Amosando publicacións coa etiqueta Xulio Xiz. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xulio Xiz. Amosar todas as publicacións

Magosto en Lanzós

Xulio Xiz.-

Antón de Guizán é o nome de guerra dun home que naceu en Lanzós: Antón Manuel Tenreiro Ferreiro. Hai días mandoume a invitación para un magosto que me chamou a atención. Xa sei que é tempo de magostos, que as castañas están en sazón, e xa vin a noticia doutro na Frouxeira, organizado pola Asociación de Veciños de Sancobade, gratis para os socios, onde ademáis de castañas hai chorizo, queixos, liscos, chocolatada e queimada, que completan un magnífico menú.

Os de Lanzós plantéano tamén ao grande, con cartel anunciador incluído, para o 29 de novembro, ás 9 da noite, e a súa festa gastronómica comprende liscos, chourizos, pan e viño e actuación do Dúo Escobar, todo de balde. Ademáis de castañas, que supoño do país que producción debe abondar polas terras vilalbesas de Lanzós.

O que máis chama a atención é que os de Lanzós anuncien que a festa vai ser gratuita para todos os asistentes, que, sendo así, xa son ganas de quedar ben e de facer patria, neste caso caso facer parroquia, invitando rumbosamente a cantos queiran achegarse a esta terra vilalbesa á que en tempos acudiamos a pé –os coches eran un ben moi escaso- e agora –A Conexeira e o cemiterio, no camiño- se chega desde Vilalba nuns poucos minutos.

Antón mándame a invitación porque sabe da miña querencia por Vilalba e os seus produtos, e tamén para que faga publicidade do tema, cousa que fago, e lamento que, os meus axetreos de xubilado que non para, me impidan estar alí ese día para ver como celebran os de Lanzós un magosto que parece festa do patrón.

Coñezo a Antón desde hai menos dun ano, cando o presentei nun recital poético, sabendo que era natural de Lanzós, como oriundo da terra que é pórtico e autovía de entrada a Vilalba, con vía propia desde os entrañables Catro Camiños. E desde entón mantemos relación por correo electrónico e algún contacto visual como o do pregón que fun dar á Romaría Labrega dos Vilares, a súa patria pequena de adopción.

Non poderei estar no magosto de Lanzós, e ben o sinto, e por eso o difundo para que quen poida que acuda, que xa que son tan xenerosos hai que invadilos de participación e de amizade.

5 de dec. de 2014

Independencias

Xulio Xiz.-

Houbo un tempo, a finais do século XX, no que se pensou que iamos conseguir os Estados Unidos de Europa, que a tendencia natural era aglutinar para ser máis fortes, e así Europa podería competir cos Estados Unidos de América.

Pero o cemento que unía nacións como Iugoslavia evidenciouse demasiado floxo, e con sangue, suor e bágoas, daquela unión forzada naceron varias repúblicas que foron atopando o seu lugar no mundo occidental.

Pois na Europa comunitaria lateron e seguen latendo particularidades que anceian a independencia, sexan Escocia, Córcega, Cerdeña ou Cataluña, aínda que estas cuestións non estean moi ben vistas pola Europa que dos vintetantos podería pasar aos cincuenta.

Os cataláns levan a dianteira coas súas reivindicacións, mentras que os vascos e os nacionalistas galegos agardan o seu momento, que bastantes problemas hai para sumarlle agora mesmo un de identidade. Pero en Cataluña a cousa vai tan en serio que, a pesar da prohibición e dictamen xudicial levaron adiante o seu simulacro de referendum, quedando contentos os dous millóns e medio -que se supón- de independentistas que, aínda que non sexan maioría, é unha cifra moi importante.

Non parece que o tema se solucione a menos que (os cartos, o primeiro) o Goberno nacional beneficie económicamente de xeito especial a Cataluña, feito que tampouco sería comprendido no resto das comunidades autónomas.

Estúdiese ou non unha nova constitución, onde se dea aínda maior capacidade de maniobra a unhas comunidades con amplos poderes autonomistas, a situación é especialmente delicada se á cuestión política se unen todos os problemas vitais que nos aqueixan e que inciden na crise total que vivimos.

Eu non digo que Cataluña non poida aspirar á independencia. Pero se eles a conseguen, a ver quen se queda atrás. E tendo en conta que en tempos que xa son historia, Cartagena declarouse independente con estatus de nación, aínda habería que especular se nunha hipotética desfeita, non deberíamos soñar cunha Terra Chá independente, naturalmente con capital na nosa vila.

A saber.

23 de nov. de 2014

O Certame Literario de Vilalba

Xulio Xiz.-

Non hai moitas cousas nas que un poida dicir que leva involucrado corenta anos. Do mesmo xeito que hai poucas iniciativas, privadas ou públicas, que duren corenta anos, que é moito, moito tempo. Pois resulta que o tempo vai pasando, e unha iniciativa cultural comezada en Vilalba hai trinta e nove anos, ven de cumprir corenta edicións.

Refírome ao Certame Literario do Concello, que se iniciou en vida de Franco, no verán de 1975, e segue vivo, resultando ser o máis antigo de Galicia e un dos de maior prestixio.

Se a tradición poética vilalbesa é máis que secular, de lonxe veñen tamén estes certames, continuadores do Certame Literario da Terra Cha, no que estaban involucrados os concellos da comarca, con centro en Vilalba. Pero houbo un tempo, ao comezo dos anos setenta, que algúns concellos quixeron facelo rotatorio, e un ano cen Guitiriz pero despois morreu.

Entón o Concello de Vilalba decidiu continuar con esta festa literaria en solitario e, ano a ano, levamos corenta, nun certame que ten conseguido un nome propio no calendario cultural galego, é o acto institucional máis relevante vinculado ás festas patronais, e eleva o nivel xa de por si importante do pregón oficial das festas facendo que o pregoeiro –moitas máis veces ca pregoeira- sexa tamén o mantedor da nosa festa literaria.

Se algo lle faltaba ao noso certame para ser o primeiro do país, agora –ademais do sustancioso premio económico- edítanse en libro as obras premiadas, o que é un verdadeiro desideratum no noso panorama cultural.

Cando empezou o certame era concelleira de Cultura Loli Soto. E xa no comezo foron xurados Anxel Fole ou Celestino Fernández de la Vega, Pedro de Llano, Arcadio Lopez Casanova, Carmiña Cacharon ou Carmiña Prieto Rouco.

Dos corenta anos, fun vocal o primeiro certame, e secretario todos os demais, menos aquel no que fun mantedor do Certame e pregoeiro das festas. Para min é un vencello importante con Vilalba e a súa cultura. Para Vilalba é algo que non pode morrer, e que debe durar sempre.

