Fernández Paz candidato ao premio Andersen

Redacción.-

A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (LIX), Gálix, informou recentemente do nomeamento do escritor Agustín Fernández Paz como candidato ó Premio Andersen, o máis prestixioso do xénero da LIX. O autor galego foi escollido pola Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil, (Oepli), que en anos anteriores propuxera para o galardón a creadores como Ana María Matute, Bernardo Atxaga, Jordi Sierra i Fabra ou José María Sánchez Silva.

Os principais autores europeos de LIX están representados na nómina de gañadores deste premio, convocado polo IBBY. "Síntome moi honrado", comentou onte Fernández Paz. "Son moi afortunado polo recoñecemento que recibiron os meus libros", engadiu. Un cualificado xurado internacional de especialistas é o encargado de outorgar cada dous anos o Premio Hans Christian Andersen. Os galardoados son un escritor e un ilustrador, cuxa produción contribúa a engrandecer a literatura infantil e xuvenil, informa a Oepli na súa web. O galardón, patrocinado pola raíña Margrethe II de Dinamarca, en honor ao escritor danés, concédese por primeira vez en 1956 a un escritor/a e dez anos máis tarde, ampliouse aos ilustradores.

A Oepli, como sección española do IBBY, é a encargada de presentar os candidatos/as españois ao premio. O ditame do Andersen farase público dentro dun ano, na Feira de Bolonia de 2012, e a entrega de Medallas realizarase durante o 33º Congreso de IBBY, que se celebrará en Londres, o mesmo ano.

Agustín Fernández Paz, que recibiu xa premios como o Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no 2008, e recentemente recibiu o Premio de Cultura galego polo seu desacordo coa política cultural e lingüística do actual Goberno, remata estes días a súa vindeira novela, que Xerais publicará na colección Narrativa antes do verán, ao tempo que corrixe as probas de Fantasmas de luz, libro ilustrado por Miguelanxo Prado que aparecerá no mes de setembro.

26 de feb. de 2015

Presentación de "A liñaxe fidalga dos Santomé"

Redacción.-

O Instituto de Estudos Chairegos organiza para o vindeiro venres, día 27 de febreiro de 2015, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, a presentación do libro “A liñaxe fidalga dos Santomé” de José-Luis Novo Cazón e Ana Ma Cuba Regueira. A publicación, que fai o número 24 da Colección Biblioteca Chairega, foi editada polo Iescha e financiada pola Vicepresidencia Primeira (Área de Cultura) da Deputación de Lugo dentro do convenio de colaboración correspondente ao pasado ano 2014.

No libro “A liñaxe fidalga dos Santomé” pódese ler como Pedro López Santomé gaña Carta Executoria de fidalguía en 1494. Logo a súa descendencia espállase por distintas localidades de Galicia. Os seus membros son un exemplo paradigmático da evolución dunha liñaxe fidalga ao longo do Antigo Réxime. Co esta publicación preténdese contribuír ao esclarecemento da mi- crohistoria da descendencia de Pedro López de Santomé e da dispersión da mesma por distintas localidades das actuais provincias de Lugo e A Coruña. O proceso heurístico seguido para ela- borala non foi certamente doado, dada a dispersión das fontes a consultar. Unhas poucas, as menos, atópanse en poder dalgúns descendentes da casa das Folgueiras; outras, a maioría, están esparexidas formando parte dos fondos de distintos arquivos: do Histórico Provincial de Lugo, do da Real Cancelaría de Valladolid, do Diocesano de Mondoñedo e mesmo do portal de internet pares.mcu.es,+do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

A obra que se presenta está composta pola edición clásica en papel, dunhas 150 páxinas a toda cor, e unha edición dixital –incorporada a un CD adxunto- onde se pode consultar o que os autores denominan Colectánea+documental,+conformada)por)unhas)2.000)páxinas.

No acto intervirán Ana Ma Cuba Regueira, Xoán Ramiro Cuba Rodríguez e Manuel Castro Santamariña. Haberá tamén un apartado musical que correrá a cargo do grupo BUXOS VERDES.

Coma colofón, levarase a cabo a entrega do Diploma de Socio de Honra a título póstumo que o Iescha acordou outorgar a José-Luis Novo Cazón na súa última Asemblea Xeral.

Resultados do certame rosaliano

Redacción.-

O auditorio da Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, quedou pequeno na tarde deste pasado sábado para o numeroso público que alí se achegou, a partir das 17 horas, para homenaxear a Rosalía, nun acto que quixo ser un máis dos moitos que estes días se celebran por toda a xeografía galega para conmemorar o aniversario do nacemento da nosa autora máis universal, da que o mesmo Manuel María se declaraba “un auténtico devoto”.

Máis de 300 persoas pasaron ao longo da tarde pola Casa de Hortas, que acolleu a fase final do concurso de recitado poético Rosalía sempre viva, que a Fundación Manuel María de Estudos Galegos convocou por vez primeira este curso escolar para alumnado de todas as etapas do ensino non universitario.

Un total de 76 estudantes de entre 5 e 18 anos chegados de moi diferentes puntos de Galiza (Vilagarcía de Arousa, Moraña, Coristanco, A Coruña, Cervo, O Carballiño, Lugo ou Mesía, entre outros), seleccionados previamente na fase inicial que tivo lugar nos centros, recitaron algunhas das máis célebres composicións rosalianas diante do numeroso público congregado e dun xurado que estivo composto polos escritores Paco Martín e Marica Campo e pola profesora Anxa G. Refoxo.

O xurado concedeu premios ao mellor recitado por cada unha das catro categorías en que se dividían os finalistas, en razón da súa idade: así, o premio ao mellor recitado na 1ª Categoría recaeu no grupo de 1º de Primaria do CPI de Xanceda (Mesía); o premio da 2ª Categoría foi para Irea Ferreiro López, alumna do CEIP Virxe do Corpiño (Begonte); o premio da 3ª Categoría foi para Fátima Barros Monteagudo, do CPI Santa Lucía (Moraña); e o premio da 4ª Categoría foi para Alejandro Sánchez Cela, do IES Leiras Pulpeiro (Lugo).

