Cultura en tempo de crise


Redacción. -
Ante esta situación de crise queremos buscar novos xeitos de achegar a cultura a canta máis xente mellor. Por iso, dende Culturativa I+D deseñamos propostas adaptadas á nova realidade, como os Contos por teléfono, os Concertos Verticais para ver dende os balcóns, ou os Espectáculos por streaming, realizados en directo dende os teatros para un público que asiste a través das pantallas.

Estamos convencidas de que neste momento é imprescindible buscar novos xeitos de programar, non a través de Internet, senón tamén reinventando a música ou o teatro de rúa, sempre respectando as medidas de seguridade.

Tres ideas novedosas que son xa una realidade, pois en varios concellos realizamos con éxito espectáculos por streaming dos que gozaron centos de persoas dende as súas casas.

18 de maio de 2020

Díptico para Carvalho Calero

Xoan Xosé Fernández Abella.-



I)

SONETO EN LOOR DO EXIMIO 
DON RICARDO CARBALLO CALERO


Alta honra de Ferrol e de Galiza,
enteiramente ás mesmas consagrado, 
estudioso incansable, namorado
da Beleza, a Verdade e a Xustiza.

Túa entrega foi total sempre na liza
polo traballo serio e ben logrado,
un traballo profundo e artellado, 
que gran sabedoría patentiza.

Eu canto aquí un cume da Cultura,
catedrático impar, poeta inmenso, 
sabio da Lingua e da Literatura.

Dramaturgo, ensaísta de fondura
e de Galiza defensor intenso.
Chegue ata ti miña loanza pura.


20 de Xullo do 2.014

(Publicado no meu libro "Loanzas sentidas e outros poemas" no 2018)


e II)

A DON RICARDO CARBALLO CALERO, 
"LETRAS GALEGAS 2020", POR FIN!

Por fin chegou o Día! Xa era hora
para facer xustiza á túa memoria,
exemplo de honradez na nosa Historia,
alma da nosa esencia defensora!

Péchense coa verdade as feridas.
E iso hase acadar coa Democracia.
Pensar que así non é, unha falacia.
De paz encha a verdade as nosas vidas.

Volvo cantar "un cume da Cultura,
catedrático impar, poeta inmenso,
sabio da Lingua e da Literatura.

Dramaturgo, ensaísta de fondura,
e de Galiza defensor intenso."
Volvo brindarche a admiración máis pura.


Os Tilos, 21/Xaneiro/2020

17 de maio de 2020

Homenaxe a Carvalho Calero


Redacción.-

Poetas da NPG Nova Poesia Guitirica recitarán en directo o 17 de Maio no facebook da Nova Poesia Guitirica NPG ás 20:00 horas.
O recital está vai honrar a Ricardo Carvalho Calero, a quen se adican as Letras Galegas deste ano.
Ao non poder realizar actos públicos, a Nova Poesía Guitirica realiza este acto polas redes sociais.
O acto comenzará coa lectura do prólogo que Carvalho Calero fixo para NIMBOS de Díaz Castro e cada poeta recitará algún poema de Carvalho ou en homenaxe a él.
@s poetas que intervirán son Antón de Guizán, Pilar Maseda, Amalia Díaz, Luz Darriba, Emilia Martínez Fuentes, Luz Airado e Moncho Bouzas.
A amizade entre Carvalho Calero e Díaz Castro da a este recital un valor especial para a poesía guitirica, que ten ao poeta dos Vilares como a grande referéncia e causa da súa existéncia.
No pasado mes, a NPG ten promovido dous actos poéticos nas redes de grande éxito, #RecitalnaCasadaNPG e #enredeversos con perto de 50.000 visualizacións nas redes sociais entre ambos.
Desta maneira, trasladaremos a celebración do Día das Letras Galegas ao nóso  facebook o domingo 17 ás 20:00 horas.

16 de maio de 2020

Reabre a Casa Museo Manuel María


Redacción.-

Este sábado, 16 de maio, a Casa-Museo Manuel María volta a abrir as súas instalacións após o seu
cerramento temporario a consecuencia da aplicación das medidas de restrición da mobilidade e do contacto social pola COVID-19. A súa apertura será só para as visitas guiadas, que non poderán ser superiores a tres persoas, e que serán levadas a cabo seguindo as medidas preventivas hixiénico-sanitarias da fase 1 de desconfinamento.
As persoas interesadas en visitar a casa natal de Manuel María, en Outeiro de Rei, e coñecer o interesantísimo legado que esta acolle, poderán facelo dentro do novo horario de verán (até o mes de setembro incluído), sábados e domingos, de 11 a 14 e de 16.30 a 19.30 hrs. Desde a Casa-Museo recoméndase, mentres dure o período de desconfinamento progresivo, chamar previamente ao 698177621, ou escribir un whatsapp ou un correo electrónico a casamuseomanuelmaria.gal co fin de que na Casa-Museo tan só estean presentes as persoas que a visitan (tres persoas como máximo).
Os percursos guiados polas estancias da Casa-Museo teñen por finalidade achegar a traxectoria vital e literaria de Manuel María. No seu interior, entre outras cousas, pódese ver a biblioteca de Manuel María que contén unha das mellores coleccións particulares do libro galego ou sobre Galiza desde a potsguerra, un fondo artístico con obras de destacados pintores galegos contemporáneos, documentación imprescindíbel para coñecer a historia de Galiza da última metade do século XX, mobiliario e obxectos persoais do escritor…

A (des)leal oposición



Moncho Paz.- O mal comportamento da (des)leal oposición en España é impropio de calquera país democrático. Cun discurso destrutivo e obsesivo, orientado unicamente cara ao acoso e derriba do Goberno progresista. Con falsos argumentos, sen fundamento nin lóxica, redactados pola Fundación FAES e outras plataformas de ultradereita, dedicadas en corpo e alma a soster o discurso baleiro de Pablo Casado, os seus secuaces do fascio e a caverna mediática. 

