300 anos da RAE

Redacción.-

Darío Villanueva Prieto, secretario da Real Academia Española, falou o pasado 20 de decembro sobre os 300 anos da institución en Vilalba, un aniversario que comezou a celebrarse o pasado mes de setembro e que rematará no outono de 2014 cunha nova edición do Diccionario de la lengua española. A conferencia tivo lugar na Casa da Cultura, nun acto presentado por Mario Paz González e Manuel Roca Cendán.

As fotos do acto, feitas por Chema Felpeto, poden verse nesta ligazón.

A Voz de Vilalba quere despedir este ano de 2013, no que se cumpliron os 30 anos da súa edición en papel, ofrecendo a todos os seus lectores a posibilidade de escoitar a conferencia de Darío Villanueva nesta ligazón:

31 de dec. de 2013

A fin da crise

Mario Paz González.-

Nunha carta datada o 6 de decembro de 2008, John Maxwell Coetzee comentáballe a Paul Auster as súas opinións acerca da crise económica que, entón, aínda estaba a comezar. Nela recoñecía sentirse desconcertado ante a cantidade abafadora de cifras que manexaban os medios para falar do asunto, pois iso non lle axudaba a entender por que alguén decidira que, de súpeto, todos tiñamos que ser máis pobres. Os números, lamentábase Coetzee, non son máis que unha abstracción, unha convención. E engadía a continuación: “Por que non, pregunto eu, limitámonos a tirar ao lixo esa serie concreta de números, eses números que nos fan infelices e que á fin e ao cabo non reflicten realidade algunha, e inventamos uns números distintos por nós mesmos, talvez uns números que mostren que somos máis ricos que antes?”.

A súa proposta, que o propio Nobel sudafricano non dubidaba en cualificar de inxenua, expuña a mesma pregunta que moitos nos fixemos ao longo destes anos ante o feixe de cifras cambiantes con que adoitan bombardearnos os medios. Se cadra a súa perplexidade ante o descoñecido –e a nosa– non difira da que sentiron os cidadáns alemáns ante a hiperinflación que se produciu no seu país na década dos anos vinte, despois da Gran Guerra. O marco chegou a devaluarse tanto que unha simple barra de pan podía acadar o desorbitado prezo dun millón de marcos e, en poucas horas, o dobre. E a deflación que seguiu provocou que calquera, cuns poucos dólares, puidese mercar unha mazá enteira de edificios, unha fábrica ou saldar débedas millonarias, como lembra Stefan Zweig nas súas memorias, O mundo de onte.

Se cadra esa perplexidade poida ser similar tamén á que sentiu Marco Polo ao descubrir o uso do papel moeda en moitas das transaccións económicas que se facían na China do século XII, mentres en Europa afianzábase o uso da moeda metálica. Grazas a esa antiga tradición instituida desde a dinastía Yuan, tres séculos atrás, Kublai Khan podía, segundo deixou escrito Rustichello da Pisa por ditado do veneciano, “mercar todas as riquezas do mundo”. O que non nos conta no seu Libro das marabillas é que a desmesurada impresión de papel moeda supuxo aos mongoles ter que vivir algún que outro período de hiperinflación e consecuente crise económica similar á da Alemaña de entreguerras.

Pero nin Coetzee, coa súa licenciatura en Matemáticas, nin os expertos actuais ou os da Alemaña de Weimar, ou os sabios que asesoraban a Kublai Khan podían prever os inicios e finais das súas crises ou coñecer os avatares da economía, esa ciencia exacta segundo a cal dúas máis dúas son tres, ou cinco, dependendo de como se mire. Por iso chámame a atención un titular lido o 28 de decembro no que Mariano Rajoy asegura que a crise económica finalizará en 2014. Descartando que sexa unha inocentada, ao escoitalo non podo evitar lembrar unhas palabras de José Luis Sampedro ditas cando aínda viviamos en tempos de bonanza. Dicía o economista e escritor que a situación de entón era unha pura ficción, pois quen mandaba de verdade eran os amos do diñeiro, non os políticos, os cales non tiñan ningún poder real, simplemente estaban aí para evitar que a cousa non se descontrolara máis da conta.

Sen dúbida, chegará algún momento no que remate a crise, a económica. O peor é pensar en cando rematarán esas outras crises xurdidas ao amparo dela, xustificadas por ela. Refírome á crise social, coa perda crecente de dereitos dos cidadáns e o ataque directo na liña de flotación dunha clase media agora adelgazada e tocada sen remedio. Ou a crise política, igualmente perniciosa, co descrédito dos partidos e as institucións. Unha situación similar foi a que provocou, non o esquezamos, o auxe dos totalitarismos no período de entreguerras no primeiro terzo do século XX.

