Música Galega ao Vivo en Compostela

Redacción.-

Santiago de Compostela é unha das 14 localidades galegas que contan con salas asociadas á Rede Galega de Música ao Vivo, dentro da que a capital galega acolle 18 concertos ata o mes de maio. Entre eles, o directo que a Bakin Blues Band ofrecerá mañá, ás 22,00 h., na Borriquita de Belém, local que programará nove destes directos.
Do circuíto da Xunta de Galicia tamén forman parte Moon Music Club, con seis actuacións neste primeira carteleira de 2018, e Casa das Crechas, con tres, así como a Sala Capitol, que programará os seus concertos de rede na segunda metade do ano.
Estes locais composteláns son catro dos 23 seleccionados para a nova etapa da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto xestionado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) co fin de contribuír á estabilidade na programación de música en directo en salas privadas, con especial atención aos grupos e artistas galegos.


Cartel 100% galego

De feito, todas as formacións que actuarán en Santiago durante esta primeira metade de 2018 son galegas e dan conta, ao tempo, dun amplo abano de xéneros musicais que van do pop e rock ao jazz, rap, folk ou mesmo flamenco. Na Borriquita de Belém, ademais da devandita Bakin Blues Band e de Factoría de Subsistencia (que tocou o pasado día 30), presentaranse Nani García Trío (27 febreiro), Los Fantásticos del Morrazo (8 marzo), Alberto Vilas Quartet (13 marzo), Silvia Penide (7 abril), David Regueiro Trio ft. Albert Bello (28 abril), Mad Martin Trío (3 maio) e Juyma Estévez Trío (15 maio).
Pola súa banda, a Moon Music Club programará en rede a The Fabulous Resaca Brothers (24 febreiro), Presumido (9 marzo), Kelibén (24 marzo), Victor Aneiros (6 abril), Dakidarría (20 abril) e Los Fantásticos del Morrazo (5 maio). Na Casa das Crechas tivo lugar o pasado día 25 o concerto de Tato Trío, mentres que Aldaolado actuará o 22 de marzo e Mónica de Nut o 29 de marzo.
Tras un proceso de renovación consensuado coas principais asociacións do sector, a Xunta promoveu o inicio en 2018 dunha nova xeira da Rede Galega de Música ao Vivo co obxectivo de reforzar os seus estándares de profesionalidade e calidade. Con tal fin, a Agadic aumentou o seu investimento anual nela ata os 185.000 euros, un 105% máis que en 2017.
Esta cifra supón, ademais, o 85% do orzamento para a contratación dos grupos que actúen este ano, xa que o 15% restante lles corresponde ás 23 salas seleccionadas tras unha convocatoria pública de admisión que se resolveu a finais do ano pasado. Neste primeiro semestre de 2018, serán 48 as bandas protagonistas dos 145 concertos previstos en toda Galicia dentro deste circuíto.
A súa programación completa pode consultarse en www.agadic.gal/Axenda e en www.cultura.gal/gl/axenda.

12 de feb. de 2018

Finalistas dos Mestre Mateo 2018

Redacción.-

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e mais o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, acompañaron hoxe a directiva da Academia Galega do Audiovisual (AGA) no acto de comunicación de finalistas que concorren aos XVI Premios Mestre Mateo. Estes galardóns, que serán entregados nunha gala que terá lugar o vindeiro 3 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña, contan para a súa celebración co apoio da Xunta de Galicia a través dun convenio de colaboración.
O filme Dhogs, de Andres Goteira, producido cunha subvención da Agadic á promoción do talento audiovisual galego, suma 17 candidaturas en 14 categorías das 25 convocadas, polo que resultou ser o traballo máis votado entre os 158 títulos presentados. A estación violenta, con oito candidaturas; O final do camiño e Os fillos do sol, con sete cada unha; Serramoura, con seis; e Juana de Vega, vizcondesa do arado e máis Trinta lumes, cada unha con cinco, son outras das fitas que obtiveron maior apoio nesta primeira fase de votacións por parte dos membros da AGA.

11 de feb. de 2018

Clube de Lectura "Manuel María"

Redacción.-

A Casa-Museo Manuel María non só ten a encomenda de gardar e mostrar debidamente o importantísimo legado do escritor chairego, mais tamén a de levar a cabo todo tipo de actividades que lle dean continuidade ao incansábel labor de dinamización cultural que o poeta levou a cabo durante toda a súa vida.

É por iso que neste ano 2018 queremos que o Clube de Lectura da Casa-Museo Manuel María inicie a súa actividade.

As persoas interesadas en participaren (ou en teren máis información ao respecto), han de enviar un correo ao enderezo contacto@casamuseomanuelmaria.gal indicando o seu nome e mais un e-mail de contacto.

Terase en conta a orde de inscrición se o número de solicitudes for superior ao de participantes.

No venres 16 de febreiro, ás 19 h, terá lugar unha xuntanza de presentación na Casa-Museo (Outeiro de Rei, ao lado do concello), onde se desenvolverán habitualmente as sesións de comentario das obras. Nesta primeira xuntanza serán concretados algúns aspectos do funcionamento desta proposta lectora.

10 de feb. de 2018

Que doce era a miña vila!

Paulo Naseiro.-

How green was my valley é para moitos, entre os que me inclúo, un dos mellores films da historia. John Ford adapta maxistralmente a novela de Richard Llewvellyn que narra a idealizada infancia dun Huw Morgan, interpretado cunha marabillosa perplexidade por Roddy McDowall, na pequena localidade galesa de Cwm Rondda, presidida por unha omnipresente mina de carbón que goberna, para ben e para mal, a sinxela vida do pobo.

Os primeiros minutos do filme evocan con morriña e lirismo a vida dunha numerosa familia galesa, un auténtico clan que representa a todos os habitantes do pobo, un grupo relixioso, patriarcal, orgulloso, vitalista, compoñendo un retrato costumista con imaxes como a dos fillos chegando da mina cantando e deixándolle á nai o diñeiro gañado no duro traballo para que ela administre a casa.

