#MoitoQueSachar

Redacción. -

Este sábado 20 de marzo a Asociación de Medios en Galego celebrou o Día dos Medios en Galego. Fíxoo co programa “Moito que sachar” en formato Late Night, presentado polo actor mazaricán Federico Pérez Rey.

A Casa Museo de Rosalía de Castro en Padrón, convertiuse nun plató de televisión para acoller este Late Night acompañado da música de Iván Barreiro, á guitarra; Carlos Arévalo, á batería; e Ale Casquero aos teclados.

Fede abriu o programa cun simpático monólogo no que se atreveu mesmo a reescribir a historia do nacemento de Galicia da man dun Breogán capataz de obras nas pirámides de Exipto de permiso pola nosa terra. 

O primeiro invitado, trala benvida ofrfecida polo anfitrión Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, foi Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística, que ademais dse facer referencia á ”concentración parcelaria das lingua” que contaba Fede, recoñeceu que “queda moito por facer nesta lingua, pero temos que gabarnos de que somos a única lingua cooficial no estado español que é maioritaria”. En calquera caso, refrendou a necesidade de “afianzala, nesta nova Galicia, hai que colocala nos novos tempos e nos novos medios, e aí os medios en galego teñen moito que dicir”. 

A responsable da área de Normalización e Igualdade da Deputación da Coruña, María Muíño, resumíu brevemente a labor das deputacións para “contribuir a avanzar no escenario da normalizaciín da nosa lingua, en colaboración das administracións locais, e as entidades sociais e culturais: Escoitar, estar atentas e colaborar.” Declarouse seguidora “habitual dos medios en galego, por convicción, porque as linguas están feitas polas persoas, e os relatos son feitos dende aquí”.

Unha das grandes intervencións foi protagonizada pola mesma “Lingua Galega”. Lidia Veiga representou á lingua nai con moita retranca, dando conta da necesidade de sachar, por exemplo, abrindo a posibilidade de emitir en “tiktok” pol@s xornalist@s galeg@s. Deixou claro que segue estando “enferma” en innumerables sectores, como o xudicial e mesmo mediático.

O acto serviu para a presentación oficial do proxecto agora.gal, un agregador e distribuidor de contidos dixitais en galego. Unha nova proposta de comunicación en galego que fundirá nunha única plataforma unha manchea de xornais e revistas do país, que estará en breve na rede dentro de moi pouco.

Pechou a serie de intervencións Pablo García Chichas, xornalista de Radio Estrada e representante da AMEGA, que xa apuntou que a entidade xa é socia protectora na Casa de Rosalía. “O xornalismo en galego é cada vez máis necesario, medios veraces, plurais… que exercemos de servizo público gracias á nosa versión bidireccional da nosa comunicación”, expresou. “Quen conta a cantidade de empresas que se marchan fóra de Galicia? Os medios en galego! Agora estamos en Madrid todo o día, pero que pasa cos traballadores de Alcoa, que pasa co Consorcio, que pasa coa deputación de Ourense?”, preguntouse Pablo, focalizando na “utilidade” da nosa lingua para contar o que pasa no país.

O programa foi emitido por streaming (ou “polo rego”, como propón Fede en clave de normalizar as novas tecnoloxías na nosa lingua) a través das canles de AMEGA (Youtube: https://youtu.be/7pEgX7kkeZc; @mediosengalego en Facebook e @AMEGAOficial en Twitch),  e ademais será retransmitido o domingo ás 21:30 en NósTv (no 119 de R) e o luns ás 18:00h nas radios municipais galegas da rede Radiofusión.

A cita foi unha festa para os máis de 140 medios que a día de hoxe comunicamos na

nosa lingua activos este marzo 2021.

O evento, no que colabora a Secretaria Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o Departamento de Normalización da Deputación da Coruña, estaba formulado para emitir o 7 de febreiro (a data oficial aprobada por unanimidade no Parlamento Galego, en memoria da publicación do primeiro medio de comunicación en galego, O Tío Marcos d’A Portela en 1876) que se adiou ata hoxe polas restricións sanitarias.

22 de mar. de 2021

Mestre Ma Non Tropo

Redacción. -

Bandullo Azul estrea este sábado 20 de marzo no Teatro Principal da Estrada
Mestre Ma Non Troppo, unha comedia triste sobre a poética do fracaso que rompe
unha lanza por todos aqueles xoguetes rotos que nunca gañaron o corazón do
público.

A través da historia dun mestre de guitarra, este espectáculo dirixido por Fran Ameixeiras e protagonizado por Fran Campos fará reflexionar ao público sobre a
sociedade dos “talent show” na que vivimos, onde ninguén nos educa para asumir a
derrota.

Sobre a compañía Bandullo Azul é unha compañía de teatro que naceu en 2012, formada poe estes dous actores e cómicos, homenaxeando co seu nome ao mítico pioneiro dos monicreques galegos Barriga Verde.

Tras xirar por Galicia con pezas como Filipa cos contos, PLAY: historia de Maestro &
Pupilo e A verdadeira historia de Robinson Crusoe e Venres, Bandullo Azul aposta
agora por esta comedia aceda que non deixará a ninguén indiferente.

18 de mar. de 2021

#MoitoQueSachar: 20 de marzo ás 18:00

Redacción. -

Este sábado 20 de marzo, dende a Asociación de Medios en Galego (AMEGA) 
celebramos o Día dos Medios en Galego. Facémolo coa retransmisión, en streaming, do programa, a modo “Late Night”, que tivo que ser aprazado o 7 de febreiro (a data oficial, 
aprobada no Parlamento de Galicia, conmemora a saída do primeiro xornal en galego, O Tío Marcos d’Portela, aló polo 1876) polas restricións sanitarias. 

A Casa Museo de Rosalía acollerá a emisión dun programa especial presentado por 
Federico Pérez Rey, unha das caras máis visibles do audiovisual galego, que estará 
acompañado pola música en directo dunha banda formada por Iván Barreiro, á guitarra; 
Carlos Arévalo, á batería; e Ale Casquero aos teclados.

Será unha festa da lingua, con entrevistas, sketches, o nacemento dun novo proxecto, así como singulares sorpresas que demostrarán o papel fundamental do galego como principal motor da comunicación no noso país.

O programa será retransmitido en directo nas nosas canles de Youtube, Facebook e 
Twitch. Ademais, tamén se emitirá o domingo ás 21:30h en NósTelevisión e o luns ás 18:00h en todas as emisoras municipais galegas da rede de Radiofusión.
O evento conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a 
Deputación da Coruña, ademais do apoio da Casa Rosalía.

