Mondoñedo é poesía 2019

Redacción.-

Mondoñedo é poesía chega á súa 6ª edición convocando para o vindeiro 1 de maio en Mondoñedo (Capital galega da poesía) aos amantes da poesía dita, recitada, cantada, musicada ou visual. Esta actividade enmárcase, como sempre, dentro da programación das tradicionais Feiras e Festas das Quendas que se celebran desde 1541 (hai xa 478 anos).
Nesta edición homenaxeamos a Manuel Ledo Bermúdez “O Pallarego” (Mondoñedo, 1899-1964), o músico-barbeiro que recuperou canda Cunqueiro, xunto a outros ilustres mindonienses como B. Vidarte ou X. Díaz Jácome, a tradición dos maios nos anos da Segunda República.
O cartel oficial da edición é da autoría do artista mindoniense, J. Pedro Gómez.
TENDAL DE POESÍA
Exposición na recepción do Auditorio Pascual Veiga. Montaxe foto-poética con poemas elaborados polo alumnado do IES San Rosendo inspirados en obras de artistas mindonienses e mariñaos.
RECITAL na RÚA
17:00h.-Saída da carroza do Maio da Finca da Loura (a carón da casa natal do Pallarego no Barrio dos Muíños de Arriba)
17:30h.-Praza Jaime Cabot (Alcántara)
Memoria dos Maios. Homenaxe á Manuel Ledo Bermúdez “O Pallarego”.
Acto de homenaxe a un dos personaxes máis destacados da cultura popular mindoniense do s. XX: músico, mecenas e activista cultural. Interveñen: Remedios Ledo Vizoso, alumnado dos centros educativos e da Escola de Música Municipal.
Recital poético
Recitan: Alexandre Fernández Peón (2º premio Díaz Jácome 2018), Laura López (3º premio Díaz Jácome 2018) e Esperanza Pérez
RECITAL no AUDITORIO 'PASCUAL VEIGA'
18:30h.-No Auditorio Pascual Veiga escoitaremos os versos de Martiño Maseda (1º premio Leiras Pulpeiro 2018), Alberte Momán (2º premio Leiras Pulpeiro 2018), Olga Novo e Antón Reixa
A música corre a cargo de Lino Rico (con Juan Carlos, Fajardo e David) e A Banda da Loba.
Presenta: Montserrat González Álvarez (Magadán).
**
Organizan: Asociación As San Lucas e Colectivo Mondoñedo É …
Colaboran: CEIP Álvaro Cunqueiro, IES San Rosendo e escola Municipal de Música 'O Pallarego'
Patrocinan: Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Concello de Mondoñedo.

1 de maio de 2019

As mulleres de Insua e o liño

Redacción.-

O vindeiro venres, 3 de maio de 2019, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos, organiza o acto de presentación do libro “As mulleres de Insua e o liño. Dez anos dun proxecto de recuperación etnográfica”, da vilalbesa Miriam Fernández Otero, que foi editado polo propio IESCHA e financiado pola Deputación de Lugo, segundo o estipulado no convenio suscrito entre as dúas entidades para o presente ano.

Intervirán no acto, ademais da autora do libro, Xosé Ma Felpeto Enríquez, Mario Outeiro, Eduardo Vidal Baamonde e Marisa Barreiro Mejuto.

“(...) Malia ás adversidades, estas emprendedoras botaron pés ao camiño sen se deixar levar polo lema "Déixenos pensar por vostede" que rezaba no rótulo dunha axencia publicitaria lucense e que tanto me deu que cavilar na miña adolescencia estudantil. Non repararon tampouco no refrán popular "Pouco gaña a vella fiando, mais gaña menos mirando", e coidando que serían máis útiles á sociedade e mesmo máis felices, apreixaron con agarimo un porvir que semellaba incerto. Daquela, con máis ilusión ca recursos, argallaron o que semellaba imposíbel: recuperar non só o ancestral cultivo do liño, senón tamén montar o ciclo completo até a elaboración dos tecidos. Sen dúbida este grupo de afoutadas non se resignou a deixar morrer a secular cultura do liño, e de xustiza é recoñecérllelo.

Todo ese inxente labor vese agora reflectido neste libro de Miriam, unha desas mulleres que seguramente observou no rostro da súa mai e das compañeiras a ledicia de teren conseguido o obxectivo. A publicación debulla polo miúdo de forma documentada tanto o traballo da Asociación coma o patrimonio material e inmaterial referente ao liño. Houbo que agardar unha década, xaora, mais pagou a pena, madía leva. Parabéns a todas e azos para que o logrado permaneza mentres a Chaira dure. Amén.” (Chema Felpeto, no Limiar do libro)

MIRIAM FERNÁNDEZ OTERO é unha xove historiadora vilalbesa que naceu na parroquia de San Bartolomeu de Insua no ano 1990. Dende moi cativa espertou nela un forte interese pola historia o patrimonio, feito que anos máis tarde a levaría a cursar estudos superiores en Historia da Arte en Santiago de Compostela, así coma a especialización en Servizos Culturais e Xestión do Patrimonio cultural. Os seus intereses e formación abarcan tamén outros ámbitos, como a cultura e a arte galega, a museoloxía, a investigación, a etnografía, o téxtil e o estudo da arte e a cultura do Mundo Antigo.
Na súa traxectoria profesional destaca a realización de informes para a restauración de bens patrimoniais (retablo da Virxe dos Desamparados e pinturas da cabeceira da Igrexa do Mosteiro de Santa María de Meira 2015/2016), a colaboración mensual no xornal Terra Chá Xá cunha sección sobre Patrimonio Chairego ou os artigos de investigación publicados no Boletín do Castro de Viladonga (2016/2018), entre outros estudos.

Integrante da Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua dende os seus comezos en 2007, desenvolveu un intenso traballo de investigación para a recuperación do cultivo tradicional do liño e toda a cultura xerada ó seu arredor, participando ademais coma poñente na mesa redonda da Tasca do Liño (2015-2016) mediante disertacións sobre a historia do tecido e a muller e o téxtil. Coa estreita relación obtida dentro universo do tecido, iniciou neste período a súa formación para a obtención da Carta de Artesá en tear, outorgada en 2016 pola Xunta de Galicia.

O Museo do Prado en Lugo

Redacción.-

Con motivo do Bicentenario do Museo Nacional del Prado, o Museo Provincial de Lugo pretende sumarse a esta celebración poñendo en valor os depósitos aquí expostos e recibidos en diferentes entregas ao longo do tempo.

