Adeus a "Mincho" Villar


Moncho Paz. -

As Letras Galegas están de loito. Foise Mincho. Falar de Domingo Villar, finado hoxe aos 51 anos debido a unha hemorraxia cerebral fulminante, é falar da ría de Vigo e da novela negra como xénero literario, por nacemento e por vocación. Nado na cidade olívica en 1971, o seu vencello coa urbe non foi só por familia, senón tamén por propia elección, como escenario de enredos e intrigas. Domingo exerceu sempre de “vigués universal”, aos catro ventos.

Autor dunha triloxía de éxito, que comezou en 2006, cando publicou o seu primeiro traballo 'Ollos de auga', foi realmente co segundo, 'A praia dos afogados' (2009) cando se consagrou no panorama estatal e internacional da novela negra, acadando un gran éxito en vendas e de crítica. Tras un parón de varios anos, asociado fundamentalmente ao pasamento do seu pai, en 2019 saiu do prelo 'O último barco', título da súa derradeira novela publicada. Nesta obra recupera a figura do inspector Leo Caldas como protagonista, un personaxe que -ademais da súa profesión de policía- tamén amosaba a súa paixón polo mundo da radio. Con nocturnidade e alevosía, como ten que ser.

Domingo -Mincho para os amigos- foi un dos nomes máis importantes do país neste xénero e un auténtico supervendas… E non só dentro do territorio nacional, pois tanto 'Ollos de auga' como 'A praia dos afogados' foron traducidas a máis de quince idiomas, levando as rúas da súa prezada Vigo natal máis aló das nosas fronteiras. En 2014 realizouse a adaptación ao cine de 'A praia dos afogados', dirixida por Gerardo Herrero, que contou con localizacións en Vigo, Nigrán e A Garda, así como cun reparto de actores no que atopamos a Carlos Blanco, Tamar Novás ou Marta Larralde.

Domingo autodefiníase como “pesimista alegre”. Grazas ás súas obras, recolleitou un gran número de recoñecementos, como o Novelpol en dúas ocasións, o Antón Losada Diéguez, o Premio Sintagma, o Premio Brigada 21, o Frei Martín Sarmiento ou o Libro do Ano da Federación de Libreiros de Galicia. Tamén foi finalista doutros importantes galardóns como os Crime Thriller Awards e Dagger International no Reino Unido, do premio Le Point du Polar Européen en Francia e do premio Martin Beck da Academia Sueca de Novela Negra.

Paradoxos da vida, hai un par de meses Domingo Villar recibía na súa cidade natal o título de Vigués Distinguido, por unha traxectoria literaria na que Vigo sempre estivo nun lugar moi especial; mais o seu maior recoñecemento, sen dúbida, foi a súa lexión de lectores -entre os que me inclúo- e o gran éxito co que encandilou ao público como autor. Un grande das nosas letras que hoxe nos deixou sen previo aviso. DEP, Mincho. Ata sempre e boa viaxe!!!

19 de maio de 2022

Premios Vilarinhas 2022

Redacción. -

Teresa Ríos, Fran Fernández Davila (TOMO) e Maria Álvarez Landesa (MALANDESA), Premios Vilarinhas 2022, na sua VI edición.

Os premiados foron comunicados este 17 de maio, Dia das Letras Galegas e recibirán os premios no acto de clausura do II Festival de Poesía Guitirica conxuntamente coa entrega do Premio Diaz Castro de poesia o próximo dia 3 de xullo na Casa Habaneira de Guitiriz.

Todas as Vilarinhas participantes encheram este ano as farolas de Guitiriz como pare das actividades do Festival de Poesía Guitirica.

@s  premiados recibirán  unha figura xa clásica da autoría da artista muxian Viki Rivadulla que representa a unha muller galega con un paxaros na cabeza. Cada unha das pezas é feita a man e ningunha é igual a outra, polo que cada peza é única.
As Vilarinhas, consolidadas na sua sexta edición, constituen unha orixinal mistura de micro poemas con imaxe que se están a convertido nunha espécie de haikus á galega.
Inspiradas no nome do lugar de peixe do poeta Diaz Castro nos Vilares e no seu poema Esmeralda, as Vilarinhas son unha homenaxe anual ao noso poeta de referencia, o poeta das cousas pequenas, como pequenas e humildes son as Vilarinhas.

17 de maio de 2022

Ten futuro o rural?

Redacción. -

O  Instituto  de  Estudos Chairegos (IESCHA), continuando  coa  súa  programación  anual, organiza  para  os  días  20  e  27  de  maio  de 2022  senllos  actos  que  terán  como  temática común O RURAL.  Baixo  o  título  de  “TEN  FUTURO  O  RURAL? HAI  ALTERNATIVAS?”,  levaranse  a  cabo dúas  CONFERENCIAS nas seguinte datas: O  venres  20  de  maio  de  2022,  ás  20:30 horas,  na  Casa  da  Cultura  de  Vilalba,  terá lugar  a  conferencia  a  cargo  de ANTONIO OCA  FERNÁNDEZ,  ENXEÑEIRO  TÉCNICO AGRÍCOLA. Presentará  o  acto  XOÁN  CARRETERO  LÓPEZ O  venres  27  de  maio  de  2022,  ás  20:30 horas,  na  Casa  da  Cultura  de  Vilalba,  terá lugar  a  conferencia  a  cargo  de JOSÉ MOURIÑO  CUBA,  ENXEÑEIRO  TÉCNICO AGRÍCOLA  e  LICENCIADO  EN  CIENCIAS BIOLOXICAS. Presentará  o  acto  ALFONSO  BAAMONDE FERNÁNDEZ DEBATES  NECESARIOS,  que Estas  actividades  enmárcanse  na  denominación  xenérica  de deron  comezo  xa  o  pasado  ano  coa  temática  do  PXOM,  e  con  eles  o  Iescha  pretende  ofrecer  a maior  información  posible  sobre  asuntos  de  interese. A  entrada  e  libre  ata  cubrir  o  aforo  estipulado,  téndose  en  conta  sempre  as  medidas  sanitarias estipuladas en cada momento. 



Actividades na Casa das Insuas

Redacción. -

O próximo fin de semana ven cargado de actividades na Casa das Insuas.

O sábado 21 de maio, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00, teremos na Casa das Insuas un Obradoiro de Revoco con barro, sendo unha xornada eminentemente práctica para aprender a realizar os nosos proxectos de bioconstrución. O obradoiro é de balde pero é preciso anotarse.
O domingo 22 de maio de 10:30 a 18:00 realizaremos unha saída ó campo para a busca e observación de anfibios e réptiles na Reserva da Biosfera Terras do Miño. Desprazarémonos en vehículos propios a diferentes zonas húmidas da Reserva e fará falla roupa e calzado de campo e bebida e comida de campo.

