Emma Crichton no Torrente Ballester

Redacción.-

Desde o mércores 17 de febreiro no Centro Torrente Ballester de Ferrol se pode visitar a exposición fotográfica Emma Crichton dentro da nova programación da Sala de Proxectos.
A Sala de Proxectos do Centro Torrente Ballester, ven así a seguir unha nova liña de especialización en mostras de fotografía, segundo a intención da nova Concellería de Cultura de dotar a este pequeno espazo dun carácter propio que o convirta nunha plataforma referencial da fotografía en Galicia.
31 fotografías de tres proxectos distintos conforman esta exposición que ven revisar o traballo realizado ata a data por esta fotógrafa escocesa afincada en Galicia. I started to laughThe Sky is Grey e The Sweet Coast son os títulos dos proxectos dos que poderemos ver unha boa seleción de imaxes dentro da mostra.
A fotografía de Emma Crichton (Glasgow, 1988) deslízase por terreos de gran sutileza e unha certa mirada cándida, coa que constrúe imaxes que percorren a paisaxe e o espazo íntimo habitado polos seres queridos. A súa obra toma a fotografía como un medio desde o que compoñer as imaxes a modo de instantáneas capaces de captar momentos irrepetibles, dun claro matiz autobiográfico e xeracional e cunha elevada carga de sinceridade. O mundo de Emma Crichton é un mundo luminoso, cariñoso. Ten a luz como un dos seus compoñentes máis interesantes capaz na súa obra de transmitir un estado de ánimo.  Iso, e o predominio dunha gama de cor fría relacionada co azul do ceo, do mar, cos grises das nubes e a néboa.
A lentitude é outro dos aspectos que se desprenden do seu traballo. Esta comeza no mero proceso fotográfico, no uso da cámara de formato medio e a película fotográfica por oposición á inmediatez do dixital. Continúa na presenza da mirada repousada da fotógrafa, que actúa como paralizante, como extractivo das desacougantes suxestións das imaxes atrapadas nun tempo difícil de medir.
Emma Crichton é Graduada en Fotografía pola Edinburgh College of Art. Entre as súas últimas exposicións atópanse A Place Between, no Espazo Miramemira de Santiago de Compostela, Night Contact, na Brighton Photo Biennale de Brighton, UK, ou a súa participación na última edición de Inéditos en La Casa Encendida de Madrid dentro da exposición Aprender a caer.
  

Centro Torrente Ballester de Ferrol
Rúa Concepción Arenal s/n. 15402 Ferrol
T. 981944187

28 de feb. de 2016

Aprender a soñar con María Xosé Lamas

Redacción.- Na tarde do pasado venres, a Casa da Cultura de Vilalba vestiu de gala para celebrar a presentación do poemario Cantigas para aprender a soñar, do que é autora a escritora chairega María Xosé Lamas. Xunta ela estiveron Miguel Toval, representando a Edicións Embora, editorial encargada de pór corpo de libro a este feixe de cantigas; o escritor Martiño Maseda, que esbozou unhas pinceladas do poemario; e José Antonio Pita, en representación do Concello de Vilalba, como concelleiro de Cultura.

Cantigas para aprender a soñar é o poemario gañador do Premio Arume de Poesía para nenos e nenas na edición de 2013, convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas, e goza das ilustracións de Minia Regos Sanz.

O acto, con numerosa asistencia de público (incluso infantil), foi unha auténtica festa da palabra, na que os verdadeiros protagonistas, ademais da autora e o seu poemario, foron os nenos e nenas que se encargaron de ler uns cantos poemas para familiarizarse co ritmo e a musicalidade que percorre os versos deste libro de poesía infantil. 

Deixou dito o propio Xosé Neira Vilas, antes do seu pasamento hai tres meses, no limiar ao libro de María Xosé Lamas: “Cantemos e soñemos, pois a canción dignifica a alegría de vivir. Soñemos cada mañá cando o sol axexa, cando o vento arrola o curuto dos piñeiros, cando vemos sorrir a un neno ou unha nena.” Tal é o  que a autora nos propón ao longo dos versos de Cantigas para aprender a soñar.

27 de feb. de 2016

A historia de Manuel de Paderna

Redacción.- A compañía Lucecús Teatro inicia os ensaios da súa vindeira produción teatral apostando polos textos do autor homenaxeado polo Día das Letras Galegas, o chairego Manuel María. A nova produción conta coa colaboración da Casa-Museo Manuel María así como da Área de Cultura da Deputación de Lugo.

Logo do espectáculo A órbita do lucecú, co que proximamente estarán de xira por Compostela, A Coruña, Vigo, Ribadeo entre outros, a compañía aposta por unha función para público familiar, nun intento de diversificar a súa oferta teatral con especial atención aos máis cativos da casa.

A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna é unha clara reivindicación da dramaturxia galega, escollendo textos de Manuel María como os que se poden atopar nos libros A tribo ten catro ríos, Os soños na gaiola, Cando o mar foi polo río ou As rúas do vento ceibe. O espectáculo céntrase na figura do personaxe Manuel de Paderna, moi importante na vida de Manuel María xa que foi quen lle ensinou a versificar no propio Outeiro de Rei.

O espectáculo agora mesmo está na etapa de ensaios que acontecen na Casa-Museo Manuel María. A estrea terá lugar proximamente en Vilalba. A función está dirixida por Rubén Pérez e conta no elenco con Isa Herrero e Anxo Manoel. O acto de presentación, que tivo lugar na propia Casa-Museo, contou con Xosé Ferreiro, Deputado Delegado da Área de Cultura da Deputación de Lugo, Alberte Ansedes, presidente de Fundación Manuel María así como cos lucecús Rubén Pérez e Anxo Manoel.