Tratando de confundir á opinión pública mediante a xeración constante de 'fake news', un día tras outro. E coa connivencia dalgúns presidentes autonómicos que se encargan de manipular e desdebuxar esta dura e crúa realidade, adaptándoa ás mensaxes que transmiten -e retransmiten de forma machacona- a través dalgúns medios de comunicación, que aínda por riba están subvencionados con fondos públicos. A razón da senrazón. 

Agardo que a cidadanía actúe con intelixencia e tome nota; debemos combatelos con audacia e sen demora, para frear os bulos e rumores emitidos por esta banda de cavernícolas. Pensan que o poder correspóndelles por 'dereito divino', e esa é a súa primeira e principal equivocación.

3 de maio de 2020

Que non se vaia a tenrura



(A miña nai, na angustia do andazo)



Esta sede de lus, méntrelo vento

da morte zúa darredor das cousas...



Nimbos

Xosé Mª Díaz Castro



Que non se vaia a tenrura,

que non se afaste das miñas apertas,

que remexa entre a sarta de recordos

a cálida silueta do meu sorriso,

o espertar do bico

trotando na xema dos dedos,

ata a pel do aire

e seus charcos.



Chámaa tenrura, chámaa como a chuvia

polo seu nome,

amigo chámaa, reclama

súa voz

entre o consolo das cancións,

entre o blues das palmas ao vento.



Chámaa. Chámaa si!

para que sexan teus aloumiños

e as apertas valeiras de hoxe nos balcóns,

o espertar vivo dos latexos,

o suspiro

entre as bágoas secuestradas.



Chámaa, amigo.

Chámaa tenrura amiga, chámaa si!

nai.



Recórdalle que non estou so

Recórdalle que non estou so!

Recórdaaame que non estou so.



Que, ao alborecer,

como un bosque na espera(nza),

habita cada mañá

no trilo do merlo,

anunciando a primavera.



Xosé Miguel Barrera Vázquez

24 de abr. de 2020

Aute



María Xosé Lamas.- Corría a primavera do oitenta e catro cando, grávida do meu primeiro fillo, o que daquela era o meu marido convidou a vivir na casa a unha “amiga” que traballaba de locutora nunha radio da cidade.

En días previos, escoitaba a diario unha dedicatoria daqueles programas que se adoitaban facer naquela época: “Para quen ela sabe, unha canción de Luis Eduardo Aute “ e soaba a canción “Una de dos”, cuxa letra continuaba: “o me llevo a esa mujer, o entre los tres nos organizamos, si puede ser”.


Cando aquela tarde cheguei do colexio, no canto de abrir coa chave, chamei ao timbre e abriume ela a porta. Entrei e comprobei que nun cuarto que tiñamos sen utilizar estaba a mudanza feita. Din a volta e deixeille recado ao meu home de que se puxera en contacto comigo na casa dunha amiga.


Contaba só vinte e dous anos naquela democracia acabada de estrear e na que a apertura mental aínda facía augas. Mais esta situación superábame e manifesteime contundentemente: “se esta tarde non está a habitación baleira, eu mesma a librarei”. Non fixo falla, ficou libre sen ter eu que intervir. Mais en breve tamén se baleirou a vivenda común…


Sempre admirei a Aute. Aquel “Al alba” marabilloso non deixaba a ninguén impasíbel; os seus poemas musicados, a súa pintura, a súa particular maneira creativa de amosarse ao mundo era envexábel! Pero, dende aquel momento, tiven cara el un sentimento de amor - odio non doado de explicar.


Hoxe, ao saber do seu pasamento, quero reconciliarme con el. Pedirlle desculpas por non saber separar os sentimentos da súa labor de achegar ao mundo a verdade feita arte.


Amigo Aute, que a terra che sexa leve!


4 de abr. de 2020

#RecitalnaCasadaNPG

Redacción.-

#RecitalnaCasadaNPG será unha nova iniciativa da Nova Poesía Guitirica para nesta corentena do COVID19, contribuir coa poesía a facer máis levadeiro o tempo de reclusión nas casas.
Cada día ás 18:00 horas, o grupo de facebook da Nova Poesia Guitirica NPG terá un recital dun/ha poeta da NPG EN DIRECTO que será compartido nas redes sociais doutros grupos poéticos e culturais.
Despois deste recital desde a casa e si a corentena continúa sobre as datas previstas, realizaremos outro recital aberto con outros grupos poéticos de base.

@s poetas participantes deste #RecitalnaCasadaNPG serán:

Día 1 Fátima Fernández 
Día 2 María Pereira
Día 3 Branka Villar
Día 4 Moncho Bouzas
Día 5 Pas Veres e Clara Blanco
Día 6 Xelo Teijido 
Día 7 Amalia Díaz
Día 8 Antón de Guizán
Día 9 Maica Pastoriza
Día 10 Emilia Martínez Fuentes
Día 11 Luz Darriba
Día 12 Pilar Maseda
Día 13 Jaki S. Quintela
Día 14 Mar Beres
Día 15 Judiña de Lea



Directo de promo da poeta da NPG Fátima Fernández:

Evento de facebook:



