Luzes 12 no camiño

Redacción.-

O novo número da revista Luzes está en camiño e neste número 12 de Luzes dedícase a capa ao audiovisual galego. Repasan a biografía dese cinema que naceu en novembro de 1989 coa estrea de tres longametraxes fundacionais: Sempre Xonxa, Urxa e Continental. Faise un percorrido a través da súa historia grazas á colaboración de vinte e cinco críticos, tantos como anos se cumpren daquela tripla estrea, nunhas páxinas especiais coordinadas polo programador José Manuel Sande.

Ademais, no interior, Montse Dopico conversa con María do Cebreiro, hai unha reportaxe de Santiago Romero sobre o abrupto remate da amizade entre Hemingway e Dos Passos tras o misterioso asasinato do galego José Roblesou, a entrevista que Ana Salgado mantén co poeta Carlos Oroza...

Manuel Gago descúbrenos tamén algunhas das curiosidades sobre a gastronomía galega, dende a Idade Media até os nosos días; adiántase a próxima novela de Diego Ameixeiras, Conduce rápido; e fálase, da man de Pablo L. Orosa, en que condicións se produce en Cambodja a roupa que vestimos.


23 de nov. de 2014

Independencias

Xulio Xiz.-

Houbo un tempo, a finais do século XX, no que se pensou que iamos conseguir os Estados Unidos de Europa, que a tendencia natural era aglutinar para ser máis fortes, e así Europa podería competir cos Estados Unidos de América.

Pero o cemento que unía nacións como Iugoslavia evidenciouse demasiado floxo, e con sangue, suor e bágoas, daquela unión forzada naceron varias repúblicas que foron atopando o seu lugar no mundo occidental.

Pois na Europa comunitaria lateron e seguen latendo particularidades que anceian a independencia, sexan Escocia, Córcega, Cerdeña ou Cataluña, aínda que estas cuestións non estean moi ben vistas pola Europa que dos vintetantos podería pasar aos cincuenta.

Os cataláns levan a dianteira coas súas reivindicacións, mentras que os vascos e os nacionalistas galegos agardan o seu momento, que bastantes problemas hai para sumarlle agora mesmo un de identidade. Pero en Cataluña a cousa vai tan en serio que, a pesar da prohibición e dictamen xudicial levaron adiante o seu simulacro de referendum, quedando contentos os dous millóns e medio -que se supón- de independentistas que, aínda que non sexan maioría, é unha cifra moi importante.

Non parece que o tema se solucione a menos que (os cartos, o primeiro) o Goberno nacional beneficie económicamente de xeito especial a Cataluña, feito que tampouco sería comprendido no resto das comunidades autónomas.

Estúdiese ou non unha nova constitución, onde se dea aínda maior capacidade de maniobra a unhas comunidades con amplos poderes autonomistas, a situación é especialmente delicada se á cuestión política se unen todos os problemas vitais que nos aqueixan e que inciden na crise total que vivimos.

Eu non digo que Cataluña non poida aspirar á independencia. Pero se eles a conseguen, a ver quen se queda atrás. E tendo en conta que en tempos que xa son historia, Cartagena declarouse independente con estatus de nación, aínda habería que especular se nunha hipotética desfeita, non deberíamos soñar cunha Terra Chá independente, naturalmente con capital na nosa vila.

A saber.

Por non ser dos que calan


(A fotografía de Albert Camus é de Henri Cartier-Bresson, en 1947)

Agustín Fernández Paz.

Nesta entrada, imos comezar polo que debería ser o final. Trátase dun vídeo onde se recolle o discurso que Albert Camus pronunciou en Estocolmo o 10 de decembro de 1957, cando recibiu o Premio Nobel de Literatura. Paréceme un texto idóneo para achegarse de primeiras á figura do escritor francés:

Ler A peste en tempos difíciles

Durante estas últimas semanas, estiven a ler La peste, a novela de Albert Camus, na tradución ao castelán de Rosa Chacel ( o orixinal, La Chute, é de 1947) Debe de ser a cuarta vez que a leo completa; non o lembro ben porque foron moitas as ocasións en que me acheguei a ela para revisar algún anaco concreto.

O que nunca poderei esquecer é a primeira vez que lin A peste. Foi no verán de 1968, no campamento de Monte la Reina, en terras de Zamora, onde eu estaba facendo as Milicias Universitarias. Un compañeiro de tenda, ao que sempre lle estarei agradecido, ía á súa casa nas fins de semana e traíame libros da biblioteca do seu pai. Libros moi ben elixidos, para satisfacer a miña fame de lecturas. Así foi como, entre outros, e sempre en edicións arxentinas ou mexicanas, pois daquela estaban prohibidos en España, lin a Sartre, a Bertrand Russell, a Kafka, a Malraux… e tamén a Camus. Unha desas semanas tróuxome O estranxeiro e A peste. Esta última, sobre todo, deixou en min unha pegada fondísima.

Eu xa devecía por ler estes autores desde había algún tempo. Non é agora o momento de contalo aquí, mais debo dicir que o curso anterior lera, na Universidade Laboral de Xixón, os catro primeiros tomos da Literatura del siglo XX y cristianismo (do belga Charles Moeller, editados en castelán por Gredos). En cada toma reúnense estudos sobre algúns autores determinados (máis da metade, prohibidos daquela en España), con abondosa información e, sobre todo, coa reprodución de extensos fragmentos das obras.

Así que, cando enfrontei a lectura d’A peste, eu xa posuía ben información sobre a novela, así como sobre outros libros de Camus que aínda tardei décadas en ler, como O mito de Sísifo ou O home rebelde ou o seu teatro. Reitero que lin o libro con ansia e que a súa lectura influíu de xeito significativo na miña visión do mundo.

Agora, cando volvín a el, despois de tantos anos, comeceino con algo de prevención. Temía que me pasase coma con outros libros, descubrir que o tempo o fixera avellentar. Mais non, todo o contrario. Canta razón ten Italo Calvino no seu ensaio Por que ler os clásicos: «Un clásico é un libro que nunca remata de dicir o que ten que dicir.» Pois A peste, nestes primeiros anos do século XXI, semella estar escrita para falar da sociedade en que vivimos hoxe.

Que nos conta Camus n’A peste?

Antes disto, sei que debería comentar algúns aspectos básicos da biografía de Albert Camus (a infancia e a mocidade en Alxeria, o seu papel dentro do existencialismo, as polémicas con Sartre, o labor como xornalista, o papel xogado na Resistencia, o Premio Nobel concedido en 1957, a súa relación con María Casares…). Mais non paga a pena facelo aquí, á vista dos excelentes textos que podemos atopar na Rede (entre eles, este de Marga do Val ou estoutro de Tony Judt). Só comentarei que Camus naceu en Alxeria, cando aínda era unha colonia francesa. A peste publicouse en 1947, e a guerra que levou á independencia de Alxeria desenvolveuse entre 1954 e 1962.

Un bo complemento para achegarse á biografía de Camus témolo nesta fotobiografía “Albert Camus, soledad por la libertad”.

Sei que a ninguén lle estrago a lectura se fago aquí un breve resumo da historia, pois o apaixonante deste libro está máis alá da anécdota, como logo comentarei.

A historia transcorre na cidade de Orán, na beiramar de Alxeria, nalgún ano da década dos corenta. O 16 de abril comezan a aparecer ratas mortas polas rúas da cidade. Veñen dos sumidoiros e saen ao exterior para morrer pouco despois, botando sangue pola boca. Ao primeiro ninguén lle dá importancia; a preocupación comeza cando o número medra de forma alarmante.

