Poemas pendurados das farolas

Redacción .-

O próximo sábado a partir das 17:00 horas coNenzarán a colocarse nas farolas de Guitiriz os casi 100 poemas doutr@s tant@s poetas que este ano irán adicados ao COVID19.
Vari@s poetas da NPG Nova Poesia Guitirica iniciarán a colocación de poemas dende a praza da Igrexa por toda a localidade. 
Os poemas poderán leerse a pé de rúa até o 20 de febreiro nun Guitiriz convertiso nun poemario colectivo xigante no que cada farola conftemática ormará unha páxina diferente con unha temática única: a pandemia do coronavirus.
Esta será a cuarta edición de #PoemasPenduradosdeFarolas que nas edicións anteriores estiveron adicadas á violencia machista, á vaga de lumes e aos recortes de liberdades fundamentais.
A poesía ao servizo da sociedade e i mersa en asuntos de actualidade, achegada á xente da rúa e con mensaxes comprometidas é outra actividade máis da poesía guitirica que vai camiño ďos seis anos de existencia.
Guitiriz voltará dende o sábado a ser o centeo da poesía luguesa nas súas rúas con versos adicados á histórica pandemia que estamos a padecer.
A NPG ten tamén aberto o período de envío de micro poemas do V Certame VILARIÑAS até o 31 de de xaneiro. Os micro poemas de máximo 3 versos aco.pañados de imaxe poden enviarse aos correos dosvilares@gmail.com ou noggazeta@gmail.com.

14 de xan. de 2021

Xurxo Souto presenta 'Pangalaica'

Redacción. -

O vindeiro sábado, ás 19 horas, Xurxo Souto presenta no auditorio da Casa-Museo Manuel María (Outeiro de Rei da Terra Chá), Pangalaica. Recortes poderososOitenta pequenos relatos que foron escritoe publicados durante o confinamento no xornal Nós Diario e que agora son recollidos e ilustrados nun libro editado por Galaxia. A publicación tirada no mes de novembro vén de esgotar a súa primeira edición.

Pangalaica recolle as historias e as persoas marabillosas que Xurxo Souto foi topando nas súas viaxes por Galiza adiante. Petiscos cheos de humor que acaban conformando unha cosmovisión alternativa do país: é mentira a fronteira entre o rural e o urbano; todas somos da aldea; Vigo e mais A Coruña son a mesma cidade!… (achegamos ligazón onde o propio escritor fala deste traballo https://www.youtube.com/watch?v=y9_0ul8V62Q&t=350s)

Xurxo Souto (A Coruña, 1966). Músico e escritor, en 1988 comezou a colaborar en diferentes medios de comunicación, nomeadamente na radio, onde conduciu os programas A Tropa da Tralla (Radio Coruña) ou Aberto por Reformas (Radio Galega). Escribiu dúas novelas e varios libros de relatos. Dirixiu a película documental Pucho Boedo, un crooner na fin do mundo. Con outros compañeiros do barrio creou Os Diplomáticos de Monte-Alto, conxunto bravú. Tocou o acordeón en Tres Trebóns e, agora, é un dos compoñentes da Banda Xangai.

A entrada para asistir a esta actividade é libre mais é imprescindíbel anotarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.

Peche do CEIP Baamonde

Redacción. -

A xunta directiva do IESCHA manifesta publicamente a súa oposición ao intento de pechar en Baamonde –con todos os pais e nais en contra- un Colexio ao que aínda asisten 30 nenos e nenas. 
Velaí unha ocorrencia -presentada como decisión política do goberno municipal de Begonte- que contribúe a seguir baleirando o rural coa supresión dun servizo público esencial, cando xa conta desde hai moitos anos cos recursos humanos –que fan a súa achega á dinamización da vila- e as instalacións que posibilitan a prestación deste servizo, fulcral en calquera nación desenvolvida.
Ao tempo, a Xunta de Galicia vén de facer público que a loita contra a despoboación do medio rural vai ser o eixo vertebrador dos proxectos cos que solicitará as axudas da UE do fondo Next Generation EU, un plan que quere facer fronte á grave crise económica e social trala pandemia de COVID-19.
Cando seremos quen de poñer o ensino –como a sanidade- á cabeza das prioridades dunha sociedade que quere ser do benestar?
Que haberá máis importante que a sanidade ou o ensino para que unha nación siga a ter vida?
O Colexio é vida; preservémola.
A Cultura é segura; non sequemos unhas das súas fontes.

11 de xan. de 2021

III Certame de Nova Dramaturxia

Redacción. -

A compañía viguesa Feira do Leste vén de publicar as bases da terceira edición do Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual. Un proxecto que procura dar maior visibilidade aos novos dramaturgos galegos a través da edición e publicación da obra nun volume con obras doutros autores galegos que están a destacar actualmente polo emprego de novas linguaxes e temáticas.

Segundo a compañía, a aparición de novos dramaturgos con ampla formación e con linguaxes innovadoras para o panorama teatral galego, está a consolidar unha nova xeración de autores recoñecidos dentro e fora da nosa comunidade, que deben enfrontar graves eivas no eido da publicación e difusión da súas creacións.

