Amosando publicacións coa etiqueta man castro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta man castro. Amosar todas as publicacións

A 'Lareira de soños' de Pastora Veres

Germán Castro Tomé.-

É un pracer e un privilexio compartir mesa con Pastora nun escenario tan digno, tan representativo da vida cultural como é o Ateneo Ferrolán.

Pas, traballadora social pola Universidade de Santiago e master en drogodependencias pola mesma institución académica, recorreu boa parte da comunidade galega empezando a súa andaina profesional polo Concello de  Noia. Nun longo roteiro pasou por Vilagarcía, O Grove, Santiago, Lugo e tamén Neda e Ares, municipios da nosa comarca ferrolá. Desde o ano 2005, presta os seus servizos na Consellería de Política Social na Coruña.

O feito de que Pas Veres optara polo traballo social considero que é un dato revelador das inquedanzas e do compromiso coa sociedade que agromou desde moi nova na nosa autora.

Ademáis do que é o seu rol profesional, o seu modus vivendi, Pas leva de xeito paralelo o seu compromiso co labor comunitario e a defensa da cultura e tradición do rural, como fiel discípula do poeta Díaz Castro cuxa poesía abordaba a temática da humilde vida rural, como salientaba o seu amigo e ilustre polígrafo ferrolán Ricardo Carvalho. Na propia solapa do libro figura a súa participación, sendo máis nova, na Asociación de Veciños dos Vilares e na Romaría Labrega da Chaira e máis recentemente implicada tamén no proxecto cultural Os Vilares lareira de soños.

Estamos xa que logo diante dunha muller rica en valores humanísticos. Hai que engadir que Pastora, como boa chairega, é poeta. Na Chaira agroman os poetas e as poetisas como margaritas en primavera. Velaí o papel de impulsora, sumando forzas co seu home, Antón, da Nova Poesía Guitirica, movemento que en só seis anos cobrou unha notoriedade e prestixios extraordinarios. Precisamente, a semana paasada, a NPG ocupaba titulares na prensa por estar implicada no primeiro festival de poesía guitirica, en alianza co Concello daquela vila.


Pas, xornalista

Quero destacar igualmente un aspecto biográfico da autora de Lareira de soños, que non e tan coñecido. Pastora non é unha xornalista de profesión, pero sí de devoción. Acredito que é unha admiradora deste oficio, do que precisamente era un apaixonado vocacional o seu escritor de culto García Márquez, que decía que este era o mellor oficio do mundo. Gabo escribía xa ben avanzada a súa idade:

“No quiero que se me recuerde por Cien años de soledad, ni por el Premio Nobel sino por el periódico (…). Nací periodista y hoy me siento más reportero que nunca. Lo llevo en la sangre, me tira”.

Pastora se houbese seguido este camiño, sería hoxe unha magnífica profesional dun xornalismo máis ben literario e creativo. Non hai máis que ver como a autora manexa neste libro, cunha singular mestría, un dos xéneros máis prezados do xornalismo como é a entrevista, que ela desenvolve brillantemente a través da fórmula narrativa.

Se o traballo de campo foi arduo, peregrinando por rueiros e casas dos Vilares e máis alá trasladándose a Bilbao e Barcelona onde vivían vilaregos que podían aportar valiosos testemuños de anos, armar literariamente todas esas conversas, todo ese material reunido na gravadora e nas libretas de apuntes foi un gran reto que Pastora soubo afrontar cun magnífico resultado. Pas Veres con esa vea que ela posee de xornalista e poeta  sabe manexar a palabra, contextualizar o relato e lograr o obxectivo final de despertar o interés de lectoras e lectores e sacar do anonimato as voces silenciadas do rural, como refire Luz Campello nun fermoso artigo que foi publicado en La Opinión de Coruña, a raíz de saír da imprenta a obra que nos trae aquí.

