Fermín Bouza Álvarez, in memoriam

Moncho Paz.- O sociólogo e escritor galego Fermín Bouza Álvarez finou o pasado sábado aos 70 anos en Madrid. Fillo do intelectual Fermín Bouza Brey e neto do escritor Luis Bouza Trillo, era licenciado en Filosofía e Psicoloxía. Casado coa vilalbesa Carme Pena López, tiveron un fillo, tamén chamado Fermín, "para manter a tradición familiar", segundo recoñeceu en certa ocasión. Como catedrático de Socioloxía e profesor de Opinión Pública na Universidade Complutense, foi un dos referentes académicos e intelectuais que tivemos na miña xeración. 

Nado en Compostela en 1946 -malia vivir en Madrid desde 1969- mantiña unha actitude política fondamente comprometida co galeguismo de esquerdas e escribiu varias obras no noso idioma, como as novelas Memoria do Diaño (Edicións do Rueiro, 1980), Longo voo de paxaro (Xerais, 1987) e os poemarios O tempo na auga (Xerais, 1985) e Labirinto de inverno (Sotelo Blanco, 1990). Este último mereceu o premio da crítica española en lingua galega no mesmo ano da súa publicación.

As redes sociais enchéronse onte de mensaxes lembrando a súa figura como profesor, analista, amigo e compañeiro de viaxe. Entre as numerosas mostras de condolencia, persoeiros como Martiño Noriega, Xavier Vence, Manolo Rivas ou Xosé Manuel Pereiro lanzaron mensaxes de dor polo seu pasamento. Fixémolo tamén moitos xornalistas, ex-alumnos, colaboradores e admiradores seus, así como compañeiros do mundo universitario.

Fermín Bouza tiña un blog (El voto con botas) onde compartía a súa opinión sobre a situación política galega e española. Os seus textos, moi críticos co neoliberalismo excesivo e o populismo carente de ideoloxía, foron publicados puntualmente en A Voz de Vilalba desde 2009, cando se produciu a caída do Goberno bipartito da Xunta de Galicia e o regreso do Partido Popular ao poder autonómico. Na súa primeira colaboración na nosa edición dixital, publicada o 20 de abril de 2009, Fermín reclamaba "un novo activismo lingüístico, máis amplo e sofisticado", que "debería cargar de desexo e esperanza á conciencia popular galega, e levala cara a políticas non liquidacionistas que manteñan á nosa terra na liña da dignidade histórica".

A continuación, reproducimos a súa derradeira reflexión na rede, consciente do seu grave estado de saúde, mais sen perder a súa fina ironía: “Acabo de deixar a UCI, na que segue o PSOE. A UCI é un lugar pouco recomendable para ninguén. Libérenme dese relato e procuren non pasar por aí. No meu é eficaz, pero estaba pensando na política torpe que reduciu ao PSOE á súa estrita caricatura na mesma sala lúgubre na que me rebautizaron. Convertérono definitivamente nun partido máis que engana á súa militancia para que catro gañáns fagan as cousas ao seu gusto e ao da dereita á que queren servir. O dano está feito. As vellas cousas da política, nas que o PSOE quería asentarse, recomendaban que os partidos de dereitas fosen realmente de dereitas e os de esquerda de esquerda. Agora non é así: os partidos de esquerda deben facilitar o goberno da dereita e agardar algunha propiniña desta benemérita institución. Calquera outra cousa será castigada por Susana Díaz, da casta de Rosa Luxemburgo e dos Grandes Expresos Europeos”.

A despedida a Fermín Bouza Álvarez celébrase hoxe luns en Madrid, a partir das 10 horas, no cemiterio da Almudena, onde será incinerado. Ata sempre, mestre. DEP.

31 de out. de 2016

Prexton en Moucho Records

Redacción.-

O artista cacereño, primeira fichaxe do selo galego Moucho Records, presenta o seu primeiro traballo. Nel contou con grandes colaboracións como Anahí Taraburelli e Lara Capeáns (deseño), Iago Branco (produtor e batería) e músicos como Álex, Masa, Rosalía, Antonio e Julián.

Prexton é un novo guitarrista e cantautor que vive dacabalo entre Cáceres e Galicia. Despois de pasar por bandas de diferentes estilos como o folk, o hip-hop ou o ska, en 2013 decide emprender a súa carreira en solitario con total liberdade creativa. Nesta nova etapa, orientada ao folk de autor, gaña a Batalla de Bandas da Universidade de Salamanca, obtén o segundo premio no Santiautor 2015 e proclámase Finalista do MúsicaXove 2015. En febreiro de 2016, Prexton ficha por Moucho Records e fai un par de semanas lanzaba o seu sinxelo All Together, soando en programas como Os40 Trending ou na Script da Ser.

Pódese escoitar en:
SPOTIFY: http://spoti.fi/2e1OIKn
ITUNES: http://apple.co/2dXZEYg

18 de out. de 2016

Bob Dylan, Eco e a Apocalipse

Mario Paz González.-

Apostaría a que Umberto Eco estase a remover de ledicia na súa tumba ao coñecer a nova da concesión do Premio Nobel de Literatura a Bob Dylan. E non estou a falar dos gustos literarios ou musicais do finado semiólogo italiano (que descoñezo por completo), senón porque a polémica xurdida a raíz do premio reavivou un debate que el mesmo inaugurou hai xa máis de cincuenta anos no seu, tan citado como pouco lido, ensaio Apocalípticos e integrados (1964).

Eco expuña alí dúas posturas opostas e case irreconciliables fronte á cultura de masas e, atreveríame a dicir, fronte á cultura en xeral.