1 de abr. de 2020

Reenganchar Guitiriz á poesía

Antón Tenreiro Ferreiro
.-

Alguén lembra a Raúl Gómez Pato, Eduard Velasco, Xabier Alonso ou Xosé Lois Mosquera? Son os gañadores das catro edicións do Prémio Díaz Castro de poesía criado polo Concello de Guitiriz. Agás o primeiro, os tres seguintes pasaron por Guitiriz con máis pena que gloria...
Lembro aquel memorábel acto de homenaxe ao poeta do Vilariño na igrexa dos Vilares polo 25 cabodano do seu pasamento no que a anterior alcaldesa, Regina Polín, anunciaba a convocatória do prémio. Unha distribución para que pasado o ano no que se lle adicaran as letras galegas, a memória e a obra do nóso poeta non caíra no esquecimento. O próprio Xulio Xiz, na súa intervención no acto dixera que os políticos non pasarán á história polo número de farolas ou asfalto que poñan senón polo seu compromiso coa cultura. O prémio con éxito de participación e de calidade poética, adoeceu sen embargo até agora de trascendencia social e pública. O que debera ser o mellor e máis trascendental premio poético da Terra Chá, pasa desapercibido mesmo para a veciñanza de Guitiriz que en varios casos nin se enteraron dos gañadores nin dos actos de entrega.
Que personaxe de Guitiriz tivo máis importancia histórica e relevancia cultural que Xosé María Díaz Castro?
Co Festival de Pardiñas aparte, non merece Díaz Castro convertir o seu prémio nun dos actos máis relevantes cada ano en Guitiriz? Ou permitiremos que siga o camiño de tantos outros autores aos que se lles adicaron as letras galegas e caíron despois no esquecemento mesmo nos seus proprios concellos? A memória de Díaz Castro sigue latente máis pola labor da sociedade civil a través dos centros de ensino, Xermolos ou o grupo NPG Nova Poesia Guitirica nascida naquel acto que polo traballo institucional limitado a unha dotación de 2000€ e uns actos de trámite semi-ocultos. Non é un problema de cartos nin de organización, a única causa foi a falta de vontade política para dar a Díaz Castro e ao seu prémio a trascendéncia social e cultural que merece. Sei que a actual alcaldesa, Marisol Morandeira, ten a vontade de revertir esta dinámica e facer do prémio Díaz Castro o motor que coloque ao autor no lugar que merece no concello e toda a Terra Chá e facer de Guitiriz a vila poética da que os seus habitantes se sintan fachedosos. Ese carácter identitário coa poesía da man do noso poeta trasmitirá unha imaxe amábel e positiva que fará de Guitiriz un concello aínda máis atractivo, e nese traballo, tod@s debemos sumar, asociacións, centros de ensino, poetas, músicos, negócios, partidos políticos... Díaz Castro e a poesía deben ser sempre un motivo de unión, ser mellores en tódolos ámbitos nun aspecto no que Guitiriz e a Terra Chá son líderes mundiais, a poesía. Só nos queda poñela en valor como merece.

PD: O prémio gañaría en valor e repercusión alén de Galiza ampliando o idioma á norma do reintegrado e portugués. Non debe ser unha subvención da Xunta quen impoña as restriccións. Sería a mellor homenaxe póstuma de Díaz Castro ao seu amigo Carvalho Calero.

31 de mar. de 2020

Entrar aos Vilares en aberto

Redacción.-

O documental ENTRAR AOS VILARES, producido pola Lareira de soños e dirixido por Cibrán Tenreiro para acompañar o libro que está a rematar Pastora Veres sobre a parroquia chairega de Díaz Castro, foi posto en aberto en Youtube para colaborar na corentena do coronavirus e facer máis levadeiro o encerro. En só dous días, o fil.e acadou na plataforma videográfica 1.000 entradas, o que supón un éxito para un fime modesto que foi finalista da #12MICE Mostra Internacional de Cinema Etnográfico.
Desde a Lareira de soños non só nos alegra o éxito do filme entre o público senón tamén porque supón unha axuda para matar o tempo a máis de 1.000 persoas nesta situación. A Lareira de soños atópase neste intre coa montaxe do segundo documental, que será estreado este ano, dirixido por Antón de Guizán e a Factoría Nini sobre a vida de José Lobeiras Gómez co título provisio al de O ARMEIRO DE BERULFE, A MEMÓRIA RETRATADA.

ENTRAR AOS VILARES pode descargarse neste enlace:

https://youtu.be/4JDkqM1iEY4

Virus



Unha obriga imposta e necesaria
reclúenos entre os catro muros que nos gardan de a cotío.
Acaso fai mela nese libre albedrío
que posuímos inconscientes e só botamos en falta
se nos fechan os camiños.
Mais, acaso tamén, era preciso
deter nesa marcha convulsiva que levaba
-tantas veces sen senso e en desatino-,
os nosos pés por un mundo sen valados e sen chantas
que contiveran o progreso sucesivo
de tantos “virus” presentes e ignorados que nos mancan.
O virus da desafección polo máis próximo: os fillos,
os pais, a parella, o pan e a auga,
os bicos e as apertas, as palabras
de afecto que agora son precisas, o agarimo.
O virus do rexeitamento aos que se achegan a nós coa esperanza
de atopar vida e asilo
e que hoxe comprendemos, pois nós mesmos fuximos
cara os lugares libres de contaxios, terras amplas
que non dubidarán en acollernos, se é preciso,
como discriminados dun primeiro mundo que dá mágoa.
O virus dun individualismo que non concibía o colectivo,
ignorando que só xuntos podemos facer fronte a aquelas lacras
que nos mesmos producimos.
O virus das présas para todo, das urxencias sen tino
provocadas por un reloxo no que as frechas,
alancando nas esferas, marcan o desorbitado ritmo
que nos fecha as portas da existencia,
mais que agora se detén buscando o compromiso
de quen, con tempo para a vida e con paciencia,
valora as horas até hoxe baleiras de contido.
Este virus “con coroa” veu sacudir conciencias,
alertando de todos os perigos aos que estamos sometidos
como sociedade global carente de fronteiras:
fronteiras sociais que impedían a conciliación e a convivencia,
fronteiras económicas ao servizo exclusivo dun capitalismo
en xaque e sen defensa;
fronteiras ecolóxicas que agora se superan
reducindo emisións, antes imposíbeis abismos
franqueaban ese quentamento global que nos afecta.
É unha mágoa chegar a este extremado paroxismo
para comprender o aforismo
de que “non hai mal que por ben non veña”.


María Xosé Lamas

19 de mar. de 2020

Lecturas víricas

Mario Paz González.-

Circulan estes días polas redes sociais, por mor da situación de reclusión solidaria que se vive no país, abundantes suxestións coas que encher o tempo de lecer que a acompaña: visitas virtuais a museos, gravacións teatrais ás que se pode acceder gratuitamente online, películas para ver na rede de xeito legal a través das plataformas das bibliotecas públicas… Son tamén moitas as lecturas achegadas por uns e outros e a lista podería ser interminable. Con todo, resulta moi difícil resistir a tentación de elaborar un canon persoal, así que aí vai.

