"Tal como eramos" acada a súa VIII edición



Redacción.- Mañá venres, ás 20:30 horas, terá lugar o acto oficial de inauguración da mostra Tal como eramos no Auditorio Municipal de Vilalba. Esta iniciativa do Instituto de Estudos Chairegos, que este ano acada a súa VIII edición, recolle un conxunto de máis dun cento de fotografías para a lembranza que foron aportadas pola veciñanza dos distintos lugares da Terra Chá e, nesta ocasión, está dedicada á memoria do escritor Agustín Fernández Paz, que finou recentemente.

25 de ago. de 2016

Otero e Lamas gañan o Certame Literario

Redacción.- O XLII Certame Literario de Vilalba xa ten gañadores. Xosé Otero Canto, da Ponte de Outeiro de Castro de Rei, e a vilalbesa María Xosé Lamas -colaboradora de A Voz de Vilalba, na fotografía- foron designados respectivamente como primeiro e segundo premio do concurso poético máis antigo de Galicia, iniciado no ano 1975 baixo o mandato do recentemente finado Francisco Roca Agras e que cada ano ten "unha colleita máis vizosa".
O poemario Telúrica fixo merecedor a Otero Canto desta importante distinción, recoñecida con 3.000 euros, flor natural e diploma. Pola súa banda, o segundo posto de Lamas débese ao seus Sonetos preposicionais, presentados co lema “Un anaco de vida en catorce versos”, polos que recibirá mil euros, flor natural e diploma.

O director da Real Academia Española, Darío Villanueva; a xefa territorial de Cultura, Carmen Gueimunde González; o director do grupo Radio Principal, Fidel Fernán Vello; o edil de cultura, José Antonio Pita, e o xornalista Xulio Xiz integraron o xurado do XLII Certame Literario, cuxos premios se entregarán, como é costume, o día 30 deste mesmo mes no auditorio Carmen Estévez de Vilalba.

24 de ago. de 2016

Pasamento de Francisco Roca Agras

Redacción.- Francisco Roca Agras, alcalde de Vilalba nos anos 70 e avogado na capital da Terra Chá, finou hai uns días en Ferrol. Tiña 84 anos e unha longa traxectoria xurídica, con presenza en diversos segmentos do municipio. Ademais da súa etapa ao fronte do Concello, formaba parte do Consello de Administración da Fundación Hospital-Asilo. O seu bufete, continuado por un dos seus fillos, está situado no centro de Rúa dos Pepes. Dos anos como máximo mandatario municipal xurdiu o Certame Literario de Vilalba, que este ano acada a XLII edición.

Baamonde regresa como alcalde a Vilalba

Redacción.- O feito de que a edil vilalbesa Sandra Vázquez, elexida senadora nos dous últimos procesos lexislativos, fora incluida como candidata nas listas por Lugo para as autonómicas do 25-S, implicará unha auténtica revolución no goberno municipal de Vilalba. O ata agora mandatario local, Xerardo Criado, é o seu sucesor na cámara alta, posto que acepta, engadindo a esa decisión a súa dimisión ao fronte do Goberno municipal, que cederá ao número dous, Agustín Baamonde. 

A marcha da Criado para o Senado provoca así o retorno de Baamonde como alcalde. Agustín Baamonde Díaz era o número dous na lista do Partido Popular en Vilalba nas últimas eleccións locais, é o voceiro de sempre no PP local e foi parlamentario autonómico por Lugo desde 2005, data na que renunciou á alcaldía de Vilalba tras 15 anos como mandatario municipal.

Hoxe preséntase Adagio por outono

Redacción.-

Hoxe luns 22 de agosto, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, Modesto Fraga presenta Adagio por outono, publicado por Alvarellos Editora.

«Unha alta sinfonía do amor onde todo é tocado polo milagre dunha luz que emana da palabra poética». De tal xeito define a profesora Teresa Seara, no Limiar de Adagio por outono, a paixón lírica que destilan estes novos versos de Modesto Fraga, escritor de longa e premiada traxectoria literaria que suma, aos moitos recoñecementos recibidos, este primeiro premio de 2015 no XLI Certame Literario do Concello de Vilalba.

Adagio por outono é unha homenaxe a aqueles poetas italianos que, no século XIII, foron quen de rachar coa tradición e situar á muller no centro da súa lírica, e ao sentimento amoroso no cerne da súa revolución estética e da súa esperanza. Foron coñecidos como o Dolce Stil Novo.

Modesto Fraga escolle da tradición a arquitectura plena do soneto e dende ela transita ata o verso libre. Camiñamos, coa súa palabra, a través de Florencia, contemplamos a dozura dos lenzos de Rafael, abraiámonos ante o Pórtico da Gloria en Compostela, ou asistimos a un banquete poético onde se dan cita escollidas voces da literatura e da arte universais de todos os tempos.

