Paralizadas as obras do Iribio

Redacción .- 

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, resolveu a finales de outubro deixar sen efecto de xeito temporal todas as actuacións administrativas “causalmente vinculadas” ao Acordo do Consello da Xunta do 27 de xuño suspendido recentemente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e polo que se aprobada a modificación do proxecto sectorial do parque eólico do Iribio. Así mesmo, ordeou tamén “a paralización das obras derivadas das autorizacións administrativas, así como a Resolución da modificación non substancial”. 

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas enviou esta notificación á entidade ecoloxista ADEGA, como parte persoada no expediente de modificación, a última hora da tarde de onte e logo de que organización instase a dar cumprimento ao auto do TSXG e ordenase a paralización inmediata das obras.

Esta resolución do director xeral de Enerxía e Minas implica, non só supón a suspensión temporal da efectividade do Acordo do Consello da Xunta do 27 de xuño de 2019 suspendido polo TSXG, senón tamén dos acordos posteriores e anteriores vinculados a dito acordo, isto é: a Resolución do 31 de maio de 2007 pola que se autorizan as instalacións electromecánicas e se aproba o proxecto de execución, a súa inclusión no réxime especial, a declaración de utilidade pública do proxecto, a aprobación da modificación non substancial do parque eólico e a modificación definitiva do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal. Así mesmo, insta aos concellos de Samos e Triacastela, nos que se empraza o proxecto eólico a adoptar as medidas oportunas e, por tanto, suspender tamén temporalmente as licenzas municipais outorgadas para a 
execución das obras. 

De feito, tamén a finales de outubro, o concello de Triacastela notificaba a ADEGA a suspensión da licenza outorgada pola Xunta de Goberno o pasado 30 de agosto para a construción do parque eólico Serra do Oribio e a paralización das obras feitas ao seu amparo. Pola súa banda, o concello de Samos non comunicou oficialmente a emisión da orde de paralización das obras, pero este feito foi confirmado telefonicamente con persoal do concello. 

Desde a plataforma Salvemos O Iribio consideran que o auto do TSXG e a posterior paralización das obras do parque eólico na serra do Iribio supoñen un fito histórico da acción organizada da sociedade civil na defensa ambiental e cultural do país, aínda que acollen estas novas con certa cautela. Esta plataforma desconfía de que a empresa Fergo Galicia Vento acate as ordes de paralización, xa que aínda onte pola tarde as súas máquinas estaban a traballar na zona.

1 de nov. de 2019

Tecendo roteiros 2019-2020

Redacción. -

ADEGA-Lugo, cunha programación de roteiros que vén de facer 20 anos e que é xa toda unha seña de identidade da delegación de Lugo, quere seguir convidando a todos os públicos a gozar e coñecer as mil e unha paisaxes, os mil e un tesouros ambientais e patrimoniais, os mil e un territorios dun país que a cada paso tantas xoias como historias garda. 
Tantos anos percorrendo os camiños da Galiza constan unha certeza: por fortuna, cada un destes tesouros, nas súas mil e unha feituras, ten un ronsel de afoutas e afoutos coidadores e gardiás. Malia as desatencións, malia as agresións, malia as ameazas que eses tesouros tantas veces e tan inxustamente padecen.
Moitas destas heroicas valedoras do país, do seu medio natural, da súa paisaxe, das obras e saberes colectivos das súas xentes, son as asociacións culturais de base: grupos de mulleres e de homes con medios e recursos moi modestos, mais cunha capacidade creativa e de traballo que o compensa todo. E, sobre todo, cun grande amor a canto teñen arredor de si. 
Esta rede é outra das xoias que deu o noso pobo: un tesouro inmenso que hai que conservar, coidar, visibilizar. E seguir tecendo, para que chegue máis grande e forte ás xeracións futuras.  
A espallar e afortalar esta rede de valedoras e valedores do noso é ao que propomos contribuír desde ADEGA-Lugo co Programa de Roteiros 2019-2020, recoñecendo e agradecendo o seu valioso (e valeroso) traballo, e aprendendo dos seus saberes e coñecementos sobre o territorio, a paisaxe, o patrimonio, a historia… 
Que mellor maneira de percorrer o país que a través da ollada de quen máis fai por amalo. Por iso este curso 2019-2020 ADEGA LUGO estará TECENDO REDES.
O primeiro roteiro terá lugar o vindeiro domingo 3 de novembro cunha xornada lúdico reivindicativa pola Serra do Iribio. O prazo para anotarse neste roteiro finaliza o mércores 30 de novembro.
Web e formulario de reserva
Á páxina web específica para esta actividade de divulgación ambiental, pódese acceder a través da URL http://roteirosadegalugo.wordpress.com. Neste sitio web poderase consultar o programa de roteiros, a información relativa a cada saída e tamén o formulario a través do cal se deberán inscribir as persoas participantes. Tamén poderán reservar praza a través dos números de teléfono 982240299 e 677800293. As inscricións teranse que facer antes das 14h do xoves da semana da saída.
Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades aínda que os socios e socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou os menores de 14 anos. 
A saída do autobús terá lugar ás 8.00 ou ás 9.00 horas da mañá, dependendo da proximidade do destino,  fronte á Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, na Avenida de Ramón Ferreiro.
Programa de Roteiros: TECENDO REDES
A continuación indícanse cales serán as datas, os destinos, e os colectivos que colaboran nos roteiros “Tecendo Redes” de ADEGA-Lugo:
• 3 de novembro: A Serra do Iribio. Plataforma Salvemos o Iribio.
• 24 de novembro: O Bierzo, a Galiza irredenta. Asoc. Tyto Alba.
• 22 de decembro: O Lugo de Carvalho Calero. Escola Oficial de Idiomas, colabora Colexio de Fingoi.
• 19 de xaneiro: Terras do Miño, terras do Neira e fontes do río Tórdea. Amigos do Patrimonio de Castroverde.
• 23 de febreiro: Mádia-Leva, 12 anos na historia de Lugo. CS Mádia Leva.
• 22 de marzo: As Mariñas Betanceiras. AC Roxín Roxal
• 19 de abril: Os Ancares naviegos. Asoc. Irmandade naviega
• 24 de maio: Negueira de Muñiz. Asoc. Polo Desenvolvemento de Negueira.
• 21 de xuño: A Fonsagrada. Mariña Patrimonio.

