A don Antonio Machado

Xoan Xosé Fernández Abella.-

A DON ANTONIO MACHADO,
empleando su último verso, según su hermano José, y dos
expresiones de Retrato, con profunda admiración y respeto,
por su grandeza única.


"Estos días azules y este sol de la infacia",
tu último verso, lejos
de España, destruída,
por la noche del odio de guerra fratricida,
noche de la locura y de la intolerancia.

Tú soñaste una España progresista, no rancia,
y en crímenes horrendos la sufriste sumida.
Y todo destruído. Se te apaga la vida
en Collioure, refugio
y honra inmensa de Francia.

Cuando a ti llegó "el día del último viaje",
cumpliendo lo expresado en tu inmortal Retrato,
entraste ya en lo eterno "ligero de equipaje",

porque ser generoso fue tu solo bagaje.
Y por poeta inmenso, sin sombra de boato,
te rindo, emocionado, mi más alto homenaje.


3 de julio de 2.014

11 de set. de 2019

Salvemos o Iribio


Redacción.-

Entidades ecoloxistas, culturais, veciñais e políticas, e persoas a nivel particular, constituiron a finais de agosto a plataforma “Salvemos O Iribio” coa finalidade de defender a Serra do Iribio das obras dun Parque Eólico e das instalacións electromecánicas asociadas, como é a Liña de Alta Tensión "Serra do Oribio". Esta mítica montaña forma parte da Zona de Especial Conservación (ZEC) Ancares-Courel, da Rede Natura 2000, e sitúase dentro do Ben de Interese Cultural (BIC) Camiño de Santiago Francés, ademais de estar inserida na proposta de declaración da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Iribio e Courel. A Serra do Iribio é o monte que conserva o maior imaxinario máxico do Courel, agochando neste enclave un amplo patrimonio inmaterial, polo que ademais discorre o antigo Camiño Real, que empregaban os arrieiros para acceder á Meseta desde Galicia, ao que acompaña un extenso inventario de bens patrimoniais de carácter arqueolóxico e histórico-cultural que xa foi en parte destruído polas obras irregulares do parque eólico.

Esta plataforma constitúese co principal obxectivo de facer valer a legalidade vixente que prohíbe a instalación de novos parques eólicos en zonas de Rede Natura 2000. O proxecto eólico definitivo "Serra do Oribio" aprobado por Acordo do Consello da Xunta o pasado 27 de xuño e publicado no DOG o pasado 14 de agosto vulnera, por tanto, a lexislación vixente e non pode facerse efectivo.O proxecto estaría contravindo, cando menos, o artigo 60 do Plan Director da Rede Natura, aprobado polo Decreto 37/2014, do 27 de marzo, así como o artigo 32 da Lei 8/2009 do aproveitamento eólico de Galicia. Do mesmo xeito, a Liña de Alta Tensión asociada a este parque eólico e aprobada pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas o pasado 13 de febreiro tamén sería contraria á lexislación vixente. En contra destas disposicións, a plataforma Salvemos O Iribio presentará todos cantos recursos sexan pertinentes.

Esta plataforma procurará tamén por todos os medios posibles a paralización das obras en execución que vulneran a lexislación vixente e que están a destruír gran parte dos valores naturais e ecolóxicos, histórico-culturais e patrimoniais da Serra do Iribio, danos que, nalgúns casos, xa son irreparables. A pesar de que o proxecto eólico definitivo aprobado aínda foi publicado pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia o pasado 14 de agosto no Diario Oficial de Galicia, a empresa promotora, Fergo Galicia Vento S.L. xa iniciara as obras de xeito irregular o pasado mês de maio, conseguindo eliminar xa grandes áreas naturais con presenza de hábitats comunitarios, gran parte do Camiño Real, un antigo neveiro, e poñer em serio risco de preservación a mámoa do Fial. Pese a terse verificado tal desfeita ambiental e cultural por parte das autoridades compententes e que as obras estiveron temporalmente paralizadas tras a denuncia dos colectivos ecoloxistas, a empresa conseguiu retomalas, coa conivencia da Xunta e dos Concellos de Samos e Triacastela, sen que, inexplicablemente, ningún deles tivese demandado responsabilidades à empresa polos danos efectuados. Pola contra, veñen de premiar o seu despotismo e falta de respecto á legalidade co levantamento da paralización cautelar e a aprobación definitiva do proxecto.

Por outra banda, tanto a Xunta como o Concello de Samos están a permitir a execución das obras dos camiños de acceso ao parque eólico por un trazado diferente ao previsto no proxecto eólico que tamén atravesa a zona de Rede Natura e a zona de amortecimento do BIC Camiño de Santiago Francés. As obras deste trazado, por tanto, son tamén totalmente irregulares, pois carecen da preceptiva autorización da Dirección Xeral de Enerxía e Minas e non foron sometidas á necesaria avaliación de carácter ambiental e cultural, ademais de pretender eludir a avaliación dos efectossinérxicos e acumulativos do conxunto do proxecto sectorial.

Por tanto, “Salvemos O Iribio” tamén denunciará ao goberno da Xunta e aos concellos cómplices ante a Unión Europea por permitir e alentar a destrución de parte dos valores ecolóxicos e naturais protexidos neste espazo de Rede Natura, e tamén ante a Unesco por non avaliar adecuadamente o impacto que suporá o proxecto eólico sobre un ben Patrimonio da Humanidade como é o BIC Camiño de Santiago Francés.

