Europa e os tratados de libre comercio

Redacción.-

O sábado 1 de xullo estarán no Paraninfo da Universidade da Coruña (Rúa da Maestranza, 9 - A Coruña) coñecendo máis, analizando e debatindo sobre os tratados de libre comercio e do seu impacto nas nacións sen estado de Europa relevantes representantes do mundo académico e político. É unha iniciativa de carácter internacional que organiza entre o Centre Maurits Coppieters e a Fundación Galiza Sempre.

CONGRESO INTERNACIONAL
OS POBOS DE EUROPA ANTE OS TRATADOS DE LIBRE COMERCIO

Organiza: Fundación Galiza Sempre e Centre Maurits Coppieters
Colabora: Universidade da Coruña

Coordinación académica
Xosé Manuel Carril Vázquez. Profesor titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social. Universidade da Coruña

Data e lugar de realización
Sábado 1 de xullo de 2017
Paraninfo da Universidade da Coruña. Rúa da Maestranza, 9 15001 A Coruña

Asistencia
Entrada libre até completar aforo

PROGRAMA
MAÑÁ

10:30. Presentación da Xornada
Francisco Jorquera. Presidente da Fundación Galiza Sempre.
Xabier Macías. Presidente do Centre Maurits Coppieters.

10:40- 11:15.- A destrución do Estado do Benestar
Presenta: Francisco Jorquera. Presidente da Fundación Galiza Sempre.
Intervén: Profesor Dr. Dr. h.c. mult. Josep Fontana i Lázaro. Profesor Emérito na Universitat Pompeu Fabra.

11:15- 12:00.- Tratados de libre comercio: entre os mecanismos de desposesión do capitalismo terminal.
Presenta: Goretti Sanmartín Rei. Profesora de Filoloxía Galega da Universidade na Coruña e Vicepresidenta da Deputación da Coruña.
Intervén: Andrés Piqueras Infante. Profesor de Socioloxía e Antropoloxía Social na Universitat Jaume I e membro do Observatorio Internacional da Crise.

12:30-14:30. Mesa redonda: o impacto dos tratados de libre comercio nas nacións sen estado de Europa.
Modera: Ana Miranda. Portavoz BNG Europa e Vicepresidenta da Fundación Galiza Sempre.
Interveñen:
Ana Pontón. Portavoz Nacional do BNG.
Adolfo Araiz. Portavoz no Parlamento de Nafarroa de EH-Bildu.
Jordí Solé. Eurodeputado de ERC.
Helen Ryckamns.Deputada no Parlamento de Wallonie. Membro de Ecolo.
Gael Simon. Área de Relacións Internacionais da UDB.
Pádraig MacLochlainn. Senador do Sinn Féin.

TARDE

17:00- 17:45. O impacto dos tratados de libre comercio en América Latina.
Presenta: Elvira Souto Presedo. Escritora e activista social.
Intervén: Adrián Sotelo Valencia. Sociólogo e profesor no Centro de Estudos Latinoamericanos da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade Nacional Autónoma de México.

18:00- 18:45. Europa e o saqueo dos recursos do Sáhara Occidental.
Presenta: Xosé Manuel Carril. Profesor de Dereito do Traballo e Seguridade Social na Universidade da Coruña.
Intervén: Side M. Omar. Doutor Europeo, Profesor visitante na Universitat Jaume I e membro do corpo diplomático da República Árabe Saharauí Democrática e da Fronte Polisaria.

19:00-20:00. Alternativas aos tratados de libre comercio desde a soberanía dos pobos de Europa.
Presenta: Xosé Luís Armesto. Catedrático de Química Física e Reitor na Universidade da Coruña (2012-2016).
Interveñen:
María do Carme García Negro. Profesora Ad Honorem de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.
Dimitrios Konstantanapoulos. Xornalista, escritor e membro da Delphi Initiative e do consello editorial do proxecto de información alternativahttp://www.defenddemocracy.press.

Esta conferencia ten o apoio financeiro do Parlamento Europeo. O Parlamento Europeo non se reponsaibliza dos contidos e opinións das conferenciantes. Esta é unha iniciativa do Centre Maurits Coppieters e a Fundación Galiza Sempre.

30 de xuño de 2017

Helena Villar Janeiro na RAG

Redacción.-

No Pleno ordinario da Real Academia Galega celebrado o pasado sábado 17 na Coruña, nomeouse académica de honra a Marina Mayoral e académicos e académicos correspondentes a Takekazu Asaka (Toquio, 1952), profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Tsudajuku, autor da primeira gramática galega para xaponeses e tradutor ao xaponés de Rosalía e outros autores das nosas letras; Marcos Bagno (Cataguases – Brasil, 1961), profesor da Universidade de São Paulo, recoñecido lingüista e defensor dunha nova visión do portugués, en que subliña a súa orixe galega; Olga Castro (Lugo, 1980), profesora de estudos de tradución da Universidade de Aston (Birmingham) e especialista na interacción entre xénero, linguaxe e tradución; Helena González Fernández (Comesaña – Vigo, 1967), profesora titular de lingua galega e investigadora do Centre Dona i Literatura da Universidade de Barcelona; Kirsty Hooper, profesora de Estudos Hispánicos da Universidade de Warwick (Coventry, Reino Unido), coordinadora do Hispanic Liverpool Project e tradutora de Cousas de Castelao; a escritora Helena Villar Janeiro (Becerreá, 1940), unha das autoras pioneiras da literatura galega para infancia e tamén unha das primeiras profesoras de Lingua e Literatura Galega no ensino secundario; e Helena Zernova (San Petersburgo, 1973), directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo e tradutora ao ruso das obras máis senlleiras da nosa literatura.” Tamén decidouse adicar o Día das Letras Galegas de 2018 á escritora e profesora María Victoria Moreno Márquez (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1941 – Pontevedra, 2005).