Por unha banda estarían os apocalípticos, aqueles que defenden a idea de que a cultura promovida polos mass-media tende á uniformidade, mata a orixinalidade e favorece o mediocre, o banal e o frívolo. Considérana paternalista e manipuladora e aseguran que está dominada polas leis do mercado, polo que degrada a Cultura e a Arte.

Fronte a eles, estarían os integrados, para os que esas mesmas manifestacións culturais destinadas ás masas encarnan expresións populares e, sobre todo, permiten finalmente un achegamento á Cultura (con maiúsculas) a sectores sociais antes afastados dela. Se cadra estes medios satúrannos de información, pero, na súa tendencia ao entretemento, dalgún xeito tamén forman e sensibilizan ao público ao achegarlle a baixo custo obras culturais.

Simplificando, para os apocalípticos a cultura viría sendo só a alta Cultura, elitista, exclusiva e inaccesible, mentres que, para os integrados, poderían perfectamente pasar a formar parte dela manifestacións populares tales como o cómic, o rock, o cinema e a televisión.

Deixando aparte as abundantes bromas e memes (algún boísimo, por certo), así como actitudes que rozan o dadaísmo xornalístico (a enquisa do Abc preguntando aos seus lectores se estaban de acordo coa concesión deste premio Nobel), tamén as posturas observadas estes días poderían resumirse, básicamente, nas seguintes:

Por unha banda, aqueles que amosaban a súa clara indignación porque se concedese o premio a alguén que, por moi ben que escriba, non deixa de ser un músico, xoga noutra división, a súa obra non é comparable á obra dun poeta, un dramaturgo ou un narrador. En postura igualmente contraria podía escoitarse a aqueles que consideraban que a Academia sueca fixera unha concesión á “comercialidade” e á “publicidade” [sic] por optar por unha "estrela de masas" [sic] fronte a un representante da alta Cultura.

Doutra banda, estaban os que, coñecedores da obra de Dylan, aceptaban o premio con naturalidade e, mesmo, até o agardaban ou, polo menos, pensaban (como dixera xa Nicanor Parra hai uns anos) que Dylan merecíao desde había xa moito tempo. Se cadra, algún laiábase de que se outorgase outro galardón importante a un home e non a unha dona, pois xa hai demasiados premios concedidos a homes. Pero iso é fariña doutro costal.

En calquera caso, apocalípticos e integrados.

Tamén estaban os que amosaban sorpresa e un franco desconcerto. Algúns preguntándose se isto levaría a crear unha confusión de xéneros, a converter a estes premios nun caixón de xastre onde todo vale. Preguntábanse tamén se as obras de Dylan poderían atoparse agora en librarías (hai décadas que isto xa ocorre) e, en definitiva, chegados a este punto, se habería que cuestionarse que é a “cultura”. Aquí algunhas das opinións conducían finalmente a revelar, polos propios que as emitían, un amplo descoñecemento da obra do de Minnesota. Con todo, quizais nalgunhas das preguntas expostas estaría o miolo das actitudes escenificadas por moitos pertencentes aos outros dous bandos.

Persoalmente, non creo que sexa necesario preguntarse que é a “cultura” ou a “literatura”, esa forma de arte que utiliza a palabra. En calquera caso, é máis necesario aplicar a perspectiva histórica e o sentido común e afastarse de posturas elitistas e estériles. Penso que hoxe ninguén pon en cuestión o carácter literario das cantigas de Alfonso X, Don Denís ou Martín Códax, os romances, as jarchas ou os “villancicos” casteláns, aínda que todas estas manifestacións líricas non son outra cousa que letras de cancións, exemplos de música popular escrita na Idade Media. Os seus autores non gravaron discos, pero houbo trobadores que gozaron dun recoñecemento e unha popularidade semellantes aos de moitos músicos de hoxe. Aínda máis, atreveríame a dicir que todas as letras de todas as cancións que conforman a música popular de todos os tempos que teñan una certa calidade (e ese é o criterio realmente importante), ao ser arte baseada na palabra, entrarían no terreo da literatura. Un non deixa nunca de preguntarse por que os textos das óperas, dos musicais ou os guións cinematográficos cuxo principal sustento sexa a palabra aínda non se estudan nas facultades de letras como parte dos textos teatrais de diferentes épocas. A excesiva clasificación en compartimentos estanco é, sen dúbida, limitadora.

Doutra banda, un pensa que aqueles que critican a concesión do Premio Nobel de Literatura a Bob Dylan son os mesmos que criticarían que, de existir o devandito premio entón, lle fose outorgado a un Dickens (ao que considerarían un mero autor de folletíns de masas), a un Rimbaud (que sería para eles aquel rapaz de actitudes marxinais e mala educación) ou a un Cervantes (do cal dirían que era un poeta nin mellor nin peor ca outros, mediocre autor de teatro e creador da absurda historia dun tipo que entolece por culpa da lectura).

A obra de Bob Dylan ten calidade abondo para ser merecedora deste ou doutro premio literario calquera. É certo que hai outros autores semellantes e estes días escoitáronse algúns nomes, como o de Leonard Cohen. Cuestión de gustos, pero o certo é que ningún ten o alcance do autor de "Blowin' in the wind" nin influíu tanto. A súa obra contribuíu a abrir moitas xanelas, a derrubar moitos muros e a tender moitas pontes entre a música afroamericana e a música branca, entre o folk e o rock e, sobre todo, entre a lírica popular e a lírica culta, pois de todos é coñecida a súa admiración por Dylan Thomas (de quen tomou o nome), Rimbaud ou polos autores da Beat Generation como Allen Ginsberg.