Cada lector, cada lectora, atopará aquí poderosas razóns para vivir máis vidas e máis fondas a través da poesía e do amor.

Modesto Fraga Moure(Fisterra, 1974) é poeta e narrador. Realizou estudos de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago, formou parte do Batallón Literario da Costa da Morte e foi integrante do consello editorial de Letras de Cal. Os seus versos levan colleitado numerosos recoñecementos, entre os que destacan o Premio Avelina Valladares (1997), Premio O Grelo-Amigos de Galicia (1997), Premio Rosalía de Castro (1998), Premio Francisco Añón (1998), Premio do Seminario de Estudos Comarcais (2012), XLI Certame Literario Concello de Vilalba (2015) ou o XIX Premio de Poesía Concello de Carral (2016). É autor dos seguintes libros de poemas: Do amor salgado (1997), Mar de ausencias (1999. 1ª ed.),Ese estraño silencio(2002), Derrotas con raíces (2007), Mar de ausencias (2009. 2ª ed.),Atlántica luz. Poesía mareira 1995-2015(2015), Devalar sen pel(no prelo). Ademais, publicou o ensaioFisterra, a derradeira perla de occidente (2014) e coordinou, con Miro Villar, a antoloxía De Pondal ao Batallón Literario. 120 anos de poesía na Costa da Morte(2009).

22 de ago. de 2016

Trapeira de Honra 2017

Redacción.-

A directiva da Asociación Socio-Cultural Lareira de Soños xa ten designada a persoa que recibirá o recoñecemento de TRAPEIRA DE HONRA 2017.
Será Asunción Lobeiras Díaz, coñecida como Asunción dos Ares, que cumpreu o pasado mes de xuño 100 anos. Asunción dos Ares, que quedou viuva moi nova con tres fillos de 2, 4 e seis anos respectivamente, foi trapeira, segadora, agricultora...
Foi designada por unanimidade xa que representa a esa xeneración ainda viva testemuña da historia recente da parroquia e do rural chairego. Asunción simboliza tamén ás mulleres traballadoras, emprendedoras, sustento das casas e familias.
Asunción, con un século de vida, mantén unha boa saude e humor ademáis de boa memoria.
Será a primeira muller premiada despois de terlle adicado no 2014 a Díaz Castro, no 2015 á Romaría Labrega da Chaira e no 2016 ao músico Pepe de Cristos.
O 2017 será o ano de Asunción dos Ares e tódalas mulleres, nais e avoas que loitaron en tempos duros criando fillos, traballando e educando e que son as verdadeiras artifices do que hoxe somos.
A finais do ano anunciaremos data, lugar e contido do acto de entrega do PREMIO TRAPEIRA DE HONRA, que celebraremos a comenzos de 2017.

               Lareira de soños
            dosvilares@gmail.com
www.facebook.com/osvilares
                 @osvilares1
         http://dosvilares.com
youtube os vilares lareira de...

13 de ago. de 2016

Mostra Gumersindo Pardo Reguera

Redacción.-

O pasado xoves, 11 de agosto, ás 20:00 h.. inaugurouse na Sala de Exposicións do MPLugo a mostra GUMERSINDO PARDO REGUERA (Inspirador de Picasso).

O acto contou coa presenza de Pilar García Porto, deputada delegada da Área de Cultura da Deputación de Lugo; Encarna Lago, xerente da Rede Museística, Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo, e Rubén Ventureira, comisario da mostra.

Esta esposición, que amosa un total de corenta pezas, componse de trinta óleos (4 do MPLugo), un debuxo, un gravado (de Carl Dupuis), que pertenceu a Pardo Reguera,  6 fotografías, unha cámara fotográfica e un vídeo. Vinte e tres dos óleos foron restaurados para esta exposición.. 

As pezas e e obras expostas proceden de oito coleccións privadas e catro públicas.

Roteiros de verán

Redacción.-

Dentro do programa de Roteiros de Verán da Rede Museística da Deputación de Lugo, os vindeiros días 12 e 13 de agosto, sábado e domingo, haberá un servizo gratuíto de autocares para os seguintes destinos:

Día 12: Museo Pazo de Tor

Saída de Lugo ás 16:00 horas / saída de Tor ás 20:00 horas.

Programa de actos

-       18:00 horas. Presentación do libro de Otero Regal A Maruxaina e outras sereas.

-       18:30 horas. Inauguración de Estudio Aberto 5.

-       19:00 horas. Visita guiada ao Museo Pazo de Tor.

 

Día 13: Museo Provincial do Mar (San Cibrao-Cervo)

Saída de Lugo ás 9:00 horas / saída de San Cibrao ás 19:00 horas.