140 medios #engalego
A cita será unha festa para os máis de 140 medios que a día de hoxe comunicamos na 
nosa lingua activos este marzo 2021:
40 Nordés, 5FM, A Cuarta Parede, A Louriña, A Nosa Terra, A Movida Vigo, A Nova 
Peneira, A que cheira papá, A Trabe de Ouro, A viñeta de Schordinger, A Voz de Vilalba, 
Ábretedeorellas, Adiante.gal, Agora.gal (próxima apertura), AmariñaXa, AMSGO!, Ames Radio, As Nosas, Badal Novas, Balea, Barrios, Biosbardia, Caleidoscopica Revista, 
Campo Galego, Canal Barbanza, Canal Rias Baixas, Canle Ribeira Sacra, Canto 
Ghalpón, Cerna Revista, Cerne, Código Cero, Comarcasnarede, Coralia, Crónica 3, 
Crónicas da comarca, CUAC FM, CulturaGalega, Diario Liberdade, Diario do Támega, Dende a Limia, Disquecool, DZ Dixital, Ecos da Comarca, En Común, Entre Nós, Erregueté, Fervenzas Literarias, Galicia Cinexética, Galicia Confidencial, GalizaLivre, 
GCiencia, Grial, GZmusica, Historia de Galicia, Inviable Revista, Irimia, Kallaikia, Lalín e Comarca, Lindeiros, Lugo Xornal, Luzes, Mallando no Android, Mazarelos, Nós Diario, 
Nós Televisión, Nova Fantasía, Novas da Galiza, Novas de Turonio, Novas do Eixo 
Atlántico, O Barbanza, O Dez, O Farelo, Ollaparo, O Papagaio, O Rosaleiro, O Sil.info, Orgullo Galego, Palavra Comun, Ponte nas ondas, Pontevedraviva, Portal Galego da 
Lingua, Praza Pública, Primeira Noticia, Proxecto Neo, Que pasa na Costa, Radio Allariz, Radio Arzúa, Radio As Nogais, Radio Burela, Radio Caldas, Radio Cerceda, Radio 
Culleredo, Radio Estrada, Radio Eume, Radio Fene, Radio Foz, Radio Galega, Radio 
Lalín, Radio Melide, Radio Negreira, radiNeria, Radio Nordés - Cadena Ser, Radio Oleiros, Radio Ordes, Radio Piratona, Radio Quiroga, Radio Redondela, Radio Roncudo, Radio Salnés (Cambados), Radio Tui, Radio Valga, Radio Valladares, Radio Xallas, 
Radiofusión, Revista Feminista Andaina, Revista Feminista Revirada, Revista Morcego, Revista Nalgures, Revista Pincha, Sprintmotor, Sondolouro, SurfGZ, Televinte Chantada, Televisión de Galicia, Tempos Novos, Teo Vivo, TerrachaXa, Vaca Pinta, Vinte, Xarda, Xornal de Betanzos, Xornal 21, Xornal de Lemos, Xornal da Mariña, Xornal de Vigo e Zona Press.

A AMEGA está formada a día de hoxe por 40 medios. 

Toda a información en https://mediosengalego.gal/

Últimos días de Fernanda Fragateiro

Redacción.-

O 19 de marzo será o último día para visitar a exposición da artista Fernanda Fragateiro Materials Lab que na súa primeira exposición na Fundación DIDAC escenifica as relacións entre as diferentes ferramentas de traballo que comunmente habitan os talleres dos artistas. Este laboratorio de materiais converte o contexto da artista en contido e o arquivo en obxecto artístico. Fernanda Fragateiro presenta o taller e os seus procesos como obra e proxecta a exposición como proceso de investigación, outorgando así unha dimensión poética á documentación.

17 de mar. de 2021

Pangalaica na Casa do Manuel

Redacción. -

Este sábado, 20 de marzo o, ás 19 horas, Xurxo Souto celebra os seus vinte anos de literatura na Casa-Museo Manuel María e faino presentando o seu último libro escrito, Pangalaica, e a reedición da súa primeira novela, O retorno dos homes mariños, escrita hai vinte anos.

Pangalaica. Recortes poderosos son oitenta pequenos relatos que foron escritoe publicados durante o confinamento no xornal Nós Diario e que agora son recollidos e ilustrados nun libro editado por Galaxia. A publicación recolle as historias e as persoas marabillosas que Xurxo Souto foi topando nas súas viaxes por Galiza adiante. Petiscos cheos de humor que acaban conformando unha cosmovisión alternativa do país: é mentira a fronteira entre o rural e o urbano; todas somos da aldea; Vigo e mais A Coruña son a mesma cidade!… (achegamos ligazón onde o propio escritor fala deste traballo https://www.youtube.com/watch?v=y9_0ul8V62Q&t=350s). O traballo tirado no mes de novembro de 2020, xa vai pola súa segunda edición.

retorno dos homes mariños, editada hai máis de vinte anos por Xerais, é unha novela que fala do reencontro da súa xeración, da xente dos barrios, co mar, desde o punto de vista mítico dos homes mariños, mais tamén desde o punto de vista dese mar do que ninguén lles falaba.

Xurxo Souto (A Coruña, 1966). Músico e escritor, en 1988 comezou a colaborar en diferentes medios de comunicación, nomeadamente na radio, onde conduciu os programas A Tropa da Tralla (Radio Coruña) ou Aberto por Reformas (Radio Galega). Escribiu dúas novelas e varios libros de relatos. Dirixiu a película documental Pucho Boedo, un crooner na fin do mundo. Con outros compañeiros do barrio creou Os Diplomáticos de Monte-Alto, conxunto bravú. Tocou o acordeón en Tres Trebóns e, agora, é un dos compoñentes da Banda Xangai.

A entrada para asistir a esta actividade é libre mais é imprescindíbel anotarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.

