Mondoñedo é poesía 2018

Redacción.-

Mondoñedo é poesía chega este ano á súa 5ª edición convocando para o vindeiro 1 de maio en Mondoñedo (Capital galega da poesía) a aqueles e aquelas que aman a poesía dita, recitada, cantada, musicada ou visual.

Esta actividade enmárcase, como sempre, dentro da programación das tradicionais Feiras e Festas das Quendas que se celebran desde 1541 (hai xa 477 anos) en Mondoñedo.

Celebramos esta quinta edición, amais de cos tradicionais recitais na rúa e no Auditorio Pascual Veiga, cunha homenaxe aos 200 anos da chamada Escola Poética do Seminario e coa edición do libro “Mondoñedo é poesía 2014-2018”.

A isto hai que engadir outras dúas novidades importantes: a participación no recital por primeira vez dun poeta foráneo , o berciano Juan Carlos Mestre, e o recitado dun poema desde… (con conexión en vivo e en directo, agás contratempos técnicos) a cidade galesa de Bangor. Alí estará Lorena Souto (1º Premio Leiras Pulpeiro 2017).

O cartel oficial deste ano é da autoría do grande artista, Fillo Predilecto de Mondoñedo, Xosé Vizoso.

 

RECITAL na RÚA

17:00h.-Praza do Seminario

Homenaxe á Escola Poética do Seminario

Breve acto de homenaxe aos 200 anos da Escola Poética do Seminario (EPS) e de reivindicación para que a RAG lle dedique sen tardanza o Día das Letras Galegas.

Interveñen: Félix Villares Mouteira, principal estudoso da obra poética en galego dos poetas membros da EPS e autor do libro “Un alpendre de sombra e de luar”; Miguel Lustres, poeta pertencente á EPS, así como alumnado do CEIP Álvaro Cunqueiro e membros da Rondalla O Pallarego que darán a coñecer poemas inéditos dalgúns poetas adscritos á EPS.

17:30h.-Praza da Catedral (a carón da estatua de Cunqueiro)

Recitan: Moncho Bouzas, Jaime Fernández, e Iria Rivas, Carmen Pavón Souto e Chema Merino, alumnado ou exalumnado do IES San Rosendo.

18:00h.-Praza Jaime Cabot (a carón do Auditorio Pascual Veiga)

Recitan: Mª Belén Senín, Iris Carro, X. Ramón Sánchez Varela, Carme Cociña e Javier F. Rouco.

RECITAL no AUDITORIO PASCUAL VEIGA

18:30h.

No Auditorio Pascual Veiga escoitaremos os versos de Juan Carlos Mestre, Chus Pato (Premio Mondoñedo10-modalidade poesía 2017), Olga Novo, Antón Lopo e Lorena Souto. Ugía Pedreira ofrecerá un espectáculo poético-musical. Proxectarase un vídeo-poema da autoría de Nachok con texto de Eduardo Estévez. A música póñena Rebeca Maseda e Miguel Lustres.A presentación, con guión de Clara Vidal, corre a cargo de  Marina Oural Villapol_MOV

 Agasallos aos asistentes

Ao remate do recital os asistentes serán agasallados con carteis da autoría de Vizoso e sortearanse 150 exemplares da publicación “Mondoñedo é poesía 2014-2018”.

ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS

EDICIÓN LIBRO CONMEMORATIVO:Mondoñedo é poesía 2014-2018

Edita: Asociación As San Lucas

Patrocina: Deputación de Lugo

Reúne en 210 páxinas biografías e poemas dos 91 escritores e músicos que participaron (algúns en máis dunha ocasión) nalgunha das 5 edicións.

Tirada: 600 exemplares.

A ilustración de portada é de Xosé Vizoso. Contén os carteis das edicións precedentes, así como debuxos e detalles gráficos de Bernardino Vidarte, Alicia Puchades, Caxigueiro, Ernesto González Torterolo, Ignacio Castro ‘Nachok’, Antón Caxoto e Vizoso.

TENDAL VIRTUAL: A POESÍA DAS PEQUENAS COUSAS   

Montaxe foto-poética elaborada polo alumnado do IES San Rosendo. Proxectarase na sala de entrada do Auditorio Pascual Veiga e intermitentemente durante o transcurso do recital no salón de actos do Auditorio.

***

Organizan: Asociación As San Lucas e Colectivo Mondoñedo É …

Patrocinan: Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Concello de Mondoñedo.

Colaboran: CEIP Álvaro Cunqueiro, IES San Rosendo, Seminario Santa Catalina e Rondalla O Pallarego.

25 de abr. de 2018

Exenta en Didac

Redacción.-

Exenta é o equipamento para acubillo de creativos que Cenlitrosmetrocadrado pensou para cuarto pexigo. Trátase dunha familia de mobiliario polivalente, capaz de resolver cun mínimo número de elementos, necesidades propias dun ámbito máis doméstico, así como outras relativas ao traballo. O feito de estar integrada por pezas exentas facilita a distribución no espazo con independencia da súa forma, que xunto coa posibilidade de poderse desmontar e pregar para o transporte e almacenamento, fai de exenta unha solución moi versátil.