Lucecús Teatro nace froito dun soño artístico, dunha necesidade creadora de berrar nunhas difíciles coordenadas históricas. Lucecús quere brilar nestes momentos tan oscuros para o teatro. 

17 de feb. de 2016

Mini e Mero, Mestres da Memoria 2016

Redacción.-

A Asociación Escritoras-es Lingua Galega acordou outorgar o premio “Mestres da Memoria” a Mini e Mero, dous informantes da literatura popular, por toda unha  vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional. A entrega do premio terá lugar na cidade de Lugo o 19 de marzo, na xornada previa ao Día da Narración Oral, na I Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria que, co lema «Lugo, Capital Galega da Literatura de Tradición Oral»

Esta Gala de entrega dos IV Premios Mestras e Mestres da Memoria virá acompañada nas semanas previas dunha serie de actividades na capital lucense, dirixidas unhas ao público infantil e outras ao adulto, sempre coa literatura popular como obxectivo.

Helena Villar Janeiro escritora na súa terra

Redacción.-

Helena Villar será a autora que recibirá este ano a homenaxe Escritora na súa Terra – Letra E da Asociación de Escritores en Lingua Galega. A asemblea que celebrou esta fin de semana o colectivo acordou os nomes dos galardoados cos recoñecementos anuais da organización. Deste xeito, Dolores Macías Pose e Mini e Mero foron escolleitos para os Premios Mestres/as da Memoria 2016, un galardóns que recollerán nunha nova actividade: A I Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria celebrarase en Lugo o vindeiro 19 de marzo. Pola súa banda, Pere Gimferrer foi seleccionado para o premio Escritor/a Galego/a Universal. O autor catalán recollerá este recoñecemento na I Gala do Libro Galego que se desenvolverá o 14 de maio en Compostela e no marco da cal daranse a coñecer os premiados nos novos galardóns unificados de editores, escritores e libreiros. A homenaxe a Helena Villar desenvolverase o vindeiro mes de xuño en Rianxo.

Outros acordos da asemblea foron continuar a campaña de dinamización #mobilizarosalía de cara á celebarción do día dedicado á poeta, así como incorporar á directiva da organización tres novos vocais. Ledicia Costas por Vigo, Ramiro Torres como responsábel de comunicación, e mais Afonso Becerra como vogal de literatura dramática son os novos membros

16 de feb. de 2016

Héroes no silencio

Antón Tenreiro Ferreiro.-

Naqueles tempos de fame, penurias, medo e silencio da posguerra, non había moitos momentos para as xuntanzas nin para o divertimento nunha sociedade tan rural como a da comarca chairega e arredores.

Algunhas tabernas que organizaban bailes e as festas parroquiais eran os principais espazos de ocio e socialización fóra dos traballos comunais do campo.

Tempos escuros, tristes, duros, de memorias en branco e negro e os sons do silencio, só alterados por momentos dos que se encargaban algunhas agrupacións musicais.

Orquestras como a Chedeiro ou a Armonía, dos Vilares, entre outras,  compostas por músicos vocacionais que alternaban ese traballo co resto de labores agrícolas eran as encargadas de dar son e alegría aos nósos pais e avós naqueles tempos escuros. Músicos autodidactas e que aprendían doutros músicos con métodos e e ensaios pouco académicos aproveitando cada momento libre con moita votade e paixón.

En épocas nas que escaseaban os recursos, nas que non había conservatorios nin escolas de música, nin comunicacións básicas nin tecnoloxías, estes artistas demostraban o seu amor pola música e o seu compromiso para alegrar a vida das xentes percorrendo festas e salóns de baile, en carros, camiñando ou en bicicleta, durmindo en palleiras ou casas de veciños, por camiños e corredoiras, ao frío, iluminando con lámpadas de carburo, orquestras moi diferentes ás actuais con grande alarde de medios técnicos e económicos, pero precursoras delas e fornecedoras do prestixio do que gozan as actuais orquestras galegas entre as que se atopa unha vilarega, Arantxa Alvarez, vocalista de Los Satélites.

Pepe de Cristos, José López Díaz, músico das dúas orquestras mencionadas, xunro con Ricardo Rivera ou Indalecio de Cazás, e homenaxeado co PREMIO TRAPEIRO DE HONRA 2016, personifica perfectamente a estes músicos que Os Vilares, lareira de soños tenta recuperar para a memoria colectiva. A memoria dos que puxeron música a unha época e a unha sociedade, eses auténticos HEROES NO SILENCIO

15 de feb. de 2016

Nós tamén creamos!

Redacción.-

Bota a andar a quinta edición dos premios a curtametraxes de animación en galego desenvoltas no marco do programa de dinamización lingüística ‘Nós tamén creamos!’ da Consellería de Cultura e Educación -a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, FP e Innovación Educativa-, en colaboración coa Corporación de Radio e Televisión de Galicia e OQO editora.

Este certame de premios de animación en galego que se convoca no marco do programa de dinamización lingüística do mesmo nome está dirixido a centros educativos de infantil e primaria. Ata un total de dous equipos de entre dous e catro docentes de cada centro poderán guiar o seu alumnado na creación dunha ‘curta’ de animación coa técnica ‘stop-motion’ dun máximo de cinco minutos de duración. O profesorado que lidere a elaboración das curtametraxes co seu alumnado poderá recibir asesoramento durante o proceso de creación dos seus traballos.

Ao igual que en edicións anteriores, as obras presentadas ao concurso quedarán accesibles na sección infantil do web da CRTVG (www.crtvg.es/infantil) e tamén no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal).

O prazo para solicitar a participación remata o 8 de marzo e o de presentación de orixinais, o 30 de abril.

