A historia dos Garbo contra Hitler
O libro presentouse onte na librería Couceiro de Santiago. Ademais do autor, interviu o seu sobriño e tamén xornalista e escritor, Diego de Cora, que fixo unha descrición dos protagonistas da novela.
Froito dun traballo documental realizado polo autor, o libro "dá corpo" a modo de novela á historia do matrimonio formado por Pujol e González que, en plena II Guerra Mundial, convenceron ao Goberno alemán de que eran espías ao seu servizo para axudar aos aliados a que se desenvolvese con éxito o Desembarco de Normandía.
"A historia atrápache porque é incrible", dixo, nunha entrevista concedida a Europa Press, o autor, que traballou durante anos na recopilación de información. O seu vencello cos protagonistas nace de Lugo, dado que o pai de José de Cora era "curmán de Araceli", mentres que a súa nai era "amiga de mocidade".
Coa protagonista da súa novela tivo o seu primeiro contacto en Madrid, cando se trasladou para estudar xornalismo e, máis tarde, cando era director do diario El Progreso e Araceli González chamouno para poñer unha esquela para Joan Pujol. "Eu non sabía que estivera casada con el", indicou o escritor, que lembra que naquel momento, a finais dos anos 80, xa era coñecido que Pujol exercera como espía dobre durante a II Guerra Mundial. Aínda que José de Cora entrevistou a Araceli con posterioridade, ela mentiulle" e díxolle que "nunca soubo a que se dedicaba" o seu marido. O resto desta apaixoante historia, nas páxinas de El estornudo de la mariposa.
Foto: Moncho Paz
15 de dec. de 2016
Museos para todos tamén no Nadal
Redacción.-
Os museos integrados na Rede Museística da Deputación de Lugo convocan o programa de obradoiros e actividades para este Nadal 2016.
Cada un dos museos desta Rede (Museo Provincial de Lugo, Museo Provincial do Mar, Museo Fortaleza San Paio de Narla e Museo Pazo de Tor) desenvolven diferentes actividades nas respectivas sedes e para todas as idades, tendo en conta as peculiaridades das coleccións que albergan e as demandas do seu público visitante.
O prazo de inscrición paras as actividades que o precisan comeza o 15 e remata o 17 de decembro, e esta debe formalizarse no Museo onde se vaia realizar a actividade.
Achéganse os programas individualizados de cada un dos Museos.
14 de dec. de 2016
A música amorosa das palabras
Redacción.-
Este xoves día 15 ás 20 no Teatro Colón da Coruña a Casa-Museo Manuel María e a Fundación Manuel María de Estudos Galegos clausurarán o intenso ano de actividades que viñeron desenvolvolvendo con ocasión do Ano Manuel María cun concerto, A música amorosa das palabras, que será de entrada libre até completar o aforo, en que os versos de Manuel María serán interpretados e musicados por tres grandes da música galega: Uxía, Xabier Díaz e Guillerme Fernández.
Estes repasarán a través de vinte pezas a poética máis diversa de Manuel María, desde os poemas amorosos e máis íntimos até aqueles outros máis comprometidos coa defensa da lingua galega, pasando polos máis irónicos e mesmo polo canto emocionado á súa casa natal de Outeiro de Rei, hoxe convertida en Casa-Museo do escritor. Non faltarán tampouco as adaptacións de poemas, xa cancións emblemáticas, como “O carro” ou “Breve manual para deprender a señorito”.
O concerto é o broche final a un ano intensísimo, ao tempo que un recoñecemento, por parte da Fundación Manuel María e a Casa-Museo Manuel María ás entidades culturais, veciñais ou deportivas, bibliotecas públicas, centros de ensino e profesorado, xente do teatro que puxo en escena nove pezas da súa autoría, grupos musicais que fixeron cancións dos seus poemas, medios de comunicación e tantísimas persoas que contribuíron de forma decisiva para que a sociedade galega siga percibindo a Manuel María como un intérprete dos soños colectivos das galegas e galegos.