III Premio Agustín Fernández Paz

Redacción. -

Reunido na Sala de Xuntas do Instituto de Estudos Chairegos, sita na Casa da Cultura de Vilalba, o sábado, día 26 de outubro de 2019, o Xurado do III Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade, convocado polo Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia, e formado por Dª Rosa Aneiros Díaz, D. Manuel Bragado Rodríguez e D. Xavier Senín Fernández,
Acordou por unanimidade outorgar dito Premio á obra titulada
PLAN DE RESCATE
presentada baixo o lema ou seudónimo de
PLAN DE RESCATE
Unha vez aberta a plica, resultou ser a autora
ANTÍA YÁÑEZ RODRÍGUEZ
ADENDA:
Noela unha rapaza de dez anos en cadeira de rodas conta a historia protagonizada polos seus compañeiros de clase de apoio. Todos os catro resolverán unha difícil situación que sofren o resto dos seus colegas e o profesorado do centro. Unha aventura chea de humor e ironía onde cada un dos espazos da escola se transforma en escenario dunha inesperada operación de rescate.

26 de outubro: Día do Dano Cerebral


Redacción.-

O 26 de outubro conmemórase o Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido, unha efeméride fixada polo Consello de Ministros en 2007 cos obxectivos de visibilizar esta discapacidade e de dar a coñecer as necesidades do colectivo.

O dano cerebral adquirido é unha lesión que se produce nas estruturas cerebrais de forma súbita en persoas que naceron sen dano ningún no cerebro. Polo tanto, a súa principal peculiaridade é o feito de ser, como di o nome, “adquirido”, presentándose repentinamente na vida dunha persoa e rompendo o seu proxecto de vida e o da súa contorna social. Esta lesión pode estar causada por unha enfermidade (ictus, no 78% dos casos, pero tamén tumor cerebral, anoxia, doenza metabólica...) ou por un traumatismo cranioencefálico (motivado por un accidente de coche, laboral, un golpe, unha caída...).

Calcúlase que hai 35.756 persoas con dano cerebral adquirido en Galicia, e que se producen uns 7.000 novos casos cada ano. Unha das reivindicacións das asociacións de dano cerebral é, precisamente, contar cun censo de persoas con esta discapacidade: termos cifras máis fiables coas que sermos quen de calcular cales son en realidade as necesidades de atención das persoas e das familias con esta discapacidade.

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) está constituída polas cinco asociacións de referencia en Galicia: ADACECO na Coruña, ADACE Lugo, Alento en Vigo, Renacer en Ourense e Sarela en Santiago. En total representa a máis de 1.700 familias de persoas con dano cerebral. As asociacións federadas, que prestan servizos de información, apoio, rehabilitación e inclusión, atenden actualmente a unhas 400 persoas.

Actividades relacionadas coa lectura

O día 25 de outubro o movemento asociativo presentará o seu manifesto reivindicativo, que se fará chegar a todos os medios de comunicación. Mentres, FEGADACE e as súas asociacións convocan ducias de actividades para conmemorar o Día do Dano Cerebral en toda Galicia.

A Federación preparou varias iniciativas culturais a través das que sensibilizar sobre a realidade das persoas con dano cerebral adquirido. O vindeiro 22 de outubro comeza na biblioteca Ánxel Casal de Santiago a exposición fotográfica ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’, que compartirá o vestíbulo do centro, ata o 8 de novembro, cunha mostra de libros nos que, dun ou outro modo, se fala desta discapacidade.

A mesma biblioteca vai acoller tamén outras actividades relacionadas coa novela xuvenil Iridium. O día 30 de outubro o seu autor, Francisco Castro, e a neuropsicóloga da asociación Alento, Papu Quiroga, presentan o libro a partir das 19:30. Ademais, os días 23 de outubro e 8 de novembro, dous grupos de persoas usuarias de Sarela organizarán outras tantas sesións de lectura de Iridium.

‘Visións sobre o dano cerebral adquirido no cinema’

En paralelo, FEGADACE está a desenvolver o ciclo ‘Visións sobre o dano cerebral adquirido no cinema’, que pretende ser unha aproximación fílmica á discapacidade e á inclusión. Profesionais das nosas asociacións tratarán, en cada pase, de suscitar debate en torno ás necesidades das persoas con dano cerebral.

Desde a vindeira semana, no Auditorio Afundación da Coruña poderase ver O meu fermoso cerebro roto (My beautiful broken brain. Sophie Robinson & Lotje Sodderland, 2014), o día 22; e Máis alá do espello (Más allá del espejo. Joaquim Jordà, 2006), o día 28. O Auditorio Afundación de Santiago acolle os pases de Máis alá do espello, o día 23; e Anxos sen paraíso (A child is waiting. John Cassavetes, 1963), o 31 de outubro. Todas as sesións comezan ás 19:00.

Información para familiares e persoas con dano cerebral

Por último, continúa o programa de obradoiros sobre o dano cerebral adquirido da Escola Galega de Saúde para Cidadáns. Baseados na guía Cousas que debes saber sobre o dano cerebral adquirido cando o teu familiar está no hospital, editada este ano por FEGADACE, e impartidos por profesionais das asociacións federadas. Os próximos serán o 22 de outubro en Santiago, o 24 en Lugo, e o día 29 en Vigo.

Amplo programa conmemorativo das asociacións de FEGADACE

ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela sacan tamén á rúa o dano cerebral adquirido para conmemorar o 26 de outubro. Desde o vindeiro luns haberá exposicións, mesas informativas, andainas, obradoiros, e moitas outras actividades. Inclúense como anexo ao presente documento, e tamén se poden consultar nesta ligazón.


***
FEGADACE constituíuse en 2007 polas cinco asociacións de dano cerebral adquirido que traballan en Galicia: ADACECO na Coruña, ADACE en Lugo, Alento en Vigo, Renacer en Ourense e Sarela en Santiago. O DCA é unha discapacidade causada principalmente por ictus e accidentes de tráfico que afecta a unhas 35.000 persoas en Galicia.

22 de out. de 2019

Entrega do premio Trapeira de Honra


Redacción.-

Entre os moitos prémios e recoñecementos da Terra Chá, os criados nos Vilares están a consolidarse cada ano, un deles con seis edicións e outro xa no seu terceiro ano. Son os prémios da VI edición Trapeira de Honra e da III edición do Certame Vilariñas de micro poesía o sábado 19 de Outubro ás 19:00 na Casa Habaneira de Guitiriz convocados pola Asociación Socio-Cultural Lareira de soños e polo grupo poético NPG Nova Poesia Guitirica. O prémio Trapeira de Honra corresponde este ano á emprendedora Sara Veres Vazquez 'Sara das Reixas'. Nas edicións anteriores foron recoñecidXs José María Díaz Castro (póstumo), Romaría Labrega da Chaira, o músico José Díaz 'Pepe de Cristos', á Labrega Asunción Lobeiras 'Asunción dos Ares' e ao emigrante en Euskadi e activista cultural Raúl Río.

Na III edición do Certame Vilariñas corresponde o primeiro prémio á viguesa con orixes en Begonte Beatriz Coira Ríos, o 2° prémio ao berciano Manuel González Prieto e o 3° prémio á arousana Ana García Rivas que se farán coa fermosa figura deseñada pola artista Viki Rivadulla, pezas únicas feitas a man que conforman a imaxe deste concurso cada día máis recoñecido. Nas anteriores edicións @s poetas gañadoras/es foron Andrea Araújo, Pedro Rielo, Toño Núñez, Beattiz Dourado, Mila Villanueva e Cris Amoedo coa participación de arredor de 700 vilariñas até agora.

