Salvar os frescos

Redacción.-

A Asociación Sócio-Cultural Lareira de soños dos Vilares e o párroco de Labrada, Luia Ángel Rodríguez Patiño, lebarán a cabo diversas iniciativas para reclamar a urxente restauración das pinturas murais renacentistas das igrexas das parróquias de Labrada e Os Vilares. Despois de vários anos de reclamacións, entrevistas, informes e visitas de autoridades para a recuperación destas importantes pinturas dos séculos XV e XVI sin resultados positivos, a alarma do deterioro dos mesmos obrigam a chamar a atención sobre o perigo da perda definitiva duna frescos con mais de cinco entoa anos de antiguidade.

As humidades, o desconchado das paredes, a falta de mantemento e consolidación destas obras artísticas levam a unha degradación ano tras ano que vai camiño de facerse definitiva e irrecuperável si non se actúa con urxencia.

É por isto que as duas parróquias despois de várias conversas entre o párroco de Labrada e o presidente da Lareira de soños decidiron emprender accións conxuntas para apremiar ás institucións na salvación destes murais e o seu posterior nomeamebto como Ben de Interese Cultural (BIC).

Descubertos os frescos nos anos 90 en ámbalas dúas igrexas e conservados detrás de caleados profiláticos, non se tem tomado ningunha de protección desde entonces, quedando case trinta anos á súa sorte e con un avanzado estado de deterioro.

A Terra Chá Ten nestes frescos um importante património de arte relixiosa que debe preservar e poñer en valor nuns templos ademáis coas suas orixes nos séculos XII (Os Vilares) e XIII (Labrada) e con importantes retablos góticos e renacentistas e outras iconografias entre a que destaca tamén o calvário de três cruzeiros dos Vilares ou o sartego de pedra entre outros...

26 de out. de 2017

Paco Nogueiras na Casa-Museo Manuel María

Redacción.-

O músico e actor Paco Nogueiras presentará este sábado, día 28 de outubro, ás 18 hrs, na Casa-Museo Manuel María, o seu traballo musical “Brinca Vai!”.

No concerto, dirixido para o público infantil e familiar, Paco Nogueiras interpretará cancións para os diferentes momentos do ano a través de distintos estilos musicais (techno, rock, folk, reggae…).

O concerto deste sábado en Outeiro de Rei será un dos últimos do exitoso libro-cd “Brinca Vai!”, pois o músico está a piques de publicar un novo traballo musical para as crianzas que leva por título “Radio BULEBULE”.

O custo da entrada é de 2 euros e pódese facer a reserva no tel. 698177621 ou no correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal.
A actividade está coorganizada pola Casa-Museo Manuel María e as ANPAS do CEIP Laverde Ruíz de Outeiro de Rei e Otero Pedrayo de Rábade.

25 de out. de 2017

As bibliotecas

David Otero.-

Poñen o seu día no vintecatro deste mes, martes, pero a grande palabra biblioteca debe , no valer dos desexos, dicirse e vivirse todo o ano conxugando o verbo ler, aínda que na data antedita do vintecatro lle deamos acariñadamente un intensivo acento.A nosa forza de lectoras e de lectores vai na suma dos días dos anos nos que nas bibliotecas ( e noutros espazos) exerzamos activamente lectura. Días dos anos os cales han reflictir en nós, nas nosas actitudes e conductas, as verdades emocionais desas experiencias lectoras., pois a lectura nunca perdeu a súa maxia, o seu misterio, pero tampouco o seu dramatismo, a súa vértice que nos envolve para que vexamos que neste mundo hai outros. Nela hai memoria e xa que logo amor e tamén cabreo e xenreira, incomodidade ( non lle direi odio pero…) Iso si…pola lectura non debésemos parar quietos. Menudo fervedoiro.Pola lectura nós non somos receptores pasivos de tantos mundos que nos posibilitan os libros e outros soportes. Pola súa mediación, tamén polas autoras e os autores, estamos creando de seguido, pois facemos lectura co que somos e co que temos.

As bibliotecas non deben ser lugares de quietude, nin de silencio. Serán espazos de nos atopar, de discrepar ou de chegar a acordos ilusionantes, pois nada debemos illar dos sentimentos. Serán lugares de lectoras e de lectores que permiten tempos de tactos e de contactos cos soportes de lectura, asemade que cos nosos pareceres e estimas, poñendo a rular experiencias e proxectos con traxectos, cos pés na terra e coas cabesiñas a brincar cos sentimentos nas tantas músicas das emocións, das fantasías e das imaxinacións, Todo así ben cheo de horas cargadísimas de contidos marabillosos nos que facer lecturas de moitos tipos, pero en especial lecturas creativas, vivas e activadas a toda marcha e enerxías ( pois témolas e non poucas) e sempre nos abrazos sentidos e de cantidades volumétricas da nosa lingua e da nosa cultura ( como fundamentais conexións valedoras e eficaces para entender o mundo).

Velaí as bibliotecas , coas súas bibliotecarias e cos seus bibliotecarios, como nos ofertan oportunidades ( pasen sen chamar) para compartir mornuras cos soportes de lecturas, lendo, comunicando, xunto coas lectoras e cos lectores ( e cos que non o son, que tamén teñen importancia, pois han saber que as portas das bibliotecas están tamén abertas para elas e para eles, si, para entrar, para quedárense ou para írense).Nestes espazos de lecturas( non únicos) todas e todos sentiremos o latexar dos grandes corazóns das bibliotecas, pois a forza delas será o resultado da suma plural dos nosos. A dos nosos corazóns de lectoras e de lectores. Pasen e nótenno. Feliz día ( lendo, claro).