1 de nov. de 2014

Colexios sexistas

Xulio Xiz.-

Aínda hai colexios que segregan aos alumnos por sexo. Pois alá eles, e alá os pais que permiten que os seus nenos e nenas reciban formación por separado, que a fin de contas é a preparación para a vida dos que serán adultos e adultas do mañán.

Eu non sei que colexios seguen a separar os nenos e as nenas, que me parece cousa de hai un século, xa que menuda preparación para a vida do futuro se consegue separando o que a natureza, a familia e a sociedade teñen perfectamente planificado, pensando na convivencia sen ter en conta se un é home ou muller, que o que a educación debe conseguir é que todos saibamos que somos iguais, por principio.

Eu tiven etapas formativas onde iámos mesturados nenos e nenas, desde os tres anos ata os dezasete. Dándose a circunstancia de que na Academia privada –non había outra- na que eu estudiaba en Vilalba estabamos mesturados na clase e cando acudíamos a Maxisterio a Lugo a examinarnos tiñamos separación, nunha escola dúplice, masculina e feminina, no mesmo edificio pero con sectores e portas diferentes.

Cando os meus fillos –neno e nena- nos xa lonxanos anos setenta, comezaron a súa formación, escollemos para escolarizalos o único colexio privado de Lugo que podían ir xuntos: o colexio relixioso das Madres Josefinas, o primeiro que abordou este problema.

Se un colexio de monxas ten solucionado este problema desde hai case corenta anos, Deus nos libre dos que crean que por estudiar xuntos pode haber algún problema.

Quero lembrar aquí -permítanme un anaco de humor- o que lle escoitei hai moitos anos á profesora sevillana Sara González Niza: Contaba que un mexicano andaba sempre presumindo de que no seu país eran todos moi machos, pero que moi machos... E ela dicía: “Pues en Sevilla somos mitad y mitad y lo pasamos de miedo”. Pois dito queda, e quen queira entender, que entenda.

8 de set. de 2014

Académicos vilalbeses


Xulio Xiz.-

Temos os vilalbeses e chairegos varios académicos na Real Academia Galega, pero aquí refírome aos que hoxe se xuntan, como tódolos agostos dos últimos anos, titulándose “ex académicos” por ter sido, hai xa medio século os máis novos, alumnos daquela benemérita Academia Santa María de Vilalba, que tan excelentes froitos educativos conseguíu obter de rapazas e rapaces vilalbeses que nela tiñamos a nosa universidade, a nosa cultura e o noso porvir.

Hoxe, vinteseis de agosto, xúntanse os que poden asistir –eu sinto ben non poder facelo- tendo por marco da xuntanza a singular e octogonal torre da homenaxe do noso castelo, convertida en Parador Nacional de Turismo, para garantir a súa conservación e dignidade.

Nun tempo escuro no que Vilalba carecía de máis centros formativos que as Escolas do Campo da Feira, a Academia vilalbesa xuntou un plantel de especialistas formadores - coma as estrelas, de diversa brillantez – que nos abriron os ollos cara o mundo, e conseguiron –xa na nosa época de estudiantes- que fosemos dos máis destacados da provincia nas convocatorias dos institutos lucenses, xunto – lémbroo ben- cos da Academia Muinelo de Taboada e o colexio da Asunción de Sarria.

Hoxe, aquel tempo, aquela Academia, son lembranza garimosa da nosa primeira mocidade, que cada agosto agroma na capital chairega para acreditar que toda lembranza é sinal de vida, que o recordo da vella Academia ten moito de agradecemento a un esforzo formativo que trascende o tempo, que fará que a iniciativa siga viva mentras os seus froitos humanos camiñemos pola vida proclamando que estamos feitos a imaxe e semellanza daqueles soñadores que sementaron en nós inquedanza e curiosidade e nos abriron os ollos para mellor percorrer os difíciles camiños do mundo.

26 de ago. de 2014

Exposición Manuel Rodríguez López

Xulio Xiz.-
A exposición “MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, emigrante galego-poeta obreiro”, pode ser visitada na Casa da Cultura vilalbesa ata comezos do próximo mes de setembro, coincidindo coas festas patronais de San Ramón e Santa María.
A mostra, que forma parte do proxecto do mesmo nome, é unha iniciativa de Galicia Digital, coa colaboración do Concello de Paradela e a familia do escritor, apoiada pola Xunta de Galicia, Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo, Concello de Lugo e Real Academia Galega. Nesta ocasión, tamén polo concello de Vilalba.
É unha mostra itinerante formada por 8 paneis dobles, na que se reflicte a vida, obra e actividade xornalística e social do escritor nado en Paradela, que escribiu a maior parte da súa obra na emigración catalana, e que o seu concello natal ten declarado Fillo Predilecto, deulle o seu nome á Casa da Cultura, e ten instituido un certame na súa honra que vai chegar á XX edición.
Que esta exposición visite agora a Vilalba, precisamente cando se vai fallar a XL edición do seu certame literario, é un xeito de irmandar e resaltar a afinidade de dous concellos lucenses con certame literario propio, nos que a institución municipal edita as obras premiadas nun libro.
Esta exposición comezou o seu percorrido hai un ano en Paradela, pasando por Lugo, Begonte, Sarria, Portomarín e Santiago. En setembro viaxará a A Coruña (Biblioteca Nodal e Real Academia Galega), e en outubro a Barcelona, onde o escritor homenaxeado foi o cronista das actividades dos galegos en Cataluña, e o contacto permanente entre os galegos do exterior e os do interior.
Participaron no acto inaugural, o Alcalde de Paradela, José Manuel Mato; a viuva, fillos e neto do escritor; o director de Galicia Digital, Antonio Giz e o alcalde de Vilalba, Gerardo Criado. O cantautor Alfredo González Vilela, lucense de Becerreá afincado en Barcelona, interpretou cancións con letra de Manolo Rodríguez (CANTAR DE CEGO  e  OUH GALICIA DO ALEN) e o violinista residente en Bristol (Reino Unido), de 15 anos de idade, neto do homenaxeado, Carlos Rodríguez Otero, interpretou ao violín CZARDAS, de Vittorio Monti e a DANZA HÚNGARA nº 5 de Brahms.
Información sobre MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ pode obterse na web www.manuelrodriguezlopez.org, onde tamén figura o contido dos paneis desta exposición.

19 de ago. de 2014

Romería Labrega d'Os Vilares

Xulio Xiz.-

Amigos festeiros, moi boa tarde. Hai vintetrés anos - parece que foi onte mesmo - que fun pregoeiro da primeira Festa labrega dos Vilares, por petición de Xesús Veres –Suso do Vicentino- ao que eu xa había ben tempo coñecía, por ser curmán de meu cuñado, Manolo de Benedicto.