Xa no ano 2010 ao cumprirse setenta anos dos inicios da relación entre ambos museos se realizou unha importante exposición, froito da cal se editou un catálogo da autoría de María Quiroga Figueroa, ambas iniciativas realizadas en colaboración coa conservadora Mercedes Orihuela.

Dende a súa creación o Museo Provincial de Lugo tivo relación co Museo Nacional do Prado posto que a Junta de Gobierno del Museo Arqueológico y de Bellas Artes (así se denominou inicialmente o Museo de Lugo), solicitaba obras para incrementar as coleccións de Belas Artes deste museo creado en 1932 e inaugurado en 1934 nas dependencias do actual pazo de san Marcos.

As obras que conforman o depósito do Museo do Prado no MPL están datadas entre os séculos XVI ao XIX e suman 28 pinturas e dúas esculturas.

En relación co Bicentenario do Museo do Prado, dentro das actividades a realizar polo MPL neste ano 2019, coordinadas pola súa dirección a través dos departamentos de Belas Artes e Restauración, estase facendo a restauración dun cadro atribuído a Guido Reni (Bolonia 1575-1642) titulado ‘Cabeza de Apóstol’ e con tal motivo a restauradora da pinacoteca nacional, María López Villarejo, visita as nosas dependencias este luns, 22 de abril, para supervisar o proxecto que leva a cabo Blanca Besteiro no Museo de Lugo.

Unha vez rematado este traballo daremos a coñecer ao público interesado tanto o propio proxecto como os seus resultados e expoñerase a obra intervida. Así mesmo, haberá outras iniciativas para por en valor esta efeméride e, por ende, os fondos do Museo Provincial de Lugo.

Máis información: Aurelia Balseiro García, directora MPL. 982242112 / direccion@museolugo.org

29 de abr. de 2019

Cultura no Camiño 2019

Redacción.-

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado 24 de abril a convocatoria da sétima edición do circuíto Cultura no Camiño, dirixida a todos os concellos polos que discorren as diferentes rutas xacobeas en Galicia.
Como novidade en 2019, o apoio económico á contratación das actuacións artísticas no marco desta iniciativa regúlase mediante a concesión de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva, para as que se reserva un orzamento de 324.000 euros, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e de Turismo de Galicia. O prazo de solicitude para os concellos interesados en participar na convocatoria deste ano abrirase desde mañá ata o vindeiro 24 de maio na sede electrónica da Xunta.
Segundo as bases, este circuíto mantén como obxectivo desde as súas orixes contribuír á dinamización cultural das localidades do Camiño de Santiago nos meses de maior afluencia de peregrinos e visitantes, fixando como período de desenvolvemento da programación do 1 de maio ao 30 de setembro. “Deste xeito, dáselle resposta á demanda cultural dun público diverso –os propios cidadáns, así como visitantes e peregrinos–, que poderá gozar de concertos e de montaxes de moi variados xéneros e formatos, ao tempo que se contribúe á dinamización da contratación dos espectáculos producidos de xeito profesional en Galicia”, especifica a resolución publicada hoxe no DOG.
Nela establécese, ademais, que o financiamento das actuacións de teatro, danza, música, novo circo ou maxia contratadas ao abeiro de Cultura no Camiño asumirase de xeito compartido entre a Administración autonómica e as locais, en diferentes porcentaxes de acordo co número de habitantes de cada localidade: a subvención será dun máximo de 3.500 euros para os concellos de máis de 20.000 habitantes e de ata 2.500 euros para os que teñan unha poboación menor.
Poderán solicitar estas axudas todos os concellos situados nalgunhas das rutas xacobeas recoñecidas oficialmente: Camiño Francés, de Fisterra e Muxía, Vía da Prata, Inglés, Primitivo, do Norte, de Inverno, Portugués, Portugués da Costa e Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.
En paralelo, a Agadic mantén aberta ata o 26 de abril a convocatoria de inscrición de propostas artísticas para aquelas formacións galegas de carácter profesional (compañías escénicas ou grupos de música) que queiran formar parte do catálogo a partir do que os programadores dos concellos inscritos deseñarán as súas carteleiras dentro de Cultura no Camiño. Neste caso, o trámite debe realizarse a través do web www.galescena.gal.

27 de abr. de 2019

A Ramón Paz Guntín, in memoriam

María Xosé Lamas.-

Este domingo, 21, despois de subir do almorzo á habitación do hotel, onde me esperaba o traballo de preparar a equipaxe de volta de Berlín, soou un aviso de whatsApp no móbil. Era do amigo Moncho Paz comunicándome o falecemento de seu pai e, de súpeto, mergullei na nostalxia e na tristura.

Sempre lembrarei a tenda dos Marios, onde tres irmáns de mediana idade rexentaban un dos colmados máis importantes da vila, axudados por uns cantos empregados e empregadas simpáticas e solícitas, tanto despachando detrás do mostrador como traballando no obradoiro do soto onde se elaboraba o chocolate “Paz Cao” e os saborosos bolos de leite, cristiniñas, madalenas ou roscas que tiñamos que mercar por menos dun peso todos os domingos ao saír da misa das doce de obrigatorio cumprimento -unha desas rutinas da infancia que nunca se esquecen.


O establecemento estaba sempre cheo de xente que mercaba as viandas máis diversas; pois nos Marios había de todo, dende os seus produtos alimenticios selectos e os licores e viños que non se atopaban en ningún outro ultramarinos, até candeas, cestas, cerámica, paraugas e centos de útiles máis. As miñas primeiras lámpadas de salón de vimbio –que aínda conservo gardadas na casa da aldea- despachoumas o señor Ramón, así como unha cesta da feira que non hai moito que merquei.
Ademais posuía unha barra onde tomaban a mañá, o café de sobremesa e os viños do serán os máis asiduos ou almorzaba moita xente de paso que agardaba a partida do autobús na estación situada ao carón e que aproveitaba tamén para mercar os agasallos da súa viaxe en lembranza do paso pola vila.


Hai ben anos xa que esta casa exerce en Vilalba de anello lugar de comercio atendido con paixón por o noso inesquecíbel e benquerido señor Ramón, pois o tempo foi modificando os costumes de compra e actualmente mércase en supermercados, grandes superficies ou mesmo por internet. Mais a atención personalizada, o trato familiar ou a comunicación empática, perdeuse. Perdémola todas e todos os vilalbeses co pasamento de Ramón Paz Guntín.
Amigo Ramón, sempre na nosa lembranza!