En case todas esas listas, e tamén na miña, figura en lugar privilexiado A peste, imaxinada en 1947 por Albert Camus en Orán. A súa actualidade radica na reivindicación de valores como a solidariedade e o esforzo, que chega, mesmo, ao sacrificio nos sectores sanitarios para loitar polo ben da comunidade. Tamén, nesa liña, Némesis de Philip Roth, baseada nunha epidemia de polio en New Jersey no verán de 1944. Mesmo, cabería lembrar o Diario do ano da peste, de Daniel Defoe, ou Os noivos, de Alessandro Manzoni, ambas as ambientadas nas epidemias que sufriron Londres e Milán, respectivamente, no século XVII. Con todo, case ninguén (agás Julio Llamazares en El País) parece citar unha obra tan significativa como o Decamerón de Boccaccio, colección de relatos, na súa maioría xocosos, escrita no século XIV por mor da peste negra que, entre 1347 e 1352, arrasou Europa. Tampouco El quadern gris, diario de 1918 e 1919, de Josep Pla, obra mestra coa que forxou a súa vocación de escritor e que comeza un 8 de marzo de 1918 cunha referencia á epidemia daquel ano: “Como hai tanta gripe, tiveron que clausurar a universidade. Desde entón, o meu irmán e eu vivimos na casa, en Palafrugell, coa familia. Somos dous estudantes ociosos. […] El fai a súa vida. Eu vou tirando”.

Se do que se trata, a pesar de todo, é de soportar o peche destes días con lecturas edificantes que axuden a mitigar a inevitable sensación de claustrofobia que podería roldar a máis dun, pode recorrerse a títulos tan coñecidos como Robinson Crusoe, tamén de Defoe, e todas as novelas de Verne e outros sobre náufragos que seguiron o seu ronsel, como esa versión moderna que é O marciano, de Andy Weir. E, se o peche vai para longo, sempre podemos refuxiarnos nun hospital de tuberculosos asistindo ao derrube espiritual da Europa decimonónica xunto a Hans Castorp, protagonista de A montaña máxica, de Thomas Mann, ou nunha estreita cela na prisión de If, en Marsella, xunto ao mozo Edmond Dantés, protagonista de O conde de Montecristo, de Dumas. Se o que buscamos é unha compañía máis amable poderiamos atopala, polo seu ton íntimo e lírico, nas cartas Desde a miña cela, redactadas por Bécquer durante a súa estancia en Aragón no mosteiro de Veruela. Aínda que eu destacaría, sobre todas estas, Opio, esa obra miscelánea e de enorme creatividade, chea de debuxos e textos do autor que se adianta nun século á literatura posmoderna actual e que redactou Jean Cocteau durante a súa reclusión na clínica de Saint-Cloud.

Pero, se o que un busca é vivir estes tempos de xeito extremo, sempre se pode retomar A metamorfose de Kafka ou recorrer, por suposto, á ciencia ficción, comezando polo poema “Darkness”, de Byron, no que se pinta un mundo apocalíptico e abatido, onde os homes vagan sen rumbo. Foi escrito durante o “verán sen verán” de 1815, cando os gases producidos pola erupción do monte Tambora, de Indonesia, escureceron Europa. Dese mesmo período é O último home, de Mary Shelley, novela futurista ambientada (ollo!) no século XXI, cando unha praga arrasa o planeta. Tamén, por suposto, 1984 de George Orwell, ou A estrada, de Cormac McCarthy, que parece unha prosificación do poema de Byron, e moitos outros, como A fuga de Logan, de William F. Nolan e George Clayton, o Diario da guerra do porco, de Bioy Casares, ou as historias de zombies, como “Invasión”, de David Roas, relato no que as persoas permanecen pechadas nas súas casas ante unha epidemia de zombies que invade o planeta. Por variedade que non falte.

15 de mar. de 2020

Adega apraza a súa actividade

Redacción.-

ADEGA Lugo, ante a actual situación que estamos a vivir, decidimos que as actividades que se ían a realizar en marzo quedan adiadas ata novo aviso, é dicir que a andaina polos terreos afectados pola Rolda Leste, e o roteiro polas Mariñas Betanceiras non se farán nas datas previstas.
Aínda que non son actividades dentro das limitacións sanitarias actuais, consideramos importante obrar do lado da corresponsabilidade, tomando as medidas preventivas necesarias e non xerar focos de contaxio innecesarios.
O traballo ecoloxista continuará, a atención ao público será telefonicamente no 982240299, ou a través do correo electrónico adegalugo@adega.gal. O local permanecerá pechado ao público ata que a normalidade volva.

13 de mar. de 2020

Adiadas as actividades do IESCHA

Redacción.-

ATENDENDO AO ESTIPULADO NO COMUNICADO QUE O CONCELLO DE VILALBA PUBLICOU CON MOTIVO DA PANDEMIA DO CORONAVIRUS, PRINCIPALMENTE NO QUE ATINXE AO PECHE DE TODAS AS INSTALACIÓNS MUNICIPAIS E TENDO EN CONTA TAMÉN A RECOMENDACIÓN QUE NESE MESMO COMUNICADO SE FAI AS DISTINTAS ASOCIACIÓNS E ENTIDADES DE NON CELEBRAR NINGÚN TIPO DE ACTIVIDADE,
O INSTITUTO DE ESTUDOS CHAIREGOS-IESCHA
COMUNICA O SEGUINTE:
QUEDAN SUSPENDIDAS TODAS AS ACTIVIDADES PROGRAMADAS PARA AS VINDEIRAS SEMANAS, A SABER:
1o .- SUSPÉNDESE A ASEMBLEA XERAL ORDINARIA QUE O IESCHA TIÑA CONVOCADO PARA O DÍA 27 DESTE MES DE MARZO NA CASA DA CULTURA.
INFORMARASE DA NOVA DATA A TRAVÉS DOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN, DAS REDES SOCIAIS E DO CORREO ELECTRÓNICO.
2o.- SUSPÉNDESE TAMÉN O ACTO DE PRESENTACIÓN DA REVISTA NPG- GAZETA QUE ESTABA PREVISTO LEVAR A CABO ESE MESMO DÍA 27 DE MARZO, NO MESMO LUGAR.
AGARDAMOS QUE TODA ESTA SITUACIÓN DURE O MENOR TEMPO POSIBLE E SE POIDA PROSEGUIR COA ACTIVIDADE HABITUAL EN TODOS OS ÁMBITOS E DA MELLOR MANEIRA.