A Fundación DIDAC reforza así o seu compromiso co deseño galego, en correspondencia co seu obxectivo de fomentar e poñer en valor o sector do deseño para a súa definitiva integración como parte indisociable da estratexia empresarial.

O cuarto pexigo é un espazo baleiro, no parque de Belvís, dispoñible para enchelo de cousas ou momentos. Un escenario nú. Un contenedor de historias. Un espazo versátil, efémero, mutante...En construción permanente. www.cuartopexigo.com

Cenlitrosmetrocadrado é un estudo de deseño e comunicación que se constitúe coa intención de ofrecer un deseño de clara orientación humanista, que vaia máis alá da simple función práctica e que atenda tamén funcións de carácter emocional e social. Cunha identidade de marcado carácter atlántico desenvolve proxectos que van desde o gráfico, produto, espazos, ata a coordinación de equipas de traballo en ámbitos creativos.
cenlitrosmetrocadrado.com

Inauguración: o pasado mércores 18 de Abril. 20.00 horas.
Clausura da exposición: luns 30 de Abril. 19.30 horas. Cunha conversa entre Cenlitrosmetrocadrado, Iago Pazos e David Barro. 
Lugar: Fundación DIDAC. Pérez Costanti 12. 15702. Santiago de Compostela 
www.didac.gal


21 de abr. de 2018

Xa falta menos para o FIV

Redacción.-

A dúas semanas da súa celebración, o FIV de Vilalba van de colgar o cartel de agotado para todos os seus tickets. Éxito rotundo do festival que na súa edición 2018 inaugurará o artista Xoel López. Un logro en asistencia que se repetirá por terceiro ano consecutivo grazas a outras intervencións musicais como as de Lori Meyers, Novedades Carminha, La Habitación Roja ou Carlos Sadness.

O festival galego abrirá as súas portas o venres 27 ás 20:30h dando a benvida a un fin de semana repleto de boa música. Os encargados de quentar as táboas do Escenario Mahou serán os chiaremos Postergel ao nove da noite. Tomaralles a substitución o rock de Shinova para logo deixar paso aos pratos fortes baixo a estrela, Carlos Sadness antes de dar a medianoite e o prato forte: Xoel López pechará a xornada coa mellor música electrónica da man de David Kano DJ, a partir do tres da madrugada.

O FIV de Vilalba é, ademais dun festival, unha experiencia musical ao completo, na que se poderá gozar non só dos mellores concertos en directo, senón tamén dunha gran variedade de actividades culturais durante o fin de semana. O Auditorio Carmen Estévez de Vilalba, o 27 e 28 de abril, acollerá dúas interesantes conferencias: unha sobre o papel da radio nos festivais, e outra sobre a vida de David Bowie.

Unha homenaxe ao Duque Branco que continuará ao longo de todo o fin de semana no auditorio, grazas á especial exposición de Carlos Luxor que se exhibirá venres e sábado en horario de 12:00h a 19:30h. Unha mostra onde se poderán admirar unha gran diversidade de cadros sobre o artista que inclúen pezas únicas e de gran valor, para deleite dos seguidores de Bowie.

O cinema tamén terá protagonismo no FIV, coa proxección no Centro Cultural de dúas recoñecidas películas estreitamente ligadas á música: 'Idol', do director Hany Abu-Assad, que narra a vida do popular cantante palestino Mohammed Assaf; e 'A miña vida entre as formigas', o documental sobre a mítica banda de Rock Ilegales e o cantante e compositor, Jorge Martínez.

De momento, podemos gozar "Lodo", a proposta da directora e guionista Gigi Romeu para o primeiro videoclip de "Sueños y pan2, último disco de Xoel López. Unha peza sobre eses momentos nos que buscamos respostas, e tras descubrilas, mostrámonos tal como somos. Os fíos vermellos simbolizan esas situacións complicadas ás que nos enfrontamos. Enmarañados ao principio, aos poucos os nós vanse desfacendo e quedando libres. Porque ás veces case sen darnos conta superamos o maior dos obstáculos.

20 de abr. de 2018

Martín Camiña na Casa Museo Manuel María

Redacción.-

O ilusionista Martín Camiña presenta este sábado, día 21 de abril, ás 18 hrs, no auditorio da Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, “Intres de asombro”. Esta actividade programada pola Casa-Museo e as ANPAs dos CEIPs Laverde Ruíz de Outeiro de Rei e Otero Pedrayo de Rábade, vai dirixida para público familiar (a partir dos 5 anos).

“Intres de asombro” pódese definir como un espectáculo de maxia, humor e participación das espectadoras, composto en “chave de fa”: fabuloso, fascinante e fantástico. Xornais que cobran vida, cordas sorprendentes, froitas e moito máis, xeran a trama dun acto cheo de gags visuais, diálogos unidos ao sorriso e ilusionismos sorprendentes.

