Somos maioría en Vilalba

Reproducimos o manifesto "Somos maioría tamén en Vilalba", recibido no correo electrónico os pasados días.


Somos maioría as persoas que queremos cambiar as cousas. Que queremos facer deste país, Galiza, e deste Concello, Vilalba, un lugar digno no que pague a pena vivir, no que as nosas fillas e fillos teñan futuro e no que a xente teña, de verdade, a palabra e a decisión.

Porque somos maioría as persoas que non estamos dispostas a tolerar a desigualdade, o retroceso das condicións de vida dos máis para que uns poucos se enriquezan, o espolio e a privatización dos nosos recursos naturais e a degradación dos nosos sinais de identidade, moi principalmente da nosa lingua.

Somos maioría as persoas que pensamos que a orde social debe asegurarnos o dereito a un benestar e unha seguranza material mínima: a ter unha vivenda digna, a ter un traballo decente, a poder protexer a nosa saúde e o noso medio ambiente, a poder acceder ao ensino e á cultura.

Somos maioría as persoas que queremos aproveitar este momento de cambio para impulsar unha democracia avanzada, fundada nos valores republicanos da igualdade, solidariedade e liberdade.

Somos maioría as persoas que demandamos un grande entendemento galego para saírmos desta situación de empobrecemento, marxinación, e mesmo inanición polo ruín desgoberno que estamos a sufrir.

Somos maioría quen demandamos que exista unha alternativa de confluencia e unidade que poña fin a este estado de regresión nos dereitos, liberdades e autogoberno.
… e temos que entendernos

Cando impulsamos este manifesto non queremos substituír ningún partido nin ningunha organización. Só pretendemos, dende unha posición de democracia militante, alentar un proceso que rescate a esperanza e poña fin a esa indefensión na que se encontra a maioría social.

A unidade non é para nós un recurso retórico senón un recurso natural, o máis valioso das xentes e dos pobos que non se resignan ante a inxustiza e a corrosión a que están sometidos os dereitos, e o roubo de espazos de benestar laboriosamente construídos.
A nosa proposta

Sobre a base do que coidamos o común denominador da maioría social, defensa dos dereitos sociais como punto de partida para unha sociedade máis xusta, e do dereito da xente a decidir como parte esencial dunha democracia verdadeira:

- Promover e alentar candidaturas de unidade para as eleccións municipais, subliñando a importancia decisiva que teñen os concellos como espazos de participación, transformación e emancipación.

- Promover e alentar e candidaturas cidadáns plurais a partir do protagonismo directo da cidadanía, coa procura da harmonía de principios comúns e programas concretos, a nivel local e galego.

Unha proposta coma esta ten sentido para agrupar á inmensa maioría das persoas e organizacións comprometidas coa democracia, coa defensa da maioría social e co dereito a decidir do pobo galego, para, en primeiro lugar, desaloxar a corrupción e poñer os concellos ao servizo do pobo e do noso País.

Temos a certeza de que unha alternativa común coma esta pode ser amplamente maioritaria e protagonizar os cambios que Galiza precisa con urxencia.
E VILALBA non pode nin debe quedar fóra destas mareas cidadáns.
É hora de facerlle fronte á ineficacia, ao desgoberno e á falta de igualdade e transparencia que sufrimos neste concello dende hai décadas.
É por esto que sae este chamamento á luz, dirixido a todas as vilalbesas e vilalbeses, para participar neste ilusionante movemento de cambio que está a comezar. En vindeiras datas farase unha convocatoria ABERTA para poñer en marcha unha candidatura de unidade cidadá no noso concello.

Vilalba, 13 de setembro 2014.

17 de set. de 2014

Homenaxe ao grupo A Quenlla

Redacción.-

A Quenlla recibirá en Meira, o día 21 de setembro, unha homenaxe que organiza a Asociación Cultural Xermolos. O grupo será distinguido por unha traxectoria que suma xa 30 anos nun xornada cuxos escenarios serán o Pedregal de Irimia e o centro da vila. Miro Casabella, Tino Baz ou Xiana Lastra son algún dos artistas cuxa actuación está anunciada para ese día.

O programa é coma segue:

“No ir da dignidade”

12:00: Reunión de participantes no PEDREGAL DE IRIMIA (Meira-Lugo)

12:15: Lectura Manifesto de AFIRMACIÓN NACIONAL (autor: Baldomero Iglesias,Mero)

14:00: Xantar de Irmandade.

18:00: Homenaxe ao grupo A QUENLLA (30 ANOS A LOITA LIMPA E CANTO CLARO).

HABERÁ DISTINTAS INTERVENCIÓNS DE PERSOAS E COLECTIVOS.

Para o xantar (custa 25 €) debedes avisar aos tfnos:
646413890
676219418
636032750

Método Cardiofónico de Germán Díaz

Redacción.-

O Instituto de Estudos Chairegos organiza para o vindeiro domingo, 21 de setembro de 2014, ás 20:00, no Auditorio Municipal de" Vilalba, un concerto de GERMÁN DÍAZ. Tamén o IES BASANTA SILVA organiza un concerto didáctico con este mesmo artista para o luns, 22 de setembro, ás 11:45 horas.