Non tardan en enfermar as primeiras persoas, con síntomas que remiten á peste bubónica, a terrible Peste Negra da Idade Media. Eses enfermos van morrendo, sen que os médicos poidan facer nada. Para non alarmar, as autoridades quítanlles importancia. Mais cando o número de casos medra sen cesar, non teñen máis remedio que facelo público: trátase da peste, que se está a estender pola cidade. Ante a gravidade da situación, o goberno decide illar a cidade. Ninguén poderá entrar nin saír dela.

Todo o anterior, e os dez longos meses en que a peste permanece na cidade, ímolos vivindo a través dos personaxes que protagonizan este libro. O principal é o doutor Bernard Rieux, que asume a responsabilidade de dirixir a batalla contra a peste. Os outros personaxes irémolos coñecendo pola relación que teñen con Rieux. Case todos eles son representativos dos diversos estamentos da cidade (agás da poboación árabe, que en ningún momento aparece no libro). Así, temos o xuíz Othon e o sacerdote Peneloux, a xustiza e a relixión. E está Tarrou, chegado á cidade un pouco antes de comezar a peste, que asume o traballo de elaborar unha crónica detallada do que vai sucedendo. Un funcionario, Grand, é quen leva as estatísticas das mortes que se producen. E temos tamén un xornalista, Rambert, que loita por saír da cidade e reunirse coa súa amada.

O núcleo da novela reside nas actitudes, nos actos e nas conversas deses personaxes ao longo dos dez meses que a cidade permanece illada. O papel da relixión, o silencio de Deus, a dor e a morte, a solidariedade dalgunhas persoas, o egoísmo da maioría… son algúns dos temas que se desenvolven n’A peste. E, sempre omnipresente, a enfermidade e as súas consecuencias: que facer cos mortos, como loitar contra ela, os cambios na vida da cidade…


A actualidade d’A peste.

A novela publicouse en 1947, cando había só dous anos que rematara a 2ª Guerra Mundial. Daquela leuse como unha alegoría sobre a ocupación de Francia polos alemáns. Ou tamén sobre a expansión nazi por Europa antes e durante a guerra mundial. E si, ambas son lecturas con sentido, sobre todo no tempo en que apareceu a novela.

Non obstante, lida desde hoxe, é doado entendela como unha parábola que pode iluminar moitos máis feitos. Pois, por desgraza, son moitas as pestes que chegan a nós.

As máis evidentes son algunhas das novas enfermidades que se estenden na sociedade e que provocan reaccións moi semellantes as que describe Camus. Lembremos a relevancia da SIDA, e os comportamentos ante ela naquelas primeiros anos en que non se sabía que era nin como se contaxiaba. Algo parecido está a ocorrer co ébola, aínda que sexa máis limitado.

Pero tamén se pode asociar a outros feitos relevantes, pandemias que hoxe se estenden polo mundo e poñen en perigo o conxunto da humanidade. Coma tal, o capitalismo sen freos que provoca cada vez unha desigualdade maior, así como o esgotamento dos recursos naturais. Ou o cambio climático, do cal xa sufrimos na actualidade as primeiras consecuencias, e que ameaza con estenderse cada día máis.

Dous breves fragmentos

Con todo, A peste é unha novela que transmite unha inmensa esperanza nas persoas. Velaquí dos anacos da parte final:

No medio dos berros que redobraban a súa forza e a súa duración, a medida que os ramos multicolores se elevaban no ceo, o doutor Rieux decidiu redactar a narración que aquí remata, por non ser dos que calan, para testemuñar en favor dos apestados, para deixar polo menos unha lembranza da inxustiza e da violencia que se lles fixera e para dicir simplemente algo que se aprende no medio das pragas: que hai nas persoas máis cousas dignas de admiración que de desprezo.

(…)

Escoitando os berros de alegría que subían da cidade, Rieux tiña presente que esta alegría está sempre ameazada. Pois el sabía que esa multitude feliz ignoraba o que se pode ler nos libros, que o bacilo da peste non morre nin desaparece xamais, que pode permanecer durante décadas durmido nos mobles, na roupa, que agarda pacientemente nas alcobas, nas bodegas, nas maletas, nos panos de man e nos papeis, e que pode chegar un día en que a peste, para desgraza e ensinanza dos homes, esperte as súas ratas e as mande a morrer nunha cidade feliz.

Outros dous vídeos e unha cita
En 1992, o director arxentino Luis Puenzo fixo unha película a partir da novela de Albert Camus, con William Hurt no papel do doutor Rieux. Velaquí o trailer:

Nestoutro vídeo temos a oportunidade de ver e escoitar a Albert Camús, nunha entrevista que lle fixeron a propósito da estrea da súa obra teatral Os poseídos en 1959:

Como remate, un anaquiño de O home rebelde, un dos ensaios máis coñecidos de Camus:

Que é un home rebelde? Un home que di non. Pero negar non é renunciar: tamén é un home que di si desde o seu primeiro movemento. Un escravo, que recibiu ordes durante toda a súa vida, xulga de súpeto inaceptable unha nova orde. Cal é o contido dese «non»? Significa, por exemplo, «as cousas duraron xa demasiado», «hai un límite que non pasaredes». En suma, ese «non» afirma a existencia dunha fronteira.


  O texto completo, con todas as imaxes, vídeos e ligazóns, pode lerse no blog de Agustín Fernández Paz: 

http://agustinfernandezpaz.eu/es/blog-afp/

21 de nov. de 2014

Mañá, estrea de "A esmorga" en Vilalba

Redacción.

A Esmorga, a película máis agardada do outono en Galicia, estrearase o venres 21 de novembro de maneira simultánea, nas principais salas de cine comercial das grandes cidades galegas e nas principais vilas, entre as que está o concello de Vilalba. No Auditorio Carmen Estévez realizaranse dous pases, un o venres 21 ás 20.30h e outro o domingo 23 ás 18.00h. O prezo da entrada é de 5€, están xa a venda na Casa da Cultura en horario de 11h a 13h e de 17h a 20h, e en taquilla o día da estrea. A idade recomendada e desde os 16 anos.

A ESMORGA é unha película baseada na gran novela do mesmo titulo do escritor galego EDUARDO BLANCO AMOR. Trátase dunha crónica tensa e intensa de vinte e catro horas na vida de tres homes (Bocas, Milhomes e Cibrán) compañeiros de esmorga que, deixando un regueiro de destrución, de sexo equívoco e reprimido, van fechando portas tras si e guindando coas chaves, como para non querer volver, tal coma se adrede camiñaran á súa perdición.

Cibrán (MIGUEL DE LIRA)
Home de carácter débil, que se deixa embrullar facilmente, vítima dalgunha forma de depresión que se activa cos incidentes climáticos. É o máis consciente dos tres, tanto no que se refire á conciencia de clase como á identificación da sociedade na que vive.

Milhomes (ANTONIO DURÁN “MORRIS”)
Vive a súa homosexualidade da única forma posible no mundo que o rodea, dominado pola homofobia. A súa vida afectiva debe disfrazarse da camaradería masculina e contentarse coa permisividade que consenten as borracheiras.

Bocas (KARRA ELEJALDE)
É un matalobos, tan amoral como o Milhomes pero cunha vontade de poder e un delirio de acadar experiencias únicas descoñecido polo seu compañeiro.

http://aesmorgafilme.com

20 de nov. de 2014

Uxía nos "concertos íntimos" da Casa de Hortas

Redacción.- O auditorio da Casa-Museo Manuel María, no corazón da vila de Outeiro de Rei, acollerá este venres 21 de novembro ás 21 horas un concerto da cantante Uxía. Trátase do primeiro dos “concertos íntimos” que a Fundación Manuel María de Estudos Galegos organizará a partir de agora periodicamente na Casa de Hortas, espazo natal do autor de Terra Chá, dentro dunha máis ampla programación de actividades culturais dirixida a todo tipo de públicos.