#DoTrinque: Bambán de vento

Redacción. -

O sábado 20 de marzo siguen as presentacións do programa #DoTrinque de Os Vilares lareira de soños e Nova Poesia Guitirica NPG.
Serán a escritora Hortensia Bautista e a ilustradora Aurora as que nos presentarán dende o facebook da Nova Poesía Guitirica NPG o seu libro Bambán de vento da Fundación Eomaia de Ponteareas.
Unha publicación infantil para todos os públicos centrada no coñecemento do máis próximo.
Será a septima presentación despois da obra antropóxica Lareira de soños de Pas Veres (Fervenza), o poemario Poema da Rúa das Aves de Miguel Barrera (Alvarellos), os relatos de Pangalaica de Xurxo Souto (Galaxia), o poemario A guerra era contra nós de Carlos da Aira (Xerais) e o libro de historia Os rostros do frío de Xulio Pardo de Neyra (Fervenza) e Abril de Luz Darriba (Belagua).
Despois da presentación de Bambán de vento  terá lugar a seguinte e última o sábado 27 con Non estamos preparados para medrar (Urutau), primeiro poemario de Teresa Ríos poeta da Costa da Morte que reside no Condsdo e forma parte do colectivo poético Versos de Area ao igual que Hortensia Bautista.
O programa #DoTrinque de novidades literarias está a ter un grande éxito ao ter acadado máis de 500 seguidores/as en directo e máis de 7.000 reproducións dos vídeos polas redes en diferido, nun formato próximo e cómodo de seguir e no que @utores/as e público interactúan dunha maneira amena e divertida arredor de novísimas e variadas obras literarias.

16 de mar. de 2021

Xornadas Museísticas

Redacción. -

O Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba, o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía (MUPAV), e a Asociación de Amigos do Museo de Vilalba, retoman as XORNADAS MUSEÍSTICAS, que convocaran o 14 e 21 do mes de novembro pasado, e programan agora a segunda sesión que fora adiada por mor da pandemia.
Neste ocasión, será o sábado 27 de marzo, de 12:00 a 14:00 horas no Salón de Actos da Biblioteca Municpal de Vilalba.
O PROGRAMA desenvólvese da seguinte maneira:
SÁBADO 27 DE MARZO de 2021, DE 12:00 
A 14:00MESA REDONDA “MUSEO DE ARQUEOLOXÍA E ADMINISTRACIÓN LOCAL”
Relatora/es:
AURELIA BALSEIRO GARCÍA. Directora do Museo Provincial de Lugo.
ÁNGEL VILLA VALDÉS. Arqueólogo do Museo de Arqueoloxía de Asturias.
FELIPE ARIAS VILAS. Arqueólogo. Ex director do Museo do Castro de Viladonga.
HUGO LOZANO HERMIDA. Licenciado en Historia, esp. Prehistoria e Arqueoloxía. Membro da Asociación de Amigos do Museo de Vilalba.

PREINSCRICIÓN
Para poder cumplir da mellor maneira as medidas sanitarias derivadas da pandemia e poder organizar de xeito satisfactorio os aspectos derivados das linmitacións do aforo, ábrese a partir de mañá, día 16 de marzo e ata o xoves 25 do mesmo mes, inclusive, un período de preinscrición. Para elo, os/as interesados/as deberán remitir, ao correo do IESCHA (estudoschairegos@gmail.com) o seu nome, apelidos e nº teléfono).

NOTA.- Darase prioridade a todas aquelas persoas que xa tiveran feito a preinscrición para a xornadaadiada do 21-11-2020, que quedan automaticamente admitidas para esta (agás comunicación en sentido contrario).

Nova data para o FIV

Redacción. -

O Concello de Vilalba está valorando a situación sanitaria vixente, descartando xa a celebración do FIV de Vilalba nas datas habituais do mes de abril.

Logo da cancelación da edición de 2020, o Concello de Vilalba está a facer todos os esforzos por conseguir manter a edición de 2021 nunha nova data, cun formato adaptado a actual situación sanitaria na que se garantice a seguridade sanitaria como prioridade máxima.

Na situación actual, na que a crise económica é cada vez máis acuciante, o FIV de Vilalba debe ser un impulso para a recuperación económica desta vila, e de sectores tan perxudicados como o turismo, a cultura e a hostelería. Por este motivo, dende o Concello de Vilalba buscarase unha alternativa as datas habituais de celebración, e que se darán a coñecer próximamente.

O FIV de Vilalba caracterízase por ser un evento que se adaptou co paso de cada unha das edicións tanto á vila de Vilalba como aos seus cidadáns, por iso, os motivos que levaron a tomar esta decisión son estritamente de seguridade sanitaria, xa que está na obriga garantir a saúde de todas as persoas implicadas na realización e desenvolvemento do evento, así como a dos asistentes, que é o máis importante para que o festival se celebre.

O resultado será un festival seguro que promove unha cultura de calidade e adaptado á nova situación, ubicado en datas máis próximas ao verán. Todo o equipo traballa xa nunha proposta axustada ás novas circunstancias da que próximamente se darán a coñecer máis detalles.

15 de mar. de 2021

María Soliña

Redacción. -

María Solinha foi unha das máis famosas bruxas, entre comiñas, de Galicia, onde mesmo hai rúas co seu nome. Ignacio Vilar, autor das cintas 'A Esmorga e de 'Pradolongo', é un prolífico cineasta que sentiu atrapado pola historia dunha muller enorme que debía chegar xa ao común dos mortais e saír da lista das descoñecidas entre a sociedade. 

A película, producida por Vía Láctea Films e TVG, narra as peripecias de María, unha viúva con posibles acusada de bruxería pola Inquisición, feito que lle custou a vida. O relato móvese entre principios do século XVII, cando iso ocorreu, e o XXI, porque entronca coa muller actual.

O elenco de protagonistas está formado por Laura Míguez, Graal Montes, Santi Prego, Antonio Durán "Morris", Mabel Rivera e Mela Casal.

A ficción arrinca cun afamado director de teatro que chega a Cangas do Morrazo para reconstruír a lenda de María Solinha, que en realidade era María Soliño; aínda que Soliña (así ou ben con nh) é como o reflectiu a literatura.

14 de mar. de 2021

Literatura nas marxes

Redacción. -

Innovar nas gabias. Lonxe do núcleo, do prestixio. Afastadas do centro de poder. Ocultas de miradas alleas. Alí onde se ubicaron autoras como Xela Arias ou Lupe Gómez, persoas que, cos seus versos, revolucionaron estética e tematicamente a poesía.

Este lugar é obxecto das Xornadas "Literatura nas marxes. A creación alén do canon", que contan co apoio de Política Lingüística (Valentín García Gómez). Durante tres tardes vertixinosas, as paredes de pedra do Salón de actos do Pazo de San Roque acollerán as voces de Ana Romaní, Marga Romero Lorenzo, Chus Nogueira, Bieito Troncoso, Yolanda Castaño, Emma Pedreira, Malores Villanueva, Mario Regueira, Míriam Ferradáns, Marga Tojo, Mariña Area, Inma López Silva, Montse Pena Presas, Carlos Callón, María Reimóndez, Eva Mejuto, Nee Barros Fernández e Daniel Asorey.