Método Cardiofónico. GERMÁN DÍAZ
Latidos de corazón en vinilo, instrumentos mecánicos e zanfona.
O novo espectáculo musical de Germán Díaz está basado nos ritmos de latidos do corazón que o doctor Iriarte gravou nos anos corenta e editou en vinilo co nome de Método Cardiofónico.
Tomando como base estes latidos, crea un universo sonoro único cos instrumentos mecánicos que utiliza e que len os cartóns perforados nos que Germán Díaz escribe as melodías. O playasax, a rolmónica cromática, o órgano de barbaría e a caixa de música, únense á manivela da zanfona, e á gravación de loops en directo para camiñar entre a improvisación e a rixidez dos cartóns perforados.
“Germán tiene no sólo la habilidad de despertar emociones dormidas sino que además a veces llega a paralizarnos el pulso con la delicadeza emocional que expresa mediante sus instrumentos de manivela. Claro que para llevar a cabo su Método Cardiofónico necesita que éste no se detenga ya que la música ha encontrado un aliado insólito en los latidos de corazón grabados en vinilo por el doctor Iriarte, allá por los años cuarenta, con los que documentó diversas lesiones valvulares y que Germán utiliza ahora como bajo rítmico. Así la mayor parte de esta
nueva propuesta del zanfonista parte del sonido (manipulado rítmicamente) de los latidos sobre los que va interpretando ya sea la caja de música (con la Nana 0013 comenzó su actuación) o la zanfona (caso, por ejemplo, del acongojante L ́enfant perdu). Además el chisporroteo del vinilo le da a la música un punto de extrañeza y antigüedad que envuelve el ya de por sí evocador sonido de sus instrumentos.
(...) Nunca, en todas las ocasiones en que he escuchado en concierto a Germán Díaz, he quedado indiferente. Y eso, en este momento de dictadura de la indiferencia (Josep Ramoneda dixit), es ¡insólito! Derribar la indiferencia provocando desde el ingenio creativo es hoy un ejercicio de radicalismo tan necesario (y tan raro) que conviene no perder de vista la luz de un tipo tan radicalmente necesario para la música como Germán Díaz.” (El Club de Jazz. Carlos Pérez Cruz)

GERMÁN DÍAZ.- Naceu en 1978 en Valladolid, onde realiza estudos de guitarra clásica e Filoloxía Clásica na Universidade de Valladolid. Estuda zanfona con Rafael Martín, Pascal Lefeuvre, etc... Actuou por todo o mundo en prestixiosas salas e festivais. Colaborou con numerosas formacións e intérpretes como Rao Trío, Viellistic Orchestra, Wafir Shekeldin Gibril, ...
Único zanfonista do estado que pertenceu á mítica Viellistic Orchestra, Orquestra de zanfonas asentada en Francia cos mellores instrumentistas do mundo. Posteriormente, Germán Díaz formou un dúo co director artístico da Orquestra, Pascal Lefeuvre, e cofundou o Symphonía Quartet, cuarteto ibérico de zanfonas, xunto a Rafael Martín, Marc Egea e Pascal Lefeuvre.

Programa de residencias artísticas


Redacción.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciou no Centro Coreográfico Galego (CCG) a execución das residencias artísticas de danza previstas para este ano cun traballo de investigación de movementos sobre o que se asentará ‘Hibridology’, unha das tres pezas seleccionadas no marco deste programa de apoio aos creadores.
Xunto aos títulos ‘Trump!’ e ‘Solipismo’, ‘Hibridology’, presentada polo dúo de bailaríns que integran Martina Martínez Barjacoba e Ares D’Angelo, foi escollida a través dunha convocatoria pública para abrir o seu proceso de desenvolvemento no espazo de traballo do CCG e co seu apoio loxístico.
O proxecto, que conta coa colaboración do Teatro Ensalle de Vigo, do Centro Coreográfico de La Gomera e de varias entidades internacionais –entre elas, o Laboratorio de Artes Contemporáneas de Bruxelas– forma parte dun plan de coordinación de residencias artísticas entre España, Italia e Bélxica, tanto para a investigación desta peza concreta como para establecer redes de contacto e de traballo entre os tres países participantes.
Durante a súa estadía na Coruña, os dous intérpretes traballaron sobre o concepto de exploración da convivencia física nun espazo escénico entre dous individuos en busca do éxito na súa propia, descubrindo tamén así a fraxilidade do ser humano e o sentimento de inferioridade diante de situacións críticas. Tamén indagaron sobre o comportamento mecánico do corpo dentro dunha colectividade e os seus movementos inconscientes e repetitivos que cada día se realizan sen que cadaquén se decate.
Asesoramento artístico e técnico
A finalidade do programa de residencias artísticas é a de lles achegar aos artistas individuais ou colectivos un espazo para o desenvolvemento dos seus proxectos de investigación, experimentación, creación e produción. Ademais de contar coas instalacións facilitadas pola compañía pública de danza, os proxectos escollidos disporán de apoio loxístico e de asesoramento tanto a nivel artístico como en relación cos procesos de montaxe e distribución. O acordo contempla tamén a presentación e/ou exhibición no Centro Coreográfico Galego do resultado final dos traballos.
Para a elección dos proxectos tívose en conta o seu carácter innovador, a súa incidencia na creación de redes de colaboración interdisciplinaria e a súa capacidade de achegamento á cidadanía mediante estratexias de participación e creación de públicos. Tamén se valorou a traxectoria e as actividades previas desenvolvidas polos solicitantes, así como a calidade, coherencia e viabilidade das iniciativas presentadas de acordo co seu calendario de execución e o equipo humano implicado.

16 de set. de 2014

Lúas de outono

Redacción.-

O pasado día 8 celebrábase o décimo aniversario do pasamento, na cidade da Coruña, do escritor Manuel María, nacido en Outeiro de Rei en 1929. Escritor entregado á vida en compañía de Saleta Goi, Manuel María é autor dunha ampla obra que abrangue a poesía, o teatro e a narrativa. Sempre comprometido coas causas que consideraba xustas e co proxecto de Galicia como nación, xunto con Saleta fixou a súa residencia na Coruña, tras xubilarse da profesión de procurador dos tribunais que exerceu en Monforte de Lemos.

Na súa honra, presentouse hoxe a VI edición de Lúas de outono 2014 que se vén realizando por estas datas coincidindo co cabodano do falecemento do escritor. A presentación tivo lugar diante da estatua homenaxe a Curros Enríquez, nos Xardíns de Méndez Núñez, por ser este un lugar emblemático na memoría de Manuel María. Alí foi onde recibiu o seu primeiro bautismo infantil coruñés, coas brincadeiras dos rapaces da cidade, cando viña pasar á beira do mar as vacacións da infancia. Xa de adulto, Curros xunto a Rosalía de Castro, serían as súas grandes referencias poéticas.