Foto: Mario Paz González

25 de abr. de 2019

Neorretranca e posmorriña

Redacción.-

Esta semana haberá Domingo de Conciliación, un servizo gratuíto do Centro Dramático Galego para que os nenos gocen dun taller de artes escénicas mentres os seus maiores asisten ao espectáculo. A participación nesta iniciativa pode solicitarse tanto nos horarios habituais do despacho de billetes do Salón Teatro como no correo centro.dramatico.galego@xunta.gal e no teléfono 881 867 229 (de luns a venres, de 9,00 a 14,30 h.)
Elenco feminino

Gena Baamonde dirixe Neorretranca e posmorriña para o CDG cun elenco integramente feminino do que forman parte Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabell Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde. Todas elas interpretan as dúas pezas do espectáculo, coa identidade galega como punto de partida para o desenvolvemento de dúas propostas moi diferentes, tanto deste o punto de vista da dramaturxia como da súa posta en escena e da súa estética, concibida tamén por un equipo maioritariamente feminino.
Os billetes para velas sobre as táboas poden mercarse no web entradas.abanca.com, no teléfono 902 434 443 ou no despacho do Salón Teatro, que abre ao público desde dúas horas antes do comezo de cada función. O seu prezo é de 10 euros de xoves a sábado, cos descontos habituais, e de 5 euros os domingos, Día do Espectador, na sede do Centro Dramático Galego.

'Trece cancións bonitas' na Casa do Manuel

Redacción.-

Este próximo sábado, día 27 de abril, ás 20 hrs, Germán Díaz e Benxamín Otero presentan no auditorio da Casa-Museo Manuel María o seu traballo “Trece cancións bonitas”. Schubert, Satie, Galliano ou Clastier, cancioneiros como o de Inzega ou o de Federico Olmeda e melodías propias, compoñen o corpus eclético e accidental que conforma este persoal concerto.
Instrumentos como o óboe e o corno inglés, da man do lalinense Benxamín Otero, uniranse ás sonoridades medievais da zanfona do pucelano, afincado na Terra Chá, Germán Díaz, e a particulares instrumentos mecánicos como o órgano de barbaria, o aurephone ou a caixa de música programábel, en que os músicos perforan os seus propios cartóns con arranxos actuais para vellas melodías.

O prezo do billete para asistir este concerto é de 5 euros e pode reservarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou chamando ao tel. 698177621

Germán Díaz nace en 1978 en Valladolid (na actualidade mora na Terra Chá), onde realiza estudios de guitarra clásica e Filoloxía Clásica na Universidad de Valladolid así como o Curso de Posgrao "Especialista Universitario en Estudios sobre la Tradición".
Estuda zanfona con Rafael Martín, Pascal Lefeuvre, Laurent Tixier, Isabelle Pignol, Gilles Chabenat, Nigel Eaton, Patrick Boufard, Laurence Bourdin, Valentin Clastrier, Matthias Loibner, Tobie Miller, etc...
Pertenceu á mítica Viellistic Orchestra, orquestra de zanfonas asentada en Francia. Este proxecto desapareceu en 2004, e Germán, formou un dúo co director artístico da Orquestra, Pascal Lefeuvre, e cofundou o Symphonía Quartet, cuarteto ibérico de zanfonas.
Actuou por todo o mundo con proxectos tan dispares como Tasto Solo, centrado na interpretación de repertorios para instrumentos de tecla dos S XIV y XV, ou agrupacións jazzísticas como Baldo Martinez ou Paolo Angeli.
En 2004 creou a súa propia discográfica, Producciones Efímeras, xunto a Fernando Fuentes.
O seu disco "Músicas populares de la Guerra Civil", en colaboración con Antonio Bravo, foi elixido como segundo mellor disco de 2009 por Cuadernos de Jazz, e mellor disco internacional pola veterana revista xaponesa Jazz Tokio.
En 1999 foi galardonado co premio Racimo de Oro da música pola súa labor de recompilación e difusión da música tradicional.
Premio á mellor Banda Sonora no Festival de Cortometrajes La Fila, en 2009, por Artículo 349.
Finalista dos Premios da crítica Galiza 2014.
“Mellor artista 2014”, XIV Premios Opinión, A Coruña.
Invitado como artista residente na Vila Waldberta -Marzo 2015-. Concellaría de Cultura da cidade de Múnich.
Premio Mestre Mateo 2018 Mellor música Orixinal por Dhogs.
Colaborou en máis de un centenar de gravacións discográficas e editado numerosas obras como solista, e compuxo B.S.O. para cinema, teatro e televisión.

BENXAMÍN OTERO
Oboísta desde 1989, a pesar de ter formación clásica Benxamín Otero non tardou en abrir as posibilidades que lle daba a música a outros terreos, non só musicais senón doutras disciplinas. Mestre de Óboe e Historia da Música no Conservatorio de Lalín, tamén foi durante moitos anos mestre de Linguaxe musical no Conservatorio de música tradicional e folque da mesma vila. Froito do contacto coas músicas tradicionais desembocan en grupos Curitiba, ou Grodan defló, sendo membro estábel na actualidade de Linho do Cuco ou do espectáculo “Método cardiofónico” de Germán Díaz. Ten colaborado con Driade, Os Cempés, Marful, Guadi Galego, Uxía, Fuxan os Ventos, Ataque Escampe, Gelria, etc...

No mundo audiovisual é o compositor de bandas sonoras para vídeos comerciais, curtametraxes coma “Alzheimer” de Alex Sampaio, “Viento” de David Argüelles, ou o documental “Piedad” de Otto Roca. Traballou para a compañía de teatro Matarile nos espectáculos “Primeiro movemento para figuras brancas” e “Historia Natural” e a partir do ano 2009, entra a formar parte da compañía Fantoches Baj como actor, músico mais sobre todo compositor, realizando as músicas para os espectáculos da compañía, “O Asombro”, “Poesía última de LP”, “As pombas de Carboeiro” ou “Os vellos non deben de namorarse”entre outras.

Ultimamente está a realizar “No tempo dun café” xunto a Celso F. Sanmartín, un espectáculo onde se conxugan contos populares, músicas e maxias.