Futuras mobilizacións se non paran as obras
Salvemos O Iribio anuncia futuras mobilizacións se a Xunta non decreta de forma urxente e inmediata a paralización das obras do parque eólico do Iribio e das súas infraestruturas asociadas, como son os camiños de acceso ao parque ou a liña de alta tensión. Ao mesmo tempo, anima a sociedade galega e a colectivos de diversa índole que compartan os obxectivos de Salvemos O Iribio a formar parte da plataforma e apoiar a causa, ben participando das accións de mobilización que se promovan por parte desta, ben denunciando publicamente o grande atentado ecolóxico e cultural que se está perpetrando na Serra do Iribio.

Ata o momento forman parte desta plataforma os colectivos Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación Sociocultural O Iribio, Fundación Oso Pardo (FOP), Fundación Uxío Novoneyra, Petón do Lobo, Lugo Animal Save, Anonymous for the Voiceless, Colectivo Capitán Gosende, Asociación Cultural Roxín Rosal, Xuntos por Sarria, Agrupación CulturalErgueitas, Comité de Defensa das Rías Altas, Plataforma Galega para a Defensa Animal e da Natureza, Rede Galega do Patrimonio, Rede Galega da Educación e Desenvolvemento Rural, Salvemos a Comarca de Ordes, Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), Stop Eólicos Paradela e os grupos políticos Anova, BNG, Equo e os Grupos Parlamentarios de En Marea, BNG e Grupo Mixto. Non obstante, está aberta a novas incorporacións de colectivos ou de persoas a nivel individual que poden contactar coa plataforma a través do e-mail: salvemosoiribio@riseup.net

Doce viaxe Ramón


(A Ramón Paz Guntín)

Serás ronsel nas lembranzas
Na amada Vila Branca
No teu lugar decotío
Conversa e amabilidade
Cos veciños

Serás ronsel nas lembranzas
Na nosa pequena patria
Infancia añorada
Boliños de leite e azucre
Dos domingos

Serás ronsel nas lembranzas
No traballo construído
Aroma a chocolate
A roscón de améndoa
Da nosa tribo

Serás ronsel nas lembranzas
Ata sempre Ramón
Boa viaxe...
Bo camiño...


Pilar Maseda
Vilalba, 21 de abril de 2019

1 de set. de 2019

Nos tempos de misericordia


(A Ramón Paz Guntín)


Nos tempos de misericordia,
en algures, os amigos soportan duelo.

Preto, tan preto os tempos
enchidos de recordos,
palpitando 
de alento e esperanza insistentes.

Ramón espera
nos tempos de misericordia.

Os amigos
acompañan a dor,
comparten tristura, amor e Paz



Miguel Barrera
Torrelaguna, abril 2019

31 de ago. de 2019

Adeus a Leopoldo Pomés



Redacción.- O artista Leopoldo Pomés finou onte en Girona aos 87 anos. Presentou a súa primeira exposición, non exenta de polémica, na Galería Layetana de Barcelona no ano 1955, despois de relacionarse cos membros do grupo Dau ao Set, integrado por Antoni Tàpies, Joan Brossa ou Modest Cuixart. En 2018 foi merecedor do Premio Nacional de Fotografía.
Naceu en Barcelona en 1931 e a súa primeira cámara, tal e como informa Efe, adquiriuna en 1946, aprendendo o oficio de forma autodidacta. No ano 1961 creou, xunto a Karin Leiz, que foi a súa esposa e artífice das icónicas «burbullas» dos seus anuncios de Freixenet, os Estudos Pomés e comezou a dedicarse ao cinema e á publicidade. En 1965, asociouse con Leopoldo Rodés e creou Tempo, desde onde se xeraron imaxes tan inesquecibles como a amazona de Terry nunha praia ou en plena praza San Marcos de Venecia.
O pasado día 11 de xuño, na presentación do seu libro de memorias, Non era pecado (Tusquets/Edicions 62), comentou que para el o máis importante na vida sempre foi «mirar» e non escondeu que co paso dos anos gustáballe aínda máis.
Hedonista e curioso irredento, pertencente á denominada Gauche Divine, que tan ben retratou, foi premiado en 1965 no Festival de Cine Publicitario de Cannes e en Venecia seis anos despois. No ano 1982 participou nunha exposición xunto a outros grandes da fotografía como Catalá-Roca, Xavier Miserachs e Oriol Maspons, e tamén se encargou das cerimonias de apertura do Mundial de Fútbol en Barcelona onde, consideraba, viviu o momento «máis acojonante» da súa vida, porque a pomba que se soltou alí, nos ensaios previos sempre se caía ao chan, pero o día da inauguración «saíu todo perfecto e a Pelei, que estaba no palco, saltáronselle as bágoas».
Uns anos máis tarde, en 1995, expuxo a súa serie Touros, en ARCO e no Centro Andaluz da Fotografía e en 1997 organizouse unha gran retrospectiva da súa obra no Palau da Virreina de Barcelona, mentres que en 2015, Julià Guillamon comisarió outra mostra na Pedrera, a través dun percorrido de 140 imaxes, moitas delas inéditas.
Tamén expuxo noutros centros como o Círculo de Belas Artes de Madrid (2001), a Galería Michael Hoppen (2010), a Fundación Foto-Colectania (2012) e a Canle de Isabel II en Madrid (2015).
As súas obras poden verse nas coleccións do Instituto Valenciano de Arte Moderna, o Museu Nacional d'Art de Catalunya, o Museu d'Art Contemporani de Barcelona, o Museu Tèxtil i d'Indumentària de Barcelona, o Centro Andaluz da Fotografía (Almería) e a Michael Hoppen Gallery de Londres, entre outros.
As súas instantáneas ilustraron libros como As Fiestras, de R.M Rilke, e Gaudí, arquitectura de anticipación. Por outra banda, ao longo da súa vida recibiu varios premios e recoñecementos como a Medalla de Ouro ao Mérito Artístico do Concello de Barcelona, o Premio de Artes Plásticas da Generalitat de Cataluña en 1998 e a Creu de Sant Jordi en 1999. Ademais, era membro de honra da Academia do Cine Catalán.
Encantado de formar parte da letra dunha canción do seu admirado Joan Manuel Serrat, Conillet de vellut, e feliz por ter cumprido os seus soños de traballar con algúns dos seus ídolos como Gene Kelly, hai unhas semanas confesaba cal era a súa mellor fotografía.
A influencia dixitla, na súa opinión, convertiu «a fotografía en pornografía», pero tampouco ocultaba que a súa neta lle fixo unha fotografía moi boa co móbil, que cualificaba de «aparello sinistro». «¿Que farían hoxe Man Ray e Cartier Bresson con estes aparellos diabólicos?», preguntábase ás veces.