Nesta ocasión, Lúas de outono, combinará danza, música en directo e poesía. Na conmemoración do décimo cabodano do seu pasamento, será a compañía coruñesa Nova Galega de Danza a que “poñerá sobre o escenario as súas pezas máis aplaudidas, ademais de incormporar pezas novas e orixinais sobre a poesía de Manuel María. Un espectáculo de gran beleza e sensibilidade baseado en recrear e actualizar a nosa tradición”, comentou Alberte Ansede, Secretario da Fundación Manuel María.


Alberte Ansede, Xaime Pablo Díaz e Pedro Lamas presentaron Lúas de outono 2014.
Asende apuntou tamén que a elección para que Nova Galega de Danza levará a cabo o espectáculo non foi casualidade xa que “tanto na obra de Manuel María como nos espectáculos da compañía dánse a combinación perfecta de tradición e modernidade”. A parte destas similitudes de forma, dáse a casualidade de que o primeiro espectáculo que levou a cabo a compañía coruñesa, Alento, estreábase poucos días antes da morte de Manuel.

A dirección musical do espectáculo correrá a cargo de Pedro Lamas, director musical de Nova Galega de Danza e no plano artístico corresponderalle a Xaime Pablo Díaz, director artístico da compañía. Ademáis de música e danza tamén haberá tempo para recordar os versos do poeta que se integrarán no espectáculo.

A cita será este vindeiro martes, 16 de setembro, ás 20.30 h no Teatro Colón. A entrada, de balde, pode retirarse nas taquillas do teatro, ata completarse o aforo.

15 de set. de 2014

A lonxeva Pilar Losada

Antón de Guizán.-

Pilar Losada Paz ten 107 anos. Naceu nos Vilares de Guitiriz e reside en Sestao, onde foi visitada por Pastora Veres para entrevistala para o seu proxecto OS VILARES, LAREIRA DE SOÑOS. Pilar é unha das persoas máis vellas de Galiza e a máis vella de Vizkaia, onde reside.

A súa experiencia vital é tal que coa súa idade aínda conserva a memoria de numerosas vivencias importantes e unha alegría e vitalidade inusuais nunha persoa da súa idade.

Pilar é filla de Agustín e de María Josefa. Casada con un de tantos emigrantes a Cuba naqueles tempos, como milleiros de galegos e chairegos, tivo unha taberna no lugar do Cabezolo dos Vilares, centro de venda de todontipo de necesidades, taberna, salón de baile e labores agrícolas. Un "centro comercial" no que traballaba toda a familia.

Os fillos marcharon tamén noutra corriente migratoria a Bilbao, onde montaron o Bar Guitiriz de Sestao e do que se lembra de pelar patacas ao longo de moitos anos para o xantar de obreiros dos altos fornos que alí paraban.

Pilar non faltou ano tras ano á súa cita co Festival de Pardiñas co seu posto de medias de lá ate o 2013. Neste ano un pequeno problema de saúde impideulle asistir, pero alí estiveron as súas fillas Alicia e Avelina, que continúan coa tradición de tecelás da súa nai.

Son numerosas as anécdotas e lembranzas desta impresionante muller traballadora, e que estàn recollidas por Pastora Veres para ese traballo dos Vilares, esa parroqua que como cwntos no país, gardan baúles de segredos sorprendentes.

Pilar é memoria viva da nosa historia recente, ela mesma é parte activa da nosa historia.

14 de set. de 2014

Xermolos: "Letras sempre"

Redacción.-

É tal a pegada que está a ter o Ano de Díaz Castro que Xermolos sente a necesidade de afondar nesta fortuna de poder celebrar ó poeta de Guitiriz. Xa a comezos dos 80 viviu intensamente algo semellante, a recuperación de Díaz Castro, que vivía en Madrid xa esquecido ata polos veciños. Cando retorna colabora con Xermolos que converte nun dos seus fogares ata o seu pasamento. Coa designación do Día das Letras Galegas, Xermolos, aínda reforzou a súa experiencia de como tiñan que multiplicar o esforzo para que o poeta tamén fose lido e coñecido máis alá... Pero o proceso foi marabilloso en todos os sectores da poboación, a comarca sentiu intensamente a beleza dos versos do autor de Guitiriz, e houbo unha fervenza creativa en todo o país. Agora coa campaña “Letras sempre: De Díaz Castro a Manuel María”, quere compartir a súa vivencia deste ano con todo o país, porque considera que en todas as comarcas, hai escritoras e escritores que cómpre ler e coñecer, ó pé da casa en toda Galicia... Coma a Díaz Castro, considéraos verdadeiros monumentos literarios, coma os castros, igrexas con valor artístico, as paisaxes, etc... Máis alá da designación da autora ou autor da Festa das Letras pola Academia, cada comarca debe celebrar sempre ás e os seus cantores. Xermolos está en contacto con asociacións e centros de ensino de varias comarcas para seguir achegando o legado de Díaz Castro, mesmo o vindeiro ano nos 25 anos do seu pasamento. Esta campaña comeza este sábado no XXVIII Festival da Poesía en Salvaterra do Miño, cun concerto de A Quenlla dos versos de Díaz Castro, Manuel María e outr@s poetas, e rematará o 12 de setembro do 2015, na XXXVIII Romaxe de crentes galegos en Penas de Rodas de Outeiro de Rei.