As entradas pódense reservar anticipadamente a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou do teléfono 698 177 621. O prezo da entrada é de 2€.

19 de abr. de 2018

Divinas Palabras Revolution

Redacción.-

O Centro Dramático Galego (CDG) retoma as funcións para público xeral da súa nova produción propia, Divinas Palabras Revolution, que pode verse de xoves a domingo, ata o 29 de abril, na sede da compañía pública no Salón Teatro de Santiago. Mañá terá lugar, así mesmo, o primeiro dos dous Encontros co Público desta produción, durante os que os espectadores que asistan aos pases dos xoves terán a oportunidade de intercambiar impresións co equipo artístico do espectáculo ao remate da súa representación.

Ademais desta iniciativa, con motivo da estadía de Divinas Palabras Revolution en Santiago o CDG puxo en marcha un novo servizo, denominado Domingos de Conciliación, para todas as persoas con nenos/as ao seu cargo que queiran asistir ao espectáculo.

Esta oferta –incluída no prezo da entrada– consiste nun obradoiro de artes escénicas na Fundación Granell, para idades comprendidas entre os 5 e 12 anos, onde os rapaces e rapazas poden pasar unha tarde entretida mentres os seus maiores asisten a Divinas Palabras Revolution no Salón Teatro. Para solicitar este servizo, de prazas limitadas, cómpre enviar un correo electrónico a centro.dramatico.galego@xunta.gal ou chamar ao teléfono 881 867 229, de luns a venres (agás festivos) de 9,00 a 14,00 h.

Os concursantes da casa
Xron dirixe esta adaptación, a primeira en idioma galego, da obra Divinas palabras de Valle-Inclán, que lle ofrece ao público unha ollada actual e crúa da traxicomedia valleinclaniana, ambientada aquí na “aldea global” fronte a “aldea” do orixinal. Así, na versión do CDG os personaxes que interpretan Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Antón Coucheiro, Borja Fernández, Mónica García, Tone Martínez, Victoria Pérez, Ánxela Ríos e Tomé Viéitez participan nun concurso de telerrealidade, durante o que teñen que convivir nunha casa-plató vixiados polas cámaras as 24 horas.

Os horarios das funcións xerais de Divinas Palabras Revolution son de xoves a sábados, ás 20,30 h., e os domingos, Día do Espectador, ás 18,00 h. Así mesmo, os martes e mércores están a ter lugar os pases matinais concertados con institutos dentro da campaña escolar do espectáculo.
As entradas poden adquirirse de xeito anticipado a través do web entradas.abanca.com e do teléfono 902 434 443, así como no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada función.

Retrospectiva de Bergman no CGAI

Redacción.-

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia acolle ata finais de 2018 unha retrospectiva case completa do realizador sueco Ingmar Bergman para celebrar o centenario do seu nacemento. O máis recoñecido dos autores escandinavos conta cunha extensa filmografía na que figuran títulos esenciais da historia do cine como O sétimo selo ou Amorodos salvaxes.

Formado no teatro, cunha clara influencia de August Strindberg na súa obra, foi famoso polo seu coidado estilo visual e por destilar unha intensa dramaturxia na que destacan temas de carácter metafísico ou os seus profundos estudos dos estados da alma humana. Gañou o seu prestixio nos festivais europeos, sendo habitual de citas como Cannes, Venecia ou a Berlinale. A Academia de Hollywood concedeulle o Oscar honorífico en 1971.
O ciclo do CGAI comeza mañá martes ás 20,30 h. con Xogos de verán, primeira parte da súa triloxía sobre o período estival, que segue con Un verán con Mónica (pases o 19 de abril) e Sorrisos dunha noite de verán (proxeccións o 24 de abril). Esta triloxía caracterízase, nas dúas primeiras entregas, por presentar historias dramáticas de amores mozos. Na última parte Bergman pasa á comedia de época, cun filme destacado pola crítica que lle valeu o seu primeiro galardón en Cannes e varias homenaxes posteriores; a máis coñecida, a que lle faría Woody Allen en A comedia sexual dunha noite de verán.

Unha icónica partida de xadrez

Logo destes filmes, o sueco entra nunha das súas etapas máis creativas, dirixindo en 1957 as que serán dúas das súas obras mestras: Amorodos salvaxes (pásase o 26 de abril), unha sorte de road-movie que conta a viaxe física e espiritual que un vello e reputado médico realiza coa súa nora; e O sétimo selo (no CGAI o 24 de maio), sobre un cruzado que volve a Terra Santa no século XIV para se enfrontar á morte nunha xa icónica partida de xadrez.
Estas dúas fitas inauguran a etapa de contido simbólico de Bergman, logo de varias centradas en boa parte no peso psicolóxico que soportan os seus personaxes. O soño, os desexos máis profundos da alma, o metafísico... O seu cine toma unha deriva existencial pola que será principalmente recordado o autor.
1957 é o seu ano. En febreiro gaña o premio da crítica por Amorodos salvaxes na Berlinale e en maio faise co premio especial do xurado por O sétimo selo en Cannes. O impacto internacional destas películas converte en estrela a Bibi Andersson, protagonista nas dúas logo de ter traballado xa con Bergman en Sorrisos dunha noite de verán.
Impresionante estilo visual