Non sei se a academia sueca buscaba contrarrestar co premio o postureo e o elitismo de certos sectores culturais, pero o xesto quedoulles dunha provocación moi dylaniana. Aínda queda no ar saber se o aceptará ou non ("The answer, my friend, is blowin' in the wind"), mais coa que se montou estes días non puiden deixar de lembrar uns versos case premonitorios escritos por Mr. Zimmerman en “The times they are a-changin’” (1963) nos que di: “Vide escritores e críticos / Que profetizades coa vosa pluma / E mantede os ollos ben abertos, / A oportunidade non se repetirá. / E non faledes demasiado pronto / Porque a roda está aínda a xirar / E ninguén pode dicir / A quen sinalará, / Porque o perdedor hoxe / Será o gañador mañá / Porque os tempos están a cambiar”.

17 de out. de 2016

Premio Mondoñedo10 a Manuel Rivas

Redacción.-

Onte domingo 16 de outubro Manuel Rivas recolleu en Mondoñeodo o Premio Mondoñedo10 - Narrativa que foi outorgado por maioría á súa novela Os libros arden mal, publicada en xuño 2006 e que recibiu galardóns tan importantes como o Premio Ánxel Casal ao Libro do Ano, 2006, Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro Galego do Ano, 2007 - Premio da Crítica, 2006 (narrativa) - Premio Mellor Libro do Ano 2006 Libreiros de Madrid - Premio da Crítica Galega (Creación), 2007 - Premio Losada Diéguez (Creación), 2007 - Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, 2007.

Roteiro da Mámoa das Carriceiras


Antón Manuel Tenreiro Ferreiro.-

Hai apenas dous meses, José Luís Teijido Comba, Luís de Fabete, descubría a primeira mámoa atopada na parroquia dos Vilares. Luís, membro da directiva da Asociación Sociocultural Lareira de soños, constatou o achádego co arqueólogo Marcial Tenreiro, que comprobou in situ que se trata dunha mámoa violada de Proximadamente 5000 anos de antigüidade no monte comunal dos Vilares e proxima ao Rego das Carriceiras, do que recibe o nome. A asociacion Sociocultural Lareira de soños procederá agora ás labores previas para a catalogación da mámoa e o seu inventariado e á divulgacion posterior da mesma coa inclusión no rexistro de Patrimonio e no PXOM de Guitiriz e a súa sinalización.

A primeira iniciativa será un roteiro guiado polo propio descubridor do túmulo arqueoloxico, Luís de Fabete e o arqueólogo Marcial Tenreiro para medila, retratala e limpar para a súa catalogación. O roteiro levaramos por outros lugares de interese natural e patrimonial e partirá do lugar do Vilariño dos Cregos o dia 15 ás 11:00 horas.

O roteiro é de dificultade baixa e polo tanto aberto á participación de calquera persoa. Será de balde e sen necesidade de inscrición. Deberase levar xantar, calzado axeitado e rematará a media tarde.

12 de out. de 2016

Finalistas Mondoñedo10

Redacción.-

Asociación “As San Lucas”, en colaboración co Colectivo Mondoñedo É … e o concello de Mondoñedo, creadores dos premios denominados “Mondoñedo10”  comunican que, tras a pertinente deliberación do xurado, os títulos finalistas que optan neste ano 2016 ao Premio Mondoñedo10  na modalidade de Narrativa son:

-Begoña CaamañoMorgana en Esmelle, Editorial Galaxia,  col. Literaria, 2012, 220 pp. (ISBN:978-84-9865-412-7).

-Víctor F. FreixanesCabalo de ouros, Editorial Galaxia,  col. Literaria, 2010, 368 pp. (  ISBN: 978-84-9865-328-1).

-Agustín Fernández PazNon hai noite tan longa, Edicións Xerais de Galicia, col. Narrativa, 2011, 272 pp. (I.S.B.N.: 978-84-9914-252-4).

-María ReimóndezO Club da calceta, Edicións Xerais de Galicia, col. Narrativa, 2006, 272 pp. (ISBN 10: 84-9782-437-7).

-Manuel RivasOs libros arden mal, Vigo: Edicións Xerais de Galicia, col. Narrativa, 2006, 746 pp. (ISBN: 84-9782-461-X). 

Antón Riveiro CoelloLaura no deserto, Vigo: Editorial Galaxia, col. Literaria, 2011, 726 pp. (ISBN: 978-84-9865-395-3).

 COMPOSICIÓN DO XURADO

Presidente:

Don Antonio Reigosa Carreiras, Cronista oficial de Mondoñedo.

Vocais:

Don Xosé Henrique Monteagudo Romero, en representación da Real Academia Galega.

Dona Dolores Vilavedra Fernández, en representación do Consello da Cultura Galega.

Don Cesáreo Sánchez Iglesias, en representación da Asociación de Escritores e Escritoras en Linuga Galega(AELG).

Don Luís González Tosar, en representación do Pen Clube Galicia.

Dona María Xesús Gómez, en representación da Asociación Galega de Editoras (AGE).

Dona Pilar Rodríguez Álvarez, en representación da Federación de Librarías de Galicia.

Don Armando Requeixo Cuba, en representación do concello de Mondoñedo.

Secretario:

Don Fran Bouso. Designado pola organización.

 

A reunión decisoria do Xurado terá lugar o vindeiro domingo, 16 de outubro ás 12:00 horas.

A entrega do premio á obra que resulte gañadora terá lugar en acto público, salón de plenos da Casa do Concello de Mondoñedo, o mesmo domingo, 16 de outubro, a partir das 17:00 horas.

O premio, que se entregará ao/á autor/a da obra seleccionada, ou en caso de falecemento ou outra causa a un representante designado polos herdeiros ou titulares dos dereitos da obra premiada, consistirá na entrega dun diploma acreditativo e dunha obra artística orixinal  de Caxigueiro.

