Espello do abandono

Os Vilares. -

Os Vilares, como calquera outra parróquia do rural chairego (e galego) é un espello do abandono. O seu património material, etnográfico, relixioso, cultural e tamén o inmaterial, reflicten a agonía do país. A casa do poeta Diaz Castro caendo, os 15 muiños tapados polas silveiras, as fontes entubadas, os lavadoiros abandonados, o cruceiro do Calvário medio ano sen reparar, a taberna do sindicato en ruínas, os cobertizos da feira do Sete derruidos, as escolas de Drada e Os Ares caendo, a escola habaneira da Conchada infrautilizada e sen planos de reabilitación a piques de cumprir un século, as mámoas sen sinalizar nin catalogar ou os frescos da igrexa do século XVI degradándose son a evidencia do pouco interés das administracións por preservar a nosa memória colectiva, o legado dos nósos antepasados. 
Que teñan que ser as asociacións, con máis vontade que recursos, as encargadas de defender ese património con escaso apoio (cando non co boicot) das administracións, explican a decadéncia do nóso rural. Cando a Deputación amaña unha palleira mentras cae a casa do poeta, cando a comunidade de montes financia a contratación de orquestras para as festas mentras non se é capaz de chegar a acordos para reparar a escola da Conchada, cando o Concello non obriga á limpeza de património en fincas privadas nin o cataloga com medidas de protección nin o sinaliza, cando non unha escola feita polos emigrantes non se convirte no centro social da parróquia, nun viveiro de actividades ou a Igrexa e Xunta, Deputación ou Concello amisan un nulo interés en restaurar unhas pinturas de cincocentos anos, ou un cruceiro dun importante calvário bota médio ano sen repoñer, algo se está a facer mal. Non hai futuro si non se valora e protexe o nóso pasado, e ese pasado está a desaparecer e con él o nóso orgullo colectivo, a eséncia do que somos.

Para Xermolos ou a Lareira de soños, a memória de Díaz Castro non rematou o 2014, nin a memória de cada un dos nósos vellos, nin do traballo e das obras que deixaron, páxinas escritas en papel, en pedra ou en sudor e sangue ás que os diferentes governos parecen dar só o valor dos votos e ás veces, nin eso. Como dixo Xulio Xiz nunha ocasión, os políticos non dan conta de que si por algo será lembrados será por aportar pola cultura e non polos puntos de luz ou polas toneladas de asfalto que poñan. As entidades sociais e culturais non reclaman cartos para elas, senón para reaparación e posta em valor do património, para a dotación de equipamentos e melloras da calidade de vida de da economía social nas parróquias do rural diante da cegueira de gobernos que vem a cultura como um gasto é non como um investimento que xenere riqueza e creación de emprego, recursos turísticos e salvación dun mundo que se extingue, o rural. E Os Vilares, hoxe, é un espello dese abandono.

19 de xul. de 2018

Dúas noites do Mundial (1998 e 2018)



Moncho Paz.- Nunha noite como a de hoxe, hai vinte anos, celebramos en Compostela o triunfo de Francia nun Mundial organizado precisamente polo país galo, que exercía de anfitrión. Aínda que o noso corazón estaba dividido pola querencia brasileira. Foi en A Feira das Mentiras, un espectáculo de cinco días no que cabía de todo: dende o circo da Caravanne des Quartiers ao primeiro campionato do mundo de futbolín, que contou coa presenza do seu inventor -Alejandro Finisterre- na entrega dos premios.

Aquela iniciativa multicultural e alternativa tiña tres espazos ben diferenciados: Pulpo Fiction, para seguer os partidos do Mundial de fútbol; Aldea Terremota, para recrear o ambiente das romerías populares galegas; e A Feira Feira, dedidado á artesanía e ás tatuaxes. Atendendo á miña capacidade de inmersión, aproveitei aquel evento para facerme outra tatuaxe: un paxaro azteca no lombo, que me estampou un venezolano chamado Andrés e que co tempo e os retoques necesarios convertiuse na estrela de California dos RHCP. 

Esta acción uniume de xeito instantáneo e definitivo ao meu prezado Ramón Chao, alí presente, que aquela noite ensinoume a Mano Negra que levaba tatuada no brazo despois dunha viaxe por Colombia cos seus fillos Manu e Antoine e o resto da banda. Como dixo Manu en Aracataca: “Papá, no se te puede dejar sólo”.

