Amosando publicacións coa etiqueta novas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta novas. Amosar todas as publicacións

O Iescha presenta catro libros de A Voz de Vilalba

Redacción. -

O vindeiro venres 5 de maio o Instituto de Estudos Chairegos presentará catro libros da súa colección Biblioteca Chairega que escolman moitos dos artigos publicados na web avozdevilalba.gal polos tres autores da mesma e por unha trintena de colaboradores ao longo dos seus quince anos de vida que agora, en 2023, rematan, precisamente cando se cumpren corenta anos do nacemento do xornal A Voz de Vilalba en papel. Os libros son: 

-Baixo a Pravia Autor: Paulo Naseiro Limiar: María Xosé Lamas Ilustración portada: Baldo Ramos Nº da colección: 31 

-Como rematar cos libros dunha vez por todas Autor: Mario Paz González Limiar: Helena Villar Janeiro Ilustración portada: Baldo Ramos Nº da colección: 32 

-Pílulas de vendimario Autor: Moncho Paz  Abecedario: Pilar Maseda e Iria F. Crespo Obituario: Miguel Barrera Ilustración portada: Baldo Ramos Nº da colección: 33 

-Outras voces Autor: Autores varios Limiar: Marisa Barreiro Ilustración portada: Baldo Ramos Nº da colección: 34 

O acto contará coa intervención de BARUK DOMÍNGUEZ e MARISA BARREIRO e terá lugar na CASA DA CULTURA DE VILALBA, o venres 5 de maio de 2023, ás 20:00 horas.

30 de abr. de 2023

Xurados da VII Edición do Certame Vilarinhas

Redacción. -

A Nova Poesía Guitirica NPG xa ten designado os xurados da VII Edición do Certame Vilarinhas.
Na categoria de adultos serán María Xosé Lamas, Emilia Martinez Fuentes e Jacobo Sánchez Quintela JAKI actuando como secretario sen voto Antón Tenreiro (Antón de Guizán).
Nas dúas categorías escolares profesores/as do IES Diaz Castro xulgarán as vilarinhas do IES Basanta Silva e profesorado do Basanta Silva xulgará as vilarinhas do alumnado de Guitiriz. A participación do alumnado de primaria  do CEIP Lagostelle será sen concurso.
O prazo de entrega rematará o día 3 de maio ás 14:00 horas. 
As Vilarinhas (micro-poema de mínimo dous versos e máximo 3 con imaxe) terán dois prêmios por categoría que recibirán unha pesa feita a man pola artista Viki Rivadulla. As creacións poden enviarse ao correio npggazeta@gmail.com indicando nome ou pseudónimo e um número de contacto.
O fallo dos citados farase público o 17 de maio Día das Letras Galegas e a entrega de premios será dentro das actividades do III Festival de Poesía Guitirica coa entrega tamén do prêmio de poesía Xosé María Díaz Castro.

24 de abr. de 2023

II Concurso Manuel María

Redacción. -
O 15 de xuño finaliza o prazo para a entrega das obras participantes na segunda edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais, que convoca a Casa-Museo Manuel María. O certame ten por obxecto premiar a mellor canción lírica, para voz e piano, escrita sobre un poema de Manuel María.

O concurso está aberto á participación de todas as compositoras e compositores que o desexaren. As composicións deberán ser orixinais, inéditas, sen estrear e cunha duración máxima de cinco minutos e mínima de dous minutos e medio. A canción presentada terá que ser sobre un poema, de libre elección da persoa concursante, de entre todos os escritos por Manuel María e estará clasificada dentro da modalidade de canción galega.

Na presente edición as composicións estarán escritas para voz de soprano con acompañamento de piano, a pasada edición foi para barítono, e está previsto que en edicións sucesivas sexa para outras voces como tenor, contralto, baixo...

O certame convocado conta cun único premio en metálico de mil euros para a composición gañadora ao que hai que engadir a publicación das partituras das persoas finalistas e a súa distribución gratuíta a todos os Conservatorios de Música de Galiza.

O concurso desenvolverase en dúas fases de xeito que na primeira o xurado seleccionará un máximo de cinco cancións finalistas que pasarán a unha segunda fase. Na fase final determinarase a canción gañadora entre as designadas como finalistas na primeira fase. Para iso levarase a cabo un acto con concerto público que terá lugar no Auditorio da Casa-Museo Manuel María durante o mes de outubro. Unha soprano e un pianista interpretarán as cancións seleccionadas, dentro dun recital de cancións galegas. No propio acto, após a correspondente deliberación, o xurado dará a coñecer a canción gañadora.