Aprazada a manifestación de ganaderos

Redacción.-

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla apraza a manifestación que estaba convocada para o vindeiro martes, 17 de marzo, en Lugo ante a crise do coronavirus e as "medidas excepcionais" decretadas polas autoridades para evitar a propagación do virus.

Agromuralla considera "prioritario" na actual situación "contribuir a frear o Covid-19", unha tarefa, di, que corresponde ao conxunto da sociedade, polo que a asociación de gandeiros quere "sumarse aos esforzos colectivos por evitar a propagación do coronavirus" evitando "situacións de risco ou que supoñan aglomeracións de persoas non recomendadas polas autoridades sanitarias", polo que considerou "prudente e responsable" aprazar a manifestación convocada en defensa duns prezos xustos para os produtores "até que a alerta sanitaria teña desaparecido e a situación permita a celebración da mobilización en condicións normais".

Garantes da seguridade alimentaria

"Os agricultores e gandeiros somos os primeiros que nos responsabilizamos todos os días da saúde da poboación a través da produción de alimentos saudables", asegura Agromuralla a través dun comunicado difundido unha vez coñecidas as medidas establecidas polo Consello da Xunta desta mañá, que limitan a concentración de persoas tanto en espazos pechados como abertos.

A asociacion de gandeiros afirma que "a situación actual deixa patente a importancia fundamental que ten o sector agrogandeiro na produción de alimentos para a sociedade evitando deste xeito o desabastecemento da poboación", polo que considera que "igual que a saúde pública é tarefa de todos, toda a sociedade debe tamén defender o futuro dos que producimos os alimentos para a poboación a través duns prezos xustos que permitan aos agricultores e gandeiros vivir dignamente do seu traballo".

Aprender a lingua (materna)

Helena Villar Janeiro. -

Ante unha foto de Marilyn cun precioso abrigo beixe, viaxo ao taller familiar onde axudei aprendendo o oficio da costura. Na época que evoco, os abrigos das mulleres eran soltos (ensanchando a caída desde os ombreiros ) ou entallados (axustados á cintura e nesgados abaixo). As chaquetas dos homes, redondas ou de traspaso. Así foi como aprendín as dicotomías sen saber o seu nome. Así é como aprendín o vocabulario que  daquela me bastaba para enterme co mundo, inda que máis tarde tivera que aprenderlle novos significados.

A miña adquisión idiomática está unida ao taller de costura. A palabra vistas non era a panorámica que se podía divisar desde un lugar privilexiado, senón unha parte dos dianteiros da chaqueta. Baixos non eran nin cantantes de voz grave nin a primeira planta dos edificios, senón o fondo das prendas. E podería dicir o mesmo de calado de cantos, forrar pasamánspunta de gabián ou picar peitos.

As linguas apréndense uníndoas ao contexto das actividades da familia, da concorrencia de compañías afectivas e lúdicas, das características do medio socioeconómico e ambiental. Con estas palabras vaise construíndo interiormente o esqueleto do mundo. Despois, coa apertura doutras aprendizaxes, complétanse, arriquécense e xa nos serven para entendérmonos con outros falantes dese mesmo idioma que tivesen percepcións iniciais ben diferentes. Durante este proceso, ten cabida a aprendizaxe doutra(s) lingua(s), feito que aumentará a nosa capacidade de relación.

A familia é fundamental na aprendizaxe dun idioma porque a comunicación entre os seus membros ten moita carga emocional e o uso da palabra está fortemente motivado pola comunicación das necesidades. Pobre daquela criatura á que lle fagan crer, por activa ou por pasiva, que a lingua da súa casa é menos valiosa que outra que lle poñan de modelo para se entender cos demais! Por esa intervención infame, un falante pode perder a súa primeira lingua, porque esa idea interfire, se non hai un apoio consciente que a equilibre, incluso en seguir falándoa cos seus. Non hai nada máis anómalo na comunicación que o feito de que na casa se falen idiomas diferentes por franxas de idade, que as nenas e os nenos se dirixan aos seus proxenitores nunha lingua diferente á que estes falan entre si, maiormente se a lingua primeira ten presencia natural na sociedade. E cando unha sociedade, como é a nosa, acepta con toda normalidade ou mesmo provoca que pase isto, hai que pensar que perdeu moito en saúde social.


Lido en: https://helenavillarjaneiro.wordpress.com/

25 de feb. de 2020

Xan Perillán na Casa do Manuel

Redacción. -


A NPG Nova Poesia Guitirica presentará o sábado día22 de febreiro ás 20:00 a súa revista poética NPG Gazeta N°CERO no LAR DE UNTA de Betanzos con un recital poético no que intervirán divers@s poetas que participaron  neste número inaugural da revista e poetas de Betanzos.
Seguimos así con unha serie de presentacións deste número cero que se iniciaron con  outro recital o pasado día 8 en Cee e posteriormente seguirán en outras localidades co.o Vilalba o próximo mes.
A revista conta con perto de 70 páxinas con máis de sesenta poemas doutros tantos autores e coas ilustracións en forma de retrato da artista vilalbesa da NPG Isabel Pardo e coas fotografías da capa e contracapa de Zeltia Villar. A coordinación e deseño corresponderon a Moncho Bouzas e Antón de Guizán e a maquetación a Xelo Teijido.
A GaZeta nace como unha plataforma web e en papel para a participación grupos poéticos de base e neste número teñen participado poetas adscritos ao grupos Nómades do Verso (Grupo Antón Borrazás) da Coruña, Grupo Moraima de Ferrolterra, Poesía Galega Ceibe da Costa da Morte, Irmandade Poetica e Artística Luso-Galaica de Chantada, In Nave Cívitas, Colectivo Urbano Lugrís da Coruña, Nova Poesía Guitirica e algunha participación individual. Así, o sábado participarán os seguintes poetas: Alberte Momán, Ramiro Vidal, Loreto de Castro, Miguel Costoya, Xurxo Gago, María Pereira, Clara Blanco, Carlos Neira, Miguel Queipo, José Vázquez Liste, Amalia Díaz, Moncho Bouzas e Antón de Guizán, que ademáis de recitar poemas propios, e incluídos na revista, homenaxearán a Rosalía de Castro e Ricardo Carvalho Calero.
Deste xeito, iniciamos con este número unha nova proposta aberta e participativa, unha concepción poética de caracter comunal e de base con un organo de difusión dixital e impreso que serve tamén para promover recitais e actos por diversos lugares, sendo o LAR DE UNTA o artífice da presentació  nas Mariñas desta revista poética con un recital poético ao vivo e coa característica de ser proxectado e recitado a escuras no local da rúa Pescadería 3. Betanzos e comarca sempre foi terra de poetas e fará o sábado 22 de lugar de acollida poética a expresións chegadas de diversos lugares do país.

