Hipsters

Alba Sofía Naseiro.-

Andaba eu a camiñar cunha amiga -non, aínda que pode parecer unha referencia ao amigo Antón do noso Bernardo, non ten nada que ver-, cando me preguntou “Por qué odias aos hipsters?” Para quen non o sepa, os hipsters -tamén denominados modernos- son unha especie de nova tribu urbana definida, non por unha característica que os fai peculiares, senón por apuntarse a calquera moda peculiar. Ser diferente por vocación. Levar a contraria por que si.

Eu non odio a ningún colectivo: esa foi a miña reposta. Pero é verdade que a este colectivo non o tomo en serio como podo tomar outras manifestacións de cultura ou contracultura xuvenil. A razón? Carecen de fondo. Isto é, dunha ideoloxía e duns valores propios, pois a única filosofía común é a do carpe diem -e na miña opinión non é orixinal, senón un instinto natural da xuventude humana.

O movemento hipster é ante todo un movemento estético. Escollen símbolos -gráficos, como o famoso bigote ou a cruz latina; obxectos, como as gafas de pasta e os produtos de Apple...- baleirándoos de todo significado histórico, e úsanos segundo lles ditan as súas propias modas. É curioso como se declaran devotos de todo o antigo -vintage- pero desprezan aos seus iguais cando quedan un pouco atrás nunha desas modas, calificándoos coa enigmática palabra mainstream.

Primeiro tívenlle que aclarar á miña amiga a que me refería con “significado” e por qué me parecía importante. Cando vexo o lema “no future” escrito sobre unha Union Jack véñenme á cabeza non só cancións dos Sex Pistols, senón o sentimento de toda unha xeración aplastada baixo a crise do 73. Cando vexo a mesma bandeira na funda dun smartphone, non me inspira nada -si, tamén adoptaron á pobre Union Jack. E os hipsters tampouco buscan unha trascendencia para ese símbolo. “É bonita”, responden cando lles preguntas o por qué.

Os símbolos representan toda unha relación de factores históricos, filosóficos e culturais. Para explicarllo á miña amiga, recurrín a comparar aos modernos con dous movementos xuvenís anteriores -que espertan a miña simpatía-: o rock n' roll e o punk.

A estética e a música, xunto coa forma de vivir dos rockers era símbolo da súa loita contra os valores dos seus antepasados. Unha reacción contra o puritanismo e a represión social -cultural e até sexual, se me apuras!- estadounidense da época. Non era ser diferente porque si: era romper con algo negativo, cunha sociedade na que se a túa non era unha “familia ben” eras un paria. En canto ao punk, está claro que a crise do petróleo e o capitalismo feroz, que xerou miseria e desemprego, foron os principais inimigos. Tamén a defensa da paixón e o sentimento foi un bo motivo para loitar.

Nunha sociedade como a actual, na que vivimos o mesmo -ou peor!- capitalismo feroz, e nun país no que aquel puritanismo e moral retrógrada (representado pola Igrexa católica e os seus seguidores) nunca desapareceu... nun lugar e nun tempo no que a paixón é admirada só se es famoso, e “os de arriba” non só te pisan senón que te tratan como un parvo... os ideais do rock e do punk debían ter continuidade.

Pola contra, o Estado do benestar (que pouco a pouco vai desaparecendo... outra razón para crer na rebeldía) creou xeracións conformistas e egoístas de mozos que non saben vivir sen o último en moda e tecnoloxía, e que están insensibilizados contra os problemas que os rodean. Cando ven unha inxustiza, pregóana en twitter e esquécense aos dous minutos.

Eles son os diferentes. Pero logo os raros somos nós.

18 de xan. de 2014

Señores, sentido do humor

Xosé Manuel Pacho.-

Bansky é un grafitero de sona que está de visita en Nova Iork. A súa arte cotízase moito, pero colle o tipo, por iso da provocación, e decide de incógnito poñer a venda as súas creacións a 60 dólares peza. Vendeu catro, claro. E o outro día Albert Pla, o artista iconoclasta, dixo que lle daba noxo ser español e que tiña que ser obrigatorio aprender catalán en Xixón. E collen, e vétano nun concerto.

Definitivamente, a xente non ten sentido do humor. E a pesar de todo, a teimuda realidade empéñase en sacarnos un sorriso. Porque a ver, agora que se está preparando o xuízo contra Baltar, que só o acusen de prevaricación é gracioso, tan gracioso, como que Bansky en Nova Iork só teña tres clientes. A partir de agora xa non poderán presumir nin de cacique nin de artista.

E claramente Rogelio Fernández, o representante da Xunta en Ourense, é como Albert Pla, un iconoclasta. Se todos temos a idea de que un político imputado e procesado ten que marchar por vergoña, el non. El, como o artista catalán, sigue actuando a contracorrente. Por iso me parece moi ben que a fiscalía non o acuse, esta institución non está para acusar a este tipo de políticos. Está para… Non sei, para acusar a Albert Pla.

