Cambio histórico en Compostela

Moncho Paz.- A situación de Compostela durante os últimos catro anos evidenciaba unha demanda de cambio por parte dos cidadáns, que se materializou nas eleccións do pasado 24 de maio. Un xiro político a costa do PP, que ao longo da campaña foi acusando esta tendencia social, coñecedores de que o pulso da cidade ía en sentido contrario ás súas expectativas.

A estratexia electoral de Compostela Aberta foi acertada. Xa na precampaña, conseguiron posicionar ao seu candidato, Martiño Noriega, como a única alternativa da esquerda fronte ao PP. Falando de transparencia, dun proxecto de cidade e do reto de recuperar a Compostela cultural, un dos principais activos que temos e que perdeu enteiros no último mandato, a golpe de escándalos, corruptelas e a constante proxección dunha imaxe negativa da capital de Galicia. O resultado do proceso electoral convertiu a Agustín Hernández no Boabdil da política galega; tivo que entonar un mea culpa e recoñecer a necesidade de facer autocrítica. Moi lonxe da realidade, só foi consciente ao final, especialmente na última semana da campaña. Perderon case cinco mil votos, que se di pronto.

Por outra banda, a desfeita do PSdeG, cun mal candidato tras un nefasto proceso de primarias, tamén favoreceu claramente a Compostela Aberta, que recibiu unha morea de votos “prestados” do electorado socialista, convertindo a Noriega no líder dunha nova maioría social que demanda outra maneira –e outras formas- de facer política. A situación interna do PSdeG local debería ser revisada con urxencia pola xestora; trala disolución da agrupación compostelana, o máis sensato sería substituír a Paco Reyes e impulsar canto antes un proceso de renovación aberto á sociedade, e non exclusivo da militancia. Algo que defendeu no seu día Mercedes Rosón, quen por desgraza perdeu a voz predicando no deserto. Nos vindeiros meses, coa elección dunha nova comisión executiva, veremos se aprenderon a lección.

E do BNG, unha forza política empeñada en suicidarse, prefiro non falar. Tiveron e non souberon reter, cunha caída en picado da que soamente se salvan as “aldeas galas”, encabezadas pola Pontevedrum de Lórix. Confeso non entender nada.

Se facemos unha análise en clave xeral, parece innegable que o afundimento do PP é a antesala do que pode acontecer nas eleccións lexislativas do vindeiro mes de novembro. A súa mensaxe repetitiva dunha “recuperación económica” non foi suficiente, pois non é percibida polos cidadáns (e menos en Galicia). Dá a sensación de que pretenden resucitar a consigna “España va bien”, tan voceada polo individuo da bigoteira. E iso non é suficiente baza electoral nun Estado onde a corrupción é un cancro con metástase, unha percepción social moi complicada de desmontar. Rajoy, o home dos tempos que ninguén entende e que a todos exaspera, perdeu toda credibilidade e agárdanlle cinco meses de inferno político. Toda crise leva sempre un Goberno por diante, pero podemos atoparnos ante a situación de que no caso español sexan dous, primeiro o de Zapatero e agora o de Mariano, moi lonxe de parecerse a Cameron.

Os retos do novo Goberno municipal son moitos. Nos últimos anos, en demasiados foros deixaron de vernos como “metrópole internacional”, “exemplo de tradición e modernidade”, “cidade en magnífico estado de conservación”, “capital cultural e destino turístico”, “símbolo do consenso político en aras do ben común”, etc. Todas estas impresións borráronse dun plumazo no mandato do PP, cun equipo sen ideas e que só se preocupou de defender o concepto espiritual da peregrinación, quizais porque eran conscientes de que non tiñan outra cousa e precisaban encomendarse ao Apóstolo, que -dito sexa de paso- pasou deles na xornada do 24-M. Parabéns, Martiño. Sorte, e a xestionalo ben.

31 de maio de 2015

Homenaxe a Anxo Guerreiro en Xermade

Redacción.- A primeira sesión das XI Xornadas Interxeracionais de Cabreiros tivo un protagonista indiscutible, o político e activivista tristemente desaparecido Anxo Guerreiro Carreiras (Xermade, 1945 - A Coruña, 2013), que estivo moi presente ao longo de toda a xornada, tanto por parte dos que destacaron a súa figura como polos asistentes que quixeron coñecer un pouco máis a súa traxectoria política e vital. 


Trala inauguración oficial, a cargo do alcalde en funcións, Tomás Rodríguez, e representantes da asociación de veciños de Cabreiros, USC, Nova Escola Galega e o Colexio de Educadores Sociais de Galicia, chegou a quenda dunha mesa redonda en torno a Geluco, como era coñecido popularmente Guerreiro.



O moderador, o xornalista chairego Moncho Paz, encargouse de desculpar a ausencia do ex-presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño e do ex-conselleiro Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, que non puideron acudir ao evento por motivos persoais. Aínda así, quixeron destacar a «política que serve par unir, transformar e prosperar» que practicaba Guerreiro, segundo Touriño, ou a súa condición de «político coherente e fondamente convencido das súas ideas, un político de convivencia», que lembrou Portomeñe na súa nota de adhesión ao acto.




A mesa redonda abriuna o sindicalista Xan María Castro Paz, que fixo un apunte biográfico e unha contextualización da época na que viviu Geluco, antes de formar parte da política activa no Parlamento galego, á que chegou co obxectivo de «buscar espazos de unidade dentro dá esquerda galega».

Pola súa banda, o ex-parlamantario nacionalista Camilo Nogueira Román destacou a aposta de «creación desde ou Parlamento da idea de Galicia» que tiña Anxo Guerreiro. A primeira sesión das Xornadas Interxeracionais de Cabreiros -que continuarán os días 6 e 13 de xuño- pechouse coa intervención do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, que lembrou a Geluco como alumno cheo de «talento, seguridade, espírito pedagóxico e gran didactismo á hora de escribir», o que lle serviu na súa faceta de político.

Tempos de mudanza

Chema Felpeto.- Tremen os alicerces do Partido Popular vilalbés co resultado das eleccións municipais do pasado día 24. E non é de estrañar, non só por contaren cun concelleiro menos na Corporación, senón pola perda efectiva de 1.352 votos que veñen supoñer un perigoso descenso de 8,76 puntos sobre os comicios de 2011. Certamente cómpre recoñecerlles a capacidade efectiva de manexaren no medio rural unha sólida infraestrutura, que deriva nunha indecente mercadoría clientelar, e a habelencia para ocultaren as discrepancias internas e arroupárense en momentos electorais. 

