Antón Reixa. MICHIGAN/Acaso Michigan

Redacción.-

O 27 de outubro de 2016, Antón Reixa quedou durmido ao volante do seu Audi 4 á altura de Villalpando. Viaxaba de Galicia a Madrid. Diagnóstico: fractura aberta en perna dereita afectando a tibia e peroné, fractura aberta en perna esquerda afectando a óso calcáneo, unha ducia de costelas fracturadas, fractura da vértebra L-2. Este cadro de politrauma aconsellaba indución de coma para evitar colapso respiratorio e proceder ás diversas ciruxías. O coma inducido durou 18 días na UCI do Hospital Modelo (A Coruña).

Cando ao autor se lle interrompeu a indución do coma, só lembraba, obsesivamente, que estaba volvendo dunha viaxe a Michigan.

O irmán do autor, Pío, agasallouno cunha colección de xornais publicados durante eses 18 días. O paquete lle foi remitido ao artista cunha nota; “e mentres tanto, ti en Michigan”.

Durante 18 días (coincidentes có segundo aniversario do accidente), a Fundación DIDAC presenta a exposición MICHIGAN/Acaso Michigan de Antón Reixa, comisariada por Xosé Luís García Canido. Unha instalación que mistura vídeo (Antonio Segade), escultura (Francisco Leiro), banda sonora (Anxo Graña) e vídeo mapping (Juanma Lodo).
Diariamente, durante os 18 días que dura a mostra publicarase un diario, “The Michigan Daily”, que recollerá unha noticia de primeira plana dos días no que o artista estivo en coma, outra noticia de primeira plana do día en curso e un texto literario do autor.

DIDAC
Pérez Constanti, 12, bajo 
15702 Santiago de Compostela
T. +34 881 018 893
info@didac.gal

HORARIO
Martes - Venres · 11–14h | 16–20 h

28 de out. de 2018

Rosa Aneiros gaña o premio Fernández Paz

Redacción. -

Reunido na Sala de Xuntas do Instituto de Estudos Chairegos, sita na Casa da Cultura de Vilalba, o sábado, día 27 de outubro de 2018, o Xurado do II Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade, convocado polo Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia, e formado por Dª María Reimóndez Meilán, D. Manuel Bragado Rodríguez e Dª Isabel Soto López, acordou por unanimidade outorgar dito Premio á obra titulada UNHA MANTA RILLADA presentada baixo o lema ou seudónimo de KHOEDI.

Unha vez aberta a plica, resultou ser o/a autor/a ROSA ANEIROS DÍAZ
ADENDA: Na plica, a autora manifesta que o título definitivo é: “Tres bichiconas, dúas illas e unha serea”.

O Xurado manifestou que esta novela infantil expresa a capacidade das crianzas para intervir en problemas sociais como a crise das persoas refuxiadas, utilizando a empatía e a comunicación interxeneracional como motores de transformación das vidas e da sociedade. Unha obra que dialoga con textos de Agustín Fernández Paz e reforza a idea do protagonismo de lectores e lectoras novos, non só como receptores dos textos.

Día Mundial do ictus

Redacción. -

O 78% das persoas consultadas a través dun estudo sobre os recursos de atención ao ictus promovido pola Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) manifestaron que o descoñecemento ou falta de información foi o principal obstáculo co que se atoparon para acceder aos medios necesarios no seu proceso de rehabilitación. O 31% sinalan tamén a dificultade dos trámites burocráticos e un 13% as barreiras económicas, constatando a ausencia de coordinación entre os servizos sanitarios e os do ámbito social na atención ao dano cerebral adquirido (DCA), tal como ven denunciando FEGADACE desde a súa fundación, hai máis de dez anos.

Máis do 85% de persoas dadas de alta tras un ictus comunican, ademais, que non recibiron información ningunha sobre o servizo de Traballo Social do seu concello, o que confirma a falta de dispoñibilidade de información nos hospitais sobre as necesidades sociais, así como unha carencia de concienciación sobre a atención integral, que vaia máis alá da física e clínica.

En canto a outros servizos e potenciais necesidades, ademais dos servizos municipais de Traballo Social (asociacións, centros de día, servizos de atención persoal, trámites de acceso a prestacións, produtos de apoio, transporte adaptado...), entre o 78 e o 97% manifestan non teren recibido información ao respecto.

Unha investigación sobre o coñecemento dos recursos de atención ao ictus e as necesidades das persoas afectadas

Este estudo desenvolveuse cun dobre obxectivo: por unha banda, determinar o coñecemento que ten a poboación que sufriu un ictus sobre o seu diagnóstico, factores de risco, síntomas de alarma, conduta a seguir para a recuperación e carteira de servizos para a atención e rehabilitación, e, pola outra, medir a cobertura das necesidades do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido (causado por ictus ou por outros motivos; nomeadamente, traumatismos cranioencefálicos).

A investigación realizouse no ámbito hospitalario, motivo polo cal FEGADACE escolleu como poboación a estudar a aquelas persoas dadas de alta tras un ictus, por ser a principal e máis representativa causa do dano cerebral adquirido, no 78% dos casos.

Para iso contouse coa colaboración da Sociedade Galega de Neuroloxía (SGN). Sete dos seus profesionais, noutros tantos hospitais públicos (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo), realizaron o traballo de campo a través do reparto de enquisas a máis de 300 pacientes en dous momentos: o da alta, e entre tres e oito meses despois da mesma.

Titulado ‘Coñecemento do diagnóstico e recursos das persoas con Dano Cerebral Adquirido; medindo a cobertura das necesidades do colectivo’, este estudo arrincou en 2016, desenvolveu o seu traballo de campo en 2017, e presenta agora as súas conclusións. Para levalo a cabo FEGADACE contou co financiamento da Fundación Barrié e da Fundación Roviralta, no marco do programa ‘Más Social’ para o fortalecemento do Terceiro Sector.