Outra das actrices-fetiche do autor será Liv Ullmann, quen en 1968 protagoniza dous filmes de clara expresión crítica de Bergman, ambos situados en illas nas que acontecen inquietantes sucesos. A hora do lobo (pases o 6 de xuño), en torno a unha parella que se ve atrapada por presenzas demoníacas, está hoxe considerado un dos cumios do terror psicolóxico, mentres que A vergoña (13 de xuño) adopta unha posición máis alegórica e de ataque directo á guerra de Vietnam.
Benefícianse as dúas da impresionante fotografía de Sven Nykvist, outro dos habituais colaboradores de Bergman, que dotou de peso visual a obra máis madura do director. Pode que a súa película máis coñecida sexa Persona, que reúne precisamente a Bibi Andersson e Liv Ullmann. Este filme programarao o CGAI á volta do verán, xunto con outros salientables títulos do director que se sucederán ata finais de 2018.

Ramón Chao, nominado ao premio Couso


Redacción.- Dúas mulleres e dous homes, tres deles galegos, concorren este ano ao Premio José Couso de Liberdade de Prensa, iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol. As propostas desta XIV Edición son Nacho CarreteroRamón Chao,Zehra Doğan e Julia Otero.

Os candidatos, que se distinguiron pola súa defensa da liberdade de prensa, foron propostos polos colexiados do CPXG, asociados do Club de Prensa de Ferrol ou por entidades e persoas relacionadas coa comunicación. Dende hoxe e ata as 19.00 horas do 10 de abril, os colexiados e colexiadas do CPXG e asociados e asociadas do Club de Prensa de Ferrol poderán elixir a candidatura gañadora.

Sobre os candidatos

Nacho Carretero, xornalista coruñés, ten traballado e colaborado en numerosas redaccións, demostrando a súa capacidade de adaptación a distintos formatos e a medios de diversa orientación. É autor do libro Fariña, publicado pola editorial Libros del K.O., sobre o narcotráfico en Galicia nos anos 80 e 90 do século pasado, que en febreiro deste ano 2018 foi secuestrado por orde xudicial.

Ramón Chao, veterano escritor e xornalista nado en Vilalba, desenvolveu a súa carreira en Francia, en medios como Radio France Internationale, Triunfo, Le Monde ou Le Monde Diplomatique. Defensor da liberdade de prensa ao longo de toda a súa traxectoria, tamén realizou unha permanente reivindicación da lingua e a cultura galegas, dirixindo emisións radiofónicas en galego prohibidas pola ditadura franquista.

Zehra Doğan, xornalista kurda e editora da axencia de noticias Jinha, formada integramente por mujeres, atópase encarcerada na prisión de alta seguridade de Diyarbakır polo seu traballo como comunicadoraq, acusada polas autoridades turcas de "facer propaganda para unha organización terrorista". A súa axencia Jinha foi pechada en 2016 polo goberno.

Julia Otero, monfortina, ten unha extensa carreira profesional vinculada principalmente á radio, aínda que tamén é salientable a súa etapa na televisión. Ao longo dos seus anos como xornalista, destacou pola defensa da liberdade de prensa e pola defensa da información rigorosa e contrastada. Os seus catro premios Ondas, entre outros galardóns, a sitúan como unha das xornalistas de maior recoñecemento na actualidade.

As votacións

Coa proclamación das candidaturas queda aberto o prazo de votación. O xurado, composto por todos os membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e os asociados do Club de Prensa de Ferrol, decidirá o gañador. Os colexiados e colexiadas do CPXG poden votar desde hoxe ata as 19:00 horas do 10 de abril co seu usuario e contrasinal na parte privada da web www.xornalistas.gal. Pola súa banda os socios e socias do Club de Prensa de Ferrol poderán facelo enviando un mail a premiocouso@xornalistas.gal

O nome do gañador darase a coñecer nunha rolda de prensa. Esta previsto que a entrega teña lugar o 3 de maio, Día da Liberdade de Prensa, en Ferrol. Como cada ano, o Concello de Ferrol cederá o teatro Jofre para celebrar os actos entre os que está prevista a actuación musical que cada ano ameniza o certame.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. As trece edicións anteriores foron para Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).

21 de mar. de 2018

Adeus a Carlos García Martínez

Redacción.- O mundo da cultura galega recibiu con fondo pesar a mala nova da morte do compostelán Carlos García Martínez, que finou o pasado sábado en Santiago. Nado na capital galega en 1945, o historiador e dinamizador cultural fíxose cargo da dirección do Museo do Pobo Galego trala morte de Antón Fraguas en 1999. Nesta entidade xa fora previamente mentor e fundador, asumindo despois labores de secretario e de subdirector. A súa capela ardente foi instalada nas dependencias do Museo e posteriormente recibiu sepultura na parroquia compostelá de Figueiras. 