Binormativa: o futuro é agora

Antón de Guizán. -

Sou galego de nascença e de consciência, não tenho feito nenhum curso de galego agás um da Associação Cultural Alexandre Bóveda da Corunha quando era um moço e que impartira a grande Pilar García Negro. Desde aquela, muito se tem discutido sobre o galego. Na minha posição de cidadão galegofalante e desde a perspectiva de quase 12 lustros de existência, a crua realidade é que o galego tem retrocedido em falantes e que há um evidente problema de transmissão geracional do idioma por múltiplas causas que de seguro se têm investigado por profissionais bastante mais qualificados. Ao meu ver, há um factor clave que deve ser o centro dum debate no que a língua, ademais da nossa principal senha de identidade, terá que ser também a principal ferramenta de desenvolvimento do nosso país num mundo cada dia mais globalizado. Se a sociedade percebe que o idioma é útil, este recuperará uso e funcionalidade, mas se este está só para uso interior, irá perdendo usuários e valor relegando-o a uma função sentimental, folclórica e mesmo relegado a uma situação pseudomuseística. O problema é quando as instituições políticas, culturais e linguísticas ignoram e escondem debates nos que nos jogamos o futuro da língua, a economia e as possiblidades de progresso. Que medo há a abordar campos de possibilidades que atingem mais de 200 milhões de falantes quando o galego vive encerrado num âmbito de 2.700.000 cidadãos, perdendo povoação e com os mais velhos, também, galegos monolíngues? Qual é o problema para adoptar e conviver com uma segunda grafia (também oficial) que abra portas directamente a cinco continentes com o quinto idioma mais falado do mundo? Quem diz medo a facilitar mercados em países tão afastados como o Brasil, Macau, Angola, Moçambique...e mesmo com um idioma oficial da UE? E quem pode obviar o importante mercado cultural, turístico e a história comum através do idioma com tantos cidadãos no mundo? Só os interesses políticos de curto percurso e as mentes cativas podem defender o reducionismo e o caminho do suicidio idiomático, as mensagens confusas dirigidas a meter medo a medrar e sentirmo-nos mais orgulhos@s de ser galeg@s e cidadãos do mundo, a medrar em riqueza e cultura. A nossa relação com o lusismo deve deixar de ser testemunhal, para actos entre vizinhos e passarmos a converter-nos em irmãos em convivência, deixar de lado complexos e estereótipos e crer nas possibilidades que se nos abrem para os nossos filhos e para o país com a dupla normativa. Ninguém nos vai indicar como temos que falar num idioma tão rico e diverso como o nosso, mas grafar ademais do galego normativo, para adiante, numa grafia também oficial na norma portuguesa, fará de Galiza uma pequena potência. Que não nos enterrem com mentiras: O FUTURO É AGORA!! 

19 de abr. de 2019

Contraminacción pide a demisión de Tahoces

Redacción. -

O 17 de abril, os medios de comunicación sacaban a luz a nova de que o director xeral de Minas, Bernardo Tahoces, deberá declarar como imputado diante da Fiscalía de Medio Ambiente o 2 de maio por presunta prevaricación ambiental. Tahoces terá que declarar por irregularidades denunciadas por Verdegaia na reapertura da Mina de San Finx (Lousame) tales como carecer de DIA (declaración de impacto ambiental) etc.

Segundo a Comisión de Asociación contra as Minas da Terra Chá, Tahoces, desde que ocupou o cargo de director xeral de Minas, destacou, recalcan, por "dificultar o traballo da veciñanza que se opón a proxectos mineiros e dos colectivos a ambientais e organizacións agrarias. O impedimento continuado de acceso a información, a negativa reiterada no tempo a contestar as solicitudes demandando información de calquera tipo, etc."

No caso da Terra Chá, a negativa a declarar as caducidades das concesións a Erimsa obrigou a Contraminacción a acudir no ano 2017 á Valedora do Pobo a través dun dos colectivos que integran a Comisión: o Sindicato Labrego Galego. A propia Valedora estivo máis de medio ano, de febreiro a setembro de 2017, reclamando información á Consellaría de Industria e non houbo contestación até que a Valedora lle fixo varios requerimentos e dous recordatorios de deberes legais, apercibindo da responsabilidade na que incorrerían de non facilitar a información segundo o artigo 502.1 do Código Penal (Código Penal (Ley Orgánica 10/1995, de 23 de noviembre):
Los que, habiendo sido requeridos en forma legal y bajo apercibimiento, dejaren de comparecer ante una Comisión de investigación de las Cortes Generales o de una Asamblea Legislativa de Comunidad Autónoma, serán castigados como reos del delito de desobediencia. Si el reo fuera autoridad o funcionario público, se le impondrá además la pena de suspensión de empleo o cargo público...” (Artigo 502)

Cómpre lembrar que, no ano 2013, desde varios colectivos e veciños e veciñas a título individual, despois de que á empresa Erimsa lle fosen denegadas as licencias no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, solicitouse na Consellaría de Industria o inicio dos expedientes de caducidade das concesións mineiras por inactividade (Alicia, Karles e A Pastoriza do ano 2006, que afectan máis de 5.700 hectáreas nos concellos de A Pastoriza, Cospeito, Castro de Rei, Vilalba, Abadin e Riotorto). A día de hoxe, e sugundo eles mesmos afirman, ningún deses colectivos tivo ningún tipo de contestación agás a recibida por medio da Valedora do Pobo coa negativa da Consellaría de Industria a iniciar os expedientes.

É polo exposto que, dende a Comisión de Asociacións contra as Minas da Terra Chá, esixen que, en caso de negarse a dimitir Bernardo Tahoces, se proceda a súa destitución inmediata, mentres se agarda que, por parte da Xustiza, se aclaren as posibles responsabilidades penais e se condenen as persoas responsables para que estas prácticas non se sigan dando

Corredores de sombra en Biblos

Redacción. -

O sábado 4 de maio ás 7 do será o grupo poético musical da Terra Chá, Corredores de sombra terá unha actuación en Biblos Clube de lectores de Betanzos.

Baruk Domínguez, Carme Mato, Pilar Maseda e Rosana Domínguez, son Corredores de Sombra, que con guitarra, trombón e dúas impresionantes voces sorprenden nunha novedosísima miscelanea de ritmos e versos. Unha nova forma de escoitar poesía que non deixa indiferente a ninguén e que estrean repertorio nesta primicia en Biblos Betanzos dentro do noso programa #DoTrinque de novidades. Darán que falar... A NPG Nova Poesia Guitirica que xa ten editado poemarios dixitais dos betanceiros Moncho Bouzas (ARGONAUTA) e Ana María Pereira Varela (PURA VIDA), sigue así a facer propostas poéticas novidosas ampliando as fronteiras poéticas da Terra Chá ás Mariñas e Betanzos, cos que tantos lazos históricos e literarios teñen.