A andadura deste ano inspirou a Xermolos varias actividades que vai suxerir a institucións coma asociacións e centros de ensino, así o Certame Escolar de creación audiovisual “Nimbos de Luz”, dado o número de gravacións que este ano recibiu para o Certame Terra Chá, ou a Festa da Fala que celebrou no San Alberte... Vai potenciar a Casa das Palabras onde se conserva o legado de Díaz Castro, para que en todas as comarcas se faga outro tanto c@s seus autores.. Apostou pola cultura de base, a que protagonizan cada día as mulleres e homes do noso pobo, principiando polos máis novos, convencidos de que moitas institucións so manipulan as esencias do pobo coma unha pantalla que escurece as angueiras creadoras das e dos “bos e xenerosos”.

13 de set. de 2014

Os d’Abaixo chegan a Vilalba

Redacción.- Os d’Abaixo chegan a Vilalba, onde actuarán mañá venres no Auditorio Municipal a partir das 20:30 horas, nun acto organizado polo Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA). A banda apareceu no ano 2010 co obxectivo de promover e animar bailes e festas tradicionáis na contorna de Santiago de Compostela. O seu repertorio recolle algunhas das pezas populares sobranceiras da música galega, á marxe da súa orixe, autor, ou de quen as tivera gravado ou interpretado anteriormente. O que pretenden é ofrecer unha escolma de música cargada de forza e enerxía que leve ao baile e á foliada ao xeito de antes.

Son un grupo no que se atopa xente que toca por afección e leva toda a vida vencellada ao folclore galego, xunto  a  músicos  profesionáis  de  gran  traxectoria  en  bandas  como Berrogüetto ou Fía na Roca.

Os d’Abaixo traballan para crear novos espazos onde todo o mundo poda desfrutar e participar da música e do baile tradicional. Asisten a festiváis e encontros tanto en Galicia coma no resto de Europa, acompañados cando é preciso de versados bailadores/as que amosan aos non iniciados os alicerces da danza galega. Faise asi posible que quenes teñan disposición sexan quen de comezar a bailar muiñeiras, carballesas, xotas, valses e pasodobles, vivindo de cheo toda a potencia da festa galega.


Na súa pequena traxectoria, por agora de catro aniños, Os d’Abaixo amenizan durante todo o inverno un baile tradicional galego que se celebra unha vez ao mes nunha asocición cultural de Santiago de Compostela. Ademáis de estar comezando a súa andaina por diversas festas e festiváis de Galicia, podemos destacar un Festival de Músicas do Mundo en Maio 2012 (Etxarri-Aranaz -Navarra-), o Festival  “Le Grand Bal de l’Europe” en Xullo 2012 (Gennetines -Francia-) e o Festival Intercéltico de Lorient en Agosto 2013 (Lorient -Bretaña-) amenizando o stand de Galicia.

11 de set. de 2014

I Premio "Xermade na Historia"

Redacción.- Co gallo da celebración das X Xornadas Interxeracionais Rurais de Cabreiros, convócase a primeira edición do premio de investigación "Xermade na Historia". Os temas sobre os que poderán versar os traballos deben estar relacionados co patrimonio etnográfico e cultural do Concello de Xermade (tradicións, festas, ritos, arte popular, lendas, memoria histórica, costumes, literatura oral, etc. Haberá dous premios: un primeiro, dotado con dous mil euros; e un segundo, de mil euros. As bases completas do galardón poden consultarse descargando a imaxe superior.

10 de set. de 2014

O Manuel da Chaira

Martiño Maseda.- No camposanto de Outeiro de Rei o lenzo da tarde tinguíase por momentos con matices agrisados, mais os raios do sol diluían co seu intenso fulgor a sutil penumbra que tiña a ousadía de colorear, de xeito disimulado, o rostro da beleza natural. E alí estabamos para render homenaxe á palabra, feita poesía, feita cultura, feita país. A palabra no tempo fóra do tempo. A palabra feita terra inocente, pura, inexorábel. E alí nos atopabamos para sublimar outro día máis doutro ano máis a figura do Manuel María. O carballo baril, a voz inmarcesible da Chaira. No décimo cabodano do seu pasamento, a tribo xuntouse ao redor do seu leito eterno para acompañalo nesa longa viaxe do espírito pola memoria dos que temos saudable morriña da súa figura e da súa linguaxe poética. 

Arreo, a voz indómita e decidida do David Otero convidounos a gardar silencio para escoitar como se achegaba a nós o carro do Manuel nas voces afoutas do Mini e do Mero, ás que sumamos as nosas para converter en máis universal ese canto poético. Polo océano da ledicia navegaron versos e rosas, amizade e rebeldía. Expresión da galeguidade inherente á nosa matria. No Manuel, de seguro que medrou o contento pola nosa agarimosa presenza.

Aboiando nas augas transparentes da fraterna reivindicación camiñamos cara á carballeira de Santa Isabel para celebrar o rito da navalla, entregándolla nesta ocasión ao Felipe Senén e in memoriam ao Suso Vaamonde, outros dous paradigmas de como enxalzar a cultura, a historia, a lingua da Galicia que nos constitúe e nos dignifica. Encetando o solpor doutro oito de setembro, os fillos da tribo galega comungamos con pan, queixo e viño, acompañados pola música que xurdía dos nosos corazóns e que ía escribindo as súas notas no pentagrama das árbores que medraban cara ao ceo dos seres libres, aló enriba onde nos alenta cos seus versos de loita e resistencia o Manuel María da Terra Chá.