Entre outras institucións, tamén foi membro do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, académico correspondente da Real Academia Galega e integrante da comisión xestora do novo Seminario de Estudos Galegos. En 2008 recibiu o galardón de Galego de Decembro que outorga o Grupo Correo Gallego.

Premio Rosalía De Castro

Redacción.-

Recoñecer o traballo de persoas e entidades que contribúen ao proceso de normalización lingüística do galego é o obxectivo do Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña que chega xa a súa novena edición.

A Deputación da Coruña vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases da IX edición do Premio Rosalía de Castro de promoción da lingua galega, unha convocatoria á que poderán concorrer, ata o vinderio 30 de xuño, aquelas persoas e entidades comprometidas coa promoción e dignificación social do noso patrimonio lingüístico

Destinado a todas as persoas, asociacións, entidades ou colectivos do ámbito galego en xeral o certamen ten por obxecto premiar a aquelas que destaquen pola súa traxectoria na promoción en galego ou que salienten por actividades que impliquen o espallamento da lingua durante o ano 2018.

A vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsable da área de Normalización Lingüística, Goretti Sanmartín, destacou que “o Premio Rosalía de Castro pretende recoñecer o esforzo daquelas persoas e entidades que co seu traballo contribúen a dar pasos adiante no proceso de normalización da lingua galega” un labor, engadiu “co que ademais de renderlle homenaxe a Rosalía de Castro tamén se lle dá continuidade ao traballo que ela iniciou” na defensa do galego”.

Do mesmo xeito que na pasada edición, o Premio Rosalía de Castro contempla dúas categorías que estarán dotadas cun premio de 3.000 euros cada unha delas.A primeira das modalidades atenderá a criterios xerais como poden ser: actuacións desenvolvidas durante o presente ano a favor da dignificación social da lingua galega, o uso habitual do idioma galego en camapañas de información e publicidade, ou a contribución significativa á galeguización de sectores de especial relevancia económica, social e cultural.

Así mesmo, a segunda das categorías tamén prestará atención a estes valores mais, centrará especificamente as súas valoracións naqueles participantes que realicen traballos especificamente destinados aos tramos da poboación de menor idade, infancia e mocidade. Como poden ser aqueles proxectos e actuacións que incidan na promoción da lingua desde a perspectiva xeracional.

O Premio “Rosalía de Castro” de promoción da lingua galega está destinado a recoñecer iniciativas, traballos recentes, traxectorias de persoas individualmente, colectivos ou entidades comprometidas coa promoción e dignificación social do noso patrimonio lingüístico, quer no ámbito da provincia, quer a nivel galego. Sendo especialmente significativo o traballo vencellado con aqueles sectores de especial relevancia para o futuro do galego.


O pasado ano foron a AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega) e o proxecto "Apego" que ten á Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) os gañadores da VIII edición Premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña


Poden consultar as bases na seguinte ligazón:
http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2018/03/09/2018_0000001777.pdf

12 de mar. de 2018

Os Diplomáticos na Casa Museo Manuel María

Redacción.-

O outro lado da música, a poesía, escribiu Luísa Villalta. Seguindo tal mandato Os Diplomáticos de Monte Alto achegarán melodía algúns dos seus poetas máis queridos, Teresa Ramiro, Celso Emilio Ferreiro, Manuel Rivas e, por suposto, do propio Manuel María o próximo 17 de marzo, ás 20 hrs, na auditorio da Casa-Museo Manuel María.

Da palabra do poeta Manuel María beberon a eito Os Diplomáticos. Alén de mestre da literatura, Manuel María foi ilustre veciño do barrio coruñés de Monte Alto. Agora volve convocalos -na súa casa natal- como anfitrión desta sesión inédita de música e de poesía, en que tamén haberá unha dose condensada –cargada de distorsión- dos clásicos todos do conxunto bravú.

As persoas interesadas en se achegar á Casa-Museo para cantar versos cos Diplomáticos de Monte Alto, deben reservar a entrada (billete 5 euros), quer escribindo a contacto@casamuseomanuelmaria.gal, quer chamando ao 698177621.

11 de mar. de 2018

Champivil-Castelo premio Son Muller 2018

Redacción.-

A empresa chairega Champivil-Castelo, especializada en conservas vexetais de produtos naturais de Galicia, residiu o primeiro premio Son Muller 2018 na categoría de empresa rural. O galardón foi entregado en Lugo coincidindo co 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

A primeira edición deste premio, que está organizado pola Asociación de Empresarias de Lugo en colaboración co Concello, a Deputación Provincial, a Xunta de Galicia e Abanca, recoñece o papel fundamental da muller dentro de Champivil e a contribución desta empresa ao desenvolvemento rural na provincia de Lugo.

A xerente de Champivil, Luz Divina Castelo, foi a encargada de recibir este galardón, ao que concurrían destacadas empresas de distintos ámbitos dirixidas por mulleres, no transcurso dunha gala celebrada nun edificio cargado de simbolismo, o Vello Cárcere do Partido Xudicial, reconvertido agora a centro social.

