Amosando publicacións coa etiqueta alba s. naseiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta alba s. naseiro. Amosar todas as publicacións

Alúgase


Alba Sofía Naseiro Lamas.- Levamos dúas semanas de busca intensiva, sen resultado. Parece mentira que nos sexa máis difícil atopar aloxamento en Compostela que en Barcelona. A Voz de Galicia xa nolo viña advertindo: os alugueres vacacionais comezan a establecerse na capital galega, prexudicando ao modelo de aluguer máis habitual, é dicir, os pisos para estudantes universitarios.

Si, xa coñecemos o fenómeno Airbnb e a terrible tentación que supón para os propietarios gañar máis cartos ao ter os pisos alugados de forma estacional, sen ter que aguantar aos inquilinos durante todo o curso escolar. O que me parece terrible é que en Barcelona, o lugar máis resentido da península por este fenómeno, nos fóra máis fácil atopar un bo aloxamento, unha vez te resignas aos desorbitados prezos froito deste problema. Refírome á actitude dos propietarios, por suposto.

Sempre me deu a impresión de que os propietarios dos pisos de Santiago son xente desconfiada, que cando te ten de inquilino cre que che está facendo un favor, non ofrecerche un servizo a cambio dun beneficio económico. Son libres de esixir condicións que non teñen nada que ver co intercambio de bens e servizos orixinal, e que non atopamos no noso periplo por Barcelona. Estes propietarios, de forma xeneralizada, non admiten mascotas, fumadores, parellas, ou incluso persoas de xénero masculino. Isto último é especialmente curioso, porque moitos dos que buscan só inquilinas son homes, e resulta moi incómodo pararse a pensar nas razóns desa criba. Algún ano chegueime a atopar unha propietaria que, ao anunciarlle que ocuparíamos catro persoas as tres habitacións que ofrecía, quixo subir o prezo do aluguer.

A miña experiencia falando con axentes inmobiliarios e algúns propietarios deume a entender que os donos das vivendas teñen unha imaxe moi negativa dos posibles inquilinos. Entenden que os estudantes (a maior parte, pero lembremos que non son os únicos que precisan vivir de aluguer) son descoidados, irresponsables e suxos. Podo comprender que algúns tiveran malas experiencias cos seus inquilinos, pero négome a pensar que a maioría dos casos sexan así, e pagan xustos por pecadores. E o peor é que a desconfianza esténdese aos que non estudan, a xente que se supón máis madura, traballadora, que simplemente non ten unha vivenda en propiedade, ou que lle resulta máis económico e cómodo alugar un piso máis preto do seu traballo que desprazarse todos os días dende a súa casa noutro concello.

É necesario puntualizar que o aluguer en Barcelona está realmente máis difícil que aquí, pero os problemas son diferentes: os prezos están absurdamente inflados e a única preocupación de propietarios e inmobiliarias é cobrar. É necesario asegurar, como inquilino, que vas a ser solvente durante todo o tempo que esteas na vivenda, mediante avais e certificados de emprego. E o impago do aluguer, entre outras causas, leva consigo a maior das traxedias que lle pode ocorrer a unha familia falando de vivenda: un desafiuzamento.

En Santiago, de momento, non se fan as cousas da mesma maneira. Prefiren previr que curar, aínda que deberían saber que para algo se inventaron as fianzas, para solucionar problemas cos inquilinos. Ben, ao mellor non coñecen realmente o mecanismo, porque tamén souben de propietarios que non devolven as fianzas por causa dun electrodoméstico antigo que non funciona, cando o desgaste derivado do uso normal dun obxecto non é causa legal para negar a devolución dunha fianza.