E é que a xente non ten sentido do humor. Porque o de que aquel parroquiano de Verín vaia a tomar algo a un local da Gudiña, e despois de pagar, decida roubar, ten gracia. Xusto o contrario do que fai Novagalicia Banco cos preferentistas, que primeiro roubou e agora parece que decide pagar. E tamén ten gracia que a fiscalía tampouco decida acusar.

Agora só falta que alguén lle pareza mal que se subaste o tricornio de Tejero, ou que o Concello de Ourense gaste diñeiro en alugarlle o banco de España ao ministerio de Montoro. Se neste país sobra pasta, o que falta é sentido do humor.

17 de xan. de 2014

A democracia en Gamonal

Bruno Marcos.-

Segundo se mire agora todo é susceptible de ser democrático ou antidemocrático. Para uns as algaradas, con roturas de caixeiros e escaparates varios, con queima de colectores de lixo e outras pequenas proezas destrutivas, son o súmmum da acción demócrata, a mesma voz pura e destilada do pobo e, para outros, son atentados como os atentados de verdade con bombas e vítimas.

Para uns e outros os de en fronte son os antidemócratas, os fascistas e até nazis, porque non pensan como eles e canto máis poder tense máis fascista se é. No momento no que os sublevados de Gamonal deteñen a obra polas malas, empodéranse e un comeza a preguntarse se, coa súa forza de protesta, non estarán a esmagar a quen lles gustaba o bulevar e a toda esa maioría que din votou ao PP nese barrio nas últimas eleccións nas que o famoso bulevar figuraba como xa proxecto.

Os de Gamonal tiveron os seus minutos de gloria aínda que a súa reivindicación de que non se lles mellore a rúa non haxa quen a entenda. Pero claro, hai que ir un pouco máis aló da máxima de Ortega, un é un e as súas contradicións, e Gamonal, polo que contan de que é como o Vallecas de Burgos, non vai andar indixente delas.

Un edil doutra provincia xa pediu unha gamonalada para a súa urbe e a recado que os avistadores anden xa polo barrio para fichar de entre os insurrectos de arrabalde futuras figuras da política redentorista.

Os veciños, pola súa banda, fan unha colecta para sacar do talego aos rompecousas e, se cadra, daranlles unha bolsa para perfeccionarse. Mentres un, no seu sofá, medio durmido, pensa en que ocorrerá cando veñan os antidemócratas de verdade, os fascistas e até os nazis; pensa se, en realidade, xa volveron, ou se, talvez, non se foron nunca, ou que, realmente, os antidemócratas somos case todos, cada un na medida das súas posibilidades.

16 de xan. de 2014

Galicia e as políticas da PAC

Redacción.-

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, mantivo o 15 de xaneiro, unha xuntanza co ministro de Agricultura, Miguel Arias Cañete, na subdelegación do Goberno en Ourense. Ao encontro, que tivo lugar ás 13:00 horas, tamén asistiron representantes das demais organizacións agrarias galegas, así como a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana.

Boa parte da intervención de Isabel Vilalba centrouse en defender que a nova Política Agraria Común (PAC) se deseñe para manter e xerar emprego e riqueza no medio rural. Neste senso, chamouse a atención sobre o criterio de reparto das axudas en base ao número de hectáreas que teña cada explotación, o cal discrimina a Galiza, xa que no noso país predominan as pequenas superficies. Unha das consecuencias de todo isto é que a contía en axudas por activo máis pequena de todo o Estado é a dos labregos e labregas da Galiza. A pesares desta inxustiza, Cañete amosouse partidario de conservar o status quo actual no que o 20% dos perceptores levan o meirande dos fondos comunitarios para axudas e grandes fortunas como a duquesa de Alba, a familia Domeq ou Mario Conde seguen a estar entre os máximos beneficiarios.

En relación co anterior, insistiuse na necesidade de que se defina que é un activo agrario para que as axudas vaian, exclusivamente, a explotacións que se dediquen a actividades agrogandeiras e non a grandes propietarios que, de cotío, non desenvolven traballos relacionados coa agricultura ou coa produción de alimentos. Outra das propostas que Isabel Vilalba defendeu ante o ministro foi a posibilidade de que as axudas sexan progresivas, dirixidas a apoiar máis ás pequenas explotacións que, na situación actual, fican discriminadas.

En canto aos sectores produtivos galegos:

Leite: Vilalba chamou a atención sobre o impacto que terá a fin do sistema de cotas no sector lácteo no ano 2015; para daquela, insistiu a secretaria xeral do SLG, deberíamos ter artelladas outras medidas reguladoras do mercado alternativas que garantan un nivel de prezos dignos, xa que máis do 80% dos ingresos das explotacións depende do prezo a que cotiza o leite.