Podes inscribirse na páxina web da AGCT: https://www.custodiadoterritorio.org/actividades e máis información en custodiaterritorio@gmail.com ou no 670-51.48.88 (revoco de barro) ou 630-94.82.93 (observación anfibios e réptiles).

(Algunhas) Cousas de Castelao

Redacción. -

(Algunhas) Cousas de Castelao é a nova obra de Culturactiva Producións e a Asociación Avante, que se estreará o vindeiro 20 de maio ás 20:30h no Centro Cultural Fernando Casas de Novoa de Sigüeiro. Unha peza que pasea polo drama e a comedia e que é un achegamento ao humor do xenio de Rianxo. O espectáculo está producido por Artefeito Producións e conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Un elenco encabezado por actores e actrices da Asociación Avante aos que se suman Isabel Risco e Fran Rei, converten esta peza teatral nunha reivindicación do teatro como ferramenta de inclusión. “Todo o mundo ten dereito a participar na cultura, non só a destrutala, tamén a creala” afirman dende Culturativa Producións. “Os proxectos como este, que normalizan e dan visibilidade á diversidade funcional, non deberían ser unha novidade senón unha normalidade”.

11 de maio de 2022

Do caso Matesa a vender cervexa

Moncho Paz.- 

No decenio de 1960, España viviu varios procesos de transformación sociolóxica. Entre eles, a transición do viño á cervexa, pasando da tradicional cultura tabernaria propia dos pobos e grandes vilas á cultura de bar característica das cidades. De feito, a produción cervexeira multiplícase por catro no conxunto do Estado: de trescentos corenta millóns de litros en 1960 a mil douscentos millóns en 1970, un incremento por riba da media europea. Atendendo a este contexto histórico, hoxe lembramos que hai exactamente medio século Manuel Fraga Iribarne pronunciaba unha interesante conferencia en Madrid, ante a asemblea da Asociación Española de Técnicos de Cervexa e Malta, onde explicaba -repleto de razón e de argumentos- que o sector da cervexa era o máis industrializado entre todos os das bebidas refrescantes. A súa maxistral intervención levaba por título “A economía do sector cervexeiro” e sobra dicir que o orador recibiu unha salva de aplausos por parte do afervoado público que asistiu ao evento. 
Pouca xente sabe que Fraga era daquela o director xeral de El Águila, compañía fundada en 1900 en Madrid e unha das máis consentidas pola ditadura. Aterrou no despacho da empresa cando deixou a xefatura do Ministerio de Información e Turismo en 1969 como consecuencia do caso Matesa, que estalou no mes de xullo e foi un dos maiores escándalos do final do franquismo, impactando de cheo no seo do goberno; para moitos historiadores, significou o comezo da fin do réxime. Coincidiu que naquelas datas, ademais, Franco designara oficialmente a Juan Carlos de Borbón como sucesor, noticia recibida con gran pesar polo Conde de Barcelona, que seguía a ser o xefe da Casa Real no exilio.
Podemos afirmar sen tapullos que a verdadeira transcendencia do caso en cuestión foi a súa repercusión política. O ditador, na súa liña habitual, non lle deu moita importancia ao principio, ollando cara a outro lado como de costume. Fraga era o principal representante dos azuis, un sector do goberno afín á Falanxe que non quería perder poder, enfrontado internamente cos tecnócratas, vencellados ao Opus Dei, que lograran gañarse a confianza de Franco pola súa participación no deseño do Plan de Estabilización de 1959 e nos posteriores plans de desenvolvemento que fixeron posible a milagre da recuperación económica durante a década prodixiosa.
O “león de Vilalba”, fiel ao seu carácter arroutado e colérico, non dubidou en utilizar ao seu favor os medios de comunicación do Movemento e, ao amparo da Lei de Prensa e Imprenta de 1966 que el mesmo impulsara, permitiu tratar o asunto cunha liberdade que deixou sorprendidos até aos máis adeptos ao réxime, coa finalidade de que o escándalo pasase factura política aos seus opoñentes; pero non calculou ben a xogada e acabou cesado fulminantemente nas súas funcións polo ditador, quen decidiu perdelo de vista durante unha longa tempada, encargándose persoalmente de mandalo a exercer a actividade privada lonxe do Pardo. Ademais de Fraga, que pasou a traballar en El Águila ate 1973 e logo foi enviado de embaixador a Londres, tamén foi depurado José Solís Ruiz, coñecido popularmente como “O sorriso do réxime”, que ocupaba a Secretaría Xeral do Movemento.
Experto en operacións propagandísticas, axiña fixo uso das súas influencias e encargouse de “recomendar” sen demora a venda preferente da súa marca ao eido turístico e hostaleiro. O slogan da campaña publicitaria do produto era sinxelo: “Se beben más”. Contaba o meu pai que un día de agosto de 1971, pouco antes do nacemento do meu irmán Mario, entrou apresurado no cafetería que tiñamos en Vilalba o Arturo do bar Submarino preguntándolle: “Ramón, ti tamén a recibiches?”. Referíase a unha carta comercial enviada dende Madrid e asinada polo director xeral de El Águila, convidando a ofrecer a súa marca de cervexas fronte a outras que se consumían no momento, como Estrella Galicia, San Miguel, Skol ou El Alcázar, esta última fundada en Jaén polos membros da familia Puga, que se establecera en Andalucía a finais do século XIX procedente de Lugo.
Tras o seu cesamento como ministro de Información e Turismo do goberno franquista, cargo que ocupou entre 1962 e 1969, Fraga recibiu en 1970 unha calorosa homenaxe en Vilalba por parte dos seus acólitos, promovida polo daquela alcalde Suso Gayoso. Para xustificar o acto, decidiron que sería un multitudinario agradecemento da veciñanza pola posta en marcha do Parador de Turismo, inaugurado en 1967 na Torre da Homenaxe do castelo dos Andrade. A consigna era clara e directa: “Mañá non pode quedar ninguén na casa”. Con tal motivo, organizouse un evento masivo de recoñecemento á súa figura, colocando o busto de bronce que aínda hoxe preside os xardíns da Alameda na capital chairega e que durante todo este tempo sufriu unha morea de atentados, chegando incluso a desaparecer e ser substituído por outro similar durante a derradeira etapa de Agustín Baamonde ao fronte da alcaldía. Cousas veredes...
A vida da moitas voltas. Fraga chegou á presidencia da Xunta de Galicia en febreiro de 1990. Eu daquela traballaba na Redacción de El Progreso en Lugo, tarefa que compaxinaba coa miña carreira de xornalismo na Facultade de Ciencias da Información en Madrid. En 1991 tiven a oportunidade de marchar a Cuba como reporteiro, acompañando á delegación de alcaldes galegos que percorrería a illa caribeña, nunha especie de acción política e mediática a xeito de sobremesa tras a visita oficial de Fraga en setembro daquel mesmo ano. Ao meu regreso, coñecedor de que eu era de orixe chairega e tamén estivera na perla do Caribe coa representación de mandatarios municipais da nosa terra, coincidimos nas xornadas de Comunicación Interdepartamental que a Xunta de Galicia convocaba cada ano en Vilalba. Diante de varios compañeiros da prensa preguntoume: Señor Paz, que tal lle foi en Cuba? Ao que respondín: “Moi ben co Galego Fernández, presidente. E a cervexa Hatuey está moi boa, mellor que a Cristal. Por certo, ademais do tradicional Cuba Libre, comprobei que teñen por costume pedir nos hoteis un combinado coñecido popularmente como Presidente, composto por unha medida de vermú vermello, medida e media de ron branco, varias gotas de granadina e un par de cubiños de xeo”. Quixen evitar calquera polémica. Coido que entendeu ben a mensaxe, pois asentiu cun sorprendente xesto -mestura de sorpresa e complicidade- e deu a cháchara por rematada. 
Voltando á súa etapa cervexeira, e unha vez que Fraga deixou as súas funcións como director xeral de El Águila para regresar á política, o grupo holandés Heineken adquiriu un terzo das accións da compañía. E en 1985 pechou a súa fábrica madrileña na rúa Xeneral Lacy, quedando o edificio sen uso ate a súa posterior remodelación como Biblioteca Rexional Joaquín Leguina. Asemade, comezou un proceso de centralización da produción nas plantas de San Sebastián de los Reyes e de Cuart de Poblet, vendendo algunhas das outras fábricas ou simplemente pechándoas. No ano 2000 fusionouse co grupo Cruzcampo, adquirido na súa totalidade por Heineken. Finalmente, en 2019 a compañía decidiu relanzar, con notable éxito, a marca El Águila, inspirada na receita orixinal. Como dato curioso, dicir que a cervexa preferida dos mexicanos de Jalisco é da marca Fraga, fabricada en Yahualica de González Gallo e que na actualidade comercializa sete variedades de diferentes sabores. Ironías da vida, non lles parece?