Díaz Castro-Carvalho Calero

 

Resolto o capítulo biográfico, desde a modestia e como cronista que fun desta cidade e comarca, ao longo de moitos anos, e mesmo como prologuista da obra dou fe, levanto acta -xa se sabe que os xornalistas somos os notarios da actualidade- de que hoxe aquí neste histórico templo da cultura e do saber asistimos siquera sexa simbólicamente ao feliz encontro dos Vilares de Díaz Castro e o Ferrol de Carvalho Calero. Foron desde os anos oitenta, grandes amigos, coa mediación de Alfonso Blanco Torrado, fundador de Xermolos e gran activista social e cultural, gran impulsor da candidatura de Díaz Castro ás Letras Galegas.

Un fito que agardo que máis pronto que tarde chegue a traducirse nunhas xornadas nas que se estude e divulgue a relación destes dous literatos e intelectuais galegos.

O prólogo

É obrigado que faga unha referencia ao meu prólogo.

Pas asinoume este honroso papel, un día tan sinalado como foi a xornada do 17 de maio de 2014 en Guitiriz onde se constituiu solemnemente a Real Academia Galega para entronizar no olimpo das Letras Galegas a Xosé María Díaz Castro. É curioso que a ela emprazouna para escribir o libro o poeta Manuel María e a min  emprazoume para escribir o prólogo a poeta Pas Veres. Foi unha decisión dela, pero se así non fose non sei se non llo acabaría pedindo eu. Semella, e por algo sería, que os poetas chairegos Manuel María e Díaz Castro, alá donde se atopen, convocaron aos astros para que se aliñaran con nós e foramos da man nesta viaxe, nesta lareira chea de soños que hoxe nos trae a Ferrol a súa autora.

O prólogo, amigas e amigos, permitiume algo tan elemental e desexado como reivindicar as miñas orixes vilaregas. Cando escribin o texto tiven a sensación repetida de que estaba a facer algo de funambulismo. Costábame traballo manter o equilibrio entre o que me dictaba a cabeza e o que me facía escribir o corazón. Lembreime máis dunha vez do recordado filósofo, tamén amigo nos últimos anos da súa vida, Carlos Gurméndez, tratadista das paixóns e os sentimientos. Gurméndez aborda na súa obra o dobre exercicio de sentimentalizar a razón no canto de racionalizar os sentimentos, ambas reaccións moi humanas, por outro lado. Pois por aí andiven eu con mellor ou peor fortuna cando me puxen a redactar o prólogo.

O libro: O retorno a Ítaca

Considero que Lareira de soños é en esencia unha especie de regreso a Ítaca da autora:

Pas leva moitos anos indo dun lado a outro por razón do seu labor profesional. Adiviño que Pas quería sentir o orgullo e a fachenda de homenaxear ao seu particular macondo, de facer un xeneroso exercicio de vilareguía, e nunca de mellor maneira que construindo a historia dos seu recanto natal, historia que estaba por facer. Pas resolve con esta obra, de craro selo social e antropolóxico, un compromiso moral, emocional e sentimental cun traballo que lega para futuras xeracións. A filla “errante” volve para poñer aos Vilares no mapamundi.

Do local ao global

É que estamos diante dunha mensaxe que está a facer xa ese longo recorrido do local ao global non só en virtude da transmisión e divulgación que permiten as novas tecnoloxías senón porque, agás algunas particularidades, como é o caso da figura dos trapeiros, o que se conta neste libro vale para calquer outro territorio do rural: a supervivencia sometida ás estreiteces das economías familiares, a emigración, o salto do campo a industria, en definitiva, a loita na procura dun mellor estado de benestar, son fenómenos que se repiten en calquer punto do ancho e amplo cosmos do rural.

 

O valor do testemuño oral

Pas Veres botou man do testemuño oral utilizando como ferramenta a entrevista. Este é un asunto que mereceu ao longos dos tempos moito debate por parte de especialistas na materia. Fronte aos que pelexaban por dar valor a oralidade situabanse aqueles que restaban fiabilidade a estas fontes. O caso é que desde Herodoto, do século V antes de Cristo, que se apoiou no relato oral para escribir as Guerras Médicas, pasando por Tucidides que se valeu deste recurso para narrar o conflicto do Peloponeso ata os anos sesenta do século pasado en que se deron os primeiros pasos na historia oral como metodoloxía do traballo, as fontes orais dunha maneira ou outra foron sempre utilizadas na investigación. Antes recordaba o traballo de Luz Campello sobre as voces silenciadas do rural, velaí que os expertos e defensores deste método sosteñen que a historia oral entraña un principio cal é o dar voz aos sin voz.

