Día dos medios en galego?

Redacción.-

A Asociación de Medios en Galego lamenta a discriminación da Xunta sobre os medios escritos na lingua do país con respecto aos que o fan en español, e reclama o cumprimento do artigo 19 da Lei de Normalización Lingüística cando marca que "o goberno galego prestará apoio económico e material aos medios de comunicación (...) que empreguen o galego dun xeito habitual e progresivo".

17 de maio e 25 de xullo. Datas simbólicas para o calendario galego e as únicas nas que a Xunta destina unha migalla para os medios en galego dos millóns de euros que reparte en concepto de publicidade institucional. E este 17 de maio non é unha excepción.

A Xunta publicou o último día hábil do pasado ano a resolución das súas subvencións aos medios para promocionar a lingua galega. A resolución da subvención para medios integramente en galego suma 201.000 euros. As subvencións para medios
xeralistas 1,6 millóns. Esta diferencia de importe prodúcese malia que en teoría as dúas liñas de subvención comparten un fin: apoiar a difusión de noticias en galego.

Para cobrar as subvencións, aos medios escritos en castelán chégalles con ceder á lingua propia un 8% do seu espazo total, que en moitas ocasión non se cumpre, xa que algúns deles nin superan o 5%. Ademais, tamén poden recibir axudas polas súas edicións dixitais.

A convocatoria de axudas para medios en galego crea unha serie de barreiras pola que na práctica case toda a prensa dixital e emisoras de Radio e TV en galego queda excluída. A diferencia é que só se conceden a medios con edicións en papel. Resultado: a prensa dixital en galego suma pouco máis 3.400 euros de axudas. Pola contra, a prensa en español supera amplamente o millón de euros por, supostamente, escribir en galego. E esas axudas son á marxe doutras axudas millonarias que perciben en base a distintos convenios co goberno galego durante todo o ano.

A estas dirixidas subvencións únese a política arbitraria da publicidade institucional para estas datas. Nada sabemos da Lei de Publicidade Institucional na que aseguraba estar traballando o PP cando hai dous anos rexeitaba a nosa proposición presentada no Parlamento hai dous anos. Mentres, do arredor de 15 millóns de euros que destina a Xunta aos medios, menos do 1,5% recaen en medios que comunican integramente en galego.

O propio Carlos Casares, homenaxeado neste 2017, coincidiría na necesidade de
preservar a lingua galega nos medios de comunicación, como así o recoñecía:

“Escribo cunha clara conciencia política frente ao castelán, que é a lingua imposta. Esto téñoo moi claro. O bilingüismo non o acepto, ao máis podo disculpalo, e non sempre. Aínda non atopéi a ninguén que me poidera demostrar que o bilingüismo é politicamente válido. A lingua dos galegos é o galego e eu, dende o meu oficio de escritor, estóu a defender esa lingua con todas as miñas forzas e todos os meus coñecementos”.

“Nós non queremos esmorecer. Nós non estamos esmorecendo. Galicia vén de lonxe e vai para lonxe, e nesa longa andaina nosa polos séculos, o idioma dános forzas e axúdanos a lembrar o que somos. Ese idioma é un monumento colectivo, sempre inacabado e onde todos teñen cabida" afirmou o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo hai uns anos no discurso oficial do Dia das Letras.

Os medios de comunicación en galego tampouco queremos esmorecer. E seguiremos a nosa andaina, coa axuda ou sen a axuda do Goberno galego que, a pesar de que por lei debe apoiar aos medios escritos na lingua do país, de facto discrimínaos.

A AMEGA está formada polos seguintes medios: Radio Fusión-Rede de Emisoras Municipais Galegas, Galicia Confidencial, Praza, Sermos Galiza, Tempos Novos, Novas da Galiza, A Nova Peneira, Valmiñor.info, Que pasa na Costa, A Voz de Vilalba, Crónica 3 e Terra Cha Xa.

17 de maio de 2017

Homenaxes a Carlos Casares

Redacción.-

As bibliotecas públicas da Xunta de Galicia celebran en torno ao 17 de maio a grande efeméride das Letras Galegas, que este ano rende homenaxe á dedicación ao libro, á cultura galega e á creación literaria do ourensán Carlos Casares. A variedade de actividades programadas polas bibliotecas autonómicas permite que persoas de todas as idades se acheguen á figura deste grande escritor e editor.