9 de maio de 2022

Rúa da Pradia, 19

Paulo Naseiro. -

Houbo unha época na que criamos que eramos un país rico. Volver a vista atrás, cara os últimos anos do século vinte e os oito primeiros do vinteún é un exercicio moi recomendábel, sobre todo se se fai con certa visión crítica. A nosa clase política, coidando ter resoltos os problemas da xente en todos os ámbitos básicos da vida humana -sanidade, educación, vivenda...- lanzouse a unha decidida carreira para “poñernos no mapa” mediante as máis fantásticas construcións: auditorios, centros de interpretación de cousas varias -nunca entendín o concepto-, museus, estadios deportivos, paseos marítimos e fluviais, aves, aeroportos... unha festa.

Chegou a crise e rematou aquela festa. As cousas que construímos maiormente cos cartos de Europa -cos cartos de europeus máis ricos ca nós, habería que dicir-, quedan aí, moitas veces como mudas testemuñas daqueles días de viño e rosas.

Cando políticos e arquitectos de sona brindaban por un futuro esplendoroso (“tal obra colocará a Cuspedriños no mapa”, como se un cartógrafo precisase de tal referencia) nin uns nin outros repararon en que aqueles cascaróns, unha vez en uso, ían ser caros de manter, grazas en moitos casos a arquitecturas “de avangarda” pouco dadas a pensar na sustentabilidade. Tampouco ninguén pensou en que habería que darlles algún contido que xustificase tales investimentos, nunha estrana inversión da secuencia habitual: primeiro a forma, despois a función. Un par de aeroportos sen avións e mailo caso absolutamente kafkiano da nosa Cidade da Cultura son exemplos acaídos do que digo: ti pon aí un edificio, canto máis revirado mellor, que logo xa veremos para que serve.

Véñenme a fío estas reflexións mentres agardo por alguén na Alameda vilalbesa ollando cara o cascarón baleiro que teño enfronte, o edificio de catro alturas situado no número 19 da Rúa da Pradia que viu nacer a Manuel Fraga, e que parece durmir o sono dos xustos logo dunha custosa reconstrución. 

Despois do falecemento da tía Amadora, a última habitante do vello caserón, e mentres Fraga exercía aínda como presidente da Xunta, alguén pensou que habería que salvar o inmoble do deterioramento e máis da especulación urbanística. Unha louvábel intención. Para levar adiante a idea constituíuse unha fundación con nomes de moitas campanillas (Ana Pastor, Robles Piquer, Feliciano Barrera, Fernández Albor, Mariano Rajoy, Ramón Villares, Romay Beccaría, Martín Villa, Abel Matutes, Villar Mir...) que buscou o financiamento preciso para adquirir a propiedade á familia Fraga en case medio millón de euros, con importantes aportacións das desaparecidas Caixa Galicia e Caixanova (aquelas mesmas nas que Méndez-Gayoso facían e desfacían, e que remataron como remataron) e os bancos Santander e Pastor. 

Dende o ambicioso proxecto inicial, as limitacións da norma urbanística  que impediron edificar na horta da finca e as máis importantes, as pecuniarias que impuxo a nacente crise económica, o realizado coa aportación final da Fundación Villar Mir quedou nunha discutible reinterpretación da edificación que garda pouco do espírito orixinal. 

Finalizada a reconstrución e inaugurada convenientemente a finais de 2011, aí ficou todo o impulso e aí segue un edificio baleiro -outro máis- e despoxado de función algunha. Alén das vagas intencións manifestadas pola Fundación (“será un centro de estudos de dereito político”, “albergará o arquivo e a biblioteca de Fraga para que sexan estudados por expertos”, “será un centro intelectual importante en Vilalba”) o proxecto semella varado polas mesmas dúas razóns que coñecemos: a económica -non están os tempos para festas, xa non existen as caixas e as administracións teñen moito onde meter os cartos- e o contido do proxecto en si mesmo ou, máis ben, a falta del, unha eiva evidente desde a xestación da idea.

Manuel Fraga foi, sen dúbida, un dos políticos máis importantes da segunda metade do século XX en España, pero non pasará á historia como teórico da ciencia política, máis alá dun par de conceptos -aquel da mayoría natural fortemente emparentado coa maioría silenciosa de Richard Nixon ou a administración única que ninguén soubo explicar xamáis-. Parece difícil atraer unha masa crítica de investigadores que rendabilice o investimento ao sancta santorum dun Fraga que, alén da súa dimensión de símbolo, semella esquecido até polos seus correlixionarios apenas dez anos despois da súa morte. Tampouco creo que a simple recreación museística en torno á memoria do patrón da dereita poda darlle moita vida ou, como mínimo, ingresos suficientes para sustentarse.

