Amosando publicacións coa etiqueta viviana fernandez. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta viviana fernandez. Amosar todas as publicacións

A Voluptuosidade da Tristeza

Viviana Fernández.-

O poder de sedución da tristeza é innegable porque a tristeza é esa amante apaixonada e fiel que nunca nos abandona e, precisamente por iso, é tan difícil escapulirse dela. E tamén existe o pracer de estar triste, de deixarse arrolar pola doce e relaxante nana da tristura. Non podemos evitar que o paxaro da tristeza voe sobre nós pero si podemos evitar que aniñe no noso peito e namorarnos dela.

De todos os sentimentos coido que a tristeza é o máis íntimo, o máis individual. Se o comparamos con outros sentimentos como o amor, o desexo, a envexa, os celos, veremos que estes necesitan da existencia doutro obxecto ou persoa para existir mentres que a tristeza pode medrar en nós como un tumor sen causa algunha aparente. Por iso é un sentimento tan perigoso, quizais o único que remata en enfermidade, a depresión. Un dos trastornos máis habituais e paralizantes.

En A Voluptuosidade da Tristeza tamén trátase o tema da felicidade. Sempre pensei que nada nos fai tan infelices nin nos frustra tanto como a procura incondicional da felicidade, ese teimar en ser felices custe o que custe. Cuestionámonos continuamente se a nosa vida, o noso traballo, a nosa parella satisfainos e por iso vivimos na permanente insatisfacción e a desconfianza.

Na novela vese como empresas de videncia online lúcranse desta pornografía da tristeza, desta pornografía da insatisfacción. Pero non son só as empresas de esoterismo senón todas aquelas que prometen solucións inmediatas e milagreiras aos nosos problemas, aquelas que nos prometen a felicidade sempre inalcanzable doutro xeito.

Martina, a protagonista da miña novela, é unha muller de carne e óso, complexa, con claroscuros e contradicións. Do mesmo xeito que as miñas universitarias en Taradas, Martina é unha muller valente, fascinante polos seus defectos máis que polas súas virtudes, insaciable na procura da felicidade. Unha antiheroína. Non é un personaxe esperpéntico nin caricaturizado, como tampouco o foron as miñas Taradas, senón un perfil de muller que existe e é real, aínda sen ser representativo.

A Voluptuosidade da Tristeza non é unha novela de acción nin de fogos artificiais, é unha novela psicolóxica onde o principal é a profundidade dos seus personaxes, os sentimentos e emocións que esperta no lector. Non é unha novela de respostas senón de incertezas, non é unha novela doada aínda que se le con moita facilidade porque está pensada para ser gozada e sufrida, para reflectir a inmensa soidade do cidadán do século XXI. É unha novela con vocación de sobrevivir ao tempo e ás modas, de permanecer, non de ser consumida e esquecida como moitos best sellers.

7 de mar. de 2012

Diante do Espello (da Nena Cereixa)

Viviana Fernández García.-*

Descubrinme diante do espello
Curiosa e tenra
Coa braga resgándome a cintura
E o pelo rabuñándome o peito

Vinme cos ollos como lúas
Cravados en pensamentos de cera

Tiven as mans inquedas, bolboretas
Por pasearse por todo o meu corpo
E encherme a vaxina
De fermosos xogos infantís

Ás veces sinto no ventre
Un volcán con febles desexos de froitas silvestres
E perfumes exóticos nos ocos das miñas pernas

O meu pelo adoita enredarse no outono
E tapar un corpo espido sobre o mármore do baño
Cando xogo a quererme só a min



*Viviana Fernández García é a autora de Taradas

23 de nov. de 2010

Amor oceánico (de Vagalume)

Viviana Fernández García*.-

Síntoche cun amor oceánico
Que ás veces tranquilo che cobre e embázache a vista de bicos
Acougado e durmido na alegría do monótono.

Pero ás veces, como o mar, rabúñome de odio
Ou de ganas histéricas de arrincarche a alma
E quedarma para sempre. Para sempre.

Sáeme da xema dos dedos a rabia por non poder estar máis dentro de ti.
Quero penetrarme no teu corpo e chegar até onde o espello che descoñece,
Atravesar a pel, os ósos, as veas
Achegarme ao teu ventre e confundirme contigo

Non me chega con bicarche a boca nin con collerme da túa man ao camiñar
Non durmirei na túa cama. Pero sorríchesme e a miña mente latexa doce.
Cheira a caramelo fervido que se verte sobre mazás

Estou calada
As nubes do teu cuarto camiñan amodo e só desexo durmir e durmirche bicándote

Espertareiche co meu amor oceánico: errando como unha luz sobre os teus ollos
Ou apertando o teu corazón co meu desexo de quererte.