O vindeiro día 18 de maio impartiranse dúas conferencias sobre Carlos Casares nas bibliotecas públicas da Coruña e Santiago, ambas as dúas ás 19,00 horas. Na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago Häkan Casares Berg lembrará a figura do seu pai, ofrecendo a súa visión familiar deste persoeiro das letras. Mentres, na Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña falará Gustavo Adolfo Garrido, secretario da Fundación Carlos Casares, que incidirá na actividade do autor como tradutor e os seus estudos sobre Ernest Hemingway.

Lugares de encontro, xogos e actividades

Os rapaces poderán coñecer un pouco máis polo miúdo a Casares divertíndose cunha morea de actividades ao longo de todo o mes de maio. Nas bibliotecas da Xunta atoparán lugares de encontro, xogos, concursos, exposicións, propostas didácticas, contacontos, recitais e actividades musicais para lembrar que Casares foi un pioneiro da literatura infantil en galego. Por exemplo, a Biblioteca Pública Ánxel Casal organiza o Concurso de Carteis do Día das Letras Galegas para os nenos e nenas de tres a trece anos, que este ano chega á sétima edición. Os traballos depositaranse na biblioteca ata o 12 de maio. Os tres carteis máis creativos e orixinais recibirán premios e agasallos nun acto que terá lugar o día 18 de maio ás 18 horas. Todos os carteis presentados exhibiranse desde o 18 de maio ata o 16 de xuño na sala infantil da biblioteca. Esta exposición acompañará a dúas mostras bibliográficas de coleccións da biblioteca que poderán visitarse ao longo de todo este mes.

O 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas, alumnos e alumnas de centros de Santiago de Compostela participarán no Gran xogo das Letras Galegas. Os rapaces indagarán na orixe e significado do día que rememora a publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, un 17 de maio do 1863, ao tempo que descubrirán interesantes datos sobre a vida e a obra de Casares.

Contacontos, mostras e música

A Biblioteca Ánxel Casal completa a súa programación cos contacontos dos sábados 20 e 27 de maio, ás 12,00 horas, para nenos e nenas de tres a doce anos. No contacontos do día 20,As laranxas máis laranxas,o bardo Abelardo creará todo un espectáculo adaptando contos e obras de teatro infantil de Casares para contalos e cantalos acompañado da súa concertina. No último sábado de mes, Lisístrata rende homenaxe a Casares con historias Contadas coa súa voz e coa nosa palabra, de obras que chegaron a converterse nos clásicos da literatura de hoxe.

Na Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña, os nenos e nenas de seis a doce anos poderán visitar durante todo o mes de maio unha mostra bibliográfica sobre Casares, completada cunha proposta didáctica permanente publicada en bloggit, o bloque da sala infantil.

O sábado 20 de maio, ás 12,00 horas, a música de violín e os contos fabricados polo Contador de Contos con Efecto Retardado, combinará e entrelazará unha sarta de historias que se irán esfiando de vagariño nas que nenos e nenas de catro a once anos atoparanse coa invención,da man de Marisa Irimia,de cousas estrambóticas e imposibles. Rematarán os actos de homenaxe o sábado, 27 de maio, ás 12,00 horas, co contacontos ilustrado Os xoguetes de Clío. Os nenos e nenas a partir de tres anos emprenderán unha longa viaxe en tren, acompañados polo Correo do Vento, na que aparecerán mesturados distintos datos da vida de Carlos Casares e moitos dos seus personaxes.

Ritual para unha tribo capital de concello

Redacción.-

o Libro de Lugo, presentarase a reedición do poemario de Manuel María Ritual para unha tribo capital de concello. A presentación será levada a cabo pola profesora de literatura de Educación Secundaria, Eva Teijeiro, e o secretario da Casa-Museo, Alberte Ansede.

Ao final do acto, a Casa-Museo Manuel María promove que as persoas asistentes escollan e leandiante do público asistente algún dos poemas que contén este libro en queManuel María canta a súa tribo natal, Outeiro de Rei.

O poemario, editado por primeira vez en 1986, é un canto lírico-etnográficoonde a intimidade, as lembranzas e a historia persoal e colectiva, as vivencias, as identificacións coa natureza, os retratos de familia, a denuncia social, as romarías, as lendas, os ritos, os traballos… fanse presentes no espazo vital dunhas xentes e dun pobo que o escritorama, que sente seu e que ergue poeticamente desde a lembranza da sua infancia para ir avanzando no tempo até o presente-futuro do seu non ser físico.