Conviría, porén, que alguén reflexione con algunha seriedade acerca de posibles usos futuros de utilidade social que, ao tempo que contribúan a preservar a memoria do noso conveciño máis coñecido, lle devolvan á sociedade algo do que investiu. Non lles parece?



7 de maio de 2022

Premios Xoán Vicente Viqueira

Redacción. -

A xornalista Ana G. Liste e a psicóloga Victoria Canosa resultaron as gañadoras en cadansúa categoría da primeira edición dos Premios de Comunicación Xoán Vicente Viqueira que convoca o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, en colaboración coa aseguradora Brokers’88(link is external). Así mesmo, o xurado fixo mención da xornalista Selina Otero así como da psicóloga Manuela del Palacio. A entrega terá lugar o 20 de maio ás 18 horas no Pazo de Rianxiño, en Rianxo, no marco do acto Achegas da Psicoloxía, que organiza a corporación colexial desde 2009.

O xurado, constituído por membros do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e representación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, destacou na categoría de do premio xornalístico a reportaxe de Ana G. Liste publicada no xornal online Praza “O impacto da tensión familiar pola COVID na infancia, o reto pendente para despois da pandemia”(link is external), pola súa abordaxe do impacto psicolóxico na poboación máis nova da pandemia, recorrendo a fontes expertas para expoñer a necesidade de recursos. Así mesmo, estimou outorgar unha mención á entrevista “Cuando alguien tenga ideas de suicidio que acuda al médico, que no espere”(link is external), publicada por Selina Otero no Faro de Vigo, a profesionais da Unidade de Prevención do Suicidio de Vigo, poñendo en valor o papel da psicoloxía e deste tipo de dispositivos para previr este grave problema de saúde pública.

Na categoría do premio de Comunicación, o xurado estimou o blog “Nunca es tarde para sentirse mejor”(link is external) como a proposta gañadora, presentada pola psicóloga Victoria Canosa, un traballo continuado de divulgación da psicoloxía, de promoción da saúde, desde a responsabilidade e a vocación de servizo público. Tamén acordou destacar a candidatura de Manuela del Palacio, destacando a entrevista emitida na Radio Galega “A orientadora Manuela del Palacio salienta a necesidade de ensinar aos cativos a seren resilientes”(link is external), polo seu exemplo divulgando o papel da Psicoloxía Educativa e os seus beneficios no coidado da saúde mental dos máis novos.

O xurado destacou a alta calidade das propostas presentadas, que foron un total de 21 traballos en distintos formatos e recollendo as distintas perspectivas da profesión publicados ao longo de 2021. Os Premios de Comunicación Xoán Vicente Viqueira son unha iniciativa coa que pretende recoñecer o labor divulgativo da Psicoloxía nos medios de comunicación social. De acordo coas bases, están contempladas dúas categorías, dotadas con 2.000 euros cada unha delas.

O Premio Xornalístico do COPG valora a contribución de xornalistas á divulgación da Psicoloxía e da profesión na sociedade a través dos medios de comunicación, mentres que o Premio de Comunicación distingue a aqueles psicólogos e psicólogas colexiadas do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia que colaboren de forma frecuente e continuada cos medios de comunicación co obxectivo de divulgar a profesión da Psicoloxía na sociedade, desde o rigor, a ética e a vocación de servizo público.

O xurado estivo presidido pola decana do COPG, Mª Rosa Álvarez Prada, e constituído por Ángel Palomino, xerente de Brokers’88; Alejandra Fernández Rodríguez, vicesecretaria e coordinadora da Comisión para a Defensa da Profesión do COPG; José Manuel Oreiro Blanco, vogal de publicacións do COPG; Concepción Rodríguez Pérez, coordinadora da Comisión de Cultura do COPG; Moncho Paz, membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; e Eliana Martíns, responsable de Comunicación do COPG.

Unha praza para Bernardo

Redacción. -

A Asociación Veciñal de Ferrol Lanuxe, presentou no rexistro municipal do Concello de Ferrol unha petición para adicar a Bernardo García Cendán a nova praza creada ao final da rúa Espartero, nas inmediacións da antiga Fábrica de Lapis como consecuencia da reurbanización da zona.

A idea xurdiu, como explica o devandito escrito, dun grupo de veciños e veciñas do barrio e é que Bernardo non foi só o cura da parroquia senón que estivo estreitamente vinculado ao día a día do barrio. 

Agora, só esperan que a proposta poida ser tida en conta e así o Concello bautice este novo espazo que, ao crearse como novo, non suporía ter que substituír ningunha outra denominación, aínda que sexa unha continuidade de Espartero.

Non é a primeira vez que desde o barrio queren homenaxear a Bernardo García e así na propia igrexa do Socorro celebráronse no seu día actos na súa homenaxe non só pola súa faceta de clérigo, senón polo seu importante labor cultural e como escritor. 

Numerosas figuras do mundo cultural da cidade e da comarca lembraron a García Cendán tras o seu falecemento, o 12 de xuño de 2012.

A publicación de "Unha alborada nova. Bernardo García Cendán", editada pola revista Encrucillada, da que García Cendán era membro activo, recolle o recordo que amigos e compañeiros trazan da polifacética figura do "cura do peirao". Nesta obra inclúense desde poemas e partituras de García Cendán até textos de Xosé Chao Rego, Xulio Xiz, Marica Campo, Manolo Regal ou Agustín Fernández Paz entre outros.

Subscríbete ao galego

Redacción. -

A Asociación de Medios en Galego, Dinahosting e PuntoGal unen esforzos neste mes de maio de 2022. Únense nunha campaña para apoiar a lingua galega e o uso da mesma na rede. Un xeito de facela útil, de facela máis digna.

A campaña permitirá que as persoas que se fagan suscritoras entre o 17 e o 31 de maio dalgún dos medios participantes (que teñan canle de suscrición), recibirán totalmente de balde un dominio .gal e o aloxamento dese dominio durante un ano. Un agarimo que está valorado en máis de 170 euros.

Contexto

Queremos aproveitar sinerxias para promover máis eficazmente o uso e presencia da lingua galega neste mundo globalizado e dominado polas novas tecnoloxías.Internet aumenta a súa penetración na sociedade. No Estado español, neste 2022, o 85,3% da poboación accede á información a través da rede. Por iso, a colaboración das tres entidades pretende contribuir a unha maior e mellor presencia do idioma galego nese novo mundo que xa é unha realidade. Extendendo os dominios .gal estaremos a fortalecer a comunidade galega, aumentando a base social dos medios en galego tamén contribuimos a unha maior fortaleza da lingua e reforzando as empresas galegas das novas tecnoloxías facemos músculo galego.

Participantes.