As entradas para este concerto teñen un prezo de 5€ e pódense reservar anticipadamente a través do correo electrónico fundacion@manuelmaria.com ou do teléfono 698 177621, opción recomendábel dado o aforo limitado do espazo e o bo ritmo ao que xa van as reservas.

Uxía estará acompañada na súa actuación polo brasileiro Sérgio Tannus á guitarra, do tamén brasileiro Paulo Silva na percusión e do galego e ex-membro de Berrogüetto Santi Cribeiro ao acordeón. Nun lugar tan especial como a que foi a antiga palleira da casa natal de Manuel María -hoxe auditorio da Casa-Museo- Uxía interpretará temas do seu disco Andando a Terra, un traballo construído a partir de textos do poeta de Outeiro de Rei que a Fundación Manuel María lanzou á venda xuntamente co poemario Os lonxes do solpor, que permanecía inédito, e o audiovisual De amor e cantería, que resultou ser premio Mestre Mateo ao mellor documentario creativo concedido pola Academia do Cine Galego. Ademais dos temas de Andando a terra, Uxía interpretará tamén algunhas das pezas máis célebres do seu repertorio.

A Fundación Manuel María de Estudos Galegos bautizou este ciclo que se inicia coa actuación de Uxía co título “De corazón a corazón. Concertos na intimidade”. Segundo o seu secretario, Alberte Ansede, “Non son concertos ao uso, pois pretendemos darlles un formato diferente. Desenvolveranse nun ambiente absolutamente íntimo que mesmo facilitará o contacto persoal e a interacción entre os artistas e o público”. “Todos e todas acabaremos cantando”, asegurou Ansede, “e no caso de Uxía, será particularmente emocionante evocar a Manuel María no mesmo epicentro da súa intimidade poética”.


Uxía xa acompañou musicalmente a xornada inaugural da Casa-Museo hai agora algo máis dun ano e volta agora a ela, inaugurando coa súa voz e a súa música un tempo de novas propostas culturais que a partir de agora a Casa de Hortas acollerá nos fins de semana. Unha programación  que, ademais dos concertos íntimos, incluirá iniciativas tanto para os máis pequenos como para as persoas adultas tales como obradoiros de contos, de construción de xoguetes e de monicreques, música, teatro e contacontos. 

19 de nov. de 2014

Cacerolada pola piscina de Vilalba

Redacción.-

Os usuarios e usuarias da piscina municipal de Vilalba convocan unha concentración de protesta e unha cazolada para denunciar a situación na que se atopa, coa empresa xestora en concurso de acredores, e o seu cadro de persoal sen cobrar case medio ano.

Todo indica que estas importantes instalacións deportivas, que son usadas a diario por xente de tódolos concellos da contorna, acabarán pechando se o concello non fai nada por evitalo. E polo que estamos a ver, o Concello non emprendeu ningunha acción que apunte cara á solución desta problemática.

Por todo o devandito, os usuarios e usuarias da piscina municipal de Vilalba, concentraranse para protestar por esta situación diante da casa consistorial e, de paso, expresar o seu apoio diante da difícil situación pola que están a atravesar os traballadores e as traballadoras da piscina.

Terá lugar o vindeiro mércores, 19 de novembro, ás 19:30 horas, e animan aos participantes a levar potas, tixolas e cazolas para armar un gran rebumbio e chamar a atención dos políticos e políticas que deberían estar a traballar para solucionar este problema.

17 de nov. de 2014

A lingua estándar

Helena Villar Janeiro.-

A maioría dos falantes de Galicia expresábanse nos seus dialectos e nas súas variantes. Eran analfabetos na lingua que falaban, por incapaces de lela e escribila. É doado rastrear as fontes das súas aprendizaxes máis formais, pois cambian de idioma en contextos non habituais, por exemplo, para repasar unha conta. “Tres por siete veintuno y me llevo dos”. Aínda hoxe, sábese en que lingua están alfabetizando un escolar pedíndolle que conte os dedos da man. Son aprendizaxes enraízadas nunha poboación que non adoitaba usar a súa fala con quen consideraba máis culto e facíao nunha lingua estándar allea á súa vida, que aprendía na escola, nas igrexas e nos escasos medios de comunicación que tiña ao seu alcance. Crían parecer máis lidos e importantes cando utilizaban unha lingua distinta á que falaban coa súa xente, coa súa veciñanza e na maioría do seu trato cos que lles eran iguais.

Acontecía, pois, que trataban de transmitirlle á prole aquela lingua allea, ás veces mal aprendida, por considerar que se falaba igual en todas partes, que estaba nos libros, que lla ían esixir na escola e que lle permitiría mellorar de estatus social. A situación dos pais que falan cos fillos nunha lingua allea a eles era vista con total normalidade pola xente. O galego era a “lingua proletaria do meu pobo” (Celso Emilio Ferreiro), que non se falaba igual no Ribeiro que en Camariñas, á que lle había que superpoñer outro estándar para dar a talla de cidadán preparado. O gaiteiro de Lugo –repertorio popular galego por excelencia- traía nunha copliña crítica con tal situación: Hai quen non vale un pitillo/ nin sementa un gran de millo/ nin ha de heredar un rego/ e dálle azoutes ó fillo/ pra que non fale galego”.

Pero hoxe o galego posúe xa a variedade estándar, que é o nivel culto que os falantes dunha lingua abandonada á súa sorte precisaban buscar noutra. Ese é o galego no que se imparten as clases, se dictan as conferencias, se escribe na prensa e se utiliza –se hai vontade de facelo- en calquera institución. Esta lingua supera os dialectos orais, que foi a maneira de falar de sempre. E todos os rexistros dun idioma son compatibles. Os cántabros non falan como os andaluces, mais os xornais publicados en ambas comunidades escribiranse igual. Porque iso é o que pasa con todas as linguas do mundo cando conviven en normalidade cos seus falantes.

Imaxe: Helena Villar Janeiro
http://helenavillarjaneiro.blogaliza.org/

16 de nov. de 2014

A música e o diabólico

Redacción.-

O ciclo de música contemporánea Do Audible 2014 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria despídese esta semana cunha sesión dedicada á música e ao diabólico, que terá lugar hoxe venres 14 de novembro, ás 20 horas, no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.

O grupo Vertixe Sonora Ensemble, encargado da dirección do ciclo, ofrecerá para a ocasión un concerto que contará co Distractfold Ensemble, de Manchester, como agrupación convidada. A formación británica, especializada en música instrumental, no xénero da acusmática e híbrida do século XXI escrita por compositores da nova xeración, preséntase para o concerto en formato de trío de cordas con Linda Jankowska, Emma Richards e Alice Purton.

A edición de 2014 remata cun programa baseado no “poder excepcional, temible e admirable” da música. Coa súa beleza demoníaca, a súa capacidade para o encanto e a posesión, a súa ambigüidade insoluble, cuxa manifestación máis sinalada sería o intervalo de cuarta aumentada ou diabolus in musica, a música sempre foi percibida con receo, sospeitosa como é dunha pegada diabólica.

Para iso, o programa do concerto incluirá pezas dos prestixiosos compositores en activo Salvatore Sciarrino, Mauricio Pauly e Pierluigi Billone e contará unha introdución a cargo do profesor e ensaísta especialista en Wagner Enrique Gavilán, autor do libro ‘Otra historia del tiempo’.

Unha experiencia singular
Do Audible é un ciclo promovido pola Secretaría Xeral de Cultura coa colaboración de Vertixe Sonora, que procura puntos de encontro entre a música, a ciencia, a arte e o pensamento, co obxectivo de contribuír a normalizar a escoita de música contemporánea en Galicia. En cada concerto, proporciona unha experiencia singular e reveladora que devolve a escoita ao seu lugar, como acontecemento capital do entendemento humano.
En 2014, o cartel do ciclo incluíu catro sesións, que comezaron o pasado mes de xuño cun concerto en Ourense centrado na música, na danza e na poesía, á que seguiu unha proposta no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, arredor de obras mestras do século XX inspiradas no mar e unha sesión no Planetario da Coruña baseada na música das esferas.