Unhas poucas desas moedas gañadas arrincando negro carbón son para o pequeño Huw. Con elas, “ía directamente á tenda da señora Tossel, onde mercaba uns caramelos que duraban horas, ou iso me parece agora. E aínda despois de que desapareceran, se tragaba saliva, seguía a conservar o sabor. Aínda agora o noto despois de tantos anos, e lémbrame todas as cousas boas que xa desapareceron”.

Venme á memoria esta escena ao saber polas redes sociais do falecemento de Mª. Josefa Quintela, Pepita, que rexentou durante anos unha popular tenda de golechadas, e que ven coincidir no tempo co peche doutra mítica tenda vilalbesa, Lambuxos. Se, como dixo Rilke, a verdadeira patria do home é a infancia, para a inmensa maioría dos vilalbeses que vagamos polo mundo a labor da Pepita, da Columba ou de Lambuxes era o equivalente á dun ministerio, o ministerio das gominolas, das pipas, dos vasos de cinco e de dez, das palmeritas de chocolate, das fragolosinas, dos chupas e, en fin, de todo canto acompañou as longas tardes de xogos nas rúas e prazas vilalbesas, de dolce far niente infantil e adolescente en torno aos castiñeiros de indias da Alameda ou nos cinseiros do Cementón. Doces lembranzas que compartimos todos os que fomos nenos naquela Arcadia feliz e que, o mesmo que a Huw, nos lembran todas as cousas boas que xa desapareceron.

A evocación infantil de Huw Morgan vai, paseniñamente, incorporando outros elementos menos líricos. Os recortes salariais, o desemprego e a consecuente emigración que parte en pedazos á idílica familia Morgan, o amor imposible entre a súa irmá Angharad –a belísima Maureen O´Hara- e o predicador, Mr. Gruffydd, salpicada coas murmuracións das veciñas, e a escoura negra que vai invadindo o antano verde val, metáfora da desintegración dunha sociedade que culmina coa morte, na mina e nos brazos do mozo Huw, do patriarca Gwilym Morgan.

Inevitablemente, a nosa lembranza ten que transitar tamén desde o doce ao amargo, a través do desemprego ou a precariedade laboral, da falta de oportunidades, das drogas que arruinaron a vida de tantos, da obrigada emigración e do omnipresente caciquismo que, como escoura negra, foi afogando pouco a pouco o pasado, o presente e, se ninguén o remedia, o futuro.

Se cadra por iso é maior o noso agradecemento a aquelas persoas que, como Pepita ou como Pili de Lambuxos, forman parte dos nosos recordos máis doces e nos lembran todas as cousas boas que desapareceron.

Décima a Xaquín Marín


A XAQUÍN MARÍN QUE, A DIARIO, ENRIQUECE LA VOZ
DE GALICIA CO SEU XORNE CREADOR


"Amarrado ó duro banco"
que é La Voz de Galicia:
para nós unha ledicia,
pra ti esforzo vivo e franco:
Non podes quedar en branco
no teu xorne creador,
hai que crear, ¡si señor!
E o bo do teu Isolino,
atinado decontino,
dóanos o seu humor.


Xoán Xosé Fernández Abella

Os Tilos, xaneiro 2018

4 de feb. de 2018

Día dos medios en galego

Redacción.- A Asociación de Medios en Galego reivindicou onte en Fene a presenza do noso idioma na prensa durante a conmemoración do aniversario de 'O Tío Marcos d´A Portela', a primeira cabeceira de masas publicada en galego.

Valentín Lamas Carvajal foi o impulsor daquel xornal que se editou de forma intermitente entre os anos 1876 e 1919. Ao acto asistiron o director xeral de Política Linguística da Xunta, Valentín García, e parlamentarios de todas as forzas políticas con representación no hemiciclo galego.

A Asociación de Medios en Galego naceu hai cinco anos co obxectivo de consolidar un espazo de comunicación na nosa lingua. Actualmente está integrada por unha ducia de medios, entre eles A Voz de Vilalba. Máis información en www.mediosengalego.gal

Inauguración da mostra Con-secuencias

Redacción.- A mostra Con-secuencias. Colección DKV, será inaugurada o vindeiro martes 6 de febreiro ás 19 horas na sede da Fundación DIDAC (Pérez Constanti 12 - Compostela) e está coproducida por esta entidade e por DKV Seguros, coa colaboración da Fundación Eugenio Granell e a Universidade de Santiago de Compostela.

A exposición, de gran formato, reúne a un total de corenta artistas seleccionados polos comisarios David Barro e Alicia Ventura, e se poderá ver nas tres sedes situadas a escasos metros, nunha estratexia conxunta de dinamización cultural. Unha vez inaugurada, farase unha visita guiada pola Igrexa da Universidade para rematar o percorrido expositivo na Fundación Eugenio Granell, onde se servirá un viño.


Relación de artistas: José Ramón Amondarain, Rosana Antolí, Antonio Ballester Moreno, Ana Barriga, Sergio Belinchón, David Bestué, Vicente Blanco, Manuel Blázquez, Jacobo Castellano, Diego Delas, Miren Doiz, Manuel Eirís, Christian García Bello, Santiago Giralda, Laura González Cabrera, José Guerrero, Rubén Guerrero, Fernando Gutiérrez, Carlos Irijalba, Miki Leal, Almudena Lobera, Anna Malagrida, Álex Marco, Nacho Martín Silva, Rosell Meseguer, Guillermo Mora, Nico Munuera, Carme Nogueira, Juan Olivares, José Miguel Pereñíguez, Jorge Perianes, Aleix Plademunt, Samuel Salcedo, Amparo Sard, Teresa Solar, Miguel Ángel Tornero, Daniel Verbis, Nelo Vinuesa, Santiago Ydáñez, Juan Zamora.