19 de xuño de 2017

Xornada sobre dixitalización de arquivos

Redacción.-

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolle hoxe xoves unha xornada que analiza a dixitalización dos arquivos en dúas direccións: a primeira céntrase en coñecer o proceso, e a segunda busca afondar como eses documentos xa dixitalizados se poñen a disposición da cidadanía. A cita será inaugurada por Xosé López, secretario da institución e coordinador desta xornada. Aínda que non quedan prazas dispoñibles, poderase seguir en directo a través do web da institución.

Esta actividade ten como obxectivo prioritario analizar a evolución dos procesos de dixitalización dos arquivos nos últimos anos e coñecer as tendencias actuais, así como as oportunidades que hai non só para preservar mellor os fondos, senón para difundilos e poñelos accesibles á cidadanía. 

O programa
A cita arrinca coa descrición xeral do panorama, a cargo de Mercedes Caridad, da Universidad Carlos III de Madrid, que ofrecerá un estado da cuestión e das tendencias actuais. Desa mesma universidade virá Jesús Robledano Arillo cun relatorio chamado "Análises de casos de dixitalización de arquivos que resultan paradigmáticos: cara á definición dun modelo para a representación dixital do patrimonio documental”.

Ernest Abadal, da Universitat de Barcelona, falará das TIC aplicadas á documentación nos arquivos e pecha a xornada Javier Leiva Aguilera, da Universitat de Vic - Universitat Central de Catalunya, para abordar de “Os arquivos na sociedade rede e o papel do content curator”.

LUGAR
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n 
15705. Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205

15 de xuño de 2017

XVII Ruta Chairega

Redacción.-

O domingo, día18 de xuño de 2017 o Iescha organiza a XVII RUTA CHAIREGA que percorrerá nesta ocasión as terras de Muras, pola Ruta A Veiga-Carelle, e as terras de Ourol, visitando unha fervenza no río Xestosa.
No Concello de Muras, a ruta de sendeirismo, duns 8,5 quilómetros, parte desde a Área recreativa A Veiga ata o complexo da Aldea Etnográfica.
Subdivídese en tres tramos: A Ruta da Fraga, de dificultade media; a Ruta  do Río, tamén de dificultade media; e a Ruta de Carelle, de dificultade media-baixa, con sinais e paneis de información ambiental e etnográfica.
A continuación, xa en terras doconcello de Ourol, visitaremos unha fervenza no río Xestosa.
Ao finalizar a ruta e a visita da fervenza, terá lugar a comida, nesta ocasión será servida no restaurante O Santi, en Muras.

10 de xuño de 2017

Miradas IV

Redacción.-

Onte venres 9 de xuño ás 20.00h no Centro Torrente Ballester inaugurouse o proxecto Miradas IV, consistente en catro pequenas mostras individuais que conforman á súa vez unha exposición colectiva. Os artistas seleccionados polo comisario David Barro son Manuel Eirís, Christian García Bello, Alejandra Pombo e Damián Ucieda. No día da inauguración preséntase unha publicación co traballo dos artistas seleccionados.

Miradas IV é un proxecto que nace como memoria e como presente, cun ollo no retrovisor e outro en obxectivos novos, noutros nomes e circunstancias, noutras posibilidades. O ollo do retrovisor mira e evoca o ciclo de exposicións de Miradas virxes, que protagonizou parte da oferta expositiva do Centro Torrente Ballester nos primeiros anos do século XXI. Hoxe a realidade que deu froito a aquel conxunto de exposicións individuais é ben distinta, seguramente menos eufórica, menos ilusionada, pero igualmente preparada e seguramente máis esixida, en tanto que menos apoiada e con menos expectativas. Manuel Eirís, Christian García Bello, Alejandra Pombo e Damián Ucieda son algúns dos máis destacados representantes desta outra xeración, catro novas miradas en catro pequenas mostras individuais entrelazadas nunha exposición colectiva

Centro Torrente Ballester
Rúa Concepción Arenal, s/n
15402 Ferrol

9 de xuño ás 20.00h no Centro Torrente Ballester inaugurase o proxecto Miradas IV, consistente en catro pequenas mostras individuais que conforman á súa vez unha exposición colectiva. Os artistas seleccionados polo comisario David Barro son Manuel Eirís, Christian García Bello, Alejandra Pombo e Damián Ucieda. No día da inauguración preséntase unha publicación co traballo dos artistas seleccionados.