Cada concerto organízase arredor dun foco temático e interactúa coa palabra cómplice de relevantes personalidades do mundo da cultura, que achegan informacións e perspectivas de interpretación do feito musical, que resulten enriquecedoras para os ouvintes.

14 de nov. de 2014

Premios de teatro da Agadic

Redacción.-

Santiago Cortegoso, coa obra Raclette, é o gañador do XXII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o máis lonxevo do seu ámbito en Galicia e un dos referentes da dramaturxia escrita en galego. A concesión deste galardón foi comunicada hoxe canda a do VIII Premio Manuel María de literatura dramática infantil, que recaeu en Antón Cortizas por Xogando con gatos, e a do XI Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, que foi para O lobo e a lúa, de Andrea Bayer, na categoría de teatro para rapaces; e para Ela, piedade dos suicidas, de Xavier Lama, na modalidade para adultos.

Os nomes dos catro gañadores foron desvelados polo dramaturgo e director teatral Roberto Salgueiro, presidente do xurado da edición 2014 destes tres galardóns de literatura dramática, que Cultura e Educación convoca a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais). O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presidiu este acto de comunicación e entrega dos premios que contou tamén coa participación do director da Agadic, Jacobo Sutil, e dos catro autores galardoados.

“O sistema literario galego sae reforzado en cada nova edición destes premios literarios”, afirmou o secretario xeral, que se referiu aos galardóns como “unha iniciativa de referencia na promoción e consolidación da nosa literatura dramática actual, arredor da cal se congregan numerosas propostas innovadoras e nomes que veñen expresando a súa forza como figuras destacadas da nosa creatividade”. Anxo Lorenzo tamén se amosou convencido de que as obras gañadoras serán referentes na estética, na percepción e na concepción da literatura dramática, ao tempo que servirán de estímulo para o gusto do público lector e para abrir novas posibilidades de proxección escénica.

Posta en valor da literatura dramática
O director da Agadic destacou que estes recoñecementos comparten como obxectivo incentivar a escrita teatral en Galicia “como xeito de enriquecer os escenarios con montaxes producidas a partir de propostas textuais galegas, orixinais e contemporáneas”, así como impulsar a súa posta en valor e proxección social. Neste sentido, ademais dunha dotación económica de 6.000 euros para cada premio e modalidade, as bases contemplan a posibilidade de que as obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Consellería mantén en colaboración con varias editoriais galegas.

O xurado, do que tamén formaron parte como vogais Xosé Manuel Fernández Castro, Inacio Vilariño, Dani Salgado, Artur Trillo e Dolores Vilavedra, seleccionou os catro textos vencedores entre os 69 orixinais recibidos: 28 para o Álvaro Cunqueiro, 17 para o Manuel María, 12 para a modalidade de teatro para adultos do Barriga Verde e outros 12 para a modalidade de teatro para rapaces deste último galardón.

No caso de Raclette, o texto vencedor do Álvaro Cunqueiro, a decisión do tribunal baseouse tanto na solidez da súa estrutura dramática, cun logrado equilibrio entre a ironía e o humor, como no “sabiamente dosificado” dramatismo co que transmite a realidade narrada. Partindo do concepto orixinal da ‘raclette’ como a comida en comunidade ideada polos pastores suízos para escorrentaren o frío e a soidade, Santiago Cortegoso preséntanos aquí un mosaico de cinco personaxes arredor dunha cea, a modo de ‘raclette’ urbana e contemporánea. En palabras do seu autor, os seus cinco universos “reflicten as contradicións dunha sociedade enferma que devora os seus integrantes”, chamando a atención sobre problemas como a hipercompetitividade, a incomunicación ou a sobreprotección.

Traxectorias de recoñecementos
Autor, director de escena e dramaturgo, Santiago Cortegoso suma este premio á súa xa ampla nómina de recoñecementos como autor de textos teatrais, que foron levados a escena tanto pola súa compañía, Ibuprofeno Teatro, como por outras formacións galegas. Pola súa banda, Antón Cortizas, mestre de profesión e gañador desta oitava edición do Manuel María, é un dos escritores máis premiados e traducidos da literatura infantil e xuvenil galega.

De Xogando con gatos, o xurado destaca como a obra enfía o rico acervo popular de transmisión oral no que o protagonista é un gato (cancións, contos, adiviñas, lengalengas...) nunha trama que pon de manifesto a desaparición gradual de toda esa literatura relacionada co xogo e coa vida social da infancia. Sobresae, así mesmo, a rica teatralidade deste texto, na que teñen cabida o musical, a danza, o mimo, as marionetas e o teatro de sombras, de xeito que –tal e como expón o ditame do premio– constitúe un magnífico material para un traballo multidisciplinar nas escolas, así como para un espectáculo escénico de gran formato.

Intriga e suspense no imaxinario infantil
A actriz, guionista e directora teatral Andrea Bayer conseguiu o Barriga Verde na modalidade de teatro para rapaces con O lobo e a lúa, unha historia que adapta as chaves da intriga e do suspense ao imaxinario dos máis pequenos. Segundo a propia autora, trátase dunha “peza teatral tenra, divertida e intrigante na que os seus personaxes –Nina, a tartaruga; Duarte, o elefante, e Miñao, un gato malhumorado– conviven a pesar das súas diferenzas”. Trátase dunha historia de amizade, superación dos propios medos e amor, na que ninguén é tan bo como aparenta, nin tan malo como parece.

Así mesmo, dela subliña o xurado a súa “innegable vontade escénica”, na que se reflicte a experiencia da súa autora á fronte da súa compañía Baobab Teatro e doutras formacións anteriores: “imaxes suxestivas e precisas, xogos dinámicos ben inseridos na situación dramática, personaxes de caracterización definida e unha temática axeitada para a franxa de idade á que vai dirixida a peza”.

Técnica orixinal
Tamén destaca o tribunal as posibilidades escénicas de Ela, piedade dos suicidas, a obra coa que o xornalista e escritor Xavier Lama obtivo o XI Barriga Verde de textos para monicreques na modalidade de teatro para adultos. De acordo coa súa valoración, esta peza contén as claves dun proxecto escénico moi ambicioso, conseguido mediante o recurso aos obxectos, ademais dunha elevada calidade lírica dos personaxes, que “dá moita profundidade a unhas figuras dramáticas deseñadas cunha técnica moi rendible e pouco vista hoxe”.

O seu autor, quen en 2010 foi recoñecido co Manuel María de literatura dramática infantil por Os reloxos preguiceiros de Néboa, define este novo texto como “unha historia órfica de descenso aos infernos na procura da muller idealizada” cuxo protagonista é un trasunto de Orfeo na procura do amor ou dun “espellismo do amor”. Segundo se recolle na acta, o autor materializa aquí “aquel vello soño de Rafael Dieste de atopar o sublime estilo oral das estatuas, recuperando a paradoxal estratexia das derradeiras montaxes de Teatro Antroido, onde unha opulenta disposición de aparellos se batía contra o desposuimento reinante no seu contorno”.

Isabel Risco, a arte do compromiso

Antón de Guizán.-

Teño a sorte de contar como socia e amiga a unha das grandes da nosa cultura, grande de verdade nun corpo pequeniño pero con unha forza inusual na comunicación, Isabel Martinez Risco-Valdivieso.

Isa, gañadora este ano do premio á mellor actriz de reparto da Academia Galega do Audiovisual (Mestre Mateo) non precisa de premios para facerse querer e ser admirada alí por.donde pasa, pola súa humildade, a súa simpatía e o seu compromiso con tod@s aqueles que padecen inxustizas, con.aqueles que traballan, e por suposto compromiso co seu (noso) país en tódolos ámbitos.

