Música ao natural

Redacción.-

O vindeiro  9 de xuño, no auditorio da Casa das Insuas, en Rábade, teremos  unha nova xeira do proxecto cidadán que xunta música, natureza e cultura no rural.

Johannes Geworkian Hellman (SE)
Utilizando a zanfoña con voz propia, Johannes é coñecido coma un músico apasioado e un artista cunha expresión singular, que ama encontrarse e compartir a sua música coa audiencia. No seu proxecto en solitario Johannes invita ao ouvinte a adentrarse nunha persoal narración musical. Toda a música está composta por Johannes, inspirada en diferentes xéneros e inclúe as moitas cores da zanfoña contemporánea
Trátase dun pequeno ciclo de concertos, que tenta perpetuarse no tempo, se conta co apoio popular. Aproveitando viaxes de músicos nacionais e internacionais, organízanse unha serie de concertos no auditorio da casa das Insuas, para gozar, neste entorno natural tan singular, de música tamén ao natural, dun xeito acústico e próximo ao público.

O ciclo
Os concertos fináncianse coa colaboración do público e nun futuro, agárdase poder contar cun número suficiente de subscritores para que a iniciativa siga adiante.

Un dos propósitos deste ciclo é valorar a música como traballo, como medio de vida, e apoialo coa nosa colaboración. Pero Música ao natural, tamén considera importante valorar a artesanía, a autosuficiencia... o traballo vinculado á terra e aos oficios que nos falan da nosa tradición. Así, propoñemos unha sorte de troco: será benvido todo produto artesán, ou de cultivo propio para cambialo polo concerto.

Con esta iniciativa, pretendemos:

Abrir un espazo á creación, e poder establecer un circuíto moi singular, para gozar -a poucos centímetros- de proxectos acústicos de músicos de primeiro nivel internacional. Aprender e gozar de culturas doutros lugares.Ofrecer cultura de calidade no rural.

Despois dos concertos, poderemos conversar cos músicos compartindo comida e bebida todo aquel que queira levala.

Imprescindible reservar praza no enderezo: concertosaonatural@gmail.com
 
Colaboración: 7 euros

Máis información:
www.johannesgeworkianhellman.com

31 de maio de 2017

'5000 veces pintura' hoxe en DIDAC

Redacción.-

5000 veces pintura é un libro editado pola Galería Circular de Allariz, composto por cinco mil frases e maneiras de explicar a pintura de un modo aforístico aínda que contraditorio, pois se o aforismo é unha oración que pretende expresar un principio de forma concisa, coherente e en aparencia pechada, aquí tratase xustamente do contrario: constatar que a pintura, como unha das categorías principais da arte, non é concisa nin por suposto pechada.
Este é un libro que contén centos de aforismos, iluminacións, versos, opinións, certezas… incluso contradicións. Un “artefacto” escrito desde unha busca experimental, sendo o xogo e a disciplina a súa base construtiva; de aí que se vincule coas experiencias de escritura do grupo francés OuLiPo, como ben sinala Ángel Cerviño no prólogo; prólogo que ademais comeza cunha cita de Enrique Vila-Matas respecto do libro Café Perec, para máis datos e para especificar esta natureza experimental e lúdica que non rexeita non obstante a profunda reflexión sobre o incerto e extenso concepto de pintura. Un libro que debe abordarse de xeito lento mesmo impreciso se é que queremos asimilar todo o que aquí se nos conta.

Palabra de Ramón Chao

Moncho Paz.- Ramón Chao é un home de palabra. No seu reencontro con Vilalba, que se produciu en abril de 2011, recibiu unha agarimosa acollida por parte do público que se deu cita aquela tarde primaveral na Casa da Cultura. Chegou para desfacer os malentendidos xerados coa publicación de "O lago de Como", a novela que o afastou de Vilalba. "Eu sempre estiven presente, nunca me fun", afirmou con rotundidade. E así é, porque a capital chairega aparece unha e outra vez en toda a súa obra literaria. Aplausos e máis aplausos. Nese ambiente, os asistentes ao acto, encabezados polo lembrado Bernardo García Cendán, pediron a Ramón dúas cousas: que trouxera a Vilalba aos seus fillos Manu e Antoine, e que voltara tamén á capital chairega co seu inseparable Ignacio Ramonet, outro mestre do xornalismo e icono do movemento antiglobalización.

Este último visitou Vilalba por vez primeira en novembro de 2011, onde pronunciou a conferencia “A explosión do xornalismo”, título do seu libro homónimo. Foi outra xornada entrañable. Chao e Ramonet camiñaron previamente pola vila e, antes de dirixirse ao Centro Cultural e Recreativo –onde tiña lugar o evento- pararon de súpeto fronte á sede da Fundación Manuel Fraga. Ramón comentaba nese intre que algún día gustaríalle ser nomeado “Fillo Predilecto de Vilalba”. E Ignacio, ollando cara a placa colocada na fachada do edificio, tumbou de súpeto as aspiracións do seu amigo: “Sinto dicirche, Ramón, que non poderás ser fillo predilecto da túa vila; porque nesta inscrición pon que Manuel Fraga ten a consideración de O Fillo Predilecto de Vilalba (con artigo determinado), co cal xa non pode haber outro”. Ao que Chao, inxenioso coma sempre, respostou: “Xa non me interesa, prefiro ser Fillo Pródigo”. Agora está a piques de publicar a súa última novela, con carácter autobiográfico, baixo ese mesmo título.

