Amosando publicacións coa etiqueta revista de prensa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta revista de prensa. Amosar todas as publicacións

Galego na rede

Helena Villar Janeiro.-

A presenza do galego nas TICs é imprescindible. Lingua minorizada en contacto con millóns de falantes da lusofonía, ten moito futuro a través das redes. Afortunadamente hai voluntariado que posibilita que chegue ás novas plataformas nas que o utlizan persoas que a tiveron na programación escolar e aqueloutras que se atreven a escribila desde a fala.

En termos xerais, a súa calidade é moi mellorable. Se a rede democratiza a escrita dándolle a palabra á cidadanía, corre o perigo de que leve erros. É un problema de todos os idiomas, como podemos comprobar vendo o castelán, Pero, se un idioma non foi normalizado, o seu uso nos medios terá unha problemática ben máis complexa, feito que non nos pode coartar á hora de expresármonos nun código lingüístico que precisa ser vivificado e no que moita xente temos asentada a vida. Estas anomalías existen tamén na expresión diaria de xente que debera estar cualificada para tomar a palabra dignamente e deixamoito que desexar. O galego está acusando un deterioro alarmante nos últimos anos, non só no vocabulario, que é onde máis se fixan as actuacións por ser doado de adquirir e ter o apoio dos diccionarios. É nas súas estruturas fundamentais –a fonética e a morfosintaxe- onde os índices de contaminación do castelán, e doutros idiomas a través del, son a gran eiva para a fixación do idioma como o coñecemos ata agora. Quede a fonética para os medios audiovisuais e tratemos de corrixir a morfosintaxe nas dúas vertentes: a oral e a escrita.

Nese contexto, quen isto escribe iniciou narede un traballo de microprogramación case diaria para que un grupo de destinatarios, numeroso e heteroxéneo, fose mellorando o talón de Aquiles da desfeita: o uso e a colocación dos seus pronomes. O traballo só pretendía contribuír á mellora da calidade do galego nas e desde as redes, dándolle importancia á súa aprendizaxe permanente, obriga tanto de quen necesita aprendelo como de quen o escribe xa con habitualidade pero ten que consolidar a lingua estándar e corrixir os erros contaxiados desde as palestras que se toman como modelo. A acollida da iniciativa foi tan xenerosa que neste momento empeza a difundirse desde un blogue independente que se proxecta nas redes máis usadas, Facebook e Twitter. Galego na Rede únese así ao numeroso voluntariado que traballa pola normalización da lingua.

Foto: Helena Villar Janeiro

Publicado en El Correo Gallego (07-01-14)

21 de feb. de 2014

100 anos do "Heraldo de Vivero"

Redacción.- O Seminario de Estudos "Terra de Viveiro" organiza as Xornadas sobre o centenario do Heraldo de Vivero, que terán lugar entre o 29 de xullo e o 5 de agosto no Centro de Maiores de Novacaixagalicia (Pastor Díaz 58 - Viveiro).
As xornadas estarán acompañadas pola mostra 100 anos do 'Heraldo de Vivero' - A imprenta en Viveiro, que foi inaugurada onte ás 19 horas no Salón de Exposicións do Conservatorio de Música de Viveiro (Xardíns Noriega Varela). 

O primeiro número do Heraldo de Vivero apareceu o 17 de febreiro de 1912 editado polo liberal Benigno López Muñoz. Estaba dirixido por Pedro Pérez Barreiro, que finou en 1912, sucedeuno Esteban Fernández Temprano e despois Antonio Vale; continuou Francisco García ata 1923, cando Benigno López traspasoulle a Ramón Canosa a responsabilidade de dirixir e imprentar o periódico. Por mor da Guerra Civil española tivo que deixar de publicarse en 1937, volveu saír brevemente de1963 a 1966. En 1966 unha aplicación estrita da "Lei Fraga" obrigou a pechar o periódico durante un ano. En 1968 dirixido por Xosé Trapero Pardo volveu á rúa con periodicidade semanal. O seu actual director é Juan Carlos Neira Brochs, fillo de Luis Neira, que foi impresor, redactor e director durante décadas.

30 de xul. de 2013

Revista de prensa: Nacio Digital.cat

O retorno de Xosé Manuel


Josep-Lluís Carod-Rovira.-

Son dos que se alegran dos resultados obtidos por Xosé Manuel Beiras, á fronte dunha plataforma electoral de forzas de esquerda. Así llo dixen, o domingo á tardiña, cando se comezaron a coñecer os resultados, despois de desexarlle "Sorte e votos. Adiante!", ao empezar a xornada electoral. O que fixo ten un mérito extraordinario, máis aínda se temos en conta a súa idade: 76 anos. Maltratado e menosprezado polo sectarismo e o dogmatismo do aparato do partido ao cal el contribuíra, decisivamente, a encumiar e a converter en forza de goberno, vítima de todo tipo de conspiracións, acabou abandonándoo. E cando algúns xa o daban por morto e enterrado, irrompeu na escena política galega cun éxito notable nas urnas, inesperado para todo o mundo. Este catedrático de economía, formado en París e en Londres e que gusta de tocar o piano na intimidade do fogar, autor do xa emblemático libro "O atraso económico de Galiza" (1972) foi a grande sorpresa das eleccións galegas. Antigo académico da lingua galega, orador vehemente, corredor de fondo, a súa cabeleira branca, como a barba característica, acompañan a imaxe dun home con personalidade, moi culto e ilustrado, que veste con elegancia e bo gusto, a miúdo coroada a testa cun chapeu que reforza o primeiro impacto visual que produce.

El foi a man de morteiro capaz de ligar unha alianza de sensibilidades progresistas diversas, sen perspectivas electorais por separado, e coa forza do seu liderado conduciu a transformación en verdadeira esquerda nacional do seu país. A traxectoria persoal, a coherencia ideolóxica e a valentía política tiveron premio. Non se pode dicir que se arrimara á política a facerse un nome, senón, ben ao contrario, a xogarse o nome que xa tiña. E gañou. Non só pasou por diante ao seu antigo partido en todas as circunscricións e superouno en votos e escanos, senón que en cidades tan emblemáticas de Galiza como A Coruña, Santiago ou Ferrol, a súa lista superou incluso ao mesmo Partido Socialista e plantouse como segunda forza. É obvio que non só levou unha parte importante do seu antigo electorado, o de sempre, senón que tamén fixo unha pesca notable entre un electorado socialista, fatigado da carencia de proxecto nacional e social dos socialistas.

Situado enfronte dun PP que sempre exhibiu un certo aire rexionalista, como querendo ser o partido "da casa" -"galego coma ti", fora o eslogan de Fraga-, de maneira parecida ao PP balear da época de Gabriel Cañellas, Beiras foi o motor e o aglutinador dunhas referencias modestas como siglas, pero que, xuntas, reveláronse como dunha grande potencialidade. A súa presenza nacionaliza o terceiro grupo da cámara galega e pon fóra de toda dúbida a dimensión nacional que ten e que terá este grupo de nove deputados, galeguistas e de esquerda. Xa veremos como evoluciona agora o BNG, onde se gorecen desde centristas até marxistas-leninistas, pero non hai que ser moi perspicaz para ver que o obxectivo de Beiras e os seus non é tanto pasar por diante do BNG, cousa que xa fixeron, senón substituír o Partido Socialista, a medio prazo, como segunda forza do país. E converterse na alternativa imprescindible en toda democracia. Neste caso, nacional e á esquerda. "Sorte e votos nesta viaxe para o futuro, Xosé Manuel!".

Traducción.- Iago Castro
Orixinal en catalán: http://www.naciodigital.cat

26 de out. de 2012

Revista de prensa: EL PAÍS

A outra arquitectura intelixente


Anatxu Zabalbeascoa.-

Fronte á domótica, topografía. Fronte á alta tecnoloxía, albaneis con oficio. E fronte aos floreos formais, tres funciones para un único edificio. O equipo de fútbol de Vilalba (en Lugo) necesitaba unha bancada. Facíalles falta unha tribuna para tantos días de choiva e tamén lavabos con vestiarios para xogadores, espectadores e árbitros. Precisaban todo iso e tiñan un noiro. Os arquitectos Santiago Rey, Jacobo Fernández Malde, Blanca Carballal e Ismael Ameneiros aproveitaron ese desnivel para construír as tres cosas nunha única intervención.

Así, a bancada apóiase hoxe no ascenso do noiro á vez que o contén e refórzao. Os vestiarios coroan ese ascenso e, ademais, serven de teito para formar a tribuna que queda tapada por un agasallo: unha terraza miradoiro. Con todo, e a pesar de intervir con formigón armado, en Vilalba segue mandando a paisaxe.