Carne de vacún: Caso distinto é o das explotacións de vacún de carne, a miúdo situadas en zonas desfavorecidas de montaña, onde son un factor fundamental de vertebración do territorio. Estas explotacións enfróntanse a un recorte da metade dos orzamentos destinados a axudas por vaca nutriz, un tipo de prima indispensable para as súas economías. Neste senso, Isabel Vilalba expresou a súa preocupación ao ministro polo futuro deste sector e das comarcas que dependen del.

Horta e viño: Outro dos sectores sobre o que incidiu Isabel Vilalba foi o hortícola, que está cobrando cada vez máis importancia no noso país habida conta de que é o maioritariamente elixido pola xente moza que se incorpora á actividade agraria, sendo unha saída laboral con futuro nestes tempos de crise e cun grande peso económico en moitas bisbarras galegas. A pesares da súa importancia, a nova PAC non recolle ningún tipo de apoio ao sector hortícola. Algo semellante acontece con sector do viño, onde se fala de quitar as axudas ou manterllas só a aqueles viñedos que as cobraron no pasado como primas á destilación de alcol de uso de boca; en calquera dos dous casos, os viñedos galegos tampouco cobrarían nin un céntimo da PAC.

Comeza a rodaxe de Os Vilares

Redacción.-

O próximo sábado día 18 comenza a rodaxe do documental para o proxecto Os Vilares, lareira de soños , un traballo de antropoides cultural e social da parroquia de orixe de Xosé Maria Diaz Castro. Constará dunha públicación é un documental.en formato DVD con cada exemplar é estará rematado a finais do verán do presente ano.
O director do audiovisual é Cibrán Tenreiro, de orixes chairegas que pretende facer protagonistas do documental ás xentes do lugar, que sexan os vilarego quen vaian creando o guión desde o confronto do equipo de traballo que descoñecen o lugar coa memoria e as historias sobre todo de veciños testemuñas nados entre os anos 20 é 30 do pasado século e que son protagonistas dos cambios da parroquia no último século.
O equipo de grabacion compense de tres persoas e da autora da publicación, Pastora Veres con material lixeiro por mor da mobilidade e de buscar a máxima naturalidade nas entrevistas e intervencións. Segundo o director, 'non buscamos o preciosismo, senón a máxima naturalidade".
A empresa Pixel Films apoia tamén o proxecto con cesión de material de rodaxe é apoio na posterior tarda de montaxe.

15 de xan. de 2014

Número 2 de Luzes

Redacción.-

O segundo número de Luzes xa circula por librarías e quioscos, e boa parte das súas subscritoras e dos seus subscritores deron conta del esta fin de semana. Para escoitar opinións "boas, malas ou peores", coma eles mesmos din, de primeira man, farase unha presentación ao público mañá xoves 16 de xaneiro, a partir das 20 horas, na libraría Librouro (R/ Eduardo Iglesias, 12), en Vigo.

Un paso atrás

Xulio Xiz.-

Un está afeito á hora de viaxar, a que a cada poucos kilómetros exista unha estación de servizo, onde non só poder repostar o combustible do vehículo senón poder repoñer forzas cunha bebida fresca, reparar unha roda, ou solucionar calquera continxencia que poida producirse nunha viaxe. Máis se, coma no meu caso, se viaxa acompañado de varios nenos.

O das gasolineiras, como adoitábamos chamar ás estacións de servizo, en tempos era un negocio redondo, considerando os industriais que cunha concesión deste tipo –como un estanco, como unha administración de loterías- tiña a familia a vida económica asegurada. E xa que así era, foron nacendo primeiro as estacións nas cidades importantes, logo nos pobos, nos cruces de estradas, e mesmo en aldeas situadas estratexicamente.

Entre que a economía anda como lle cadra, e que as novas estradas e autovías desplazaron as riadas de automóviles que antes cruzaban os pobos, os negocios da beira das estradas deixaron de selo e as gasolineiras foron pechando, chegándose á situación de que entre Vilalba e Viveiro, e entre Vilalba e As Pontes, non exista neste momento ningunha gasolineira onde poder repostar.

A última en pechar foi a de Candamil, no Concello de Xermade, como antes o fixeron as de Santaballa, Roupar e Muras, deixando sen servizo unha zona ben ampla que inclúe os concellos de Xermade, Muras e Ourol.

Eu teño especial sensibilidade en relación con eses tramos porque precisamente esas dous rutas coñézoas ben por telas recorrido centos de veces, e corresponder ás terras dos meus devanceiros. Pero se a min me doe sentimentalmente máis ten que doerlles aos habitantes dos concellos de Xermade, Muras e Ourol, que non poden abastecerse no seu territorio e teñen que acudir a Viveiro, Vilalba ou Guitiriz para poder adquirir combutible para os seus automóviles e os seus tractores, o que significa un bo paso atrás na súa calidade de vida.