24 de out. de 2017

Presentación de 'O filósofo coxo'

Redacción.-

Hoxe preséntase no Concello de Guitiriz o poemario O filósofo coxo, de Eduard Velasco, que resultou gañador do II Premio de Poesía Díaz Castro.

O acto desenvolverase o venres 13 de outubro a partir das oito do serán na Casa Habanera e contará coa presenza do propio autor así como de Ánxela Gracián, Miguel Anxo Fernán Vello e Armando Requeixo en representación do xurado que outorgou o premio.

13 de out. de 2017

II Sábados de Teatro

Redacción.-

O Instituto de Estudios Chairegos, continuando co desenvolvemento das actividades programadas para o presente ano 2017, organiza os II SÁBADOS DE TEATRO. Durante tres sábados do mes de outubro e un venres do de novembro, poñeranse en escea outras tantas obras a cargo de catro grupos teatrais distintos. Para esta actividade, o Iescha conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo, acolléndose, nas dúas primeiras actuacións, ao seu proxecto global de teatro Buxiganga’2017.

O programa completo consta das seguintes representacións e grupos:
-SÁBADO, 14 DE OUTUBRO, ÁS 20,00 HORAS, NO AUDITORIO MUNICIPAL
O grupo DEBULLA ESCÉNIKA porá en escea a obra PERVERSÓNS.

-SÁBADO, 21 DE OUTUBRO, ÁS 20,00 HORAS, NO AUDITORIO MUNICIPAL
O grupo NOSTRUM CAI porá en escea a obra ALBA. A CASA PECHADA.

-SÁBADO, 28 DE OUTUBRO, ÁS 20,00 HORAS, NO AUDITORIO MUNICIPAL
O grupo FANTOCHES BAJ porá en escea a obra AS POMBAS DO CARBOEIRO, coa participación da Banda de Música de Vilalba.

-VENRES, 3 DE NOVEMBRO, ÁS 20,00 HORAS, NO AUDITORIO MUNICIPAL
O grupo ESCOLA MUNICIPAL DE TEATRO DE VILALBA porá en escea a obra VODAS DE SANGUE

A entrada a todas as funcións será libre e gratuíta.

27 anos sen Díaz Castro

Redacción.-

O pasado luns cumpríanse 27 anos do pasamento de Díaz Castro, polo que a asociación Xermolos de Guitiriz convocou un recital de poesía ao pé do seu panteón, ás 16 horas e ás 19,30 un acto en A Coruña no Forum Metropolitano organizado pola Asociación de Veciños OZA da Gaiteira-Os Castros dentro do “Cine de barrio” co patrocinio do Concello de A Coruña, no que se presentou o Proxecto “Salvemos a casa de Díaz Castro” coa intervención de Alfonso Blanco de Xermolos e Antón de Guizan da Lareira dos soños dos Vilares. O coloquio estivo acompañado da visualización da curta “A chave de Bascuas” de Bruno Pena e os spots que este realizador creou para a campaña da Casa de Díaz Castro.

O 19 de outubro dentro deste proxecto trasladarase a exposición de pintura de Anxo Lamas desde a Biblioteca Pública Miguel González Gracés desta cidade á Asociación Alexandre Bóveda onde vai intervir o creador Anxo Lamas.

Xa en Lugo segue adiante a presentación do proxecto “Salvemos a casa de Díaz Castro”, o día 12, na Feira Medieval grazas á colaboración da Asociación “Bolboreta Fiandeira” e na semana seguinte na Asociación Madia Leva.

6 de out. de 2017

X Ruta por Galicia adiante


Redacción.-

O Instituto de Estudios Chairegos, conti- nuando co desenrolo do programa de actividades do ano 2017, organiza para o domingo, día 22 de outubro, a X Ruta Por Galicia adiante - Andando as Terras de... RIBADUMIA E MEIS (Pontevedra)-RUTA DA PEDRA E DA AUGA. BARRANTES- ARMENTEIRA.
A saída do autobús hacia o inicio da ruta, realizarase dende as inmediacións da Casa da Cultura de Vilalba, e está programada para as 8:00 horas do domingo, 22 de outubro de 2017.
O custo por participante fixouse en 25 € (inclúe comida e autobús). Os menores acompañados pagarán 5 €.
O programa contempla as seguintes
actividades (sempre suxeitas a algún cambio por imponderabeis):
08:00.- Saída de Vilalba (Casa da Cultura).
10:00.- Chegada ao lugar de saída da ruta (Barrantes).
14:00.- Remate da ruta (Armenteira). 15:00.- Comida nun furancho de Meaño.
17:30.- Visita programada (Mosteiro de Armenteira, etc.)
As persoas interesadas en participar na Ruta poderán inscribirse, como máximo ata o 13 de outubro, nos teléfonos: 686-451501 // 651-361628, comunicalo directamente a calquera membro da Xunta Directiva ou enviando unha mensaxe á conta de correo do IESCHA, estudoschairegos@gmail.com.
(Podendo ser e por motivos organizativos, prégase realizar a inscrición o antes posible)
Nota: A participación está aberta ao público en xeral, tanto soci@s coma non soci@s.

