Amosando publicacións coa etiqueta daniel basteiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta daniel basteiro. Amosar todas as publicacións

Todo está en cuestión

Daniel Basteiro.-

Hai aproximadamente catro anos, a crise económica era un invento “made in EEUU”. Lembro ben a primeira reunión de ministros de Economía da Unión Europea que cubrín, en Niza en setembro de 2008. Dous días antes da caidade Lehman Brothers, o banco de inversión que provocou un efecto dominó en
todo o mundo os ministros limitáronse a tomar unha medida de ampliación do crédito a pequenas e medianas empresas. En realidade, pura cosmética. Hoxe, sen novas do crédito e tras centenares desas reunións, Europa xa ten pasado por unha crise financeira, atravesa outra económica e aínda non afronta
unha maior, a política. Os novos vivirán, por primeira vez en décadas, peor que os seus pais. As pensións, os dereitos laborais, os servizos públicos como a educación ou a sanidade están en cuestión.

No só son números. Cando moitos deran por aceptada a “economía social de mercado” (se é que iso existe) como modelo económico, os mercados enguliron á economía e a sociedade quedou espida, totalmente desprotexida. Urxe atopar un modelo económico san que garanta os servizos sociáis básicos.
Compre non esquecer experiencias como as nórdicas ou algunhas centroeuropeas, sociedades con servicios públicos e unha clase media asentados, equitativas nos impostos (onde os ricos os pagan, onde o
traballo en negro non é o que fan os listos) e que están a soportar a crise sen grandes fracturas sociais.

Pero a crise vai moito máis alá de como manter a sanidade ou a educación. En paralelo estase a producir unha perda de influencia de Europa no mundo, lenta pero segura. De ser o vello (e hexemónico) mundo á guerra de bloques ou convivir cunha superpotencia, Europa corre agora o risco por primeira
vez na Historia de caer na máis profunda irrelevancia. O risco de verse arrastrada pola diplomacia de países que non cren na democracia ou nos dereitos máis básicos. A posibilidade de involucionar.

Todos os camiños pasan por Vilalba, unha vez máis. Tamén por Vilalba. Polos veciños conectados ao mundo a través dos medios de comunicación, ou que navegan por Internet, ou que viaxaron, que son ou coñecen a xente da ‘xeración Erasmus’ ou simplemente teñen os ollos abertos. Polos que se moven, polos que votan, polos que se fan preguntas. É coas ferramentas individuáis coas que se constrúen os soños e as realidades colectivas. E ao final, por moita retórica global coa que os xornalistas gañamos a finais de
mes uns cartiños para vivir, todos temos unha idea máis que clara do ben e do mal, do que é productivo ou, como se di agora, competitivo. Pode que todo estea en cuestión, pero non hai que ir moi lonxe para atopar as primeiras respostas.

24 de set. de 2012