Shakespeare en Ourense

Xosé Manuel Pacho.-

Pouca xente coñece a John Shakespeare, un político inglés fabricante de tecidos que naceu no século XVI. O dos tecidos víñalle do seu traballo familiar de granxeiro. Tiña ovellas das que sacaba algunhas das mellores lanas de Inglaterra. O problema de John é que era católico. Pola súa condición, nun país que construira a súa identidade dende Enrique VIII contra o catolicismo, isto era un verdadeiro atranco.

A pesar de todo, os seu fillos tamén foron educados nesta relixión. Xustamente tal día como hoxe, un 26 de abril, pero de 1564, foi bautizado o seu fillo máis famoso, William Shakespeare. William foi o nome que lle puxeron. Pero ata poucos días antes do seu nacemento, o seu pai tomara a decisión de chamalo James, en homenaxe ao apóstolo que nós coñecemos como Santiago.

Pouca xente sabe que a finais de 1580, Shakespeare desencantado e decepcionado con Anne Hathaway, a súa muller, decide marchar e loitar contra os españois na guerra hispano-inglesa. Así, por cousas do azar acaba na Coruña ferido. E curiosamente a súa condición de católico axúdao a fuxir da guerra cando un frade da orde do císter, Frei Martín do Barro, decide levalo a finais de 1589 a Oseira, onde descansaría e se recuperaría das súas feridas, ata que finalmente no comezo da década de 1590, volve a Inglaterra nos barcos do mariño Carlos de Amezquita, que podemos imaxinar de onde era. Cando chegaron a Mousehole, Cornualles, escapou a Londres onde finalmente se dedicaría para sempre ao teatro.
Por iso non foi estraña a fascinación que tivo Shakespeare pola cultura dun país onde vivira estas experiencias. Cardenio, comedia inspirada nun dos capítulos de Don Quixote; as influencias de Antonio de Eslava, e de Pero Mexía... Pero foi Oseira e os seus viños os que conformaron o carácter do Bardo de Stratford-upon-Avon. Así se fai a historia.


2 de maio de 2014

Aquí Radio España Independiente

Aquí Radio España Independiente, Estación Pirenaica

(Na imaxe, en Bucarest, o equipo que facía as emisións da Radio Pirenaica)

Agustín Fernández Paz.-

Na novela, os pais do protagonista pechábanse no cuarto para escoitar pola noite as emisións de Radio España Independiente, Estación Pirenaica. O mesmo se facía en moitas casas de España, sempre coa precaución de que ningún veciño se decatase, pois estaba prohibido sintonizala. O que se escoitaba ao inicio era isto:

… o PCE contou cun instrumento propagandístico de primeira orde, Radio España Independiente, unha poderosa emisora radiofónica primeiro instalada na URSS, despois en Checoslovaquia e finalmente en Rumanía, desde onde transmitía nas diversas linguas do Estado. Hoxe non é posible cuantificar o número de persoas que en España escoitaba “A Pirenaica. A única emisora de radio sen censura de Franco”, como era familiarmente coñecida –sintonizala era xa un delicto de seu e podía levar ao cárcere a quen o fixese–, mais a súa influencia foi importante.


A Radio Pirenaica estivo activa entre 1941 e 1977. Aínda que o goberno de Franco, con material facilitado polos EEUU, instalou un potente sistema para interferir as frecuencias en que emitía (o que explica as dificultades para escoitala con nitidez), o certo é que non conseguiu que a xente deixase de seguila.

cartas pirenaica 2Malia o seu afastamento xeográfico, os redactores da Pirenaica estaban ao tanto do que ocorría realmente en España, pois chegábanlles moitísimas cartas desde diferentes lugares do país, cartas de persoas anónimas que escribían para informar dos máis diversos sucesos. Unha selección destas cartas apareceu publicada hai pouco, cun estudo de moito interese.

Neste enlace podemos ver un completo e interesante documental sobre a historia da Pirenaica, “Radio Pirenaica. La historia de una radio clandestina“, emitido na TVE-2.

Un dos redactores da Pirenaica foi Jordi Solé Tura, militante do PSUC e unha das persoas que elaborou a Constitución de 1978. Cando xa estaba enfermo de Alzheimer, o seu fillo Albert realizou un documental, Bucarest. La memoria perdida, que a min me pareceu apaixonante. Ben merece unha entrada específica, que virá despois desta.

O texto completo, coas imaxes e ligazóns, pode verse no recomendable blog de Agustín Fernández Paz adicado á súa última novela A viaxe de Gagarin

1 de maio de 2014

The Dream Syndicate en Compostela


Redacción.-

A 2ª cita do Ciclo Galicia Importa tráenos a The Dream Syndicate o xoves 8 de maio na Sala Capitol de Compostela.

Despois de máis de dúas décadas separados, en setembro de 2012 Steve Wynn e os seus secuaces chegaban a España para dar o seu primeiro concerto desde 1988 e conmemorar o 30th aniversario do seu aclamado disco de debut “The Days of Wine and Roses”. Xuntáronse de novo para dar unha sería moi limitada de shows que foron memorables. Tras o éxito da súa volta aos escenarios, en 2014 comezan unha xira moi exclusiva que unicamente pasará por 4 cidades españolas, 10 en toda Europa. Será a 1ª vez que o público galego poida gozar dunha das bandas de rock americanas máis influentes dos 80. Non defraudarán. As crónicas dos seus concertos de 2012 na súa volta aos escenarios son unánimes: paixón, experiencia e esa clase que non perderon co paso dos anos.