Aquela noite con Ramón e a súa familia foi o xerme dunha amizade que rubricamos anos despois en París, na presentación da edición francesa de Prisciliano de Compostela, e que fixo posible que formase parte do universo Chao, un realismo máxico que non ten nada que envexar ao de García Márquez; iso si, co permiso do mestre Cunqueiro.

Nunca esquecerei aquela final do Mundial 1998, na que ao ritmo da música e da patchanga ("No llores mi vida no llores / Más lágrimas de colores / Llegó el Tramor con su tumbao…") fixemos un tren encabezado por Manu, os irmáns Pepe e Ramón Chao Rego, Sari, familiares e amigos como Marta, a Berta do Camiño de Prisciliano.

E hoxe celebrei a final do Mundial 2018, que tamén gañou Francia, en compañía dos meus fillos e varios colegas, pero sen esquecer aquel “tren de xeo e lume” que percorría hai vinte anos a noite meiga de Compostela ao son dos tambores da rebelión. Ramón Chao, sempre connosco!!

15 de xul. de 2018

'Travesía', de Alain Fondo, en Baamonde

Redacción. -

Desde o 5 de xullo ata o 9 de agosto pódese visitar, na cafetaría Madia Leva de Baamonde (Lugo), unha mostra de pintura do artista natural de Cabana de Bergantiños e residente en Vilalba, Alain Fondo.

Na exposición atópanse obras en acrílico e óleo de diferentes formatos (100x100 cm, 38x46 cm...) sobre paisaxe e retrato.

Na mostra, que leva por título TRAVESÍA, o artista fai referencia a algunhas das súas obras desde o comezo ata hoxe e de como define, ve e sente a pintura actualmente, como un camiño, un traxecto, unha travesía.

As súas pinturas representan motivos reconocibles, locais e doutros lugares como o Faro de Fisterra (A Coruña), amais de  retratos tamén reconocibles e particulares.

Malia sentires tamén debilidade pola abstracción, a súa arte é principalmente  figurativa sendo o realismo a súa principal identidade, cun tratamento da luz herdado de Monet ou Hopper.

Realiza retratos e traballos e, tanto a súa obra como a súa traxectoria pódense seguir en Facebook e Instagram más contas de Alain Fondo Art.

11 de xul. de 2018

Exposición 'Só lapis' de Xesús Trastoy

Redacción. -

O Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza a Exposición de Debuxo SÓ LAPIS, do vilalbés XESÚS TRASTOY.

O acto de inauguración terá lugar o vindeiro sábado, día 14 de xullo de 2018,ás20:00horas, noAuditorioMunicipal.

A mostra confórmana un total de 52 debuxos en pequeno formato
realizados alapis e poderase visitar, en horario do Auditorio, ata o 20 deagosto.

V Convivio da Cultura Galega

Redacción. -

Máis un ano, chega unha nova edición, a quinta, do Convivio da Cultura Galega. Encontro lúdico, festivo e de convivencia, organizado pola Casa-Museo Manuel María, que convoca a todas as galegas e galegos e a entidades culturais para, arredor da figura de Manuel María, e recuperando o espírito comunitario das tradicionais romarías, celebrarmos a cultura do noso país, Galiza.

Este ano o Convivio será o sábado 14 de xullo e desenvolverase entre a Casa-Museo Manuel María, no centro de Outeiro de Rei, e a Carballeira de Santa Isabel, fermosa paraxe natural ao pé do Miño e un espazo moi especial e íntimo para Manuel María. Será neste último lugar, a carballeira, tradicionalmente o lugar da festa en Outeiro de Rei, onde se levarán a cabo a maior parte das actividades do Convivio.


O Convivio dará comezo ás 11.30, na horta da Casa-Museo, cunha acollida a todas as persoas participantes e unha pequena actuación do grupo de música tradicional Untia e o coro da asociación cultural e musical Solfa. Desde alí, sairase camiñando ao son da música cara ao cemiterio de Outeiro de Rei onde haberá unha ofrenda floral a Manuel María, para baixar logo á Carballeira de Santa Isabel. Ás 13 horas, a Banda Municipal de Música de Rábade-Begonte-Outeiro, “Sons e soños”, dirixida por Armando Morales Blanco, dará un concerto e ás 14 horas será o momento para o xantar demorado e colectivo (cada quen deberá traer a súa comida). Após o xantar, o grupo de teatro Pereira de Lobos representará con monicreques, ás 16.30, a peza “Berenguela. Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo” . Finalmente, ás 17 horas, dará comezo a foliada, que será animada polo cantor e escritor Xurxo Souto, e na que intervirán distintos grupos de música tradicional como Untia, Treboada, Birloque Gaiteiros, Coitelo de pau, Parabéns, Reviravolta, Cantareir@s.comTigo..., que porán o son para bailar e cantar de todas as persoas que alí se congreguen.