O deseño do campo de fútbol podería lembrar, en versión rexional, ao do famoso estadio que o Pritzker portugués Eduardo Souto de Moura levantou para o club de fútbol Braga, aproveitando unha canteira. A diferenza neste pobo de Galicia é que non hai muro nin fachadas nin buraco nin sequera canteira. Todo o campo está aberto. O partido pode verse desde calquera dos catro lados do terreo de xogo. Iso si, o asento de formigón cuberto e a terraza sobre o campo ocupan a zona máis coidada, ofrecen as mellores vistas e, a pesar diso mesmo entre as bancadas manda a vexetación, que se coa no interior e cóbreas asumindo a dentellada da intervención e, á vez, recuperando e reconquistando o terreo.

Por iso, é evidente que, neste pobo de Lugo, a arquitectura intelixente non é high tech senón máis ben high sense. Aquí o sentido excede á técnica. A bancada de formigón armado oculta espazos de almacén nos cimentos das dúas caixas compactas que forman os vestiarios.

Neses dous módulos iguais, a iluminación é cenital "para evitar reforzos de valos de seguridade" e os vans que deixa a estrutura están cubertos por unha fachada ventilada de madeira autóctona que tempera a dureza do formigón. Unha terceira caixa, xa toda de madeira local, serve de vestiario para árbitros, contén tamén aseos públicos e remata, ademais, a secuencia entre a madeira e o formigón.

Este proxecto custou, segundo os seus autores, 912 euros por metro cadrado. E é, ademais de tres edificios nun, á vez infraestrutura e paisaxe. É difícil que unha arquitectura capaz de servir a tantos usos sexa con todo rotunda.

Pero neste campo dáse esa circunstancia. As decisións están claras, os obxectivos precisados e tamén logrados. Por iso a intelixencia do proxecto nace de poder abarcalo todo, de poder servir a tres amos cun mesmo único rostro, de conseguir levantar un edificio que chega para axudar sen ter que molestar. Non é certo que a arquitectura intelixente sexa, necesariamente, a máis tecnificada. Ás veces a topografía aconsella mellor que a industria.

Fotografía: Santos-Diez (BIS Images)

© EL PAÍS, 6-X-2012.

7 de out. de 2012

Revista de prensa: EL PAÍS

Direino outra vez

Antón Baamonde.-

Direino outra vez por se alguén non o entendeu. O lóxico sería que Feijóo perdese as próximas eleccións. Só dous factores, ou a súa combinación, poderían evitalo. O primeiro, a modificación do sistema electoral. Han de estar moi angustiados en Monte Pío para propor tal chafallada en plena campaña electoral. O segundo, talvez máis interesante, polas consecuencias a longo prazo que podería ter, é a división dos seus opoñentes. Máis aló da sota, cabalo e rei de hoxe a xente podería recoñecerse noutras figuras da baralla. Sería un cambio na paisaxe social. Asumo, para presumir esa derrota, que a abstención vai crecer e que prexudicará especialmente á dereita. Os seus electores caeron da guindeira e espertado do seu soño dogmático o mércores aciago en que Rajoy fíxolles ver que carecían de toda esperanza.

Pero analicemos esa división. Supoñamos que Esquerda Unida rolda o 4% ou o 5% da intención de voto; que a Anova de Beiras podería sumar, especialmente na circunscrición d'a Coruña, un 2%, e que os votos de Compromiso por Galicia poderían representar outro 2% especialmente tamén n'a Coruña, despois do pacto con Terra Galega. Se a totalidade desas forzas desperdician os seus votos sen obter deputados, o triunfo de Feijóo podería estar garantido. Dilapidar o 8% ou 9% dos votos, dado o equilibrio de forzas existente, sería regalarlle indirectamente a continuidade na Xunta. Até onde alcanzo, creo que esta observación é inobjetable. A matemática electoral é a que é. Só un hipotético éxito de UPyD, ou de Mario Conde poderían prexudicar, nesta hipótese, ao PP.

Ao mesmo tempo, chegar á campaña electoral con ese escenario de dispersión no voto progresista e nacionalista beneficiaría sen dúbida a PSdeG e BNG, que farían valer os seus chamamentos ao voto útil. Un éxito que podería revelarse pírrico se ambas as forzas, sometidas ao seu propio desgaste, non conseguen superar ao seu antagonista na dereita. Se, nas máis pésimas condicións, o PP alzásese coa vitoria, iso non revelaría senón a carencia que imperou nestes anos de bo xuízo entre os seus opoñentes. Gañaría impondo o máis duro programa da dereita e nun contexto no que está en risco a propia continuidade do autogoberno. Esquerda e nacionalismo farían ben, nese caso, en correr a gorrazos aos seus dirixentes.

Pero de suceder o contrario, a derrota do PP no contexto dun Parlamento moi fragmentado non deixaría de levar aparelladas consecuencias ulteriores. Supoñamos que a dereita queda con 35 deputados e que, en fronte, pódense contabilizar 22 do PSdeG, 12 do BNG e 6 de Demócratas por Galicia chamemos así á Syriza galega. As negociacións para un novo Goberno serían dunha gran complexidade e non sería imposible nin un goberno do PP en minoría, que obrigaría a este partido a modular as súas políticas socialmente regresivas e en prol do castelán, nin un alternativo de PSdeG e BNG, apoiado críticamente por Demócratas, nin un con gran peso de independentes apoiado polo tres candidaturas talvez a mellor hipótese en tempos tan duros.

Sen dúbida, de mostrar as enquisas unha intención de voto semellante, a dereita, e os impagables medios que lle serven de corifeos, fartaríanse de mostrar os perigos da gaiola de grilos. Pero a estas alturas esa mensaxe tería notables gretas. A primeira, que a propia dereita está xa, tamén ela, dividida UPyD, Mario Conde... e Baltar. A segunda, e máis grande, que a maioría absoluta de Rajoy non evitou o rescate nin tan sequera hao dulcificado. Os damnificados pola crise crecen, e así seguirá ocorrendo. Nestes tempos é bastante evidente que o que as maiorías absolutas dan é, sobre todo, impunidade para facer calquera cousa e, en especial, para obedecer a Merkel. Non hai nin que dicir que a xente liberal debería estar contenta de que o poder se vise máis limitado, aínda que a elaboración das políticas fixésese máis complicada pola pluralidade.

Con todo, o verdadeiro problema sería que o Goberno saído das urnas tivese un programa claro e factible que puidese sobrevivir ao rápido desgaste derivado da presión conxunta da UE, os mercados e, non menor, do complexo político-económico-mediático, con sede en Madrid, e bifurcaciones nos principais xornais galegos, que disparan contra todo o que se move máis aló da vontade das mesmas elites que fixeron crebar España e que agora centrifugan a súa responsabilidade nas autonomías. Despois da experiencia do bipartito xa non valen apaños. A esquerda e o nacionalismo necesitan exporlle á sociedade ideas-forza claves que recuperen confianza e un relativo optimismo no medio da tormenta que nos asuela. Xa se acabaron as bobadas. Non abonda con que gañen as eleccións. Han de darlle, de verdade, un novo rumbo á nave.

EL PAÍS, 26-08-2012

29 de ago. de 2012

Revista de Prensa: EL PROGRESO


Mariña

Lois Celeiro.- De Reigosa ao Santísimo Sacramento e de aquí á Complutense madrileña. O bacharelato con notas brillantes e a carreira de xornalismo con “beca salario”, con amizades da escola duradeiras, co teu Morgan de Cirio e de Pol toda a vida, co irmán, a cuñada, as sobriñas e o sobriño, con Isabel da túa alma, con todos, Mariña Folgueira Portela fuches e seguirás sendo sempre, Mariña. 

A historia fixo que, a partir de mediados do s. XIX, o concello de Vián pasara a ser A Pastoriza, un anaco da chaira luguesa, que se converte, na segunda metade do século pasado, na patria enteira da compañeira e amiga Mariña. En Reigosa naceu e a partir do día de hoxe afianzase na memoria colectiva, deixándolles saber  aos ventos que zoan que a vida non é máis que unha fonda e breve meditación sobre a morte. Esa, ¡ maldita morte!, ¡malaia o demo!. 


Severo Ochoa aseguraba que non sabía  por que nin para que existía a vida. Quen sabe?. Mentres exista a memoria, seguiremos gozando da túa compaña, Mariña. Aguantaremos e, se é preciso, sublevarémonos con forza, con toda a forza necesaria, contra  aquilo e aqueles que queiran turbala. E, ti seguirás a regalar cada domingo, verduras, legumes e hortalizas do horto de tras da casa, ovos da casa, pan da casa, filloas da casa e, para todos -igual que sempre- de todo o que tes na túa casa. 

Seguiras, querida amiga, lendo a Andrea Camilleri e interesándote polo seu personaxe  Salvo Montalbano, pero por favor, tómao de vagariño. Hai tempo para todo, incluso para pensar e para ver que non somos nada, nada de nada ou, como di Eduardo Galeano, “somos o que facemos para cambiar o que somos”. 