Na pasada edición, a obra Ofelia ou o cabeiro da cóbrega de Fernando Castro Paredes resultou finalista; anteriormente, o xornalista Miguel Sande  acadou o premio con A enterradora (blogue). Ambas obras publicadas por Á Feira Edicións, selo creado por Feira do Leste para a publicación de novas dramaturxias. O certame conta co apoio da Deputación de Pontevedra.


BASES

  1. Poderán concorrer ao Certame todas as persoas que o desexen, de calquera nacionalidade, con textos teatrais inéditos e non premiados noutros certames, que estean escritos en lingua galega ou que a lingua maioritaria sexa o galego.
  2. As OBRAS serán de temática e extensión libre. E nelas deberá procurarase o bo uso da lingua galega. Cada autor poderá presentar máis dunha obra.
  3. O PREMIO consta da edición e publicación da obra gañadora dentro dun volume xunto con outras pezas de dramaturgos galegos actuais. Así mesmo, o gañador recibirá 10 exemplares da obra como compensación dos dereitos de autor. Poderase outorgar o premio a varias obras ou autores se así o estima o xurado e a organización.
  4. O PRAZO de presentación de orixinais comeza o 7 de xaneiro de 2021 e remata o 26 de marzo de 2021 ás 23:59h.
  5. O ENVÍO das obras farase exclusivamente a través do formulario de inscrición da páxina web oficial do certame ou mediante o correo electrónico certame@novadramaturxia.feidadoleste.com. Enviaranse dous arquivos: un coa obra (con título e lema) e a plica (no que constará o nome e apelidos do autor, lema, título e breve sinopse da obra, teléfono e email).
  6. O XURADO estará conformado por profesionais do teatro e do mundo da cultura e prestarán especial atención á innovación dramatúrxica, as novas linguaxes contemporáneas e a singularidade temática das pezas. A elección das obras será anónima.
  7. Os orixinais non premiados serán destruídos.
  8. Se durante o tempo de presentación e deliberación a obra presentada recibise algún premio ou fose editada, o autor deberá comunicalo á organización do certame.
  9. O feito de participar neste certame supón a aceptación total destas bases. O non previsto nelas será resolto pola organización.

 

Para máis información, consulta a páxina web do Certame.

8 de xan. de 2021

Gravacións de El Eco no ASG

Redacción. -
A gravación que o orfeón El Eco realizou en 1904 da Alborada gallega de Pascual Veiga é, ademais dun dos primeiros rexistros sonoros documentados que se conservan, un dos materiais máis importantes que custodia o Arquivo Sonoro de Galicia. O Consello da Cultura Galega (CCG) pon, por primeira vez, a disposición da cidadanía esta peza fundamental do noso patrimonio sonoro. Faino hoxe, 20 de decembro, cando que cumpren anos do primeiro rexistro fonográfico en Galicia. Esta gravación pecha o Proxecto Lousas, co que a institución visibiliza o fondo histórico rexistrado en pedra.

O 20 de decembro de 1893 tivo lugar nun local da rúa Real da Coruña o primeiro rexistro fonográfico en Galicia. Lorenzo Colis, que desembarcou no porto coruñés cun fonógrafo procedente dos talleres Edison de Chicago, fíxolle varias gravacións ao reputado Orfeón El Eco, entre elas a Alborada gallega de Pascual Veiga. Esa gravación non se conserva, pero si unha de 1904, que é a que agora se pon en rede. Este rexistro sonoro publícase nun especial web que inclúe un texto do musicólogo Alberto Cancela, autor dunha tese de doutoramento sobre o orfeón El Eco, que explica e contextualiza a súa importancia.

A gravación que se difunde tivo lugar o 30 de maio de 1904 e foi motivada polo fotógrafo coruñés Pedro Ferrer, que chegou á Coruña coa intención de popularizar a patente dun gramófono. Nesta ocasión rexístrase o fragmento final da Alborada gallega e tamén Pepita de Adolf Müller.

O primeiro rexistro fonográfico
En 2014 unha investigación do Concello da Coruña e do Colectivo Vigués Sinsalaudio, xurdida a raíz do ciclo Cultura Coruña, puxo data á primeira impresión sonora de Galicia. Foi o 20 de decembro de 1893. A peza de Pascual Veiga non foi a única que se rexistrou aquela noite, senón tamén “¿Qué ten o mozo? de Prudencio Piñeiro, Melodía gallega de José Castro “Chané” e Pepita de Afoldf Müller. Todas elas son pezas clave dunha formación moi coñecida. As crónicas que se conservan daquel acontecemento falan tamén de varias obras dedicadas á rondalla da Sociedade Sporting Club da Coruña.

Orfeón El Eco
El Eco naceu en 1881 como orfeón da man de Pascual Veiga, compositor do Himno Galego. Esta formación tivo importantes mestres como José Castro González “Chané”, Jose Baldomir ou Rodrigo Alfredo de Santiago.
Comezou sendo un coro masculino pero a principios do século XX foi incorporando mulleres. A súa longa traxectoria deixa tras de si nomes importantes: Franco Patané, Arturo Basile, Wolf Ferrari ou Marco Armiliato na dirección e María Urix, Antonio Campó e Fernando Navarrete na interpretación. Nesta longa traxectoria cultivou diversos repertorios e xéneros, principalmente desde óperas a zarzuelas.