Malia isto, algúns filtran de forma interesada, que desavinzas entres as familias políticas levaron a purgas que condicionaron a lista até o punto de dificultar seriamente a súa elaboración, mentres outros xustifican a súa deserción polo incumprimento de promesas recibidas no seu día e por seren ignorados na toma de decisións dun goberno absolutamente presidencialista. Posibelmente se vexan arrastrados nalgunha medida pola corrupción dos seus en todo o estado, mais non é menos certo que tanto a imaxe do alcalde coma a nefasta xestión institucional, inzada de despotismo, nepotismo e desprezo aos adversarios políticos, foron os detonantes esenciais do principio do que semella unha caída libre que pode levalos á perda do poder nun futuro ben próximo. 

Podo concordar con Gerardo Criado na opinión de que as urnas acaban por poñer a cadaquén no seu lugar, mais dubido da súa palabra de que gobernarán para todos, porque o pasado demostra que só o fixeron para uns poucos. E cómpre aclararlles neste punto que o farán cunha representatividade real dun 31,6%, menos dunha terceira parte do electorado total, así como que foron superados en 289 votos polos partidos que a inxusta lei d'Hont condenou á oposición, o que demostra ás claras que esa “maioría social” coa que a algún se lle enche a boca é pura falacia. Talvez leve razón Pepe Mújica cando afirma que “O poder non cambia ás persoas, mais revela verdadeiramente quen son”.

No PSdeG-PSOE sentimentos encontrados. Por unha banda celebran o incremento en 562 votos e 9,86 puntos porcentuais, mais por outra sofren decepción ao quedaren tan só a 27 votos dun sétimo concelleiro que podería outorgarlles unha hipotética responsabilidade de goberno de chegaren a algún tipo de acordo con BNG e Vilalba Aberta, o que sospeito non resultaría excesivamente complicado. Sen dúbida o tirón persoal da súa candidata, a virtude de atraeren a un sector xuvenil implicado con actividades culturais e deportivas, e o traballo desenvolvido na campaña tiveron un efecto positivo.

Vilalba Aberta foi unha sorpresa relativa. Con escaso tempo e menos recursos, logrou unha praza na Corporación Municipal conseguindo captar o voto descontento, de uns e de outros. A súa proposta asemblearia ateigada de ilusión convocou inicialmente a distintas sensibilidades, mais a realidade dalgunhas discrepancias na propia organización coutou finalmente arelas e expectativas. Con todo e con iso, os 646 votos, que os sitúan nun meritorio terceiro lugar, non deixan de representar un éxito que terán que referendar co seu traballo na vindeira lexislatura.

Pola súa banda o BNG perdeu 717 votos e sufriu un descenso de 6,73 puntos, pasando a ser a cuarta forza política. Moito deben mudar as cousas no país para que recuperen o crédito perdido e devolvan a ilusión a un pobo enfermo de autoestima que non chega a identificalos como a única forza que representa realmente os valores da nosa nación. Mais iso xa é fariña doutro fol e no que toca ao concello vilalbés tampouco puideron ver recoñecido o seu traballo institucional a prol da veciñanza.

No hai que esquecer finalmente nesta breve análise o 31,1% de abstención, elemento que se traduce nunha falta de participación nada máis nin nada menos ca de 3.942 persoas. Todo parece indicar que o Partido Popular, con toda a presión que exerce sobre unha parte do electorado, ten chegado ao seu teito, e non resultaría estraño que durante este mandato se producisen relevos na cúpula do propio equipo de goberno rememorando vellos tempos. O que non é tan doado de entender, ou quizais si, son as causas polas que os outros partidos non son quen de ilusionar cos seus proxectos a este sector, que prefire quedar na casa a depositar a súa confianza nalgunha formación. En calquera caso, semellan albiscarse no horizonte tempos de mudanza que poden desembocar na gran alborada.

29 de maio de 2015

Homenaxe a Ramón Chao en Compostela

Redacción.- O recoñecido restaurante compostelán Mesón de Lázaro quere rendir unha particular homenaxe ao escritor Ramón Chao, con motivo do oitenta aniversario do seu nacemento. Aproveitando a súa estadía de varios días en Galicia, Chao será o protagonista da apertura das Noite(s) Xove(s), un evento no que cada mes –un xoves pola noite- disertará un convidado de prestixio sobre temas de actualidade, cun produto gastronómico de tempada como desculpa para a xuntanza e mailo posterior debate. 
Esta “maridaxe de gastronomía e cultura”, así calificada polo propietario do establecemento, Pepe Mata, contará coa colaboración permanente dos xornalistas Moncho Paz, Koro Martínez e Fermín Galindo, que de xeito alternativo serán os encargados de presentar ao protagonista mensual. Nesta ocasión, a presentación do convidado correrá a cargo de Moncho Paz, que ademáis é colaborador do escritor galego afincado en París en varios proxectos culturais, como a Asociación de Amigos de Prisciliano.
Ramón Chao naceu en Vilalba en 1935 e criouse tocando o piano na fonda que rexentaban os seus pais, onde adoitaban parar figuras como Cunqueiro ou Celso Emilio Ferreiro. Sendo bolseiro polo Concello de Vilalba e a Deputación de Lugo, trasladouse a Madrid para estudar piano, harmonía e bacharelato. De Madrid foise a París cando tiña vinte anos, con outra bolsa do Goberno español. Na capital francesa fíxose xornalista, entrando a traballar en Radio France “porque falaba galego”, segundo confesa, “pois buscaban un locutor que soubera música e portugués”.
En París, Ramón Chao dirixiu emisións radiofónicas na nosa lingua, que serían prohibidas por Franco, e foi correspondente da revista Triunfo. Tamén traballou na prensa e na televisión francesas e foi nomeado Cabaleiro das Artes e das Letras polo Goberno de Francia en 1991. Destacou como crítico Literario en Le Monde e polas súas colaboracións en Le Monde Diplomatique, publicación mensual dirixida polo xornalista Ignacio Ramonet.
                                             
Conta no seu haber con máis de vinte libros, entre novelas e biografías, un deles escrito en galego, O Camiño de Prisciliano, con cuberta deseñada polo artista Miquel Barceló. Asemade, a súa novela El lago de Como, publicada en 1982, foi traducida ao galego en 2008. Ao final do evento do vindeiro xoves, terá lugar unha sinatura de libros por parte do autor.


17 de maio de 2015

No Bico un Cantar con Cabanillas

Redacción.-

O poeta Ramón Cabanillas (1987-1959) é o protagonista da terceira edición de “No bico un cantar”, un programa que xunta poesía, música e mocidade. O concerto foi presentado esta mañá na sala Eisenman da Cidade da Cultura de Galicia por Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Jesús Vázquez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Luis Aragunde, alcalde de Cambados, Rosario Álvarez, vicepresidenta do CCG e Maximino Zumalave, director artístico do concerto. A cita xuntará na praza de Fefiñáns en Cambados, o vindeiro 5 de xuño, un gran coro de cincocentos nenos e nenas chegados dos conservatorios de música profesional de Galicia cantando poemas do poeta Cabanillas. A cita suporá a estrea da versión musicada do poema “Fala unha laverca”, que o CCG lle encargou á compositora Margarita Soto Viso.