I Torneo Narón Freixo de fútbol base

Redacción.- A pasada fin de semana celebrouse no Estadio de Río Seco en Narón o I Torneo Narón Freixo de Fútbol nas categorías de prebenxamíns, benxamíns e alevíns onde competiron 44 equipos, cun total de máis de 600 nenos que puideron disfrutar destas xornadas de competición, nas espléndidas instalacións municipais de Río Seco.
Durante o sábado entraron en xogo os alevíns, 16 equipos, onde tras un duro día de competición, chegaron a cuartos de final os equipos Imperator, Rapido de Neda, Xuventude de Oroso, Animas, Racing de Ferrol, O Val de Narón, Ural e Orillamar pasaron a semifinais: Racing de Ferrol, Ural CF, Xuventude de Oroso e Imperator que despois de disputalos seus encontros deixáronnos unha final entre as escadras coruñesas do Imperator e do Ural CF e tras un fermoso enfrontamento chegaron empatados a dous tantos ó pitido final, e foi a lotería dos penaltis a que decidiu que fose o Imperator o vencedor deste primeiro torneo de fútbol alevín organizado polo Narón Freixo.
A clasificación final quedou así:
ALEVÍNS:
1º IMPERATOR
2º URAL CF
3º XUVENTUDE DE OROSO
4º RACING DE FERROL
PORTEIROS MENOS GOLEADOS:
UNAI VARELA e SANTIAGO GARCIA do IMPERATOR.
MAXIMO GOLEADOR:
MARTIN FERNANDEZ do URAL CF.
MELLOR XOGADOR:
OSCAR REMUIÑAN do XUVENTUDE DE OROSO
MELLOR ADESTRADOR:
JUAN DEL RIO do IMPERATOR.
O domingo foi o día dos prebenxamíns, 12 equipos e dos benxamíns, 14 equipos, que ese día competiron nas instalacións de Río Seco ,a xornada deparounos grandes momentos de fútbol nos tres campos habilitados para ese día.
En  Prebenxamins chegaron a cuartos de final Imperator ,Galicia de Mugardos, Galicia de Caranza, Narón Freixo B, Xuventude de Oroso, O Val de Narón, Ural e Naron Freixo A. Pasaron a semifinais Imperator, Racing de Ferrol, Xuventude de Oroso e Galicia de Caranza ,  e na final o Imperator. impúxose o Xuventude de Oroso  por dous goles a un nun partido cheo de emoción e bo xogo por parte dos dous equipos.A clasificación final quedou asi:
  PREBENXAMÍNS
1º IMPERATOR
2º XUVENTUDE DE OROSO
3º RACING DE FERROL
4º GALICIA DE CARANZA
MELLOR PORTEIRO:
ELOY RAÑA do IMPERATOR
MÁXIMO GOLEADOR:
OLIVER CHENEL do XUVENTUDE DE OROSO
MELLOR XOGADOR:
OLIVER CHENEL do XUVENTUDE DE OROSO
MELLOR ADESTRADOR
HUGO RAMA do XUVENTUDE DE OROSO

Na categoría de BENXAMÍNS os cuartos de final foron disputados por Imperator, Galicia de Mugardos, Galicia de Caranza Narón Freixo B, Xuventude de Oroso, O Val de Narón, Ural e Narón Freixo A. Nas semifinais enfrontaronse Imperator, Galicia de Caranza, Xuventude de Oroso e Ural. Disputando a final Xuventude de Oroso contra o Imperator  onde un unico gol anotado polo Imperator deulles a vitoria os coruñeses. .A clasificación final quedou así:
 BENXAMINS
1º IMPERATOR
2º XUVENTUDE DE OROSO
3º URAL CF
4º GALICIA DE CARANZA
MELLOR PORTEIRO:
PEDRO RODRIGUEZ do XUVENTUDE DE OROSO
MAXIMO GOLEADOR:
BRUNO SAAVEDRA do XUVENTUDE DE OROSO
MELLOR XOGADOR:
JAIME COBAS do IMPERATOR

MELLOR ADESTRADOR:

FABIO RODRIGUEZ do URAL CF

9 de set. de 2014

A Manuel María, dez anos despois

Moncho Paz.- O pasado sábado visitei a Casa de Hortas, entre sonetos. E invadíronme moreas de lembranzas, desde que a finais dos anos oitenta tiven o pracer de coñecer persoalmente a Manuel María en Monforte de Lemos, sempre acompañado da súa inseparable Saleta, ao fronte da libraría Xistral. Foron intres compartidos con outro compañeiro de profesión, Antón Grande, o noso prezado Tucho Penela, co que disfrutei naquel tempo de longas viaxes en motocicleta ao longo da provincia de Lugo. Daquel primeiro encontro co poeta saiu unha conversa en estilo indirecto, publicada no xornal El Progreso baixo o título "Un home bo e xeneroso" e que anos mais tarde foi recollida no Caderno de Estudos Chairegos editado polo IESCHA. A entrevista foi do agrado do Manuel, pois agasalloume con varios libros dedicados que recibín por sorpresa nunha calurosa tarde de agosto, mentres traballaba na Redacción de El Progreso en Lugo. E dende entón fúmonos atopando: no Día das Letras, no 25 de xullo, na galería Sargadelos de Compostela, na Feira e Festa de Xermolos en Guitiriz... Longos momentos compartidos, nos que aprendín a escoitar aos nosos devanceiros. E hoxe lembro todo isto en Outeiro de Rei, mentres Felipe Senén recibe a navalla do Manuel, e non esquezo ao mestre cunha mistura de tristeza e ledicia, como a el lle gostaría, pois "Nesta casa eu nacín, amei, sufrín... / A súa memoria, firme e perdurábel, / Que lembranza  conservará de min?". Toda, amigo Manuel, toda.