 

Mondoñedo, 10 de outubro de 2016

11 de out. de 2016

A escola habaneira dos Vilares

Antón Manuel Tenreiro Ferreiro.-

Sinto sana envexa ao ver escolas habaneras da Terra Chá e mesmo de Guitiriz restauradas e cheas de actividade. Cheas tamén de historia e de sacrificios, algunhas foron restauradas e postas en valor con actividades culturais e sociais desenvolvidas polas entidades parroquiais. A escola da Conchada, que data de 1923, e que da que conta a súa historia Segundo López nunha publicación, languidece con un uso limitado a algunha reunión, actos moi puntuais e escaso mantemento. Mentras outras se convertiron en centros cheos de vida e actividade, Os Vilares asiste á paulatina degradación do seu patrimonio. Os tempos de descargar responsabilidades en terceiros deben rematar e poñermos todos os esforzos en sumar a favor da parroquia e non só intereses de parte. Independentemente dos titulos de propiedade, o patrimonio é responsabilidade de todos e debe estar para uso e disfrute do conxunto da parroquia. A súa infrautilización e escaso coidado perxudica a todos. A escola da Conchada debera ser o núcleo de revitalización social dos Vilares. A Conchada foi escola de numerosas xeneracións, algunhas delas ainda vivas que deben ver honrada a súa memoria e para eso precísase investir en mellorar a accesibilidade e habitabilidade, adecuala para un uso acaído aos tempos.
Hai modelos, exemplos a seguir de casas escola habaneras por Galiza adiante restauradas e con actividade. Hai convenios que chegaría con adaptar á parroquia. Falta o máis importante, vontade real. Os Vilares precisa dun tempo novo e positivo que sume, de diálogo e entendemento polo ben común. Precisamos aprender da lección daqueles vilaregos que desde a emigracion en ultramar investiron en cultura na parroquia, en escolarizar a quen deixaron na aldea cando cruzaron o Atlántico para gañar o pan. Hoxe máis que nunca, son un exemplo e a Conchada o seu legado. Poñela en valor é a mellor homenaxe a aqueles veciños, moito mellor que ningunha placa ou estatua... Aínda estamos a tempo.

5 de out. de 2016

A Xulio

David Otero.-

Hoxe viñemos ao pé do Madalena
a recibir os soños como as raiolas deste día.
Raiolas azucradas mornas
que escriben palabras de marabillosa caligrafía.
Palabras pois dimensionadas de profundo significado,
que din afectos, que din amizade…
que abren corazóns,
que abren portas.

Son palabras de irmandade,
palabras de tribu,
que concretizan verdade.
que determinan Terra
En ton sostido…
de música…
e de poesía.

Hoxe viñemos ao pé do Madalena
En abrazos de emocións sentidas
coas mans delicadas e puras, traballadoras do canteiro,
dicindo mañá
nos ollos que afirman este presente

Presente para camiños limpos
e nomes de postín
e de respecto
propios…necesarios…

E así dicimos Xulio
para que ese dicir Xulio
apoie as nosas palabras
e faga panca de enerxética conquista
na luz soleira das nosas vidas
escoitando os pasos das maiores gratitudes.

Hoxe viñemos ao pé do Madalena
no sumar dos hectómetros merecidos
poñéndolle color de campar ben
ás palabras que se moven nesta roda,
cando setembro a pouco deixa irse
a canción comunal das ardentías
e o outono acode noviño e fresco
para coller lugar ao quente nas nosas casas
na lembranza dos froitos madurados,
e onde os recoñecementos coma o de hoxe
marcan a evocación amical serena
que conforma o fondo que sustenta
a memoria de fidelidade de Xulio…
O seu ben ser…
O seu ben facer…

Hoxe viñemos ao pé do Madalena
collidos da man dos tempos persoais
que escribiremos nos corazóns
dos que aprendemos…
que o que importa
son os soñares de pobo compartidos
e asemade as dignidades…
que nos marcan os andares do camiño…

e así construíndo máis ca nunca
a memoria persoal e colectiva,
unindo pasado e presente
no futuro da nosa mellor obra realizada
a que volve o vivido… magnífica obra de intensidade
escribindo sen mentiras, claramente,
os remites das nosas cartas desexadas.

18/9/MMXVI

Xulio:
a túa e nosa Irmandade Manuel María,
na querencia solidaria de Xermolos como casa de ben e comunal,
queremos dicirche…
e logo do poema lido…,
que este hectómetro de merecido recoñecemento
faise rúa nova de marabillosa frescura
que na pureza do teu exemplo
afortece ao vello camiño interminable deste proxecto compartido
mentres vaiamos teimosamente co amor a esta tribu nosa
na disposición de acoller por sempre a nosa maior verdade:
o noso pobo,
a nosa cidadanía.
Hoxe, irmán Xulio,
imos do eu ao ti
e somos máis nós.
Velaí o noso aporte
nesta sinxela emoción xigante
que avala calquera sentimento
que asina este recoñecemento.
Xa que logo…
ben e disfrute para ti por sempre.
Así…
Xulio…contigo
os soños non acaban nunca
Celebremos pois o momento.
Sigamos anotando posibilidades
E sigamos facendo deste teu día Xulio…
Un día vivo
Un día vivo tal bandeira…
que colocar no mastro da nosa maior irmandade

2 de out. de 2016

A Xulio Xiz




Xoán Xosé Fernández Abella.-

A Xulio Xiz, que nas súas diversas actividades móstrase sempre como gran galego e, con toda xustiza multipremiado, co gallo da homenaxe que lle rendemos en Vilalba o 18 de setembro deste 2.016

É galego nos xornais, tamén na televisión,
galego de guionista, e galego de escritor,
galego no dixital, tamén de presentador.
A Galiza sempre amada, bate no seu corazón.