A lista de medios que participan nesta campaña son:

Nós Diario

Radiofusión

Tempos novos

Praza.gal

Luzes

O Sil

Revista Mazarelos

Código cero

O Barbanza

Nós TV

Ademais, apoian a campaña promocionando os seguintes medios (que non teñen suscrición): GCiencia, GaliciaConfidencia, Revista AMSGO, As Nosas, EntreNós Dixital, Revista Zona Press, Xente de Teo, Quepasanacosta, Ollaparo, Revista Pincha, Radio Estrada, Radio Fene, Lindeiros, A Trabe de Ouro, Novas do Eixo Atlántico, Foro A Peneira, Revista INviable e A Voz de Vilalba.

Presentación de 'A poeta analfabeta'

Redacción.-

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, coa Área de Cultura Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, continúa coas proxeccións correspondentes ás películas finalistas dos XX PREMIOS MESTRE MATEO (documentais e longametraxes). Nesta ocasión, tócalle o turno a outro documental, A POETA ANALFABETA, dirixido por Sonia Méndez. A proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o domingo 15 de maio de 2022, ás 20:00 horas. SINOPSE: Retrato dunha muller fascinante: Luz Fandiño, poeta, activista, feminista, nacionalista e revolucionaria. Aos seus 88 anos é unha das voces vivas da emigración galega, da que voltou pobre pero cunha fonda consciencia da súa identidade, a súa lingua e o seu xénero. Luz é testimonio vivo das realidades máis duras so século XX. Por ser muller, por ser emigrante, por ser pobre, por ser roxa. 

CANDIDATURAS XX PREMIOS MESTRE MATEO Documental Finalista            
FICHA TÉCNICA: 
Duración: 71’ 
Directora: Sonia Méndez 
Produtora Executiva: Nati Juncal Portas
Produtora: Cósmica Producións 
Directora de Fotografía: Lucía C. Pan
Montaxe: Víctor H. Seoane 
Son Directo: Javi Pato 
Posprodución de son: Javi Pato 
Mestura de son: David Machado
Posprodución imaxe: Alfonso Merino, Alfonsín Digital Lab 
Músicas: Habelas Hainas, Laura Lamontagne
Deseño de cartel: Lara Lars

A poeta analfabeta

Redacción.-

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, coa Área de Cultura Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, continúa coas proxeccións correspondentes ás películas finalistas dos XX PREMIOS MESTRE MATEO (documentais e longametraxes). Nesta ocasión, tócalle o turno a outro documental, A POETA ANALFABETA, dirixido por Sonia Méndez. A proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o domingo 15 de maio de 2022, ás 20:00 horas. SINOPSE: Retrato dunha muller fascinante: Luz Fandiño, poeta, activista, feminista, nacionalista e revolucionaria. Aos seus 88 anos é unha das voces vivas da emigración galega, da que voltou pobre pero cunha fonda consciencia da súa identidade, a súa lingua e o seu xénero. Luz é testimonio vivo das realidades máis duras so século XX. Por ser muller, por ser emigrante, por ser pobre, por ser roxa. 

CANDIDATURAS XX PREMIOS MESTRE MATEO Documental Finalista            
FICHA TÉCNICA: 
Duración: 71’ 
Directora: Sonia Méndez 
Produtora Executiva: Nati Juncal Portas
Produtora: Cósmica Producións 
Directora de Fotografía: Lucía C. Pan
Montaxe: Víctor H. Seoane 
Son Directo: Javi Pato 
Posprodución de son: Javi Pato 
Mestura de son: David Machado
Posprodución imaxe: Alfonso Merino, Alfonsín Digital Lab 
Músicas: Habelas Hainas, Laura Lamontagne
Deseño de cartel: Lara Lars

Homenaxe a Avelino Pousa Antelo

Redacción. -

O vindeiro sábado, 14 de maio, o CONCELLO DA BAÑA ( A CORUÑA), nomea a AVELINO POUSA ANTELO, fillo predilecto.
ACTOS A REALIZAR:

12 horas , na CASA DO CONCELLO DA BAÑA, nomeamento de AVELINO POUSA ANTELO FILLO PREDILECTO DESTE CONCELLO.
De seguido na CASA DA CULTURA DE A BAÑA, posta dunha placa conmemorativa adicada a AVELINO POUSA ANTELO.
Interveñen:
Quico Domínguez ( representante da FUNDACIÓN PENZOL)
Miguel Anxo Seixas Seoane ( FUNDACIÓN CASTELAO)
Xosé R Fandiño ( FUNDACIÓN PADROADO PEDRÓN DE OURO)
Amancio Liñares ( historiador e escritor, autor de traballos e libros sobre a figura de AVELINO POUSA ANTELO)
Cesar Ramos ( Concelleiro)
Representante do CONCELLO DE TEO
Xosé Luís Rivas ( MINI)
Membro da familia AVELINO POUSA ANTELO.

14:30  XANTAR DE IRMANDADE ( prezo 25€). DE OBRIGADO CUMPRIMENTO ANOTARSE ANTES DO DEZ DE MAIO (636032750 ou erdao@hotmail.com).

18:00 NA VELLA ESCOLA DE BARCALA/ A BAÑA: PRESENTACIÓN DO LIBRO AS PAROLADAS DE AVELINO POUSA ANTELO NA RADIO GALEGA ( ED. Valentín Arias / Amancio Liñares) 
Participan:
Alcaldes da Baña
Familia Avelino Pousa
Familia Valentín Arias
Xoán Xosé Fernández Abella ( Poeta)
Amancio Liñares




 

6 de maio de 2022

Os Viqueiras na Casa do Manuel

Redacción. -

O grupo de música tradicional, Os Viqueiras, estarán este sábado, ao serán, na Casa-Museo Manuel María para interpretar o seu repertorio, moito del cantado, cheo da esencia máis pura mais arranxado co seu toque persoal.
Os Viqueiras adaptan harmonías e empregan ritmos e percusión cun vocabulario máis amplo, proxectando nos seus concertos moita forza, alegría e ganas de bailar (https://www.youtube.com/watch?v=GphYQzTlpOg).
Manuel Viqueira (gaita), Serxo Núñez (gaita e clarinete), Alberte Núñez (acordeón), Beni Frecha e José Antonio Vázquez (percusión) son os compoñentes deste grupo que estarán ás 20 horas, o sábado 7 de maio, en Outeiro de Rei. É necesario reservar (billete 5 euros) en: contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621 