Programa de actos

-       11:00 horas: Visita guiada ao Museo Provincial do Mar

-       12:00 horas. Presentación do libro de Otero Regal A Maruxaina e outras sereas.

-       13:00 horas. Xantar comunitario (cada asistente deberá levar a súa propia comida) e participación na festa da Maruxaina.

Todas aquelas persoas interesadas en asistir a estes actos, deberán apuntarse no seguinte enderezo de correo electrónico (xerencia-redemuseos@deputacionlugo.com) denantes do día 10 de agosto.

Lémbrase que o número de prazas é limitado, polo que a inscrición será por rigorosa orde de reserva.

9 de ago. de 2016

37ª edición do Festival de Pardiñas



Redacción.-


O Festival de Pardiñas, xa na XXXVII edición, segue a afondar na nosa cultura en conxunto coa doutros pobos. Aínda que a música é o plato forte, o festival multiplicase en moitos espazos: a Mostra de Artesanía, as exposicións da Casa das Artes, a feira do libro coa presentación de novos libros de Xermolos coma un caderno de creaciónh i9nfantil dedicado a Manuel María e a revista dedicada a tres festivaleiros egrexios coma Neira Vilas, Pepe Chao Rego e Manuel María, a exposición de debuxo infantil dedicada a este escritor.

Este festival busca a interactividade, provocar a achega creativa de todas e todos os que veñen ao festival, así nos obradoiros de danza, treboada, etc., que organiza a Asociación de Gaiteiros na Mostra de Artesáns de Instrumentos de Música Tradicional.

Como é habitual o pregón do sábado ten lugar no palco desta Mostra de Instrumentos a cargo dos integrantes do grupo Os Rosales de Rianxo, e o domingo van ser Mini e Mero de A Quenlla os que van homenaxear a Manuel María no seu pregón.


29 de xul. de 2016

O contexto internacional das Irmandades

Redacción.- Os vindeiros 6 e 7 de outubro celebrarase en Compostela o Congreso Internacional "As nacionalidades na Europa de entreguerras: de imperios e nacións", coincidindo cos cen anos da fundación da primeira organización nacionalista galega, as Irmandades da Fala. 

Este congreso aspira a pór de relevo as circunstancias externas e o contexto internacional que acompañaron a súa creación e primeira andaina. Pois as Irmandades da Fala non foron un produto illado nin excepcional na Europa do seu tempo, mergullada nunha cruel guerra mundial na que a cuestión das nacionalidades pasou a desempeñar un papel sobranceiro na propaganda e obxectivos dos contendentes.

Os movementos nacionalistas de Europa Central e Oriental, mais tamén algúns da Europa Occidental, coma o irlandés, experimentaron un pulo decisivo e viron chegada a súa hora. Noutros casos, grupos rexionalistas ou que reivindicaban linguas e culturas minoritarias deron o salto á plena afirmación nacionalista, dende Frisia e Gales a Galicia e Sardeña.

Dende 1917, os revolucionarios soviéticos tamén incorporaron a liberdade das nacionalidades á súa axenda reivindicativa. E ao rematar a I Guerra Mundial, das ruínas dos imperios austrohúngaro, otomán e tsarista xurdiron novos Estados “nacionalizadores”, nos que os triunfantes movementos nacionalistas reproduciron adoito os erros dos nacionalismos homoxeneizadores do século XIX e viron nas minorías etnolingüísticas unha ameaza.


A opinión pública europea amosou unha nova sensibilidade cara á cuestión das minorías, e no mundo académico inzaron os debates teóricos verbo dos dereitos das nacionalidades e as orixes do nacionalismo. Nese escenario europeo, o emerxente nacionalismo galego fixou as súas prioridades e reivindicacións, inspirándose nos exemplos coetáneos pero seguindo o seu propio camiño.

26 de xul. de 2016

I+P, ideas para producir (X edición)

Redacción.- A 10ª edición do pitching “I+P, Ideas para producir” abre até o vindeiro 30 de setembro o prazo para a inscrición de proxectos audiovisuais nesta xornada, que organiza o Clúster do Audiovisual Galego (Clag) e que terá lugar o día 17 de novembro en Santiago de Compostela.
O “I+P, Ideas para producir” celebra o seu décimo aniversario, co apoio do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, como un formato totalmente consolidado e de referencia para a industria do audiovisual a nivel nacional, na busca de coprodución ou financiamento para os seus proxectos.
Ao longo de todas as súas edicións este pitching suscitou un destacado interese entre os profesionais do sector audiovisual, que encontran nel unha excelente oportunidade para dar a coñecer os seus traballos. Tanto de cara a conseguir alianzas empresariais de coprodución para aqueles proxectos que están nunha fase máis incipiente, como para posibilitar o encontro con distribuidoras, programadores de antena e responsables de vendas internacionais para a comercialización daquelas producións que xa están nun estado máis avanzado. 
Os responsables dos proxectos seleccionados terán a oportunidade de presentar as súas obras diante dun panel de destacados directivos da industria audiovisual para tratar de captar a súa atención. A continuación, durante os encontros one to one poderán manter entrevistas persoais cos compradores e abordar máis detalladamente os proxectos na busca de posibles colaboracións.

