Ramón Chao chega ao Paseo dos Soños


Redacción.- O escritor e xornalista Ramón Chao (Vilalba, 1935) recibirá o vindeiro 28 de agosto unha homenaxe popular na súa vila natal, como recoñecemento á súa traxectoria vital e profesional. O acto terá lugar no Paseo dos Soños da capital chairega, comezando ás 12 horas coa recepción que lle farán amigos e vecinos no Muíño do Rañego, onde se celebrará unha mesa redonda na que intervirán os representantes das entidades promotoras: Afonso Blanco Torrado (Asociación Cultural Xermolos); David Otero (Irmandade Manuel María da Terra Chá); Moncho Paz (xornal A Voz de Vilalba); Manuel Castro Santamariña (Instituto de Estudos Chairegos) e Juan Luis Pérez Alvajar (Ateneo Republicano de Galicia). O evento, que será conducido polo xornalista Xulio Xiz, conta coa colaboración do Concello de Vilalba.

O Comité Organizador quere destacar de xeito moi especial o feito de que nesta ocasión se produza a xuntanza de varias asociacións para darlle pulo ao recoñecemento da figura de Chao, afincado en París desde mediados da década de 1950 e que nunca perdeu o contacto coa súa Terra, facendo unha permanente reivindicación da nosa cultura e da nosa lingua, como queda patente no conxunto da súa obra. 

A continuación, os asistentes acompañarán a Ramón Chao (ao son da música de Mini e Mero, da frauta traveseira de Luis Soto e da gaita de Raúl Galego) ata a escultura conmemorativa -obra de Valdi- que quedará para sempre formando parte da paisaxe no Hectómetro Literario do Paseo dos Soños. Este encontro arredor do escritor e a súa obra -onde Vilalba sempre estivo presente- rematará cun xantar de confraternidade no restaurante A Nova Ruta; neste senso, a organización aconsella efectuar reserva previa no teléfono 646 413890.

Ramón Chao naceu en Vilalba en 1935 e criouse tocando o piano na fonda que rexentaban os seus pais, onde adoitaban parar figuras como Cunqueiro. Sendo bolseiro polo Concello de Vilalba e a Deputación de Lugo, trasladouse a Madrid para estudar piano, harmonía e bacharelato. De Madrid foise a París cando tiña vinte anos, con outra bolsa do Goberno español. Na capital francesa fíxose xornalista, entrando a traballar en Radio France “porque falaba galego”, segundo confesa, “pois buscaban un locutor que soubera música e portugués”.

En París, Ramón Chao dirixiu emisións radiofónicas na nosa lingua, que serían prohibidas por Franco, e foi correspondente da revista Triunfo. Tamén traballou na prensa e na televisión francesas e foi nomeado Cabaleiro das Artes e das Letras polo Goberno de Francia en 1991. Destacou como crítico Literario en Le Monde e polas súas colaboracións en Le Monde Diplomatique, publicación mensual dirixida polo xornalista Ignacio Ramonet. Conta no seu haber con máis de vinte libros, entre novelas e biografías, un deles escrito en galego, O Camiño de Prisciliano, con cuberta deseñada polo artista Miquel Barceló. Asemade, a súa novela El lago de Como, publicada en 1982, foi traducida ao galego en 2008. Na actualidade é o presidente da Asociación de Amigos de Prisciliano.

Noutra orde de cousas, dicir que o escritor chairego afincado en París- e pai do cantante Manu Chao- tamén será recibido o xoves 27 no Concello de Compostela polo seu alcalde, Martiño Noriega. O encontro terá lugar no Pazo de Raxoi ás 9:30 horas da mañá.

25 de ago. de 2015

Presentación de 'Vilalba e a Terra Chá'

Redacción.-

O venres, día 28 de agosto de 2015, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da CASA DA CULTURA de VILALBA, levarase a cabo a presentación do libro “VILALBA E A TERRA CHÁ – Acuarelas”, editado polo Instituto de Estudos Chairegos e do que é autor o pintor vilalbés EDUARDO BAAMONDE. O libro está incluído no convenio que o Iescha asinou no seu momento coa Área de Cultura e Turismo-Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo para desenrolar no presente ano 2015.

No acto intervirá o propio autor da obra, EDUARDO BAAMONDE, que será presentado pola vicepresidenta do Instituto de Estudos Chairegos, MARISA BARREIRO.

Esta publicación enmárcase dentro dun proxecto editorial de carácter promocional e divulgativo do xénero coñecido como “Cadernos de viaxe”, nos que o contido é fundamentalmente visual e froito da observación directa a pé de rúa.Trátase de trasladar ao soporte de libro un percorrido artístico pola Terrachá e, especialmente, por Vilalba. A intención é trazar unha guía de localizacións de interese patrimonial, paisaxístico, arquitectónico e, en definitiva, cultural desta comarca a través de bosquexos feitos en acuarela. Paralelamente aos fitos de maior interese turístico –sobradamente reproducidos en fotos, vídeos, etc.- engádense outros recantos menos coñecidos que, sen dúbida, axudan a retratar unha terra, os seus traballos, os seus productos e a as súas xentes.

Tanto os debuxos como as acuarelas deben mostrar un aire de espontaneidade propio dos apuntes sacados do natural. Pequenas improntas realizadas in situ e escenas sinxelas froito dunha rápida
observación que nutren un caderno que o artista vai configurando a medida que percorre a súa viaxe.

23 de ago. de 2015

Romaría? Labrega? Da Chaira?

Antón de Guizán.-

Levo varios anos asistindo á Romaría Labrega da Chaira nos Vilares, en Guitiriz. Este mesmo ano leva cumprido 25 edicións, o que non é pouco e polo tanto tremendamente meritorio nos tempos que corren.