“É unha cita na que os sons falan e as palabras soan a música” deste xeito tan alegórico o director Maximino Zumalave quixo destacar o dobre valor do programa “No bico un cantar”. Un proxecto que, o presidente do CCG, Ramón Villares definiu como “unha tradición de só tres anos que une poesía e musica e tamén pero que tamén fai o esforzo de ser unha extensión cultural, dando a coñecer á mocidade poesía, música e tamén xeografía”. O programa desta edición de “No bico un cantar” está conformado por catro poemas de Ramón Cabanillas que recollen trazos da súa poética total, no momento en que se cumpre o centenario da edición da súa obra Vento mareiro (1915). Os textos seleccionados (Pregaria, Fala unha Laverca, Era un piniño novo, Aureana do Sil máis o poema de Rosalía, Maio Longo) nesta edición foron musicados por diferentes compositores recoñecidos da música culta galega como son José Baldomir ou Eduardo Rodríguez-Losada, así como a versión que fixo o coñecido compositor catalán Federico Mompou do poema “Aureana do Sil”, en homenaxe ás mulleres que buscaban ouro nos ríos galegos.

Como vén sendo habitual neste programa, o Consello da Cultura Galega encargou a composición musical dun poema. Nesta edición Margarita Soto Viso foi a responsable de poñerlle música ao poema “Fala unha laverca”, sacado do poemario Da terra asoballada, no que ofrece unha dignificación mítica da terra.

O recoñecido pianista e director Maximino Zumalave repite como responsable artístico deste proxecto que xuntará preto de cincocentos nenos e nenas chegados de diferentes conservatorios de música profesional de toda Galicia. Canda el, tamén repite o grupo de metais Hércules Brass, un quinteto de diferentes instrumentos (trompeta, trompa, trombón e tuba) ao que se incorpora un músico para conformar un sexteto.

No bico un cantar
Unha frase Curros Enríquez a Rosalía, No bico un cantar, deulle nome a un proxecto do Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura e Educación que naceu en 2013 co obxectivo de dar a coñecer a poetas recoñecidos da nosa terra pero desde un punto de vista musical. Nese ano, cando se cumprían o 150 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a poeta de Padrón foi a protagonista deste concerto que se desenvolveu en San Domingos de Bonaval. A segunda edición trasladouse a Celanova, por ser o lugar de nacemento de Curros Enríquez. Nesa edición estrouse a versión musical do poema de Curros “Nouturnio” que o CCG lle encargou a Xabier Comesanha.
Nesta edición de 2015, o programa deseñado polo Consello da Cultura Galega e a Consellaría de Cultura e Educación conta coa colaboración do concello de Cambados.

Repertorio para coros
O Consello da Cultura Galega ten feito diferentes encargas a compositores galegos actuais de obras para coro sobre textos clásicos da literatura galega. Entre os máis recentes destaca a versión para coro e orquestra do poema “Penélope”, de José María Díaz Castro, realizada por Octavio Vázquez e estreada no marco do Concerto das Letras Galegas 2014 (que tivo lugar o 16 de maio de 2014en Lugo). Ademais, o CCG ten solicitado arranxos de composicións musicais existentes como os que fixo Juan Durán da versión de José Baldomir do poema “A Rosalía”. Esta iniciativa supón a elaboración continuada dun repertorio para coros que está dispoñible para todos os usuarios desde o web da institución.

15 de maio de 2015

Falece o xornalista Juan Ramón Díaz

Redacción.- Esta mañá faleceu en A Coruña o xornalista Juan Ramón Díaz García, unha triste noticia que conmocionou hoxe a toda a profesión. Histórico director de La Voz de Galicia durante dúas décadas, na actualidade era Director Xeral do grupo La Capital, editor de varios xornais (El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños). Juan Ramón finou hoxe en A Coruña, tras non superar unha repentina enfermidade.

Entre outros méritos, Díaz García foi galardoado en 2004 co Premio Diego Bernal, outorgado pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG) en recoñecemento a toda unha traxectoria profesional. E no pasado mes de xaneiro, na XX edición do galardón, foi precisamente o encargado da lectura dos méritos do tamén xornalista –e amigo- Lois Caeiro. No Día Mundial da Liberdade de Prensa, a Xunta Directiva da APG quere lembrar de xeito moi especial a figura de Juan Ramón Díaz García, ao tempo que traslada o seu fondo pesar á súa familia e amigos.


3 de maio de 2015

Poetas esquecidos da Vilalba republicana

Miguel Barrera.- Hoxe estamos no 14 de abril e no romper da primavera o cabodano da proclamación da República xurde na memoria colectiva con maior ou menor forza, pero sempre será memoria. Recoméndovos a lectura do xornal “Faro Villalbés” (periódico quincenal, paladín de “Organización Republicana Agraria).

Permitídeme recomendarvos tamén unha ollada de cando en vez que, cos tempos que corren, paréceme do máis acertado. A poesía ten unha permanencia e un protagonismo salientable. Como é de supoñer, a presenza de Carmiña Prieto Rouco é tan constante como interesante a evolución do seu proceso creativo.
O primeiro número do xornal (Vilalba, 20 de xaneiro de 1932) da novas do estreo da zarzuela “Traidores Celos” o día 27 de decembro no “Teatro Villalbés” e aparece un primeiro poema esperanzador co título de  “Ano Novo”, daquela a poeta acababa de cumprir 32 años.

Coido que en case todos os números do xornal a presenza da autora vilalbesa, e Cantora de Terra Cha (creo que o alcume é obra de Xulio Xiz) é permanente, tanto en galego como en castelán. Tamén outros autores deixaron pegadas cos seus versos, xa identificándose co seu nome  ou baixo seudónimo. Dos máis salientables J. Pérez Yáñez, Daniel Carballido Díaz, Alfonso de Guizán (que no número 22 do 30 de xaneiro de 1933 publica un precioso soneto “para Encarnación Cabarcos Orosa, semilla y buena como un amor, y hermosa cual un poema de Verlaine”; non será esta a súa única xoia), Antonio Quintela Ferreiro, Jesús Colmar Rodríguez (mestre nacional de Corbelle) entre outros; algún deles colaboradores doutras vilas (Viveiro, Barreiros, Mondoñedo), e insignes como Ramón Cabanillas, Salvador Rueda e Curros Enríquez.