29 de dec. de 2013

Ciclo de cine euroárabe Amal en Vilalba

Redacción.-

Os días 26, 29 e 30 deste mes terá lugar un CICLO DE CINE organizado polas xuventudes socialistas de Vilalba. Todas as proxeccións terán lugar ás 20:30 horas no salón de actos do Instituto Santiago Basanta Silva con entrada totalmente GRATUITA.

Proxectaranse neses días tres filmes do Festival de Cine Euroárabe Amal, organizado pola Fundación Araguaney. A súa prioridade fundamental é promover o intercambio cultural entre España, América Latina e o Mundo árabe, cunha clara vocación universal. Despois de dez anos celebrando este festival, conta cunha das máis extensas videotecas de cine de orixe e temática árabe.

Xa que logo, dende o ano 2003, Amal ofrece a espectadores e espectadoras de todas as idades a posibilidade de acceder a un cine que non chega ós circuítos comerciais pola falta de distribución, fomentando deste xeito unha inmersión integral na cultura árabe, tan próxima e afastada ao mesmo tempo.
Nós tamen queremos contribuir a difuminar esa liña que separa culturas e incluso as xerarquiza, gustaríanos que as iniciativas con menos recursos tamén foran valoradas, e consideramos que con este ciclo de cine os vilalbeses e todos aqueles que queiran vir poderemos coñecer a través da pantalla unha cultura distinta.

  • Onte xoves 26 proxectouse “Rabat”: Nadir, Abdel e Zakaria son tres amigos que poñen rumbo a Marrocos desde Holanda para cumprir cun favor aparentemente sinxelo: entregar o taxi do pai de Nadir ao home que o mercou. Durante o camiño vivirán situacións inesperadas e encontros con persoas que marcarán as súas decisións. Rabat non só fala da amizade dos tres mozos, senón tamén do conflito entre os valores de modernidade e tradición que vive a poboación inmigrante nas sociedades occidentais.
  • O domingo 29, “Le thé ou l´electricité”: é a historia da modernización dunha pequena vila illada no corazón do Alto Atlas marroquí. No proceso enfróntanse dúas visións de futuro: mentres uns pensan que o progreso pasa pola construción dunha estrada, outros apostan pola chegada da electricidade. Pronto se decatan do complicado que resultará chegar a un acordo.
  • Finalmente, o luns 30, “Bromas aparte”: Convencida de que o humor non ten fronteiras, unha realizadora lánzase, nun periplo nada habitual, en busca do humor en Cisxordania. Chistes, comentarios políticos burlóns e anécdotas do cotián, somérxena nun dos conflitos máis complexos da actualidade, onde ademais de controis e barreiras, tamén existe un espazo para as brincadeiras.

27 de dec. de 2013

Entrega do Premio Rodríguez Figueiredo

Redacción.-

O Premio Modesto Rodríguez Figueiredo foille outorgado este ano a María Cristina Pavón Mauriz (na imaxe), de Vigo, pola súa obra 'Cara a Tiananmen square'. Correspondéronlles accesit a Clara Isabel Rodríguez Giraldez, tamén da cidade da oliveira, pola obra 'Art de Có', e a Rubén Anido Regueiro, do municipio coruñés de Sada, pola obra 'O cabaleiro, a dama e o dragón'.

Os premios entregaranse o día 28 deste mes de decembro, ás doce e media da mañá, na Casa da Cultura do concello de Maside, na provincia de Ourense.

26 de dec. de 2013

Humor

24 de dec. de 2013

Gil Heitor Cortesão. Reversos n'A Coruña

Redacción.-

O venres 20 de decembro ás 19.00 inaugúrouse "Gil Heitor Cortesão. Reversos", a primeira mostra individual do coñecido artista portugués no noso país. Nela exponse o traballo máis recente do artista, unha selección de obras de gran formato entre as que se atopan traballos inéditos que se expoñen por primeira vez con motivo da cita coruñesa. A exposición, comisariada por Mónica Maneiro, poderá verse até o 23 de febreiro.

Gil Heitor Cortesão é un pintor peculiar dentro da escena contemporánea. O seu traballo caracterízase e diferenza polo seu particular uso da técnica da reverse glass painting. Na súa obra o metacrilato convértese en superficie para a pintura en substitución do lenzo e o traballo pictórico ha de ser realizado desde atrás da fronteira que a superficie do metacrilato establece co espectador. Temáticamente, a arquitectura eríxese como espazo protagonista na obra. A visión da arquitectura volve diálogo esencial o motivo da casa imaxinada, como espazo ideal, como eco do movemento moderno. A súa pintura armar como unha memoria social da época desde a modernidade, en relación ao arquitectónico e os seus desprazamentos.