3 de feb. de 2018

Poemas Pendurados de Farolas

Redacción.-

Un ano máis, e van tres, nos primeiros dias de 2018, as farolas do concello natal do poeta Díaz Castro lucirán poesía con mensaxe social.
A NPG Nova Poesia Guitirica, a Asociación Sócio-Cultural Lareira de soños e o portal literário dixital Culturalia GZ organizan a terceira edición de POEMAS PENDURADOS DE FAROLAS.
Se en 2016 supuxo a estrea con poemas da NPG, e na segunda, foi adicada á temática contra a violéncia machista,para este ano 2018 o lema será LUMES NUNCA MÁIS e coa novidade dunha convocatória aberta a quen queira participar.
Como xa levamos feito desde o seu início, um poema de Xosé María Díaz Castro figurará entre o conxunto dos que decorrem as farolas guitiricense de Lagostelle e Parga, e neste caso será o poema ESMERALDA, homenaxe á natureza e á importância das cousas pequenas, que inspirou ademáis o recente #CertameVilariñas de micropoesía que con tanto éxito se ten iniciado.
Num mundo cada dia máis prosaico, a poesia axuda a humanizar e mudar desde o compromiso e neste caso desexando mudar conciencias não só de persoas, senón dos poderes para evitar lacras que ennegrcen o nóso país, que nós empobrecen e deixan un mundo peor ás xeracionalmente que nos sucedan. Por iso a temática da vindeira edición é LUMES NUNCA MÁIS, para axudar a non esquecer, pois a memória é aprender…
#PoemasPenduradosDeFarolas desde xa mesmo pode recibir poemas para a terceira edición, que serán distribuídos polas farolas de Guitiriz e alarga a comenzos de 2018 e posteriormente editados nos portais dixitáis www.culturaliagz.com e www.galiciadigital.com En formato libro para descargar. A estrutura e rima son livres e a temática deste ano ten que estar relacionada com lema LUMES NUNCA MÁIS. Podedes remitilos en formato word (para homologar imaxe e maquetar, non se alterará o contido nin a estrutura) a
–dosvilares@gmail.com
–info@culturaliagz.com.

28 de dec. de 2017

Entrevista a José Antonio Pérez Tapias


(Extracto da entrevista publicada no número 247, decembro 2017, da revista TEMPOS NOVOS)

Luís Villamor.-

Verso solto no PSOE, ma non troppo, pois como candidato de Izquierda Socialista conseguiu no 2014 o 15% dos votos nun congreso extraordinario do partido tendo en fronte a Pedro Sánchez e a Eduardo Madina. José Antonio Pérez Tapias, nas antípodas de Susana Díaz, rexeita por “dogmática” a afirmación da “indisoluble unidade de España”. Na entrevista concedida a TEMPOS Novos, sostén que o Estado das Autonomías de 1978 está esgotado. Propón un proceso constituínte, retomar a idea de referendo legal para Catalunya e o impulso dun Estado plurinacional, con pleno recoñecemento das nacións do Estado, nomeadamente Catalunya, Euskadi e Galicia. “Necesitamos resolver a cuestión das nacións”, conclúe o díscolo e reflexivo militante socialista.

Vostede, ademais de político a contracorrente, é filósofo… Quizais por iso ten comentado que para mito a “unidade indisoluble da nación española”?
Si, son filósofo. E político, como calquera cidadán ou cidadá que asuma un compromiso militante explícito, o que no meu caso supón ser membro do comité federal do PSOE. Só durante oito anos desempeñei cargos públicos. Fun deputado por Granada na oitava e novena lexislaturas das Cortes Españolas. E, certamente, coa bagaxe filosófica participo no debate público. Outros fano dende outras experiencias e claves. Dende esa perspectiva subliñei nun intercambio de opinións nas redes, respondendo a quen me dicía que un referendo pactado para Catalunya era un mito, o que por outra banda teño escrito en diferentes artigos: un mito é a “unidade indisoluble da nación española” da que fala a Constitución. Os nacionalismos son moi proclives a producir mitificacións nas que se condensa a súa ideoloxía. Tales mitificacións, coma outras que se producen por moi diferentes vieiros, son reelaboracións de mitos do pasado, por exemplo, o mito dun “pobo elixido”.
É o mito da nación española eterna…
Na fórmula que mencionei atopamos, como insostible idealización, a consideración da nación española como esencialmente indivisible e eterna, o cal non se pode afirmar nin dende a historia de España, que é resultado de complexos procesos históricos, nin dende a consideración comparativa do que ten pasado con tantas nacións ao longo do tempo que incluso, tendo afirmacións similares nas constitucións respectivas, se teñen fragmentado, teñen pertencido a estados distintos, etcétera. En definitiva, como mitificación da propia realidade de España, a afirmación da súa indisoluble unidade é unha afirmación dogmática, levada ao texto constitucional en relación coa referencia á soberanía nacional. Este é outro concepto que igualmente carga cunha compoñente forte de mitificación, cunha gran carga criptoteolóxica dentro (…)
O PSOE, a aplicación do 155 e un referendo pactado
En España, no Estado español, prisión para independentistas pola DUI, en Bruxelas, liberdade… É máis garantista o sistema belga?
O sistema xurídico belga enfróntase á demanda da Audiencia Nacional respecto a quen era presidente da Generalitat de Catalunya e catro membros máis do seu goberno, cunha distancia respecto dos feitos que lle permite, e lle esixe, un procedemento xudicial onde caben consideracións e prazos distintos dos que se teñen dado respecto dos outros membros do Govern, que se atopan en prisión preventiva, acusados de graves delitos de sedición e rebelión, máis o que se lles imputa como malversación e desobediencia. Todo parece indicar que a xustiza belga non aprecia, como se ten feito na Audiencia Nacional, o relativo a sedición e rebelión, o cal pode incidir en como se estableza a extradición de Puigdemont e os seus compañeiros. Que haxa esas diferenzas non quere dicir que o sistema xudicial español non sexa suficientemente garantista: iso haberá que valoralo, en todo caso, ao final do proceso iniciado. Si que dá pé a pensar o que xa se puido soster, aínda sen comparanza ningunha co sistema belga: que a xuíza da Audiencia Nacional que estableceu a prisión incondicional sen fianza dos membros do Govern imputados se excedeu con tal medida. Isto quedou tamén de manifesto porque o xuíz do Tribunal Supremo que actuou respecto dos membros da Mesa do Parlament fíxoo con moi distinto criterio, máis consecuente co garantismo respecto dos investigados, que o sistema xurídico español posibilita e esixe.
O PSOE apoiou a aplicación do artigo 155. Foi un erro? Cre que o entenden as bases que recolocaron a Pedro Sánchez á fronte do partido?
Hai que ter en conta que o artigo 155 xa aplicado é un feito. E ese feito tómase como dato da realidade que pasou a ser incuestionable. Sendo a desembocadura, ata agora, do inacabado conflito de Catalunya, supuxo un fracaso político colectivo, con culpas que han de cualificar os tribunais e responsabilidades moi repartidas (…)
O artigo 155 ‘vendeuse’ como algo inevitable…
Persoalmente penso que se debeu facer máis para evitar a aplicación do 155, máis que dubidosa en canto á súa consistencia legal en moitos extremos. Aínda que se viu por moitos como un alivio a convocatoria de eleccións para o 21 de decembro, creo que o rexeitamento en gran parte da sociedade catalá a como se ten operado co 155, e as consecuencias do que foi unha intervención pura e dura das institucións de autogoberno de Catalunya, poden traer consecuencias aínda non percibidas en toda a súa gravidade (…)
En Catalunya, o PSC sácase fotos cos restos da conservadora Unió, cando nun pasado non moi afastado os socialistas catalás estaban no tripartito. Son solubles estas contradicións?
Iceta, como primeiro secretario xeral do PSC e candidato, propiciou unha lista “transversal” como sinal ao electorado dunha determinada vontade de diálogo (…) De todos os xeitos, para propiciar un diálogo político en serio penso que son necesarias outras medidas, como clarificar as propostas (…) se se propuxese negociar un referendo legal e pactado para desbloquear a situación (…)
Como sería ese referendo?
A cuestión do referendo require de aclaracións máis que pertinentes. Falamos dun consulta legal sobre a relación entre Catalunya e o Estado, previa a un proceso de reforma da Constitución. E iso para que dito proceso conte coa lexitimidade necesaria(…) Polo demais, á vista está que consideracións como estas quedan lonxe de ser compartidas pola maioría da militancia socialista, que se mantén apegada ás decisións da Executiva, polo consabido motivo de non restar apoio ao secretario xeral (…)
O alcalde de Terrassa rachou o carné do partido. Outros dirixentes socialistas cataláns tamén teñen dimitido. Ve vostede posible que o PSOE gañe eleccións xerais sen o apoio do PSC?
É unha consolidada constatación sociolóxica, de demoscopia electoral, que sen un determinado apoio de votantes ao PSC, non chega ao PSOE a maioría necesaria no conxunto de España para poder formar goberno. Ou incluso para estar en boa disposición cara a formar alianzas parlamentarias para iso. Polo tanto, se por presións do PSOE resulta que o PSC non lle ofrece ao electorado catalán unha mensaxe clara e crible de Estado federal plurinacional, no que Catalunya teña recoñecida a súa condición de nación política, o campo socialista resentirase como consecuencia. Para nacionalismo españolista xa están PP e Cs.