As empresas e os profesionais individuais do sector audiovisual que desexen participar na décima edición do “I+P, Ideas para producir” poden inscribir os seus traballos enviando o formulario acomunicacion@clag.es ata o vindeiro día 30 de setembro. O Clag comunicará o 20 de outubro os proxectos seleccionados para seren presentados no pitching.

Premiados da bolsa ‘Nacho Mirás’

Redacción.- O xurado da bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, decidiu premiar dous interesantes proxectos: Punto e volta, sobre música e baile tradicional, e Mediamapa.gal, un mapa interactivo dos medios galegos.
Cada un destes proxectos recibirá 2.500 euros para o seu desenvolvemento. O xurado estivo formado por tres membros da Xunta de Goberno do CPXG (Francisco X. González Sarria, decano; Xosé Manuel Pereiro, vicedecano e Darío Janeiro, secretario), un representante de Abanca, Isaac González; un representante da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Xosé López; e tres xornalistas en activo: Ainhoa Apestegui, Xoán Soler e Fernando Varela.
Punto e Volta é un proxecto multimedia que busca explorar as mudanzas sociais que experimentou a transmisión interxeracional da cultura popular galega a través de dúas das súas principais expresións: a música e o baile tradicionais. Todo isto contado a través das historias das propias persoas que protagonizaron esa mudanza, membros de distintas xeracións, mediante reportaxes, entrevistas e videoclips accesibles na páxina web e as redes sociais. Alejandro Gándara Porteiro é o cordinador deste proxecto no que tamén participan David Fontán Bestilleiro, Raquel Pérez Vázquez e Olaia Tubío Rei.
MediaMapa.Gal pretende ser o sitio web de referencia para coñecer o conxunto dos medios de comunicación en Galicia. O elemento principal do sitio é un mapa interactivo onde os usuarios poden localizar todos os medios activos en Galicia, ver as súas características básicas e acceder de xeito directo a eles. Ademais, o mapa é un espazo aberto no que calquera usuario é quen de introducir novas iniciativas mediáticas. Tamén é un proxecto de investigación, cuxos resultados se publicarán en aberto e con periodicidade semestral no sitio. Esta proposta foi presentada por María Cruz Negreira Rey.

A bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados apoia proxectos xornalísticos de novos titulados en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. Leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos novos xornalistas, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador.

23 de xul. de 2016

XXI Premio Manuel Reimóndez Portela

Redacción.- A Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada convoca a vixésimo primeira edición do Premio Xornalístico “Manuel Reimóndez Portela”, que contará cunha dotación económica de mil euros. Premiarase o mellor traballo ou serie de traballos, ata un máximo de cinco, publicados en lingua galega en calquera medio de comunicación escrito antes do vindeiro día 28 de agosto.

O prazo de recepción de traballos na fundación conclúe o 4 de setembro. Pódense enviar ao enderezo postal da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada (Zona Deportiva, s/n. 36680 A Estrada) ou mediante correo electrónico fecae@feiradomoble.com.

Os traballos poden ser presentados polos seus autores, ou por calquera lector, debendo remitir un exemplar dos traballos e facendo constar a data de publicación, o autor e o medio de comunicación no que foron publicados. O xurado estará presidido por un membro do comité de seguimento, catro vogais e un secretario con voz pero sen voto, reservándose a fundación o dereito de volver publicar os traballos premiados.

18 de xul. de 2016

Agustín Fernández Paz, bo e xeneroso


Mario Paz González.- O pasado 12 de xullo foise para sempre Agustín Fernández Paz, un dos máis grandes escritores da literatura galega, amais dun exemplo constante de coherencia, de bondade, de xenerosidade, de entusiasmo e de loita a prol da nosa lingua, da literatura e da vida. 

Nado en Vilalba (Lugo) en 1947, poderíase dicir que a súa primera formación literaria tivo lugar neses anos de infancia na vila, escoitando os contos ao pé da cociña de ferro ou da lareira no inverno, ou na porta da casa no verán, como el mesmo lembraría en O rastro que deixamos. Tamén nese libro fala do papel fundamental que tivo a figura do pai, músico e carpinteiro, que levaba á casa libros de Verne, Cunqueiro ou Fole. O cine e os cómics, que lía con afervoamento, completarían esa primeira formación do escritor. 