Para asistir ás xornadas é precisa a inscrición previa en oarquivodastrasnas@gmail.com. O prazo permanecerá aberto até as 23:59 horas do 15 de marzo e a reserva de praza realizarase para todos os relatorios e mesas concretas ás que se queira asistir.

Ademais, en virtude da normativa sanitaria, é obrigatorio o uso de máscara, xel hidroalcohólico e distancia de seguridade. Toda a información en www.lingua.gal/literatura-nas-marxes.

Programa completo:

DÍA 1 - 16 DE MARZO

18:00 h: Inauguración das xornadas.
Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística.
Daniel Chapela, organizador.

18:20 h: Mesa redonda sobre Xela Arias, coordinada por Bieito Troncoso:

Xela Arias. Camiñar ás aforas. Por Ana Romaní.

Por elección. Xela Arias e as marxes. Por María Xesús Nogueira.

Ensai-la vida en bragas. Por Marga do Val.

19:30 h: A dona e o canon, móbiles cal pluma ao vento.
Por Yolanda Castaño.

20:30 h: A lista de compra da poeta. Quere bolsa?
Por Emma Pedreira.

DÍA 2 - 17 DE MARZO

18:30 h: Protagonismo das mulleres e vivencia da maternidade na literatura galega anterior á democracia. Por Malores Villanueva.

19:30 h: Mesa redonda sobre a maternidade en Lupe Gómez, coordinada por Mariña Area:

Escribir entre as ruínas. Amor e desarraigo na poesía de Lupe Gómez. Por Mario Regueira.

O aire é un coitelo: a perspectiva da filla en Lupe Gómez. Por Míriam Ferradáns.

Luz na muller invisíbel. Por Marga Tojo.

20:30 h: Mover os marcos do feminismo ou narrar maternidades e feminidades diversas. Por Inma López Silva.

DÍA 3 - 18 DE MARZO

18:00 h: A literatura xuvenil: entre a loita contra os prexuízos e a axitación de conciencias. Por Montse Pena Presas.

19:00 h: Mesa redonda sobre personaxes LGBTIQ+, coordinada por Nee Barros:

TRANSformando o mundo en 22 segundos. Por Eva Mejuto.

O "hermafroditismo da alma" na literatura galega. Por Carlos Callón.

Transformar a 'normalidade': heroes e heroínas do cotián. Por María Reimóndez.

20:10 h: Identidade e rebelión. Por Daniel Asorey.

21:10 h: clausura das xornadas.

13 de mar. de 2021

V Xornadas de Industrias Musicais

Redacción. -

A Xunta de Galicia e a Fundación Paideia Galiza organizan o V Ciclo de Xornadas de Industrias Musicais baixo o título 'Amplificando o directo: novos escenarios na contorna dixital'. As citas, programadas para os sábados 13 de marzo, 17 de abril e 8 de maio, abordarán as posibilidades dos medios dixitais para o desenvolvemento das carreiras de artistas que emprenden no sector musical.

As sesións, nas que participa a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, incluirán un showcase dunha banda ou artista emerxente galega e poderán seguirse de xeito presencial, respectando as limitacións de capacidade marcadas pola lexislación no momento da súa celebración, e tamén a través de streaming.

Como novidade, nesta edición as xornadas serán itinerantes e mudarán da sede de Paideia na Coruña para desenvolverse no Salón Teatro e na Cidade da Cultura, en Santiago, e no Náutico de San Vicente, no Grove. Todas as sesións comezarán ás 12,00 e prolongaranse ata as 13,30 horas.

Tres sesións ata maio
Así, o Salón Teatro de Santiago de Compostela acollerá o primeiro dos encontros Monetiza a túa música en liña o sábado 13, coa participación dos expertos na distribución de contido musical a través de plataformas dixitais Ana Biedma, A&R Label Manager en Altafonte, e Saúl Cabrera, director para España e LATAM en EmuBands. Moderado polo xornalista Luís Fraga, incluirá tamén a actuación da cantautora galega Sheila Patricia. As persoas interesadas en asistir poden realizar xa a inscrición a través da web da Fundación Paideia Galicia.

A seguinte xornada terá lugar no Edificio CINC da Cidade da Cultura o 17 de abril. Nela, Karen Saurí, produtora especializada en vídeos musicais na axencia audiovisual Canada, e Jesús Guisado, codirector do festival Monkey Week, afondarán no contido audiovisual no éxito musical. O derradeiro encontro será o 8 de maio no Náutico de San Vicente do Mar, no Grove, coa manager Rosa Lagarrigue e a experta en medios de comunicación e radiofórmula Sandra Rotondo. Ambas analizarán o desenvolvemento do talento no escenario dixital.

A través desta iniciativa, búscase promover o intercambio, o debate e a reflexión entre profesionais da industria musical, así como ofrecer ferramentas para o crecemento do sector e o fortalecemento da súa actividade emprendedora.

12 de mar. de 2021

#DoTrinque: 'Abril', de Luz Darriba

Redacción. -

O sábado 13 de marzo siguen as presentacións do programa #DoTrinque de Os Vilares lareira de soños e Nova Poesia Guitirica NPG.
Será a escritora e artista Luz Darriba, poeta da NPG que nos presentará dende o facebook da Nova Poesía Guitirica NPG a súa novela ABRIL (Belagua).
Abril leva acadado un grande éxito de crítica e ventas dende a súa publicación a finais de 2020.
Será a sexta presentación despois da obra antropóxica Lareira de soños de Pas Veres (Fervenza), o poemario Poema da Rúa das Aves de Miguel Barrera (Alvarellos), os relatos de Pangalaica de Xurxo Souto (Galaxia), o poemario A guerra era contra nós de Carlos da Aira (Xerais) e o libro de historia Os rostros do frío de Xulio Pardo de Neyra (Fervenza). 
Despois da presentación de Abril terán lugar as seguintes o sábado 20 de Bambán de vento de Hortensia Bautista e Aurora Quinteiro (Fundación Eomaia) e Non estamos preparados para medrar (Urutau), primeiro poemario de Teresa Ríos.
O programa #DoTrinque de novidades literarias está a ter un grande éxito ao ter acadado máis de 500 seguidores/as en directo e casi 6000 reproducións dos vídeos polas redes en diferido, nun formato próximo e cómodo de seguir e no que @utores/as e público interactúan dunha maneira amena e divertida arredor de novísimas e variadas obras literarias.