A prol dunha moción de censura e dunha federación plurinacional
Equivócase Pedro Sánchez con Catalunya? A reforma constitucional que propón o PSOE resulta nestes momentos incerta. Hai quen cre que pode ser unha xogada lampedusiana, para que nada cambie…
Sobre como e quen acertará sobre a solución, non só do conflito de Catalunya, senón para a grave crise do Estado español, dirao o futuro. Podo estar trabucado na miña apreciación e proposta, pero son dos que pensa que a crise é de tal calibre, que todo serán parches se non se vai cara a un proceso constituínte, que dea paso a un novo pacto constitucional, como pacto federal efectivo.
Vostede é federalista, republicano, e defende un Estado plurinacional. Cre que Catalunya, Euskadi e Galicia poderían ter un encaixe confederal?
Falar de confederación supón determinados elementos que habería que sopesar con detemento. Ten que saberse que a mesma Confederación Helvética, na que pode pensarse, é de feito un Estado federal máis que estritamente confederal (…) Con todo o que de positivo tivo, o Estado das Autonomías, desenvolvido no marco da Constitución do 78, está esgotado.
Puigdemont está gañando moitos enteiros en internacionalizar o conflito catalán ou esa estratexia de “exilio” era quizais para outro escenario?
Ninguén dubida de que o independentismo tivo éxito no xeito de como trasladou á opinión pública internacional a crise de Catalunya. E máis por contraste con actuacións policiais do 1 de outubro (…) Sobre a súa presenza en Bruxelas, son dos que pensan que falar neste caso de “exilio” é excesivo, por non ter nada que ver con quen en verdade tiveron que se exiliar tras a Guerra Civil e durante a ditadura franquista. Por outra banda, saír fóra de España para manter un goberno no exterior como lexítimo non se compadece coas declaracións dos mesmos independentistas respecto do que era unha evidencia: nin había estruturas de Estado nin se contaba co apoio democrático suficiente da cidadanía (…) As actuacións de Puigdemont confirman o mesianismo co que se ten revestido e a improvisación coa que, en xeral, se ten actuado.
As expectativas de aproximación PSOE-Podemos están irreversiblemente tocadas?
Desexaría pensar que a colaboración no futuro entre PSOE e Podemos segue sendo algo factible, mais a realidade indica agora mesmo que está de novo difícil. As formulacións respecto de Catalunya e a crise do Estado están moi distantes. Habería que dar novos pasos por ambas partes: (…)
Despois das eleccións catalás habería que convocar unhas xerais?
Convocar eleccións xerais anticipadas é algo que está na man do presidente Rajoy e farao cando vexa que as circunstancias políticas lle sexan favorables, o cal non está lonxe de ocorrer. O caso é que, sendo o presidente do Goberno que, á vez, o é do partido que está sentado no banco por unha escandalosa corrupción sistémica, e sendo o caso que segue a ser indigno ostentar a presidencia do Goberno polos mesmos feitos e eludir a responsabilidade política, o que procedería é facer a moción de censura tan esperada como aprazada.

16 de dec. de 2017

Rosalía sempre viva

Redacción.-

A Casa-Museo Manuel María vén de convocar a IV edición do Concurso de recitado poético “Rosalía sempre viva”e a II edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María, que celebrarán a súa fase final o 10 de marzo e o 19 de maio de 2018, respectivamente.