8 de set. de 2014

Manuel María, por David Otero

Manuel…
Van aló dez anos
e as sonoridades da absoluta querencia
e por ti
acariñan preservando a nosa memoria (e sempre),
a que se reforza e determina na palabra…
túa e nosa… popular e nacional.
E hoxe aquí concorremos sen nostalxias
e tal abrazo primoroso compañeiro
esgazando tanta maledicencia…
Vai a pronunciar amorosa do teu nome…Manuel (e proclamando)
Afirmándote así en vida sempre.
Afirmándote así en obra sempre.
Pois soamente nós envellecemos
e danos medo Manuel…esta Galiza
tan deixada de si…momificada,
e vendo ir polo máis dentro dos nosos corpos
as arañas tan cabronas e triunfantes
chuchándonos esencias…baleirándonos.
E por riba nós, Manuel…, resignados tan delicados…
perante dese falsificar e roubo
tan democráticamente dámoslles a palabra…
para que nos poñan… un contra un…
e consentirlles así o noso esfarelamento…
a compases de múltiples retiradas.
Para cando pois Manuel…
o saber dos nosos ventos ceibes,
o saber das luces estreladas,
o saber do canto do noso pobo,
para que así xurda comunal o brado puro e consentido
na casa da flor vermella…
Liberada…

Colexios sexistas

Xulio Xiz.-

Aínda hai colexios que segregan aos alumnos por sexo. Pois alá eles, e alá os pais que permiten que os seus nenos e nenas reciban formación por separado, que a fin de contas é a preparación para a vida dos que serán adultos e adultas do mañán.

Eu non sei que colexios seguen a separar os nenos e as nenas, que me parece cousa de hai un século, xa que menuda preparación para a vida do futuro se consegue separando o que a natureza, a familia e a sociedade teñen perfectamente planificado, pensando na convivencia sen ter en conta se un é home ou muller, que o que a educación debe conseguir é que todos saibamos que somos iguais, por principio.

Eu tiven etapas formativas onde iámos mesturados nenos e nenas, desde os tres anos ata os dezasete. Dándose a circunstancia de que na Academia privada –non había outra- na que eu estudiaba en Vilalba estabamos mesturados na clase e cando acudíamos a Maxisterio a Lugo a examinarnos tiñamos separación, nunha escola dúplice, masculina e feminina, no mesmo edificio pero con sectores e portas diferentes.

Cando os meus fillos –neno e nena- nos xa lonxanos anos setenta, comezaron a súa formación, escollemos para escolarizalos o único colexio privado de Lugo que podían ir xuntos: o colexio relixioso das Madres Josefinas, o primeiro que abordou este problema.

Se un colexio de monxas ten solucionado este problema desde hai case corenta anos, Deus nos libre dos que crean que por estudiar xuntos pode haber algún problema.

Quero lembrar aquí -permítanme un anaco de humor- o que lle escoitei hai moitos anos á profesora sevillana Sara González Niza: Contaba que un mexicano andaba sempre presumindo de que no seu país eran todos moi machos, pero que moi machos... E ela dicía: “Pues en Sevilla somos mitad y mitad y lo pasamos de miedo”. Pois dito queda, e quen queira entender, que entenda.

As laranxas máis laranxas...

Redacción.-

O Centro Dramático Galego (CDG) iniciou os ensaios da nova produción do Centro Dramático Galego (CDG) sobre a obra de Carlos Casares ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’, que, baixo a dirección do creador luso-brasileiro José Caldas, culminarán coa estrea desta montaxe como apertura da temporada 2014-2015 da compañía pública o vindeiro 3 de outubro no Teatro Principal de Ourense.
Alba Taín, Alberte Cabarcos, Davide González Lorenzo, Ailén Kendelman, Fran Lareu e Laura Villaverde integran o elenco de actores, músicos e cantantes que precisa a interpretación deste espectáculo dirixido a todos os públicos. Os seis foron seleccionados nun proceso de audición pública no que se valorou a súa idoneidade para encarnar os personaxes de Elías, Anxa, Veciño Gordo, Veciña Desdentada, Veciña Sabida e Veciño da Escopeta, ideados por Carlos Casares como intérpretes dos diálogos, das cancións e dos distintos instrumentos populares que se exhiben en ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’.
Elementos escenográficos de hai 10 anos
A compañía traballará durante todo este mes de setembro no Salón Teatro de Santiago ás ordes do luso-brasileiro José Caldas, como director escénico e autor da versión dramatúrxica; e de Bernardo Martínez, na dirección e composición musical. Ambos os directores, que xa foran en 2004 os responsables da montaxe deste texto para o Centro Dramático Galego, asumen tamén agora a súa reposición.
Na nova posta en escena recuperaranse elementos escenográficos, de vestiario e de ‘atrezzo’ utilizados hai dez anos para levar ás táboas o texto de Casares nunha versión escénica que incorpora referencias a outras obras para público infantil e xuvenil do autor.
Xunto a Caldas e Martínez compoñen o equipo artístico do espectáculo María Sofía da Silva (escenografía e vestiario), Juanjo Amado (iluminación), maría Negreira (xastrería), Magdalena de Rojas, Cristina Novoa e Pilar Sampedro (guía didáctica), Óscar Villán (ilustracións), Fran Veiga (produción) e Anabell Gago (axudantía de dirección).
Cos centros de ensino
Despois da súa estrea oficial en Ourense o 3 de outubro, onde se realizarán dúas funcións previas dirixidas a centros de ensino, o CDG abrirá unha serie de representacións por distintos escenarios galegos. Nesta xira combinarase unha especial dedicación á comunidade escolar, mediante a participación de mestres e alumnos a través de funcións concertadas e da posta a disposición de materiais didácticos específicos; así como do público familiar para as funcións programadas en días non lectivos.
‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ está considerada como unha das principais contribucións de Carlos Casares (Ourense, 1941-Vigo, 2002) ao ámbito da literatura infantil e xuvenil, galardoada en 1973 co I Premio de Literatura Dramática para a Infancia e a Mocidade da Asociación Cultural ‘O Facho’. Este foi, ademais, o texto elixido polo Centro Dramático Galego para producir hai dez anos o seu primeiro espectáculo especialmente dirixido aos espectadores máis novos e co que acadou un notable éxito de público.

6 de set. de 2014

Cultura no Camiño

Redacción.-

O programa Cultura no Camiño 2014, que a Xunta de Galicia impulsa a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Turismo de Galicia, entrará na súa recta final durante o mes de setembro con 43 actuacións de teatro, música, danza e novo circo en 29 municipios galegos. Estas serán as últimas funcións do total de 323 incluídas na segunda edición deste ciclo, que se vén desenvolvendo desde abril en colaboración con 81 concellos polos que transcorren as diferentes rutas do Camiño de Santiago.

