50 anos do IES Basanta Silva

Redacción.- Os actos de celebración dos 50 anos do instituto Basanta Silva en Vilalba que tiveron lugar ao longo da pasada fin de semana comezaron o venres ás oito da tarde no auditorio municipal, coa actuación de Os D´Abaixo. O afamado grupo de folclore presentou na capital chairega os seus novos temas e tamén coñecidas pezas populares, nunha escolma de música chea de enerxía que lembrou ás antigas foliadas.
E na mañá do sábado, os pasarrúas das bandas de Outeiro de Rei, Rábade e Begonte foron abrindo o apetito, xunto cos grupos vilalbeses de música tradicional, como as Pandereteiras de Andrade.
O xantar popular na Praza da Constitución reuniu a preto de trescentas persoas de distintas xeracións do instituto, que tiveron oportunidade de lembrar vellos tempos e moitas anécdotas dos seus anos mozos.      
Os grupos tradicionais ofreceron un novo pasarrúas pola tarde, despois actuou a Banda de Música de Vilalba, e o programa pechouse cunha verbea, amenizada pola orquesta Suaveciño. A celebración dos 50 años do  instituto continuarán nas vindeiras semanas con outras actividades.


9 de maio de 2016

XIII Festival de Cans

Redacción.- 

O Festival de Cans presentou o programa da súa décimo terceira edición, que se desenvolverá do 18 ao 21 de maio na aldea do Porriño da que toma o seu nome con 18 curtametraxes e outros tantos videoclips galegos a concurso. Ademais, os concertos volverán ocupar un espazo destacado nesta carteleira, que lle ofrecerá aos asistentes máis de 20 actuacións e 30 horas de música.

Os responsables do encontro adiantaron hoxe as principais novidades e citas deste ano no transcurso dun acto no que estiveron acompañados polos representantes das diferentes entidades patrocinadoras e colaboradoras, como a alcaldesa do Porriño, Eva García; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.

Na súa intervención, Sutil explicou que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria volve apoiar esta programación, á que achega 22.093 euros a través da última convocatoria de subvencións da Agadic a festivais audiovisuais. Subliñou igualmente a singularidade do Festival de Cans, que en cada nova edición consigue concitar o interese e a complicidade dos profesionais e dos espectadores arredor dun programa ao que se incorporan progresivamente novos contidos, sen perder de vista o seu obxectivo principal: “O da difusión, o impulso e o incentivo da realización de curtametraxes en Galicia, que actualmente son moitas e moi talentosas”, sinalou.

Implicación da veciñanza
O director da Agadic tamén gabou este encontro como exemplo do que debe ser a colaboración entre o sector público e o privado cara ao desenvolvemento e a consolidación de propostas culturais a longo prazo. “E isto –continuou– coa activa participación da cidadanía, unha implicación que, no caso de Cans, se eleva ao seu máximo expoñente, ata o punto de que nos veciños e veciñas deste lugar descansa o segredo do seu éxito”.

Entre as novidades desta décimo terceira edición, a organización incidiu nas funcionalidades e contidos que estrean varios dos seus espazos emblemáticos. A Leira de Alicia, por exemplo, pasa a ter programación continua nos dous días centrais do evento e acollerá diferentes actuacións musicais, entre as que destaca o concerto de Iván Ferreiro, así como encontros con todos os curtametraxistas da sección oficial.

Jaliñeiro Arena
Inaugurarase, ademais, o Jaliñeiro Arena cun espectáculo que combina música e danza contemporánea da man de Mercedes Peón e Janet Novás. Este novo escenario situarase na chamada Zona Multiúsos, que acolle a programación audiovisual, musical e as ‘performances’ do Jaliñeiro Clásico. Este ano haberá tamén unha nova sección gastronómica coa proxección de ‘El equilibrio de los opuestos’, un documental sobre as peripecias do cociñeiro Javier Olleros, quen preparará unha tapa especial deseñada para o festival e elaborada con produtos da parroquia.

En canto á sección oficial a concurso, entre as 18 curtametraxes seleccionadas atópanse os últimos traballos dalgúns creadores que xa son habituais do festival, así como de directores galegos asentados en Bruxelas, Londres, Lisboa, Madrid ou Barcelona, entre outras cidades.

Animación
Sobresae nesta escolma a recuperación da animación con filmes de realizadores e debuxantes consagrados ao carón dunha nova xeración de autores saídos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. A selección de videoclips reflicte igualmente unha gran diversidade, entre a que este ano destaca unha ampla presenza de fitas asinadas por mulleres.

Haberá lugar, así mesmo, para as longametraxes coa estrea de ‘Psiconautas’, o filme de animación co que Alberto Vázquez e Pedro Rivero culminan o camiño iniciado coa curta ‘Birdboy’, gañadora en Cans en 2011 e Goya á mellor curtametraxe de animación en 2012. Completarán esta sección varios documentais e o filme de animación para público familiar ‘Maimiño’.

Como en anos anteriores, Cans reunirá destacados profesionais do audiovisual galego para compartir cos asistentes os seus proxectos inmediatos e despregará un amplo cartel musical, no que figuran ademais Os Diplomáticos de Monte Alto, Novedades Carminha, Delafé, De Vacas, Family Folks e Zurrumalla, Cintaadhesiva, Camarada Nimoy e Best Boy, entre outros.

7 de maio de 2016

Ángel Felpeto entra no Goberno manchego

Redacción.- O presidente de Castilla-La Mancha, Emiliano García-Page, nomeou ao vilalbés Ángel Felpeto Enríquez como novo conselleiro de Educación, Cultura e Deportes en substitución de Reyes Estévez, ata agora no cargo.