Miradas IV é un proxecto que nace como memoria e como presente, cun ollo no retrovisor e outro en obxectivos novos, noutros nomes e circunstancias, noutras posibilidades. O ollo do retrovisor mira e evoca o ciclo de exposicións de Miradas virxes, que protagonizou parte da oferta expositiva do Centro Torrente Ballester nos primeiros anos do século XXI. Hoxe a realidade que deu froito a aquel conxunto de exposicións individuais é ben distinta, seguramente menos eufórica, menos ilusionada, pero igualmente preparada e seguramente máis esixida, en tanto que menos apoiada e con menos expectativas. Manuel Eirís, Christian García Bello, Alejandra Pombo e Damián Ucieda son algúns dos máis destacados representantes desta outra xeración, catro novas miradas en catro pequenas mostras individuais entrelazadas nunha exposición colectiva

Centro Torrente Ballester
Rúa Concepción Arenal, s/n
15402 Ferrol

Antón Riveiro Coello e Carlos Casares

Redacción.-

Instituto de Estudos Chairegos, seguindo cos actos programados co gallo das Letras Galegas, organizou onte venres, 9 de xuño de 2017, ás sete e media do serán na Casa de Cultura de Vilalba, unha conferencia sobre Carlos Casares impartida polo escritor Antón Riveiro Coello escritor que foi presentada por Tino Alvite, directivo do Iescha.

Antón Riveiro Coello naceu en 1964, en Xinzo de Limia. Cursou estudos de Dereito en Santiago, tocou a guitarra nun grupo de rock, vendeu ordenadores, foi funcionario do Estado, da Xunta e, por fin, xa cuns cantos anos máis, rematou dedicándose á escrita na que ten sido galardoado nuns cantos certames dos que salientan o Álvaro Cunqueiro, o García Barros, Café Dublín, Torrente Ballester (finalista), Modesto R. Figueiredo do Pedrón de Ouro, Manuel Murguía, Camilo José Cela, Breogán de Contos, Castelao de Narrativa, Casa Galicia en León, Meigas e Trasgos, Vila das Neves ou o Ourense de Contos, entre outros. 

Martiño Maseda, premio Manuel María

Redacción.-

O poemario Ti, (des)amor’, do poeta chairego Martiño Maseda Lozano, fíxose co segundo premio no V Certame de Poesía Manuel María en lingua galega, convocado pola Casa de Galicia en Donosti e que ascende a 200 euros xunto coa publicación da obra.

O 400 euros do  primeiro levounos Rocío Leira, de Cee, con ‘O teu exterminio sobre min’. O poema ‘Ególatra’, de Lucía Amaro Losada, de Monforte,  levou os 100 euros levou o terceiro posto e 100 euros.

9 de xuño de 2017

Concerto de Azougue

Redacción.-

Este sábado, día 3 de xuño, ás 20 horas, Pedro Lamas (saxo soprano e barítono, gaita, dulzaina melódica, percusións), Jacobo de Miguel (piano) Xosé Lois Romero (percusións tradicionaispoñen o ramo á tempada do Ciclo De corazón a corazón. Concertos na intimidadeque vén desenvolvendo a Casa-Museo Manuel María e que se volverá reiniciar tras o verán. Os tres talentosos músicos, con longo percurso en distintos proxectos e grupos musicais, forman parte dun novo proxecto musical, Azougue, que está próximo a gravar un traballo que as persoas asistentes ao concertodeste sábado terán o privilexio de escoitarO seu repertorio está baseado no encontro híbrido de distintas músicas que van desde o tradicional até o jazz e a música clásica (https://www.youtube.com/watch?v=gvBHjAKPA_Q&t=246s )

Pedro Lamas é un recoñecido músico e compositor galego. Compaxina a súa faceta de mestre e divulgador da música tradicional coa de intérprete e arranxista para diversas formacións como a Nova Galega de Danza, Radio Cos, Guadi Galego, Kepa Junkera, Sondeseu, Xabier Díaz, Susana Seivane, Xosé Manuel Budiño, Quique Peón Cía ou a Orquestra de Jazz de Galiza, da que é co-director xunto a Roberto Somoza, entre outras moitas. O seu paso precoz por diferentes concursos e certames de gaita celebrados no país deixa como bagaxe un dos curriculums máis laureados da música tradicional de Galiza con máis de medio cento de premios e recoñecementos no seu haber. Formou parte de producións tan exitosas como “Alento” (2003), “Engado” (2006), “Tradicción” (2009), “Alendacroa” (2011), o musical “Galicia Caníbal” (2012) ouDez” (2013), cos que acada múltiples recoñecementos como o “Premio das Ciencias e Artes da Representación” (2009) ou o 2º Premio no “XXI Certame de Danza Española y Flamenco” (2012). Recentemente participa na multitudinaria montaxe “O poder do arcabuz” (2015) en que exerce como compositor e director dunha orquestra de máis de medio cento de músicos. No presente ano recibe o Premio Martín Códax ao mellor proxecto de Folque como integrante do trío Vaamonde, Lamas e Romero.

Jacobo de Miguel é un pianista e compositor asturiano. Comeza a estudar piano clásico á idade de sete anos. Cando chega á vintena decántase pola música improvisada e o jazz. Desde este momento desenvolve un estilo en que o enfoque improvisatorio gravita arredor de todas as músicas que teñen formado parte da súa vida. Nos últimos anos, froito do seu interese por levar a improvisación a todos os xéneros musicais, pon a súa atención de novo na música clásica e comeza a interesarse polas músicas de raíz do noroeste do Estado español. En paralelo á súa faceta concertística e compositiva discorre unha labor pedagóxica en que o ensino de técnicas de improvisación ocupa un lugar preferente.Ten tocado e/ou gravado con: Carlos Barretto, Jimmy Weinstein, Rob García, Masa Kamaguchi, Matt Renzi, Matthew Simon, Paolo Porta, Walter White etc... Entre as súas últimas gravacións como líder ou co-líder encóntranse “Dúo” de Jacobo de Miguel/Ton Risco Dúo, “Eye in the Sky Proyecto”, “Ròckilo” de Jacobo de Miguel Cuarteto, “Xota pa’ Tres” de De Miguel, Wolfe & Quintana. As súas últimas colaboracións están recollidas en “Accipiter Gentilis” de Kin García Trío, “The Vanguard” de Roberto Somoza, “Right Way Down”, “The Heat” de Ethan Winogrand etc...