Categorías e premios
Haberá tres premios: un para a mellor curtametraxe elaborada en educación infantil, outro para a de primeiro e segundo de primaria e outro máis para a mellor ‘curta’ de terceiro e cuarto cursos.
Cada centro premiado nunha destas categorías recibirá un lote de libros de OQOeditora e mais un agasallo da TVG, así como un diploma acreditativo expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O equipo de mestres que participe na creación das obras recibirá unha certificación de Premio de Innovación Educativa, que posúe unha equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado.

Ademais, as curtametraxes gañadoras serán emitidas, sempre que tecnicamente sexa posible, en distintos programas da CRTVG.

Obxectivos e historia de ‘Nós tamén creamos!’
‘Nós tamén creamos!’ ten os obxectivos de promover unha imaxe positiva da lingua galega, favorecer o seu uso e aprendizaxe en novos eidos e formatos, e dar a coñecer as opcións de lecer en galego que lles ofrece aos cativos o web da CRTVG.

O programa púxose en marcha no ano 2011 e dende o curso 2013-2014 forma parte do Plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o que posibilita ampliar o número de horas de formación e o recoñecemento para o profesorado participante.

En todo caso, o concurso de curtametraxes está aberto tamén a centros públicos de infantil e/ou primaria que non estean inscritos no Plan Proxecta. Deste xeito, poden participar tamén aqueles docentes que recibiron formación en pasadas edicións ou, simplemente, que están interesados nesta experiencia de aprendizaxe e de dinamización da lingua galega para o seu alumnado.

A convocatoria completa do concurso está dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal).

14 de feb. de 2016

O mundo nas mans no Mupega

Redacción.-

Ata o vindeiro mes de decembro, o Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) mostra ‘O mundo nas mans: Cartografía Escolar dos séculos XIX e XX’, a nova mostra temporal dedicada a esta rama da xeografía, fundamental para o estudo e coñecemento da Terra, e que contou cun extenso predicamento didáctico en Galicia. A mostra foi inaugurada antonte polo xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijoo, coa asistencia do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez.

‘O mundo nas mans’, comisariada por Jesús Oitavén e Beatriz Seco, ofrece un total de 66 pezas engarzadas cun ameno discurso museográfico, amosando o valioso patrimonio histórico-educativo que alberga o este centro museístico, promovendo deste xeito a súa recuperación e difusión. Cada un dos obxectos expostos transportan aos visitantes a outros espazos, próximos ou afastados da nosa terra. Moitas destas pezas cumpriron a misión didáctica de fornecer ao alumnado duns coñecementos xeográficos que dificilmente poderían adquirir doutro xeito.

Unha longa historia educativa
Os mapas constitúen un dos materiais máis clásicos das nosas escolas, formando parte das aulas e servindo para que moitas xeracións de mozas e mozos se fixeran unha composición de lugar do mundo, de cales eran os seus horizontes, dun xeito visual e intuitivo.

En concreto, no ano 1916, o profesor da Escola Normal de Pontevedra e futuro director da de Compostela, José María Crespo Rodríguez, editaba o libro ‘Nociones de Geografía de Galicia’, que se considera o primeiro manual de Xeografía dedicado á nosa comunidade. Exactamente cen anos antes Domingo Fontán iniciara no Pazo de Sobrecarreira os exercicios preliminares para a confección da súa ‘Carta Geométrica de Galicia’.

Co gallo de ambas as dúas efemérides, centenario e bicentenario, e dentro da programación do Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), inaugúrase a exposición temporal ‘O mundo nas mans. Cartografía escolar dos séculos XIX e XX’ na que se amosa, ademais do libro e do mapa mencionados, unha escolma de pezas relacionadas coa cartografía e as disciplinas que a empregaban como medio didáctico.

Percorrendo ‘O mundo’
A mostra comeza nun andadeiro dedicado ás xeracións iniciais de xeógrafos e xeógrafas de Galicia, representadas por intelectuais como Domingo Fontán e a súa ‘Carta Geométrica de Galicia’ (1845) ou Francisco Xavier Río Barja, que realizou un mapa de Galicia en relevo (1985) como prototipo para uso didáctico. Esta última obra foi cedida polo propio autor á Consellería que, fiel ao seu legado, a conservou e agora a pon en valor, ao expoñela por primeira vez nesta mostra.
Ademais dos xeógrafos antes mencionados, inclúense pezas do editor Paluzie, un impresor especializado en láminas e mapas no eido educativo, e un dos representantes de todas as casas editoriais que existiron en España, e que se constituíron como a chave fundamental nos esforzos de difusión do patrimonio educativo. O arduo traballo de recuperación desenvolvido, fixo posible contemplar agora varios dos seus mapas de gran formato que se conservan nunha colección completa no Mupega.
O resto da mostra segue a distribución clásica da xeografía plasmada nos manuais do século XIX. Descríbese así a xeografía astronómica: as estrelas, o sol, os planetas, a terra, etc.; a física, coas partes da terra, os minerais ou os fósiles; a política, aludindo á xeografía relacionada coas razas ou a relixión, entre outras categorías; e a descritiva, que inclúe os mapamundi, os continentes, España, Galicia, os mapas provinciais e os planos locais.
Por último, dedícase un apartado á historia, que tamén fai uso da cartografía, cos atlas históricos ou cos planos das cidades onde aconteceu algún feito histórico.

Actividades didácticas
‘O mundo nas mans’ vai acompañado dun programa de actividades didácticas dirixidas aos centros. Estas actividades están pensadas para axudar os rapaces e rapazas a coñecer os mapas e os principios da cartografía a través de actividades lúdicas e obradoiros, que están programados e adaptados a todas as etapas educativas. A exposición poderá visitarse de balde de martes a sábado en horario de 10:00 a 14:00 h. e 16:00 a 20:00 h.
 