Segundo informa o Goberno manchego, García-Page asinou hoxe o decreto de cese nas súas funcións da conselleira de Educación, Cultura e Deportes, Reyes Estévez, e, ao mesmo tempo, o de nomeamento do novo titular deste área, que tomará posesión mañá venres, a partir das 11 horas, no Pazo de Fuensalida de Toledo, sede da Presidencia do Goberno de Castilla-La Mancha.



Felpeto, nado en Vilalba en 1947, ademais de ser profesor durante toda a súa vida (agora xubilado), é un histórico na xestión da educación na Comunidade manchega. Así mesmo, é irmán de Chema Felpeto, directivo do Instituto de Estudos Chairegos e colaborador habitual de A Voz de Vilalba.

Foi delegado de Educación en tempos dos gobernos de José Bono e de José María Barreda na provincia de Toledo e logo Emiliano García-Page, sendo alcalde da capital rexional, incluino no seu executivo local outorgándolle nin máis nin menos que a vicealcaldía da cidade. 



Felpeto tamén foi concelleiro responsable nas áreas de educación e cultura e formou parte das quinielas para ser o candidato á alcaldía de Toledo polo PSOE nas pasadas eleccións de maio de 2015, algo que el mesmo rexeitou malia os desexos de moitos militantes socialistas e do propio secretario xeral do PSOE na rexión e hoxe presidente de Castilla-La Mancha.


5 de maio de 2016

As orixes de Compostela

Redacción.-

O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora acaban de publicar unha nova edición actualizada e revisada de “Los orígenes de Compostela. Una historia dibujada” do arquitecto Arturo Franco Taboada. Mañá mércores, 4 de maio, preséntase na sede compostelá da Fundación Torrente Ballester, ás 19:30 horas. Ademais do autor, asistirán o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; a xerente do Consorcio, Belén Hernández; e o director da editorial Alvarellos, Henrique Alvarellos.

3 de maio de 2016

Axudas ás bibliotecas dos concellos

Redacción.-

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar as axudas aos concellos para a dotación de novidades editoriais en galego e en formato físico nas bibliotecas e axencias de lectura municipais integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia.

Con esta liña de subvencións, o departamento de Cultura do Goberno galego axuda a que os concellos actualicen as súas coleccións bibliotecarias e as enriquezan coa incorporación de materiais novos que contribúen a mellorar a calidade do servizo e a satisfacer as demandas dos usuarios e usuarias destes espazos. Ademais, fomenta a edición de libros publicados en galego, así como a promoción da lectura entre a cidadanía.

En función do número de habitantes
Para tal fin a Consellería habilita este ano unha contía de 300.000, que se repartirá en función do número de habitantes de cada concello solicitante. Cómpre salientar que son axudas en concorrencia non competitiva, isto é, que se atenderán todas as solicitudes recibidas sempre que cumpran cos requisitos esixidos na Orde que se publica no DOG de hoxe (http://www.xunta.es/dog/Publicados/2016/20160425/AnuncioG0164-110416-0001_gl.html) .

Poderán optar a estas axudas todos os concellos que sexan titulares de bibliotecas ou axencias públicas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia e que estean ao día nas súas obrigas tributarias. Entre outros requisitos a cumprir tamén deberán abrir ao público un mínimo de 15 horas semanais e ter informatizada a súa xestión. Os fondos bibliográficos obxecto de subvención deberán estar incorporados á plataforma electrónica novidadeseditoriais.xunta.gal, e ser seleccionados e recibidos por cada concello beneficiario.

A presentación de solicitudes deberá formalizarse exclusivamente por medios electrónicos a través da sedehttps://sede.xunta.es, e o prazo remata o día 26 de maio.

Plataforma dixital
Así mesmo, o pasado venres publicouse no DOG (que pode consultarse no enlacehttp://www.xunta.es/dog/Publicados/2016/20160422/AnuncioG0164-110416-0003_gl.html ) a resolución para que as empresas editoras participen como entidades colaboradoras para dotar de novidades editoriais ás bibliotecas municipais.

A este respecto ponse en marcha un sistema de adquisición dos libros editados como novidades editoriais a través dunha plataforma dixital electrónica, que facilitará a imediatez da subministración do material bibliográfico ás entidades solicitantes.

Toas as entidades participantes deben ter a condición de editoras de libros e inscribirse na plataforma novidadeseditoriais.xunta.gal. As novidades editoriais ofertadas deben cumprir cunha serie de requisitos como que sexan publicacións en lingua galega en formato impreso, que teñan unha primeira edición entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 1 de outubro de 206, que non superen os 70 € (IVE incluído) de prezo de venda ao público, e que non sexan libros de texto.

A través da mencionada plataforma dixital tramitaranse os pedidos a cada unha das editoriais titulares de cada libro seleccionado polo concello respectivo, e serán as propias editoriais as que se encarguen do envío dos libros a cada solicitante, custos incluídos, nun prazo máximo de 15 días. Posteriormente, a Consellería -a través da Secretaría Xeral de Cultura- aboará ás editoriais os correspondentes pagos previa xustificación de gasto.

2 de maio de 2016

MaxicoSons para maio

Redacción.-

Unha posta en escena onde a maxia e a música en forma de MaxicoSons se unen para facer unha aventura entre libros. O espectáculo está dirixido principalemente a nenos e nenas entre os 3 e os 14 anos, adultos e mocidade. Ten unha duración aproximada de 60 minutos. Esta actividade forma parte tamén do programa Ler conta moito de dinamización lectora, da Rede de Bibliotecas de Galicia.