O xurado, ademais, acordou conceder tamén un premio especial ao centro que máis alumnas e alumnos finalistas conseguiu situar na fase final do concurso, e que foi para o CEIP de Albeiros (Lugo).

A Fundación Manuel María de Estudos Galegos agradeceu a todos os presentes, alumnado finalista, familias e profesorado acompañante e público en xeral, a súa total colaboración para que a xornada de convivio rosaliano decorrese con éxito.

25 de feb. de 2015

Como se aprende unha lingua

Helena Villar Janeiro.-

Vin unha foto de Marilyn con precioso abrigo claro e a imaxe transportoume á miña casa ancaresa, porque nela axudei a traballar en moitas prendas parecidas para as mozas da época. Daquela, os abrigos das mulleres eran soltos ou entallados. As chaquetas dos homes, redondas ou de traspaso. Así foi como aprendín o que eran as dicotomías, que non o seu nome. Así é como aprendín tamén moito do vocabulario que máis tarde tiven que ir abrindo a outros significados pero que daquela me bastaba, coa súa univocidade, para enterme co mundo.

A miña adquisión idiomática está moi unida ao taller de costura familiar. Sendo así, a palabra vistas non era a panorámica que se podía divisar desde un lugar privilexiado, senón unha parte dos dianteiros da chaqueta. Os baixos non eran nin cantantes de voz grave nin a primeira planta dos edificios, senón a parte fondeira das prendas. E podería dicir o mesmo de calado de cantos ou de forrar pasamáns. De punta de gabián ou de picar peitos.

É ben curioso como se aprende a lingua, sempre uníndoa a contextos do medio en que se vive, das actividades da familia que se ten, da concorrencia de compañías afectivas e lúdicas, das características do medio socioeconómico e ambiental… Con palabras que alí xorden vaise construíndo o esqueleto do mundo e da comunicación. Despois, coa lectura e calquera aprendizaxe, complétanse, arriquécense e xa nos serven para entendérmonos con calquera falante dese mesmo idioma aínda que tivese percepcións iniciais ben diferentes.
A familia é fundamental na aprendizaxe dun idioma porque a comunicación entre os seus membros faise con gran carga emocional e o uso da palabra está fortemente motivado. ¡Pobre daquela criatura á que lle fagan crer, por activa ou por pasiva, que a lingua da súa casa é menos valiosa que calquera outra que lle poñen de modelo para se entender cos demais! Por esa intervención infame, un falante pode perder o seu primeiro vehículo de comunicación, porque esa idea interfire en seguir falando coma os seus. Non hai nada máis anómalo na comunicación que o feito de que nunha familia se falen idiomas diferentes por franxas de idade, que as nenas e os nenos se dirixan aos seus proxenitores nunha lingua diferente á que estes falan entre si. Cando unha comunidade, como é a nosa, admite isto non normalidade hai que pensar que perdeu moita saúde social.

Lido en:http://helenavillarjaneiro.blogaliza.org/

22 de feb. de 2015

Nimbos de luz regresa a Guitiriz

Redacción.-

No día en que se cumpren 101 anos do nacemento do poeta e tradutor lucense Xosé María Díaz Castro, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Concello de Guitiriz reforzan a súa colaboración para continuar difundindo a vida e a obra do autor. Con este obxectivo, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o alcalde de Guitiriz, Xosé María Teixido, asinaron hoxe un acordo mediante o cal a Consellería lle cede ao Concello a exposición ‘Nimbos de luz’, que ao longo de 2014 percorreu un total de 18 municipios das catro provincias no marco da programación conmemorativa das Letras Galegas 2014.

Regreso ao concello natal do poeta
Promovida polas secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, en colaboración con Galaxia/Merlín Comunicación, ‘Nimbos de luz’ iniciou a súa itinerancia na Casa Habanera de Guitiriz, a onde regresará de novo para seguir difundindo a vida e a obra do escritor. Alí foi inaugurada hai xusto un ano pola Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, a Asociación Cultural Xermolos e o Concello de Guitiriz, nun acto que supuxo o inicio das actividades dese ano arredor de Díaz Castro.
Tras este período inicial no municipio lucense, a mostra percorreu Vigo, Pontevedra, Cerceda, Santiago de Compostela, Lalín, A Estrada, Redondela, Cee, Vilagarcía de Arousa, Mondoñedo, A Laracha, A Coruña, Lugo, Ourense, A Rúa, Cee e Celanova.

Percorrido viltal de Díaz Castro
A través de 14 paneis temáticos, ‘Nimbos de luz’ constitúe un achegamento á vida e á obra do poeta homenaxeado coas Letras Galegas en 2014. A exposición estivo comisariada por Alfonso Blanco Torrado, Luís González Tosar e Armando Requeixo, estudosos da obra do autor lugués, que, dun xeito divulgativo, para todos os públicos, presentaron o percorrido vital que o levou de Guitiriz a Mondoñedo, pasando por Vilagarcía de Arousa e Madrid.

Ao abeiro desta cesión, de carácter gratuíto e por un período de 10 anos prorrogables, a mostra pasará a formar parte do proxecto de exposición permanente da Casa Habanera de Guitiriz. Trátase dun dos edificios máis emblemáticos da localidade lucense, realizado polos emigrantes da Sociedade de Guitiriz e a súa Comarca da Habana en 1910, e que actualmente lle ofrece á cidadanía os servizos de biblioteca pública e de centro cívico.

21 de feb. de 2015

Rosalía sempre viva

Redacción.-

Este sábado 21 de febreiro a Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei acollerá desde as 17 horas a proba final do concurso escolar de recitado de poesía “Rosalía sempre viva”, que a Fundación Manuel María de Estudos Galegos convocou no presente curso por vez primeira. Trátase dunha iniciativa que busca festexar o día do aniversario de Rosalía de Castro, o vindeiro 24 de febreiro. Manuel María definíase a si mesmo como un “devoto rosaliano”.

En total serán 74 as alumnas e os alumnos, chegados de centros de toda Galiza -da Coruña ao Carballiño e de Viveiro a Moraña-, e de todas as etapas do ensino non universitario, os que participarán na proba final do concurso. Todas estas rapazas e rapaces foron previamente seleccionados nunha primeira fase do concurso nos seus centros.