A Romaría ten acadado un éxito importante desde a súa creación aló por 1990, no mesmo ano do pasamento do poeta vilarego Xosé María Díaz Castro e por ela pasaron numerosos grupos do noso folclore, importantes pregoeiros e sobre todo, recrearonse numerosas tarefas e xogos do rural chairego que fixeron as delicias dos asistentes ao longo dos anos como así reflexa a memória gráfica e o boca a boca dos veciños.

Eu, asistente tardío, xa non vivín ese esplendor nos últimos anos, e aínda así, son testemuña directa dunha paulatina decadencia desta festa etnográfica e cultural.

Xa non vivín a recreación das mallas, as familias que asistían ao xantar campestre foron diminuíndo e os xogos tradicionais foron deixando paso a colchonetas, inchables e mesmo xogos de espuma algún ano para os máis cativos.

Non hai exposicións de oficios tradicionais, teñen traído exhibicións de cans de pastoreo de ovellas e patos de Navarra, de pouca tradición na Chaira, exhibicións de todo terreos 4x4 no monte e mesmo as segadoras deixaron de ruxir por falta de participantes.

Non hai gaiteiros e a música tradicional foi suplantarda por dúos máis apropiado para ceas baile de restaurante que para un evento ligado ao medio rural.

Quedan só concursos de cans, de Sega de gadaña e poucas máis actividades que teñan que ver coa tradición labrega e chairega, mesmo teñen desaparecido concursos sinxelos como os de tirar da corda, carreiras de sacos ou os que se viron algún ano de apuxar rolos de herba.

A asistencia non a motiva a Romaría en si senón actividades moi concretas como as carreiras a pé de atletas que rematada a proba marchan de contado e o mesmo ocorre coas competicións de cabalos ou as dos 4x4 no monte.

A Romaría vai polo tanto deixando cada ano de ser Romaría, deixando de ser Labrega e deixando de ser Chairega no sentido tradicional da Terra Chá. Mentras, vemos como noutros lugares gañan arraigo as celebracións máis vinculadas á terra, ao rural, á tradición e á cultura propias...

Este ano a Asociación de Veciños ten solicitado a declaración de festa de interese turístico mentras ese posible interese decae polo abandono das orixes desta festa popular máis pendente de acadar público circunstancial organizando espectáculos de dubidoso encaixe na filosofía dunha celebración de carácter tradicional bebedora da desaparecida Feira do Sete e da historia e culturas chairegas.

Hoxe, o que en boa lóxica debera contar con exhibicións de oficios labregos, xogos populares para nenos e maiores, concursos do campo e mesmo promover a participación activa de tódolos veciños orgullosos da súa parroquia, tense convertido nunha carreira atlética federada, de hípica, de vehículos que destrozan o monte e de música de bachata ou hinchabeis que os máis cativos poden atopar en calquer festa.

A cultura, a tradición, a etnografía chairega, deixaron paso á mediocridade e a vulgaridade e o interese turístico resulta máis que dubidoso.

Aínda, despois de 25 meritorios anos de existencia se pode mudar o rumbo e beber do pasado da Romaría Labrega da Chaira para retomar un futuro explendoroso doutros 25 anos volvendoa necesaria, porque agora mesmo tense convertido en prescindible.

Visitantes tan importantes como Manuel María, pregoeiros tan admirables como Xulio Xiz, Tareixa Novo, Luís de Patricio, Marica Campo, o mesmo Segundo López e outros moitos e participantes de grupos como os Diplomáticos de Monte Alto, os Cuchufellos, Leilía e membros de numerosas agrupacións tradicionais etc, serían partícipes deste cambio e por suposto os máis importantes, numerosos veciños e veciñas que deixaron de encher a carballeira para o xantar campestre de ducias de familias en convivencia e alegría.

Contanme algúns veciños de tempos nos que era dificil coller sitio para xantar e hoxe o panorama antóxase moi diferente. A asistencia ao xantar (verdadeira medida dunha romería popular) agás actividades puntuais de certos espectàculos decaeu cada ano e o interese parece máis posto en ideas alonxadas da filosofía orixinal que no propio nome e concepto da Romaría Labrega da Chaira.

Tentar competir e amitar festas que non teñen nada que ver e non apostar pola idea na que foi concebida, pode levar á desaparición ou o que sería peor, à homologación con calquera festa parroquial sin máis interés que para os propios organizadores e o seu entorno màis achegado.

A Romaría Labrega da Chaira merece recuperar a súa identidade, a súa razón de ser, e toca xusto agora, no remate dun cuarto de século que supoña unha renovación que bebe das raíces, do máis fondo do respeto ao que somos, do respeto e admiración a nós mesmos, á orixe Labrega, chairega e galega.  Doutra maneira, non paga a pena.

Lembrando a Avelino Pousa Antelo

Redacción.-

COA COLABORACIÓN DO CONCELLO DE TEO, CONCELLO DE NEGREIRA e ASOCIACIÓN CULTURAL AFONSO EANESDE BARCALA.

ACTOS DA MAÑÁ DO XOVES 20 DE AGOSTO DE 2015

En Teo

 

12:00 hs. ACTO DE ENTREGA DO PREMIO "CAXATO DE AVELINO" NO SALÓN DE PLENOS DA CASA DO CONCELLO DE TEO

1. RECEPCIÓN DO ALCALDE DO CONCELLO DE TEO, Rafael Sixto Edreira, aos participantes no ACTO DE ENTREGA.

2. INTERVENCIÓN DE NAVIA RIVAS DE CASTRO: "UN SIGNIFICADO DE AFECTO E HONRA DO PREMIO CAXATO DE AVELINO".

3. LECTURA DA ACTA DE OUTORGAMENTO DO PREMIO á Parroquia de Sta María de Arzúa.

4. INTERVENCIÓN DE SARA TORREIRO: "A Parroquia de Sta María como veciñanza e proxecto de construción social na Arzúa"

5. ENTREGA DO PREMIO Á PARROQUIA DE STA. MARÍA DA ARZÚA.

6. INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA ASOC. PARROQUIAL.

7. INTERVENCIÓN DUN MEMBRO DA FAMILIA POUSA .

De seguido iremos ao PASEO AVELINO POUSA DOS VERXEIS.