Segundo os autores, maxicosons é:
Un espectáculo con novas maxias e novas composicións musicais con adaptación ós diversos públicos.

A nosa idea é aparecer por arte musical... un músico e un ilusionista aparecerán por arte maxical, máxico e musical.

¿Pódese facer maxia cun instrumento de corda?
¿Pódese facer composicións musicais dunha baralla?

Unha melodía paralela de manipulación de cartas, papeis rotos e recompostos, cordas que se rompen e siguen soando, unhas notas de humor e unha parte moi importante que é a participación dos espectadores.

Unha proposta de recente creación, pero con experiencia nas artes escénicas tanto musicais como no campo da maxia.

Un espectáculo a todo ritmo para entreter e divertir no que o público será partícipe da creación da historia.

Actuacións para maio:
Venres 6. "Maxia & Música con Manuel María". 19:00h. Biblioteca do Concello de Barbadás.

Martes 10. "Maxia & Música con Manuel María". Horario de mañana. Concello de Cambados..

Mércores 11. "Maxia & Música con Manuel María". 19:30h. Biblioteca Municipal. Concello A Coruña.

Xoves 12. "Maxia & Música con Manuel María". Horario de mañana. Concello de Bergondo.

Venres 13. "Maxia & Música con Manuel María". 17:00h. Biblioteca do Concello de Silleda.

Luns 16. "Maxia & Música con Manuel María". 20:00h. Biblioteca do Concello de Ponteareas.

Mércores 18. "Maxia & Música con Manuel María". 18:00h. Biblioteca do Concello de Baiona.

Xoves 19. "Maxia & Música con Manuel María". Horario de tarde. Biblioteca do Concello de Vilalba.

Venres 20. "Maxia & Música con Manuel María". 18:00h. Biblioteca Municipal do Concello de A Coruña.

Sábado 21. "Maxia & Música con Manuel María". Horario de tarde. Auditorio do Concello de Moaña.

Domingo 29. "Maxia & Música con Manuel María". 12:00h. Concello de Castrelo do Miño.

Domingo 29. "Maxia & Música con Manuel María". Horario de tarde. Concello de Cenlle.

28 de abr. de 2016

Mondoñedo é poesía 2016

Redacción.-

“Mondoñedo é poesía 2016” é un conxunto de actividades culturais enmarcadas na programación das tradicionais Feiras e Festas das Quendas, que se celebran desde 1541 (hai 475 anos) en Mondoñedo, cidade creativa e cultural, capital galega da poesía.
Nesta terceira edición convócase, como nas anteriores, a numerosos autores e autoras (escritores, músicos, debuxantes, libreiros, críticos …) que participarán en diferentes propostas culturais a realizar nas rúas, prazas e espazos culturais da cidade de Mondoñedo ao longo das xornadas 30 de abril e 1 de maio.
“Mondoñedo é poesía 2016” incrementa nesta edición as actividades complementarias coa celebración da I ExpoLIBRO, exposicións, obradoiros e recitais que culminarán o domingo, 1 de maio, co recital poético-musical.

ACTIVIDADES PROGRAMADAS
OBRADOIRO DE REGUEIFAS, a cargo de Josiño da Teixeira. En colaboración coa Tradescola de Lugo.
O luns, 25 de abril desenvolveranse dúas sesións, unha no IES “San Rosendo” e outra no CEIP “Álvaro Cunqueiro”

DEBUXANDO MONDOÑEDO (SKETCHCRAWL GALICIA, 2ª edición). Sábado, 30 de abril (de 11:00 a 19.00 h.)
Debuxantes e pintores cítanse nunha quedada en Mondoñedo. Percorreran as rúas tomando apuntes da cidade e das xentes ao vivo e que se difundirán a través das redes sociais. Ás 19:00 h. debuxantes escritores reuniranse na Escola da Música para unha posta en común das diferentes experiencias.
Lugar de cita ás 11:00 h. na Praza da Catedral.
(ver contactos en anexo)

EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA: “Mondoñedo sentimental (Vidas e paisaxes)”.
Fotografías evocadoras do pasado mindoniense.
Sábado, 30 de abril e domingo, 1 de maio, no Auditorio Municipal “Pascual Veiga” (visitas de 11:00 a 14.00 h., e de 16:00 a 21:30 h.)

EXPO-LIBRO MONDOÑEDO
Feira de libros. Sábado, 30 de abril e domingo, 1 de maio, na Praza Jaime Cabot (de 11:00 a 14.00 h. e de 16:00 a 20:30 h.)
A Expo-Libro comeza o sábado cun pregón homenaxe á imprenta, a cargo de Antonio Reigosa.
O resto da xornada dedicarase á presentación de títulos de autores mindonienses e mariñaos: Armando Requeixo, Maka Ledo, Pepe Peinó, Rita Morrigán, José Díaz, Paco Rivas, E. Cal Pardo, X. Ramón Fernández Pacios, Andrés García Doural e Isidro Fernández Villalba.
A mañá da xornada do domingo dedícase á presentación de novidades editoriais do ano 2016: “Dez anos na porta” do colectivo “O sétimo andar da porta verde” con Mª José Fernández, “Manuel María. Antoloxía poética” de Darío Xohán Cabana e Amelia Outeiro, “Cantigas para aprender a soñar” de Mª Xosé Lamas e “Lendo lendas, digo versos” de Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa.