Non esquezámo-la radio, que é a súa alta pasión.
Miles de actos culturais teñen nel gran valedor.
Do Belén de Begonte, promotor e defensor.
O grupo de Fonmiñá presídeo, e o Orfeón.

É honra de Vilalba igual que de Galiza
o amigo Xulio Xiz, galego extraordinario,
que, nobremente, o noso vive, sente, humaniza

con espírito limpo, fraternal, solidario
e a xenerosidade maior sempre na liza.
Son nobreza e bondade o seu itinerario.

Os Tilos, 12/setembro/2.016

Mondoñedo 10

Redacción.-

A Asociación “As San Lucas”, en colaboración co Colectivo Mondoñedo É … e o concello
de Mondoñedo crean os premios denominados “Mondoñedo 10” co obxectivo de
establecer vínculos permanentes entre a cidade e o concello que lles dá nome coas
mellores obras de creación cultural producidas en Galicia e en galego na actualidade.
O prestixio decantado ao longo dos séculos por institucións e persoeiros de ascendencia
ou residencia mindoniense, así como a recoñecida achega destes á cultura galega en
xeral, xustifican a creación destes galardóns que se entregarán anualmente co fin de
contribuír a salvagardar para a memoria do presente e do futuro da lingua e da cultura
galegas aquelas obras que a xuízo do xurado correspondente merezan este
recoñecemento.
Establécense dez modalidades que se sucederán ano a ano ata completar un ciclo,
convocándose sucesivamente a partir de agora consonte ao seguinte calendario:
Modalidades:
2016: Mellor obra de Narrativa en galego, publicada entre os anos 2006 e 2015.
2017: Mellor obra de Poesía en galego, publicada entre os anos 2007 e 2016.
2018: Mellor obra de Teatro en galego, estreada ou publicada entre os anos 2008 e 2017.
2019: Mellor obra de Ensaio ou Historia en galego, publicada entre os anos 2009 e 2018.
2020: Mellor obra de Música de autor/a galego/a estreada ou publicada entre os anos
2010 e 2019.
2021: Mellor obra de Plástica e Artes Visuais de autor/a galego/a, executada ou publicada
entre os anos 2011 e 2020.
2023: Mellor obra de Tradución doutra lingua ao galego, publicada entre os anos 2013 e
2022.
2024: Mellor obra de Xornalismo Cultural en galego, publicada ou desenvolvida en
calquera medio entre os anos 2014 e 2023.
2025: Mellor Persoa, Proxecto, Colectivo ou Institución do eido cultural galego entre os
anos 2015 e 2024.
A partir da convocatoria correspondente a 2025 comezará de novo a rolda establecida,
agás que a organización deste premio, previa consulta coas entidades colaboradoras,
decidise algunha modificación.
A entrega do premio correspondente a cada convocatoria realizarase en acto solemne
coincidindo coas Feiras e Festas das San Lucas dese ano.
O premio, que se entregará ao/á autor/a da obra seleccionada, ou, en caso de
falecemento ou outra causa, a un representante designado polos herdeiros ou titulares
dos dereitos da obra premiada, consistirá na entrega dun diploma acreditativo e dunha
obra artística orixinal e única de autor/a de prestixio recoñecido.
A composición do xurado de cada convocatoria será decidida polos organizadores,
atendendo ao tema da categoría proposta.
Bases Premio “Mondoñedo 10” 2016. Modalidade: Narrativa.
1ª.-Na edición correspondente a este ano 2016, o Premio “Mondoñedo 10” convócase na
modalidade de Narrativa á mellor obra escrita orixinalmente en galego e cuxa primeira
edición fose publicada en calquera soporte nos 10 anos anteriores ao desta convocatoria;
ou sexa, entre 2006 e 2015, ambos inclusive.
2º.-Só serán obxecto de deliberación os títulos propostos en prazo e forma polos
membros do xurado que terán opción de propoñer en cada caso un máximo de dúas
obras.
3º.-Terán a consideración de finalistas (relación que se fará pública nas xornadas previas
ao fallo), aquelas obras que figuren nas propostas remitidas por escrito polos membros do
xurado ao presidente do mesmo no prazo e forma que se estableza oportunamente.
4º.-Será proclamada gañadora a obra que despois de sucesivas roldas de votación,
excluíndo a cada volta a que obteña menos votos, aquela que reciba a maioría de votos
na votación definitiva.
5ª.- Nin o presidente do xurado, como membro permanente do mesmo, nin o secretario,
poderán propoñer obras, nin votalas.
6º.-Calquera cuestión relacionada ou non prevista nestas bases será resolta polo
presidente do xurado, previa consulta aos membros do xurado, e será inapelable.
7ª.-Este xurado reunirase en Mondoñedo o 16 de outubro de 2016 en hora e lugar a fixar
pola organización. Unha vez producido o fallo, o seu presidente comunicáralle á persoa
ou persoas premiadas a decisión, así como a hora e lugar onde se realizará a entrega en
acto público deste premio.
8ª.- Composición do xurado para a edición correspondente ao ano 2016, modalidade
Narrativa.
Presidente: Antonio Reigosa Carreiras, cronista oficial de Mondoñedo.
Vogal: Presidente/a, ou persoa en quen delegue, en representación do Consello da
Cultura Galega.
Vogal: Presidente/a, ou persoa en quen delegue, en representación da Real Academia
Galega
Vogal: Presidente/a, ou persoa en quen delegue, en representación da Asociación de
Escritores/as en Lingua Galega (AELG).
Vogal: Presidente/a, ou persoa en quen delegue, en representación do PEN Clube
Galicia.
Vogal: Presidente/a, ou persoa en quen delegue, en representación da Asociación Galega
de Editoras.
Vogal: Presidente/a, ou persoa en quen delegue, en representación da Federación de
Librarías de Galicia.
Vogal: Alcalde/sa , ou persoa en quen delegue, do concello de Mondoñedo.
Secretario: Fran Bouso, designado pola organización deste premio.