As últimas propostas de 134 compañías e artistas de toda Galicia dan forma a esta intensa oferta cultural, que se insire, á súa vez, na conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela e conta co apoio de Gadis como empresa patrocinadora.

Programación de setembro
O calendario de setembro deu comezo o pasado mércores día 3 con ‘Contos de lobo’, espectáculo para público familiar que Ghazafelhos porá en escena na praza da Constitución de Vilalba. Nesta primeira semana do mes, tamén terán lugar representacións hoxe venres 5 con Seisdedos Títeres en Pontecesures, os magos Martin Andersen en Rodeiro e Martín Camiña en Carral, e o Grupo de Música Antiga Martín Códax en Amoeiro; e mailo sábado 6 coa Banda Artística de Merza en Lugo e Os Quinquilláns en Negreira.

Estas son sete das 38 formacións que actuarán nos 29 municipios nos que se desenvolverá esta carteleira de setembro: 11 deles na provincia da Coruña (A Coruña, Abegondo, Carral, Culleredo, Dodro, Dumbría, Fene, Fisterra, Neda, Negreira e Teo), nove en Lugo (A Fonsagrada, Baleira, Begonte, Guntín, Lugo, Palas de Rei, Sarria, Sober e Vilalba), catro en Ourense (Amoeiro, Coles, O Barco de Valdeorras e San Cibrao das Viñas) e cinco en Ponteveda (O Rosal, Pontecesures, Rodeiro, Silleda e Tui).

Novo circuíto para os espectáculos galegos
Coordinado por Cultura e Educación, a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e en colaboración con Turismo de Galicia, esta edición de 2014 duplicou o número de municipios participantes respecto da súa anterior entrega, celebrada en outubro de 2013. Supón, en consecuencia, a vertebración dun novo e extenso circuíto de distribución de producións escénicas e musicais galegas a través de concellos situados nas diferentes rutas xacobeas: Camiño de Fisterra-Muxía, Camiño Francés, Camiño Inglés, Camiño Portugués, Camiño de Inverno, Ruta Xacobea do Mar de Arousa-Río Ulla, Camiño Primitivo, Camiño do Norte e Vía da Prata.

En canto á distribución territorial da segunda edición do programa, na provincia da Coruña 31 concellos acollen 116 actuacións; en Lugo, 18 concellos ofrecen 80 espectáculos; 10 concellos de Ourense poñen a disposición do público 39 funcións; e na provincia de Pontevedra, 22 concellos levan aos escenarios un total de 88 representacións.

A programación actualizada pode consultarse na sección de axenda da páxina web da Agadic (http://www.agadic.info/Axenda) e na Axenda Cultural de Galicia do web de Cultura da Xunta de Galicia (http://cultura.xunta.es/axenda).

5 de set. de 2014

As fotos máis antigas de Galicia

Redacción.-

O Café Casino de Santiago acolle desde hoxe ‘As fotos máis antigas de Galicia’, unha exposición que reúne un total de vinte instantáneas –dezanove de Santiago e unha de Ferrol– nas que se amosan monumentos, espazos ou acontecementos de mediados do século XIX. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, foi o encartado de inaugurar a mostra.

Nesta exposición, levada a cabo por Alvarellos Editorial en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación e co Concello de Santiago, “atopámonos –dixo Vázquez Abad– ante unha senlleira representación visual na que, máis que cantidade, o que importa realmente é o agasallo documental e artístico” que estará dispoñible no Café Casino da rúa do Vilar todo o mes de setembro e, nos próximos meses, percorrerá un total de catro centros socioculturais da capital galega –Fontiñas, A Rocha, Ensanche e Conxo– para viaxar, posteriormente, a outros puntos do país.

As fotografías
Parte das imaxes, agora rescatadas, foron incluidas no álbum fotográfico co que se agasallou á raíña Isabel II cando, no ano 1858, visitou Santiago e diversos puntos da comunidade autónoma, e proceden de varios arquivos públicos, coleccións privadas, traballos de investigación ou do Palacio Real de Madrid onde aínda se conserva un orixinal.

O artista compostelán Andrés Marcelino Cisneros é o autor de dezanove das vinte imaxes que, por primeira vez, se poderán ver xuntas en público. Tal e como dixo Vázquez Abad, detrás do obxectivo destas imaxes “descubrimos a un auténtico precursor da fotografía galega e española ao que lle debemos o feito de que Santiago de Compostela figure entre as cidades pioneiras no cultivo dun xénero artístico que revolucionaría a nosa forma de ver a realidade, a nosa maneira de ver e comprender o mundo, como é a fotografía”.

A editorial Alvarellos xa publicou o pasado mes de agosto unha serie de dez postais conmemorativas cunha selección das mellores imaxes que se poden ver nesta mostra xa que, segundo sinala Alvarellos “a orixe e difusión das cartas postais está moi vencellada ao invento da fotografía, polo que pensamos que era unha boa idea esta edición de postais”.

4 de set. de 2014

Observación de libélulas

Redacción.-

Este sábado 6 de setembro realizarase unha saída pola Reserva da Biosfera de Terras do Miño para observar a elevada biodiversidade de libélulas e cabaliños do demo existentes neste territorio.

Por iso a Asociación pola Custodia do Territorio invita a participar nesta xornada a quen queira ir. A xornada comezará ás 11:00 na Casa das Insuas, Rábade (Lugo) e visitaranse diferentes ríos, lagoas e humidais da zona. É necesario traer roupa e calzado de campo cómodo así como bebida e comida para o xantar.

Inscrición gratuíta e máis información en custodiadoterritorio@gmail..com ou no 630-94.82.93.