24 de set. de 2017

A poesía vive en Guitiriz

Antón de Guizán.-

Aínda non pasaron dous anos desde aquel 3 de outubro de 2015 un grupo de poetas novos de Guitiriz honraban a Díaz Castro no XXV cabodano do seu pasamento na igrexa dos Vilares. Aquel grupo foi batizado por Armando Requeixo co nome de #NovaPoesiaGuitirica NPG e véu a luz con un fermoso manifesto da súa autoría publicado no premiado blog Criticalia.

O que podería parecer un bonito acto froito da resaca das letras galegas adicadas ao poeta do Vilariño o ano anterior, convirteuse minha iniciativa estábel e dinámica que deu lugar a diversos recitais poético-musicais enn Guitiriz e noutras localidades, orixinanio propostas como a dos poemas pendurados das farolas ou o certame de micropoemas <VILARIÑAS>, xornadas arredor de Diaz Castro e Manuel María, participación dos diferentes componentes do grupo en recitais en distintas localidades, participación en diversas publicacións colectivas e mesmo que se teñan musicado poemas dalgunha poeta da NPG.

Desde aquela, a Nova Poesía Guitirica ten medrado en componentes e en recoñecemento. Ao grupo da igrexa dos Vilares do 3 de outubro de 2015 con Judiña de Lea, Mar Beres, Luz Campello, Jaki S.Quintela, Xosé Antón Cascudo, Fátima Fernández e Pas Veres, sumáronse despois André da Ponte, Adriana Quijada e Xelo Teijido nunha composición heteroxénea de estilos e uniforme na ideia de sumar arredor da admiración polo poeta do Vilariño.

Recitais poéticos en Sada, Vilalba, Compostela, Mondoñedo, Ferrol e en San Sadurniño, contaron con xente da NPG, así como publicacións colectivas en formato tradicional e en soporte dixital. A menos dun mes de cumprirse dous anos daquel  3 de outubro de 2015 no que ademáis do público participaron nomes tan importantes como a própria alcaldesa, Xulio Xiz, Man Castro e Alfonso Blanco, podemos afirmar que a poesía reside en Guitiriz, nos versos d@s afillad@s de Pepe, na parróquia dos Vilares, no lugar do Vilariño, na casa de Díaz Castro, #ACasaDaXente.

22 de set. de 2017

De volta a Ítaca

Redacción.-

Este mércores, ás 12 horas na Casa do Concello de Castro de Rei tivo lugar a presentación do Festival "De volta a Ítaca" que se vai celebrar nesta vila organizado polas Asociacións da Terra Chá, as Feas, coa colaboración do Concello de Castro de Rei co obxectivo de recuperar a Casa de Diaz Castro para convertela na "Casa da Xente", un espazo para as asociacións.

IX Lúas de outono

Redacción.-

“Lúas de Outono”, a homenaxe anual a Manuel María, terá lugar o próximo 20 de setembro ás 20.30 horas no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Desta volta, na súa novena edición, o protagonismo irá para o teatro da man da compañía Lucecús Teatro que representará “A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna” que leva á escena a popular figura que tanto influiu na biografía de Manuel María.

A obra “A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna”, levada á escena pola compañía Lucecús Teatro, centrará “Lúas de Outono”, a homenaxe anual que a Fundación Manuel María lle ofrece ao escritor que faleceu por estas datas hai agora trece anos.

A homenaxe foi presentada este venres na Sala de Comisións da Deputación da Coruña nun acto en que participaron a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, a viúva de Manuel María e Presidenta da Fundación Manuel María, Saleta Goi, o secretario da Fundación Manuel María, Alberte Ansede e o director e acto de Lucecús Teatro, Rubén Pérez Pombo.

Unha obra dramática por descubrir
“A homenaxe é unha nova posibilidade de achegarnos ao escritor Manuel María nunha cita anual que contará, como cada ano, co apoio do público como en todas as actividades que ao longo do ano organiza a Fundación Manuel María que entende que o seu ten que ser un traballo continuado no tempo que impregne a sociedade galega das súas palabras, do respecto á natureza, da unión á terra, do compromiso coa lingua e o país…”, sinalou na súa intervención Goretti Sanmartín ao tempo que mostrou a súa satisfacción de contribuír ao programa de actividades da Fundación desde a liña de axudas en concorrencia competitiva.

Pola súa parte, Saleta Goi, agradeceu o compromiso de todas as persoas que participan na homenaxe e lembrou que o teatro, protagonista desta edición, foi, despois da poesía, o xénero que a Manuel María máis o divertía. Con escritor instalárase Saleta Goi no barrio de Monte Alto da Coruña, cidade que cada ano, como lembrou Alberte Ansede, responde con afectividade a estas “Lúas de Outono” que se desenvolven por volta da data do falecemento do escritor. “Deixou unha grande impronta na cidade e nesta homenaxe, que xa é unha referencia cultural no calendario, exprésase o cariño do público e os lectores e lectoras da súa obra”, dixo Alberte Ansede

O secretario da Fundación Manuel María destacou o papel da entidade á hora de difundir a obra do escritor por medio de distintas manifestacións artísticas como son a danza, a maxia, os espectáculos audiovisuais, a música ou, neste caso o teatro. “Lucecús Teatro achéganos a través do espectáculo á figura do poeta popular Manuel de Paderna, personaxe real que tivo unha influencia enorme en Manuel María xa que con el se achegou á arte de versificar”, dixo Alberte Ansede que aproveitou para destacar a obra teatral de Manuel María, un conxunto de 36 pezas “que o converten nun dos dramaturgos galegos máis prolíferos e un grande autor teatral que o grande público descubrirá cando se publiquen”.