7 de xul. de 2018

Baiuca presenta "Arume"

Redacción. -

Menos de tres meses despois da saída de Solpor (Raso Estudo, 2018), Baiuca segue multiplicando a súa presenza en escenarios de todo o país, recibindo algunhas das mellores críticas que o debut recibiu este ano, e levando as marcas xenéticas máis autóctonas da cultura galega a unha dimensión absolutamente contemporánea.

O seu afán por conectar o folclore tradicional galego con música electrónica de vangarda converteu a Baiuca nun proxecto absolutamente transversal: louvado tanto polos amantes da música tradicional que consideran necesario resignificar os códigos culturais de raíz; como por unha mocidade que sentía lonxe das expresións tradicionais; como por aqueles descoñecedores da música galega; mesmo por aqueles que entenden que a única maneira de construír futuro é reconstruíndo o pasado.

Dando xa os seus exitosos primeiros directos en Galicia, Cataluña e Madrid, Baiuca anuncia as datas da súa xira estival, que se pode leer na imaxe, mentres xa se comeza a perfilar a axenda para outono-inverno.

Tamén logo de presentar o videoclip de "Muíño", primeiro single e tema que abría o disco; agora é a quenda de "Arume", o corte que pecha o álbum.

O videoclip foi realizado por Adrián Canoura, quen acaba de gañar dous premios en Filmadrid polo seu filme "Caerán lóstregos do ceo", e encargado de todo o universo estético de Baiuca: non só é o realizador dos videoclips, senón tamén o encargado de portadas e carteis e a outra metade nos directos do proxecto: acompaña a Alejandro Guillán proxectando imaxes tomadas en Galicia ou recuperadas de arquivo antigo, e intervenas en directo, levando o show a outra dimensión.

6 de xul. de 2018

Ramón Chao, sempre connosco

Manuel Paris.- Ramón Chao segue presente na mente e no corazón dos seus achegados, familiares e amigos, cando hai pouco máis dun mes marchaba cara outro lugar para emprender un novo camiño literario e vital. Pero o universo Chao segue máis vivo que nunca, como puidemos comprobar ao longo da pasada fin de semana. 

Nun acto case improvisado, organizado en poucos días polos Amigos de Prisciliano e o Instituto de Estudos Chairegos, o sábado 30 de xuño déronse cita máis de cen persoas no Muiño do Rañego de Vilalba, nun emotivo encontro conducido por Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA, e no cal interviron Luis González Blasco "Foz", amigo de Ramón dende a década dos sesenta e co cal compartiu exilio político en París; e os xornalistas Moncho Paz, Perfecto Conde e Antoine Chao, este último fillo de Chao Rego, que estivo acompañado polo seu irmán Manu, a súa nai Felisa e o resto da familia. 

Con posterioridade, Jaime e Merlin, netos de Ramón, interpretaron unha peza de jazz-fusion e Manu deu a sorpresa a todos os presentes cunha sentida interpretación de Carreteiro, en memoria do seu pai. A continuación, todos os presentes dirixíronse ao Piano Prisciliano, obra escultórica realizada por Xosé Val Díaz "Valdi" e inaugurada hai escasamente tres anos, ao ritmo da música popular de Buxos Verdes. 

2 de xul. de 2018

Finou Xabier P. Docampo

Redacción. -

O escritor chairego Xabier P. Docampo finou esta noite aos 72 anos de idade. Mestre, pedagogo, escritor, naceu en Rábade en 1946 aínda que desde hai décadas residía na Coruña. Con ducias de libros publicados, converteuse nun dos grandes renovadores da literatura infantil-xuvenil galega, obtendo ademais numerosos galardóns e recoñecementos grazas a obras como A chave das noces, O pazo baleiro, Bolboretas, A casa da luz, O misterio das badaladas ou A illa de todas as illas... Por exemplo, en 1995 recibiu o Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil por Cando petan na porta pela noite, e tamén foi merecedor do White Ravens en 1997. Nos últimos anos entrara ademais no mundo da novela con O libro das viaxes imaxinarias ou A nena do abrigo de astracán.