Xosé Lois Romero é un recoñecido acordeonista, percusionista e compositor formado na música tradicional. Foi membro de grupos referenciais como os cuartetos Lelia Doura e Luvas Verdes, así como da compañía Nova Galega de Danza, en que foi director musical nos espectáculos “Alento” (2003), Premio Opinión a Mellor Disco Galego do Ano, e “Engado” (2006). En 2008 realizou os arranxos e a dirección musical do espectáculo “Terra de soños”, que supuña o retorno aos escenarios de Fuxan os Ventos, con 30 recoñecidos artistas en directo. O concerto foi editado en 2009 en fomato libro-CD-DVD. Ese mesmo ano elabora e interpreta en directo a música do espectáculo “Ovay”, primeira montaxe da compañía de Quique Peón, editada dixitalmente como “Música para Ovay”. 
É coautor xunto a Suso Vaamonde da colección didáctica musical “Pel & madeira”, e membro do grupo tradicional da Axencia Galega das Industrias Culturais. Formou parte de aCadaCanto xunto a Guadi Galego, Xabier Díaz e Guille Fernández, e ten colaborado con innumerábeis artistas, tanto en gravacións como en directo, e obras da súa autoría forman parte dos seus repertorios: Mercedes Peón, Kepa Junquera, Susana Seivane, Guadi Galego, X.M. Budiño, Leilía, Xabier Díaz, Fuxan os Ventos, Faltriqueira, Radio Cos, Coetus, Jane Joyd, aCadaCanto, Jabbar Al Janabi, Orquestra de Jazz de Galiza... cos que ten actuado por todo o mundo, desde Amann a Nova Iorque, pasando por Zimbabwe ou Bos Aires.
Na actualidade forma parte do trío tradicómico Vaamonde, Lamas e Romero e vén de crear o grupo Aliboria en que desenvolve a súa visión renovadora da percusión tradicional. Compaxina as súas xiras e concertos coa docencia e a difusión do folclore.

Con este magnífico concertoa Casa-Museo Manuela María pon fin á esta tempada, desde outubro até maiona que pasaron polo seu auditorio, entre outros, Quico Cadaval, Milesios, Fran Rei, Pirilampo, Títeres Alakran, Grupo de zanfonas da Tradescolatentando, desta maneira, contribuír á programación e dinamización cultural da comarca chairega.

O prezo do billete para asistir a este concerto é de 5 euros e pode reservarse encontacto@casamuseomanuelmaria.gal e/ou chamando ao tel. 698177621.

Máis información:

PEDRO LAMAS (músico de Azougue): 699814004

ALBERTE ANSEDE (secretario da Fundación Manuel María):616190349

2 de xuño de 2017

Sacar a lingua é de mala educación

Redacción.-

O Instituto de Estudos Chairegos, seguindo cos actos programados co gallo das Letras Galegas, organiza para o vindeiro venres 2 de xuño de 2017, ás sete e media da tarde, na Casa de Cultura de Vilalba, a presentación do libro de Manuel Núñez Singala “Sacar a lingua é de mala educación. Oportunidades do multilingüísmo na infancia e na idade adulta”, editado por Galaxia. 

O libro -segundo podemos ler na páxina web do autor- procura argumentos e estratexias para aproveitar as posibilidades que, tanto a adultos como a nenos, lles brinda a vida nunha comunidade bilingüe que se insire nunha Europa multilingüe e nun mundo cunha extraordinaria riqueza idiomática.

Ao longo deste volume expóñense de maneira sinxela e clara os motivos polos que todos os habitantes de Galicia deberían ser competentes nas dúas linguas oficiais da comunidade e empregar esa destreza como trampolín para adquirir outras o antes posible. Porque en cuestión de linguas o importante é sumar.

O acto contará coa intervención de Manuel Núñez Singala, o autor do libro, e Marisa Barreiro Mejuto, presidenta do Iescha.

O autor
Manuel Núñez Singala naceu en Lugo en 1963, pero en Vilalba é onde transcorre a súa infancia e adolescencia. A Terra Cha é a súa primeira patria. Estuda, traballa e vive máis tarde en Compostela, que é como el mesmo di a súa segunda patria.

Sempre foi un gran afeccionado á lectura, pero a súa inclinación pola escrita, di que quizais lla deba aos certames literarios do instituto de bacharelato vilalbés. Nese centro estreou as primeiras obras de teatro, ata tres montaxes aló contra final dos anos setenta. Despois estudou en Santiago onde ficou. En Galaxia ten publicado O achado do castro (1991, Premio Xiria de Creación Teatral 1987), Comedia bífida (2007), Planificación estratéxica (2009). Narrativa: Mar de fondo (1997), Menú de enganos (2010, Premio Frei Martín Sarmiento 2011). Tamén o ensaio e os traballos de investigación sobre cuestións relacionadas coa normalización do idioma ocuparon boa parte do seu tempo, como se recolle no libro En galego, por que non? (2009).