15 de maio de 2017

'Martes de Carnaval' chega a Ourense

Redacción.-

A xira do Centro Dramático Galego (CDG) coa súa produción Martes de Carnaval, de Valle-Inclán, chega á provincia de Ourense para ofrecer tres funcións no Barco de Valdeorras e en Ourense. A primeira destas citas foi co público barquense o pasado día 12. A seguinte terá lugar no Teatro Principal da cidade das Burgas, onde representará este espectáculo o venres 19, ás 11,00 horas, para centros escolares de Ourense e comarca, e o sábado 20, ás 20,30 horas, para público xeral.

Marta Pazos dirixe esta proposta, que leva a escena por vez primeira en galego as obras de Valle-Inclán As galas do defunto e A filla do capitán. Un elenco de 10 actores e actrices (Iria Azevedo, César Cambeiro, Mercedes Castro, Anabell Gago, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero Madriñán, María Roja, Machi Salgado e Sergio Zearreta) dálle vida aos máis de 30 personaxes que suman as dúas pezas, nun esixente traballo interpretativo e mesmo físico, que require tamén dunha gran rapidez e precisión técnica entre bambolinas.

Carga simbólica

A partir de aproximacións estéticas e temáticas diferentes, as dúas pezas que integran Martes de Carnaval dan conta da vixencia simbólica destes esperpentos de Valle-Inclán, así como da súa valentía á hora de criticar con sátira e retranca as miserias da sociedade.

A primeira delas, As galas do defunto, está ambientada na época na que discorre a historia da Daifa e Juanito Ventoleira, situada nunha cidade portuaria galega en 1898, en plena resaca da guerra de Cuba. Pola súa banda, A filla do capitán traslada ao “Madrid moderno” a trama que Valle construíu a partir de dous acontecementos reais do seu tempo: o pronunciamento de Primo de Rivera en 1923 e o crime do Capitán Sánchez, famoso na prensa sensacionalista de 1913.

Marta Pazos optou para esta produción por unha posta en escena limpa, ao servizo do particular universo creado polo gran autor arousán. Xunto co cadro técnico do CDG, contou para este fin cun equipo artístico integrado por destacados profesionais que veñen desenvolvendo as súas traxectorias teatrais en compañías de toda a península: Rut Balbís (movemento), Fernando Ribeiro (escenografía), Uxía Vaello (vestiario), José Álvaro Correia (iluminación), Hugo Torres (música e asesoría de dramaturxia), Esther Quintas Salgado (caracterización), Manuel Cortés (tradución), Rosa Moledo (asesoría lingüística), Ernesto Arias (traballo de palabra), Gena Baamonde (asistencia de dirección), José Faro “Coti” (asistencia de escenografía e iluminación), María Villas (asistencia de vestiario) e José Díaz (música e asistencia de produción).

Venda de entradas

As entradas para a representación do sábado 20 en Ourense, inserida no programa de abonos da temporada de teatro do Principal, as entradas poden mercarse xa na web entradas.ataquilla.com ou no teléfono 902 504 500. No despacho de billetes, estarán á venda o venres 19 de 12,00 a 14,00 h. e o sábado 20 de 12,00 a 14,00 e desde as 18,30 h. Os seus prezos oscilan entre os 10 e os 15 euros.

En xira

A xira de Martes de Carnaval, que arrancou a pasada semana en Tui, continuará no mes de xuño na Coruña (días 2 e 3 no Teatro Rosalía Castro), Rianxo (día 9 no Auditorio Municipal), Valencia (día 11 no Teatre Principal, dentro do Festival Tercera Setmana), Pontevedra (día 15 no Auditorio Afundación) e Vigo (día 22 no Teatro Afundación).

Ademais, e tras unha primeira estadía no Salón Teatro, sede do CDG en Santiago, onde se estreou o pasado 20 de abril, o espectáculo regresará a Compostela o 28 de xuño para a súa última quenda de representacións ata o 16 de xullo.
 

Festival de Cans

Redacción.-

Profesionais dos sectores audiovisual e musical, veciños e afeccionados de toda Galicia daranse cita do 24 ao 27 de maio no Festival de Cans, que presentou o programa da súa décimo cuarta edición. A Xunta de Galicia volve colaborar economicamente coa organización do certame, que se celebra na aldea do Porriño da que toma o seu nome.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e mais o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, acompañaron nesta presentación os responsables do certame que organiza a Asociación Cultural Arela e os representantes do resto de entidades e empresas colaboradoras.