Así como no 2018 homenaxeamos a Alfonso Blanco Torrado, na edición 2019 honrarase á escritora, mestra e poeta Marica Campo, orixinaria do Incio e con fondas vinculacións a Guitiriz e á Terra Chá. O agasallo de Marica foi deseñado pola poeta de Labrada Branca Villar. Neste acto, no que se xuntarán por primeira vez estes tres recoñecementos, contaremos con importantes participacións poéticas e musicais e será aberto ao público.Pastora Veres, Luz Campello, Anxela Gracián e o acompañamento poético-musical de Corredores de Sombra intervirán neste acto conducido polo presidente da Lareira de soños, Antón de Guizán e pola poeta vilalbesa María Xosé Lamas. O acto estará presidido pola alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, que fará entrega do prémio Trapeira de Honra a Sara Veres que será obsequiada tamén con un retrato da artista Isabel Pardo. Ambos prémios, Trapeira de Ho ra e Vilariñas, foron inspirados en José María Díaz Castro, o poeta das cousas pequenas, nos que se valoran a xentes anónimas do rural e ás poesías pequenas á marxe de recoñecementos institucionais e fóra dos grandes focos mediáticos. O mundo rural e a poesía como centro das actividadesTod@s, Sara, Beatriz, Manuel, Ana e Marica son merecentes desta honra e do fermoso acto que teñen preparado @s dos Vilares. Haberá que estar...


18 de out. de 2019

O Caldo mañá na CM Manuel María


Redacción.-

O grupo de folk vigués CALDO estará mañá, ás 19 hrs, na Casa-Museo Manuel María presentando o seu traballo homónimo. A súa música, apoiada no repertorio tradicional e en creacións propias, ten un son singular froito da súa ligazón con outros contextos musicais.

Os seus membros (Pedro Fariñas, guitarra, María Jorge, violín, e Anaïs Barbier, voz e pandeireta), son músicos de grande experiencia no mundo da música tradicional e noutros estilos musicais como mostran os distintos proxectos en que na actualidade participan SonDeSeu, Dadga, Fiandola, Transilvanians, High Paw…

O concerto é de entrada libre até esgotar a capacidade do auditorio mais é necesario reservar entrada en contacto@casamuseomanuelmaria.gal.



Fallo do Premio Mondoñedo 2019

Redacción.-

A obra Identidade e afectos patrios, de Ramón Villares, publicada por Editorial Galaxia en 2017, gaña o Premio Mondoñedo10 -2019 – Modalidade Ensaio.

REUNIÓN DO XURADO
En Mondoñedo, domingo, 13 de outubro de 2019,ás doce horas reúnese no seminario 'Santa Catarina' o xurado do Premio Mondoñedo10 _2019 Modalidade Ensaio, integrado polas seguintes persoas:
Presidente: Antonio Reigosa, Cronista oficial de Mondoñedo.
D. Xosé Manoel Núñez Seixas, vogal designado polo Consello da Cultura Galega.
D. Pegerto Saavedra, vogal designado pola Real Academia Galega
D. Cesáreo Sánchez Iglesias, vogal designado pola Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG).
Dona Silvia Bello, vogal designada pola Asociación Galega de Editoras.
D. Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, vogal designado polo Instituto Galego de Historia.
D. Xaquín Rodríguez Campos, vogal designado por Facultade de Humanidades de Lugo (USC) Don Xoán Ramón Fernández Pacios, vogal designado polo Concello de Mondoñedo.
Secretario: Fran Bouso, designado pola asociación convocadora deste premio.

OBRAS FINALISTAS Premio Mondoñedo10 _2019 Modalidade Ensaio
Atendendo aos puntos 2o e 3o das bases do Premio e despois das propostas realizadas polos membros do xurado decláranse finalistas as seguintes obras:
01.-Ramón Nicolás: Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, Edicións Xerais de Galicia, 2012. ISBN: 978-84-9914-402-3.
02.-Xosé M. González Reboredo:Os santos titulares de parroquia en Galiza, Sotelo Blanco Edició ns, 2012. ISBN: 978-84-7824-626-7.
03.-Xaime Subiela: Para que nos serve Galiza? Galaxia, 2012. ISBN: 978-84-9865-502-5.
04.-Xurxo Ayán / Manuel Gago:
Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI, editada por 2.0 Editora, 2012. ISBN: 978-84-938683-9-0.
05.-Francisco Rodríguez Sánchez:
Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), edita Asociación Socio-Pedagóxica Galega, 2013. ISBN: 978-84-938747-0-4.
06.-Antón Cortizas: Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza, Edicións Xerais de Galicia, 2013. ISBN: 978-84-9914-486-3.
07.-Helena Miguélez-Carballeira: Galiza, um povo sentimental? Através Editora, 2015. ISBN: 978- 84-87305-86-3.
08.-Ramón Villares: Historia de Galicia, Galaxia, 2016. ISBN: 978-84-9865-672-5.
09.-Roberto Fernández Álvarez: Enfermos pobres, médicos tristes: Historia crítica da medicina rural en terras esquecidas, Ed. Dr. Alveiros, un selo de Urco editora, 2017. ISBN: 978-84-942726- 6-0.
10.-Ramón Villares: Identidade e afectos patrios, Galaxia, 2017. ISBN: 978-84-9151-082-6. 11.-María Xesús Lama: Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-
1863), Galaxia, 2017. ISBN: 978-84-9151-040-6.
12.-Anahí Almasía, Mariela Sánchez e Antón Santamarina: Memorias dun loitador antifranquista O testemuño do comunista David Álvarez Carballido. Ed. Alvarellos, 2018. ISBN: 978-84-16460-44-1.
13.-Carlos Iglesias Castelao: As orixes da fotografía en Galicia. Estudios composteláns do s. XIX, Alvarellos Editora-Consorcio de Santiago, 2018. ISBN: 978-84-16460-51-9

FALLO DO PREMIO
Despois das oportunas deliberacións resultou gañadora por maioría a obra: Identidade e afectos patrios, Galaxia (2017), da autoría de Ramón Villares.
O xurado valorou a orixinalidade dunha obra que aborda cuestións que teñen que ver non só co pasado senón que nos dá unha perspectiva de futuro. Sitúase na tradición oteriana da historia de Galicia. Froito do resultado dunha bagaxe ou madurez investigadora. Todo elo expresado cunha alta calidade literaria.

ACTO DE ENTREGA DO PREMIO
O acto de entrega do galardón ao autor da obra distinguida co Premio Mondoñedo10 na modalidade de ENSAIO celebrarase en Mondoñedo o domingo, 20 de outubro de 2019, no Auditorio Pascual Veiga, a partir das 12:00h.