Ser chairego, unha honra

Antón de Guizán.-

Levo pensado máis dunha vez que a Chaira marca máis aló de ter nascido nela, e teño visto mostras, tanto en famosos como en anónimos. Unha coñecida pola trascendencia pública de quen presume de tal é a de Manu Chao, que non naceu na Chaira pero sí o fixo seumpai e antepasados, e presume de chairego por onde se atope.

Hai máis, moitos máis, cada un no seu ámbito, por modesto que sexa que sinten o orgullo e a querencia pola súa terra e a trasmiten aos seus. Porque a Terra Chá enche e engancha como encheu e enganchou aos poetas, a Manuel María ao que inspirou e a Díaz Castro que estando fora, nunca se foi.

Así, aínda puiden comprobar en Moeche comomoutro chairego nado en Ferrol, sigue a ser chairego e exercendo alí onde se atope, Man Castro, Germàn Castro Tomé, presidente do Clube de Prensa de Ferrol e xornalista que foi do Diario de Ferrol, La Voz de Galicia e outros medios e que procede dos Vilares, concretamente dos Manchás e que tenmparentesco directo co poeta Díaz Castro.

Man, ferrolán de nacemento e convicción, comparte orgullo de nacemento e procedencia alí donde se atopa e da exemplo. Un home bó e xeneroso, un chairego exemplar sin ter nacido nin residido na Chaira.

Sempre penso na màgoa de que esa querencia polo propio lugar, non se teña estendido ao País, Galiza, da mesma maneira. De ser así, non dubido que a nosa autoestima como galegos nos tería elevado a máis altas cotas de progreso. Precisamos moitos Manu Chao, Man Castro e numerosos chairegos de dentro e de fora, que ademáis de chairegos, exerzamos de galegos, sumando forzas co mesmo sentimento de galegos de outras comarcas do país co máis próximo e tamén co conxunto, Galiza.Non esquezamos que A Chaira é fundamentalmente, galega.


2 de set. de 2014

XVI Encontros de Normalización Lingüística

Redacción.-

A XVI edición dos Encontros de Normalización Lingüística que organiza o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), abre o seu foco de actuación para analizar a realidade plurilingüística de España. “Unha vez que saímos do marco galego, tentamos dar unha visión de conxunto diferente, e dar un panorama xeral comparando a evolución e sociolingüística das diferentes linguas de España, pero tamén da política das institucións españolas” explica Henrique Monteagudo, coordinador destes encontros, que se desenvolverán entre o 24 e o 25 de setembro. A inscrición, libre e gratuíta, pódese facer a través da páxina web da institución.
O programa da XVI edición dos Encontros de Normalización Lingüística está estruturado en dúas vertentes: no primeiro día atenderase a contrastar a situación (evolución, perspectivas, sociolingüística…) das linguas cooficiais, como o catalán e o vasco. O segundo día céntrase nos diferentes aspectos da política lingüística española en relación co multilingüismo interno. Henrique Monteagudo e Susana Mayo son os coordinadores deste encontro, que tamén se poderá seguir en directo desde a rede.

Primeiro día: as outras linguas cooficiais
“Nesta ocasión imos facer un esforzo para que sexan os propios especialistas de cada territorio os que expliquen cada lingua empregando as mesmas variables, como o coñecemento, uso e lingua inicial, para así poder ofrecer unha perspectiva comparada” asegura Henrique Monteagudo. Polo caso catalán estará Miquel Pradill, que é profesor titular de Fonética e Fonoloxía e de Sociolingüística do Departamento de Filoloxía Catalana da Universitat Rovira i Virgili e membro do Institut d’Estudis Catalans e do Consell Social de la Llengua Catalana da Generalitat de Catalunya. No caso vasco falará Patxi Batzarrika, que é o viceconselleiro de Política Lingüística do Goberno Vasco. Será David Guardado, pedagogo e profesor, quen se encargará de dar a perspectiva do caso asturiano.

Segundo día: a perspectiva da España plurilingüe
Para o segundo día dos encontros, o coordinador establece que “prestamos atención á España castelanfalante e á política das institucións, como poden ser os tribunais ou os medios de comunicación”. Para estes asuntos, estarán presentes Francisco Caamaño, que foi ministro de Xustiza entre 2009 e2011. O xornalista Iago Martínez será o encargado de analizar a diversidade de linguas de España nos medios de comunicación, mentres que o antropólogo Andrés Barrera falará do “plurilingüismo na cultura lingüística española”.

Nese segundo día, que se desenvolve en horario de mañá e tarde, integrarase a política lingüística dentro do marco europeo. Para iso, Alba Nogueira e Carmen Alén serán as encargadas de situalo no marco da política europea e, nomeadamente, na Carta europea das linguas rexionais e minoritarias.

Completa o programa Xaime Subiela, para analizar a sociolingüística e a glotopolítica en galego, e Héctor Silveiro, que fará un achegamento á situación do galego que se fala en Estremadura hoxe en día.

O encontro inclúe tamén a proxección de Fronteiras, o documental elaborado por Rubén Pardiñas que aborda un percorrido polos límites culturais e xeográficos de Galicia. Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Beiras, Manuel Fraga, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Francisco Fernández Rei son algúns dos entrevistados neste documental.

Centro de Documentación Sociolinguística de Galicia (CDSG)
O CDSG é un dos arquivos que conforman o Consello da Cultura Galega. Entre os seus obxectivos figura participar, como axente activo, no proceso de normalización do idioma galego, propiciando o intercambio e difusión dos materiais xerados neste proceso e creando foros de debate e reflexión arredor da planificación lingüística en Galicia. Compila a documentación relacionada coa planificación tanto do galego como doutras linguas minorizadas con situacións sociolingüísticas semellantes á nosa. Ademais, xestiona a documentación e información que xera a planificación lingüística para que volva reverter nos diferentes axentes sociais implicados no proceso.

1 de set. de 2014