 

ACTOS DE MEMORIA E HONRA AVELINO POUSA

 

ACTO DE MAÑÁ no PASEO AVELINO POUSA DOS VERXEIS-TEO

1. Intervención musical a cargo de Raul "O gaiteiro nubeiro"

2. Intervención en nome dos asistentes de MINI E MERO

3. Intervención da familia POUSA.

4. Clausura do Acto por parte da Concelleira de Cultura do Concello de Teo, Pilar Faxilde.

 

En Seoane (San Xoán de Barcala), Concello da Baña:

 

14:30 hs. Xantar de irmandade. Casa Salvador

 

ACTO DA TARDE:

En Negreira

 

 

18:30 hs. ACTO DE BEN E ESTIMA, "MEMORIA SEMPRE".

Monólito Avelino Pousa Antelo, Rúa de Castelao, á beira do CEIP O COTO DE NEGREIRA.

1. Intervención de Xoán Xosé Fernández Abella

2. Intervención de Alfonso Blanco Torrado de AC Xermolos.

3.do presidente da A C Afonso Eanes,Guillermo Vidal Fonseca.

4. Intervención de X. Amancio Liñares Giraut, "AVELINO NA NOSA MEMORIA SEMPRE"

5.Intervención da familia POUSA.

6. Intervención de MINI E MERO

7. Intervención do Alcalde de Negreira, Jorge Tuñas Caamaño.

8. Cantamos o noso Himno Nacional Galego.

 
ORGANIZAN:

Irmandade Avelino Pousa

Irmandade Manuel María da Terra Cha

Asociación Cultural Xermolos
 

16 de ago. de 2015

II Certame Mª José Vázquez Verdes

Redacción.- As Xuventudes Socialistas de Vilalba veñen de facer público o fallo do xurado do II Certame Mª José Vázquez Verdes, proclamando a Vanesa Otero Orosa como gañadora na categoría xeral co seu relato “Vida por vida”. Pola súa banda, Inés Poupariña Naseiro faise co premio na categoría infantil polo relato “Tempo de desconto”.

Nesta segunda edición do certame publicaranse nun libro un total de seis traballos finalistas xunto cos dous relatos gañadores de ámbalas dúas categorías: “É igual” de David Sobral; “About the motel, dear” de Manu Gil; “Os ollos dos espírito”, “A encrucillada do tempo” e “Feireante de palabras de fume” de Isabel Blanco; e “A casa encantada” de Zaida Currás. A data da entrega de premios e da publicación do libro están aínda por confirmar.


Os rapaces e rapazas da agrupación vilalbesa agradecen a todos os participantes a súa contribución a este certame e á cultura galega, xa que en palabras do secretario xeral Rodrigo Pavón “todas as obras presentadas fan que a nosa cultura medre e certifican que nunha vila como a nosa a creación literaria precisa ter o protagonismo que merece”. Ademais, agradecen a colaboración dos membros do xurado: o xornalista Moncho Paz; a profesora no IES Basanta Silva, Carmen Cabaneiro; e o membro da directiva do Instituto de Estudos Chairegos, Chema Felpeto.

8 de ago. de 2015

Monte, monte, monte...

Antón de Guizán.-

Decía Xurxo Souto que Galicia é mar e non lle falta razón. É mar pero tamén é monte. Casi o 70% da superficie terrestre galega é monte e esa masa forestal representa arredor do 40% no conxunto do estado pero o seu aproveitamento dista moito destes datos de superioridade en canto á materia prima. A maior parte do monte galego pertence á asociacións de monte en Man Común, máis de dúas mil no país.
O aproveitamento do monte por parte de intereses de papeleiras e madeireira condicionou a súa situación actual relegandoo a Mera estrutura de mercado ao servizo de intereses de parte nos que os propietarios e produtores son suxeitos pasivos e nos que o país perde unha grande fonte de riqueza.
Igual que as leis do mar en Galiza se ditan desde unha lonxana capital tanto na distancia física como no coñecemento da nosa realidade, o mesmo acontece co monte galego, que sofre a pesares das súas potencialidades a desidia, o desinterés, o descoñecemento e a influencia de ditados de certos intereses de parte deixando fora aos que deberán ser os seus principais activos.
Galicia, tendo a materia prima, conta coa mínima infraestrutura de aproveitamento da masa forestal do estado comparativamente a outros territorios.
Ter o monte explotado, aproveitado, supón xerar recursos, enerxía que mude a dependencia do petróleo en gas deixando divisas a países de fóra, supón xerar riqueza no país e evitar a lacra dos incendios e tamén creación de emprego e industria ademáis de poñer en valor o territorio creando sinerxias e intereses comúns co sistema agro-gandeiro e mesmo coa industria turística ademáis de potenciar o respeto e a protección do medio.
Si as administracións e os poderes públicos non actúan, o monte galego rematará sendo unha parte máis da explotación do país o por parcelas. Empresariado, concellos, comunidades de montes, propietarios, deben xerar sistemas cooperativos e participativos na explotación da biomasa para crear riqueza e non agardar a que as decisións veñan xa impostas desde gobernos de fóra e intereses económicos alleos.
Os gobernos galegos do futuro deben ser tamén esa forza motora na defensa do monte galego, desa inmensa fonte de riqueza, de enerxía, de posta en valor do país hoxe desaproveitada. Así será, quero creer...