Gil Heitor Cortesão é un dos artistas portugueses máis singulares e significativos da súa xeración. A orixinalidade do seu traballo e a complexidade do seu proceso pictórico levoulle a un rápido recoñecemento. Entre as súas exposicións individuais destaca Mnémopolis, celebrada na Fundación Calouste Gulbenkian-Centro de Arte Moderna de Lisboa ou Rosas Azuis no Museo Botánico de Lisboa. O traballo de Gil Heitor Cortesão está presente en coleccións como a Colección Fundación ARCO, Fundación Barrié, Fundação Calouste Gulbenkian, EDP-Electricidade de Portugal, Fundação PLMJ, Colección António Cachola, Fundação Ilidio Pinho ou Fundação de Serralves, entre outras.

22 de dec. de 2013

O profesor Unrat e o Dr. Alveiros

Redacción.-

Mañá luns 23 de decembro ás 12:00 preséntase no "El Cercano" a tradución a galego da novela de Heinrich Mann O profesor Unrat. A tradución do alemán foi realizada por Paz Huete, Profesora de lingua galega na Universidade Christiana Albertina de Kiel.

Esta tradución enmárcase no proxecto da Fundación Vicente Risco de traducir a galego obras de autores doutras linguas, e traducir a esas linguas a obra de Vicente Risco. Nesta liña, Profesor Unrat é o segundo traballo da Fundación, sendo o primeiro a tradución de Pan Negro, edición que inclúe a versión orixinal do filme baseado na obra de Emili Teixidor, subtitulado en galego.

A Fundación Vicente Risco ten traducido Dédalus en Compostela a alemán, francés, ingés e casteán. Tamén acaba de editar a edición catalá de O proo de pé, que inclúe Os europeos en Abrantes e Do caso que ll'acontceu ao DR. Alveiros. Tradución realizada por Eduard del Castillo.

Do caso que lle aconteceu ao Dr. Alveiros
Tamén mañá luns 23 de decembro ás 20:30 horas, na Cada da Cultura de Allariz, terá lugar a estrea da mediametraxe (57') Do caso que lle acontceu ao Dr. Alveiros, unha coprodución con Visual-q que conta co apoio da Televisión de Galicia.

Este proxecto enmárcase na poíitica da Fundación Viente Risco de presentar baixo formatos actuais a obra de don Vicente. As versións en Banda Deseñada de O lobo da xente, A vellia vella ou Dédalus en Compostela (en fase de produción). Ou a produción de O xuízo a Romasanta e o documental Galiza emerxente, preceden a este traballo.

Velada literaria con Darío Villanueva

Redacción.- O filólogo Darío Villanueva, actual secretario da Real Academia Española, disertou onte pola tarde en Vilalba sobre a conmemoración do tricentenario da entidade, "unha celebración inescusable", nas súas verbas, atendendo a que anteriormente determinadas circunstancias históricas -tanto en 1813 como en 1913- impediron levar a bo termo o aniversario da RAE. 

O acto tivo lugar a partir das 20:30 horas na Casa da Cultura de Vilalba, onde se deron cita máis de cen persoas para escoitar a conferencia do académico, que foi presentado por Mario Paz González, co-editor do noso xornal, e por Manuel Roca Cendán, membro da xunta directiva do Instituto de Estudos Chairegos "Pena do Encanto". Entre o público, ademáis de vellos amigos, veciños e familiares do protagonista da velada,  derónse cita numerosas caras coñecidas: o alcalde Xerardo Criado Guizán, os representantes do PSdeG-PSOE e do BNG, Eduardo Vidal Baamonde e Félix Jorquera Caselas; o ex-presidente do Parlamento de Galicia, Xosé María García Leira; o deputado popular Agustín Baamonde; o presidente da Coral Polifónica Vilalbesa, Alfonso Baamonde García; os poetas María Xosé Lamas, Martiño Maseda e Uxío García Amor, varios membros das directivas das entidades organizadoras do evento e outras persoas de fora da bisbarra que non quixeron perder a oportunidade de escoitar o verbo fácil do académico e ex-rector da Universidade de Santiago de Compostela.

Fundada en 1713 por Juan Manuel Fernández Pacheco, a Real Academia deu o pistoletazo de saída á programación conmemorativa o pasado 26 de setembro, coa inauguración da mostra "La lengua y la palabra", instalada na sede da Biblioteca Nacional en Madrid. Os eventos continuarán en 2014, coincidindo tamén co tricentenario da Real Cédula outorgada por Felipe V, considerada "o verdadeiro documento fundacional da institución", como lembrou onte Villanueva. 

21 de dec. de 2013

Alcaldes idiotas

Xosé Manuel Pacho.-

Auga seca, noite crara, intelixencia militar… Velaí expresións que van máis alá da propia definición de conceptos que son en si mesmos opostos. Desa mextura nace, unha nova expresión. Como aquela que dicía Jesulín de Ubrique ao comparar todo o que vía no mundo cun touro. Para nós, im prezionante, claro.