O seu discurso na.entrega dos Mestre Mateo foi unha demostración de que ser galego e ter éxito non ten porque representar renuncias nin sometementos e pasará á historia como unha lección de ser colectivo, pero alegre...

Esta muller, na que a galeguidade, mesmo a de Vicente Risco, latexa no seu pulso, arrastra con.ela motivación, alegría, compromiso, loita e forza en todo canto fai e transmite esa forza a que a coñece.

Isa é un modelo de artista NOSA con maiúsculas precisamente por convertir en grandes esas cousas que parecen pequenas e así foi na presentación na Pascua do proxecto Os Vilares lareira de soños, ou en.multitude de lugares do país solidsrizandose con reivindicacións, proxectos, iniciativas etc.

Independentemente dos merecidos premios que recibe, ten en cada galego que a coñece un premio e nós o premio de coñecela e disfrutar da súa arte.

11 de nov. de 2014

Esquinados

Miguel Martínez Panero*.-

A coñecida Epístola Moral a Fabio foi atribuída durante moito tempo a un descoñecido 'anónimo sevillano' ata que Dámaso Alonso, con impecable método filolóxico, resolveu a cuestión da súa autoría. Descubriu que o poema debíase a certo capitán Fernández de Andrada, quen, tras gañar algún renome en España, houbo de morrer só e esquecido en América, onde se perdía a pista da súa peripecia vital. Ao ler no seu día o estudo preliminar á devandita obra, que documentaba estes clarificadores datos, despregouse ante min toda unha historia de exilio interior: a dun personaxe esquinado, elusivo, axeracional e sen epígonos, dunha soidade senlleira e unha identidade desvaída ante a autosuficiencia do seu legado espiritual.

Porque -recoñezámoslo- a soidade, amais de ser materia de infinidade de libros de autoaxuda, é un bo motivo literario. No que atinxe á novela, veñen de socate á memoria algúns títulos que a teñen por tema: Robinson Crusoe de Defoe (polo menos até a aparición de Venres); A Soidade do Corredor de Fondo do novo airado Sillitoe; Un home solteiro do cosmopolita Isherwood; O Medo do Porteiro ao Penalti de Handke... Aínda que, na realidade, o tres últimos libros (que contan, por certo, con boas versións cinematográficas) están máis preto da nouvelle que do roman; ou sexa, poderíanse considerar máis propiamente novelas curtas.

Quero chegar a que, na súa modestia, o conto préstase mellor que obras de maior envergadura ao tratamento da soidade como forza temática. Por exemplo, o monólogo interior, que sería a súa canle narrativa natural, non se sostén en novelóns de corte decimonónico. Constatouno Dostoievski cando comezou a redactar Crime e Castigo en primeira persoa. Tras uns balbucientes capítulos, tivo que esquecer o plan inicial e obrar como autor omnisciente para dar auténtico alento ao arisco Raskolnikov. Aínda que iso non obsta para que, sabedor do potencial da narrativa breve, o exconvicto de Siberia volvese dar vida a personaxes solitarios (con innegable fondo autobiográfico) en relatos como "Memorias do Subsolo" e "A Mansa".

E por se aínda fosen necesarias máis probas da afinidade da soidade co conto, aí vai unha curiosa coincidencia: tanto o Quixote como Pickwick foron concibidos inicialmente como obras breves, nas que os seus protagonistas desenvolvíanse en solitario. Así, a primeira saída de Don Quixote, aínda sen escudeiro, sería ideada por Cervantes como unha máis das súas Novelas Exemplares; e as primeiras correrías do expansivo Pickwick corresponderían nos seus comezos a comentarios historiados por Dickens aos gravados do debuxante Seymour. Pero ao gañar entidade ambas as obras, aos seus autores fíxoselles necesario acompañar aos protagonistas cos impagables Sancho Panza e Sam Weller, respectivamente; grazas ao cal gozamos dos seus hilarantes diálogos.

Defendo, pois, a tese de que o xénero cuentístico é, en literatura, o idóneo coa soidade como obxecto. E podo avalala sen saír da santísima trindade do autor de contos. Comezando por Chéjov, aí temos "Tristeza", onde o cocheiro Iona, a falta de interlocutor, acáballe confiando a desazón pola morte do seu fillo ao seu cabalo; ou "Unha Aposta", unha narración de influencia tolstoiana na que o protagonista, en troques de permanecer toda a súa mocidade recluído en soidade, consegue gañar unha gran cantidade de diñeiro ao que, ao cabo, renuncia desenganado.

Se os solitarios de Chéjov déixannos un resaibo amargo, os de Maupassant móstrannos a tolemia cara a cara. Así, en "So", pregúntasenos aos lectores se o personaxe que nun momento dado afirma: "todos nós somos como esa pedra...", está nos seus cabais ou camiño de perder a cordura. Este breve escrito, de pouco máis dunha páxina, é o preludio ao máis desenvolvido "O Horla", trasunto do propio alleamento do seu autor.

Por último, Babel: del non quero citar nada en concreto. Pero ao ler os Contos de Odessa, ou os póstumos e inéditos de Debes Sabelo Todo, quédanos como arquetipo a figura do xudeu no seu ghetto, obxecto de pogroms e sempre illado calquera que sexa a actividade desenvolvida. E esa sensación de extrañamento, de estar fóra de lugar, é aínda maior, se cabe, en Cabalaría Vermella, onde un cronista "con lentes no nariz e outono na alma" (o propio escritor), fica abeirado e nunca chega a integrarse no exército de cabalaría do camarada Buddieny.

Esquinados... Contos de solitarios, como tamén o son os que se recollen neste senlleiro volume. Seica os seus autores pretenden refuxiarse neles para salvagardar así a súa propia soidade, ou ben para conxurala, sublimándoa. E como queira que, tal que así, a lectura voltase un pracer (ou vicio) solitario, fago meu o desexo daquel cego amante dos prólogos, que chegou a facer un libro cos da súa Biblioteca Persoal, precedido dun metaprólogo ou prólogo de prólogos, onde apostrofaba:
"Oxalá sexas o lector que este libro estaba a agardar".

*Miguel Martínez Panero é profesor na Universidade de Valladolid 


Los Esquinados, León: Manual de Ultramarinos, 2014, reúne relatos sobre personaxes solitarios firmados por José Miguel López Astilleros, Nacho Abad, Mario Paz González, Bruno Marcos, Antonio Toribios e Manuel A. Rodríguez.

10 de nov. de 2014

Galiza non é unha mina

Redacción.-

Se algo quedou claro no II Encontro sobre os Impactos da Minaría en Galiza é que todo o noso territorio está ameazado pola proliferación de proxectos mineiros en fase de permiso solicitado, concedido, de exploración, etcétera, que se suman ás explotacións de mineral xa en activo. E para iso, moitas empresas mineiras non só realizan a súa actividade saltándose a legalidade vixente e destruíndo espazos como solos rústicos de protección agropecuaria, reservas da biosfera ou Rede Natura; senón que, no caso concreto de Cementos Cosmos, tamén pasaron á represión dos e das activistas que denuncian estas ilegalidades. Ese foi o caso do noso compañeiro Marcos Celeiro, presidente da Asociación Cultural O Iribio, de Triacastela, que denunciou esta empresa por estar a desenvolver a súa actividade sen os permisos e licenzas pertinentes e se atopou cunha demanda da cementeira de 45.000 euros máis as costas xudiciais do proceso.