Era o 24 de agosto de 1991, e chamábase a festa que comezaba o FESTIVAL CAMPESTRE DOS VILARES, que nacía con todo o entusiasmo do grupo que Suso encabezaba, e que se daquela era todo unha promesa, agora precisamente é o momento de poder evalualo como magnífica realidade. Unha crónica publicada días despois na Voz de Galicia informaba que eu dixera que “os festivais son creadores de cultura”, e hoxe reafírmome no dito, engadindo que os festivais son creadores de cultura, de comunidade, de sociedade e de progreso.

E relendo aquel meu pregón, lembro que xa daquela houbo unha exposición de fotos, que estaba Manuel Marìa, que Maríca Campos leu un poema sobre Pedro Trapeiro, e que fixen unha lembranza especial para o home da cultura máis sobranceiro desta terra, Xosé María Díaz Castro, daquela aínda recente o seu pasamento.
Abogaba eu daquela porque a xente dos Vilares tivera un especial recoñecemento a Xosé María do Vilariño, un dos poetas máis importantes de Galicia, ademáis da escultura que Raul Río ía erguer nesta parroquia. Estando ben lonxe de pensar que case un cuarto de século despois nos xuntaríamos aquí, na edición número vintecatro da vosa Romaría, para honrar a Díaz Castro, precisamente no ano en que se cumpriron os cen do seu nacemento, e no que se lle dedicou o “Día das Letras Galegas”, que é a homenaxe máis grande que pode recibir un galego que dedicou a vida a escribir na súa lingua, e proclamar o seu amor á terra.

Dicía eu daquela, e reafirmo agora que no voso traballo comunitario, como parroquia, radicaba e radicará a vosa forza, o voso mérito. E que cando tódolos pobos, tódalas parroquias, tomen conciencia da súa forza, Galicia dará un paso adiante definitivo. Cando en tódalas parroquias e pobos xurdan vivas asociacións de veciños, culturais, cívicas, de amigos... Galicia será outra.

Semellarase máis á Galicia que soñamos tódolos que cremos en Galicia. Cando as asociacións se preocupen polos temas da cultura e da sociedade, Galicia será un país, unha nación, cun glorioso pasado pero tamén -e de xeito especial- cun brillante futuro.
Animábavos a que cada ano tomárades como unha obriga o costume de facer festa. Porque as parroquias morren tamén por iso, porque se quedan sen festas e sen feiras... Quedan sen festas porque se quedan sen xente; sen xente viva que queira facer festa.

Que ledicia comprobar vintetres anos despois que aquela iniciativa medrou e se fixo moi grande, que non era unha arroutada dun determinado momento senón que foi o primeiro chanzo dunha escaleira interminable que hai que recorrer co entusiasmo que levades empregado en facela firme, longa e lixeira... que ledicia poder decirvos hoxe, aquí, agora, que sodes xente firme e decidida, que sabe o que quere e pon toda a súa forza, a súa enerxía, en que iso que quere se faga realidade.

Dicía Antón de Guizán (Antón Tenreiro) hai uns días que o Festival de Pardiñas a primeira semana de agosto, e a Romaría Labrega da Chaira nos Vilares na fin de semana seguinte, fan de Guitiriz o centro do mundo. E é verdade, que o noso mundo facémolo a medida das nosas necesidades; das nosas realidades. E Os Vilares, precisamente este ano, concentraron a atención de todo o noso mundo –este país- porque homenaxeando a Díaz Castro homenaxéase a unha xente e unha fala, uns costumes e unha historia... Vilares foi e é ocentro deste mundo, do mundo que máis nos interesa, porque é o que temos máis preto, que sinte coma nós; que fala coma nós.

Hoxe, nos Vilares é festa grande. E se tempos novos requiren novas técnicas e novas celebracións, se en tempos unha gran ocasión de xuntarse nos Vilares era a Festa do Sete nas Reixas, hoxe o que pide o tempo e a xente é unha celebración que chame ás xentes do contorno e contaxie a ledicia que vos move, e faga dos Vilares unha patria pequena para quen queira facer festa ao estilo do país, festa labrega propia dunha terra que vivíu sempre de cara ao campo, do campo, e tendo no campo a raiz e xeito de ser e de sentir.

Cando hai vintetres anos vin ler o pregón da primeira Festa dos Vilares, fixen reconto das miñas lembranzas desta terra por ser lugar inmediato ao Buriz da miña xente, por proceder daquí familiares e amigos, porque aquí foi mestre benquerido Don Andrés, tamén vencellado familiarmente coa miña xente, e de xeito especial a Díaz Castro, co que tiven grande relación e naceu nos Vilares para nunca máis morrer e ser un dos inmortais das nosas letras. Pero faltoume algo por dicir...

Eu tiña daquela 44 anos. E non era vello abondo para valorar e ter presentes as cousas da primeira nenez. Agora, que sumo vintetres máis é o momento de ter vivas as primeiras lembranzas e ir esquecendo cousas máis recentes... E deime conta de por que a min me resultaba tan amigable o nome de Os Vilares, Os Vilares de Parga, Os Vilares de Guitiriz.

Nos meus lonxanos tempos vilalbeses miña nai contábame historias da súa nenez e mocidade, acontecidas nas terras altas do Caxado, nas aldeas do Freixo que pertencen ao concello das Pontes... Que se hoxe están todas elas vencelladas por estradas, daquela eran un laberinto de camiños só practicable para quen coñecese á perfección aquela comarca.

Desde que eu empecei a entender, falábame de que todos os invernos chegaban os trapeiros dos Vilares de Parga, que a ela lle parecía que tiña que ser moi lonxe, moi lonxe... unhas xentes esforzadas que dedicaban a primavera, o verán e mailo outono ao traballo do campo, e no inverno botábanse mundo adiante cunha auténtica vocación comercial e peregrinante... e que xunto cos zoqueiros, as costureiras, os mercadores de gando e outra xente que viña romper a monotonía da vella vida campesiña, constituían unha embaixada máxica para os nenos e a ocasión de falar do divino e do humano para a xente maior dunha comarca que se sabía residente na fin do mundo, á que chegaban unhas xentes lonxanas a comerciar con trapos, a levar os restos de roupa e materiais tecidos, a cambio de produtos marabillosos, nun magnífico labor de reciclaxe que para si quixeran hoxe os que tanto se esforzan para darlle unha nova vida ao material valioso que nos empeñamos en tirar.