Na edición de 2022, “Fisterra” (https://www.youtube.com/watch?v=WtW91y2HwmE), da autoría de Saúl Aguado de Aza, foi a composición gañadora. Xunto a esta, foron finalistas Orballo de Teo Montero, A lúa de Saúl Aguado e Rosas de Teresa Bretal.

As lápidas d'Os Vilares

Redacción. -

VIVIRON EN GALEGO, LEMBREMOLOS EN GALEGO é o título do estudo sobre as lápidas en galego realizado por Raúl Río e promovido polo Proxecto NEO.

Os Vilares conta no seu camposanto con um grande número de lápidas mortuorias en idioma galego, o que motivou a realización deste Traballo que será presentado o domingo 16 de abril ás 18:00 na Casa Escola Habaneira da Conchada nos Vilares (Guitiriz).

No acto, onde se proxectará tamén un audiovisual, intervirán o autor, Raúl Río, o representante do Proxecto NEO, Bernardo Penabade, o presidente da Asociación Cultural Xermolos Alfonso Blanco e o párroco dos Vilares, Alexandro Piñón Espasandín.

Haberá tamén intervencións de familiares de finados con lápidas en idioma galego.

Ao remate, haberá unha visita guiada por Raúl Río ao cimeterio dos Vilares.

10 de abr. de 2023

Subscríbete ao galego

Redacción. -

    No mes da conmemoración do Día das Letras Galegas e do Día de Internet, a Asociación de Medios en Galego (mediosengalego.gal), a provedora de servizos dinahosting (dinahosting.com) e PuntoGal (dominio.gal) unen esforzos para apoiar o uso da lingua na rede a través da iniciativa Subscríbete ao galego.


    Entre o 17 e o 31 de maio, as persoas que se fagan subscritoras dalgún dos medios en galego participantes na campaña recibirán totalmente de balde un dominio .GAL e o aloxamento para a súa web durante un ano. Este agasallo está valorado en máis de 170 euros.

    Os usuarios beneficiarios recibirán os seus códigos para obter ata o 30 de xuño o seu hosting e dominio gratis.

"Unha oportunidade para unir forzas e mostrar a utilidade da nosa lingua na rede", sinala o presidente da AMEGA, Pablo García (Radio Estrada) no marco do seu 10º aniversario.


    O porqué de Subscríbete ao galego

    Nun mundo tan globalizado e marcado polo emprego da tecnoloxía, a Asociación de Medios en Galego, dinahosting e PuntoGal queremos contribuír a un maior uso da lingua na Internet.

    Un dominio .GAL e un hosting web de balde permitiranlles ás persoas beneficiarias gozar dunha conta de correo profesional co seu propio nome de dominio, ou iniciar o seu proxecto web sen necesidade de facer ningunha inversión inicial. É un xeito de impulsar a comunidade de creación de contido en galego e de fomentar a normalización do idioma en todos os ámbitos.

    Ao mesmo tempo, esta campaña supón un reforzo para cada un dos [nº] medios que participan, pois aportarlle valor engadido ás persoas que queiran subscribirse é a mellor forma de seguir gañando base social e de que os medios galegos gañen peso.

26 de mar. de 2023

Monstrólogo

Redacción. -

A Casa-Museo Manuel María acolle este sábado, día 25 de marzo, ás 17 horas, a estrea da nova peza de teatro para monicreques de Trécola Producións. O título do novo proxecto da compañía de Pol é Monstrólogo, unha obra dirixida para nenas e nenos, a partir de tres anos en diante, e as súas familias.

A peza ten a seguinte sipnose: un experto e grande xenio vén dar unha charla á Casa-Museo Manuel María sobre especies e tipoloxías de monstros e as súas curiosidades. Mais non vén só. Acompáñano unha serie de terroríficos e divertidos personaxes que virán demostrar que lonxe de pretender dar medo, os monstros están para axudar a superar diversos retos ás persoas.

Trécola Producións é unha compañía residente no concello de Pol, que dinamizan Ero Vázquez Cabrera e Isabel García Coldeiro, cunha proposta estética baseada nunha continua labor de creación, experimentación e de produción de obradoiro como o demostran as súas pezas máis recentes como “A saga de Flin Havardr”, “Tolitates”, “Gaela quere ser druída”… Alén disto, nos dous últimos anos levaron por toda Galiza “Kinetiko”, unha iniciativa do xogueteiro Manu Taboada xunto con Ero Vázquez e que consiste nun conxunto de autómatas que coa axuda dos seus mecanismos e do movemento que xeran, demostran que calquera persoa pode desfrutar dos brinquedos e dos monicreques.


16 de mar. de 2023

Lucía López gañadora no Rosalía sempre viva


Redacción. -

Nas seguintes ligazóns poden verse os vídeos dos recitados gañadores da VII edición do Concurso Rosalía sempre viva, celebrado o pasado sábado. 

