Poetas Di(n)versos

Redacción. -

O luns inaugurouse a 13ª edición do Ciclo POETAS DI(N)VERSOS no espazo que a vira nacer en 2009: a Casa da Cultura Salvador de Madariaga.

Abriron unha nova xeira de lecturas poéticas entre voces galegas e do resto do mundo o albanés Arian Leka (Poeteka Albania) e a guitiricense Luz Campello co acompañamento musical do violín principal da Orquestra Sinfónica de Galicia, Florian Vlashi.   
Estas dúas poéticas escritas en linguas de tres millóns de falantes, sempre atravesadas por unha preocupación social, namoraron a un local cheo de lectoras e amantes da poesía.        

A fundadora da Nova Poesía Guitirica e un dos máis consagrados escritores da Albania actual leron os seus poemas en lingua orixinal, no caso do último seguidas das versións galegas que nesta ocasión preparara a poeta ceense María Lado     

Puxeron o ramo a unha emocionante xornada sinaturas de libros e a moi seguida emisión en streaming: https://youtu.be/2cPUyCWUDaA.    

27 de out. de 2021

SonDaRúa na Casa do Manuel

Redacción. -

A banda de rap galega SonDaRúa estará este sábado, día 30, ás 20 horas, na Casa-Museo Manuel María, cun concerto onde soarán os temas do seu último traballo, Eterno combate.

O grupo ponteareán, formado Hugo Guezeta e Álex Arnoso ás voces e That Bass como DJ, reproduce neste novo disco de longa duración (doce temas) o seu propio estilo, que sempre bebe da ironía, da musicalidade e da tradición oral galega combinado co hip hop reivindicativo, de crítica social e política. Eterno combate, editado en 2020, contou coas colaboracións de Skandalo GZ, Navia Rivas e Ezetaerre.

https://www.youtube.com/watch?v=yMgK0xgcNT0

Para poder asistir a este espectáculo é necesario reservar (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.

Lois Pérez gaña a V edición do Premio AFP

Redacción.-

O  sábado  23  de  outubro  de  2021,  ás  17:00  horas,  reuniuse,  no  local  do  IESCHA  da  Casa da  Cultura,  o  Xurado  do  V  Premio  Agustín  Fernández  Paz  de  narrativa  infantil  e  xuvenil pola  Igualdade,  convocado  polo  Instituto  de  Estudos  Chairegos,  o  Concello  de  Vilalba  e Edicións  Xerais  de  Galicia,  e  formado  por  Dª  Iria  Misa  Peralba,  D.  Manuel  Bragado Rodríguez  e  D.  Xosé  Lastra  Muruais.  Unha  vez  rematada  a  reunión  emiten  o  seguinte DITAME:    O  Xurado  acorda,  por  unanimidade,  outorgar  o  V  Premio  Agustín  Fernández  Paz  de narrativa  infantil  e  xuvenil  pola  igualdade  á  obra  titulada  A  GRUTA  DA  TORRE presentada  baixo o lema  ou seudónimo de  UN  PESO  SEMPRE  SE  GASTOU. Unha  vez  aberta  a  plica, resultou ser o  seu  autor   LOIS  PÉREZ  DÍAZ O  xurado  salienta  da  obra  gañadora  o  interese  da  trama  que  se  desenvolve  no  verán  de 1990  en  Ribadeo  en  espazos  recoñecibles  así  como  polo  seu  carácter  como  historia  de formación  protagonizada  por  un  grupo  diverso  de  rapaces  e  rapazas  que  emprenden unha  viaxe  de  descuberta  seguindo  o  fío  das  viaxes  nos  libros  e  na  memoria.  Escrita  con mestría,  empregando  diversos  recursos  e  rexistros,  a  novela  mantén  un  pulso  narrativo que  non  decae. DITAME  DO XURADO DO V PREMIO AGUSTÍN  FERNÁNDEZ  PAZ  DE  LITERATURA  INFANTIL  E  XUVENIL  POLA  IGUALDADE-23-10-2021 


25 de out. de 2021

Entresoños chairegos, cabana e trasmundo

Redacción.-

O contador de historias e escritor, Lois Pérez, estará este sábado, 23 de outubro, ás 20 hrs, na Casa-Museo Manuel María cun espectáculo de narración oral especial elaborado para a ocasión, Entresoños chairegos, cabana e trasmundo.