Dos que escribiron baixo seudónimo atópanse Caballero de Venus, Celso D´ounes, Juan del Pueblo, E.A.E (cun poema  “para la simpática y bella señorita de Sancobad, Lolita Portela Fuentes), Seralliv, Cantor e Salvador Golpe.

Destes poetas esquecidos o que garda para min unha enigmática presenza é o poeta que escribe baixo o pseudónimo de “El Caballero de Venus” en especial seus poemas enchidos de melancolía. Penso que o poeta pode ter sido un emigrado que enviaba as producións dende ultramar, xa que evoca de forma constante a lonxanía, os amigos doutro tempo, o amor ansiado. Houbo un tempo que pensei que podía ser un heterónimo de Carmiña, pero rexeiteinos de contado (non investiguei moito por certo, pero un deixa que o miolo goce imaxinando  a tona dos personaxes a través do feixe de versos que nos deixou).
“El Caballero de Venus” remata a súa produción literaria no terceiro ano do Faro Villalbés, no número 48, un 14 de abril de 1934.

Permitídeme que vos traslade estes últimos versos. Lembro que foi Pepe Chao, nunha das súas clases maxistrais no Instituto de Vilalba, quen levoume a oír por vez primeira: “aqueles pobos que non coñecen o seu pasado, están condenados a repetilo”.

Versos de un loco
14 DE ABRIL

La gente por la calle, lector se apiña
conmemorando un día republicano,
aqueste que lejos… buen ciudadano:
¡hace hoy tres años justos nació la “niña”!
Bajo certera guía del gran Azaña
vestida y arropada fue caminando,
dando pan a los pobres que iban formando
las legiones hambrientas de nuestra España.
Más los tiempos cambiaron ¡prole infinita!
y subieron por “gracias” electorales,
en abrazos de derechas y radicales
que hoy en día se mantienen de agua bendita…
Y así, formando el “colmo” como en la China,
marchan nuestros magnates, nuevos ascetas,
entre “abrazos y besos” de los fas…cetas,
en medio de la calma santa y divina.
¡Cómo cambian los tiempos, señor! Los seres
de falda del cristiano son los sicarios
y serán del Estado los “funcionarios”
por ejercer funciones de mercaderes…
Pues…, 14 de abril, tú no has cambiado,
un 14 de abril eres parlero,
hogaño hay algo más que “lo del clero”
sentidas añoranzas del pasado…
Tú nos traes un aire casquivano
que te dieron los otros y este “humo”;
sed más laico otra vez, menos frailuno,
¡y un 14 de abril republicano!
………………………………………………….
España jubilosa hoy conmemora sus tres años de vida republicana, salvada por Don Ale…- su perla indiana – y en júbilo de abril, España llora.

El Caballero de Venus

14 de abr. de 2015

Presentación do documental "O Piloto"

Redacción.- A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos acolleu onte a presentación da xira que fará o documental sobre a vida de José Castro Veiga, O Piloto, durante os vindeiros meses por toda a provincia de Lugo. Este proxecto sobre a vida dun dos últimos membros do Exército Guerrilleiro Galego foi apadriñado pola Asociación Cultural Dous Punto Oito, dirixido polo fotógrafo Xosé Reigosa e guionizado polo xornalista chantadino Afonso Eiré. Reigosa participou hoxe na presentación xunto a Mario Outeiro, responsable de Cultura da Deputación de Lugo.
Outeiro explicou que “despois do éxito da estrea do documental ‘O Piloto’ na cidade de Lugo, a Área de Cultura promove 14 proxeccións do mesmo”, sinalou. Deste xeito, o documental ‘O Piloto’ chegará a 14 cidades e vilas da provincia. Iniciará o seu percorrido este domingo, día 12, en Sarria ás 20 horas na Casa da Cultura. O 23 chegará a Celeiro, en Viveiro, o 24 a Mondoñedo (Centro Comarcal), o 25 á Fonsagrada (Salón de Actos) e pechará o mes de abril o día 30 en Ribadeo (Teatro Principal).
O mes de maio arrincarao con dúas proxeccións no concello do Saviñao. O día 1 será en Vilelos (local da asociación de veciños) e o 2 no auditorio de Escairón. Posteriormente viaxará o día 8 a Vilalba (Casa da Cultura), o 9 a Becerreá (Casa da Cultura), o 10 a Meira (Casa da Cultura), o 15 a Lugo (Salón de Actos da Deputación), o 16 ao Corgo (Centro Sociocultural), o 29 a Foz (Cenima) e o 30 a Barreiros (Centro Social).
Outeiro lembrou que a “a Área de Cultura apoiou economicamente a elaboración deste documental, que relata a vida de José Castro Veiga, nacido no Corgo e coñecido por ser o último guerrilleiro da loita antifranquista, sendo asasinado pola Garda Civil preto da presa de Belesar no ano 1965”, explicou. Este documental foi presentado ao público o pasado 20 de febreiro no Pazo de San Marcos. “Incluíramolo dentro do ciclo de conferencias que se organizara dende a Área de Cultura arredor dos 40 anos de represión e resistencia da ditadura franquista”, rememorou Outeiro.
Pola súa banda, Xosé Reigosa, que agredeceu o apoio prestado “pola Deputación e moi especialmente por Mario Outeiro”, asegurou que O Piloto foi “moito máis que o último guerrilleiro morto en combate, xa que é unha lenda que, 50 anos despois da súa morte, está presente no pobo”, afirmou. Asemade, sinalou que na realización deste documental descubriron “novos aspectos totalmente descoñecidos sobre a súa figura e tamén nos encontramos con moitas cousas sobre a súa persoa que non son verdade.  Este era un dos nosos obxectivos, desentrañar o que hai de verídico e o que de construción social”, asegurou. Tamén recordou que “a guerrilla galega foi a primeira en organizarse e tamén a última en depoñer as armas”, relatou.
Reigosa, fotógrafo natural de Barreiros e residente en Lugo, aportou varios detalles sobre a produción deste traballo: “Foi un traballo bastante intenso, xa que fixemos máis de medio centro de entrevistas e contabilizamos 100 horas de metraxe, completando máis de 8.000 quilómetros entre eu e Afonso Eiré. Comezamos a traballar a finais do verán de 2013 e ocupounos todo o 2014; en total, preto dun ano e medio de documentación, gravación e edición”, aclarou.
Reigosa comentou que o documental “comeza cunha introdución na que se contan as últimas horas do Piloto, ata cando o matan preto de Belesar” e relatou algúns dos problemas cos que se atoparon á hora de levar a cabo o traballo. “Por un lado está a ausencia de imaxes, xa que daquela moitas foron destruídas porque para os seus posuidores podían ser comprometedoras á hora de relacionalos coa guerrilla e hoxe en día, a pesar de que xa pasaron 70 anos desde a Guerra Civil, aínda hai moita xente que non quere falar daqueles acontecementos por vergoña”, manifestou. Tamén incidiu na vinculación política do Piloto. “Nin foi un bandoleiro, nin foi un escapado, nin andaba polo monte. Foi un político que non tivo máis remedio que coller as armas para defender a legalidade republicana, primeiro, e logo aos máis necesitados, tratando de que os abusos e as inxustizas minguasen ou non se levasen a cabo en moitos casos”, xustificou.
Para rematar, Reigosa salientou que no documental “saen á luz por primeira vez os nomes dos gardas que participaron na súa morte e cóntase como o abateron”, así como a entrevista que lle fixo no ano 1979 a Ramona Curto, Mirelle, a compañeira sentimental do Piloto, xa finada, e as confidencias que lle fixo nos anos posteriores: “Como daquela non tíñamos bos medios para gravar a voz, reprodúcense a través da actriz Comba Campoy”. O actor Ramón Rodríguez Porto é o encargado de darlle vida ao Piloto.