Díchelle personalidade ao Parlamento do Hórreo, fixécheste querer na radio, tiñas talento, sabedoría e maña para ser unha extraordinaria profesional e fúchela. Fixécheste querer por onde andabas, tiñas bonhomía, sinxeleza, carácter, seriedade e valentía. Tiñas xenio para entrar no círculo da boa xente, nese club que aínda se pode ampliar, e agora a modiño vaste para sempre a Reigosa, onde nos queda o camiño das túas pegadas. 

Unha aperta, querida Mariña, bo día e ata pronto. Dálle outra aperta a Morgan.

29 de ago. de 2011

Revista de Prensa: EL CORREO GALLEGO

Os resultados electorais en Lugo

Antonio Cendán Fraga.-

DÚAS semanas despois dos comicios locais, aínda colea algún aspecto puramente electoral que non deixa de ser sorprendente, sendo un dos casos máis insólitos o novo escenario que se abre na Deputación de Lugo en canto o repartimento dos seus deputados. Na provincia luguesa o partido máis votado foi o PP, co 47 por cento dos sufraxios, seguido do PSdeG con algo máis do 31 e o BNG que superou lixeiramente o 14. A restante porcentaxe foi parar a distintas formacións que non estarán presentes na Corporación Provincial do nordeste.

Non podemos testemuñar con total certeza se alguén fixo ou non unha análise do ocorrido en Lugo, onde socialistas e nacionalistas cunha porcentaxe de votos conxunta inferior en dous puntos en toda a provincia vaian ter maioría absoluta no órgano de goberno provincial. Do mesmo xeito, e por pura lóxica, PSOE e BNG sumaron 3.200 votos menos que o PP, e aínda así os dous grupos teñan 13 dos 25 deputados provinciais electos.

O paradoxo desta curiosa representación política obedece ao anticuado sistema de repartimento de deputados provinciais que se segue a facer por partidos xudiciais, xurdidos da lexislación de 1834. Na provincia de Lugo, todas as súas cabeceiras de partido teñen unha cifra par de deputados, agás A Fonsagrada, onde só se elixe un representante. Nesta demarcación, que está a ser clave para a Deputación lucense, a formación máis votada é a que se leva o deputado en xogo. Neste caso foi para os socialistas, que conseguiron ese escano con pouco máis do 46 por cento dos sufraxios. Pero pola contra, noutros tres partidos xudiciais, Vilalba, Chantada e Monforte, elíxense dous deputados, que debido ao actual sistema electoral case sempre se reparten entre os dous partidos que máis votos acaden. Así, na Terra Chá tanto socialistas coma populares terán cadanseu deputado, malia que o PP superara o 55 por cento dos votos e o PSdeG obtivese só a metade dos sufraxios acadados polos populares. Evidentemente, se cadra, é un caso único no Estado español, pero que debería servir de chamada a reflexión sobre a vixencia das actuais circunscricións electorais que, con todos os respectos, non son as máis axeitadas. Aínda que xa se dera un caso semellante nas eleccións vascas de 1986 e nas catalás de 1999, nas que forzas con máis votos tiveron menos escanos, o que nunca sucedera é que un partido coa práctica maioría absoluta dos votos dun mesmo contorno político xeográfico se vexa relegado a estar na oposición.

© El Correo Gallego (6 de xuño de 2011)

8 de xuño de 2011

Revista de prensa: EL PAÍS

Regresa a dereita?

Antón Baamonde.-

O venres, España estaba máis preto da quebra, ou do rescate, como prefiran. As dúbidas sobre Grecia e as imaxes do movemento do 15-M púñanlles os dentes longos aos especuladores. Vivimos tempos nos que non sabemos o que nos espera. Non nos atrevemos nin a imaxinalo. A onda de desafección cidadá esténdese ante o fenomenal asalto ás precarias condicións do Estado de benestar. No Obradoiro podíanse ouvir cousas dispares, unhas desatinadas e outras razoables. Dous días antes, Merkel dicía sen rebozo que non pode ser que os españois se xubilen antes e teñan máis vacacións que os alemáns. É mentira, pero non importa. Un pouquiño máis e o di directamente “esa panda de lacazáns que viven do noso diñeiro”. Ao tempo, un perigoso grupo terrorista, formado por sabios xermanos, suxería que habería que porse a traballar até os 69. Non sabemos o que nos espera. Mentres, rende a sensación de estafa.

Nesas circunstancias, onte houbo un tsunami, un envorco na paisaxe española. O PP varreu. Era bastante difícil que fose doutro xeito. A xente agárrase a calquera esperanza, aínda que a confianza sexa un ben cada vez máis escaso. Ademais, os votantes do PSOE están a facerse vellos e ás novas xeracións ninguén lles contou en que consiste ser progresista. E o PSOE, talvez menos que ninguén. Subir impostos aos ricos, redistribuír, cousas básicas do marco mental da esquerda, parecen hoxe dun atrevemento insólito. Impúxose na esquerda unha linguaxe de madeira que a ninguén pode convencer. A dereita, abandonado o seu fondo de cristianismo social para converterse ao evanxeo liberal, non ten tantos remilgos. Vai ao seu sen contemplacións. O capitalismo, nas súas mans, pode ser unha bomba letal para o benestar.

Tamén en Galicia despexouse a incógnita. A priori podería pasar de todo. Que os bipartitos conservasen o seu poder. Que a marea conservadora alagase todos os espazos. Ou que estivésemos ante un empate técnico. Todo dependía dunha fracción ínfima de votos. Do canto dun duro. Finalmente, a dereita fixo pleno. O PP gañou A Coruña, Santiago e Ferrol e rexistrou un avance no número de votos. Fíxoo cun incremento significativo da participación, o que lle dá máis valor. O gran damnificado foi o BNG que retrocede en todas as cidades menos en Pontevedra, feudo que revalida. Está claro que os seus mellores resultados obtenos nas vilas. O PSdeG, levado pola marea, perde tres cidades, e retrocede de modo xeneralizado, pero aguanta en relación ao seu declive no conxunto do Estado. Hai que destacar que en porcentaxe de votos non se produce un derrube electoral da esquerda e que, en Galicia, o arrase do PP é menos forte.

Ambos os partidos deberán reflexionar. Deixar de xogar ao gato e ao rato entre si en prexuízo dos seus electores. Hai unha metade do país que non entende que o PP teña tan fácil revalidar os seus éxitos, nin tan sequera no medio dunha tormenta económica. PSdeG e BNG, se han de ser algo máis que colexiais castigados nunha esquina, han de reinventarse cunha ousadía que non tentaron xamais. Estamos no inicio dun ciclo novo en toda España. Tamén en Galicia aínda que o pobre nivel dos líderes políticos impídalles barruntarllo. Moitas cousas van cambiar, e moi rápido. Coa súa lóxica mesquiña e burocrática non irán a ningunha parte. Han de arriscar.

O futuro para Galicia preséntase escuro. Os diñeiros que viñeron de Europa, ou que serviron para que a redución de poboación agraria non provocase un estalido social, como as escuras anduriñas, non volverán. Da solidariedade interterritorial hai que irse esquecendo. Galicia terá que crecer, tomarse en serio e aproveitar as súas oportunidades. Terá que autogobernarse, se sabe facelo. Pola contra, empobreceráse e languidecerá. Non parece que o PP de Feijóo vaia a servir para algo. De momento non o está facendo. Paralizou a reforma do Estatuto, que é unha panca esencial, por puros prexuízos ideolóxicos. Veremos se cando chegue ao Goberno central Rajoy salva NCG –dubídoo–. A súa xestión do día a día foi dunha nadería absoluta, envolvida no fume da austeridade.

Galicia volve á dereita. É, posiblemente, unha reacción puntual. Un electorado que se agarra a un cravo ardendo. Nun encadre máis amplo é probable que ese electorado se contraia. A polarización económica é probable que se trufe coa política. É un momento, a pesar das aparencias, interesante. Sería unha ocasión para grandes reaxustes ideolóxicos e estratéxicos, se houbese intelixencia. Os empresarios, sen dúbida, tenden a confundirse co PP. Pero os cadros técnicos, os directivos de moitas empresas, os mozos formados pero con poucas esperanzas, están a buscar quen os interpele. E hai máis espazo para a transversalidade da que parece. Aínda que dito hoxe soe a temeridade, o horizonte non ten un rumbo tan evidente. Dependerá, entre outras cousas, da quen lle atribúan os cidadáns no futuro as estafas, recomendadas por Standard&Poors, que se seguirán sucedendo.

© El País, 23 de maio de 2011

23 de maio de 2011

Revista de prensa: EL PROGRESO

''Vilalba configúrase como un centro creativo e cultural''

Cristina Arias.-

O xornalista vilalbés Moncho Paz, que acaba de recibir o premio Johán Carballeira por unha entrevista ó tamén escritor e xornalista da capital chairega Ramón Chao, ultima a organización na localidade dun foro de debate sobre o capitalismo e un concerto de Manu Chao.

o xornalista Moncho Paz, involucrado de forma activa na vida cultural vilalbesa, acaba de recibir o premio Johán Carballeira por unha entrevista ó tamén escritor e xornalista vilalbés Ramón Chao.