Quería rematar esta pequena reflexión puntualizando un dos aspectos desta desconfianza que, malia ao que podiamos pensar, é máis problemático en Galiza que na cidade condal: as mascotas. Barcelona está chea de cans, cans soltos, cans grandes, cans pequenos. Non adoita haber problemas con eles nin no ámbito público nin no privado. Cando chegamos ao noso piso barcelonés por primeira vez dixéronnos que o piso era ideal para familias con mascota, porque tiña un patio interior. Hai unha tolerancia enorme cos animais de compañía. En Galiza o tema das mascotas, ao igual que o aluguer, tamén se caracteriza pola desconfianza: a maior parte das cidades carecen de grandes espazos para ter cans soltos, para que gocen dun pouco de liberdade. A maior parte de parques teñen minúsculos “pipicáns” e as grandes superficies verdes están destinadas aos seres humanos, prohibindo a entrada de mascotas ou limitándoas a ser levadas con correa. Xa explicamos que no ámbito do aluguer o máis habitual é negar o dereito de admisión a mascotas, pola razón que sexa. Iso faime pensar: é que para compartir a túa vida cun animal precisas ter unha vivenda en propiedade? E, polo xeral, a xente adoita desconfiar do comportamento dos cans pola rúa. Pode que sexa unha herdanza xenética daqueles labregos temerosos do ataque dos lobos, non o sei. Pero isto, como dicía o autor, xa é outra historia.

26 de ago. de 2019

Hipsters

Alba Sofía Naseiro.-

Andaba eu a camiñar cunha amiga -non, aínda que pode parecer unha referencia ao amigo Antón do noso Bernardo, non ten nada que ver-, cando me preguntou “Por qué odias aos hipsters?” Para quen non o sepa, os hipsters -tamén denominados modernos- son unha especie de nova tribu urbana definida, non por unha característica que os fai peculiares, senón por apuntarse a calquera moda peculiar. Ser diferente por vocación. Levar a contraria por que si.

Eu non odio a ningún colectivo: esa foi a miña reposta. Pero é verdade que a este colectivo non o tomo en serio como podo tomar outras manifestacións de cultura ou contracultura xuvenil. A razón? Carecen de fondo. Isto é, dunha ideoloxía e duns valores propios, pois a única filosofía común é a do carpe diem -e na miña opinión non é orixinal, senón un instinto natural da xuventude humana.

O movemento hipster é ante todo un movemento estético. Escollen símbolos -gráficos, como o famoso bigote ou a cruz latina; obxectos, como as gafas de pasta e os produtos de Apple...- baleirándoos de todo significado histórico, e úsanos segundo lles ditan as súas propias modas. É curioso como se declaran devotos de todo o antigo -vintage- pero desprezan aos seus iguais cando quedan un pouco atrás nunha desas modas, calificándoos coa enigmática palabra mainstream.

Primeiro tívenlle que aclarar á miña amiga a que me refería con “significado” e por qué me parecía importante. Cando vexo o lema “no future” escrito sobre unha Union Jack véñenme á cabeza non só cancións dos Sex Pistols, senón o sentimento de toda unha xeración aplastada baixo a crise do 73. Cando vexo a mesma bandeira na funda dun smartphone, non me inspira nada -si, tamén adoptaron á pobre Union Jack. E os hipsters tampouco buscan unha trascendencia para ese símbolo. “É bonita”, responden cando lles preguntas o por qué.

Os símbolos representan toda unha relación de factores históricos, filosóficos e culturais. Para explicarllo á miña amiga, recurrín a comparar aos modernos con dous movementos xuvenís anteriores -que espertan a miña simpatía-: o rock n' roll e o punk.

A estética e a música, xunto coa forma de vivir dos rockers era símbolo da súa loita contra os valores dos seus antepasados. Unha reacción contra o puritanismo e a represión social -cultural e até sexual, se me apuras!- estadounidense da época. Non era ser diferente porque si: era romper con algo negativo, cunha sociedade na que se a túa non era unha “familia ben” eras un paria. En canto ao punk, está claro que a crise do petróleo e o capitalismo feroz, que xerou miseria e desemprego, foron os principais inimigos. Tamén a defensa da paixón e o sentimento foi un bo motivo para loitar.

Nunha sociedade como a actual, na que vivimos o mesmo -ou peor!- capitalismo feroz, e nun país no que aquel puritanismo e moral retrógrada (representado pola Igrexa católica e os seus seguidores) nunca desapareceu... nun lugar e nun tempo no que a paixón é admirada só se es famoso, e “os de arriba” non só te pisan senón que te tratan como un parvo... os ideais do rock e do punk debían ter continuidade.