Pola súa banda, Manu veu a Vilalba ao ano seguinte, no mes de maio. Aproveitando a súa presenza no Festival Reperkusión, en Bemposta, sorprendeu ao seu pai en Ourense e díxolle: “Facemos esa excursión a Vilalba que temos pendente?”. Atopámonos no xardín de Casa Anduriña, nun encontro de amigos. Percorrimos as rúas da vila e visitamos a Bernardo, que xa estaba moi maliño. Despedímonos del. Ese día Manu ía coa idea de tocar a guitarra e cantarlle ao amigo do seu pai e ao final deixouna no chan.

Aquela xornada, Ramón decidiu que voltaría a Vilalba cada ano a finais do mes de agosto, co gallo das festas de San Ramón. E así foi, palabra de Chao. O 28 de agosto de 2015 dedicámoslle unha escultura no Hectómetro Literario, formando parte –xa para sempre- da contorna máxica do Paseo dos Soños.

Nesa ocasión dixo que regresaría para ensinarlle á súa familia o piano de pedra (obra de Valdi), onde o pasado sábado interpretou “O lago de Como”, de Gallas. Ese fora o título do libro publicado en 1982, finalista do Premio Nacional de Narrativa, que provocou unha serie de malentendidos e o seu distanciamento con Vilalba durante lustros. Estivo unha vez máis connosco ao longo da fin de semana, acompañado do seu inseparable Ignacio Ramonet, a súa dona Felisa Ortega (algún día traducirei ao galego o conto de Eduardo Galeano), o seu fillo Antoine (quen levaba anos sen vir por Vilalba, dende a adolescencia) e os seus netos Merlin e Margarita. Palabra de Chao. Querémoste moito, Ramón. Volta cando queiras. Ata sempre, compañeiro.

30 de maio de 2017

IV Gala do Fútbol da Costa - QPC

Redacción.-

Xa está en marcha a IV Gala do Fútbol da Costa - QPC, que organiza o diario dixital da Costa da Morte Quepasanacosta e que servirá para facer entrega dos premios aos mellores da temporada 2016/2017.

O punto de encontro de todo o fútbol costeiro celebrarase o vindeiro venres 16 de xuño, a partir das 21:00h no Salón de Actos do Voluntariado do Concello de Muxía.

Este ano, a Gala, que será unha vez máis presentada pola eterna voz do Fútbol da Costa, Fran Hermida, dá un novo impulso coa implicación total da Federación Galega de Fútbol e a colaboración do Concello de Muxía.

Como todos os anos, farase entrega de case 30 premios, con trofeos da Olería de Buño. Boa parte deles serán escollidos polos propios protagonistas (xogadores, adestradores, directivos, afeccionados, xornalistas...) a través das súas votacións, para que sexan o máis representativos e realistas posible.

Como novidade, este ano entregaremos oPremio ao Mellor Delegado, gracias á proposta da nova delegación de árbitros na comarca. Uns árbitros que volverán ter o seu protagonismo.

Así mesmo, a Gala volverá contar con dous momentos tremendamente emotivos, oPremio Abdoulaye e máis a lembranza a Álex Pombo.

29 de maio de 2017

Chao e Ramonet, o sábado en Vilalba

Redacción.- O vindeiro sábado 27 de maio, a capital da Terra Chá acollerá as reflexións de Ramón Chao (Vilalba, 1935) e Ignacio Ramonet (Redondela, 1943), xornalistas galegos establecidos en Francia e dúas das figuras máis importantes do movemento antiglobalización.

Chao e Ramonet serán os convidados de honra do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) e do xornal A Voz de Vilalba, nun acto que terá lugar ás oito do serán na Casa da Cultura e que tamén conta coa colaboración da plataforma cívica Amigos de Prisciliano. Será nun formato de charla-coloquio, baixo a moderación do xornalista Moncho Paz, nunha especie de conversa onde os asistentes poderán formular as cuestións que consideren oportunas.

A súa presenza en Vilalba forma parte do proceso de reconciliación de Chao co seu pobo natal, onde regresou en abril de 2011 para participar nun acto de similares características organizado polas mesmas entidades. Posteriormente, visitou a capital chairega en novembro do mesmo ano, acompañado precisamente por Ramonet, para pronunciar a conferencia 'A explosión do xornalismo'. En maio de 2012 regresou co seu fillo maior, o coñecido músico Manu Chao, e en agosto de 2015 recibiu unha homenaxe popular, formando parte -xa para sempre- do Hectómetro Literario do Paseo dos Soños.

Ramón Chao naceu en Vilalba en 1935 e criouse tocando o piano na fonda que rexentaban os seus pais, onde adoitaban parar figuras como Cunqueiro ou Díaz Castro. Sendo bolseiro polo Concello de Vilalba e a Deputación de Lugo, trasladouse a Madrid para estudar piano, harmonía e bacharelato. De Madrid foise a París cando tiña vinte anos, con outra bolsa do Goberno español. Na capital francesa fíxose xornalista, entrando a traballar en Radio France “porque falaba galego”, segundo confesa, “pois buscaban un locutor que soubera música e portugués”.