Cales son os seus vínculos con Ramón Chao?

Sempre foi un referente, pola súa coherencia e polo seu compromiso coa cultura. Sigo a súa traxectoria dende a publicación de ‘El lago de Como’, en 1982. A polémica que levantou esa novela espertou o meu interese por Chao e a súa vida en París; despois viñeron os seus libros sobre Carpentier e Onetti, e a súa conexión coas novas xeracións a través do seu fillo Manu.

Que significou o premio?

Foi unha sorpresa e fíxome especial ilusión por tratarse do Johán Carballeira, polo que significa a súa figura na política, no xornalismo e nas letras do século XX. Foi un galeguista inxustamente condenado. O primeiro que fixen foi contactar con Ramón Chao para comunicarlle que «a nosa entrevista» fora premiada.

Grazas a ese premio, Ramón Chao reconciliouse con Vilalba...

Cando Ramón me anunciou que virá a Galicia para recoller ese premio comigo, decidimos que sería unha boa oportunidade para organizar unha conferencia en Vilalba. O acto saíu ben, foi moi emotivo e supuxo un antes e un despois para Ramón e a súa relación con Vilalba, que leva no corazón. Para min foi unha enorme satisfacción acompañalo nun momento tan importante da súa vida, como recoñeceu despois.

Agardaba ese éxito de público? Por que ese rexeitamento de Vilalba a Chao?

Estaba seguro de que o acto sairía ben. O de Chao con Vilalba foi un malentendido. En ‘El lago de Como’ fala da súa vila como Reigada, un pobo imaxinario como García Márquez fixo con Macondo. A polémica que levantou fixo que a xente tivese especial interese en atopar coincidencias, unhas reais e outras non, pois Chao é un magnífico contador de historias.

Comprometeuse a organizar en Vilalba un foro con Ignacio Ramonet e un concerto de Manu Chao e o pintor Wozniak. Que suporía?

O principal impedimento será facer coincidir as axendas de todos. Ramonet xa amosou a súa dispoñibilidade, Wozniak atópase en Polonia e Manu anda de xira polos países bálticos. Estaremos en contacto permanente, pois este acto contribuiría a proxectar unha imaxe moderna de Vilalba, que nos últimos tempos estáse a configurar como un auténtico centro creativo e cultural, a pesar da falta de apoio dalgunhas institucións. Ese foro sería a verdadeira oportunidade para que o Concello se implicase máis no eido cultural, xa que a maior parte das propostas organízanas entidades como A Voz de Vilalba ou o Iescha, que naceu hai máis de 10 anos para dinamizar a vida cultural da comarca.

A súa defensa do galego, así como a súa andaina no xornalismo, foi precoz. Con 13 anos, xunto ao seu irmán Mario Paz e Paulo Naseiro, fundou A Voz de Vilalba. Cal era o seu obxectivo?

Queriamos emular a Lou Grant, o protagonista da mítica serie televisiva que fixo que moitos marchásemos a Madrid a estudar xornalismo, e continuar coa tradición xornalística de Vilalba. Uns días antes do nacemento de A Voz de Vilalba aprobárase no Parlamento a Lei de Normalización Lingüística, que pretendía a protección e promoción do uso do galego nos diferentes ámbitos sociais, especialmente na Administración, a educación e os medios. Aínda hoxe gústanos crer que A Voz de Vilalba contribuíu a derrubar algúns atrancos que proviñan da inercia arraigada durante décadas, nas que a lingua foi vista coma unha manifestación máis do folclore autóctono e non coma un verdadeiro instrumento de comunicación.

Como valora o momento actual?

Estamos a atravesar un momento crítico pola utilización política que se fai da lingua, que é patrimonio de todos. Hai que fuxir de debates artificiais que xeran problemas que antes non existían. O uso do galego debe ser potenciado dende a oficialidade, seguindo o espírito da Lei de Normalización Lingüística de 1983 e favorecendo o seu emprego en todos os ámbitos da vida, e non só na educación ou na cultura, evitando folclorismos atemporais e innecesarios.

A Voz de Vilalba tiña subscritores tan dispares como o galeguista Ramón Piñeiro, Manuel Fraga ou Rouco Varela. Con eses anos, pódese falar de liña editorial?

Naceu como unha publicación comprometida coa lingua e coa cultura galega. Pódese dicir que esa foi, e segue a ser, a súa liña editorial. Nos contidos da primeira época había entrevistas, noticias, pasatempos, entregas culturais… Mantiñamos un trato cordial coa política municipal e eramos conscientes da responsabilidade da publicación, que nos obrigaba a unha disciplina que non adoita chegar até a incorporación ao mercado laboral.

Por que se deixou de editar?

Chegaba o momento de comezar outras aventuras: Mario tiña un grupo de punk-rock, Paulo entrou na Cruz Vermella e eu fichei como correspondente de El Progreso.

En 2008 recuperan o xornal en internet. O futuro do xornalismo pasa polas novas tecnoloxías?

Coincidindo co 25 aniversario da fundación de A Voz de Vilalba, decidimos abrir unha segunda época da publicación apostando polo formato dixital e con especialización de contidos. Somos conscientes de que o xornalismo ten que reinventarse e iso non pode facerse sen pasar polas novas tecnoloxías.

Está en risco a prensa en papel?

O incerto futuro da prensa escrita e a pouca rendibilidade de internet fan necesario que se defina un novo modelo de negocio. A caída publicitaria e o descenso de vendas fan que o futuro do sector pase pola concentración empresarial, a xestión compartida dalgúns contidos, as novas tecnoloxías, a prensa dixital, os blogs e as redes sociais, unha auténtica revolución no mundo das comunicación. As empresas xornalísticas non se poden permitir crecer con débedas como en época de bonanza.

Forma parte da plataforma A Alameda, creada en defensa do patrimonio natural, trala poda de varias árbores. Por que houbo esa resposta cidadá?

A plataforma naceu como un movemento cidadán, non é unha organización política. E xurdiu a demanda de moitos veciños do casco urbano de Vilalba, cansos dun determinado xeito de proceder por parte do Concello. Non está vinculada exclusivamente á tala do castiñeiro de indias ou dos pradairos, esa é a disculpa que trataron de empregar algunhas voces para desacreditar a iniciativa. As redes sociais foron determinantes, pois en tres meses superou os 1.000 amigos en Facebook e conta co apoio de importantes persoeiros das nosas letras, como Agustín Fernández Paz, Paco Martín e Xabier P. DoCampo.

Que actuacións realizaron?

Unha concentración cívica, recollida de sinaturas, actividades nos centros educativos, un encontro na sede de Efe en Madrid e a presentación dunha instancia no Concello o pasado 10 de decembro, da que aínda non recibimos resposta.

E o concurso de fotos de feísmo urbanístico?

Enviáronnos numerosas imaxes e contemplamos a posibilidade de organizar unha mostra fotográfica.

7 de maio de 2011

Revista de Prensa: GALICIA HOXE

Ramón Chao en Vilalba

Miguel Anxo Fernán Vello.-

Estivo Ramón Chao en Vilalba, capital da Terra Chá, para pronunciar un conferencia, organizada conxuntamente polo Instituto de Estudos Chairegos e polo xornal A Voz de Vilalba, sobre a súa experiencia profesional no eido da comunicación: "De Vilalba a París: unha traxectoria vital". Mais a presenza do xornalista e escritor vilalbés na súa terra, na súa propia vila de nacemento, debe ser contemplada -e cónstame que así se fixo- como un regreso ou como un reencontro, despois de varias décadas de residencia do intelectual chairego na capital francesa e despois, como el mesmo ten recoñecido, de terse afastado fisicamente de Vilalba a raíz da publicación da súa novela autobiográfica El lago de Como, retirada no seu día da única libraría que había en Vilalba coa ameaza ao autor de que nunca se lle ocorrera volver pola vila. Por iso o regreso de Ramón Chao a Vilalba ten agora un certo sabor a concordia e a reintegración, porque, como ben di a poeta María Xosé Lamas, "era xusto e necesario que Vilalba se reconciliara dunha vez por todas con Ramón Chao, e viceversa". Xustas palabras. Mais tamén cómpre lembrarmos aquí aquel vello proverbio irlandés que di que "a casa está onda o corazón", e Ramón Chao, músico mítico, xornalista histórico e mestre literario, tivo e ten para sempre a Vilalba e á Terra Chá no corazón; e agora acompañado, tamén para sempre, polo xornalista Moncho Paz -premio Johán Carballeira de xornalismo por unha entrevista realizada precisamente a Ramón Chao- e polos amigos vilalbeses Manolo Roca Cendán, Castro Santamariña, Felpeto Enríquez e Mario Paz, entre tantos outros. A vila chairega e luguesa está a se configurar nos últimos tempos, sen dúbida, como unha auténtica capital creativa e cultural, e velaí como a presenza benfeitora de Ramón Chao activa forzas e enerxías, porque Vilalba está chamada a ser un gran centro da cultura chairega, luguesa e galega, algo que xa se albisca -eis o traballo que realiza o IESCHA- recén encetada a segunda década do presente século.