Os participantes no concurso divídense en catro categorías diferentes: alumnado de Educación Infantil, 1º e 2º de Primaria; alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria; alumnado da ESO; e alumnado de Bacharelato. Na primeira das categorías as bases permiten o recitado en grupo; no resto das categorías o recitado é individual, sempre dun poema único de entre toda a obra poética rosaliana.

Un xurado, que vai estar composto polos escritores Paco Martín e Marica Campo e pola profesora Anxa G. Refoxo, será o encargado de avaliar a calidade dos recitados e de decidir os gañadores: valoraranse aspectos como a naturalidade no recitado, a expresividade, a memorización ou o grao de dificultade do poema escollido.

Haberá catro premios individuais, un por categoría, e un premio especial para o centro que tiver máis participantes na fase final do concurso. Ademais, o xurado poderá conceder mencións honoríficas para os participantes que considerar oportuno.

A proba final do concurso dará comezo ás 17 horas para o alumnado que concorre na primeira categoría (os máis pequenos) e ás 17.25 para as restantes categorías. De xeito complementario ao certame, realizaranse visitas guiadas á Casa-Museo para as familias acompañantes e para os estudantes das categorías superiores. Para os máis pequenos haberá unha sesión de contacontos e xogos e mesmo un tempo para a merenda.

20 de feb. de 2015

Programa "Musiqueando..." 2015

Redacción.-

O responsable de Cultura e Turismo e voceiro do BNG na Deputación, Mario Outeiro, aproveitou a habitual rolda de prensa posterior á xunta de goberno para dar conta da publicación onte das bases para participar nunha nova edición do programa ‘Musiqueando pola provincia de Lugo 2015’, que volve ter como obxectivo “achegar a música popular a todos os recunchos de Lugo, potenciando a música tradicional traballada por numerosos grupos, corais e bandas nas distintas comarcas lucenses e incrementando as posibilidades de que teña un oco nas festas patronais dos nosos concellos”, sinalou Mario Outeiro.

O responsable de Cultura do organismo provincial destacou que, pese aos recortes orzamentos, “mantemos a partida destinada para este programa, que ascende a 85.000 euros”, concretou. Entende que este é un novo exemplo “da nosa decidida aposta pola nosa cultura, nun momento no que está a verse fortemente atacada e afectada polos recortes dos gobernos do Partido Popular. Unha cultura popular e de base que está no cerne da existencia de Galiza e coa que todos e todas debemos implicarnos e comprometernos para seguir mantendo as nosas tradicións”, afirmou.

Outeiro agarda que este programa teña tamén este ano a estupenda acollida coa que contou nas pasadas edicións dende os concellos da provincia, dende o tecido asociativo, así como por parte dos grupos tradicións, bandas e corais que cada ano se suman a participar do mesmo: “Na convocatoria de 2014, corais, bandas e grupos tradicionais ofreceron un total de 108 actuacións por toda a provincia, sendo as dos grupos tradicionais as máis demandadas polos concellos, comisións de festas e asociacións”.
 

Cambios nos cachés das bandas
 Un dos principais cambios desta edición con respecto ás anteriores é unha variación nos cachés das bandas, “escoitando a demanda que dende o sector fixeron chegar á Área de Cultura”, sinalou Outeiro. Inclúese un novo tramo para as bandas con máis de 25 integrantes. Deste xeito, os cachés das actuacións de ‘Musiqueando pola provincia de Lugo 2015’ serán de 1.000 euros para as bandas de ata 25 integrantes, 2.000 euros para as bandas de máis de 25 membros e 500 euros para as corais e grupos de música tradicional. O que se mantén sen cambios é o pago das actuacións. A Área de Cultura e Turismo da Deputación aboaralle aos grupos o 80%, mentres que as comisións de festas, asociacións ou concellos que soliciten actuacións comprométense a pagar o 20% restante.

Unha vez publicadas as bases no día de onte, “os grupos que queiran participar neste programa dispoñen dun prazo de 30 días naturais para inscribirse, contados a partir da publicación. Mentres tanto, desde onte e ata o 31 de marzo poderán formalizar a súa solicitude as entidades que así o desexen”, explicou Mario Outeiro.

Pódese acceder ás bases do programa na seguinte ligazón:

http://www.v1deputacionlugo.org/media/documentos/Musiqueando_2015.pdf

Adquisición escultura Asorey
Así mesmo, Mario Outeiro tamén deu conta da aprobación da compra dunha escultura de Francisco Asorey por 35.000 euros. “Trátase do ‘Cristo Redentor’, unha peza en mármore que estaba localizada no interior do panteón que ten a familia Fernández López no cemiterio de San Froilán. É unha obra dun dos mellores, senón o mellor, escultores galegos do século XX e que é de sobra coñecido polos lucenses porque no Museo Provincial de Lugo xa hai dúas fermosísimas pezas del: ‘A ofrenda a San Ramón’ e o ‘San Francisco’. A primera é propiedade da propia galería lucense, mentres que a segunda é un depósito do Museo Raíña Sofía”, explicou.

O delegado de Cultura do organismo provincial tamén apuntou que “é unha exquisita mostra de escultura funeraria, da que Asorey deixou singulares exemplos. Neste caso, o escultor nado en Cambados, que formou parte da Xeración Nós xunto a Castelao, Otero Pedrayo ou Vicente Risco, elaborou unha figura tallada nunha única peza de mármore, que representa a Xesucristo a escala real, de corpo enteiro, de pé e que coas mans sostén sobre o peito a sagrada forma. As súas medias, aproximadas, son de 180x65x30 centímetros e conta cunha base de 41x36 cm”, apuntou.

Outeiro tamén sinalou que “a figura está pensada para ser vista de fronte, á  maneira da arte exipcia, e caracterízase pola simetría, a rixidez, o xeometrismo das formas e a inexpresividade do rostro, particularidades todas elas que nos remiten ao ‘kuros’ grego. O tratamento do cabelo e os pregamentos da túnica son un claro exemplo de inspiración arcaica”, manifestou.