Bastante culpa téñena as novas vías rápidas, pero non toda. Os tempos non están para alegrías, e polo que se ve os combustibles – aínda cos seus precios estratosféricos- non dan para manter abertas moitas gasolineiras.

Os Vilares, lareira de soños

Redacción.-

"Os Vilares, lareira de soños" é un proxecto de libro e DVD impulsado por Pastora Veres Rosende recollendo un encargo que fixera Manuel Maria na inauguracion dunha exposición de fotos antigas dos Vilares hai 20 anos para que non se perdera esa memoria viva da parroquia.

Aproveitando que o 2014 se lle adican as Letras Galegas ao nativo Diaz Castro, pareceulle a Pastora Veres que era o momento de darlle para diante a este proxecto, que non e un traballo sobre Díaz Castro senón sobre unha parroquia chairega que deu a este persoeiro, pero tamen a outros que sairán nun traballo que vai compilar historias contadas polos seus protagonistas e que irá acompañado dun audiovisual en formato DVD que comezará a rodarse en xaneiro e que estará dirixido por Cibrán Tenreiro Uzal.

Para Pastora Veres, nada nos Ramos en Os Vilares: "Escribir sobre Os Vilares é o obxeto desta iniciativa, as orixes desta parroquia, o seu espazo xeográfico, pero sobre todo a súa xente que ao longo do tempo foron as testemuñas e protagonistas de tódolos cambios que se viñeron producindo ao longo do último século. Cada veciño ara o seu rego para facer dos Vilares a Terra Sucada, sementada e traballada nas miles de páxinas que podería ter cada libro e cada vida".

Díaz Castro é un dos milleiros de vilaregos que, conxuntamente cos seus vecinos anónimos, formaron parte da historia, o traballo e a construcción dunha parroquia que desde a natureza se proxectou ata os nosos días. Se cadra por iso faise necesaria unha publicación coma esta, que tenta poñer en valor as cualidades dos Vilares desde a lembranza recente dos vivos e a dos antergos, cun traballo no que os habitantes da parroquia podan sentirse protagonistas e fachendosos do seu.

A autora
Pastora Veres Rosende,nada nos Ramos en Os Vilares e actualmente veciña de Betanzos, Diplomada en Traballo Social e Master en atención a persoas con drogodependencia, a súa actividade profesional sempre estivo ligada a atención de familias en situación de vulnerabilidade en diferentes concellos do país. Durante os anos 2007-2009 foi coordinadora provincial na Coruña na Consellería de Traballo e Benestar do servicio de atención a persoas en situación de dependencia. Actualmente nesta mesma Consellería no servizo de Familia e Menores.
Sempre estivo ligada ao movemento asociativo, foi cofundadora da Asociación de Veciños, Cultural e Deportiva de Os Vilares e unha das promotoras da Romaría Labrega da Chaira. Na súa formación destaca tres mestres que sementaron destinos, Paco Rivas mestre de literatura, Xosé Chao Rego mestre de filosofía e Xosé Ramón Mariño Ferro mestre de Antropoloxía Social.






14 de xan. de 2014

Homenaxe a Bernardo García Cendán

Redacción.- 

A presentación do libro Cartas a Antón, onte en Vilalba, convertiuse nunha verdadeira homenaxe popular a Bernardo García Cendán, o seu autor. Nun emotivo acto, deuse cita boa parte da sociedade vilalbesa para lembrar a figura do sociólogo e crego progresista finado a mediados de 2012 na capital chairega. Os amigos de Bernardo acudiron puntualmente, ás 20 horas na Casa da Cultura: preto de duascentas persoas e unha mesa, na que se contou coa presenza do escritor Agustín Fernández Paz; Manuel Castro Santamariña e Chema Felpeto, en representación do Instituto de Estudos Chairegos; Martín Seco García, en nome da familia; Mario Outeiro, delegado de Cultura da Deputación de Lugo; e Mini e Mero, que deleitaron a todos cunha actuación musical reivindicativa e moi ben recibida polo público asistente.

Na súa intervención, Fernández Paz -autor do limiar do libro- fixo mención á súa particular amizade con Bernardo García Cendán, "auténtico animador da vida cotiá da vila", e lembrou a anécdota de cando descubriu o mar sendo un raparigo. Pola súa banda, Chema Felpeto amosou o seu agradecemento á familia por depositar na súa persoa o legado intelectual de García Cendán. 