E a política provincial en Galiza xoga sempre nesa ambivalencia semántica. Entre contradicións e obviedades, entre oxímorons e pleonasmos. Que cada un elixa.

Falar de transparencia despois de que o teu pai te deixe en herdanza o posto, e non falo aquí da Casa Real, é unha contradición tan grande como falar de democracia de partidos. Pero non é estraño. En Galiza estamos afeitos a isto e a moito máis. Temos que aturar que Vendex en Ourense, en Lugo, en Santiago, retire vehículos mentres os tribunais investigan se a propia Vendex actuou legal ou ilegalemente na concesión da grúa. Entrementres, iso si, hai que aparcar ben, non vaia ser o demo.

Contradición por contracción, observo estupefacto como na nosa realidade, no noso país de enanos, como dixera Celso Emilio, hai unha figura que destaca por enriba de todos. O Alcalde.

Sinónimo de deus, e polo tanto escrito con maíuscula, actúa como se o mundo xirase o seu redor e como se nós, os cidadáns, fosemos sinxelamente súbditos. Falar de educación, de respeto, de servizo aos demais é absurdo. E así, día tras día, os máis de trescentos deuses dos nosos concellos outorgan prebendas e lanzan castigos a capricho. Por iso, falar de alcades idiotas é un pleonasmo que define moi ben o noso mundo.

Así tamén, lendo a entrevista que un amigo lle facía a un político polo día da constitución, reafírmame en que a idiotez non é patrimonio só dos alcaldes, tamén hai políticos idiotas. Por haber, ata habería cidadáns idiotas. Máis aínda, é un síntoma do noso tempo. Dun tempo cínico, que mantivo vinte e sete anos exactos en prisión a Nelson Mandela, sen que a case ninguén lle importase; para que agora todos se suban ao carro. Pero iso é outra historia.




Villanueva falará en Vilalba sobre a RAE

Redacción.- Darío Villanueva Prieto, secretario da Real Academia Española, falará sobre os 300 anos da institución en Vilalba, un aniversario que comezou a celebrarse o pasado mes de setembro e que rematará no outono de 2014 cunha nova edición do Diccionario de la lengua española. A conferencia terá lugar o vindeiro venres 20 de decembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura. O académico será presentado por Mario Paz González, co-editor do xornal A Voz de Vilalba, e por Manuel Roca Cendán, membro da xunta directiva do Instituto de Estudos Chairegos “Pena do Encanto”.

Nado en Vilalba no ano 1950, Darío Villanueva é na actualidade un dous principais teóricos e críticos literarios do Estado español. Fillo de asturiano e galega, a súa infancia transcurriu entre Luarca e Vilalba. Os seus estudos de bacharelato desenvolvéronse en Lugo, onde se trasladara a súa familia, que desde 1970 fixou definitivamente a súa residencia en A Coruña.

Este ilustre vilalbés é profesor da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, como  Catedrático de Teoría da literatura e Literatura comparada. E desde 2007, pertence á Real Academia Española, ocupando o sillón da letra D; o seu discurso de ingreso, lido o 8 de xuño de 2008, versaba sobre "O Quixote antes do cinema".

É membro da Asociación Internacional de Hispanistas, da Sociedade Española de Literatura Xeral e Comparada -da que é Presidente-, da Asociación Española de Teoría da literatura (ASETEL) -que presidiu entre 1996 e 2001- da Sociedade Española de Semiótica e da Twentieth Century Spanish Association of America. Foi Secretario e posteriormente Decano da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela entre 1978 e 1990. En xuño de 1994 produciuse a súa elección como Rector desta e en maio de 1998 a súa reelección para un segundo e derradeiro mandato de catro anos.

Asemade, Villanueva foi Profesor visitante da Escola española de Middlebury College (Vermont) en 1987; nos outonos de 1988 e 1993 da Universidade de Colorado en Boulder, a cuxo claustro pertence desde 1989 en calidade de Catedrático adxunto; e entre 1989 e 1991 da Universidade de Borgoña (Dijon). Durante máis de corenta anos escribiu en publicacións xeralistas e especializadas, destacando o seu labor como crítico literario do suplemento El Cultural do diario El Mundo.

18 de dec. de 2013

O venres 20 actúa o Circo Cair en Vilalba


Redacción.-

O IES Basanta Silva e o Instituto de Estudos Chairegos colaboran na presentación do Circo Cair en Vilalba.
CAIR é un espectáculo de circo e acrobacias onde accións sinxelas e cotiás derivan en coreografías acrobáticas, excéntricas, con continuos golpes e caídas caóticas que contratan con coreografías visuais de danza e malabar.
A emoción e o risco súmanse ao humor. O absurdo, o sinxelo e o universal están presentes nas disparatadas rutinas do circo.
Catro persoaxes aparecen en escena, non falan, están á espera, sorpréndense cando se ven, pero coñécense dende toda a vida. Imítanse, xogan, divertíndose todos a unha.
Chaman á porta do humor para ridiculizarse, danzan con pisotóns e perséguense arriscando a súa vida por un maletín sen sequera coñecer o seu contido.
Un espectáculo construído cunha dramaturxia non lineal que cada espectador vivirá, interpretará e rirá dunha forma persoal e diferente.