9 de abr. de 2015

Premio Trapeiro de Honra 2014

Antón de Guizán.-

O Premio Trapeiro de Honra 2014, concedido polo proxecto Os Vilas, lareira de soños a Xosé María Díaz Castro a título honorífico no ano no que se lle adicados as letras galegas, será entregado polo vilarego José Luís López, Luís de Patricio ao presidente da A.C.Xermolos de Guitiriz. O premio, consistente nun lenzo co nome do premiado e o logo dos Vilares pasará a ser depositado na casa das palabras. Luís de Patricio é neto do trapeiro máis recoñecido e símbolo dos Vilares, o señor Pedro de Patricio, ao que a poeta Marica Campo adicou un precioso romance musicado por Fixan os Ventos por iniciativa do noso proxecto e ao que tamén adicou unha muiñeira o director da Real Banda de Gaitas de Ourense, Luís Foxo.

Afonso Blanco Torrado, dinamizador cultural de Guitiriz e da Chaira, depositario da memoria de Díaz Castro a través de Xermolos, promotor da futura recuperación da casa natal do poeta no Vilariño será o receptor deste recoñecemento simbólico. Ámbolos dous representan perfectamente o simbolismo e a memoria de dous persoeiros fundamentais na historia recente da parroquia dos Vilares.

2 de abr. de 2015

Presentación dos Seráns Culturais

Redacción.- O responsable de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, presentou o pasado luns no Salón de Exposicións do Pazo de San Marcos a programación dos Seráns Culturais para os vindeiros meses de abril, maio e xuño.
Mario Outeiro explicou que “serán un total de 30 actividades, 20 a desenvolver na cripta do Salón de Exposicións do Pazo de San Marcos e outras 10 noutros puntos da nosa provincia”, sinalou. Outeiro apuntou que con esta programación, “desde a Área de Cultura buscamos crear unha programación estable no que é a provincia lucense ao longo de todo o ano e apostar polas industrias culturais galegas con actividades abertas e gratuítas”, razoou. En todas as actividades a entrada será libre ata completar aforo, agás no obradoiro de narración ilustrada ‘Mariquiña, a carteira andoriña’, que se levará a cabo o 15 de abril e ten prazas limitadas con inscrición previa enviando un correo ao enderezo electrónico ana.culturaedeporte@deputacionlugo.org.
O delegado provincial de Cultura destacou que este programa inclúe “actividades diversas, tales como concertos, contacontos, teatro, obradoiros, maxia e, por suposto, actividades que cubrirán todos os públicos, desde o infantil ata os adultos”. Así mesmo, resaltou “o éxito acadado cos Seráns Culturais de febreiro e marzo, cunha afluencia continuada de público, tanto nas actividades de infantil como de adultos”.
Outeiro tamén confirmou que este novo programa terá o Salón de Exposicións de San Marcos como epicentro: “Confírmase a nosa idea inicial de que Lugo precisa desta programación cultural, por iso apostamos por seguir a aproveitar ao máximo os espazos cos que contamos na Área de Cultura da Deputación, engalanada para a ocasión, consolidando esta como un espazo de cultura non só para potentes e interesantes exposicións, senón tamén agora como espazo de referencia para a música, o teatro, obradoiros, monólogos, etc.”.
O delegado de Cultura destacou especialmente o mes de maio, “no que teremos 9 actividades, recuperando a idea do Maio de Lingua que xa celebramos o ano pasado, e a reivindicación que facemos desde a Área de Cultura os 365 días do ano de pedir 1.000 primaveras máis para a lingua galega”, comentou.
Entre as actividades a desenvolver durante o mes de maio sobresae a reedición do programa Lingua Viva, obradoiros de creación artística dirixidos por Paloma Lugilde. “Darán como froito unha representación que terá lugar nas prazas de Lugo o día 17 de maio, Día das Letras Galegas, con saída desde a Praza da Soidade ás 21 horas e que terá como fío condutor as figuras de diversas mulleres galegas escritoras”, explicou.
Polo Salón de Exposicións pasará “o mellor do panorama cultural galego, apostando polos profesionais de Lugo, como Xabier Iglesias Producións, Espazo Artístico 10 –Danza Teatro-, Eudomónicas, o Mago Antón, entre outros, e tamén do resto do país. Así mesmo, haberá un total de dez representacións repartidas por diferentes puntos da provincia, en lugares como Meira, A Pobra do Brollón, Vilalba, Sarria, A Pastoriza, Mondoñedo, Pantón, Monforte ou Outeiro de Rei”, valorou Mario Outeiro. Deste xeito, os e as lucenses poderán gozar de xeito gratuíto de artistas e grupos consagrados como Cándido Pazo, A Quenlla, Quico Cadaval, Celso F. Sanmartín, Rodrigo Romaní, Caramuxo Teatro ou Ataque Escampe, entre outros moitos.

1 de abr. de 2015

Conferencia de Moncho Paz en Madrid

Redacción.- O xornalista e consultor Moncho Paz participou onte nunha sesión do Seminario Permanente organizado polo Instituto de Humanidades da Universidad Rey Juan Carlos (URJC) de Madrid. Dirixido polos profesores Luis Palacios e Felipe Debasa, a presente edición trata sobre "aventuras e temas interesantes do noso tempo que non se poden explicar por WhatsApp", como indicaba Debasa na presentación do ponente. 