29 de xul. de 2015

Exposición Manuel Rodríguez López en Guitiriz

Redacción.-

O próximo mércores, día 29, ás oito do serán, na Casa das Palabras de Guitiriz, vaise abrir ao público a exposición MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, sobre a vida e obra do escritor de Paradela, fillo predilecto dese concello, e que da nome á Casa municipal de Cultura e a un Certame Literario do que se está a celebrar a vixésima edición. A mostra forma parte do PROXECTO MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ emprendido por Galicia Digital e a familia do escritor, co apoio do Concello de Paradela, a Xunta de Galicia (Secretarías Xerais de Política Lingüística e de Cultura), a Deputación Provincial de Lugo e a Real Academia Galega. Esta mostra itinerante comezou o seu percorrido en Paradela para logo expoñerse en Lugo – Museo Provincial- no San Froilán de 2013, e posteriormente en Begonte, Paradela, Portomarín, Sarria, Vilalba, Santiago, A Coruña, Barcelona, Madrid, na Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso e na Biblioteca Anxo Casal de Compostela. Na Casa das Palabras, con motivo do festival de Pardiñas, coa colaboración de Xermolos e a Irmandade Manuel María, vai permanecer aberta durante todo o mes de agosto. Está composta por oito paneis dobles, nos que se reflicte de xeito moi gráfico a vida e obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Catalunya a maior parte da súa obra, e foi, ademais dun grande animador das actividades galegas en Catalunya, o vínculo perfecto entre Galicia e os galegos emigrantes no País catalán.

27 de xul. de 2015

Número 27 de DARDOmagazine

Redacción.-

DARDOmagazine dedica este número 27 á cor como protagonista absoluto da obra de arte. Grandes pezas de grandes artistas contemporáneos están a demostrar que a pesar de estar inmersos nunha época na que o postconceptual e o efectismo compiten a partes iguais, a cor segue sendo obxecto de desexo, de estudo e de goce artístico. Por este motivo dedicamos este número á cor, fixándonos nas propostas de artistas, arquitectos e deseñadores que o entenden como medio de transmisión de emoción e como un dos compoñentes fundamentais da linguaxe da arte.

Neste percorrido DARDOmagazine buscou na nova arquitectura española dalgúns dos estudos máis innovadores do noso país analizando obras de Pancorbo Arquitectos, Langarita-Navarro, AMID (Cero 9) Architects ou SelgasCano entre outros. Tamén falamos con algúns dos pintores españois máis interesantes das súas respectivas xeracións e preguntámoslles sobre a súa idea de cor, o seu enfoque e sobre a importancia de leste na súa pintura. Así, Teo Soriano, Antonio Ballester Moreno, Pere LLobera, Prudencio Irazabal, Nico Munuera, Carlos Maciá ou Irene Grau contáronnos as súas vivencias sobre a cor. A arquitectura de Peter Zumthor foi visitada e revisada polos membros do internacional estudo de arquitectura SCA e analizamos a obra do alemán Tobias Rehberger e do portugués João Penalva. Na nosa sección BITS achegámonos como sempre ao deseño contemporáneo nas súas múltiples vertentes e facémosvos recomendacións para non perderse e por último, entrevistamos a Sonya Dyakova, unha das novas deseñadoras editoriais máis importantes das últimas décadas no ámbito internacional.


DARDOmagazine 27 xa está dispoñible en librarías especializadas e na nosa tenda online dardostore

CONTIDOS:

Editorial: Cuando el color manda (Mónica Maneiro) / Moebius: La arquitectura inundada (Fernando Agrasar y Luz Paz Agras) / Panorama: Unas ideas sobre el color. Conversación con Antonio Ballester Moreno, Pere Llobera y Teo Soriano (Ángel Calvo Ulloa) / Fis(s)uras: Entrevista con Prudencio Irazabal (Mónica Maneiro); Negro atmosférico (SCA); La cromofília y el celebrado fenómeno de los colores (Juan José Santos) / Proun: Tobias Rehberger. Explorando la dimensión psicológica de la percepción visual (Rocío Figueroa Guisande) / Bits: La Fiambrera; Galula; Teo Soriano. Umbral; Noroeste Obradoiro; Macba Store Laie; Niño y Pistola; Idoia Cuesta; Tipografía en pantalla. / Entre bastidores: João Penalva <> intangible, incorpóreo e imaterial (Maria de Fátima Lambert) / Perfil: Sonya Dyakova (Sara Donoso)

23 de xul. de 2015

A parcelaria de Fanoi

Redacción.-

O Concello de Abadín segue teimando en facer da ordenanza municipal reguladora dos aproveitamentos agrícolas e forestais da concentración parcelaria de Fanoi un proceso escuro e pechado á opinión da veciñanza afectada. É a conclusión que saca o Sindicato Labrego Galego despois da xuntanza que mantivo na tarde do 21 de xullo, cos veciños e veciñas; coa empresa redactora, representada polo técnico Víctor Cruz; co alcalde, Xosé María López Rancaño; e con Ramón Losada, responsábel provincial de Medio Rural, que estivo acompañado por unha avogada da Consellaría.