Venres día 20 de decembro.
Ás 12,30 no IES Basanta Silva dirixido ó alumnado deste Centro.
Ás 6 da tarde no Auditorio para tódolos públicos, especialmente para o alumnado de Infantil e Primaria.

FICHA ARTÍSTICA
Elenco: Óscar Páez, Alejandro Costas, Airiñe Azkue, Santiago Montero.
Dirección – Creación: Natalia Outeiro (Pajarito)
Técnica: Clown e circo.
Duración: 60 minutos.
Público: todas as idades.



Actividades o 20 e o 21 na Casa das Insuas

Redacción.-

O vindeiro venres 20 de decembro ás 20:30 h. no C.E.N Casa das Insuas presentación do libro "Aves de la España Atlántico" a cargo de Luis Mario Arce, autor, ornitólogo e periodista especializado en natureza.

Achegamos cartel anunciador do evento.

Recordade que o mesmo día, previamente á presentación, desenvolverase a xornada "Conservación e Xestión de Humidais no Complexo Humido da Terra Chá".

Humidais e cabalo de Monte
Os vindeiros 20 e 21 de decembro desenvolveranse dúas interesantes xornadas no C.E.N Casa das Insuas, que esperamos sexan do voso interese.
Venres, 20 de decembro de 2013: CONSERVACIÓN E XESTIÓN DE HUMIDAIS NO COMPLEXO HÚMIDO DA TERRA CHÁ.
Sábado, 21 de decembro de 2013: O CABALO SALVAXE EN GALICIA.
Estas xornadas inclúense no ciclo de actividades de inverno organizado pola Deputación Provincial de Lugo coa colaboración da AGCT, Casa das Insuas, Numenius e Concello de Rábade. Podedes inscribirvos aquí.
Achegamos carteis divulgativos das xornadas.

María Lamas recolleu o Arume de poesía

Redacción.- Esta tarde a poeta chairega María Xosé Lamas, colaboradora de A Voz de Vilalba, recibiu o premio Arume de poesía, convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas. Foi no decurso dun emotivo acto que comezou ás cinco da tarde na parroquia de Gres (Vila de Cruces), onde se atopa a sede da entidade. A obra Cantigas para aprender a soñar impúxose entre a ducia de traballos presentados ao certame e, segundo explicou a propia autora, "é un poemario que leva escrito varios anos. Os versos están redactados dunha forma moi sinxela e tamén musicable, para que resulten atractivos para os nenos". A obra ganadora publicarase en Edicións Embora, como lembrou hoxe Xosé Neira Vilas, presidente da fundación que leva o seu nome.

María Lamas é consciente da necesidade de letras coas que se poidan motivar aos nenos. Por iso, con esta obra non só dispón -e ofrece a todos os docentes- dun bo material didáctico, senón que, dalgún modo, "puiden regresar á miña nenez". O xurado tivo en conta o contido dos poemas, centrado nas estacións do ano, os meses e os astros, así como a súa "coherencia interna e a emoción lírica que emana de todos e cada un deles", como indica a acta do tribunal, integrado polo escritor Xosé Neira Vilas (presidente da fundación que convoca o premio), Juan Andrés Fernández Castro, Rosalía Morlán e Luís Reimóndez (secretario da mesma entidade). Ademais destas características, nalgunhas das composicións tamén se coan refrans, outro bo material para aprender.

Lamas recolleu o galardón catro anos despois de que se representase en Gres unha peza teatral da súa autoría, lembrando a escola de Doloriñas. O xurado tamén concedeu menciones de honra a Cando as follas voan, de Antón Cortizas, e a o Libro dos medos que non son, de María Canosa, e Versos e bicos, de Xosé Luna. 

15 de dec. de 2013

Pola salvación do Museo do Pobo

http://www.museodopobo.es/nova.php?idnova=123
Redacción.-

Bo exemplo é o Museo do Pobo Galego para describir o estado da cultura galega. Síntomas de crise, síntomas de fame, nestes tempos nos que as institucións culturais son vítimas dos recortes provocados por unha visión da cultura como algo secundario.
O Padroado do Museo, consciente de que os socios e socias constitúen a súa base social, considera preciso "reforzar o museo como institución de toda a sociedade galega como referente dos elementos de identidade que nos definen como pobo".
Nesa liña arrincan cunha campaña de ampliación de socios, coa intención de alcanzar 500 novas inscricións para finais de 2014.
E aí, a rede da Asociación de Medios en Galego quere poñer o seu grao de area e apoia á campaña cunha acción informativa conxunta.