28 de ago. de 2019

Bravo, Miguel!!



María Xosé Lamas.- Corría o ano noventa e catro cando Paulo Naseiro achegou á vivenda que compartiamos os seus libros. Entre eles, Loita de silencio, do ano noventa e tres, editado –se mal non lembro- pola Deputación de Lugo e escrito por un tal Miguel Barrera, cun limiar do xornalista Moncho Paz. Era un poemario moi breve, pero intenso, que lin dunha sentada. 

Comentándoo co meu compañeiro de vida naquel intre, informoume acerca do seu amigo Miguel, a quen, precisamente polo seu gusto de escribir poesía, chamaban de xeito amigábel “o bombilla” (que viña a significar, o iluminado), cousas de nenos…! 

Non tardei moito en coñecelo persoalmente e si, era un rapaz especial e, como el se autodefinía, un ser que vogaba contracorrente no seo dunha familia conservadora como moitas da vila que o ollara nacer. Sobresaía do skyline line do pobo con moita distancia naqueles anos, aínda de transición, en que todo o politicamente correcto estaba por definir.

Dende entón, a nosa amizade consolidouse e permaneceu intacta até hoxe pois, a pesar que residía en terras de Castela, eran moitas as cousas que nos xunguían. Os dous contamos con un pai poético común, Manuel María, que nos alentou para seguir escribindo; os dous considerabamos necesaria a escrita como medio de expresión, non só do noso sentir, senón como forma de denuncia das lacras sociais que asolagaban -e aínda o fan- á sociedade; os dous sentiamos a necesidade de verter negro sobre branco canto acontecía ao noso arredor…

Lembro que sempre nos comunicamos o día un de xaneiro, coincidindo coa emisión do Concerto de Ano Novo que retransmitía a TVE; el sabía da miña paixón pola música clásica, que compartía. Era un momento de comuñón que sobrepasaba a distancia espacial e que nos xunguía espiritualmente.

Miguel adoitaba achegarme os seus poemarios antes de editalos. Cando me deu para ler Na árbore do desespero, remitinlle unha crítica pouco usual entre compañeiros poetas, guiada máis pola miña faceta didáctica ca polo meu sentir, aconsellándolle o uso do dicionario para revisar as incorreccións ortográficas. O feito de non utilizar o galego habitualmente como lingua vehicular facía que cometera erros na súa expresión escrita. Acaso “metera a pata”, mais coidaba que o contido da súa escrita era tan bo que era unha mágoa que non respondera á normativa vixente; deformación profesional, que se lle vai facer! Mais sei que me fixo caso, pois hoxe escribe sen aqueles poucos erros que algún día lle atopei nos seus poemas.

Aquel poemario para min, até o momento, o mellor do mellor da súa escrita, era un avance ante o tempo, antes de que pouca xente denunciara o maltrato machista que aínda sufrimos. Si, Miguel era un adiantado na temática que máis tarde tratarían moitos dos nosos máis grandes escritores, e facíao dende o seu sentir máis fondo. 

Máis tamén se adiantou naquela idea que insistentemente mantiña en promover encontros poéticos a comezos do milenio, cando aínda ninguén pensaba niso e que as amizades viamos como posíbeis, pero non doadas de levar a cabo. Hoxe corroboramos que Miguel estaba acertado; son moitas as xuntanzas que se realizan en diversos lugares e con calquera motivo –sempre positivo- para xuntárense os e as poetas e agasallaren coa súa escrita aos oídos de centos de persoas que agardan ver a vida dende outras perspectivas.

Por todo isto que conto -e moito do que me esquezo-, Bravo, Miguel, e parabéns por ese Premio Literario do Concello de Vilalba tan merecido!