Xornada sobre o coello e o corzo

Redacción.-

A Asociacion Galega de Custodia do territorio (AGCT) e a Unión de Tecores de Galicia (UNITEGA) organiza unha xornada formativa sobre o coello de monte e o corzo, que terá lugar o vindeiro sábado 20 de febreiro, no Centro de conservación e Estudo da natureza Casa das Insuas de Rábade (Lugo), co seguinte programa:

11:00 h.: “A custodia do Patrimonio Natural Cinexético e o Programa de reintroducción da aguia real no Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés”. D. Domingo González Lorenzo. Presidente da Asociación de Tecores do P.N. Baixa Limia – Serra do Xurés (XURESTEC) y D. Antonio Mota Mogrobejo. Secretario da Unión de Tecores de Galicia (UNITEGA) e da Unión Nacional de Asociaciones de Caza (UNAC).

11:30 h.: Pausa-café

12:00 h.: “A xestión do coello de monte e a nova enfermidade vírica: Bioloxía da especie, xestión cinexética, repoboacións, biotopos, rozas e vacinas”. D. Jaime Veiga Fontán. Presidente da Asociación SOS COELLO DE MONTE DE GALICIA.

16:30 h.: “O corzo en España: luces e sombras no seu proceso de expansión” . D. Gerardo Pajares Bernaldo de Quirós. Expresidente da Asociación del Corzo Español (ACE).

18:00 h.: “Repercusión das principais infeccións que afectan os corzos en Galicia”.  Dna. Patrocinio Morrondo Pelayo. Catedrática da área de Sanidade Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo (Universidade de Santiago de Compostela). Académica numeraria da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia.

Poema a Xaquín Marín

Xoán Xosé Fernández Abella.-

Xaquín, túa aperta sinceira
a todos os teus lectores,
e á par teus admiradores,
gran ledicia verdadeira
orixina. E a maneira
cabal de che agradecer
o teu agasallo é ter
ben claro, que na túa liza
diaria vive Galiza
sempre ben galega a ser.

Os Tilos, 6/xaneiro/2016

7 de feb. de 2016

Pepe Chao, visto por Anxo Ferreiro

Pepe Chao, na súa etapa en Sta. Mariña

Anxo Ferreiro Currás.- Con  moito gusto respondo, con estas letriñas dedicadas a Pepe Chao, á petición que me fai Moncho Paz de un artigo para o periódico A Voz de Vilalba. E digo con moito gusto porque fun seu seguidor unhas veces máis achegado  e outras máis alongado aínda que sempre admirador seu, como rural da parroquia de Boizán  a un urbán da vila de Vilalba, unidos polo pequeno anaco da estrada N-634,  chegando a compartir pastoral na contorna de Ferrol.

Para min Chao foi: indispensabel, escaso e sobrado. Explícoo. Foi indispensabel cando pasou xa coma un lóstrego nos poucos anos polo Seminario de Mondoñedo; despois nese tempo meu de aprendiz de crego irlle ver a súa forma nova de ser cura na parroquia Sta Mariña do Vilar de Ferrol; a chamada que me fixo para irmos compartillar na equipa das parroquias do cincho de fóra portas nesta cidade departamental e obreira; a súa perspectiva renovadora da Igrexa que alumaba horizontes abraiantes na doutrina do Vaticano II, na pastoral da Igrexa como pobo de Deus, que anuncia a Boa Nova do Evanxeo. Naquel tempo, a finais dos cincuenta, veu traer a Ferrol un novo comportamento do crego na parroquia coa supresión dos estipendios da misa e dos sacramentos, coa rachadura da veneración do “don” do crego sentíndose un veciño máis, Pepe Chao, coa xente deste pobo de Santa Mariña do Vilar, que convidaba ao crego a comer o caldo como un máis da familia. Tivo sona a renovación litúrxica coa participación dos fieis  ao redor da mesa da Eucaristía, pois xa non se chamaba Misa, pois deixaba de ser unha obriga e ter valor pecuniario para pasar a ser o encontro dos irmáns a carón do Evanxeo e compartindo o Pan da Cea do Señor. Mais isto levaba consigo deixar de ser opio do pobo que din os marxistas e facer da vivencia relixiosa un compromiso profético de denuncia da problemática obreira, dos abusos sociais, concretamente do franquismo: penas de morte que aínda seguía a practicar a ditadura nos anos sesenta e setenta do século pasado, torturas que practicaban nas comisarías até tal punto que vítimas acabaron coa vida neses antros policiais, que o tapaban todo con certificados de suicidios; cárceres e condenas duras contra os promotores de sindicatos clandestinos que denunciaban tanto abuso social e político. A todo isto algúns cregos comprometidos responderon coas denuncias puntuais con valentía e loita xa serodiamente, todo hai que dicilo, aínda que en pago non deixaron de sufrir cárceres, multas, desprestixio e calumnias, sen ter, en xeral, a defensa dunha xerarquía española que seguía a defender a ditadura. Todo isto  pódese comprobar amplamente no libro de Rosa Cal, Curas contra Franco (Embora, Ferrol, 2012).