Foto: Paulo Naseiro

28 de abr. de 2011

Revista de prensa: EL CORREO GALLEGO

Inseguridade no rural galego

Antonio Cendán Fraga.-

Lonxe quedan xa os tempos nos que os habitantes das parroquias galegas deixaban a porta do poxigo abertas e nas que só se agardaba o berro de calquera veciño na procura dun favor ou simplemente de conversa. Era un mundo máis humano nos que se coñecían todos e ninguén desconfiaba do que puidera ocorrer. Era unha sociedade moi tranquila na que a palabra inseguridade era unha perfecta descoñecida. Pero eses tempos pasaron a mellor vida.

O rural galego, cada vez máis castigado, sofre agora tamén os avatares da denominada inseguridade cidadá. Pero non foi tan só o cambio de filosofía ou de estilos de vida o que propiciou a chegada deste fenómeno que se está a cebar cada vez máis coas nosas aldeas e vilas. A medida que este país evolucionou e o rural foi en decadencia tamén foi esquecido por todo tipo de autoridades, dándolle unicamente valor cada vez que se achega unha convocatoria electoral. Así, as bandas de raspiñeiros fixeron acto de presenza e viron un magnífico campo de cultivo nun basto territorio que, por se fose pouco, está maioritariamente poboado por xente maior, que, a súa vez é máis débil fisicamente por razóns que resultan obvias.

Non entanto, non son tan só a diminución de poboación e o seu elevado avellentamento os responsables dos roubos e o aumento do número de delitos no rural. Este aspecto vai tamén intimamente vinculado á deixadez que fixeron os distintos gobernos coas forzas de seguridade nas áreas rurais. Nunha gran parte das mesmas desmanteláronse os tradicionais cuarteis da garda civil, que eran os garantes de gran parte desa seguridade, unha circunstancia que agora está a provocar a chegada de bandas de delincuentes que ven o camiño despexado para preparar as súas actuacións do xeito máis impune.

Desgraciadamente o tranquilo mundo rural xa non é tal. Agora ata se ve ameazado pola inseguridade, algo ao que non se lle daría creto hai só 15 anos. Pero este grave problema non é culpa dos seus habitantes nin do seu illamento senón das autoridades que non están a facer nada por atallalo. É preciso para iso dotar os concellos máis rurais das oportunas medidas de seguranza, coa recuperacións dos antigos cuarteis e as patrullas da garda civil. Escoitaremos o arquifamoso argumento de que hai que aforrar, aínda que ninguén pensou niso cando se compraron suntuosos todoterreos para a Benemérita. E é que vivir seguro non é un privilexio senón un dereito semellante a educación ou a sanidade.

29 de mar. de 2011

Revista de prensa: El País

O Purgatorio e a Cidade da Cultura

Manuel Rivas.-

Nun relato verídico que lle oín a Ferrín, aparecía un personaxe irlandés que se declaraba "ateo católico". Segundo este home, en Irlanda, malia as aparencias, haber había ateos, o que pasa é que estaban divididos. Uns eran ateos católicos e outros ateos protestantes. Tamén eu me sentín "ateo católico" o outro día, cando se deu a coñecer a noticia de que o papa de Roma declaraba lugar inexistente, ou non-lugar, o Purgatorio.

Xa o anterior pontífice comezara a poñer a proba o meu ateísmo cando quitou do mapa o Inferno. Eu ser sería ateo, mais sempre crin nesa xustiza psicoxeográfica de que enriba estaba o Ceo, o Inferno abaixo e no medio ese inmenso predio das ánimas en pena que era o Purgatorio. Daquela, algo se remexeu nos meus adentros. Talvez era o Decaído (non hai que chamar ao maléfico polo nome) adoecido por perder unha propiedade inmoble. Mais eu penso que, en realidade, o que se revolvía era o católico que vai en min. E que fai un católico sen Inferno? Pois ir tirando. Mais, que fai un católico galego sen Purgatorio?

Menos mal que temos a Cidade da Cultura!

Levamos máis dunha década discutindo o que é ou puidera ser o monumental e enigmático alpendre que se ergue en Gaiás, mais agora, por fin, comezamos a ver na espesura. É moi significativo que Bieito XVI anunciase o esvaecemento do Purgatorio tal como o coñecíamos xusto o día en que se inauguraba a primeira fase da Cidade da Cultura. O que se produciu non foi unha desaparición, senón unha translación. A teoloxía tiña máis ou menos claro o que o purgatorio significaba: un proceso de expiación. Mais o que había era un problema de localización. A cuestión catastral. Onde era que o Purgatorio estaba? U-lo Purgatorio?

Dicía Valle-Inclán que Galicia seguía a existir por mor de "poetas soñadores". Eses soñadores sempre viron Galicia como un paraíso a construír. Un paraíso posíbel na terra. De aí que Castelao falase da "cidade xardín", co que amosaba un sentido bíblico e práctico a un tempo. A utopía agrarista en fusión co novo urbanismo humanista que puxo en marcha Ebenezer Howard coa súa obra Tomorrow [Mañá: un paso pacífico cara a unha reforma real]. Ese urbanismo que se levou á práctica, por exemplo, no espazo do Campo de Marte da Coruña, por iniciativa do concelleiro socialista Ramón Maseda, asasinado polo fascismo en 1936.

Lois Pereiro é valorado pola súa poesía, mais tamén escribiu unha novela que apareceu na revista Luzes de Galiza e que está a piques de ser reeditada e será unha descuberta para os novos lectores: Náufragos do paradiso. Velaí a precisión! Esa suma de paraíso e naufraxio.

Mais dende outra perspectiva, a do conservadorismo, Galicia foi vista como un inmenso Purgatorio, poboada por ánimas en pena. Vivas ou mortas, pero en pena. A purificarse eternamente polo auga e o lume. Ese é o espazo que máis se repite na iconografía relixiosa. Poucas veces vemos a representación do paraíso. E se o vemos é como un territorio do pecado. Adán e Eva a tapar as vergoñas, abraiados. Por sorte, o mestre Mateo debía ter moito de soñador e o Pórtico da Gloria, na que están todos os mundos, é unha obra de elevación da ollada que culmina no Xerusalén celeste.

Mais, as cousas como son, a Xerusalén nunca demos chegado. O Coche de Liña da Historia non fixo outra cousa que dar voltas polo Purgatorio. Así que non me estraña que acabemos tendo a sede, o centro. O copyright. Agora entendemos o segredo do Gaiás. Alguén estaba no segredo. O ex conselleiro Pérez Varela, seguro. Pero despois de Carmiña Burana, non ía ir por aí pregoando aos catro ventos: "A Xunta de Galicia vai construír o Purgatorio!".

Haberá quen pense que falo en metáfora. Pois eses que lean A Divina Comedia. Alí, por suposto, cóntase que o Purgatorio ten o xeito dun monte. Cuspidiño ao Gaiás. A gran poesía sempre transmite información básica e profética. E o Dante Alighieri conta nesta obra, cando describe o Purgatorio, mesmo os materiais que vai utilizar Peter Eisenman para a obra: o mármore, a pedra negra (lousa) e a rocha vermella. Sigamos. O Purgatorio, segundo Dante, ten sete ondas, chanzos ou cornixas. Xusto o que deseñou Eisenman. Nesas cornixas o poeta, en compaña de Virxilio, vai encontrando parroquias de xente, con diversas mágoas, dende a soberbia até a preguiza. Aínda que a peor pena do Purgatorio é a chamada Pena de Sentido. Esa é a grande pena da política. As cousas que non teñen sentido.

O problema da Cidade da Cultura non é que estea ben ou que estea mal. Non é que sexa bonita ou fea. Que chame a atención ou que pase máis ben inadvertida. O problema é que ten a Pena de Sentido. É dicir, non ten sentido. O seu sentido agora é a Cousa que Non Ten Sentido. A ver se por aí achamos un sentido.

Á saída do Purgatorio, de Gaiás, Dante pilla a porta do paraíso terrestre, lixeiriño, para Santiago. Esa é a verdadeira cidade da cultura. A Compostela que se ve dende Gaiás, e non ao revés. Alí, Dante sabe que encontrará o Pórtico da Gloria. E á mesmísima Beatriz tomando un café no Derby.