 Finalmente, o director de Lucecús Teatro, Rubén Pérez Pombo, mostrou a súa satisfacción por levar a escena unha obra que “a través da figura de Manuel de Paderna fai un percorrido pola xeografía de Manuel María e os seus textos. A obra é unha celebración da vida, da nosa cultura e do noso país e da celebración do espírito de Manuel María”.

 A entrada á obra, que se representa por primeira vez na Coruña, é libre até completar o aforo do Teatro Rosalía de Castro.

16 de set. de 2017

A resiliencia, actitude do xornalista


Moncho Paz.- Credo, credo, credo... Conta a lenda que esta palabra, repetida ata tres veces, foi a derradeira que pronunciou o mariscal Pardo de Cela en Mondoñedo, ao ser executado na Praza da Catedral. É precisamente nese lugar onde gardo unha das miñas primeiras lembranzas da infancia.

A primeira vez que estiven en Mondoñedo foi hai máis de corenta anos, sendo un raparigo. En compañía da miña familia chegamos unha tarde de primavera para visitar a un curmán da miña avoa: Francisco Fanego Losada, membro da Real Academia Galega e distinguido coa Gran Cruz de Alfonso X o Sabio, ao que me presentaron coma un ilustre latinista. Eu, que non sabía moi ben que era iso, formulei as miñas preguntas de neno curioso e meus pais explicáronme que aquel “profesor de latín e de poética” (que exercía o seu maxisterio no seminario Santa Catalina) era capaz de escribir poemas en lingua itálica en perfectos hexámetros, considerados os versos da épica e dos himnos. 

Aquela casa chea de libros deixoume impresionado. Tamén o comentario de Paco Fanego, cando afirmou que sería un bo xornalista (porque non deixaba de facer preguntas). Acertou de pleno. Ou quizais fun eu o que acertei, pois a súa reflexión roldoume na cabeza durante moito tempo, espertando unha vocación temperá que xa nunca me abandonou.

Entrando no tema que hoxe nos convoca en #TEDxMondonedo, cómpre dicir que a resiliencia, xunto co optimismo e a coherencia, son tres actitudes que debe manter todo bo xornalista, por simple capacidade de supervivencia. Existen optimistas natos, como o meu pai (que sempre di “hai que afrontar os problemas con alegría”), pero o optimismo e a capacidade de superar circunstancias adversas tamén forman parte da nosa aprendizaxe vital; a tendencia a reaccionar de forma positiva é directamente proporcional á calidade de vida e ao desenvolvemento da satisfacción persoal. E a coherencia é fundamental nunha profesión como a nosa, onde ás veces un manexa tanta información que ata prefire non dispor de máis datos sobre algúns asuntos.

Sábeno ben os correspondentes de guerra, afeitos a sobrepoñerse á adversidade de xeito case inmediato. Así era, por exemplo, o noso compañeiro José Couso, que sufría cando vía sufrir, boa testemuña das brutalidades que se ven nos conflitos, como lembra a miña amiga Ángeles Espinosa, compañeira de fatigas profesionais que acompañaba a Couso e a Jon Sistiaga aquel aciago día no Hotel Palestina de Bagdad. 

E sábeno ben os xornalistas mexicanos, asasinados por exercer o seu labor de informadores; coa morte de Cándido Ríos “Pavuche” o pasado 22 de agosto, xa van nove asasinados no que vai de ano.

Tamén o sabía o xornalista Juan Ramón Díaz García, un gran profesional do noso tempo que nos deixou fai tan só un par de anos. Gran renovador da prensa galega, Juan Ramón foi coñecido pola súa intelixencia e astucia esquiva, o que provocou que tanto amigos como detractores o apodasen “O xogadas”. Tiña un fino sentido do humor e era todo un mestre da retranca. Adoitaba contar unha anécdota do seu pai, o recordado Xosé Díaz Jácome, Cronista Oficial e Fillo Predilecto de Mondoñedo, de quen aprendeu a ser resiliente. A súa filosofía e estilo de actuación pode resumirse nunha frase: “As cousas nesta vida hai que veas vir, deixalas pasar e, se non queda outro remedio, paralas a tempo”. Juan Ramón tivo que superar unha dura proba vital e enfrontarse á fatalidade, soportando a tráxica perda da súa filla nun accidente de circulación. Sempre estarán na nosa memoria as entrañables imaxes das súas breves estadías en Vilalba, que consideraba parada obrigada cando ía cara Mondoñedo, a cidade “rica en pan, en augas e en latín” (que diría Cunqueiro).