Pola contra, o Estado do benestar (que pouco a pouco vai desaparecendo... outra razón para crer na rebeldía) creou xeracións conformistas e egoístas de mozos que non saben vivir sen o último en moda e tecnoloxía, e que están insensibilizados contra os problemas que os rodean. Cando ven unha inxustiza, pregóana en twitter e esquécense aos dous minutos.

Eles son os diferentes. Pero logo os raros somos nós.

18 de xan. de 2014

Humor

24 de dec. de 2013

O crime da Legua Dereita

Alba S. Naseiro.-

Os espectadores que acudiron en masa -a expresión non é irónica, o excesivo aforo obrigou aos organizadores a ofrecer un segundo pase- a ver a película que se estreaba onte levaron unha gran sorpresa. “O crime da Legua Dereita” non tiña nada que ver coas ideas que moita xente tiña preconcebida.

O proxecto xa era coñecido dende había tempo: unha película low cost que reflexaba o escabroso suceso -ollo, non digo lenda urbana!- que todo chairego coñece. A espectativas eran boas: a historia real ocorrida no 1911 dá moito de si como argumento. Hai de todo: os curandeiros, as supersticións, os sacaúntos, as xenreiras xa existentes entre a vítima e a man executora, os poderosos manipulando aos débiles para sacar proveito, o remedio que chega demasiado tarde. Se a collera Spielberg por banda, xa tiñamos unha triloxía.

Pero o guión foi por outros camiños. Non hai nada histórico, salvo unhas leves referencias ao comezo, pois o argumento é totalmente ficticio. Os crimes trasládanse á actualidade para crear un “thriller rural” no que a investigación policial e a persecución dos asasinos é a absoluta protagonista. O resultado é un filme galego de corte americano, no que o cuartel de Lugo parece as oficinas do FBI en Las Vegas. Os procedementos policiais propios de Hollywood, que xa contaminaran as series e películas españolas dende hai tempo, substitúen o carácter case totalmente burocrático das institucións do noso pobo. A táctica do poli bo e o poli malo non funcionaría cun galego. E xa non falemos de ir a 180 quilómetros por hora pola Ronda da Muralla, pois os semáforos fan que isto sexa algo materialmente imposible!

En canto ao guión... non gañaría un premio da Academia, precisamente. Usar a técnica de “palabra malsonante por minuto” de Scarface pode dar énfase, pero non reflicte a nosa realidade lingüística... Nete, por moito que nos empeñemos, non é o Bronx. Ah! Ademáis, calquera lucense quedaría lixeiramente mosqueado ao escoitar a frase “un tal Cunqueiro”. Ou non?

Poderiamos tamén meternos cos actores. Si, poderiamos, pero non deberiamos facelo. Por que non? Porque se trata de voluntarios, moitos deles xente do teatro aficionado. O teatro esixe un tipo de actuación moi diferente da bile dramática que segregan os thrillers americanos. A esaxeración ou moderación das súas interpretacións dá moito xogo sobre os escenarios, pero non luce tanto diante dunha cámara.

Por último, no aspecto técnico -que tampouco vou a dilapidar ao tratarse dun filme sen presuposto- sí se pode destacar un abuso de certos tipos de planos e de secuencias -primeirísimos primeiros planos que cambian rápidamente, ángulos de cámara extremos- que convirten a metraxe nunha carreira angustiosa cara o abismo.

Pero, mirade, a película ten o seu mérito. Rodada en tres días, con voluntarios, de coste cero. Estrea gratuíta, cun éxito total en canto á cantidade de público. As entradas esgotadas! E o inesperado final, que non vou desvelar, non é o típico final de blockbuster policial norteamericano. Cambia a concepción de toda a película.