O primeiro dos certames, “Rosalía sempre viva”, está dirixido a todo o alumnado galego de ensino non universitario, desde Primaria a Bacharelato, e está centrado no recitado de versos da obra en galego de Rosalía ou da ampla produción poética de Manuel María. O obxectivo do concurso é potenciar a expresión oral e a creatividade do alumnado a través do coñecemento e o recitado da poesía de dúas das voces máis importantes e populares da nosa literatura (achéganse as bases e ligazón á web da CAsa-Museo onde se poden ver os traballos gañadores da pasada ediciónhttp://www.casamuseomanuelmaria.gal/actividades/a-poesia-de-rosalia-e-de-manuel-maria-festexada-este-sabado-no-certame-de-recitado-rosalia-sempre-viva.htm?paxina=1&tipo=ACTIVIDADE#lapelas ).

Na pasada edición, máis dun centenar de rapazas e rapaces procedentes de toda a xeografía galega participaron na fase final de Outeiro de Rei após pasaren unha fase previa desenvolvida nos centros educativos inscritos previamente no concurso.

Concurso de videopoemas

A Casa-Museo convoca, así mesmo, a II edición do certame de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María despois do éxito obtido o pasado ano con máis de setenta vídeos presentados por mozas e mozos de distintos centros educativos da Galiza. O concurso dirixido ao alumnado galego non universitario que curse a ESO, Bacharelato, Ciclos Formativos e Ensinanzas Artísticas ten por finalidade a potenciación da creatividade artística, a través da conxunción da palabra, o son e a imaxe, e o coñecemento e difusión da obra destes vultos da literatura galega (achéganse as bases e a ligazón da web da Casa-Museo para ver os vídeos gañadores da pasada ediciónhttp://www.casamuseomanuelmaria.gal/actividades/videopoemas-finalistas-da-primeira-edicion-do-concurso-de-videopoemas-sobre-composicions-poeticas-de-rosalia-e-manuel-maria.htm?paxina=2&tipo=DIARIO).


Máis información:
Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María (616 190 349)

15 de dec. de 2017

Mirror Rim, de Alain Urrutia

Redacción.-

A exposición MIRROR RIM do artista Alain Urrutia (Bilbao, 1981), que está producida pola Fundación DIDAC co apoio de Instituto Vasco Etxepare, mostra un total de once novas pinturas que presentan imaxes que se poden voltear dun xeito que aínda quedando nunha posición oposta á que teñen nun principio, funcionan igualmente dende un punto de vista plástico. Ao crear imaxes reflectidas no seu eixo vertical que en composición funcionan ao ser xiradas, os cadros poden ser mostrados en cada unha das dúas posibles posicións, de aí que se na Fundación DIDAC son mostrados dun xeito, no mes de maio de 2018 no espazo de Appleton Square en Lisboa serán mostrados de xeito contrario. Así, a segunda exposición pasa a ser o reflexo da primeira. De aí que para o título, MIRROR RIM (O borde do espello), se pensase nun palíndromo, que pode lerse de dereita a esquerda e de esquerda a dereita.

O traballo de Alain Urrutia analiza novas lecturas de imaxes preexistentes, fragmentando e reconstruíndo a realidade das mesmas, eliminándolles a súa propia historia a través da pintura; un xogo de sombras no que a través de capas en branco e negro e de recursos como o encadre e a ocultación destácanse algúns detalles para producir imaxes con certo grado de misterio. En MIRROR RIM cada imaxe ten a súa razón de ser dentro do conxunto, pero a idea que engloba o proxecto fai que a particularidade do que sucede en cada cadro quede nun segundo plano. Neste sentido, os últimos proxectos de Alain Urrutia formalízanse do mesmo xeito: cadros de pequeno formato dispostos de forma espaciada no espazo expositivo. Preocupado pola recepción do espectador, por abrir as posibilidades de conexión entre os motivos representados e coa idea de dotar ao seu traballo dunha unidade formal dentro da que poidan ocorrer cousas de moi diferente signo, consegue así gran elasticidade na lectura conceptual.

Simultáneamente a esta exposición presentouse un libro, editado por Dardo, que recolle o traballo realizado polo artista nestes últimos cinco anos. A publicación conta cun texto da comisaria do Museo Guggenheim, Geaninne Gutiérrez-Guimarães, e unha conversa de David Barro con Alain Urrutia.

Alain Urrutia [Bilbao, 1981] vive e traballa en Londres. Graduado pola Universidade do País Vasco e a Academia de Brera de Milán en 2004, realizou residencias no estranxeiro no MA Studio de Beijin (2011) ou no Rogeland Art Centre de Stavanger (Noruega, 2008) entre outras. Alain Urrutia expuxo o seu traballo en centros de arte internacionais entre os cales se inclúen o Boston Centre for the Arts, CA2M Madrid, Artium Vitoria e o Museo Guggenheim de Bilbao. Alain Urrutia está representado polas galerías Casado Santapau de Madrid e Juan Silió de Santander.



Inauguración venres 15 de decembro ás 19 h

Ópera con Taller Atlántico Contemporáneo

Redacción.-

A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela (ADOC) estrea este sábado 16 de decembro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal, a súa segunda produción operística, Il segreto di Susanna (O Segredo de Susana). Esta ópera escenificada reunirá sobre as táboas a un total de dez artistas, incluíndo a Cándido Pazó, á soprano moldava Clara Jelihovschi Panas, ao barítono Javier Franco e aos músicos do Taller Atlántico Contemporáneo (TAC). Así o adiantaron o pasado día 13 en rolda de prensa Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural; Jesús Couceiro, presidente da ADOC; José María Miranda, secretario da ADOC, e Luis Soto, membro do TAC.

Amigos da Ópera volve confiar a dirección artística a Cándido Pazó, quen -ademais de interpretar un dos papeis da obra- traballará co escenógrafo Carlos Alonso e iluminador Héctor Pazos. O Taller Atlántico Contemporáneo (TAC), baixo a dirección de Diego García Rodríguez, será o encargado de pór música ás voces dos xas citados Javier Franco e Clara Jelilohvschi Panas. Os intérpretes que conforman o TAC para esta produción son: James Dahlgren (violín), Nazaret Canosa (violín), Ioana Ciobotaru (viola), Millán Abeledo (violoncello), Alfonso Morán (contrabaixo) e Nicasio Gradaille (piano).