Falta de información e de coordinación entre administracións

As principais conclusións deste estudo son que se verifican boa parte das denuncias e demandas do movemento asociativo do dano cerebral adquirido. A investigación confirma a desorientación e falta de información que sofren os pacientes e as súas familias con respecto á súa doenza, consecuencias e perspectivas de recuperación, e que a extensión da atención ao ámbito social, máis alá do clínico, segue sendo unha materia pendente. Sustentan estas afirmacións as ideas que se desenvolven a continuación.

Tratamentos demasiado centrados na área física

A primeira, que a -escasa- rehabilitación que se proporciona a través do sistema público céntrase no físico, obviando os ámbitos cognitivo, psicolóxico e emocional, fundamentais na recuperación tralo DCA (segundo o propio Modelo de atención ás persoas con dano cerebral do Ministerio de Sanidade). Ademais, a continuidade asistencial -é dicir, a atención despois da hospitalización- sofre enormes carencias.

Durante a hospitalización, o 24% das persoas enquisadas beneficiouse do servizo de fisioterapia, mentres que só o 7,5% recibiu logopedia, o 9% neuropsicoloxía e un 0,75% terapia ocupacional. No momento da alta, a máis do 45% de persoas non lle foi recomendado ningún tipo de rehabilitación. Das persoas ás que si lle foi recomendada, case o 40% recibiu fisioterapia, mentres que 18,55% recibiu logopedia, o 4% neuropsicoloxía, o 3,63 terapia ocupacional e algo máis do 5% outros servizos.

Rehabilitación tardía e falta de profesionais multidisciplinares

O servizo de urxencias hospitalarias funciona satisfactoriamente. Sen embargo, se ben está probado que o inicio da rehabilitación debe ser inmediato desde que se produce o ictus, o período máis común referido polas persoas entrevistadas foi o prazo dun mes, case o 70% das veces. Apenas algo menos do 14% comezou a recibir rehabilitación en menos dunha semana.

Cómpre salientar tamén que máis do 12% de persoas que precisaban tratamentos de neurorrehabilitación non tiveron acceso á mesma. O 11,5% das que precisaban psicoloxía, o 11% das que tiñan indicado asistir a logopedia, e o 13,5% de suxeitos con necesidade de terapia ocupacional tamén careceu de acceso. Verifícase, unha vez máis, a urxente necesidade de contratación de máis profesionais das referidas áreas, de maneira que se garanta a rehabilitación interdisciplinar, que atende á persoa desde unha perspectiva integral.

Pouca formación por carencias en servizos como o de Traballo Social

Por outra banda, o 56,88% de persoas dadas de alta por ictus opina que a formación recibida trala alta hospitalaria non foi útil nin suficiente.

Constatátase a carencia, no sistema público, de profesionais do Traballo Social e doutros perfís relacionados coa recuperación integral -non só física-, como a Terapia Ocupacional. Isto provoca demoras na elaboración de informes -o 63% de persoas entrevistadas manifestou non dispoñer dos pertinentes informes de valoración funcional na saída do hospital-, no fornecemento de información, etc., se ben a atención médica está, en termos xerais, perfectamente cuberta.

Alta satisfacción coa atención hospitalaria

O grao de satisfacción coa estadía hospitalaria é do 90%, e cómpre salientar que o 91,97% de persoas enquisadas foi atendido antes de que pasaran nove horas do ictus, límite máximo de tempo recomendado. Ademais, case a metade de persoas foron atendidas en menos dunha hora, e algo máis do 30% recibiron atención entre unha e tres horas despois do accidente.

Elevado coñecemento do ictus entre os e as pacientes

O estudo demostrou unha alta taxa de coñecemento do ictus entre as persoas ingresadas por esta doenza -case o 70% de entrevistados/as- e unha satisfactoria familiaridade cos seus síntomas de alarma: pouco menos da metade refiren a dor de cabeza e o 87% sinala a dificultade para falar ou comprender o discurso oral. Coa perda de forza ou parálise lateral (un brazo ou unha perna), completaríanse os tres principais síntomas de alarma do ictus. A súa rápida identificación é fundamental para axilizar o traslado ao hospital e a administración do tratamento, minimizando así as consecuencias (é dicir, as secuelas que, unha vez estabilizadas, compoñen o DCA).

Día Mundial do Ictus

O 29 de outubro, por decisión da Organización Mundial da Saúde (OMS), conmemórase o Día Mundial do Ictus. FEGADACE e as súas asociacións aproveitan a data para sensibilizar sobre a prevención e identificación desta doenza, principal causa do dano cerebral.

Este Día do Ictus haberá mesas informativas, organizadas por Sarela e por Alento, no centro de saúde da Estrada; no Hospital Clínico de Santiago; no Hospital do Barbanza, en Ribeira; e no Álvaro Cunqueiro de Vigo. Todas elas de 10:00 a 13:00.

FEGADACE constituíuse en 2007 polas cinco asociacións de dano cerebral que traballan en Galicia: ADACECO na Coruña, ADACE en Lugo, Alento en Vigo, Renacer en Ourense e Sarela en Santiago. O seu obxectivo é contar cunha plataforma común de interlocución, coordinación e divulgación das necesidades do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido.

26 de out. de 2018

Non é normal

Carta aberta ás institucións

Antón de Guizán.-

Non é normal, non, señores/as representantes públicos. Están aí vostedes para resolver, non para entorpecer, adiar, mentir, ou mudar de criterios en función de intereses de parte. Están aí para servir aos intereses da xente. Digo esto porque desde a asociación que presido (Lareira de soños dos Vilares) vimos padecendo na nosa actividade comportamentos viciados de todas e cada unha das institucións que teñen algo que ver coa parroquia chairega de Guitiriz, tanto por parte do Concello, a Deputación Provincial, a Xunta de Galicia e mesmo a Diocese da Igrexa.