26 de xuño de 2018

Verán na Rede Museística de Lugo

Redacción. -

Volve o verán e os catro museos da Rede Museística da Deputación de Lugo convidan a unha morea de actividades moi variadas, sempre divertidas e refrescantes, pensadas para todas as idades, para aprender e gozar ao mesmo tempo; todas ideadas para descubrir novos mundos e expresións culturais, coñecemento e entretemento, sempre da man arredor da sabedoría que atesouran as coleccións custodiadas nos museos da Rede. Coa imaxinación poderase viaxar polo mar da memoria das xentes do mar, sentirte habitante dun castelo medieval, señor ou dona nun pazo señorial, abade ou abadesa nun antigo convento relixioso. Se o prefiren, tamén poderán gozar como detectives, arqueólogos ou arqueólogas, vivir aventuras en África... o que desexen.

OBRADOIROS

Aberto prazo de inscricións (ata completar prazas) nos Departamento de Didáctica do museo onde se realicen as actividades.

VERÁN NA REDE MUSEÍSTICA: Consulte os programas  de cada museo:
http://redemuseisticalugo.org/index.asp

22 de xuño de 2018

Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia

Redacción. -

A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia presentou a programación da súa 34ª edición, que terá lugar do 14 ao 22 de xullo coa participación de compañías de Italia, Portugal, México, Reino Unido e Uruguai, ademais de galegas e do resto de España, e a presenza de recoñecidos nomes da escena como Pippo Delbono ou Laila Ripoll.


A Consellería de Cultura e Educación colabora un ano máis coa organización do encontro a través do apoio económico da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que recoñece deste xeito o valor da MIT como mostra de referencia no sistema teatral galego. Así foi definida por Jacobo Sutil, director da Agadic, na presentación desta nova edición, celebrada na sede da cooperativa Viña Costeira e na que tamén interviñeron o alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Luis Fernández; a presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Nieves Rodríguez; a presidenta da asociación Escena Galega, Belén Pichel; e o director da MIT, Roberto Pascual.
 

25º aniversario de Commedia

Sutil fixo especial fincapé na estrea coa que botará a andar a mostra o 14 de xullo no Auditorio do Castelo: Commediaun xogete para Goldoni, un dos espectáculos de máis éxito da historia do teatro profesional galego, que a compañía Contraproducións recupera para os escenarios da man do director Cándido Pazó xunto con boa parte do equipo orixinal que o levara por primeira vez ás táboas hai 25 anos. A súa nova montaxe conta tamén co apoio da Xunta como unha das 30 propostas galegas adxudicatarias da última convocatoria de subvencións da Agadic á produción escénica.


Con Commedia, un xoguete para Goldoni esbózase a commedia dell’arte como un dos elementos condutores da programación, que sigue apostando igualmente pola creación contemporánea internacional coa presenza de Pippo Delbono (Italia), Marianella Morena (Uruguai), Projecto EZ (Portugal), Los Colochos (México) e Blind Summit Theatre (Reino Unido). Tamén se poderán ver en Ribadavia espectáculos procedentes de Valencia (Emportats, de La Trocola), Estremadura (Musicoloco, de Fuman Artist), Madrid (Donde el bosque se espesa, de Micomicón, e Malabreikers coa súa peza homónima), Castela-A Mancha (Tebas Land, de Euroscena), Cataluña (Ragazzo, de Teatre Tot Terreny), Andalucía (Rojo estándar, de La Nórdika) ou Asturias (El mundo por montera, de Rodrigo Cuevas).


Ademais de por Contraproducións, a escena galega tamén estará representada nesta carteleira por A Panadaría, IO Circo, Cristina Collazo e Banda A Lira de Ribadavia, e Inventi Teatro.


Na programación desta 34ª edición tamén terán tamén especial protagonismo as actividades paralelas, que combinan os ámbitos pedagóxico, experiencial e artítisco, como os obradoiros ofrecidos pola directora e dramaturga Laila Ripoll ou as charlas e encontros sobre a profesión do escenógrafo a partir da exposición que albergará a igrexa da Madalena.

O noso Ramón



Pilar Maseda.- A miña amizade persoal con Moncho Paz, xornalista vilalbés, da Casa dos Marios -que é así como nos coñecemos nos pobos entre as familias- vén dende a nosa infancia, compartindo xogos na praza da igrexa e actividades no colexio público Insua Bermúdez. Alí, ao carón dalgúns mestres receptivos ao progreso e á fin do franquismo, comezaron as nosas andainas polo mundo da nosa historia como pobo. Ben é certo que postulamos sempre nas dúbidas que a sociedade local aínda tiña acerca da identidade da Vila e dos novos tempos.