Premio Trasalba para Fernández Paz

Redacción.-

Os promotores do premio, que chega á edición 32ª e que será entregado na casa grande de Cima devila (Amoeiro), museo Ramón Otero Pedrayo, no último domingo de xuño, valoraron a dedicación do escritor Agustín Fernández Paz ao ámbito da literatura dirixida aos máis novos, "onde conseguiu unha recoñecida fama dentro e fóra das nosas fronteiras", dixeron.

O mesmo día no que chegaban a mans do escritor Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) os exemplares da súa nova novela, A viaxe de Gagarin (Xerais. 2014) coñecía o autor o fallo, por unanimidade, do Premio Trasalba 2014, que concede a Fundación Otero Pedrayo, "despois de considerar as diferentes propostas recibidas tanto de fóra como da propia fundación", sinálase nun comunicado.

O Trasalba enriquece a longa listaxe de premios de Agustín Fernández Paz e que se compón, entre outros do Premio Merlín, Lazarillo, Ourense de Banda Deseñada, Edebe, Barco de Vapor, Martín Sarmiento, Xerais de Novela, Iberoamericano SM de Literatura Infantil, Anxel Casal, Losada Diéguez e o Premio Nacional de Literatura e varias veces o da Crítica, entre outros. Estivo tamén seleccionado en diversas ocasións na Lista de Honra do IBBY e recibiu o recoñecemento da AELG, Federación de Libreiros e Galix alén de ser doutor honoris causa pola Universidade de Vigo, na relación inmensa á que compre engadir o aplauso de lectores e lectoras que fan de Fernández Paz o escritor máis recoñecido das letras galegas.

Entre os seus múltiples títulos atópanse Contos por palabras (1991), Rapazas (1993); Trece anos de Branca (1994), Cartas de inverno (1995), O centro do labirinto (1997), Aire negro (2000), Noite de voraces sombras (2002), Tres pasos polo misterio (2004); Corredores de sombra (2006), O único que queda é o amor (2007), Lúa do Senegal (2009), Non hai noite tan longa (2011), Fantasmas de luz (2011) ou o libro memorialísico O rastro que deixamos (2012). Coreano, árabe, chinés, italiano, inglés, bretón, español, catalán ou búlgaro son algunhas das linguas ás que se verteu a súa obra.

O escritor e presidente de Galix, Francisco Castro será quen lea a laudatio do premiado nunha xornada na que se entregará un libro homenaxe sobre o autor coa súa traxectoria literaria e biográfica.



30 de abr. de 2014

Entrega do X premio José Couso

Redacción.- Os xornalistas Ricardo García Vilanova e Javier Espinosa recollen hoxe en Ferrol o X Premio José Couso de Liberdade de Prensa, que comparten co reporteiro Marc Marginedas. O galardón está organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o Club de Prensa de Ferrol e a Obra Social ‘la Caixa’.

Marc Marginedas, que non puido asistir a entrega en Ferrol por problemas de axenda, enviou un vídeo no que agradece o premio e salienta que "os que verdadeiramente son os protagonistas do drama sirio son os cidadáns". Marginedas afirmou que para el, este premio é un "incentivo" para seguir sendo reporteiro en países en conflito e onde a liberdade de prensa está en perigo.

Nunha rolda de prensa posterior á recepción institucional no Concello da cidade departamental, celebrada está mañá, Ricardo García Vilanova e Javier Espinosa expresaron expresaron a súa gratitude por recibir "un premio que leva o nome dun compañeiro que morreu por informar". Espinosa denunciou que "a precariedade está redundando na ausencia de información dos conflitos" e lembrou que máis do 90 por cento da información en Siria está realizada por freelances. Pola súa banda, García Vilanova expresou a esperanza de "que o premio sirva para tomar conciencia do que está a acontecer en Siria".

O acto comexou coa intervención do vicepresidente do Club de Prensa de Ferrol, Xoán Rubia, quen afirmou que "é unha satisfacción" ter chegado até a décima edición do galardón. Rubia quixo destacar tamén que a entrega do José Couso aos tres reporteiros en conflito "quere premiar e valorar o sacrificio que supón o traballo destes profesionais"

A continuación, Xosé Manuel Pereiro, decano do CPXG, salientou que "cos premiados nesta décima edición, o Couso volve ás orixes, dado que non hai que esquecer que Couso era un freelance e que cada vez hai máis xente que traballa á peza, tamén nos países en conflito". Pereiro manifestou a súa convicción de que "o sentido do premio non é que tiveran a mala sorte de ser secuestrados, senon que estean alí onde os necesitamos a pesar de que desde o punto de vista económico non paga a pena.

No acto tamén estiveron presentes o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, quen reiterou "o agradecemento da cidade" porque Ferrol sexa sede do premio e se sumou "unha vez máis á demanda de xustiza" da familia de José Couso, e o director territorial de "la Caixa" en Galicia, Marc Arthur Benhamou, que afirmou que é "un orgullo" para "la Caixa" participar na organización do galardón e destacou que "se premia a tres persoas que desenvolven un traballo duro e difícil".