Lembrando a Ramón Paz Guntín

Redacción.- Cando se cumpren pouco máis de catro meses dende o pasamento de Ramón Paz Guntín (1938-2019), propietario do establecemento coñecido popularmente como A Casa dos Marios, amigos e familiares queren render unha homenaxe moi especial a esta persoa tan prezada e lembrada na nosa vila. 

Con tal motivo, a vella tenda rexentada por Ramón abrirá as súas portas de novo durante varios días nas festas patronais de San Ramón e Santa María, para facilitar que os veciños e as amizades de dentro e de fora de Vilalba poidan achegarse e deixar por escrito as súas reflexións nun caderno habilitado especialmente para elo, recitar versos, tocar algún instrumento ou manifestarse baixo calquera expresión cultural. Por exemplo, o poeta vilalbés Miguel Barrera, gañador da XLV edición do Certame Literario, xa anunciou que o vindeiro 30 de agosto, ás 18 horas, recitará varios poemas en compañía do seu amigo Moncho Paz, xornalista e fillo do finado; e de Pilar Maseda, poeta da Rúa do Sol e na actualidade unha das voces do grupo Corredores de Sombras.

A Voz de Vilalba quere sumarse a esta homenaxe popular e ao longo da fin de semana, coincidindo cos días grandes dos festexos locais, publicará varias composicións poéticas dedicadas ao Chavito, alcume agarimoso co que coñecían os veciños a Ramón dende a súa etapa como xogador do Racing Club Vilalbés, na década dos anos 50 do século pasado. Socio fundador da Peña Celtista Excursionista de Vilalba, considerada a máis antiga do equipo vigués, o fútbol foi outra das grandes paixóns de Ramón, aficción que herdou o seu neto Xaime, que na actualidade milita nas filas da Sociedade Deportiva Compostela.

__________________
Foto.- O Chavito, visto por Yolanda Purriños.

Alúgase


Alba Sofía Naseiro Lamas.- Levamos dúas semanas de busca intensiva, sen resultado. Parece mentira que nos sexa máis difícil atopar aloxamento en Compostela que en Barcelona. A Voz de Galicia xa nolo viña advertindo: os alugueres vacacionais comezan a establecerse na capital galega, prexudicando ao modelo de aluguer máis habitual, é dicir, os pisos para estudantes universitarios.

Si, xa coñecemos o fenómeno Airbnb e a terrible tentación que supón para os propietarios gañar máis cartos ao ter os pisos alugados de forma estacional, sen ter que aguantar aos inquilinos durante todo o curso escolar. O que me parece terrible é que en Barcelona, o lugar máis resentido da península por este fenómeno, nos fóra máis fácil atopar un bo aloxamento, unha vez te resignas aos desorbitados prezos froito deste problema. Refírome á actitude dos propietarios, por suposto.

Sempre me deu a impresión de que os propietarios dos pisos de Santiago son xente desconfiada, que cando te ten de inquilino cre que che está facendo un favor, non ofrecerche un servizo a cambio dun beneficio económico. Son libres de esixir condicións que non teñen nada que ver co intercambio de bens e servizos orixinal, e que non atopamos no noso periplo por Barcelona. Estes propietarios, de forma xeneralizada, non admiten mascotas, fumadores, parellas, ou incluso persoas de xénero masculino. Isto último é especialmente curioso, porque moitos dos que buscan só inquilinas son homes, e resulta moi incómodo pararse a pensar nas razóns desa criba. Algún ano chegueime a atopar unha propietaria que, ao anunciarlle que ocuparíamos catro persoas as tres habitacións que ofrecía, quixo subir o prezo do aluguer.

A miña experiencia falando con axentes inmobiliarios e algúns propietarios deume a entender que os donos das vivendas teñen unha imaxe moi negativa dos posibles inquilinos. Entenden que os estudantes (a maior parte, pero lembremos que non son os únicos que precisan vivir de aluguer) son descoidados, irresponsables e suxos. Podo comprender que algúns tiveran malas experiencias cos seus inquilinos, pero négome a pensar que a maioría dos casos sexan así, e pagan xustos por pecadores. E o peor é que a desconfianza esténdese aos que non estudan, a xente que se supón máis madura, traballadora, que simplemente non ten unha vivenda en propiedade, ou que lle resulta máis económico e cómodo alugar un piso máis preto do seu traballo que desprazarse todos os días dende a súa casa noutro concello.

É necesario puntualizar que o aluguer en Barcelona está realmente máis difícil que aquí, pero os problemas son diferentes: os prezos están absurdamente inflados e a única preocupación de propietarios e inmobiliarias é cobrar. É necesario asegurar, como inquilino, que vas a ser solvente durante todo o tempo que esteas na vivenda, mediante avais e certificados de emprego. E o impago do aluguer, entre outras causas, leva consigo a maior das traxedias que lle pode ocorrer a unha familia falando de vivenda: un desafiuzamento.

En Santiago, de momento, non se fan as cousas da mesma maneira. Prefiren previr que curar, aínda que deberían saber que para algo se inventaron as fianzas, para solucionar problemas cos inquilinos. Ben, ao mellor non coñecen realmente o mecanismo, porque tamén souben de propietarios que non devolven as fianzas por causa dun electrodoméstico antigo que non funciona, cando o desgaste derivado do uso normal dun obxecto non é causa legal para negar a devolución dunha fianza.