Para o SLG, a xuntanza de onte foi un simple lavado de cara da Consellaría de Medio Rural e só serviu para que as cousas sigan como estaban. De feito, o Concello non ampliará o período de alegacións, tal e como pediu o SLG, a pesares de que o meirande da veciñanza afectada non soubo do novo regulamento até que expirou o prazo para reclamar. Desta maneira, se o plan de cultivos para a parcelaria de Fanoi prospera, poderían legalizarse moitas plantacións forestais irregulares realizadas nos terreos concentrados e quedaría comprometida a base territorial da trintena de explotacións de vacún de carne e leite que hai en Fanoi, e doutras moitas de parroquias veciñas que teñen terras arrendadas na zona.

Respecto do devandito, cómpre lembrar que a ordenanza municipal pretende destinar a usos agrarios o 46'93% da superficie, a forestais o 23'79% e cualifica como terreos de transición o 27'93%. Estes últimos predios son de uso agrario pero susceptibles de mudar a forestal, de maneira que máis da metade dos terreos da parcelaria de Fanoi se poderían destinar a plantíos forestais con este regulamento, o cal sería ilegal e poría en serio perigo o destino agrario destas terras. Desta maneira, quebrantaríase o espírito da Lei de Concentración Parcelaria, que no seu artigo primeiro di que “É obxecto desta lei dispoñer a concentración e ordenación dos predios rústicos, co fin de promover a constitución e o mantemento das explotacións cunhas dimensións suficientes e características axeitadas, tentando ampliar a súa superficie territorial, manter e incrementar a capacidade produtiva do campo, ordenando axeitadamente as explotacións agrarias, respectando o medio ambiente, tentando reordenar racionalmente os cultivos baixo a perspectiva da utilidade económica e social, e tendo en conta o obxectivo de fixar a poboación no medio rural, con base en facer rendible a actividade produtiva”.

Cómpre lembrar, a maiores, que a concentración parcelaria de Fanoi aínda non é firme, polo que é responsabilidade da Consellaría de Medio Rural redactar calquera regulamento sobre ela, e non do Concello de Abadín, que estaría invadindo competencias coa súa ordenanza. Tamén é responsabilidade da Consellaría resolver os expedientes sancionadores abertos polas forestacións ilegais, que non deixan de ser actos delituosos que poderían ficar impunes se a ordenanza municipal vai ara adiante.

En definitiva, a ordenanza municipal reguladora dos aproveitamentos agrícolas e forestais da concentración parcelaria de Fanoi imponse sen ter en conta a opinión da veciñanza afectada, invade competencias propias da Consellaría de Medio Rural, ampara a aquelas persoas que infrinxiron a lei realizando plantíos forestais en solo de uso agrario, e compromete o futuro da actividade gandeira na parroquia. Por estas razóns, o Sindicato Labrego Galego da Terra Chá xa puxo este problema en mans da súa equipa xurídica e non descarta resolver nos tribunais o que o Concello de Abadín e a Consellaría de Medio Rural se negan a solucionar a través do diálogo e do respecto á legalidade vixente e aos intereses do medio cento de granxas que aínda traballan na parroquia.

XXXVI Festival de Pardiñas


Programa do XXXVI Festival de Pardiñas

SABADO, 1 DE AGOSTO

Bloquinho de Xermolos GALIZA

HABELAS HAINAS (22:00) GALIZA

THE DOGROSE (00:00) ESCOCIA-GALIZA

OqueSTRADA (02:00) PORTUGAL

NAO (04:00) GALIZA

DOMINGO, 2 DE AGOSTO

Isla Le Triska (16:30)

SEGUNDA QUIMBAMBA (20:00) PUERTO RICO

OS D’ABAIXO (21:30) GALIZA

SÉS (11:30) GALIZA

O SONORO MAXÍN (01:30) GALIZA


XXII Mostra de Instrumentos de Música Tradicional. Asociación de Gaiteiros Galegos.

Pardiñas 2015



Sabado día 1

17.00 horas - Apertura da mostra.

17.00 horas - Pregón: Clodio González.

17.30 horas - Presentación do libro-disco: Desiderio Sampayo Rico "Siderio de Vilarmide".

18.00 horas - Concerto Pelepau.

19.30 horas - Sorteo.

20.30 horas - Obradoiro de Treboada - Oli Xiraldez.


Domingo día 2



11.30 horas - Apertura da mostra.

17.30 horas - Obradoiro de baile tradicional: Javier Sanmartín.

18.30 horas - Concerto das Lagharteiras.

19.30 horas - Sorteo.

22 de xul. de 2015

O Manuel

Antón de Guizán.-

Coñecín a Manuel María hai 38 anos, cando eu tiña só 16, nuncio estudiantil no instituto de Monelos da Coruña no que tiven a honra de presentalo.
Anos despois, na primeira homenaxe pública despois da súa morte no auditorio da Fábrica en Oleiros e dentro dunha xornadas de verán de Galiza Nova, a miña filla Elba, con nove anos, leu o poema Terá Chá na súa honra, o que me enorgulleceu dobremente.
Lembro aqueles domingos pola mañá na desaparecida cafetería Kirs da Coruña, sempre con Saleta e cos queridos Felipe Senén, Pancho Pillado e Xurxo Souto en animadas tertulias.
O Manuel, sempre entrañable, cando pedía cigarros ás escondidos sabedor dos condados da súa saúde por parte de Saleta, o seu anxo da garda.
Aquel Manuel que figura na miña memoria coruñesa pero inequívocamente vinculado á Terra Chá co que sempre sentín unha identificación mesmo vivencial pola procedencia e pola vivencia, a Chaira e a Artabria compartida.
Era difícil non ver ao Manuel sempre en actos solidarios e reivindicativos, en apoio a novos poetas e escritores...
O tempo, levoume a Os Vilares, ao coñecemento da vida e da obra dun dos seus grandes amigos, Xosé María Díaz Castro honrado xa coas letras galegas do 2014, que tanto lle tería gustado compartir ao Manuel, e o próximo ano, o propio Manuel María será o homenaxeado do que tan orgulloso se sentía o propio Díaz Castro.
A Terra Chá, unha fábrica de Poesía, ve recoñecida en dous anos a súa creación aos seus poetas todos, que non serán os únicos, e convértese así definitivamente nunha potencia cultural. De nós depende xa presumir, promover, extender aos nosos grandes, Pepe do Vilariño e Manuel da casa de Hortas e a outros moitos que foron, son e serán.