1 de out. de 2016

Doazón ao Pazo de Tor

Redacción.-

Christian Villamide doou ao Museo Pazo de Tor o libro de autor “A través da mirada”, obra realizada sobre unha axenda de 2008 do Museo Provincial de Lugo. Consta de portada e 164 páxinas, nas que o autor intervén por medio de pintura e a transformación das distintas ilustracións ademais dun retrato do artista realizado por María José Santiso.

O acto tivo lugar o 29 de setembro, ás 17:00 h. no Museo Pazo de Tor.

Título: “A través da mirada”, libro de autor de Christian Villamide

Medidas: 21,7 x 15,7 cm.

Páxinas: 164

Ano: 2016

“A través da mirada” é un percorrido polo paso do tempo, atravesado uns coas miradas dos outros, a través da arte, da cultura, da historia, da nosa vida.

“A través da mirada” tamén é unha homenaxe a todos os que fixerón posible o Museo Provincial de Lugo e a Rede Museística.

IV Festa da Afirmación e Dignidade

Redacción.-

Mañá domingo, 2 de outubro, celébrase no Pedregal de Irima e en Meira a IV Festa de afirmación e dignidade, organizada pola Asociación Cultural Xermolos e pola Irmandade Manuel María, e na que colabora a AC Avelino Díaz. A actividade conta co apoio institucional e organizativo do Concello de Meira.

Durante a xornada seranlles entregadas as "Mans de Irimia", da autoría do integrante da AC Avelino Díaz, Manolo Pardo, a Ricardo Polín e, de xeito póstumo, a Xosé Chao Rego.

Manuel

David Otero.-

poema lido en outeiro de rei no cabodano de Manuel

Manuel…

Vesnos aquí a esta Irmandade
no abrazo sentido de doce anos,
o que nos marca os tempos
da túa permanente presenza.
Pois nós… non nos perdemos polo camiño.

Manuel…

As horas andan de arrebolo,
mareadas a se faceren rulos arredor súa.
Imos polas rúas acoutadas e sentimos
os aires febles, e controlados,
sen facérense ventos ceibes liberadores.

Manuel…

As rúas xa non son lugares de ben, nin de loita,
onde debésemos sumar e multiplicar,
no canto de restar e dividir, sen resistenza.
Nelas xa non se constrúen man con man…
os precisados sentidos da dignidade.

Manuel…

Pisamos por unha sociedade de vanidades,
baleira e de espectáculo feito mercadoría.
Ben así pois…notamos o sabor acedo das derrotas
xa que a liberdade segue a ser o esencial ourado refén…
voando polas gaiolas de ouro.

Manuel…

E así xa ves…calamos… e volvémonos afables
e submisos do si señor… e maleables…
e imos indo…e nunca peor…
e xa veremos para o ano…ide ver…
e o silencio triunfante faise acubillo…e resistencia.

© Imaxe: La Voz de Galicia

Luís de Fabete

Antón de Guizán.-

Eu, vilarego de corazón, oriundo da tamén chairega parroquia vilalbesa de Lanzós, tiven a fortuna de coñecer a ducias de veciños dos Vilares acompañando a Pastora Veres no seu traballo de investigación para o libro que está a escrever. Moitas e moi interesantes persoas, admirables e sorprendentes en moitos casos. Entre todas, hai unha que si acaso pola súa modestia e humildade non é das máis nomeadas ate hai uns días pero que atesoura grandes cualidades e que coa súa labor calada da exemplo a quenes o rodean. José Luís Teijido Comba, que desde moi novo tivo inquedanzas que traspasaban o mundo rural aprendendo electrónica por correspondencia e construindo aló polos anos sesenta as primeiras televisions da contorna, tal foi así que goi alcumado "Radiola" en referen ia a aquelas marcas de trebellos que inundaron e mudaron as casas dos nosos pais e avós e que o levou a ter un negocio en Guitiriz. Adicado tamén ao cultivo de flores e árbores ornamentais, foi sempre meticuloso e eficiente naquelo que fixo. Pero Luís, xa nesa idade na que conta con máis tempo, estase a descubrir por ser un grande apaixoado da natureza e do noso património. Un dos mellores coñecedores da xeografía vilarega e de Guitiriz, Luís de Fabete estase a convertir no grande documentalista do mundo vexetal e animal da contorna con excepcionais fotografías de plantas, paxaros, insectos e animais que habitan a paisaxe chairega en moitos casos exempmares ben escasos e dificiles de captar. Co noso patrimonio natural, etnográfico e monumental, penas, pontes, muíños, fervenzas e ríos son captados por ese ollo excepcional de Luís que ten aportado ademáis aos Vilares e á Chaira enteira o descu rimento dunha mámoa das Carriceiras, de grande valor arqueolóxico, nesas andaduras polo monte que tanto ama. Pero a ese valor de descubrir unha persoa que non obsequia con verdadeira poesía visual, hai que sumar, ademais, a súa bonhomía, a súa educación e respeto, valores que cando acompañan aos anteriormente descritos, fan dunha boa persoa, un ser admirable. Coa inmensa sorte de ter a Luís de compañeiro na directiva da asociación Lareira de soños, sentimonos na obriga de divulgar e poñer en valor eses traballos que con tanta paciencia e agarimo realiza para o disfrute de todos ainda a sabendas de que él mesmo o considera, na súa humildade, excesivo. Nós sin embargo estamos certos de que é un grande valor e ademáis da catalogación e invertariado da mámoa descuberta, estamos a preparar unha exposicion de fotografías da natureza vilarega captadas por Luís de Fabete que todos poderán disfrutar.