Para asistir a este concerto é preciso retirar o billete-invitación na billeteira do Teatro Colón o mesmo día 15 en horario de 12 a 14 h ou de 17 a 20 horas.
Xermolos en Bruxelas
Alfonso Blanco.-
Ao recibir o convite para participar no encontro sobre “A situación da cultura galega” no Parlamento Europeo, en Bruxelas, o 7 e 8 de decembro, Xermolos decidiu plantexar nel a situación da Casa de Díaz Castro, en ruinas, na voz dos dous nosos representantes que viaxan na comisión que elaborou a “Declaración” que imos ler alí “sobre a situación da cultura galega e das e dos profesionais do sector”, e solicitar a súa axuda para a recuperación, un reflexo máis da falla de apoios que sofre a nosa cultura, sobre todo no rural. É unha teima non doada para unha Asociación Cultural sen fin de lucro, que leva 40 anos loitando pola cultura coma unha ferramenta para crear vida no noso país, mantendo o Festival de Pardiñas, 37 edicións, abrindo unha biblioteca todos os días, encontros dinamizadores das nosas raíces... Cando o poeta retorna a Galicia despois de vivir en Madrid a maior parte da súa vida, converte a nosa asociación no seu segundo fogar, e Xermolos comprometeuse a reivindicar a súa poesía e compromiso co noso pobo. Era un escritor descoñecido para as e os veciños e un dos cumios da literatura galega para os criticos literarios. Para nosoutros a súa casa natal ten espírito e futuro, non son só unhas paredes, e aínda que loitamos para que todas as casas teñan vida e non haxa ninguén que non teña casa, temos a garantía de que este espazo máxico vai converterse nun manancial de enerxía para visualizar e revitalizar a nosa cultura rural.
Partimos da experiencia que tivemos coa obra do poeta. O pobo non a coñecía. Cando finou deixounos os seus versos inéditos, pertenzas persoais, apuntes..., e cando no 2014 a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia lle dedicaron a Festa das Nosas Letras e o Ano Díaz Castro, Xermolos sinteu a responsabilidade de devolver ao pobo a súa obra inédita, e os investigadores publicaron a súa poesía completa e outros escritos. Non podíamos ser egoistas e seguir gardando esta herdanza literaria, só para nosoutras e nosoutros.
Agora queremos facer o mesmo coa súa casa, devolvela ao pobo porque lle pertence, non para convertela nun museo nin nun campo temático, senón nun espazo de iniciativas para todas as asociacións do pais que queiran facer algo polo noso rural: debates sobre cooperativismo, montes comunais, os nosos sinais de identidade, olimpiadas populares, ecoloxía, e todas as facianas da nosa cultura..., ademáis de ser o lugar para dar a coñecer a obra de Díaz Castro e dos outros autores da Terra Cha que consideramos as e os poetas dos ríos, porque son e foron os que cantaron a súa importancia vital na nosa paisaxe e queremos que esta casa sexa unha chamada a conservalos dun xeito sostible.
Diaz Castro é un facho aceso para as novas xeracións: foi o coordinador de tradutores do Consello de Investigacións Científicas de Madrid pois domainaba 17 idiomas europeos, e por esta profesión traducía todas as temáticas da ciencia, literatura, tecnoloxía actuais, e ata que finou o seu idioma cotián foi o galego que mamou, e foi un entusiasta da cultura, ciencia e tecnoloxía das e dos labregos que nós agora queremos conservar nesta casa: o tear da súa irmá, as butacas do desaparecido cinema de Guitiriz xa que a súa afección era ir ao cinema, os pupitres dunha vella escola pois a súa vivenda foi a primeira escola dos Vilares, a primeira biblioteca de Xermolos que el converteu no seu lecer, e ferramentas de labregos e artesáns de comezos do s. XX que conformaron a súa familia: carpinteiros, canteiros, escribintes.