Facer fronte á adversidade non é doado. E menos o é sacar partido a unha situación adversa, aprender dela. De feito, a nosa probabilidade de acadar o éxito radica na superación de obstáculos. Así se demostrou ao longo da Historia, como cando Xulio César decidiu atravesar o río Rubicón coas súas centurias logo de moitas vacilacións: Alea jacta est (A sorte está botada). Sábeno moi ben en determinadas profesións, como os enxeñeiros ou os médicos.

O ideal para iso é arrodearse de persoas positivas, que tamén axudan a manter unha actitude constructiva. Albert Boadella, cómico e bufón, referiuse nunha ocasión aos “armónicos”, para definir a un tipo de seres que se caracterizan por facer as cousas máis fáciles e levadeiras, que controlan ben as emocións e saben aprender dos erros, cos cales hai unha sintonía permanente, malia as fronteiras físicas e as distancias temporais. É como o amigo ao que ves de novo tras pasar moitos anos e percibes que se mantén a mesma camaradería, sen alteracións. 

Un serán de lecer en Mondoñedo non pode rematar sen unha obrigada referencia á figura de Álvaro Cunqueiro, un mago das letras capaz de naturalizar o incrible e normalizar o fantástico. Sabían vostedes que a orixe do realismo máxico non é Macondo, senon a diócese Mondoñedo-Ferrol? Así é. Con Cunqueiro en Mondoñedo e con Torrente Ballester na cidade departamental. Dous autores de referencia para a literatura made in Galicia. Tanto na súa obra literaria como no exercicio da profesión xornalística, Don Álvaro soubo lidiar coa censura en distintos momentos; como non podía utilizar a súa verdadeira identidade, empregaba o alcume Álvaro de Labrada. Ata que a súa sinatura foi recuperada grazas ao xornal Faro de Vigo en 1950, cando o seu entón director, Francisco Leal Insua, propúxolle colaborar no xornal, ao que Cunqueiro preguntou: Con que pseudónimo vou asinar?. Insua contestoulle: "Con Álvaro Cunqueiro". Por esta razón, o prolífico autor de Merlín e familia instalouse en Vigo e comezou a colaborar cun medio que dirixiría de 1965 a 1970.

Finalmente, quero propoñer que Mondoñedo, coa categoría de cidade desde 1156 e cun conxunto histórico-artístico de singular beleza, sexa declarada oficialmente “capital mundial da resiliencia”, porque tanto este lugar como as súas xentes souberon manter e conservar a paisaxe -natural e arquitectónica- a través do tempo.

13 de set. de 2017

Nesta presenza nosa

David Otero.-


Nesta presenza nosa,
na responsabilidade e na firmeza,
na que se reflicte tamén tan claramente
nesta manda de afectos setembral
co teu exemplar ser…
na coherencia,
no teu vivir na casa nosa,
presente sempre,
así nun algo máis…
e como tribu
advertimos a madureza da reconciliación obrigada
coa cabeza erguida
indo…

Indo Manuel…
polo camiño traballado,
articulando procesos necesarios,
soberanos,
estando á altura dos nosos días,
na memoria nacional
á que o teu nome nos obriga
e festexándonos, coma non…
no que falamos
e festexándonos coma non
no que cantamos
e festexándonos coma non
no que facemos.

Velaí nesa esperanza…
nesa fonda protesta creativa,
o son orixinal dos nosos pasos…
na desobediencia,
na resistencia…
co factor humano imprescindible,
xa fóra de tanto calado sufrimento,
de tanto economicídio… xa fóra…!
pois semellaría aceptar o inadmisible,
consolidando así aquelas supervivencias
de rendidos con candeas apagadas
postos en tantas procesións continuadas…
de mentiras

Xa son horas que na forza das nosas verdades,
no máis sagrado dos nosos sentimentos
e sacando as nosas castañas do lume,
anticipemos pois as liberdades
e vaiamos pois a un novo ciclo histórico
no lugar arelado das causas xustas,
pois son horas de voarmos na unidade
e tratemos de nos ir fóra…
das gaiolas da gaiola,
e que ninguén… por certo…
quede dentro.

Setembro MMXVII – XIII aniversario de Manuel María

12 de set. de 2017

XLIII Premio de narracións Modesto Figueiredo

Redacción.-

1.FINALIDADE DO PREMIO

A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro, coa colaboración do Concello de ARZÚA ( A CORUÑA) organiza o Certame Nacional Galego de Narracións Breves baixo o nome de "Premio Modesto R. Figueiredo”. Este certame organízase coa finalidade de promover a literatura narrativa en lingua galega e homenaxear ao seu artellador, o pontevedrés Modesto R. Figueiredo.

2.REQUISITOS PARA PARTICIPAR

Poderán participar todos os autores e todas as autoras de calquera nacionalidade, con unha ou máis obras, sempre que estean escritas en lingua galega, sexan inéditas e non se presentasen antes a ningún outro certame literario.

3.TRABALLOS QUE SE PODEN PRESENTAR

Os traballos deben ter un mínimo de cinco e un máximo de trinta páxinas

mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara en follas de tamaño DIN-A4. Non obstante, o Xurado poderá reconsiderar esta base se entendese que a temática ou desenvolvemento lóxico do argumento o precisasen.