Dende o II Encontro sobre os Impactos da Minaría en Galiza, tódalas organizacións e colectivos que formamos parte da Plataforma contraMINAcción solidarizámonos con Marcos e o resto de activistas do Iribio que están ameazados e ameazadas. Diante da actitude de Cementos Cosmos, dende contraMINAcción queremos lanzar unha mensaxe clara e inequívoca á patronal mineira: nin esta nin ningunha outra tentativa de amordazarnos van impedir que sigamos denunciando as ilegalidades que cometen nin o feito de que, coa complicidade do Goberno da Xunta, pretendan apropiarse do noso territorio para o seu lucro privado e a costa de destruír e envelenar o noso medio natural e atentar contra sectores produtivos vitais para a nosa economía como a agricultura, a gandería ou a pesca.

Precisamente, este último feito foi un denominador común das diversas análises que se fixeron no Encontro sobre porxectos mineiros como os que Erimsa pretende levar a cabo na Terra Chá ou Edgewater en Bergantiños, ou explotacións en marcha como a de Cementos Cosmos en Triacastela. Estes exemplos deixan ben claro que a destrución irreparable do noso patrimonio e dos postos de traballo que provoca a minaría salvaxe sáelle infinitamente máis cara á sociedade galega que os lucros particulares que obteñen desa explotación os accionistas dunhas empresas que, na maior parte, adoitan ser estranxeiras. E falamos da Terra Chá, de Bergantiños e Triacastela, pero tamén poderiamos engadir á lista importantes bisbarras dende o punto de vista medioambiental ou agrario como A Fonsagrada, O Courel, Barbanza, a Serra do Galiñeiro, Ordes, A Limia, etcétera.

Polo demais, o II Encontro sobre os Impactos da Minaría, amais de analizar os principais conflitos abertos na Galiza, tivo unha parte didáctica na que as persoas asistentes se formaron en lexislación urbanística e medioambiental de cara a ter ferramentas para investigar os atentados da minaría salvaxe contra os nosos bens comúns e acadar, a maiores, a capacidade para levar adiante procesos de denuncia contra as empresas infractoras.

9 de nov. de 2014

O barómetro que marca tendencia

Fermín Bouza.- Nunha primeira ollada ao barómetro do CIS non vexo grandes cousas que non estivesen anunciadas, aínda que as diferenzas con enquisas máis recentes son notables. Antes de falar de voto destacaría dúas cousas: o PP é situado pola enquisa no lugar 8,24 na escala dereita/esquerda de ubicación de partidos. Iso é a terra de ninguén entre a dereita máis dura e a pura extrema dereita. Asemade, o votante medio sitúase nunha autoubicación de 4,41 na mesma escala, e sitúa a Podemos no 2,43, ao PSOE en 4,61 e a IU en 2,67. Isto é moi significativo sobre o que está pasando: votantes dun partido ao borde da extrema dereita cambian a súa intención de voto a Podemos, ao que sitúan ao bordo da extrema esquerda.

Isto non parece un capricho nin un enfado momentáneo, debe responder a procesos de auténtico desclasamento nas clases medias e medias-altas, feridas en moitas cousas pero, sen dúbida, nos seus ingresos no fogar, incluíndo aos fillos (parados, en boa parte), etc. Non é estraño que arredor do 60% dos consultados na enquisa de clase media e media-alta diga que non votará nunca ao PP, unha cifra moi superior aos que din o mesmo nesas clases sobre Podemos.

E estamos ao borde do misterio que ningunha cociña demoscópica pode obviar: o novo en todo isto é que a desafección ao PP vén das clases acomodadas, que acumulan unha porcentaxe de rexeitamento similar ao das clases populares. É un voto perdido que vai unido a unha caída económica familiar: non volverá ese voto, polo menos ata que haxa unha forte recuperación económica nesas clases que daban o seu perfil á dereita histórica. Pasáronse ao outro bando: a confrontación civil está moi lonxe, se tomamos esa referencia racional. E o voto? É unha enquisa anterior á Operación Púnica, que tanta desafección está a crear nas bases electorais do PP, e iso tradúcese na conservación do voto estimado, que nas enquisas posteriores derrubouse ao terceiro lugar.

Neste sentido, a enquisa non aporta máis novidades que unha paisaxe xa coñecida ata hai uns días. Xa cambiou, e fíxoo na dirección prevista, aquela que pode seguir marcando tendencia. Agárdannos grandes emocións. Por certo, non hai como queixarse, e eu onte facíao de min mesmo. Deseguida recibín consolo e alento para as miñas particulares neuras, pois non me acontece nada importante. Grazas. É que onte foi un día estraño, coa entrada brusca nas sombras otoñais e nos túneles que levan ao inverno. Hoxe volveu o sol, aínda que con frio.

7 de nov. de 2014

Ponte nas Ondas! acada o Premio Ondas

Redacción.-

A Asociación pedagóxica e cultural Ponte...nas Ondas! que leva achegando a experiencia radiofónica e de comunicación aos escolares das dúas marxes do Miño, acadou o pasado xoves, 6 de novembro, o Premio Ondas segundo deu a coñecer o fallo do xurado da 61ª edición dos Premios Ondas, un dos máis prestixiosos galardóns de radio e televisión que se conceden en España e que premian cada ano aos profesionais, empresas e traballos nacionais e internacionais máis sobresalientes en radio, publicidade radiofónica e televisión. Nesta edición dos Premios Ondas, que contan co apoio oficial da Unión Europea de Radiodifusión (UER), foron presentadas preto de 300 candidaturas de máis de 20 países de todo o mundo.

Radio Barcelona da SER outorgou 25 premios aos profesionais, empresas e traballos nacionais e internacionais máis sobresalientes de radio, publicidade radiofónica, televisión e música desde ano 2014. Un deses "cabaliños alados" - a figura dos premios - viaxará de volta a Galicia das mans da Asociación Ponte... nas ondas! que logo de celebrar o seus 20 anos de vida "creando pontes" e vínculos entre os escolares das dúas marxes do Miño, ven correspondido deste xeito a súa labor.

"Cando un pequeno grupo de profesores e profesoras, desde varios centros escolares públicos, deciden implicarse con toda a súa paixón nunha actividade coa radio nun proxecto pedagóxico e cultural, estamos de noraboa. Cando ademais, ese proxecto faise internacional, implica a moitos centros de ensino e radios de todo o mundo, e dura xa máis de vinte anos, esa iniciativa é case un pequeno milagre alimentado con ilusión e empeño por moitas persoas, desde moitos países e en varios idiomas. É a riqueza de compartir, de valorar quen somos e quen fomos, de medrar e experimentar xuntos; e de facelo todo a través das ondas da radio." comenta o gondomareño Santiago Veloso, presidente da asociacións.

Nestas dúas décadas de historia, compartiron músicas e até as crearon; descubríronnos o patrimonio común e puxéronno en valor; gozaron coas fermosas palabras de moitos escritores e escritoras que achegaron as súas mensaxes desde distintos puntos do planeta; contaron co apoio e o afecto de grandes da radio; foron pioneros na utilización de novas tecnoloxías como o "streaming" a nova televisión por Internet que lle deron unha nova dimensión e fixeron máis grande a experiencia; "e aínda foron pais e nais doutras criaturas que hoxe teñen vida propia como o Festival Internacional de Teatro PONTE...NA ESCENA , o libro-CD-DVD NA PONTE ou os premios BOAS ONDAS".

A semente que plantaron aqueles profesores e os seus alumnos é hoxe unha árbore grande e forte, con raíces e pólas que se estenden polo bosque da sabedoría, da ilusión, e do respecto entre culturas. Unha ábore cuxas ramas alcanzan por igual os ámbitos da comunicación, a cultura, o patrimonio, a innovación educativa, o emprego da TICs, o compromiso social e a beleza da condición humana. Sombra que acolleu a nenos e nenas que medraron educándose na radio e hoxe son profesionais dela, emisores desas boas ondas que tiveron a fortuna de compartir desde ben pequenos con todos os que forman parte deste proxecto.A entrega de premios terá lugar nunha gala o próximo 25 de novembro no Gran Teatre do Liceu de Barcelona.