16 de xul. de 2015

Camiño Norte e Manuel María

Redacción.-

Camiño Norte

Estes días, diante da declaración por parte da Unesco do Camiño Norte de Santiago e do Camiño Primitivo como Patrimonio da Humanidade, o Instituto de Estudos Chairegos quere facer pública a profunda satisfacción que sente por este recoñecemento.

Por mor diso, emitiu un comunicado co que quere felicitar a todas as persoas, asociacións e institucións que levan anos traballando por conseguir este recoñecemento ao tempo que fan un chamamento á responsabilidade colectiva no  respecto ao Camiño, ao seu  coidado e mantemento para que este recoñecemento mundial se traduza no coñecemento  e recoñecemento da nosa historia, da nosa cultura e do noso patrimonio material e inmaterial.

O IESCHA, como asociación que dentro dos seus estatutos contempla a defensa e conservación do Camiño Norte, ten publicado en 2004 o libro “O Camiño Norte de Santiago na plumiña de Ramón Guntín” e dispón dunha exposición sobre “O Camiño Norte de Santiago en imaxes” co seu catálogo, elaborado por Xosé Luís Novo Cazón, que poñen a disposición das entidades que a soliciten.nuel María

Así mesmo, desde o Instituto de Estudos Chairegos, diante da designación de Manuel María como homenaxeado nas Letras Galegas 2016, manifestan a súa satisfacción por este merecido nomeamento que vén recoñecer o seu compromiso coa Terra, coa Lingua e coa Cultura e a súa categoría moral e persoal.

Aproveitan para reiterar a petición realizada ao Concello hai unha década de que a Casa da Cultura de Vilalba leve o nome de Manuel María. Baseamos esta petición na fonda relación que mantivo sempre con Vilalba tanto no plano persoal como na súa faceta de escritor, adicando unha parte da súa obra a Vilalba e á súa riqueza patrimonial, paisaxística, gastronómica, sociolóxica, poética, etc... Manuel María é o verdadeiro Bardo da comarca da Terra Chá, á que cantou coa súa maxistral obra Terra Chá, e porque sobra dicir que foi unha das figuras máis sobranceiras das letras galegas da segunda metade do século XX, que se entregou toda a vida a Galiza e á súa terra natal. 

Manuel María, como bo chairego, deixábase caer por Vilalba sempre que lle era posible, tanto para visitar aos seus amigos e amigas como para participar en actos culturais. Demostrou en máis dunha ocasión o seu cariño pola nosa vila e mesmo aceptou de bo grado a proposta que lle fixemos dende o IESCHA para que o acto do seu ingreso na Real Academia Galega se celebrase en Vilalba.

Para nós a traxectoria de Manuel María, a súa significación no eido cultural e o seu vencello con Galiza, coa Chaira e con Vilalba, ben o fan merecedor dunha homenaxe por parte do pobo de Vilalba, e nomeadamente dunha institución que nos representa a todos/as: o Concello.

Desde o Iescha entenden que o darlle o seu nome á Casa da Cultura sería unha boa mostra de correspondencia para cun home que vai figurar entre os escollidos da cultura e das Letras Galegas.

13 de xul. de 2015

Revista avozdevilalba.gal 2015 en pdf


Redacción.-

Do mesmo xeito que en anos anteriores, algúns dos contidos da edición dixital de avozdevilalba.gal publicados entre xaneiro e decembro de 2015 están ao dispor dos lectores nas dúas revistas editadas en formato de arquivo pdf. Isto permite imprimilos ou gardalos de xeito cómodo no ordenador, tablet ou teléfono móvil.

Calquera lector pode acceder a este número clicando na imaxe da portada que acompaña este texto. Tamén pódense descargar todos os anteriores na nosa Hemeroteca.

10 de xul. de 2015

As Letras de Manuel María

Redacción.-

A Real Academia Galega (RAG) daba a coñecer onte o nome do homenaxeado para o ano 2016 no Día das Letras Galegas. A votación dividíase entre Xela Arias, Ricardo Carballo Calero e Manuel María. Tras ser eliminada a escritora Xela Arias nunha primeira rolda, os trinta académicos decidiron cunha ampla maioría que sería o chairego Manuel María o elixido. Polas súas continuas achegas e non só á literatura galega, senón tamén á normalización lingüística.

Os outros dous aspirantes, que xa foran propostos o ano pasado xunto con Manuel María para as Letras de 2015, representan distintos movementos. No caso do ferrolán, Ricardo Carballo, o seu labor coa lingüística e no reintegracionismo galego lévano a ter máis ensaios e narrativa entre as súas obras, mentres que Xela Arias estivo máis marcada pola súa poesía, destacando o seu poemario «Tigres coma cabalos», libro de gran impacto no panorama literario galego no ano 1990.

A primeira obra de Manuel María, «Muiñeiro de brétemas», saía publicada en 1950 e significa non só o inicio da coñecida como «Escola de Tebra», senón tamén o primeiro libro publicado en galego tras a Guerra Civil. Foi durante a súa estadía na cidade de Lugo, á que se trasladou a estudar de moi temperá idade. Pasaría a maior parte da súa vida en Monforte de Lemos, onde comezou como procurador no tribunais e máis tarde sería nomeado concelleiro polo BNG. Anos máis tarde decidiría retirarse da vida política para centrarse na literaria. En 1998, trasládase á Coruña, onde morre no ano 2004 tras levar un ano como académico na mesma institución que onte o obsequiaba.