A sinopse do espectáculo é o seguinte: "O caos é a orde natural do mundo: teno pensado algún cando lle barreron os dentes. O contador de historias Lois Pérez procura conservar os seus e atraca co seu discurso terrachaísta este sábado na Casa-Museo Manuel María. Malia a carencia de recursos que sempre o aflixe, pousará a mirada do humor nun feixe de historias de fasquía informe: sucedidos chairegos, novos episodios familiares, vagas influencias literarias, contos da xente -a urbana e a rural-, aventuras na emigración, un romance e un encontro -que non romance- co presidente da Deputación de Ourense e outros seres igualmente brutais da mitoloxía galega. Lois Pérez é, coma seu pai, da casa do Havanero, en Momán, Cospeito, Terra Cha, cha, cha".

Lois Pérez mestre, poeta, dramaturgo e contador de historias, ten como centro da súa actividade artística a narración oral e a escrita. Recentemente vén de participar como guionista e narrador, baixo a dirección artística da música Uxía Senlle, no documentario Acorda. Cartografía musical da memoria histórica de Pontevedra, un percurso por lugares onde habitou o silencio, o medo e a perda, poboándoos de música, cancións e palabras.

O billete para asistir a este espectáculo é de 5 euros. Cómpre reservar previamente en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whataspp 698177621

A banda de rap galega SonDaRúa levará a cabo un concerto na Casa-Museo Manuel María o 30 de outubro

A Casa-Museo Manuel María vén de anunciar, así mesmo, que Hugo Guezeta, Álex Arnoso e That Bass como DJ, SonDaRúa, estarán o sábado 30 de outubro, ás 20 hrs, cun concerto onde interpretarán as cancións do seu último traballo, Eterno Combate. As entradas xa se poden reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whataspp 698177621.

20 de out. de 2021

Nace a nova TV da Costa da Morte

Redacción. -

Día histórico para a Costa da Morte e para o Fútbol da Costa este vindeiro domingo 17 de outubro. QPCtv.gal é plataforma dixital con contidos audiovisuais exclusivos para a comarca que nace da man do diario Quepasanacosta e a produtora SensorMedia.

Os suscritores poderán disfrutar de reportaxes sociais, culturais ou festeiras, pero o fío condutor desta plataforma será o Fútbol da Costa, todo un axente social que trascende o mero deporte e sempre se convirte en impulsor de iniciativas innovadoras, como son o carrusel tecnolóxico de www.futboldacosta.com ou os álbumes de cromos comarcais.

Este domingo terá lugar a primeira retransmisión en directo da historia dun partido das Ligas da Cos- ta en directo. O Corme CF- Soneira SD que se disputa no Cairo e que abre a temporada na 1a Gali- cia, emitirase, desta volta, en aberto a través da ligazón qpctv.gal. Unha emisión profesional cunha despregadura de medios que consta de 4 cámaras, realización, grafismos, locutor, comentaristas, hu- moristas...

O choque comezará as 17:00h pero dende as 16:30h conectaremos en directo co locutor Antón Les- tón, os comentaristas Alberto Pose e Óscar Leis, o humor do Dúo Minúsculo, e todo o equipo de pro- dución.
PLATAFORMA DE PAGO

A partir da vindeira semana, a plataforma será de pago, e poderedes sucribirvos en qpctv.gal a partir de 4 euros ao mes, tendo asegurando, polo menos, a cobertura en directo dun partido das 1a, 2a e 3a Galicia da Costa cada semana, ademais doutros contidos.