  

30 de set. de 2016

En defensa da nosa toponimia

Redacción.- En relación á publicación, o pasado luns 26 de setembro, dunha peza informativa sobre os resultados das eleccións ao Parlamento de Galicia en El Mundo, na que se recollían unha serie de topónimos deturpados, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lembra que a lei 3/1983 de Normalización Lingüística, no seu artigo 10, establece que "os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega". Tendo en conta que lle corresponde á Xunta de Galicia determinar os nomes oficiais dos concellos, núcleos de poboación e demais topónimos, as denominacións na lingua autóctona son as únicas legais a todos os efectos.

O Colexio de Xornalistas é consciente de que esta norma está destinada á administración pública, mais semella coherente que os topónimos oficiais sexan usados de forma xeralizada, cando menos por aqueles medios presentes na Comunidade Autónoma Gallega. Asemade, mesmo tendo en conta que o Libro de estilo de El Mundo establece que "os nomes de poboacións de España [...] escribiranse en castelán, incluídas as poboacións daquelas comunidades autónomas con outras lenguas oficiais, sempre e cando esta denominación estea acreditada historicamente", e obviando a dificultade en moitos casos de tal acreditación, resulta imposíbel considerar "acreditadas historicamente" denominacións como "Guinzo de Limia", "Pollo" ou "Nieves".


Esta non é a primeira vez que o Colexio de Xornalistas tense que pronunciar diante da insistencia dalgúns medios que tenden a castelanizar os topónimos galegos. Por iso, o Colexio de Xornalistas chama a El Mundo e ao resto de medios de comunicación presentes en Galicia a usar en todo caso os topónimos galegos na súa forma oficial, en lingua galega, que é aquela fixada pola Xunta de Galicia. 

29 de set. de 2016

Feijóo acada a terceira maioría absoluta

Moncho Paz.- Feijoo logra a súa terceira maioría absoluta, mentres En Marea acada a segunda forza e liderará a oposición ata 2020. Cos resultados electorais desta noite e case o 100 % escrutado, Feijoo superaría os seus resultados do 2012 en número de votos e pontos porcentuais, mantendo o mesmo número de deputados, o cal permite afirmar que o PP non sofre o desgaste da súa acción de Goberno na Xunta de Galicia. En clave estatal, Feijóo ve reforzada aínda máis a súa posición no PP ao converterse no único presidente autonómico que gobernará con maioría absoluta. 

Por outra banda, confirmouse o sorpasso de En Marea que se converteu na segunda forza política no Parlamento do Hórreo ao superar ao PSdeG en número de votos, aínda que estean empatados con 14 escanos. A candidatura de Luís Villares lograría ademais unha maior porcentaxe de votos, un 19,03 % fronte ao 17,89 % dos socialistas. 

En resume, o PP logrou 41 escanos, En Marea 14, o PSOE 14, e o BNG 6. A continuación incluimos unha análise por partidos políticos e unhas breves conclusións.

PP
Triunfo de Feijóo, que esqueceu as siglas do PP. Traballaron desde o principio o concepto MARCA PERSOAL. Non se veu afectado polo tema da corrupción e a mala valoración de Mariano, que recibe un balón de osíxeno. Mensaxe clara e repetitiva: estabilidade fronte a provisionalidade.

PSdeG
Leiceaga é un candidato pouco coñecido socialmente, sentenciado polo proceso de primarias e sobre todo polo “efecto Caballero”. Elección do candidato tardía, cun proceso de primarias fratricida.

En Marea
Luis Villares partía dun escenario difícil como candidato improvisado, de última hora e tamén descoñecido para o conxunto do electorado. Superou todas esas trabas e chegou a moita xente, ten mérito que conseguira tanto en tan pouco tempo.En Marea perde 25.000 votos nas tres ciudades onde goberna.

BNG
Boa campaña, especialmente na segunda semana. Ana Pontón xerou expectativas e conseguiu obxectivos. Mensaxes dirixidas “á súa parroquia”. Rendabilizou o debate.

Conclusións:

O PP é primeira forza nas ciudades, sendo a lista máis votada en 304 concellos de Galicia, o PSdeG con 9, En Marea arrebata un a CxG e o BNG xa non ten hexemonía nin en Allariz.
Confusión xeralizada e cansanzo por parte da opinión pública.

Hai que discernir entre participación política e movilización social. A sociedade galega presenta un perfil de escasa politicación, que se traduce NUN ALTO ÍNDICE DE MOBILIZACIÓN E NUN BAIXO ÍNDICE DE PARTICIPACIÓN (entendida desde o compromiso político).

A oposición reflicte a carencia dun proceso organizativo que sexa suficiente para influir –de forma directa ou indirecta- nos ostentadores do poder, ou para orientar o progreso material e cultural da propia sociedade.

25 de set. de 2016

O PNV resiste en Euskadi

Moncho Paz.- O PNV resistiu moi ben o proceso electoral de hoxe, mantendo practicamente intacta a súa representación parlamentaria en Ajuria Enea; non só validou a súa vitoria, senón que gañou dous escanos ata acadar 29 parlamentarios, seguido polo EH Bildu (17) e Podemos Elkarrekin (11), mentres que o PSE-EE perde 7 parlamentarios, quedando cos mesmos que o PP. Cidadáns finalmente non tivo representación.