E foi aquí onde o noso Chao se sentiu sen forzas e sen gañas de loita nun campo que a el non se lle daba. Escaso, emporiso, pareceume a min, cando os compromisos de rachar co nacional catolicismo e acoller a todos os movementos perseguidos pola ditadura de Franco, sobre todo nos movementos obreiros e en concreto CC.OO. Non chegou a comprender ben o traballo do seu compañeiro Vicente Couce. Emporiso, Chao sufriu persecución por verse mesturado en compromisos sociais que el non vía, e tivo que ir acompañado de Vicente ao TOP, Tribunal de Orden Público, un tribunal que traballou arreo na ditadura. Chao foi absolto e Vicente sufriu cárcere na prisión concordataria de Zamora. Deste tempo é unha pintada humilde mais reivindicativa nos muros do cuartel da Guardia Civil, moi cerca da parroquia, que durou  tempo e que dicía simplemente: José e Vicente. Para Chao resultou ser unha pexa por verse afastado da estela eclesiástica cara o bispado. Non valeron de moito, mellor dito de nada, as firmas e apoios na Galiza enviadas á Nunciatura para promovelo á mitra en tempos axeitados do papa Paulo VI. Deixou despois Santa Mariña para desenrolar un traballo, outra vez máis abraiante, de intelectual e promotor da Galiza. Non hai moito tempo volveu a Santa Mariña para recibir unha homenaxe daquel pobo benquerido, e ver a Igrexa pechada por ameazas de ruína que no seu tempo ampliara sobre unhas bases moi deficientes pola falla de cimento do nacional catolicismo, (que o lector pode entendelo literal ou metafóricamente). “De alí aínda –din- rezuma a labor comunitaria e reivindicativa na parroquia de Santa Mariña”. Nesta igrexa tamén quedou unha obra de arte ben fermosa que se se mira polo ollo da pechadura ou polas regandixas da porta vese  O Pantocrator de Segura Torrella mesmo no ábside  detrás da Mesa da Eucaristía. 

Neste campo da súa labor intelectual foi sobrado, tamén para min con grande admiración. Abraiou no comezo da democracia co libro LA IGLESIA EN EL FRANQUISMO, 1976. Libro tamén “indispensabel -en palabras de Xulio Lois- para coñecer a Igrexa de Franco”. A este tema aínda lle engadiu no mesmo ano outro libriño popular titulado La Iglesia que Franco quiso, editado por Mañana, D. L;  Iglesia y Franquismo. 40 anos de Nacional-Catolicismo, 3C3 Ditores, 2007.  E non deixou de tratar o tema teolóxico do integrismo co libro Marcel Lefebvre. Un integrismo histórico. Participou en revistas internacionais en temas teolóxicos, eclesiásticos e sociais.

Mais, convertido ao galeguismo, destacou sobradamente na súa labor inmensa de  intelectual na Igrexa Galega, nos movementos galeguistas da Asociación Irimia, na revista IRIMIA  e nas Romaxes de Crentes Galegos. Nesta nosa Igrexa galega que non acaba, ou aínda non comeza, de asumir a galeguización da súa pastoral, non deixa de haber algúns grupos testemuñais que Chao alimentou coa súa bibliografía: Por aquí chégase a Galicia editado por 3C3 Editores, 2012; Itinerario de conciencia galega, de 2014; A Biblia popular galega, do 2004; Historia do pobo de Xesús, edicións do Castro, 1987. O tema sexual e celibato e a homosexualidade foi desenrolado nos seus libros, contrarrestando aquelas prédicas do bispo de Mondoñedo, Mons. Gea Escolano,  O sexo. A muller e o crego, 2004; A condición homosexual, 1999.

E na Galiza atópanse os dous irmáns Chao, José e Ramón, co tema de Prisciliano. Ramón facendo en moto o camiño de investigación de Prisciliano dende Tréveris, onde Prisciliano sufrira o martirio, pasando por Tours, até Santiago, camiño que recorreran os seus discípulos para traer o seu corpo a Galicia. Como bo presaxio, nesta camiño á Terra ven acompañado do seu fillo Manu Chao, que estaba a pasar unha depresión pola rachadura do conxunto  Manu Negra, confesándolle a seu pai: “presiento que mi salvación está en Galicia”. E deste percorrido escribe o libro O Camiño de Prisciliano (Espiral Maior, A Coruña). Ramón sigue a promover esta figura para Galiza (www.prisciliano.eu). Un pouco antes xa Pepe Chao escribira Prisiciliano, profeta contra o poder (Promoción Culturais Galegas de A Nosa Terra, 1999). Estes dous libros son estudos moi interesantes para coñecer este personaxe do século IV transcendental para Galicia, primeiro mártir que executaron as mesmas autoridades eclesiásticas. E con clara proba histórica na competencia de Santiago. Xa enfermo tivo forzas aínda para escribir un interesante ensaio A Humana Fraxilidade, editado por Irimia.

En Vilalba, o seu pobo natal, recibiu homenaxes para que perdure a súa memoria entre os vilalbeses fachendosos de termos como amigo e compañeiro ao noso irmán Pepe Chao. 

5 de feb. de 2016

Coplas dun tempo de Xosefa Cabado

Redacción.-

Venres 5 ás 20:00 na casa escola habanera da Conchada, nas Reixas, Os Vilares, presentación da revista monografica de Xermolos adicada a Xosefa Cabado, co traballo de José Andrê Lôpez Gonçâlez, Andrê da Ponte,  co título "coplas dun tempo de Xosefa Cabado" que é unha coñecida regueifeira da zona.

Contaremos coa presenza do autor, Andrê da Ponte, o presidente de Xermolos Alfonso Blanco, o artista vilarego Raúl Río e Antón de Guizán polo proxecto Os Vilares, lareira de soños.  Asistirá tamén Xosefa Cabado.

3 de feb. de 2016

Andoni Canela na Casa das Insuas

Redacción.-

O vindeiro sábado, 06 de febreiro, ás 19:00 h, no C.E.N Casa das Insuas, contaremos coa presenza do fotógrafo Andoni Canela que nos presentará o seu último libro "La llamada del puma". Unha fascinante viaxe polos 5 continentes na procura do salvaxe. 