Xunto co carácter lúdico e veciñal que converte este festival nun dos eventos culturais máis peculiares de todos os que cada ano se celebran en Galicia, o director da Agadic destacou tamén o papel de Cans como plataforma de difusión e impulso das realizadoras e realizadores galegos.

Este ano son 16 as curtametraxes seleccionadas na sección oficial a concurso, da que a organización destaca a paridade numérica entre as pezas realizadas por mulleres e por homes, mentres que no apartado de animación presentaranse outras seis curtas cunha forte presenza de novos creadores. Ademais, os videoclips gañan protagonismo, con 19 traballos en competición.

En canto ás longametraxes, Cans estreará A historia dun satálite, de Also Sisters, e o documental sobre o naufraxio do Prestixe Mar de fondo, de Dani Guzmán, ademais de contar con Manane Rodríguez para afondar no proceso de realización do seu filme Migas de pan na sección Rebobinando, entre outras proxeccións.

Audiovisual e música

O Festival de Cans avanza, así mesmo, na súa aposta polo diálogo entre a música e o audiovisual, con propostas como a exhibición de Frágil equilibrio, gañador este ano do Goya ao mellor documental, acompañada dunha actuación de Uxía, intérprete do tema deste filme que estivo nomeado á mellor canción orixinal nestes mesmos premios.

Seguindo neste apartado, o certame rescatará prezas audiovisuais do grupo Radio Océano, estreará o novo vídeo de Terbutalina e ofrecerá unha retrospectiva dos mellores clips de Eladio y los Seres Queridos. As tres bandas forman parte, igualmente, da carteleira de máis de 25 concertos que acolle o festival e na que se atopan outros grupos como León Benavente, Corizonas, Familia Caamagno, Adrián Costa & The Criers, Cora Sayers, Roger de Flor e Os Silvestres, Os Carunchos, Electric Feels, Escuchando Elefantes ou Trío Acivro.

Convidados e homenaxes

Tamén son seccións habituais do festival o Coloquio na Leira, que este ano estará protagonizado polo cineasta Montxo Armendáriz, ou Fill@s de Cans e A que andas?, nas que se ofrece un avance de proxectos audiovisuais galegos que se atopan en diferentes fases de desenvolvemento e de produción.

No capítulo de homenaxes, o actor Miguel de Lira recibirá o Premio Pedigree, mentres que os chimpíns de prata irán para o director Jorge Coira e para o veciño de Cans Feliciano Bernárdez, “Xano”.

Tamén hai nomes ben coñecidos do audiovisual galego no xurado da sección oficial, integrado por Luisa Romeo, Mara Torres, José Antonio Quirós, Sonia Castelo, Diana Toucedo, Alfonso Zarauza e César Goldi.

Esta ampla programación complétase con outras seccións habituais como MiniCans e Cans do futuro para o público infantil e xuvenil, a ruta CansSonoro con Xurxo Souto, a Can Parade para descubrir novos valores artísticos de Galicia ou a ollada gastronómica cara á sétima arte con Tapas de cinema, entre outras moitas actividades.
 

Homenaxe a Rubén Vizcaíno

Redacción.-

Guitiriz celebra a un dos seus músicos máis internacionais.
Mañá, as 20,30, Xermolos organiza un encontró con Rubén Vizcaino, sen dúbida, o seu músico máis internacional, xa que nesta Festa das Letras a Real Filhamonía de Galicia estrea nos actos oficiais a súa música de “Formiga” de Carlos Casares, tamén lembrando a súa música de “O instante eterno” de Xosé Antonio Cascudo dedicada a Díaz Castro, xa que tamén estudioucomposición electroacústica e composición para cinema e televisión. Poeta e músico estudiou piano no conservatorio de Lugo e composición na "Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia.