O proxecto nace gracias á colaboración das seguintes casas comerciais: Suministros Lar, Productos Cárnicos Domínguez, Estación de Servizo Bazarra, Rural As Eiras, Hotel O Semáforo de Fisterra e o Hotel Faro de Lariño, e Roberto Mouro Seguros Reale Baio-Santa Comba. 

18 de out. de 2021

Mazarelos estrea "Baixa á Praza"

Redacción. -

Mazarelos lanza a primeira peza do proxecto ‘Baixa á Praza’. Consiste nun ciclo de entrevistas nas que unha serie de expertas resolverán unha serie de temáticas. Cada unha está protagonizada nunha praza de Santiago de Compostela, achegando a academia ao público e o coñecemento a todas aquelas interesadas.

Nesta ocasión a invitada é Ofelia Rey Castelao, catedrática de Historia Moderna na Universidade de Santiago de Compostela. Sobre xénero, memoria e divulgación tratou a entrevista, nesta ocasión na Praza de Mazarelos. A estrea foi na canle de YouTube de Mazarelos, onde sairán o resto de entregas posteriores.

O proxecto levouse a cabo co apoio da Deputación da Coruña e do Concello de Santiago.

Ligazón a entrevista: https://www.youtube.com/watch?v=MZ58gkh0lsc 

Entrega a Iria Misa do IV Premio AFP

Redacción. -

O  Instituto  de  Estudos  Chairegos,  o  Concello  de  Vilalba  e Edicións  Xerais  de  Galicia  organizan  o  acto  de  entrega  do  IV Premio  Agustín  Fernández  Paz  de  narrativa  infantil  e xuvenil  pola  igualdade  á  escritora  gañadora,  IRIA  MISA, polo  seu  libro  A  CIDADE  DO  ÁTOMO,  que  terá  lugar  o sábado,  día  23  de  outubro  de  2021,  ás  20:00  horas,  no AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA. O  referido  acto,  presentado  por contará  coa  intervención  de presidenta  do  Iescha, CARMEN  HERMIDA , MARISA  BARREIRO ELBA VELEIRO , ,  alcaldesa  de  Vilalba; FRAN  ALONSO , director  de  Edicións  Xerais  de  Galicia; MANUEL  BRAGADO , membro  do  Xurado,  e IRIA  MISA , gañadora do  premio. Durante  o  acto  irán  producíndose  distintas  actuacións relacionadas  coa  música,  coa  poesía,  cos  textos  teatrais,  coa imaxe…   Para  elo,  contamos  coa  participación  de: v BMV  ENSEMBLE ,  interpretando  o tema:  o  “Non hai noite  tan  longa  para  a  Dama  da  Luz” v ESCOLA MUNICIPAL DE TEATRO ,  escenificando  a montaxe:   o  Valados v ALBA (Voz) e SOPHIA (Piano) do IES  BASANTA SILVA: o  Tres poemas de amor para Agustín cantando  e  recitando: Colaborará no acto a Asociación  de Xordos. O aforo está limitado ao 90%.   A  entrada  é  de  balde,  pero  haberá  que  reservala  con  antelación  directamente  na  Casa  da  Cultura, ou  ben  a  través  da  páxina  web  do  Concello.  Tamén  se  poderán  conseguir  o  mesmo  día  do  acto  na billeteira do Auditorio sempre e cando quedasen asentos  libres. 

17 de out. de 2021

Que sabemos do PXOM?

Redacción. -

 O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), continuando coa súa programación anual, organiza para os días 22 e 29 de outubro de 2021 senllos actos que teñen como temática común o PXOM (PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL). Baixo o título común de QUE SABEMOS DO PXOM?, estes dous actos consistirán no seguinte: • O venres 22 de outubro de 2021, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, terá lugar unha conferencia a cargo de Fátima López Souto, que leva por título “O Planeamento. Ferramenta para facer cidade”. Presentará Marisa Barreiro.  • O venres 29 de outubro de 2021, ás 20:30 horas, tamén na Casa da Cultura de Vilalba, levarase a cabo un debate entre representantes de catro partidos políticos vilalbeses: Bloque Nacionalista Galego (BNG), Partido Popular (PP), Partido Socialista (PSOE) e Vilalba Aberta (VA).  O debate estará moderado por Baruk Domínguez. Estas actividades enmárcanse na denominación xenérica de DEBATES NECESARIOS, e dan comezo a un ciclo co que o Iescha pretende ofrecer a maior información posible sobre asuntos de interese. A entrada e libre ata cubrir o aforo estipulado, téndose en conta sempre as medidas sanitarias estipuladas en cada momento