Dunia Sánchez Costa, do CEIP Canosa-Rus de Coristanco, gañadora do premio ao mellor recitado na categoría de 1º, 2º e 3ª de primaria da VII edición do Concurso de recitado Rosalía sempre viva. Recita "Caracol", d'Os soños na gaiola, Manuel María.

https://youtu.be/YOgkKJ4cR4A

Paula García Vázquez, do CEIP Península da Paz de Cervo, gañadora do premio ao mellor recitado na categoría de 4º, 5º e 6ª de primaria da VII edición do Concurso de recitado Rosalía sempre viva. Recita "O cuco", d'Os soños na gaiola, Manuel María.

 https://youtu.be/gcT8ciYan5Y

Lucía López Alvariño, do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba, gañadora do premio ao mellor recitado na categoría de Bacharelato e Ciclos Formativos da VII edición do Concurso de recitado Rosalía sempre viva. Recita "Eu ben vin estar o moucho", de Cantares Gallegos, Rosalía de Castro.

https://youtu.be/AfGHPp9qF3M

Carme Pereira Troncoso do Colexio Maristas A Inmaculada de Lugo, gañadora do premio ao mellor recitado na categoría de Educación Secundaria da VII edición do Concurso de recitado Rosalía sempre viva. Recita "Tristes recordos", de Follas Novas, Rosalía de Castro.

https://youtu.be/ebEhqKaaAPw

15 de mar. de 2023

Vilalba Social, o venres na Casa da Cultura

Redacción. -

O Instuo de Esudos Chairegos contnuando coa programación do presene ano 2023, organiza unha MESA REDONDA co ulo de VILALBA SOCIAL coa que se preende recoller a maior información posible relatva a esa maeria procedene de distnas entdades e instucións vilalbesas con experiencia nese ámbio. Con esas mesmas premisas, emos conemplado amén ouras dúas mesas redondas ao longo do ano: a da VILALBA CULTURAL e a da VILALBA DEPORTIVA, e das que daremos cona oporunamene.

Con relación á que nos ocupa, VILALBA SOCIAL, partciparán represenanes das seguines entdades/instucións:

CARLOS ZOILO LÓPEZ EIMIL, en represenación da FUNDACIÓN HOSPITAL ASILO

JOSÉ ANTONIO PITA PAZ, en represenación do CENTRO SOCIOCOMUNITARIO

JUAN RICO ANDIÓN, en represenación do CENTRO OCUPACIONAL

MARTA ROUCO SEOANE, en represenación do SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR-SAF

O aco erá lugar o vindeiro VENRES 17 de MARZO de 2023, ás 20:00 H., na CASA DA CULTURA, e será presenado por MARISA BARREIRO, presidena do IESCHA.

A entrada será libre e gratuíta ata completar aforo.

13 de mar. de 2023

Conferencia de Vanesa Siso

Redacción. -

Instituto de Estudos Chairegos organiza o venres 10 de marzo de 2023, na Casa da Cultura de Vilalba, ás 20:00 horas, a CONFERENCIA “A cousificación e mercantilización do corpo das mulleres. Revisión das cantigas de tradición oral”, impartida por VANESA SISO. Presentará o acto MARISA BARREIRO, presidenta do Iescha. Esta será a segunda conferencia correspondente ao ciclo MULLERES GALEGAS, programado polo IESCHA para levar a cabo durante todo este ano 2023. A primeira tivo lugar no mes de xaneiro e correu a cargo de GERMÁN CASTRO que nos falou da científica galega ÁNGELES ALVARIÑO. VANESA RUT SISO CALVO Xornalista especializada en comunicación política e social, técnica de igualdade.  Entre a súa importante e variada actividade destacaremos: PONENCIA EN XORNADAS SOBRE A IGUALDADE:  2019- Teoría feminista, UNED  2018-2019- Participación tertulias radiofónicas igualdade, Foro Feminista Maruxa Mallo de Lugo.  2015- Mocidade e feminismo, Observatorio de Igualdade de A Coruña.  COMUNICACIÓN/ PRENSA  2013- Prácticas do Grao en Xornalismo: La Voz de Galicia 2015- Prácticas do Máster en Comunicación política e social: Deputación de Lugo 2016-2018- Redactora Crónicas da Comarca  Redacción de noticias, reportaxes, crónicas, especiais, entrevistas  2020-2021- Gabinete Comunicación Vicepresidencia da Deputación de Lugo.  Comunicación institucional  2021-2022- Servizo Comunicación Concello de Burela  Comunicación institucional  AFICIÓNS / TEMAS DE INTERESE  • Impartición música tradicional en asociacións  • Voluntariado Community Manager (ACASC)  • Voluntariado con mulleres musulmanas (YMCA)  

8 de mar. de 2023

Enregueifate!