A Banda da Loba en Vilalba

Redacción. -

O Instituto de Estudos Chairegos, continuando coa programación prevista para este ano 2020, organiza un concerto musical a cargo do grupo A BANDA DA LOBA, presentando o seu novo traballo “FÁBRICA DE LUZ”.

O acto, que conta coa colaboración do Concello de Vilalba, terá lugar o sábado 29 de febreiro de 2020, ás 21:00 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba. A entrada será de balde.

A BANDA DA LOBA
Integrada por cinco mulleres que decidiron unir as súas traxectorias individuais para dar voz a este novo proxecto, destaca a creación dun repertorio propio baseado tanto en letras da súa autoría como en musicalizacións de poetas célebres ou 
outros textos tomados dos poemarios de escritoras contemporáneas. Todo isto, baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop, do folk… e fai do seu repertorio un fantástico caleidoscopio musical. En decembro de 2017 saíu á rúa o seu primeiro traballo discográfico, “Bailando as rúas”, no que contaron coa produción musical de Adrián 
Saavedra e as colaboracións de Guadi Galego e Tanxugueiras. 

Tras o gran éxito acadado e despois de dar máis de setenta concertos en ano e medio, dentro e fóra do noso territorio, 
preséntannos agora o seu novo traballo, «Fábrica de luz».

Fábrica de luz é un traballo de creación, reflexión e homenaxe en torno á idea de nai entendida nun sentido amplo. A lingua 
e a terra, son as primeiras nais, fábricas de luz. As creadoras que nos precederon e as que nos acompañan nesta viaxe son tamén fábricas de luz. As nosas nais, as vosas nais, todas as nais son fábricas de luz. Son fogar, tempo e amor incondicional. Son poder, loita e memoria. Son todo o que nos permite ser hoxe 
tamén fábrica de luz.

18 de feb. de 2020

As librarías máis fermosas do mundo

Mario Paz González.-

O universo é un inmenso libro, dicía o antigo sabio árabe Ibn Arabi, pero, ao mesmo tempo, podería engadirse, entre todos os libros sosteñen o universo, como na biblioteca de Babel borxiana. Tratar de imaxinar un mundo sen eles resulta tarefa ardua e imposible. Mesmo antes de que o ser humano fose capaz de transcribir os seus pensamentos con logogramas ou grafemas en táboas de arxila, de madeira ou de cera, en papiros, placas de óso ou peles curtidas, os libros xa estaban aí, agardando a ser escritos, rexistrados no recordo daqueles que relataban ou escoitaban historias transmitidas oralmente ou a través das pinturas rupestres. Mesmo nun mundo apocalíptico como o creado por Ray Bradbury en Fahrenheit 451, onde os libros son perseguidos para ser queimados, eles seguen existindo, como nas orixes, a través de persoas encargadas de mantelos vivos na súa memoria e transmitilos a outros. Mesmo nunha época como a actual, na que chegou a falarse da morte do formato impreso, substituído polos novos soportes dixitais, o libro tradicional demostrou a súa fortaleza máis que nunca. Aínda que convén lembrar que esoutros formatos (e-books, audiolibros…) non deixan de ser tamén libros, á fin e ao cabo.


Se cadra por iso, a nova do peche dunha libraría sempre é unha mala nova. A difícil adaptación ás tecnoloxías dixitais, a subida do prezo dos alugueres, a competencia das grandes superficies, a xubilación dos propietarios sen que haxa un relevo xeracional… Estas son algunhas das razóns que adoitan esgrimirse cando se trata de explicar o recente peche en 2019 de locais históricos como a libraría médica Moya, na rúa Carretas de Madrid, ou a libraría Andel, en Vigo, por citar dúas significativas. Pero, por riba delas, a min e a muitos outros, o que nos doe, é o peche da libraría Segrel en Vilalba. Como dicía Arturo Gómez do Iescha nas redes sociais, Segrel era a derradeira libraría (exclusivamente libraría) que quedaba na vila trala desaparición, a finais dos oitenta, da de Carmiña da Ponte. O seu peche agora, por xubilación do propietario, déixanos un pouco orfos a todos. 


Con certa frecuencia, en moitas das miñas visitas a Vilalba, deixábame caer por Segrel para facerme con algúns libros, sobre todo, de literatura galega. Alí, e na libraría da Ponte, descubrín na miña infancia e adolescencia innumerables autores que marcaron a miña desordenada vida de lector impenitente: Italo Calvino, Kafka, Dashiell Hammett, Lovecraft, Otero Pedrayo, Cunqueiro… Se hai algunha patria, esa é a infancia e os libros, e ámbalas dúas ideas están indisolublemente unidas para min na lembranza das dúas librarías de Vilalba. Nas miñas derradeiras visitas a Segrel non puiden facerme con todos os libros que desexaba. Son un lector lento e empéñome na tarefa imposible de non almacenar na casa máis libros dos que sexa capaz de ler.