Xunto á colección de Álvaro Gil enriquecemos os fondos do Museo
Finalmente, o responsable provincial de Cultura asegurou que “coa adquisición desta obra reforzamos a presenza de Asorey no Museo Provincial, sobre todo porque esta peza é un contraste total coas outras dúas existentes, non só por ser de un material diferente senón polos seus detalles, xa que é dun estilo totalmente diferente. Con esta adquisición e coa volta da colección de Álvaro Gil temos claro que enriquecemos os fondos do Museo”, concluíu.

17 de feb. de 2015

Francotiradores (dixitais)

Antón de Guizán.-

Veño observando desde hai varios anos que existen nos medios dixitais auténticos especialistas da sección de comentarios que en función dos seus intereses e opinións adícan o tempo a comentar artigos de opinión, maioritariamente de tipo político.

A súa argumentación cando están en desacordo co artigo de turno ou o seu autor, é a descalificación, a acusación sin fundamentar e o que é peor, estes opinadores actúan con pseudónimo, ocultando a súa identidade mentras "disparan".

Estes "valentes" acusan, recusan, mesmo minten, descalifican en aras dunha suposta pureza ideolóxica.
Son os que exercen unha política de ocultos intereses sectareos maioritariamente marxinais e nula valía democrática.

Aqueles que opinen con artigos en medios dixitais están expostos a estes francotiradores de computadora que actúan con impunidade e covardía. Eu só esixiría si de min dependera,  que no exercicio libre a disentir e opinar, cando menos, tiveran a obriga de identificarse públicamente. Saberíamos así moitas cousas, a quen corresponden as palabras, intencionalidade e sobre todo, facerlle un favor a moitabxente que semella estar ociosa para que invistan mellor o seu tempo libre.

Ademáis, recomendo a quen escribe opinión, sexa.A.que.sexa, que siga facendo, con argumentos e respeto. As guerras tamén poden ter máis limpeza.

A máquina de escribir. Colección Sirvent

Redacción.-

A máquina de escribir. Colección Sirvent é unha exposición que permitirá ao espectador achegarse ao universo da máquina de escribir en relación a súa importancia histórica no desenvolvemento do mundo da industria e o traballo. O papel da máquina de escribir na oficina, a importancia dos talleres de restauración ou a relación entre o universo das máquinas de escribir e o deseño contemporáneo son algúns dos eixes temáticos a partir dos cales se estrutura a mostra.

Xunto a isto, a exposición analiza fitos importantísimos da historia da máquina de escribir no mundo e no noso país como o xurdir da división dedicada á fabricación das máquinas de escribir da casa Remington despois da compra da patente da máquina de Sholes & Glidden, a importancia da casa Underwood que converteu o seu modelo número 5 nun dos máis vendidos do mercado, a posta en funcionamento da fábrica da máquina Hispano-Olivetti en España ou a aparición das máquinas de escribir eléctricas e a revolución que significou a aportación da empresa IBM coa súa máquina de bola para o desenvolvemento da máquina de escribir nas últimas décadas da súa existencia.

Exemplares como unha Malling Hansen danesa do ano 1867, a Hogar modelo index fabricada en Alacant no 1921, un exemplar da International Electromatic modelo Hektowriter de 1933 ou unha das Type Writer de Sholes & Glidden fabricada en 1873, son algunhas das máquinas que poderán admirarse na exposición.

A mostra tamén conta cun espazo dedicado ao póster que deixa entrever como as máquinas non só gardan valor pola súa calidade estética e a historia que albergan, senón porque arredor delas construíuse durante décadas un universo estético no que participaron algúns dos máis importantes deseñadores gráficos do seu tempo, dando lugar a interesantes imaxes publicitarias que poboaban os espazos de tendas e oficinas e que hoxe en día son un documento interesantísimo en canto á súa capacidade de reflectir o gusto e as modas das distintas décadas que viviron a súa historia.

Ademáis, na exposición poderán verse obras dos artistas José Lourenço, Jorge Perianes e Ignacio Uriarte que, cada cal seguindo a súa liña de traballo habitual, reflexionan sobre o fenómeno da máquina de escribir e o seu impacto na sociedade.

 

A máquina de escribir. Colección Sirvent
Do 12 de febreiro ao 5 de abril, 2015
Casa das Artes Vigo. Policarpo Sanz, 15, 36202 Vigo

Proposta de Lei de Publicidade Institucional

Redacción.-

PSdeG, AGE e BNG apoian unha proposta de Lei de Publicidade Institucional desta asociación para prohibir os convenios pola súa evidente arbitrariedade e que se reserve unha parte do orzamento das campañas publicitarias para medios en galego.

Os medios membros da Asociación de Medios en Galego (AMEGA) denuncian a desidia da Xunta para coa defensa do uso do galego no eido da comunicación ante a pasividade das administracións públicas. Son varias as situacións nas que a entidade, que defende, ante todo, o uso do noso idioma nos medios de comunicación, viuse atacada polas decisións da Xunta de Galicia.

O goberno de Núñez Feijóo obvia o artigo 5 do Estatuto de Autonomía que recolle que “os poderes públicos de Galicia garantizarán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán a utilización do galego en todos as ordes da vida pública, cultural e informativa, e disporán dos medios necesarios para facilitar o seu coñecemento”. Esta Xunta está máis interesada en favorecer os intereses dos grandes grupos mediáticos que de defender os medios en galego, a pesar de que os medios tradicionais están sufrindo unha grave crise con despidos masivos e unha gran perda de audiencia.

No pasado 2014, os medios que utilizan o castelán levaron 9 veces máis axudas na orde de axudas institucionas que os medios que usan o galego. A Xunta destinou 1.675.000 para os xornais dos grandes grupos de comunicación, mentres que repartíu algo menos de 182.000 entre os xornais integramente en galego por utilizar esta lingua. Unhas axudas en galego da que tamén se benefiaron os grandes grupos de comunicación con centos de miles de euros por utilizar, tan só, o 6% do galego en todo o medio.