3 de dec. de 2016
Quico Cadaval na Casa Museo Manuel María
Redacción.- O auditorio da Casa-Museo Manuel María, dentro da súa programación cultural de outono, acollerá este vindeiro venres 2 de decembro o espectáculo humorístico do actor, director teatral e narrador de historias Quico Cadaval. Este contará, ás 20.30 hrs, en Outeiro de Rei, unha historia que leva por título Manoel o aduaneiro.
Segundo o actor ribeirán, “en Manoel o aduaneiro regresan as anédotas do mundo labrego desaparecido, nos tempos en que as vacas eran sagradas e o pan máis caro que o marisco. No espectáculo invocaranse a través da palabra historias de vida en que non faltan mariñeiros, cans de raiba, orquestrinas, militares, naufraxios, barbeiros, leiteiras, escapados, mozas, sementais, curas, desembarques, alcaldes (fascistas), auroras boreais, parteiros, doutores, o Santo Eleuterio, unha noiva, un aduaneiro e vacas, moitas vacas”.
As entradas par o espectáculo están xa á venda e teñen un prezo de 5 euros. Pódense reservar por anticipado a través do teléfono 698 177 621 ou do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal. Poderanse retirar desde unha hora e até 10 minutos antes do inicio da función. Nese momento poranse á venda as entradas que non foren reservadas, se as houber. Dado que o aforo do auditorio da Casa-Museo Manuel María é limitado, a organización recomenda optar pola reserva previa.
29 de nov. de 2016
A poesía mística e cívica de Díaz Castro
Redacción.-
Na Casa das Palabras de Guitiriz terá lugar o xoves, 1 DE DECEMBRO, ás 19 horas a presentación do libro A poesía mística e cívica de XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO de Xosé Lois García, coa intervención de Rubén Aramburu e o autor e un CONCERTO DE MINI E MERO. O acto está organizado pila A. C. Xermolos.
Estévez e o futuro de Compostela
28 de nov. de 2016
Nunca o saberás
David Otero.-
Quero dicir
que somos moitas,
que
son eu mesma.
Que as miñas palabras
han borrarte
deste
meu noso mapa
Díxencho
en vida
e
agora refréscacho este poema
Refréscacho tamén
e de seguido
o
teu olvido.
… e teimosamente
a túa memoria
e
en presente
E por iso eu
falo de ti
e
nós… falamos de ti
Pois ti non sabes
o ben que coñecemos
o
que nos pica dentro
E fóra
ti non sabes ben
o
que nos pica
Pois somos as mulleres que levamos dentro,
as que levamos fóra
e
pícanos.
Pero ti nunca saberás nada disto
Ti nunca saberás nada.
Ti…
nunca saberás nada disto
david otero, outono en Bonaval MMXVI
25 de nov. de 2016
A conchada, punto de partida e chegada
Antón de Guizán.-
A Terra Chá conta con numerosas escolas de indianos, casas sufragadas polos nosos emigrantes en ultramar que acreditaban na cultura como mellor investimento para o futuro dos seus. Por sorte, moitas delas recuperadas fisicamente e constituidas hoxe en centros de vida social e cultural dos veciños e veciñas do lugar. Algunhas pasan xa do século de vida e outras están próximas a cumprilo, como é o caso da escola habaneira da Conchada nos Vilares que será centenaria en 1923.
A mellor honra a aqueles que investiron o esforzo do seu traballo e exilio das raíces na cultura dos seus, é restaurala, adaptala a estes tempos e facer dela o centro da vida social e cultural da parroquia. A eliminación de barreiras, os illamentos, a calefacción, a dotación de medios acaídos para as adtividades, a xestión diaria, habitabilidade en definitiva, é urxente e necesaria. Para esto, a administración, as asociacións e a veciñanza teñen a obriga de entenderse e sumar esforzos que nunca serán máis grandes que o traballo que fixeron aqueles que hai casi cen anos a construiron e que sirveu para a educación de centos de vilaregos de varias xeneracións.