Os tres xornalistas premiados foron presentados de forma conxunta en recoñecemento ao seu traballo e á difícil labor de informar nestes momentos en Siria, con mención especial a Vilanova polo seu traballo como freelance sen ter a cobertura dun gran medio detrás.

Ricardo García Vilanova (Barcelona 1972) é un video e fotorreporteiro freelance que leva quince anos traballando como fotoxornalista. O seu traballo publicouse nos xornais e revistas máis prestixiosos do mundo e expúxose en varias capitais do mundo. Recibiu premios en Europa e Estados Unidos e traballou como reportero gráfico para CNN, Channel 4, Reuters, APTN, Euronews, Cuatro, Telecinco e TV3; ademais de colaborar con organizacións como Nacións Unidas, o Comité Internacional da Cruz Vermella, Human Rights Watch, Médicos sen Fronteiras e Médicos do Mundo. O pasado 16 de setembro foi secuestrado en Siria por un grupo vinculado a Al Qaeda, xunto co seu compañeiro Javier Espinosa. Ambos foron liberados recentemente.

Javier Espinosa é enviado especial do xornal El Mundo ao conflito sirio. Nacido en Málaga en 1964, iniciou a súa carreira xornalística en Canarias e desde 1994 publica en El Mundo. Na súa etapa como correspondente en México, cubriu informacións como o caso Pinochet ou o conflito de Chiapas. Despois da súa experiencia americana regresou a África como correspondente en Marrocos, desde onde cubriu todos os grandes acontecementos do continente negro. En 1999, permaneceu 48 horas secuestrado polos rebeldes de Sierra Leona e en 2012 estivo atrapado na cidade siria de Homs.

Marc Marginedas, pola súa banda, naceu en Barcelona en 1967, e estudou Xornalismo na Universidade de Navarra (1990) e Relacións Internacionais pola Universidade de Amsterdam (1991). Comezou a súa traxectoria profesional hai 25 anos como corresponsal en Argelia. É redactor de El Periódico desde xullo de 1992 e na actualidade exerce como enviado especial en zonas de conflito, como Irak, Afganistán ou Siria. Foi secuestrado nos arredores da cidade de Hama o pasado 4 de setembro e foi liberado o pasado 2 de marzo.

Con García Vilanova, Espinosa e Marginedas xa son dez as edicións do Premio das Ás Ceibes. Ademais deles, os outros gañadores do Couso foron: Ali Lmrabet (2005), Le monde Diplomatique (2006), Jon Lee Anderson (2007), José Vidal – Beneyto (2008), Rosa María Calaf (2009), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), WikiLeaks (2011), o Consejo de Informativos da RTVE (2012) e Mónica García Prieto (2013).

A ferretería dos Ramudo

Xulio Xiz.-

Hai días entereime do pasamento dun veciño da vilalbesa Porta de Cima que, por rexentar un establecemento comercial durante moitos anos, tivera relación coa maioría dos vilalbeses. Para todos era o Tito de Ramudo, que en tempos atendera a tanta xente na ferretería que a súa familia tiña aberta no primeiro tramo da nosa rúa vindo da praza da igrexa.

Había ferreterías na carretera, pero a da Porta de Cima quedaba máis preto de todos os da zona, prestando un servizo inestimable, xa que daquela para ir á carretera había que dispoñerse, e moitas veces ata cambiar de roupa.

Os titulares do negocio eran os irmáns Ramudo, que tiñan con eles ao seu sobriño, Tito. Do tío, non lembro o nome, pero da tía si sei que se chamaba Mercedes Cascudo Cascudo, e naquel tempo no que non se sabía case nada do pasado, había a lenda urbana de que fora concelleira, e durante un tempo alcaldesa, cousa incrible porque viviamos nun tempo en que a muller non se ocupaba ou non lle deixaban ocuparse destes mesteres.

Resultou ser que si, que Mercedes Ramudo fora concelleira en Vilalba no tempo da dictadura do xeneral Primo de Rivera, e que rematada a guerra –naquel tempo convulso- fora alcaldesa entre 1939 e 1941, sendo das primeiras alcaldesas de Galicia e de España. O feito era notable, pero parecía como se ninguén tivese moito interese en que se soubese que unha muller fora alcadesa de Vilalba nun tempo en que as mulleres tiñan asignados outros cometidos e prácticamente vedados os terreos universitario ou político.

A vida de Mercedes transcurríu logo placidamente na súa ferretería, onde os tres titulares atendían unha clientela humilde e numerosa da que algunha vez, hai moito tempo, formei parte.

O inexorable paso do tempo levou aos tíos, á ferretería, e agora ao sobriño, para que formen parte todos eles da intrahistoria vilalbesa, conformada por innumerables feitos que todos xuntos marcan un tempo e unha xente. Pero se o establecemento e os seus titulares pode quedar no esquecemento, agora ou dentro dun tempo, o feito de que Mercedes Ramudo foi alcaldesa de Vilalba hai agora setenta e cinco anos, marca un fito histórico que debemos lembrar agora e no futuro.