O proxecto Lousas
O proxecto Lousas é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega que pon na rede o patrimonio sonoro rexistrado en pedra. No marco deste proxecto difundíronse documentos sonoros que inclúen a primeira gravación galega que se conserva, que é a do Coro Aires d’a Terra de Pontevedra, rexistros do gran gaiteiro da emigración galega Manuel Dopazo; amais de composicións como “Alborada” ou “Negra Sombra”, interpretadas polas voces líricas máis salientables da época, por exemplo Ángeles Ottein ou Ofelia Nieto.
Este fondo chegou ao Arquivo Sonoro de Galicia principalmente por adquisición, aínda que tamén hai doazóns e cesións.

4 de xan. de 2021

Centenario da revista Nós

Redacción. -

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Editorial Galaxia, Antón Vidal, presentaron hoxe en Ourense a Biblioteca Nós, unha colección de dez libros dos autores máis representativos da Xeración Nós que veñen de ser reeditados con motivo do centenario da revista Nós.

Durante a presentación dos volumes, o titular de Cultura da Xunta salientou o peso da cidade de Ourense na actividade e creación cultural, así como a importancia deste grupo de intelectuais para a súa historia. “Falar de Ourense é facelo dunha referencia cultural, artística e literaria, dunha cidade que acolleu a numerosos escritores e poetas e que veu nacer a un dos movementos máis importantes dos últimos séculos: a Xeración Nós”, afirmou.

Neste mesmo sentido, Román Rodríguez engadiu que a historia da cidade das Burgas está “marcada pola herdanza intelectual de Nós”. Proba disto, tal e como sinalou, é a Biblioteca Pública de Ourense, na que foron presentados os exemplares e que leva o nome de Biblioteca Nós por decisión dos propios ourensáns. “Decisións como a do nome desta Biblioteca demostra o interese e respecto de todos os galegos polo universo Nós”, destacou. Previamente á presentación dos libros, o titular de Cultura descubriu a placa conmemorativa co nome desta dotación cultural no complexo de San Francisco.

Títulos incluídos
A colección presentada hoxe recolle dez obras dos autores máis representantes e senlleiros deste colectivo que revolucionou a Galicia do seu tempo “ensanchando as nosas fronteiras culturais e alumeando a conciencia colectiva da nosa terra”. Concretamente, os títulos reeditados en colaboración coa Editorial Galaxia son: O esquecedor mentor de Nós, de Antonio Losada Diéguez; Teoría do nacionalismo galego e Leria, de Vicente Risco; Polos vindeiros da saudade, Entre a vendimia e a castañeira e O Señorito da Reboraina, de Ramón Otero Pedrayo; Vicente Risco, de Carlos Casares; Co pensamento na patria, de Antón Vilar Ponte; Antífona da Cantiga, de Ramón Cabanillas, e Diario 1921, de Castelao.

“Esta é unha iniciativa na que contamos co mellor aliado: Galaxia, unha editorial que simboliza a resistencia cultural do galeguismo e que está moi vencellada tanto a Nós como a Ramón Otero Pedrayo, presente na súa primeira asemblea”, subliñou o conselleiro antes de engadir que se trata dunha editorial con máis de 70 anos de historia e case 4.000 libros editados. “Galaxia dispón dun catálogo con autores ilustres como Castelao, Risco ou Cuevillas”, sinalou.

Conmemoración da efeméride
O lanzamento desta nova colección enmárcase nos actos impulsados pola Xunta de Galicia con motivo do centenario da Xeración Nós, unha efeméride que, a pesar das dificultades da pandemia, se vén celebrando ao longo de todo o ano co obxectivo de poñer en valor a inmensa herdanza que deixaron estes referentes culturais.

Así, a programación deseñada para esta conmemoración que se alongará ata 2021 está composta por publicacións, homenaxes, recoñecementos e exposicións entre as que se atopa a creación dunha páxina web que aglutina todos os contidos do universo Nós, ou a exposición Galicia, de Nós a nós, a gran mostra que xa foi visitada na Cidade da Cultura por máis de 10.000 persoas de xeito presencial e que chegará á cidade de Ourense o vindeiro 18 de febreiro. Así, tal e como explicou o conselleiro, as máis de 300 pezas que compoñen esta mostra e que proceden de España, Francia, Alemaña e Portugal estarán expostas no Centro Cultural Marcos Valcárcel ata abril de 2021.