Cando falo dos intereses de tod@s ningunha cousa é máis de tod@s que o patrimonio histórico, sexa material ou inmaterial, etnográfico, arqueolóxico ou relixioso e na nosa parróquia temos moito e moi importante, e por certo, a maior parte sumido no abandono, como en casi todas as parroquias do país, por desgraza.


Temos asumida a impossibilidade de recuperación da maior parte, e por iso nos centramos no traballo de tentar recuperar polo menos aquel aínda salvábel e máis valioso ou emblemático, partindo da súa viabilidade e tamén na rendabilidade económica e social para o futuro. 


Xermolos promoveu unha campaña de Crowfunding para tellado a casa de Diaz Castro mentira o Concello e a Deputación gastaban 50.000€ no arreglo dunha palleira privada enfrente da casa para aula de interpretación e o inmoble principal sigue a deteriorarse.


A nosa campaña para restaurar as pinturas murais da igrexa leva catro anos de entrevistas, visitas, promesas incumpridas e mesmo temos levado o problema ao Parlamento Galego e á oficina do Valedor do Pobo. Non é por antoxo ou cabezonada, é simplemente porque as pinturas unha vez degradadas corren serio risco de desaparecer. Máis de cinco séculos de antigüidade ben merecen 80 ou 99.000€, nonsí?


Tamén, hai dous anos, descubrimos e limpamos unha mámoa de 7.000 anos de antigüidade, emoi bó estado de conservación, a Mámoa das Carriceiras, e ainda aguardamos um mínimo xesto do Concello ou de Património para sinalizala e protexela.


O silenzo é, no mellor dos casos a resposta ás solicitudes, como o arreglo, e posterior posta en uso social da escola Habaneira da Conchada que vai camiño do século co deterioro lóxico da falta de uso e mantemento e sen adecuar aos tempos a súa habitabilidade e o mesmo, aplicábel tamén a unha magnifica casa rectoral que rematará tamén a este paso, na ruína.


O cume do pasotismo xa é un cruceiro do Calvario rompido nun accidente hai nove meses e no que a dia de hoxe, nin Concello nin igrexa, nin Património foron quen de xestionar co seguro o arreglo da cruz; eso si, as escusas e mentiras descargando responsabilidades uns nos outros foi a tónica común.


Poderiamos falar de peticións feitas polos veciños en campaña á Alcaldesa das que tomou nota e nada fixo na parróquia. Lavadoiros, fontes, muíños, os cobertizos da Feira do Sete...


Iso si, fotos en tramos de un kilómetro de Alcaldesa e concelleir@s con Deputados provinciais houbo varias, e paréceme ben, pero gostaría tamén de ver esas fotos dentro da Casa da Xente (Díaz Castro) toda restaurada e sendo centro de cultura do País, ou na Igrexa cos marabiosos frescos do Mestre de Parga lucindo como hai cincocentos anos, ou diante dun panel explicativo ao pé da Mámoa das Carriceiras ou cos nosos maiores disfrutando da Escola da Conchada como centro social cheo de actividades, ou a festa da Pascua lucindo orgullosa o seu Calvario... 


Mentras, somos as entidades asociativas as que tentamos sen recursos, defender a NOSA história e património do esquecemento e do abandono mesmo contra a inacción, as mentiras e a falta de sensibilidade das institucións.

24 de out. de 2018

Fran Amil na Casa de Manuel María

Redacción. -

Este sábado, 27 de outubro, ás 18 horas, no auditorio da Casa-Museo Manuel María, e dirixido para público infantil e familiar,Fran Amil (Chuches Amil) presentará o seu último traballo, “Monstros, con ou sen consentimento”.


O músico, compositor e produtor Fran Amil, xunto a Aarón Bouzón, interpretarán unha serie de temas con moito ritmo comoRock sideral; Son un lobo bon; Este robot é unha máquina; Ñam-ñam; O monstro-orquestra… e presentarán un colección de distintos monstros a través de variadosestilos musicais: blues, rock, pop, swing …


Un conto ao revés A voz do vento, en que fixo unha homenaxe a Manuel María achegando en forma de música once poemas dos seus poemas, foron ostraballos anteriores de Amil.

O espectáculo, coorganizado coa ANPA do CEIP Otero Pedrayo de Rábade e coa ANPA do CEIP Laverde Ruíz de Outeiro de Rei, dura por volta de 45 minutos e as familias interesadas en asistiren poden reservar a entrada (billete 2 euros) escribindo acontacto@casamuseomanuelmaria.gal


'Cuarta Xusta' na Casa de Manuel María

Redacción. -


CUARTA XUSTA, o grupo de rock melidense, interpretará, este sábado, día 20, na Casa-Museo Manuel María, o seu traballo discográfico “Un novo espertar”.

As persoas asistentes poderán escoitar a interpretación acústica dos temas de contido social e reivindicativo que compoñen o seu primeiro traballo e no que colaboraron varios artistas da escena musical galega como Vituco Neira e Miguel Duarte de Ruxe-Ruxe, Bocixa de Zënzar, Jasper de Nao ou Javi Maneiro de Herdeiros da Crus.

Baixo o lema “Berrar con música as inxustizas que nos rodean”, Aida (cantante), Marta (guitarra e violín), Lúa (batería), Alberto (guitarra) e Alba (baixo), iniciaron a súa actividade en 2016 con temas en galego que parten das inquedanzas da nosa sociedade, e desde entón non pararon de dar concertos e tocar en distintos festivais de toda a xeografía galega.

As persoas interesadas en se achegar á Casa-Museo deben reservar a entrada (billete 5 euros), quer escribindo a contacto@casamuseomanuelmaria.gal, quer chamando ao 698177621.