10 de mar. de 2021

Especial #DíadosMediosenGalego

Redacción. -

Como para nós, todos os días son o #DíadosMediosenGalego, estendemos a celebración dende o 7 de febreiro ata o 20 de marzo. Será o día na que, por fin, trala apertura das restricións sanitarias, celebraremos a data que nos serve de nexo de unión entre os 140 medios que comunicamos na nosa lingua.

Será cun formato #LateNight, presentado por Fede Pérez Rei, que se emitirá en directo ás 18:00h, dende a Casa de Rosalía de Padrón, polas nosas canles de YoutubeFacebook e Twitch.

Falaremos sobre lingua, cultura, creación… e falaremos coa propia #LinguaGalega en exclusiva para a AMEGA.

O evento conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación da Coruña, ademais do apoio da Casa Rosalía.


Mulleres senlleiras

Redacción. -

O Concello de Vilalba inaugurou esta tarde na praza da Constitución unha exposición que, con motivo do 8M, pretende «poñer en valor, visibilizar e facer un recoñecemento ás mulleres» na historia do municipio.

A mostra, organizada polo Concello de Vilalba e o Instituto de Estudios Chairegos (Iescha), estará aberta ata finais de mes e no acto de inauguración participaron a alcaldesa, Elba Veleiro, a concelleira de Igualdade, Vanesa Siso, a responsable do CIM, Ana Berta Pardo, e a presidenta do IESCHA, Marisa Barreiro.

«A exposición nace da necesidade de poñer en valor a figura das mulleres de Vilalba, nun acto de xustiza histórica co fin de reconstruírmos unha memoria colectiva, susceptible de ser revisada cunha ollada crítica, mais co deber de visibilizar o papel fundamental das mulleres para tecer redes na consecución dun presente e un futuro máis xusto e igualitario», asegurou a concelleira de Igualdade, Vanesa Siso.

A mostra susténtase sobre dous eixos fundamentais: a procura de referentes e o recoñecemento de mulleres que desenvolveron a súa vida en Vilalba facéndose cargo de oficios, coidados, e poñendo ás súas costas a vida e a terra, co fin de que “as mulleres do pasado non se esquezan, as do presente constrúan un sentir cómplice e esperanzador, e as nenas, mulleres do futuro, soñen con raíces e sen límites”.

Os paneis da mostra recollen a vida de mulleres como Concha da Reina, primeira comadroa titulada de Vilalba; Carmiña Prieto Rouco, escritora e dramaturga; Engracia Vérez, mestra e poeta; así como a de moitas outras mulleres máis anónimas pero fundamentais que traballaron de lavandeiras, costureiras, labregas, criadoras de capón, fiandeiras nas tascas ou vendedoras nas feiras. A exposición comeza cunha cita de Mari Luz Morales, “non sempre as grandes mulleres son as que desenvolven un gran papel na Arte e na Historia, senón aquelas outras ignoradas e humildes”.

«Só acadaremos unha transformación real cara á igualdade con accións que recoñezan o papel fundamental da muller na sociedade, sabendo quen somos, o porqué da nosa historia e cara a onde queremos camiñar», afirmou Siso, lembrando e agradecendo ao Instituto de Estudos Chairegos, nomeadamente á súa presidenta Marisa Barreiro, “a predisposición desde o primeiro momento de ceder todas as fotografías e a información que durante anos recolleron para devolverlla en forma de recoñecemento ao pobo unha vez máis”.

Pola súa banda, Marisa Barreiro afirmou a súa “satisfacción por realizar este tipo de mostras que visibilizan ás mulleres e que tamén poden contribuír a ampliar o arquivo do IESCHA con novas informacións, na consecución dun traballo colectivo, neste caso, con nome de muller”.

Esta iniciativa pretende poñer o foco sobre moitas vidas de sacrificio por e para os demais. O Concello de Vilalba continuará na loita por unha sociedade onde exista unha igualdade plena de dereitos e liberdades entre homes e mulleres, sen límites que impidan o desenvolvemento da personalidade individual e colectiva das persoas, independentemente do seu sexo.

9 de mar. de 2021

'Troupelear' na Casa Museo Manuel María

Redacción. -

A Casa-Museo Manuel María abría hai dúas semanas as súas portas para volver acoller visitas e este próximo sábado, día 13 de marzo, retomará a actividade cultural no seu auditorio. Será ás 19 hrs cunha palestra-concerto didáctico de Troupelear, dúo conformado por Branca Villares e Pablo Pintor, so o título "O pouso da violencia contra as mulleres no cancioneiro tradicional e popular galego" e que se encadra nas distintas accións e actividades reivindicativas por volta do día internacional da muller.

A actividade é froito dun traballo de investigación e discusión do cancioneiro popular galego que Branca Villares desenvolveu co seu alumnado de canto nas súas aulas nos últimos tres anos. O traballo centrouse en detectar aspectos que poden supor apoloxía á violencia contra as mulleres e que, dalgún xeito, contribúen a perpetuala e normalizala, non censurando senón contextualizando e reformulando o seu uso. O repertorio co que traballa Branca son sobre todo recollas da montaña luguesa compiladas por ela e por outras persoas,ou as realizadas por Mini e Mero como as de Florencio, o cego dos Vilares.

Branca Villares é música e mestra de música tradicional en diferentes lugares da provincia de Lugo (Tradescola, Escolas Municipais de Rábade, Begonte, Outeiro, Escola OXeitO, e outras entidades culturais). Capitanea un proceso colectivo de reflexión, que xa vai polo seu cuarto ano de vida, en que promove a discusión entre as súas alumnas e alumnos. Parte da súa investigación foi publicada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega este mesmo ano.

Pablo Pintor é mestre de gaita na montaña luguesa e, alén de formar Troupelear xunto coBranca Villares, participa do proxecto musical Airiños da Freba. Ten sido parte de Tiruleque, GS21, Xacarandaina...

A actividade deste sábado na Casa-Museo é de acceso libre, mais é imprenscidíbel inscribirse previamente en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621, xa que o aforo está limitado para o cumprimento das medidas sanitarias.

Zënzar en Vilalba

Redacción. -

Os de Cerceda comezan o 2021 cun novo traballo discográfico,  BENVIDAS Ó FUTURO é un disco que mira ó pasado (facendo alusión ó primeiro disco da banda, Disparados ó futuro) pero sobre todo ó momento presente. Apostando polos directos enérxicos e guitarreiros habituais, Zënzar pon voz e música ós problemas persistentes na Galicia do século XXI, como é a eucaliptización do territorio, as políticas do espolio, as loitas das labregas e dos labregos, a historia das mulleres do rural ou a contaminación. Sen esquecerse de mencionar as redes sociais e as novas formas de relacionarnos que trouxo o progreso tecnolóxico, un futuro que agora non parece tan bonito como nolo pintaban. Zënzar, a banda decana do rock galego e en galego, segue a afinar os instrumentos cumpridos os 32 anos de actividade constante.