O locutor e músico galego Xurxo Souto -colaborador coa Asociación- avalou a proposta da candidatura aos premios.

Lembranza da loita pola lingua



Redacción.-

Hoxe conmemórase n'A Estrada o X Aniversario da aprobación do Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) no cal se asentaban as bases de consenso entre todos os grupos parlamentares para apoiar o desenvolvemento e prestixio da nosa lingua con medidas concretas para favorecer a extensión do seu uso e a promoción da súa practica entre a poboación.

Foi un feito fundamental positivo na historia de Galiza que supuxo a cimentación dun proxecto práctico de normalización do noso idioma que serviría de base para a lexislación e actuacións que nesta materia se precisaban implementar con este obxectivo.

A perda do poder por parte do PP levou a esta organización a afastarse do devandito consenso e empregar no seu beneficio electoral este asunto apoiándose nos séculos de prexuízos e autoodio polo galego que precisamente tentaban superarse coas medidas que se querían levar a cabo. Unha vez recuperado o poder esta forza política lexislou en todos os ámbitos co obxectivo de excluír, prohibir e mesmo perseguir a lingua galega retrotraéndonos a un escenario predemocrático, moi semellante aos últimos anos do franquismo.

Nestas circunstancias a sociedade galega reaccionou a través dun movemento cívico como foi “Queremos Galego!” que tamén nos lembrou a resposta que en contextos semellantes de intento de exterminio da nosa lingua se levaron a cabo en todo o país. Mais especialmente queremos lembrar aqueles que tiveron lugar na Estrada.

A Estrada foi protagonista e vangarda nesta resistencia a estes intentos de aniquilación do galego con actos como foron as letras galegas do ano 70 nas que un alcalde de sensibilidade galeguista, Mario Blanco, xunto con persoeiros relevantes das nosas letras (Otero Pedrayo, Bouza Brey, etc...) renderon homenaxe ao noso idioma proscrito polo réxime a través da persoa de Marcial Valladares a quen dedicaron as letras galegas.

10 anos despois, con motivo do expedinte a un mestre que daba aulas en galego no Colexio do Foxo, Alfonso Castro, outra vez A Estrada é escenario dunha resposta masiva de solidariedade con este docente e de denuncia da exclusión do noso idioma do ensino.

O vindeiro venres 7 de novembro, ás 20:30 h. Na sala de exposicións de Abanca na Estrada a Asociación Cultural “Vagalumes” imos celebrar un acto para rememorar estes feitos nos que achegaremos documentación inédita e proxeccións documentais que nos sirva para dar testemuño dun pobo orgulloso do seu e rebelde contra os que queren impoñerlle un destino de subordinación e desmemoria. Intervirá neste acto os profesores David Otero e Cibrán Arxibai da Asociación Cultural “Vagalumes” e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Marcos Maceira.

Tecnificación deportiva de loitas olímpicas

Redacción.- O vindeiro sábado, 8 de novembro, o Pazo Provincial dos Deportes de Lugo será escenario dunha xornada de tecnificación deportiva de loita a nivel autonómico, á que acudirán a formarse uns 35 deportistas de toda Galicia. Esta actividade, organizada polo Club de Loita Lugo en colaboración coa área de Benestar e Deporte da Deputación de Lugo, servirá para “mellorar a formación técnico-táctica dos deportistas”, explicou Pablo Pintos, adestrador e presidente do Club de Loita Lugo, que asistiu á presentación acompañado de Nicolás López Gradilla, un dos loitadores con maior proxección da entidade da cidade amurallada. 
“Unha vez máis poñemos o Pazo a disposición de todas as modalidades deportivas, sobre todo a disposición de deportes minoritarios. Xa semanas atrás houbo unha competición de jiu jitsu e este fin de semana, en colaboración co Club de Loita Lugo, vai haber unha xornada de tecnificación deportiva e de educación”, sinalou Antonio Veiga, vicepresidente da Deputación, quen tamén destacou que“entendemos que é importante que se visualicen todos estes deportes que non saen todos os días nos medios de comunicación, pero si que están facendo unha labor de suma importancia, como a que está levando a cabo esta entidade de Lugo”.
Entre os deportistas que van desprazarse este sábado a Lugo atópanse loitadores das categorías cadete, júnior e sénior. Todos eles traballarán de forma conxunta nun adestramento dirixido para formar e pulir ás novas promesas da loita en Galicia. Buscarán unificar o traballo específico deportivo e a lograr adaptación ao novo regulamento das loitas olímpicas. A xornada de traballo desenvolverase en dúas sesións. Pola mañá, de 11:30 a 13:30 horas, e pola tarde, desde as 16 ás 18 horas.
Os encargados de dirixir os adestramentos serán Iván Castro Seone, adestrador estatal de loita e de deportistas preolímpicos, e Rubén Méndez Lois, seleccionador galego de Loita Grecorromana, dous técnicos dun nivel totalmente contrastado. “O traballo con grandes adestradores ten unha connotación moi positiva, difícil de atopar noutros eidos formativos”, remarcou Pablo Pintos.
Asemade, destacou que “temos a grandísimos profesionais, que non valoramos nunha escala obxectiva como se merecen. O que fan nos seus clubs e na loita en xeral en Galicia, tanto Iván Castro como Rubén Méndez, é unha milagre na mellor relación recursos/resultados do noso deporte”, puntualizou Pintos.
O adestrador do Club de Loita Lugo, comentou que “todos os participantes nesta xornada son medallistas nacionais e na mesma dámoslle cabida ás tres modalidades olímpicas de loita: a libre olímpica, a grecorromana e a feminina”. Finalmente, Pablo Pintos agradeceu a colaboración da área de Deporte do organismo provincial. “Este tipo de actividades son de grande interese para todos os deportistas e adestradores, xa que a formación continua no deporte é a base fundamental do éxito, pero as dificultades na organización mítiganse grazas á colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación, que facilita e dinamiza este tipo de actividades de formación deportiva”, asegurou.
O sábado estarán representados nove clubs galegos nesta xornada de tecnificación. Xunto á entidade anfritriona participarán as seguintes entidades: Clubs Kuzushi de Vigo, Club “El Castro” de Vigo, Atila de Ourense, Club de Loita Pontevedra, Club de Loita Keltoi de Vila de Cruces, Club Stellae de Compostela, Club de Loita Rábade e Club de Loitas Olímpicas de Vilalba.

II Encontro sobre os impactos da minaría

Redacción.-

A plataforma ContraMINAcción presentou antonte, 5 de novembro, en Lugo, o II Encontro Galego sobre os Impactos da Minaría, que se celebrarán nesta mesma cidade no local do Centro Social Madialeva, na rúa Ancares 18 (Lugo), o sábado, 8 de novembro. Desta maneira, ContraMINAcción dá continuidade ao primeiro encontro destas características, que se celebrou en Compostela en febreiro de 2013.

As persoas encargadas de presentar os encontros -Xoán Doldán, Marcos Celeiro e Margarida Prieto1- coincidiron en sinalar a pertinencia deste evento, habida conta de que hai varios conflitos abertos na Galiza por minas en activo, e unha grande cantidade en forma de proxectos que ameazan o noso territorio e algunha das súas principais actividades económicas, como a agricultura e a gandería. Dende este punto de vista, Marcos Celeiro sinalou que “estes conflitos teñen moito que ver coa actitude da Administración Galega que, nos últimos anos ten facilitado a explotación mineira con mudanzas lexislativas”. Neste senso, cómpre destacar o borrador da Lei do Solo ou Plan de Actividades Extractivas.