Durante a presentación, Andoni contará algunhas das aventuras e proxectará algúns vídeos desta viaxe soñada para calquera naturalista.

Onte presentouse 'Historias de Compostela'

Redacción.-
O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora acaban de publicar a primeira edición en galego de “Historias de Compostela” de Xosé Filgueira Valverde, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, responsable da tradución da obra. Onte pola tarde, ás 20:00 horas, presentouse na sede compostelá da Fundación Torrente Ballester. Asistiron ao acto o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o fillo do escritor, Xosé Fernando Filgueira; a xerente do Consorcio, Belén Hernández; o director da editorial Alvarellos, Henrique Alvarellos; e Xerardo Estévez, arquitecto e ex-alcalde compostelán, que fixo o prólogo desta edición.

Historias de Compostela é unha das obras fundamentais de Xosé Filgueira Valverde (Pontevedra, 1906-1996). Foi en 1970, na editorial compostelá Bibliófilos Gallegos, cofundada en 1949 polo propio autor, onde estas crónicas viron a luz como libro. Os textos, orixinariamente en castelán, tiveron unha segunda edición, facsimilar e de peto, en 1982, baixo o selo de Edicións Xerais. Esta primeira edición en galego xorde ao abeiro da celebración do Día das Letras Galegas, dedicado o pasado ano ao escritor pontevedrés.

O autor recolle neste libro unha gran parte dos seus coñecementos da antiga Compostela e das tradicións xacobeas a través de dezate crónicas. Organizado en catro partes, fai un repaso pola Compostela medieval; o Apóstolo Santiago e as súas tradicións; as festas de Compostela no Barroco; e o que el denomina Varia Lección, na que recompila e comenta diversas referencias literarias ao Camiño, ao Apóstolo ou á propia cidade de Santiago. Así, están presentes as viaxes do xastre Guillermo Manier en 1726 e do Duque de Toscana Cosme III de Médicis en 1669. É na última parte onde o escritor afirma que "la mención de un peregrino extranjero, un griego, aparece por primera vez, según creo, en la Historia Silense, escrita a comienzos del XII, con referencia a un sucedido del año 1064, la toma de Coímbra por Fernando I". 

A través destas historias o escritor vese a si mesmo coma un recompilador daqueles que andaban os camiños da vella Europa contando relatos e cantando melodías para facer máis doada a peregrinación dos que ansiaban Compostela.

Tal como resaltan os editores, “en canto aos contidos, nos 45 anos transcorridos dende a primeira edición, posteriores investigacións foron achegando novos datos ou precisando algúns dos coñecidos e aquí revelados por Filgueira Valverde. Este feito, en ningún caso lle quita nin rigor nin entidade ás dezasete historias de Compostela que aquí se nos narran”. Ademais, mantéñense as ilustracións da primeira edición. 

O limiar que acompaña esta edición é do arquitecto e ex-alcalde compostelán Xerardo Estévez, que tivo moita relación co autor. Nel salienta que o itinerario de Xosé Filgueira Valverde está unido a Compostela dende moi cedo. “Quizais xa na súa primeira visita, no ano xubilar de 1909, a pompa e circunstancia das festas do Apóstolo, con comitiva rexia, procesión mitrada e botafumeiro, puido deixar pegada naquel intelecto extraordinario. As visitas cos seus pais repetíronse con frecuencia e foron acompañando con lecturas diversas os anos que decorreron ata que, en 1922, se instala como estudante, integrándose naquel grupo de mozos que, un ano máis tarde, había dar luz o Seminario de Estudos Galegos”.

“Aínda que marchara para completar fóra os estudos, e a súa traxectoria vital o vinculara para sempre á Pontevedra natal, nunca deixou de estar en Santiago en pensamento e obra, atento aos aconteceres da cidade e á súa evolución, que era, dalgún xeito, a de Galicia. E, como conselleiro de Cultura, empezou a falar dun réxime especial para a cidade compostelá, que foi un primeiro paso cara ao estatuto de capitalidade” -indica Estévez-. 

O 26 de xullo de 1990, coincidindo coas festas do Apóstolo Santiago, o Concello acorda concederlle a Medalla de Ouro ao Mérito Cultural “pola súa extraordinaria contribución á difusión de Santiago de Compostela no mundo”. Unha bibliografía editada pola Fundación Filgueira Valverde co gallo deste recoñecemento enumera 42 libros e folletos, 233 artigos e 116 conferencias que o escritor dedicou a temas composteláns, aos que hai que agregar os prólogos a numerosas obras doutros autores.

Estévez manifesta que “esta edición axudará a comprender mellor a intrahistoria da cidade e a súa proxección no mundo, e agora en galego, como estou convencido de que a el lle gustaría, cando retrocede o uso coloquial da lingua e volve ser motivo de conflito”.

27 de xan. de 2016

André da Ponte dos Vilares

Antón de Guizán.-

Xa teño escrito algunha vez de José Andrê Lôpes Gonzâlez, Andrê da Ponte como investigador e recuperador da figura do Apalpador e escritor de ensaios.

Desta volta Andrê está de actualidade na Terra Chá por dúas novas publicacións que vai presentar próximamente da man da A.C.Xermolos de Guitiriz.