Da importancia de cada socio
Si coas súas cotas a contribución ao mantemento económico é importante non o é menos a súa función de inserir o museo na sociedade galega, dándolle a vez pluralidade, independencia e fortaleza coma institución.
Así, o reforzamento do Museo do Pobo Galego só pode vir dunha maior implicación na sociedade galega a través dos socios e socias, polo que canto maior sexa o seu número e a súa participación na vida do museo, máis se conseguirá un museo forte, independente e plural, un museo máis "noso".
Suma un socio, multiplica o teu apoio
A Campaña de Ampliación de Socios inclúe unha flexibilización dos pagos, para facer máis fácil o achegamento de novos socios.
Están a habilitar unha ferramenta para a solicitude en liña. Mentres tanto, o boletín de inscrición pódese descargar en .pdf no navegador ou solicitalo ao correo electrónico socios@museodopobo.com.

Máis información:

Museo do Pobo Galego: Campaña de Ampliación de Socios.

Benvida a revista 'Luzes'

Redacción.-

Esta mesma semana acaba de ver a luz a revista Luzes e pode considerarse unha boa nova para o sector da comunicación. O bo arranque xa se anticipou cos 200 exemplares vendidos no stand do Culturgal, en Pontevedra. Tamén cos 700 subscriptores que se sumaron case a cegas á proposta feita ademais a través da rede. E, por se fose pouco, cos más de 1.700 exemplares vendidos ao longo da semana. Desde avozdevilalba enviámoslles os máis que merecidos parabéns aos seus directores, Xosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas, que apostan por este novo proxecto herdeiro daquela La Naval dos oitenta ou daquelas Luzes de Galicia dos oitenta e noventa.

Con Iago Martínez como coordinador, e colaboracións, entre outros, de Santiago Jaureguizar, Agustín Fernández Paz, Manuel Jabois, Montse Dopico ou Diego E. Barros, e un amplo comité de redacción non limitado só a xornalistas (coa presenza de Julio Gómez, Juan Janeiro, Antón Lado, Tati Mancebo, Manuel M. Barreiro, Belén Regueira, José Manuel Sande e María Yáñez) a revista aposta dun xeito moi exixente pola palabra, polas historias, polos contidos, polo papel, polo rigor informativo, xornalístico e, mesmo, literario, pois xunto á reportaxe, inserta ensaio, narración, poesía.

Cómpre salientar, malia todo, que trátase dunha aposta Valente e necesaria, nuns tempos como os actuais nos que (líase na prensa esta mesma semana), segundo os datos do informe da Asociación de la Prensa de Madrid (APM), a crise económica, unida aos efectos da dixitalización, fixo que, entre 2008 e 2013 fecharan 284 medios (73 nos dez primeiros meses deste año), destruíndo 11.151 postos de traballo (4.424 neste mesmo exercicio). Ese mesmo informe recollía o dato de que son, precisamente, as revistas o sector máis erosionado (desapareceron 182 títulos). Malia iso, ese mesmo informe di que as perspectivas que se agardan para o 2014 non son tan negativas e moitos desexan que iso sexa así.

Desde avozvilalba.com desexamos unha longa vida a Luzes, que veu alumar ese mundo cada vez máis desértico e menos plural dos mass-media co seu facho de creatividade e rigor. Longa vida.

14 de dec. de 2013

Perlío no pasado

Redacción.-

Sabemos que os libros, aínda que pequenos en tamaño, son capaces de gardar nas súas páxinas universos enteiros. Do mesmo xeito, un pequeno territorio, apenas unha parroquia galega pode darlle abeiro a unha gran historia e ser o xermolo dunha das industrias máis importantes do país e do Estado, Astano. “Perlío no pasado” é o nome do volume que recolle fitos, datos, anécdotas, persoas, imaxes e toda canta memoria se conserva dese lugar do municipio coruñés de Fene. "O último capítulo é a rotura da Ponte das Pías, cando colidíu o Discoverer Enterprise, e empeza co castro de Cardoeiro, onde está a Igrexa de Perlío", sintetiza María Xesús Arias, unha das autoras do volume. A obra busca financiamento solidario para a súa edición a través da plataforma web Verkami.

"Os datos máis remotos de Perlío aos que chegamos na nosa investigación son do século XI, mais esa altura non era o que hoxe entendemos territorialmente falando", explica Arias. A partir de aí detállase a evolución física e social da poboación, con atención á transformación demográfica. Habitaban en Perlío 159 veciños a mediados do século XIX. Dos anos 40 ao 60 do século XX, "o estaleiro de Ramón Aguilar véndese a Astano e multiplícase a poboación". Faino de xeito exponencial, chegando a haber máis de 1.500 residentes na parroquia.