15 de xan. de 2011

Revista de Prensa: EL CORREO GALLEGO

Todos contra o lume

Antonio Cendán Fraga


Durante moito tempo esta expresión, da que incluso se faría unha versión melódica, era o eslogán que se escoitaba en emisoras de radio e de televisión para tratar de derrotar ese temible inimigo que durante os distintos veráns arrasa as frondosidades galegas. Non faltaron nunca argumentos, teorías e hipóteses sobre que ou quen se atopa detrás do lume forestal, polo que non é o momento para recrearse en asuntos que están de sobra comentados.

Este ano pasará á historia como un dos máis tristes desta terrible lacra en Galicia, polo falecemento de dúas persoas que estaban a traballar moi dignamente apagando varios focos incendiarios. Non é necesario dicir que valían máis as dúas vidas que canta superficie de monte se poida queimar non só en Galicia, senón tamén no resto do Estado.

Malia estes desafortunados acontecementos, cómpre salientar tamén a capacidade de resposta da clase política galega que soubo estar á altura das circunstancias. Neste sentido, o titular de Medio Rural, Samuel Juárez, deu as oportunas explicacións e evitou calquera tipo de dramatismo que puidese afondar aínda máis na ferida. Do mesmo xeito, a oposición tamén tivo altura de miras e evitou facer demagoxia cun asunto que involucra directamente a todos os sectores sociais.

Precisamente ese oportunismo político, do que non fixeron gala BNG e PSOE, faltoulle ao líder da oposición en Madrid, Mariano Rajoy en 2006, quen agora está agochado e mira cara a outro lado. Daquela, na primeira quincena de agosto daquel desgraciado verán, Galicia ardera polos catro costados, sendo a zona das Rías Baixas a máis afectada. Malia a dignidade amosada polo daquela responsable de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, non faltou quen se lle votara enriba e moi especialmente o señor Rajoy, que pedira a súa dimisión, ademais de amosarse de xeito especialmente contumaz contra a política antiincendiaria do Goberno galego daquel tempo.

Catro anos despois, aínda que os titulares da Xunta son distintos, os efectos do lume son os mesmos, cando non máis dramáticos polo triste suceso deste verán. Nesta ocasión, Rajoy non saíu á palestra como fixera naquela ocasión, o que amosa que a súa suposta terra lle interesa pouco ou practicamente nada.

Se cadra, e despois da desgraciada experiencia que vimos de sufrir, a moitos dos que fixeron demagoxia coa política antiincendiaria deberán facer un exame de conciencia. E ao igual que todos temos que estar contra o lume, hai que lembrarlles tamén que co lume tampouco se xoga.

25 de ago. de 2010

Revista de prensa: EL PAÍS

Lois no recordo

Fermín Bouza

Houbo unha xeración de estudantes galegos en Madrid, alá polos finais dos setenta, que estivo a piques de cambiar o mundo na súa totalidade e que cambiou Galicia ao seu regreso á terra. Un deles era Lois Pereiro, os outros eran moitos, e algúns moi coñecidos: se apelidaban tamén Pereiro, ou Rivas, ou Patiño, ou Igrexas... Xentes da Transición e o desencanto, pero tamén do novo xornalismo, a nova pintura, a nova novela, o novo rock. Lois Pereiro era o home da nova poesía. E o era porque o que dicía era o fulgor da nova noite que a mesma Transición nos trouxo, con eses fulgores e as súas sombras, o seu medo e o seu tremor. E ese era o relato poético de Lois, deixaba ferido o cerebro de quen o ouvía ou lía coa súa pegada áspera de narrar ese mundo que estaba cada vez máis afastado do mundo de superficie.

E esa pegada era duradeira: era un poeta pleno, brillante e definitivo na expresión, e que ás veces alcanzaba unha extraordinaria beleza e lograba un forte impacto cognitivo, o impacto de quen nos narra un mundo distinto que está ao noso lado e que non coñeciamos, pero que se colga das palabras de Lois para facerse ver.

Eu coñecín a Lois entón, aínda que só tiven un trato próximo algúns anos máis adiante, camiño de Santander, cara á UIMP, a actuar, como el e con el, en Chove sobre Mollado (Semana das Forzas Atroces do Noroeste), unha andrómena espléndida pola que andaba Manuel Rivas e outros axitadores culturais, como Antón Reixa, que ademais cantaba co seu grupo, Os Resentidos, no Sardinero. Galicia estaba de moda, e os seus movementos culturais, patrocinados en boa medida por aqueles ex estudantes madrileños de regreso a casa, eran o último do último. A movida viguesa e as de máis movidas galaicas tamén axudaba a iso. Miúda xentuza de armas tomar, como logo foron demostrando todos.

O longo camiño de Monforte a Santander fixémolo o mesmo Lois, a miña muller Carmen Pena, crítica e profesora de arte que estaba na súa salsa cando Lois e eu recitabamos, e eu mesmo, ao volante, situación que me permitía visualizar o recitado de Lois polo retrovisor interior. Nunca esquecerei aquela longa xornada de coche na que sufrimos algúns sobresaltos, como que se nos anunciase, alá por Astorga, quizá por unha mala interpretación miña de algo que non recordo, exactamente, o comezo da Terceira Guerra Mundial, nuclear, por suposto, e todo iso divisando o edificio de Gaudí, o Palacio Episcopal.

Aquela emoción do final fíxonos acelerar o gozar do instante, carpe diem, e pasamos da poesía ao canto e do canto á poesía, e como queira que ningún dato externo parecía confirmar o estalido do conflito, fomos tranquilizándonos e recitando a ritmo máis plausible á vez que melancólico. Lois era así tamén: próximo, divertido, mordaz, amigo (sen pedir graves papeis de recoñecemento), e poeta, un poeta dun talento inmenso e cósmico, como a mesma noite que se nos ía a anunciando.

Aquilo da UIMP (Universidade Internacional Menéndez Pelayo) foi unha festa, e de alí saín convencido de que a cultura galega, e Galicia en xeral, decidiran salvarse a si mesmas e salvar, de paso, ao mundo. Isto tiña algún fundamento e cumpriuse dalgunha maneira: aquela xeración estalou en cantidade e calidade, e colaborou activamente a cambios substanciais, polo menos en Galicia. O mundo é máis inalcanzable, aínda que tamén se chega.

Que a Real Academia Galega, con moito acerto, recupere a Lois e aos seus textos no próximo Día/Ano das Letras Galegas, non é máis que a expresión dun cambio tamén na magnífica institución: tamén cabe Lois e quen como Lois construíron un relato duro, fermoso e difícil dun mundo non menos duro, fermoso e difícil.

Xa non quedan apenas estudantes galegos en Madrid, afortunadamente, e hoxe teñen na súa terra case todas as carreiras posibles. Pero ao galego-madrileños estruturais deixáronnos na desolación. Por iso escribimos e por iso respiramos: para combatela. Aquela xeración levaba, como Rosalía, "na fronte unha estrela e non bico un cantar".

Lois Pereiro representa a todo aquel mundo, represéntanos aos abatidos, por tanto, e este ano das Letras será tamén o noso ano, e vivirémolo con Lois e con todos aqueles bárbaros do norte que un día ocuparon A Magdalena para levar Galicia ao mundo. E no mundo está, por máis que algúns queiran diluíla no río final dos tempos pasados. Pois non existimos, e facémolo este ano á sombra de Lois.

© El País, 7-VII-2010.

21 de xul. de 2010

Revista de prensa: EL PAÍS

Sinais de identidade

Suso de Toro

Hoxe rematan as Xornadas de Cultura Mariñeira en Muros. Cantos de taberna, pasacalles, corais, secado de peixe, vea tradicional, e rúas engalanadas con barcas e redes para construír un escenario: como era a vida na nosa vila mariñeira mellor conservada. É unha visión idealizada pois se pon en valor as técnicas, a sabedoría, a cultura mariñeira pero loxicamente óbvianse as duras condicións de vida dos mariñeiros, que sempre amaron ser libres pero padeceron a fame e as penurias dos escravos. Idealizamos o noso pasado porque todos necesitamos ter unha boa imaxe de nós, ter unha mala imaxe dun mesmo leva infelicidade e a ser escravo dos demais.

No programa de hoxe está a actuación do grupo folklórico local Galanía ás 20.00 horas. Cando se redactou o programa, quen podía prever que a selección española fora clasificar para a final do mundial de fútbol. Os organizadores non pretenden competir contra esta Roxa, saben que é bastante difícil, e seguramente tampouco ven contradición entre que lle guste a un un espectáculo de folclore galego e tamén lle guste o fútbol. Seguramente tampouco con ver e animar á selección española. Pódelle gustar a un todo.