TENDAL DE POESÍA no Auditorio “Pascual Veiga”.
Instalación de traballos con poemas do alumnado dos centros escolares mindonienses.
Sábado, 30 de abril e domingo, 1 de maio, no Auditorio Municipal “Pascual Veiga” (visitas de 11:00 a 14.00 h., e de 16:00 a 21:30 h.)

MONDOÑEDO É POESÍA 2016
Domingo, 1 de maio
Nas rúas e prazas coa seguinte orde e horarios:
18:00 h.: Praza da Catedral, 18:30 h.: Praza da Concello e 19:00 h.: Praza Jaime Cabot.
Interveñen: Margarita Bermúdez, Mateo Buján, Martiño Maseda, Moncho García, Mª José Fernández, Raúl Costas, Xosé Ruíz Leivas, Antía Juncal e Coro “Mestre Pacheco”.
(ver contactos en anexo)

No Auditorio Municipal “Pascual Veiga
De 20:00 a 21.30 h.- Recital poético-musical no Auditorio Municipal “Pascual Veiga”. Interveñen músicos (César Morán, Carmen Rodríguez Lage e Coro “Mestre Pacheco”), e poetas (Darío Xohán Cabana, Antonio García Teijeiro, María Lado, Lucía Aldao, Martiño Maseda, Mª José Fernández, Mateo Buján, Raúl Costas, Antía Juncal e Xosé Artiaga).
Colofón: Homenaxe a Manuel Fernández de Castro, bispo de Mondoeñdo entre 1890 e 1905, e figura do rexurdimento da llingua asturiana ao cumprírense 110 anos do seu pasamento. Este acto contará co intervención do académico da Academia de la LLingu Asturiana. Xosé Ramón Iglesias Cueva.
(ver contactos en anexo)

Publicacións*
-Caderno de color
Publicación conmemorativa de “Mondoñedo é poesía 2016” con ilustracións de Ernesto González Torterolo, Ignacio Castro “Nachok” e Caxigueiro, e textos poéticos dos e das poetas e músicos participantes.
-Folleto homenaxe ao poeta asturiano e bispo de Mondoñedo Manuel Fernández de Castro (con biografía e poemes)
*Estas publicacións entregaranse gratuitamente aos asistentes ao recital poético-musical no Auditorio Municipal “Pascual Veiga”.

Organizan: Asociación “As San Lucas” e Mondoñedo É …
Patrocina: Secretaría Xeral de Cultura, Consellería de Educación, Xunta de Galicia e área de Cultura da Deputación de Lugo.
Colaboran: Concello de Mondoñedo, CEIP “Álvaro Cunqueiro”, IES “San Rosendo” e Academia de la Llingua Asturiana.

Redes
En facebook: https://www.facebook.com/mondonedoe?ref=bookmarks
Canle Youtube: https://www.youtube.com/watch?v=aiCv_GE4Rmo&feature=youtu.be

27 de abr. de 2016

Juareguizar, premio Xosé Aurelio Carracedo

Redacción.- O xornalista Santiago Jaureguizar gañou o XXVI  Premio de Xornalismo "Xosé Aurelio Carracedo", convocado anualmente pola Deputación de Ourense, polo seu artigo Os amigos do cadáver de Blanco Amor, publicado no El Progres. O xurado do premio decidiu conceder o galardón ao xornalista, destacando "a calidade xornalística do artigo, o sentido crítico e a proposta de 'actualizar', por medio dunha personaxe histórica da literatura galega, como é Eduardo Blanco Amor, a crítica á situación social que vivimos nestes momentos".

Nado en Bilbao, aínda que pasou a infancia en Ribadeo, Santiago Jaureguízar é redactor de Cultura do El Progreso dende 1993, e neste diario coordina o suplemento cultural Táboa Redonda. Ten acadado os premios de xornalismo Manuel Reimóndez (no 2005) e Museo Provincial de Lugo (no 2009). Un dos principais nomes do movemento Bravú, ten tamén unha ampla obra literaria, coa que obtivo os premios Lueiro Rey, Xerais, García Barros, Terra de Melide e Caixa Galicia de Literatura Infantil e Xuvenil.


O xurado estivo presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval Soto, e integrado por Xosé Ramón Pousa Estévez, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela; Xosé Francisco Rodil Lombardía, membro da Comisión de Garantía da FAPE; Francisco González Sarria, vogal do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, e Xosé Manuel Baamonde Silva, decano da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación de Pontevedra, actuando como secretario Fernando Rodríguez Méndez, responsable de Comunicación da Deputación de Ourense. A entrega do premio terá lugar na Deputación de Ourense, nun acto que se celebrará no Salón de Plenos da institución provincial o día 3 de maio, Día Internacional da Liberdade de Prensa.

22 de abr. de 2016

A rosca de Pierre Menard

Mario Paz González.-

Agora que se achega o cuarto centenario da morte de Cervantes e Shakespeare, comezan a abundar as homenaxes a ambos os dous creadores e todo o mundo, en maior ou menor medida, quere sumarse á festa.

Cómpre lembrar, malia todo, que, con aniversario ou sen el, as referencias a estes dous grandes mestres da literatura universal foron unha constante ao longo destes catro séculos. Cancións de rock, óperas, películas, cadros, cómics, adaptacións, ensaios, estudos eruditos… Desde o momento da súa aparición no longo decurso da historia literaria, a importancia de ambolos dous foi crecente até hoxe. Algunha das referencias máis orixinais atopámola na obra do arxentino Jorge Luis Borges, quen publicou en 1983 un depurado relato, “A memoria de Shakespeare”, pechando o libro homónimo. Nel Borges fantasea con que o seu protagonista obtivese por casualidade a memoria do vate de Stratford. Tamén anos antes, en 1941, como parte do seu libro O xardín dos carreiros que se bifurcan, publicou un relato datado en Nîmes en 1939 e titulado “Pierre Menard, autor do Quixote”, e é precisamente deste texto do que queremos falar aquí.