Womex 2016

Redacción.-

Do 20 ao 22 de outubro, a programación do Womex 2016 ofrecerá 50 espectáculos abertos ao público –45 concertos e cinco sesións de DJ– na capital de Galicia, con grupos e artistas procedentes de 40 países e de catro continentes. A Praza da Quintana, o Auditorio Abanca, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán os escenarios dunha programación que evidencia “a calidade e a diversidade da oferta cultural que ofrecerá en Galicia o encontro profesional e artístico máis importante das músicas do mundo no que constitúe unha clara aposta polas vangardas en diferentes territorios de todo o mundo, cunha selección do mellor da escena emerxente que se vai lanzar a nivel mundial, en países como Xapón ou Portugal, pasando por Mauritania, Finlandia, Macedonia, Uzbekistán, Colombia, Canadá e China.

As entradas para os concertos do Womex 2016 abertos ao público –que xa están á venda, a través de http://entradas.abanca.com– amosarán as expresións máis contemporáneas da música que se está a facer actualmente no mundo con base na raíz e que volven darse cita en Santiago de Compostela, logo de que en 2014 a capital de Galicia acollera, por vez primeira, este evento internacional. Neste sentido, Anxo Lorenzo asegurou que a reelección de Galicia como sede do Womex supón “un recoñecemento ao traballo e ás capacidades demostradas en 2014, pero tamén ao prestixio actual da música galega e á fortaleza creativa da nosa industria musical actual”.

Músicas de 40 países
Procedentes da península Ibérica chegarán os galegos Radio Cos, Xabier Díaz e Narf, ademais de La Negra, El Niño de Elche, Nakany Kanté e Xarnege (do resto do Estado); e Gisela Joao, Reyfado Lisboa e Throes + The Shine (Portugal). Do resto de Europa actuarán Okra Playground (Finlandia), Bella Ciao (Italia), Trad. Attack! (Estonia), NY Gypsy All Stars (Macedonia / Turquía / Grecia / USA), MHD (Francia), Oligarkh (Rusia), Ponk (República Checa), Vassvik (Noruega) e United Vibrations (UK).

A presenza de América, tanto do sur como do norte, é cumprida: Puerto Candelaria (Colombia), Bixiga 70 (Brasil), The East Pointers (Canadá), Delgres (Guadalupe / Francia), C4 Trio (Venezuela), Edmar Castaneda Trio (Colombia/EEUU), Bareto (Perú), iLe (Porto Rico), Quinteto Bataraz (Arxentina), Pascuala Ilabaca y Fauna (Chile), Les Tireux D’Roches (Quebec), Boogat e Quique Escamilla (México/Canadá), Nomade Orquestra e Anelis Assumpção (Brasil).

África tamén estará presente, con artistas como Derek Gripper (Sudáfrica), Faada Freddy (Senegal/Francia), Mehdi (Marrocos), Bargou 08 (Tunisia/Bélxica), Noura Mint Seymali (Mauritania), Jupiter / Okwess (DR Congo), Kondi Band (Serra Leoa), José Mucavele (Mozambique), Trio Da Kali (Mali) ou H’Sao (Chad/Canadá).

Finalmente, Asia, que cada vez incrementa máis a súa presenza en Womex, estará representada por Maïa Barouh (Xapón/UK), Black String (Corea do Sur), Dudu Tassa & The Kuwaitis (Israel), Adnan Joubran (Palestina/Francia), Tulegur (China) e mais Maltese Rock (Xapón).

DJ Summit
Xunto cos concertos, na sala Capitol celebrarase o DJ Summit, que reunirá o venres 21 e o sábado 22 varias promesas da mestura de ‘world music’. Son DJ Rachael (Uganda), Acid Arab DJ Set (Francia), El Remolón (Arxentina), H.A.T. (Morocco/USA) e DJ Satelite (Angola/Portugal).

Womex Quintana Festival
O maior escenario aberto ao público será a carpa situada na Praza da Quintana, que traerá a oferta máis festivaleira, con seis concertos cada noite ao prezo de 20 euros. Alí poderemos ver a 18 bandas da Selección Oficial, elixidas por un xurado internacional entre as máis de 1.400 candidaturas chegadas desde todo o mundo.

Bono ‘full pass’
Os máis fans da ‘world music’ poderán asistir aos 45 concertos (nos escenarios da Praza da Quintana, Auditorio Abanca, Teatro Principal e Salón Teatro) e ás cinco DJ sessions. Pero debido ao aforo limitado só están á venda 200 pases ao prezo de 55 euros.

Proxección dos artistas e da industria musical galega
Ademais dos artistas galegos que están presentes na programación –Radio Cos, Fran Pérez 'Narf' e Xabier Díaz–, a proxección da música galega verase tamén reforzada en Womex 2016 cunha nova edición do programa previo Focus GalicianTunes, que consiste en atraer a Galicia nos días anteriores a Womex unha selecta representación dos principais programadores, ‘mánagers’ e axentes que participarán no evento. Isto permitirá que poidan visitar distintos espazos culturais en varias cidades e presenciar concertos-showcases de artistas galegos especialmente deseñados para eles.
Non menos importante será o stand que a marca GalicianTunes ocupará nun lugar destacado do recinto feiral da Cidade da Cultura, desde onde a Xunta de Galicia traballará xunto coas empresas galegas acreditadas a prol da máxima difusión exterior da nosa música e dos nosos artistas.
Compostela é a cidade máis pequena na que se instalou o Womex nos seus 22 anos de historia. Tras o éxito de 2014, a organización repite en Galicia debido ás altas puntuacións dos delegados que participaron. Para a preparación da vindeira edición, patrocinada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, polo Concello de Santiago, pola Deputación Provincial da Coruña e por Mahou, xa hai máis rexistros a estas alturas que na mesma época de 2014, e os stands están esgotados.

19 de set. de 2016