1 de xuño de 2017

Música ao natural

Redacción.-

O vindeiro  9 de xuño, no auditorio da Casa das Insuas, en Rábade, teremos  unha nova xeira do proxecto cidadán que xunta música, natureza e cultura no rural.

Johannes Geworkian Hellman (SE)
Utilizando a zanfoña con voz propia, Johannes é coñecido coma un músico apasioado e un artista cunha expresión singular, que ama encontrarse e compartir a sua música coa audiencia. No seu proxecto en solitario Johannes invita ao ouvinte a adentrarse nunha persoal narración musical. Toda a música está composta por Johannes, inspirada en diferentes xéneros e inclúe as moitas cores da zanfoña contemporánea
Trátase dun pequeno ciclo de concertos, que tenta perpetuarse no tempo, se conta co apoio popular. Aproveitando viaxes de músicos nacionais e internacionais, organízanse unha serie de concertos no auditorio da casa das Insuas, para gozar, neste entorno natural tan singular, de música tamén ao natural, dun xeito acústico e próximo ao público.

O ciclo
Os concertos fináncianse coa colaboración do público e nun futuro, agárdase poder contar cun número suficiente de subscritores para que a iniciativa siga adiante.

Un dos propósitos deste ciclo é valorar a música como traballo, como medio de vida, e apoialo coa nosa colaboración. Pero Música ao natural, tamén considera importante valorar a artesanía, a autosuficiencia... o traballo vinculado á terra e aos oficios que nos falan da nosa tradición. Así, propoñemos unha sorte de troco: será benvido todo produto artesán, ou de cultivo propio para cambialo polo concerto.

Con esta iniciativa, pretendemos:

Abrir un espazo á creación, e poder establecer un circuíto moi singular, para gozar -a poucos centímetros- de proxectos acústicos de músicos de primeiro nivel internacional. Aprender e gozar de culturas doutros lugares.Ofrecer cultura de calidade no rural.

Despois dos concertos, poderemos conversar cos músicos compartindo comida e bebida todo aquel que queira levala.

Imprescindible reservar praza no enderezo: concertosaonatural@gmail.com
 
Colaboración: 7 euros

Máis información:
www.johannesgeworkianhellman.com

31 de maio de 2017

'5000 veces pintura' hoxe en DIDAC

Redacción.-

5000 veces pintura é un libro editado pola Galería Circular de Allariz, composto por cinco mil frases e maneiras de explicar a pintura de un modo aforístico aínda que contraditorio, pois se o aforismo é unha oración que pretende expresar un principio de forma concisa, coherente e en aparencia pechada, aquí tratase xustamente do contrario: constatar que a pintura, como unha das categorías principais da arte, non é concisa nin por suposto pechada.
Este é un libro que contén centos de aforismos, iluminacións, versos, opinións, certezas… incluso contradicións. Un “artefacto” escrito desde unha busca experimental, sendo o xogo e a disciplina a súa base construtiva; de aí que se vincule coas experiencias de escritura do grupo francés OuLiPo, como ben sinala Ángel Cerviño no prólogo; prólogo que ademais comeza cunha cita de Enrique Vila-Matas respecto do libro Café Perec, para máis datos e para especificar esta natureza experimental e lúdica que non rexeita non obstante a profunda reflexión sobre o incerto e extenso concepto de pintura. Un libro que debe abordarse de xeito lento mesmo impreciso se é que queremos asimilar todo o que aquí se nos conta.

Palabra de Ramón Chao

Moncho Paz.- Ramón Chao é un home de palabra. No seu reencontro con Vilalba, que se produciu en abril de 2011, recibiu unha agarimosa acollida por parte do público que se deu cita aquela tarde primaveral na Casa da Cultura. Chegou para desfacer os malentendidos xerados coa publicación de "O lago de Como", a novela que o afastou de Vilalba. "Eu sempre estiven presente, nunca me fun", afirmou con rotundidade. E así é, porque a capital chairega aparece unha e outra vez en toda a súa obra literaria. Aplausos e máis aplausos. Nese ambiente, os asistentes ao acto, encabezados polo lembrado Bernardo García Cendán, pediron a Ramón dúas cousas: que trouxera a Vilalba aos seus fillos Manu e Antoine, e que voltara tamén á capital chairega co seu inseparable Ignacio Ramonet, outro mestre do xornalismo e icono do movemento antiglobalización.

Este último visitou Vilalba por vez primeira en novembro de 2011, onde pronunciou a conferencia “A explosión do xornalismo”, título do seu libro homónimo. Foi outra xornada entrañable. Chao e Ramonet camiñaron previamente pola vila e, antes de dirixirse ao Centro Cultural e Recreativo –onde tiña lugar o evento- pararon de súpeto fronte á sede da Fundación Manuel Fraga. Ramón comentaba nese intre que algún día gustaríalle ser nomeado “Fillo Predilecto de Vilalba”. E Ignacio, ollando cara a placa colocada na fachada do edificio, tumbou de súpeto as aspiracións do seu amigo: “Sinto dicirche, Ramón, que non poderás ser fillo predilecto da túa vila; porque nesta inscrición pon que Manuel Fraga ten a consideración de O Fillo Predilecto de Vilalba (con artigo determinado), co cal xa non pode haber outro”. Ao que Chao, inxenioso coma sempre, respostou: “Xa non me interesa, prefiro ser Fillo Pródigo”. Agora está a piques de publicar a súa última novela, con carácter autobiográfico, baixo ese mesmo título.