PREMIO
O premio consiste nun diploma acreditativo e unha obra artística orixinal e única, creada para esta ocasión polo artista mindoniense, José Pedro Gómez.
As autoras e autores das obras finalistas recibirán un diploma acreditativo.

FONDO PREMIO Mondoñedo10
Como sucedeu nas tres edicións anteriores (Narrativa, Poesía e Teatro), a organización deste Premio entregará un exemplar de cada unha das obras finalistas á Biblioteca Municipal 'Pena Trapero', obras que pasarán a formar parte do Fondo Premio Mondoñedo10


Sara Veres, Trapeira de Honra


Redacción.-

A Asociación Socio-Cultural Lareira de soños e o grupo poético NPG Nova Poesia Guitirica organizan o acto de entrega dos prémios da VI edición Trapeira de Honra e da III edició do Certame Vilariñas de micro poesía terá lugar o 19 de Outubro ás 19:00 na Casa Habaneira de Guitiriz.

O prémio TrapeirX de Honra corresponde este ano á emprendedora Sara Veres Vazquez 'Sara das Reixas'. Nas edicións anteriores foron recoñecidXs José María Díaz Castro (póstumo), Romaría Labrega da Chaira, o músico José Díaz 'Pepe de Cristos', á Labrega Asunción Lobeiras 'Asunción dos Ares' e ao emigrante en Euskadi e activista cultural Raúl Río.
Na III edición do Certame Vilariñas corresponde o primeiro prémio á viguesa con orixes en Begonte Beatriz Coira Ríos, o 2° prémio ao berciano Manuel González Prieto e o 3° prémio á arousana Ana García Rivas que se farán coa fermosa figura deseñada pola artista Viki Rivadulla, pezas únicas feitas a man que conforman a imaxe deste concurso cada día máis popular.
Así como no 2018 homenaxeamos a Alfonso Blanco Torrado, na edición 2019 honraremos á escritora, mestra e poeta Marica Campo, orixinaria do Incio e con fondas vinculacións a Guitiriz e á Terra Chá.
Neste acto, no que xuntaremos por primeira vez estes dous recoñecementos, contaremos con importantes participacións poéticas e musicais e será aberto ao público.

Nas edicións anteriores, gañaron as Vilariñas Andrea Araújo Alonso de A Guarda, Pedro Rielo Lamela de Pontevedra, Toño Núñez, de Navia, Beatriz Dourado de Lugo, Mila Villanueva de Valencia e Cris Amoedo de Vigo.
Nesta edición, as tres Vilariñas irán a Vigo, O Bierzo e Vilagarcía.

O premio Trapeir@ de Honra pretende poñer en valor e homenaxear a persoas que desde o anonimato contribuiron co seu traballo a dignificar a labor do seu pobo e que simbolizan o esforzo, o traballo silencioso e necesário poucas veces valorado social e mediaticamente.
O Certame Vilariñas é un humilde concurso poetico-artistico no que as imaxes e os micro poemas da man, compoñen verdadeiras pezas artísticas. Reciben o seu nome en homenaxe aos Vilares e O Vilariño de Díaz Castro e ao valor das "herbas pequerrechiñas" e o valor das cousas pequenas tan recurrentes na súa obra NIMBOS.
Despois dos actos, teremos a tradicional cea "Vilariña".

10 de out. de 2019

Finalistas do Premio Mondoñedo 2019

Redacción.-

Rematada a fase de deliberación e propostas, os membros do xurado do Premio Mondoñedo10 2019, Modalidade ENSAIO, acordan propoñer como obras finalistas as seguintes:

OBRAS FINALISTAS Premio Mondoñedo10 _2019
Modalidade Ensaio

01.-Ramón Nicolás: Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, Edicións Xerais de Galicia, 2012. ISBN: 978-84-9914-402-3.
02.-Xosé M. González Reboredo:Os santos titulares de parroquia en Galiza,  Sotelo Blanco Edicións, 2012. ISBN: 978-84-7824-626-7.
03.-Xaime Subiela: Para que nos serve Galiza? Galaxia, 2012. ISBN: 978-84-9865-502-5.
04.-Xurxo Ayán / Manuel Gago: Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI, editada por 2.0 Editora, 2012. ISBN: 978-84-938683-9-0.
05.-Francisco Rodríguez Sánchez: Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), edita Asociación Socio-Pedagóxica Galega, 2013. ISBN: 978-84-938747-0-4.
06.-Antón Cortizas: Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza, Edicións Xerais de Galicia, 2013. ISBN: 978-84-9914-486-3.
07.-Helena Miguélez-Carballeira: Galiza, um povo sentimental? Através Editora, 2015. ISBN: 978-84-87305-86-3.
08.-Ramón Villares: Historia de Galicia, Galaxia, 2016. ISBN: 978-84-9865-672-5.
09.-Roberto Fernández Álvarez: Enfermos pobres, médicos tristes: Historia crítica da medicina rural en terras esquecidas, Ed. Dr. Alveiros, un selo de Urco editora, 2017. ISBN: 978-84-942726-6-0.
10.-Ramón Villares: Identidade e afectos patrios, Galaxia, 2017. ISBN: 978-84-9151-082-6.
11.-María Xesús Lama: Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863), Galaxia, 2017. ISBN: 978-84-9151-040-6.
12.-Anahí Almasía, Mariela Sánchez e Antón Santamarina: Memorias dun loitador antifranquista O testemuño do comunista David Álvarez Carballido. Ed. Alvarellos, 2018. ISBN: 
978-84-16460-44-1.
13.-Carlos Iglesias Castelao: As orixes da fotografía en Galicia. Estudios composteláns do s. XIX, Alvarellos Editora-Consorcio de Santiago, 2018. ISBN: 978-84-16460-51-9
COMPOSICIÓN DO XURADO
Presidente: Antonio Reigosa, Cronista oficial de Mondoñedo.
Vogal designado polo Consello da Cultura Galega.
Vogal designado pola Real Academia Galega
Vogal designado pola Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG).
Vogal designado pola Asociación Galega de Editoras.
Vogal designado polo Instituto Galego de Historia.
Vogal designado por Facultade de Humanidades de Lugo (USC)
Vogal designado polo Concello de Mondoñedo.
Secretario: Fran Bouso, designado pola asociación convocadora deste premio.
Os nomes dos membros do xurado con capacidade decisoria faranse públicos unha vez fallado o premio. Nin o presidente do xurado nin o secretario poden propoñer nin votar obras.

REUNIÓN DO XURADO E FALLO DO PREMIO
O xurado designado para elixir a obra gañadora reunirase en Mondoñedo o domingo, 13 de outubro de 2019, ás 12:00h.
A entrega do premio ao autor/es ou autora/s da obra gañadora terá lugar en acto público a celebrar no Auditorio 'Pascual Veiga' de Mondoñedo o domingo, 20 de outubro.