Il segreto di Susanna é unha ópera cómica nun acto musicada por Ermanno Wolf-Ferrari, cun libreto de Enrico Golisciani e estreada en 1909. Un tour de force dun pequeno segredo que vai medrando á par que a inseguridade e a desconfianza de Gil, o marido de Susana; un matrimonio novo que reside no noroeste italiano de Piamonte. A moza omitiu comentarlle ao seu recente esposo que tiña o hábito de fumar ás agochadas. Gil, pola súa parte, decátase do cheiro e pensa que a súa esposa é infiel. Preocupado, trata de pescala in fraganti desenvolvendo case unha escena de vodevil na que o seu mordomo, Sante, cómplice de Susana, xogará un papel fundamental. A peza, polo tanto, xira ao redor da intimidade, os segredos, o vicio e os celos, aínda que abordados de xeito inxenuo e sinxelo.

As entradas xa están á venda e pódense adquirir a 10 euros a través da billeteira do propio Teatro ou mediante o web de entradas de Abanca.

https://entradas.abanca.com/TKET212/Index/13235/1/1

Vilaregos do ano

Redacción.-

A parroquia dos Vilares recoñece novamente aos vilaregos de honra deste ano a piques de rematar, como cada ano desde o 2014, data de existencia do proxecto OS VILARES, LAREIRA DE SOÑOS.

Distinguimos a persoas e entidades cada ano, nos distintos ámbitos, social, cultural, empresarial, identitario...todos igualmente meritorios e necesarios e nalgún dos casos tamén reivindicativo.

As entidades e persoas recoñecidas son este ano as seguintes:

1. Xunto a Asunción Lobeiras Diaz, á que adicamos o PREMIO TRAPEIRA DE HONRA 2017, e desgraciadamente finada este ano, a os outros 18 nomes de persoeiros, colectivos e iniciativas son:

2. Entre os monumentos, OS FRESCOS DA IGREXA DOS VILARES, do século XVI é en sério perigo de desaparición polo abandono e a degradación

3. Nas Reixas, “como reclamo para a súa reparación e posta en valor" a Escola Habanera da Conchada" para uso social e cultural parroquial e que no ano 2023 cumpre o centenário da súa e construcción.

4. Entre os nomes destacados atópanse as cantoras galegas Tereixa Novo, Maria Xosé Silva SES e Aranha Álvarez e Sandra Tenreiro que tan amablemente se brindaron na homenaxe a Asuncion de dos Ares no Prêmio Trapeira de Honra 2017.

5. Recoñecemos tamén a Raúl Rio, vilarego residente en Euskadi, que sigue activo social e culturammente naquel país e sigue coa parroquia no seu corazón e ao que dedicaremos o Prêmio de Trapero de Honra 2018.
6. Igualmente no eido cultural consideramos que a “mellor organización dun evento” a Romaria de Labrega da Chaira, con casi tres lustros de existencia e mantendo-se con boa saúde e adaptando-se aos tempos.

7. No apartado do coñecemento, destacamos a Segundo Pérez López, dean da Catedral de Compostela ebcoñecedor e valedor da historia dos Vilares.autor dun libro sobre a escola habanera e outro sobre Díaz Castro.

8. Mentres, no apartado de personaxe destacada da historia vilarega este ano recoñecemos a José Lobeiras Gómez, que O Armeiro de Berulfe, que fotógrafo ambulante e home polifacético dos Vilares ao que dedicaremos un documentário que se atola en período de rodaxe.

9. O recoñecemento á “mellor iniciativa cultural” recae na organización do Certame de microprocesador [VILARIŇAS] por NPG e Nova Poesía Guitirica, que A. S-C Lareira de somos e CulturaliaGZ
10. No apartado do mellor artigo sobre a parroquia, CON DÍAZ CASTRO EN VIAXE SEMANAL POR OS VILARES DE Parga, de Xaquín Campo Freire en Galicia Dixital.

11. No eido do deporte volvemos a destacar Antonio Teijido, gañador e record abasoluto das "24 horas de Vigo" e unha escepcional campaňa de cross, con distinción de nos premios do deporte galego incluida. Neto de vilaregos.

12. Lugar emblemático do ano, a casa de Díaz Castro no Vilariño en apoio á sua recuperación para uso público cultural así como á campaňa para ese fin de XERMOLOS.

13. Pola súa banda, como mellor asociación ou entidade destacamos a CODEGUI, en especial pô-la donación de solidaria aos afectados polos incêndios deste ano en Galicia.

14. Mellor acción musical, o trabalho da mestra do IES Díaz Castro de Guitiriz ano tras ano co alumnado e sempre con Díaz Castro como referência.

15. Mellor iniciativa emprendedora, a reforma e ampliación do local hostelerio Casa Gaibor, do vilarego Carlos Castro e a sűa dona.

16. Mozo ou moza destacados Sonia Ferreiro Pena, que se descubre como unha talentosa fotógrafa.

17. Persoa de fóra da parroquia destacada no apoio e defensa e estudo da mesma, e O poeta Martiňo Masedai polo apoio ás iniciativas culturais na parróquia e pô-la publicación de la de actividades e libros no seu portal Dixital CulturaliaGZ.

18. Mellor publicación, o libro Poemas O FILÓSOFO Coxo (Espíral Maior) de Eduard Velasco galador do II premio Diaz Castro.

19. No apartado audiovisual, o programa da TV, no que participaron activamente os anticuarios Xa one e o seu fillo Josérra, TESOUROS NO FAIADO.

Aves, libros e Nadal

Redacción.-

Neste momento do ano, as zonas húmidas e campos da Terra Chá reciben a un grande número de aves distintas que veñen a pasar o inverno na busca de alimento e refuxio. Esta época é un momento estupendo para enfundarnos os nosos prismáticos, cámaras fotográficas e demáis aparellos ópticos e disfrutar coa observación destes visitantes invernais que, xunto ás aves residentes e demáis fauna, enchen de vida a comarca chairega.