17 de out. de 2018

Galicia. Un século de creación. 1916-2016

Redacción. -

O ciclo de conferencias "Galicia. Un século de creación. 1916-2016" forma parte do proxecto DIDAC Arteria Galicia que dende hai un ano vense desenvolvendo na Fundación DIDAC. Este proxecto, que conta co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña e que desenvolverá agora a súa segunda parte, naceu coa idea de afondar no patrimonio cultural de Galicia e a súa creatividade, contando coa colaboración de recoñecidos profesionais da arte, a arquitectura e o deseño, así como outras manifestacións artísticas.


Vitor Vaqueiro foi o encargado de iniciar as charlas deste outono onte, martes 16 de outubro, ás 19 horas coa conferencia Exilios exteriores e interiores. De Mariñeiros (1936) a Imaxes abandonadas (1999) coa que fixo un percorrido pola obra fotográfica de José Suárez, Ricard Terré, Blanco Amor, Virxilio Viéitez e Manuel Ferrol, conectando os proxectos de todos eles cos vitais que, ben por motivos políticos, ben económicos, ben pola indixencia intelectual propia da ditadura, están atravesados pola idea de exilio.


O ciclo terá continuación hoxe, 17 de outubro, ás 19 horas coa palestra de Carmela Montero Vellos ideais, sempre novos. O Laboratorio de Formas de Galicia e o Museo de Arte Carlos Maside coa que analizará o camiño para o renacemento da fábrica de Sargadelos e o intento de creación no Museo Carlos Maside do primeiro gran espazo para a arte contemporánea en Galicia.


III Sábados de Teatro

Redacción. -

O Instituto de Estudos Chairegos, continuando co desenrolo dos III SÁBADOS DE TEATRO, organiza para o vindeiro sábado, 13 de outubro, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal vilalbés, a SEGUNDA FUNCIÓN que correrá a cargo do grupo HIPÓCRITA TEATRO, que pon en escea a obra “HOTEL DESENCANTO”. Nesta ocasión, o evento conta coa colaboración da Área de Cultura daDeputación de Lugo, dentro do Programa Buxiganga 2018.

A compañía Hipócrita Teatro naceu en Lugo no ano 2004 e dende a súa creación levou a escena espectáculos teatrais de diferentes xéneros, a maioría de creación propia. Entre eles cabe salientar Miserere, un drama sobre a violencia de xénero, ou Menestra de testosterona, unha comedia para adultos que recibiu varios premios a nivel autonómico. Así mesmo ten representado Unha historia con pau, comedia dirixida ao público familiar, e Emperador, que pensas? Fala!, comedia de enredo ambientada no Lugo romano. Tamén ten participado en numerosos
espectáculos de rúa, performances, contacontos e radio teatro, algúns deles en colaboración con outras entidades culturais ou sociais.

O Hotel Desencanto non é o mellor lugar para vivir situacións idílicas. Sen embargo, os seus hóspedes semellan ignoralo. Todos, ou case todos, chegan ó hotel co ánimo de gozar dunha estancia  agradable. Lograrano? Trátase dunha peza de teatro contemporáneo, dirixida por Carlos Rebolo, que mestura drama, comedia e suspense. A obra está estruturada en cinco escenas. A primeira serve de introdución e presentación dos personaxes, e sitúa ao espectador no contexto onde se vai desenvolver a acción. Oito hóspedes van chegando a un hotel no que os recibe un recepcionista que lles entrega as chaves das súas respectivas habitacións. As catro escenas seguintes ben puideran desenvolverse de xeito simultáneo aínda que ao espectador se lle presentan de forma secuenciada. Cada escena mostra o que acontece en cada unha das habitacións, e cada unha delas é unha historia de principio a fin.

11 de out. de 2018

Presentación do poemario 'Pura vida '

Redacción. -

O vindeiro día 3 de Novembro, no local social da Asociación Gastronómica e Cultural LAR DE UNTA de Betanzos, terá lugar a presentación do poemario dixital PURA VIDA, de María Pereira (Oslita), adicado a Sila de Luz, a rapaza de Coirós finada hai poucas semanas prematuramente por mor dun cancro e amiga da autora.

O acto, organizado por CulturaliaGZ, NPG Nova Poesía Guitirica (grupo do que forma parte María Pereira) e a Vocalía de Cultura do Lar de Unta, dará comenzo ás 18:00 horas e contará coa propia autora, diversos poetas, música e amizades e familia de Sila de Luz.

O poemario está prologado polo poeta vilalbés Martiño Maseda e editado polo soporte dixital CulturaliaGZ dentro das publicacións literarias Estraperlo Culturalia e poderase descargar gratuitamente en PDF unha semana antes do acto. Con posterioridade poderase descargar tamén no portal Galícia Digital.

María Pereira, natural de Betanzos, é documentalista, voceira dos Mariñeiros galegos en Noruega que reivindican os seus dereitos e directiva da Asociación Lar de Unta.

Ten participado en diversos recitais poéticos co grupo NPG Nova Poesía Guitirica e publicado poemas en diversas publicacións colectivas, tanto en papel como dixitais.

Este acto forma parte do programa de novidades #DoTrinque que desenvolven conxuntamente CulturaliaGZ, NPG e a Asociación Sociocultural Lareira de soños dos Vilares, e no que se presentan novidades literarias, musicais e artisticas.

Este é o segundo evento, o primeiro foi a presentación do disco "A Victoria da luz" de Xardín Desordenado na Escola Habaneira de Guitiriz o pasado 5 de Outubro.

O acto é aberto ao público.