As Cartas a Antón -agora publicadas- foron lidas no seu día por Bernardo García Cendán na emisora da COPE de Vilalba, e algunhas delas tamén viron a lus na prensa escrita ou neste mesmo medio. "En cada un de vós -dirixíndose aos asistentes- vexo ao Bernardo", afirmou Felpeto, quen lembrou a faceta característica de García Cendán, en calidade de bon observador da realidade e bon escoitador, amable e humilde, que non deixou de buscar a calor das persoas para establecer auténticos diálogos que serviron de base a esta obra que onte viu a lus.

11 de xan. de 2014

Tempo de guerra, tempo de paz

Agustín Fernández Paz.-

A mediados da década dos sesenta, eu era un adolescente fanático dos grupos musicais que daquela estaban a poñer os peares de todo o que viría despois. Xa deixei testemuña neste blog da miña admiración por grupos como The Spencer Davies Group, The Kinks, The Animals, The Who e, xaora, The Beatles ou The Rolling Stones. Os meus cartos para mercar discos eran moi escasos, así que tiña que me conformar con buscar obsesivamente a súa música polas emisoras de radio ou achegarme aos amigos que tiñan a fortuna de contar con tocadiscos e con algún disco destes grupos británicos.

No ano 1965 comezou a soar nas emisoras unha canción cun son diferente do destes grupos (os críticos daríanlle logo o nome de folk rock) e que axiña me fascinou. Tratábase de Turn!, Turn!, Turn!, cunha letra baseada no Eclesiastés, e quen a tocaban eran The Byrds, un grupo do que nunca antes escoitara falar. A novidade estaba tamén en que eran da Costa Oeste dos EE. UU., coma os Beach Boys, e anunciaban o flower power que traería a revolución hippie.

Poucos meses despois, outra canción de The Byrds, Mr. Tambourine Man, soou tamén repetidamente nas radios. Era tan boa, ou mellor, que a anterior! Aos grupos que admiraba sumouse The Byrds, e procurei seguir a súa traxectoria na medida que me era posible. Non puiden mercar discos deles ata algúns anos máis tardes, supoño que lles pasou o mesmo a moitos da miña xeración.

Sigo a escoitar con frecuencia estas e outras cancións daquel magnífico grupo. E se traio hoxe aquí estas dúas é porque foron as que lles deron sona e as primeiras deles que escoitei.

Claro que agora sei moito máis de cada unha. Para comezar, ningunha das dúas era da súa autoría. Turn!, Turn!, Turn! compúxoa o gran Pete Seeger, a quen tantas cancións marabillosas lle debemos, adaptando un texto bíblico do Eclesiastés (versículos 3, 1-8)

E Mr. Tambourine Man era unha canción que compuxera Bob Dylan, daquela aínda na súa etapa acústica. Din que foi o seu abraio ante a versión de The Byrds (que está abreviada, a de Dylan é máis longa) a que o levou á decisión de introducir a guitarra eléctrica na súa música, mais non sei o que hai de certo niso.

Para quen desexe saber máis da historia de Turn!, Turn!, Turn!, pode atopala aquí. E o mesmo no que se refire a Mr. Tambourine Man, unha canción que coñeceu numerosas versións e que xogaba un papel relevante na película Mentes perigosas.

E se a alguén lle apetece saber máis deste grupo fascinante, que só durou nove anos (separáronse en 1973, aínda que ben anos despois, en 1989, algúns dos seus compoñentes volvéronse xuntar), hai ben lugares onde ampliar estas liñas. Que ben resisten o paso do tempo as cancións de The Byrds!

P.S.: En xaneiro no ano 2011, algúns dos antigos membros de The Byrds interpretaron, xunto con Bob Dylan, unha versión anovada do Mr. Tambourine Man. Paga a pena escoitala.

O texto orixinal, con todas as ligazóns e vídeos, pode lerse no blog de Agustín Fernández Paz

10 de xan. de 2014

Revista avozdevilalba.com decembro 2013

Redacción.-

Xa está ao dispor dos nosos lectores o número 67 da revista A Voz de Vilalba, correspondente ao mes de decembro de 2013. Para poder lela só teñen que picar na imaxe adxunta ou ben entrar na nosa Hemeroteca no menú superior.

9 de xan. de 2014

Xornadas de Conservación da Natureza

Redacción.-

Como continuación da xornada celebrada o pasado 20 de decembro, os vindeiros 10 e 11 de xaneiro no C.E.N Casa das Insuas, seguiremos a desenvolver as xornadas "CONSERVACIÓN E XESTIÓN DOS VALORES NATURAIS NA R.B DE TERRAS DO MIÑO: O PAPEL DA CUSTODIA DO TERRITORIO" a través de dúas quendas que tratarán respectivamente sobre a conservación e xestión da flora e fauna e sobre producción láctea e conservación da natureza.
Estas xornadas inclúense no ciclo de actividades de inverno organizado pola Deputación Provincial de Lugo coa colaboración da Casa das Insuas, AGCT, Numenius e Concello de Rábade.