13 de out. de 2021

Xogo Revolto na Casa do Manuel

Redacción. -
Este sábado, 16 de outubro, a Casa-Museo Manuel María comeza a nova tempada de programación cultural dirixida para crianzas e público familiar cun espectáculo de monicreques, Xogo Revolto, que levará á escena Trécola Producións.

Catro amigos son os protagonistas de Xogo Revolto, cada un deles único, cunhas experiencias vividas e maneiras de entender a vida propias. Xogan e aprenden xuntos aínda que ás veces non saiban comunicarse ou comportarse como “deberan”... Unha proposta de monicreques de fío en que as crianzas se van sentir directamente identificadas desde o primeiro momento xa que o guión está baseado en situacións da súa vida cotiá.

Trécola Producións é unha compañía residente no concello de Pol, que dinamizan Ero Vázquez Cabrera e Isabel García Coldeiro, cunha proposta estética baseada nunha continua labor de creación, experimentación e de produción de obradoiro como o demostran as súas pezas máis recentes como “Tolitates”, “Gaela quere ser druída”, “Gaela de Breana no bosque animado”... Nos últimos meses están a levar por toda a provincia de Lugo “Kinetiko”, unha iniciativa do xogueteiro Manu Taboada xunto con Ero Vázquez e que consiste nun conxunto de autómatas que coa axuda dos seus mecanismos e do movemento que xeran, demostran que calquera persoa pode desfrutar dos brinquedos e dos monicreques.

Xogo Revolto vai dirixido para crianzas entre 3 e 12 anos. A entrada ten un prezo de 2 euros e cómpre reservar previamente en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.

 

"Publicar Deseño", charla de Marceo Ghio

Redacción. -

A Fundación DIDAC acolle a conferencia "Publicar diseño" de Marcelo Ghio, director editorial de Experimenta, coincidindo co IX ENAD-Encuentro Nacional de Diseño.

A charla de Marcelo Ghio xirará en torno á importancia de consolidar o pensamento teórico, a difusión da actividade profesional e o rol dos medios no seu vínculo cos colectivos profesionais.

Marcelo Daniel Ghio é director de OXB Branding (Madrid / Buenos Aires), director Editorial de Experimenta Libros e de Experimenta Magazine (Madrid), consultor en branding e xestión estratéxica de comunicación.

Esta charla enmárcase nas actividades paralelas do IX ENAD-Encuentro Nacional de Asociaciones de Diseño.

Entrada libre previa inscrición.

12 de out. de 2021

Estrea de 'Foot' hoxe en Carballo

Redacción. -

Hoxe luns 11 de outubro ás 21:00h, Pallasos en Rebeldía estrea FOOT no FIOT de Carballo. Inspirada en eventos reais, FOOT é un monólogo poético, cómico e surrealista no que un futbolista palestino conta o imposible camiño do seu equipo para clasificar á Copa Mundial. Un camiño de controis militares, exilio, corrupción e morte.

Escrita polo dramaturgo palestino-americano Ismail Khalidi, dirixida por Iván Prado e protagonizada por Fran Rei, na natureza de FOOT está a natureza da asociación galega Pallasos en Rebeldía. Isto é, sensibilizar á cidadanía desde a cultura sobre as terribles situacións que están a sufrir pobos que padecen opresión, como o palestino.

“Queremos abrir procesos de esperanza e transformación dende aquí cara eses mesmos territorios en conflito, mediante accións que entenden a arte como linguaxe universal, impulsando valores sociais e políticos a través do teatro e o circo”, afirma Iván Prado, director da peza e voceiro de Pallasos en Rebeldía.