PREMIO
O premio que se entregará ao/á autor/a da obra seleccionada, ou, en caso de falecemento ou outra causa, a un representante designado polos herdeiros ou titulares dos dereitos da obra premiada, consistirá nun diploma acreditativo e unha obra artística orixinal e única, creada para esta ocasión polo artista mindoniense, José Pedro Gómez.

ACTO DE ENTREGA DO PREMIO
O acto de entrega do galardón á obra distinguida co Premio Mondoñedo10 na modalidade de ENSAIO celebrarase en Mondoñedo o domingo, 20 de outubro de 2019.

28 de set. de 2019

Proxecto Ríos de Adega


Redacción.-

O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.
XII Limpeza Simultánea Móllate polos ríos” se celebrará este ano en 48 concellos de toda Galiza, e participarán máis de 70 entidades (asociacións, comunidades de montes, colectivos ecoloxistas, delegacións de ADEGA, centros de ensino...). Algúns destes grupos xa participaron nas limpezas de anos pasados e outros son grupos participantes no Proxecto Ríos. Tamén hai novas entidades que se sumaron por primeira vez a esta duodécima edición. A limpeza que será o 29 de setembro e mobilizará a numerosos voluntarios e voluntarias que se desprazarán aos ríos destes 48 concellos para deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social.
En Lugo realizará a coordinación da limpeza a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), xunto a Plataforma Lugo de Cara ao Miño.
Os/as voluntarios/as serán agasallados cunhas camisolas co lema da limpeza. Actualizouse a páxina web para a limpeza http://proxectorios.org/limpeza/ onde se especifica que é a limpeza, onde se celebrará, os contactos dos/das coordenadores/as, e as entidades participantes e colaboradoras.

Cine Clube Lar de Unta

Redacción.-

A Asociación gastronómica, cultural, xuvenil e deportiva LAR DE UNTA de Betanzos crea o clube de cinema co seu mesmo nome. O sábado 28 de setembro ás 21:00 comenzará a actividade con unha estrea. Co obxectivo de complementar na cidade a oferta municipal máis comercial, Lar de Unta promove un clube de cinema ao estilo clásico con filmes de autor e de traballos audiovisuais que normalmente non se poden visionar en salas comerciais. O clube estreará as proxeccións co ciclo "Cinema daquí" con filmes de novos realizadores galegos. A primeira será a estrea de ESTRUCTURAS, PEL CONTRA PEL dos realizadores X.Antón Bocixa e Paco Gallego. A esta sucederán películas de Xurxo Souto, Marcos Nine, Eduardo Maragoto, ou os premiados internacionalmente Lois Patiño ou Eloi Enciso entre outros. A este ciclo seguirán outros de cinema de outros países e diversas temáticas e mesmo algún de cine galego infantil e de animación, de diversos xéneros ou de realizadores/as da comarca. Proxectaranse tamén filmes relacionados con tradicións populares como o antroido ou outras festas populares e temáticas sociais actuais. Neste primeiro ciclo contaremos cos proprios directores e productores para coloquios posteriores co público e ocasionalmente organizaranse conferencias e mesas redondas con profesionais do audiovisual. Pretendemos con esta iniciativa devolver a Betanzos a súa tradición cinematográfica ( Betanzos conta coa sala de cinema máis antiga do estado en funcionamento) aínda que se proxectarán filmes do cine clube no Alfonseti en ocasións moi especiais. O Cine Clube Lar de Unta é de facto un proxecto complementario e non un competidor dos programas municipais cos que se propón convivir e mesmo cooperar. A propia sede da asociación na rúa Pescadería 1 no casco histórico, frente ao mercado municipal será a sala de proxeccións, co encanto do local, as vellas caballerizas do pazo do Marqués de Figueroa e con unha grande parede branca acondicionada para pantalla do Cine Clube. As proxeccións serán gratuitas para o púbico. O Cine Clube ten realizado xa contactos con FECIGA (Federación de Cineclubes de Galicia) outros cineclubes e creadores para o asesoramento e colaboracións no futuro. O clube, conformado no seu inicio cos socios da asociación, estará aberto á participación de veciñ@s que o desexen no futuro pois está concebido como un proxecto aberto e participativo.


https://www.facebook.com/events/2284478618324349/?ti=cl

XI Lúas de Outono


Redacción.-

Cando se cumpren 15 anos do falecemento de Manuel María na cidade da Coruña, a Fundación que leva o seu nome organiza un ano máis o espectáculo “Lúas de Outono” que se desenvolverá no Teatro Rosalía o próximo mércores día 25, ás 20:30h, con entrada libre até completar o aforo, podendo retirarse o convite no propio teatro o mesmo día entre as 16 e as 20 horas.
As “Lúas de Outono”, en palabras de Alberte Ansede, secretario da Fundación, “son un xeito de difusión da súa obra literaria e, tamén, dos valores que el defendía e practicaba. Non é pois unha mirada nostálxica cara ao pasado, senón unha celebración da palabra viva e comprometida que nos legou o escritor.”. 
A presente edición céntrase nun feito histórico no que Manuel María tivo unha participación importante: o nacemento da NOVA CANCIÓN GALEGA que se produciu hai 50 anos. Foi concretamente o día 1 de decembro de 1968 cando se realizou o concerto de presentación deste novo movemento musical que aglutinaba un grupo de mozos universitarios que pasaron a cantar en galego e, ademais, moi alonxados do folclorismo franquista. Correspondeulle a Manuel María facer a presentación deste histórico concerto que supuxo o punto de partida da canción galega, é dicir da canción feita en galego e que fala dos problemas de Galiza tratando de recobrar a tradición da lírica medieval na que, ademais de “doces e tenras cantigas de amor”, os nosos trobeiros e xograres daban testemuña da crúa realidade que tiñan diante de si.
Alén de ser o presentador de aquel concerto, Manuel María alimentou este movemento coas súas propias letras e, sobre todo, ao contribuír á publicación dos seus discos no selo EDIGSA-XISTRAL. EDIGSA era un selo catalán que xa publicara en concerto con GALAXIA algúns discos en galego traducidos do francés e do inglés e cantados por voces catalás. Mais posteriormente, o selo catalán vaino facer con EDIGSA, selo patrocinado polo propio Manuel María.
En definitiva, en 1968 a canción galega comeza un camiño novo, autónomo, construído desde aquí, buscando unha estética propia... un camiño que xa ten dado moitos frutos. Precisamente nas “Lúas de Outono” deste ano ofreceranse tres exemplos diferentes deste xa longo e intenso camiño da música galega:
Miro Casabella como o único dos seis músicos que hai 50 anos estaba alí e que na actualidade segue realizando actuacións.
Uxía, pertencente á xeración seguinte que recolleu aquela testemuña e que na actualidade está na plenitude da súa carreira artística.
Molime, un grupo de moi recente creación que segue a senda trazada xenericamente hai 50 anos pola Nova Canción Galega: música en galego e comprometida con Galiza.
En definitiva, tres exemplos que mostran que hai un fío de continuidade nestes anos de historia musical, un fío que Manuel María axudou a construír.
Na rolda de prensa tamén participaron Xurxo Couto, responsábel de Cultura da Deputación, Xesús Celemín, concelleiro de Cultura do concello da Coruña, Xurxo Souto, encargado de conducir o acto e Saleta Goi, viúva de Manuel María e Presidenta da Fundación Manuel María.
O deputado de Cultura, Xurxo Couto lembrou que a homenaxe responde á propia traxectoria do poeta, o segundo máis musicado da literatura galega, despois da fundadora Rosalía de Castro. Xesús Celemín mostrouse moi satisfeito de que este acto se realizase na cidade da Coruña onde residiu o poeta nos últimos anos da súa vida. Pola súa parte Xurxo Souto resaltou a importancia da aparición da Nova Canción Galega e o papel que Manuel María desempeñou nese feito histórico. Finalmente Saleta Goi agradeceu a colaboración de artistas e institucións na homenaxe e animou a participar no acto.