A realidade da vida para min non me agardaba no eido do estudo académico, como no caso de Moncho, que si o levou a estudar xornalismo en Madrid. Eu quedei tralo mostrador do negocio familiar falando sen parar cos paisanos da historia da Vila e dos costumes da terra [...]

Aquí é onde naceu A Lareira, hoxe lugar coñecido como local de hostalería no casco antigo de Vilalba, lugar da permanencia existencial como modo de vida, como porta aberta á identidade... Velaí, que perante anos fose a sede de Amigos de Prisciliano, que co amigo Moncho Paz, nomeamos como delegación na Terra Chá. Pola casa tamén pasou o finado Ramón Chao no seu reencontro coa vila, noutrora hostil, por mor da publicación do seu  primeiro libro O Lago de Como, así coma o retrato que neste fai, con algún rasgo autobiográfico, dunha vila de posguerra e miseria, do sufrimento padecido na infancia dunha sociedade mediocre, caciquil e ignorante.

Lembro o reencontro con Ramón en público, pois el viña de visita á vila de incógnito; para non entrar en polémicas, debido ao coñecido que era como xornalista e escritor, como tamén por ser o pai de Manu Chao.

Mais creo que, ben aconsellado entre outros por Moncho, aos cales unía unha grande amizade, decidiu volver ás súas orixes, aliviado por aquel trance que se vivira na vila, por malas interpretacións e "díxome-díxomes" entre vellas feridas e envexas de malos tempos que algunhas persoas, sen ter lido se queira o seu libro, foron circulando entre veciños.

Coido que a única maneira de que o noso pobo medre cultural e socialmente cara o progreso e a natural mestura e liberdade de pensamento, reside, en parte, na importancia da divulgación e afirmación da obra e feitos de personaxes como Ramón Chao, Agustín Fernández Paz, Bernardo García Cendán, Pepe Chao, entre moitos outros que me quedan no tinteiro. Un pobo ten que saberse nomeado para existir e recoñecer as súas diferenzas cun respecto mútuo e así medrar, valor que, sen dúbida, Ramón defendía.

II Ciclo de "Música na praza"

Redacción. -

Este ano, a segunda edición de “Música na Praza”, amplía horarios e estenderase durante todas as fins de semana de xuño, xullo e agosto. Comprende 20 actuacións musicais con concertos venres, sábados e domingos.
Segundo o día e a temática temos:
Venres ás 20.30 horas, concertos sobre clásicos populares.
Sábados, ás 22.00 horas con rock e música máis moderna.
Domingos, só haberá unha actuación ao mes e os concertos serán ás 13.00 horas na Praza da Constitución, onde actuarán as bandas de música con temas propios da sesión vermú.
No caso de choiva ou mal tempo, as actuacións dosvenres e sábados trasladaranse ao Centro Cultural Recreativo e as do domingo ao Auditorio,con entrada libre e gratuíta.
Para consultar o programa de actuacións, preme na imaxe.

18 de xuño de 2018

'Arde Lucus' tamén nos Museos

Redacción. -

Os catro museos da Rede Museística celebramos o Arde Lucus 2018 con agasallos para os visitantes que se acheguen ao Museo Provincial de Lugo, Museo Fortaleza San Paio de Narla, Museo Provincial do Mar e Museo Pazo de Tor.

Unha lámina e un cipo fundacional

Durante os días 15, 16 e 17 de xuño temos agardando por ti a lámina “Viaxe polo Lugo romano” que reproduce en viñetas o proceso de conquista e romanización da antiga Gallaecia. E, ademais, tamén dispomos dunha reprodución a pequena escala do que podería ser un prototipo de cipo fundacional de época romana, coa seguinte inscrición referida á fundación de Lucus Augusti:


16 de xuño de 2018

Presentación de 'Dhogs'

Redacción. -

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza o vindeiro sábado, 9 de xuño, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba, a proxección da película DHOGS, dirixida polo meirense ANDRÉS GOTEIRA.

Na presentación do filme, antes do seu visionado, intervirán o seu director ANDRÉS GOTEIRA, a xefa de comunicación e produtora, LAURA DOVAL, e o produtor e actor SUSO LÓPEZ, que explicarán aos asistentes os pormenores do filme que tantos premios e galardóns está a conseguir.