Pola súa banda, Manu veu a Vilalba ao ano seguinte, no mes de maio. Aproveitando a súa presenza no Festival Reperkusión, en Bemposta, sorprendeu ao seu pai en Ourense e díxolle: “Facemos esa excursión a Vilalba que temos pendente?”. Atopámonos no xardín de Casa Anduriña, nun encontro de amigos. Percorrimos as rúas da vila e visitamos a Bernardo, que xa estaba moi maliño. Despedímonos del. Ese día Manu ía coa idea de tocar a guitarra e cantarlle ao amigo do seu pai e ao final deixouna no chan.

Aquela xornada, Ramón decidiu que voltaría a Vilalba cada ano a finais do mes de agosto, co gallo das festas de San Ramón. E así foi, palabra de Chao. O 28 de agosto de 2015 dedicámoslle unha escultura no Hectómetro Literario, formando parte –xa para sempre- da contorna máxica do Paseo dos Soños.

Nesa ocasión dixo que regresaría para ensinarlle á súa familia o piano de pedra (obra de Valdi), onde o pasado sábado interpretou “O lago de Como”, de Gallas. Ese fora o título do libro publicado en 1982, finalista do Premio Nacional de Narrativa, que provocou unha serie de malentendidos e o seu distanciamento con Vilalba durante lustros. Estivo unha vez máis connosco ao longo da fin de semana, acompañado do seu inseparable Ignacio Ramonet, a súa dona Felisa Ortega (algún día traducirei ao galego o conto de Eduardo Galeano), o seu fillo Antoine (quen levaba anos sen vir por Vilalba, dende a adolescencia) e os seus netos Merlin e Margarita. Palabra de Chao. Querémoste moito, Ramón. Volta cando queiras. Ata sempre, compañeiro.

30 de maio de 2017

IV Gala do Fútbol da Costa - QPC

Redacción.-

Xa está en marcha a IV Gala do Fútbol da Costa - QPC, que organiza o diario dixital da Costa da Morte Quepasanacosta e que servirá para facer entrega dos premios aos mellores da temporada 2016/2017.

O punto de encontro de todo o fútbol costeiro celebrarase o vindeiro venres 16 de xuño, a partir das 21:00h no Salón de Actos do Voluntariado do Concello de Muxía.

Este ano, a Gala, que será unha vez máis presentada pola eterna voz do Fútbol da Costa, Fran Hermida, dá un novo impulso coa implicación total da Federación Galega de Fútbol e a colaboración do Concello de Muxía.

Como todos os anos, farase entrega de case 30 premios, con trofeos da Olería de Buño. Boa parte deles serán escollidos polos propios protagonistas (xogadores, adestradores, directivos, afeccionados, xornalistas...) a través das súas votacións, para que sexan o máis representativos e realistas posible.

Como novidade, este ano entregaremos oPremio ao Mellor Delegado, gracias á proposta da nova delegación de árbitros na comarca. Uns árbitros que volverán ter o seu protagonismo.

Así mesmo, a Gala volverá contar con dous momentos tremendamente emotivos, oPremio Abdoulaye e máis a lembranza a Álex Pombo.

29 de maio de 2017

Chao e Ramonet, o sábado en Vilalba

Redacción.- O vindeiro sábado 27 de maio, a capital da Terra Chá acollerá as reflexións de Ramón Chao (Vilalba, 1935) e Ignacio Ramonet (Redondela, 1943), xornalistas galegos establecidos en Francia e dúas das figuras máis importantes do movemento antiglobalización.

Chao e Ramonet serán os convidados de honra do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) e do xornal A Voz de Vilalba, nun acto que terá lugar ás oito do serán na Casa da Cultura e que tamén conta coa colaboración da plataforma cívica Amigos de Prisciliano. Será nun formato de charla-coloquio, baixo a moderación do xornalista Moncho Paz, nunha especie de conversa onde os asistentes poderán formular as cuestións que consideren oportunas.

A súa presenza en Vilalba forma parte do proceso de reconciliación de Chao co seu pobo natal, onde regresou en abril de 2011 para participar nun acto de similares características organizado polas mesmas entidades. Posteriormente, visitou a capital chairega en novembro do mesmo ano, acompañado precisamente por Ramonet, para pronunciar a conferencia 'A explosión do xornalismo'. En maio de 2012 regresou co seu fillo maior, o coñecido músico Manu Chao, e en agosto de 2015 recibiu unha homenaxe popular, formando parte -xa para sempre- do Hectómetro Literario do Paseo dos Soños.

Ramón Chao naceu en Vilalba en 1935 e criouse tocando o piano na fonda que rexentaban os seus pais, onde adoitaban parar figuras como Cunqueiro ou Díaz Castro. Sendo bolseiro polo Concello de Vilalba e a Deputación de Lugo, trasladouse a Madrid para estudar piano, harmonía e bacharelato. De Madrid foise a París cando tiña vinte anos, con outra bolsa do Goberno español. Na capital francesa fíxose xornalista, entrando a traballar en Radio France “porque falaba galego”, segundo confesa, “pois buscaban un locutor que soubera música e portugués”.