Quería rematar esta pequena reflexión puntualizando un dos aspectos desta desconfianza que, malia ao que podiamos pensar, é máis problemático en Galiza que na cidade condal: as mascotas. Barcelona está chea de cans, cans soltos, cans grandes, cans pequenos. Non adoita haber problemas con eles nin no ámbito público nin no privado. Cando chegamos ao noso piso barcelonés por primeira vez dixéronnos que o piso era ideal para familias con mascota, porque tiña un patio interior. Hai unha tolerancia enorme cos animais de compañía. En Galiza o tema das mascotas, ao igual que o aluguer, tamén se caracteriza pola desconfianza: a maior parte das cidades carecen de grandes espazos para ter cans soltos, para que gocen dun pouco de liberdade. A maior parte de parques teñen minúsculos “pipicáns” e as grandes superficies verdes están destinadas aos seres humanos, prohibindo a entrada de mascotas ou limitándoas a ser levadas con correa. Xa explicamos que no ámbito do aluguer o máis habitual é negar o dereito de admisión a mascotas, pola razón que sexa. Iso faime pensar: é que para compartir a túa vida cun animal precisas ter unha vivenda en propiedade? E, polo xeral, a xente adoita desconfiar do comportamento dos cans pola rúa. Pode que sexa unha herdanza xenética daqueles labregos temerosos do ataque dos lobos, non o sei. Pero isto, como dicía o autor, xa é outra historia.

26 de ago. de 2019

A Xira da vida

María Xosé Lamas.-

Era moi nena, a remate dos sesenta, non lembro o ano con exactitude, cando fun por primeira vez de merenda á Xira do San Ramón –naquel intre, o sábado anterior á Feira- no Chalé do Crespo. A quen si lembro é aos comensais: meus pais, miña madriña, miña irmá Elsa –a pequena, Pili, aínda non existía- e meus tíos de Cas Paredes. Era unha festa máis das que se adoitaba asistir toda a xornada, como o San Pedro de Santaballa, o Carmio de Lanzós ou o Rosario de San Simón.
A partir de comezos dos setenta, como xa viviamos na vila, deixamos de preparar a merenda para fóra e celebrabámola na casa, por entón, na rúa das Pontes de García Rodríguez. De xeito que até as festas do ano setenta e oito, cando fun dama de honra de brazo do finado e sempre estimado Andrés Baamonde, non volvera a partillar as viandas do xantar naquel fermoso emprazamento. Contaba con dezasete anos acabados de cumprir e unha cicatriz recente da intervención de apéndice á que me someteran dúas semanas antes, mais nada impediu que o pasara de marabilla.
Os avatares da vida mantivéronme afastada por outra longa tempada deste evento do que volvín a gozar máis tarde, e por unha morea de anos, coas amizades da xuventude,  xa na Madalena. Xuntabámonos días antes para facer os preparativos e distribuír as tarefas: uns reservaban o sitio e preparaban as mesas de táboas, outros encargaban as empanadas, outros as abondosas bebidas –que non faltaran- e todos e todas engaiolabamos ás nosas nais para que nos prepararan as suculentas tortillas, empanadillas, croquetas ou ensaladiña das que sempre sobraba para a cea ou convidar a cantos se achegaran á merenda.
Máis tarde, acudín á Xira como voluntaria da Cruz Vermella durante varios anos. A carón da caseta presidida pola ambulancia, nas horas en que aínda non se agardaban máis incidentes que algunhas rozaduras e picadas de tabáns ou avésporas,  gozabamos en compaña de voluntarios que se achegaban de asembleas doutras terras das copiosas viandas que recibiamos vía cátering dalgún restaurante da vila, encargadas polo presidente, Pepe Apenela.
Lembro unha en especial, no ano noventa e seis, á que non acudín como comensal, mais si polo serán coa miña filla Alba Sofía de poucos meses. Nesa ocasión, visitei aos amigos cos que compartira tantas veces esta xornada e Ana Belén presentoume á súa parella, César, que tomou en brazos á pequena e non a soltou por varias horas. Tal era a tenrura que ambos sentían que eu mesma non ousaba separalos.
O tempo foi pasando e o día da Xira acabou converténdose por anos nunha xornada de  preocupación desa nai que agarda na casa as novas dos seus fillos que gozan do mesmo ca ela no seu tempo, pero dende outra perspectiva…
Hoxe, xa cos fillos adultos, visitei de novo a Xira e lembreime de todo o vivido nela dende nena, de seguro que non moi diferente da experiencia de moitas e moitos vilalbeses a través dos anos que nos levan.
María Xosé Lamas, a 24 de agosto do 2019.

Barrera gaña o Certame Literario de Vilalba



Moncho Paz.- O poeta Miguel Barrera resultou gañador do XLV Certame Literario de Vilalba, coa obra Poema da rúa das aves (Capitulo II: Agora). A tráxica historia de Gata Non-Nata e como as Aves da Porta de Cima coidaron dos seus gatiños. O traballo foi presentado baixo o lema “Como pequenos estandartes”. O galardón está dotado con sete mil euros, diploma e flor natural e será entregado o vindeiro 30 de agosto na capital chairega.