DHOGS é unha longametraxe de ficción “Made in Galicia” formada por moita xente e que medra dende o rural galego. A tales efectos únense novas tecnoloxías, novas formas de traballo e un motivado equipo que o levará a cabo coa maior da dignidade posible, a eso andamos!

MINISINOPSE
O filme conecta 6 tramas que alternan a intriga, a obsesión e a sensualidade. Unha película de historias paralelas que xiran en torno a unha serie de peculiares personaxes: Unha fermosa muller, un home de vida escura, un taxista e un vello ex-militar. 

DETRÁS DO PROXECTO
As novas produtoras galegas Gaitafilmes e Pixel films xuntan as suas forzas para sacar adiante este proxecto cinematográfico. Melania Cruz, Miguel De Lira, Iván Marcos, Carlos Blanco, Antonio D. “Morris” ou María Costas…, son algúns dos nomes que forman o reparto da película. (dhogsfilme.com) 


CRÉDITOS

Título orixinal: Dhogs

Ano: 2017

Duración: 85 min.

Dirección: Andrés Goteira

Guion: Andrés Goteira

Música: Germán Díaz

Fotografía: Lucía C. Pan


Reparto: Melania Cruz, Miguel de Lira, Antonio Durán 'Morris', Carlos Blanco, Iván Marcos, Roi Gantes, María Costas, Xosé López, Alejandro Carro

Produtora: Gaitafilmes / Pixel Films

Xénero: Thriller

 

Película non recomendada para menores de 18 anos



4 de xuño de 2018

V Mostra de Teatro Cómico de Cangas

Redacción. -

A representación de Divinas Palabras Revolutionpolo Centro Dramático Galego (CDG) e o pregón inaugural de Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán” abrirán o 29 de xuño a trixésimo quinta edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. A organización do encontro avanzou hoxe a programación que se estenderá durante 10 días por diferentes espazos da localidade cuns 25 espectáculos e unha ampla oferta de actividades complementarias.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou nesta presentación, na que definiu a mostra como “un dos certames máis emblemáticos para a difusión tanto do teatro galego como o de fóra de Galicia”. Interviñeron tamén Xosé Manuel Pazos, alcalde de Cangas; Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra; Juan Rivas, presidente do Consello Territorial de la SGAE en Galicia, e os representantes da organización da mostra, promovida polo Concello, a Asociación Cultural Xiria e Ningures Produción.
Na súa intervención, Sutil subliñou que a cita canguesa ten tamén outros destacados valores engadidos como as actividades formativas, a complicidade con empresas e entidades locais ou o compromiso cos colectivos culturais de base, así como a súa especial dedicación ás mulleres do teatro e a súa constancia a prol da igualdade, ámbitos estes últimos nos que é un festival pioneiro.

Mulleres en Acción
De feito, o programa de 2018 acolle a celebración das XVIII Xornadas Mulleres en Acción, que estarán especialmente centradas nas profesionais das artes vivas e visuais. Tamén se lle renderá unha homenaxe póstuma á artista María Mazás, autora da obra na que se inspira o cartel desta edición, ademais de se lle facer entrega do Premio Xiria ao labor teatral á actriz Mabel Rivera e do Premio Mulleres en Acción á investigadora e profesora universitaria Asunción Bernárdez Rodal.
Jacobo Sutil explicou que a Agadic vén apoiando a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo nos últimos anos mediante a concesión dunha subvención a través da convocatoria especificamente destinada aos festivais escénicos galegos, “unha liña de axudas dotada este ano con 180.000 euros e que recoñece a importancia e as posibilidades dinamizadoras deste tipo de eventos”. “Gustaríame incidir precisamente no carácter estratéxico dun certame destas características, cuxa relevancia vai máis alá do estritamente artístico. De feito, xunto co seu importante labor de proxección da actualidade teatral ou o seu indiscutible papel na creación de públicos, non podemos esquecer o positivo impacto na economía local”, continuou.