No conto borxiano, un crítico literario laméntase do inxusto que fora un diario francés cando, tras a morte do simbolista Pierre Menard, inventariou a súa obra esquecendo a parte máis importante, aínda que incompleta, “a subterránea,” –di o narrador– “a interminablemente heroica, a impar”. Menard propuxérase, no París dos anos trinta, escribir de novo O Quixote, é dicir, “producir unhas páxinas que coincidisen –palabra por palabra e liña por liña– coas de Miguel de Cervantes”. Para iso empapouse do español do século XVII e de todo o relacionado coa época tentando esquecer a historia de Europa entre 1602 e 1918, data esta última do inicio da súa utópica obra. Decontado decatouse de que non era posible ser Cervantes e que, en troques, sería moito máis meritorio chegar ao Quixote sendo Pierre Menard, autor francés tres séculos posterior. Finalmente só chegou a rematar os capítulos noveno e trixésimo oitavo da primeira parte e un fragmento do capítulo vinte e dous. Malia iso, no que poderiamos cualificar como un exercicio de modestia, decidiu destruír todos os borradores previos para non deixar rastro do proceso que o levara a escribilos. Iso si, o texto escrito por Menard non difire o máis mínimo do cervantino, até o punto de que o narrador do conto de Borges sente como o estilo do francés está presente en todo o Quixote orixinal e non só nos breves fragmentos que chegou a escribir.

Vén todo isto a conto dunha nova lida hai un par de meses na prensa e que tivo certa repercusión nas redes sociais. Nela falábase da creación e da pomposa presentación en sociedade dun novo doce, a rosca de Ribadeo, coma se fose o anuncio dun gran descubrimento científico. Nada se dixo da homenaxe implícita a Pierre Menard e, por tanto, tamén a Cervantes no seu 400 aniversario que tal acto ocultaba. Mesmo á Terra Chá. Explícome. Do mesmo xeito que o simbolista borxiano empapouse de todo o referente ao mundo cervantino, o confiteiro ribadense autor dese doce debeu mergullarse nos aires da Chaira e dos seus ceos de chumbo, enchéndose da frescura dos seus robledais, soutos e fragas vizosos de salgueiros, bidueiros, castiñeiros e piñeiros para, a partires de aí, crear ese novo doce tan semellante ao roscón de Vilalba. En realidade é idéntico, dirán non sen razón moitos dos abraiados lectores. Os mesmos ingredientes, a mesma forma, o mesmo sabor… Con todo, como no caso de Pierre Menard, o pasteleiro de Ribadeo, lonxe da pedantería dun Ragueneau de opereta calquera, actuou coa mesma modestia do poeta simbolista creado polo arxentino, ocultando todo rastro da orixe do doce, toda posible similitude, todo parentesco, o que implica non só unha homenaxe a Borges ou a Cervantes, senón tamén, como xa dixemos, á Chaira enteira e, xa que logo, á súa industria confiteira. Celebrémolo, pois.

Imaxe: © La Voz de Galicia

Homenaxe a Manuel María no Día do Libro

Redacción.-

A Coruña, Vigo, Lugo, Ferrol, Santiago de Compostela, Pontevedra, Xinzo de Limia, Lalín, Carballo, Betanzos, Vilalba, Outeiro de Rei, Carral, Ortigueira, Rodeiro, Ribeira, Xermade, A Laracha, San Sadurniño, Cedeira, Arteixo, Bueu, Boiro, Redondela, Cambre, Oleiros, A Pobra do Caramiñal, Cedeira… son algunhas das localidades que se están a sumar estes días á actividade Manuel María na túa voz. Actividade esta que se desenvolverá ao redor do día 23 de abril, día do libro, e que tenta ser unha homenaxe pública, popular e literaria a Manuel María, autor homenaxeado nas Letras Galegas deste ano.

Á espera de que máis localidades vaian confirmando a hora das súas lecturas públicas, que nalgúns lugares irán acompañadas de música, proxeccións, pequenas representacións…., a Fundación Manuel María anima e convida ás galegas e galegos a que asistan a estes actos, organizados por Concellos, Bibliotecas Municipais, entidades culturais…, quer como público, quer lendo ou recitando algún dos poemas ou textos da prolífica e polifacética obra creativa do escritor chairego.

Alén do evento físico, a Fundación Manuel María convida a aquelas persoas que queiran, sobre todo a aquelas galegas e galegos que moran en localidades onde non se desenvolve esta actividade ou residan fóra da Galiza, a que fagan a súa particular homenaxe a Manuel María e partillen na páxina web da fundación (http://www.casamuseomanuelmaria.gal/manuel-maria-na-tua-voz/subir-video.htm) un video de elaboración propia no que lean ou reciten un poema ou un pequeno fragmento dunha peza teatral, dun artigo xornalístico ou dunha obra narrativa de non máis de un minuto e quince segundos.

