que ao anterior habería que engadir a destrución de emprego en T-solar, Pórtico, Caramelo, Gamesa, Extel, e probabelmente en Unísono, amais do ERE nas auxiliares da automoción ou a total parálise do sector eólico. Síntomas ben notorios da ameaza de perdermos unha parte relevante da nosa base produtiva. Como corolario o único instrumento financeiro que queda en mans públicas galegas, o IGAPE, non cumpre nin de lonxe o seu papel como axente dinamizador da economía produtiva, polo que cobra forza de necesidade a súa conversión instituto de crédito oficial galego que palie a ausencia dunha banca pública no noso país.

O caso de Pescanova salienta nesta situación de queda produtiva xeral e de agudo esmorecemento industrial, polo seu carácter estratéxico. Falamos dun grupo empresarial integrado por 160 compañías, que conta con 85 buques pesqueiros, 30 plantas de transformación, así como un número significativo de instalacións acuícolas e que arestora representa o 23% e o 15% das cotas de mercado dos produtos do mar conxelados, no Estado español e Portugal respectivamente. Pescanova supón nada menos que 1.500 postos de traballo en Galiza, precisamente nun sector no que o noso país é punteiro.

Unha empresa privada, si, mais que ten recibido importantes axudas públicas e o soporte dun case inesgotábel financiamento a conta das caixas de aforro galegas. En 1995 esas axudas foron de 42 millóns de euros e evitaron a absorción da compañía galega por parte do grupo anglo-holandés Unilever. Asemade a Xunta de Galiza xa é accionista de Pescanova ao ser titular dun 9% da súa filial Frinova. De aí a imperiosa a necesidade de investigar, até o fondo, tanto o estado financeiro real da firma como sobre todo que uso se fixo desas importantes axudas públicas, a costa de todas e todos os galegos.

Neste senso, a comisión de investigación que o BNG vén de propor constituír no Parlamento permitiría arroxar luz sobre unha xestión opacada e marcada pola afinidade expresa entre Fernández de Sousa e Núñez Feijóo, quen en 2009 cualificaba nun acto público a Pescanova de “exemplo empresarial”. A boa avinza entre Fernández de Sousa e o Partido Popular é notoria e coñecida, como testemuña o teimudo golpeo contra o goberno bipartito do daquela presidente de Pescanova ante a decisión de non autorizar unha explotación acuícola en Cabo Touriñán. Afinidade, ou se se quer complicidade, que podería explicar tamén a negativa do Partido Popular a constituír a devandita comisión que por boca do seu voceiro parlamentar, Pedro Puy, consideran a priori “desnecesaria”.

Mais a necesaria investigación e a imprescindíbel depuración de responsabilidades non serán abondo para garantir a continuidade de Pescanova. A empresa enfróntase ao risco máis que real de ser esgazada en pedazos para facilitar a adquisición das súas marcas e cota de mercado por parte de transnacionais foráneas. Dado que o capital privado non ofrece as máis mínimas garantías de futuro para esta empresa -fundamental para a economía galega-, só a intervención pública pode evitar o seu despece e venda. Para alén de posíbeis avais a cargo do IGAPE, unicamente aumentando a participación da Xunta de Galiza no seu accionariado a través da expropiación, inda que sexa parcial -e na que haberá que deducir as achegas xa realizadas até hoxe-, como suxeriu o BNG se pode garantir o seu futuro. Participación que debe conlevar tamén unha maior presenza nos órganos de dirección da mercantil, como medio para a viabilizar, mudando asemade a estratexia neocolonial e esquilmadora coa que operou até agora.

Trátase, pois, de facer que Pescanova sexa nosa (do pobo galego), cando menos en parte, para evitármonos que acabe deslocada e absorbida por capital foráneo. Unha realidade que lamentabelmente é extensiva a boa parte do sector industrial galego.

28 de maio de 2013

Un 20% menos de tren en Galiza

Xabier P. Igrexas.-

Calquera que teña usado o tren coñece de primeira man as deficiencias do servizo ferroviario no noso país. Uns trazados que non responden a un deseño en rede que vertebre o conxunto do territorio, escasas frecuencias nalgúns percorridos e faixas horarias, cativa cobertura do servizo para as pequenas estacións e como corolario unhas tarifas desorbitadas en relación ao servizo. O certo é que se segue a tardar máis en ir de Vigo á Coruña en tren, que de Madrid a Valencia e case tanto como desde a capital do Estado cara a Barcelona ou Sevilla. A modernización dos camiños de ferro en Galiza ten sido unha reivindicación histórica, da que de sempre fixo bandeira o nacionalismo galego, pero nunca satisfeita por ningún goberno central. Gobernase o PSOE ou o PP.