Corredores de sombra deben o seu nome ao título dun libro do vilalbés Agustín Fernández Paz de donde proceden e debutaron na entrega do II Premio Agustín Fernandes Paz este ano no auditorio de Vilalba. O repertorio abrangue a interpretación de versos de coñecid@s poetas e a forza que imprimen dan á poesía un atractivo especial que faibdisfrutar mesmo a quenes non son seguidores deste xénero literario.

Unha oportunidade de achegarse á poesía dun xeito novo e disfrutar da música e as voces deste orixinal cuarteto.

A entrada será gratuita.


Evento en facebook:


16 de abr. de 2019

Pinturas ao fresco únicas

Antón Tenreiro Ferreiro. -


É ben coñecida a existencia dunhas importantes pinturas ao fresco na igrexa de San Vicenzo dos Vilares con máis de cinco séculos de existencia. Pero ademáis dos coñecidos frescos que representan a Lamentación sobre Cristo Morto, Santiago Matamouros e elementos paisaxísticos e xeométricos comúns a outras pinturas ao fresco en Galicia, unha delas, a Imposición da casulla a San Ildefonso, é única en Galicia. Así o afirmou a museóloga e historiadora Sonia Engroba na conferencia sobre os frescos dos Vilares no Mestrado Avanzado de Bibliotecas, Arquivos e Museos da Facultade de Humanidades da UDC días atrás. A restauradora Uxía Aguiar afirmou que os frescos foron obra de dous autores, ademáis do Mestre de Parga ao que atribuíu no seu estudo de 1992 (Cadernos de estudos Mindonienses) o profesor Monterroso Montero a autoría haberá que engadir agora o mesmo mestre autor da chamada Capela Sixtina galega de Santa María de Nogueira de Miño.


Estes novos datos suman aínda máis importancia aos Frescos dos Vilares, que siguen agardando unha actuación das administracións que eviten a desaparición definitiva destas xoias pictóricas descubertas en 1991 e que siguen a deteriorarse.


Cinco séculos de história que poden desaparecer en 28 anos para a vergoña da Diócese de Mondoñedo Ferrol, Xunta de Galicia, Deputación Provincial de Lugo e Concello de Guitiriz cuxa pasividade é a responsábel de que estas pinturas de estilo gótico hispano-flamenco únicas en Galicia podan desaparecer definitivamente. A uns días da celebración das festas da Pascua dos Vilares e da afamada Romaría dos Desamparados, non está de máis lembrar que hai máis de 500 anos os nosos antergos acodían a estas celebracións e ao culto coas paredes da nave antiga da igrexa (S.XII) pintadas con estes frescos. Coas pinturas, catro retábulos neoclásicos e un barroco con tallas dos séculos XVII e XVIII, un adro con muro baixo de pedra con un cruceiro, dúas pías bautismais e un sartego e un fantástico calvario fan unha composición única e destacábel. A restauración dos frescos, ademáis de recuperar un tesouro patrimonial, sopoñería tamén unha importante inxección económica e outro atractivo turístico e cultural na Chaira, tan necesitada de investimento no rural para poñer en valor a súa riqueza paisaxística, etnográfica e a súa história. Gosto de imaxinar nos Vilares a Casa de Díaz Castro convertida na Casa da Xente e centro de peregrinaxe cultural, coa Escola Habaneira da Conchada como centro social con numerosas actividades para a veciñanza, os cobertizos da Feira do Sete restaurados como testemuña do noso pasado recente e a igrexa lucindo fachendosa as súas pinturas para orgullo de Guitiriz e dos visitantes desta obra artística única  no país. Agardemos pois, que pola Pascua, a Virxe dos Desamparados obre o milagro e conmoba a fría conciéncia institucional. Salvemos os frescos dos Vilares, V séculos de nós.


Presentación dun estudo de Ana Naseiro

Redacción. -

O vindeiro venres, 5 de abril de 2019, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza o acto de presentación do libro “A fábrica de tabacos da
Coruña e a fábrica de mistos. Factores de transformación dunha cidade”, da vilalbesa Ana Naseiro Ramudo.
Intervirán no acto, ademais da autora do libro, Paulo Naseiro Ramudo e Marisa Barreiro Mejuto. “Esta obra de Ana Naseiro Ramudo é un ensaio sobre a Fábrica de Tabacos e a Fábrica de Mistos da Coruña, no que se recolle información inédita da súa historia, evolución e conflitos. A través
deste estudo vemos como o desenvolvemento de ambas institucións non foi alleo á evolución da propia cidade e marcou a súa evolución paisaxística, urbanística, económica e social. Un dos capítulos recolle a depuración do persoal da fábrica durante o Franquismo, capítulo pouco coñecido da historia de Fábrica de Tabacos. Esta obra quedou finalista no Premio Manuel Murguía 2017 da Deputación da Coruña.” (acalexandreboveda.gal)
“Este libro é un estudo inédito con novas aportacións a Historia da cidade da Coruña. A Historia Industrial e Urbanística están ligadas nesta investigación, ambas parcelas están bastante esquecidas na historiografía de España, a escasez de estudos destos campos afecta a percepción da evolución da historia social e económica do noso país na época contemporánea. Neste estudo recóllense aspectos novos do devir da cidade herculina a través da investigación e revisión de fontes documentais apenas coñecidas que nos falan de dúas institucións paralelas e innovadoras como foron a Fábrica de Tabacos e a Fábrica de Mistos, que marcaron a evolución social, económica, urbanística e industrial transformando a cidade e o seu entorno e dando paso a modernidade.” (catalogo-rbgalicia.xunta.gal)
ANA NASEIRO RAMUDO é Facultativa de Arquivos do Estado. Actualmente, arquiveira da Oficina Española de Patentes e Marcas. Formouse en Historia Moderna e Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela, especializándose en Biblioteconomía pola Universidade da Coruña, onde obtivo o doutoramento coa tese: Evolución Histórica da Descripción Arquivística na España Contemporánea. O xerme desta investigación atópase nun proxeto que coordinou do Arquivo da Delegación do Goberno en Tabacalera conservado no Arquivo Xeral da Administración, onde atopou una línea de investigación descoñecida da Historia da Coruña que lle fixo visitar diversos arquivos dando lugar á presente obra.

5 de abr. de 2019

'Matria' e 'Retallos chairegos'

Redacción.-

O vindeiro venres, 29 de marzo de 2019, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración con Concello de Vilalba, organiza unha nova proxección de cine galego coa curtametraxe MATRIA do director Álvaro Gago.