Estreas internacionais
A programación completa desta trixésimo quinta edición xa está dispoñible no web www.mostrateatrocangas.org. Nel, figuran outras 11 compañías galegas, ademais do CDG, das que dúas estrean aquí os seus novos espectáculos: Xarope Tulú con Nómades –que se está a ultimar no Salón Teatro de Santiago dentro do programa En Residencia do Centro Dramático Galego– e Casilda Alfaro e Adrián Ríos con Silda & Hadrián, en coprodución coa mostra de Cangas.
Ademais, o público galego terá a oportunidade de gozar coas últimas propostas dunha ducia de formacións chegadas do resto de España e doutros países como Portugal, Italia ou República Checa. Entre estas montaxes, será estrea absoluta Jazz Bodas de Fígaro, da compañía catalá Vania Produccións, baixo a dirección de Paco Mir, mentres que a checa Waxming Theatre representará por primeira vez en España Loutkovistě e haberá outras tres estreas en Galicia da man de Luccettino (Italia), Lanördika Circo y Danza (Andalucía) e Mireia Miracle (Cataluña).
 

3 de xuño de 2018

No pasamento de Ramón Chao

O Instituto de Estudos Chairegos quere transmitir o seu máis fondo pesar polo pasamento do ilustre vilalbés Ramón Chao, referente intelectual da nosa vila, da Chaira e de Galiza, dos bos e xenerosos que levou o idioma do País dende as vizosas augas do Madalena, o río longo e rebordante que percorreu sempre a súa fértil traxectoria vital, até as ondas radiofónicas do Sena parisino, contribuíndo a espallar a cultura galega polo mundo afirmando cada día a identidade da nosa tribo.

Coa nosa inmensa gratitude, que a terra lle sexa leve.

Vilalba, 22 de maio de 2018
XUNTA DIRECTIVA DO IESCHA

22 de maio de 2018

Presentación dun libro sobre Díaz Castro

Redacción. -

O Instituto de Estudos Chairegos organiza o vindeiro venres, 25 de maio, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de  Vilalba, o acto de presentación do libro de Emilio Xosé Ínsua López “Díaz Castro: poeta en formación (1914-1990)”, editado por Laiovento. Intervirán Emilio Xosé Ínsua López, Manuel Castro Santamariña e Marisa Barreiro Mejuto. Colabora o Concello de Vilalba.

(…) Xosé María Díaz Castro amosou os seus primeiros poemas en galego en El Progreso Villalbés. No tempo previo á Guerra do 36 escribiu dous cadernos de versos que ficaron inéditos. Chamado a filas polo bando nacional, pasou a maior parte do conflito nos servizos sanitarios. En 1939 reingresou no Seminario. O profesor Emilio Xosé Ínsua (Viveiro, 1967), que na actualidade exerce nun instituto en Vilagarcía de Arousa, relata no seu libro a época e as influencias que conformaron a poesía de Díaz Castro, e revela o seu forte conservadurismo católico. O poeta de Penélope, emblemática composición de posguerra, morreu en Lugo en 1990. En 2014, a Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras. (sermosgaliza.org)

Sobre a figura do poeta Xosé Mª Díaz Castro (1914-1990), celebrada con todo dereito no Día Das Letras Galegas de 2014, cumpría explicar de xeito máis apurado e contrastivo algúns instantes e perfís correspondentes ao seu período de formación que o converten nun caso ben máis problemático, “incómodo” e singular do que deixaron consagradas a maioría das aproximacións bibliográficas que suscitou con motivo da citada efeméride.

A índole das súas primeiras producións poéticas e colaboracións públicas na etapa xuvenil revelan un Xosé Mª Díaz Castro identificado de cheo cunha ideoloxía politicamente reaccionaria, neoescolástica e nacional-católica da que se enchoupa nas aulas do Seminario de Mondoñedo e no seu propio medio social e familiar. A súa militancia contra a República e contra os valores progresistas transloce no tipo de publicacións coas que colabora antes do 36 e no contido, explícito moitas veces, dos versos feitos neses anos, tanto éditos como inéditos. A ausencia neste mesmo período de toda relación cordial co galeguismo, mesmo co de corte confesional, resulta tamén unha evidencia que obriga a repensar as pautas e tempos da traxectoria do autor.

EMILIO XOSÉ ÍNSUA LÓPEZ.- Doutor en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela e Profesor de Lingua e Literatura no IES A Basella, de Vilanova de Arousa. Fai parte do consello de redacción da revista Cerna, editada por ADEGA. Colaborou con relativa frecuencia cos semanarios Heraldo de Vivero, La Voz de Ortigueira e A Nosa Terra. Foi socio fundador da Mesa pola Normalización Lingüística, membro do consello da editorial Letras de Cal e participou como poñente en diversos simposios, congresos e xornadas relacionadas coa lingua e a literatura galega.
Poesía
• Devalar das esperas, 1995, Espiral Maior.
• Acontece ás veces a ternura, 2005, Espiral Maior.
Ensaio
• Antón e Ramón Villar Ponte: unha irmandade alén do sangue, 2004, Centro Ramón Piñeiro.
• Sobre O Mariscal de Cabanillas e Villar Ponte, 2005, Universidade da Coruña.
• Antón Villar Ponte e a Academia Galega, 2006, Edicións do Cumio.
• Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo), 2010, Seminario de Estudos Terra de Viveiro.
• A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931), 2016, Baía Edicións.
• Díaz Castro: poeta en formación (1914-1939), 2017, Edicións Laiovento.
• Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte, 2018, Xerais. Coa coautoría de Xurxo Martínez.