Luz Divina Castelo lembrou que "as mulleres foron desde sempre o motor do medio rural galego" e destacou que "son peza fundamental hoxe en día en Champivil, unha empresa familiar onde a maioría das traballadoras son mulleres".

Unha muller pioneira
A xerente de Champivil lembrou a súa avoa, Divina Campello, pioneira en Galicia na compra-venda de setas silvestres aló polo ano 1949 na tenda taberna que tiña na aldea vilalbesa de Distriz.

Seguindo a tradición, o seu pai Andrés Castelo fundaba xunto a súa nai Mari Luz en 1977 unha empresa de exportación de produtos silvestres e comezaba a buscar novos mercados dentro e fóra de Galicia logrando entrar nos mellores mercados europeos (Italia, Suíza, Francia) e abastecer con cogumelos galegos ás principais zonas consumidoras deste produto dentro de España (Comunidade Valenciana, País Vasco e Cataluña).

No ano 1982 nunha nave pegada á casa familiar, na parroquia de San Xián de Mourence, a empresa creaba unha pequena zona de fabricación de conserva e comezaba a envasar para marcas francesas.

Pero é no ano 2001 coa incorporación de Luz Divina á empresa familiar cando se produce a gran revolución de Champivil, ao crear unha marca propia (Castelo) coa que etiquetar e distribuír as súas conservas, que pouco a pouco foron ampliando a gama de produtos até abarcar na actualidade unha importante variedade: cogumelos, grelos, verzas, marmeladas, preparados para tortilla, arroz con setas, crema de grelos, licores de setas e cervexa artesá.

Produtos de tempada
A xerente de Champivil explica que a filosofía da empresa é "poñer en valor os produtos naturais de Galicia primando a calidade e traballando con produtos de tempada". A empresa vilalbesa, que dá traballo, dependendo da época do ano, até a 9 persoas, a maioría mulleres, elabora os seus produtos nunha nave de 800 metros cadrados situada en plena zona rural ás aforas de Vilalba.

Champivil traballa por campañas, cada unha no seu tempo (setas no outono, grelos no inverno, estrugas e árnica na primavera e marmeladas no verán) e e atópase neste momento de cheo coa campaña dos grelos, que prepara en distintas elaboracións, dado que outra das claves da empresa é non deixar de innovar aportando ao consumidor novos produtos.

Champivil foi pioneira, no ano 2002 en elaborar e vender grelos en conserva, produto do que na actualidade a empresa chairega elabora unhas 200.000 latas ao ano cocido e envasado ao natural. Champivil tamén fai crema de grelos, caldo, preparado de tortilla de patacas con crelos e mesmo licor e cervexa de grelos.

Numerosos premios e recoñecimentos nos últimos anos
A empresa vilalbesa foi recoñecida nos últimos anos con numerosos galardóns pola súa innovación e a calidade dos seus produtos. Entre eles, destacan o premio Joven Empresario de Galicia no ano 2011, o premio Aresa de desenvolvemento rural no ano 2012, a mención de honra no III premio Xoven Empresario de Lugo 2011, o segundo premio de Alimentación Salimat 2002 da Semana Verde de Silleda polos grelos en conserva ou o Taste Award 2010 outorgado en Bruxelas o boletus edulis en aceite de oliva e o logrado dous anos despois para os grelos en conserva.

'Retrincos' na Casa Museo de Manuel María

Redacción.-

A Casa-Museo Manuel María programa para mañá, sábado, ás 20 hrsRetrincos de Castelao, unha peza, escrita e dirixida por Diego Rey e protagonizada por Isabel Risco e Fran Rei.

A obra é un achegamento ao humor na obra de Castelao. Cinco historias dramatizadas que percorren algúns dos seus debuxos e textos,aproximando ao público a súa enxeñosa e fascinante forma de ver a Galiza do seu tempo e mostrando un mosaico dunha realidade galega atemporal, que nos antecede e nos outorga raíces. A través dun ollo de vidro que dá nova forma á realidade,as espectadoras poderán quen de presenciar a vida das mulleres e homes que habitaron o país e de comprender a súa historia e o seu presente.

prezo do billete para asistir á representación é de 5 euros. Podefacerse a reserva anticipada encontacto@casamuseomanuelmaria.gal ou chamando ao tel. 698177621. A obra vai dirixida un público maior de 12 anos. 