O vindeiro sábado 16 de decembro dende o C.E. N Casa das Insuas organizamos unha saída na procura das aves invernantes da Chaira . Sairemos ás 10 da mañán dende a propia Casa das Insuas cara Feira do Monte, onde visitaremos a lagoa de Cospeito e os prados da Espiñeira, lugares idóneos para encher o noso caderno de campo cunha morea de observacións interesantes.

Islandia
Por outra banda, o mércores 20 de decembro no C.E.N Casa das Insuas, contaremos coa presenza do fotógrafo Andoni Canela que nos presentara o seu novo libro "Islandia bajo cero", un traballo fotográfico centrado en varias viaxes realizadas á illa en inverno e que se acompaña con textos de Xavier Moret.

O libro transpórtanos a unha illa máxica en pleno inverno, cando o branco da neve e do xeo cóbreo todo. Ao longo de 144 páxinas, os dous autores retratan unha paisaxe extrema, un coa cámara e o outro coas súas palabras. Fano a partir de varias viaxes que lles levaron a percorrer Islandia durante os meses máis fríos do ano, cando apenas hai luz solar, as auroras aprópianse da bóveda celeste, os elfos e os troles campan ás súas anchas entre as rocas e as fervenzas conxeladas, e só a actividade volcánica e as tradicións islandesas lembran que a illa continúa estando moi viva.

Nadal

As mañás do Nadal 2017 no C.E.N Casa das Insuas de Rábade, estarán cheas de actividades para os nenos. Os días 26, 27, 28 e 29 de decembro de 10:00 a 13:30 h. estaremos no "BOSQUE DE NADAL" nas mañás lúdicas da Casa das Insuas, un completo programa de actividades relacionadas coa natureza para desfrutar do Nadal.

Máis información en:
http://www.custodiadoterritorio.org/actividades

14 de dec. de 2017

Conferencia de David Barro

Redacción.-

Este mércores 13 de decembro ás 20.00 horas a Aula 10 da Facultade de Xeografía e Historia da USC acolle a última conferencia do ano do ciclo Galicia. Un século de creación organizado pola Fundación DIDAC có apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña.

O encargado de impartila será o Director Xerente da Fundación DIDAC, codirector de DARDO e comisario de exposicións David Barro. A conferencia leva por título Luis Seoane. Unha cabeza nunca é unha. Nela David Barro revisará a figura dun autor complexo e diverso, analizando o seu carácter polifacético e contextualizándoo con outras figuras internacionais do seu tempo. Creador de vocación universal e intelectual comprometido, Seoane foi editor, pintor, debuxante, ilustrador, gravador, muralista, deseñador gráfico, cartelista, deseñador industrial, escenógrafo teatral, poeta, narrador, guionista, ensaísta, comunicador en prensa escrita e radiofónica, crítico teórico das artes, emprendedor e moitas outras cousas, o que leva a David Barro a situalo como o primeiro artista contemporáneo da historia de Galicia.

Con esta conferencia o ciclo pecha a súa programación ata xaneiro do 2018 momento no que continuará a análise da Historia da Arte galega nas últimas décadas. A entrada á conferencia é de balde ata completar aforo.

O ciclo de conferencias Galicia. Un século de creación conta có apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña e coa colaboración de outras institucións da provincia como a Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, o Auditorio de Galicia, ou o Centro Torrente Ballester de Ferrol. Cun total de 32 conferencias, o ciclo percorre o ámbito da creación en Galicia durante o século XX e ata os nosos días, coa intención de axudar a botar luz sobre a creación en Galicia na nosa historia recente.

O ciclo de conferencias Galicia. Un século de creación. 1916-2016 serviu xa para reflexionar sobre a chegada da modernidade a Galicia e sobre o ocorrido co exilio dos artistas galegos coa axuda de profesionais como Pepe Barro, Fernando Agrasar, Carmela Montero, Carlos Bernárdez, Rosario Sarmiento ou Vitor Vaqueiro.
David Barro (Ferrol, 1974) é codirector de DARDO e comisario de exposicións. Dende 2017 é director xerente da Fundación DIDAC (DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas) e dende 2015 profesor do Máster en Estudos avanzados da Universidade de Salamanca. Anteriormente desempeñou, entre outras, as seguintes funcións: Fundador e director da revista DARDOmagazine (2006-2014). Director xerente da Fundación Luis Seoane (2014-2016). Asesor da Fundación Barrié e responsable da súa colección de pintura contemporánea (2008-2013). Barro exerceu a crítica de arte en El Cultural (2003-2005), a revista Lápiz (2000-2004) e como director da revista portuguesa [W]art (2003-2005) ou da española Arte y Parte (1998-1999). Tamén foi o director artístico de A Chocolataría en Santiago de Compostela (2005) e director artístico da feira de arte contemporáneo en Vigo Espacio Atlántico (2010). Director e presentador do programa de televisión Botella al Mar de V Televisión (2005). Como docente foi profesor da UCP de Oporto (2001-2006) e do Máster en Gestión Cultural da Universidade Carlos III de Madrid (2015-2017), entre outros. Como comisario de exposicións realizou máis de cincuenta mostras individuais de autores como Jessica Stockholder, Axel Hütte, Alex Katz, Günther Förg, Julião Sarmento, Julian Opie, Sandra Cinto, Caio Reisewitz, José Pedro Croft, Berta Cáccamo e máis de cincuenta mostras colectivas. En 2010 exerceu de director artístico do proxecto de arte, arquitectura e deseño Look Up! Natural Porto Art Show que ocupou nove edificios emblemáticos da cidade de Oporto e en 2011 do Festival Internacional de Acción Artística Sostenible SOS 4.8 de Murcia. Membro fundador das dúas primeiras xuntas directivas do IAC (Instituto de Arte Contemporáneo), actualmente é membro da xunta directiva de ADACE (Asociación de Directores de Arte Contemporáneo en España).


11 de dec. de 2017

VooDoo hoxe na Casa de Manuel María

Redacción.-

O dúo musical, VooDoo, tocará mañá, a partir das 20 horas, no auditorio da Casa-Museo Manuel María, un anticipo do traballo musical que ven de gravar recentemente e no que a música tradicional galega, combínase con harmonías fundamentalmente de soul e blues.