10 de out. de 2018

Perfil literario de Beatriz Maceda



Carmen Ollero Novo.- Para recrear o perfil literario de Beatriz Maceda, o primeiro que fixen foi acudir as fontes máis fiables, os seus propios libros. Alí estaban: Man. O alemán de Camelle (2012), O álbum de Garrincha (2015), Cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán (2017). Pero tamén lin, e mesmo escoitei, as súas declaracións, as posturas que defende fronte a determinados retos e problemáticas actuais e que conforman un ideario que se verá reflectido, dun xeito ou doutro, na súa ficción. E unha das primeiras cousas que constatei é que Beatriz é unha escritora comprometida con determinadas causas, ou o que é o mesmo, coherente.

Para trazar este perfil servinme doutras lecturas previas, en concreto dos ensaios de Carmen Martín Gaite, O conto de nunca acabar, e de Virxinia Woolf, Unha habitación propia. Estas escritoras analizan a esencia, as motivacións e os impedimentos que todo o acto de escribir, narrar ou mesmo dicir implica, sobre todo se estamos a falar de mulleres escritoras.

Noveleira

Beatriz non só escribe novelas, ela é noveleira. Tomo este termo de CMG para referirme á tendencia a vivir a vida como se fose unha novela. Esta inclinación, que agroma na nenez, vai medrando paralelamente á necesidade de escoitar ou ler historias que nos acheguen a outros universos.

No caso de Beatriz, mestra, dona Marisa Pena; unha libreira, Pepita da Ponte; e unha bibliotecaria, Teresa van atender a curiosidade e o gosto pola pola evasión nos seus primeiros anos chairegos.

Aquela rapaza que devecía por escoitar e ler historias, tiña poucos xoguetes no seu cuarto infantil, para decepción das amigas que a visitaban, pero si moitos libros. E se de nena foi quen de coñecer a Jim Hawkins e explorar a Illa do tesouro, dar a volta ao mundo ou intimar co Principiño, quen lle ía impedir, de adulta, tratar co mesmo Valle-Inclán, e o seu dobre John Lennon.

Eu non lle preguntaría a Beatriz que literatura lle influíu na súa escrita, senón onde sitúa ela a fronteira entre vida e literatura, e sospeito que esa barreira, de existir, ha de ser ben difusa.

Beatriz e as xanelas

Esta necesidade de ler ou escoitar historias para logo contalas precisa un enfoque, unha perspectiva, e Beatriz atópaa nas xanelas.  Aínda que vos pareza unha parvada, unha muller asomada a unha ventá merecía non hai moito tempo certa desaprobación, censura, polo que implicaba de transgresión, de quebra do espazo pechado, doméstico, no que adoitaban vivir.

Sospeito que Beatriz fuxe desde sempre polas xanelas. E de novo, resúltame moi doado visualizar a aquela nena que mira pola ventá do pazo familiar para albiscar o castiñeiro centenario, o hórreo ou o paso das estacións na chaira, ou a muller que levanta á vista cara ao atlántico no seu ático coruñés, nunha especie de ximnasia mental previa á creación.

A xanela, esa percepción da realidade enmarcada, imprime tamén un determinado punto de vista, dende dentro para fóra, e terá a súa repercusión na técnica narrativa, determinará o uso do eu narrador, é dicir, as narración en primeira persoa pola que Beatriz Maceda ten clara preferencia.

O obradoiro da escritora

Seguindo co tema das xanelas, convídovos a botar unha ollada ao cuarto de Beatriz, ao seu obradoiro de escritora. Como boa filla única, non é moi aficionada a compartir o seu espazo, resistencia que só o seu fillo e unas poucas persoas moi ben queridas lograron vencer.

O tema do cuarto ten o seu aquel. Segundo Virxinia Woolf, as mulleres para escribir só precisan dúas cousas: cartos e unha habitación de seu. Parece unha obviade pero estamos a falar de independencia económica e persoal, e iso no caso das mulleres xa é outro cantar.

Non imos fisgar nas economías de Beatriz pero podemos botar unha ollada ao seu cuarto de traballo que ela define coma: “Un recuncho no dormitorio co mar en fronte. Ese mar herculino que é o que me dá un espazo infindo (…)

A mestra

Ás veces Beatriz é parca de máis coas palabras. Na lapela desde último libro defínese con dúas verbas: mestra e escritora. Xa está, todo dito. Mais eu penso que aparente simplicidade agocha a esencia de dúas vocacións complementarias, porque probablemente a mestra sexa quen de manter a atención dos seus alumnos grazas ao feitizo dunha lección, ou poño por caso unha historia, ben contada, mentres que a escritora nos quere sempre aprender algo. Non se trata dun afán moralizante, de sermón, senón dunha sutil pretensión didáctica, exemplarizante. 

E deste xeito, ao pairo das súas ficcións, Beatriz aborda nos seu libros temas como a marea negra do Prestige, o ecoloxismo, a educación na diferenza, a integración social dos inmigrantes, o feminismo, a movida dos 80 ou a teoría do esperpento.

Os interlocutores

A súa obra vén enmarcada na narrativa xuvenil, pero xa sabedes que as etiquetas sempre quedan curtas. Aínda que neste caso, o adxectivo xuvenil paréceme significativo xa que sinala outra das características da súa escrita: o destinatario.

Como boa mestra e, sobre todo, excelente nai dun rapaz, Beatriz escribe fundamentalmente para o seu fillo Nacho e para os seus alumnos e alumnos. Eles son os interlocutores primeiros da súas historias. E fixádevos que falo de interlocutores, e non xa de destinatarios, porque penso dunha transferencia de ficcións que sería nos seus inicios oral e recíproca, nun intercambio de gostos, historia ou intereses. 

Beatriz escribe para entreter ao seus interlocutores pero tamén para lles presentar outros heroes, que non superherois, outros modelos nos que atopar unha imaxe non estereotipada da masculinidade.

E deste xeito temos a Man, o ermitán de Camelle; Garrincha, o futbolista zambro; e nada máis e nada menos que Valle-Inclán ou John Lennon. Todos homes, rebeldes, rompedores, irredutibles nos seus plantexamentos vitais. Sen dúbida, bos espellos nos que ollarse.