Redacción. -

Este venres, 10 de marzo, ás 23:59 horas pecha o prazo para inscribirse no certame Enreguéifate. Como cada ano, tamén nesta edición hai dúas categorías: xeral e escolar; e seis premios en cada unha das mesmas: regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada.

A entrega de premios terá lugar o 14 de abril de 2023 no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, nun acto que suporá un fin de festa conxunto dos proxectos Enreguéifate e Regueifesta, e que contará coa participación de alumnado de centros educativos de Euskadi e Cataluña, ademais de escolares galegos.

Facemos a última chamada á participación a través do formulario da web www.enregueifate.gal

Na nosa canle de Youtube tedes algunhas das regueifas participantes desta edición, e os vídeos promocionais do #Enreguéifate2022-23 (entre outros, "A comisión da regueifa": https://youtu.be/91LqTj_Asj4)

- Que é o Enreguéifate?

Enreguéifate é un proxecto impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega. Neste camiño, Enreguéifate súmase ao labor que xa veñen realizando diversas entidades públicas e privadas, así como moitas persoas do ámbito cultural e do ensino.


O obxectivo principal deste proxecto é que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar. Por iso, inclúe accións formativas para alumnado e profesorado, un certame regueifeiro e un encontro anual de regueifa.
-------

Luz Campello en Numax

Redacción. -

O venres 10 de marzo ás 20:30 horas terá lugar na libraria NUMAX de Santiago a presentación do 3° poemario de Luz Campello, a poeta de Labrada (Guitiriz) que pertence ao colectivo Nova Poesía Guitirica NPG.
O acto está organizado pola libraria NUMAX e a NPG Nova Poesía Guitirica e ademáis da autora participarán Fé Nuñez no IES de Melide e Xosé Antón Cascudo, recente premio Ramón Piñeiro de ensaio.
O poemario BEN SABE O MAR QUE POSÚO O BOTÍN DAS PIRATAS está editado na colección Dombate da Editorial Galaxia sendo o terceiro de Luz Campello despois de "Do corazón da terra"(Xermolos) e "O inventario do prohibido" (Espiral Maior). A umaxe da  portada é da fotógrafa Alex Ferro e a da cintraportada da artista Visual Trebacz.
Luz Campello, responsabel de Traballo Social no comexo hospitalário do CHUAC, é unha referencia polo seu compromisso feminista, que reflicte tamén na súa poesía, que foi musicada en diversas ocasións por cantautores como Sandra Tenreiro ou Sonia Levedinski.
Iniciouse na poesía a través de certames da AC Xermolos de Guitiriz, foi premiada no Certame Rosalía de Castro En Euskadi e tamén foi unha das fundadoras do colectivo Nova Poesía Guitirica.

Rosalía sempre viva

Redacción. -

Os versos de Rosalía de Castro e Manuel María escoitaranse, este sábado, en Outeiro de Rei, na voz de escolares vidos de distintos lugares de Galiza. A Casa-Museo Manuel María acolle unha nova edición, a sétima, da fase final do seu Concurso escolar de recitado “Rosalía sempre viva”.

O certame está dirixido para o alumnado de ensino non universitario galego, desde primeiro de Primaria até segundo de Bacharelato e ten por obxectivo potenciar a expresión oral e a creatividade dos participantes a través do coñecemento e o recitado da poesía en galego de Rosalía de Castro e da ampla obra poética de Manuel María. A presente edición xa celebrou unha fase previa nos distintos centros educativos que participan de Lugo, Vilalba, Foz, Monterroso, Cervo, As Neves, Ponteareas, O Porriño, Vigo, Vilagarcía, Xanceda, Pontedeume, Fene, Coristanco, Arzúa, Melide e O Barco.

A xornada deste sábado estrutúrase en quendas de mañá e de tarde, dado o número de participantes finalistas. Durante a mañá recitarán as categorías 1ª e 2ª, correspondentes ao estudantado de primaria, e durante a tarde a 3ª e 4ª categoría, que se corresponden con alumnado de secundaria, bacharelato e ciclos formativos. Os recitados da mañá darán comezo ás 11.30 e os da tarde ás 16.30. No decorrer da xornada, nos momentos de deliberación do xurado, organizaranse percursos guiados polo interior da Casa-Museo Manuel María para os participantes, así como para o profesorado e familias que os acompañen.

Bea Campos na Casa do Manuel

Redacción. -

Este sábado, día 4 de marzo, Bea Campos, contadora e actriz, levará a cabo unha sesión de contacontos na Casa-Museo Manuel María que leva por título “Contos nas orellas”.