Para ser sinceros, é unha boa idea. Hai que vela con humor, e contando coas circunstancias da produción. Hai que vela como unha parodia. Si, unha parodia! Unha parodia maxistral que nos fai darnos conta do que vemos habitualmente, do que nos fan ver. E logo, quen non tomou totalmente en serio ao inspector neoiorquino cando se dirixía ao narco nos mesmos termos que o policía local lucense desta película se dirixía á primeira sospeitosa? E a este último non o tomamos en serio, claro que non!

É un bo tema de reflexión, non si?

20 de out. de 2013

Peche dos afectados polas preferentes


Alba Sofía Naseiro.-

Despois da nevarada, unha pequena treboada de protesta caeu no Concello. Concretamente, no ximnasio do Concello, onde estaba convocado ás oito da tarde un peche organizado pola Plataforma de Afectados polas Preferentes da Terra Chá. Sobre esta hora comezaron a chegar os primeiros afectados, iniciando cedo o debate no que comentaban as súas inquedanzas sobre a pouca concorrencia ao acto de protesta .

Cando se xuntaron unha vintena de persoas dispostas a quedar toda a noite, foron mostradas as pancartas cuxo lema pedía como solución ao problema a devolución íntegra dos cartos.

Tivemos ocasión de escoitar aos vocais da Plataforma. Para eles o obxectivo do peche era, sobre todo, sensibilizar ao colectivo de xente afectada para que se una ás súas protestas. O número de persoas afectadas ascende aos 1500 na bisbarra, e estímanse 50 na capital chairega mentres a plataforma conta con 60 membros. É necesario aumentar esta cifra: contando as familias dos depositarios das contas poden ascender a máis de 3000 persoas só na Terra Chá. E, como sinala a plataforma, o problema toca a toda a economía: baixando o poder adquisitivo, baixa o consumo. Se as protestas non foron concorridas, a causa pode ser a vergoña de sentirse estafado.

En canto á solución, os vocais apuntan a que a arbitraxe –que xa ten solucionado oficialmente sobre 14.500 casos, aínda que na actualidade está paralizado- é o mellor camiño. Despois da conferencia do Fiscal Xeral o pasado día 9 de Maio na Deputación de Lugo, os afectados son optimistas. Lamentábelmente, a pesares de pedir públicamente perdón ante os medios, os responsábeis das preferentes non acceden á devolución dos cartos, e polo tanto débese recorrer á vía xudicial para recuperar o perdido. Apuntan ademáis que entre os estafados atópanse menores de idade e incapacitados que legalmente non podían aceptar ese produto bancario, calificado como “tóxico”.

Ante a pregunta de quen é o responsable, a plataforma sinala que parte da culpa é das autoridades que permitiron a venda das preferentes, dende a Xunta de Galiza até a Comisión Europea pasando polo Goberno Español e a Comisión Nacional do Mercado Valores, e que aceptaron as contas das Caixas de Aforros maquilladas no seu propio beneficio.

27 de abr. de 2013

Humor


15 de set. de 2012

Soneto

Alba S. Naseiro.-

Unha loucura é facer un soneto.
Ninguén chega a unha conclusión brillante,
para estes xenios o máis importante;
e para tolos o que eu vos presento:

Morre vivindo, sempre soña esperto,
e búrlase do cabaleiro andante;
é a un tempo descoidado e elegante.
Unha eternidade é un momento.

É un ser incerto, deseguido mente,
mora na selva que el só fabrica.
É moi violento, pero tamén sente.

O peor do tolo que non se resente:
non está só; neste mundo onde fica
hai máis humanos, e todos dementes.

9 de xan. de 2012

Antía Cal, Chairega de Honra

Redacción.- Esta mañá, a Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz e a Irmandade Manuel María nomearon Chairega de Honra a Antía Cal, unha das pedagogas máis significativas da Nova Escola, que dende mediados da metade do século pasado vén desenvolvendo o seu labor pedagóxico na nosa terra. Recoñecida en todas as instancias e países europeos polo seu quefacer didáctico e as súas iniciativas innovadoras no eido do ensino, Antía Cal merece ser distinguida cos máis prestixiosos galardóns.
Os chairegos só temos este loureiro para ela: nomeala Chairega de Honra. Foi acto celebrado hoxe na Casa da Cultura de Vilalba, ás 12 horas, cunha táboa redonda que contou coa intervención de persoeiros relevantes da nosa vida política e cultural: Avelino Pousa Antelo, Xosé Neira Vilas, Carmiña de Soutomaior, Xosé Manuel Beiras e María Xosé Lamas, e que foi moderada  por David Otero.