O xurado, presidido pola alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro Fernández, estivo integrado por expertos no eido literario: Darío Villanueva Prieto, membro da Real Academia Española; Ramón Villares Paz, catedrático de Historia da Universidade de Santiago de Compostela; Fidel Fernán Vello, xornalista e director de Radio Principal; e Xulio Xiz Ramil, xornalista e fundador do portal cultural www.galiciadixital.com
A noticia sorprendeu a Barrera en Vilalba, recentemente chegado dende a súa residencia en Torrelaguna (Madrid) para disfrutar duns días de lecer entre amigos e familiares. Nado na nosa vila en 1964 e cunha dilatada traxectoria literaria e profesional, Barrera é autor de diversas publicacións sobre economía social e cultura no xornal El Progreso de Lugo e ten publicado poesía en xornais e revistas literarias, como Xistral e outras.
Conta no seu haber con varios libros de poesía: Loita de silencio (1993), Na árbore do desespero (Derradeiros poemas de Cándida), incluído no primeiro ‘Caderno de Estudos Chairegos’ no capítulo de Nova Poesía (2002) do Instituto de Estudos Chairegos, e Poemas do Tempo Silenciado (2006), animado polo grupo de poetas afincados en Madrid baixo a denominación de grupo Bilbao, entre os que destacan Vicente Araguas, Manoel Pereira, Xavier Frias e Rafael Yañez Jato principalmente. Ten inédito o libro “Amor Enteiro”, que aborda a poesía erótica e diversos textos en prosa. 

Barrera é vicepresidente e fundador da asociación Letras de la Sierra Norte en Madrid e ten publicado textos en galego e castelán na revista literaria Cartapacio. Asemade, formou parte do grupo de guionistas do proxecto cinematográfico "Una tela en blanco" e na actualidade é membro da xunta directiva de Amigos de Prisciliano, movemento cultural fundado en París polo escritor Ramón Chao que reivindica a figura do herexe decapitado pola Igrexa católica e a súa influencia na cultura galega.

Pregunta.- Como acolliches a noticia do premio?
Resposta.- Foi unha casualidade, pois recibín a chamada do xurado poucas horas despois de chegar a Vilalba. É para min unha gran ledicia e un gran orgullo, por ser un premio que ven da miña vila natal, e que conta cunha excelente dotación económica e cun prestixio que vai medrando ano tras ano.
P.- Que queda daquel Barrera que unha vez se autodefiniu como “fillo da contracultura”?
R.- Aínda segue vivo. Cando falamos de contracultura referímonos a un movemento cultural que agora estáse a perfilar como unha das revelacións para as novas xeracións. O que antes era un enfoque de minorías hoxe forma parte do quefacer cotiá. A contracultura viña a diferenciar un novo xeito de ver a vida e tamén visualizaba a idea de universalizar o eido cultural, tan propia dos anos oitenta.
P.- Como evolucionou Miguel Barrera dende Loita de Silencio?
R.- Foi unha reivindicación dos campos, ríos e recantos de Vilalba. Non era soamente un canto á Chaira, senon tamén á visión entre o sentido espido do mundo, onde pretendía interpretar o ar, o vento, as nubes e os intres tormentosos que pode experimentar calquera persoa nun determinado momento.
P.- Anticipáchete no tempo coa denuncia da violencia machista, en A árbore do desespero (1988)…
R.- En efecto, foi unha composición que puxen en boca dunha muller para denunciar a violencia machista, da que tanto se fala agora. Alí describo a anguria das últimas horas da antagonista, cando decide poñer fin á sua vida ao decatarse de que a sociedade protexe ao violento. Afortunadamente, cambiaron moito as cousas nesta lacra nos últimos anos, especialmente no que se refire á sensibilización da sociedade.
P.- E chegaron os Poemas do tempo silenciado, dende o exilio madrileño.
R.- En realidade son unha continuación de Loita de silencio. Forman parte dun período que transcorre en pouco máis dunha década, entre 1993 e 2003. Decateime de que o silencio era unha inxenuidade pola miña banda, ante a forza e a necesidade que tiña de seguir escribindo. O libro ten dúas edicións, unha feita en Madrid e promovida polo grupo Bilbao; e a que saiu meses despois como parte da colección da Biblioteca do Instituto de Estudos Chairegos.
P.- Dende sempre colaboraches con varias publicacións literarias…
R.- Comecei a publicar os meus poemas en A Voz de Vilalba, aló polo ano 1985. E sigo a facelo na actualidade na edición dixital; de feito, os meus poemas máis recentes neste medio teñen que ver con temas de actualidade, como o cambio político na nosa vila e a designación de Ricardo Carvalho Calero como protagonista da vindeira edición das Letras Galegas. Posteriormente, publiquei en varios números da revista Xistral e, no ámbito madrileño, na revista Olga, como continuación do meu labor como membro do grupo Bilbao; e na revista Cartapacio, da Serra Norte de Madrid. Este ano tiven a oportunidade de participar nun recital poético no Ateneo, onde recitaron no seu día Lorca e outros autores de prestixio e onde tamén celebraba Valle-Inclán as súas tertulias literarias. E participei tamén en numerosos libros colectivos.
P.- Tiveches unha fonda influencia dos poetas da Chaira.
R.- Manuel María foi o meu pai espiritual. Coñecino por vez primeira na carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, de onde tamén era natural o meu pai. E mantivemos unha relación de amizade dende comezos dos anos noventa, tanto literaria como epistolar. Non podo esquecer tampouco a Agustín Fernández Paz, que unha vez me dixo “Hai que ler un pouco todos os días”. E, lóxicamente, a Xosé Luis García Mato, o Guedelliñas, co seu estilo existencial e tremendista. O meu libro premiado e unha homenaxe aos poetas de Vilalba, esta terra pequeniña que ten un fondo extraordinario no corazón. Un acaba por voltar ao territorio íntimo, que no meu caso está cos poetas de Vilalba, coa súa temática, o seu xeito de escribir… Os mortos volven, e da maneira que se achegan a nós, interpretámolos de novo. Coñecinos a fondo a través do libro “Os poetas de Vilalba”, de Xulio Xiz.
P.- Que lecturas ocupan actualmente o teu tempo libre?
R.- En concreto, tres. Spoon River Anthology, de Edgar Lee Masters; El último barco, de Domingo Villar; e Sapiens, de Yuval Noah Harari. Tamén ando na relectura dos poemas de Patty Smith e na obra de Marcos Ana (1920-2016), poeta comunista e o preso que máis tempo pasou nos cárceres franquistas, un total de vinte e tres anos.