Non facelo, será unha desonra á nosa memória e ao noso patrimonio material e inmaterial cando ainda estamos a tempo de recuperala para uso de todos e poñela en valor como centro social e cultural desta parroquia do rural. Ese debe ser desde agora o reto. A Conchada volve a ser o punto de partida, será tamén o punto de chegada?
23 de nov. de 2016
Homenaxe ás Irmandades da fala
Redacción.-
No presente ano 2016 está a celebrarse o centenario da fundación das "Irmandades da Fala", agrupación de carácter fundamentalmente cultural que tiña como obxectivo principal a defensa dos valores do noso país. A cuarta Irmandade de Galicia constituíuse en Vilalba o 24 de novembro de 1916 na sede do periódico local "Heraldo de Villalba", situada na casa número 7 da rúa Valeriano Valdesuso, acaroada até a súa expropiación en 1965 á Torre da Homenaxe do Castelo, actualmente edificio emblemático do Parador.
Por todo elo, O VENRES, 25 DE NOVEMBRO, o IESCHA, coa colaboración do Concello e do Parador de Vilalba, organiza os actos conmemorativos do CENTENARIO da constitución DA IRMANDADE DA FALA DE VILALBA, co seguinte programa:
• Ás 20:00 horas, inauguración dun monolito no lugar no que se fundou esta Irmandade, na redacción do “Heraldo de Villalba”, sito na rúa Valeriano Valdesuso, nº 7, fronte á entrada á Torre da Homenaxe do Castelo. O acompañamento musical estará a cargo do grupo BUXOS VERDES.
• Ás 20:30 horas, conferencia de Emilio Xosé Insua sobre O CENTENARIO DAS IRMANDADES DA FALA, no salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba.
Con este acto o Iescha pretende o recoñecemento das 19 persoas que fundaron esta Irmandade da Fala, poñendo a súa pedra no milladoiro:
- Do autogoberno galego
- Na baril defensa e o traballo a prol do recoñecemento oficial do noso idioma propio.
- Na loita pola igualdade de mulleres e homes, que xa recoñeceron na I Asemblea Nacionalista (Lugo, novembro de 1918).
20 de nov. de 2016
V Festival de Jazz de Ribadeo
Redacción.-
A V edición do Festival celebrarase entre o 2 e o 10 de decembro próximos, con concertos ás 20,30 horas no Auditorio Municipal "Hernán Naval".
Haberá un total de cinco concertos que engloban a sete bandas de jazz e blues, deles dous gratuítos e tres de pago. O programa de concertos é o seguinte:
Venres 2 decembro
Alejandro Vargas Trio
Prisco & Cherry
Sábado 3 decembro
Michael Olivera Group
Martes 6 decembro
Oier Ponce Trio
En casa do Ferreiro Blues Band
Xoves 8 decembro
Julián Maeso
Sábado 10 decembro
Shirley Davis & The Silverbacks
O prezo das entradas soltas é de 10,00 para cada concerto pero existe un abono para o tres concertos de pago por 25,00 euros. Estas entradas e abonos xa se atopan á venda na web www.codetickets.com e na axencia de viaxes Alandrina Tours, rúa Reinante, 14 de Ribadeo.
17 de nov. de 2016
Día Internacional da Migración
Redacción.-
O Día Internacional da Migración celébrase en todo o mundo o 18 de decembro, unha data sinalada pola ONU para chamar a atención sobre a gran contribución de millóns de persoas á economía e desenvolvemento dos países de todo o mundo. Nesta xornada presentarase o programa de actividades previstas para a continuación do proxecto “Culturas en diálogo”, os traballos desenvolvidos e as conclusións arredor dos diversos proxectos de museoloxía social que se veñen desenvolvendo nos museos da Rede Museística da Deputación de Lugo.
Presentación
Museo Provincial de Lugo
Venres, 18 de novembro: de 17:00 a 19:30 h.