A primeira será nosVilares a primeiros de febreiro, concretamente o venres 5 ás 20:00 na Escola Habanera da Conchada "as coplas dun tempo de Xosefa Cabado" a regueifeira do Cando - a súa tia e prima à vez -, da que xa ten escrito na revista de Xermolos.   Editada pola Asociación de Guitiriz, coa colaboración de Raúl Río, grande amigo de André, e que estará con él nesta presentación acompañados ambos por Alfonso Blanco Torrado e eu mesmo representando ao proxecto dos Vilares, lareira de soños. Pero a creatividade de Andrê non para epresentará tamén un libro de sonetos sobre o Santo Alberte na Romería aló pola primavera, as "Rimas de Frei Bento de santo nome de Santo Alberte". Alí estaremos apoiando e fachendosos de tanta producción vilarega e guitirica deste grande poeta, escritor, investigador que temos a sorte de disfrutar no grupo NPG Nova Poesía Guitirica, da que forma parte e na que nos deleita con grande cs bn tidade de fermosos poemas acompañados da súa outra grande pasión, a música clásica.

Andrê é pois outra realidade literaria dos Vilares e Guitiriz, vinculado tamén desde moi cativo á parroquia vilalbesa de San Xoán de Alba. Un chairego de ben dotado de calidade humana e literaria e que convido a coñecer aproveitando as dúas oportunidades que se nos brindan, xa que reside no exterior do país.

Animádevos, pois a asistir o 5 de febreiro á escola habaners b da Conchada nos Vilares, nunha oportunidade que paga a pena aproveitar co grande Andrê da Ponte ou José Andrê Lôpez Gonçâlez. Alí estaremos.

23 de xan. de 2016

Recuperación das canteiras

Redacción.-

Mañá venres, 22 de xaneiro de 2016, celébrae en Guitiriz a xornada sobre a recuperación de canteiras de 18:00 a 20:30 h. na Escola Habanera de Guitiriz (rúa do Concello nº 42), co obxectivo de aproximarlle á poboación local as vantaxes da restauración ambiental.

Nesta xornada explicarase que é unha Reserva da Biosfera, cal é o seu valor para a sociedade que a habita e que tipos de actuacións serían importantes dentro do espazo explotado na zona das canteiras, próximas á Lagoa do Barreiro, para mellorar o seu aproveitamento e darlles un valor engadido de interese turístico ou doutro ámbito.

A estrutura da xornada é a seguinte:

·               A Reserva da Biosfera de Terras do Miño, impartida por un técnico da Deputación de Lugo.

·               Naturalización de espazos mineiros: a fauna das canteiras, impartida por Martiño Cabana Otero da Asociación Galega de Custodia do Territorio e Universidade da Coruña.

·               Marco normativo e exemplos de restauracións mineiras, impartida por Diego López González, director da Cámara Oficial Mineira de Galicia.

·               Preguntas e conclusións.

Para unha mellor organización da actividade, pregamos confirmen a súa asistencia no enderezo electrónico terrasdomino@deputacionlugo.org ou no teléfono 982260046.

21 de xan. de 2016

Revista avozdevilalba.com decembro 2015

Redacción.-

Do mesmo xeito que en ocasións anteriores, parte dos contidos da edición dixital de avozdevilalba.gal, os publicados neste caso entre xullo e decembro de 2015, están ao dispor dos lectores nunha revista editada en formato de arquivo pdf. Isto permite imprimilos ou gardalos de xeito cómodo no ordenador, tablet ou teléfono móvil.

Calquera lector pode acceder a este número clicando na imaxe da portada que acompaña este texto. Tamén pódense descargar todos os anteriores na nosa Hemeroteca.

19 de xan. de 2016

Recital de Xoán Xosé Fernández Abella

Redacción.-

O pasado 2 de xaneiro, tivo lugar na Casa da Cultura de Vilalba a presentación de dous libros do poeta Xoan Xosé Fernández Abella: Poemas de amor, loanza, condena e outros e Guardad mi voz, ámbolos dous editados en Compostela por Follas Novas con senllos limiares de Xesús Alonso Montero e ilustracións de Baldo Ramos. No acto participaron recitando poemas, xunto ao propio autor, Pilar Sampedro, Xulio Xiz e Baldo Ramos. Tamén os coñecidos cantautores Miro Casabella e Manoele de Felisa, que musicaron varios textos do autor.

Ao mesmo tempo tivo lugar a presentación da mostra pictórica do poeta e artista plástico de Celanova Baldo Ramos que leva por título “A árbore da cegueira” e que pode visitarse nas dependencias da Casa da Cultura ao longo de todo este mes de xaneiro.

Estes foron algúns dos textos recitados ou cantados aquel día:


NAI (Recita Pilar Sampedro)


Se digo aquí bondá, non digo nada.
Se digo aquí tenrura, nada digo.
Direi auga fresquiña, mel, pantrigo,
rosa, fada, i estrela, e alborada.

Xoia digo. A meirande. Atarefada
no fogar. E del luz, quentura, abrigo,
agarimo e ledicia, sol amigo...
amor, amor total, ¡nai adourada!

Alto exemplo a imitar, perla preciosa,
que as feras gadoupadas, coidadosa,
escondíchenos, sempre, da dolor.

E puxéche-lo mel nas nosas vidas,
e tragáche-lo fel das túas feridas,
e nos deches, a todos, teu amor.

Rociana del Condado, 1975


SE DEUS NON FOSE AMOR, NON FOSE NADA (Recita Pilar Sampedro)


Se Deus non fose amor, non fose nada;
se non fose xustiza, nada fora;
se non fose bondá, acusadora
voz certa lle chamase gran farsada.

Pero Deus é amor. E canallada
é pretender facelo durmideira
da alma nobremente xusticieira,
pedíndolle que sexa "resignada".

Nada de resignarte, non, irmán,
que, realmente, ti serás cristián
cando xustiza esixas con valor.