Contos de risa, trasnos e meniñas aventureiras… A tradición oral da man da literatura infantil. Co ritmo nas ondas do maxín, as persoas que asistan entrarán no mundo da fantasía e da imaxinación.

Contos nas orellas é unha sesión de contos con música para todos os públicos (a partir de 3 anos en diante) onde nenas, nenos e maiores poderán gozar, durante corenta e cinco minutos, das historias e de divertidas cancións.

Bea Campos é actriz, narradora e presentadora. Desde moi nova comezou a contar contas, realizando centos de actuacións. Na actualidade fai parte da compañía “Migallas Teatro” con diferentes espectáculos para públicos de distintas idades. É formadora no ámbito da expresión dramática, da narración oral e da literatura infantil.

1 de mar. de 2023

'De ninghures' na Casa do Manuel

Redacción. -

O próximo sábado 25 de febreiro, ás 20 horas, a Casa-Museo Manuel María acollerá unha nova actividade cultural dentro da programación que realiza de xeito continuado no seu auditorio. Neste caso será a presentación do novo traballo musical “Aquí” do grupo De Ninghures. O traballo consta de once temas de composición propia e de arranxos sobre melodías de pezas tradicionais, con influencias de músicas do mundo, desde merengue até rock do deserto.

Sete músicos, Aldara Palmeiro, Hadrián García, Marta Álvarez, Manuel Lucas, Manuel Fernández, Adrián Méndez e Tomé Mouriño, que farán desfrutar ás persoas asistentes tocando xuntos as músicas de raíz cunha grande variedade de instrumentos: viola caipira, bongos, frauta traveseira, violín, bombo, ukelele, acordeón, pandeireta, clarinete, gaita, guitarras, pandeiro, cabás...

O propio De Ninghures cualifica a súa proposta como “música con conciencia e consciencia galega, cos pés chantados no país e os brazos abertos ao que veña”.

23 de feb. de 2023

Move a lingua!

Redacción. -

Cada 7 de febreiro Galicia celebra o Día dos Medios en Galego. Unha data que lembra a saída da primeira publicación xornalística realizada integramente na nosa lingua. Aló por 1876, Valentín Lamas Carvajal editaba en Ourense 'O Tío Marcos d'A Portela'.

Para celebralo, como previa do minifestival de música galega contemporánea deste xovs 9 ás 20:30h na Sala Capitol con Ortiga e Grande Amore, este propio martes 7, celebrouse unha rolda de prensa de presentación no Pazo de San Roque, a sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa presenza do presidente da organizadora Asociación de Medios en Galego (AMEGA), Pablo García (de Radio Estrada), Valentín García (SXPL), Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural de Santiago, e os artistas Ortiga e Grande Amore.

Arrincou a rolda Pablo García, agradecendo a colaboración dende o primeiro da SXPL, así como do Concello de Santiago, e a Deputación da Coruña. “Nos últimos anos consolidamos en Galicia unha rede estable de medios de comunicación que constitúen un soporte para unha información veraz, plural e participativa en galego. Os medios en galego contribuímos á existencia dunha oferta informativa real na nosa contorna e da nosa contorna, cunha ollada galega. Do mesmo xeito conseguimos que o resto do mundo se entere do que acontece en Galicia, novas, avances tecnolóxicos, descubrimentos científicos, gastronomía, turismo, industria... Sen caer na autocomplacencia é momento de sacar peito e de estar moi orgullosos do camiño percorrido, hoxe celebramos a sexta edición dos medios en galego, máis unidos e mais fortes ca nunca, dentro dos máis de 130 medios que conforman AMEGA temos todo tipo de medios, TV, RADIO, Prensa Escrita, Dixitais... que cubren todas as necesidades de información e lecer. Medios xeralistas e especializados, que non só é que utilicen como lingua vehicular o galego, senón que difunden e posibilitan o xeito de vivir en galego”.

García fixo fincapé na importancia de conectar ca mocidade, e de que “os medios de comunicación son un vehículo de sustento das linguas e da identidade dun pobo, e como tal servimos para que os galegos e as galegas e todos os neofalantes que se acheguen á nosa fermosa lingua poidan ser informados, educados e entretidos en galego”. Por iso, “o futuro xa está aquí, e ante os novos desafíos temos ante nós un prometedor camiño. O talento está na casa, uns medios veraces e de calidade que tenden pontes en lugar de levantar murallas e que este ano convídanvos a Escoitar en galego, ler en galego, ver en galego e gozar en galego”.
García apuntou ademais que o concerto que será retransmitido polas emisoras municipais galegas e que irá precedido dun programa especial, de radio, en directo dende a mesma sala.