Precisamente, a finais do pasado mes de xaneiro, a Secretaría Xeral de Medios facía públicas unhas novas bases da convocatoria de Axudas económicas dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego (https://sede.xunta.es/detalle-procedemento? codCons=PR&codProc=858A&procedemento=PR858A). Unhas axudas das que volven quedar exentos os diarios dixitais a pesar das boas palabras que tivo a secretaria xeral de Medios, Mar Sánchez Sierra, cos representantes da AMEGA. Por outra banda, esta convocatoria vén sufrindo recortes constantes nos últimos anos, con reducións da dotación orzamentaria sospeitosamente similares en contía ás axudas que percibían medios xa desaparecidos.

Unhas axudas das que, ademais, algunhas publicacións están excluídas por cuestións normativas, como é o caso do Novas da Galiza, que comunica en galego reintegracionista. É idea da AMEGA que ningún medio de comunicación quede excluído a competir en axudas públicas pola normativa que decida utilizar. Nese sentido, facemos nosas as propias palabras do Presidente da Xunta en varios actos institucionais e entrevistas nas que aseguraba que o galego nos permite comunicarnos con 250 millóns de persoas, facendo clara referencia á relación íntima da lusofonía e a lingua galega. Por outra banda, os convenios para a promoción da lingua galega acaban recaendo sempre nas mesmas grandes editoriais, con certas dúbidas sobre a súa legalide, pois algunhas das publicacións subvencionadas non cumpren os requisitos mínimos, tan ridículos como contar cun 6% da información en lingua galega.

Outro dos puntos que chama a atención é a exclusión dos medios de comunicación en galego das constantes campañas publicitarias institucionais. Campañas polas que a Xunta inxecta aos grandes grupos millonarias cantidades de diñeiro en conceptos variopintos de publicidade e propaganda. Por iso, a AMEGA levou ao Parlamento Galego unha Proposición de Lei de Publicidade Institucional. No texto que propoñemos para esta Lei -que contou co apoio do PSdeG, BNG e AGE (apoiarona os tres), recóllese precisamente a prohibición dos convenios pola súa evidente arbitrariedade e a reserva dunha parte do orzamento das campañas publicitarias para medios en galego.

Por todo isto, esiximos a necesaria transparencia no reparto de axudas aos medios de comunicación, así como as campañas publicitarias institucionais. Tamén reclamamos que as axudas á promoción do galego recalen, na súa medida, nos medios que facemos do galego a nosa identidade.

A Asociación de Medios en Galego, que segue en proceso de crecemento, a día de hoxe, chega a uns 300.000 galegos a través dos seguintes medios: A Nova Peneira, A Voz de Vilalba, Crónica 3 -- xornal dixital da Mariña Lucense, Galicia Confidencial, Novas da Galiza, Praza Pública, Quepasanacosta.com -- xornal dixital da Costa da Morte, Radiofusión -- rede de emisoras municipais galegas, Sermos Galiza, Tempos Novos, Terra Cha Xa e Valminor.info.

Os Vilares tamén en imaxes

Antón de Guizán.-

Após da edición do libro e o documentario do proxecto OS VILARES, LAREIRA DE SOÑOS o proxecto sigue e o seu seguinte traballo irá polo camiño das imaxes fotográficas.

Hai 25 anos unha exposición de fotos antigas na Romería Labrega da Chaira motivou a creación deste proxecto parroquial por encomenda de Manuel María a Pastora Veres, organizadora daquela exposición, para recoller a memoria dos vilaregos e que vai ver próximamente a luz.

Pero as numerosas entrevistas tanto para o libro de Pastora cómo para o audiovisual de Cibrán, proporcionaron centos de fotografías que constituen un excepcional documento visual que se debe preservar, e nesa labor estamos co escaneado de grande cantidade de imaxes, que serán arquivadas para o futuro. Si a eso sumamos o arquivo que imos analizar para salvar tamén coa súa memoria de José Lobeiras, o Armeiro de Berulfe, temos por diante un grande e apaixoante traballo que reflexará a historia recente dos Vilares e a contorna en imaxes.

Os Vilares contou con dous afamados fotógrafos, o Armeiro de Berulfe e Pepe de Lagares que o foi tamén do campamento militar de Santa Cruz de Parga. Aqueles fotógrafos grazas aos cais mantemos as imaxes dos nosos ancestros na retina e polos que nos facemos á idea da vida doutros tempos.

A maior parte das fotografías antigas da.parroquia son da súa autoría, vodas, festas, retratos, romerías, enterros, labores agrícolas, emigración... A vida dos Vilares retratada por estes dous "fotógrafos ambulantes" que complementaban este oficio con outros para sobrevivir.

Contamos para este cometido coa colaboración entusiasta do fotógrafo Moncho Fuentes que conta con unha grande experiencia como fotógrafo de.prensa e xa ten traballado en recuperación de arquivos fotográficos antigos e que se prestou sen reparo a axudarnos na tarefa.

Avanzamos así, coa publicación e o audiovisual, a exposición e arquivo fotográfico, o premio de trapeiro de honra, a web e a páxina de facebook e outras iniciativas na creación dun proxecto vivo que contribuirá a por en valor o coñecemento da parroquia do poeta Díaz Castro que este ano fai xa 25 do seu pasamento.

Tentaremos pois, ademáis da recuperación dese marerial que temos xa moi avanzado, organizalo e expoñelo ao conxunto de veciños para o seu disfrute nunha exposición e si é posíbel, tamén.nunha publicación para aportar tamén aos Vilares outro documento da súa memoria coas imaxes dos seus protagonistas, os vilaregos e vilaregas que foron acendendo esta lareira de soños.

12 de feb. de 2015

Reserva da Biosfera Terras do Miño

Redacción.-

Como continuación das xornadas da tempada 2013-14, organizamos esta nova xeira onde continuamos analizando os valores naturais da Reserva da Biosfera Terras do Miño, poñendo especial énfases nas prioridades de conservación dalgúns dos seu compoñentes así como no papel que pode xogar a ferramenta da custodia do territorio na súa conservación.