Foto: Jorge Lens

28 de abr. de 2014

Na memoria dos tres Manueles

Redacción.-

Como todos os anos por estas datas, celebrarase o día da Memoria en honra dos tres Manueles, que morreron pola liberdade e a dignidade. Será en Abellá e lembrarase a  Manuel Ponte Pedreira, Manuel Díaz Pan e Manuel Rodríguez "O Asturiano".

Coma todos estes anos, o acto comezará na Casa Vella de Abellá, un bar na mesma parroquia e na estrada principal, ás doce do día 26 de abril, para desde alí, ires ao lugar onde se produciron as mortes e onde hai unha pedra lembradoira, en Fontao.

Alí, onda pedra, cada quen que queira participar pode dicir unhas verbas ou ler un poema na súa memoria. A continuación irase ao cemiterio onde se cantará o Himno Galego e tamén haberá intervencións dos asistentes.

Sempre despois destes actos sinxelos e de lembranza e agradecemento, os participantes van á Berxa, un merendeiro que queda alí cerca, para comer as troitas e compartires o encontro por tan nobre causa. Ademais de contos e palique, tocarase e cantarase facendo tertulia.

25 de abr. de 2014

Nova novela e blog de Agustín Fernández Paz

Redacción.-

Dentro duns días sairá publicada a nova novela de Agustín Fernández Paz, A viaxe de Gagarin. Pero antes de que iso aconteza o autor quere compartir con todos os seus lectores unha pequena parte da documentación que foi atopando durante o proceso de escritura. Con esa finalidade, acaba de crear un blog con data de caducidade, que, segundo el mesmo di "pecharei despois de vinte ou vinte e cinco entradas, que serán as que precise para expor a documentación máis atractiva".

Hoxe xoves publicou as dúas primeiras. En realidade, ningunha das publicadas ou das vindeiras tratará directamente do libro, senón de aspectos que, dun xeito ou doutro, teñen que ver coa novela. Coma tal, a figura de Julián Grimau ou a xesta de Valentina Tereshkova, por citares dous deses aspectos ao chou.

Paga a pena consultalo no seguinte enderezo:
http://agustinfernandezpaz.eu/gagarin/

#EnGalegoLeo 4,5 millóns de tweets

Redacción.-

A etiqueta #EnGalegoLeo, unha iniciativa da CRTVG en colaboración coa Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) e a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix), e dirixida ao fomento da lectura na lingua propia de Galicia alcanzou 6.000 tuits e 4,5 millóns de impresións en Twitter.

Esta actividade, creada para conmemorar o ‘Día do Libro’, “triunfou” nesta rede social ao converterse o hashtag #EnGalegoLeo, ás 12,42 horas, en ‘Trending Topic’ en España.
Así, dende a presentación desta actividade o pasado 16 de abril ata este mércores emitíronse en Twitter un total de 6.277 tuits e 4,5 millóns de impresións ou número potencial de veces que os usuarios poden ver os tuits.

Só na xornada do 23 de abril se empregou a etiqueta para realizar 3.528 tuits. Esta iniciativa foi atractiva tamén para as bibliotecas e numerosos escritores e personaxes, que se sumaron cos tuits ao longo do día.

Os usuarios da CRTVG en internet cumpriron, así, coa pegada que perseguía o ente público galego de darlle notoriedade a esta iniciativa entre as 12,00 e as 14,00 horas, segundo explica o ente.
A campaña, que pretende o fomento da lectura en galego, invitaba cada usuario a recomendar un libro na lingua propia, animándoos a subir comentarios e fotos co seu exemplar favorito.

Consellos de guerra contra o clero vasco

Redacción.-

O IESCHA organiza, en colaboración coa Editorial Intxorta 1937 kultur elkartea, o acto de presentación do libro “Consejos de Guerra contra el clero vasco (1936-1944). La iglesia vasca vencida” do que é autor Anxo Ferreiro Currás (Boizán-Vilalba, 1935).

O evento terá lugar no Salón de Actos da Casa da Cultura de Vilalba o venres 25 de abril ás 20.30 horas e contará coas intervencións de Manuel Castro Santamariña, presidente do IESCHA; Xosé M. Felpeto Enríquez, vogal do IESCHA; Antonio Domínguez Martínez, sacerdote do equipo pastorial de Vilalba; e Anxo Ferreiro Currás, autor do libro.

Anxo Ferreiro colgou os hábitos en 1992 e foi “o coñecemento da realidade da Igrexa católica durante os escuros anos do franquismo”, nos que sufriu a represión sendo cura, o que o empurrou a escribir este libro apoiado pola documentación dos Consellos Sumarios de Guerra pertencentes ao Arquivo Intermedio Militar Noroeste de Ferrol. Tras unha laboriosa investigación construíu este relato narrado de xeito moi emotivo ao recordar “sacerdotes vencidos, asasinados, encarcerados, desterrados e exiliados”.

O libro, de 525 páxinas, xa foi presentado recentemente na Coruña, nun acto organizado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica e anteriormente tamén en Madrid, Bilbao e Durango, entre outras cidades.