___________________________________
Foto.- Miguel Barrera, tras recibir a noticia do premio (Manuel París)

20 de ago. de 2019

Spanish movie

César Reis Alveiros.-

De rodar Danny Boyle, e xa non digamos Steven Spielberg, a historia do debate de investidura á que asistimos nas últimas dúas semanas, o final tería sido outro moi diferente. Por desgraza, non puido ser e, se teñen un pouco de paciencia, tentarei explicar por que as cousas aconteceron do xeito que puidemos comprobar.

Que a vida non é máis ca unha representación, iso sabémolo todos desde Platón. Unha representación na que nós somos os personaxes. Non en balde a palabra “persoa” significa, na súa etimoloxía, “máscara”. Ser persoa é porse a máscara, representar o papel que nos foi asignado. De non ser así, o mundo sería un lugar moito menos habitable do que ás veces xa é. Por iso, analizar a vida coma se fose unha obra de ficción é o único xeito de entendela, aínda que iso nos leve a comprobar como unha boa historia, pode malograrse por un final inadecuado.

A trama á que asistimos nestas dúas semanas semellaba prometedora. Había un pouco de todo: golpes de guión de chiscadela shakespeareana, como cando Pedro Sánchez cualificou na SER de “mascarada” a enquisa interna de Podemos (teatro dentro do teatro); xiros imprevistos, como o monólogo calderoniano de Pablo Iglesias nas redes botándose a un lado; e, sobre todo nesta última semana, tras o fracaso da primeira votación, coa tensión in crescendo de cara ao momento climático do día 25, frases impagables que pretendían rebaixar a tensión, como cando, tras a intervención de dúas horas de Pedro Sánchez no Congreso, un deputado da formación violeta concluíu que o presidente só dixera a palabra “Podemos” dúas veces “e unha era do verbo poder”.

As esceas finais, a propia sesión de investidura do día 25, estiveron cheas de reminiscencias ao mellor teatro clásico e ao cinema xudicial, desde Antígona até Matar a un ruiseñor. Cada un dos personaxes representou con enorme corrección o papel que lle tocaba. Casado cos seus argumentos de opereta que parecía recitar de memoria como o alumno aplicado que sobe á palestra: ETA, Venezuela… Rivera enseñoreándose como líder da dereita e principal defensor dos intereses dunha clase media vapuleada polos bancos que o defenden a el. Abascal, digno de Beckett, citou a Unamuno para propor todo o contrario do que pensaba o ilustre bilbaíno. Iglesias, correcto coma sempre, metido no seu papel de personaxe grave de tinguiduras tráxicas, tentando dar un xiro imprevisto á trama no derradeiro intre. Pero o verdadeiro protagonista da escea, sobre o que recaeu todo o peso da acción e ao que máis quere a cámara (todo hai que dicilo), foi Pedro Sánchez. Mentres debullaba o seu discurso daba igual o que dixese, a nosa mente recreaba en diferentes flash back os pasos da traxectoria do seu personaxe: como, téndoo todo en contra (mesmo aos seus), foi capaz de renunciar e entregar a súa praca ao comisario xefe para logo rexurdir das súas cinzas até chegar ao momento actual.

Cando en 2008 Danny Boyle (director de clásicos como Trainspotting) estreou Slumdog Millionaire, unha dura película sobre a pobreza na India, algúns críticos españois atacárona polo que cualificaron como un final excesivamente brando e compracente. Hai no cinema español, na crítica e, atreveríame a dicir que no público, unha querenza especial polos finais desgraciados. A historia á que asistimos estes días merecía un final feliz. Non hai nada de malo nos finais felices. Quen escribiu esta trama debería ver máis cinema anglosaxón. Debería ver a película de Danny Boyle. Ou mellor aínda, o biopic Lincoln, rodado en 2012 por Steven Spielberg. Debería comprobar como unha historia de enredo político que termina cunha votación pode, malia todo, ter un final feliz e deixar ao espectador reconfortado cando abandona a sala de proxección.

E din que aínda nos agarda unha segunda parte en setembro. Mellor non pensar no tópico relacionado coa segundas partes se non queremos botarnos a tremer.