A intervención de Moncho Paz levou por título "Do local ao global: oportunidades no terceiro milenio para os alumnos de xornalismo" e nela fixo referencia á fundación de A Voz de Vilalba en 1983, aos seus comezos no xornal El Progreso e ao salto hacia o mundo da comunicación corporativa, primeiro como xefe de prensa da Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Galicia e posteriormente no sector servizos, ao fronte da Dirección de Comunicación dunha gran empresa de enxeñería, arquitectura e consultoría, que na actualidade conta cunha forte proxección internacional, realizando proxectos en máis de 120 países de todo o mundo.

"Unha cuestión moi importante nesta profesión é ser capaz de compaxinar o desenvolvemento da túa actividade principal co libre exercizo do xornalismo, como colaborador en prensa -escrita e dixital- ou como tertuliano en radio e televisión, coa finalidade de manter sempre o contacto directo cos medios de comunicación e os foros profesionais", sinalou Paz nunha das súas reflexións no Salón de Graos da URJC, onde se deron cita preto de cen alumnos.

26 de mar. de 2015

VII Serán de Froles Mareliñas

Redacción.-

O sábado 21 de marzo, a partir das 21,30, celébrase o VII Serán de Froles Mareliñas en Redondela, dentro do local desta asociación cultural, na nave amarela de Renfe da antiga estación de Chapela, por iso a chuvia non é motivo para quedar na casa.

Poderase cantar, tocar, bailar, tomarse unha cervexa, un bocata e haberá sorteos e para retomar forzas, a media noite invitarase a xamón asado e a chocolate quente con algo para mollar. Os integrantes da asociación pregan a todos que axuden a manter viva as nosas tradicións levando amigos, familia e sobre todo, que non falten os nenos "Engánchaos ao folclore".

18 de mar. de 2015

Roteiros dos Vilares

Antón de Guizán.-

Os Vilares, lareira de soños, está a preparar para esta primavera-verán diversis roteiros na parroquia.

Estes roteiros estarán deseñados para o coñecemento e disfrute da paisaxe ademáis da historia, patrimonio e literatura da mesma, serán gratuitos e desenvolveranse por contidos temáticos.

Os primeiros serán os seguintes:

-Roteiro das fontes e regatos.
-Roteiro dos penedos.
-Roteiro dos Muíños.
-Roteiro do patrimonio.
-Roteiro do poeta Díaz Castro.

Estas actividades tentan chamar a atención do abandono do patrimonio natural, histórico e arqueolóxico, poñer en valor as potencialidades, coñecer a parroquia do noso poeta e reivindicar actuacións para o ben común dos Vilares.
Todas irán dirixidas e comentadas por persoas coñecedoras dos temas aos que se adique. ada andaina.

As rutas diseñarande con eses contidos específicos e durarán desde primeiras horas da mañá ata ben entrada a tarde, con xantar no medio das rutas que serán de dificultade baixa para que sexan asequibles a calquera persoa e sempre tentando que a previsión meterolóxica sexa acaída para o seu disfrute.

A socialización e coñecemento da parroquia é un dos eixos deste proxecto que se sumará ao libro, o documentario e outras accións previstas.

Da primeira ruta, aproximadamente nun mes informaremos nos nosos soportes http://dosvilares.com e www.Facebook.com/osvilares ademáis doutros medios.

16 de mar. de 2015

Os camiños da brétema

Redacción.-

Onte sábado, 14 de marzo, ás 18.00 hora a área de Cultura da Deputación de Lugo, a través da Rede Museística e do Museo Provincial de Lugo programou, coa colaboraciómn do concello da Pontenova, o recital foto-poético Os Camiños da Brétema, co que 18 escritores e escritoras queren chamar a atención sobre o despoboamento do rural galego nun acto que incluirá tamén música ao vivo sobre unha selección de imaxes de Vicente Ansolado, o fotógrafo cántabro asentado na Pontenova.

Pode situarse na década dos cincuenta o punto de partida dun proceso de despoboamento dos núcleos rurais galegos que continuou ata hoxe, deixando un saldo de máis de 3.000 aldeas deshabitadas.Palabra e imaxe atópanse e mistúranse en Os Camiños da Brétema. As e os poetas poñen voz a través dos seus poemas a unha selección de fotografías escollidas polo propio Vicente Ansola para a ocasión, todas elas tomadas no concello de A Pontenova e pertencentes aos seus traballos O pobo das néboas e A última polavila. Este acto multisensorial contará con música en directo, a do cantautor ferrolán Miguel Alonso e a do grupo astur-galaico de acordeón e voz Green Label.

EXPOSICÓN. Os Camiños da Brétema. Exposición foto-poética de Vicente Ansola e Porta Verde do Sétimo Andar

Refectorio do MPLugo
(do 14 ao 31 de marzo de 2015)

Horario de visitas
Luns a venres: 9:00 a 21:00 h.
Sábados: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 h.
Domingos e festivos: 11 a 14 h.
Entrada gratuíta

15 de mar. de 2015

Axudas no Fogar da Deputación de Lugo

Redacción.-

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou o pasado venres 13 de marzo a contía das axudas destinadas ao financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) básico para os concellos con menos de 20.000 habitantes da provincia. O vicepresidente da institución e responsable da área de Benestar Social, o nacionalista Antonio Veiga, explicou na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno que a contía total que se destinará a esta liña de axudas ascende a 700.000 euros, 25.000 máis con respecto ao 2014. “Mentres a Xunta recorta en Servizos Sociais, nós aumentamos os fondos destinados a atender ás persoas máis vulnerables”, salientou Veiga.

Veiga informou que “hoxe aprobamos as bases que rexerán o procedemento de concesión de subvencións en réxime de concorrencia para os gastos de axuda no fogar dos concellos da provincia que teñen menos de 20.000 habitantes, que son todos os concellos agás o de Lugo cidade. Destinamos este ano para tal final 700.000 euros, superando os 675.000 do pasado ano, polo que seguimos na liña de apostar polo Benestar e de manter un servizo tan importante como o de axuda no fogar básico”, remarcou.

O vicepresidente provincial lamentou que “a Xunta se siga desentendéndose deste servizo, xa que volvemos ser concellos, usuarios e Deputación os que o cofinanciamos, cando de todos é sabido que a Xunta ten que poñer cartos para este servizo, como recolle a última sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que establece que as dúas institucións teñen que colaborar marcando cal é a porcentaxe que debe aportar cada unha. A Xunta non pode eludir a súa responsabilidade, algo que leva facendo desde o ano 2012”, criticou.

Sostén preto de 3.000 postos de traballo

Con esta deixación de funcións, “unha vez máis a Xunta lle está adebedando cartos aos concellos e está provocando que ese servizo sexa máis caro e repercuta en máis carga impositiva para os usuarios do mesmo, que son máis de 2.400 lucenses. Así mesmo, insistiu na importancia deste servizo, “non só polas atencións que se prestan, senón tamén polo cantidade de empregos directos, principalmente femininos, que xera. Estamos falando de que ao redor de 3.000 persoas traballan neste servizo”, destacou Antonio Veiga.