Estes días recibiamos noticias de Renfe a respecto dos trens galegos. Non, non era para anunciar ningunha das melloras necesarias na rede de media distancia, tampouco para clarexar cando verá a luz o (falso) AVE a Galiza. Logo de amedrentarnos cunha auditoría ad hoc, realizada por Ineco, na que se propuña directamente a supresión de todas as liñas -cinco en total- agás as do eixo atlántico (A Coruña – Vigo) e a que une Compostela con Ourense, Renfe nos “tranquilizaba” comunicando que en lugar desa medida radical apostan por unha un chisco máis suave: eliminar nada menos que 98 frecuencias semanais. Así a liña Compostela-Ourense perderá a metade dos seus horarios, A Coruña-Ferrol tería vintecatro menos, anularíanse catorce servizos A Coruña-Monforte e outros tantos no Ourense-Puebla de Sanabria, amais de outras seis frecuencias eliminadas entre Ourense e Monforte. Para facerse unha idea, de aplicarse esta medida perderemos máis do 20% dos servizos ferroviarios que tiñamos até agora.

Todo son conxecturas, e veremos se ao final ese número non acaba sendo maior dado que na auditoría de Ineco recollíase tamén a redución de frecuencias noutras liñas como o caso do tren entre Vigo e Pontevedra. Asemade, apúntase tamén a unha reorganización dos horarios que se manteñan apostando polas frecuencias máis rendíbeis economicamente. A decisión final adoptaraa o Goberno español o 30 de xuño, aproveitando o inicio das vacacións estivais.

A razón destes drásticos recortes que redundarán nun menor e aínda peor servizo, a pesar de tratarse dun medio de transporte fundamental e que debera ser columna vertebral dunha mobilidade sustentábel e eficiente, é desfacerse daquelas frecuencias e liñas que non xeran un rendemento económico. Ao cabo nin AVE (para quen o quixer), nin media distancia, nin nada.

O máis cómico é que o goberno central ofrécelle á Xunta a posibilidade de manter eses servizos se o executivo galego se fai cargo economicamente destes. Feijóo xa dixo que non, non vaia ser que gastase os cartos de todos en algo útil para o pobo, porén non se lle escoitou tampouco reclamando o mantemento das frecuencias que se queren anular.

Con este panorama gaña argumentos o reclamo do BNG que mediante unha proposición non de lei, invisíbel nos medios, propuña o pasado 9 de abril -por boca da súa deputada Ana Pontón- a transferencia das competencias en materia de ferrocarril interior coa creación dunha Compañía Ferroviaria Galega, para alén de demandar a paralización do desmantelamento de liñas e servizos ou a aposta pola modernización dos trazados existentes. Se Renfe, coa activa complicidade do Ministerio de Fomento, insiste en nos deixar cun 20% menos de tren, se cadra é hora de termos un ferrocarril 100% de noso.

22 de maio de 2013

ILP: o pobo non é quen máis lexisla

Xabier P. Igrexas.-

A actual democracia formal apenas permite a participación directa da cidadanía para alén dos procesos electorais. O modelo representativo reserva para as institucións parlamentarias toda a capacidade de decisión, que pode ser ser exercida mesmo para gobernar en contra do pobo e vulnerando o programa electoral co que se concorreu aos comicios. Exemplos hai abondosos e lamentabelmente moi recentes, case cotiás. Asemade as maiorías absolutas permiten a un só partido perverter aínda máis a formalidade democrática, pasando a rodela por sistema sen incorporar ningunha opinión, proposta ou achega distinta das propias. Cando os partidos maioritarios, como sucede no Estado, son apenas instrumentos políticos ao servizo dunha minoría poderosa --a oligarquía empresarial e financeira, a burguesía-- a democracia convértese apenas nunha entelequia, nun ritual oco.

Porén, no actual réxime parlamentar existe unha figura que permite ao pobo erixirse por si propio en propulsor de reformas legais. Son as denominadas Iniciativas Lexislativas Populares (ILP). A través destas a cidadanía pode, por medio dun complexo proceso de recollida de sinaturas, trasladar ás cámaras de representantes propostas legais para a súa consideración. Os requisitos que han de cumprir acostuman inviabilizar a súa chegada aos plenos parlamentarios. Mais inda cumpríndoos poden ser vetadas. Unha maioría absoluta pode rexeitar que calquera ILP se debata.