11 de out. de 2021

Día da Ciencia en Galicia

Redacción. -

Dende este venres, día 8, “Día da Ciencia en Galiza”, e durante un mes Guitiriz  vai honrar a Ximena Fernández de la Vega, científica galega do ano, que foi médica do Balneario de Guitiriz, arredor de 1945. Unha grande investigadora na xenética e na hidroloxíam que loitou contra a discriminación da muller na universidade convertendose na primeira licenciada en medicina da Universidade de Santiago. Xermolos leva todo o ano facenco cousas, así un certame sobre a muller na ciencia no que participaron ducias de colexios de toda  Galiza que foron agasallados no XLII Festival de Pardiñas. Xa este venres o grupo folclórico Volta do Agro de Lugo (subvencionado pola Deputación) percorrerá as ruas de Guitiriz anunciando un mes de actividades protagonizado polas institucións, centros de ensino, asociacións..., e mesmo reivindicando a apertura do balneario. Xa o luns 18, no Ies Días Castro, Ana Jesús López Díaz, Coordinadora da Asociacion de Mulleres Investigadoras e Tecnologas en Galicia e profesora da Universidade de A Coruña vai falar sobre “As mulleres tamén facemos ciencia. Unha visión dende Galicia”.  O día 30, Susana Bayo Besteiro, fisica e investigadora na Facultade de Ciencias de Vigo sobre auga,, medio ambiente e sustentabilidade vai intervir na Casa Habanera de Guitiriz.

 

7 de out. de 2021

Presentación de 'A Vella Compañeira'

Redacción. -

Presentación o sete de outubro ás 19: 30h de A Vella compañeira de Anxo Lugilde que conversa ca escritora Antía Yáñez na libraría Moito Conto, de A Coruña. 

Acto presentado polo co-director de Luzes, Xosé Manuel Pereiro.

Organizada pola Fundación Luzes en colaboración ca libraría Moito Conto.

5 de out. de 2021

'Sexo e silencio' na Fundación DIDAC

Redacción. -

Ignacio Castro Rey presentará en DIDAC Sexo y silencio, un libro que reivindica a sexualidade e a liberdade como unha sorte de refuxio ante as imposicións sociais, políticas e culturais.

“A pesar da deserotización producida pola hexemonía política e informativa, a pesar dos ríos de tinta vertidos sobre a sexualidade, pouco se pode dicir que estea á altura dos praceres da carne, das súas mil delicias compartidas”.

Ignacio Castro Rey é filósofo, crítico de cine e arte, xestor cultural e profesor.

O autor estará acompañado por Lucía C. Suárez, historiadora da arte, e Javier Turnes, profesor de filosofía.

29 de set. de 2021

"Guerrilla" en Pontevedra

Redacción. -

Hoxe presentouse Guerrila no Teatro Principal de Pontevedra e no Pazo de Mugartegui. Un evento que por primeira vez encherá a vila de artistas referentes da cultura máis comprometida e social, como Marwán, Leo Bassi ou a banda estadounidense The Last Internationale, o 7, 8 e 9 de outubro.

“Guerrilla nace para perseguir a utopía a través da cultura. Unha cultura comprometida, alternativa, revolucionaria, de resistencia e accesible a todo o mundo. En definitiva, unha cultura guerrilleira”, afirma Nacho Fungueiriño, coordinador desta iniciativa impulsada polo Concello de Pontevedra e Culturactiva S. Coop. Galega. Ademais, dende a organización destacan que Pontevedra é o lugar perfecto para acoller este proxecto, pois a vila é un exemplo de resistencia a nivel cultural e social en Galicia.