Feijoo deixa tiradas ás persoas maiores da provincia de Lugo

O responsable da área de Benestar incidiu en que “unha vez máis vemos como o Partido Popular, neste caso na provincia de Lugo, deixa tirados aos concellos e, polo tanto, a unha poboación fortemente envellecida e con necesidades especiais. Ten que ser de novo a Deputación, a través de Benestar, a que se implique para facer máis accesible este servizo, xa que sen a axuda do organismo provincial sería imposible que fose prestado”, asegurou.

Así mesmo, comparou a aportación da Deputación de Ourense coa de Lugo. “A de Ourense, que curiosamente asinou convenio coa Xunta, destina nada máis que 600.000 euros cando ten cerca de 90 concellos. Polo tanto, a Deputación de Lugo cumpre, só falta que o faga a Xunta”, recalcou.

Agarda que volvan presentar solicitude todos os concellos

Veiga recordou que os concellos terán de prazo 30 días para presentar as súas solicitudes e agarda que, como no 2014, “volvan participar todos os concellos da provincia. Son en total 66 dos 67 que ten a provincia, xa que o único excluído, por motivos de poboación, é o de Lugo capital”, explicou. Finalmente, resaltou que “curiosamente, hai concellos onde ten maioría o PP nos que instou á Xunta a poñer os cartos que non puxo nos últimos anos. Polo tanto, hai malestar entre moitos alcaldes populares que non entenden como a Xunta se desentende deste asunto”, concluíu.

Enredando con títeres na Manuel María

Redacción.-

A Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, acollerá este sábado 14 de marzo unha nova actividade encadrada na súa programación trimestral de actividades culturais. Trátase dun obradoiro de elaboración de títeres e monicreques dirixido a nenas e nenos de 6 a 12 anos, coa proposta de que os acompañe algunha ou algún familiar.

A proposta “Enredando con títeres” desenvolverase en dous horarios diferentes, dando opción a que as nenas e nenos interesados se poidan anotar no grupo que queiran: ou ben o de mañá, entre as 11 e as 13.30, ou ben o de tarde, entre as 16 e as 18.30. O obradoiro finalizará cun pequeno conto.

O prezo de inscrición no obradoiro é de 5 € e as prazas son limitadas, polo que cómpre inscribirse previamente chamando ao teléfono 698 177 621 ou a través do correo electrónico  HYPERLINK "mailto:fundacion@manuelmaria.com"fundacion@manuelmaria.com.

Con esta iniciativa, que busca ofrecer os espazos da Casa-Museo Manuel María á xente máis nova a través da creatividade e o xogo, colaboran a Fapacel (Federación de apas de centros públicos da provincia de Lugo) e a área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo.

14 de mar. de 2015

Adeus ao xornalista Luis Mera

Redacción.- Luis Mera Naveiras, un dos máis destacados representantes da actividade cultural de Ferrol e membro do Consello da Cultura Galega, finou onte á noite aos 73 anos de idade. Mera estaba aqueixado dunha grave enfermidade. Nado en Ferrol en 1942, Mera protagonizou ao longo da súa vida unha intensa actividade no mundo da animación cultural en Ferrol, especialmente no eido da música. Insignia de Ouro do Concello, tamén recibiu -entre outros galardóns- o Premio Diario de Ferrol á Cultura no ano 2007. O seu compromiso levouno ademais a xogar un activo papel no Club de Prensa, no que actualmente estaba a desenvolver as funcións de secretario.

A súa enfermidade e recente ingreso hospitalario levou precisamente á entidade a pospoñer o fallo do Premio Internacional de Liberdade de Prensa “José Couso”, do que foi un dos seus inspiradores. O pasamento do intelectual reportou o pésame de numerosos amigos e personalidades, ademais de institucións como o propio Concello de Ferrol, que sumouse á dor da familia e recoñeceu a “súa valiosa contribución á nosa cultura”. Luis Mera será despedido hoxe, ás sete da tarde, nun acto que terá lugar no tanatorio Artabria. As súas cinzas repousarán en Loiba (Ortigueira).

13 de mar. de 2015

Aquí Radio España Independiente

“Aquí Radio España Independiente, Estación Pirenaica”

(Na imaxe, en Bucarest, o equipo que facía as emisións da Radio Pirenaica)

Agustín Fernández Paz.-

O 13 de febreiro, celebrábase o Día Mundial da Radio. Para as persoas da miña xeración, a radio foi un medio importantísimo, nuns tempos nos que aínda non había televisión. A través dela chegaba a música, os seriais (como esquecer “El Supermán”, “Jim Phoscao” ou “Una princesa de Marte”!) e os programas “de variedades”. E tamén “o Parte” (“parte diario hablado para España de Radio Nacional”), o espazo das noticias, que se transmitía obrigatoriamente a través de todas as emisoras, pois estas tiñan prohibido elaborar os seus propios espazos de noticias, un monopolio da Ditadura. De querer escoitar unha información alternativa, o camiño era ter acceso aos espazos para España da BBC ou de Radio París Internacional. Ou, sobre todo, sintonizar polas noites as emisións de Radio España Independiente, Estación Pirenaica, “la única emisora sin censura de Franco”. Sempre ás agachadas, coa precaución de que ningún veciño se decatase, pois estaba prohibido sintonizala. O que se escoitaba ao inicio era isto:

… o PCE contou cun instrumento propagandístico de primeira orde, Radio España Independiente, unha poderosa emisora radiofónica primeiro instalada na URSS, despois en Checoslovaquia e finalmente en Rumanía, desde onde transmitía nas diversas linguas do Estado. Hoxe non é posible cuantificar o número de persoas que en España escoitaba “A Pirenaica. A única emisora de radio sen censura de Franco”, como era familiarmente coñecida –sintonizala era xa un delicto de seu e podía levar ao cárcere a quen o fixese–, mais a súa influencia foi importante.
(Nicolás Sartorius / Javier Alfaya: La memoria insumisa)

A Radio Pirenaica estivo activa entre 1941 e 1977. Aínda que o goberno de Franco, con material facilitado polos EEUU, instalou un potente sistema para interferir as frecuencias en que emitía (o que explica as dificultades para escoitala con nitidez), o certo é que non conseguiu que a xente máis concienciada deixase de seguila.
Malia o seu afastamento xeográfico, os redactores da Pirenaica estaban ao tanto do que ocorría realmente en España, pois chegábanlles moitísimas cartas desde diferentes lugares do país, cartas de persoas anónimas que escribían para informar dos máis diversos sucesos. Unha selección destas cartas apareceu publicada hai pouco, Las cartas de la Pirenaica, cun estudo teórico de moito interese.