1 de xan. de 2021

Vilariñas 2021

Redacción. -

A agrupación poética de base NPG Nova Poesia Guitirica e a  Asociación Socio-Cultural Lareira de soños dos Vilares convócan a V edición do Certame VILARIÑAS de micropoemas no que poderán participar todos @s escritores/as que queiran.
A participación neste concurso é completamente de balde.
Os micropoemas presentados ao concurso serán inéditos, orixinais e non premiados nin publicados. Os autores son responsables tanto deste punto como da autenticidade dos seus propios datos.
O tema será “Libre”. Cada participante podrá enviar un máximo de UN micropoema que debe estar escrito en GALEGO en calquera das normativas, ou portugués acompañado dunha foto ou imaxe e presentarase ao concurso a través do correo electrónico
dosvilares@gmail.com ou npggazeta@gmail.com en formato Word
Os micropoemas terán una extensión mínima de 2 versos e máxima de 3 versos sen incluir o título. Cada poeta poderá presentar un máximo de UN micropoema a concurso e cada un deles serán xulgados conxuntamente coa imaxe que o acompañe.
Admitiranse obras desde o 1 de xaneiro até o día 31 de xaneiro de 2021, ás 23:59 horas.
A organización do concurso reservase o dereito a eliminar aqueles micropoemas que podan ir en contra da protección da infancia, do respeto, ou induzan ou promovan actos delictivos, denigratorios ou violentos en cualquera das súas formas.
O xurado terá en conta a orixinalidade, técnicas empregadas, calidade e contido do poema coa súa imaxe. O xurado estará composto pol@s poetas da NPG Nova Poesía Guitirica. O fallo do xurado será inapelable e farase público a través dos distintos soportes dixitais de Os Vilares, lareira de soños, e da NPG Nova Poesía Guitirica nas duas semanas posteriores ao peche do concurso.
Entre os micropoemas participantes, escolleranse aos tres gañadores do premio que consistirá no trofeo <VILARIÑA> deseño exclusivo da artista Viki Rivadulla e edición das obras presentadas na web www.npggazeta.gal.  A edición da antoloxía do blogue poético será segundo criterio da NPG Nova Poesía Guitirica, e Os Vilares, lareira de soños. Farase un acto poético público cos premiados e poetas convidad@s.
Polo feito de participar, os premiados autorizan a NPG Nova Poesía Guitirica e á Lareira de soños a editalos nos soportes fisicos e dixitais que considere oportunos.”
@s poetas que forman parte da NPG Nova Poesia Guitirica poderán parricipar pero os seus poemas non entrarán a concurso.

29 de dec. de 2020

Adiada a homenaxe a Varela pola Covid

Redacción. -
O obxectivo cumpriuse sobradamente. As aportacións feitas por antigos alumnos e profesores do CEIP “Insua Bermúdez” de Vilalba ao longo do mes de novembro e primeiros días de decembro para a homenaxe a José Antono Varela Veiga, primeiro director do centro e artífice da súa rica vida cultural naqueles anos, chegaron a sumar 1.647 euros. Malia todo, dadas as condicións epidemiolóxicas, o monolito, centro da homenaxe e realizado polo artesán chairego Marcos Ladra, agardará a ser inaugurado como merece cando a situación sanitaria o permita, nun acto no que se prevé actuación dun grupo de gaitas e no que se repartirán exemplares dun número extraordinario, feito expresamente para a ocasión, da revista escolar A Pravia, editada no colexio na década dos oitenta. Tal como a comisión apuntou cando se deu a conocer esta iniciativa, os cartos sobrantes serán doados á biblioteca escolar do “Insua Bermúdez”.

22 de dec. de 2020

Materials Lab de Fernanda Fragateiro

 


Redacción.-

A exposición Materials Lab de Fernanda Fragateiro escenifica as relacións entre as diferentes ferramentas de traballo que comunmente habitan os talleres dos artistas. Este laboratorio de materiais -debuxos, libros, fotografías, obxectos atopados, fragmentos de muros, ou mesmo pinceladas-, converten o contexto da artista en contido e o arquivo en obxecto artístico. 

Fernanda Fragateiro presenta o taller e os seus procesos como obra e proxecta a exposición como proceso de investigación, outorgando así unha dimensión poética á documentación. David Barro sinala como “non falamos tanto de revolucionar as técnicas como de revitalizar os formatos e, neste sentido, Fernanda Fragateiro consegue outorgar o status de work in progress ao conxunto do seu traballo, pensando o sentido dos obxectos, as historias que foron investigadas e as que o puideron ser. 

O cerrado aquí esnaquízase e devólvenos ao lugar da aprendizaxe, da experimentación”. En palabras da artista, “trabállase co significado como material e úsase o material como significado”. 

 Fernanda Fragateiro (Montijo, Portugal, 1962) é unha das artistas portuguesas máis importantes e recoñecidas internacionalmente. A súa obra atópase en coleccións como as do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid; Thyssen-Bornemisza Art Contemporary (TBA21); CGAC-Centro Galego de Arte Contemporánea; Colección Helga de Alvear; Fundação Calouste Gulbenkian; Fundação de Serralves; Fundació ”la Caixa”; Fundación Botín; Fundación Neme de Bogotá; Harvard Art Museums; Jorge M. Pérez Collection, Miami; Centro Cultural de Belém; Museu Coleção Berardo; Portugal Telecom; ou The Ella Fontanals Cisneros Collection, Miami, entre outras. A exposición, comisariada por David Barro, é produto dunha coprodución coa institución independente Appleton de Lisboa e poderá ser visitada ata o 26 de febreiro. 