Na miña nenez vilalbesa eu escoitaba falar dos VILARES DE PARGA, e se desde alí me parecía lonxe o Freixo das Pontes, tiña conciencia de que os Vilares quedaban aínda moito máis lonxe, co que a miña imaxinación infantil pensaba que os Vilares tiña que estar habitado por xentes viaxeiras como Simbad o Mariño, por xentes aventureiras como o histórico Marco Polo, por xentes descubridoras de novos mundos como Cristóbal Colón.

Quen me ía dicir a min que, andando o tempo, eu estaría nos Vilares, coñecería a súa xente, emparentaría con algúns deles, sería pregoeiro da súa primeira festa e repetiría case un cuarto de século despois!.

Quen me diría que onte pola tarde podería entrar na páxina web www.dosvilares.com, para comprobar unha presencia, que como Internet é tan ampla coma o mundo... que vades conseguir facer dos Vilares unha lareira de soños... que Xosé Antón Cascudo, un vilarego, fixo o documental definitivo sobre Díaz Castro... e que Díaz Castro ía ser o primeiro Trapeiro de Honra nomeado pola xente dos Vilares.

Coñecéndoo como coñecín, e sabendo que ninguén morre mentras alguén o lembra, eu estou seguro de que Xosé María do Vilariño, Xosé María de Galicia, no ceo dos galegos, está mirando para acó, sorrindo socarrón, e dicindo agradecido: ¡¡¡Estes veciños meus!!!.

Amigos: Xa me gustaría dentro de vintetantos anos máis estar aquí para comprobar que esto segue a medrar polo voso traballo, inxenio e constancia. E non sei se estarei daquela para moitos trotes, pero no caso de que chegue aló, se aínda me entero das cousas, ofrézome desde agora para virvos decir: Merecedes ser netos ou veciños, amigos ou paisanos, herdeiros daqueles trapeiros heroicos que camiñaban leguas inventando camiños para gañar a vida, deixaban a familia para mellor traballar por ela, e facían patria lonxe para gloria dos Vilares...

Deséxovos forteza e traballo en común; ledicia e festa; boa festa e bo porvir ó voso labor cultural. Que sigades a ser dignos herdeiros daquela xente especial. E que a vosa Romaría Galega da Chaira viva por sempre!.

Meus amigos: Que teñades unha moi feliz edición número XXIV da Romaría Galega da Chaira!.

16 de ago. de 2014

Chao Rego, merecido Hectómetro Literario

Xulio Xiz.- Velaquí unha homenaxe incontestable e incontestada: en Vilalba, érguese un monolito para marcar o Hectómetro Literario de Xosé Chao Rego. Os vilalbeses do meu tempo sabiamos que, se de Ferrol recibiramos un párroco tradicionalista, férreo, a nosa vila tiña invadido Ferrol con cregos innovadores, revolucionarios, como Bernardo García Cendán ou Xosé Chao Rego.
O vello Chao, ao que Cunqueiro mencionaba como o seu asesor na compra de capóns, era propietario do Hotel Chao, e tanto confiaba que o seu fillo crego chegase a Bispo, que tiña gardada unha colleita de viño para celebrar cumpridamente o acontecemento cando se producise.
Pero Chao Rego non ía por esa promoción, pasou moito de largo, e foi crego dos probes, dos humildes, da parroquia ferrolá máis popular, e da “clientela” menos atendida pola Igrexa, abrindo as portas da parroquia para os temas relixiosos, os temas sociais, e os entón innombrables temas políticos ou laborais.
Nin foi Bispo nin continuou de crego, e volveu para Vilalba, e logo para Santiago para convertirse nun dos teólogos máis recoñecidos de Galicia desde a vida civil, felizmente casado. E Xosé Chao Rego convertiuse nunha institución con labor docente nun instituto, con labor literario en ducias de libros, con labor teolóxico en centos de opinións e escritos.
E agora a Irmandade Manuel María da Terra Chá, xunto con Xermolos, ergue un monolito na súa honra no fermoso “Paseo dos soños” vilalbés, á beira do río, xunto ao Muíño do Rañego, onde teñen monumentos Manuel María e Paco Martín, Xosé Manuel Carballo, Agustín Fernández Paz, Margarita Ledo Andión, Xavier Docampo ou Darío Xohán Cabana. Alí acaban os grandes das letras chairegas sendo propietarios dun hectómetro literario deste Paseo, en posesión total.
Mágoa que Chao Rego non estea nas mellores condicións físicas para disfrutalo. Pero o feito é ese: é un grande das letras, da teoloxía, da humanidade da Terra Chá, e a Terra Chá faille xustiza.

20 de xul. de 2014

Cabeza de partido xudicial

Xulio Xiz.-

Dos meus tempos de estudiante en Vilalba conservo a lembranza de ter estudiado de memoria os partidos xudiciais de toda España, que en Lugo eran: Becerreá, Chantada, Fonsagrada, Lugo, Mondoñedo, Monforte, Quiroga, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro. Na actualidade xa desapareceron como tales Quiroga e Ribadeo, e agora témese a desaparición de todos os demais, menos naturalmente a capital.

O Ministro Gallardón, na nova Ley Orgánica do Poder Xudicial que se está tramitado, pretende que desaparezan os partidos xudiciais por estimar que con que existan os correspondentes tribunais na capital de cada provincia sobran as outras instancias distribuídas xeograficamente.

Esto é pura e dura doctrina centralista que coida que non hai máis cidade que Madrid e o resto son provincias. E visto desde cada provincia, só existe a capital, sendo o resto territorio dependente e cando alguén queira tratar algo – neste caso de tema xudicial- acuda á capital que para iso agora, relativamente non hai distancias, e calquera pode desplazarse para participar en calquera trámite relacionado coa Xustiza.

Desde as capitais da provincia irradia a idea de que só no asfalto hai civilización, modernidade, progreso, e iso é unha das razóns polas que o noso campo se foi despoboando en beneficio das zonas urbanas dos concellos, e desde estes á capital. E as mesmas institucións colaboraron a esa crenza e a ese despoboamento ao non fomentar a escala rural e municipal a creación de servizos e atencións similares ás das cidades para evitar unha sangría que polo momento non parece ter remedio, nin siquiera contención.

Esta acción do Ministro Gallardón, eliminando as instancias de partido xudicial en beneficio da capital parece un ataque máis á descentralización, neste caso no eido xudicial, que en nada beneficia aos nosos pobos e vén complicar o panorama da Xustiza provincial.

Hai veces que os gobernos, ás veces, gobernan contra alguén máis ca ao favor da comunidade. Pero neste caso dos partidos xudiciais, mesmo parece que o noso goberno nacional –de gobernar contra alguén- goberna contra si mesmo.