O certo é que as ILP, amplamente descoñecidas, se puxeron de actualidade pola que impulsou a Plataforma de persoas Afectadas polas Hipotecas. A PAH logrou axuntar máis dun millón e medio de sinaturas en todo o Estado para propor unha reforma legal que impuxese unha moratoria nos desafiuzamentos, que habilitase a dación en pagamento con carácter retroactivo como forma para saldar completamente as débedas e que pulase polo alugueiro social como fórmula que impedise a perda da vivenda. O PP de entrada negouse mesmo a debatela e só a presión social logrou que chegase ao Congreso. O resto da historia é coñecida. Do texto avalado por centos de milleiros de persoas non quedou ren logo do cepillado (botando man da expresión de Alfonso Guerra) á que a someteu a maioría absolutísima do PP. Basta con contrastar o articulado da lei antidesfiuzamentos aprobada en solitario polos populares coa proposta da PAH, para comprobar de maneira empírica o fiasco, a colosal estafa democrática que perpetraron no seu nome.

O Parlamento galego debateu onte dúas ILP. A primeira, denominada “ILP Valentín Paz Andrade” pulaba pola ensinanza da ortografía portuguesa no ensino galego, a participación da Xunta en foros internacionais da lusofonía ou a recepción das televisións e radios portuguesas a través da TDT. O ditame unánime da cámara foi favorábel á súa tramitación. Porén, o facto de que o Partido Popular apoiase a súa consideración non significa que a mesma resulte finalmente aprobada en forma de lei, nin que a resultante respecte os obxectivos e compromisos recollidos na ILP. O voceiro popular xa o deixaba caer ao insistir que a inclusión do portugués nas escolas de Galiza sería baixo a forma de “lingua estranxeira” e en todo caso con carácter optativo. Asemade o popular Agustín Baamonde rexeitaba a posibilidade de recebermos no noso país as canles de TV e radio portuguesas, aducindo que se trata dunha competencia estatal. Polo tanto a insólita coincidencia entre PP, BNG, AGE e PSOE arredor desta iniciativa pode non pasar dun mero facto simbólico. Simbolismo do que un non pode deixar de sospeitar que sexa instrumentalizado pola Xunta de Feijóo para rebaixar a tensión social rumo a un 17 de maio que agoira, máis unha vez, un clamoroso rexeitamento nas rúas da súa política galegofóbica. Aliás, engádese un chisco de cinismo, ou se se quer de impostura, á posición dos populares, dado que na súa recente viaxe a Portugal o Presidente Feijóo non tivo reparos en expresarse en español, e non en galego, botando man dun interprete para a tradución. Unha práctica que choca, por total incoherencia, coa concepción do galego como lingua internacional que fundamenta a propia ILP Valentín Paz Andrade.

A segunda ILP foi a dos “3 erres”. O texto impulsado por diversos colectivos de defensa ambiental avogaba pola aplicación en Galiza dos principios da denominada triple R: reutilización, redución e reciclaxe, e de facto supuña unha emenda á totalidade á desastrosa política de xestión de residuos implementada no noso país a través de Sogama. Política que mesmo incorre en incumprimento da lexislación vixente, polo que vai ser denunciada perante a Comisión Europea. Desde logo non causou sorpresa que o PP empregase sen ambaxes a súa maioría absoluta para tombar mesmo a súa toma en consideración, facendo unha defensa cerrada do modelo de incineración, que para alén de insustentábel ambientalmente supón unha ameaza real para a saúde pública. Sen embargo si que renxeron de máis boa parte dos “argumentos” deitados polo PP en oposición á ILP, mesmo incorrendo na falsidade de presentar a Sogama como un “modelo de valorización enerxética” cando en realidade consume máis enerxía da que xera.

A estes exemplos cómpre engadirmos outras iniciativas. As vetadas. As que malia contaren co apoio dun inxente número de galegas e galegos non chegaron nunca a ser debatidas por mor do veto parlamentario do Partido Popular. As máis recentes son a que apostaba por unha sanidade pública cento por cento e a que reclamaba o mantemento do pioneiro programa pre-escolar na casa, finalmente finiquitado pola Xunta de Feijóo. Ambas as dúas foron lembradas onte, por boca da deputada do BNG Ana Pontón. A nacionalista cualificou de “inxusta” a posibilidade legal que permite o veto parlamentario xa que supón un atranco a “debates que a cidadanía quere traer ao Parlamento” e anunciou que desde o Bloque promoverán unha modificación da Lei de Iniciativa Lexislativa Popular para evitaren que ningunha ILP esmoreza ás portas da cámara.