En París, Ramón Chao dirixiu emisións radiofónicas na nosa lingua, que serían prohibidas por Franco, e foi correspondente da revista Triunfo. Tamén traballou na prensa e na televisión francesas e foi nomeado Cabaleiro das Artes e das Letras polo Goberno de Francia en 1991. Destacou como crítico Literario en Le Monde e polas súas colaboracións en Le Monde Diplomatique, publicación mensual dirixida polo xornalista Ignacio Ramonet. Conta no seu haber con máis de vinte libros, entre novelas e biografías, un deles escrito en galego, O Camiño de Prisciliano, con cuberta deseñada polo artista Miquel Barceló. Asemade, a súa novela El lago de Como, publicada en 1982, foi traducida ao galego en 2008. Na actualidade é o presidente da plataforma cívica Amigos de Prisciliano.

Natural de Redondela (Pontevedra), Ignacio Ramonet medrou en Tánxer onde os seus pais, republicanos españois que fuxían de Franco, se instalaron en 1948. Estudou na Universidade de Bordeaux e regresou a Marrocos. En 1972 trasladouse a París, onde se iniciou como xornalista e crítico cinematográfico. É doutor en Semioloxía e Historia da Cultura pola École deas Hautes Études en Sciences Sociais (EHESS) de París e catedrático de Teoría da Comunicación na Universidade Denis-Diderot (París-VII). 

Especialista en xeopolítica e estratexia internacional e tamén consultor da ONU, actualmente imparte clases na Sorbona de París. Dende 1990 ata 2008 foi director da publicación mensual Le Monde Diplomatique e a bimensual Manière de voir. É cofundador da organización non gobernamental Media Watch Global (Observatorio Internacional dos Medios de Comunicación) da que é presidente. 

Un editorial escrito en Le Monde Diplomatique durante 1997 deu lugar á creación de ATTAC, cuxa labor foi dedicar orixinalmente á defensa da taxa Tobin. Na actualidade dedícase á defensa dunha gran variedade de causas da esquerda política e ten como presidente de honra a Ignacio Ramonet. Foi tamén un dos promotores do Foro Social Mundial de Porto Alegre. É Doutor Honoris Causa da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade Nacional de Córdoba (Arxentina). Ignacio Ramonet foi galardoado en numerosas ocasións e é autor de varios libros, a maioría traducidos a diversas linguas.

25 de maio de 2017

Marcial Valladares na lembranza

Redacción.-

O venres 26 de maio ás 20:30 h. No MOME (A Estrada) o profesor Xosé A. Fernández Salgado dará una conferencia sobre Marcial Valladares e terá lugar a proxección do vídeo da conmemoración das letras galegas na Estrada a este autor no 1970.

Agasallarase aos asistentes co libro: "Marcial Valladares: biografía dun precursor no Rexurdimento galego”.

24 de maio de 2017

Un bo e xeneroso Raúl Río

Antón Tenreiro.-

Neste ano de Pondal, dese Ponteceso que nos agasallou aos chairegos con Alfonso Blanco Torrado, a Asociación Sociocultural Lareira de soños dos Vilares, ten decidido adicarlle a quinta edición do seu premio TRAPEIRO DE HONRA ao vilarego Raúl de Río.

Coñecedor como ninguén da historia da súa parroquia e mesmo de Guitiriz e da Chaira, Raúl sempre está disposto a colaborarben calquer traballo e proxecto a prol da cultura ee das xentes desde o ámbito mais pequeno á utopía máis inalcanzable, sendo a súa casa en Euskadi como unha embaixada galega naquel seu outro país de acollemento e tendendo lazos entre ambos, o último este mes de maiocoa visita dea Xermolos a aquelas terras coa presentación do poemario do tamén vilarego André da Ponte, a campaña para salvar a casa de Díaz Castro, a proxección da curta A Chave de Bascuas e a inauguración da escultura adicada a Manuel María naquelas terras.

Raúl é desas persoas silenciosas, que paseniñamente van tecendo co seu traballo unha labor da que non reclaman recoñecemento, pero que é necesária e mesmo imprescindíble. Raúl, ese amante da súa terra que como milleiros tivo que coller o camiño da emigración, levou con él a Euskadi, Galiza enteira e especialmente eses anacos que ten no núcleo do seu corazón: A Terra Chá do seu querido Manuel María, Guitiriz de Xermolos e os Vilares do seu amigo Díaz Castro. O pasado ano, Raúl foi distinguido tamén coa navalliña de Manuel María, ao que tanto apreciaba, acompañado de familiares e amigos que valoran o seu exemplo de amor e dedicación ao nóso aló onde se atope. Amante da cultura e das artes, ten realizado diversos e relevantes traballos escultóricos, artigos, pinturas e as súas cámaras recolleron ao longo dos anos importantes documentos fotográficos e audiovisuais de grande valor histórico. Pero detrás dese compromiso hai, sobre todo, un home "bó e xeneroso" ao que desta volta tamén os seus veciños poñen de exemplo con ese nomeamento deTrapeiro de Honra co que acompañará na memoria dos Vilares a Díaz Castro, a Romaría Labrega, Pepe de Cristos e Asunción dos Ares, testemuñas e protagonistas con Raúl Río da história que eles mesmo escriben con letras de ouro. Nos Vilares, somos debedores de Raúl e non se paga con este recoñecemento tanto amor pola parroquia, apenas o nóso agradecemento e o cariño colectivo da súa tribu de orixe, que ben gañado o ten.