A inauguración, para a que é preciso inscribirse, contará coa presenza da artista e haberá dous pases o venres 11 ás 19 e 20 h e dous pases o sábado 12 ás 11 e 12 h, restrinxidas a 15 persoas cada un. Pódese facer a inscrición desde este enlace

17 de dec. de 2020

Feira do Capón online

Redacción. -

A páxina web www.capondevilalba.com xa está en marcha, unha iniciativa do Concello de Vilalba coa colaboración dos criadores para impulsar as ventas e paliar a obrigatoria suspensión da feira pola situación sanitaria.

 
A web inclúe un directorio cos contactos dos criadores, co obxectivo de que as persoas interesadas poidan comprar o seu capón, ademais de información sobre a feira, o proceso de crianza e preparación dos animais para a súa comercialización, o concello e receitas elaboradas por cociñeiros de restaurantes locais, como o Parador de Vilalba, A Nova Ruta e Lembranzas.
 
Desde o mes de setembro, tanto a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, como a concelleira de Feiras e Mercados, Antía Rama, estiveron en contacto coa Asociación de Criadores. Acordouse que os protocolos sanitarios dificultarían o desenvolvemento normal da feira, perdendo o seu espírito, e que, dado que unha parte dos criadores son grupos de risco sanitario, sería complicado celebrar un evento con tanta afluencia de público. 
 
Por estas razóns, o Concello de Vilalba viuse obrigado a suspender a tradicional Feira do Capón, unha das marcas de indentidade do municipio, e puxo en marcha unha estratexia de dinamización do sector. Ademais da web, o concello regalará as caixas para envasar os capóns e haberá outras iniciativas nas próximas datas. 
 
“A suspensión da feira que cada ano celebramos o 21 de decembro foi moi dolorosa, pola tradición e o que representa o capón para Vilalba, ademais de dar sempre o pistoletazo de saída cara o Nadal, por iso tivemos moi claro que o Concello de Vilalba tiña que continuar apoiando ós criadores e criadoras con estas iniciativas”, explica a concelleira de Feiras e Mercados, Antia Rama. 
 
O Capón de Vilalba ten fama e renome dentro e fóra de Galicia, sobre todo Madrid, Barcelona, Bilbao e incluso viaxa cada ano a Alemaña, Bélxica, Francia ou Reino Unido.
 
As referencias históricas remontan a existencia da Feira do Capón case ós 200 anos de antigüidade, xa que nos libros do Concello de Vilalba aparecen anotacións do ano 1835.

16 de dec. de 2020

Poemas pendurados de farolas

Redacción. -

Rematado esta noite o prazo para o envío de poemas para o 4° certame de #PoemasPenduradosdeFarolas, adicado este ano á pandemia do COVID19, foron 85 os poemas recibidos con esa temática e que decorarán outras tantas farolas de Guitiriz durante un mes dende mediados de xaneiro.
Este ano acadouse un novo record de participación con poetas de diferentes lugares da xeografía galega, de Asturies, e de Portugal e algún do resto do estado. 
Nas edicións anteriores as temáticas foron a violencia machista, a vaga de lumes e os recortes de liberdades. Este ano era obrigado facer un repaso creativo ao feito máis trascendent,  que é a pandemia de coronavirus na visión dos poetas.
A poesía é tamén unha arma de combate social e compromiso co que nos rodea, e así o constatamos trasladando temáticas que preocupan á xente á rúa en forma de poemas convertindo cada farola nas rúas en páxinas dun grande poemario colectivo achegando a poesía á rúa.
Os 83 poemas adicados ao COVID19 serán tamén editados en formato PDF nun libro dixital para a súa descarga gratuita na web da NPG Nova Poesia Guitirica www.npggazeta.gal
Outra iniciativa orixinal da NPG Nova Poesía Guitirica que cada ano conta con máis participación.

Nos próximos días sairá tamén a convocatoria da edición V do #Certame Vilariñas

Agromuralla reclama nova normativa


Redacción.-

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla esixiu a "revisión da normativa de puríns" e a aprobación dun "Plan de axudas directas" que permitan ao sector adaptarse á nova regulación sen que os custos aparellados que conleva o seu cumprimento supoña "o peche de moitas pequenas explotacións". Agromuralla organizou o pasado venres en Castro Riberas de Lea un acto para informar aos seus asociados dos cambios previstos e no que participou o director xeral de Gandería da Consellería do Medio Rural, José Balseiros, e o coordinador da Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade. 

 O presidente de Agromuralla, Roberto López asegura que o novo decreto sobre fertilización que quere aprobar o Goberno central supón "un xarro de auga fría" para o sector agrogandeiro galego e alerta das súas consecuencias para as pequenas explotacións, tanto de leite como de carne. "Se o Real Decreto se leva a cabo o día 1 de xaneiro tal como está redactado a día de hoxe, é dicir, se non se aceptan as alegacións que hai presentadas, case poderiamos asegurar que un 50% das pequenas explotacións de Galicia pecharán, porque é inviable en moitos casos cumprilo, pola orografía do noso territorio, e porque para moitas pequenas explotacións vai resultar economicamente inasumible poder adaptar os seus equipos aos novos sistemas de aplicación do xurro", dixo. "Nas zonas de montaña exparexer xurro é moi complicado, canto máis cun sistema de aplicación como o que se nos propón" e lembrou que o abonado mediante canón, que permitía levar o purín a fincas pendentes, aplicándoo desde un camiño próximo e sen necesidade de entrar nas fincas coa maquinaria, xa está prohibido desde fai un ano, o que limita xa o abonado en moitos lugares. "A eses gandeiros quedáballes o prato ou abanico, que se agora tamén se prohibe quedarán sen alternativa viable para botar o xurro e abonar as súas fincas", indicou.