En París, Ramón Chao dirixiu emisións radiofónicas na nosa lingua, que serían prohibidas por Franco, e foi correspondente da revista Triunfo. Tamén traballou na prensa e na televisión francesas e foi nomeado Cabaleiro das Artes e das Letras polo Goberno de Francia en 1991. Destacou como crítico Literario en Le Monde e polas súas colaboracións en Le Monde Diplomatique, publicación mensual dirixida polo xornalista Ignacio Ramonet. Conta no seu haber con máis de vinte libros, entre novelas e biografías, un deles escrito en galego, O Camiño de Prisciliano, con cuberta deseñada polo artista Miquel Barceló. Asemade, a súa novela El lago de Como, publicada en 1982, foi traducida ao galego en 2008. Na actualidade é o presidente da plataforma cívica Amigos de Prisciliano.

Natural de Redondela (Pontevedra), Ignacio Ramonet medrou en Tánxer onde os seus pais, republicanos españois que fuxían de Franco, se instalaron en 1948. Estudou na Universidade de Bordeaux e regresou a Marrocos. En 1972 trasladouse a París, onde se iniciou como xornalista e crítico cinematográfico. É doutor en Semioloxía e Historia da Cultura pola École deas Hautes Études en Sciences Sociais (EHESS) de París e catedrático de Teoría da Comunicación na Universidade Denis-Diderot (París-VII). 

Especialista en xeopolítica e estratexia internacional e tamén consultor da ONU, actualmente imparte clases na Sorbona de París. Dende 1990 ata 2008 foi director da publicación mensual Le Monde Diplomatique e a bimensual Manière de voir. É cofundador da organización non gobernamental Media Watch Global (Observatorio Internacional dos Medios de Comunicación) da que é presidente. 

Un editorial escrito en Le Monde Diplomatique durante 1997 deu lugar á creación de ATTAC, cuxa labor foi dedicar orixinalmente á defensa da taxa Tobin. Na actualidade dedícase á defensa dunha gran variedade de causas da esquerda política e ten como presidente de honra a Ignacio Ramonet. Foi tamén un dos promotores do Foro Social Mundial de Porto Alegre. É Doutor Honoris Causa da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade Nacional de Córdoba (Arxentina). Ignacio Ramonet foi galardoado en numerosas ocasións e é autor de varios libros, a maioría traducidos a diversas linguas.

25 de maio de 2017

Marcial Valladares na lembranza

Redacción.-

O venres 26 de maio ás 20:30 h. No MOME (A Estrada) o profesor Xosé A. Fernández Salgado dará una conferencia sobre Marcial Valladares e terá lugar a proxección do vídeo da conmemoración das letras galegas na Estrada a este autor no 1970.

Agasallarase aos asistentes co libro: "Marcial Valladares: biografía dun precursor no Rexurdimento galego”.

24 de maio de 2017

Un bo e xeneroso Raúl Río

Antón Tenreiro.-

Neste ano de Pondal, dese Ponteceso que nos agasallou aos chairegos con Alfonso Blanco Torrado, a Asociación Sociocultural Lareira de soños dos Vilares, ten decidido adicarlle a quinta edición do seu premio TRAPEIRO DE HONRA ao vilarego Raúl de Río.

Coñecedor como ninguén da historia da súa parroquia e mesmo de Guitiriz e da Chaira, Raúl sempre está disposto a colaborarben calquer traballo e proxecto a prol da cultura ee das xentes desde o ámbito mais pequeno á utopía máis inalcanzable, sendo a súa casa en Euskadi como unha embaixada galega naquel seu outro país de acollemento e tendendo lazos entre ambos, o último este mes de maiocoa visita dea Xermolos a aquelas terras coa presentación do poemario do tamén vilarego André da Ponte, a campaña para salvar a casa de Díaz Castro, a proxección da curta A Chave de Bascuas e a inauguración da escultura adicada a Manuel María naquelas terras.

Raúl é desas persoas silenciosas, que paseniñamente van tecendo co seu traballo unha labor da que non reclaman recoñecemento, pero que é necesária e mesmo imprescindíble. Raúl, ese amante da súa terra que como milleiros tivo que coller o camiño da emigración, levou con él a Euskadi, Galiza enteira e especialmente eses anacos que ten no núcleo do seu corazón: A Terra Chá do seu querido Manuel María, Guitiriz de Xermolos e os Vilares do seu amigo Díaz Castro. O pasado ano, Raúl foi distinguido tamén coa navalliña de Manuel María, ao que tanto apreciaba, acompañado de familiares e amigos que valoran o seu exemplo de amor e dedicación ao nóso aló onde se atope. Amante da cultura e das artes, ten realizado diversos e relevantes traballos escultóricos, artigos, pinturas e as súas cámaras recolleron ao longo dos anos importantes documentos fotográficos e audiovisuais de grande valor histórico. Pero detrás dese compromiso hai, sobre todo, un home "bó e xeneroso" ao que desta volta tamén os seus veciños poñen de exemplo con ese nomeamento deTrapeiro de Honra co que acompañará na memoria dos Vilares a Díaz Castro, a Romaría Labrega, Pepe de Cristos e Asunción dos Ares, testemuñas e protagonistas con Raúl Río da história que eles mesmo escriben con letras de ouro. Nos Vilares, somos debedores de Raúl e non se paga con este recoñecemento tanto amor pola parroquia, apenas o nóso agradecemento e o cariño colectivo da súa tribu de orixe, que ben gañado o ten.