A segadora

Neste afán de presentar outros modelos masculinos, asoma á cabeza a Beatriz segadora. Trátase dunha plataforma de crítica literaria feminista que nace “nace do exercicio de observar un panorama da crítica caracterizado polos silencios das voces das expertas, por lecturas sen explicitación da posición e pola falla de análise crítica dos textos das autoras”. O seu obxectivo é visibilizar as obras escritas por autoras e realizar novas lecturas da literatura en lingua galega fóra dos canons oficias, demasiadas veces patriarcais.

Outras segadoras son Andrea Nunes Briones, María Reymóndez, Marga Romero, Lara Rozados, Susana Sánchez Aríns, Emma Pedreira…  De seguro que lles agardan longas xornadas de traballo para debullar o gran de tanta palla.

Temos, entón, unha escritora comprometida, noveleira, ventaneira, mestra, nai contadora e segadora.  Espero que este cualificativos vos aporten algo novo sobre ela.

23 de set. de 2018

Crowdfunding dos Frescos

Redacción. -

A campaña de micromecenado (crowdfunding) para a restauración dos Frescos dos Vilares xa ten imaxe oficial. O deseño foi encargado á artista muxián Viki Rivadulla que ten colaborado xa coa Asociación Sociocultural Lareira de soños no deseño dos premios TrapeirX de Honra e no Certame Vilariñas de micro poesía da NPG Nova Poesía Guitirica. Viki Rivadulla ten xa a experiência de ter participado tamén activamente na reivindicación exitosa da restauración dos Frescos murais do Mosteiro de Moraime na Costa da Morte. A artista quixo segundo as súas propias palabras: "Quixen marcar a idea de colectividade e de algo feito por nòs e que forma parte de nòs. Leva tamén as mesmas cores da paleta das restauracións, ocre, óxido de ferro, negro e branco e tentei plasmar tamén a ideia da antiguidade das pinturas..." 

Esta imaxe será a representativa da campaña que comenzará en febreiro de 2019 e acompañará tódalas accións da mesma, spot, folletos, carteles, comunicacións, charlas, productos de promoción, etc.


Co lema V SÉCULOS DE NÓS/ FRESCOS DOS VILARES a Asociación Sociocultural Lareira de soños tentará recadar os cartos necesarios para evitar a desaparición destas importantes pinturas renacentistas descubertas en 1991 e ás que se atribúe a autoría ao Mestre de Parga.


A campaña ven motivada polo pasotismo das distintas administracións diante das demandas de actuación e a desprotección e abandono que levou ás pinturas a um estado de deterioro que pode levar a unha perda irreversibel dos Frescos.


20 de set. de 2018

Un congreso sobre Prisciliano

Victorino Pérez Prieto.- Este mércores 19 de setembro comezou en Compostela un Congreso sobre Prisciliano organizado por un grupo de historiadores da USC. No dia do comezo vexo nun xornal galego unha reportaxe feita coa entrevista a dous dos seus organizadores ("Prisciliano más allá de la leyenda”). As súas primeiras afirmacións parecen referidas ao que eu teño dito e escrito repetidamente sobre este “mártir da intolerancia ibera”, que dixo Castelao situando o primeiro na súa “Alba de Groria”, este precursor da cultura galega e mesmo “a meirande personalidade” da historia galega para Otero Pedrayo. Na reportaxe, os organizadores falan pexorativamente da “lenda” de Prisciliano, alimentada cunhas crenzas metidas na memoria colectiva: un nacionalista mártir da patria galega, un feminista que daba pé a que as mulleres tiveran a mesma autoridade que os homes nas súas comunidades, un ecoloxista e líder dun movemento social, un teólogo ortodoxo e á vez un teólogo da liberación defensor dos pobres... e, para o colmo, o verdadeiro inquilino da catedral de Santiago. 
Estou de acordo na afirmación que fan de que “Prisciliano é probablemente a personaxe da historia antiga de Hispania da que temos máis e mellor información”. pero, ademais, nos meus libros defendo e xustifico con abundante aparato crítico e base científica —até onde é posible facelo, cos textos antigos dos que podemos dispor hoxe e os estudios científicos realizados nos últimos cen anos— esta valoración de Prisciliano como mártir, líder dun movemento social renovador, feminista e ecoloxista avant la lettre, teólogo ortodoxo e comprometido… ademais dun asceta e un renovador da Igrexa, xa en decadencia no século IV, desde que “se deitou nos brazos de Constantino”, que di sabiamente Curros. Fíxeno até o de agora en dous libros meus (Prisciliano na cultura galega. Un símbolo necesario, Galaxia, Vigo 2010, 2ª ed. 2012; Prisciliano, um cristâo livre. O seu eco na cultura galaico-portuguêsa, Novembro, Braga 1ª e 2 ed. 2017) e outro que editei cos traballos dun Curso de Verán que organicei coa Universidade Menéndez Pelayo (UIMP) en Ortigueira no ano 2010 (Prisciliano e o priscilianismo. Da condena á rehabilitación, Biblos, A Coruña 2012).
Pero isto parece que non ten valor para os historiadores que organizaron este congreso; como ocorre con tantas outras cousas que se organizan nas universidades galegas, que manifestan un claro prexuízo antigalego. Na información previa que se deu do Congreso dise que non se celebrou ningún congreso no estado desde un en Zaragoza no 1980, o curso de Verán da UIMP en Pontevedra en 1981 e o da Asociación O Galo en Compostela no 2006 (do que din que as súas actas permanecen inéditas, cando en realidade si se fixo no “Dossier Prisciliano” publicado en Terra e tempo, 153, 2010); esquecendo o Curso de Verán de Ortigueira (2010) que acabo de citar. En cambio, fálase dun curso da Universidade de Porto en 2010; un curso que en realidade non chegou a realizarse, e seino a ciencia certa porque eu ía participar nel a invitación dos organizadores... Parece que a información dos organizadores era escasa. Agardamos que aprendan algo máis co Congreso.
Terán que ver estes prexuízos contra Prisciliano como mito e símbolo necesario de Galiza —como teño reivindicado—  con que este curso de Compostela non ten en galego máis que o título —quizais por aquilo da subvención da Xunta, e porque se realiza nos locais do Consello da Cultura Galega— cando as conferencias e comunicacións están e español, francés e italiano? Evidentemente a asociacións como Amigos de Prisciliano e outras entidades culturais galegas, isto non lles gustou ren.
____________________
Victorino Pérez Prieto é teólogo e director de Estudos de Amigos de Prisciliano.