Pola súa parte, a concelleira Mercedes Rosón, tomou a palabra poñendo o foco en que “o futuro xa está aquí, con Grande Amore e Ortiga”, como se comprobou coa rápida venda de entrada, facendo patente esa conexión coa xente máis moza.

“É tan importante reivindicar este día para visibilizar esa eiva de que a meirande parte da oferta informativa está en castelán e que os datos do uso do galego son moi comprometidos, onde a perda de galegofalantes se acentúa sobre todo nas novas xeracións. Semella que o 50% da docencia en galego non é suficiente, cando a área ciencia-tecnolóxica queda fora desta porcentaxe”.

Lembrou que “o Concello de Santiago foi pioneiro nos anos 80 na normalización lingüística, e seguímolo facendo, a través dos espazos máis tradicionais e dende o eido empresarial e económico”. “Estamos no mesmo barco que os medios en galego, un barco ao que aínda lle seguen faltando apoios para enderezar o seu rumbo, para que a lingua galega se consolide nos medios, que sería fundamental para a supervivencia do meirande patrimonio que temos en Galicia, que é a nosa lingua”.
“Eu vou mover tamén a lingua para que os medios en galega teñan o seu espazo”, prometeu.

Valentín García dou a benvida ao Pazo de San Roque, ao “Pazo da Lingua, que se pon de gala para recibir aos medios en galego, fundamentais no proceso de normalización”. Lembrou a data que lembra o día de hoxe, e reflexionou sobre se “Valentín Lamas Carbajal soñou cun Tio Marcos da Portela en galego, e malia que a realidade é que tivemos que agardar moitos anos para que o galego estea nos medios, agora temos que celebralo”. Destacou a cifra de 130 medios na nosa lingua, “un dato para estar orgullosos, pero non para baixar a intensidade. Nunca houbo tantos medios como agora na nosa lingua, pero todas as administracións temos que seguir fomentando a creación de información nos medios Máis próximos á mocidade, como redes sociais, dixitais, radios, tv... Porque recibir información na nosa lingua é como recibir unha información máis nosa”.

Destacouo o proceso de mellora dos eventos polo Día dso Medios en Galego, dende aquel 2018 Barallobre ata este minifestival na Sala Capitol. “Vale máis o que diga Grande Amore ou Ortiga nun escenario que o que diga o Secretario Xeral de Política Lingüística en calquera foro. Eles representan ese sector onde nos costa máis chegar”.

Os artistas falaron

Grande Amore comezou ligando a historia da nosa lingua. “Se vise Valentín Lamas Carbajal o que vai pasar o xoves...” “Igual botaba unha peza”, respondíalle Pablo García. O artista de Valadouro fixo un paralelismo entre a situación dos medios en galego e o mundo da música. “Nunca houbo a sensación de dicir cantos proxectos musicais hai en galego”. A pesar dos datos, considera que é “momento de ser optimista, porque creo que hai efervescencia creativa na nosa lingua”. Ademais, cun sorriso, sinalou que “para min, galegofalante da variante da Mariña, que digo orgulloso faigo, estou aquí encantado, porque ademais nunca tiven o debate de que en lingua fago música, é algo evidente”.

Ortiga deixou claro que non ten un discurso politizado, pero que cre “super imporante reivindicar a lingua, pero non facelo con descendencia, e non na eterna chorada do “non nos axudan”. Como a ninguén. Temos que asumir que a cousa está complicada pero hai que remar”. En calquera caso, defende que “creo que aportamos, na medida do que podemos, a normalizar a cousa”, orgulloso de que a AMEGA o contactase para participar nisto.

Ambos reflexionaron sobre o bo momento da música galega contemporánea. “É verdade que temos un foco enriba, de que “mola” cantar en galego. Pero tamén vemos que aínda existe iso de “Guau... y lo haces en gallego”. Non sei se iso chagará a cambiar nunca”, comentou Ortiga. “Eu, se un tema me saen en galego, en galego, se me sae en castellano, en castellano. A sociedade ten que evolucionar. Creo que iso é normalizar. Aínda me preguntan “Por que en galego?” Pero que pregunta é esa?!”, preguntouse, orgulloso.

www.mediosengalego.gal mediosengalego@gmail.com

Grande Amore recoñeceu que cantar en galego “xenera un prestixio, pero non sei sei se chegará a normalizar. Certo que coñezo xente nova que non son galegofalantes e que xa escolle o galego como vehículo”.

O FESTIVAL

O xoves 9 de febreiro, a partir das 20:30h, e en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Concello de Santiago, organizamos na Sala Capitol un minifestival de música galega contemporánea cos concertos de Grande Amore e Ortiga.