Co título de perito industrial mecánico, que obtivera na Universidade Laboral de  Xixón, marchou a Barcelona onde comezaría os estudos de Maxisterio, que remataría na Coruña, iniciando a súa andaina profesional a mediados da década dos setenta, primeiro na Coruña e despois en Mugardos. 

Como el mesmo dixo en máis dunha ocasión, naqueles anos finais da ditadura e primeiros da democracia, aspiraban "a cambiar o mundo desde as aulas". Por iso, mergullado de cheo na súa labor pedagóxica, cofundou, xunto con otros ensinantes concienciados, os colectivos Avantar e Nova Escola Galega. Impartiu cursos relacionados coa didáctica da lingua, a normalización lingüística e os medios de comunicación e colaborou en numerosas revistas sobre eses mesmos temas. Foi tamén entón cando, vendo o baleiro existente, xurdiu entre moitos docentes como el a necesidade de elaborar un material pedagóxico en galego. Neste senso, cómpre lembrar que o libro CANLES 5, do que é coautor, recibiu o Premio Emilia Pardo Bazán, do Ministerio de Educación, para libros de texto non sexistas. 

Tamén nese tempo fixo crítica de literatura infantil e xuvenil e máis do mundo do cómic acadando en 1992, o Premio Ourense de Banda Deseñada. 

E foi así, froito das súas preocupacións pedagóxicas, como foi chegando á literatura, decatándose da utilidade das ficcións como complemento indispensable para a nosa formación na vida. Dese xeito, superando os prexuizos existentes respecto a ese tipo de literatura, comezou a escribir para os máis mozos demostrando que, ademais de entreter, a literatura xuvenil pode ser boa tamén para pensar, os seus poden ser libros críticos, intelixentes, cheos tamén de humor e ironía. Tiña precedentes como Maria Gripe, Michael Ende, John Christopher, Roald Dahl e, sobre todo, o seu admirado Gianni Rodari. Porque a literatura xuvenil, como a el lle gustaba dicir, non é outra cousa que literatura que tamén poden ler os máis mozos da casa. Segundo dixo nunha entrevista que lle fixen neste mesmo medio "o que pode definir unha novela como de adultos ou non son as técnicas narrativas máis complexas que farán que o hipotético lector teña que ter unha madurez lectora que, moitas veces, os mozos non teñen". 

Moitas destas premisas configuran a súa obra: a perfecta arquitectura das tramas, certa experimentación no que atinxe á técnica narrativa e a mistura de xéneros como a fantasía, as aventuras, a ciencia ficción ou o terror, herdado de autores como Lovecraft. Pero tamén a novela de compromiso coa memoria colectiva, como esa triloxía da memoria histórica que, ao meu modo de ver, conforman Noite de voraces sombras, Corredores de sombra e Non hai noite tan longa. Ou esa novela xeracional, máis recente, A viaxe de Gagarin. 

Todas as historias técense cos fíos da vida, gustaba dicir Agustín. A súa obra, escrita sempre en galego e traducida a varias linguas, ten merecido numerosos premios como o Merlín, o Lazarillo (concedido ese año de 1991 por vez primeira a un libro en galego), Edebé Xuvenil, Rañolas, Raíña Lupa, White Ravens, Barco de Vapor, lista de honra do IBBY, Frei Martín Sarmiento, Premio da Crítica, Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil ou VII Premio Iberoamericano SM en recoñecemento a toda a súa carreira literaria, entre outros. 

Agustín foise "cando aínda tiña historias que contar" como dixo estes días Xavier Alcalá nas redes sociais. O autor foise, fica connosco a súa obra. Tamén o seu exemplo pois, máis aló da figura do escritor, está o home. Agustín foi e será sempre un referente cívico para todos nós como demostrou ao rexeitar no ano 2010 o Premio da Cultura Galega, outorgado pola Xunta, en protesta pola súa política lingüística en coherencia coas reivindicacións feitas pola aociación Prolingua da que era tamén cofundador. 

Da súa grandeza humana falaba hai pouco o novelista Pedro Feijoo ao lembrar que poucas figuras vivas da nosa cultura acadan unha aceptación tan unánime como a que tiña Agustín. Calquera, non só os que admirabamos a súa persona e éramos lectores afervoados da súa obra, senon calquera que o coñecese ou que tivese contacto con el, por mínimo que fose, pode dar fe de todo isto. Da súa bondade, da súa xenerosidade, do seu entusiasmo. O home morreu. A súa obra imperecedeira ficará para sempre entre nós

14 de xul. de 2016

O IESCHA no pasamento de Fernández Paz

Redacción.-

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) desexa manifestar publicamente o seu fondo pesar polo falecemento do vilalbés Agustín Fernández Paz.

Foise un gran profesor, un dos cumios da literatura galega do último medio século e un gran traballador a prol do desenvolvemento cultural de Galicia, tanto no seu uso do idioma galego como pola creación dunha plataforma galega en defensa do noso idioma.