Nesta primeira edición, Guerrilla terá como protagonistas dos faladoiros a Marwán, Iván Prado, Manuel Gago, Eva Mejuto, Montse Fajardo e María Xesús Escudeiro, que conversarán sobre a resistencia galega na II Guerra Mundial, a loita antifranquista en Pontevedra ou a poesía como motor de cambio. Pola súa banda Vero Rilo ofrecerá un espectáculo de narración oral sobre “Historias de amor, vida, guerra e case morte”. Os pratos fortes chegarán a partir das 21:00h coas actuacións do cómico italiano Leo Bassi, o cantautor e poeta Marwán e a banda neoiorquina The Last Internationale.

O obxectivo: pór en valor as loitas sociais e culturais históricas que se artellaron no noso país e demostrar que non están mortas. Guerrilla é o vivo exemplo de que dende todos os recunchos de Galicia e do resto do mundo estanse a facer pequenas accións culturais para construir unha sociedade xusta para todos e todas.

Hectómetro literario a Fernán Vello

Redacción. -

Ás doce no Muíño do Rañego, táboa redonda sobre a obra do poeta e editor Miguel Anxo Fernán-Vello, coa participación de Teresa Sara, Xulio López Valcárcel, Luz Campello e Xulio Xiz. 
Percorrido polo Paseo dos Soños ata o XIV Hectómetro Literario e xantar (para apuntarse teléfono 646413890).

Convocan Asociación Xermolos e Irmandade Manuel María.

Concerto e roteiro polo Miño

Redacción. -

Un concerto de Jásper e Nébeda e un roteiro pola contorna do Miño son as próximas actividades que este sábado, día 2 de outubro, levará a cabo a Casa-Museo Manuel María.

As actividades comezarán ás 11.30 h na Casa-Museo, deslocándose logo á igrexa parroquial de Cela, lugar de onde sairá o roteiro que percorrerá nun dos seus tramos a ribeira do río Miño. Dinamizado polo estudoso e divulgador do patrimonio chairego, Orlando Viveiro, o percurso da andaina é circular, de dificultade baixa e cunha duración de unha hora e cuarto aproximadamente.

Pola tarde, contra as 17 h, na horta da Casa-Museo Manuel María decorrerá o concerto de Jásper, voz e guitarra de NAO, e a cantareira e pandeireteira, Nébeda. Os dous músicos presentarán nun novo proxecto que están a traballar nos últimos tempos en que lembran a canción protesta galega, xunto a composicións propias, desde un estilo tradicional.

Ambas as dúas actividades son gratuítas. Para cada unha delas é imprescindíbel facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.

Por outra parte, a Casa-Museo Manuel María informa do seu novo horario de inverno, a partir deste mes de outubro e até o mes de abril incluído, para todas aquelas persoas que a queiran visitar e coñecer a figura, a obra e o legado de Manuel María. A casa natal do escritor da Terra Chá poderá ser visitada os sábados de 11 a 14 e de 16.30 a 19.30 e os domingos de 11 a 14. Recoméndase, por motivos de aforo, chamar previamente ao 698177621.


VI Trapeiro de Honra a Man Castro

Redacción. -

O vindeiro sábado día 2 de outubro, a AC Xermolos, a Asociación socio-cultural Lareira de soños e o grupo poético NPG Nova Poesía Guitirica coa colaboración do Concello de Guitiriz, organizan a homenaxe ao poeta dos Vilares Xosé María Díaz Castro polo 31 cabodano do seu pasamento. O acto, terá lugar no cimeterio de Guitiriz ás 18:30 coa intervención de Alfonso Blanco, Xulio Xiz e Antón de Guizán. A poeta da NPG Nova Poesía Guitirica María Xosé Lamas recitará um poema dedicado a Díaz Castro.

Ao remate da ofrenda ao poeta, na Igrexa Vella de Guitiriz, terá lugar a entrega do VI Premio Trapeiro de Honra ao xornaliata de peixes vilaregas Germán Castro Tomé. Neste acto intervirán Pastora Veres, Alfonso Blanco e Xulio Xiz ademáis do homenaxeado Man Castro. Teremos tamén um recital da NPG Nova Poesía Guitirica que celebra neste día 6 anos de existencia e actuará o grupo poético musical Corredores de sombra.