Entradas: https://entradasvilalba.es/evento/musica/zenzar-benvidas-o-futuro

5 de mar. de 2021

Ciclo de cine 'Olladas de muller'

Redacción. -

A preestrea do filme Nación, da directora luguesa Margarita Ledo Andión, abre este venres na Coruña a nova edición do ciclo Olladas de Muller, organizado polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) en colaboración co Consello da Cultura Galega. A través desta iniciativa, enmarcada na programación cultural da Xunta de Galicia no marco do Día Internacional da Muller, proxectaranse ata o 12 de marzo seis filmes de diferentes nacionalidades feitos por e sobre mulleres. A entrada é de balde.

Nación, filme realizado co apoio das subvencións á produción da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ofrece unha pescuda inspiradora sobre as galegas na segunda metade do século XX. A través da historia da fábrica de porcelanas Pontesa, homenaxea a todas as mulleres que converteron a factoría nun referente para a reivindicación dos dereitos femininos, intercalando imaxes de arquivo, testemuñas, reconstrucións ficcionadas e elementos da cultura popular. Será a propia autora quen presente a película o venres ás 19,00 h. na sede do CGAI e protagonice o coloquio posterior. Nación ten prevista a súa estrea en cines comerciais o 26 deste mes.

O ciclo continuará o sábado con Cen anos entre tres reinos, de Alicia López Méndez e Xabier López Rodríguez. O filme mostra, a través das lembranzas dos seus protagonistas, a evolución de San Ciprián de Hermisende, lugar de Zamora situado entre Galicia, Portugal e Castela e León. O vindeiro martes, día 9, será a quenda das directoras Patricia Pérez e Heidi Hassan, quen presentarán o seu traballo A media voz e participarán no coloquio en liña posterior. Trátase dun documental autobiográfico no que as dúas cineastas cubanas, amigas da infancia e compañeiras de estudos, percorren as súas vidas marcadas pola longa separación e a correspondencia desde diferentes lugares.

Presentación de ‘A metamorfose dos pássaros’

O mércores chegará outra preestrea, a de A metamorfose dos pássaros, documental da portuguesa Catarina Vasconcelos que afonda nas raíces da súa familia a partir da relación entre o seu avó Henrique, oficial da Mariña embarcado, e Beatriz, a nai que coida dos seus fillos. O ciclo continúa o xoves con Beginning, ópera prima da xeorxiana Dea Kulumbegashvili que gañou a Concha de Oro do pasado Festival de San Sebastián con esta historia da insatisfacción interior da esposa do líder dunha comunidade de testemuñas de Xehová no marco do conflito ocasionado polo ataque dun grupo extremista.

A proxección da francesa Sébastien Lifshitz Una niña (Petite fille) pecha o conxunto de exhibicións centradas nas mulleres. Trátase dun documental que cuestiona o xénero a través da historia de Sasha, que con 7 anos ten claro que cando medre ha ser unha nena, e das dificultades que atopa na súa contorna, malia o apoio incondicional dos seus pais.

Outros ciclos

Xunto cos filmes integrantes de Olladas de Muller, o CGAI ofrece en marzo outras proxeccións, como as enmarcadas no ciclo Universo Wong Kar-wai: Fallen Angels, Happy Togheter e In the Mood for Love, ou en Off Galicia, con El cazador e Las altas presiones, de Ángel Santos, e Xan e a historia, de Lucía Estévez. As dúas primeiras serán presentadas polo seu director e as dúas últimas, pola súa directora e o seu guionista, Miguel Canalejo.

Ao longo deste mes, no que o CGAI cumprirá o 30º aniversario desde a súa inauguración o 15 de marzo de 1991, haberá tamén novas entregas de Desencadres, cunha sesión de filmes de Stan Brakhage, así como dúas citas baixo o título A película embruxada. Mani Kaul e as figuras inconexas, coas películas Mati Manas e Duvhida, ambas presentados en liña polo crítico, editor e programador Francisco Algarín, e dentro de Fóra de serie, con Anunciaron tormenta, de Javier Vázquez Fernández, quen presentará o filme tamén por videoconferencia.

Ademais, o sábado 27 de marzo ás 18,00 horas proxectarase a emblemática Matar a un ruiseñor, de Robert Mulligan, no marco do apartado CGAI Júnior.


    4 de mar. de 2021

    #DoTrinque Xulio Pardo de Neyra

    Redacción. -


    O sábado ás oito  Xulio Pardo de Neyra  estará en directo polo facebook da Nova Poesia Guitirica NPG para presentarnos o ensaio OS ROSTROS DO FRÍO de Edicións Fervenza.  Despois das presentacióbs #DoTrinque de Lareira de soños da Pas Veres  (Edicións Fervenza), Poema da Rúa das Aves de Miguel Barrera (Edicións Alvarellos), Pangalaica de Xurxo Souto  (Editorial Galaxia), A Guerra era contra nós de Carlos Da Aira, virá tamém un mes de marzo cargado de novidades AO VIVO cada sábado com Os Rostros do Frío do Xulio Pardo de Neyra  (Edicións Fervenza), Abril de Luz Darriba  (Belagua Edicións), Bambán de vento da Hortensia Bautista Fernández  e Aurora Quinteiro (Fundación Eomaia) e Non estamos preparados para medrar da Teresa Rios  (Urutau edicións).
    Van xa máis de 6000 reproduccións doa videos das presentacións de novidades en febreiro con máis de 200 persoas que as seguiron en directo interactuando cos/as autores/as a través do facebook da Nova Poesia Guitirica NPG.
    Unha fórmula alternativa e exitosa para presentar novedades literarias en tempos de pandemia dende a casa. 

    NPG NON STOP.

    O Quixote, de Pedras de cartón, en Lugo

    Redacción. -

    Tralo éxito da súa obra Lázaro de Tormes, Pedras de Cartón estrea a súa versión do Quixote o domingo 7 de marzo en Lugo, dentro do Festival de Teatro Clásico. 

    Desta vez Quixote non irá montado no seu fiel Rocinante, senón nun velocípedo, mentres que o seu escudeiro Sancho o acompaña en triciclo. Juan Rodríguez e Pablo Sánchez, baixo a dirección de Laura Sarasola afrontan o texto de Cervantes en clave de comedia.