De seguro, o seu amigo Pepe do Vilariño estará feliz con este recoñecento, e con él, numerosos amigos e veciños.

Galiza precisa moitos Raúl Río.

'A Lola' de Avelaíña Teatro o venres 26

Redacción.-

O Instituto de Estudos Chairegos, dentro dos actos programados co gallo das Letras Galegas organiza para o vindeiro venres 26 de maio ás oito e media do serán no Auditorio Municipal de Vilalba a representación teatral A LOLA, de Manuel Ayán, a cargo da compañía de teatro afeccionado de Pontevedra, Avelaíña Teatro.

A obra quere simbolizar na Lola a todas aquelas mulleres que sobreviviron aos seus seres queridos, arrebatados polo terror franquista. Xoga con situacións no presente (situado a mediados dos anos 60) e co pasado (referencia á II República e aos tempos posteriores ao golpe militar de xullo de 1936).

A trama céntrase na influencia que o golpe franquista tivo nas condutas de varias xeracións. Desta forma recréase o ambiente, os ideais e confrontacións entre dúas formas de entender a sociedade, os valores da tradición patriarcal fronte ao progreso e liberdade.

Día dos medios en galego?

Redacción.-

A Asociación de Medios en Galego lamenta a discriminación da Xunta sobre os medios escritos na lingua do país con respecto aos que o fan en español, e reclama o cumprimento do artigo 19 da Lei de Normalización Lingüística cando marca que "o goberno galego prestará apoio económico e material aos medios de comunicación (...) que empreguen o galego dun xeito habitual e progresivo".

17 de maio e 25 de xullo. Datas simbólicas para o calendario galego e as únicas nas que a Xunta destina unha migalla para os medios en galego dos millóns de euros que reparte en concepto de publicidade institucional. E este 17 de maio non é unha excepción.

A Xunta publicou o último día hábil do pasado ano a resolución das súas subvencións aos medios para promocionar a lingua galega. A resolución da subvención para medios integramente en galego suma 201.000 euros. As subvencións para medios
xeralistas 1,6 millóns. Esta diferencia de importe prodúcese malia que en teoría as dúas liñas de subvención comparten un fin: apoiar a difusión de noticias en galego.

Para cobrar as subvencións, aos medios escritos en castelán chégalles con ceder á lingua propia un 8% do seu espazo total, que en moitas ocasión non se cumpre, xa que algúns deles nin superan o 5%. Ademais, tamén poden recibir axudas polas súas edicións dixitais.

A convocatoria de axudas para medios en galego crea unha serie de barreiras pola que na práctica case toda a prensa dixital e emisoras de Radio e TV en galego queda excluída. A diferencia é que só se conceden a medios con edicións en papel. Resultado: a prensa dixital en galego suma pouco máis 3.400 euros de axudas. Pola contra, a prensa en español supera amplamente o millón de euros por, supostamente, escribir en galego. E esas axudas son á marxe doutras axudas millonarias que perciben en base a distintos convenios co goberno galego durante todo o ano.

A estas dirixidas subvencións únese a política arbitraria da publicidade institucional para estas datas. Nada sabemos da Lei de Publicidade Institucional na que aseguraba estar traballando o PP cando hai dous anos rexeitaba a nosa proposición presentada no Parlamento hai dous anos. Mentres, do arredor de 15 millóns de euros que destina a Xunta aos medios, menos do 1,5% recaen en medios que comunican integramente en galego.

O propio Carlos Casares, homenaxeado neste 2017, coincidiría na necesidade de
preservar a lingua galega nos medios de comunicación, como así o recoñecía:

“Escribo cunha clara conciencia política frente ao castelán, que é a lingua imposta. Esto téñoo moi claro. O bilingüismo non o acepto, ao máis podo disculpalo, e non sempre. Aínda non atopéi a ninguén que me poidera demostrar que o bilingüismo é politicamente válido. A lingua dos galegos é o galego e eu, dende o meu oficio de escritor, estóu a defender esa lingua con todas as miñas forzas e todos os meus coñecementos”.

“Nós non queremos esmorecer. Nós non estamos esmorecendo. Galicia vén de lonxe e vai para lonxe, e nesa longa andaina nosa polos séculos, o idioma dános forzas e axúdanos a lembrar o que somos. Ese idioma é un monumento colectivo, sempre inacabado e onde todos teñen cabida" afirmou o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo hai uns anos no discurso oficial do Dia das Letras.

Os medios de comunicación en galego tampouco queremos esmorecer. E seguiremos a nosa andaina, coa axuda ou sen a axuda do Goberno galego que, a pesar de que por lei debe apoiar aos medios escritos na lingua do país, de facto discrimínaos.