24 de abr. de 2014

Día do Libro en Galicia

Redacción.-

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a cidadanía a celebrar o Día Internacional do Libro cunha ampla programación especial en toda Galicia arredor do 23 de abril. Ademais da súa habitual oferta de actividades, as bibliotecas nodais de toda Galicia preparan para esta data visitas guiadas, obradoiros, conferencias e sorteos de libros, que se completarán coa liberación de libros –bookcrossing– en centros museísticos dependentes da Consellería e coas iniciativas desenvolvidas polas bibliotecas escolares. Tamén coincidindo con esta data, a Biblioteca de Galicia agasallará cun libro ás persoas que visiten este espazo da Cidade da Cultura o día 23 pola mañá.

Ademais, o departamento educativo da Xunta de Galicia vén de editar un marcapáxinas con forma de libro conmemorativo desta celebración cun texto de Paco Martín, autor do libro ‘As cousas de Ramón Lamote’ (o primeiro libro galego que obtivo o premio “O barco de vapor”, o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil e fixo a súa entrada na prestixiosa lista dos White Raven da biblioteca de Múnic). Este marcapáxinas pode consultarse no enlace http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=node/652.

Trátase dunha iniciativa que se realiza anualmente nesta data, centrado na primeira ocasión no texto de Carlo Frabetti “O liberespazo”, ao que seguiron en anos seguintes un poema de Gloria Sánchez, unha estrofa de Ramiro Fonte e outros textos da autoría de Carlos Negro, Paula Carballeira, Juan Mata ou Agustín Fernández Paz.

Ademais, as bibliotecas escolares teñen preparadas diferentes iniciativas para a celebración do 23 de abril, desde obradoiros a encontros con autores, lecturas colectivas, apadriñamentos lectores, exposición e intercambio de libros, etc. nun programa de actividades que se estende polo que se recoñece como “Abril, mes dos libros”.
Programación especial nas bibliotecas nodais

A Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela celebrará o Día Internacional do Libro co obradoiro de creación literaria ‘A biblioteca imaxinaria’, no que Teatro Buratini axudará a nenas e nenos a partir de 6 anos a encher os andares de libros creados por eles mesmos con diversas técnicas. Mentres que na Coruña, a González Garcés ten previsto tamén un obradoiro de escrita de guión literario, da man de Adolfo Ponte Velasco, baixo o título ‘Gustouche máis o libro ou a película?’, dirixido á rapazada a partir de 16 anos. Así mesmo, realizará a actividade para a mocidade ‘Cita a cegas cun libro’, xunto coa entrega de premios do I Certame de Poesía que organiza esta biblioteca.

A programación especial na biblioteca nodal de Lugo dará comezo coa visita do alumnado do CEIP San Xoán de Becerreá e continuará ao longo da xornada coa sesión de contacontos ‘ZOO’, dirixida por Chus Álvarez; e cun obradoiro de gravación de audiolibros infantís dirixido a nais, pais e calquera adulto en xeral. Ademais, a Biblioteca Pública de Lugo realizará un acto de liberación de arredor dun cento de libros da man do colectivo Bookcrossing da cidade da muralla.

‘O príncipe predestinado’ será a actividade estrela do Día Internacional do Libro na biblioteca nodal de Ourense, unha proposta de Eugenia Muñoz a través da que os pequenos de 7 anos en diante poderán facer unha viaxe ao mundo dos xeroglíficos exipcios a través dun misterioso papiro esnaquizado. Ademais, tanto este centro como as nodais de Santiago de Compostela e de Lugo celebrarán visitas guiadas para o público e varias destas bibliotecas teñen previsto o sorteo de libros entre os usuarios e usuarias que leven algún material en préstamo o día 23 e agasallos.

No caso de Pontevedra, a biblioteca nodal Antonio Odriozola traslada as actividades conmemorativas ao venres 25, cando se celebrará a conferencia ‘Debo contarlle contos ao meu fillo?’, da psicóloga e psicoterapeuta Marié de Uña; e mais o espectáculo ‘Catalina Lino Lina’, unha peza teatral dirixida a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos que ten como obxectivo transmitirlles a paixón polos libros nesta data tan especial.

Con esta mesma finalidade, a Biblioteca Pública Juan Compañel de Vigo celebrará o obradoiro creativo ‘Marcapáxinas-lupa no día do libro, para guiar a lectura do Quixote’, no que Elena Carracedo lles mostrará a nenos e nenas de 6 anos en diante como facer da lectura unha aventura coa que ir descubrindo o mundo.
Bookcrossing nos museos

Os centros museísticos dependentes da Consellería tamén se sumarán a esta celebración. O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Museo Etnolóxico de Ribadavia, o Museo de Belas Artes da Coruña e o Museo das Peregrinacións e de Santiago participarán nunha actividade de liberación de libros que se estenderá este 23 de abril a un total de 48 museos e centros de arte de toda España. Deste xeito as bibliotecas dos museos súmanse ao esforzo para o fomento da lectura e, máis en concreto, na difusión do coñecemento das distintas disciplinas culturais.