Tanto un festival folklórico como un partido dunha selección nacional son actos identitarios, celebran a pertenza a unha cultura particular, propia e compartida. O acompañamento que está a facer a sociedade española a esta selección evidentemente é unha celebración masiva dunha identidade española, a bandeira vermella e marela está a ser usada dun xeito natural, xa non é a dos nacionalistas españois senón de cidadáns e cidadás que senten contentos de ser españois. E que España expresa esa selección? Que identidade nacional? Como son eses españois en quen nos vemos representados? Son mozos loitadores, xogan limpo, son fermosos (coa camiseta ou con toalla), teñen sentido de equipo e compañeirismo. O mesmo seleccionador, Del Bosque, é unha persoa culta, educada e digna. Ás veces unha persoa, unha individualidade, expresa a conciencia dun pobo, pero nada representa sociolóxicamente mellor a un país que unha selección de fútbol. Como adoita suceder proceden de familias traballadoras, fillos de gandeiros, traballadores, panadeiros, son dos nosos. Esta selección ten un espírito democrático e nada castizo, o que expresa é o contrario do señoritismo elegante do Barrio de Salamanca. Para maior ofensa, esta selección española é case a selección catalá, moitos cataláns animan á selección vestindo a camiseta do Barça. (Pero vexamos o evidente: é un equipo de homes. Quen representan as nacións con claridade e firmeza seguen sendo os homes, pero ése outro tema).

Esta selección é a gran referencia nacional española e representa un nacionalismo democrático, o que acepta que a España que pode enfrontarse aos ataques especulativos contra a nosa economía ben desde Alemaña ben desde fóra do euro é a que nos integra a todos. Tamén aos cataláns que se manifestaron onte polas rúas de Barcelona, tamén aos vascos, galegos que o desexen. A España que integra a súa diversidade nacional é a que marca golazos de cabeza.

Esa camiseta vermella é unha referencia nacional moi forte. Xunto a iso, os galegos carecemos dalgunha referencia que poida medirse nin de lonxe. Custa sinalar algún éxito individual ou de equipo que podamos sentir como un éxito noso, algo que nos faga sentir orgullo de ser cidadáns galegos. Pero entón, non os hai? Hainos. Hai éxitos económicos, éxitos sociais, artísticos, pero son pezas soltas, fragmentos de nada, non hai unha representación de todo iso como partes dun todo colectivo. A imaxe de nós nos escasos medios de comunicación propios é a dunha sociedade chea de problemas e carencias, todo iso é certo, pero falta aí a representación dos nosos éxitos e dos nosos heroes e heroínas. Necesitamos ver que os nosos talentos se poden realizar aquí, que é un país normal e que a única saída non é emigrar a outro lugar onde prosperar. Igual que os cataláns achegan do seu Can Barça talentos á selección española, estaría ben que puidésemos achegar desde nós un caudal de talento conscientemente galego. A palabra nación é instrumento e arma, deberiamos usala sen medo como instrumento para vivir e convivir.

© El País, 11-VII-2010.

12 de xul. de 2010

Revista de Prensa: EL CORREO GALLEGO


Demagoxia e hipocrisía


Antonio Cendán Fraga

Ninguén coñece mellor que as clases dirixentes as diferentes formas de disfrazarse ante a cidadanía en situacións de crise coma as que se están a vivir. O mellor exemplo acábano de dar os cargos públicos co seu sempre suposto recorte de ingresos. Preténdennos coar un falso exemplo de apertar o cinto cando dan a coñecer os seus sacrificios da forma máis apócrifa e demagóxica posible, tratando a cidadanía de xeito insultante, como se eles fosen os grandes prexudicados pola situación económica.

Pero nada máis lonxe da realidade. Se os cargos públicos accederon aos postos que agora desempeñan lexitimamente, foi por unha decisión persoal súa, aínda que sempre se refuxien en escusas coma o deber da función pública e as obrigas contraídas co electorado. Calquera outro profesional que non se adique ao mundo da política sabe que ten que ter unha vocación a proba de bomba, facendo moi escasas veces públicas as súas reivindicacións e alto nivel de responsabilidade, ou os males que o azoutan, moito máis fortes que os dos cargos públicos que, falando claro, son algúns dos grandes privilexiados desta sociedade.

En vez de darlle tanta publicidade á diminución dos seus salarios, poden elixir outra adicación ou mudar o seu rol social co de moitos cidadáns e así poderían comprobar o divorcio que existe entre eles e o mundo que din representar. Con todo, esas rebaixas salariais, que están arredor do 12 por cento, non deixan de ser simbólicas, tendo en conta que as súas remuneracións salariais medias sitúanse en torno aos 90.000 euros, cando unha familia que ingrese a metade desa cifra se dá cun canto nos dentes.

Porén, os representantes sociais seguirán a contar con suculentas axudas de custo, ademais doutros emolumentos que non os deixará pobres nin terán o máis mínimo problema para chegar a fin de mes. E non é só iso, xa que os actuais cargos que ocupan, a moitos deles serviranlles de trampolín para, chegado o momento, dar o salto á empresa privada, e non polos seus méritos, senón polos grandes contactos que se xeran dende un escano no Hórreo, Madrid ou a poltrona dun concello, que tamén son un valor engadido.

Todo o que estamos a ler na prensa e a escoitar nos medios audiovisuais é a representación dun nefasto melodrama teatral no que os seus actores están magnificamente ensaiados para facer demagoxia da máis barata e do nivel máis rastreiro. A impresión que transmiten é hipócrita e indigna.

1 de xuño de 2010

Revista de Prensa: EL CORREO GALLEGO

O prestixio do ensino público

Antonio Cendán Fraga


Cando as vacas fracas da crise están a afectar a todos os sectores da sociedade galega, dende a Consellería de Educación vénse de cometer un dos moitos despropósitos dende que Xesús Vázquez se fixera cargo deste departamento. Este que debe velar pola formación de dos máis novos, especialmente daqueles que non naceron tan privilexiados coma outros, adícase a favorecer ao ensino privado, aumentando as axudas e subvencións que perciben os herdados por natureza social.


Pero, por se fose pouco, alguén relacionado co actual titular de Educación non ten recato en denigrar ao ensino público e tamén a todos os profesionais que nel exercen unha honrosa labor. Ademais, cabe lembrar que no ámbito da educación privada están os mellores educadores, avaliados por baremos da Consellería e tamén, na meirande parte dos casos, por unha oposición que os habilita para exercer a docencia. Coidamos que é evidente que o señor que cometeu ese grave erro debería, no mellor dos casos, pedir desculpas.

En anos nos que toca apertar o cinto, a educación privada non pode ser un obxectivo prioritario do erario público. Ao contrario, é precisamente a este sector ao que hai que cortarlle parte das axudas que percibe e estimulalo a autofinanciación, xa que é o PP un dos partidos que máis promove a iniciativa privada. Calquera medida que non pase pola regulamentación estrita dos cartos que percibe o ensino privado é nociva para o sistema en si.

Do ensino público, o máis deprimido tradicionalmente, foi de onde saíu unha gran parte da celebridade galega actual. Aí está senón o que fora presidente da Xunta de Galicia Manuel Fraga, que sempre presume de que asistira ao ensino público ao longo de toda a súa dilatada traxectoria académica.

Sen embargo, e polo sorprendente que puidera parecer, os desatinos do equipo de Xesús Vázquez non parecen ser novidosos para ninguén. Á xa tan cacarexada desfeita lingüística, engadíronse outros turbios asuntos coma o impagamento dos comedores escolares ou algo tan grave coma deixar sen ESO a varios concellos, mentres se seguen a satisfacer os caprichos da elite social galega.

A diferenza do que está a suceder, e do que pasou ao longo de varias décadas, o ensino público, ao que asisten os máis desprotexidos tanto económica coma socialmente, debe ser reforzado. É aí onde se debe destinar a maior parte do orzamento educativo, facendo un esforzo para que a súa calidade, que non é tan baixa coma nos queren facer crer, vaia en aumento e para que non se perda nin un só cerebro na Galicia do século XXI.

24 de maio de 2010

Revista de Prensa: EL CORREO GALLEGO


Un debate insulso

Antonio Cendán Fraga

Os vellos comentaristas deportivos definían os partidos de fútbol que eran malos de solemnidade coma insulsos e faltos de respectabilidade para o público. Algo semellante lle vén de ocorrer ao último debate sobre o estado da Autonomía. Consumíronse inutilmente dous días nos que faltaron propostas concretas e lles sobraron florituras e brindes ao sol, algo do que imos sobrados os galegos.

Un dos asuntos que máis me sorprendeu por parte do titular da Xunta foi a proposta de rexuvenecer o país. Esta proposta ese cadra máis vella que o autogoberno galego. O debate demográfico iniciouse nos anos oitenta, pero para desgraza nosa non se tomou en serio. Logo retomouno Fraga Iribarne unha década despois, pero dun xeito que se podería cualificar de trivial pola forma en que o propuxo. Cando se estivo tantos anos no poder e non resolver o principal problema que lle afecta ao país galego denota cando menos unha certa falta de sensibilidade por parte dos que agora teñen de novo o temón do poder, cando eles non son os que predican precisamente co exemplo.