 Que se revise a normativa "Pedimos que se revise porque non se nos pode tratar por igual ás granxas de vacún de leite, que facemos un uso do purín como abono, nun claro exemplo de economía circular, que ás granxas de porcino, por exemplo, que xeneran moitísimo purín e non teñen onde botalo porque na maioría dos casos non dispoñen de superficie agraria", xustificou. Do mesmo xeito, dixo, "non pode ser a mesma normativa para unha granxa grande que para unha pequena explotación, que moitas veces ten xa as súas vacas en pastoreo, polo que a aplicación de xurros é mínima. A esas ganderías non se lles pode esixir este investimento porque para elas é inviable acometelo", indicou. 

Plan de axudas para o cambio de aplicadores. Agromuralla reclama un plan de axudas, sufragado tanto polo Ministerio como pola Xunta, para facilitar ás explotacións a adaptación á nova normativa. "En moitos casos as cisternas que temos hoxe nas ganderías para a aplicación do xurro non se van poder utilizar porque non serven para instalarlles un sistema de inxección. No mellor dos casos, servindo para adaptalas ao novo sistema, o custo sería duns 15.000 euros, pero se tes que mercar unha cisterna nova falariamos de máis do dobre, e iso sen contar que ao ter maior peso en moitos casos será necesario tamén cambiar o tractor para poder movela, co que o investimento pasaría xa dos 100.000 euros", calculou. "Desde Agromuralla consideramos que as axudas non deben ser inferiores ao 50% do custo dos aplicadores, dado que é algo que se nos vén imposto e dado que se nos impón, debe haber unha liña de axudas para sufragar estes cambios normativos", defendeu.

15 de dec. de 2020

Concepción Arenal: Bicentenario


Redacción.-

A exposición 'Concepción Arenal: Bicentenario 1820-2020' poderá verse no vestíbulo do Edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura ata o mes de decembro. A entrada é gratuíta e poderá visitarse en horario de 10.00 a 20.00 horas. 

 Esta é unha mostra coa que a Xunta de Galicia rende homenaxe a esta autora e que reúne varias das súas primeiras composicións, incluídas as reproducións dalgunha das súas cartas, como a que custodia a Biblioteca do Mosteiro de Poio. Unha escolma da súa inmensa produción intelectual coa que o Goberno autonómico quere render homenaxe a unha figura altamente considerada e estudada en medios académicos tanto pola súa vertente como ensaísta, como xornalista, defensora dos dereitos da muller pero tamén como poeta ou dramaturga, como se pode comprobar nesta mostra con motivo do bicentenario do seu nacemento. 

Para a exposición, a Biblioteca de Galicia seleccionou algo máis de 65 obras dos seus fondos e está artellada en seis eixos temáticos. A primeira das vitrinas está dedicada ás biografías publicadas sobre Concepción Arenal; na segunda amósanse algunhas das súas primeiras composicións, tanto poemas como obras de teatro, artigos na prensa, fábulas en verso e tamén reproducións dalgunha das súas cartas, como a que custodia a Biblioteca do Mosteiro de Poio destinada a unha das súas amigas. 

A exposición impulsada pola Xunta tamén permite coñecer algunhas das súas obras máis importantes en relación con dous dos grandes temas da súa produción intelectual, a cuestión social e o dereito. As ideas de Concepción Arenal en torno á beneficencia e o dereito penitenciario e o seu pensamento sobre a muller e a educación, centran outro dos espazos da mostra, que se competa coas ideas de Concepción Arenal a través dos libros infantís publicados recentemente, que tamén se atopan na exposición.

14 de dec. de 2020

Presentación de Lareira de soños

Redacción. -
O sábado 12 de decembro presentarase na Biblioteca de Guitiriz o libro Lareira de soños, editado por Fervenza Edicións.

As presentacións terán lugarás 18:00 e 19:30 horas. Pódese reservar a praza neste enlace: https://bit.ly/33Dl2Mv ou chamando ao 982 370 062 ou por correo electrónico nesta dirección:

3 de dec. de 2020

Presentación de Mazarelos

Redacción. -

Co gallo da publicación do nº 3 da Revista Mazarelos, mañán mércores 2 de decembro realizarase unha presentación telemática da mesma na súa conta de Facebook. Participarán o artista galego e autor da portada Xosé Poldras, a experta en museística Clara Reigosa, e o divulgador cultural Miguel Cajigal, coñecido na rede como @elbarroquista. Debatirán sobre museos, estratexia dixital e divulgación cultural.

1 de dec. de 2020

Ofrenda ás Irmandades

Redacción.-

Este ano, debido á situación sanitaria motivada pola pandemia, non se pudieron levar a cabo as Xornadas que desde hai tres anos organizan o Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e o Consello da Cultura Galega.