Reportaxe fotográfico do acto de Alba Sofía Naseiro

1 de out. de 2011

Reportaxe: Memoria da Chaira Enteira 2011

Alba Sofía Naseiro.-



Reportaxe fotográfica dos actos de homenaxe ao poeta Manuel María, no cabodano do seu falecemento, nos lugares de Penas de Rodas, o cemiterio de Outeiro de Rei e a campa de Santa Sabela.

10 de set. de 2011

Paco Martín, o escritor na súa terra

Alba S. Naseiro.-

O escritor lucense Paco Martín foi homenaxeado hoxe na súa cidade pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) nun emotivo acto no que participaron escritores como Cesáreo Sánchez Iglesias e Mercedes Queixás, directivos da AELG, Xabier P. DoCampo, Agustín Fernández Paz, María Pilar García Negro, Marica Campo, Darío Xoán Cabana, Carlos Reigosa ou Lois Diéguez, entre outros moitos, políticos como Xosé Manuel Beiras, así como numerosos lucenses que quixeron unirse á homenaxe.

A xornada comezou coa plantación da árbore simbólica escollida polo escritor, un carballo, e o descubrimento do monolito conmemorativo na Praza da Horta do Seminario. Como anécdota, sinalar que o texto grabado no pedrón, que debería ser un fragmento da obra de Paco Martín, resultou unha proba de maquetación ou, na xerga do deseño gráfico, Lorem Ipsum. O concelleiro Antón Bao, en nome do Concello de Lugo, prometeu que en vindeiros días ficará subsanado este erro. Durante o acto anunciouse que o Concello de Lugo se sumará á homenaxe dándolle o nome de Paco Martín á Biblioteca Municipal da Piringalla.

O autor de Das Cousas de Ramón Lamote lembrou o Lugo da súa nenez, e como ían coller a froita nas hortas existentes no que agora é a Avda. Ramón Ferreiro, onde estaba o antigo cemiterio municipal, e lembrou o misterio que tivo para el aquel lugar en diferentes momentos da súa vida.

A continuación, no salón de plenos do Concello de Lugo o alcalde Xosé López Orozco deu a benvida aos asistentes, e lembrou a fecunda tradición literaria da provincia de Lugo. Alejandro Tobar, antigo alumno e bo amigo de Paco, fixo a laudatio ao homenaxeado na que destacou o seu vínculo coa cidade a través do seu álter ego, Ramón Lamote. Un emocionado Paco Martín recibíu a E de escritor, unha peza do escultor Silverio Rivas, de mans do presidente da AELG.

Os actos remataron cun concorrido xantar de confraternidade no restaurante do hotel Méndez Núñez, lugar simbólico onde en 1918 se reuníu a primeira Asemblea Nazonalista, que contou coa participación dos músicos Mini e Mero.

Con esta homenaxe ao Escritor na súa Terra, que fai a número XVII, a AELG procura un contacto directo co autor, coa súa terra, e cos referentes que enriquecen a súa creación, así como a implicación do homenaxeado na celebración. Constitúe unha encontro popular no que se recoñece o talento de insignes figuras na plenitude da súa carreira literaria, en contraposición ao día das Letras Galegas, que rinde homenaxe a autores desaparecidos. En edicións anteriores, recibiron a E de escritor os vilalbeses Agustín Fernández Paz e Xosé Chao Rego, Xosé Neira Vilas, Manuel María, Bernardino Graña, Uxío Novoneyra, Luz Pozo Garza ou Antón Avilés de Taramancos, entre outros.



Reportaxe gráfica: Paulo Naseiro

25 de xuño de 2011