O obxectivo é encher as cidades con volumes procedentes da bolsa de duplicados das súas respectivas bibliotecas, poñendo en circulación –entre todos os participantes a nivel nacional– máis de 2.500 libros libres coa intención de que os que os recollan gocen da súa lectura e volvan liberalos noutro punto distinto do mundo. Todos os libros liberados estarán acreditados coas súas correspondentes etiquetas, que instrúen a persoa que recolle o libro sobre o obxecto da liberación de libros e sobre a conveniencia de participar nesta experiencia internacional. Os libros conterán as instrucións necesarias para facilitarlle ao lector a súa participación na campaña e estarán rexistrados na páxina web www.bookcrossing-spain.com, onde os lectores poderán indicar o lugar onde liberarán cada exemplar, o cal permite coñecer onde estivo a publicación e quen a leu, así como incorporar o novo lector ao seu diario de viaxe.

O vídeo preparado sobre a actividade pode verse en http://youtu.be/VXtkilmDRAY.

23 de abr. de 2014

Presentación d'Os Vilares, lareira de soños

Redacción.-

Os Veciños e veciñas dos Vilares e visitantes puideron desfrutar o domingo de Pascua, no día grande das festas con unha sesión bermú abarrotada, da presentación do proxecto Os Vilares, lareira de soños, que leva meses de traballo recopila torio de testemuñas directas, documentación e gravación para o documental que acompañará á publicación que verá a luz despois do verán.

A rapaza dos Ramos, María Teijido e a actriz recentemente galardoada co premio Mestre Mateo Isabel Risco, foron as encargada de presentar o proxecto nun ambiente de festa e alegría‎ na Pascua dos Vilares no seu día grande.

Os veciñ@s dos Vilares vibraron e aclararon na presentación dun traballo do que eles son os principais protagonistas e nun ano simbólico, o centenario e dedicación das letras galegas ao seu veciño máis ilustre, Xosé María Díaz Castro.

A identificación dos vilaregos co traballo é tal que os aplausos e felicitacións foron constantes por parte dos centos de persoas que estaban presentes apoiando un proxecto de antropoloxía social e cultural de posta en valor da memoria viva, do patrimonio material e inmaterial desta parroquia chairega "herba pequerrechiña do mundo" que diría Díaz Castro, pero representante de calquera outra parroquia chairega.

Sin dúbida un éxito do proxecto que está a xerar expectación e implicación pop‎ular na zona e que verá a luz en formato libro e DVD de car ao outono do presente ano 2014.

22 de abr. de 2014

Premio de Gráfica Máximo Ramos 2014


O obxectivo do 23 Premio Internacional de Gráfica Máximo Ramos 2014, que se celebra con carácter bianual, é dar testemuño do dinamismo e pluralidade da gráfica actual desde a perspectiva da arte contemporánea múltiple e seriada.

Condicións de participación e procesos admitidos
- Poderán participar no certame artistas de calquera nacionalidade e país de residencia.
- O certame está aberto a todos os procesos gráficos tradicionais ou experimentais, incluídos os dixitais, o vídeo, a fotografía e a instalación, con intervencións directas ou combinadas con calquera outro procedemento, sen condicións de tamaño.
- Admítense polípticos, obras seriadas, probas únicas, variacións...
- Cada participante poderá presentar de 2 a 6 obras pertencentes a unha mesma familia ou serie, ou unha soa obra seriada completa formada por varias pezas.

Preselección: envío de dossier electrónico por mail entre o 15 de abril e o 30 de maio de 2014 a premiomr@centrotorrenteballester.com

Máis información e formulario no documento adxunto en www.centrotorrenteballester.com

23 PMR 2014
Centro Torrente Ballester
Rúa Concepción Arenal, s/n
15402 Ferrol (A Coruña)
España

ICANN delega o dominio .gal

Redacción.-

Nic.gal convertiuse onte pola noite no primeiro dominio de puntoGAL activado pola ICANN, o organismo internacional que xestiona a rede a nivel mundial. Tras máis de 7 anos de traballo e coas sinaturas de apoio de doce mil cidadáns e 110 entidades, a posta en marcha desta primeira páxina, de caracter técnico e para probas, supón a delegación formal do dominio e a culminación dun longo proceso apoiado por toda a sociedade galega.
A Asociación puntoGAL asinou o 7 de novembro de 2013 o contrato do dominio, que permite que a entidade galega poida tomar o control do .gal para a súa posta en funcionamento. Nos vindeiros días detallaranse as normas para o rexistro nas que traballou unha comision multidisciplinar por encargo da asociación. Estas normas terán caracter público e rexeranse por criterios de transparencia e equidade. Ademais, puntoGAL organizará un acto arredor do lanzamento do dominio.

O rexistro no dominio galego na Internet comezará cun período de lanzamento repartido nas fases de Abrente (sunrise) e Carreira (landrush), para despois abrirse o rexistro ao público xeral. No período de Abrente as administracións públicas e asimilados terán prioridade para rexistrar os seus dominios co sufixo .gal, seguidas polas entidades que teñan unha traxectoria probada de promoción da lingua ou da cultura galegas; as marcas rexistradas no Trademark Clearing House de ICANN e outras marcas rexistradas, nomes ou intereses protexidos; e páxinas realizadas ou con versión en lingua galega. Mentres, o período de Carreira facilitará o acceso ao rexistro .gal a rexistrantes sen dereitos ou intereses protexidos.