Neste enlace podemos ver un completo e interesante documental sobre a historia da Pirenaica, “Radio Pirenaica. La historia de una radio clandestina“, emitido na TVE-2.

Un dos redactores da Pirenaica foi Jordi Solé Tura, militante do PSUC e unha das persoas que elaborou a Constitución de 1978. Cando xa estaba enfermo de Alzheimer, o seu fillo Albert realizou un documental, Bucarest. La memoria perdida, que a min me pareceu apaixonante e que se pode ver completo na Rede.


O artigo completo, con todas as ligazóns e imaxes, pode lerse no blog de Agustín Fernández Paz.

Luís Fernández Paz e o seu laúde

Germán Castro Tomé.- Un dos impactos emocionais máis negativos que sufrín no Seminario de Mondoñedo foi a morte dun condiscípulo vilalbés, Luís Fernández Paz. Un día, á volta dun dos habituais paseos pola comarca mindoniense, atopouse mal, con algunhas molestias intestinais. Deitouse e ao día seguinte, un compañeiro que ocupaba unha habitación contigua, José Ramón Franco Trashorras (Riotorto, Mondoñedo), hoxe avogado con residencia en Madrid, vendo que non se levantaba, que non ouvía ruído algún no habitáculo que tiña á beira, asomouse para ver e atopouse a Luís na cama, onde xacía xa cadáver. Nunca esquecín este tráxico episodio -imaxínome o shock de Franco Trashorras- de morte súbita nunha persoa tan nova, tería 15 ó 16 anos, moi apreciada por todos os alumnos. Foi un feito luctuoso que sumiu na tristeza a toda a comunidade de seminaristas. Na retina quedoume unha fotografía: Luís Fernández Paz punteando o seu laúde.

Comentando o caso recentemente -con motivo da posta en marcha dun acto de recoñecemento ao Seminario de Mondoñedo, que se celebrará no último trimestre do ano- outro compañeiro de Seminario e de oficio, o xornalista ortegano residente en Madrid, Ramón Barro Bello, dicíame "era louro, tiña cara de angelote e mostraba unha especial sensibilidade pola arte e, particularmente, pola música na que se realizaba a través do seu laúde. Non lle falases de fútbol e outras actividades nas que nos mergullábamos a maioría", precisaba Ramón Barro. Precisamente, nunha foto que loce a Web da homenaxe ao seminario coa que se ilustran estas liñas, aparece Luís, formando corpo de teatro cun grupo de compañeiros entre os que se ve co seu inseparable instrumento de corda. Nalgunhas ocasións, eu, que tocaba a harmónica, téñome reunido con Fernández Paz no intento de combinar ambos os instrumentos, corda e vento, e, se o recordo non quedou desvirtuado polo tempo, creo que o resultado era bastante aceptable. Teño tamén presente que estaba moi unido na amizade co seu paisano Manuel Cillero Hermida, que logo, xa crego, teriamos por aquí, por Ferrol, até o seu pasamento.


Naturalmente, entre os elixidos contaba, así mesmo, o tamén extrañado Bernardo García Cendán, igualmente moi querido e lembrado en Ferrol e ao que penso noutro momento dedicar unhas liñas. Transcorreron moitos anos, medio século longo, e moitas vivencias hanse difuminado no noso particular "disco duro" e nas páxinas, xa cor sepia, do libro da vida en común desenvolvida nos anos cincuenta entre as paredes claustrais de Vilanova de Lourenzá, primeiro, e Seminario de Santa Catalina de Mondoñedo, despois. Avivada a miña conciencia de chairego de sangue e de antigo compañeiro de Seminario, quero neste honroso espazo que me brinda A Voz de Vilalba deixar constancia de memoria e recoñecemento a este mozo, que desgraciadamente nos abandonou de maneira prematura, pero que todos, de xeito singular os do curso 1954, lembraremos sempre.

12 de mar. de 2015

O videoclip

Helena Villar Janeiro.-

Anda polo mundo un videoclip con algunhas imaxes de Galicia entrefebradas con ritmo e sensualidade arredor dun Enrique Iglesias tocado con pano gris fradesco que, no mosteiro de Carboeiro e entre fachóns, canta o tema “Noche y día”. Ritmo para noites loucas da mocidade co recorrente retrouso “Hai calor en la ciudad,/ hai calor en la bahía” (a coma é miña) e letra con connotacións pouco galegas. Dos catro minutos e medio que dura este soniquete rave, a Galicia correspóndenlle 45 segundos de tomas exteriores en once lugares, a maioría ao principio e ao final. E fago esta referencia porque a Xunta desembolsou para este vídeo 302.500 euros á discográfica Universal Music Spain en concepto de promoción de Galicia e o feito resultou moi contestado. A primeira interpretación que se lle deu ao gasto era de carácter cultural pola coincidencia coa publicación oficial da contía destinada aos festivais de música desenvoltos en Galicia, que será dun 30,6 % menos. Pero axiña se desfixo o equívoco, porque o diñeiro parece que procede de Turismo coa pretensión de potenciar a nosa capacidade de captación de turismo mundial da man do universal Enrique Iglesias.

O vídeoclip non fixo máis que crear polémica. Os artistas galegos sentíronse maltratados, madia leva. A sociedade en xeral manifestou –sobre todo a través das redes- un franco desacordo con que os nosos cartos se empreguen con esta alegría cando nos din que faltan para cousas moi necesarias. O bispado de Lugo censurou que escenas tan subidas de ton se gravasen nun mosteiro sen o seu consentemento. E Enrique Iglesias retrucou ao do gasto investido pola Xunta na súa persoa que el non cobrara un céntimo, que fora todo parar aos produtores e que bastante favor nos fixera fixándose nunha terra que adora por herdanza –terra do meu pae- cando podía elixir outra que cadrase máis cerca e agradecese a súa xenerosidade.

Para parar os ecos da polémica pídesenos que agardemos polo retorno. Só poderemos avaliar o resultado desta xenerosa inversión cando aumente sensiblemente o turismo. A ver se chegan as fans de Enrique Iglesias atraídas polas vistas de fondo, pero sobre todo polo que a canción ofrece como se fose publicidade caribeña: sol, calor, baía e pouca roupa, xusto o que Galicia non pode ofrecer como destino. Porque aquí precisamos, en tal caso, outra música e outros reclamos.

Lido no blog de Helena Villar Janeiro: http://helenavillarjaneiro.blogaliza.org/

11 de mar. de 2015