Teléfono de contacto: 616190349 (Alberte Ansede)

23 de set. de 2019

III Festival Son Labreg@

Redacción.-

Sonia Vidal Lamas (Sindicato Labrego Galego) e Pilar Ferreiro Villar (Concello de Castroverde) presentaron en Lugo, onte 18 de setembro, a terceira edición do Festival Son Labreg@, que nesta ocasión se celebrará na parroquia castroverdense de Montecubeiro, coa colaboración do Centro Social d'A Chave das Noces. Este festival é un evento itinerante e que xa se ten celebrado noutros escenarios rurais como Lousada (Sarria) ou Garabelos (Chantada).

Na comparecencia diante dos medios de comunicación, Sonia Vidal Lamas, da Executiva e da área de Mocidade do SLG, debullou un programa que, en canto aos contidos, este ano estará centrado no ecofeminismo e na xestión dos montes comunais. Dende este punto de vista, co Son Labreg@ deste ano preténdese non só destacar o uso multifuncional do monte como factor decisivo para a prevención de lumes, a xestión do territorio, o emprego no rural ou a conservación do medio ambiente; senón, ademais, facer visible o papel fundamental que as mulleres desempeñaron e desempeñan neste senso.

Precisamente, a palestra coa que abre o festival ás 12:00 leva por título “Alternativas produtivas do noso monte”, e contará coa participación de experiencias contadas en primeira persoa polas súas protagonistas como as cooperativas Amarelante (Manzaneda) ou Ribeiregas (Negueira de Muñiz), as comunidades de montes de Froxán (Lousame) ou Carballo (Friol), e experiencias produtivas como a de Gemma Sampedro co gando caprino e as súa empresa Cabuxa Natur (Guntín).

Xa pola tarde, ás 18:00 horas, presentarase o libro Montes que non arden: as mulleres na prevención dos montes comunais. Trátase dunha iniciativa impulsada dende o Proxecto Batefogo que se vai plasmar na publicación dun libro multidisciplinar, pola Editorial Catro Ventos, no que profesionais de diversos ámbitos analizan o papel imprescindible das mulleres na xestión do monte (www.goteo.org/project/arbores-que-non-arden). Contaremos coa presenza dalgunhas das mulleres que participaron na redacción deste libro, entre elas a historiadora Lara Barros, que nos falará tamén do papel das mulleres na xestión dos montes comunais dende unha perspectiva histórica (www.facebook.com/pg/mulimeinvestigacion/about/).

Una aposta lúdica que terá como prato forte actuacións musicais todo o día con Trasdalomba, Amigos do Caldeiro, Sacha na Horta, Tecor Sociétario e Sapoconcho sem Poncho
Como non podía ser doutro xeito, o Festival Son Labrego terá unha ampla oferta lúdica, na que destaca un amplo cartel musical, coa actuación na sesión vermú do grupo de música tradicional castroverdense Trasdalomba. No serán, haberá foliada co grupo Amigos do Caldeiro e, xa pola noite, o prato forte a cargo de Sacha na Horta e Tecor Sociétario, finalizando coa selección musical que fará para @s asistentes o DJ Sapoconcho sem poncho.

Ademais de música, haberá actividades propias para a rapazada, un obradoiro de elaboración de pan a partir de landras, un campionato aberto de billarda e a tradicional feira que sempre acompaña este festival cunhas previsións que apuntan a unha vintena de postos nos que haberá alimentos de calidade, artesanía, organizacións sociais, etc.

Para as persoas que queiran xantar en Montecubeiro, a organización terá servizo de bar e venderanse racións de empanada, lacón asado ou chourizos ao viño para xantar. Tamén se instalará unha carpa en previsión das posibles choivas.

Apoio institucional do Concello de Castroverde
Pola súa banda, Pilar Ferreiro, concelleira de Cultura e Deportes de Castroverde, comentou que “recibir este tipo de propostas é realmente unha satisfacción, xa que precisamos darlle pulo ao rural e que cada vez se sinta máis vivo. Para este evento elixiuse a parroquia de Montecubeiro como lugar de celebración. As súas fermosas paisaxes e a historia que leva ás súas cotas fan desta parroquia un lugar único e idóneo para a celebración deste festival”. E coa vista máis posta no futuro, engadiu que, “pola nosa banda, seguiremos abertos a seguir colaborando con iniciativas coma esta, para darlle ao rural a importancia e o lugar que realmente se merece”.

19 de set. de 2019

Recortes sanitarios en A Pastoriza


Redacción.-

Veciños da Pastoriza denuncian a perda de servizos sanitarios no seu concello e alertan da situación na que se atopa a atención médica no Centro de Saúde da localidade desde que se xubilou este verán un dos tres médicos de atención primaria que había, unha redución na prestación sanitaria que se engade aos problemas existentes na atención pediátrica e no servizo de urxencias no PAC de Meira.

Nun escrito dirixido ao Conselleiro de Sanidade, os presidentes de 5 asociacións de veciños do concello, pertencentes ás parroquias de Úbeda, Lagoa, Álvare, Reigosa e Rigueira, explican que "no Centro de Saúde da Pastoriza veuse producindo nos últimos anos un descenso acusado no número de profesionais sanitarios, pasando de 4 médicos a tan só 2 na actualidade, o que está a provocar unha perda importante na calidade asistencial que recibe a poboación".