Actos previstos:
-Saúdo da deputada delegada de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García Porto
-Presentación da programación xeral do Día Internacional da Migración 2016 (18 de decembro de 2016)
-Parladoiro no que intervirán
-Pedro Cantero, director do Centro de Educación Permanente de Adultos do C. P. Monterroso
-Alí Lhana Díaz, tradutor del C. P. Monterroso. Experto en culturas mediterráneas e orientais
-Ana Mª Bereciartúa, presidencia da Asociación Rioplatenses de Lugo
.Víctor Fraga Gayoso, director de programas do C. Penitenciario de Monterroso
-Encarna Lago, xerente da Rede Museística
Inauguración das exposicións:
1.-Mostra arredor do conto “La mancha de humedad” de Juana de Ibarbourou.
Comentaranse os resultados do obradoiro “Imaxina” que se desenvolve todos os xoves do ano 2016.
2.- Museos posibles 25.2 : “Desenvolvemento para todxs” e “Mulleres en Turquía”. Centro Penitenciario de Monterroso.
Convocatoria
-Desde a experiencia comentada por 11 mulleres que participaron no programa “De aquí e dacolá” (Culturas en diálogo: Lugo –Arxentina) anúnciase unha nova convocatoria para a realización de documentais sobre as culturas que dialogan, neste caso entre Lugo e Uruguai.
Os soños na gaiola
Redacción.-
O auditorio da Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei acollerá este sábado 19 de novembro ás 18 horas o espectáculo de monicreques Os soños na gaiola, da compañía Títeres Alakrán. Trátase dunha función para todos os públicos, especialmente dirixida a público familiar.
Baixo o mesmo título que un dos máis clásicos poemarios do autor a quen este ano se lle dedican as Letras Galegas, a obra, con dirección e dramaturxia a cargo de Roi Vidal Ponte e montaxe escénica a cargo de Borja Ínsua Lema, quere ser a particular homenaxe de Títeres Alakrán ao poeta. Estreada o 1 de abril do presente ano, leva xa percorrida boa parte da xeografía galega e chega agora á Casa-Museo Manuel María logo de ter pasado por espazos tan importantes como a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, a Mostra internacional de títeres Galicreques de Santiago de Compostela ou a Mostra de Títeres de Ribeira.
Os soños na gaiola de Títeres Alakrán parte dunha particular visión dos poemas que en 1968 Manuel María publicou por vez primeira para mostrarlle ás nenas e nenos de Galiza como era o mundo labrego do que el procedía. Ao mesmo tempo, a historia bebe tamén do clásico Alicia no país das marabillas, de Lewis Carroll. Desta unión surxe a historia: a nena Alicia, nacida nunha contorna urbana, ao comezo non coñece nin entende moi ben ese mundo labrego de Manuel María, mais acabará por comprendelo e por amalo.
A función, de 50 minutos de duración, comezará ás 18 horas. O prezo das entradas é de 2 €. Estas pódense reservar xa a través do correo electrónicocontacto@casamuseomanuelmaria.galou do teléfono 698 177 621. Poderanse retirar na Casa-Museo o propio sábado desde as 17 horas e até 10 minutos antes do comezo do espectáculo. As entradas non vendidas serán postas á venda nese momento até completar o aforo do auditorio.
Boa viaxe, Narf!!
15 de nov. de 2016
Curso de construción de caixas niño
Redacción.-
O domingo 20 de novembro terá lugar un curso de construción de caixas niño para aves e refuxios para morcegos no CEN Casa das Insuas.
Primeiramente haberá unhas breves charlas para coñecer as diferentes especies que poden usar as caixas niño e refuxio e os beneficios que poden obter delas; para posteriormente construír varios modelos de caixas de construción sinxela e económica.
O programa da actividade será o seguinte:
10:00. Aves e caixas niño. Óscar Rivas - AGCT-Numenius
10:30. Morcegos e refuxios artificiais. Roberto Hermida - AGCT-Drosera
11:00-14:00. Construción e instalación de caixas. Martiño Cabana - AGCT