Coñece a túa provincia

Redacción. -

O  Instituto  de  Estudos  Chairegos  (IESCHA)  foi  admitido  para  participar  no  Programa  “Coñece  a  túa Provincia’2022”,  convocado  pola  Deputación  de  Lugo,  co  seguinte  CONTIDO  (sempre  suxeito  a  algún cambio): •  A viaxe  terá  lugar  o  xoves  26  de  maio  de  2022,  con  saída  dende  a  Casa  da  Cultura  de  Vilalba  ás 9,15  AM.   •  Ás 10:00 terá  lugar  unha visita  ao  Pazo  de  San  Marcos,  sede  da  Deputación. •  A continuación levarase a  cabo  o  Programa  da  Ruta  concedida:   •  RUTA 13  (TABOADA,  CHANTADA)  Visita  á  igrexa  de  San  Pedro  de  Bembibre  ou  á  igrexa  de Taboada  dos  Freires  e  visita  á  área  recreativa  de  Ponte  Mourulle  (Taboada),  visita  ao  casco histórico  de  Chantada,  igrexa  de  Nogueira  de  Miño  (Chantada)  e  a  unha  adega.   •  SERVIZOS  INCLUÍDOS: A  excursión  será  de  balde  e  incluirá  transporte,  guía  acompañante, xantar  (menú  pechado  cun  primeiro  prato,  segundo  prato,  sobremesa,  café  ou  infusión  e  as bebidas  indicadas  o  propio  día  da  excursión),  entradas  aos  lugares  de  visita  e  seguro  de viaxeiros.   •  *Recoméndase a  todas  as  persoas  participantes  levar  roupa  e  calzado  cómodo/deportivo  para  a xornada  de  excursión. Por  todo  elo,  o  Instituto  de  Estudos  Chairegos  abre  un  prazo  de  inscrición  para  socios  e  socias  do  Iescha  e outras  persoas  que  desexen  participar  na  referida  viaxe  coas  seguintes  consideracións: PROCEDEMENTO DE INSCRICIÓN •  PRAZAS CONCEDIDAS: 23 •  PRAZAS QUE SE POÑEN A DISPOSICIÓN DE SOCI@S E NON SOCI@S: 20  •  Nº DE PRAZAS RESERVADAS: 3 (PARA ORGANIZACIÓN)  •  PRAZO DE INSCRICIÓN: DO 2 AO 13 DE MAIO DE 2022 (AMBOS INCLUSIVE) •  MEDIO DE INSCRICIÓN: SOLICITUDE AO CORREO ELECTRÓNICO DO IESCHA  estudoschairegos@gmail.com  (único  medio) •  NÚMERO MÁXIMO DE PERSOAS EN CADA SOLICITUDE: 2 •  DATOS  OBRIGATORIOS  DE  CADA  PERSOA  SOLICITANTE:  NOME,  APELIDOS,  DNI  E TELÉFONO  (SE  HAI  ALGÚN  MENOR  DE  IDADE  HAI  QUE  FACELO  CONSTAR)  (TAMÉN  SE PODE  FACER  CONSTAR  ALGUNHA NECESIDADE ESPECIAL -alerxia alimentaria, etc-) PROCEDEMENTO DE ADMISIÓN •  AS  20  PRAZAS  SERÁN  ADXUDICADAS  MEDIANTE  SORTEO  PÚBLICO  ENTRE  AS SOLICITUDES  PRESENTADAS. •  LEVARASE  A  CABO  NO  LOCAL  DO  IESCHA  (NA  CASA  DA  CULTURA)  O  LUNS  16  DE  MAIO DE 2022, ÁS 18:00. •  TERÁN ABSOLUTA PREFERENCIA NO SORTEO OS SOCIOS E AS SOCIAS DO IESCHA. •  RESULTADO  DO  SORTEO  SERÁ  COMUNICADO  A  CADA  SOLICITANTE  MEDIANTE  UNHA MENSAXE AO CORREO ELECTRÓNICO USADO NA INSCRICIÓN. 

3 de maio de 2022

Microrreserva de Flora de Hórreos

Redacción. -

O Sábado 7 de maio, a Asociación Galega de Custodia do Territorio convida a todo aquel que se queira apuntar á inauguración da Microrreserva de Flora de Hórreos na Serra do Courel e que foi creada no ano 2019 por un acordo cos veciños do mesmo pobo co asesoramento dos orquidiólogos Elvira Sahuquillo e Carlos Cortizo.

A pandemia que sufrimos fíxolles adiar a inauguración, que por fin pode levarse a cabo cunha ruta, de dificultade media (5 km. ida e volta), subindo dende Visuña aproveitando para desfrutar das súas magníficas vistas, guiados polo especialista Marcos Reinoso.

É unha actividade gratuita, pero con prazas limitadas, polo que é preciso inscribirse no teléfono: 620 59 38 92.

Punto de partida: Seoane do Courel (Bar Pombo) o Sábado 7 de Maio ás 10h. Debe levarse roupa e calzado de monte, xantar de campo e auga.

29 de abr. de 2022

Xurxo Souto na Casa do Manuel

Redacción. -

O músico e escritor Xurxo Souto está a celebrar XX anos na literatura visitando algúns dos lugares con máis aquel que coñeceu grazas aos libros. Este sábado, día 30 de abril, ás 20 horas, estará na casa natal do seu amigo e “mestre”, hoxe Casa-Museo Manuel María, após recalar en Lisboa, Lugo, Pontevedra, O Barqueiro, A Coruña, Compostela...

Xurxo compartirá coa forza poderosa da súa palabra historias d’O Retorno dos Homes MariñosPangalaica e A Gran Travesía de Chiruca Macallás, así como a crónica do Amaro navegante, romaría das galegas e galegos en Lisboa que vén de celebrarse cento e once anos despois. Celebración humilde das persoas e lugares marabillosos que foron aparecendo na súa vida a través da música e os libros. No acto deste sábado acompañarao Richi Casás, director do Pardiñazo (XL aniversario do festival de Pardiñas), co que fará algunha cantarea cos sons do saxofone e do acordeón.

Entrada libre para asistir a esta actividade, mais é necesario facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

Tecendo Redes

Redacción. -

Concello de Vilalba confirma o “Tecendo Redes 2022”, tras o éxito da edición do ano pasado na que se elaborou un toldo feito a ganchillo que decorou as rúas da vila.

«Foron moitas as persoas que continuaron co ganchillo a nivel asociativo e particular, polo que entregaremos un ano máis o material preciso para que este proxecto colaborativo medre», afirman desde o concello. Tanto o fío como os aros poden recollerse por aquelas persoas interesadas de luns a venres no propio Concello de Vilalba, en horario de 10:00 a 13:00. Fóra dese horario, poderase escribir por WhatsApp ao teléfono 639946307, para recoller o material.

A iniciativa consiste en elaborar toldos a partir dos aros feitos a ganchillo polas persoas participantes, unindo as diferentes pezas confeccionadas.
Este ano ademais, o Concello de Vilalba busca ampliar as rúas nas que se instalarán os toldos, que decorarán o municipio durante o verán.