Programa
09:30 h. Os bosques na RB de Terras do Miño: Prioridades de conservación. Manuel Rodríguez Guitián (Dpto. Produción Vexetal USC/ IBADER)
10:30 h. O mazarico real na RB de Terras do Miño: Prioridades de conservación. Jesús Domínguez Conde (Dpto. Zooloxía e Antropoloxía física USC)
11:30 h. Pausa café
12:00 h. A importancia das paisaxes rurais para a biodiversidade. Emilio Díaz Varela (Dpto. Enxeñaría agroforestal USC)
13:00 h. Mesa redonda – Coloquio: O papel da custodia do territorio na conservación dos valores naturais da RB Terras do Miño.
14:30h. Peche da xornada

Sábado, 14 de febreiro desde as 9:30 ata as 14:30
R/ José Pardo y Pardo Montenegro, nº 27, 27370 Rábade, Lugo

Presentación de "O pequeno é grande"

Redacción.-

O Instituto de Estudos Chairegos organiza para o vindeiro venres, 13 de febreiro de 2015, ás 20:30 horas, no Salón de Actos da Casa da Cultura, a pre- sentación do libro de Xoán Carlos Carreira Pérez e Emilio Carral Vilariño “O pequeno é grande. A agricultura familiar como alternativa, O cas gale- go”, editado por Através Editora/AGAL.

Como se pode ler na páxina web da editora do libro, “O Pequeno é grande. A agricultura familiar como alternativa: O caso galego” é un novo número da colección Através das Ideias centrado na importan- cia da agricultura en pequena escala. Unha combi- nación de revisións bibliográficas, investigacións e conclusións proprias dos autores, hipóteses e ideias prospetivas, que tenciona apresentar un conxunto de ideas e propostas para incentivar un debate necesa- rio na nova fase que deberá comezar para a agricul- tura galega.

É un ensaio que aspira a ser un ponto de partida, non de chegada. Os profesores Xoán Carlos Carreira e Emilio Carral procuram respostas para as pergun- tas chave: Quen habita hoxe o meio rural? Cales son
os diferentes tipos de explotacións agrarias galegas na atualidade? Cal é o papel da agricultura en pequena escala? No século XXI, o minifundio continua a ser un problema para o desenvolvemen- to agrario da Galiza ou, dalguna maneira, é unha agricultura de precisión, feita, iso si, con base nun enorme esforzo? Até que ponto son certas as ideas en que se funda a consideración das pe- quenas explotacións labregas familiares como marxinais? Até que ponto poden ter un papel im- portante no novo paradigma da agricultura entendida non só como produtora de alimentos mas tamén como fornecedora de servizos á sociedade?

Xoán Carlos Carreira Pérez:! Lugo, 1956. Doutor enxeñeiro agrónomo, profesor de Enxeñaria Agroflo- restal na Universidade de Santiago de Compostela. Foi vice-reitor de Infraestruturas, diretor da Escola Politécnica Superior de Lugo e da E.U. de Enxeñaria T. Florestal. Tivo diversos cargos de responsabilidade en organizacións políticas e sindicais nacionalistas. En 1975 integrouse nos CALL, sendo um dos seus primeiros membros e un dos impulsores do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas. Autor de va- rios livros e artigos científicos, ten colaborado en diversos meios de comunicación, como A Nosa Terra, El Progreso, Vieiros e Praza Pública.

Emilio V. Carral Vilariño:! Santa Mariña do Castro de Amarante (Antas de Ulla), 1962. Doutor en Cien- cias Biolóxicas, profesor da Área de Ecoloxía na Universidade de Santiago de Compostela. Foi subdirector e director (en funcións) da Escola Politécnica Superior e coordena o IV Ciclo Universitário no Campus de Lugo. Realizou estadías en centros estranxeiros (Cuba e Holanda). Ten publicado numerosos artigos cientí- ficos e de divulgación sobre residuos agroindustriais, polución, metais pesados, nutrientes, control ambien- tal, bioindicación, especies protexidas, xestión ambiental e biodiversidade.

11 de feb. de 2015

O xoves, asamblea de Somos Maioría

Redacción.-

"Somos Maioría Vilalba" convoca a todas as vilalbesas e a todos os vilalbeses a unha asemblea aberta que se celebrará o xoves 12 de febreiro, ás 20,15 h., no salón de actos da Biblioteca Municipal, coa finalidade de impulsar unha candidatura de unidade cidadá e plural.

Segundo eles mesmos din, "apelan á cidadanía en xeral, aos diversos movementos asociativos, sociais e culturais, así como ás formacións políticas, a iniciar un dialogo necesario e urxente coa fin de conseguir unha ampla alianza social e política para configurar unha candidatura unitaria e plural que remate co despotismo e favoritismos da dereita no noso concello."

Para eles "a cidadanía ten que ser a protagonista directa desta alianza, na que non ten cabida ningún tipo de tutelase ou control externo ao órgano de decisión que será sempre a Asemblea, onde a xente exercerá o dereito a decidir a nivel individual, para provocar un novo xeito de organizar a vida en común, honesto e transparente, construído pola cidadanía, ao servizo da cidadanía e baixo o control da cidadanía. Cómpre poñer fin a décadas de desgoberno do P.P. O concello ten que estar ao servizo de toda a veciñanza e non servir de trampolín a intereses político- profesionais duns poucos. Na actual situación de crise, de recortes económicos e sociais, o concello como administración máis próxima a cidadanía debe ter un papel fundamental para atopar solucións nas que primen os intereses comúns."

10 de feb. de 2015

Inversión en Cultura

Redacción.-

O vicepresidente e responsábel de Benestar e Deporte da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, aproveitou este mediodía a tradicional rolda de prensa posterior á xunta de goberno do organismo provincial para dar a coñecer a publicación no Boletín Oficial da Provincia de hoxe das bases que rexerán as axudas de concorrencia competitiva destinadas a cultura. Veiga sinalou que “o prazo para presentalas comeza mañá e finalizará o 7 de marzo, tanto para as asociacións como para os concellos que teñan previsto facer algunha actuación cultural”, afirmou.