A fotografía na vertente antropolóxica

Hai un aspecto neste libro no que convén reparar. E o valor que a autora dá a fotografía. A propia portada do volume xa nos indica por onde van os tiros. É sabido que a fotografía é un medio de comunicación, pero dentro deste concepto xeralizado podense establecer clasificacións: a foto de prensa, a foto de estudo, a foto artística ou de ensaio e tamén a foto antropolóxica ou etnográfica, que é a que visualiza as persoas no seu entorno sociocultural: a familia, as festas, bodas, bautizos, enterros, labores do campo, oficios relixiosos, documentos que retratan a escenificación da vida no rural.

Aquí os fotógrafos ambulantes das primeiras décadas e mediados do século pasado xogaron un papel importantísimo. Lareira de soños ten ao meu ver o tratamento axeitado destes documentos gráficos. Sen deixar de botar man ao recurso máis moderno do audiovisual, un documental que fixeron uns mozos sobre a vida nos Vilares.

O relato: un exercicio de antropoloxía cultural

Por último, respecto a construcción do relato, Lareira de soños retrata a historia, as formas de vida, a cultura dos Vilares, como xa dixemos a través de pezas con personalidade propia, que fan máis doada a súa lectura. Cada entrevistado conta a súa particular historia, o que viu e viviu, o que rompe a posible monotonía do relato lineal.

Lareira de Soños vén a ser un exercicio non campo concreto da antropoloxía cultural. Vemos como, fundamentalmente, a comunidade vilarega sobrevive ao longo do tempo grazas ao campo, as actividades de intercambio comercial, reflectidas nun movemento nomade, que vai de porta en porta en longos percorridos e períodos de tempo practicando unha sorte de oferta e demanda: leva trapos e pode retornar con diñeiro ou cousas materiais necesarias para a vida cotiá. A emigración e outro dos fenómenos que marcan, como noutros moitos pobos galegos e españois,  a vida dos Vilares.

 

Traguerán os camiños algún día a xente que levaron" que dicía o noso poeta do Vilariño no poema maís coñecido Penélope.

Recorriase tamén aos traballos temporais, como as segas de Castela, e , por outra banda, emerxían indicios de actividade endóxena que vai desde veciños que rompen co conformismo e lanzanse a determinados tipos de negocios: hostalería,  fornos, canteiros, tecelás, xastres, músicos…Houbo veciños que marcharon e trunfaron, outros destacaron non mundo das letras e das artes. Todos aparecen nesta obra, que abrangue cronolóxicamente os séculos XIX e XX.

A familia Castro-Tomé

Non podería rematar sen mostrar a miña gratitude por ver representada neste libro a familia Castro-Tomé. Por aí andan meu pai, miña nai, os irmans, tíos dunha estripe e outra e entre eles o meu avó paterno Nicolás que ten unha historia moi peculiar, como supoño que logo citará Pas.

Tanto polo lado dos Castro dos Manchás como polo dos Tomé de Lea foron familias moi numerosas que se dispersaron en boa parte polo mundo adiante en busca de mellor vida. Pois resulta que a Lareira de soños de Pas Veres descubreme incluso datos dos meus parentes que eu descoñecía.

Sendo Ferrol a miña patria de nacenza, á que me entreguei en corpo e alma, no exercicio do xornalismo e, modestamente, no campo da cultura a través do fundamentalmente do Club de Prensa, teño que manifestar co mesmo orgullo que polas miñas veas corre únicamente sangue vilarego.

 

Benquerida Pas, gratitude infinda.

 

 

 

 

 

 

 

18 de xuño de 2021