A AMEGA está formada polos seguintes medios: Radio Fusión-Rede de Emisoras Municipais Galegas, Galicia Confidencial, Praza, Sermos Galiza, Tempos Novos, Novas da Galiza, A Nova Peneira, Valmiñor.info, Que pasa na Costa, A Voz de Vilalba, Crónica 3 e Terra Cha Xa.

17 de maio de 2017

Homenaxes a Carlos Casares

Redacción.-

As bibliotecas públicas da Xunta de Galicia celebran en torno ao 17 de maio a grande efeméride das Letras Galegas, que este ano rende homenaxe á dedicación ao libro, á cultura galega e á creación literaria do ourensán Carlos Casares. A variedade de actividades programadas polas bibliotecas autonómicas permite que persoas de todas as idades se acheguen á figura deste grande escritor e editor.

O vindeiro día 18 de maio impartiranse dúas conferencias sobre Carlos Casares nas bibliotecas públicas da Coruña e Santiago, ambas as dúas ás 19,00 horas. Na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago Häkan Casares Berg lembrará a figura do seu pai, ofrecendo a súa visión familiar deste persoeiro das letras. Mentres, na Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña falará Gustavo Adolfo Garrido, secretario da Fundación Carlos Casares, que incidirá na actividade do autor como tradutor e os seus estudos sobre Ernest Hemingway.

Lugares de encontro, xogos e actividades

Os rapaces poderán coñecer un pouco máis polo miúdo a Casares divertíndose cunha morea de actividades ao longo de todo o mes de maio. Nas bibliotecas da Xunta atoparán lugares de encontro, xogos, concursos, exposicións, propostas didácticas, contacontos, recitais e actividades musicais para lembrar que Casares foi un pioneiro da literatura infantil en galego. Por exemplo, a Biblioteca Pública Ánxel Casal organiza o Concurso de Carteis do Día das Letras Galegas para os nenos e nenas de tres a trece anos, que este ano chega á sétima edición. Os traballos depositaranse na biblioteca ata o 12 de maio. Os tres carteis máis creativos e orixinais recibirán premios e agasallos nun acto que terá lugar o día 18 de maio ás 18 horas. Todos os carteis presentados exhibiranse desde o 18 de maio ata o 16 de xuño na sala infantil da biblioteca. Esta exposición acompañará a dúas mostras bibliográficas de coleccións da biblioteca que poderán visitarse ao longo de todo este mes.

O 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas, alumnos e alumnas de centros de Santiago de Compostela participarán no Gran xogo das Letras Galegas. Os rapaces indagarán na orixe e significado do día que rememora a publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, un 17 de maio do 1863, ao tempo que descubrirán interesantes datos sobre a vida e a obra de Casares.

Contacontos, mostras e música

A Biblioteca Ánxel Casal completa a súa programación cos contacontos dos sábados 20 e 27 de maio, ás 12,00 horas, para nenos e nenas de tres a doce anos. No contacontos do día 20,As laranxas máis laranxas,o bardo Abelardo creará todo un espectáculo adaptando contos e obras de teatro infantil de Casares para contalos e cantalos acompañado da súa concertina. No último sábado de mes, Lisístrata rende homenaxe a Casares con historias Contadas coa súa voz e coa nosa palabra, de obras que chegaron a converterse nos clásicos da literatura de hoxe.

Na Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña, os nenos e nenas de seis a doce anos poderán visitar durante todo o mes de maio unha mostra bibliográfica sobre Casares, completada cunha proposta didáctica permanente publicada en bloggit, o bloque da sala infantil.

O sábado 20 de maio, ás 12,00 horas, a música de violín e os contos fabricados polo Contador de Contos con Efecto Retardado, combinará e entrelazará unha sarta de historias que se irán esfiando de vagariño nas que nenos e nenas de catro a once anos atoparanse coa invención,da man de Marisa Irimia,de cousas estrambóticas e imposibles. Rematarán os actos de homenaxe o sábado, 27 de maio, ás 12,00 horas, co contacontos ilustrado Os xoguetes de Clío. Os nenos e nenas a partir de tres anos emprenderán unha longa viaxe en tren, acompañados polo Correo do Vento, na que aparecerán mesturados distintos datos da vida de Carlos Casares e moitos dos seus personaxes.

Ritual para unha tribo capital de concello

Redacción.-

o Libro de Lugo, presentarase a reedición do poemario de Manuel María Ritual para unha tribo capital de concello. A presentación será levada a cabo pola profesora de literatura de Educación Secundaria, Eva Teijeiro, e o secretario da Casa-Museo, Alberte Ansede.

Ao final do acto, a Casa-Museo Manuel María promove que as persoas asistentes escollan e leandiante do público asistente algún dos poemas que contén este libro en queManuel María canta a súa tribo natal, Outeiro de Rei.

O poemario, editado por primeira vez en 1986, é un canto lírico-etnográficoonde a intimidade, as lembranzas e a historia persoal e colectiva, as vivencias, as identificacións coa natureza, os retratos de familia, a denuncia social, as romarías, as lendas, os ritos, os traballos… fanse presentes no espazo vital dunhas xentes e dun pobo que o escritorama, que sente seu e que ergue poeticamente desde a lembranza da sua infancia para ir avanzando no tempo até o presente-futuro do seu non ser físico.