*Viviana Fernández García é a autora de Taradas

9 de nov. de 2010

Sobre as mulleres taradas

Viviana Fernández García.-

Parácheste algunha vez a pensar que ocorrería se fósemos capaces de ler a mente da xente que nos rodea? Con total seguridade descubririamos que aqueles que coñecemos son máis complexos do que pensabamos, máis escuros, máis perigosos. E sentiriamos unha vergoña terrible ao desvelar as nosas pequenas obsesións, complexos e ideas politicamente incorrectas. Sacar á luz o pequeno monstro que habita nas catro protagonistas de Taradas foi o meu obxectivo inicial ao escribir a miña primeira novela, pero a historia evoluciona de xeito imprevisible como nave á deriva, segundo os antollos inimaxinabeis dos antigos deuses gregos.

Taradas é unha historia de sentimentos inefabeis, da arbitrariedade da sorte, do relativismo da bondade ou maldade do home. Porque, non nos enganemos, a normalidade non existe e é tan só unha cuestión estatística, por iso a miña primeira novela está creada a partir de personaxes xenuínos e auténticos. Taradas é pornográfica porque o lector é un mirón que contempla os pensamentos espidos das protagonistas. A relación entre lector e personaxe é íntima e ás veces sórdida. Tamén hai lirismo. Usei todos os recursos ao alcance da miña man para crear personaxes reais, de carne e óso con infancia e familia. Como nun abano de cores, ou nunha escala de sons, non tiven medo de mesturar os graves e os agudos, a linguaxe poética e a vulgar. Esta contradición non só é palpable no estilo senón tamén nos personaxes. As catro mozas teñen zonas de sombra, claroscuros, buracos negros como os do universo nos que non se sabe con exactitude o que ocorre. A xeografía dos meus personaxes inclúe cantiis de mares axitados e encoraxados aos que se asoman con certa frecuencia.

Virginia é unha moza ávida de sensacións, cunha alma inflamable que arde con facilidade, hedonista e dolorosa cun gran apetito polo volátil e o belo.

Carla é a máis romántica e namoriscada. Obsesiva e insegura de alma fluorescente que lampexa con fulgor na noite e permanece durmida e mate durante o día.

Silvia é reflexiva, cunha alma frondosa pero fráxil e unha visión dramática da vida. A súa traxedia é contemplarse como un personaxe secundario da súa propia vida.

Esther é intimidatoria e altiva, descreída porque perdeu a fe en case todo, escéptica e ás veces cruel.

Ao relatar a vida de catro mozas a miúdo pregúntanme se escribín “algo similar a Sexo en Nova York, Mulleres desesperadas ou O diario de Bridget Jones”. Rotundamente non. Taradas é unha novela feminina e fresca pero non frivoliza coas relacións home-muller, nin pon en ridículo aos homes. Ademais as vidas das miñas protagonistas non xiran ao redor dun home. O amor é unha peza máis pero de ningún xeito a máis importante deste quebracabezas. Taradas non é unha obra feminista nin de crítica social. Non hai mensaxe moral, nin unha estrutura clásica con formulación, nó e desenlace. As mozas que retrato non representan á sociedade aínda que sexan modelos relativamente frecuentes nela. Vemos unha mocidade que sente fascinación polo dionisiaco, coa necesidade de atopar o seu sitiño pero que, a diferenza de moitos mozos, non busca a identidade a través dun grupo senón que fai unha carreira en solitario. Tamén hai unha pulsión pola destrución e a morte.

Taradas é para min un experimento. Quería probarme como escritora escribindo sobre o que me gustaba, cunha estrutura orixinal, frases curtas, metáforas nada artificiosas, historias áxiles, cruzadas, moitos personaxes. Cando tiven que escribir unha sinopse fixen o que a maioría dos escritores: simplificar e deshumanizar ás protagonistas, pór etiquetas e tentar dar unha explicación lóxica ás caóticas e veleidosas relacións humanas. Pero se de verdade queres saber de que vai Taradas non terás máis remedio que lela.

Taradas.
Viviana Fernández García.
Barcelona: Carena.
176 pp.

29 de out. de 2010