26 de xul. de 2019

Confesión e petición

Xoan Xosé Fernández Abella.-

Miña vida, Señor, sen ti é nada.
Ti es a miña forza, o meu camiño,
a miña verdade, o meu destino,
meu ímpeto, e meu firme sostemento,
miña razón de ser, a miña esencia,
pois sen ti nada son, meu Deus eterno.

Dame, Señor, a forza e valentía
de proclamar, sen medo, as túas verdades,
verdades de xustiza, de igualdade
neste mundo inhumano en tantas cousas:
fame, miseria, explotación e guerras
que ditan intereses comerciais,
mentres por todas partes,
mentiras, e mentiras e mentiras
que temos que aturar os que levamos
o amor e a humanidade en nosos peitos.

Ata cando, Señor, a falsidade
deste vivir corrupto e desalmado,
de crimes incontables,
que ata en nome de Deus, ai!, se cometen.
de tanto asasinato,
de tanta violación e terrorismo,
de tanta pederastia,
de tanto engano infame,
de tanta hipocrisía,
de tanto destrozar a natureza,
e non respetar nada,
de tanta ansia podre de poder,
de tanta fedorenta egolatría,
de tanta adoración do vil diñeiro,
de tanto e tanto olvido dos valores,
de tanta infamia inmensa e execrable?

Desde o meu corazón,
e dicindo millóns de veces non,
vai para os que o teñen
a firme invitación, dende o Dereito,
a non ter ningún medo,
a desterrar deste mundo o miserable,
o explotador, o criminal, o infame.

O crente e o ateo
teñen que coincidir neste desexo
firme e irrenunciable
de cambiar este mundo
ruín, criminal, infame.


Os Tilos, 23/Setembro/2018

Violencia machista en Vilalba


Redacción.- María Carmen Vázquez Cereijo, de 47 anos, foi presuntamente asasinada polo seu exmarido, Manuel Vázquez Vázquez, nado no ano 1969, no número 14 da rúa Cidade de Lugo, no centro urbán de Vilalba. O home, que residía na parroquia vilalbesa de Nete, permañecía desaparecido dende onte pola mañá, cando supostamente se foi ao traballo, a unha queixería de Abadín, á que nunca chegou. Foi un irmán o que interpuxo a correspondente denuncia pola súa desaparición onte pola noite. 



Os dous cadáveres apareceron esta mañá no domicilio da muller, no centro urbano de Vilalba. Estiveran casados pero agora mesmo estaban separados e el tiña unha orde de afastamento. Segundo transcendeu nos primeiros momentos, ela presentaba unha coitelada no pescozo e el foi achado aforcado no interior do devandito inmoble. O Concello de Vilalba decretou tres días de loito oficial.

La Voz de Galicia

21 de xul. de 2019

Carvalho Calero son eu



Miguel Barrera.- Carvalho Calero chegou. Cando, aló polo 23 de xullo do 2010, publiquei na Voz de Vilalba o artigo  Quitade as vosas sucias mans de Lois Pereiro , non desfrutei da nova de nomear ao poeta coma homenaxeado para las Letras Galegas do ano 2011, aínda que había razóns sobradas, parecíame prematuro e de difícil dixestión.

Pois a día de hoxe, moitos felicitámonos por fin, da aprobación da RAG, pola “ampla maioría” da súa decisión, de dedicar o Día das Letras Galegas do 2020 ao mestre Ricardo Carvalho Calero. Eu felicítome. Eu son alguén, no amor as letras,  grazas a dous mestres inconfundibles na historia particular de moitos coetáneos. No meu particular deambular, atópanse Pepe Chao e Carvalho Calero, inconfundibles no renacer e na identidade.

Aínda lembro o día que merquei na libraría Segrel a terceira edición da “Historia da literatura galega contemporánea” da Editorial Galaxia. O que non recordo era si chovía ou se a brétema confundía as árbores da Alameda, so tiña ansias e ánimos de agarimar as 894 páxinas da transcendental obra. Agora estou a facer o mesmo e o desfrute énchese de melancolía.

Debaterase moito a súa figura, a súa obra, penso que sobre todo o seu transcorrer vital na lingua galega (perdón na Lingua Galega).

Como aperitivo dese debate futuro recomendo a lectura do nº 5 da Revista Olga (Revista de poesía galega en Madrid) de maio de 2018, onde como “reduto idealista” (Vicente Araguas dixit) se rendeu humilde homenaxe. Por certo, revista  Olga na que a inestimable teima de Vicente Araguas, Manuel Pereira e o vilalbés Rafa Yáñez entre outros, manteñen un facho de galeguidade, extra muros de Galiza.

En fin, de remate o poema “Reticências...” (1986-1989), recollido na escolma no nº 5 de Olga:



Somos os pacifista,

que andamos dando guerra.



Somos as feministas,

que vestimos de home.



Somos os poetas eróticos,

impotentes no tálamo nupcial.



Somos os sacerdotes,

que nom cremos em Deus.



Somos os comunistas,

mui zelosos da nossa propiedade privada.



Somos os homes – e as mulheres-. Inumanos,

como cumpre à nossa humana condiçom.



Se os nossos nomes e as nossas condutas

nom  foram como som contradiçom,

só seríamos sombras.



Mas somos realidades, e por isso

somos assí, contrários do que somos.

                                                                         (Arredor de si)

30 de xuño de 2019