Desgrazadamente, a batalla da demografía perdeuse hai xa moitos anos e agora e case imposible facerlle fronte. O Goberno galego volveu dar de novo unha apatía xeneralizada nos asuntos que directamente lle afectan a Galicia. O peor de todo é a falta de compromiso e a inseguridade que está a amosar tanto a Xunta coma os seus membros.

Nun ano de poder nótase a ausencia total de proxectos serios. Aí están asuntos coma a Lei de Caixas na que o partido que sustenta o Goberno galego se instalou na indefinición, malia contar con apoio case consensuado do Parlamento galego. Están máis pendentes do que diga Madrid ou do que deixe de dicir. A imaxe que se está a transmitir con estes asuntos de cara ao propio país é pobre. Galicia non é ese país idealizado que tan só está na mente do seu presidente. Pola contra, é unha terra duramente afectada pola crise económica, aínda que ninguén lle nega que é un fenómeno global, pero no que un Goberno autónomo tería algo que dicir e tamén que actuar. Notouse a ausencia dunha idea clara sobre o que está a pasar no tecido social galego, o que segue a ser moi alleo para os actuais dirixentes do país. Un debate non deixa de ser iso, pero dende logo era o máis importante do ano. Pero unha vez que vimos cales foron os seus eixos, non é de estrañar que unha gran maioría dos galegos miren con indiferenza a súa clase gobernante, que vive illada nunha gurgulla mentres a cidadanía toma un camiño distinto coma non podía ser doutro xeito.

22 de mar. de 2010

Revista de prensa: EL CORREO GALLEGO

Erario público e moralidade
Antonio Cendán Fraga

Se por algo se debe caracterizar o erario público é pola súa máxima respectabilidade e inviolabilidade. Nunha sinxela palabra, é sagrado. Pero polo que se ve algúns dos deputados máis novos do Parlamento galego, caso do popular Antonio Rodríguez Miranda, non parecen darse por enterados e usan o patrimonio de todos os galegos coma se fose propio. Parece ser que a este parlamentario, resúltanlle insuficientes os 4.000 euros de base que cobra por exercer o seu labor no Hórreo.

A súa actitude non só me parece inmoral e antiética senón tamén insultante. Mentres no país hai máis de 200.000 persoas que carecen de emprego, el dedícase a dilapidar cartos que pertencen a todos os seus paisanos, dos cales máis da metade apáñanse para chegar a fin de mes con menos de mil euros, en tanto que moitas familias pagan relixiosamente os seus impostos, entre eles o de sucesións, que o PP prometera retirar definitivamente pero que segue vixente case un ano despois de que Núñez Feijóo accedera á presidencia da Xunta de Galicia.

No entanto, e por desgraza, a actitude de Rodríguez Miranda non é única nin exclusiva. Coido, que ao igual que pasa na Igrexa Católica cos casos de pederastia, o mellor é tapalos. De feito, os dous grandes grupos parlamentarios convalidaron o salario dos cargos públicos, o que supón toda unha herexía política.

Retomando o asunto que nos ocupa, os responsables públicos galegos, independentemente do cargo que ocupen, deberían ter en conta a sacralidade dos seus actos. Unha simple chamada telefónica de tipo privado ou un folio que se malgaste repercuten directamente na economía de 2.800.000 persoas, ás que permanentemente se lles está a dicir, por activa e por pasiva, que hai que apertar o cinto, pero os que primeiro deben facelo non predican precisamente co exemplo.

Malia o pacto ao que chegaron os grupos da Cámara galega, coido que os gastos de todos cantos exercen o seu labor no ámbito público deberían de estar fiscalizados e estritamente controlados, para evitar que se dilapidase en balde un só céntimo procedente das arcas públicas. Pero o que moito nos tememos é que, acostumados como estamos a que o tesouro público non ten fondo, seguirán a darse perennemente casos coma o de Rodríguez Miranda, aínda que os gurús de quenda digan que hai que tapalos.

Despois de descuberto o caso, o deputado do PP manifestou a súa intención de reintegrar os cartos indebidamente. Pero a intención non basta. Debe facelo canto antes. Tamén cabería lembrarlle a este parlamentario que, pola súa xuventude, debera ser un exemplo de moralidade, facéndonos esquecer vellas prácticas. En calquera país civilizado, un caso semellante ao protagonizado por el non se salda só coa devolución do que non lle pertencía senón que debería ter que dimitir, antes de que fose fulminado.

22 de feb. de 2010

Revista de prensa: XORNAL

Galicia Trilingüe

J. L. Martín-Palacín

Ás veces fanse promesas electorais sen criterio e de xeito improvisado. A mala táctica de pescar votos en río revolto. Núñez Feijóo non daba un can polo éxito da súa campaña (lembremos que non a gañou el, que a perderon os outros), e apuntouse á "Galicia bilingüe" porque estimou que aí había un caladoiro electoral. Cometeu a lixeireza de remover algo que estaba unanimemente pactado na época Fraga. Esa lixeireza levouno á actual lameira.

Cando prometes sen meditar terminas no camiño das ocorrencias. E as ocorrencias constitúen o primeiro banzo das escaleiras que levan á complicación e ao absurdo. É o caso do borrador do decreto sobre as linguas no ensino en Galicia.

Primeira ocorrencia: tirar a pedra e esconder a man. Fas unha enquisa sen rigor científico, para que o resultado dea argumentos para facer o que querías. Como non sabías ben o que querías, convértelo nun borrador para que todo o mundo opine. Opinión baixo a ameaza de que, como tes maioría absoluta, vas terminar facendo oídos xordos ás opinións. Todo o mundo considera (incluído ti) que o borrador xa é o decreto. Cando comezan as queixas e as opinións contrarias, ti dis que non se alborote o persoal, porque isto non é máis que un borrador?

A segunda e máis grave ocorrencia é a de equiparar, á marxe da Constitución, do Estatuto e do propio sentido común, as dúas linguas oficiais co inglés ou outras linguas estranxeiras. Descubrimos unha imposible Galicia trilingüe: non tes profesorado preparado para facer o que propós. E practicas un xeito de contrabando, porque o problema que suscitaches non era o do ensino de linguas en xeral, senón o de equiparación das linguas oficiais. E descobres (non sei en que idioma, por certo) un sistema matemático tan novo que converte a metade no 33%. Si a intención do autor do invento era potenciar máis o galego ou potenciar máis o castelán, saíulle que o que termina potenciando é o inglés. Á conta de restar peso ás linguas oficiais. Todo un galimatías.

É curioso que, cando quere enmascarar ou variar algo no Ensino, o Partido Popular termina "traballando para o inglés". Ocorreulle na Comunidade Valenciana co errado intento de ensinar Educación para a Cidadanía en inglés, e agora quere repetir con máis materias: a terceira parte nada menos.

Pero queda un "máis difícil aínda" na carreira das ocorrencias. Quizá o que ideou a terceira gran ocorrencia pensou que expuña unha medida intelixente, e planeou quitarse do medio á hora das responsabilidades: que decidan os pais. Inventa o movemento asembleario no Ensino. E reparte todas as papeletas para a rifa do caos. E introduce o malestar nos centros de ensino. Imaxinemos que nese movemento asembleario hai un 51% que pensa que hai que dar Ciencias Sociais en Galego, e un 49% que opina o contrario: xa temos dividido o centro practicamente á metade. E así co resto das materias. E para completar o batiburrillo, nun centro daranse unhas materias nun idioma, e no da beira daranse noutro distinto. E como somos, polo menos, trilingües, a falta de concordancia entre centros complícase. E os pais que sentan en minoría, quererán trasladar aos seus fillos a un centro onde se fagan as cousas como eles queren. E non poderán. E incrementarase o malestar.

E como as ocorrencias non só xeran malestar, senón que inspiran ocorrencias, imaxinemos que nun centro se poñan dacordo en que a Lingua Española, por exemplo, ou a Galega, se impartan en inglés. Bo, sei que o autor desta ocurrente proposta pode protestar dicindo que eu quero que o colla o touro. Non é así, aínda que lle vai a coller con toda certeza, porque saíu a tourear de espontáneo. E aos espontáneos, ou os saca a autoridade competente, ou os pilla o touro. E neste caso, a autoridade competente é precisamente a que lle fixo saltar ao rodo.

Este proxecto de Galicia trilingüe falsea a Constitución e o Estatuto, contradi o sentido común, xera o caos e "o que é nefasto para o goberno de Núñez Feijóo" concita a unanimidade de todo tipo de institucións, organizacións, partidos políticos, xuristas e decenas de milleiros de cidadáns, nun claro rexeitamento ao proxecto. E incitou á convocatoria dunha folga xeral maioritariamente secundada, que moi probablemente acabará co proxecto e abrirá unha brecha entre o goberno da Xunta e a sociedade. Para esta viaxe...

22 de xan. de 2010