Ao ver a sua porta definitivamente pechada  a principios de xaneiro deste ano lembrei aquel poema do heterónimo pessoano Álvaro de Campos. Aquel no que dicía que o río Tejo nace en España, entra no mar por Portugal e, a través del e da súa desembocadura, pode un percorrer o mundo enteiro, pero todo iso non o facía máis belo que o río que corre pola súa aldea, porque, aclaraba, o Tejo non era o río que corre pola súa aldea. Do mesmo xeito, penso que, talvez en París teñan a “Shakespeare & Company”, en Porto a “Lello e Irmão” e en Compostela “Follas Novas" ou “Couceiro”, todas elas librarías de sona e, mesmo, algunha delas citada entre as máis fermosas do mundo, pero non para min, porque ningunha delas é a libraría da miña vila. Para min, e sei que para motivos outros, a libraría da Ponte ou a libraría Segrel estarán sempre na lembranza porque son as librarías da nosa vila e por iso sempre serán por riba de calquera outra, como para Álvaro de Campos o río da súa aldea, as librarías máis fermosas do mundo. 


16 de feb. de 2020

En pé de Terra o 29 de febreiro

Redacción. -

Os vindeiros 29 de febreiro e 1 de marzo desde a Casa das Insuas, a asociación de  Custodia do Territorio organiza de novo "En Pé de Terra",  unha actividade de voluntariado para, destacó vez, podar, tallar e replantar vimbio no Prado da Ponte (Rábade, Lugo), coa colaboración da artesá cesteira Idoia Cuesta

O horario será de 10:30 h. a 14:30 h. Pódese participar un día ou os dous. Gratuito. Inscricións e info: casadasinsuas@gmail.com  ou no 680560882.

Colabora, aprende e leva material para replantar.

*Recoméndase traer roupa e calzado de traballo para o campo, adaptado a meteoroloxía, e, se tedes, tamén material de poda.

15 de feb. de 2020

Presentación de GaZeta

Redacción. -

A NPG Nova Poesia Guitirica presentará o sábado día22 de febreiro ás 20:00 a súa revista poética NPG Gazeta N°CERO no LAR DE UNTA de Betanzos con un recital poético no que intervirán divers@s poetas que participaron  neste número inaugural da revista e poetas de Betanzos.
Seguimos así con unha serie de presentacións deste número cero que se iniciaron con  outro recital o pasado día 8 en Cee e posteriormente seguirán en outras localidades co.o Vilalba o próximo mes.
A revista conta con perto de 70 páxinas con máis de sesenta poemas doutros tantos autores e coas ilustracións en forma de retrato da artista vilalbesa da NPG Isabel Pardo e coas fotografías da capa e contracapa de Zeltia Villar. A coordinación e deseño corresponderon a Moncho Bouzas e Antón de Guizán e a maquetación a Xelo Teijido.
A GaZeta nace como unha plataforma web e en papel para a participación grupos poéticos de base e neste número teñen participado poetas adscritos ao grupos Nómades do Verso (Grupo Antón Borrazás) da Coruña, Grupo Moraima de Ferrolterra, Poesía Galega Ceibe da Costa da Morte, Irmandade Poetica e Artística Luso-Galaica de Chantada, In Nave Cívitas, Colectivo Urbano Lugrís da Coruña, Nova Poesía Guitirica e algunha participación individual.
Deste xeito, iniciamos con este número unha nova proposta aberta e participativa, unha concepción poética de caracter comunal e de base con un organo de difusión dixital e impreso que serve tamén para promover recitais e actos por diversos lugares, sendo o LAR DE UNTA o artífice da presentació  nas Mariñas desta revista poética con un recital poético ao vivo e coa característica de ser proxectado e recitado a escuras no local da rúa Pescadería 3. Betanzos e comarca sempre foi terra de poetas e fará o sábado 22 de lugar de acollida poética a expresións chegadas doutros lugares do país, princjpalmente da Terra Chá luguesa.

'O Moredo' no Cine Clube Betanzos

Redacción. -

Chega febreiro e chega o antroido e no Cine Clube LAR DE UNTA programan unha proxección o día 20 adicada a esta tradicional festa.
A película -O MOREDO a resistencia do antroido ribeirao- de David Vázquez será o filme que se proxectará no LAR DE UNTA ás 20:30 do 3° xoves de febreiro día 20. Coa película estará o seu director, que participará dun coloquio co público no que tamén participará Emi Cagiao, a autora do libro Historia e recuperación do antroido de Samede, un lugar do veciño concello de Paderne e tamén o presidente da Asociación Entroido do Moredo.
O filme O MOREDO conta, como en Samede, a recuperación dun antroido tradicional galego na zona de Chantada. Foi seleccionada en numerosos certames de cine documental e está considerada unha referencia dentro do cinema documental e etnográfico.
A proxección de febreiro no Lar de Unta é unha oportunidade de aprender de nós mesmos e do noso património  cultural  ademáis de homenaxear ao noso antroido e ao traballo de recuperación que están a facer moitas entidades do noso rural.

-O MOREDO a resistencia do antroido ribeirao.
-Xoves 20 de febreiro ás 20:30
-Lar de Unta, rúa Pescadería 3 Betanzos.
-Entrada é de valde até comlmetar o aforo.
-Todos os públicos.


Contou Rosalía

Redacción. -
A Casa-Museo Manuel María proxecta hoxe sábado, 15 de febreiro, ás 19 hrs, dentro das actividades programadas en volta do Día de Rosalía, o filme Contou RosalíaDirixido por Zaza Ceballos, producido por Zenit Televisión e coa participación da TVG, foi estrado o 18 de maio de 2018, e conta cun elenco de actrices e actores como Melania Cruz, Fran Lareu, Ledica Sola, Tamara Canosa, Celso Parada, César Cambeiro, Pepo Suevos, Alex Jato, David Perdomo e Josito Porto.

A película baséase na vida de Rosalía en Madrid, a mediados do século XIX, onde fai vida social, escribe e reencóntrase co historiador Manuel Murguía.

Despois da proxección as persoas asistentes manterán un diálogo con Raúl Veiga, guionista da película catedrático de lingua e literatura galegas no ensino secundario.

A entrada para ver a proxección é libre até completar o aforo.


Presentación do libro de Rosa Aneiros

Redacción. -

O instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia organizan o vindeiro venres 14 de febreiro de 2020, ás 19:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, a presentación do libro “TRES BICHICOMAS, DÚAS ILLAS E UNHA SEREA” de ROSA ANEIROS, editado por Edicións Xerais de Galicia, publicación gañadora do II Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade que convocaran no ano 2018 as tres entidades antes mencionadas. 
No acto intervirán: a propia autora do libro, Rosa Aneiros; o director de Edicións Xerais de Galicia, Fran Alonso; a alcaldesa do Concello de Vilalba, Elba Veleiro, e a presidenta do Iescha, Marisa Barreiro. 