Visto o visto un non pode máis que concluír que o pobo non é -parafraseando o Grândola- quen máis lexisla. A falta das imprescindíbeis mudanzas que alarguen a participación social na toma de decisións políticas, cara a unha democracia digna de tal nome, as ILP deberan ser o pequeno cabalo de Troia das camadas populares, das clases traballadoras, para -por si propias- coar no barullo da retórica oca das cámaras as necesidades e arelas reais da xente, botando man das e dos aliados que temos nos escanos, porque habelos hainos malia seren poucos. Porén, aínda logrando o anterior a tarefa seguirá a ser conquistarmos o poder que hoxe nos furtan, derrubando os muros infranqueábeis dos parlamentiños para colocar a vontade popular no centro da praza liberada que canta Tino Baz.

15 de maio de 2013

Barreras: expatriación do estaleiro espoliado

Xabier P. Igrexas.-

O brutal esmorecemento industrial do noso país, que ameza con facer crónico o carácter dependente e máis o rol consumidor da economía galega, vén de vivir un dos seus episodios máis graves. A compañía petroleira para-estatal mexicana PEMEX farase co control do estaleiro vigués Barreras. Engádese ás ameazas que penden sobre Pescanova, Alimentos Lácteos ou Navantia. Súmase á perda de control da compañía R ou á dificil situación das empresas do contact center radicadas en Galiza, por non falar dos numerosos peches empresariais no sector metalúrxico e da automoción.

A operación xa foi visada mediante unha carta de intencións asinada pola empresa mexicana e os tres actuais accionistas de Barreras. PEMEX adquirirá o 51% do accionariado por apenas 10 millóns de euros e un compromiso temporal de carga de traballo, en forma dos dous floteis que protagonizaron a campaña electoral do pasado 21-O. Encomenda que exclúe, xa que logo, o estaleiro de Navantia en beneficio dos estaleiros mexicanos que construirán en réxime de sociedade con Barreras outros buques inda por concretar.

Historia do espolio dun estaleiro público

Un dos aspectos que non se teñen sinalado publicamente é que Barreras apenas estivo en mans privadas 16 anos. O histórico estaleiro vigués, de titularidade pública foi vendido -coa oposición das centrais sindicais, do BNG e do PSOE- en 1997 na vaga de privatizacións que emprendeu o primeiro goberno Aznar. Naquela altura, a empresa máis rendíbel do sector a nivel de Estado foi transferida a mans privadas pola ridícula cifra de 750 millóns de pesetas, 4,5 millóns de euros.

Botando contas un comproba que a operación semella moi lucrativa para os accionistas privados que ven máis que duplicado o seu investimento inicial, dado que aos 10 millóns de PEMEX hai que sumar os 4,5 millóns que en 2004 o estaleiro pagou a Construcións Navais Odiel en compensación da súa saída da empresa da que era principal accionista.

O de Odiel engade outro chisco de sombras arredor da historia recente do estaleiro olívico. Na ficha da súa privatización consta que a SEPI vendeu, mediante un concurso moi cuestionado, a até daquela empresa pública ao denominado grupo “Barreras”, conformado por Construcións Navais Odiel (50%), Albacora (10%), García Costas (10%) e a equipa directiva do estaleiro (30%). Porén, en 2004 desvelaríase que Odiel era apenas unha tapadeira, unha empresa pantalla, que ocultaba o accionista maioritario en verdade: unha compañía radicada nun paraíso fiscal, concretamente a sociedade luxemburguesa Granata, sen relación real coa bilbaína “Naviera Odiel”. Esta revelación precipitaría a saída de Odiel, ficando a empresa baixo control dos restantes tres accionistas o que supuxo un reforzo evidente da posición de José García Costas, actual Presidente do estaleiro.

José García Costas, nome chave

Porén, a entrada en PEMEX, que de facto xa fora anunciada polo propio Núñez Feijóo na súa visita a México fuxindo da escandaleira da súa amizade co narco-contrabandista Marcial Dorado, non suporá un cambio na dirección de Barreras. Existe un pacto para que García Costas, cuxa xestión ten sido duramente cuestionada por provocar a entrada en concurso de acredores da empresa pouco tempo despois de ter asumido unha importante carga de traballo, se manteña á cabeza.

A operación resultará especialmente zumenta para a compañía azteca dado que se prevén outras contrapartidas, como a súa instalación vantaxosa en Punta Langosteira, e a apropiación e posterior transferencia do coñecemento industrial atesourado nas gradas viguesas, coa vista posta en desenvolver a capacidade produtiva dos estaleiros mexicanos.