O vicepresidente provincial precisou que, ao igual que nos tres exercicios anteriores deste mandato, se destinarán 540.000 euros a este liña de axudas. “400.000 euros serán para as asociacións e colectivos culturais, tanto para realizar actividades anuais como para eventos, mentres que os 140.000 euros restantes serán para os concellos. Desta última contía, 60.000 euros serán para gasto corrente e 80.000 para pequenos equipamentos culturais que precisen os concellos que poidan realizar actividades deste tipo”, apuntou. Así mesmo, destacou que o pasado ano “foron arredor de 700 as solicitudes que se recibiron, concedéndose un total de 663 axudas, polo que chegamos a un número altísimo de asociacións”, salientou.

Máis de 2 millóns de euros destinados á Cultura neste mandato

O vicepresidente provincial recordou que “nestes catro anos se repartiron 2.200.000 euros entre o asociacionismo cultural” e quixo resaltar outro dato. “Estes 400.000 euros que se destinan dende a Área de Cultura da Deputación de Lugo no 2015 a todo o tecido asociativo da provincia contrasta con outra cantidade que está usando a Xunta de Galiza gobernada polo PP. Levan dende o 2011 sen sacar ningunha liña de axudas para as asociacións culturais, pero, iso si, destinan 300.000 euros para un vídeo de Enrique Iglesias. Creo que os datos falan por si mesmos”, aseverou.

Veiga creo que “o señor Feijoo e o conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, deberíanlle de pedir desculpas a todo o tecido cultural do país por gastar nun vídeo clip 300.000 e ter investido, desde o 2011, 0 euros nas asociacións e colectivos do eido da cultura”, criticou.

Menos investimento na promoción da lingua galega que no vídeo de Enrique Iglesias

Do mesmo xeito, citou outro dato significativo. “A Xunta destina neste ano 2015 para o fomento da lingua galega nos concellos 245.000 euros, unha cifra tamén inferior aos 300.000 euros que vai levar este vídeo supostamente promocional de Enrique Iglesias. Queda patente a defensa que está facendo a Xunta gobernada polo PP do emprego e uso do noso idioma. É nulo e por iso este domingo os galegos e as galegas teremos que ir unha vez máis a manifestarnos a Compostela nunha convocatoria organizada por diversos colectivos sociais e culturais en defensa do galego”, lamentou.

Programa Musiqueando

Así mesmo, Veiga deu conta da aprobación das bases de gasto e dos modelos de solicitude do programa ‘Musiqueando pola Provincia’. “Destínanse 85.000 euros a un programa dirixido a todas aquelas asociacións culturais e comisións que organizan distintos festexos. O que tratamos é achegarlles bandas de música, corais ou grupos de gaitas ou música tradicional para que as festas galegas sigan mantendo o seu espírito e tamén para que estes grupos poidan ter actuacións pola provincia de Lugo. É unha especie de circuíto do que saen beneficiados todos, xa que se lle fai máis sinxelo o traballo a comisións de festas e asociacións culturais, mentres que eses 85.000 euros reverten neses grupos, que habitualmente tamén pertencen a algunha asociación. Cremos que é un xeito de seguir fortalecendo o tecido asociativo”, explicou Veiga, quen avanzou que este acordo será publicado nos vindeiros días no Boletín Oficial da Provincia.

8 de feb. de 2015

A situación do sector lácteo

Redacción.-

O Sindicato Labrego Galego ofrecerá o MAÑÁ, luns 9 de febreiro, unha rolda de prensa en Lugo para analizar a situación actual do sector lácteo, que vén sufrindo unha baixada de prezos inxustificada dende principios de ano até chegar aos actuais niveis insostibles, por baixo dos 30 céntimos por litro; e denunciar o fracaso absoluto das medidas impulsadas polo paquete lácteo dende a Unión Europea para evitar crises coma esta. Aproveitaremos a rolda de prensa para presentar a convocatoria da Dirección do Leite do Sindicato Labrego Galego, que se celebrará o mércores, 11 de febreiro, nas instalacións do Mercado de Castro.
A rolda de prensa será na sede do Sindicato Labrego Galego en Lugo (rúa Miguel de Cervantes 47, Entresollado) e comparecerán a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, e o coordinador dos sectores gandeiros, Xabier Gómez Santiso.

Hoxe en Compostela, Queremos Galego!

Redacción.-

Polas fillas dos nosos fillos, Queremos Galego. É o lema da manifestación que esta mañá convocou a miles de persoas en Compostela organizada por Queremos Galego! Miles de persoas e colectivos representativos da ampla diversidade social que defende a nosa lingua tamén mostraron estes días, por diferentes medios, o seu apoio á convocatoria.

A manifestación, que partiu ás 12h da Alameda de Santiago, contou coa participación de actrices e actores como Ricardo de Barreiro, Quico Cadaval, Pepe Penabade, Laura Ponte, Lucho Penabade, Pepe Penabade, Isabel Risco, Teresa Rodríguez e Iria Sobrado.

Os datos sobre a situación do galego publicados polo Instituto Galego de Estatística que se coñeceron a primeiros de decembro revelaron unha perda de falantes xeral na última década, e que o 75% dos rapaces e adolescentes son castelanfalantes, fundamentalmente no ámbito urbano. Con este acto Queremos Galego! reclama a pervivencia do idioma para as próximas xeracións e critican a política lingüística do goberno por non garantir a normalidade do galego en todos os ámbitos:

"A lingua galega une. É o noso máis prezado ben común e colectivo. O que temos que facer é reivindicala e a partir de hoxe comezar un proceso de mobilización e activismo todos os días do ano para que a lingua galega recupere ese espazo que lle corresponde" Reclamou Marcos Maceira, como voceiro da plataforma.

Pais e fillos amosaron a súa dificultade para poder educar ou estudar en galego con normalidade despois do decreto do ensino. E esixiron medidas normalizadoras en todos os contextos nos que se moven pequenos e maiores.

Á manifestación asistiron representantes de todos os partidos da oposición que concordaron en reclamar a lingua como elemento de identificación e cohesión social, por enriba de calquera sigla política.