15 de maio de 2017

'Martes de Carnaval' chega a Ourense

Redacción.-

A xira do Centro Dramático Galego (CDG) coa súa produción Martes de Carnaval, de Valle-Inclán, chega á provincia de Ourense para ofrecer tres funcións no Barco de Valdeorras e en Ourense. A primeira destas citas foi co público barquense o pasado día 12. A seguinte terá lugar no Teatro Principal da cidade das Burgas, onde representará este espectáculo o venres 19, ás 11,00 horas, para centros escolares de Ourense e comarca, e o sábado 20, ás 20,30 horas, para público xeral.

Marta Pazos dirixe esta proposta, que leva a escena por vez primeira en galego as obras de Valle-Inclán As galas do defunto e A filla do capitán. Un elenco de 10 actores e actrices (Iria Azevedo, César Cambeiro, Mercedes Castro, Anabell Gago, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero Madriñán, María Roja, Machi Salgado e Sergio Zearreta) dálle vida aos máis de 30 personaxes que suman as dúas pezas, nun esixente traballo interpretativo e mesmo físico, que require tamén dunha gran rapidez e precisión técnica entre bambolinas.

Carga simbólica

A partir de aproximacións estéticas e temáticas diferentes, as dúas pezas que integran Martes de Carnaval dan conta da vixencia simbólica destes esperpentos de Valle-Inclán, así como da súa valentía á hora de criticar con sátira e retranca as miserias da sociedade.

A primeira delas, As galas do defunto, está ambientada na época na que discorre a historia da Daifa e Juanito Ventoleira, situada nunha cidade portuaria galega en 1898, en plena resaca da guerra de Cuba. Pola súa banda, A filla do capitán traslada ao “Madrid moderno” a trama que Valle construíu a partir de dous acontecementos reais do seu tempo: o pronunciamento de Primo de Rivera en 1923 e o crime do Capitán Sánchez, famoso na prensa sensacionalista de 1913.

Marta Pazos optou para esta produción por unha posta en escena limpa, ao servizo do particular universo creado polo gran autor arousán. Xunto co cadro técnico do CDG, contou para este fin cun equipo artístico integrado por destacados profesionais que veñen desenvolvendo as súas traxectorias teatrais en compañías de toda a península: Rut Balbís (movemento), Fernando Ribeiro (escenografía), Uxía Vaello (vestiario), José Álvaro Correia (iluminación), Hugo Torres (música e asesoría de dramaturxia), Esther Quintas Salgado (caracterización), Manuel Cortés (tradución), Rosa Moledo (asesoría lingüística), Ernesto Arias (traballo de palabra), Gena Baamonde (asistencia de dirección), José Faro “Coti” (asistencia de escenografía e iluminación), María Villas (asistencia de vestiario) e José Díaz (música e asistencia de produción).

Venda de entradas

As entradas para a representación do sábado 20 en Ourense, inserida no programa de abonos da temporada de teatro do Principal, as entradas poden mercarse xa na web entradas.ataquilla.com ou no teléfono 902 504 500. No despacho de billetes, estarán á venda o venres 19 de 12,00 a 14,00 h. e o sábado 20 de 12,00 a 14,00 e desde as 18,30 h. Os seus prezos oscilan entre os 10 e os 15 euros.

En xira

A xira de Martes de Carnaval, que arrancou a pasada semana en Tui, continuará no mes de xuño na Coruña (días 2 e 3 no Teatro Rosalía Castro), Rianxo (día 9 no Auditorio Municipal), Valencia (día 11 no Teatre Principal, dentro do Festival Tercera Setmana), Pontevedra (día 15 no Auditorio Afundación) e Vigo (día 22 no Teatro Afundación).

Ademais, e tras unha primeira estadía no Salón Teatro, sede do CDG en Santiago, onde se estreou o pasado 20 de abril, o espectáculo regresará a Compostela o 28 de xuño para a súa última quenda de representacións ata o 16 de xullo.
 

Festival de Cans

Redacción.-

Profesionais dos sectores audiovisual e musical, veciños e afeccionados de toda Galicia daranse cita do 24 ao 27 de maio no Festival de Cans, que presentou o programa da súa décimo cuarta edición. A Xunta de Galicia volve colaborar economicamente coa organización do certame, que se celebra na aldea do Porriño da que toma o seu nome.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e mais o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, acompañaron nesta presentación os responsables do certame que organiza a Asociación Cultural Arela e os representantes do resto de entidades e empresas colaboradoras.

Xunto co carácter lúdico e veciñal que converte este festival nun dos eventos culturais máis peculiares de todos os que cada ano se celebran en Galicia, o director da Agadic destacou tamén o papel de Cans como plataforma de difusión e impulso das realizadoras e realizadores galegos.

Este ano son 16 as curtametraxes seleccionadas na sección oficial a concurso, da que a organización destaca a paridade numérica entre as pezas realizadas por mulleres e por homes, mentres que no apartado de animación presentaranse outras seis curtas cunha forte presenza de novos creadores. Ademais, os videoclips gañan protagonismo, con 19 traballos en competición.

En canto ás longametraxes, Cans estreará A historia dun satálite, de Also Sisters, e o documental sobre o naufraxio do Prestixe Mar de fondo, de Dani Guzmán, ademais de contar con Manane Rodríguez para afondar no proceso de realización do seu filme Migas de pan na sección Rebobinando, entre outras proxeccións.