Maioritario rexeitamento á expatriación

A expatriación dun dos principais emblemas da industria galega provocou un ronsel de reaccións políticas. Á valoración triunfalista da Xunta apenas se sumaron o PSdeG-PSOE, que por boca do seu secretario xeral ofreceu o seu “apoio total” á operación, e máis Compromiso por Galicia, quen malia recoñecer que non se trata do mellor escenario a cualificou de “boa noticia”. En ambos os dous casos semella que non teñan calibrado os efectos desta operación a medio e longo prazo, conformándose apenas cunha carga de traballo eventual que non ten garantía de continuidade no tempo.

En fronte, foi o BNG quen expresou con maior contundencia a súa oposición. Por boca do seu portavoz nacional, Xavier Vence, o Bloque acusou a Núñez Feijóo de actuar de “broker” e dedicarse a “vender empresas galegas a capital foráneo”. Unha denuncia acrecentada polo portavoz nacionalista no Parlamento galego, Francisco Jorquera, quen asegurou que a venda de Barreras “é un símbolo do desastre da política industrial do PP”.

Coa oposición da fronte nacionalista cadraron tamén as dúas forzas integrantes de AGE. Anova cualificou a venda de “desposesión do aparello produtivo galego a cambio dunha carga de traballo temporal e moi dubidosa”. Pola súa banda EU asegurou que solicitará a renacionalización da empresa privatizada en 1997.

Re-nacionalización? Expropiación!

O episodio de Barreras volve poñer en evidencia dúas cuestións entrelazadas. Dunha banda o demoledor efecto que para a nosa economía tivo a privatización do sistema financeiro galego a través da bancarización das caixas -cómpre ter en conta que foi formalmente a dificultade de lograr avais o que abriu a porta a PEMEX-. E doutra a necesidade urxente dun xiro de 180º graos na case inexistente política económica do goberno galego, nomeadamente para o desenvolvemento industrial como única garantía de futuro e prosperidade para o país. Novos paradigmas que pasan ineludibelmente por unha forte presenza da economía pública.

Quedou demostrado que o problema do sector naval non se reducía a logrármonos recuperar o tax lease. Tratábase dun problema estrutural, radicado na manifesta (e se cadra deliberada) incapacidade do capital privado para desenvolver un sector estratéxico outrora puxante, como é o da construción naval en Galiza. Nada impedía ao goberno galego facerse cunha participación dese estaleiro para renacionalizalo. Nada impedía tampouco abordar, como mínimo, a constitución dun consorcio público-privado que impulsase a produción, encaiada pola falta de financiamento e avais.

O certo é que o reclamo de nacionalización para alén de tardío (a pesar de que houbo voces que o suxerimos hai moitos meses) tórnase arestora insuficiente. Logo do sucinto repaso da historia da compañía que veño de facer, apenas podo concluír que efectivamente Barreras debe volver a mans públicas. Mais o vieiro agora debe ser a expropiación. Porque entre créditos, avais, refinanciación das débedas botando man do aforro galego, vantaxes fiscais e outras axudas, as e os galegos xa temos máis que pagada a empresa. Só resta (volver) facernos donos dela e poñela ao servizo das e dos traballadores do sector, os únicos e verdadeiros creadores da riqueza que uns poucos saquearon e que agora imos transferir á outra beira do Atlántico. Unha lección que deberamos aplicar tamén a outros sectores e empresas estratéxicas.


www.contradiscurso.net | @contradiscurso

7 de maio de 2013

Morrer no traballo

Xabier P. Igrexas.-

23.668. Esa foi a cifra de accidentes laborais que se produciron só o pasado ano 2012 en Galiza. Si leron ben, case 25.000 accidentes, máis de 64 por día. O noso país situouse á cabeza do Estado no número de accidentes graves cunha taxa que supera en máis do dobre a media estatal. A esa dramática marca engádese unha aínda peor. Somos o segundo territorio, apenas por detrás de La Rioja, en número de accidentes laborais que rematan en morte da traballadora ou traballador. En 2012 foron 45 as persoas que perderon a vida no seu traballo --case unha por semana-- e outras 486 correron o risco de a perder, ao seren vítimas de accidentes graves. Unhas estatísticas terríbeis só superadas pola mortalidade en accidentes de tráfico, que se cobrou a vida de 127 persoas o pasado ano, e moi superior ás 4 mulleres vítimas do terrorismo machista no mesmo período.

Sobre estas dúas últimas realidades, as mortes nas estradas e a lacra social da violencia machista, téñense dado importantes pasos na sensibilización social e na visibilización de ambas as dúas, mais non sucede o mesmo no caso da sinistralidade laboral. Óbviase que detrás destas cifras, invisíbeis nos grandes media, latexa unha problemática real que afecta a persoas de carne e oso, e tamén as súas familias e contornas, co agravante de se producir durante a xornada de traballo.