Así mesmo, ao remate desta curtametraxe, proxectarase “RETALLOS CHAIREGOS”, de Benigno Mayán, con personaxes e paisaxes da Terra Chá dos anos 60.

O cinema galego continúa a recoller premios alá onde vai. Nesta ocasión foi a curtametraxe Matria, dirixida por Álvaro Gago, quen trouxo para Galiza un novo galardón. A fita resultou gañadora na 47a edición do Festival Alcine, que tivo lugar esta fin de semana en Alcalá de Henares (Madrid).

Matria non só se fixo co premio á mellor curta, tamén foi premiada Francisca Iglesias Bouzón polo papel de Ramona. O pasado mes de outubro, o filme xa se fixera co galardón á mellor curta na Semana Internacional de Cine de Valladolid, Seminci.

O director vigués narra na curta a historia de Ramona, unha “heroína anónima” que traballa nunha conserveira. Unha vida que é igual a de tantas mulleres “cunha determinación tremenda”, mulleres que “cultivan moito os seus tesouros, que teñen a ver coa familia”, “mulleres loitadoras, mulleres que son perfecto exemplo do mito do matriarcado”, pon de manifesto Álvaro Gago, que creou a curta co fin de “darlles voz ás mulleres silenciadas que soportan e calan”. Após o pase por Cineuropa, Matria recalará no Festival Internacional de Cine de Verín e en San Sadurniño, dentro do programa “En negro contra asviolencias”. Tamén estará presente no festival de curtas de Zubroffka (Polonia) e nos certames de Cartagena e Aguilar del Campo (España).” Sermosgaliza.gal)

Matria
Dirección e Guión: Álvaro Gago
Empresa produtora: Sombriza Films , Ringo Media Produción: Álvaro Gago, Alberto Gago, José Gago , Mireia Graell
Fotografía: Lucía C. Pan
Edición: Álvaro Gago
Son: Sound Troop
Dirección artística: Alba Aguiar
Intérpretes: Francisca Iglesias Bouzón
Duración: 20:22
Formato: Digital
Diálogos: Galician

RETALLOS CHAIREGOS:
Autor: Benigno Mayán
Data: anos 60
Duración: uns 30'
O 90% das imaxes son de Vilalba:
- Paisaxes
- Feiras
- Persoas
- Edificios
- Construcións...

25 de mar. de 2019

Cinco séculos de nós

Redacción.-

O vindeiro xoves día 28 de marzo, Os Vilares será protagonista no Master avanzado de museos, arquivos e bibliotecas da UDC no campus de humanidades de Ferrol en Esteiro. Ás 16:00 proxectarase o documental e ás 18:00 teremos a conferencia sobre as pinturas murais da igrexa do S.XVI coa intervención do presidente da Lareira de soños, Antón Tenreiro, a museóloga Sonia Engroba e a restauradora Uxía Aguiar. Sigue a campaña para restaurar os frescos do século XVI de estilo gótico hispano-flamenco atribuidos ao Mestre de Parga e outro autor.

O próximo día 8 os alumnos do Máster introduciranse primeiro na parroquia a través do documental ENTRAR AOS VILARES e posteriormente as especialistas Sonia Engroba (museóloga) e a restauradora Uxía Aguiar entrarán co presidente da Asociación Socio-Cultural Lareira de soños Lareira de Soños no estudio pormenorizado destas importantes pinturas en risco de desaparición.
Descubertos en 1991 por unhas obras na igrexa, os frescos non recibiron ningún tipo de traballo de conservación nin mantimentone o deterioro ten avanzado até unha situación que si non se actúa de inmediato, pode levar á perda definitiva das pinturas.

O proximo mes seguiremos coa campaña repartindo dípticos nas misas da Pascua na popular Romaría dos Desamparados.

A asistencia ao Master o día 28 é libre e o mesmo será presentado pola coordinadora do mesmo, a profesora Raquel Díaz Seijas, á que agradecemos a acollida no máster e a apostanpola recuperación da história e o patrimonio.

Non me chames haiku, chámame Vilariña!

Antón Tenreiro Ferreiro. -

Díaz Castro vive, non é  ese poeta ao que lle adican as letras galegas e fica no limbo de dúcias de nomes para a honrosa listaxe de escritores protagonistas dun 17 de maio esquecidos ao ano seguinte. Sigue vivo en Xermolos, a entidade cultural máis importante da Terra Chá empeñada en convertir a súa casa na Casa da Xente con Alfonso Blanco Torrado, curtido en mil batallas de dignidade, termando dunha bandeira de utopías posíbeis. Díaz Castro sigue vivo porque os seus versos prenderon nos corazóns de novos bardos guitiricos, nimbos de luz inconformista que máis aló de soños institucionais, acreditan que a palabra, convertida en poesía, é o instrumento máis poderoso para mudar o mundo. Así, ese grupo de poetas, bautizados na Igrexa dos Vilares un 3 de Outubro de 2015 como NPG Nova Poesia Guitirica por Armando Requeixo no 25 cabodano do pasamento de Pepe do Vilariño, siguen sen desmaio catro anos despois, a facer actividades co poeta das cousas pequenas sempre como motor e inspirador das súas creacións.


Unha das máis orixinais e exitosas é o Certame VILARIÑAS, que non pretende ser un concurso poético senón unha canle de participación en forma de micropoemas que leve a dar nome propio a un xénero que ten adoitado unha descrición técnica fría (micropoema) como nome de pila, ou un termo importado do outro lado do mundo (HAIKU) para chamalos. O Vilariño dos Cregos nos Vilares, lugar de orixe do poeta e a referencia poética á "herba pequerrechiña" do seu poema Esmeralda, foron a fonte de inspiración das VILARIÑAS, ese símbolo do valor e importancia  das cousas pequenas, que tan ben ten ensalzado o poeta e que con só dúas edicións, xa teñen acadado un importante éxito de participación e popularidade, que mesmo ten sorprendido ao presidente da Real Académia Galega, Víctor Freixanes, que se ten declarado disposto a defender as VILARIÑAS como nome próprio para os micropoemas en galego, sabedor de que tan fermoso nome prenderá con orgullo, co paxariño da creatividade na cabeza, da figura da artista Viki Rivadulla, que as representa. Porqué renunciar a ter un fermoso nome para os pequenos poemas poemas cando a nosa língua ten capacidade danondo para nomear, e máis aínda candonde poesía se trata?Porqué recurrir a nomes doutras línguas ou a termos tan pouco poéticos como "micro-poemas tendo unha palabra tan agarimosa, como VILARIÑA? Como di André da Ponte outro grande poeta vilarego, "Fazer um poema longo requer de força dos braços: Uma Ilíada; escrever uma "vilarinha" requer uma força de concentração extraordinária... Sabemos que Matsuo Bashô escreveu essas "vilarinhas" com um rigor inigualável... Pois isso... Vivam as VILARINHAS!!!" de aquí en diante, a quen escriba ou recite un micropoema, e co maior dos respetos á creación nas outras línguas do mundo, nós temos nome próprio, así que, daquí en diante "Non me Chames Haiku, chámame VILARIÑA"!!!