Presentación na Casa das Insuas

Redacción.-

O vindeiro sábado, 23 de abril, no C.E.N Casa das Insuas de Rábade (Lugo), contaremos coa presenza do ornitólogo e divulgador ambiental Antonio Sandoval que nos presentará o seu novo libro “ Las aves marinas de Estaca de Bares, un diario personal”

Este libro sintetiza os resultados de miles de horas de censos de aves mariñas desde Estaca de Bares durante varias décadas. Voan polas súas páxinas palleiras, furabuchos, mascatos, carráns, araos papagaios, gavinas, gaivotas, negróns... Pero sobre todo, é un delicioso relato das vivencias ornitolóxicas e familiares do autor durante seis meses nese lugar. Tamén unha chamada de atención sobre a necesidade de que o espectáculo natural que alí se contempla poida ser mellor coñecido e gozado por todos. E unha celebración daquela paisaxe única, chea de historias.

O cabo de Estaca de Bares (Mañón, A Coruña) é unha das mellores atalaias para estudar as migracións das aves mariñas do Atlántico norte. Fronte a el pasan cada ano decenas de especies que suman máis dun millón de exemplares. As súas orixes ou destinos son tanto as costas europeas como as de Canadá, Arxentina, Siberia, Terranova, Chile, Sudáfrica ou a Antártida. Por este motivo, as augas que o rodean foron declaradas Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) en 2014 polo Goberno de España, pasando así a integrarse na Rede Natura 2000 da Unión Europea. Previamente foran xa identificadas como IBA (Important Bird Area) por SEO/BirdLife.

Contraminación na Terra Chá

Redacción.-

A Comisión contra as Minas da Terra Chá, integrada por máis dunha vintena de colectivos, reuiniuse esta semana -o 14 de abril- para analizar a situación na que se atopa o conflito coa mineira norueguesa Erimsa. A xeito de lembranza, esta empresa ten tres concesións aprobadas dende o ano 2006 para extraer seixo en 5.700 hectáreas nos concellos de Castro de Rei, Cospeito, A Pastoriza, Abadín, Vilalba e Riotorto.

Tras dez anos de loita, dacabalo dos anos 2012 e 2013, Erimsa perdía cinco contenciosos administrativos que tiña interpostos contra os concellos de Castro de Rei, Cospeito e A Pastoriza. Nese mesmo período, a Erimsa denegábanlle as licenzas os concellos, previa denegación da autorización autonómica.

Na xuntanza da Comisión contra as Minas na Terra Chá valorouse que, aínda que son moi importantes os logros acadados, grazas á loita e organización da veciñanza, a ameaza mineira permanece e a situación segue a ser preocupante. Despois de serlle denegados todos os permisos á concesionaria, varios colectivos instaron á Xunta para que iniciase os expedientes para declarar caducadas as concesións mineiras, aprobadas por trinta anos e prorrogables até noventa. Sen embargo, a única contestación da Xunta foi o silenzo administrativo, pois nin iniciou os expedientes de caducidade nin contestou aos colectivos que a interpelaron.

A maiores, a empresa segue preiteando por poder extraer o seixo da Terra Chá, e ten recorrida diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a autorización previa á concesión de licenza municipal dos proxectos Pastoriza 5562 (A Pastoriza), Karles 5519 e Alicia 5917 (ambos de Cospeito). Nestes procedementos, chama a atención que, por parte dos gobernos municipais, só se teña personado o concello d'A Pastoriza, mentres que o de Cospeito, un dos máis afectados, fixo deixadez da súa obriga de defender os intereses da veciñanza e non se personou, segundo fomos informados.

Finalmente, na xuntanza da Comisión contra as Minas na Terra Chá, e en vista do devandito, decidimos instar de novo á Xunta para que declare caducadas as concesións a Erimsa na Terra Chá. Ademais, iniciaremos unha campaña informativa para que a veciñanza dos diversos concellos afectados polos proxectos mineiros coñezan estas últimas novas.

Manolo Tarancón en Galicia

Redacción.-

O músico valenciano Manolo Tarancón volve a Galicia, e faino cun disco novo, Historias mínimas, editado co seu propio selo, La Viejita Música, tras unha exitosa campaña de crowdfunding. Colaboran músicos da talla de Xoel López, Mikel Erentxun ou Fabián, e soará en formato de dúo acústico ao longo da fin de semana do 21 de abril, en Pontevedra, o 22, en Ourense e o sábado 23 en Vigo.

O músico valenciano gañouse o favor da crítica estatal con este dez cancións que manteñen o seu estilo de letras costumistas e melodías máis pop que en traballos anteriores, sen perder a esencia do estilo forxado ao longo dos anos e que o consolida dentro do panorama estatal de cantautores rock, afastado do termo clásico.

O disco gravouse nos Estudos Calexico de Valencia ao longo de dous anos, polo propio Manolo e Carlos Soler, músico que o acompaña habitualmente en directo e que o fará neste tres concertos.

Pontevedra 21 de abril
A PEQUENO
Apertura 21:30
Entrada gratuíta.


Ourense 22 de abril
Café Cultural Auriense
Apertura 21:30
Entrada 5 euros.

Vigo 23 de abril
A Casa de Arriba
Apertura : 21:30
Prezo entrada: 6 euros con Mahou ou refresco.

Entradas anticipadas á venda en Movingtikctes.com.