Porque Deus é xustiza verdadeira,
alicerce da paz, non tapadeira,
opio xamáis, porque é verdá e amor.

Ortigueira, Nadal 1999


FALADE GALEGO (Recita Xulio Xiz)
(Dedicado a David Otero)


A todos vos falo,
maduros ou vellos,
rapazas, rapaces,
e nenas e nenos:
quixese alentase
o sol nos meus versos,
e neles a lúa,
paxaros e ventos
súas verbas dixesen...
porque é que vos quero
-con voz como espada-
falar do galego.
Idioma aldraxado
por propios e alleos,
flor como ningunha
pra levar no peito,
herdo sacrosanto
dos nosos antergos,
da nosa Galicia
carne, sangue, alento...
por iso, ¡faládeo!,
¡falade galego!


Ortigueira,1976


NADAL (Recita Xulio Xiz)


Xesús, eu xa non teño
-ai, que gastado vou!-
a fe dos nenos...

Teño os soños lixados
polas loitas do peito,
e nel soio me queda
-herdanza daquel tempo!-
o anceio de ser bo
sen conquerilo. Teño
apagada a estreliña
-estreliña dos nenos!-
que a Belén me guiaba
co seu fulgor inxenuo...

E agora, no Nadal,
saudosamente, quero,
como aquel de noutrora,
voltar a aquel vieiro,
levándoche, amantiño,
o bico dos meus beizos,
e nel, o corazón,
¡coma nos vellos tempos!...

Ou, Santa Virxe, Nai
do Rei da Terra e Ceo;
ou, San Xosé, bendito
e nobre carpinteiro;
ou, doces Reis Magos,
pastoriños sinxelos,
mula e boi que lle destes
quentor ó noso neno;
canto de bo había
naquel Nadal eterno:
dade ós homes de hoxe,
dádenos, milagreiros,
a xustiza anceiada,
a bondá que non temos,
bágoas para chorar
tantos males que vemos,
o nos sentir persoas
pra poñerlles remedio...

Anceios sementainos
de tal bondá no peito
que ó Carrapucheiriño
que é Rei da Terra e Ceo
poidamos achegarnos,
¡¡coma nos vellos tempos!!


Pontedeume, 21/12/1976

PROCURA (Recita Baldo Ramos)


¿Con que verbas dicir,
sincero, o meu anceio?
¿Que vieiro tomar
que leve á luz do certo?

Sempre dándolle voltas
e voltas ó segredo,
e sempre noite escura,
sen amencer, no peito.

Fóra de min hai cas
ós que lle teño medo;
dentro de min, tamén.

Ceibarme deles quero,
pois quero camiñar,
sen medos, meu vieiro,
rompendo a sombra mesta,
¡a sombra do misterio!


Os Tilos, Setembro/2001

AMAR, AMOR (Recita Baldo Ramos)
(A Mercedes, + 8/10/1991)


Amar é compartir todo na vida,
xa sexa na ledicia ou na tristura,
vivir a realidade da dozura,
achar a plenitude apetecida.

Amar... a seguir sempre nos convida,
non sabe de cansazo ou de fartura.
Se é lume de verdade, sempre dura.
Fronte a trebóns é luz inextinguida.

Dúas vidas son, no amor, plena unidade,
que, claridade ou escuridade,
non son quen de tirarlle o resplandor.

Que é luminoso o camiñar fecundo
do milagre meirande deste mundo,
infinito milagre, infindo amor.


Os Tilos, 9 de Xullo de 2004

ELEXÍA POR UN PAXARIÑO MORTO (Recita Xoán Xosé Fernández Abella)
(A César Rodríguez Fernández)


A aquel paxariño morto
que atopei, indo prá casa,
dinlle a vida do relembro
nun currunchiño da ialma.

Non se apagou a túa música,
nin as túas escalas máxicas.
Olla, meu rei, no meu peito
¡que ben cantas!


Ourense 1956


OS NENOS E O FUTURO (Recita Xoán Xosé Fernández Abella


Dentro de ti, Galicia,
antes que nada, os nenos.
Eles son o futuro.
Traballemos arreo
pra un fermoso mencer
sobre o pobo galego.

Debemos de ser todos
patriotas enteiros,
amando á nosa Terra
non con verbas, con feitos.
que non é con palabras,
senon que é con exemplos
como se gaña o limpo
corazón dos pequenos.

Se dos nosos traballos
a xustiza é vieiro,
se sentímo-la fala
cal tesouro no peito,
se contra a emigración
e o caciquismo negro
se ergue o noso sangue
con todos seus latexos...

Se estas cousas que digo
por Galicia facemos,
máis, o día de mañán,
farán os nosos nenos.


Ortigueira, 1976





A UN ADULÓN (Canta Miro Casabella)

Caciquiño habitual
e pasteleiro menor.
Tolerado mediador.
Celestino natural.
Adulón reverencial
de quen estea no poder
ou coide se vai poñer.
Amigo do trapicheo,
do conto e do comadreo,
¡Por culpa do non poder!


Ortigueira, 1973




CALADO (Canta Manoele de Felisa)
(Para Isaac Díaz Pardo)

Estiven tantos anos, ¡ai!, calado,
en terror patolóxico sumido
e en desacordo non comprometido,
que o debo confesar como pecado.

Tiven meu corazón crucificado
polo silencio, pero non vendido.
Foi meu estar en contra precavido,
ás veces entre lobos disfrazado.

Hoxe miro ó futuro con nobreza,
tentando non me luxe a vileza
xamais do odio, cego e inhumano.

E rexeito calquera ditadura,
sempre no corazón a arela pura
dun mundo máis fraterno e máis humano.


Ortigueira, 1991

14 de xan. de 2016