O seu "Nocturno n. 1" para piano foi nominado para os "Hollywood Music in Media Awards 2013" na categoría de música clásica.Nesta proxección internacional remarcar a súa paixón pola música xaponesa para a que compuxo varias cancoóns para soprano e piano dedicado á rexión de Fukushima

12 de maio de 2017

Trapeiro de honra 2017

Redacción.-

A Asociación Sociocultural Lareira de soños ven de decidir que Raúl Río Díaz será distinguido co Premio Trapeiro de Honra 2018 na súa quinta edición como vilarego exemplar, sumándose así a Xosé María Díaz Castro, a Romaría Labrega da Chaira, Pepe de Cristos e Asunción dos Ares, galardoados nas anteriores edicións. Raúl, distinguido tamén no 2016 coa Navalliña dee Manuel María, é un grande activista da mosa cultura e un home comprometido, amante das artes e das letras e un dos principais embaixadores de Diaz Castro e dos Vilares. Grande coñecedor da historia da parroquia permanente colaborador de iniciativas culturais e políticas na Terra Chá e en Euskadi. Fachendoso das súas orixes, non perde a oportunidade de organizar en Euskadi, a súa segunda patria, actividades e eventos relacionados con Guitiriz e Os Vilares. Socio fundador da Asociación Sociocultural Lareira de soños dos Vilares, a decisión unánime da asociación evidencia o cariño e recoñecemento xeral da veciñanza a este vilarego, obreiro, escultor, pintor, documentalista, fotógrafo, escritor e sobre todo grande persoa, e con grandes valores humanos.

A figura de Raúl personaliza neste premio a homenaxe aos emigrantes daqueles anos 60 e 70 que se viron obrigados a sair a gañarse a vida polas dificultades de tempos escuros do franquismo abandoando o rural para buscar o sustento en zonas industrializadas pero tamén a todolos loitadores comprometidos coas súas orixes e coa súa cultura. Un premio que agradece a Raúl e a multitude de traballadores o seu amor pola patria  e polo rural chairego e galego.


Raúl Río Díaz

Data de Nacemento: 23 de xuño de 1950

Lugar de Nacemento: Os Vilares, Guitiriz (Lugo)

 Currículum

Estudou Mestre Industrial, rama do metal, na Escola Politécnica de Lugo. Emigra en 1969 para Euskal Herria, onde traballou de peón de albanel, caldeireiro na construción e reparacións navais; de siderúrxico nos Altos Fornos de Biscaia, onde foi membro do Comité de Empresa desde 1985 até o seu peche e despois de siderúrxico na factoría de ArcelorMittal, na localidade biscaíña de Etxebarri, onde tamén seguiu de sindicalista até a súa xubilación.

Aficionado a fotografía, ás artes plásticas e as letras.

Obras realizadas

Esculturas

Busto en granito de Xosé María Díaz Castro que se atopa na súa parroquia natal.

Busto de Díaz Castro en escaiola na Casa das Palabras de Guitiriz .

Placa en baixo releve colocada na céntrica Rúa dos Foros de Barakaldo, na fachada da casa onde viviu don Ramón Cabanillas.

Baixo releve de Castelao na Pena das Grallas dos Vilares.

Baixo releve do demo na Pena das Grallas dos Vilares.

 

Libros

Manuel María. (Colectivo), Asociación Cultural Xermolos, 2001.

Crítica e Autores. (Colectivo), Colección Biblioteca 120 Galega. La Voz de Galicia, 2002.

Txiki - Haizea eta Sustraia. (Colectivo), Haizea eta Sustraia Kultur Elkartea, 2007.

Gabriel Aresti - Manuel María. Galegos en Bizkaia - Galiciarra Bizkaian. (Colectivo), Fundacións Fesga e Ipar Egoa, 2007.

Outros datos de interese

Fundador, xunto con outros compañeiros, da Asociación Cultural Rosalía Castro de Barakaldo.

Socio fundador da Asociación Sociocultural Lareira de soños dos Vilares.

Realizador de numerosos audiovisuais da cultura e sociedade chairega.

Publicou artigos de opinión en varios periódicos vascos como El Correo, Egin, Euskadi Información, Gara, así como en revistas editadas polos Centros Galegos e Casas de Galiza.

En Galiza escribe no periódico Terra Chá.Xa e nas revistas dixitais Terra e Tempo, Galiza Dixital e Sermos Galiza.

Premio Navalliña de Manuel María 2016 da Irmandade Manuel María.