Explican que "hai dous anos vimos reducido o número de médicos de familia de catro a tres e agora, trala xubilación este verán dun dos facultativos, vemos que non foi cuberta de maneira permanente e non temos certeza nin garantía de que se vaia cubrir esa praza, tendo que asumir os dous médicos titulares que quedan toda a carga de doentes Por agora o Sergas está cubrindo a praza do médico que se xubilou puntualmente con interinos ou contratados temporais, pero non hai un facultativo fixo, o cal causa trastornos nos doentes pois cada vez que acoden a consulta aténdeos un médico de cabeceira diferente, poñendo en risco a súa saúde, pois os continuos cambios dificultan que o médico poida coñecer ben o historial do paciente, máis ainda debido á carga de traballo que soportan os médicos de atención primaria, e resulta evidente que o facultativo non pode ler e estudar o historial médico de cada paciente nunha consulta de 10 minutos", argumentan.

Ante esta situación, os representantes veciñais solicitan unha reunión "á maior brevidade posible" co Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, á fin de que este concrete "se a praza deste terceiro médico vai ser cuberta". "Vemos que está no aire e queremos que se nos garanta que non está en risco", din.

Sen pediatra

Os presidentes das asociacións de veciños pretenden tratar tamén co conselleiro outros asuntos que afectan á poboación do concello, dado que a perda de servizos de atención primaria engádese aos problemas existentes coa atención pediátrica e co servizo de urxencias no PAC de Meira.

"No concello da Pastoriza contamos co servizo de pediatra compartido co concello de Meira, estando dous días á senama no centro médico da Pastoriza e tres no de Meira. Pero cando o pediatra titular colle vacacións ou está de baixa queda a praza descuberta obrigándonos a acudir ao pediatra de Vilalba, cos inconvintes que isto acarrea tanto para os nenos e nenas como para as familias. Estas circunstancias merman o sevizo sanitario pois o pediatra de Vilalba non coñece os nenos e xa está desbordado polos pacientes que ten asignados, como para ter que asumir os dos concellos limítrofes", denuncian as nais afectadas, que se sumaron tamén á petición de reunión co conselleiro.

Desatención no PAC de Meira

Unha terceira problemática existente na Pastoriza ten que ver co funcionamento do Punto de Atención Continuada de Meira. Os veciños de Meira, A Pastoriza, Ribeira de Piquín, Pol e A Pontenova comparten o PAC do Centro de Saúde de Meira, onde hai un médico e un ATS de garda. "O problema xorde cando se dá unha urxencia domiciliaria e o equipo de garda se ten que desprazar a aldeas afastadas do PAC, pois este queda descuberto. Se nese momento unha persoa acode a urxencias non hai quen o atenda, ocasionando largas esperas ata que o médico está de volta", denuncian. Para os veciños da Pastoriza trátase dunha situación "inaceptable" nun servizo de urxencias que "pon en risco a vida das persoas" e lembran que o PAC de Meira atende a unha poboación de máis de 10.000 habitantes e cubre un territorio de máis de 600 quilómetros cadrados.

Os repesentantes veciñais consideran a sanidade "un servizo básico esencial", máis, din, "nun concello rural como é A Pastoriza, de 3.000 habitantes e cunha importante dispersión poboacional e unha alta tasa de envellecemento, o que se traduce nunha necesidade maior de servizos de atención primaria".

Premio Mondoñedo 2019. Modalidade Ensaio

Redacción.-

A Asociación As San Lucas en colaboración co Colectivo Mondoñedo É … e o Concello de Mondoñedo veñen de convocar a 4ª edición do galardón denominado Premio Mondoñedo que nesta ocasión, ano 2019, se concederá na modalidade de ENSAIO á obra que o xurado estime merecente, escrita orixinalmente en galego e cuxa primeira edición fose publicada en calquera soporte nos 10 anos anteriores ao desta convocatoria; ou sexa, entre 2009 e 2018, ambos inclusive.
En aplicación das BASES (ver anexo) neste momento, unha que todas as institucións que forman pàrte do xurado, nomearon aos seus respectivos representantes estes, a título individual, farán chegar nas próximas datas á secretaría as obras propostas que terán a consideración de finalistas, cuxa listaxe que se fará pública antes da data, 13 de outubro, prevista para o fallo.

COMPOSICIÓN DO XURADO
Composición do xurado para a edición correspondente ao ano 2019, modalidade ENSAIO.
Presidente: Antonio Reigosa, Cronista oficial de Mondoñedo.
Vogal designado polo Consello da Cultura Galega.
Vogal designado pola Real Academia Galega
Vogal designado pola Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG).
Vogal designado pola Asociación Galega de Editoras.
Vogal designado polo Instituto Galego de Historia.
Vogal designado por Facultade de Humanidades de Lugo (USC)
Vogal designado polo Concello de Mondoñedo.
Secretario: Fran Bouso, designado pola asociación convocadora deste premio.
Os nomes dos membros do xurado faranse públicos unha vez fallado o premio. Nin o presidente do xurado nin o secretario poden propoñer nin votar obras.

REUNIÓN DO XURADO E FALLO DO PREMIO
O xurado designado para elixir a obra gañadora reunirase en Mondoñedo o domingo, 13 de outubro de 2019, ás 12:00h.
A entrega do premio ao autor/es ou autora/s da obra gañadora terá lugar en acto público a celebrar no Auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo o domingo, 20 de outubro¡.

PREMIO
O premio que se entregará ao/á autor/a da obra seleccionada, ou, en caso de falecemento ou outra causa, a un representante designado polos herdeiros ou titulares dos dereitos da obra premiada,
consistirá nun diploma acreditativo e unha obra artística orixinal e única, para esta ocasión creación do artista mindoniense, José Pedro Gómez.
ACTO DE ENTREGA DO PREMIO
O acto de entrega do galardón á obra distinguida co Premio Mondoñedo10 na modalidade de ENSAIO celebrarase en Mondoñedo o domingo, 20 de outubro de 2019.
PREMIOS 2016, 2017 e 2018 (Recordatorio)
Na primeira edición correspondente ao ano 2016 o xurado elixiu como mellor obra na modalidade de NARRATIVA publicada entre os anos 2006 e 2015 “Os libros arden mal” da autoría de Manuel Rivas,
publicada por Edicións Xerais de Galicia, 2006.
Premio: Diploma e obra de arte orixinal de Caxigueiro.
Na segunda edición correspondente ao ano 2017 o xurado elixiu como mellor obra na modalidade de POESÍA publicada entre os anos 2007 e 2016 “Hordas de escritura” da autoría de Chus
Pato, publicada por Edicións Xerais de Galicia, 2008.
Premio: Diploma e obra de arte orixinal de Juan Puchades.
Na terceira edición correspondente ao ano 2018 o xurado elixiu como mellor obra na modalidade de TEATRO publicada entre os anos 2008 e 2017 “Nome: Bonita” da autoría de Vanesa
Sotelo, publicada por Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música, 2015.
Premio: Diploma e obra de arte orixinal de Xosé Vizoso.