A insensibilidade dos goberno galego e español a este respecto é manifesta, dada a continuada merma das partidas destinadas a unha prevención, que coas cifras na man é en boa medida cuestión de vida ou morte. Para alén da mellor cualificación en materia de riscos ou das campañas de sensibilización, imprescindíbeis para poñer a luz sobre unha realidade opacada, cómpre desde logo un maior esforzo fiscalizador e de control por parte das administracións públicas, nomeadamente desde a Inspección de Traballo contra a irresponsabilidade empresarial que se atopa tras moitos dos accidentes. Ese é o vieiro que nos ha permitir converter as imaxes de traballadores colgados sen arnés, de operarios sen casco, de traballadoras sen material axeitado, nunha cuestión do pasado, e facer da sinistralidade laboral un mal recordo dunha etapa da historia na que a vida dun traballador semellaba non merecer un titular, ou apenas só merecer iso. Facendo que morrer no traballo deixe de ser un risco real en Galiza.

23 de abr. de 2013

O Senado da rúa Tabernas

Xabier P. Igrexas.-

A Academia non ergue cabeza. Logo da escandaleira que remataría por provocar a renuncia de Méndez Ferrín, mais que non serviu para clarexar e dar respostas a dúbidas ben graves a respecto da súa xestión, o principal alicerce institucional da nosa fala atravesa días penosos. A trama palaciana invade a rúa das Tabernas. A elección da (algúns non perdemos a esperanza) ou do sucesor de Ferrín acabou por converter a RAG nunha caste de senado romano, onde há lugar para a elucubración, a conspiración e mesmo a traizóns en forma de apoios que van e veñen.

Non son partidario de ningunha das dúas candidaturas. Nin a continuísta de Manuel González, nin a súa alternancia (que non necesariamente alternativa) encabezada por un Alonso Montero, que coido ninguén imaxinara até agora como eventual Presidente da RAG. Por algo sería.

Máis que propostas diferentes para o necesario relanzamento e osixenación da Academia, ficamos perante máis unha expresión dun conflito entre sectores da aristocracia intelectual que se arroga a dirección do destino da vida cultural do noso país. Porén, afortunadamente a nosa cultura latexa na base. Nas rúas, nos recunchos do noso país, nos grandes e pequenos auditorios, nos obradoiros, nos circuítos amateur, nos locais de ensaio, nas pequenas mostras e certames. Nos furanchos. Non nos despachos. A cultura de futuro arrecende a arxila fresca, a verbas novas, a lenzo a medio pintar. Non a naftalina, nin a egos incólumes, nin a biografías grandilocuentes. Sabe a creación, non a disputa. E menos a disputa de poder.

E no medio desta batalla de salón, fica un idioma que segue a ser golpeado con saña por quen detesta o noso feito diferencial, o noso ser colectivo, a nosa identidade nacional. Os que se afanan en acadar a dirección do instrumento, non deberan esquecer a súa misión. Se cadra cómpre unha outra alternativa que conciba as persoas, e as equipas, como medios ao servizo dunha causa, e non ao contrario. Ogallá -por xustiza- teña nome de muller.

www.contradiscurso.net | @contradiscurso

16 de abr. de 2013

O plan de (des)emprego xuvenil de Rajoy

Xabier P. Igrexas.-

Cando o paro no Estado español e en Galiza atinxen o seu record histórico o goberno Rajoy saca da manga unha “Estratexia de emprendemento e emprego xuvenil 2013-2016”. Máis un deses plans estéticos cos que se pretende xerar a sensación de que se toman medidas para resolver problemas.

As cen medidas recollidas no plan, que aseguran contará cun orzamento de 3.500 millóns de euros financiado en parte polo Fondo Social Europeo, concéntranse en apenas dúas grandes liñas de actuación.

Dunha banda a promoción empresarial, iso que agora chaman estímulo ao emprendemento, que non é outra cousa que colocar como principal saída laboral o traballo por contra propia e a creación de novas empresas. Este pretenso dáse de morros contra a dura realidade marcada pola continuada desaparición de pequenas e medianas empresas --por mor da queda do consumo provocada precisamente polas políticas de recortes e empobrecemento salarial impostas polo PPSOE-- e polo esmorecemento dos principais sectores produtivos, nomeadamente o agrario e máis o industrial. Para axudar a unha mocidade que se ve privada de oportunidades e posibilidades, quer para traballar quer para estudar, o goberno do PP ofrece fórmulas ridículas como a capitalización do 100% da prestación por desemprego (quen a tiver) para inverter “nunha sociedade mercantil coa que se teña un contrato indefinido” ou a súa compatibilización durante nove meses coa apertura dun negocio.