5 de xul. de 2015

Día das Letras para Carballo Calero

Xoan Xosé Fernández Abella.-

Escribo con sentimento e admiración fondos e quizais con pouca autoridade. Por iso quero que os que coincidades comigo nesta xusta petición vos sumedes á mesma, e fagades chegar á RAG este, coido que compartido, desexo.

Non quero descubrir Mediterráneos, que ben descubertos están, pero os méritos que avalan esta petición son máis que sobrados.

Don Ricardo Carballo Calero foi excelente poeta, magnífico novelista, cultísimo ensaísta, destacado lingüista, concienzudo profesor e catedrático, coherente político e insuperable investigador da nosa Historia literaria.

A súa “Historia da Literatura Galega Contemporánea” é un logro elevadísimo da mesma. Nas diversas ocasións que tiven que facer uso dela xamais me defraudou. É asombrosa a cantidade de datos que se recollen nela. Coido que o sabemos, igual ca min, todos.

Vou empregar a prol de Don Ricardo Carballo Calero dous autores nestas datas moi homenaxeados. O primeiro e Ramón Piñeiro. En LAR, Revista de la Asociación Gallega de Beneficiencia y Mutualidad, en conmemoración de “DÍA DE GALICIA”, Número extraordinario de 25 de Julio de 1.956, Buenos Aires, Año XXII, Nos.  272-73-74, escribe, entre outras moitas eloxiosas frases: “A empresa de someter a nosa creación literaria moderna a ordenada craridade valorativa, non era cousa doada” (…)  “tiña que ser un poeta quen a levase a cabo. Mais ocurre que os poetas cuia sensibilidade instintiva e creadora garde equilibrio co-a lucidez e mail-a ouxitividade crítica son moi poucos. Tan poucos que a súa aparición pódese considerar esceicional. Na España contemporánea, o caso máis ilustre e conocido é o de Dámaso Alonso. AFORTUNADAMENTE, NA GALICIA CONTEMPORÁNEA TAMÉN CONTAMOS CON UN SOIO PRO EMINENTE: RICARDO CARBALLO CALERO”. (As maiúsculas son miñas). (…)”Das tres obras citadas (sinalo eu: “Sete Poetas”, “Aportaciones a la literatura gallega contemporánea” e “La Poesía Gallega del Siglo XX”) a máis completa e fundamental é “Aportaciones a la literatura gallega contemporánea” (…) “Nela desenrola Carballo a valoración máis seria, máis aguda e máis lúcida que se ten feito sobre o conxunto da nosa literatura moderna”. E sigue Piñeiro con fundadas loanzas e loanzas, cuia lectura aconsello e subscribo totalmente, e aínda máis cando a obra foi publicada en galego.

E Don Xosé Filgueira Valverde, no VI-Adral, Edicións do Castro, 1.990, páxinas 306-307, escribe, na colaboración 67, titulada RICARDO CARBALLO CALERO, co seguinte subtítulo “Na morte de Ricardo, cas lembranzas dos tempos do “Seminario de Estados””, repito escribe: “En Carballo Calero axuntábase o creador literario de poemas e narracións, o crítico e erudito historiador das letras” (...) “participou nos traballos das normas ortográficas e morfolóxicas e no Anteproxecto do Estatuto de Galicia de 1.931, con Tobío, Risco, Bóveda e Paz Andrade. Ocupou con dilixencia postos directivos: segredario, conselleiro…” (…)“a súa lírica abondaríalle para que tivese un posto nos fastos das nosas letras” (…) “Tal que os Mestres da “xeneración Nós”, exerceu o cultivo da fala en tódalas formas literarias, e non só na oratoria académica e na lírica, senon no relato e no teatro”. E siguen os eloxios como profesor no “Rosalía de Castro”, catedrático na Universidade, “sempre en cursos, coloquios e conferencias”. “Tiven a honra –di Filgueira- de presidir as súas brillantes oposicións á cátedra de “Lingüística y Literatura Gallega” de Compostela no ano 1.972”. Eloxia os “Sete poetas galegos”, o “Brevario antolóxico”, a “Gramática elemental do galego común”, a “Historia da Literatura Galega Contemporánea”, os tres volumes de “Prosa”, e os dous libros de “Libros e autores galegos”.

2 de xul. de 2015

Fin de curso en Avoescola Ferrolterra

Redacción.- O pasado sábado 27 de xuño celebrouse o primeiro acto de fin de curso da Escola Infantil Avoaescola Ferrolterra. Expúxose ás familias un vídeo resume das actividades realizadas no curso (de setembro a xuño) agasallándolles ás crianzas e familias cunha lembranza fotográfica onde figuran todos os nenos e nenas. Quedou para a lembranza a pegada dos picariños que para o ano se incorporan a escola “grande”.

A dirección informou da posta en marcha de diferentes actividades lúdicas e abertas para polas tardes, como de horta ecolóxica e de xogos. De seguido se representou a obriña de teatro con marionetas “A Eiruga comellona e a Bolboreta trouleira”, que trata sobre o ciclo da vida. Nela participaron activamente as crianzas, acompañadas das súas familias.

29 de xuño de 2015

Cambio histórico en Compostela

Moncho Paz.- A situación de Compostela durante os últimos catro anos evidenciaba unha demanda de cambio por parte dos cidadáns, que se materializou nas eleccións do pasado 24 de maio. Un xiro político a costa do PP, que ao longo da campaña foi acusando esta tendencia social, coñecedores de que o pulso da cidade ía en sentido contrario ás súas expectativas.