Na edición de 2021, aproximadamente cen persoas participaron nesta iniciativa. Dende o goberno local, búscase que “Tecendo Redes 2022” repita a boa acollida e o seu éxito entre a cidadanía.

A iniciativa naceu a partir dunha proposta a distintas asociacións de Vilalba, como as de Insua, Nete, Santaballa ou a Asociación Amizade; ás que se sumaron persoas de todo o municipio e mesmo doutros puntos da provincia.

24 de abr. de 2022

Bases do VI Premio Agustín Fernández Paz

Redacción. -

O  INSTITUTO  DE  ESTUDOS  CHAIREGOS,  O  CONCELLO  DE  VILALBA  E  EDICIÓNS  XERAIS  DE  GALICIA  convocan  o  VI Premio  AGUSTÍN  FERNÁNDEZ  PAZ  de  narrativa  infantil  e  xuvenil  pola  igualdade,  de  acordo  ás  seguintes   

BASES 
Primeira. Poderán  participar  todas  as  persoas  de  calquera  nacionalidade  e idade  que  presenten  narracións  inéditas  en  lingua  galega,  dirixidas ao  público  infantil  e  xuvenil,  cunha  temática    vencellada  ao compromiso  pola  igualdade  de  xénero,  raza,  nacionalidade… 

Segunda. Establécese  un  premio  único  e  indivisible,  dotado  con  3.000  euros. Esta  cantidade  está  suxeita  ás  retencións  legais  que  lle  sexan aplicables  segundo  a  lexislación  vixente. 

Terceira. A  obra  premiada  será  publicada  por  Edicións  Xerais  de  Galicia,  que se  reserva  os  dereitos  de  edición  da  obra  premiada  nos  1.500 primeiros  exemplares.  Entregaránselle  ao/á  gañador/a  30 exemplares. 

Cuarta. A  obra  terá  unha  extensión  libre  e  presentarase  encadernada,  por cuadriplicado,  en  papel  impreso  polas  dúas  caras,  tamaño  DIN  A4. Presentarase  baixo  o  sistema  de  plica,  polo  que  se  enviará  cun sobre  á  parte;  no  exterior  do  sobre  figurará  só  o  lema  e  no  interior incluirase  o  título  da  obra,  o  lema,  unha  copia  do  NIF  do/a  autor/a, o  enderezo,  teléfono  de  contacto  e  correo  electrónico. 

Quinta. O  prazo  de  presentación  de  orixinais  comezará  o  23  de  abril  de 2022,  Día  Internacional  do  Libro,  e  prolongarase  até  o  día  12  de xullo  de  2022,  sexto  cabodano  de  Agustín  Fernández  Paz. 

Sexta. 
O  xurado  estará  formado  por  tres  persoas  de  recoñecido  prestixio cultural.  Emitirá  o  ditame,  que  será  inapelable,  na  última  semana  do mes  de outubro  de  2022. O  xurado  poderá  declarar  o  premio  deserto. 

Sétima.   
A  entrega  do  premio  terá  lugar  nun  acto  do  que  se  dará  conta oportunamente. 

Oitava. 
Os  orixinais  remitiranse  a:
VI  Premio  AGUSTÍN  FERNÁNDEZ  PAZ de  narrativa  infantil  e  xuvenil  pola  igualdade INSTITUTO  DE  ESTUDOS  CHAIREGOS Praza  de  Suso  Gayoso,  1  (Casa  da  Cultura) Apartado  de  Correos  ,  nº  39 27800    Vilalba  (Lugo) 

Novena. 
Os  orixinais  non  premiados  poderán  recollelos  os/as  respectivos/as  autores/as  no  local  do  Instituto  de  Estudos  Chairegos  (Casa  da Cultura  de  Vilalba)  durante  un  período  máximo  dun  mes  despois  do  ditame  do  premio.  Os  que  non  se  recollan  nese  prazo  serán destruídos. 

Décima. A  participación  nesta  convocatoria  supón  a  total  aceptación  destas  bases. 

23 de abr. de 2022

Nova presentación de La Quinkillada

Redacción. -

La Quinkillada arranca este sábado na sala Aturuxo de Bueu unha xira de presentación que lles levará pola Coruña, Ourense, Vigo, Mos e o Festival Ouren Sound Fest. Nestos primeiros concertos presentarán os temas do seu disco debut, Gozar, Sentir, Bailar que estará dispoñible a partir deste venres 22. As entradas para os tres primeiros concertos xa están á venda en www.entradium.com

Rodri Martínez, Yago Oliveira, Suso PF, Byktor G., Daniel Acuña, Valverde e Rocío Buyo forman esta banda que naceu como resposta artística ao encerro en pandemia.

Tralo confinamento comezaron un intenso traballo de composición de temas propios con estilos dende a Rumba á Cumbia pasando por sons modernos. Gran a gran construíron este primeiro traballo que contén dez temas con gran diversidade nas letras: dende a básica desconexión de festa a poñerse serios falando dos golpes da vida. 

Outra máis é o terceiro adianto de Gozar Sentir Bailar, o primeiro disco de La Quinkillada que estará dispoñible este venres. Neste tema seguen a demostrar que son a sinerxia entre a maxia da verbena galega e a forza dun festival con toda a frescura dunha banda nova.

19 de abr. de 2022

Cento vinte anos de 'Ideal Villalbés'

Chema González Barcia.-

Era primavera en Vilalba o 13 de abril de 1902, hai hoxe exactamente cento vinte anos…

Ese home de aspecto afable que ven na fotografía que ilustra este artigo é Antonio García Hermida, un vilalbés de Sancobade nado na primavera de 1885, o sete de abril, que co tempo estableceu o seu comercio no actual número cinco da rúa García Mato. García Hermida, Toniño da Ponte para os vilalbeses de hai cen anos, din que era un home de ben, preocupado pola súa familia, pero cunha gran paixón: Vilalba.

Se teñen a ben, reparen na outra ilustración. Trátase dunha folla manuscrita, que poida que aparecese colgada nunhas poucas portas das casas daquela Vilalba de primeiros do século pasado. Trátase do primero número, e poida que único, de “Ideal Villabés”. Trátase, en definitiva, do primeiro número da pretendida primeira publicación periodística coñecida da capital chairega. E detéñanse nun nome, o que aparece case ao remate da terceira columna, o nome dun rapaz que naquel 1902 tiña dezasete anos e sentía alomenos dúas inquedanzas, a súa vila por riba de todo, e o periodismo: Antonio García Hermida.