Esta fase de lanzamento estará precedida dun período coñecido como Programa Pioneiros co que a Asociación puntoGAL busca a promoción do novo dominio de primeiro nivel facilitando a posta en funcionamento dunha serie limitada de dominios de Internet para entidades de certa relevancia lingüística, cultural e social.

puntoGAL quere agradecer, unha vez máis, o apoio recibido durante este proceso por toda a sociedade galega, incluíndo a comunidade no exterior, as principais entidades culturais, as empresas e as asociacións de base, así como o apoio da administración a través da AMTEGA. O dominio é voso.

12 de abr. de 2014

53 anos da viaxe de Iuri Gagarin

Agustín Fernández Paz.-

12 de abril de 2014: cincuenta e tres anos dun día memorable
Dentro de dúas ou tres semanas aparecerá publicada a novela que me tivo ocupado desde hai máis dun ano: A viaxe de Gagarin (Xerais, 2014). Dentro do intenso, e apaixonante, proceso de documentación ao que me obrigou este libro, unha parte importante estivo centrada na figura do cosmonauta Iuri Gagarin e na súa histórica viaxe, que inauguraba a era espacial. Tanto, que Gagarin (que non é un personaxe do libro, aínda que figura como pano de fondo ao longo de toda a historia) acabou sendo unha persoa moi próxima durante varios meses. E tamén as súas palabras ao contemplar a Terra desde o espazo: Habitantes do mundo: salvagardemos esta beleza, non a destruamos. Unha mensaxe que segue tendo unha total vixencia.

Hoxe, cando escribo estas liñas, é o 12 de abril de 2014. Celebramos o cincuenta e tres aniversario do primeiro voo espacial tripulado. Esta pasada noite foi A Noite de Iuri, que científicos e afeccionados á astronáutica celebran cada once de abril desde hai xa varios anos. E o meu xeito de unirme á celebración é dedicarlle unha entrada no blog, aínda sabendo que salto de novo as normas que me autoimpuxen. Mais é que hai datas que o merecen!

Unha data para a historia
Foi o 12 de abril de 1961. Ese día, desde o cosmódromo de Baikonur, situado no que na actualidade é Kazaxistán, a nave Vostok 1 iniciaba o que sería o primeiro voo espacial tripulado. No seu interior ía Iuri Gagarin, a primeira persoa en saír ao espazo exterior e realizar unha órbita completa ao redor da Terra. Na terminoloxía soviética, o primeiro cosmonauta.

O proxecto Vostok, o seguinte despois do Spútnik, tiña como obxectivo poñer en órbita naves tripuladas. A primeira foi a de Gagarin; a sexta e última, a de Valentina Tereshkova.

Iuri Gagarin naceu en 1934, nunha familia que formaba parte dunha granxa colectiva. Foi un dos máis de tres mil aspirantes para participar no programa espacial da URSS, dos que foron seleccionados dezaoito. Finalmente, foron el e German Titov (que logo tripularía a Vostok 2) os elixidos para o primeiro voo.

Gagarin finou nun accidente aéreo en marzo de 1968, cando pilotaba un avión MIG. Daquela só tiña 34 anos. Non se souberon as causas reais que provocaron o accidente ata o ano 2013, cando o goberno ruso deu a coñecer o que realmente sucedera.

É moita a documentación que podemos atopar sobre a vida de Gagarin. Dela, selecciono aquí este documental feito pola Canle Historia:

A viaxe de Gagarin
Aínda que visto desde hoxe semelle moi sinxelo, o voo de Gagarin foi un fito non só na carreira espacial, senón na historia da humanidade. Significou un gran éxito para a URSS e tivo unha enorme repercusión mundial. Daquela non se sabía nada dos efectos que a saída ao espazo podía ter nun ser humano. Consciente da súa transcendencia, Gagarin pronunciou unha breve mensaxe antes de se introducir na nave:

Queridos amigos, coñecidos e descoñecidos, os meus queridos compatriotas e toda a humanidade, nos próximos e breves minutos posiblemente unha nave espacial me leve ao distante espazo exterior do universo.
Que podo dicir nestes últimos minutos antes de partir? Toda a miña vida aparece diante de min neste único e fermoso momento. Todo o que fixen e vivín foi para isto.

Velaquí dous valiosos vídeos sobre o voo e a súa repercusión. O primeiro deles está feito en Moscova, no ano 1971, cando aínda existía a URSS. O segundo, está feito na actualidade pola canle de TV Rusia Today.

Hai dous anos, fíxose en Rusia unha película sobre a vida do cosmonauta, Gagarin, o primeiro no espazo. A ela corresponde esta secuencia onde se reproduce o lanzamento do foguete e os primeiros minutos do voo:

O legado de Gagarin
O 12 de abril do ano 2011 celebrouse en todo o mundo “A noite de Iuri“, para conmemorar os cincuenta anos da súa histórica viaxe. Esta celebración, que xa comezara uns anos antes, continúa a producirse cada ano. Ademais, a noticia que desvelaba as causas reais do accidente que causou a súa morte, contribuíu a reavivar o interese pola vida de Gagarin.

Na Rede existe un conxunto de blogs e webs que lle renden homenaxe, a Iuriesfera. Quero destacar un blog interesantísimo, La pizarra de Yuri, con exhaustivas entradas de carácter científico. Paga moito a pena ler a entrada onde narra a aterraxe de Gagarin. nun lugar case deshabitado, a mil cincocentros quilómetros do cosmódromo de Baikonur.