A estratexia electoral de Compostela Aberta foi acertada. Xa na precampaña, conseguiron posicionar ao seu candidato, Martiño Noriega, como a única alternativa da esquerda fronte ao PP. Falando de transparencia, dun proxecto de cidade e do reto de recuperar a Compostela cultural, un dos principais activos que temos e que perdeu enteiros no último mandato, a golpe de escándalos, corruptelas e a constante proxección dunha imaxe negativa da capital de Galicia. O resultado do proceso electoral convertiu a Agustín Hernández no Boabdil da política galega; tivo que entonar un mea culpa e recoñecer a necesidade de facer autocrítica. Moi lonxe da realidade, só foi consciente ao final, especialmente na última semana da campaña. Perderon case cinco mil votos, que se di pronto.

Por outra banda, a desfeita do PSdeG, cun mal candidato tras un nefasto proceso de primarias, tamén favoreceu claramente a Compostela Aberta, que recibiu unha morea de votos “prestados” do electorado socialista, convertindo a Noriega no líder dunha nova maioría social que demanda outra maneira –e outras formas- de facer política. A situación interna do PSdeG local debería ser revisada con urxencia pola xestora; trala disolución da agrupación compostelana, o máis sensato sería substituír a Paco Reyes e impulsar canto antes un proceso de renovación aberto á sociedade, e non exclusivo da militancia. Algo que defendeu no seu día Mercedes Rosón, quen por desgraza perdeu a voz predicando no deserto. Nos vindeiros meses, coa elección dunha nova comisión executiva, veremos se aprenderon a lección.

E do BNG, unha forza política empeñada en suicidarse, prefiro non falar. Tiveron e non souberon reter, cunha caída en picado da que soamente se salvan as “aldeas galas”, encabezadas pola Pontevedrum de Lórix. Confeso non entender nada.

Se facemos unha análise en clave xeral, parece innegable que o afundimento do PP é a antesala do que pode acontecer nas eleccións lexislativas do vindeiro mes de novembro. A súa mensaxe repetitiva dunha “recuperación económica” non foi suficiente, pois non é percibida polos cidadáns (e menos en Galicia). Dá a sensación de que pretenden resucitar a consigna “España va bien”, tan voceada polo individuo da bigoteira. E iso non é suficiente baza electoral nun Estado onde a corrupción é un cancro con metástase, unha percepción social moi complicada de desmontar. Rajoy, o home dos tempos que ninguén entende e que a todos exaspera, perdeu toda credibilidade e agárdanlle cinco meses de inferno político. Toda crise leva sempre un Goberno por diante, pero podemos atoparnos ante a situación de que no caso español sexan dous, primeiro o de Zapatero e agora o de Mariano, moi lonxe de parecerse a Cameron.

Os retos do novo Goberno municipal son moitos. Nos últimos anos, en demasiados foros deixaron de vernos como “metrópole internacional”, “exemplo de tradición e modernidade”, “cidade en magnífico estado de conservación”, “capital cultural e destino turístico”, “símbolo do consenso político en aras do ben común”, etc. Todas estas impresións borráronse dun plumazo no mandato do PP, cun equipo sen ideas e que só se preocupou de defender o concepto espiritual da peregrinación, quizais porque eran conscientes de que non tiñan outra cousa e precisaban encomendarse ao Apóstolo, que -dito sexa de paso- pasou deles na xornada do 24-M. Parabéns, Martiño. Sorte, e a xestionalo ben.

31 de maio de 2015

Homenaxe a Anxo Guerreiro en Xermade

Redacción.- A primeira sesión das XI Xornadas Interxeracionais de Cabreiros tivo un protagonista indiscutible, o político e activivista tristemente desaparecido Anxo Guerreiro Carreiras (Xermade, 1945 - A Coruña, 2013), que estivo moi presente ao longo de toda a xornada, tanto por parte dos que destacaron a súa figura como polos asistentes que quixeron coñecer un pouco máis a súa traxectoria política e vital. 


Trala inauguración oficial, a cargo do alcalde en funcións, Tomás Rodríguez, e representantes da asociación de veciños de Cabreiros, USC, Nova Escola Galega e o Colexio de Educadores Sociais de Galicia, chegou a quenda dunha mesa redonda en torno a Geluco, como era coñecido popularmente Guerreiro.



O moderador, o xornalista chairego Moncho Paz, encargouse de desculpar a ausencia do ex-presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño e do ex-conselleiro Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, que non puideron acudir ao evento por motivos persoais. Aínda así, quixeron destacar a «política que serve par unir, transformar e prosperar» que practicaba Guerreiro, segundo Touriño, ou a súa condición de «político coherente e fondamente convencido das súas ideas, un político de convivencia», que lembrou Portomeñe na súa nota de adhesión ao acto.




A mesa redonda abriuna o sindicalista Xan María Castro Paz, que fixo un apunte biográfico e unha contextualización da época na que viviu Geluco, antes de formar parte da política activa no Parlamento galego, á que chegou co obxectivo de «buscar espazos de unidade dentro dá esquerda galega».

Pola súa banda, o ex-parlamantario nacionalista Camilo Nogueira Román destacou a aposta de «creación desde ou Parlamento da idea de Galicia» que tiña Anxo Guerreiro. A primeira sesión das Xornadas Interxeracionais de Cabreiros -que continuarán os días 6 e 13 de xuño- pechouse coa intervención do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, que lembrou a Geluco como alumno cheo de «talento, seguridade, espírito pedagóxico e gran didactismo á hora de escribir», o que lle serviu na súa faceta de político.