Campionato de Europa de Tae Kwon-Do

Redacción.-

Os alumnoa da Escola de Tae Kwon-Do Moo Duk Kwan Gabriel Tembras Currás e Beatriz Felpeto Rodriguez participaron a pasada fin de semana na illa grega de Rodas coa selección nacional no I Campionato do Mundo de Tae Kwon-Do na praia así como no Campionato de Europa. Estes deportistas competian nas modalidades de tecnica individual e parellas asi como na modalidade de free style, tanto individual como parellas, obtendo nesta modalidade a medalla de Bronce en balas dúas competicións, Campionato do Mundo de Tae Kwon-Do na praia como no Campionato de Europa.

10 de maio de 2017

Creus e Carrasco mañá en DIDAC

Redacción.-

Juan Creus (Cee, 1966) e Covadonga Carrasco (Ribadeo, 1965) comparten traballo profesional desde 1994 dentro da oficina CREUSeCARRASCOarquitectos. Xuntos editan RESINA (REvista de los Seres sIN Arquitectura) a través da súa web e en formato Caixa de Fichas. En 2016 foron merecedores do Premio Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo BEAU e do Premio Galego de Arquitectura polo seu proxecto de Casa Chao en Corcubión. No mesmo ano o seu traballo de remodelación do porto de Malpica foi seleccionado por Carlos Quintáns e Iñaqui Carnicero para formar parte do pavillón español da Bienal de Venecia e mereceu o Ar + Emerging Architecture Award outorgado por Architectural Review e o RIBA. Entre os seus traballos máis destacados atópanse o edificio da Fundación Luis Seoane de A Coruña (Premio COAG de Rehabilitación 2005) e a súa intervención para a lonxa de Fisterra (Premio Enor de Arquitectura 2007). Juan Creus é ademais membro da Sección de Arquitectura do Consello da Cultura Galega desde 2007 e Profesor na ETSA e EICCP de A Coruña. É Codirector da revista O monografías do COAG. Covadonga Carrasco foi membro do ARCH de Santiago de Compostela (1997).

9 de maio de 2017

Os soños na gaiola en concerto

Redacción.-

Os soños na gaiola en concerto. Partituras para banda de música, orquestra Orff e coro de Irene Amado, Antón Alcade e Rafael Collazo, e editado pola Casa-Museo Manuel María coa colaboracion do Concello de Rianxo e a axuda da Deputación da Coruña, foi presentado onte sábado ás 12.30 no auditorio de Rianxo.

O traballo recollido é froito da experiencia educativa e musical desenvolta durante o curso pasado polo CEIP Ana Mª Diéguez e a Escola de Música de Rianxo sobre o poemario Os soños na gaiola de Manuel María. Entre outras, o libro-CD contén sete melodías gravadas en directo que se corresponden cos sete poemas seleccionados (A fouce, O meu barco, A roda-roda, O arco da vella, O río, O lobo e Caracol) ademais das partituras para banda de música, orquestra escolar e coro (guión da dirección e partes instrumentais) e redución para piano e voz.

7 de maio de 2017

O son da zanfona “Carneifona”

Redacción.-

O son da zanfona “Carneifona”, gañadora do prestixioso premio da artesanía de Galiza Antón Fraguas, na sua X edición, puido ser escoitado este sábado, día 6, durante o transcurso do concerto que o Grupo de Zanfonas da Tradescola ofrecerá no auditorio da Casa-Museo Manuel María. 

O instrumento feito polo luthier de Outeiro de Rei, Xaneco, foi cedido pola Deputación da Coruña para esta ocasión tras a petición realizada pola Fundación Manuel Manuel de Estudos Galegos.

O Grupo de Zanfonas da Tradescola, única escola de zanfona que mantén o estilo tradicional de cantar e tocar a zanfona, interpretará ás 20 horas todo un repertorio de cancións tradicionais, xunto a pezas doutros grupos que tocan ou tocaron a zanfona  como Pablo Quintana, A Quenlla ou Fuxan os Ventos así como a musicalización de distintos poemas, entre outros, de Manuel María. O concerto é de balde.

Presentación de 'O cuarto das abellas'

Redacción.-

Onte venres 5 de maio deu comezo en A Estrada a xeira de actos sobre as nosas letras que promove a Asociación Cultural "Vagalumes". O primeiro deses actos foi a presentación dunha obra que está a ter grande acollida da crítica e que é de autoría dunha escritora Estradense: “O cuarto das abellas” de Antía Otero.

O acto tivo lugar no Museo da Madeira e Móbel (Mome) ás 20:30 horas e xunto coa autora estiveron a profesora Susana Aríns e a profesora e xornalista Chus Nogueira, ambas as dúas tamén poetas e escritoras.