Esa sociedade fenesa asóciase e dinamízase a través do Círculo de Perlío que, devagar, nos anos 70 vai transformar as súas actividades de lecer nunha programación de impacto cultural: "Vas vendo os libros de actas de quen pasou por alí e é incrible", explica María Xesús Arias, destacando o paso de autores galegos como Eduardo Blanco Amor ou Uxío Novoneyra.

A recadacións das achegas solidarias en Verkami para "Perlío no pasado" adicaranse a financiar á impresión da obra e sufragar o envío do libro a todos os doadores.

Exposición de María Leal

Redacción.-

Hoxe venres, 13 de decembro, ás 20:30 horas, na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba, o IESCHA organiza o acto de inauguración da Exposición da pintora vilalbesa DOLORES LEAL e que se poderá contemplar ata o día 11 de xaneiro de 2014 dentro do horario do Auditorio.

"Emocións a cachón. Así é como se podería definir o traballo de Maria Dolores Leal. Nacida na pequena localidade de Villalba (Lugo), esta galega sentiu, dende sempre, a chamada da pintura, "que non do debuxo", tal e como ela mesma recalca en repetidas ocasións.

O seu foi un percorrido de autoaprendizaxe no que á pintura se refire, sen dúbida, froito da paixón que sempre sementou nela esta arte. Comezou a principios dos 90 investigando no mundo dos impresionistas franceses sentindo especial admiración por aqueles que eran máis bohemios e cuxas vidas eran máis tráxicas. Pero non obstante, neste contexto, Maria Dolores Leal asegura que foi o pre-abstracto Vassili Kandinsky o seu primeiro "guía" e "mentor" no mundo da pintura, dominando desta forma a técnica do óleo. Se ben é certo, que esta última a deixou de utilizar para as súas posteriores obras, non descartando a posibilidade de volver utilizala.
As súas obras son xeralmente coloristas e dunha viveza de sentimentos indescritible. Podendo dicirse que deles xorde o seu mundo interior máis oculto. Non obstante, o espírito do tráxico ou a tristura están presentes en moitas das súas obras, sendo a cor negra utilizada na maioría delas pois, tal e como a propia autora afirma “Non podo dar por finalizada unha obra sen darlle o toque de negro e cheguei á conclusión de que representa a fina capa de amargura que recobre cada acto vital e cada sentimento”. (…)"
(Tradución da biografía escrita por Noelia Jiménez González – Periodista) (http://www.mariadoloresleal.com/)

"Todo proceso creativo e artístico está rexido por instantes, momentos, variantes froito da propia introspección, froito do propio devir que fan que o artista se encamiñe por unhas vías ou outras dando renda solta a sentimentos e emocións, dando substancial resposta a todo un conxunto de necesidades transmisoras que o ser ten e cuxa saída haxa na correcta plasmación do sentido.

A devandita plasmación ten os seus momentos, os seus tratamentos e medios, ten todo un proceso de afianzamento de estilo e técnica no que o autor se serve dunha intensa busca como baza fundamental para facer que un concepto pretendido se erixa en elemento principal do traballo, dando así a este o valor pretendido.

MARÍA DOLORES LEAL válese desta busca para realizar unha básica introspección de si mesma, un indagar en todo aquilo que supón o seu devir polo mundo, as súas circunstancias e a súa postura ante elas.

O proceso é claro, da anterioridade baseada en certo desenvolvemento cubista pasa a un presente no que a súa obra veñen rexida por unha uniforme investigación do abstracto, por unha contínua flutuación dentro dun cosmos alegórico no que acontecen submundo imaxinarios, os cales pasan a mostrar unha parte substancial da plenitude do concepto, unha parte como fiel reflexo dun instante gravado na memoria da autora e recreado para o efecto por descontinuidades coloristas que se mesturan como querendo dar movemento á acción plasmada, como presentando un modelo de ambientación no que a característica primordial é a liberdade que se deixa ao espectador para que este porponga o desenvolvemento temático desexado, para que este escudriñe no oculto do espírito de Leal, para dar variadas respostas a unha mesma transmisión significativa."