Videoclip do single de adianto, Cosas que nunca te dije, con Mikel Erentxun: https://www.youtube.com/watch?v=mjlska3dh7k

Escoita o disco completo aquí: http://manolotarancon.bandcamp.com/album/historias-m-nimas

Toda a info en http://laviejitamusica.com

Campaña de .gal polo Día do Libro

Redacción.- O .gal acadou superou hai uns días os 3.000 dominios, que identifican a Galicia pola súa lingua e a súa cultura. “Un logro de toda a sociedade galega”, en verbas de Edita de Lorenzo, Directora Xeral da asociación Puntogal. Empresas, institucións, colectivos sociais, organizacións poíticas e sindicais, entidades de lecer... son múltiples os que optaron por se rexistrar co dominio galego en internet. Punto Gal presentou hoxe en Compostela, no Museo do Pobo Galego, unha campaña para celebrar o 'Día do Libro' da man da Federación de Librarías de Galicia.
O vindeiro sábado 23 de abril, pola compra dun libro a persoa recibirá unha fita marcadora cun código de desconto polo que o prezo final do rexistro dun .GAL será de 15 euros. Coa colaboración de 'Galicia Calidade', as librarías galegas teñen 38.000 marcadores para repartir a partir do vindeiro 23 de abril. A promoción esténdese ata o 31 de xullo e hai que se dirixir a unha das tres empresas rexistradoras que participan: Dinahosting, Entorno Digital e Blacknight
Puntogal é unha entidade sen ánimo de lucro que ten o compromiso de reinvestir os beneficios que consiga unha vez consolidado o dominio en programas de promoción da lingua e a rede en Galicia. 


21 de abr. de 2016

Saúde, República!! (1)

Anxo Ferreiro Currás.- O 14 de abril imos celebrar ou simplemente lembramos o 85º cabodano do nacemento da Segunda República. Foi un dos acontecementos históricos que sucedeu en España, celebrado con máis esplendor, alegría e esperanza en todos os pobos, sobre todo entre os pobres, campesiños, clase traballadora, intelectuais, un número para ter en conta de clérigos e tamén, non se espanten,de algún bispo.


Para coñecermos a nosa historia da República e da guerra civil, que acabou con ela, non hai máis remedio que ir ás fontes. Primeiro, as escritas e documentais, non polos vencedores, senon polos historiadores e investigadores que sacaron dos fondos, escondidos largo tempo, a verdade. Segundo, as testemuñas de xente que aínda vive, tanto tempo agachadas no silencio e esquecemento forzoso, e que nestes tempos, demasiado tarde xa, que rachou ese silencio, rompeu o medo e falou e aínda sigue a falar, como libros vivos só é necesario estar a escoita desta xente que na longa noite de pedra tanto sufriu; como exemplo desta segunda fonte poño estes dous libros: Os anos do medo e Un cesto de mazás, que acabo de ler. Terceiro, a outra fonte é a dos antropólogos que descobren con moito coidadiño e veneración os restos das vítimas que aínda xacen en lugares ignotos debaixo da terra nos montes, cunetas e á beira, fóra, dos cemiterios; e aquí poño como exemplo a equipa de Ponferrada, que hai pouco tempo ven de recibir unha boa axuda dunha persoa do estranxeiro, do contrario tería que pechar a labor, pois xa sabemos que este goberno en funcións non funcionou nin estaba por esas, e tamén outro exemplo é o de Darío Rivas, que despois de desenterrar á seu pai, vítima do franquismo, retornou para Bos Aires, a súa segunda patria, para denunciar os crimes de lesa humanidade na Querella Argentina, pois aquí non lle admitiron facelo . A Memoria Histórica ten en conta o consello de Xosé Manuel Carballo, pois non se trata de “levantar a terra e botarlla enriba aos outros”. Non, non se trata pois de vinganza, trátase de dignidade e xustiza para tantas persoas asoballadas. 


Todo isto ven ao caso de que aínda hai unha crenza bastante xeneralizada, e non sen razón, pois os suxeitos desa crenza foron, ou fomos, aprendidos por activa e por pasiva durante tantos anos, de que a culpa de todos os crimes e da guerra civil tívoa a II República. E xa que nestes intres están a tratar o tema da Monarquía ou República nos plenos municipais de Ferrol e Narón con distintos resultados, a desaprobación do primeiro e a aprobación do segundo. Non cabe dúbida de que a Monarquía actual está baseada nos principios fundamentais do réxime franquista que a transición non fixo máis que ratificar a súa herdanza e coa aprobación referendada; despois dunha ditadura tan longa, xa nos parecía que gozar da democracia era estarmos na gloria. “Que outra cousa –din os pais desa democracia– se podía facer?”. Ben sabemos que a transición exemplar non deixou de ser un amaño para que o franquismo seguira .

Mais chegou a Lei da Memoria Histórica do 2007, que aínda que resultou ben raquítica na práctica, e esquecida polo goberno actual, condena, emporiso, o franquismo, facendo súa a condena da Asemblea Parlamentar do Consello de Europa (PACE) (17 de marzo de 2006) que así mesmo condena con firmeza as múltiples e graves violacións dos Dereitos Humanos cometidos en España polo réxime franquista de 1939 a 1975. No art. 8 esta Asemblea pide ao Comité de Ministros: “que proclame unha declaración oficial de condena internacional do réxime de Franco e declara a data do 18 de xullo de 2006 como Día oficial de condena do réxime de Franco no 70 cabodano do golpe de Estado e do comezo da guerra civil”. Mesmo parece que se trata de un arrepentimento por aquela hipócrita actitude de “non intervención” de Francia e Gran Bretaña. Pois deixaran sen apoio á República Española en 1936.