O acto é aberto ao público até completar o aforo e coas medidas sanitárias do COVID.

27 de set. de 2021

A outra metade

Redacción. -

A fundación DIDAC presenta a exposición "A outra metade. A muller na historia do deseño" e un libro homónimo escrito por David Barro. No marco da mostra, o director editorial de Experimenta, Marcelo Ghio, impartirá a conferencia "Publicar diseño" coincidindo co IX ENAD-Encuentro Nacional de Diseño.

Do 28 de setembro ao 24 de outubro de 2021 A outra metade. A muller na historia do deseño fai un percorrido histórico dende unha óptica internacional, aínda que atendendo especialmente ao caso galego, un enfoque inédito que permitirá descubrir algúns nomes esquecidos e abrir novas portas ao relato do deseño galego. Un deseño entendido desde un sentido amplo, no que se cruzan tamén a artesanía e a arte contemporánea. 

Sábado 16 de outubro ás 17 h. Conferencia de Marcelo Ghio, director editorial de Experimenta, na Fundación DIDAC
"Publicar diseño" é o título da charla de Marcelo Ghio, que xirará en torno á importancia de consolidar o pensamento teórico, a difusión da actividade profesional e o rol dos medios no seu vínculo cos colectivos profesionais. 
Marcelo Daniel Ghio é director de OXB Branding (Madrid / Buenos Aires), director Editorial de Experimenta Libros e de Experimenta Magazine (Madrid), consultor en branding e xestión estratéxica de comunicación.
Esta charla enmárcase nas actividades paralelas do IX ENAD-Encuentro Nacional de Asociaciones de Diseño.

25 de set. de 2021

Historias no Camiño

Redacción. -

O libro «Historias no Camiño» foi presentado o pasado xoves 23 de setembro nun acto celebrado na Delegación de la Xunta en Vigo. 

O responsable da Editorial Elvira, Javier Romero, agradeceu a aposta da Xunta e do Xacobeo por este proxecto, para el moi especial xa que “sempre pensei que o Camiño sitúa a Galicia no globo terráqueo”. E destacou que «Historias no Camiño» é moito máis cun libro, proxecto no que estiveron involucradas máis de 50 persoas. 

O libro recolle doce historias acompañadas por doce ilustracións de artistas gráficos galegos novos, que fan a súa propia interpretación dos relatos. Pero non pensemos que é so un libro. Conta cunha presentación moi atractiva: un contedor realizado en papel kraft no que se inclúe o libro, unha guía moi completa e orixinal do Camiño cuns mapas absolutamente diferentes, un chuvasqueiro e algunha sorpresa máis, directamente relacionado co Camiño de Santiago. 

No acto participaron a delegada da Xunta de Galicia, Marta Fernández-Tapias; o responsable da Editorial Elvira, Javier Romero; o xornalista e membro do xurado, Jacobo Buceta e a María Jesús González, que fixo unha pequena lectura do seu relato. Tamén acudiron á presentación Juan Segade, de Compos Tours (autores da guía) e Sofía Iglesias e Fernando López, de Xiralúa Estudio Creativo (creadora dos mapas).


Os 12 relatos: 
• «Os fillos pequenos» de María Jesús González Rodríguez 
• «Polisemia» de Isabel M. Portela 
• «Castigo divino» de Laura Novelle López 
• «As criadas das hospedaxes» de Mª Cristina Rey Vázquez 
• «Antes» de Eduardo Rodríguez Saiz 
• «Récord do mundo de abrir iogures e o eterno estudante» de Ángel Alonso e Fany Pérez 
• «Secunda inventio» de Daniel Pereira Fernández 
• «Océanos de area» de Marcos Dios Almeida 
• «As rutas meigas do inverno» de Paula Palacios García 
• «Tan preto da eternidade» de Mario Paz González 
• «Caderno de pedras» de Beatriz Dourado 
• «Da marca do lume» de Eilún Del Pazo Moa

24 de set. de 2021