27 de feb. de 2018

Día de Rosalía de Castro



Redacción.-

O 24 de Febreiro, Dia de Rosalia de Castro, Culturalia GZ, NPG Nova Poesía Guitirica, e a Liga Santaballesa organizan dentro dos eventos que a Asociación de Escritores en Língua Galega AELG promove por toda Galiza, un recital poético feminino no que ademáis das coñecidas poetas

-Pilar Maseda (Vilalba).
-Emilia Mtnez. Fuentes (Vilalba).
-Luz Airado (Vilalba).
-Luz Darriba (Lugo).
-Montse González (Lugo/Verso a Verso).
-Silvia Pardo (As Pontes).
-Maria Pereira (Betanzos).
-Adolfina Mesa (Monterroso).
-Ana Vila Portomeñe (Taboada).
-Mar Beres (NPG Nova Poesía Guitirica).
-Maria Xosé Lamas (Vilalba).
-Ana Mar Fraga Rabade (Cospeito).
-Branca Villar (Labrada).
-Asun Blanco (As Pontes),

e a presentadora do acto, Pas Veres (Os Vilares), dúas rapazas de Santaballa darán lectura ao Manifesto #AbrideAFiestra, que compuxo a escritora María Reimondez, primeira gañadora do Prémio Agustín Fernández Paz.

O público asistente poderá tamén participar coa lectura de poemas de Rosalía e para o remate do acto, o acordeonista de Lanzós, Manuel Figueira, pechará o acto coa inteerpretación de pezas coñecidas e habaneiras moi acaidas ao espazo no que se celebra, a Escola indiana da Liga Santaballesa.

Santaballa será a protagonista da homenaxe chairega a Rosalia de Castro o próximo sábado nun lugar, a escola habaneira que simboliza a vinculación da poeta de Padrón coa emigración a través de tantos e tantos recoñecidos versos. Emigración e Muller serán pois parte central dun acto que terá tamén no rural o centro poético da Terra Chá.

http://axendaaelg.blogaliza.org/2018/02/16/dia-de-rosalia-de-castro-2018/

22 de feb. de 2018

Presentación da Galeguía de Manuel Miragaia

Redacción.-

O Instituto de Estudos Chairegos organiza, en colaboración con CHIADO BOOKS, a presentación do libro “GALEGUÍA” de MANUEL MIRAGAIA, o próximo venres, día 16 de febreiro de 2018, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.
Intervirán no acto o propio autor do libro, MANUEL MIRAGAIA, é o poeta chairego MARTIÑO MASEDA.
GALEGUIA é un libro poético para coñecer as relacións históricas entre Galicia e Portugal, as oríxenes de Galicia e de Portugal e as ideas do Galeguismo.
Trata sobre os mitos fundamentais de Galicia. Resume o fundamental do galeguismo, dende os seus inicios e ofrece unha utopía galeguista.

Manuel Miragaia Doldán, nado na Coruña o 17 de xullo de 1958, é un escritor galego, Licenciado en Filosofía pura pola Universidade de Santiago de Compostela e diplomado en Maxisterio por Ciencias Sociais, é especialista en lingua galega e diplomado en galego pola Escola Oficial de Idiomas da Coruña. Na actualidade, traballa como profesor no IES Cruceiro Baleares, en Culleredo. Realizou diversos traballos de investigación e innovación educativa, impartiu cursos e actuou en diversas ocasións como conferenciante e en recitais de poesía.
Desde 1976 escribe habitualmente en diversos medios de comunicación: El Ideal
Gallego, El Correo Gallego, A Nosa Terra, Man Común e fundamentalmente en La Voz de Galicia. Tamén escribiu semanalmente no xornal Galicia Hoxe.
OUTRAS PUBLICACIÓNS
• Xénese e apocalipse, 1981, Edicións do Castro.
• Manual para escritores e outras sátiras, 1997, Toxosoutos. • A Coruña á luz das letras, 2008, Trifolium.

14 de feb. de 2018

Persoas Refuxiadas ConCiencia

Redacción.-

A xornada Persoas Refuxiadas ConCiencia nace como punto de encontro para reflexionar desde o contexto científico sobre os movementos de persoas refuxiadas. Dende a Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade queremos salientar o potencial do coñecemento das persoas que se moven. Isto supón unha perda de talento das rexións das que saen e un incremento deste nas rexións ás que chegan, se estas lles brindan as oportunidades necesarias para desenvolver os seus talentos.

Trataremos de identificar histórica e socialmente estes movementos con relatorios de persoas expertas no exilio científico español e galego. Dentro desta perspectiva histórica, analizamos nomeadamente as leccións aprendidas e por aprender do antisemitismo.

Para evidenciar a perda de valores que se silencia desde o esquecemento contaremos con documentais que seguiron estas persoas nos movementos recentes, co obxectivo de facer presente a realidade actual.

Queremos poñer a énfase nas persoas xeradoras de ciencia para as que a condición de refuxiadas nun momento da súa traxectoria vital puido ou pode lastrar o desenvolvemento do seu talento científico. Para compartir estas realidades contamos cun investigador sénior e varios estudantes e investigadores en formación da USC que están a desenvolver as súas carreiras na actualidade e que compartirán vivencias persoais e científicas.

Finalmente, coas lentes da ciencia, analizarase na xenética a importancia da diversidade e a contribución das migracións a esta.