As entradas, que saíron este luns, agotáronse en apenas 2 horas, polo que está colgado o cartel de #Nonhaientradas.

7 de feb. de 2023

Día dos Medios en galego

Redacción. -

Cada 7 de febreiro Galicia celebra o Día dos Medios en Galego. Unha data que lembra asaída da primeira publicación xornalística realizada integramente na nosa lingua. Aló por 1876, Valentín Lamas Carvajal editaba en Ourense 'O Tío Marcos d'A Portela'.

En 2023, somos máis de 130 medios o que utilizamos a nosa lingua como vehículo, como ferramenta, como obxectivo en si mesmo. 130 medios polos que que en cada rolda de prensa, en cada boletín informativo, en cada noticia, reportaxe, entrevista, infografía… a lingua e a ollada galega están presentes. Nas ondas, na rede e no papel. 130 medios que dignificamos, facendo máis útil, a nosa lingua.

A día de hoxe, cento de cabeceiras conformamos a AMEGA. E para seguir movendo a nosa lingua, e catapultala entre a nosa mocidade, organizamos unha xornada festiva con dúas das referencias máis relevantes no panorama musical galego.

O xoves 9 de febreiro, a partir das 20:30h, e en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Concello de Santiago, organizamos na Sala Capitol un minifestival de música galega contemporánea cos concertos de Grande Amore e Ortiga. O evento será de balde (cómpre sacar invitación en www.salacapitol.com e en www.ataquilla.com a partir deste xoves 2 de febreiro ás 12:00h) ata c ompletar aforo.

Previamente, celebraremos o Día dos Medios en Galego o propio 7 de febreiro, cunha rolda de prensa de presentación no Pazo de San Roque, na sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ás 11:00h, coa presencia de Valentín García (SXPL), Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural de Santiago, e o artista Ortiga.

2 de feb. de 2023

Brais Hortas na Casa do Manuel

Redacción. -

O músico, contador e clown, Brais das Hortas estará, este sábado, 4 de febreiro, ás 17 hrs, no auditorio da Casa-Museo Manuel María, para presentar ás nenas, nenos e familias que se acheguen a Outeiro de Rei o seu espectáculo musical “Consertasso na horta”.

A proposta preséntase como grelos e temazos, cun equilibrio variado de formas e estilos - como debe ser nun ecosistema musical diverso e saudábel! A Santa Compaña aparécese entre as patacas cantando un trap. Hai unha pulga punk da praia de Liméns. As cabras tiran para o monte e os caracois reivindican o seu ritmo: o reggae. Entre as cenoiras, os lagartos toman o sol ao son dun tumbao -é o propio!- e os kiwis non paran de brotar bailando ska. Tamén hai sitio para os soños, coma o de ser astronauta, ou para pedirlle axuda á veciñanza para botarlle o sulfato ás viñas. E máis temazos entre guitarrazos, charangazos e un lote de instrumentazos máis (https://www.youtube.com/watch?v=1wPRlGS4nm0).

Cinco séculos de nós. Frescos dos Vilares

Redacción. -

Comezaron os traballos de restauración dos frescos dos Vilares. Varios anos de demandas que acadaron os seus froitos. Estas xoias pictóricas chairegas do século XVI voltarán a ser disfrutadas no seu esplendor. O noso agradecemento a toda a xente dos Vilares, e a Viki Rivadulla (autora da imaxe reivindicativa), Antón Figueira (autor do spot), á Asociación #lareiradesoños , Sonia Engroba (historiadora museóloga) e Uxía Aguiar (autora do ante proxector e proxecto). Sen todXs elXs non sería posibel.
Unha demanda que chegou ao Parlamento Galego e que mesmo motivou entrevistas con outras institucións como o concello de Guitiriz, a Deputación de Lugo e o arzobispado, conferências na UFC, cartéis, dípticos, painéis na igrexa, un spot, unha iniciativa poétuca,  e mesmo a inclusión das pinturas na "lista roja" de património do estado. 
Nos próximos meses poderemos disfrutar novamente dunha pinturas únicas da autoría dos mestres de Parga e Nogueira que no século XVI creatina estas obras na nave central da igrexa con motivos paisaxísticos, a lamentavión do Cristo Morto, o enterro do Conde Orgaz, ou a imposiciónn da Casillas de San Ildefonso (única desa temática en Galiza), todas elas de grande calidade artística de estilo gótico hispano flamenco.
Con está restauración, a igrexa de San Vicente dos Vilares será um grande reclamo para a visita aos Vilares', que coa recuperación dos cobertizos da Feira do Sete e a futura Casa da Xente de Xermolos onde nasceu Díaz Castro, farán dos Vilares un exemplo de aposta por unha nova vida para unha parroquia do rural chairego.