19 de set. de 2018

Lennon e Valle-Inclán, en Vilalba


Redacción.- O vindeiro venres, 21 de setembro, ás 20:30 horas, terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba, a presentación do libro Cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán, da escritora chairega Beatriz  Maceda Abeleira, publicado pola Editorial Trifolium, na colección Nemo.

O acto está organizado polo Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración co Concello de Vilalba. Contará coa intervención da autora do libro, que estará acompañada por Carmen Ollero Novo, técnica de Promoción e Xestión de Cursos Internacionais da Universidade de Santiago de Compostela, e por Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.

18 de set. de 2018

'Memoria do corpo' de Xesús Rábade

Redacción.-

O venres 14 de setembro, ás 20:30h, terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba a presentación de Memoria do corpo de Xesús Rábade Paredes. O autor estará acompañado polos poetas Martiño Maseda e Helena Villar. Coorganiza o Instituto de Estudos Chairegos.

O autor

A súa obra abrangue o ensaio, a narrativa e a poesía con títulos tan senlleiros como 'Sobre ruínas'. Comezou moi cedo a súa carreira literaria e figura na antoloxía Os novísimos da poesía galega. Traballou en tarefas de normalización lingüística e cultural: formación do profesorado, reforma educativa, elaboración de textos e material escolar, publicación en prensa de numerosos artigos, algúns recollidos en libro, sobre a situación social da lingua. Na primeira metade dos 90 foi Coordinador Docente de Lingua galega.

Membro do colectivo de renovación poética Cravo Fondo, a súa obra foi antologada e traducida a varias linguas. É membro fundador do PEN Clube de Galicia.

Está casado con Helena Villar Janeiro, sendo os pais da poeta María do Cebreiro Rábade e do músico de jazz Abe Rábade.

.

11 de set. de 2018

XVIII Ruta Chairega

Redacción. -

O domingo, día 23 de setembro de 2018 o Iescha organiza a XVIII RUTA CHAIREGA que recorrerá nesta ocasión as terras de As Pontes, pola Senda da Ribeira e Industrial.

“Adéntrate no territorio das Pontes e goza de recunchos tan peculiares como o lago artificial máis grande de Europa, a cheminea de maior volume do Mundo, curiosos poboados de traballadores, inmensas máquinas, antigos muíños e impresionantes vistas desde un encoro.
Trátase pois dunha ruta que che fará aprender, descubrir e vivir unha experiencia diferente. Unha EXPERIENCIA INDUSTRIAL.”

Ao finalizar a ruta, terá lugar a comida, nesta ocasión será servida no restaurante Petróleo, en Roupar.
A cuota que haberá que pagar será de 25 € por adulto (menores acompañados, 5€) (inclúe a comida e o autobús).
O traslado dos participantes farase en autobús dende Vilalba ata o inicio da ruta, saíndo das inmediacións da Pravia (Casa da Cultura) ás 9:30 horas e retornando á tardiña.

Os/as interesados/as poden apuntarse con-tactando con calquera membro da Xunta Directiva do IESCHA (directamente ou por teléfono), ou por correo electrónico (estudoschairegos@gmail.com), como moito, ata xoves, día 20 de setembro, ás 20:00 horas.

Presentación de 'A fábrica de tabacos da Coruña'

Redacción. -

O vindeiro 6 de setembro terá lugar na sede da A. C. "Alexandre Bóveda", na Rúa Olmos, 16-18, a presentación de “A fábrica de tabacos da Coruña e a fábrica de mistos. Factores de transformación dunha cidade” de Ana Naseiro Ramudo.

Esta obra de Ana Naseiro Ramudo é un ensaio sobre a Fábrica de Tabacos e a Fábrica de Mistos da Coruña, no que se recolle información inédita da súa historia, evolución e conflitos.

A través deste estudo vemos como o desenvolvemento de ambas institucións non foi alleo á evolución da propia cidade e marcou a súa evolución paisaxística, urbanística, económica e social. Un dos capítulos recolle a depuración do persoal da fábrica durante o Franquismo, capítulo pouco coñecido da historia de Fábrica de Tabacos. Esta obra quedou finalista no Premio Manuel Murguía 2017 da Deputación da Coruña.

Ana Naseiro é facultativa de Arquivos do Estado. Formouse en Historia Moderna e Contemporánea pola USC, especializándose en Biblioteconomía pola UDC, onde obtivo o doutoramento coa tese Evolución histórica da descrición arquivística na España contemporánea.

31 de ago. de 2018

Ponte Literaria d'O Valadouro

Redacción. -

O vindeiro venres, 24 de agosto de 2018, terá lugar ás 18:30 no local social da parroquia d’A LAXE (recta de Tanín -Ferreira-) en O Valadouro IV Ponte Literaria.

Desde o verán de 2015, un grupo de persoas vencelladas á literatura veñen artellando esta experiencia participativa.
Tratouse, no inicio, dunhas lecturas a carón das diferentes pontes do Valadouro, mais na actualidade, considerouse que un encontro baixo teito pode favorecer a presenza dun maior número de participantes e ao mesmo tempo, resultar moito máis cómodo para o público.