Todo estaba preparado para esta fin de semana. A temática das mesmas ía ser a lingua e a identidade. Ao final, polos motivos mencionados, houbo que adialas ata que a situación o permita.

Non obstante, o IESCHA quixo manter a tradición de realizar a ofrenda floral diante do monolito situado ao carón do Parador de Vilalba colocado con ocasión do Centenario da creación das Irmandades da Fala e que rende homenaxe aos membros do grupo da Irmandade formado na nosa vila.

Por esa razón, a presidenta, Marisa Barreiro, en representación das tres entidades organizadoras, depositou este sábado pola mañá un ramo de rosas ao pé do monolito, tal como se aprecia na fotografía.

Preparando a homenaxe a Varela Veiga


Redacción.-

Onte, 18 de novembro, instalouse nos xardíns do CEIP “Antonio Insua Bermúdez”, de Vilalba, a pedra de granito, procedente das canteiras de Parga, que dará forma ao monolito en homenaxe a Jose Antonio Varela Veiga, primeiro director do centro, finado o pasado 2 de outubro e artífice da rica vida cultural deste colexio na década dos oitenta. 

O proceso de talla do monolito correrá a cargo do artesán chairego Marcos Ladra ao longo dos vindeiros días e, se a situación epidemiolóxica o permite, a data prevista para a inauguración será o vindeiro 26 de decembro co fin de favorecer a presenza no acto daquelas persoas que se atopen fóra de Vilalba. A campaña popular creada para recadar fondos para a obra está a ter unha acollida máis que favorable téndose acadado, a día de hoxe, abondosas contribucións que van desde os 5 aos 250 €. 

A Comisión encargada do proxecto, integrada por exalumnos e exmestres do colexio, desexa agradecer públicamente a todos os participantes a súa colaboración, así como tamén á dirección e ao claustro do centro a súa disponibilidade para levalo adiante e ao Concello de Vilalba as labores de acondicionamento do xardín, dentro do recinto escolar, onde se ubicará. Tamén queren lembrar que todo aquel que desexe facer algunha aportación económica aínda está a tempo ata o día 1 de decembro. 

Os ingresos ou transferencias faranse á conta da Asociación Cultural A Voz de Vilalba (Nº ES04 2080 0348 3730 4001 2002), indicando o nome e, no concepto, “HOMENAXE A D. JOSÉ ANTONIO VARELA”. A aportación mínima é de 5 €. O excedente das aportacións entregarase como donativo á biblioteca do centro escolar.

19 de nov. de 2020

Pakolas na Casa Museo Manuel María

 


Redacción.- 

 Pakolas contará e cantará a historia de Ramona Órbita, unha muller labrega da Serra do Courel que posúe unha horta cibernética con patacas automáticas, e ademais ten unha máquina do tempo, o seu mellor invento. Con ela viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, mais ecolóxico e con enerxías limpas. 

Así, a través das cancións e a narración levaranos por diferentes épocas. Ramona viaxa á prehistoria a comer churrasco de mamut con Manolo Cavernario que acaba de descubrir o lume, visita a Leonardo Da Vinci no Renacemento, acode ao Antigo Exipto cun tal Ramsés que lle cheiran os pés, ou conversa cun robot que ten unha Roda Rota que se fai chamar Time, etc, todo até chegar a Benvidas ao Futuro en que as persoas asistentes cantarán por unha sociedade mais ecolóxica e concienciada co respecto e coidado á natureza. 

 Pakolas combinará a narración, a interpretación e caracterización de moitas personaxes, e a música; e tamén animará os nenos e nenas e todo o público a participar coas mans, cos ritmos do corpo e coa voz (retrousos, sons, etc). 

 Para asistir a este concerto é imprescindíbel facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621. O aforo do auditorio da Casa-Museo Manuel María verase reducido polas indicacións sanitarias motivadas pola COVID-19. O billete ten un prezo de 2 euros

18 de nov. de 2020

Novo número de Mazarelos


Redacción.-

Esta semana saíu á venda o número 3 da revista Mazarelos. Revista de Historia e cultura, de carácter cuatrimestral, pechando o primeiro ano de actividade nesta edición en papel. 

A capa foi realizada polo artista ourensá Xosé Poldras e a entrevista foi realizada conxuntamente a Manuel Gago e a Miguel Cajigal (ElBarroquista). 

Ademais, conta cos seguintes artigos: - A Cátedra de Cultura Galega 'Xosé Neira Vilas', da Universidade da Habana. Trinta anos tecendo redes entre as dúas beiras do Atlántico, por Arantxa Fernández Crespo. - Sofía Casanova. Correspondente galega en cinco guerras do século XX, por Eila Rodríguez Filgueiras. - Radicalismo ou extremismo? Ás cousas polo seu nome, por Marcos Dono Martín. - Cartas, ondas e pedras. A Igrexa Católica na República Dominicana durante a ditadura e a transición democrática (1954-63), por Adrián Feijoo Sánchez. - A performance falanxista. O culto a Santiago e a crónica de Urbano Tavares Rodrigues, por Emilio P. Cancelo. - As olladas do rexionalismo crítico. Identidades arquitectónicas nas periferias peninsulares (1960-90), por Santiago Rodríguez Caramés. - GaliPIXEL. Notas sobre a industria e a cultura dos videoxogos en Galicia, por José García Vega. 