2 de xul. de 2014

Militares

Xulio Xiz.-

De novo, o campamento militar de Parga volveu á vida recentemente por unhas manobras militares que un continxente chegado de León efectuou en maio.

O campamento de Parga tivo moi importante papel militar, noutrora, sendo un lugar elixido polo exército para a formación de soldados, supoño que precisamente pola dureza das condicións climáticas, pola orografía e as instalacións alí construídas. Pero aquelo pasou á historia no momento afortunado en que desapareceu o servizo militar obrigatorio, se axustaron as plantillas ás necesidades dun país moderno, e se inutilizaron moitas instalacións, desaparecendo na práctica o Exército da provincia de Lugo.

Pois estas manobras resultarán de gran interese, mesmo para os antimilitaristas, que habelos hainos, porque máis de catrocentos militares estiveron de manobras en Parga para prepararse de cara ao verán para a actuación contra os incendios.

Que os exércitos se utilicen na actualidade para misións humanitarias, actúen en catástrofes e outras necesidades de servizo público é verdadeiramente digno de eloxio, porque os cometidos tradicionais de guerra non é que vaian desaparecer pero o seu papel é máis disuasorio que práctico, que hoxe en día ninguén imaxina –é de supoñer- un conflicto armado entre un país, o noso por exemplo, e outro inmediato. Ou alomenos é mellor pensar que esto é imposible que se dea nestes comezos do século XXI.

Os incendios forestais son unha auténtica calamidade pública, e contra eles hai que loitar con todas as forzas e todos os instrumentos disponibles. Se fai falla o Exército, que o exército actúe que seguro os seus membros están preparados concienzudamente para enfrontarse a un problema así.

Foron só unhas manobras, pero válenos para lembrar que o verán está aí, que o monte arde no verán – e ás veces xa moito antes- e que o Exército é bo para cousas como a loita contra os incendios. Pois mellor este cometido pacífico que andar tirando bombas por aí.

21 de xuño de 2014

José Ramil Soneira

Xulio Xiz.-

De volta dunha viaxe fóra do país, repasando os xornais para estar ao tanto do acontecido neses días, encontro o obituario que o Dr. Fernando Pardo Gómez dedicou na Voz de Galicia ao Dr. José Ramil Soneira que finou o pasado 26 de abril aos 94 anos.

Para os do meu tempo era “Don José Ramil”, o médico cercano, familiar, que operara a meu pai na clínica que tiña –coa consulta- no domicilio familiar, e desde mediados do século pasado formaba parte da historia viva do noso pobo.

Pero a don José Ramil non lle bastaba con ser un magnífico médico familiar, senón que tiña unha especial preocupación polo pasado máis vello da nosa terra que o levou a pescudar por todo o territorio vilalbés na percura de pegadas dos devanceiros, convertíndose –por experiencia, por investigación persoal, por dedicación- nunha das primeiras autoridades sobre a prehistoria de Galicia, con incidencia especial na nosa zona, que cristalizou na creación do Museo Arqueolóxico de Vilalba, do que – por creador, impulsor, artífice- foi o seu primeiro director continuando o traballo o seu fillo Eduardo Ramil Rego.

Que Vilalba teña hoxe un museo arqueolóxico, débese á dedicación, vocación e investigacións de Ramil Soneira, recoñecidas polas autoridades académicas e institucionais, no que é posible acceder ao coñecemento do pasado máis lonxano, e no que figuran os seus achádegos ao dispor de todos os vilalbeses nun Museo que se considera exemplar, sendo xa unha institución plenamente integrada na vida vilalbesa.

Hai anos, Xermolos dedicoulle a Ramil Soneira os “Encontros da Terra Chá”, honrándoo pola súa longa traxectoria como prehistoriador e patriarca da cultura vilalbesa. Era un asiduo participante nas actividades que Xermolos organiza en Vilalba ou en Guitiriz, E hai uns anos, o concello vilalbés nomeouno Pregoeiro das festas patronais de San Ramón.

Hai xa tempo que deixei de velo nos actos aos que adoitaba acudir. E agora recibo a nova da súa morte.
Descanse en paz o que foi magnífico médico, destacado prehistoriador, e vilalbés exemplar.

2 de xuño de 2014

Noite de lobos

Xulio Xiz.-

Por Galicia adiante anda a representarse a obra de teatro “Noite de lobos” de Xosé Agrelo Hermo, noiés, nacionalista, que naceu no 1937, morreu en 2006, e destacou polo seu labor polifacético, con especial incidencia no mundo teatral.

Aínda que a obra de Agrelo Hermo non sexa esencialmente naturalista, se o fose podería referirse ao que está a pasar na Chaira onde –despois de moitos anos de non recibir a súa visita- se volven ver pegadas de lobos que de noite se achegan ata as zonas habitadas na procura de alimento.

As novas de aparicións de lobos pola noite xorden de lugares como Labrada de Abadín, os Vilares de Guitiriz, en Vilalba en Ladra, ou en Cospeito, e fan lembrar que quedan moi lonxe, a máis de medio século de distancia, os contos que se escoitaban nos invernos de lobos que chegaban ata as casas, atacaban á xente e ao gando, e preocupaban seriamente a todos os labregos, que só saían de noite en caso de necesidade e non sen tomar antes todas as precaucións posibles.

O lobo deixou logo de saberse del, deixou de preocupar, deixou de ser noticia ou motivo de conto invernal ata que agora volve aparecer, precisamente no tempo en que desapareceu na súa inmensa maioría o gando do monte, as parroquias rurais ven mermar a súa poboación e a consideración social do lobo mellorou de tal maneira que agora é especie protexida e hai preocupación porque non desapareza da nosa xeografía.

Coincide esta presencia nocturna dos lobos coa aparición de osos no sur da provincia, recentemente en Samos, que se dedican a saquear colmeas na percura de alimento, saíndo do seu entorno natural das profundidades montesías da Serra do Courel.

O tema, que antes preocupaba pola seguridade dos humanos, preocupa agora somente polos destrozos en propiedades, xa que somos conscientes de que os animais teñen tanto medo dos humanos, alomenos, como os humanos dos animais.

E por iso, as autoridades competentes deben vixiar estas incursións para evitar males maiores, e para seguir considerando que unha “Noite de lobos” somente pode referirse a unha obra de teatro representada con repetidos éxitos pola nosa xeografía.

22 de maio de 2014

Certame Benxamín Paz

Xulio Xiz.-

En Vilalba vense de recuperar o certame literario e de debuxo “Benxamín Paz”, para os nenos dos colexios da comarca, despois de dous anos de interrupción.