Presentación da novela de Manuel Olveira

Redacción.-

A librería Cronopios de Santiago de Compostela acolleu onte, venres 6 de febreiro, a presentación de “Todo el tiempo del mundo”, a primeira novela de Manuel Olveira, actual director do MUSAC (León). No acto, que comenzou ás 18.30 horas, o autor estivo acompañado pola diseñadora gráfica Uqui Permui.

Hoxe sábado 7 de febrero, a novela, que o propio Manuel Olveira define a obra como “unha novela de construcción” ou bildungsroman, presentaráse na librería Formatos de A Coruña, tamén ás 18.30 horas e, nesta ocasión, o autor estará acompañado pola analista social Fernanda (Rita Caoba).

Manuel Olveira naceu en Xuño (Porto do Son, Galicia). É licenciado en Historia da Arte (Santiago de Compostela, 1987) y Belas Artes (Barcelona,1994). Sempre traballou no mundo das artes visuais: foi director do Centro de Producción e Residencias Artísticas Hangar (Barcelona, 2001-2005), do Centro Galego de Arte Contemporánea (Santiago de Compostela, 2004-2009), do Ágora, Centro Cultural para o progreso social (A Coruña, 2010-2011) e, desde 2013, é director do Museo de Arte Contemporánea de Castela e León, MUSAC. A súa relación coa literatura foi constante, pero ata o de agora as súas publicacións —o proxecto editorial Complot (Ayuntamiento de Terrassa y Hangar, 2004), os libros de entrevistas que levan por título Entre-vista (CGAC, 2008) e Conferencia performativa (MUSAC, 2014), entre outras— estiveron centradas na arte contemporánea. Todo el tiempo del mundo, que comenzó a escribir en 2005 e que ve a luz tras 10 anos, é a súa primeira novela.

7 de feb. de 2015

Presentouse o Caderno de Estudos Chairegos

Redacción.-

Onte venres, día 6 de febreiro de 2015, o Instituto de Estudios Chairegos presentou o Caderno de Estudos Chairegos número Sete a partir das oito e media do serán na Casa da Cultura de Vilalba da man do presidente do colectivo Manuel Castro Santamariña, Rebeca Leal Eimil, María Crespo Vázquez e Manuel Ferreiro.

A publicación bianual, co-financiada pola Área de Cultura da Deputación, conta con limiar de Uxío García Amor que substitúe a Bernardo García Cendán e José Luís Novo Cazón. Deste xeito, comeza unha nova xeira na que se pretende que cada edición do Caderno vaia prolongada por algún persoeiro ilustre.

Antonio Quintela, o señor Xosé de Caurelciño, o roteiro de cruceiros por Cospeito, os camiños históricos nas Terras de Pol, a faceta tradutora de Aquilino Iglesia Alvariño e a variación dialectal do léxico referido aos xogos tradicionais na Terra Chá son os temas recollidos no apartado de investigación.

Chema Felpeto, Manuel Castro Santamariña e Carme Pernas son os encargados das recensións dos libros Cartas a Antón de Bernardo García Cendán, A Chaira de Jenaro Pérez, Poética da Viaxe de Xosé Otero Canto, Cruceiros do Concello de Vilalba de Arribas, Blanco e Saavedra e Algunhas casa fidalgas da Terra Chá de José Coira.

E Manuel Ferreiro protagoniza o apartado de nova poesía onde se recolle unha boa escolma dos seus poemas.

Finalmente, o caderno recolle máis de 400 fotografías correspondentes ás exposicións Tal como eramos: VII Exposición de Vilalba, III de Guitiriz e I da parroquia de Alba.

A biografía "non autorizada" de Rouco

Ramón Chao.- O teólogo José Manuel Vidal acaba de publicar unha biografía “non autorizada” do noso paisano Antonio Rouco Varela. Empezaron a traballar a catro mans nunha biografía autorizada, ata que Rouco rompeu o acordo e a obra converteuse en “non autorizada”.

Sabemos que o vilalbés non soportaba o ton libre e ata crítico que José Manuel Vidal levaba, e este, á súa vez, negouse á censura. Da vida privada de Rouco, os vilalbeses estabamos ao tanto de todo o que figura nesas páxinas, e moito máis. Por exemplo, eu que o coñezo e tratei moito desde a nenez, non ignoraba que o seminarista era tosco, brutal e testarudo. No comedor familiar do noso Hotel Chao era, xunto con Pardeiro, o que chistes máis verdes contaba, o máis brutal e violento coas bandas rivais, polo que avisaban: Coidado, que vén o bronco Varela!. Ese carácter dúralle ata hoxe.


O seu biógrafo di que o cardeal instaurou un clima de medo na Igrexa católica española, un clima insano, paralizante, que non permitía axuntar esforzos, que dividía e encerraba a cada cal no seu gueto. Medo que mantiña aos provinciais, aos superiores e aos propios bispos pendentes dun telefonazo e, polo tanto, sen poder ser libres nin promover a sa liberdade dos fillos de Deus entre os seus cregos, frades, monxas e fieis. Como consecuencia, estendeuse a autocensura e a néboa do medo o que recubría todo. Rouco e os seus non querían teólogos secretarios dos bispos. Querían simples papagaios do maxisterio. E estaban decididos a acabar con todos os que non se pregasen á súa santa vontade.

O biógrafo Vidal trata de buscarlle desculpas no estreñemento que Rouco sufriu desde sempre, de orixe nerviosa, desde que xa en Salamanca os seus compañeiros facían risas das súas dificultades para evacuar, e cando vían un servizo pechado, dicían: “Xa està Rouco no labor”.

Xuízo semellante emite quen foi o seu profesor en Mondoñedo, o meu irmán Xosé Chao. Díxolle a Vidal que é “un home moi depresivo e moi estreñido, de saúde moi precaria, o cal afecta á escasa seguridade que ten en si mesmo, malia aparentar todo o contrario”. Pois aínda que xa intuísemos todo isto, recomendamos a lectura desta biografía non autorizada que tantas sombras disipa, e tantas luces ofrece. 

_______________________________________

Vidal, José Manuel: Rouco. La biografía no autorizada (ISBN: 978-84-666-5559-0)

5 de feb. de 2015