Por outra, insístese na antisocial e fracasada fórmula dos incentivos, descontos e bonificacións empresariais que só benefician ao patronato. A conversión de contratos temporais a indefinidos no caso de menores de 30 anos sen experiencia laboral suporalle ás empresas un incentivo de até 700€ anuais. Bonifícanse tamén os ultraprecarios contratos de prácticas con descontos de até o 50% nas cotas empresariais á seguridade social. Porén, unha das medidas máis graves e prexudiciais é a que permitirá ás ETTs formalizar contratos para a formación e aprendizaxe. Unha modalidade impulsada na última reforma laboral que favorece a explotación, ao permitir que as mozas e os mozos poidan ser “aprendices”, con menores salarios, até os 33 anos. As PEMES xa ficaban arestora exentas de pagar cotas de seguridade social das e dos “aprendices”.

Debullar as medidas que veño de sinalar, como mostra doutras moitas, deixa ás claras que este plan en realidade non axudará a crear emprego para a xente nova, senón que unicamente alargará aínda máis o réxime de total precariedade que padece a mocidade traballadora. Ningunha destas medidas axudará a evitarmos a nova vaga de emigración forzosa, que cada día expulsa a 70 mozas e mozos do noso país. Nin a reducir unha taxa de desemprego xuvenil moi próxima ao 50%. Nin a reverter a temporalidade estrutural, a contratación a tempo parcial e outras formas de subemprego. Nin a poñer fin ao drama contrahistórico de que as novas camadas que se incorporan ao mundo do traballo o faga con menos dereitos e cobrando menos polo mesmo traballo que a xeración anterior.

O único beneficiado é o empresariado a quen se lle abarata, máis unha vez, o custe da forza de traballo moza. O facto de que os máximos dirixentes de CCOO e UGT participen na presentación oficial desta fraude antisocial, con Rajoy como mestre de cerimonias, volve evidenciar o modelo de sindicalismo que practican.


www.contradiscurso.net | @contradiscurso

12 de mar. de 2013

Os recortes matan

Xabier P. Igrexas.-

O colapso das urxencias do Hospital Xeral de Vigo non é unha situación nova. É vox populi en toda a cidade. As historias de doentes que teñen que padecer esperas maratonianas de máis de 7 e 8 horas son moi frecuentes, como o son as dos pacientes aparcados nos corredores do hospital. Tamén os sustos que ten provocado esa situación, por exemplo en forma de desmaios. Onte unha paciente de 80 anos morría na sala de espera despois de tres horas de agarda. E todo malia as derivacións de pacientes a outros centros de saúde, mesmo algún privado.

O SERGAS limitouse a recoñecer a información que xa fóra filtrada aos xornais da cidade e a anunciar que abrirá unha investigación interna. A única explicación que ofreceu foi escusarse na “saturación” que segundo afirman é tradicional nesta época do ano e que desta volta retrasouse por mor das condicións climatolóxicas. Se é habitual porque non se poñen as medidas necesarias para facerlle fronte? E nun contexto de colapso, como poden explicar que haxa baixas de persoal médico sen cubrir como denuncian as organizacións sindicais?

É difícil acertarmos a asegurar se a demora na atención médica puido ser causa ou un factor acelerante ou agravante do proceso que resultou nesta morte. Porén, este caso volve poñer en evidencia as insuficiencias que as políticas de recortes, impostas polo Partido Popular, xeran nun servizo vital como é a atención sanitaria.

As infraestruturas sanitarias de Vigo sintomatizan unha incipiente saturación, agravada polo moi discutíbel concerto co hospital privado POVISA e pola paralización case total das obras do futuro novo Hospital (de xestión privada por decisión da Xunta).Unha realidade que ben poderíamos facer extensíbel ao conxunto de Galiza por mor da brutal vaga de recortes. Recortes que matan.



www.contradiscurso.net | @contradiscurso

7 de mar. de 2013

Banqueiros, medallas e xustiza

Xabier P. Igrexas.-

O Pleno do Concello de Vigo decidiu onte, a proposta do BNG, iniciar os trámites para lle retirar a medalla de ouro da cidade a Julio Fernández Gayoso, ex presidente de Novagaliciabanco e outrora lider todopoderoso da vella Caixavigo. Semanas antes, o 4 de febreiro, o Concello da Coruña xa decidira quitarlle o título de “fillo predilecto” a José Luís Méndez, homólogo de Gayoso na antiga Caixagalicia. Mais o (merecido) agravio institucional con dúas das persoas que maior poder concentraron no noso país non remata aí. Por iniciativa da organización estudantil nacionalista Comités, as universidade de Vigo e de Coruña están a iniciar o proceso que concluirá coa retirada dos respectivos títulos de doutores honoris causa.