Rexo defensor daquelo no que creía, foi quen, nunha exemplar mostra de dignidade cidadán, de renunciar á mundana gloria do recoñecemento cun importante premio, porque considerou que o Goberno que llo concedía non estaba a traballar a prol dos dereitos lingüísticos do pobo galego.

A Terra Chá estivo sempre presente no seu corazón...e en boa parte da súa extensa obra literaria, e na súa Vilalba natal atopou sempre un lugar no que gozar da súa familia e as súas amistades.

No seu querido barrio das Fontiñas, fíxolle unha fermosa homenaxe en recoñecemento á súa obra a Asociación de Escritores en Língua Galega (AELG), que ergueu alí unha escultura na súa honra; alí nos veremos de cando en vez, Agustín!

12 de xul. de 2016

Finou Agustín Fernández Paz


Redacción.- A cultura galega est'a de loito. O escritor Agustín Fernández Paz, un dos máis recoñecidos da literatura galega contemporánea, finou hoxe martes na súa casa en Vigo aos 69 anos de idade. Nado en Vilalba en 1947, Fernández Paz tiña unha licenciatura en Ciencias da Educación e dedicou gran parte da súa vida ao ensino, tanto en primaria como en secundaria, un traballo que rematou no IES As Rosais 2 de Vigo coa xubilación.
No campo da educación estaba moi presente tamén o seu papel como escritor, onde gozou de gran recoñecemento na dignidade e o valor da literatura infantil en galego, culminando coa recepción do Premio Nacional de Literatura Infantil por O único que queda é o amor (2007), obra que tamén gañou o Neira Vilas da Asociación Galega de Editores, o premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e o Frei Martin Sarmiento.
Ademais, recibiu os seguintes galardóns: premio Lazarillo, Edebé Xuvenil, Barco de Vapor, Merlín, protagonista Jove, Edebé Infantil, Rañolas, Raíña Lupa e  premio Trasalba. Agustín cría que as palabras posuían a forza necesaria para cambiar o mundo e afirmaba que os libros eran imprescindibles para axudar a soñar e a vivir.
Agustín foi un dos escritores máis recoñecidos no ámbito da literatura infantil e xuvenil galega e tamén internacional, xa que algunhas das súas obras foron traducidas a varios idiomas. Unha das cousas que máis lle gustaba era que lle contasen historias, mais el tamén as sabía contar. Dende, Avenida do Parque 17, Cartas de Inverno ou O único que queda é o amor; ata as máis recentes, A Viaxe de Gagarín ou A Neve Interminable. Unha biblioteca persoal de máis de medio cento de publicacións da súa autoría.
Sempre tivo moi presente a súa vila natal e Vilalba tamén o tivo a el. Precisamente, hai apenas uns meses, antes do remate do ano escolar, o IES Santiago Basanta Silva púxolle o nome de Agustín Fernández Paz a biblioteca do seu centro nun dos actos do seu cincuentenario.

Carlos Casares Letras Galegas 2017

Redacción.-

Narrador, ensaísta, articulista de prensa, editor e dinamizador cultural, Carlos Casares Mouriño (Ourense, 1941-Vigo, 2002) é unha das figuras máis senlleiras e renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX. Prosista en distintos xéneros, o humor e a sinxeleza e a claridade no tratamento dos temas que lle afectan ao mundo actual constitúen os trazos máis característicos do seu estilo narrativo e ensaístico, que lle reportou un gran recoñecemento do público e da crítica.

Alén do seu talento literario, Casares foi un intelectual de relevo extraordinario que destacou tamén pola súa implicación na vida cultural, social e institucional do país e por unha laboriosidade incansable, ao tempo intelixente e reflexiva, e sempre cun compromiso inequívoco coa lingua galega.

A Real Academia Galega considera que a calidade, a vocación abertamente comunicativa e o carácter variado da súa obra, que incluíu a literatura infantil, o xornalismo e o ensaio, converten a Carlos Casares nun escritor especialmente idóneo para protagonizar a celebración das Letras Galegas de 2017. Con toda seguranza, reforzará o prestixio das nosas lingua e literatura non soamente entre o público escolar e estudantil en xeral, senón entre o gran público lector, que xa celebrou en vida a súa espléndida obra literaria.

Carlos Casares naceu en 1941 en Ourense e desde os 3 anos pasou a súa infancia en Xinzo de Limia. A súa vocación literaria empezou a se manifestar xa na adolescencia, cando gañou un premio que lle permitiu coñecer a Vicente Risco. Xa na etapa universitaria, na que se especializou en Filoloxía Románica en Santiago de Compostela, entrou en contacto co núcleo da cultura galega antifranquista mentres continuaba a cultivar o seu perfil literario. En 1967 publicou a súa primeira obra, o libro de relatos Vento ferido, dentro da colección Illa Nova de Galaxia, e pouco despois converteuse nun pioneiro da literatura infantil en galego: en 1968 gañou co relato A galiña azul o I Concurso de Contos Infantís da Asociación Cultural O Facho e en 1973, o I Concurso de Teatro Infantil da mesma entidade con As laranxas máis laranxas de todas as laranxas.