Polo tanto, non é para repensar que institucións saídas do franquismo, entre elas a monarquía, teñan que pasar pola criba de que “o pobo é quen ordena”? Sabemos que son estes momentos problemáticos do paro, das eleccións..., mais o pensar non ocupa lugar, e que non se pode ter medo a que veña o pobo a tomar decisións. Está claro que se o franquismo, que exterminou a República polo golpe inxusto e criminal de Estado e pola guerra civil que inventaron eles, foi condenado legalmente, é ben certo que a quen non lle pertence decidir o relevo do novo réxime non é ao amaño que tiña xa feito o ditador condenado. Non sei se me estou pasando ou se a miña exposición leva ben os fíos da argumentación e as conclusións. De todas formas queda outra segunda parte, sen ánimo de cansar ao respectable. 

14 de abr. de 2016

Conferencia de Beiras en Vilalba

Redacción.-

Para abrir o ciclo de conferencias do presente ano 2016, o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) organiza o vindeiro xoves, 14 de abril, no Salón de Actos do IES Basanta Silva de Vilalba, unha conferencia de XOSÉ MANUEL BEIRAS que leva por título: “DO ATRASO AO EXPOLIO DE GALIZA”.

Presentará o acto o directivo do Iescha, Manuel Roca Cendán. Esta conferencia organízase tamén ao cumplírense 40 anos doutra desde mesmo catedrático de Estrutura Económica (Xosé Manuel Beiras), no mesmo lugar (Salon de Actos do Instituto Basanta Silva de Vilalba) e presentado pola mesma persoa (Manuel Roca Cendán).

11 de abr. de 2016

Manuel María na túa voz

Redacción.-

A Fundación Manuel María, a través da súa presidenta Saleta Goy e o seu secretario Alberte Ansede, presentou hai uns días en rolda de prensa a actividade Manuel María, na túa voz. A actividade que promove a Fundación consistirá na lectura pública da obra Manuel María o vindeiro día 23 de abril, Día Internacional do Libro, en distintas cidades e vilas de Galiza.

Manuel María, na túa voz pretende ter unha dimensión e repercusión importante por todo o país, será unha homenaxe e celebración pública e popular en que “fale o propio Manuel María mediante a súa obra”. Obra que será lida, recitada ou cantada polos seus destinatarios, o pobo galego, ao cal se lle fai un convite aberto, por parte da Fundación Manuel María, para que acuda aos actos que se celebren nas distintas localidades e desfrute ben como lectores, ben como público.

Esta actividade acordouse recentemente coa FEGAMP trasladala a todos os concellos de Galiza para que en torno ao día 23 de abril ás 12 horas os concellos, xunto ás entidades culturais, veciñais, deportivas…, se animen a convocala. Ferrol, Pontevedra, Ourense, Vigo, A Coruña, Lugo, Santiago de Compostela, Lalín… son algúns dos lugares onde xa se coñece que se realizarán estes actos, os cales serán organizados nalgúns casos por entidades culturais con ou sen colaboración dos concellos, e noutros polas propias entidades municipais.

Os representantes da Fundación Manuel María tamén fixeron fincapé a que os centros educativos participen da actividade, quer preparando co alumnado distintas lecturas para acudir conxuntamente coas persoas adultas o sábado 23 de abril, quer celebrando, na véspera, a devandita actividade nas propias escolas.

Por último, salientouse que xa se recibiron comunicacións dalgúns centros galegos de Europa e doutros lugares do Mundo nos que se van facer lecturas da obra de Manuel María. A Fundación tratará de recoller estes actos para que teñan repercusión a través das TICs.

Carmena visita Ferrol e coñece Vilalba

Redacción.- 

A alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, visitou onte Ferrol, convidada pola Asociación Cultural Fuco Buxán para presentar o seu libro, «Por que as cousas poden ser diferentes». O acto tivo lugar no centro cívico de Caranza, que luciu repleto para a visita da dirixente, recibida con aplausos á súa entrada ao auditorio.

Foi ao mediodía deste sábado, pero alongou a súa estancia. Pola tarde, víuselle xunto ao seu homólogo en Ferrol, Jorge Suárez, nunha comparecencia ante os medios de comunicación –entre eles A Voz de Vilalba- no Parador de Turismo. Nesta última cita, Carmena aludiu á polémica declaración do académico Félix de Azúa, que este venres asegurou que a alcaldesa de Barcelona tería que «estar servindo nun posto de peixe».

Así, censurou as «descalificacións» contra Ada Colau, que ve «un erro sempre e en todo caso». Igualmente, amosou a súa percepción «moi boa» sobre a actuación da política catalá. Carmena desexou que se eviten unhas novas eleccións xerais, estimando que os elixidos «teñen que ser capaces» de pactar o Goberno desta lexislatura.

Jorge Suárez dixo que a madrileña supón «un referente» para el no político e no «humano». Previamente, en Caranza, a alcaldesa xustificou a súa viaxe a Ferrol, un dos poucos que lle permite o cargo, polos «vínculos de amizade» que lle unen con Galicia. Avogou por descartar o insulto, chegando a propoñer a fundación «dunha asociación de políticos que non insultan».

Tras rematar a rolda de prensa, tivo oportunidade de coñecer o proxecto editorial de A Voz de Vilalba a través das explicacións do xornalista Moncho Paz, que ilustrou á alcaldesa sobre distintos aspectos do xornal e tamén da nosa vila; ao rematar o acto, o chairego entregoulle un exemplar de “Ferrol Rebelde”, en presenza do alcalde da cidade departamental, Jorge Suárez. Trátase dun folleto, editado polo Concello, que ilustra un paseo por Ferrol para coñecer dez fitos da historia obreira de Galicia; comeza en 1871 coa publicación do xornal El trabajo e remata en 1975, co asasinato de Moncho Reboiras.

3 de abr. de 2016