PROGRAMA

Venres, 10 de Xaneiro de 2014
CONSERVACIÓN E XESTIÓN DA FLORA E FAUNA NA R.B. DE TERRAS DO MIÑO
17:00 h. A flora ameazada na RB de Terras do Miño. G. Botánica-IBADER/USC
17:30 h. As aves dos medios agrarios na RB de Terras do Miño. AGCT-Numenius
18:00 h. Situación do mazarico real na RB de Terras do Miño. Asoc. Numenius
18:30 h. Pausa café
19:00 h. Debate: ¿Pode axudar a custodia do territorio a conservar a flora e fauna ameazada da RB de Terras do Miño?. G. Botánica-IBADER/USC, Asoc. Numenius, Dir. Xeral Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, Área de Medio Ambiente da Deputación de Lugo.

Sábado, 11 de Xaneiro de 2014
PRODUCCIÓN LÁCTEA E CONSERVACIÓN DA NATUREZA NA TERRA CHÁ
10:00 h. Cambios no uso do solo nas últimas décadas na Terra Chá. Laborate-IBADER/USC
10:45 h. Principais efectos negativos da producción láctea intensiva sobre as aves: O caso da Terra Chá. AGCT, Numenius
11:30 h. Pausa café
12:00 h. Producción láctea sostible. CIAM
12:45 h. PDR, producción láctea e conservación da natureza. Direc. Xeral de Desenvolvemento Rural
13:30 h. Xantar
16:00 h. A visión das ganderías ecolóxicas. Arqueixal, Gandeiría Codesal e Granxa Bértolo
17:30 h. Documental “Tetas caídas”. VSF-euskadi
17:30 h. Debate: Producción láctea compatible coa conservación, é posible?

Inscricións en http://www.deputacionlugo.org (http://goo.gl/KaECU6)
Máis información en: custodiadoterritorio@gmail.com ou no tfn: 620593892

8000 persoas viron 'Os bolechas'

Redacción.-

Os Bolechas remataron hoxe, mércores, en Vilalba a xira de Nadal que os levou por once cidades e vilas galegas. Os populares personaxes creados por Pepe Carreiro estrearon o seu novo espectáculo, Os Bolechas cantan con Lady Vina, o día 22 de decembro en Vilagarcía e desde entón pasaron por Pontevedra, Vigo, Burela, Santiago, Cangas, Ourense, Narón, Lugo, A Coruña e Vilalba, lugar da clausura desta xira de Nadal 2013.

Máis de 8.000 persoas viron este musical nalgún dos teatros e auditorios nos que se representou coincidindo coas vacacións de Nadal dos máis pequenos, e na meirande parte das localidades houbo que colgar o cartel de “non hai entradas” malia que este ano se aumentou en tres o número de vilas da xira con respecto ao ano pasado. Isto foi posible grazas a colaboración da Xunta de Galicia, a través de Agadic, xunto coa TVG, Novagalicia Banco e a Fundación Novacaixagalicia.

Os Bolechas cantan con Lady Vina permitiu aos fans dos Bolechas coñecer os monicreques da serie de televisión que desde hai case dous anos e medio se emite diariamente na canle pública autonómica. Os seis irmáns mais o seu cadelo, Chispa, compartiron escenario con Lady Vina, unha cantante moi fachendosa que pretendía roubarlles protagonismo aos irmáns pero que, afortunadamente, non logrou calalos.

Deste xeito, o público puido gozar das cancións dos Bolechas, en especial das do novo disco Os Bolechas fan unha banda, no que participan dez dos grupos e intérpretes galegos máis relevantes do actual panorama musical. Precisamente o libro-disco dos Bolechas foi o grande éxito editorial deste Nadal, tanto nas librarías galegas como no posto de venda que se instalou nos teatros o días das funcións. Tamén o reloxo dos Bolechas tivo unha grande acollida e tampouco pasou desapercibida a Biblioteca Básica coa súa prezada Mulecha, a vaca-maleta dos Bolechas.

Tanto o director do espectáculo, Santi Prego, como os actores aseguran estar “moi satisfeitos” co resultado da xira, que foi “gañando en cada función”. Os manipuladores dos bonecos, que estaban sobre o escenario cos seus personaxes, aseguran que foi “unha experiencia profesional incrible”, posto que poucas veces se ten representado en Galicia “un espectáculo destas características”. Tamén resaltan o gratificante que é “recibir o aplauso do público infantil” e o “contacto directo cos nenos tras cada espectáculo”.

Polos comentarios nas redes sociais, este foi precisamente un dos momentos máis emocionantes para as nenas e nenos, o poder ver de preto os seus personaxes preferidos e mesmo tocalos e fotografarse con eles tras a función. Moitos levan un recordo impagábel deste espectáculo que por uns días sacou Os Bolechas da pequena pantalla para levalos á vida real.