4.TEMPO E MODO DE PRESENTACIÓN

As persoas que participen deberán enviar os seus traballos por quintuplicado

sen remite, ou outra forma de identificación, antes do 20 DE NOVEMBRO de 2017 a algún destes enderezos:

FUNDACIÓN DO PADROADO DO PEDRÓN DE OURO

Apdo. de Correos,627. Santiago de Compostela

CONCELLO DE ARZÚA

Rúa Santiago,2 - 15810 Arzúa – A Coruña

Para a identificación das persoas premiadas ou para aquelas autoras ou aqueles autores de obras que o Xurado considere apropiadas para publicar, todos os traballos deberán engadir un sobre pechado, cos seus datos (nome, apelidos, enderezo, teléfono ou correo electrónico) e tamén o currículo vitae

de o considerar oportuno. No exterior do sobre só aparecerá o título ou lema da obra.

(***) Con respecto aos traballos que o Xurado considere merecentes de

publicación poderán abrirse as plicas correspondentes para poñerse en contacto cos autores e autoras para que dean o consentimento para publicalos.

5.PREMIOS

A obra gañadora será premiada con 1000€ ( suxeito ás obrigadas retencións fiscais). Porén, se o Xurado considera de calidade outras obras, dúas delas máis poderán obter segundos premios que serán de 400 € cada un ( e asemade tamén suxeitos ás obrigadas retencións fiscais) . Ademais, o Xurado poderá recomendar a publicación daqueles traballos que así o considere (aínda, que non contarán con premio económico)(***).

(***) En todo caso, a publicación destas obras soamente será posíbel co consentimento das súas autoras ou dos seus autores.

6.XURADO E DECISIÓN

O Xurado estará composto por especialistas en crítica literaria

designados pola Fundación do Pedrón de Ouro co asesoramento e colaboración das Asociacións de Escritores ( AELG e PEN CLUBE DE ESCRITORES DE GALICIA )e do Concello de ARZÚA ( A CORUÑA).Así, a Fundación do Pedrón de Ouro reservarase os postos de presidente/a, e secretario/a (este último con voz, pero sen voto).

(***) Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.

O Xurado reunirase na segunda quincena do mes de decembro e dará a coñecer a obra ou obras premiadas coa apertura de plicas diante dos medios de comunicación. Finalmente, ao remate da decisión do Xurado o/a secretario/a redactará a acta que asinarán todos os membros deste.

7.ENTREGA DE PREMIOS

Os premios que obteñan as obras seleccionadas entregaranse nun acto

organizado polo Concello de ARZÚA ( A CORUÑA) en día e data que se dará a coñecer oportunamente. Os/as autores/as premiados/as terán que recoller persoalmente os seus galardóns.

8.OBXECCIÓNS E NORMAS DE INTERESE

A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro reservarase o dereito exclusivo de publicar as obras premiadas na súa primeira edición. O/a autor/a ou autores/as, ao aceptaren estas bases, renuncian voluntariamente aos seus dereitos en favor da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro.

A partir da seguinte edición, as obras son da total propiedade das súas autoras e autores, os/as cales terán a obriga de facer constar que a obra foi premiada no Premio Modesto R. Figueiredo da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro. As obras non premiadas seranlles devoltas aos seus autores e ás súas autoras se as requiren antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado. Se ninguén as require, serán destruídas.

A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro é a única entidade con

capacidade para decidir en última instancia calquera dúbida que puidese suscitar a interpretación das bases deste certame.

O feito de concursar xa obriga ás autoras e aos autores a aceptar as presentes bases deste Certame.

Lembrando a Manuel María

Redacción.-

Cada 8 de setembro, a Irmandade Manuel María e a Asociación Xermolos celebran a “Mamoria da Chaira enteira”, dedicada a espallar a vida e a obra do poeta e a visualizar os vencellos que foi creando con mulleres e homes do noso pobo. Este ano tivo lugar a estrea do documental "Cantando a Manuel María" de Gonzalo Veloso.

Esta estrea foi a primeira actividade dunha xornada dedicada ao poeta. O documental recrease nas paisaxes e espazos que Manuel María habitou e defendeu. Salientar os seus poemas cantados por Fuxan os Ventos, A Quenlla e Mini e Mero e conversas cos amigos e especialistas na súa obra. A proxección tivo lugar no Restaurante Río Ladra en Gaioso ás 15,30.

Neste ano entregáronse amén as navallas do Manuel ao creador de Bazar de Castro de Rei, Anxo Lamas, e ao escritor vilalbés Agustín Fernández Paz, a título póstumo. Dous creadores que veñen ser celebrados neste ano por estes colectivos. A Agustín dedicaronlle a Festa da Fala, o San Alberte ao que el acudeu de neno, e o Festival de Pardiñas, en concreto a revista e o pregón de Fina Casalderrey, e están a agradecer a Anxo Lamas a súa doazón da colleita de pintura: “Imaxes e Palabras” coa que están a percorrer o país: Lugo, A Coruña, O Carballiño..., e proximamente Sada.

Coma en anos anteriores os organizadores entregáronse duas estampas dedicadas a Manuel María e neste ano a Anxo Lamas e Agustín Fernández Paz, os textos son de Mero Iglesias e a obra plasticas de María Guerrero e Valdi. Tamén hobo música e poesía, principiando en Penas de Rodas, de seguido no cemiterio de Outeiro de Rei para rematar no Campo de Santa Sabela, con recitado dos versos de Manuel María, e cantautores coma Quintas Canella, Miro Casabella, Antón Vicente, Mini e Mero e outras.