Ramón Chao Rego (1935-2018)

Moncho Paz.- Na tarde deste domingo deixounos en Barcelona o noso prezado Ramón Chao. Para min foi moito máis que un referente, foi un amigo e un confidente, do cal aprendín grandes leccións de saber estar, na profesión xornalística e tamén na vida.

Irmán do teólogo Xosé Chao Rego (1932-2015), Ramón naceu en Vilalba (Lugo) en 1935 e criouse tocando o piano na fonda que rexentaban os seus pais, onde adoitaban hospedarse figuras como Álvaro Cunqueiro ou Xosé María Díaz Castro. Recibiu unha bolsa do Concello de Vilalba e outra da Deputación de Lugo, coas que se trasladou a Madrid para estudar piano, harmonía e bacharelato.

En 1955 foi finalista do Premio Nacional de Virtuosismo e desde Madrid foise a París, con outra bolsa do Goberno español de dous anos, que completou cunha estadía similar a cargo do Goberno francés. Perfeccionou o piano con Lazare Lévy e Magda Tagliaferro, e Composición con Nadia Boulanger. Na capital francesa fíxose xornalista, entrando a traballar en Radio France “porque falaba galego”, segundo confesaba hai anos nunha entrevista, “pois buscaban un locutor que soubese música e portugués”.

En 1968 foi nomeado xefe do servizo cultural en español e portugués, e en 1980, redactor xefe de todas as emisións, culturais e informativas, en ambos idiomas. Desde París sempre mantivo o contacto con Galicia, facendo unha permanente reivindicación da nosa cultura e da nosa lingua, como quedou patente no conxunto da súa obra. En París, Ramón Chao dirixiu emisións radiofónicas en lingua galega, que serían prohibidas polo ditador Franco, e foi correspondente da revista Triunfo.

Na Europa de posguerra houbo pouca xente cos accesos directos que tivo Ramón á intelligentsia de América Latina e tamén do exilio español. Pablo Neruda, Juan Carlos Onetti, Miguel Ángel Asturias, Nicolás Guillén, Alejo Carpentier, García Márquez, Cortázar -e moitos outros autores- foron para Chao a lección aprendida de cada día.

Ramón Chao foi colaborador habitual durante décadas na prensa e na televisión francesa e foi nomeado Cabaleiro das Artes e as Letras polo Goberno de Francia en 1991. Destacou como crítico Literario en Le Monde e polas súas colaboracións en Le Monde Diplomatique, publicación mensual dirixida polo xornalista Ignacio Ramonet. Contou no seu haber con máis de vinte libros, entre novelas e biografías. Nos seus derradeiros anos, promoveu a iniciativa cultural Amigos de Prisciliano.

Chao foi o creador e impulsor do premio Juan Rulfo, un galardón outorgado por Radio France Internationale desde 1982 e coorganizado polo Instituto Cervantes de París, Casa de América Latina, Instituto de México en París, Colexio de España, Le Monde Diplomatique (edición española), Unión Latina e FondaChao.

En 2015 recibiu unha homenaxe popular en Vilalba, o seu pobo natal, cunha escultura conmemorativa –un piano de pedra denominado Prisciliano- que quedará para sempre formando parte da paisaxe no Hectómetro Literario do Paseo dos Soños. Ramón Chao deixounos unha novela póstuma, un texto autobiográfico baixo o suxestivo título O Fillo Pródigo, de próxima publicación. Casado con Felisa Ortega, que o acompañou ata o final, tamén foi coñecido internacionalmente por ser o pai de Manu e Antoine Chao, fundadores da banda de punk-rock Mano Negra. Hoxe quedámonos orfos do noso pai intelectual, perdemos ao noso amigo, con maiúsculas. Nunca te esqueceremos, sempre estarás connosco no Camiño de Prisciliano.

21 de maio de 2018