    A nova poesía vilalbesa

    Antón Tenreiro Ferrero. -

    A capital chairega e os concellos de arredor gardan de sempre un grande prestixio literario con nomes que pertencen á selección de grandes da literatura galega. Nomes como Agustín Fernández paz na narrativa, Xosé Chao Rego no ensaio, o seu irmao Ramón Chao ou Xulio Xiz no xornalismo, Ramón Villares na Historia, Daría Xoán Cabana ou o grande Xosé maría Chao Ledo na poesía entre moitos outros, ocupan un lugar preferente nas letras do noso país. Pero A Chaira é sobre todo terra de poetas nos que nomes como Manuel María, Xosé María Díaz Castro, Aquilino Iglesia Alvariño, Xesús Rábade Paredes, Caetano Arias, Avelino Díaz e Chao Ledo ocupan tamén un lugar destacado da poesía galega.
    Diante de tan brilante historia literaria, poderíamos pensar que na actualidade, a poesía chairega e en concreto a vilalbesa, está a pasar por unha crise creativa, algo que é lóxico pola falta de perspectiva entre a contemporaneidade e a história, pero non é así. a poesía vilalbesa existe e goza dunha grande saúde hoxe en día.

    Tres grandes nomes de poetas vilalbeses residen en Madrid, pero manteñen inquebrantábeis lazos coa súa terra, Rafa Yañez Jato membro do grupo Bilbao, grande dinamizador cultural na capital do estado, e impulsor e subdirector da revista Olga de poesía galega en Madrid con numerosas obras publicadas. O poeta nacido nos Vilares de Díaz Castro e criado en San Xoán de Alba, José André López González, André da Ponte da nova Poesía Guitirica NPG, ensaísta, traductor de diferentes línguas e prolífico poeta de estilo clásico e recuperador da lenda do Apalpador para o Nadal galego, ten editados dous fantásticos poemarios varios en formato dixital ademáis da adaptación da obra completa de Chao Ledo ao galego-portugués. e Miguel Barrera, gañador do certame literario vilalbés de 2019 co fermoso poemario Poema da Rúa das Aves e que conta tamén con varias obras editadas tanto individuais como en espazos colectivos. É membro tamén da NPG.

    Hai que destacar tamén a novos poetas que sin ser mesmo nados en Vilalba, é indudábel a súa conexión coa vida cultural da vila como , Daniel Irimia Yañez (Cospeito) ou Ana Mar Fraga da saga dos Rábade.

    Nomes como o de María Xosé Lamas (NPG), con abundante obra publicada e numerosos premios ou Pilar Maseda (NPG), con só un poemario publicado polo IESCH e que debera ser reeditado, pero con abundante obra en espazos colectivos, o poeta de Xoibán, Martiño Maseda con abundante obra e premios acadados e Emilia Martínez Fuentes (NPG) coa obra Lendas e Versos, son imprescindíbeis da actual poesía vilalbesa.
    Pero hai máis a quen poderíamos chamar "novísima" poesía vilalbesa destacada, como Brais Lamela gañador entre outros do Xuventude Crea ou Noelia Cendán Teijeiro e outra da que agardamos grandes obras nun futuro próximo, Luz Airado Bello, tamén na Nova Poesía Guitirica gañadora do IX premio Díaz Jácome de poesía e que tiña gañado sendo moi nova os prémios Trapero pardo ou o Fernández del Riego.

    Estes, e seguramente outros nomes que se me quedan no tinteiro, amosan a vitalidade poética vilalbesa, que para si quixera calquera vila galega, tanto pola cantidade como pola calidade dos e das poetas, polo que Vilalba ten que sentir fachenda e poñer en valor este património que mantén viva a chama poética e literaria da Vila de Alba e que non sempre tivo o recoñecemento e apoio institucional que merecen. Foi até agora o Instituto de Estudos Chairegos IESCH o principal mantedor e impulsor de moitas obras de algúns dos autores nomeados, algo fundamental para poder falar da boa saúde poética de Vilalba. Non son só os certames os que manteñen o pulso literario, son os e as creadores/as, que deben ser os verdadeiros protagonistas da vida cultural dun pobo, e Vilalba tenos en abundancia e de calidade. longa vida á poesía vilalbesa.

    2 de mar. de 2021

    Concurso de vídeo 'Móvete'

    Redacción. -

    Neste 2021, o Instituto da Lingua Galega conmemora o seu 50 aniversario. Con motivo desta celebración pon en marcha, entre outras actividades, o concurso de vídeo Móvete, destinado ao estudantado dos institutos de Galicia e das zonas de fala galega fóra de Galicia. O obxectivo deste concurso é, en primeiro lugar, incentivar o uso do galego e, tamén, dar a coñecer o ILG entre a xente nova. O prazo para a participación iníciase hoxe, primeiro de marzo, e estará aberto ata o 31 de maio de 2021.

    O concurso está dirixido a alumnado que estea cursando 3º, 4º da ESO, 1º ou 2º de Bacharelato e pódese participar en dúas modalidades, individual e en grupo. Neste último caso, deberá facerse baixo a dirección ou o asesoramento dun ou dunha docente, que será a persoa de contacto e responsable do proxecto. Os vídeos que se presenten a Móvete deberán ser inéditos e orixinais e non poderán superar os 2 minutos de duración nin os 300 MB de tamaño. Os temas que se propoñen para a creación de pezas audiovisuais son ‘Móvete co galego’, ‘Conmóvete co galego’ e ‘Promove o galego’. 

     

    Proceso de selección e premios

    xurado elixirá un máximo de tres persoas e tres grupos finalistas por tema, valorando a calidade e orixinalidade da peza, así como o uso creativo das tecnoloxías e das ferramentas empregadas. De entre as tres propostas finalistas, o xurado escollerá unha persoa gañadora por cada un dos temas, tanto na modalidade individual coma na de grupo. Se as circunstancias o permiten, celebrarase un acto de entrega de premios onde se proxectarán os vídeos finalistas e se darán a coñecer os gañadores.

    O premio para o mellor vídeo individual de cada tema consistirá nun teléfono móbil iPhone. O premio para o mellor vídeo en grupo de cada tema consistirá nunha videocámara. Os restantes finalistas recibirán un smartwatch (modalidade individual) e un lote de libros (modalidade de grupo). Ademais, os vídeos serán difundidos a través das contas de Instagram e Twitter do ILG e a través da súa canle de YouTube, e a peza que obteña unha maior puntuación de acordo coas interaccións a que dea lugar ao longo de todo o concurso recibirá como premio unha tableta.