Xornada de Observación de Libélulas

Redacción.-

O sábado 17 de setembro a Asociación Galega de Custodia do Territorio realizará unha saída pola Reserva da Biosfera de Terras do Miño para observar elevada biodiversidade de libélulas e cabaliños do demo existentes neste territorio. A xornada comezará ás 11:00 na Casa das Insuas, Rábade (Lugo) e visitaran diferentes ríos, lagoas e humidais da zona. Cómpre levar roupa e calzado de campo cómodo así como bebida e comida para o xantar.
Inscrición gratuíta e máis información en custodiadoterritorio@gmail.com ou no 630-94.82.93.

11 de set. de 2017

O 9 de setembro, cita en TEDx Mondoñedo


Redacción.- Mañá sábado terá lugar en Mondoñedo un evento TEDx, organizado por Felipe Debasa Navalpotro, profesor da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid (URJC), e por José Ramón Saura, Coordinador Académico do Observatorio de Novas Ciencias Sociais e Tecnoloxías do Coñecemento Transversal do século XXI. O tema central destas charlas é a resiliencia, a capacidade de superar positivamente as circunstancias adversas para ser mellor que antes. "Ás veces dá un paso atrás, para dar dous adiante", comentan os organizadores, pois "nunha sociedade libre, todos podemos esculpir o noso propio futuro sabendo a xestión das ferramentas correctas". En opinión de Felipe Debasa, “o mundo está mudando a unha velocidade de vértigo. A evolución é imparable. Fronte a esta situación perturbadora, os humanos teremos que mellorar a capacidade de adaptarnos a situacións descoñecidas e probablemente adversas”.

O evento contará cun amplo elenco de relatores, os speakers do universo TED. A presentación será ás 17 horas no Auditorio de Mondoñedo, con dous bloques perfectamente definidos. No primeiro intervirán Francisco Cal Pardo, José Luis Cordeiro, Antonio Liu Jian, Lisa Wang, Arturo de las Heras, Juanjo López, Fer Enis, Julieta Vargas e Carmelo Mercado, rematando coa actuación do contacontos Ton. Tras un breve descanso, o segundo bloque dará comezo ás 19 horas, coas intervencións de José Antonio Álvarez, Alejandro San Nicolás, Moncho Paz, Gonzalo Martín, Ana Lorenzo, Luis Miguel Belda, Joaquín Danvila, Andrés Grases e Miguel Pampín. A actuación final será a cargo do mago Queiman.

A resiliencia é a capacidade de superar positivamente as circunstancias adversas para ser mellor que antes. "Ás veces hai que dar un paso atrás, para dar dous adiante, pois nunha sociedade libre todos podemos esculpir o noso propio futuro”, indican os organizadores, que agardan que a celebración deste evento TEDx en Mondoñedo sexa todo un éxito. "E por iso que queremos escoitar as ideas dos que xa consideraron como adaptarse a cambios perturbadores", conclué Felipe Debasa.

TED é unha organización sen ánimo de lucro que xurdiu como unha conferencia de catro días en California hai 30 anos. Posteriormente, TED desenvolveuse para apoiar a súa misión con múltiples iniciativas. As dúas conferencias anuais de TED convidan aos principais pensadores e actores de todo o mundo a falar durante dezaoito minutos. Moitas destas conversas están dispoñibles gratuitamente en TED.com. Os relatores de TED inclúen a Bill Gates, Jane Goodall, Elizabeth Gilbert, Richard Branson, Nandan Nilekani, Philippe Starck, Ngozi Okonjo-Iweala, Sal Khan e Daniel Kahneman. Ademáis de TEDx Mondoñedo, mañá sábado celebraranse outros 34 eventos TEDx en todo o mundo. Máis información en www.tedxmondonedo.com

8 de set. de 2017

Día da Cultura Chairega


Redacción.-

Como cada mes de setembro por estas datas, e dende vai xa para trece anos, o Instituto de Estudos Chairegos-IESCHA, organiza un acto -incluído dentro do convenio suscrito coa Deputación de Lugo- que, coa denominación xenérica de Día da Cultura Chairega, pretende lembrar ao noso gran poeta MANUEL MARÍA, do que se cumplen trece anos do seu falecemento.

Dende a primeira edición, teñen pasado grupos e cantantes tan senlleiros como Milladoiro, A Quenlla, Vichelocrego, Xarín, Buxos Verdes, Uxía, Os D’Abaixo, A Banda de Musica de Vilalba, A Coral Polifónica Vilalbesa; proxectado películas coma a do chairego Jorge Coira, “18 Comidas”; realizado recitais poéticos ou dramatizacións de obras de Manuel María; conferencias, mesas redondas, presentacións de libros, etc. Este ano 2017, o Iescha invita a todas as persoas interesadas a asistir ao acto de homenxe que terá lugar o vindeiro venres día 8 de setembro, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba, con entrada totalmente libre e gratuíta.