En 1975, Xoguetes para un tempo prohibidoreportoulle o Premio Galaxia e o Premio da Crítica de narrativa galega da Asociación Española de Críticos Literarios. Casares era xa a esa altura unha das voces emerxentes máis renovadoras e significativas da nosa narrativa, recoñecida en 1978 co seu ingreso na Real Academia Galega, onde foi o membro de número máis novo.

Nos anos da transición e do comezo da democracia, participou activamente na reivindicación autonómica e como parlamentario independente nas listas do PSdeG-PSOE traballou arreo para sacar adiante a Lei de Normalización Lingüística (1983). Rematada a primeira lexislatura da autonomía, centrou o seu traballo no eido cultural como director da editorial Galaxia (1986-2002) e da revista Grial (1988-2002) e, máis adiante, tamén como presidente do Consello da Cultura Galega (1996-2002).

Malia os seus múltiples compromisos, Casares non abandonou nunca a escrita e seguiu a publicar obras con moi boa acollida do público, como a colección de relatos Os escuros soños de Clío (1979), as novelas Ilustrísima, Premio da Crítica Galega de 1982; Os mortos daquel verán(1987), Premio Antón Losada Diéguez; e Deus sentado nun sillón azul (1996), Premio da Crítica Española de 1997 e finalista do Premio Nacional de Narrativa de 1998; ou O sol de verán, publicada postumamente en 2002 e Premio da Crítica dese ano.

Cómpre así mesmo salientar o seu labor como articulista en distintas cabeceiras, que chegou a contar cun amplísimo e fiel público e merecente dunha morea de distincións, entre eles os premios Fernández Latorre (1993) e Julio Camba (1995), e xa a título póstumo o Roberto Blanco Torres (2002).

9 de xul. de 2016

Marilar Aleixandre e Chus Pato na RAG

Redacción.-

No Pleno da RAG celebrado hoxe, 9 de xullo, foi elixida académica de número electa María Pilar Jiménez Aleixandre (Madrid, 1947) para ocupar a vacante producida polo pasamento, o pasado 27 de novembro, de Xosé Neira Vilas. Coñecida como Marilar Aleixandre, é escritora e catedrática de Didácticas das Ciencias Experimentais da Universidade de Santiago de Compostela.

Como escritora, a obra de Marilar Aleixandre está traducida ao portugués, castelán, catalán e éuscaro, e foi recollida en antoloxías en inglés. Recibiu ademais numerosos premios tanto por obras dos distintos xéneros que cultiva (poesía, narrativa de adultos e narrativa infantil e xuvenil) como polo conxunto da súa carreira.

Como bióloga e experta en educación, foi pioneira no uso do galego como lingua vehicular no ensino das ciencias: foi coautora dos dous primeiros textos de ciencias naturais en galego e doutros moitos materiais, itinerarios, artigos e ensaios sobre o ensino das ciencias. Na actualidade, a súa liña de investigación é a argumentación, o uso de probas e o pensamento crítico no ensino das ciencias, mediante análise do discurso. Neste campo é autora dalgúns dos artigos máis citados internacionalmente sobre o tema.

Na xuntanza do Pleno tamén se oficializou a proposta de María Xesús Pato Díaz (Ourense, 1955), coñecida como Chus Pato, para cubrir a vacante producida polo pasamento de Xosé Fernández Ferreiro, falecido o pasado 16 de decembro. A candidatura da poeta someterase a votación no vindeiro Pleno.

A de Chus Pato é desde os anos 80 unha das voces poéticas máis vangardistas e persoais da literatura contemporánea. A súa obra, rupturista cos modelos tradicionais de poesía, desenvolve unha temática caracterizada por un ton reivindicativo e de denuncia social, na que a mirada feminista ten unha importancia especial, e incide no expresionismo culturalista clasicista.

Chus Pato publicou os seus primeiros poemas na revista Escrita (1984). Parte da súa obra pode lerse en distintas revistas (Luzes de Galicia, Festa da palabra silenciada, Andaina, Gume, Dorna, Clave Orión...) e libros colectivos e antoloxías. Urania (1991) foi o seu primeiro libro de poemas, ao que seguiron Heloísa(1994), Fascinio (1995), A ponte das poldras(1996) ou Nínive, co que gañou o Premio Losada Diéguez en 1997. En 2009 mereceu tamén o Premio Nacional da Crítica por Hordas de escritura, obra coa que ademais volveu gañar o Losada Diéguez, e en 2013 foi recoñecida co Premio da Irmandades de Libreiros como mellor autora do ano por Carne de Leviatán.