Ademais do espectáculo musical, Os Bolechas estiveron tamén este Nadal na Pobra de Trives, en Porto do Son, en Pontevedra e nas cabalgatas dos Reis de Vigo e Santiago de Compostela.

8 de xan. de 2014

Presentación das "Cartas" de Bernardo

Redacción.-

Coincidindo co 1º cabodano do pasamento do noso benquerido e recordado Bernardo García Cendán, o Instituto de Estudos Chairegos acordou a publicación dun libro recollendo a totalidade dos textos que baixo o epígrafe de Cartas a Antón, escribiu Bernardo para distintos medios tanto falados coma escritos, como os que se poden ler nesta mesma web.

Pois ben, o libro, número 23 da Colección Biblioteca Chairega, ven de ser editado e o Iescha organiza a súa presentación o vindeiro venres, día 10 de xaneiro de 2014, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba e contará coa intervención de Agustín Fernández Paz, autor do prólogo do libro, Martín Seco García, Xosé M. Felpeto Enríquez e Manuel Castro Santamariña. O acto contará tamén coa actuación musical de Mini e Mero.

Compoñen a referida publicación -incluída no convenio asinado entre o Iescha e a Vicepre-sidencia Primeira da Deputación de Lugo para o ano 2013- duascentas doce cartas que Bernardo dirixe ao seu “benquerido amigo Antón”. Nelas, como escribe o seu prolo-guista, Agustín Fernández Paz, espéllase claramente o amor que Bernardo sente por Vilalba e polos vilalbeses, deixando ben claro que a cerna da vila está na tribo –a dos vivos e a dos mortos- que habitan ou habitaron neste anaco do mundo ao que chamamos Vilalba. A reivindicación do labor levada a cabo por diversas institucións que contribúen a tecer as tramas da vida colectiva; a lembranza das persoas que se foron ou dalgunhas que aínda seguen con nós; a denuncia do que está mal feito; a preocupación pola vida democrática do Concello; a reivindicación da nosa lingua propia, na sociedade e na igrexa; a defensa dos espazos naturais ameazados polo andazo obsesivo do cemento; os sucesos que a todos nos afectaron e influíron na vida da vila…, entre outros moitos asuntos, son bos exemplos dos temas que aparecen ao longo das cartas.

Coma colofón do acto, levarase a cabo a entrega, a un familiar de Bernardo, do Diploma de Socio de Honra a título póstumo que o Iescha acordou outorgarlle na súa última Asemblea Xeral.

7 de xan. de 2014

Compensación aos socios de Xertigán

Redacción.-

Os gandeiros e gandeiras da cooperativa Xertigán que, baixo o asesoramento do Sindicato Labrego Galego, presentaron reclamación no marco do concurso de acredores da Cooperativa Xertigán, están comezando a apañar os froitos da súa iniciativa. En total, foron 23 as persoas socias que reclamaron asesoradas polo SLG e que veñen de acadar a compensación xudicial, de maneira que as débedas que tiñan coa cooperativa por servizos ou insumos consumidos será descontada da débeda que a cooperativa mantén con elas.

Isto é moi importante, xa que as explotacións ás que Xertigán lles debe entregas de leite poderían terse atopado, de non reclamar, con que a cooperativa non tivese fondos para pagarlles e, por riba, si tivesen que pagar elas os cartos que lle debían a Xertigán. Polo xeral, a débeda da cooperativa coas explotacións é moito maior que e viceversa, polo que o meirande das persoas socias se puideron acoller a este proceso de compensación.

Segundo a responsable do SLG na Terra Chá, Margarida Prieto Ledo, “foi fundamental que as explotacións de leite pedisen esta compensación, pois neste sector as granxas teñen varias entregas sen cobrar por valor de moitos miles de euros e, polo tanto, estaba en xogo a súa supervivencia. Por norma xeral, a cooperativa débelle ás explotacións leiteiras moito máis que estas a ela”. Unha ollada rápida ao informe concursal amósanos que, aproximadamente, o 10% das explotacións acredoras teñen pendentes de cobro entregas de leite por importes superiores aos 20.000 euros. A débeda total de Xertigán ascende a 2.964.885 euros, mentres que os seus dereitos de cobro son de 922.249 euros. Con estes números, é previsible que as explotacións que non reclamaron se atopen non só con serios problemas para cobrar o que se lles debe, senón que están obrigadas a saldar os seus débitos con Xertigán, na maioría dos casos errados á alza.

Voces a Castelao o 7 de xaneiro

Redacción.-

A Fundación Castelao celebra o día sete de xaneiro de 2014 o acto Voces a Castelao no Panteón de Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval polo 64 cabodano da morte (1950) de Daniel Castelao. O programa que se se vai desenvolver é o que segue:

Saúda de recepción
Música de Raúl Galego 'O gaiteiro nubeiro'
Voces e músicas: MINI E MERO
Voces:
- Lorena Rei
- Sofía Sánchez- Brunete Facal
- Génesis Andreina Toárez Rosado
- Carlos Negro
- O Leo
- Antía Otero
- Anabel Montouto
- Marcos Borrageros

A clausura do acto correrá a cargo de Carlos Mella Villar, presidente da a Fundación Castelao.