De seguro, o seu amigo Pepe do Vilariño estará feliz con este recoñecento, e con él, numerosos amigos e veciños.

Galiza precisa moitos Raúl Río.

'A Lola' de Avelaíña Teatro o venres 26

Redacción.-

O Instituto de Estudos Chairegos, dentro dos actos programados co gallo das Letras Galegas organiza para o vindeiro venres 26 de maio ás oito e media do serán no Auditorio Municipal de Vilalba a representación teatral A LOLA, de Manuel Ayán, a cargo da compañía de teatro afeccionado de Pontevedra, Avelaíña Teatro.

A obra quere simbolizar na Lola a todas aquelas mulleres que sobreviviron aos seus seres queridos, arrebatados polo terror franquista. Xoga con situacións no presente (situado a mediados dos anos 60) e co pasado (referencia á II República e aos tempos posteriores ao golpe militar de xullo de 1936).

A trama céntrase na influencia que o golpe franquista tivo nas condutas de varias xeracións. Desta forma recréase o ambiente, os ideais e confrontacións entre dúas formas de entender a sociedade, os valores da tradición patriarcal fronte ao progreso e liberdade.

Día dos medios en galego?

Redacción.-

A Asociación de Medios en Galego lamenta a discriminación da Xunta sobre os medios escritos na lingua do país con respecto aos que o fan en español, e reclama o cumprimento do artigo 19 da Lei de Normalización Lingüística cando marca que "o goberno galego prestará apoio económico e material aos medios de comunicación (...) que empreguen o galego dun xeito habitual e progresivo".

17 de maio e 25 de xullo. Datas simbólicas para o calendario galego e as únicas nas que a Xunta destina unha migalla para os medios en galego dos millóns de euros que reparte en concepto de publicidade institucional. E este 17 de maio non é unha excepción.

A Xunta publicou o último día hábil do pasado ano a resolución das súas subvencións aos medios para promocionar a lingua galega. A resolución da subvención para medios integramente en galego suma 201.000 euros. As subvencións para medios
xeralistas 1,6 millóns. Esta diferencia de importe prodúcese malia que en teoría as dúas liñas de subvención comparten un fin: apoiar a difusión de noticias en galego.

Para cobrar as subvencións, aos medios escritos en castelán chégalles con ceder á lingua propia un 8% do seu espazo total, que en moitas ocasión non se cumpre, xa que algúns deles nin superan o 5%. Ademais, tamén poden recibir axudas polas súas edicións dixitais.

A convocatoria de axudas para medios en galego crea unha serie de barreiras pola que na práctica case toda a prensa dixital e emisoras de Radio e TV en galego queda excluída. A diferencia é que só se conceden a medios con edicións en papel. Resultado: a prensa dixital en galego suma pouco máis 3.400 euros de axudas. Pola contra, a prensa en español supera amplamente o millón de euros por, supostamente, escribir en galego. E esas axudas son á marxe doutras axudas millonarias que perciben en base a distintos convenios co goberno galego durante todo o ano.

A estas dirixidas subvencións únese a política arbitraria da publicidade institucional para estas datas. Nada sabemos da Lei de Publicidade Institucional na que aseguraba estar traballando o PP cando hai dous anos rexeitaba a nosa proposición presentada no Parlamento hai dous anos. Mentres, do arredor de 15 millóns de euros que destina a Xunta aos medios, menos do 1,5% recaen en medios que comunican integramente en galego.

O propio Carlos Casares, homenaxeado neste 2017, coincidiría na necesidade de
preservar a lingua galega nos medios de comunicación, como así o recoñecía:

“Escribo cunha clara conciencia política frente ao castelán, que é a lingua imposta. Esto téñoo moi claro. O bilingüismo non o acepto, ao máis podo disculpalo, e non sempre. Aínda non atopéi a ninguén que me poidera demostrar que o bilingüismo é politicamente válido. A lingua dos galegos é o galego e eu, dende o meu oficio de escritor, estóu a defender esa lingua con todas as miñas forzas e todos os meus coñecementos”.

“Nós non queremos esmorecer. Nós non estamos esmorecendo. Galicia vén de lonxe e vai para lonxe, e nesa longa andaina nosa polos séculos, o idioma dános forzas e axúdanos a lembrar o que somos. Ese idioma é un monumento colectivo, sempre inacabado e onde todos teñen cabida" afirmou o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo hai uns anos no discurso oficial do Dia das Letras.

Os medios de comunicación en galego tampouco queremos esmorecer. E seguiremos a nosa andaina, coa axuda ou sen a axuda do Goberno galego que, a pesar de que por lei debe apoiar aos medios escritos na lingua do país, de facto discrimínaos.

A AMEGA está formada polos seguintes medios: Radio Fusión-Rede de Emisoras Municipais Galegas, Galicia Confidencial, Praza, Sermos Galiza, Tempos Novos, Novas da Galiza, A Nova Peneira, Valmiñor.info, Que pasa na Costa, A Voz de Vilalba, Crónica 3 e Terra Cha Xa.

17 de maio de 2017