A súa obra foi traducida a diferentes idiomas e desde 2015 os versos de Secesión lidos na súa propia voz son os primeiros en lingua galega que forman parte dos fondos sonoros da Poetry Room de Harvard.

Os frescos da Igrexa dos Vilares

Antón Tenreiro Ferreiro.-

San Vicenzo dos Vilares é unha igrexa coñecida por celébrar a popular romaría da Virxe dos Desamparados. 

As orixes do templo datan do s. XII, se ben  os restos románicos redúcense aos muros laterais da nave con varios canecillos, sendo a fachada principal do XVIII. 

No exterior o conxunto está formado por un atrio murado con baixo muro de pedra granítica, con cruceiro, dúas pilas bautismales e un sarcófago. Támén existe un Calvario de tres cruceiros diante.

No interior ten catro retablos neoclásicos e un barroco con tallas dos ss. XVII e XVIII, aínda que destacan especialemnte os restos de pintura mural ó fresco do S.XVI, da posible autoría do Mestre de Parga, que forman un ciclo ó longo dos muros da nave, con distintos temas,  como o do enterro do Conde Orgaz. Descubertos no ano 1991, un ano máis tarde o profesor Monterroso elaborou un interesante traballo publicado no número 8  dos Cadernos de Estudos Mindonienses sobre estes murais.

O estado xeral de conservación é verdadeiramente moi malo. A gravedade acelerada e activa dos axentes  de deterioro, provoca en primeiro lugar o risco de desprendemento das pinturas murais, polo que urxe imperiosamente proceder á sua restauración, xa que de acabar caendo, a súa pérdida sería irreversible. 

Ademáis deste perigo urxente de resolver, o seu aspecto sucio e abandonado desvirtúa a súa calidade como elemento singular e moi visible de este templo de San Vicenzo dos Vilares, centro de peregrinaxe senlleiro. 

En conclusión podemos dicir que se está a perder un ciclo mural ao fresco de gran relevancia artística é histórica para a provincia de Lugo. É por esto que a Asociación Sociocultural Lareira de soños ten encargado un proxecto e contactado coas entidades responsables para a consolidación, restauración e posterior posta en valor deste importante ben patrimonial, que sumado a outros elementos da contorna como os cobertizos da antiga Feira do Sete, a casa do Sindicato, a escola Habanera, o castro e os pozos cubertos, conforman un conxunto de moito valor e atractivo historico artístico.

A cultura e o patrimonio do rural chairego precisa desta actuación urxente. Así sexa.

8 de xul. de 2016

III Convivio da Cultura Galega

Redacción.-

A vila natal de Manuel María, o escritor a quen este ano se dedican as Letras Galegas, acollerá o vindeiro sábado 9 de xullo o Convivio da Cultura Galega, que chega xa á súa terceira edición.

O Convivio é unha xornada festiva impulsada desde a Casa-Museo Manuel María, a federación Galiza Cultura de asociacións culturais galegas e a Asociación Cultural e Musical Solfa de Compostela, entendida como un punto de encontro aberto a todo o asociacionismo cultural de base que se move en Galiza a calquera nivel: colectivos, creadoras e creadores artísticos, conxuntos musicais...

O Convivio da Cultura Galega desenvolverase entre a Casa-Museo Manuel María, no centro da vila de Outeiro, onde se recibirá os participantes a partir das 11 da mañá, e a Carballeira de Santa Isabel, unha fermosa paraxe natural situada a menos de 1 quilómetro da casa natal do escritor onde as augas do Río Ladra conflúen coas do Miño. Transformada hoxe nunha magnífica área recreativa, o Campo da Santa Isabel foi tradicionalmente o lugar da festa na “tribo” natal do poeta (como el chamaba a Outeiro de Rei) e tamén o lugar dos xogos infantís e das descubertas da natureza: de aí que para Manuel María fose sempre un lugar moi querido e tan presente sempre na súa obra.

Na Carballeira desenvolverase o Convivio durante boa parte da xornada, con actuacións musicais, xantar colectivo (cada quen deberá traer o seu), foliada aberta a grupos e persoas que queiran animar a sobremesa libremente, xogos populares e algunhas sorpresas máis.

Paralelamente, arredor das 16.30, na mesma Carballeira, haberá un encontro das directivas dos colectivos culturais presentes no Convivio para compartir experiencias de traballo no ámbito cultural e tecer redes de colaboración para o futuro que poidan dar no desenvolvemento de iniciativas conxuntas e axuden a afortalar o movemento asociativo cultural galego de base.

3 de xul. de 2016