Quen queira participar, só é ten que estar no lugar indicado á hora indicada, mais convén contactar cos organizadores no 600378363 (tamén Whatsapp).

O encontro constará de lecturas de 15 minutos como máximo e os textos deberán ser de autoría propia.
Tras o tempo adicado ás lecturas, terá lugar un debate literario centrado nas obras expostas. É costume que os asistentes aproveiten a ocasión para se desfaceren de todos aqueles libros que xa non desexan conservar, deste xeito, outras persoas que participen na Ponte Literaria poderán conseguir exemplares que descoñecían e que nunca leran. Trátase, en definitiva, dun intercambio ou doazón espontánea de libros.

O público tamén pode expor as túas sensacións no coloquio, e por suposto favorecerse da doazón de libros.

Artellan a Ponte Literaria: MANUEL LOURENZO, ISAAC FERREIRA, XESÚS PISÓN e LIONEL REXES.

Colabora:
Mancomunidade de Montes da Laxe
Concellaría de Cultura do Valadouro

5 de ago. de 2018

XLIV Premio Modesto R. Figueiredo

Redacción. -

1.FINALIDADE DO PREMIO
A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro, coa colaboración do Concello de MAZARICOS ( A CORUÑA) organiza o Certame Nacional Galego de Narracións Breves baixo o nome de "Premio Modesto R. Figueiredo”. Este certame organízase coa finalidade de promover a literatura narrativa en lingua galega e homenaxear ao seu artellador, o pontevedrés Modesto R. Figueiredo.
2.REQUISITOS PARA PARTICIPAR
Poderán participar todos os autores e todas as autoras de calquera nacionalidade, con unha ou máis obras, sempre que estean escritas en lingua galega, sexan inéditas e non se presentasen antes a ningún outro certame literario.
3.TRABALLOS QUE SE PODEN PRESENTAR
Os traballos deben ter un mínimo de cinco e un máximo de trinta páxinas
mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara en follas de tamaño DIN-A4. Non obstante, o Xurado poderá reconsiderar esta base se entendese que a temática ou desenvolvemento lóxico do argumento o precisasen.
4.TEMPO E MODO DE PRESENTACIÓN
As persoas que participen deberán enviar os seus traballos por quintuplicado
sen remite, ou outra forma de identificación, antes do 1 DE NOVEMBRO de 2018 a algún destes enderezos:
a. FUNDACIÓN DO PADROADO DO PEDRÓN DE OURO
Apdo. de Correos,627. Santiago de Compostela
b. CONCELLO DE MAZARICOS
Avda 13 de abril,59 – A PICOTA – 15256 MAZARICOS- A Coruña
Para a identificación das persoas premiadas ou para aquelas autoras ou aqueles autores de obras que o Xurado considere apropiadas para publicar, todos os traballos deberán engadir un sobre pechado, cos seus datos (nome, apelidos, enderezo, teléfono ou correo electrónico) e tamén o currículo vitae de o considerar oportuno. No exterior do sobre só aparecerá o título ou lema da obra.
(***) Con respecto aos traballos que o Xurado considere merecentes de
publicación poderán abrirse as plicas correspondentes para poñerse en contacto cos autores e autoras para que dean o consentimento para publicalos.
5.PREMIOS
A obra gañadora será premiada con 1000€ ( suxeito ás obrigadas retencións fiscais). Porén, se o Xurado considera de calidade outras obras, dúas delas máis poderán obter segundos premios que serán de 400 € cada un ( e asemade tamén suxeitos ás obrigadas retencións fiscais) . Ademais, o Xurado poderá recomendar a publicación daqueles traballos que así o considere (aínda, que non contarán con premio económico)(***).
(***) En todo caso, a publicación destas obras soamente será posíbel co consentimento das súas autoras ou dos seus autores.
6.XURADO E DECISIÓN
O Xurado estará composto por especialistas en crítica literaria
designados pola Fundación do Pedrón de Ouro co asesoramento e colaboración das Asociacións de Escritores ( AELG e PEN CLUBE DE ESCRITORES DE GALICIA )e do Concello de MAZARICOS ( A CORUÑA).Así, a Fundación do Pedrón de Ouro reservarase os postos de presidente/a, e secretario/a (este último con voz, pero sen voto).
(***) Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.
O Xurado reunirase na segunda quincena do mes de decembro e dará a coñecer a obra ou obras premiadas coa apertura de plicas diante dos medios de comunicación. Finalmente, ao remate da decisión do Xurado o/a secretario/a redactará a acta que asinarán todos os membros deste.
7.ENTREGA DE PREMIOS
Os premios que obteñan as obras seleccionadas entregaranse nun acto
organizado polo Concello de MAZARICOS ( A CORUÑA) en día e data que se dará a coñecer oportunamente. Os/as autores/as premiados/as terán que recoller persoalmente os seus galardóns.
8.OBXECCIÓNS E NORMAS DE INTERESE
A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro reservarase o dereito exclusivo de publicar as obras premiadas na súa primeira edición. O/a autor/a ou autores/as, ao aceptaren estas bases, renuncian voluntariamente aos seus dereitos en favor da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro.
A partir da seguinte edición, as obras son da total propiedade das súas autoras e autores, os/as cales terán a obriga de facer constar que a obra foi premiada no Premio Modesto R. Figueiredo da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro. As obras non premiadas seranlles devoltas aos seus autores e ás súas autoras se as requiren antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado. Se ninguén as require, serán destruídas.
A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro é a única entidade con
capacidade para decidir en última instancia calquera dúbida que puidese suscitar a interpretación das bases deste certame.
O feito de concursar xa obriga ás autoras e aos autores a aceptar as presentes bases deste Certame.

3 de ago. de 2018