(Tradución da crítica de FRANCISCO ARROYO CEBALLOS - Asociación Española de Críticos de Arte) (http://www.mariadoloresleal.com/)

13 de dec. de 2013

Un Día das Artes Galegas é posible

Redacción.-

Un grupo de cidadáns de Vigo agrupados no Colectivo A Naves dás Ideas, que redactou un manifesto que reclama por terceiro ano consecutivo a celebración do Día dás Artes Galegas, adícallo este ano ao músico Xesús Bal y Gay. Como recoñecemento, ao longo do vindeiro 14 de decembro, celebraranse en Vigo diversos actos na súa honra no Bar Hipólito, de Castrelos

 O Colectivo A Nave dás Ideas anima aos galegos a defender a súa cultura e arte. Como dicía o seu manifesto lido o ano pasado, e que foi asinado por 14 personalidades galegas (entre as que se atopan Manuel Rivas, Menchu Lamas, Abe Rábade, Aíd, Iolanda Zúñiga e Francisco Leiro): "Concibimos ou sempre dificilmente delimitable territorio dá arte como aquilo que abranque desde a artesanía ata ou deseño industrial, recollendo toda expresión artística sexa cal for. (...) Por iso, facemos a reclamación global do Día dás Artes Galegas". Os pasados anos os homenaxeados foron o pintor Urbano Lugrís e a carismática actriz María Casares.


12 de dec. de 2013

Nova tenda on-line de DARDO

Redacción.-

A editorial DARDO presenta a súa nova tenda online. Cun deseño renovado, que facilita a consulta do catálogo e permite acceder directamente ás publicacións máis recentes, facilitando a procura mediante a división en coleccións. Para consultalo só hai que acceder a través da seguinte ligazón: http://www.dardo-ds.com/dardo/dardostore

Entre as novidades editoriais, destaca 2014. Antes de irse. 40 ideas sobre a pintura, un libro que reúne as propostas pictóricas de 40 artistas españois ou residentes en España, capaces de redefinir o que hoxe entendemos por pintura contemporánea. David Barro debuxa nel, con actitude historicista, un contexto que revela os rostros da pintura ao longo das últimas décadas, para máis adiante infiltrarse no estudo e a obra de cada artista.

Outra novidade é a nova colección "Amanuense", que se inicia co ronsel do samurái [unha poética], un libro escrito e debuxado a catro mans, inverso a como adoita ser habitual; aquí foron os debuxos da serie "Os 47 Ronin" (2012) de Jesús Zurita o punto de partida desde o que naceron os primeiros poemas de Omar-Pascual Castillo.

DARDOmagazine
Tamén está dispoñible o número 23 de DARDOmagazine. En este, Fernando Agrasar realiza un repaso pola arquitectura de Cuqui Batista, Juan Canela achéganos ao proxecto "Campo dentro" e Mónica Maneiro á obra híbrida de Didier Faustino. Tamén se inclúen entrevistas a Gerardo Mosquera ou Ricardo Basbaum. Ademais, analízanse propostas expositivas e coméntanse novidades editoriais e de deseño sempre interesantes, entre outras moitas cousas.

"Siniestro Total" no Parlamento

Xulio Xiz.-

Os da radio temos unha querencia especial polos títulos de cancións, que utilizamos – coido que con toda razón- como citas literarias. Máis os do meu tempo, que daquela se presentaban todas as cancións con título e intérprete.

Hai uns días producíuse unha mención destas no Parlamento de Galicia que se non fixo mover as columnas da Cámara, si alterou o seu ritmo, xa que mentras os do PP aplaudían con fervor, a oposición quedou pasmada, pero peor foi a Presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, que descoñecía que Siniestro Total lle dedicou hai xa ben anos unha canción ao Ayatolá Jomeini, co título de “Ayatola, no me toques la pirola”.

Quen utilizou este título foi o deputado do PP, voceiro nos temas de Cultura, Educación e Comunicación, Agustín Baamonde, Tito para os amigos, anterior alcalde de Vilalba.

Cenei ao seu lado hai uns días, na celebración que a Polifónica vilalbesa facía da padroa da música, e puidemos comentar amplamente este acontecemento político-musical, que asombrou mesmo aos comentaristas políticos, afeitos como están a que esta persoa de talante pacífico e ampla formación xurídica utilice citas de escritores e políticos de todos os tempos para darlle altura aos debates nos que intervén.

Nesta ocasión falábase dos medios públicos de comunicación de Galicia, tema no que ningún Partido político é inocente mentras non o demostre coa súa actividade pública, porque cada forza gobernante elixe aos directores dos medios e, alomenos ata agora, contrataba os profesionais que mellor consideraba que podían levar adiante a tarefa informativa.

Os de Siniestro total interpretaron esta canción por primeira vez en 1981, nun recital nos Salesianos en Vigo, presentados por Antón Reixa. Os Salesianos botáronse a temblar. Pouco podían imaxinar uns e outros que o título desta canción –nacida cando en Irán botaron ao Sha e Jomeini entrou en escea – chegaría ao Parlamento onde, por certo, sempre se di que deben entrar os temas e os xeitos da xente da rúa.

Cabe supoñer que a Presidenta do Parlamento, que agora xa sabe que foi e que significou Siniestro Total, segue alucinada pola última cita literaria, por agora, de Agustín Baamonde.

11 de dec. de 2013