20 de mar. de 2019

Os mellores monólogos de Carlos Blanco

Redacción. -

Difícil escoller pero Carlos Blanco decide revisar algúns dos seus máis coñecidos monólogos: As bravas da Arousa (Queres Kiwis?), A dobraxe porno, Galizara, As grandes frases das nosas avoas e avós...

60 minutos de risas garantidas, porque Carlos introduce ademais cada noite elementos de actualidade e improvisación. Carlos adapta, xoga, fai jazz coa palabra e resulta imprescindible nestes tempos onde a risa é algo máis que terapéutica. O mellor do mellor. Os monólogos escollidos de Carlos Blanco. 30 anos de traxectoria resumidos, barallados, disfrutados cada noite. Non recomendado a menores de 13 anos.

Sábado, 9 marzo, 2019 - 20:30

Teatro Pastor Díaz

Viveiro

3 de mar. de 2019

Manuel Lourenzo na Casa do Manuel

Redacción. -
Este sábado, 23 de febreiro, ás 20 hrs, no auditorio da Casa-Museo Manuel María,Manuel Lourenzo subirase, máis unha vez, ao escenario. O prestixioso dramaturgo, director e actor forma parte do elenco de intérpretes da compañía Elsinor Teatro que representarán “O palco e as lúas”. Esta obra componse de catro pezas breves(Zanzíbar, Postulantes, Noite pecha e A terraza), que foron escritas polo propio Lourenzo. A entrada é libre e as persoas interesadas en asistiren poden reservar encontacto@casamuseomanuelmaria.gal
Manuel Lourenzo, vinculado ao teatro independente desde 1965 como director, actor, teórico, divulgador e grafista, fundou e impulsou grupos e compañías teatrais como O Facho, o Grupo de Teatro Circo, a Escola Dramática Galega, Teatro Luís Seoane, Club Teatral Elsinor e Casa Hamlet e ten unha extensísima e rica obra dramatica que iniciou en 1969 con “Romaría ás covas do demo” e que conforman, entre outras, “Veladas indecentes”, “A larva furiosa”, “Suite Artabria” ou “As dunas”. Foi premiado cospremios teatrais Abrente (1978), Teatro de Cámara Ditea (1985), Rafael Dieste (1996, 1999), Otero Pedrayo (2011), Álvaro Cunqueiro (2009, 2016), o Nacional de Literatura Dramática por “Veladas indecentes” (1996) e o Nacional da Cultura Galega de Artes Escénicas (2008). Desde mediados dos oitenta conta con papeis en obras audiovisuais diversas(curtametraxes, longametraxes e coñecidas series televisivas), as máis recentes Fariña e Serramoura.

21 de feb. de 2019

Homenaxe a Alfonso Blanco Torrado

Redacción. -

Alfonso Blanco Torrado recibirá a homenaxe e o agarimo de poetas locais no Día de Rosalía e na entrega dos premios de micropoesía das VILARIÑAS.

Será o vindeiro sábado 23 de febreiro ás 7 do serán na Escola Habaneira de Guitiriz na que o acto de entrega de premios do #CertameVilariñas2018, a #HomenaxeAAlfonsoBlanco e celebraremos tamén o #DíaDeRosalía.

Contaremos coa participación do homenaxeado Alfonso Blanco Torrado, @s poetas Luz Campello, Branca Villar, autora da escjltura que entregaremos a Alfonso, María Pereira, Xelo Teijido, Fátima Fernández, José André Gonzâlez Lôpes (André da Ponte) Emilia M.Fuentes, Pilar Maseda, a recentemente galardoada co premio Galicia das Artes Luz Darriba, a cantautora Sandra Tenreiro, as <Vilariñas> gañadoras Beatriz Dourado, Mila Villanueva e Cris Amoedo e as nenas Simona, Zeltia e Clara.

O acto será conducido polo poeta Moncho Bouzas, antigo componente do Batallón Literario da Costa da Morte e hoxe membro da NPG Nova Poesía Guitirica.

Alfonso Blanco será agasallado con unha obra escultórica da poeta da NPG de Labrada Branca Villar e as gañadoras do Certame de micropoesía recibirán as figuriñas <VILARIÑAS> acreditativas realizadas a man pola artista Viki Rivadulla.

A NPG Nova Poesía Guitirica rinde así homenaxe poética ao mentor de Xose María Díaz Castro e de novos poetas chairegos na entrega dos premios inspirados no Vilariño dos Cregos e nesas "herbas pequerrechiñas" das que nos falaba o poeta...e que mellor día que aquel no que honramos tamén á grade Rosalía de Castro.

O #CertameVilariñas2018 recibeu 199 micropoesías de casi un cento de poetas de toda Galiza e algunhas de Portugal, Asturies, Valencia e mesmo de Italia. 

O Vilariño de Diaz Castro eno seunpoema A Espada inspiraron este certame e o nome de VILARIÑAS para os micropoemas en galego, que están a gañar nome própio cada edición.

A entrada é libre e gratuita e posteriormente terá lugar unha cea no restaurante O Korreo ao prezo de 13 €uros. Poderán anotarse nos correos npggazeta@gmail.com, dosvilares@gmail.com ou en calquera das redes sociais da NPG ou Os Vilares lareira de soños até o día 20.

Presentación de `La conexión gallega´


Redacción.- O vindeiro venres 22 de febreiro, Perfecto Conde estará en Vilalba para presentar a edición de 2018 do libro `La conexión gallega. Del tabaco a la cocaína´, un exemplo de xornalismo de investigación que creou escola nos profesionais galegos da información dende 1991, ano no que se publicou a primeira edición. O autor estará acompañado neste acto por Moncho Paz, xornalista e presidente de Amigos de Prisciliano, e por Marisa Barreiro, presidenta do Instituto de Estudos Chairegos. A cita será na Casa da Cultura da capital chairega, a partir das 20:30 horas. 