Pero aconséllolles que sigan a reparar na reproducción de “Ideal Villalbés”, anque poida que non lles sexa moi doada a súa lectura. Cando menos, párense en certas cuestións formais… A fundamental, que baixo a cabeceira podemos ler “Año I. Nº I”, e a data do mesmo, o 13 de abril de 1902. A primavera, o mes de abril, semella que marca ao seu autor, Antonio García Hermida. E diso hai cento vinte anos…

Hai máis detalles que nos indican que García Hermida (un rapaz con dezasete anos  no ano 1902 en Vilalba!) tiña ben aproveitado o tempo que foi á escola, que non se quedou na lectura do primeiro libro e que xa tiña lido máis dun periódico. Que nos diga que o periódico é semanal e que se edita os domingos; que indique a dirección do mesmo e tamén o escribilo en columnas, demostran que o mozo sabía o que facía. Que os textos sobre “El caciquismo local” e “La higiene pública” denoten paixón xuvenil nunhas denuncias que poida que tiveran firmes alicerces non debería sorprendernos dado que o autor viña de cumplir dezasete anos. Ainda que poida que tivese amigos que lle axudaran: no breve que pecha a terceira columna fala de “…los colaboradores de este periódico…”; coido que nunca saberemos se os houbo e no seu caso quenes foron.

Semella evidente que García Hermida non rematou o primeiro número de “Ideal Villalbés” (poida que nunca se saiba cantos exemplares logrou reproducir; mesmo se houbo un número dous da publicación, ainda que a súa intención era darlle continuidade). O que sería a columna de saída da folla manuscrita quedou en branco, e nese branco escribiu o seu fillo Xosé Luis García Mato un fermoso e sentido texto: “En aquel tiempo García Hermida era un mozuelo de 17 años. Seguramente carecía de medios para imprimir nada, siquiera fuese una hoja volandera. Entonces hizo esto, que podría firmar cualquier joven de hoy. Llevaba ya en la frente un lucero y en los labios la canción. En el corazón la rebeldía. Dejó esta columna para mi, que soy su eco débil y tembloroso”. E García Mato deixa o seu nome, os seus apelidos, tentando reproducir a mesma letra que empregou seu pai para escribir os seus.
Hai cento vinte anos… Era primavera en Vilalba aquel 13 de abril de 1902… Cualificar “Ideal Villalbés” como primeira publicación periodística, como antes dixemos, non deixa de ser arriscado. Pero no que non erramos é en considerala como o antecedente das cabeceiras periodísticas que logo houbo en Vilalba. Os Grupos de Traballo do Colexio “Insua Bermúdez”, aló polo 1985, denominaron como “primavera cultural” os anos abranguidos entre aquel 1902 e 1936, non só polos numerosos periódicos publicados senón pola ampla e variada manifestación cultural que se deu na capital chairega nos eidos da poesía, do teatro, da música e ata nas celebracións do Entroido. E ningún deles se entendería completamente sen a figura de Antonio García Hermida. 

(Lis García Ferreiro, fillo de Xosé Luis García Mato e neto de García Hermida, poeta coma os seus ascendentes, entregoulle unha copia de “Ideal Villalbés” ao Colexio “Insua Bermúdez” aló polo 1984, co gallo da recolleita de prensa de Vilalba feita polos Grupos de Traballo do colexio).
Se incluimos “Ideal Villalbés”, o número de cabeceiras de prensa aparecidas en Vilalba nese período 1902-1936 ascende a dezanove; nada que envidiar a vilas coma Ribadeo, Viveiro, Mondoñedo ou Chantada, ao contrario. E Antonio García Hermida non foi alleo a algunha desas cabeceiras. De feito, colaborou en “El Eco de Villalba” (este si primeiro periódico impreso, que sacou o primeiro número o un de xaneiro de 1908), ou “Villalba y su comarca” (1915). O 25 de outubro de 1914 sacou o primeiro número da revista quincenal “Azul y Blanco”, en alusión ás cores da bandeira galega. Este proxecto foi madurando e mudou na forma e no contido: o 4 de marzo (era primavera…) de 1916 saiu o número un de “Heraldo de Villalba”, o periódico de máis longa vida de todos os que houbo na capital da Chaira antes do 36. Dende as páxinas de “Heraldo de Villalba” García Hermida defendeu os intereses da súa vila, denunciou o que estimaba oportuno e apoiou, por exemplo, a chegada do tren (o nunca construido ferrocarril entre Ribadeo e Lugo) ou a construcción do hospital (logo asilo), como se pode comprobar no número do 6 de agosto de 1920.

De novo era primavera…, neste caso en 1931. Pouco a pouco debeu ir asentándose en Antonio García Hermida un certo cansazo físico xunto co pesimismo derivado da visión que el tiña da situación política. No número 285 de “Heraldo de Villalba”, do 27 de marzo de 1931, escribiu o seguinte: “… ¡Pobre España, víctima de egolátricos conductores antes, de pasionales ensoberbecidos después, de los que van, con el criterio individualista de siempre, a buscar el triunfo de sus ideas ahora aunque para lograrlo se destroce la patria, se desmembre el territorio nacional y se hunda en tal ciénaga sangrienta el porvenir de todos…”. O 12 de abril daquel 1931, o mesmo día das eleccións municipais que propiciarían a chegada da II República, “Heraldo de Villalba” sacaba o seu derradeiro número: Antonio García Hermida entraba nunha longa noite de pedra, na que só ás veces se albiscarían as raiolas que desprendían os seus poemas para as comparsas de Entroido, e poida que outros que non coñecemos. 

O 4 de setembro de 1939 finou García Hermida na súa querida Vilalba, e finou facendo periodismo e falando da súa vila como correspondente de El Progreso. Canso se cumpren cento vinte anos de “Ideal Villalbés”, e noventa e un da desapareción de “Heraldo de Villalba”, e para non perder a memoria nin deixar que a historia se esvaeza poida fose preciso facer a definitiva recompilación da producción periodística e poética (traballo inxente, sen dúbida) de quen foi “el novio número uno de Villalba”, Antonio García Hermida.

CHEMA GONZÁLEZ BARCIA. Foi mestre no Colexio “Insua Bermúdez”.










13 de abr. de 2022

'Osmose', de Mercedes Peón

Redacción. -

O vindeiro sábado 23 de abril ás 20:30h Mercedes Peón chega ao Auditorio de Galicia co seu espectáculo Osmose, unha performance audiovisual e musical na que se acompaña das artistas Peque Varela e Laura Iturralde.

A osmose é un fenómeno físico polo que unha materia medra ou muda de densidade ao pasar a través dunha membrana. Facendo metáfora, a artista constrúe un relato crítico sobre os efectos do capitalismo nas nosas vidas.

A peza está participada e atravesada pola obra Nación, de Margarita Ledo, e as protagonistas son as traballadoras das fábricas de Pontesa e das conserveiras galegas. O público asistirá a unha intervención lumínica en directo que permitirá ás artistas improvisar, emocionar e crear unha dramaturxia sonoro-visual conmovedora.

Entradas en www.compostelacultura.gal