O libro
Edelmira odia dúas cousas por riba de todo: a nata do leite e o seu nome. A primeira consegue eliminala cun coador vello que a acompaña a todas as partes, pero da segunda non hai maneira de librarse. Chámanlle así polo avó Edelmiro, e el tampouco lle gusta nada porque é un verdadeiro túzaro. Por iso, cando o seu pai lle anuncia que pasará o verán soa co avó en Marabilia, Edelmira non pode crelo. Van ser uns meses terribles! 
Mais todo muda na aburrida aldea coa chegada de dous nenos, André e Daniel, cos que inicia arriscadas expedicións na procura de corsarios choscos, frotas de flamengos e gatos con cola de dinosauro. Ata que algo aparece inesperadamente no mar para mergullalos nunha extraordinaria aventura que os converterá en afoutos bichicomas. (https://xerais.gal)

A autora e a ilustradora
Rosa Aneiros (Meirás-Valdoviño, 1976) é xornalista e traballa no Consello da Cultura Galega. Colabora habitualmente en distintos medios de comunicación. En 1999 presentou a súa primeira novela, «Eu de maior quero ser», á que seguiron «Corazóns amolecidos en salitre» (2002); «Resistencia» (Xerais 2003), Premio Arcebispo Xoán de San Clemente 2003; «O xardín da media lúa» (2004); «Veu visitarme o mar» (Xerais 2004); «Ás de bolboreta» (Xerais 2009), Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, Premio Fervenzas Literarias ao Mellor libro xuvenil 2009 e Premio The White Ravens (Internationale Jugend Bibliothek) 2010; «Sol de Inverno» (Xerais 2009), Premio Xerais de Novela e Premio Fervenzas Literarias á Mellor portada de adultos 2009. En 2013 publica o primeiro título da triloxía «Ámote Leo A.»: «Ámote Leo A. Destino xalundes» (Xerais 2013), ao que seguiron «Ámote Leo A. Estación de tránsito» (Xerais 2014) e «Ámote Leo A. Terminal de chegadas?» (Xerais 2014). Na colección Sopa de Libros de Xerais publicou «Orestes perde o sentido!» (2019), e na colección Merlín, «A batalla da pequena Chañan Curi Coca» (2017), «Xelís, o guieiro das botellas de mar», Premio Merlín de Literatura Infantil 2019, e «Tres bichicomas, dúas illas e unha serea» (2020), Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade 2018.
Abi Castillo (Vigo, 1987) é graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e cursou estudos superiores na escola de deseño Aula D desta cidade. Compaxina o seu traballo creativo coa faceta de profesora de pintura para nenos e nenas. Entre algúns dos seus traballos está a realización das ilustracións do libro infantil «O corazón tecido de Catarina» (2013) ou as ilustracións para o Mercado Progreso 41 de Vigo (2016). Ademais, participou en diferentes mostras, exposicións e publicacións colectivas e foi seleccionada en diversos premios, como o Premio Novos Valores 2018 do Concello de Pontevedra. En Xerais ilustrou o álbum «Pioneiras 2. Galegas que abriron camiño» (2019) e a novela «Tres bichicomas, dúas illas e unha serea» (2019). 

11 de feb. de 2020

Compromiso dos Medios en Galego

Redacción.-

Fermosa e comprometida celebración do Día dos Medios en Galego. O Casino 1889, unha entidade centenaria resucitada pola mocidade carballesa, acollía esta sinalada data, que pretende reincidir na importancia de manter viva a nosa lingua a través dos medios de comunicación, ao tempo que serve para visibilizar a realidade dos máis de 100 medios activos que contan o que acontece no país en galego.

Esas máis de 100 cabeceiras serviron de fío condutor para a organizadora Asociación de Medios en Galego (AMEGA), demostrando a forza que teñen cando unen e tecen redes.

Foi un acto sinxelo e apegado á terra, que abriu a regueifeira de Bergantiños, Lupe Blanco. Cada cousa que toca convírtena en arte esta brava coristanquesa que fixo as delicias das máis de 100 persoas que ateigaron a sala para a parte inicial do acto. Foi presentando, a ritmo de regueifa e mesmo de brindo, a Rebeca Munín, representante da Revista Pincha e membro da directiva da AMEGA; María Muíño, deputada da área de Igualdade e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña; Valentín García, Secretario de Política Lingüística; e Maruxa Suárez, concelleira de Normalización do Concello de Carballo, en presencia tamén do alcalde Evencio Ferrero.

A novidade púxoa Munín, que anunciou o Certame de Vídeos, Podcast e Regueifas buscando a implicación da mocidade na necesidade de manter viva a lingua nos medios de comunicación (tendes as bases aquí).

O máis incisivo foi Avelino González. Un dos nosos mellor contadores, quixo reflexionar sobre como Cunqueiro tivera reaccionado ante a lingua galega de tradución automático das grandes cabeceiras do país. Cunha sesión de “filoxoxía de patacón” arrincou as risas dos asistentes facendo ademais unha apoloxía das bondades do galego para “falar idiomas”.

Despois dos petiscos, da man do Logradouro, pecharon a festa a banda de Esteiro, Terbutalina. Unha banda que segue cantando, como o primeiro día, na súa lingua, a pesar das numerosas portas que eles mesmos se lle teñen pechado, por ese feito. A banda muradá reivindicou a súa lingua botando esa nova Muiñeira que levan por toda a península.

O 7 de febreiro foi instaurado como o Día dos Medios en Galego en 2018, gracias á aprobación de todos os partidos do Parlamento Galego, e serve para lembrar o nacemento en 1876, do
primeiro xornal integramente escrito en galego do Rexurdimento: O Tío Marcos d’A Portela. O acto contou coa colaboración do Concello de Carballo, a Deputación da Coruña e a Secretaría de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

9 de feb. de 2020