Audiovisual e música

O Festival de Cans avanza, así mesmo, na súa aposta polo diálogo entre a música e o audiovisual, con propostas como a exhibición de Frágil equilibrio, gañador este ano do Goya ao mellor documental, acompañada dunha actuación de Uxía, intérprete do tema deste filme que estivo nomeado á mellor canción orixinal nestes mesmos premios.

Seguindo neste apartado, o certame rescatará prezas audiovisuais do grupo Radio Océano, estreará o novo vídeo de Terbutalina e ofrecerá unha retrospectiva dos mellores clips de Eladio y los Seres Queridos. As tres bandas forman parte, igualmente, da carteleira de máis de 25 concertos que acolle o festival e na que se atopan outros grupos como León Benavente, Corizonas, Familia Caamagno, Adrián Costa & The Criers, Cora Sayers, Roger de Flor e Os Silvestres, Os Carunchos, Electric Feels, Escuchando Elefantes ou Trío Acivro.

Convidados e homenaxes

Tamén son seccións habituais do festival o Coloquio na Leira, que este ano estará protagonizado polo cineasta Montxo Armendáriz, ou Fill@s de Cans e A que andas?, nas que se ofrece un avance de proxectos audiovisuais galegos que se atopan en diferentes fases de desenvolvemento e de produción.

No capítulo de homenaxes, o actor Miguel de Lira recibirá o Premio Pedigree, mentres que os chimpíns de prata irán para o director Jorge Coira e para o veciño de Cans Feliciano Bernárdez, “Xano”.

Tamén hai nomes ben coñecidos do audiovisual galego no xurado da sección oficial, integrado por Luisa Romeo, Mara Torres, José Antonio Quirós, Sonia Castelo, Diana Toucedo, Alfonso Zarauza e César Goldi.

Esta ampla programación complétase con outras seccións habituais como MiniCans e Cans do futuro para o público infantil e xuvenil, a ruta CansSonoro con Xurxo Souto, a Can Parade para descubrir novos valores artísticos de Galicia ou a ollada gastronómica cara á sétima arte con Tapas de cinema, entre outras moitas actividades.
 

Homenaxe a Rubén Vizcaíno

Redacción.-

Guitiriz celebra a un dos seus músicos máis internacionais.
Mañá, as 20,30, Xermolos organiza un encontró con Rubén Vizcaino, sen dúbida, o seu músico máis internacional, xa que nesta Festa das Letras a Real Filhamonía de Galicia estrea nos actos oficiais a súa música de “Formiga” de Carlos Casares, tamén lembrando a súa música de “O instante eterno” de Xosé Antonio Cascudo dedicada a Díaz Castro, xa que tamén estudioucomposición electroacústica e composición para cinema e televisión. Poeta e músico estudiou piano no conservatorio de Lugo e composición na "Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia.

O seu "Nocturno n. 1" para piano foi nominado para os "Hollywood Music in Media Awards 2013" na categoría de música clásica.Nesta proxección internacional remarcar a súa paixón pola música xaponesa para a que compuxo varias cancoóns para soprano e piano dedicado á rexión de Fukushima

12 de maio de 2017

Trapeiro de honra 2017

Redacción.-

A Asociación Sociocultural Lareira de soños ven de decidir que Raúl Río Díaz será distinguido co Premio Trapeiro de Honra 2018 na súa quinta edición como vilarego exemplar, sumándose así a Xosé María Díaz Castro, a Romaría Labrega da Chaira, Pepe de Cristos e Asunción dos Ares, galardoados nas anteriores edicións. Raúl, distinguido tamén no 2016 coa Navalliña dee Manuel María, é un grande activista da mosa cultura e un home comprometido, amante das artes e das letras e un dos principais embaixadores de Diaz Castro e dos Vilares. Grande coñecedor da historia da parroquia permanente colaborador de iniciativas culturais e políticas na Terra Chá e en Euskadi. Fachendoso das súas orixes, non perde a oportunidade de organizar en Euskadi, a súa segunda patria, actividades e eventos relacionados con Guitiriz e Os Vilares. Socio fundador da Asociación Sociocultural Lareira de soños dos Vilares, a decisión unánime da asociación evidencia o cariño e recoñecemento xeral da veciñanza a este vilarego, obreiro, escultor, pintor, documentalista, fotógrafo, escritor e sobre todo grande persoa, e con grandes valores humanos.

A figura de Raúl personaliza neste premio a homenaxe aos emigrantes daqueles anos 60 e 70 que se viron obrigados a sair a gañarse a vida polas dificultades de tempos escuros do franquismo abandoando o rural para buscar o sustento en zonas industrializadas pero tamén a todolos loitadores comprometidos coas súas orixes e coa súa cultura. Un premio que agradece a Raúl e a multitude de traballadores o seu amor pola patria  e polo rural chairego e galego.