Os Vilares lareira de soños
www.facebook.com/dosvilares

29 de xan. de 2023

Arredor da roda

Redacción. -

Este sábado, 28 de xaneiro, ás 20 horas, a Casa-Museo Manuel María programa a proxección do filme documental, dirixido por Federico A. Rioboo e producido por Cántigas da Terra, “Arredor da roda. De Cántigas da Terra a Miro Casabella”. Un documentario de sesenta minutos sobre a zanfona e as marxes deste instrumento desde a óptica dun dos pioneiros galegos, o músico de Ferreira do Valadouro, Miro Casabella.

O fío condutor do filme é unha investigación sobre a zanfona e a súa relación co Camiño de Santiago que inicia a aula de zanfona de Escolas da Terra, liderada por Miro Casabella, e pertencente a Cántigas da Terra, coro galego fundado polas Irmandades da Fala da Coruña en 1916. Miro, acompañado por dous alumnos avantaxados, Manuel Rioboo e Erea Estévez, viaxa por toda Galiza na procura do organistrum, devanceiro da zanfona e presenza de honor no Pórtico da Gloria. Mesturando amizades con paisaxes, música de cego con clases maxistrais, os protagonistas completan un mosaico sobre a importancia deste instrumento, considerado por algúns intelectuais como a alma de Galiza.

A proxección é de acceso libre mais é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

Ben sabe o mar que posúo o botín das piratas protagonizará a sesión deste sábado do Clube de Lectura da Casa-Museo que contará coa presenza da súa escritora, Luz Campello

Tamén o propio sábado, ás 18.30 hrs, o Clube de Lectura da Casa-Museo contará coa compaña dunha convidada especial, a poeta de Labrada (Guitiriz), Luz Campello, que vén de publicar hai uns meses o poemario Ben sabe o mar que posúo o botín das piratas, libro este que será obxecto de lectura e comentario da sesión deste sábado xunto a novela de Brais Lamela, Ninguén Queda.

27 de xan. de 2023

Conversa con Germán Castro

Redacción. -

O Instituto de Estudos Chairegos organiza o venres 27 de xaneiro de 2023, na Casa da Cultura de Vilalba, ás 20:00 horas, unha CONVERSA CON GERMÁN CASTRO, escritor e periodista, ao redor da figura de ÁNGELES ALVARIÑO, zoóloga, oceanógrafa e mestra galega.

Na conversa participarán tamén Mª XOSÉ LAMAS, escritora, e MARISA BARREIRO, presidenta do IESCHA.

ÁNGELES ALVARIÑO

Ángeles Alvariño González (Serantes, Ferrol, 1916 – La Jolla, California, 2005) foi unha prestixiosa investigadora mariña, pertencente á segunda xeración de oceanógrafos españois.

A súa carreira científica comezou no Instituto Español de Oceanografía (1948 -1957) e desenvolveuse no Reino Unido e os Estados Unidos, principalmente na Scripps Institution of Oceanography (1958 - 1969) e no Southwest Fisheries Research Center (1970 – 1987). ), ambos en La Jolla. Despois da súa xubilación en 1987, continuou traballando e publicando como investigadora emérita.

Publicou máis de 100 artigos científicos de primeiro nivel en revistas e libros de distribución internacional. As súas investigacións máis relevantes centráronse no estudo dos "chaetognaths", animais mariños planctónicos, que Ángeles Alvariño demostrou que poderían utilizarse como indicadores fiables de determinadas condicións oceanográficas. Foi, polo tanto, pioneira na análise de indicadores biolóxicos dos ecosistemas mariños. Ao longo da súa investigación descubriu e describiu 22 novas especies planctónicas mariñas (12 queetognatos, 9 sifonóforos e 1 medusa).

GERMÁN CASTRO TOMÉ (Esmelle-Ferrol, 1944). Periodista, presidente fundador e, actualmente, presidente de honra do Club de Prensa de Ferrol desde o que impulsou actividades como FerrolAnálisis, Galicia en Foco, Revista Oral, etc.

Comezou a súa carreira periodística en 1974 en Ferrol Diario, pasando logo por Faro de Vigo (Delegación Ferrol que mesmo puxo en marcha), La Voz de Galicia (Ferrol) para acabar a súa traxectoria como director fundacional de Diario de Ferrol. Nos seus inicios prestou colaboración, entre outros medios, en El País e Radio Nacional de España (RNE).

Escribiu varios libros e está en posesión de diversos premios, entre eles, o Diego Bernal (2013) que outorga a Asociación de Pedriodistas de Galicia (APG).

Publicou recentemente o libro “Ángeles Alvariño. Mi estela en los océanos”, editado polo Club de Prensa de Ferrol.

24 de xan. de 2023