Sobre este libro recollemos a análise de Fran P. Lorenzo: “Este libro nace da tensión entre o doméstico e o salvaxe. O tempo detense na formalina dos recordos e fai ecoar, nas celas da memoria, o misticismo indomábel de Emily Dickinson: «A morte –escribiu ela nunha carta– é inofensiva, coma unha abella, agás para aquelas que corren.» "O cuarto das abellas" é unha abellariza de palabras, unha estrutura pechada e inquietante na que Antía Otero esmelga o froito dunha poesía que é, no entanto, agre, sen almibres. Porque amarga é a verdade, o amor e todo aquilo que aquí doe pola súa certeza. A autora, entre un enxame de obreiras, adéntrase cautelosa na linguaxe e comparte connosco o seu fermoso acto de risco, o perigo-mel duns versos que, coma o veleno das abellas, proen e sandan á vez”.

6 de maio de 2017

Gandería, sociedade e lobo

Redacción.-

Desde O Xan, grupo de opinión sobre a xestión do lobo en Galicia, colectivo no que participa a AGCT,  e a asociación Carballo Vivo de Friol, organizan hoxe nesa localidade a xornada"Gandería, sociedade e lobo: cara a coexistencia" . 

O obxectivo desta xornada céntrase na mellora da percepción do sector gandeiro sobre o lobo, en xeral, e sobre o seu impacto nas producións gandeiras, en particular; buscando mellorar o nivel de información do sector e da sociedade no seu conxunto, sobre aspectos tales como a ecoloxía, estado de conservación, métodos de prevención, lexislación, compensación e impacto mediático da especie.  Sen dúbida, isto redundará nunha mellor cohabitación dos produtores extensivos co lobo, axudando a establecer mecanismos axeitados de cara a reducir o impacto e o conflito que rodea a coexistencia da gandería cos grandes carnívoros.

Desenvolverase no centro Sociocultural de Friol.

Videopoemas de Rosalía e Manuel María

Redacción.-

Setenta son os traballos que se veñen de presentar, unha vez rematado o prazo o pasado 7 de abril, á primeira edición do Concurso de Videopoemas, organizado pola Casa-Museo Manuel María, sobre composicións poéticas de Manuel María e Rosalía de Castro.

Os participantes, mozos e mozas que van desde 3º da ESO até Bacharelato, incluíndo Ciclos Formativos, pertencen a centros educativos de distintos puntos de Galiza (Oroso, Sarria, Cambre, Valga, Monforte de Lemos, Moaña, Chantada, Quiroga, Redondela, Cervo, A Estrada e Cee)

O certame, que ten como finalidade a potenciación da creatividade artística, a través da conxunción da palabra, o son e a imaxe, e o coñecemento e difusión da obra destes vultos da literatura galega, pasa agora a unha segunda fase en que o xurado do concurso seleccionará os vídeos finalistas que se proxectarán nunha xornada pública o vindeiro 20 de maio no auditorio da Casa-Museo Manuel María. Ese mesmo día, o xurado emitirá ditame dos dous mellores videopoemas desta primeira edición.

Pirilampo e Lugh na Casa Museo Manuel María

Redacción.-

Quen queira coñecer a persoa e obra de Manuel María pode facelo os sábados, domingos e festivos de 11 a 14 e de 16.30 a 19.30.

A Casa-Museo ten programadas para esta fin de semana dúas actividades musicais no seu auditorio. A primeira, hoxe sábado, ás 18 horas, para os máis novos e as súas familias, un concerto do grupo de música infantil Pirilampo que presentará o seu último traballo,Teatro de guiñol, nun concertocoorganizado pola propia Casa-Museo e as ANPAS dos CEIPs Laverde Ruíz de Outeiro de Rei e Otero Pedraio de Rábade.