Raúl Río Díaz

Data de Nacemento: 23 de xuño de 1950

Lugar de Nacemento: Os Vilares, Guitiriz (Lugo)

 Currículum

Estudou Mestre Industrial, rama do metal, na Escola Politécnica de Lugo. Emigra en 1969 para Euskal Herria, onde traballou de peón de albanel, caldeireiro na construción e reparacións navais; de siderúrxico nos Altos Fornos de Biscaia, onde foi membro do Comité de Empresa desde 1985 até o seu peche e despois de siderúrxico na factoría de ArcelorMittal, na localidade biscaíña de Etxebarri, onde tamén seguiu de sindicalista até a súa xubilación.

Aficionado a fotografía, ás artes plásticas e as letras.

Obras realizadas

Esculturas

Busto en granito de Xosé María Díaz Castro que se atopa na súa parroquia natal.

Busto de Díaz Castro en escaiola na Casa das Palabras de Guitiriz .

Placa en baixo releve colocada na céntrica Rúa dos Foros de Barakaldo, na fachada da casa onde viviu don Ramón Cabanillas.

Baixo releve de Castelao na Pena das Grallas dos Vilares.

Baixo releve do demo na Pena das Grallas dos Vilares.

 

Libros

Manuel María. (Colectivo), Asociación Cultural Xermolos, 2001.

Crítica e Autores. (Colectivo), Colección Biblioteca 120 Galega. La Voz de Galicia, 2002.

Txiki - Haizea eta Sustraia. (Colectivo), Haizea eta Sustraia Kultur Elkartea, 2007.

Gabriel Aresti - Manuel María. Galegos en Bizkaia - Galiciarra Bizkaian. (Colectivo), Fundacións Fesga e Ipar Egoa, 2007.

Outros datos de interese

Fundador, xunto con outros compañeiros, da Asociación Cultural Rosalía Castro de Barakaldo.

Socio fundador da Asociación Sociocultural Lareira de soños dos Vilares.

Realizador de numerosos audiovisuais da cultura e sociedade chairega.

Publicou artigos de opinión en varios periódicos vascos como El Correo, Egin, Euskadi Información, Gara, así como en revistas editadas polos Centros Galegos e Casas de Galiza.

En Galiza escribe no periódico Terra Chá.Xa e nas revistas dixitais Terra e Tempo, Galiza Dixital e Sermos Galiza.

Premio Navalliña de Manuel María 2016 da Irmandade Manuel María.

Campionato de Europa de Tae Kwon-Do

Redacción.-

Os alumnoa da Escola de Tae Kwon-Do Moo Duk Kwan Gabriel Tembras Currás e Beatriz Felpeto Rodriguez participaron a pasada fin de semana na illa grega de Rodas coa selección nacional no I Campionato do Mundo de Tae Kwon-Do na praia así como no Campionato de Europa. Estes deportistas competian nas modalidades de tecnica individual e parellas asi como na modalidade de free style, tanto individual como parellas, obtendo nesta modalidade a medalla de Bronce en balas dúas competicións, Campionato do Mundo de Tae Kwon-Do na praia como no Campionato de Europa.

10 de maio de 2017

Creus e Carrasco mañá en DIDAC

Redacción.-

Juan Creus (Cee, 1966) e Covadonga Carrasco (Ribadeo, 1965) comparten traballo profesional desde 1994 dentro da oficina CREUSeCARRASCOarquitectos. Xuntos editan RESINA (REvista de los Seres sIN Arquitectura) a través da súa web e en formato Caixa de Fichas. En 2016 foron merecedores do Premio Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo BEAU e do Premio Galego de Arquitectura polo seu proxecto de Casa Chao en Corcubión. No mesmo ano o seu traballo de remodelación do porto de Malpica foi seleccionado por Carlos Quintáns e Iñaqui Carnicero para formar parte do pavillón español da Bienal de Venecia e mereceu o Ar + Emerging Architecture Award outorgado por Architectural Review e o RIBA. Entre os seus traballos máis destacados atópanse o edificio da Fundación Luis Seoane de A Coruña (Premio COAG de Rehabilitación 2005) e a súa intervención para a lonxa de Fisterra (Premio Enor de Arquitectura 2007). Juan Creus é ademais membro da Sección de Arquitectura do Consello da Cultura Galega desde 2007 e Profesor na ETSA e EICCP de A Coruña. É Codirector da revista O monografías do COAG. Covadonga Carrasco foi membro do ARCH de Santiago de Compostela (1997).

9 de maio de 2017

Os soños na gaiola en concerto

Redacción.-

Os soños na gaiola en concerto. Partituras para banda de música, orquestra Orff e coro de Irene Amado, Antón Alcade e Rafael Collazo, e editado pola Casa-Museo Manuel María coa colaboracion do Concello de Rianxo e a axuda da Deputación da Coruña, foi presentado onte sábado ás 12.30 no auditorio de Rianxo.

O traballo recollido é froito da experiencia educativa e musical desenvolta durante o curso pasado polo CEIP Ana Mª Diéguez e a Escola de Música de Rianxo sobre o poemario Os soños na gaiola de Manuel María. Entre outras, o libro-CD contén sete melodías gravadas en directo que se corresponden cos sete poemas seleccionados (A fouce, O meu barco, A roda-roda, O arco da vella, O río, O lobo e Caracol) ademais das partituras para banda de música, orquestra escolar e coro (guión da dirección e partes instrumentais) e redución para piano e voz.

7 de maio de 2017