4 de xan. de 2014

Nace "Galicia soa"

Redacción.- Galicia soa, o cuarto e último traballo seleccionado polo programa iProx do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e de Novagalicia Banco, xa está disponible na web www.galiciasoa.com.
Galicia soa é un libro dixital sobre o despoboamento do rural, que recolle as vivencias reais dos seus protagonistas e a opinión dos expertos e estudosos sobre o tema, nun entorno multimedia que mestura texto con imaxe e audio.

O libro dixital Galicia Soa está realizado por un equipo formado polos xornalistas José Antonio Pardiñas García, Benjamín A. López Rodríguez e Susana Pardiñas Iglesias, e recolle reportaxes de zonas rurais das catro provincias galegas, así como entrevistas a Xosé Luis Barreiro Rivas, Xaquín Fernández Leiceaga, Andrés Precedo Ledo e Xosé Gabriel Vázquez.

As bolsas iProx son resultado dun convenio de colaboración asinado a finais de 2012 entre Novagalicia Banco e o Colexio de Xornalistas para a creación, organización e posta en marcha desta bolsa para xornalistas licenciados e/ou colexiados, froito do interese de Novagalicia por promover e dar saída a proxectos de comunicación que por causa da situación actual non poden ver a luz. O CPXG, como entidade que representa aos xornalistas galegos, entre cuxas funcións está a de tratar de mellorar as condicións nas que os xornalistas levan a cabo os seus traballo, quixo ser o vehículo condutor da iniciativa, e agradece profundamente a Novagalicia Banco o seu interese por fomentar os proxectos innovadores dos profesionais da comunicación de Galicia.

1 de xan. de 2014

2014, ano de Antonio García Hermida

Redacción.- O Consello de A Voz de Vilalba, reunido na capital chairega o pasado 28 de decembro, acordou por unanimidade prorrogar ao ano 2014 os actos de conmemoracion do XXX aniversario da nosa publicación. Esta decisión veu motivada polo feito de que no ano que hoxe comeza cúmprense 75 anos do pasamento do Antonio García Hermida (1885-1939), escritor e xornalista vilalbés que impulsou varias publicacións no primeiro terzo do século XX, considerada a etapa máis fructífera do xornalismo na capital da Terra Cha.
As inquedanzas de García Hermida no mundo da prensa comezaron a unha idade temprana; en 1902 editou o xornal manuscrito Ideal Villalbés, unha folla voandeira que precedeu ás súas colaboracións en El Eco de Villalba, xornal fundado por Manuel Mato Vizoso e, á morte deste, dirixido por Xosé Novo Pardo. Máis adiante, Tonito da Ponte -como era coñecido entre os seus conveciños- fundou e dirixiu a publicación literaria Azul y Blanco, cabeceira que simbolizaba as cores da bandeira galega e que viu a luz en 1914, hai xustamente un século. Esta foi outra efeméride que motivou a decisión de reivindicar, ao longo de 2014, a figura de Antonio García Hermida pola forte pegada que tivo no eido da cultura, tanto local como galega, xa que era militante activo das Irmandades da Fala -sendo secretario da Irmandade de Vilalba- e asiduo colaborador de Ilustración Gallega.
Pero o principal fito que protagonizou este home polifácetico na historia da prensa vilalbesa foi a aparición, o 4 de marzo de 1916, do xornal Heraldo de Villalba, subtitulado "Periódico defensor de los intereses de la comarca villalbesa". Fundado e dirixido por García Hermida e con periodicidade quincenal, cesou a súa publicación co número 286, o 12 de abril de 1931, en vésperas da proclamación da II República.
García Hermida asinou os seus escritos cos pseudónimos D'Aponte, Garcimida e Ragrech. Ademáis da súa faceta de articulista, conta cunha breve pero intensa obra: Los niños y los árboles (1914); La herencia de Juanillo (1914); El jardín de Roberto (1919), premiado polo Ateneo-Biblioteca de Ribadeo; El huérfano y la esperanza, diálogo en verso; e Charetas, obra póstuma editada en 1973 polo seu fillo Xosé Luís García Mato, que recolle unha ampla selección dos seus poemas e contos. Os actos de reivindicación da figura de García Hermida contarán co inestimable apoio do Instituto de Estudos Chairegos "Pena do Encanto" e darán comezo o vindeiro mes de febreiro, para rematar o 4 de setembro, día do seu pasamento, no que A Voz de Vilalba publicará unha edición especial en papel.