Existe unha interesantísima conta de Twitter, Yuri Gagarin (@yuriesfera) onde se recollen informacións de todo tipo, tanto históricas como actuais) sobre o cosmonauta soviético e a aventura espacial.

O texto completo, con todas as ligazóns e vídeos, pode lerse no recomendable blog de Agustín Fernández Paz: http://agustinfernandezpaz.eu/es/blog-afp/


Revista avozdevilalba.com de marzo 2014

Redacción.-

Xa está ao dispor dos nosos lectores o número 70 da revista A Voz de Vilalba, correspondente ao mes de marzo de 2014. Para poder lela só teñen que picar na imaxe adxunta ou ben entrar na nosa Hemeroteca no menú superior.

10 de abr. de 2014

As miñas cousas en observación

Redacción.-

Esta exposición revisa a traxectoria artística de Chelo Matesanz (Reinosa, Cantabria, 1964), partindo dos seus traballos de finais da década dos oitenta até os máis recentes. Neste pertinente recoñecemento a unha das artistas máis singulares da súa xeración —desde hai moitos anos vinculada persoal e profesionalmente a Galicia—, visualízase o intenso proceso reflexivo que vén desenvolvendo ao redor da práctica artística, investigando e cuestionando as bases mesmas da historiografía e desmontando modelos hexemónicos que definen a noción de arte na modernidade: categorías, xéneros, habilidades técnicas e conceptos como xenialidade e orixinalidade, entre outros. Asemade, Chelo Matesanz foi quen de construír unha cartografía, ampla e persoal, con diferentes linguaxes e soportes que tecen unha pluralidade de temáticas, subvertidas ironicamente desde o humor e a crítica.

O título da mostra, As miñas cousas en observación, ten que ver non só coa vontade retrospectiva senón tamén coa intención de formular lugares onde desenvolver o pensamento para enfrontarse a condicionantes sociais, artísticos e culturais que fundamentalmente acaban por afectarlle á muller e á súa representación; tema que a artista aborda dun xeito radicalmente singular, unhas veces desde a disidencia e outras desde a ironía, desvelando como as etiquetas se constrúen a través da linguaxe e da representación. É tamén o caso de realidades como a infancia, a economía, a violencia, a enfermidade ou a sexualidade, que Matesanz acomete desde a experimentación, afondando na relectura dos xéneros e das prácticas da arte.

A exposición é o resultado de articular unha hábil sucesión de territorios dirixidos a experiencias, que exploran o noso modo de percibir e actuar fronte á arte e á vida, configurando suxestivos elos entre o exercicio artístico e a rutina do cotián, implicando activamente o visitante a través de textos irónicos, imaxes mordaces e metáforas visuais que se establecen nas salas do soto do CGAC coa vontade de introducir o público nas zonas máis complexas da conduta humana.

CGAC
Comisario/a: Chus Martínez Domínguez
4 abril - 8 xuño 2014

Full House

Redacción.-

O pasado xoves 3 de abril estreouse no Teatro Rosalía Castro da Coruña ‘Full House’, a nova peza de danza contemporánea do Centro Coreográfico Galego que asina o creador sueco Johan Inger.

O equipo técnico e artístico do espectáculo está integrado, entre outros, por 12 bailaríns e bailarinas como Àstrid Molinero, Juan Hernández, Paula M. Montoya, Ailen Ramos, Carmen Aparicio, Ana Serantes, Carlos Huerta, Jesús Benzal, Miguel A. Ponte, Rubén Ventoso, Raquel Santacruz e José Luis Cibreiro.

Esta nova produción, ideada especificamente para a súa montaxe pola unidade de danza pública, constitúe o primeiro traballo en Galicia de Johan Inger, coreógrafo asociado do Nederlands Dans Theater (NDT) e director artístico durante cinco anos do Cullberg Ballet.Durante os seus 30 minutos de duración e a partir da base sonora de distintos fragmentos da música folclórica húngara de Lajkó Félix, ‘Full House’ transmite unha imaxe confrontada entre a introspección e o balbordo dun espazo habitado por unha multitude de sensacións.

A interpretación de ‘Full House’ vai precedida no programa da reposición de ‘Magnificat’, peza tamén de estilo contemporáneo deseñada en 2011 por Amaury Lebrun, coreógrafo francés habitual colaborador do Centro Coreográfico. Lebrun, que na actualidade traballa na montaxe dun ballet coa Ópera de Sídney, creara ‘Magnificat’ como parte do anterior espectáculo do CCG 3DTres como reflexo dun mundo de contrastes no ámbito da historia da danza, coa utilización do tutú romántico en contraposición aos movementos máis actuais.

Despois das funcións na Coruña (3 e 4 de abril ás 20:30 horas), ‘Full House’ iniciará unha xira de actuacións que a levarán durante o mes de abril aos escenarios de Cangas de Morrazo (Auditorio Municipal, día 6, 20:00h), Santiago de Compostela (Salón Teatro, días 7 e 8, 20:30h), Carballo (Pazo da Cultura, día 12, 21:00h) e Pontevedra (día 26 de abril, 21:00h).

9 de abr. de 2014