Concerto de Lughmañá domingo
A segunda das actividades que se levará a cabo na Casa-Museo Manuel María será un un pequeno concerto de balde do grupo vocal Lugh. Esta actividade será mañá, domingo, ás 13 hrs, e durante o concerto intercalaranse poemas de Manuel María ou sobre a súa figura. O programa da actuación será o seguinte:

O Cuco
Música: Paz Valverde. Letra: Manuel María

Nós
Música: Fernando Gómez Jácome. Letra: Toño Núñez
Quen fose vela
Música: Fernando Gómez Jácome. Letra: Adela Figueroa
Quen puidera namorala
Música: Luís Emilio Batallán. Arranxos: Fernando Gómez Jácome.
Letra: Álvaro Cunqueiro
O carro
Música: Baldomero Iglesias Dobarro.
Harmonía: M. Ángel Viro.
Letra: Manuel María

29 de abr. de 2017

Salvemos a casa de Díaz Castro

Redacción.-

O martes Xermolos comenzou no Carballiño unha xira por todo o país para dar a coñecer o seu Proxecto Salvemos a Casa de Díaz Castro en colaboración con asociacións de cada comarca abrindo a exposición de pintura de Anxo Lamas "Imaxes e palabras" no Café concerto SETE FLORES.

Este sábado ás 20:00 no Auditorio do Carballiño darán a coñecer a obra e a vida do poeta coa proxección do documental "O Instante Eterno" de Xosé Cascudo sobre o poeta de Guitiriz e os dous spots #salvemosacasadeDíazCastro” de Bruno Pena

E o domingo organizan un “Serán poético-musical” no Café-concerto SETE FLORES ás 18:30. No que nterveñen o coordinador de Xermolos, Alfonso Blanco, e poetas e músicos coma Vitor Viiñas, Antía Balvís, Abraham Balbino, Ana Cristina, Rochi Novoa, Roberto Sobrado, Quico, Andrés Fernández..., e ao remate unha foliada popular no exterior deste local na cidade vella do Carballiño..

Xa o día 28 a mostra trasladarase á Taberna da República do Couto Mixto de Santiago cunha nova sesión músicopoética na que van intervir membros do colectivo Nova Poesía Guitirica, as Pandereteiras Trepis, Falua e Leo- Arremecághona… Posteriormente a exposición de Anxo Lamas vai trasladarse á Biblioteca Publica de A Coruña, Vigo e á Capela de San Roque en Sada. Tamén en maio o proxecto vai presentarse no IV Tangaraño Cultural en Xunqueira de Ambía, nos Amigos dos Museos en Portas Artabras de A Coruña, no Festiletras de Ponteceso, etc.

23 de abr. de 2017

Misha Bies Golas en Lisboa

Redacción.-

A exposición, producida por DIDAC, é froito dun proxecto de colaboración anual entre o espazo Appleton Square de Lisboa e esta nova institución compostelá.

A exposición, comisariada por David Barro, será inaugurada o vindeiro mércores 19 ás 22.00h e terá unha segunda parte no espazo de DIDAC en Santiago de Compostela no próximo mes de xuño.

12/04. Esta exposición producida por DIDAC (DARDO Instituto do Deseño e dás Artes Contemporáneas), é froito dun proxecto de colaboración anual entre os espazos Appleton Square de Lisboa e DIDAC de Santiago de Compostela. Esta asociación estratéxica, que se desenvolverá a partir de varias coproducións, responde a un interese común: divulgar e proxectar a arte, o deseño e outras experiencias multidisciplinares no ámbito do creativo.

18 de abr. de 2017

'Entrar aos Vilares', finalista da MICE

Redacción.-

O documentario 'Entrar aos Vilares' elixido como finalista da MICE. Está seleccionada entra as 15 peliculas finalistas e as tres mellores galegas para a XII MOSTRA INTERNACIONAL.DE CINEMA ETNOGRAFICO DE COMPOSTELA. 

Producido polo proxecto Os Vilares, lareira de soños, dirixida polo músico e xornalista Cibrán Tenreiro cos tamén xornalistas e músicos Xacobe González (son) e Toni González (Cámara), da unha visión da parroquia guitiricense desde o punto de vista de tres rapaces non nacidos no rural e descoñecedores da parroquia vilarega.

Proxección en Lanzós

Por outra banda, o documentario proxectarase o sabado 22 de abril ás 20:00 horas na Casa Escola Habaneira da parroquia chairega de Lanzós, en Vilalba. O documentario que foi seleccionado para a sección competitiva da MICE Mostra Internacional de Cinema Etnográfico en tres modalidades, a de mellor filme, mellor pelicula galega e premio dodo público será proxectado en Lanzós e haberá tamén un.coloquio con parte da equipa de rodaxe. Posteriormente a Lanzós, continuará con.proxeccións en Burela, Vigo, Muxía e Ponteareas.

17 de abr. de 2017