Este certame paréceme moi xeitoso, como mínimo en dous importantes aspectos: Dunha banda para honrar a memoria de Benxamín, e con el a todos os que tendo unha minusvalía loitan para superala e triunfar no difícil mundo que nos tocou vivir. E doutra, porque facilita que os nenos e nenas vilalbeses escriban e debuxen para competir limpamente por uns premios modestos pero importantes, aleccionadores, entrañables, nos que participan ducias de pequenos debuxantes e escritores.

Eu coñezo ben este meritorio certame porque fun xurado del nas quince primeiras edicións, convocadas polo Colexio vilalbés Insua Bermúdez, e no que Constantino, Arturo e Chema eran os abandeirados dunha acción cultural que para si quixeran outras moitas institucións culturais e educativas.

Os anos 2012 e 2013, polas razóns que fosen, non puideron convocarse as correspondentes edicións deste certame, pero neste 2014 volve á vida coa edición número XVI, nunha reaparición que eu desexo definitiva e cunha larga vida, polo ben de todos os que temos que ver con el que somos –colexio, xurado, participantes, premiados – moitísima xente.

Nesta nova edición do Certame a cousa non será exactamente igual porque teremos unha carencia vital... Estaremos a maioría do xurado, aínda que un par de membros nos temos xubilado nas nosas tarefas profesionais durante estes dous anos de baleiro, pero faltaramos o imprescindible Bernardo García Cendán que aportaba ao certame a súa natural ledicia, a fondura das súas opinións, a conversa sobre os temas máis diversos, e ata os seus repetidos retrasos debidos á parsimonia vital da que facía gala. Nada será igual sen Bernardo García Cendán, que deixou en nós tanto baleiro.

Pero a vida segue, e afortunadamente o Certame de narración e debuxo “Benxamín Paz”, tamén. Para min, e agardo que para moita xente, é unha excelente noticia.

20 de maio de 2014

A ferretería dos Ramudo

Xulio Xiz.-

Hai días entereime do pasamento dun veciño da vilalbesa Porta de Cima que, por rexentar un establecemento comercial durante moitos anos, tivera relación coa maioría dos vilalbeses. Para todos era o Tito de Ramudo, que en tempos atendera a tanta xente na ferretería que a súa familia tiña aberta no primeiro tramo da nosa rúa vindo da praza da igrexa.

Había ferreterías na carretera, pero a da Porta de Cima quedaba máis preto de todos os da zona, prestando un servizo inestimable, xa que daquela para ir á carretera había que dispoñerse, e moitas veces ata cambiar de roupa.

Os titulares do negocio eran os irmáns Ramudo, que tiñan con eles ao seu sobriño, Tito. Do tío, non lembro o nome, pero da tía si sei que se chamaba Mercedes Cascudo Cascudo, e naquel tempo no que non se sabía case nada do pasado, había a lenda urbana de que fora concelleira, e durante un tempo alcaldesa, cousa incrible porque viviamos nun tempo en que a muller non se ocupaba ou non lle deixaban ocuparse destes mesteres.

Resultou ser que si, que Mercedes Ramudo fora concelleira en Vilalba no tempo da dictadura do xeneral Primo de Rivera, e que rematada a guerra –naquel tempo convulso- fora alcaldesa entre 1939 e 1941, sendo das primeiras alcaldesas de Galicia e de España. O feito era notable, pero parecía como se ninguén tivese moito interese en que se soubese que unha muller fora alcadesa de Vilalba nun tempo en que as mulleres tiñan asignados outros cometidos e prácticamente vedados os terreos universitario ou político.

A vida de Mercedes transcurríu logo placidamente na súa ferretería, onde os tres titulares atendían unha clientela humilde e numerosa da que algunha vez, hai moito tempo, formei parte.

O inexorable paso do tempo levou aos tíos, á ferretería, e agora ao sobriño, para que formen parte todos eles da intrahistoria vilalbesa, conformada por innumerables feitos que todos xuntos marcan un tempo e unha xente. Pero se o establecemento e os seus titulares pode quedar no esquecemento, agora ou dentro dun tempo, o feito de que Mercedes Ramudo foi alcaldesa de Vilalba hai agora setenta e cinco anos, marca un fito histórico que debemos lembrar agora e no futuro.

Foto: Jorge Lens

28 de abr. de 2014

Os "pepes" de Vilalba

Xulio Xiz.-

Aí ven xa, un ano máis, e van cincuenta e catro, a Festa dos Pepes vilalbesa que xunta a todos os Pepes e Pepitas, Josés e Josefas e ás súas parellas, nunha convivencia orixinal que xa forma parte da historia vilalbesa máis recente.

Porque na actualidade é moi normal que os colectivos se xunten, tanto polo que a nomes se refire como a profesións ou como membros dunha colectividade veciñal, pero naquel comezo dos sesenta os Pepes vilalbeses fixeron historia, e moitas xuntanzas que agora se celebran tomaron exemplo desta convivencia e espíritu festeiro que caracterizou aos vilalbeses que celebran o seu santo o 19 de marzo.

E resulta ser xusto e necesario que esta xuntanza se aproveite para honrar a memoria de Pepe Apenela, que morreu o pasado setembro, e que por ser impulsor de numerosas actividades vilalbesas, tamén o foi desta festa dos Pepes, da que sempre se mostrou como o máis importante valedor.

Sinal de que “Os Pepes” son importantes en Vilalba é o de dispor dunha rúa con ese nome, caso singular que entendo non se dará en ningún outro lugar, polo que ben está que nesa rúa o día en que fan festa – este sábado, quince, adiantándose catro días á festa do seu padroeiro- se xunten para reivindicar o lugar como pertencente a un colectivo cada vez máis forte e ilusionado.

Que cada ano sexa un Pepe o que organice os actos, que hai catro anos se impuxera unha medalla a todos os que foron presidentes en anos anteriores, que os máis veteranos vaian cedendo o paso aos máis novos, e que este ano o organizador sexa un Pepe de vintepoucos anos garante que a nosa festa vaia para largo e os Pepes vilalbeses estean máis vivos ca nunca.

Eu xa me teño lamentado públicamente que non me bautizaran Pepe para poder participar na festa, e quizais por iso cando cumpriron as cincuenta festas me levaron a pregoar e me deron unha medalla pola que sempre lles estarei agradecido. E vaia desde aquí, co meu agradecemento, e a lembranza a Pepe Apenela, o desexo de que teñan unha ben xeitosa Festa dos Pepes, que Vilalba e todos os Pepes que foron e serán, meréceno.