A elección de Lugo para celebrar este encontro non é casual, xa que esta provincia ten sido escenario de importantes protestas sociais contra a actividade de empresas mineiras, e vaino seguir sendo por mor dos moitos proxectos extractivos que se queren levar a cabo no futuro. Por iso, no programa do encontro estará centrado en conflitos como o da extracción de cuarzo na Terra Chá pola empresa Erimsa, a actividade de Cementos Cosmos na canteira de Vilavella (Triacastela), ou a minaría aurífera que, aínda tendo as miradas postas en Corcoesto (A Coruña), ten tamén varios proxectos en marcha en terras lucenses.

Para abordar toda esta complexa e variada problemática, ContraMINAcción estruturou o Encontro en catro grandes bloques que comezarán con palestras de expertos e expertas e persoas e colectivos afectados pola minaría, e continuarán con diálogos e debates coas persoas asistentes:

10:00 a 11:30 / Minaría e patrimonio. A problemática da mina a ceo aberto de Cementos Cosmos.
Marcos Celeiro, Asociación O Iribio (Triacatela) e André Pena Graña, doutor en Arqueoloxía e Historia Antiga pola USC.

12:00 a 13:30 / O conflito de Corcoesto e a minaría aurífera en Galiza.
Paco García, Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños.
Guadalupe Rodríguez, Salva a Selva.

16:00 a 17:30 / Minaría e agricultura na Terra Chá.
Rosa Morán, veciña afectada de Muimenta.
Margarida Prieto Ledo, coordinadora da loita contra as minas no Sindicato Labrego Galego.
Juan Ramón Vidal Romaní, director do Instituto de Xeoloxía Isidro Parga Pondal.
Isabel Vilalba Seivane, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego.

18:00 a 19:30 / Lexislación mineira e alternativas
Benedito Álvarez García, profesor de Ensino Secundario e experto en lexislación urbanística.
Xoán Doldán, profesor de Economía Aplicada e presidente de Véspera de Nada.

Nanotecnoloxía e recursos mariños

Redacción.-

A nanotecnoloxía aplicada á valorización de recursos mariños centrará un novo seminario que terá lugar no Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo o vindeiro venres 7 de novembro a iniciativa desta institución e do Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC.

No marco do proxecto europeo NOVOMAR, a xornada reunirá a diferentes expertos que falarán nunha primeira parte sobre o concepto de nanotecnoloxía, as súas aplicacións industriais e as súas achegas ao aproveitamento de moléculas bioactivas de orixe mariña.

Na última parte do seminario, que será inaugurado pola directora-xerente da Fundación CETMAR, Pomba Roda Crespo, abordaranse aplicacións concretas desta ciencia emerxente, tanto na enxeñaría de tecidos e medicamento regenerativa como no desenvolvemento de produtos para a pel.

Financiado a través do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, o proxecto NOVOMAR no que se enmarca este seminario ten por obxecto a creación dunha plataforma que preste asesoramento e apoio a empresas, administracións e institucións públicas e privadas para o aproveitamento e posta en valor de todo tipo de organismos mariños e subproductos xerados na industria, e aplicados a sectores como a alimentación, cosmética, biomedicina, farmacia e agricultura.

Sete grupos de investigación de Galicia e do Norte de Portugal promoven este Centro Multipolar de Valorización, cuxas bases foron postas nun proxecto europeo anterior denominado IBEROMARE.



Centro Tecnolóxico do Mar - Fundación CETMAR
C/ Eduardo Cabelo s/n - E-36208 Bouzas - Vigo (Pontevedra)
Tel. +34 986 247 047 Ext. 104 - Fax. +34 986 296 019 - www.cetmar.org

O Defensor que non defende

Redacción.- A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) critica as palabras do Defensor del Pueblo nas que xustifica agresións a xornalistas por non levaren un chaleco de uso voluntario. Nunha resposta ao Movemento polos Dereitos Civís, a oficina desta institución rexeita a responsabilidade policial porque os profesionais "non portan prenda algunha alusiva á súa condición de informador".
O Movemento polos Dereitos Civís elevara unha queixa ao Defensor del Pueblo pola actuación policial realizada en Madrid o pasado 29 de marzo, na concentración convocada co lema Xaque á monarquía!. Na súa resposta, o Defensor del Pueblo indica que "nas imaxes pode observarse a determinadas persoas que no momento de producirse esa intervención policial, non portan prenda algunha alusiva á súa condición de informador [...], polo que non cabe entender que existira unha actuación policial incorrecta se non adoptan as medidas pertinentes acordadas".
O Defensor fai referencia así ao convenio suscrito entre o Ministerio de Interior y la Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE) o 17 de marzo de 2011, que acordaba a que os informadores poderían, voluntariamente, portar un chaleco distintivo con identificación. O CPXG recorda que "identificarse ou non con este chaleco é unha opción voluntaria que, en todo caso, só afecta aos afiliados das organizacións que asinaran ou asinarán convenios deste tipo".
Actualmente, existe un debate profesional sobre se o uso de tal identificación é positivo ou negativo para desenvolver o traballo xornalístico. A favor está que pode facilitar o labor dos xornalistas por parte das distintas instancias que concorren en calquera acto multitudinario. En contra, que esa mesma identificación actúe como elemento distorsionador da realidade, quitándolle aos xornalistas o certo grao de discreción que se precisa de cando en vez para estar preto dos acontecementos.
Se unha institución como a do Defensor del Pueblo asume que os profesionais da información deben ir identificados para estar situados au dessus de la mêléee aforrar determinadas vicisitudes, haberá que convir con Willian Shakespeare en que onde os barcos están máis seguros é nos portos, pero non se fixeron para iso.

6 de nov. de 2014

O Certame Literario de Vilalba

Xulio Xiz.-

Non hai moitas cousas nas que un poida dicir que leva involucrado corenta anos. Do mesmo xeito que hai poucas iniciativas, privadas ou públicas, que duren corenta anos, que é moito, moito tempo. Pois resulta que o tempo vai pasando, e unha iniciativa cultural comezada en Vilalba hai trinta e nove anos, ven de cumprir corenta edicións.

Refírome ao Certame Literario do Concello, que se iniciou en vida de Franco, no verán de 1975, e segue vivo, resultando ser o máis antigo de Galicia e un dos de maior prestixio.

Se a tradición poética vilalbesa é máis que secular, de lonxe veñen tamén estes certames, continuadores do Certame Literario da Terra Cha, no que estaban involucrados os concellos da comarca, con centro en Vilalba. Pero houbo un tempo, ao comezo dos anos setenta, que algúns concellos quixeron facelo rotatorio, e un ano cen Guitiriz pero despois morreu.

Entón o Concello de Vilalba decidiu continuar con esta festa literaria en solitario e, ano a ano, levamos corenta, nun certame que ten conseguido un nome propio no calendario cultural galego, é o acto institucional máis relevante vinculado ás festas patronais, e eleva o nivel xa de por si importante do pregón oficial das festas facendo que o pregoeiro –moitas máis veces ca pregoeira- sexa tamén o mantedor da nosa festa literaria.

Se algo lle faltaba ao noso certame para ser o primeiro do país, agora –ademais do sustancioso premio económico- edítanse en libro as obras premiadas, o que é un verdadeiro desideratum no noso panorama cultural.

Cando empezou o certame era concelleira de Cultura Loli Soto. E xa no comezo foron xurados Anxel Fole ou Celestino Fernández de la Vega, Pedro de Llano, Arcadio Lopez Casanova, Carmiña Cacharon ou Carmiña Prieto Rouco.

Dos corenta anos, fun vocal o primeiro certame, e secretario todos os demais, menos aquel no que fun mantedor do Certame e pregoeiro das festas. Para min é un vencello importante con Vilalba e a súa cultura. Para Vilalba é algo que non pode morrer, e que debe durar sempre.

1 de nov. de 2014