Belém Tajes (voz tamén do grupo Luar na Lubre) e Maritxinha Inha, compoñentes de VooDoo, foron as gañadoras este ano do Premio Martín Códax de Música Galega na categoría blues/funk/soulhttps://www.youtube.com/watch?v=Xc_RdQ0TkQs

O concerto, que é de balde, forma parte da programación cultural que vén desenvolvendo a Casa-Museo Manuel María e pola que este ano se puideron entre outros a Aldaolado, Fran Rei, Milesios, Lugh, Zanfoneiros da Tradescola, Pirilampo, Paco Nogueiras, Azougue...

As entradas pódense reservar escribindo a:
contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou chamando ao tel. 698177621.

18 de nov. de 2017

Galicia. Un século de creación 1916-2016


Redacción.-

O vindeiro martes 14 de novembro ás 19:30 h. continúa o ciclo de conferencias ´Galicia. Un século de creación. 1916-2016´ que a Fundación DIDAC impulsa coa axuda da área de Cultura da Deputación da Coruña e en colaboración con varias institucións da provincia como o CGAC, USC, Auditorio de Galicia ou Centro Torrente Ballester de Ferrol. Nesta ocasión, será o experto en fotografía Vitor Vaqueiro quen impartirá a conferencia A consumación do soño baudelairiano na fotografa galega (1860-1936), que terá lugar na sala circular do Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela.

A semana seguinte, as conferencias terán lugar no propio espazo da Fundación DIDAC en Santiago de Compostela e serán o crítico de arte Carlos Bernárdez o día 21 de novembro e a comisaria Rosario Sarmiento o día 23 do mesmo mes, os encargados de continuar co achegamento á creación en Galicia. Carlos Bernárdez falará dos artistas galegos no exilio en Diáspora. A arte galega da república non exilio, e Rosario Sarmiento pola súa banda farao sobre surrealismo en Maruja Mallo, Eugenio Granell, Urbano Lugrís: Tres diferentes relatos surrealistas. Ambas conferencias terán lugar ás 19.30 h.

A asistencia ás conferencias é gratuíta e permitirase o acceso ata completar o aforo. Se alguén desexa reservar a súa praza pode inscribirse a través da web de DIDAC http://www.didac.gal ou no correo electrónico info@didac.gal.



Ciclo de conferencias `Galicia. Un século de creación 1916-2016´:

Martes 14. A consumación do soño baudelairiano na fotografía galega (1860-1936). Por Vitor Vaqueiro. Sala Circular. Auditorio de Galicia. Santiago de Compostela. 19.30 h.

Desde a súa orixe, nas primeiras décadas do século XIX, a fotografía moveuse entre dous puntos de vista, concretados polas súas diferentes actitudes no referido á adherencia ao real. Unha liña maioritaria que, grosso modo, poderíase categorizar como documental, mostraba unha maior proximidade coas posturas de ton realista. Outra tendencia, minoritaria, que tería a súa maior concreción coa chegada do pictorialismo, propoñía un afastamento da realidade abastecendo hipóteses de conexión co mundo do imaxinario.

Vitor Vaqueiro Foxo é licenciado en Química e doutor en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela. Conferenciante, crítico e historiador de fotografía, con artigos en publicacións galegas e de fora do país, publicou uns vinte libros de etnografía, fotografía, narrativa, poesía e divulgación. Posúe os premios de poesía Esquío e da Crítica española, e o Irmandade do Livro.


Martes 21. Diáspora. A arte galega da república ao exilio. Por Carlos Bernárdez. DIDAC. Santiago de Compostela. 19.30 h.

A conferencia pretende explorar o proceso de conformación e evolución da arte galega nos anos da II República, a Guerra Civil e no período do exilio en América, resaltando o que o exilio ten de fenómeno decisivo na evolución individual e colectiva dos nosos creadores.

Carlos Bernárdez é profesor de Lingua e Literatura Galegas e licenciado en Xeografía e Historia, sección de Historia da arte. Ensaísta de temas artísticos e literarios e comisario de exposicións, é colaborador habitual en xornais e revistas.


Xoves 23. Maruja Mallo, Eugenio Granell, Urbano Lugrís: Tres diferentes relatos surrealistas. DIDAC. Santiago de Compostela. 19.30 h.

Nesta conferencia faremos un achegamento á obra de Urbano Lugrís, Eugenio Granell e Maruja Mallo, tres nomes da plástica galega do século XX que desde circunstancias e léxicos ben diferentes interiorizaron e fixeron realidade as premisas dun movemento de vangarda que dominou o panorama artístico durante a primeira posguerra europea.

Rosario Sarmiento é licenciada en Xeografía e Historia, crítica de arte e comisaria de exposicións, especialista en coleccionismo e na historia da arte da mull

13 de nov. de 2017

Mini e Mero no Paseo dos Soños


Redacción.-

O Paseo dos Soños de Vilalba honrará a Mini e Mero co duodécimo hectómetro literario marcado por unha escultura creada por Valdi.

Ao acto de inauguración que se celebrará o sábado 18 de novembro acudirán os homenaxeados e outros amigos que participarán nas distintas actividades propostas. O muíño do Rañego acollerá ás doce do mediodía unha recepción a cargo de Xesús Mato, a interpretación da peza a Mini e Mero polo gaiteiro Raúl Galego e o recitado do poema “Mini e Mero” de Xoán Xosé Fernández Abella.

Posteriormente realizarase unha camiñata polo Paseo dos Soños con intervención en cada hectómetro literario a cargo de X.L. Santos Cabanas, Paco Martín, Xosé Lois García, Miro Casabella, Luis Foz, Marica Campo, Isidro Novo, Helena Villar, Xesús Rábade, Rubén Aramburu e Xulio Xiz.

Mini e Mero intervirán diante a escultura elaborada por Valdi antes de que o coordinador de Xermolos e a Irmandade Manuel María -os impulsores do acto-, Alfonso Blanco, peche a homenaxe.

Ao seu remate celebrarase un xantar de confraternidade no Restaurante Terra Chá. Os interesados e interesadas poden inscribirse aportando 20 euros no teléfono 646 41 38 90.

11 de nov. de 2017