17 de mar. de 2014

Nunca estiven en Sicilia

Xulio Xiz.-

Pola miña idade, o tempo das novas tecnoloxías chegoume non tarde pero xa con moito camiño andado polo que me tiven que ir reciclando constantemente, desde aqueles primeiros tempos laborais en que aprendín a escribir a máquina nas vellas Hispano Olivetti que hoxe son historia ata os actuais ordenadores onde, se sabes tocar onde hai que tocar, che solucionan case todo.

Lóxicamente, manexo Internet, porque xa se sabe que quen non acceda a Internet é igual que o que hai medio século era un analfabeto que non sabía ler e escribir. Pero xa cando falamos de redes sociais tipo Facebook preciso axuda para mandar mensaxes ou recibir todo tipo de comunicacións.

Chamoume a atención estoutro día ver que na miña parcela que teño en Facebook indícase, sen que eu puxese nada diso, que son oriundo de Vilalba (Sicilia), e ata o de agora ninguén me dixo nada a pesar de que cando o dezasete foi o meu cumpleanos, a través desa páxina me chegaron un par de centos de felicitacións.

Prefiro pensar que en Sicilia existe un pobo co mesmo nome e aos rectores do Facebook que programan automáticamente os datos da súa web lles sone máis que o noso. Porque outra posibilidade que cabería é que asimilen aos chairegos, siquiera simbólicamente, co amor a terra dos sicilianos cando se di que temos unha grande querencia á nosa terra de orixe, chegándose a indicar que a escala informativa, de escritores, da cultura, somos una pequena mafia chairega.

Xa digo que prefiro quedarme coa primeira posibilidade e pensar que é un erro informático, e que en calquera célula presuntamente intelixente dun cerebro electrónico de calquera val dixital dos Estados Unidos de América, saltou o nome de Sicilia á hora de buscar referencia para achegarse a Vilalba.

De todas maneiras vou pedir axuda á miña descendencia a ver se é posible manipular ese dato en concreto para dicirlle a Facebook que, polo de agora, Vilalba é a capital da Terra Chá, senlleira comarca de Galicia, e que Sicilia nos queda moi lonxe a todos os efectos. Que somos un fisterra, asomado ao Atlántico, e que a pouco que se confíen téñennos aló para dicirlles catro cousas.

10 de mar. de 2014

Non hai terra para nós

Xulio Xiz.-

Eu non sei se se trata dun modismo lingüístico vilalbés ou está así recollido nos libros de lingua, pero lembro moi claramente que nos anos da miña nenez e mocidade dicir “Non hai terra para nós” quería indicar que o mundo que tiñamos arredor non era abondo, que podíamos chegar moito máis lonxe, que os nosos camiños eran infinitos, as nosas forzas inconmensurables e iamos chegar onde ninguén antes ousara.

Eran os anos sesenta, os das emigracións masivas desde Galicia a zonas desenvolvidas do Estado e de Europa... Os polos de atracción chamábanse Bilbao, Madrid ou Barcelona... Francia, Alemania ou Suiza. Non había terra para nós, os galegos. E nos nosos dominios laborais seguía sen poñerse o sol porque aínda estaban vivos os vencellos cos paisanos que emigraran a Arxentina, México ou Cuba.

Cos anos foi languidecendo aquel vencello, porque a gran emigración á Arxentina rematara xa que as condicións económicas de antano xa non eran tan rendibles, e xa non digamos a Cuba, que coa chegada de Fidel Castro ao poder en 1959 deixara de ser un lugar para traballar e progresar.

Durante un longo tempo pareceu que nos conformábamos coa terra que tiñamos nos nosos contornos, e a emigración desapareceu, transformándonos en terra de inmigración. Ata que a crise propiciou de novo a necesidade de buscar novas terras, de ampliar o radio de acción, de comprobar de novo que non había terra abonda para nós en Galicia e en España, e había que buscar – podíase buscar- un destino exterior.

Nestes momentos calquera de nós sabe de alguén co que ten relación que está fóra, estudiando, formándose ou traballando, que fai falla saír ao estranxeiro para ter traballo, e facémonos á idea de que esta emigración é diferente, de que agora a xente vai moito máis preparada, de que sabemos idiomas, e a problemática que estes novos emigrantes europeos atoparán nada ten que ver con aquela paupérrima dos sesenta, nos que só se buscaba a subsistencia nun lonxano exterior.

“Non hai terra para nós”, dicíamos os rapaces de outrora como sinal de afouteza. Como aquí e agora non hai terra para nós, non hai traballo, non hai vida, hoxe coma onte, temos que emigrar para poder traballar; para poder vivir. A historia repítese.

11 de feb. de 2014

Un paso atrás

Xulio Xiz.-

Un está afeito á hora de viaxar, a que a cada poucos kilómetros exista unha estación de servizo, onde non só poder repostar o combustible do vehículo senón poder repoñer forzas cunha bebida fresca, reparar unha roda, ou solucionar calquera continxencia que poida producirse nunha viaxe. Máis se, coma no meu caso, se viaxa acompañado de varios nenos.

O das gasolineiras, como adoitábamos chamar ás estacións de servizo, en tempos era un negocio redondo, considerando os industriais que cunha concesión deste tipo –como un estanco, como unha administración de loterías- tiña a familia a vida económica asegurada. E xa que así era, foron nacendo primeiro as estacións nas cidades importantes, logo nos pobos, nos cruces de estradas, e mesmo en aldeas situadas estratexicamente.

Entre que a economía anda como lle cadra, e que as novas estradas e autovías desplazaron as riadas de automóviles que antes cruzaban os pobos, os negocios da beira das estradas deixaron de selo e as gasolineiras foron pechando, chegándose á situación de que entre Vilalba e Viveiro, e entre Vilalba e As Pontes, non exista neste momento ningunha gasolineira onde poder repostar.

A última en pechar foi a de Candamil, no Concello de Xermade, como antes o fixeron as de Santaballa, Roupar e Muras, deixando sen servizo unha zona ben ampla que inclúe os concellos de Xermade, Muras e Ourol.

Eu teño especial sensibilidade en relación con eses tramos porque precisamente esas dous rutas coñézoas ben por telas recorrido centos de veces, e corresponder ás terras dos meus devanceiros. Pero se a min me doe sentimentalmente máis ten que doerlles aos habitantes dos concellos de Xermade, Muras e Ourol, que non poden abastecerse no seu territorio e teñen que acudir a Viveiro, Vilalba ou Guitiriz para poder adquirir combutible para os seus automóviles e os seus tractores, o que significa un bo paso atrás na súa calidade de vida.

Bastante culpa téñena as novas vías rápidas, pero non toda. Os tempos non están para alegrías, e polo que se ve os combustibles – aínda cos seus precios estratosféricos- non dan para manter abertas moitas gasolineiras.