    Colaboran a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a cadea de supermercados Gadis.

    Bases: https://drive.google.com/drive/mobile/folders/1GlRMYtZaeikld4fer0uX25Wc47h1k1Il?usp=sharing


    1 de mar. de 2021

    Gañadores do certame "Vilariñas"

    Redacción.-


    Marga Pazos de Lousame, Jeferson Costa Leite de Brasil e Quique Roxíos son os gañadores da V edición do certame de micro-poesía VILARIÑAS.
    O xurado, composto polos membros da Nova Poesia Guitirica NPG resolveu despois dunha dificil análise pola calidade dos poemas presentados.

    Foron casi 90 as Vilariñas presentadas de diversos lugares do país, Asturies, Portugal, Brasil e tamén do estado nun certame que se está a facer referencial na poesía galega e que complementa ao Prémio Díaz Castro tamén de Guitiriz.

    O Certame Vilariñas nasceu como homenaxe ao poeta do Vilariño Xosé María Díaz Castro, o poeta das cousas pequenas, e inspirouse no seu poema A Espada que fala das herbas pequerrechiñas e o nome de Vilariñas ao seu lugar de procedencia, o Vilariño na parroquia quitiricense dos Vilares.

    O prémio  é unha peza deseñada pola artista muxián Viki Rivadulla que simboliza a unha muller galega co paxaro da inspitación na cabeza.

    O primeiro prémio foi para Mar Pazos, unha moza de Lousame reaidente en Vigo, o segundo prémio correspo de a Jeferson Costa Leite de Alegrete, no sul de Brasil e o terceiro correspondeu ao coñecido poeta de Boal en Asthries Quique Roxíos. 

    Este ano a diversidade linguística do galego-portugués viuse representada nas Vilariñas, onde as variantes idiomátjcas cinviven en armonía.

    As Vilariñas siguen a viaxar ademáis de polos diferentea rincóns do país nestas cinco edicións, tamén por diferentes lugares  do estado e mesmo alén mar, ao sul do planeta.

    Si a situación sanitaria o permite, o acto de entrega será o 13 de xuño en Guitiriz conxuntamente co Prémio Díaz Castro de poesía.

    28 de feb. de 2021

    Guadi Galego estrea o videoclip "Velutinas"

    Redacción. -

    Xa está aquí Velutinas, o novo clip de Guadi Galego dirixido por Jairo Moreno e protagonizado por Carlota Arana e Ana Oca. 

    Este tema que fala da "toxicidade vital" inclúese dentro do álbum Costuras, un disco que viaxa desde mundos asociados á súa infancia ata o presente máis duro e á vez esperanzador, onde Guadi Galego amósase tal como é.

    Actrices: Carlota Arana e Ana Oca
    Dirección: Jairo Moreno Asistente de dirección: Vera Moreno
    Producción executiva: Guadi Galego, Culturactiva S. Coop. Galega
    Timelapse: Alex Timelapse Imaxes Velutinas: Cesar Galdo
    Colaboración: Cantigas e Agarimos

    https://youtu.be/GhymO9qWnjA

    26 de feb. de 2021

    Talleres infantís de Arte Contemporánea


    Redacción. - 

    O CGAC inaugura en outubro de 2020 a sexta edición do ciclo de talleres dedicado á arquitectura contemporánea para o público infantil cuxo obxectivo é proporcionarlles aos nenos e nenas as ferramentas e as claves necesarias para interpretar a arquitectura do noso tempo a través das teorías, os proxectos e os traballos dos arquitectos e arquitectas máis importantes dos últimos tempos.

    O proxecto educativo baséase tanto na xeración de didácticas como no deseño de recursos a partir de todo tipo de materiais (madeiras, membranas, escumas, arxilas, combinados sintéticos, etc.) e exploracións no mundo inmaterial que permiten múltiples posibilidades combinatorias, formas, proporcións, xogos de equilibrio e estratexias de acción.

    Nesta edición profundarán no pensamento dos grandes pioneiros co habitual acento nas pioneiras. Viaxarán entre os manifestos de Scott Brown e as conexións arte-industria de Gropius, apoiadas en metodoloxías de educación activa e experimental. As artes aplicadas terán un protagonismo especial da man de Margaret Macdonald e a visión artística estará ligada á parella formada por Christo e Jeanne-Claude, así como á figura de Yona Friedman. Os talleres de febreiro e marzo constitúen pois o particular tributo do CGAC a dous grandes talentos recentemente desaparecidos. Por último, abordarán a práctica do codeseño baseándose nas experiencias de Stanley King e Susan Chung en Vancouver. Pechará o programa anual un taller familiar sobre o activismo artístico e o compromiso coa visibilización da infancia da man de Palle Nielsen.

     

    INSCRICIÓN
    Todos os talleres son gratuítos. As persoas interesadas poderán inscribirse, dentro dos prazos establecidos, a través do correo electrónico cgac.educacion@xunta.gal indicando os seguintes datos: nome completo e idade dos participantes, número de teléfono e enderezo de correo electrónico de contacto, e nome do taller ao que desexan asistir. Poderase inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude. As prazas cubriranse por orde de inscrición. As persoas solicitantes recibirán unha notificación por correo electrónico.

     

    PROGRAMA TALLERES INFANTÍS 2020/2021

    FEBREIRO. Christo e Jeanne-Claude. Land Art

    A intervención de edificios a escala natural

    Sábado, 27 de febreiro. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos

    Domingo, 28 de febreiro. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos

    Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 15 ao 26 de febreiro

     

    MARZO. Yona Friedman. A arquitectura móbil

    Xogos de módulos, crecementos infinitos

    Sábado, 27 de marzo. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos

    Domingo, 28 de marzo. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos

    Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 15 ao 26 de marzo

     

    ABRIL. Stanley King e Susan Chung. Codeseño

    Procesos de participación e análise crítica

    Sábado, 24 de abril. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos

    Domingo, 25 de abril. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos

    Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 12 ao 23 de abriL

     

    TALLER ESPECIAL PARA FAMILIAS

    MAIO. Palle Nielsen. Infancia e activismo

    A creatividade e a infancia como ferramenta de cambio social

    Sábado, 29 de maio. Para familias con nenos e nenas de 6 a 8 anos

    Domingo, 30 de maio. Para familias con nenos e nenas de 9 a 11 anos

    Prazas: 5 familias / Prazo de inscrición: do 18 ao 28 de maio

    O número de prazas dispoñibles para participar nas actividades do CGAC poderá variar en función dos posibles cambios normativos relacionados coa COVID-19.

    25 de feb. de 2021