Imaxe: Gabriel Tizón

Música Galega ao Vivo en Compostela

Redacción.-

Santiago de Compostela é unha das 14 localidades galegas que contan con salas asociadas á Rede Galega de Música ao Vivo, dentro da que a capital galega acolle 18 concertos ata o mes de maio. Entre eles, o directo que a Bakin Blues Band ofrecerá mañá, ás 22,00 h., na Borriquita de Belém, local que programará nove destes directos.
Do circuíto da Xunta de Galicia tamén forman parte Moon Music Club, con seis actuacións neste primeira carteleira de 2018, e Casa das Crechas, con tres, así como a Sala Capitol, que programará os seus concertos de rede na segunda metade do ano.
Estes locais composteláns son catro dos 23 seleccionados para a nova etapa da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto xestionado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) co fin de contribuír á estabilidade na programación de música en directo en salas privadas, con especial atención aos grupos e artistas galegos.


Cartel 100% galego

De feito, todas as formacións que actuarán en Santiago durante esta primeira metade de 2018 son galegas e dan conta, ao tempo, dun amplo abano de xéneros musicais que van do pop e rock ao jazz, rap, folk ou mesmo flamenco. Na Borriquita de Belém, ademais da devandita Bakin Blues Band e de Factoría de Subsistencia (que tocou o pasado día 30), presentaranse Nani García Trío (27 febreiro), Los Fantásticos del Morrazo (8 marzo), Alberto Vilas Quartet (13 marzo), Silvia Penide (7 abril), David Regueiro Trio ft. Albert Bello (28 abril), Mad Martin Trío (3 maio) e Juyma Estévez Trío (15 maio).
Pola súa banda, a Moon Music Club programará en rede a The Fabulous Resaca Brothers (24 febreiro), Presumido (9 marzo), Kelibén (24 marzo), Victor Aneiros (6 abril), Dakidarría (20 abril) e Los Fantásticos del Morrazo (5 maio). Na Casa das Crechas tivo lugar o pasado día 25 o concerto de Tato Trío, mentres que Aldaolado actuará o 22 de marzo e Mónica de Nut o 29 de marzo.
Tras un proceso de renovación consensuado coas principais asociacións do sector, a Xunta promoveu o inicio en 2018 dunha nova xeira da Rede Galega de Música ao Vivo co obxectivo de reforzar os seus estándares de profesionalidade e calidade. Con tal fin, a Agadic aumentou o seu investimento anual nela ata os 185.000 euros, un 105% máis que en 2017.
Esta cifra supón, ademais, o 85% do orzamento para a contratación dos grupos que actúen este ano, xa que o 15% restante lles corresponde ás 23 salas seleccionadas tras unha convocatoria pública de admisión que se resolveu a finais do ano pasado. Neste primeiro semestre de 2018, serán 48 as bandas protagonistas dos 145 concertos previstos en toda Galicia dentro deste circuíto.
A súa programación completa pode consultarse en www.agadic.gal/Axenda e en www.cultura.gal/gl/axenda.

12 de feb. de 2018

Finalistas dos Mestre Mateo 2018

Redacción.-

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e mais o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, acompañaron hoxe a directiva da Academia Galega do Audiovisual (AGA) no acto de comunicación de finalistas que concorren aos XVI Premios Mestre Mateo. Estes galardóns, que serán entregados nunha gala que terá lugar o vindeiro 3 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña, contan para a súa celebración co apoio da Xunta de Galicia a través dun convenio de colaboración.
O filme Dhogs, de Andres Goteira, producido cunha subvención da Agadic á promoción do talento audiovisual galego, suma 17 candidaturas en 14 categorías das 25 convocadas, polo que resultou ser o traballo máis votado entre os 158 títulos presentados. A estación violenta, con oito candidaturas; O final do camiño e Os fillos do sol, con sete cada unha; Serramoura, con seis; e Juana de Vega, vizcondesa do arado e máis Trinta lumes, cada unha con cinco, son outras das fitas que obtiveron maior apoio nesta primeira fase de votacións por parte dos membros da AGA.

11 de feb. de 2018

Clube de Lectura "Manuel María"

Redacción.-

A Casa-Museo Manuel María non só ten a encomenda de gardar e mostrar debidamente o importantísimo legado do escritor chairego, mais tamén a de levar a cabo todo tipo de actividades que lle dean continuidade ao incansábel labor de dinamización cultural que o poeta levou a cabo durante toda a súa vida.

É por iso que neste ano 2018 queremos que o Clube de Lectura da Casa-Museo Manuel María inicie a súa actividade.

As persoas interesadas en participaren (ou en teren máis información ao respecto), han de enviar un correo ao enderezo contacto@casamuseomanuelmaria.gal indicando o seu nome e mais un e-mail de contacto.

Terase en conta a orde de inscrición se o número de solicitudes for superior ao de participantes.

No venres 16 de febreiro, ás 19 h, terá lugar unha xuntanza de presentación na Casa-Museo (Outeiro de Rei, ao lado do concello), onde se desenvolverán habitualmente as sesións de comentario das obras. Nesta primeira xuntanza serán concretados algúns aspectos do funcionamento desta proposta lectora.

10 de feb. de 2018