15 de xan. de 2014

"Siniestro Total" no Parlamento

Xulio Xiz.-

Os da radio temos unha querencia especial polos títulos de cancións, que utilizamos – coido que con toda razón- como citas literarias. Máis os do meu tempo, que daquela se presentaban todas as cancións con título e intérprete.

Hai uns días producíuse unha mención destas no Parlamento de Galicia que se non fixo mover as columnas da Cámara, si alterou o seu ritmo, xa que mentras os do PP aplaudían con fervor, a oposición quedou pasmada, pero peor foi a Presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, que descoñecía que Siniestro Total lle dedicou hai xa ben anos unha canción ao Ayatolá Jomeini, co título de “Ayatola, no me toques la pirola”.

Quen utilizou este título foi o deputado do PP, voceiro nos temas de Cultura, Educación e Comunicación, Agustín Baamonde, Tito para os amigos, anterior alcalde de Vilalba.

Cenei ao seu lado hai uns días, na celebración que a Polifónica vilalbesa facía da padroa da música, e puidemos comentar amplamente este acontecemento político-musical, que asombrou mesmo aos comentaristas políticos, afeitos como están a que esta persoa de talante pacífico e ampla formación xurídica utilice citas de escritores e políticos de todos os tempos para darlle altura aos debates nos que intervén.

Nesta ocasión falábase dos medios públicos de comunicación de Galicia, tema no que ningún Partido político é inocente mentras non o demostre coa súa actividade pública, porque cada forza gobernante elixe aos directores dos medios e, alomenos ata agora, contrataba os profesionais que mellor consideraba que podían levar adiante a tarefa informativa.

Os de Siniestro total interpretaron esta canción por primeira vez en 1981, nun recital nos Salesianos en Vigo, presentados por Antón Reixa. Os Salesianos botáronse a temblar. Pouco podían imaxinar uns e outros que o título desta canción –nacida cando en Irán botaron ao Sha e Jomeini entrou en escea – chegaría ao Parlamento onde, por certo, sempre se di que deben entrar os temas e os xeitos da xente da rúa.

Cabe supoñer que a Presidenta do Parlamento, que agora xa sabe que foi e que significou Siniestro Total, segue alucinada pola última cita literaria, por agora, de Agustín Baamonde.

11 de dec. de 2013

Os Territorios sentimentales de Carmen Pena

Xulio Xiz.-

A profesora Carmen Pena López, vilalbesa en Madrid, Catedrática de Historia da Arte contemporánea, publica TERRITORIOS SENTIMENTALES (Arte e identidad), na colección Ensayo, da Biblioteca Nueva, libro que ven de ser presentado o pasado 15 no Museo de Bellas Artes da Coruña.

Carmen Pena, aínda que nacida en Salamanca en Vilalba considéraselle vilalbesa. É filla de xuiz, en Vilalba estudiou alomenos un curso na histórica escola de Dona Amelia, e mantivo coa vila e as súas xentes un permanente contacto. Só na súa familia se da a circunstancia de que tres dos seus membros foron mantedores do Certame Literario de Vilalba e Pregoeiros das festas patronais. En 1986 foino seu pai, Pablo Pena de Olano. O ano 2000 foino ela, e anos despois seu irman José María Pena López. Aos tres tiven a honra de presentalos como secretario do xurado do Certame Literario. Carmen Pena, por certo, foi tamén Raíña das nosas festas patronais.

Carmen Pena ten no seu haber amplas investigacións e numerosas publicacións, merecendo ser subliñado un libro adicado á historia da paisaxe española da fin do século XIX e comezos do XX que veu a luz en Editorial Taurus en 1983, reeditado en 1998, no que analiza a paisaxe española na arte, especialmente o mito da paisaxe castelá en contraposición simbólica coas paisaxes do norte, especialmente de Galicia.

Ten publicado, asimesmo, unha historia da arte galega dentro do libro “Los Gallegos” en Editorial Galaxia, e no xornal El Independiente foi, durante cinco anos, crítica da arte contemporánea.

O libro TERRITORIOS SENTIMENTALES é unha profunda e orixinal visión da interacción entre a arte e a terra, o pensamento, os sentimentos, ata o punto de entender que a arte dun pobo e dunha xente é como unha radiografía histórica, esencial, sentimental, das xentes que a crean e a disfrutan.

A miña visión do libro, forzosamente de profano asomado á fondura dun tema no que nunca me tivera parado a pensar, é dunha lonxana aproximación a un mundo novo, no que a arte se evidencia cun vencello moi especial coa vida, co sentir, coa historia, coa personalidade dun país e das súas xentes.

Destaca a autora que España, desde o Renacemento, non foi “emisora ou productora de propostas modernas” senón unha “esplendorosa e magnífica periferia” comparada con Roma, París, Florencia ou Nova Iorque. E sen embargo Velázquez, Goya, Picasso, Miró, Gris, Chillida, Tapies ou Barceló foron pezas centrais e universais do barroco, da pintura moderna, e da construcción vangardista e postvangardista universal.

Como primeira mostra do arte hispano coñecido, aparece a Dama de Elche, “icono emerxente do sochán dos antigos rituais, que brota da terra coma a auga, coma a herba, coma os árbores, coma o trigo”, pero o estudio da profesora Pena parte especialmente da obra de Goya, -“fogonazo de luz”-, precisamente cando España “tocaba fondo no seu proceso de decadencia como imperio”, e do feito de que a arte española – desde a súa periferia ou a causa dela- “xirou de forma obsesiva en torno á cuestión especifica da identidade – das identidades- para mitificala ou desmitificala, para academizala ou para catapultala á esfera do moderno e universal”.

De Goya analiza as paisaxes, “oscuras, densas, inquietantes”, que herdarían as vangardas plásticas do 25 ou literarias do 27, e así España e os españois foron vistos – cualificados- a través da pintura, das
escuridades, de Goya, ao que consideraron “expresivo do español”, destacando que aquela identidade única fragméntase logo cando se procuran outras identidades nacionalistas – catalana, vasca, galega... – cada unha cos “seus tópicos identitarios, en competencia coa idea dunha identidade única.

Eu sempre adoitei considerar a arte como unha expresión estética, sen máis trasfondo, tendo en conta o necesario carácter comercial que convén á necesidade de pervivencia do propio artista, pero velaquí que existen outros territorios – os do sentimento, os da alma, os da nosa profundidade humana – nos que a arte ten moito que ver ( teno todo), e este libro da profesora Pena é a porta perfecta para “meternos en fonduras” adentrándonos en terreos sensibles e profundos nos que mirarnos e comprender.

27 de nov. de 2013