La conexión gallega, del tabaco a la cocaína, do xornalista Perfecto Conde Muruais, foi un libro verdadeiramente pioneiro. A súa primeira edición foi publicada a finais de 1991 e o seu contido inspirou investigacións e interpretacións posteriores que non sempre seguiron os parámetros do rigor minimamente esixibeis e que ás veces incluso rozaron os límites da apropiación indebida e o do plaxio. Porén, o autor está moi satisfeito de que a súa obra servira para valorar e poñer ao día un fenómeno tan importante e controvertido como é o do narcotráfico galego, que na actualidade é obxecto de series de televisión e de todo tipo de exposicións mediáticas.

Perfecto Conde naceu en Xinzo (A Pontenova, Lugo) o 13 de abril de 1943. Estudou Filosofía e Letras en Santiago e Xornalismo en Madrid. Comezou o seu traballo de xornalista no desaparecido Diario SP de Madrid. Foi secretario de Redacción da revista Chan, que dirixía o histórico Borobó, e traballou para TVE, a BBC, a Televisión Française 1, a Radiodifusão Portuguesa, os semanarios Triunfo, Cambio 16, Gaceta Universitaria, Teima, Qué ou Tiempo e para os xornais La Región, El Progreso, Avui e El Periódico de Cataluña. Dirixiu a primeira redacción da Gran Enciclopedia Gallega, editada por Silverio Cañada. Foi o primeiro correspondente do xornal El País en Galicia, ata 1982, delegado do Grupo Zeta en Galicia ata 1984, e redactor do semanario Interviú, publicación na que exerceu os cargos de xefe de Investigación e redactor xefe de Sucesos ata 1995. De volta a Galicia, foi director da revista Gam e xefe de Comunicación do Concello de Ferrol. Rematou a súa carreira profesional como redactor do semanario A Nosa Terra. É autor dos seguintes libros: "Galicia, realidad y conflicto social" (coautor, 1978), "Galicia infinda" (1994) e "La conexión gallega, del tabaco a la cocaína" (1991, reditado en 2018). Traduciu ao castelán o libro de Anne Marie Thiesse "La creación de las identidades nacionales" (2010) e "La isla de Rocamir" de Jean Ray (1972).

18 de feb. de 2019

O xornalismo de Lamas Carvajal

Xosé Ramón Pousa.-

Hai persoas que, aínda sendo cegas, teñen unha clarividente visión de futuro. E o caso de Valentín Lamas Carvajal, un ourensán que devolveu ao idioma galego a condición de lingua apropiada non so para as relacións persoais senón para a comunicación escrita. En 1876, nun país onde o 95 por cento da poboación utilizaba unha lingua proscrita, cuns índices de analfabetismo tremendos, e unha poboación rural dominante,  Lamas Carvajal co seu “Tio Marcos da Portela”, fixo do primeiro xornal en galego un auténtico “best seller” que triunfaba en todas as feiras do país, imprimindo ata 4.000 exemplares, e prolongando por máis de 12 anos o seu éxito.

“O Tio Marcos”, un labrego con chispa, personaxe extraído do Padre Sarmiento,  era unha publicación popular, dirixida a eses sectores maioritarios na Galicia do século XIX, sen acceso a unha cultura non xa de elites, senón básica. Un xornal que conectaba perfectamente coas súas preocupacións como campesiños, sintonizaba cos seus intereses, e utilizaba a sátira máis descarnada e a parodia como elementos de rebeldía contra o caciquismo e, principalmente, na figura encarnada por Bugallal, nunha sociedade esmagada por un centralismo terrible. Sempre había un paisano que o mercase e ilustrase aos demáis coa seu lectura pública.

O salto de Valentín Lamas Carvajal cara unha publicación periódica en galego e de tal éxito, hai 150 anos, sorpréndenos hoxe mesmo. Nunha sociedade como a galega que superou boa parte dos seus problemas de atraso secular, pero que non é quen de dar o paso definitivo para a dignificación do idioma propio. Aínda hoxe carecemos dunha estrutura de medios e de publicacións impresas en galego con calado suficiente.

Aparte da súa labor poética, a experiencia xornalística de Lamas comezara anos atrás coa publicación da revista “La Aurora de Galicia”, coa súa implicación no semanario “El Heraldo Gallego” e posteriormente en el “Eco de Orense”. Seguro que este coñecemento interno dos medios, para un home que tiña mesmo que ditar os seus artigos -case sempre a un dos seus fillos que o formateaba para a imprenta-, serviu de preparación para o seu gran proxecto pioneiro da prensa galega. Estamos ante un ser comprometido co país, dotado dunha excelente visión como xornalista, que utiliza a súa facilidade versificadora e o seu sentido do humor para conectar cun público ávido de que, por fin, alguén lle de a razón, recolla os seus sentimentos e os reforce a través da letra impresa, na mesma lingua que eles falan e que poucas veces se materializa na escrita.

De Lamas Carvajal sorpréndenme moitas cousas. El utiliza a técnica xornalística da entrevista: preguntas cortas seguidas dunha resposta, para formular todo tipo de problemas e situacións coas que se atopa un labrego do século XIX, gobiado polas rendas, endebedado cos usureiros, abocado a unha vida imposible ou mesmo á emigración incerta cara América. Preguntas simples e respostas frescas que, coma os versos de Rosalía, quedaban nas mentes campesiñas e eran reproducidas unha e outra vez.

Como punto forte do seu proxecto xornalístico, Lamas introduce a peza por entregas, como acontecía nas mellores publicacións da época coa literatura de cordel, publicando como un cadernillo do “Tío Marcos da Portela” o “Catecismo do Labrego”, o primeiro éxito da literatura galega que coincide co momento de maior expansión do periódico. Novamente, Lamas Carvajal innova, utilizando con respecto e admiración a máis pura técnica eclesiástica da repetición de conceptos directos e fáciles de entender, como no Catecismo católico, de tanto calado popular. Iso si, dándolle unha dimensión civil, a un novo credo social que, como os dez mandamentos, habían de chegar con forza a unha Galicia irredenta.

Hoxe, na Galicia do século XXI, aínda temos que desprendernos de moitos prexuízos e aprender daquel cego ourensán de tan longa visión, aprendendo da súa humildade, da capacidade de conexión cos máis desaxidos, para dunha vez rematar un proxecto que 150 anos despois aínda está moi lonxe de ser realidade: Unha Galicia con medios propios e en idioma galego. Toda unha lección a de Lamas Carvajal.

7 de feb. de 2019