Pechando a revista, Francisco Álvarez 'Koki' enviou o Poema da desolación en homenaxe á obra pictórica Muller coa Fouce, de Castelao.

Saúde oral e dano cerebral adquirido

 


Redacción.-

A Federación Galega de Dano Cerebral ( FEGADACE ) e a Unidade para Pacientes con Necesidades Especiais (UPNE) da Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) iniciaron o ano pasado, trala concesión a esta última do 7º Premio FEGADACE – Miguel Blanco, unha frutífera colaboración que achega este mes de novembro un novo resultado. Ambas entidades organizan o Simposio ‘Saúde Oral e Dano Cerebral Adquirido’ os días 23 e 25 de novembro. Pese á previsión inicial de organizar un encontro presencial, a situación sanitaria fixo reformulalo e organizalo nun soporte online, que ocupará as tardes, de 16:30 a 18:30, das devanditas xornadas. A inscrición está aberta e formalízase nesta ligazón: Simposio Saúde Oral e Dano Cerebral. 

A Unidade para Pacientes con Necesidades Especiais nace co obxectivo de derrubar as barreiras que as persoas con discapacidade afrontan para garantir o seu dereito á saúde oral. Hai múltiples obstáculos relacionados coa caracterización da súa discapacidade que dificultan que as persoas con dano cerebral accedan plenamente a unha correcta hixiene bucodental; desde a falta de control da mobilidade (sexa no aspecto físico, motor; ou por falta de concentración, trastornos condutuais, etc.) ata as secuelas que lles son propias, como os problemas ao mastigar ou na deglución. Esta circunstancia coincide de maneira complementaria co fin último de FEGADACE, que é garantir a calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido. Esta está directamente condicionada por unha correcta hixiene e saúde oral, que lles facilite non só a falta de doenzas na boca senón tamén os feitos de respirar, beber ou comer correctamente -con repercusións a nivel nutricional, de saúde xeral e, en última instancia, de autonomía e autoestima persoal. Un programa dirixido a profesionais da atención ao dano cerebral cos obxectivos de incrementar o coñecemento mutuo e mellorar a capacitación de todos os equipos profesionais implicados na atención ao dano cerebral adquirido, mesmo desde antes de que se produza (no ámbito da prevención), FEGADACE e a UPNE organizan un Simposio no que se vai falar de ‘Prevención, diagnóstico e tratamento da saúde oral no dano cerebral’ - primeira xornada- e, máis especificamente, de ‘Nutrición e disfaxia en dano cerebral’ -na segunda xornada-. 

Así, na tarde do día 23 contarase coa neuróloga do CHUS María Santamaría, para falar sobre a relación entre ‘Periodontite e risco de ictus’; cos odontólogos da UPNE Marcio Diniz e Javier, que tratarán, respectivamente, os temas da ‘Prevención e Saúde oral’ e do ‘Tratamento Odontolóxico’; e coa foniatra do CHUVI Azucena Jover Llopis, que abordará o ‘Diagnóstico e valoración global foniátrica en persoas con dano cerebral’. A segunda xornada, o día 25, será monográfica sobre ‘Nutrición e disfaxia en dano cerebral’. O profesor da Universidade Pontificia de Salamanca e membro da Unidade de Disfaxia do Hospital Universitario da mesma cidade Jorge Chamorro Sánchez introducirá a ‘Abordaxe Integral da disfaxia en dano cerebral’. A continuación, a logopeda de Sarela Ruth González vai falar sobre ‘Manexo e Intervención da disfaxia en dano cerebral’, e, a continuación, a dietista nutricionista María Maceira presentará ‘Hábitos saudables e recomendacións nutricionais na persoa con disfaxia e dano cerebral’. 

Ese mesmo día, presentado polo membro da UPNE Jacobo Limeres, estrearase un vídeo didáctico no que se presenta a relación entre a saúde oral e a calidade de vida en dano cerebral adquirido desde unha múltiple abordaxe de prevención, diagnóstico e tratamento, e que forma parte, como o Simposio, da serie de froitos da colaboración entre a Federación e a Unidade que se van ir presentando nas vindeiras semanas. Esta serie de colaboracións enmárcase no proxecto ‘Dano cerebral adquirido: Promove, Entende, Actúa’, que conta co apoio da Consellería de Política Social a través da liña de subvencións con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF. 

FEGADACE constituíuse en 2007 polas cinco asociacións de dano cerebral que traballan en Galicia: ADACECO na Coruña, ADACE en Lugo, Alento en Vigo, Renacer en Ourense e Sarela en Santiago. O seu obxectivo é contar cunha plataforma común de interlocución, coordinación e divulgación das necesidades do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido, unha discapacidade que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia e que está causada case sempre por un ictus (78% dos casos) ou un traumatismo cranioencefálico provocado por un accidente de tráfico.