Movemento Galego polo Clima


Redacción.-

O Movemento Galego polo Clima xorde en Galiza como resposta á convocatoria de mobilización mundial feita polo movemento xuvenil Fridays For Future (Venres por Un Futuro) para o vindeiro 27 de setembro, co obxectivo de sair á rúa a reclamar accións urxentes que fagan fronte á mudanza climática e que garantan un futuro para as xeracións máis novas.

O Movemento Galego polo Clima está conformado por unhas 50 entidades e colectivos galegos que apoian o chamado de acción da xente nova ante a situación de Emerxencia Climática que vive o planeta enteiro, e particularmente Galiza. É por iso que temos intención de afrontar este reto tendo presente cales son as causas que máis están alentando o quecemento global no noso país e cales son as medidas que poderían evitar as consecuencias drásticas para o noso territorio e para o pobo galego no seu conxunto.

O Movemento Galego polo Clima apoia e participa da organización de todas as accións e actividades polo Clima que se van desenvolver nas distintas localidades galegas do 20 ao 27 de setembro, e das que queremos dar conta neste blogue.

Máis información aquí.

VII Festa da Afirmación e da Dignidade

Redacción.-

Este sábado, 21 de setembro, terá lugar a VII Festa da Afirmación e a Dignidade no Pedregal de Irimia organizada pola Irmandade Manuel María e a Asociación Xermolos, coa colaboración do Concello de Meira.

O programa dará comezo ás 12.00 horas coa lectura do Manifesto da Afirmación e Dignidade, feito por Baldomero Iglesias Mero, así como dos comunicados elaborados por varios colectivos: representantes da Irmandade Manuel María, representante de Asociación Ecoloxista Adega, representante dos compañeiros e compañeiras privadas de liberdade por mor da lealdade á Terra e á Patria Madia Leva, representante da Asociación Poeta Avelino Díaz e outros.

Realizarase a entrega das Mans de Irimia, obra do creador Manuel Pardo Lopez de Meira, “ao distinguido amigo e profesor do entendemento desde a palabra e para os feitos” Isaac Alonso Estraviz, cun recoñecemento a Bernardo Penabade.

A título póstumo a recibirán a distinción Santi Caneiro, “construtor de tantas melodías e soños, amigo que recentemente foi navegar outras nostalxias”, do que fará unha memoria do seu labor e merecementos Mero. O premio será entregado á súa compañeira e a filla María.

A parte musical da sesión correrá a cargo do Grupo de Gaiteiros do Padroado de Cultura Concello de Narón. Farase ao pé da ara de Prisciliano, obra de Xose Val Diaz.

Non faltará o xantar popular, ás 14.00 horas. Os interesados en asistir deben inscribirse coa organización (teléfonos: 646 413 890 / 630 217 035), e aboar 22 euros.

Finalmente, ás 16.30 horas rematará a programación cos recitais de música e poesía, na Praza do Convento de Meira, a cargo das Pandereteiras Nove Ferreñas de Meira, Cantareiras Sócratas e outras agrupacións musicais.

III Recital Poesía en Feminino

Redacción.-

O sábado 21 de setembro, a partir das 17.00 h., temos unha cita coa poesía amadora de vangarda no III Recital de Poesía en Feminino organizado pola Concellaría de Igualdade, ao que asistirán 27 creadoras e creadores de San Sadurniño pero, sobre todo, doutras partes de Galicia. Na súa maioría adscríbense a movementos consolidados, como In nave civitas/ urbano Lugrís Nomades do verso/Antón Borrazás, a Irmandade poetica luso-Galaica ou a NPG Nova Poesía Guitirica, aínda que tamén acudirán representantes doutros de recente creación, como o colectivo Moraima xurdido en Fene. Será un encontro co que reivindicar tanto a literatura e a oralidade do sentimento como o rol feminino na arte das letras e en calquera outra faceta da vida que, ademais, contará coa ambientación musical das violonchelistas locais Inés e Irene Arroyo.

O departamento municipal de Igualdade leva tres anos promovendo o seu encontro poético co que darlle voz a poetas que avogan polo verso reivindicativo, polo berro sentido contra os desequilibrios da sociedade e, nomeadamente, contra o patriarcado que o segue tinguindo todo, tamén a creación literaria. E como cada ano desde o seu inicio encarga a organización ao grupo poético NPG Nova Poesia Guitirica, grupo activo e consolidado criado a partires da desicatória das letras galegas ao poeta vilarego Xosé María Díaz Castro.

Este ano a cita fixouse para o sábado 21 de setembro e a ela acudirán representantes de varios colectivos que teiman na poesía amadora como xeito de expresión, malia ser este o xénero literario con menor visibilidade ou, dito doutro xeito, cunha maior dificultade para chegar ao grande público.

Males menores que, porén, se ven compensados por unha liberdade case absoluta de estilos e formatos que non se pode atopar na prosa, no teatro nin en ningunha outra arte. A poesía sae de dentro de cadaquén sen imposturas. É o que se sente feito verbo, unha porta que se abre de par en par no peito de quen escribe para deixarnos entrar no seu ser, no seu pensamento, acadando unha significación aínda maior cando é a propia autora ou autor quen recita os seus poemas.

E, en San Sadurniño, teremos todo iso xunto nun encontro que terá lugar na Casa do Concello, concretamente no seu patio interior no Pazo da Marquesa se vai bo tempo e, se non, na Casa da Cultura. A relación de participantes chega a 27, procedentes de Fene, Ferrol, A Coruña, Pontevedra, As Pontes, e toda a zona da Terra Chá. Na súa maioría trátase de poetas que comparten intereses temáticos e creativos en colectivos como a Nova Poesía Guitirica, Moraima -nacido en Fene a raíz dun curso de escritura da AELG- ou In nave civitas/Urbano Lugrís entre outros.

Son Mariola Hermida, Loreto de Castro, Teresa Ramiro, Alberte Momán, Luís Mazás, Antom Laia, Miguel Queipo, Moncho Bouzas, Clara Blanco, Emilia Martínez Fuentes, Pilar Maseda, Branka Villar, María Xosé Lamas, Luz Airado, Raquel Díaz Seijas, José Carlos Ulloa, Sonia Mauriz, Ramiro Vidal Alvarinho, Ánxela Gracián, Maribel Serantes, Esther Val e Asun Blanco, quen compartirán declamacións coas poetas locais Alba Rivera, Ángela Arnosa, Consuelo Picos e Nerea Calvo, xunto co poeta de Moeche Alfonso Venancio.

A sesión terá tamén parte musical, da que se encargarán as irmás Inés e Irene Arroyo Orro, veciñas de Igrexafeita e excepcionais violonchelistas que lle sacarán o máximo partido ás partituras e á acústica do patio interior do Concello. O III Recital de Poesía en Feminino presentarao Ana B. Gundín, titular da área de Igualdade, e Antón Tenreiro, coñecido no mundo poético como Antón de Guizán membro da NPG Nova Poesia Guitirica.