O PROGRAMA está conformado da seguinte maneira:

-GRAN CONCERTO MUSICAL A CARGO DO GRUPO
A BANDA DA LOBA

-ENTREGA DA PLACA E DIPLOMA DE SOCIO DE HONRA DO IESCHA AO ESCULTOR CHAIREGO
VÍCTOR CORRAL


A BANDA DA LOBA

Integrada por cinco mulleres que decidiron unir as súas traxectorias individuais para dar voz a este novo proxecto, destaca a creación dun repertorio propio baseado tanto en letras da súa autoría como en musicalizacións de poetas como Celso Emilio ou Manuel María ou outros textos tomados dos poemarios de poetas máis novas como Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra.
O seu primeiro traballo discográfico sairá á luz a finais deste 2017 baixo o título "Bailando as rúas".

Xénero
Ecléctico no plano estilístico musical

Compoñentes da banda
Xiana Lastra (voz), Estela Rodríguez (violín), Andrea Porto (guitarra e baixo), Inés Mirás (guitarra e teclado) e Marcela Porto (percusión)


VÍCTOR CORRAL

Víctor Corral Castro, naceu en Baamonde (Begonte), o 14 de setembro de 1937. Empezou a facer esculturas no monte, coas rochas, cando era neno e coidaba as vacas. Realizou estudos primarios e traballou no campo. Tras dous anos de estudos na Escola de Artes na Coruña e outros dous na Escola da Lonxa de Barcelona, montou o seu primeiro obradoiro en 1963. Tres anos máis tarde facía a súa primeira exposición na Cidade Condal. Despois dalgunhas exposicións en España e no estranxeiro, comezou a construír a súa Casa museo na súa parroquia nata de Baamonde, onde ten esculturas de pedra e bronce no xardín, e de madeira, marfil, bronce e miniaturas de luxo no interior. Na igrexa parroquial de Baamonde hai un castiñeiro centenario coa Virxe do Rosario tallada no interior (caben 4 persoas). En 2015 foi nomeado fillo predilecto do Concello de Begonte. Ademais dunha gran colección de esculturas que se atopan por todo o mundo e en man de particulares, realizou máis de 20 monumentos en granito e bronce que se encontran en espazos naturais en Galicia e Zamora.

5 de set. de 2017

Galibudo 2017

Redacción.-

O clube deportivo Moo Duk Kwan Villalba ten como principal obxectivo a practica deportiva e competitiva do taekwon-do a nivel provincial, rexional, nacional e internacional. De igual xeito organízanse actividades de formacion de jovenes valores na practia deportiva do taekwondo e de xeito anual a organizacion dunha convencion internacional de artes marciais chamada GALIBUDO que este ano afronta xa a décimo sexta edición como encontro entre practicantes de diversas artes marciais no marco das festas patrinais de Vilalba. Así, concentraranse na capital chairega as persoas participantes -de calquera nivel e idade- na capital chairega entre onte venres 1 de setembro e mañá domingo 3 para potenciar lazos entre as artes e os seus practicantes. Para iso participarán tamén maestros de recoñecemento internacional dirixindo cadansúa clase.

Esta edición conta co mestre José Alberto Cuevas Calderón, C. N. 6º DAN de Karate do, 4º DAN de Ju Jutsu Tradicional, 4º DAN de Goshin Jutsu, 4º DAN de Bojutsu, 3º DAN de Kobudo, Instructor Nacional de Defensa Personal Integral, presidente fundador de la Asociacion Femenina de Autodefensa e Creador da Escola de Artes Marciais Tradicionales Tatakai Ryu. Igualmente, achegarase a Vilalba o maestro Roland Madrid Garcia, fundador e presidente de Finalbudo MMA & Defence Method ostentando o grao vermello/negro 5º nivel, é instructor en Keysi Fighting Method e embaixador mundial deste sistema entre 2004-2009; ademais de ter 15 anos de experiencia en competición e formación en defensa personal,  Kick Boxing, Muay Thai, Karate, Sambo, Grapling, Judo, Artes Marciales Filipinas e Brazilian Jiu Jitsu. Finalmente, tamén estará presenta o maestro Juan Manuel Velasco Santos, cinturón negro 6º DAN de Hapkido, 6º DAN de Jiu Jitsu Yukoshin Ryu Jiu-Jitsu e responsable da Shorin Ryu Kenpo Jitsu. Con formación en quiromasaxe terapéutica, técnico en nutrición e Taichi Chuan é instructor de defensa personal policial.

A programación da convención deu comezo o venres 1 de setembro ás sete da tarde coa reunión dos membros da World Moo Duk Kwan para deixar paso á reunión dos membros do Círculo Internacional de Amigos das Artes Marciales antes da cea de recepción no Hostal Terra Chá.

Hoxe a xornada desenvolverase no pavillón municipal con clases e descansos entre as mesmas ata as catro da tarde cando se fará a presentación dos distintos sistemas asistentes á convención. Trala clausura, a cea terá lugar no Parador de Vilalba onde se fará entrega dos galardóns Galibudo, certificados e distincións C.I. A.A.M e WORLD MOO DUK KWAN. Este ano tamén se creará a Orde Marcial da Queimada co obxectivo de unir ás damas e cabaleiros afiliados a este orde a través da cerimonia do lume.

A última xornada servirá para coñecer a zona. De feito, están programadas visitas ao Parador Nacional de Turismo de Vilalba, á parroquia de Ínsua onde a asociación de mulleres rurales traballan de forma tradicional o liño e a unha queixería da Denominación de Orixe San Simón da Costa.

2 de set. de 2017