Sobran os motivos para lles negar honras que se cadra nunca mereceran. Expresouno con rotundidade a voceira municipal do BNG de Vigo cando afirmou no Pleno "non quero vivir nunha cidade que recoñece méritos a quen estafou traballadores e encheu os petos cunha xubilación millonaria". Un sentimento, de raiba e indignación, partillado por unha ampla maioría social.

O papel de ambos na desaparición das únicas entidades financeiras semipúblicas que tiña Galiza, na estafa das participacións preferentes ou no escándalo das indemnizacións e xubilacións millonarios, son apenas o corolario dunha traxectoria con moi poucos claros e unha chea de capítulos escuros. O certo é que tanto Gayoso no sur como Méndez no norte, foron as cabezas respectivas dos clans financeiros (e case familiares) que dirixiron as entidades nas que se concentraba o 80% do aforro das e dos galegos como a súa leira particular, como propietarios dunha empresa privada. Unha xestión que para alén de opaca motivou durante anos duras críticas do nacionalismo galego, quer no plano político quer no sindical.

Mais hai dous aspectos engadidos que merecen seren significados. En primeiro lugar que estes apupos simbólicos poñen de relevo a responsabilidade dos banqueiros na desfeita financeira. Unha denuncia oportuna precisamente cando escasean as críticas contra da clase dominante (o capital financeiro e empresarial) e as súas castas dirixentes, neste caso singular a bancaria. E en segundo, porque as decisións adoptadas constitúen un acto de xustiza tamén en chave patriótica, por disparar á liña de flotación dos discursos hiperlocalistas cos que o españolismo pretendeu sempre dinamitar a articulación dun proxecto de país e dos que Gayoso e Méndez foron punta de lanza, se non na palabra (que tamén) sobre todo nos feitos.

Xustiza simbólica a falta de xustiza legal, mais xustiza a fin de contas.

26 de feb. de 2013

Dereito ao apupo

Xabier P. Igrexas.-


O Partido Popular reiterase na súa xordeira case alérxica perante a mínima crítica. Fíxoo hai poucos días por boca da presidenta do Parlamento de Galiza. Pilar Rojo logo de acuartelar o Pazo do Hórreo --expulsando da grada de convidados a estafados polo calote das preferentes-- quixo elevar a norma a súa arbitrariedade antidemocrática, pretendendo establecer unha peneira interesada, censurando quen pode ou non acceder ao hemiciclo. Hai quen para alén de gobernaren contra o pobo queren seguir ao facer sen ter que aturaren a máis mínima verba de protesta ou o menor reproche das vítimas que padecen as súas accións e omisións. Democracia representativa, seica, na que os representantes suplantan o suxeito representado. Democracia formal (e cada vez menos) en parlamentiños de cartón pedra.

A Rojo vén de sumárselle Dolores de Cospedal. Se a primeira se escudaba na defensa da “dignidade parlamentar”, a segunda fixo bandeira dos “símbolos nacionais”. Isto é do Borbón e da marcha militar que o Reino de España ten por himno. Todo tras a asubiada inmensa que El-Rei tivo que escoitar na final da copa de baloncesto en Gasteiz, ademais dos berros de “fóra, fóra!”. Unha acción espontánea do público presente que a secretaria xeral do PP cualificou de “absolutamente reprobábel”, gastando con cinismo maior dureza na adxetivación que ao cualificar por exemplo o escándalo infame dos sobre-soldos do caso Bárcenas. Pero non quedou aí. Cospedal mesmo se atreveu a formular a necesidade de “sancionar dalgunha maneira” aqueles actos ou comportamentos que segundo ela “ofenden os símbolos de todos os españois”. Multas? Cárcere? Lei anti-apupos? U-lo respecto ao exercicio do dereito de libre expresión? U-la protección da liberdade de crenza e pensamento?

Quen reduce a democracia a un rito formal, á simulación da escolla electoral cada catro anos quer tamén agora negarnos a posibilidade de expresar libremente a nosa opinión, sobre todo se é de oposición ou rexeitamento, alén das urnas. Á ringleira dos dereitos civís cernados, das liberdades ilegalizadas, queren sumar unha nova prohibición. A de nos negar o dereito ao apupo.

Apupemos e que lles proa.


@contradiscurso
www.contradiscurso.net

13 de feb. de 2013